Boletín de Setembro de 2005

Club Montañeiros Celtas

 

Principal Información xeral Boletíns Calendarios Fotos Enlaces


 

 


VIDAS QUEIMADAS
.
Había moito tempo que Xiana non paseaba polas rúas da súa pequena aldea, aquela aldea que agora despois de tantos anos, figurábaselle moi pequerrechiña.
Tiña moi boas lembranzas de cando de cativa pasaba todo o verán correteando por entre os seus carreiros, descubrindo cada pequeno recuncho, e en cada un deles unha historia que inventar. Lembraba a Xosé, o rapaz co que compartira case todas as súas aventuras, sempre no campo buscando un grilo, ou un vagalume, ou descubrindo a pegada dalgún animal, ou saltando e brincando... Lembraba tantas cousas!, pero sobre todo lembraba os paseos co seu avó.
A imaxe do seu avó envolveu de pronto a Xiana e nese instante un sentimento de tenrura mesturouse co de tristura. Unha bágoa correulle pola meixela...
O avó. Aquel home que lle aprendera a amar á Natureza...; os paseos que facían xuntos todas as tardes amosáranlle un mundo novo e descoñecido para ela. Cando de pequena camiñaban por entre aquel souto gozaban das enormes árbores que alí había, correteaba tentando abarcalas cos seus brazos. Imposible. O avó contáralle que esas árbores tiñan moitos anos, que eran moito máis vellas ca el, e Xiana non podía imaxinar algo así, ¡coas engurras que xa tiña o avó!... Nas súas correrías aprendeulle a distinguir os paxaros: as pegas, os cucos, .. Podían pasar horas observando os seus niños, ás súas crías, aos seus pais, tentando intuír como eran as súas vidas; aprendeu a distinguir moitas árbores: o sabugueiro, o bidueiro...., soubo da xenerosidade da natureza, que ofrece todo a cambio de nada. O avó, sabía tantas cousas..!!!
Aquela tráxica tarde cando comezaron a repicar as campás da igrexa, pouco podía imaxinar Xiana todo o que ía acontecer. De pronto o souto quedara sen sons de ningún tipo, un silencio estraño, pesado e sospeitoso estendérase polo lugar, como se repentinamente todos os animais decidisen abandonar as súas goridas, os seus niños; como se de súpeto o bosque quedara baleiro e sen vida. Ao avó non lle pasara desapercibido este feito, e cando escoitou as campás soubo que algo pasaba... Unha columna de fume ascendía por entre os castiñeiros, e aquel souto que momentos antes estaba cheo de vida convertérase así, sen máis, nunha trampa mortal, unha lingua de lume avanzaba rapidamente arrasando todo o que se lle puña por diante. E despois... o desastre.
Cando Xiana espertou daquel mal soño, xa nada volveu ser o mesmo. O seu avó, o seu mestre da natureza xa non estaba, decidira marchar para sempre..., pero ademais aquel día Xiana perdeu outras moitas cousas.... xa non quedaban árbores que abrazar, nin que deran sombra nas calorosas tardes de verán, xa non había niños de paxaros, nin vagalumes, nin grilos, xa non quedaba nada..., o bosque decidira cubrirse de loito...
As lembranzas volveron de novo a Xiana, e con pena puido comprobar que a pesar dos anos transcorridos, aquel souto cheo de vida e de esplendor que coñecera da man do seu avó inda non se parecía en nada ao que nun día fora, realmente xa nunca será igual...
Marisa

A tarde do 20 de agosto o Monte Galiñeiro (701 m) sufriu a queima de toda a súa parte alta, por ámbalas dúas vertentes, dende aproximadamente a cota de 500 m (dende o noso Refuxio, que non se viu afectado) ata o seu cumio. O lume no monte é sinónimo de destrución, morte e desolación.
 

 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB


Novas do local social
.
Durante o mes de agosto, aproveitando o peche do Club por vacacións, estivemos facendo a reforma da oficina do local social. Como estaba previsto instaláronse unhas mamparas con ampla cristaleira que illan a oficina do resto do local, ademais a situación das mesas adaptouse ao novo funcionamento cara ao público e dótase dun novo e amplo armario e doutro ordenador máis. Inda non está todo rematado, pero case. Esta reforma esperamos que repercuta favorablemente no funcionamento do local social e no traballo na oficina. Por mor destes traballos este Boletín demorou a súa saída, xa que tiñamos previsto editalo no mes de agosto, pero... non se pode estar a todo.
Outra novidade é a finalidade que terán os dous ordenadores que están na biblioteca, que serán para uso dos socios, con conexión a internet de alta capacidade (de balde).
 

 

 

Productos do Club en venta: camisetas, polos, forros polares, pins, escudos...

No pasado boletín anunciabamos unhas camisetas térmicas que xa tíñamos encargadas, pois ben, por fin (despois de moitos problemas: o deseño, as telas....) xa están no Club, trátase dunha camiseta técnica a base de microfibras, que proporciona un tacto suave, dispersa a suor e as concentracións de calor corporal e un secado máis rápido da prenda, é azul e de manga curta, e ademais leva impreso o nome e escudo do Club. O prezo é de 24 euros.
Tamén temos polos (18 €) e forros polares (42 €) co escudo do Club, pins do Club (1´5 €) e escudos bordados (4 €) para coser en prendas, ademais das camisetas que fan as seccións: sendeiros, espeleoloxía... tamén temos pegatinas e calendarios (de balde).

 

Sección Infantil-Xuvenil
.
Co Campamento Infantil de Verán, que se celebrou nas illas Cíes en xullo, remata un ciclo da Sección Infantil-Xuvenil do Club, xa que os seus vocais Juanjo e Paula decidiron non continuar como responsables desta importante sección e con eles os monitores habituais tamén comunicaron a súa intención de non continuar como tales. Estas decisións foron tomadas con bastante antelación, polo que na clausura da Operación Benxamín xa fixeron anuncio da necesaria renovación da Sección. Previamente Juanjo e Paula comunicaron a súa decisión en reunión ordinaria da Xunta Directiva e unha semana despois celebrouse unha reunión extraordinaria da X.D. con Cristina López Carballal como portavoz dos demais monitores habituais (a esta reunión podían asistir todos os monitores da sección, polo que tamén estivo Maite Arocas) na que expuxo os motivos da mencionada decisión.
Dada a importancia desta Sección, Sechu (Presidente do Club), asume temporalmente a súa dirección, para a que xa conta con algúns monitores.
Convócase aos pais/nais de rapaces interesados nas actividades da Sección a unha reunión o mércores 28 de setembro ás 20.30 h, para informarlles dos obxectivos da Sección e o plan de traballo cara aos rapaces.

 

 

Tarxeta de Cumio e Parte de Ascensión

Non hai moitos anos era unha tradición moi estendida deixar unha tarxeta do Club nos cumios aos que chegaban os socios. Esta práctica, que non chegou a desaparecer, estase a relanzar dentro do noso Club grazas aos Concursos de Montaña (unha actividade que retomouse en febreiro de 2003). Hai uns poucos meses editamos unha nova Tarxeta de Cumio (reprodúcese na imaxe -a tamaño reducido- a cara dos datos, a outra cara é branca e esta destinada á sinatura dos participantes) que deste xeito estanse a converter na “pegada” do Club nos cumios do mundo aos que chegan os nosos socios.
Uns requisitos para os participantes dos Concursos de Montaña é cubrir a Tarxeta e deixala no cumio e logo realizar un Parte de Ascensión que se entrega ou envía á oficina do Club. O modelo de Parte tamén o acabamos de actualizar e pode solicitarse no Club ou ben obtelo na páxina web para deste xeito cubrilo comodamente no ordenador e imprimilo ou envialo por e-mail.
Prégase aos socios empregar os novos modelos de Tarxeta de Cumio e Parte de Ascensión.

 

Escaneado de diapos do arquivo do Club
.
Actualmente estamos a realizar a dixitalización das fotos do arquivo do Club (maioritariamente diapositivas) para unha garantía de conservación e ademais publicar as necesarias para a difusión da nosa historia (o Libro, a páxina web, folletos...).
Os socios que teñan fotos particulares de actividades do Club, poden contribuír ao enriquecemento do arquivo do Club facilitando unha selección de imaxes representativas (a ser posíbel nun CD ou DVD).

 

AXENDA.

 Venres, 9 setembro “Festa Reencontro”, pola Sección de Actividades Sociais. No Club a partires das 20.30 horas
..
Venres, 23 setembro “III Gran Travesía Ría de Vigo”, por Sechu, Fernando e Escrich. Proxección de fotografías. No Club ás 20.30 horas

Venres, 30 setembro “Fotografía Submarina”, por Fernando Fernández Rei. Proxección dixital. No Club ás 20.30 h
..
Venres, 7 outubro “Pirineos 2005”, por Enrique Soto. Proxección de vídeo dixital. No Club ás 20.30 horas
..
Venres, 21 outubro “Eslovenia, a xoia verde de Europa”, por Sechu, Carlos Garrido e Adolfo Puch. Proxección de diapositivas. No Club ás 20.30 horas

 

 

ACTIVIDADES SOCIAIS

 

FESTA REENCONTRO,
9 de setembro

O día 8 de setembro é a festa de Covadonga, patroa de Asturias, e o 9 de setembro a nosa festa de reencontro.
Ultimamente foron bastantes as saídas que fixemos e esta rexión e encántanos, tanto as súas paisaxes, as súas vilas como a súa xente. Na última ocasión un señor invitou a todo o grupo a tomar unha sidra e chourizo. Escapamos antes de tomar o último por vergoña. Unha hospitalidade entrañable.
Ocorréusenos que ese día podiamos organizalo dunha maneira distinguida.
Aportaremos por suposto a sidra, así coma un entrante con queixo de Cabrales, fabada, pan preñado... e se os asturianos do club queren aportar ideas... serán ben recibidas.
Haberá un bote, para que poidades aportar unha axuda para a comida. Grazas.
Espero que veñades todos, coas vosas fotos e con gañas de contar as anécdotas do verán.
Acordade traer algunha música... F.F.

