Animación do posible parque eólico na Serra do Galiñeiro

A árbore xenealóxica do Club Montañeiros Celtas.

Montañeiros Celtas

O 2 de febreiro de 1942 fúndanse os Montañeiros Celtas coma a Sección de Montaña do Real Club Celta de Vigo. A asociación nace da fusión do Centro Excursionista de Galicia e a Peña Excursionista Viguesa, pero ¿qué sabemos destes antepasados do Club?.

  • A primeira organización de tipo excursionista foi a de BOY SCOUTS (Exploradores de España). Principalmente practicaban cámping e marcha, con escasa actividade de montaña. Comezou a ter importancia cara ao ano 1933, e quedou en suspenso o 28 de marzo de 1938. Nesta época existían diversas peñas de amigos sen consistencia de asociación como: Fillos do Sol, Traga Aldabas e Helios...
  • O 18 de xaneiro de 1936 formouse o CENTRO EXCURSIONISTA DE GALICIA. Nos seus primeiros anos realizou actividades de deporte de montaña con certa continuidade. O 14 de xaneiro de 1940 organizou a “Primeira Marcha Provincial por Montaña”, co percorrido: Castro - San Pedro – Beade - Serra de Evade - Sal Colmado – Galiñeiro - Embalse de Vincios. Despois desta actividade queda a súa vida deportiva aletargada.
  • En 1939 formouse a PEÑA ESCULTIMO, con vinte membros procedentes dos Boy Scouts. No mes de xullo organizan un “Campeonato de las Montañas”, co seguinte percorrido: Vigo – Priegue - Outeiro Grande – Chandebrito - Monte Alba - Monte Gato-Camos – Vincios - Monte Galiñeiro - As Carneiras - Vigo. Neste campionato quedou primer clasificado o grupo “Sambrica”, seguido dos grupos Campiña, Amantes del Campo, Adelante, Kim, Calumet y Servor. No mes de agosto organiza por primeira vez en Vigo a “MARCHA DE LAS DOCE HORAS”, co seguinte percorrido: Vigo – Rande - Punta Cabalo - Monte Faro Domaio – Marín – Bueu – Beluso - Cangas (entre Rande e Punta Cabalo a nado). Parece ser que tamén organizou a “PRIMEIRA MARCHA NOCTURNA”, co seguinte percorrido: Castro - A Falcoa - As Carneiras – Pracíns - Chandebrito.
  • En 1940, cara ao seu final, comeza a ter certa actividade a SOCIEDAD GIMNÁSTICA Y DEPORTIVA EXCURSIONISTA VIGUESA, non hai datos concretos da súa actividade deportiva pero por similitude de nome pode ser PEÑA EXCURSIONISTA VIGUESA, que no mes de marzo de 1941 se unirá á FEDERACIÓN CANTÁBRICA DE MONTAÑISMO Y ESQUÍ, con sede en Palencia. A primeira Xunta Directiva é formada por: Presidente Fernando Riobó Serodio, Secretario Jose Delgado Fernández, Tesorero Jose Riobó Serodio, Vocal de Prensa e Propaganda Salvador Barral Seijas, Vocais Manuel Solto González e Miguel Moreno Cal.
  • Nese ano organizáronse excursións ao Galiñeiro, Alba, Faro Budiño, Cabo Home... En xuño realizan unha excursión ao cumio ourensán do Penagache dende Bande. Con esta ascensión a 1.238 metros, queda clasificada como a primeira sociedade de montaña de Galicia. Dous dos seus membros realizaran en xullo unha marcha de 24 horas a Santiago de Compostela. Organizan un campamento nas inmediacións da praia de Barra, e colocan unha caixa de correos na punta de Cabo Home, e outra no cume do Monte Facho de Donón. Outras excursións que organizaron foron aos cumios de A Groba e ao Aloia e un campamento ao Faro de Domaio, onde bautizaron aos grupos A,B y C cos nomes de Chamorga, Lambricana e Vicus.
  • No mes de setembro dous dos seus membros participaron na marcha das 10 horas da SOCIEDADE ESPAÑOLA EXCURSIONISTA PEÑALARA pola zona de Navacerrada, clasificándose este equipo en terceiro lugar. Neste mesmo mes o grupo Chamorga en 11 días realiza unha serie de campamentos volantes por lugares históricos: Ponte Sampaio, Soutomaior, Vilasobroso e Faro Budiño.
  • O grupo Vicus ascende ao cume do Paradanta. Como derradeira actividade da PEÑA EXCURSIONISTA VIGUESA, en novembro de 1941 organizou unha Marcha por Montaña co seguinte percorrido: Castro – Castrelos - Monte Alba - Monte Gato – Galiñeiro - San Comado - Montes de Evade – Sárdoma - Castro. Para esta actividade envíanse invitacións a grupos excursionistas de A Coruña, Santiago, Ourense e ao Centro Excursionista Gallego.
  • Parece ser que o ano 1941, o Centro Excursionista de Galicia tiña no seu seo como socios máis activos os seguintes: Antonio Navarro Lax, Vicente López, Antonio Villaverde, Jose Antonio Villaverde, Natalio Abad, Antonio Solla, Luis Rios Rei, Enrique Logo e Emilio Giráldez.



Camelias 78, Oficina K 36211     VIGO - Pontevedra
T: 986 438 505 F: 986 912 220 info@celtas.net