 

CULTURA

 

CURSO DE FOTOGRAFÍA ARTÍSTICA

Impartiranse todos os conceptos comúns sobre técnicas de fotografía artística, que tanto valen para fotografía dixital como analóxica; como diafragma, velocidade de obturación, prioridade ao diafragma, prioridade á velocidade, sensibilidade, regras de fotocomposición, flash, etc. Por parte do profesor, utilizarase unha cámara réflex dixital e se é necesario tamén unha analóxica. Cada alumno deberá dispor de cámara, ben sexa dixital ou analóxica, aconsellándose a dixital pola posibilidade de ver as fotografías realizadas no momento, podendo ser avaliadas ese mesmo día.
O curso será de 1,5 h á semana, propoñendo os martes ou os mércores como días de traballo. Horario posible de 20h a 21.30 h. Duración 13,5 h ou sexa 9 clases.
O curso é de balde inda que cobrarase o custo do material consumido nas prácticas (máximo 10 €), prezo simbólico para asegurar que os alumnos teñen interese. Prazas limitadas. Necesario ser socio do Club Montañeiros Celtas. O curso está previsto inicialo na segunda quincena de setembro, as datas estableceranse en función das preferencias de horario dos alumnos inscritos.
O monitor Martín García Pérez, fotógrafo, de ampla experiencia en cursiños e autor de numerosas exposicións fotográficas.

 

IV Concurso de
Fotografía de Montaña.
Un ano máis convocamos o Concurso de Fotografía de Montaña. Para animar á participación dos socios do Club, ademais de optar aos importantes premios do Concurso, premiaremos á “Mellor Foto de socio” cun libro e a invitación á cea anual do Club que se celebrará en febreiro de 2006. As fotografías pódense presentar ou enviar ao Club ata finais de novembro. Proximamente enviaremos o folleto publicitario con toda a información.

 

 

NOVAS

 

Tarxeta Sanitaria Europea
.
Esta tarxeta é individual e certifica o dereito do seu titular a recibir as prestacións sanitarias que sexan necesarias dende o punto de vista médico, durante unha estancia temporal en calquera dos 25 países integrantes da Unión Europea ademais de Noruega, Suíza, Islandia e Liechtenstein, no que se estivera desprazado por motivos de traballo, estudios ou turismo.
A asistencia sanitaria recibirase en igualdade de condicións cos asegurados do país ao que se despraza.
Para a súa obtención, o interesado débese persoar en calquera dos Centros de Atención e Información da Seguridade Social (CAISS) do Instituto Nacional da Seguridad Social, onde lle será emitida no acto, previa identificación persoal (tarxeta sanitaria e DNI). O período de validez consta na Tarxeta Sanitaria Europea (en xeral, un ano).


Adeus a Antón Patiño Regueira.
Un dos grandes impulsores do libro galego
.
Antón Patiño Regueira, activista cultural e galeguista, “libreiro e señor”, como o chamou o pintor e amigo Urbano Lugrís, finou o 6 de xullo aos oitenta e cinco anos, en Vigo, a cidade na que en 1967 coa súa compañeira Raimunda Pérez Sobreira, fundou Librouro, morada do libro e do activismo cultural na cidade olívica.
Foi activo promotor da micoloxía galega, fundou as primeiras asociacións dedicadas aos fungos e cogomelos: A Zarrota en Vigo e outras moitas por todo o país, labor que lle valeu o nomeamento de presidente de honra da Federación Galega de Micoloxía.

 

 

Adeus a Merab Khabazi,
Compañeiro e amigo de Chus Lago
.
Na súa páxina web, Chus recorda ao seu gran compañeiro Merab co que compartiu intensas emocións en grandes montañas, destacando o seu valor e entrega no Pobeda onde el arriscou a súa propia vida por salvar a dela, dando un exemplo do significado da palabra “compañeiros”, asumindo as posíbeis graves consecuencias dadas as circunstancias nas que se atopaban.

O día 20 de xullo, Merab perdeu a vida na "súa montaña", o Ushba ("Camiño a ningunha parte"), no seu país natal, Georgia, a 3.900 metros de altura. Naceu hai 45 anos en Kobuleti, unha montañosa aldea ao oeste de Georgia e catro deles foi compañeiro inseparable de Chus, seguindo as pegadas do Leopardo. Compañeiro de soños, planeaban xuntos unha travesía a través de Groenlandia o vindeiro ano, falábase de preparativos, de adestramento. Tras o Ushba, dicíanos, voume ao Pico Lenin, a completar o Leopardo das Neves...

"Soñar, que sueñas un sueño,
cuanto más tienes más quieres,
cuanto más goce más duelo,
cuanto más vives más mueres."
Miguel de Unamuno

A montaña e a literatura, as súas dúas grandes paixóns. Confesaba que Unamuno e, en concreto, esta poesía, eran o seu preferido. Queremos renderlle unha sinxela homenaxe a este "O Compañeiro" que foi, non só un alpinista experimentado que alcanzou o cumio do Everest en 1999 (foi o primeiro escalador de Georgia en poñer o pé neste cumio), senón tamén destacado científico matemático, traductor, lector incansable, prolífico lingüista...
Merab formaba parte dunha expedición holandesa-georgiana que perseguía o cumio do monte Ushba (4.710 m), no Cáucaso georgiano. El e o seu compañeiro Zaliko Kikodze, víronse atrapados mentres as condiciones do tempo empeoraban. Nada puido facer por eles o helicóptero que os divisou, inda con vida, resultando inútil calquera intento de aproximación e rescate. Cinco días de terribles condiciones atmosféricas afinaron a xa sutil liña entre a vida e a morte nunha montaña tristemente famosa pola súa perigosidade.
Www.chuslago.com

 

COLABORACIÓNS

 

O día 25 de xuño e a petición do Concello de Vigo, o Club participou na actividade xuvenil “Súbete ao Castro” montando unha tirolina, que foi atendida por Lourdes, Conchi, Mónica e Xabier e pola que pasaron numerosos rapaces
.
O día 9 de xullo, o noso Club, en colaboración co Club de Tenis de Moaña, montou un rapel para nenos do citado Club que tiñan un campamento na Cañiza, participando sobre 20 nenos.

E os días 10 e 11 de xullo, en Tui, esta vez en colaboración coa Casa da Xuventude, fíxose un rapel e unha tirolina, no paseo que está ao carón das murallas, preto do peirao deportivo, sendo as persoas que colaboraron nestas últimas dúas actividades: Carolina, Pablo, Lourdes, Escrich, Xaime, Chao e Fernando. Nelas participaron activamente mozos e nenos da cidade, en gran número e serviu para dar a coñecer cousas do noso deporte entre a xuventude de estas vilas.

 

 

 

 

ESCALADA

 

CAMPIONATO GALEGO DE ESCALADA DE BASE

Como ben sabedes todos/as, o pasado 4 de xuño, celebrouse no rocódromo das travesas, o Campionato Galego de Escalada de Base, organizado por Club Montañeiros Celtas, coa participación de 47 rapaces e rapazas, 12 de eles na competición e os/as restantes na de difusión. Os competidores dividíronse en dúas categorías: de 12 a 14 anos e de 15 a 17.
A competición estivo emocionante ate o último momento no que se decidiron os gañadores, xa que se tivo que ir a un desempate montando outro paso a maiores do que se tiña previsto inicialmente. A pesares de que participaban rapaces que era a primeira vez que competían, e que algún deles facía ben pouco que comezara a dar os primeiros pasos nesto da escalada, todos/as superaron os dous primeiros pasos que estaban previstos na eliminatoria.
Polo que respecta ao resto dos inscritos/as, puideron xogar na zona de boulder, facer nós, camiñar con zancos e trepar por un par de pasos montados a tal efecto. Todos os que estabamos alí puidemos comprobar a canteira que nos ben enriba, xa que por alí pasaron rapaces e rapazas de 3 anos en adiante os cales nos fixeron pasmar coa facilidade e a tenacidade coa que subían polas presas.
Os que quixeron tamén puideron ver vídeos de escalada sobre unha pantalla montada para a ocasión.
Todos os/as participantes recibiron como agasallo polo feito de participar, un pano pirata e unha medalla conmemorativa. Entre o primeiro e terceiro clasificado de cada categoría na competición repartíronse premios consistentes nunha presa cunha placa onde estaba gravado o posto na clasificación.
Houbo representación de moitos clubs da Galiza, esperando que en próximas edicións contemos con participación daqueles que nesta ocasión non puideron vir. Dar as grazas aos rapaces e rapazas xa que sen eles non se podería celebrar esta gran festa da escalada, a aos pais e nais que estiveron e que participaron animando e colaborando no campionato e a todas aquelas entidades tanto colaboradoras como patrocinadoras.
A pregunta que se facía practicamente todo o mundo que estaba alí era: por qué non se facían máis competicións deste tipo?. Esperamos que este sexa un punto de inflexión e que de aquí en adiante esta actividade se converta en algo normalizado.

Manoel Chao

 

  NOME  IDADE LOCALIDADE CLUB POSTO
12 - 14  ANOS Joël Rodríguez Carracedo 13 Vigo M. CELTAS
María Martínez González 14 Mos ALUD
Conrad Meyer–Alten Rodríguez 12 Vigo M. CELTAS
           
15 - 17  ANOS Samuel Loureiro Cardoso 16 Porriño P. TREVINCA
Tania Piñón Amboage 15 A Coruña ARTABROS
Alberto Fontenla Pita – Bahamonde 17 Nigrán M. CELTAS

 

 

 

 

 

Campión

 

COPA GALEGA DE ESCALADA DE BLOQUE

A vindeira proba desta competición será o sábado día 8 de outubro en Pena Corneira, organizada polo Grupo de Montaña ALUD, en colaboración coa FGM. Esta zona de escalada en Bloque atópase preto da vila de Avión en Ourense (dende Vigo aproximadamente a unha hora de coche).
As inscricións fanse directamente na FGM e terá un custo de 5 € por participante, por suposto haberá que estar federado. O prazo limite para a inscrición será o 5 de outubro .
Pola mañá, sobre as 10:00 h comezarán as clasificatorias e pola tarde, sobre as 15:00 as finais.
Para os que se queiran quedar despois, haberá fin de festa pola tarde-noite; posiblemente haxa unha proxección dalgún vídeo ou similar. A intención é quedar durmir alí xa que o bosque é impresionante (se non ardeu) e así o domingo aproveitar para facer algo de bloque, que o sitio merece moito a pena.
 


 

SENDEIRISMO.

 

SENDEIRO TRANQUILO
LUÍNTRA - SAN ESTEBAN, 29 de maio

.
Este domingo toca madrugar; nada menos que estar na parada ás 7.30. ¡que mal acostumados estamos! Non importa o madrugón, vale a pena porque este sendeiro de escasos 15 km lévanos a terras ourensás, concretamente á Ribeira Sacra, termo que alude á abundancia de ermidas, cenobios e pequenos mosteiros situados a ambos lados do curso baixo do Sil, e onde imos descubrir unha zona de bosque marabillosa que tira polo chan a nosa crenza de que na Ribeira Sacra todo é asfalto.
A pesar do cedo da marcha, formamos un grupo de 45 participantes, entre habituais e caras novas, bo síntoma de que gustan estes sendeiros tranquilos. Á hora prevista saímos pola autoestrada A-54 das Rías Baixas en dirección Ourense. O día preséntase gris, a claridade molesta e de cando en vez escápasenos algún que outro bocexo. Pasado Ourense tomamos dirección a Pobra de Trives e a uns 4 km desviámonos dirección Luíntra, o noso punto de inicio e fin da ruta.
Aquí parada obrigatoria 15 minutos para almorzar e iniciar o sendeiro. A temperatura é boa, as montañas aparecen cubertas de brétema e vémonos obrigados a levar chuvasqueiros. Comezamos por asfalto, seguimos por sendeiro e ao pouco cruzamos a estrada ata Monteverde. Seguimos alternando pista, estrada, camiño ata alcanzar Mámoas, zona chamada así polos xacementos arqueolóxicos de tipo funerario dos que inda quedan restos e dos que Antonio, bo coñecedor do tema, deunos unha explicación. Despois de tomar un tentempé proseguimos a ruta por camiños ata Biduedo e logo a Paradela onde nos detivemos para apreciar a fermosa panorámica do Mosteiro de San Estevo de Rivas de Sil, rodeado de ladeiras fortemente escarpadas con frondosos bosques de carballos e castiñeiros, e no centro o Canón do Sil. Arredor das 13 h estabamos en San Estevo para visitar a igrexa e o seu mosteiro, do que podemos dicir que é un dos máis importantes mosteiros románicos da Ribeira Sacra e posiblemente o máis coñecido polo uso actual, hotel monumento dende o ano 2004. A súa igrexa monástica é dun estilo románico tardía. Ten tres amplas naves con arcos apuntados que finaliza en cabeceira das tres ábsidas. No interior é destacable o fermoso retablo pétreo románico.
O mosteiro conserva un dos poucos claustros románicos (chamado dos bispos) de toda Galicia. O piso baixo é románico. Arquerías de medio punto apoian sobre parellas de columnas con capiteis de fustes esveltos e capiteis de decoración vexetal. Por riba construíuse, a partir do século XVI, outra galería gótico-renacentista con arcos carpaneis e cristerías.
Almorzamos nunha frondosa zona e continuamos por camiño ascendente ata alcanzar os Penedos do Castro, onde polo seu interese cultural Françoise recomendou subir o pequeno montículo con restos arqueolóxicos de finais da Idade de Bronce, aproximadamente do século VI antes de Cristo, que en épocas posteriores serviron de zona de vixilancia para protexer o Mosteiro de Rivas de Sil e dende o que se aprecia unha fermosa panorámica. Seguimos camiñando por sendas enlamadas ata alcanzar a estrada e ao pouco entrar en Luíntra, onde permanecemos unha hora para gozar dunha boa cervexa. Ás 20 h regresamos a Vigo moi contentos por realizar unha senda tan bonita e que ofrece a posibilidade de novas rutas.

Ata pronto

Concha

 

CAMIÑO DE SANTIAGO
“VÍA DA PRATA” (II):
LUBIÁN - A GUIDIÑA

4 e 5 de xuño.

SÁBADO 4
A pesar de que o sol apertaba e a fin de semana ía ser moi calorosa, aí estabamos os 22 participantes do camiño saíndo ás 16.30 h con destino a Lubián, o comezo desta 2ª etapa. Paramos na Gudiña para recoller a Miguel Carrillo que por motivos laborais marchou a Ponferrada. Nesta ocasión o grupo separouse para durmir, oito eliximos unha estupenda casa rural, e o resto durmiu na escola, pois aínda que esta aldea ten albergue, por ser tan pequeno estaba completo. De feito dous peregrinos de Huelva que facían o camiño en bicicleta tiveron que durmir no Concello. Despois de nos instalar fomos visitar O CORTELLO DO LOBO a un quilómetro no alto da aldea. Ceamos estupendamente. Demos un paseo antes de ir durmir.

DOMINGO 5
Hoxe a ruta é de 24 quilómetros , así que Miguel deixounos durmir un pouquiño máis. Despois de almorzar despedímonos levando un bo recordo da xente que tan amablemente atende ao peregrino. Intuíamos que o máis difícil da andaina non sería a subida cara á Portilla da Canda, senón a abafante calor que iamos pasar, xa que a esta hora o sol caía a pleno e non se movía nin unha folla. E así foi. O camiño transcorre por un sendeiro entre árbores, ríos e arroios. Outra etapa de gran beleza natural. Atopamos un montón de fontes no camiño. Descansando nunha delas en Vilavella, vimos chegar unha furgoneta chea de caixas de cereixas que rodeamos e tomamos ao asalto, xa que entre todos debemos mercar máis de 25 quilos. Eran de colleita propia cun delicioso sabor a cereixa, desas que xa non se atopan nas tendas. A esta etapa bautizámola como a etapa “das cereixas”. Fixemos unhas risas. Ás 14.30 h parabamos para comer nun arboredo, á beira dun arroio no que metemos os pés a pesar de estar a auga xeada. Ás 16 h retomamos a andaina sabendo que nos quedaba a última parte. Xa na Gudiña dirixímonos ao albergue de peregrinos para timbrar a credencial, pero estaba pechado e deixámolo para a 3ª etapa en setembro. Estabamos esgotados e sedentos. O autobús esperaba diante do bar O Suízo. Alí repuxemos forzas antes de regresar.
Unha das etapas máis bonitas que fixemos ata o de agora. Tiñamos referencias de que este camiño era duro, e éo de verdade, pero tamén é un dos máis fermosos. Irémosvolo contando. De momento ata o 10/11 de setembro.

AH! ESTAMOS ESTUPENDOS COAS
NOSAS CAMISETAS LARANXAS
ELVA

 

 

 

 

 

MONTAÑISMO

 

ALPES (15 ao 25 de xullo)
DíA 15:
Saímos Oli e máis eu dende Allariz (Ourense) a iso das cinco da tarde. Quedaramos con Óscar en Sitges (Barcelona). Despois dunha paliza de coche chegamos a esa vila ás tres da madrugada. Durmimos na furgo.

DÍA 16:
Pola mañá erguémonos cedo, almorzamos e fomos a Barcelona para deixar o meu coche nun lugar vixiado. Seguimos camiño na súa furgo, chegamos a Chamonix ás 8 da tarde e fomos ao cámping Mer de Glace porque estaban uns amigos de Ourense. Deitámonos cedo. Estabamos cansos da viaxe.


 


DÍA 17:
Planearamos madrugar para coller dende Argentière o teleférico de Lognan e de Grands Montets, o primeiro saía ás 7:10 h e deixounos en Col des Grands Montets (3.233 m) en media horiña. Queriamos facer a Aiguille d'Argentière (3.900 m), así que puxemos os crampóns, encordámonos e fomos cara ao Glaciar d'Argentière. Vimos unha cordada de 4 persoas e comezamos a seguila, pero cando nos demos conta de que eles ían subir cara a Aiguille Verte, xa era demasiado tarde para dar volta. Pouco a pouco fomos baixando cara ao glaciar a través dunhas bonitas fendas. En canto chegamos abaixo, por fin respiramos tranquilos. Cruzámolo cara ao Refuxio d'Argentière e ao chegar comemos algo.
Era un día anticiclónico, ía calor e o sol pegaba forte. Demasiado tarde para tentar subir a Aiguille d'Argentière. Fomos cara ao glaciar que estaba ao lado (Glaciar des Améthystes) e trepamos un pouco por unha zona bastante descomposta. Ao chegar arriba vimos ao outro lado o Glaciar du Milieu, por aí deberíamos ter subido para facer a nosa agulla, facíase tarde e tocaba dar volta.
Fomos o máis rápido que puidemos -menos mal que o glaciar era todo xeo descomposto e non facían falla crampóns-, a subida cara ao teleférico facíase interminable, dispoñiamos de hora e media para coller o derradeiro, pero perdémolo cando aínda nos quedaban uns vinte minutos para chegar. Había rato que terminaramos a auga e estabamos moi cansos. Collemos o mapa e buscamos “vida” para chegar abaixo camiñando. Polo camiño paramos no Refuxio de Lognan para tomar unhas colas que bebemos dun grolo. Segundo o carteliño en hora e media estariamos abaixo. Por fin, despois de catro horas de baixada, chegamos ás nove da noite.

DÍA 18:
Hoxe toca descansar. Dóennos os cuadríceps e os xemelgos.¡Que paliza nos demos onte!. Está claro que en Alpes os erros páganse caros. Fomos dar un paseo por Chamonix, pero a iso das 12 da mañá comezou a chover e non parou ata o día seguinte.

DÍA 19:
Hoxe era o día que tiñamos planeado para subir a Aiguille du Midi para intentar o Montblanc, pero na casa da montaña dixéronnos que alí arriba nevara moito e que esta noite un alude levara a nove. Decidimos esperar un día máis.
Pola tarde Oli e máis eu fomos dar un paseo ata Montenvers para ver o Glaciar Mer de Glace. Que pena de glaciares, o ano pasado era moito máis grande, retrocedeu un montón.

DÍA 20:
Preparamos todo para subir á Aiguille du Midi (3.795 m), deixamos o cámping e imos ao teleférico que en media hora nos deixa arriba. Poñemos os crampóns, encordámonos e imos pola aresta cara ao Col du Midi (3.532 m), xa son as cinco e media da tarde. Pedimos unha pa e preparamos o habitáculo para montar a tenda, ceamos e ás 8 da tarde estabamos durmindo.

DÍA 21:
Ás dúas da mañá soa o espertador. Que preguiza. Entre que almorzamos e nos preparamos non saímos ata as catro menos cuarto. O ceo está despexado. Víanse un monte de vermes de luz por alá arriba. Eramos os últimos en saír.
Ata a Espalda del Montblanc du Tacul foi un paseo. Vimos amencer, pero a xente daba a volta; dicían que o Col du Mont Maudit estaba mal e non se podía pasar. O certo é que había moito vento, pero o ceo estaba totalmente despexado, así que fomos alí para ver que pasaba. Ao chegar había xente subíndoo. Era unha trepada por xeo, pero había uns cazos enormes para meter os pés, tamén había unha corda fixa e coa axuda do piolet subíase ben.
Outro paseo ata o Col da Brenva; o vento era moi desagradable; víase aí, ao lado; dende aquí levounos dúas horas subir ao cumio por un interminable zigzag, parecía que non chegabas nunca. A min empezoume a dar o mal de altura despois da trepada, pero como xa estaba alí pois cheguei ao cumio, pálida, pero cheguei. As vistas eran impresionantes, acercámonos pola aresta pola que sube a xente que vén dende Goûter, pero tiñamos que marchar, empezou a meterse unha nube e non sabiamos como evolucionaría e eu necesitaba perder altura. Non houbo foto de cumio; a máquina non quixo funcionar máis, demasiada friaxe.
O regreso foi outro paseo e as catro da tarde estabamos na tenda, comemos o bocata de chourizo que tiñamos preparado para a ocasión, desmontamos e fomos ao teleférico; chegamos xusto cando estaban anunciando a saída do derradeiro. Desencordámonos e cos crampóns na man e a lingua fóra, despois de ter subido esa aresta pina, fomos para a civilización coa cara colorada pola friaxe, o nariz queimado, pero cunha alegría no corpo.
Volvemos ao cámping, duchámonos e fomos de cea a Chamonix.

DíA 22:
Recollemos todo e fomos a Suíza para intentar o Dufourspitze (Monte Rosa) (4.634 m), ao chegar a Täsch (vila anterior a Zermatt), decatámonos de que non podiamos seguir en coche, así que fomos cara ao cámping e organizámonos para ir ao pico.

DÍA 23:
Collemos o tren que vai dende Täsch ata Zermatt (15'). Nas teles deste tren poñen que mañá vai estar malo. Ao chegar a Zermatt collemos o tren cremalleira ata Rotenboden (45'). Durante todo o camiño podíase admirar o Cervino. Dende logo quedoume claro que eu aínda non estaba preparada para subilo.
Agora temos unha pateada de dúas horas ata o Refuxio Monte Rosa (2.795 m), tiñamos reservado para cear, durmir e almorzar. O tempo non era bo e foi empeorando polo camiño, ata que comezou chover cando xa estabamos chegando ao refuxio. Preparamos as mochilas para o día seguinte, ceamos de marabilla e deitámonos cediño.

DÍA 24:
Ás dúas da madrugada espertamos, almorzamos ben e a camiñar. Ao principio mentres ías polas rochas e como era noite perdémonos un rato, pero volvemos atopar o camiño. Ao chegar ao glaciar puxemos os crampóns e encordámonos. Ía frío e o ceo estaba pechado por moitas nubes escuras que tapaban os cumios dos picos. Seguimos camiño e en canto comezou a amencer iamos atopando cordadas que deran volta. Metémonos na brétema e xa non se vía nada. Cando estabamos moi preto da aresta, a 4.359 m propuxen dar volta, empezaba a soprar vento e nevaba, así que pensei que era o máis prudente porque a pegada podería borrarse e entón estariamos perdidos.
De volta vimos que a cousa ía poñéndose peor. Paramos no refuxio para coller as nosas cousas e comer algo para repor forzas. Seguimos camiño ata Rotenboden; collemos o tren cremalleira e fomos facer turismo por Zermatt, logo, noutro tren marchamos para Täsch. No cámping deixáronnos duchar e fomos para Chamonix, alí ceamos e durmimos.

DÍA 25:
Seguimos viaxe a Barcelona, para recuperar o meu coche, porque Oli e máis eu tiñamos que coller ao día seguinte a dous amigos na Estación de Barna Sants para irnos tres días de travesía por Pirineos.
MTGC.

 

 

TRAVESÍA CON DOUS VIVACS:
PORTO S. GLORIO- PORTO PIEDRAS LUENGAS, 23-24-25 de xullo


A miña aventura comeza porque son unha incauta, en realidade, incluso escribo este artigo porque son moi incauta!!!. Eu non ía facer esta travesía, nin sequera sabía que estaba planificada unha travesía de TRES DÍAS.
En fin, quen dixo medo, e aí que nos recrutan a María e máis a min. E o caso é que a cousa prometía, por primeira vez máis rapaces que rapazas- trataríannos coma princesas...- Non sei se o dixen, pero son unha incauta!!
O cadro de persoal Alberto, Enrique, Xulio, Gaspar, Carlitos, Jose Carlos, Chus, María a Perla e máis eu. Claro, non había pernas que chegasen...
Saímos a noite do venres 22 ata Llánaves de la Reina, un enclave ???...É que non sei se a tres casas e unha gasolineira se lle pode chamar aldea. Pero iso si, durmimos en cama quentiña. Comezaba ben o tema.
Tiñamos catro coches para dividirnos en dous, xenial; o meu casca. O mellor foi ter a Carlos toda a fin de semana, de tres días, angustiado pensando que o estragara el. Así que todo comezaba tan ben...
Para colmo, despois dunha tortura de case cen quilómetros de curvas pechadas, o coche de Alberto pincha. É que o roliño adrenalina mola!!
Por fin alcanzamos o punto de saída, mareados como piollos comezamos a comer, ao pé do TRES MARES, comezamos iso si, con moitas ganas e moita emoción...
Cun tempo estupendo botamos a camiñar enfiando cara ao Peñalabra. Co día completamente despexado, a medida que iamos ascendendo iamos deixando atrás as vistas das pistas de esquí completamente núas de neve, o val do Campoo e Reinosa, e xa a poucos metros de facer cumio, puidemos ver o falso Naranjo. A nosa primeira meta fora cumprida: PEÑALABRA 2018 m.
Agora a descender. Baixamos a través dun precioso bosque de faias que gozamos como campións, porque para ir quentando perna veunos xenial; e si que as quentamos.., as pernas, os brazos, as facianas.... metémonos nun muro de vexetación do que non eramos capaces de saír, todos menos Alberto, a quen xa perderamos ao principio. Aquí é onde se ve que todas as posibilidades caben, as risas eran máis ben histéricas, pero saímos.... e vemos a Alberto que levaba berrando non sei canto tempo.
E atopamos onde vivaquear; Meu Deus, que frío!!
Xa sei que me queixo moito, síntoo. Segundo día (e sen unha auguiña). Comeza a marcha noutro faial. Algunha foise inchando de arándos mentres ascendiamos, fixemos cumio por fin no PUMAR (2065m)..., e como a algún se lle fixo frouxa a marcha, coa comida de tres días, a tenda e a ruta do día anterior, véxase: Carlos, Alberto e Jose Carlos, enfiaron cara ao cumio de enfronte, mentres algunha tratábamos de recompoñer un mínimo a nosa dignidade.. Comezamos o descenso deixando atrás aos que ían sobrados. Esperarían por eles Xulio e Gaspar para acompañalos no seu descenso.
O caso é que a tarde comezou a torcer despois dun día precioso; e os cracks que se atrasaban, así que dispuxémonos a esperalos. Cando xa empezabamos a preocuparnos, aparece Carlos; á metade do descenso Xulio tivo que regresar ao cumio- deixara o bastón atrás.
Ao pouco a brétema botóusenos enriba.


Pasaba o tempo e tiñamos que atopar onde durmir. Atopámolo! Amparados polo PEÑA PRIETA á nosa esquerda, ao que teriamos que enfrontarnos ao día seguinte, nunha paraxe impresionante vivaqueamos. Algún deu un baño no río, pero eu aguantei ben. O día anterior non fixera tanto frío. Hoxe ía morrer!!
Amence coa promesa dun terceiro cumio. Eu que son unha frouxa decido que non os acompaño. Algún ten que quedarse coas mochilas, ¿non?. Enfilan cara o TRES PROVINCIAS (2494 m), logo PEÑA PRIETA (2575M) e como non hai dous sen tres, o PICO INFIERNO , tamén de máis de dous mil metros; se é que ao que madruga Deus o axuda.... Fixeron cumio coa dificultade do cansazo de tres días de marcha. Mentres, eu gozaba do silencio acompañada só por un puñado de voitres, que a verdade por un momento deume que pensar..., e aos meus pés unha tupida brétema.
Cando xa se lles vía descendendo, comezamos o regreso cara a Llávanes de la Reina, que o tiñamos case á vista.
Foi xenial, de principio a fin, o grupo, as paisaxes, o esforzo... É máis se me obrigan de novo, VOLVO!
Maruxa

 

DESFILADEIRO
DOS ARRUDOS
E SENDEIRO DO ALBA

11 - 12 de xuño

Medio durmidos algúns e outros aínda sen poder conciliar o sono, despois dunha longa viaxe en autobús, nunha noite dun calor pegañento que presaxiaba tormenta, acabaramos de tomar un frugal almorzo no albergue de Soto de Augues en Sobrescobio, na zona suroriental de Asturias, chegaramos a iso das 7.30 horas do sábado e eran xa as 8.30 cando comezabamos a andar... Sairamos ás 11.30 da noite do venres, a viaxe fíxose longa pero ben pagou a pena.
Soto de Agues é unha aldea pequeno, tranquilo e agradable de casas de pedra calcaria, dunha cor entre laranxa e avermellada, dun ou dous andares, o baixo dedicado xeralmente a corte ou almacén de apeiros e o sobrado dedicado a vivenda. As rúas as máis delas empedradas e cunha igrexa e unha antiga escola “para rapazas” na parte máis alta da aldea, onde se atopaba o noso albergue. Atravesado polo fermoso río Alba e cunha ponte de pedra cun ollo oxival. Son de destacar tamén os típicos canastros asturianos, cuadrangulares, con tellados a catro augas e cunha parte baixa tamén destinada a leñeiro ou para gardar apeiros ou ferramentas... No ambiente, as badaladas das campás da igrexa e os sino das vacas faríannos compaña durante a nosa estancia...
Medio durmidos ou sen durmir e coa abafante calor, almorzados e xa os bártulos no albergue, collíamos o autobús que nos ía achegar á aldea de Caleao, onde iamos comezar a primeira e máis dura das nosas rotas.
Coas mochilas de ataque dispostas comezamos o sendeiro dos Arrudos, esforzándonos algúns por manter os ollos ben abertos, o entorno axudábanos pois era dunha beleza extraordinaria.
Este primeiro itinerario discorría polo desfiladeiro do río Arrudos, nunha subida continua e rodeados de impoñentes moles calcarias, xigantescas paredes e altísimas e agrestes cristerías, logo de pasar polos prados das partes máis baixas do val, íamos adentrándonos nunha mesta vexetación de faias, castiñeiros, nogueiras, freixos, capudres formando un fermoso bosque nas oblicuas abas. A calor ía en aumento, afortunadamente de cando en vez atopabamos algunha fonte onde podiamos repoñer auga e folgos e refrescarnos un pouco...
Era xa o mediodía e ás veces o sono xogábanos algunha mala pasada e dabamos algún que outro tropezón no camiño e a iso das 14 horas chegabamos a un deses prados que chaman “de dente”, pois o propio gando é quen fai a labor da sega ó tempo que pace. Neste prado había unha “majada”: cabana de pastores e curro para pechar o gando. Nel pacían tranquilamente e facendo resoar de contado os seus sinos mentres comían a herba un rabaño de vacas e os seus cuxos mamaban a miúdo do leite das súas proxenitoras. Algunhas delas semellaban querer trabar amizade connosco mentres xantabamos á sombra duns freixos que nos protexían do implacable sol do mediodía. Algunha, mesmo parecía querer catar algunha que outra camiseta das que estaban a secar a suor, penduradas dunhas polas dunha árbore deitada no chan e non chegaron a facelo debido á metamorfose dunha montañeira en pastora, caxato en man, dando berros, logrou exitosamente escorrentalas afastándoas das camisetas, aínda que elas porfiaban...
O canto do cuco chegaba onda nós ritmicamente.
Antes de xantar, un grupo subiu onda un lago que había nunha pequena meseta ós pés do Pico Torres, onde nos contaron que puideron albiscar unha fuxidía parella de cervos. Os que estabamos máis cansos quedamos no prado.
Logo de xantar e descansar, cargando un pouco as baterías para a volta e separarnos do grupo de 7 ou 8 montañeiros que ían dispostos a ascender ata o Pico Torres e onde ían facer vivac e co son dos tronos advertíndonos da inminente tormenta que xa iamos intuíndo mentres xantabamos, decidimos comezar o regreso, non sen antes presenciar unha enconizada loita, nun alarde de forza, que enfrontaba a dous xatos, embestíndose a cabezazos. Todo un espectáculo!
Iniciamos o descenso, non nos agardaba o autobús, tivemos que cambiar os plans. O cansazo era cada vez máis patente, serían as 5 da tarde cando de volta polo mesmo sendeiro volvemos a Caleao, outra vez entre a verticalidade das rochas e en medio dos fermoso faiales... que nos rodeaba.
Quedaban uns 15 km ata o albergue e logo de intercambiar opinións e suxestións repartímonos entre coches particulares nos que Conchi nos ía distribuíndo pacientemente. A 12 de nós, leváronnos nun bus un grupo de ovetenses-cantores que unicamente nos cobraron “unha Rianxeira” pola viaxe.


Así fomos chegando, por grupos ó albergue, refrescados polo trebón da tormenta anunciada.
Gratificante ducha e benmerecido repouso no albergue. Cea.
Logo de durmir, sempre coa banda sonora das badaladas da próxima igrexa e co repeniqueo dos sinos dunha corte próxima.
Ás 9, e logo de almorzar, comezabamos un itinerario que empezaba no mesmo albergue e que seguía o desfiladeiro do río Alba, un afluente do Nalón. Esta vez acompañounos un can, probablemente do albergue, durante todo o relaxante tranquilo e fermoso percorrido, todo o sendeiro chan: nidias augas, en mil e unha fervenza, regatos, cachoeiras e finos fíos de auga caendo polas altas e verticais paredes do desfiladeiro. Marmitas de xigante: grandes pozas onde as augas amansaban por un intre para de novo volver coller forza e volver coas súas embestidas... Relaxante e constante son da auga durante todo o sendeiro. Paisaxe de intenso e mesto verde: musgos liques e brións tapizando chan e os toros das árbores, gran variedade de fieitos, orquídeas... “tirañas” (insectívora) e sempre a exuberante vexetación de ribeira: acivros, freixos, salgueiros, capudres, estripeiros, e rebentacabras nas verticais paredes do canón. Algúns puidemos observar ó tímido e fuxidío merlo acuático; os ferreiriños e unha grande variedade de aves bulían e agachábanse na mesta vexetación e de cando en vez, a través das limpas e cristalinas augas podíase ver algunha que outra troita, estática a contracorrente. Todo un bulir de vida!
Logo de repousar e repoñer forzas nunha área de lecer, xa de volta, tíñanos reservada unha agradable sorpresa, pois dous paisanos que tiñan casa nunha das abas do fermoso val polo que discorría o río, Juan Manuel e Antonio eran os seus nomes, convidárannos, nun aceno de xenerosidade e hospitalidade desinteresada, a todos a tomar uns “culins” de sidra e xantar uns chourizos. Contentándonos cos “culíns” e rexeitando os chourizos por non abusar da súa sincera amabilidade.
Mentres catabamos a sidra, que cada un de nós se servía cun enxeñoso artefacto que tiñan pendurado dun vello freixo, estes bos homes amosábannos a súa casa e dependencias que estaban acondicionando e reconvertendo para o seu goce, pais agora, xa entrados en anos, vivían en Langreo, íannos relatando historias de xabaríns, das antigas minas, das duras invernías, de sendeiros e montañas, do seu pequeno horto con todo tipo de herbas aromáticas... mentres divisabamos unhas inmellorables vistas dende o balcón natural da súa casa cara a un inmenso val recuberto de enormes faias e coroado por verticais paredes calcarias...
Logo de agradecer a hospitalidade, pois eramos moitos, e despedíndonos fomos de novo na procura do sendeiro que nos levaría de volta ó albergue onde nos reencontrariamos co grupo que estivera a vivaquear polo Pico Torres. Intercambio de comentarios.
Xantamos e a iso das 15:30 collíamos os bártulos e de regreso a Vigo, non sen que antes de saír, Francoise probara o último berro en moda de alta montaña: unha mochila feita co pelexo enteiro dunha cabra, na que as patas dianteiras unidas ás traseiras facían de asas da mochila, e pousando para a fotografía de rigor.

Javier Canabal Sanz

 

PARA MONTAÑEIRO DE PRIMEIRA
ANETO (3.404 m), 14 de xuño


LUGAR: PIRINEO ARAGONÉS
PERCORRIDO: A BESURTA (1780) - REF. RENCLUSA (2140) - PORTILLÓN SUPERIOR (2908) - COLL DE CORONAS (3200) - ANETO (3404)
PARTICIPANTES: ANTONIO - DANIEL - GASPAR
DESNIVEIS E HORARIOS: 1º día + 350 m. 1 h. 2º día + 1300 - 1650 m. 6 h. subida e 4 h. baixada, ata o refuxio.
MATERIAL: non empregamos ningún material especifico.

LIBRO DE BITACORA: No outubro pasado a nevada foi de órdago, con máis pena que gloria subimos ata os lagos de Padierna, pero a friaxe enviounos directamente á xornada gastronómica, prometemos volver xuntos... e aquí estamos outra vez.
A lembranza de outubro planea sobre nós... chuvia e mal tempo cando chegamos ao refuxio. Falamos cun grupo que este luns fixo cumio, a chuvia colleunos na baixada e aínda que os deixou empapados, gozaron dunha mañá espléndida.
Comezamos andar ás seis da mañá. Pola noite nevou, pero agora mesmo está despexado. Seguimos a senda ata o Portillón inferior a 2.815 m, asomámonos ao glaciar do Aneto- non se ve nin rastro de trazas de neve-, seguimos pois a ascensión cara ao Portillón superior, xa hai tempo que o ceo se encheu de nubes, agora empeza a nevar, pasamos de longo o Portillón. Por sorte atopamos uns esquiadores que van cara a Maladeta, preguntamos, sinálannos un pluviómetro un pouco máis baixo, na crista, o paso atópase un pouco máis alá.
Sen máis contratempos chegamos ao glaciar, aínda que a neve recente cubriu a traza, esta intúese facilmente, polo menos cando transcorre polo xeo, outra cousa é ao atravesar as grandes pedreiras, entre a brétema que tamén nos vén saudar, e o sortear bloques de granito volvemos despistarnos. Cando a brétema levanta atopámonos subindo ao collado Enmedio, a liña escura que marca a senda no glaciar vese un pouco máis abaixo, descendemos para atopala, se xa é canso abrir traza sobre a senda vella, sobre neve virxe acaba cos abductores.
Chegamos ao collado Coronas, decidimos comer un pouco e tamén facer tempo, xa que hai rato que unha parella se nos vai acercando co sendeiro aberto, eles paran tamén á nosa altura,.. facemos os remolóns, eles parten primeiro. Ide, ide, que seredes os primeiros en chegar. Hai que ver que ben soben!. Reunímonos todos no paso Mahoma. Con neve xa non é o mesmo, a cornixa que permite pasalo pola dereita está impracticable, así que pasamos pola mesma aresta, non é difícil, pero impresiona un pouco.


CUMIO! Non hai sorte, a brétema, aínda que non é moi intensa si desloce a panorámica, ademais o termómetro baixou e volve nevar. Por certo, a cruz de aluminio quedou sen brazos. Iniciamos o descenso, perdemos altura rapidamente. En Coronas o tempo mellorou, un par de paradas no glaciar para tomar folgos e xa estamos no Portillón, inconfundible dende este lado.
Ás catro entramos no refuxio, xa non dan comidas, pero ofrécennos un prato da lentellas... como non!. Mentres o devoramos imos planificando a próxima.. será o Valhiverna?

De Gaspar para todos os Celtas

 

Actividade da FGM
MARCHA GALEGA CON VIVAC
18-19 xuño


Despois do tempo transcorrido dende que participei na Marcha con Vivac da FGM (case dous meses) lembrar todo o acontecido fáiseme un pouco difícil, a miña memoria amósase fráxil, pero pese a todo vouno intentar….
Recordo que esa fin de semana fixo moitísima calor. A sensación que me quedou foi sobre todo esa, a da gran calor que pasei, unha calor pesada, pegañenta, desas calores que non deixan que te movas, que fan que os teus movementos se ralenticen, que non te deixan pensar; a do padal seco, a falta de auga, a sede, pero tamén o de compartir ese último groliño da auga que escaseaba, a dos ánimos que nos dabamos todos para chegar a ese final que estaba non moi lonxe, pero que polas condicións do tempo parecía que se alonxaba cada vez un pouquiño máis de nós….
A viaxe en autobús foi cómoda, con parada en Quiroga para recoller a outros participantes que se sumaron ao groso do grupo, para comprar pan ou para tomar un segundo almorzo, por certo, o noso Club foi o que tivo maior representación nesta saída.
O percorrido elixido permitiunos pasar dende a Portela de Varado nas estremeiras da Serra do Eixe, atravesar terras de Valedoras para entrar na serra dos Cabalos polo Montouto, e xa o Domingo despois de facer cumio chegar á Seara do Caurel.
Tras chegar ao noso punto de partida na estrada que vai do Barco a Veiga, o camiño comeza pasando por diferentes vilas. Lembro a mirada dos curiosos que non podían entender como un grupo do que cualificaron “tolos” podían botarse a camiñar con aquela calor tan abafante que facía. Cando sabían que queriamos chegar ata as proximidades do Montouto nesa mesma xornada, as súas facianas transformábanse nun aceno de incredulidade. Si, definitivamente estabamos tolos.

 

Esta actividade foi organizada polo
Clube de Montaña Xistra


O grupo camiñaba moi esparexido, o lugar onde iamos agruparmos para dar conta do xantar era á beira do río Sil en Villamartín de Valdedorras, a onde chegamos os últimos despois de pasar un anaco de tempo na bodega dun paisano que estaba encantado de que ademais de conversa tamén cataramos o seu exquisito viño branco. O camiño salpicado de numerosas cerdeiras e ó cabo, tras cruzar a ponte colgante do río reunímonos cos nosos compañeiros.
Chegados a este punto algúns decidiron que aquela calor era demasiada e cambiaron de plans, irían pola súa conta ata a Seara onde nos esperarían e pasando a xornada de xeito máis relaxante, ou máis “refrixerante”. Que ben fixeron!!!

 


Nós continuamos camiño. Ata que chegamos ao lugar elixido para facer vivac tan só un pequeno tramo de bosque refrescounos un pouco a xornada. En cada aldea pola que pasabamos, iamos todos dereitiños ás fontes, beber, mollarnos…
O lugar onde vivaqueamos foi preto do Montouto -o noso obxectivo do día seguinte- nunha zona á que chegamos despois de subir por entre polas queimadas que se cravaban nas pernas á par que tisnaban as nosas roupas, provocando tamén algunha que outra mazadura. Pola noitiña tras a cea, unha pequena reunión e xa para cama. O xornada do día seguinte comezaría, creo recordar sobre as 6:30 ou 7 da mañá.
Así que cediño comezamos a subir polas pistas que nos levarían cara ao Montouto. Pistas moi pinas que eu collín a ritmo moi, moi pausado. A calor a esas horas xa empezara a rechumirme. A paisaxe un tanto desoladora, todo monte baixo, seco, moi seco, atravesado por unha chea de pistas que non se sabe a onde chegan. A cor figúraseme agora en tons ocres, tristes, como queixándose polas cicatrices que cruzaban por toda a paisaxe. Despois de estar no cumio un anaquiño, comezamos camiñar rumbo á Seara. Todo o camiño foi por pistas forestais interminables-. E volvo repetir aquí o cansazo provocado polo sol, pola sede. Nin gota de auga atopamos dende que saímos do lugar onde fixemos vivac, nin un recuncho de sombra. O camiño converteuse para min nun martirio tan só aliviado pola compañía que levaba, polo bo humor que, pese a todo, reinaba entre nós.
O río que pasa pola Seara foi a miña salvación, chapuzón, inda que só de pés, unha duchiña no albergue e xa algo recomposta, volvín ser persoa. Agora unha comidiña reparadora (inda que case non probei bocado, creo que case só bebín) un xeado, e o regreso.

M.N.

 

 

DESCENSO DE BARRANCOS. ACTIVIDADE DA FGM

XI DESCENSO GALEGO
DE BARRANCOS
EZARO-SERRA DE OUTES
(A CORUÑA)
11-12 de xuño

Esta actividade da FGM estivo organizada, ben organizada, pola Sociedade de Montaña ÁRTABROS, da Coruña. Os nosos compañeiros do norte tiñan previsto realizar dous descensos, un cada día da fin de semana, e así foi.
Partimos Sito e máis eu dende Vigo na mesma mañá do sábado, tardamos en chegar máis do previsto por un despiste na autoestrada. Ao chegar xa estaban case todos vestidos cos neoprenos, polo que tivemos que espabilar, déronnos as reseñas plastificadas dos dous barrancos. Nesta primeira xornada entramos 18 montañeiros ao Barranco do Xallas, que se ben ao comezo non me gustou moito, por ter que baixar un feo rápel de 70 metros pola presa do Embalse da Fervenza, de seguido un rápel de 23 metros lévanos á canle onde realmente comeza o barranco. Tras uns dez minutos de andaina, empeza a diversión: chegamos a unha pequena represa onde damos o primeiro salto duns 4 metros, este é o que máis se pensa, sobre todo para os que debutaban nesta actividade. O percorrido consiste en descender sucesivas marmitas, con rápeles curtos e limpos, nun leito con pouca vexetación e pedras grandes e lisas o que facilita os saltos que son o deleite da maioría, algúns incluso fan saltos acrobáticos espectaculares. A derradeira parte desenvólvese nunha sucesión de pequenas marmitas que se baixan a modo de tobogán e pequenos saltos. O rápel final ten 75 metros e está fraccionado na metade, os seus últimos seis metros sáltase a una gran poza de 24 metros de profundidade o que a fai ser moi escura e realmente impresiona (a Marta, a muller máis encantadora do grupo, custoulle un pouco pero saltou coma unha campiona). Esta derradeira poza desemboca noutra de auga salobre que nos indica a presencia do mar.
Unha vez temos recollido todo o material e comemos algo, desprazámonos ata o cámping A Bouga Louro (Muros) onde despois da ducha e montar as tendas e o tenderete correspondente para secalo todo, ten lugar a cea no restaurante, ao seu remate todos os participantes somos agasallados cunha camiseta conmemorativa. Quedou unha noite estupenda, apetecía un paseo pola praia, pero... tal vez noutra ocasión.
Ao día seguinte saímos en dirección a Pino do Val, na estrada que une Muros con Santa Comba, alí tomamos un café. En total recorremos uns 36 quilómetros dende o cámping ata o punto de destino. Chegamos bastante cedo a Gosolfre, onde comeza o barranco; mentres uns se preparan, outros levan un par de coches ata o final, á ermida de San Paio, a uns 8 km máis abaixo. Hoxe iniciamos o descenso 15 montañeiros, estamos ante o Barranco de Bao da Casa que se revela coma unha torrenteira chea de pedras soltas, o que dificulta o avance e favorece os golpes, e inda que hai algúns rápeles (pero non saltos), fai o descenso bastante menos atractivo que o do día anterior. O máis interesante e a abundante vexetación, servindo algúns árbores como ancoradoiros de rápel. Tralo derradeiro e máis espectacular rápel, por unha cascada de 20 metros, chegamos ao último tramo de andaina polo río, que nos conduce á ermida de San Paio.
A boa organización e a colaboración e bo humor de todos, converteron esta actividade deportiva nun divertido encontro de montañeiros “pasados por auga”. Grazas Ártabros.

Sechu.

Xallas.As numerosas marmitas do fermoso Barranco do Xallas facilitan a variedade de saltos e tobogáns para deleite da maioría. Ao fondo, o mar.

 

Bao da Casa
 

 

 

VINDEIRAS ACTIVIDADES DA FGM.

 

XVII MARCHA GALEGA DE MONTAÑEIROS VETERANOS

O domingo 18 de setembro celebrarase esta actividade do calendario anual da FGM, organizada polo Club Ribeira Sacra, na localidade de Escairón (Concello de O Saviñao, Lugo). A Marcha vai percorrer parte da Ribeira Sacra do Miño e será un percorrido pola zona de Belesar e polos diferentes monumentos de interese histórico-artístico do Románico, ao finalizar celebrarase unha comida de confraternización (10 euros) e entrega de agasallos.
A FGM pon un autobús dende Vigo que sairá dende a Praza de España ás 8.00 h (6 euros). Como todas as actividades federativas é requisito ter a licencia correspondente. Por tratarse dunha Marcha de Veteranos, considerarase como participantes aos maiores de 40 anos, o resto de asistentes terán a condición de acompañantes.
Fin prazo para anotarse: xoves 15 de setembro, no noso Club.
Animamos a participar especialmente aos veteranos nesta Marcha, xa que é unha excelente oportunidade de reencontro cos montañeiros de Galicia, compañeiros de tantas experiencias compartidas ao longo de moitos anos de actividade. Ademais, o Club Ribeira Sacra sempre deixa satisfeitos a todos os participantes pola simpatía dos seus membros e a boa organización, coa fama ben merecida.
 

XXXIV Campamento e Marcha
Infantil-Xuvenil de Montaña 15 e 16 outubro
Esta actividade do calendario anual da FGM está organizada pola Sociedade de Montaña ÁRTABROS. O campamento estará situado nas Fragas do Eume, e tendo en conta a data, mediados de outubro, os rapaces e rapazas gozarán dun fermoso percorrido outonal por este bosque caducifolio, co chan tapizado polas follas recen caídas.

 

XXXII Marcha Nacional Veteranos
.
O Grupo Montañero Gran Canaria é o organizador da XXXII Marcha Nacional de Veteranos que se celebrará en Gran Canaria os días 14 e 15 de outubro. O prazo de inscrición finaliza o día 30 de setembro.
Máis información en: www.gmgrancanaria.com
A Federación Galega de Montañismo, para facilitar a asistencia a esta actividade dos seus federados, subvencionará entre 70 e 100 euros a todos os que reúnan os requisitos.
Estase a estudiar a posibilidade de organizar unha viaxe conxunta entre a federación e clubs galegos que comprendería varios días de estancia en Gran Canaria, aproveitando que o mércores 12 de outubro é festivo.
 

PIRAGÜÍSMO POPULAR

 

KAIAK DE MAR
ARCADE - A GUIA

Eran as nove da mañá, e chegamos todos puntuais, estabamos alí unhas 50 persoas, dispostos a coller o tren que nos levaría á estación de Arcade. O comezo da actividade empezou de forma relaxada, admirando dende o tren o percorrido que iamos facer de volta no Kaiak, a ría estaba fermosa nun día de Sol espléndido, só había un pequeno problema, a marea estaba baixa.
No peirao de Arcade, Eduardo de Mi Kaiak, esperábanos co remolque cargado de embarcacións, que baixamos á praia, preparámonos, chancletas, auga, comida, roupa, chapeo e moita crema solar, e a iso das once iniciamos a actividade, remando primeiro en dirección ao río Verdugo, pasando por baixo da Ponte Sampaio, deseguido demos a volta, xa que o noso obxectivo era ir comer a illa de San Simón.
Enfilamos en dirección á punta da praia de Cesantes, e dende alí despois de pasar pola estatua de bronce Xulio Verne, que está nunhas rochas preto da illa, chegamos ao embarcadoiro da illa, onde todos deixamos os kaiak (menos dous despistados que chegaron media hora tarde, xa que subiron todo o río verdugo, ata o chalé de Masso), alí e durante dúas horas comemos e visitamos as illas a pé, a de San Antonio e San Simón que están unidas por unha ponte de pedra. Todos os edificios están restaurados e tamén hai paseos de pedra co xardín moi ben coidado, destacando o paseo de arbores de buxo.

 


Despois de Comer e descansar, sobre as tres, iniciamos a travesía, a marea estaba subindo e o vento empezou a soprar en contra, o que fixo que tiveramos que facer un sobre esforzo remando, ademais levantáronse unhas pequenas olas tamén en contra, que nos salpicaban xa que iamos de proa contra elas, todo isto fixo que tivera un pouco de emoción o asunto. Inda así pasamos por baixo da ponte de Rande coas nosas pequenas embarcacións e despois fixemos unha parada de descanso nunha praia de Chapela.
A Iso das cinco e media da tarde empezaron a chegar as embarcacións ao Club Virxe da Guía, que xentilmente nos cederon as súas instalacións, finalizando así unha actividade de Kaiak na nosa Ría de Vigo, que temos tan preto e as veces e tan descoñecida.
A actividade foi un pequeno reto, cumprido por todos os participantes con esforzo, na que as sensación producidas polo mar e a paisaxe, estiveron sempre acompañándonos de forma agradable.
Fernando

 

 

ESPELEOSECCIÓN.

 

14 - 17 de maio: Espeleoloxía e descenso de Canóns en Cuenca - Guadalaxara
A ponte das letras Galegas proxectamos unha fin de semana de actividade en Cuenca.
De Vigo saímos o sábado Carol e Eugenia. De Madrid saíran Gelo, Mónica e mais Javier. O sábado, eles fixeron a sima Juan Herranz I. Nós as dúas saímos o sábado cedo de Vigo, con destino a Guadalaxara. Contra a tardiña chegamos a Villanueva de Alcorón, onde quedaramos co grupo de Madrid.
Logo de atopar a Gelo, Mónica e Javi, estivemos localizando a boca da cova que faríamos ao día seguinte, a sima de Manuel Mozo. A cousa tivo a súa dificultade, o terreo era plano, e a boca estaba nun inmenso bosque de coníferas. O recurso do pino característico desta volta non deu resultado. Retirámonos a descansar nun dos moitos refuxios forestais que hai pola zona.
Despois dun sono reparador, preparámonos o domingo para a Sima de Manuel Mozo. Despois de dous pozos amplos e limpos, no fondo da cova estendíanse unha rede de galerías con algún que outro paso estreito. Máis dun tivemos problemas con eles.
Logo da cova, despedímonos de Gelo, Mónica e Javier, que volvían a Madrid, Carol e mais eu quedamos na casa forestal ata o día seguinte, que tocaba facer o canón de Poyatos. Como só levabamos un coche, tivemos que deixalo na saída do canón e facer a aproximación a pé. A indicación daba unha hora de aproximación, a nós levounos un chisquiño máis. A cabeceira e a saída estaban indicadas por dúas pontes romanas. O canón baixaba seco, inda que máis abaixo, cargaba algo máis de auga polo aporte dos afluentes. Logo de cambiarnos, unha sopiña quente fíxonos quecer o corpo.
O plan para o martes consistía en achegarmos ás fontes do río Cuervo, e volver a Madrid, onde ía quedar Carol, e mais a Coruña, onde quedaba eu. Para achegarmos ao río Cuervo tivemos que tomar unha estrada que ía cara á parte máis alta da serra. Conforme iamos subindo, vimos que nevaba con certa intensidade, No entorno do río Cuervo estaba todo nevado, cunha fina capiña dun par de centímetros no chan e as árbores coas pólas cargadas, a paisaxe tornouse de repente invernal. Chegamos a Madrid sobre as dúas e media ou tres da tarde, e unha calorciña primaveral, e despois de xantar, dimos por desconvocada a actividade, e cada moucho á súa oliveira, inda que o meu quedara un pouco lonxe.

21 - 22 e 28 - 29 de maio:
Coterón-Reñada; Cuivo-Mortero; Reguerillo
A Sección pasa por momentos do máis “disperso”, Carol facendo as travesías de Coterón-Reñada e Cuivo-Mortero en Cantabria e Mónica e Xabier alá polo Reguerillo en Madrid, que nestes tempos é case a súa casa.

11 - 12 de xuño: Xornadas Monográficas de Progresión en Canóns; Picoña
Seguimos a dividirnos, ás Xornadas da EGE foron Xabier e Jesús como monitores e Mónica como asistente ¿aprendería moito con eses mestres?. O “grupo” en plan grande inauguramos as noites de Picoña, porque as tardes xa foron inauguradas nos primeiros do mes, alí durmimos ao pairo, como mellor se sinte a natureza, ao pé da “nosa” rocha das tardes de verán.

 

18 - 19 de xuño: Caurel infantil
O 10º Campamento Social Infantil-Xuvenil de Espéleo aprazouse a setembro, ¡atentos ás datas, o 24-25 de setembro! por falla de persoal miúdo. Así cos máis miúdos da sección: Antón, Estela, David e André partimos cara á cova da Ceza. Era un día de calor deses aos que xa nos comeza a acostumar este ano, onde como se di caían os paxariños. En Noceda Cambiámonos e fomos camiñando pola sombra ata a Ceza. Saía auga pola súa boca coma sempre e coma sempre estaba xélida, senón que llo pregunten a Antón que entrou tan entusiasmado que de boas a primeiras mollouse ata a cintura e o entusiasmo durou ... ¡o que duraron as mans quentes!. Recorremos a cova ata o lago onde está o sifón e volvemos á entrada, desta vez para saír, onde os últimos raios de sol da tarde inda queceron os nosos corpos mentres nos cambiábamos. Iamos durmir ao cámping pero como estaba fechado por reformas, ¡van poñer piscina!, seguimos ata Ferramulín, onde montámolas tendas á beira do río. Pola noite André, David, Antón e Estela fixeron unha cabana. O domingo ao levantar, houbo baño no río e André pasou todo o tempo observando os minúsculos bichos das pedras do río. As cinco e medio fomos para Vigo.



25 de xuño: Pola mañá atendemos aos participantes na Travesía pola Ría e guiámolos na Furna do Lago e pola tarde co reforzo de Xabier e Mónica, montamos e atendemos una tirolina para o Concello, no festival de despedida de curso dos mozos e mozas, no monte do Castro. A tirolina tivo máis de trinta usuarios, a maioría deles pequenos.

25 - 26 de xuño:
XVI Campamento Galego Descenso de Canóns
Como de costume, o sábado 26 saímos do club sobre as 9:30 e chegamos ao cámping Lantemil onde se celebraba o XVI Campamento Galego de Descenso de Canóns. A organización corría a cargo do Espéleo Club Descenso de Canóns. Alí atopámonos con outros membros de clubs de espeleoloxía de Galicia, uns vellos coñecidos, outros inda por coñecer, pero todos alí reunidos cun único propósito en común: pasalo o mellor posíbel. Unha vez fixemos as dilixencias oportunas empezamos a actividade no precioso canón do río Frecha que, inda que ía un pouco escaso de auga, deleitounos cos seus marabillosos saltos, rápeles e pozas cheas de peixes. Do club gozaron do descenso: Gelo, Carol, Iago, Alberto, Juan Carlos, Eugenia e Óscar. Unha vez de volta no cámping e saltándonos unha conferencia sobre o coidado dos canóns, empezamos a cea xunto co resto de participantes no comedor do cámping gozando de ensalada e quiche de verduras os vexetarianos e de sardiñada e churrasco os demais, con macedonia e cafés para todos. Esa mesma noite uníronsenos Lourdes, Emilio, Javato e Mónica que viñan de realizar outra actividade. Ao día seguinte decidiuse realizar un pequeno canón no río Fírbeda. Unha mala elección de feito, pois o claro cheiro a excremento de gando, xunto coa innumerable cantidade de insectos, a pouca e xélida cantidade de auga e a inexistencia de saltos e pozas, fixo deste canón inda que non unha mala experiencia si deixounos unha clara idea de a onde non hai que volver. Mellor elección fixo Eugenia que como tiña licencia que cubría actividade en Portugal foise cos do club organizador ao Arado. Terminado o descenso, comemos nun merendoiro e fomos ata Celanova, onde esperamos a Eugenia para entregarlle o material que necesitaba para o curso de canóns da EEE, xogando ás cartas e comendo xeados.

 

2 - 5 de xullo:
Curso de perfeccionamento en descenso de canóns. Canóns no Canigou. Escola Española Espeleoloxía.
Saín para o curso de mañanciña cedo, e cheguei a Escalona 12 horas máis tarde, farta de coche. Menos mal que os seguintes días serían de máis auga que coche. Aparte das técnicas e as prácticas, desenvolvidas durante o primeiro día, fixemos 3 canóns, o Consusa, o lugar, Escuaín e mais un tramo de la foz da canle.
Domingo 3 de Xullo: O Consusa ía seco, salvo por media ducia de pozas con auga verde e chea de algas que non invitaba moito a darse un baño pero que foron moi útiles para a práctica de rápeles guiados por mor de evitalas.
Luns 4 de Xullo: O barranco lugar, tamén ía seco, pero continuaba no Escuaín, que afortunadamente si que levaba auga. E un tramo curto o que fixemos, pero apenas tiña rapeles e si algúns saltos optativos, de 14 m para os moi arriscados e de 6 ou 7 metros para os menos arriscados.
Martes 5 de Xullo: O barranco de la Foz de la Canal. Este si que levaba auga, no tramo inferior, encadeábanse 5 rapeles encaixados en gorxas con fermosas cascadas. Chega a hora da despedida. A xente coa que compartín este curso é magnífica. Silvi, Aitor, Mikel, Aurelio, Mamerto, Diego… e os monitores Julian Toni e Josele.
Mércores 6 de Xullo: Dime Julian, imos ao Llech uns colegas ¿queres vir? Por suposto eu apúntome a un bombardeo se fai falla. A xente di do Llech que é como un parque acuático. É un pouco así, está cheo de tobogáns de todos os tamaños. Cando xa comezaba a acostumarme ás tobogáns pequenas de repente atopo a lanzadeira que ten 12 m. Pois inda que quixera rápel, non había onde montalo. Había que tirarse para non quedar alí. Tireime, e pareceume que non daba chegado á auga. Pero cheguei e non toquei rocha. No coche cando nos secabamos pensei, que medo, pero ¿Cando volvemos o Llech?
Xoves 7 de Xullo: Imos o Nyer. A cousa e que con Julian ían tamén Carme, Xavi, Chento, Elías e Salva, todos eles de Valencia. Andamos todo o día á procura da entrada do barranco do Cadí, e como non a dimos atopado máis que á unha da tardiña, demasiado tarde para entrar a un barranco de 8 horas teóricas, decidimos mellor o Nyer, máis curto. Ía ben cargado de auga, e tiña bastantes tobogáns, e rápeles curtos. Os tramos de bosque, con moita pedra solta esvaradía dificultaban o avance. A aproximación ao canón e das máis bonitas que atopei, un camiño sobre rocha encaixado nunha ladeira escarpada. O camiño parte da igrexa da Rocha, que ten un campanario con forma de torre almeada. Logo do barranco montamos unha ben merecida churrascada no cámping, que nos soubo a gloria.

7 - 8 de xullo: Están de moda as tirolinas, nesta data foi Tui, á beira do río Miño, alí compartimos tirolina e rapel cos compañeiros da Sección de Escalada para invitar a todos os pequenos tudenses e visitantes a pasar uns momentos distintos.
.

Fírbeda.

 

 

 


9 - 10 de xullo: ¿Guara ou Pirineos?
Estes días, estivemos por Graus (Huesca) visitando un amigo que temos alí. Aproveitando a visita, Ton, decidiu levarnos a Guara a facer o Barranco do Formiga. A súa sinxeleza, encaixoamentos e marmitas cristalinas fíxonos gozar.
O domingo subimos a Castejón de Sos (Pirineos) a facer o Barranco do Liri. Acceso inmediato, cascadas limpas e seguidas, auga óptima e vexetación que nos rodea.
¿Que plan vos gusta máis ?

 

A Sección

 

 

 

Espeleonovas
.
10 - 11 setembro: 8º Campamento Social descenso de Canóns. Iremos a Mondoñedo se conseguimos documentación ou senón se verá
17 - 18 setembro: Práctica Socorro. Para os membros de Espeleosocorro.
18 setembro: Cultura Espéleo. Saída conxunta coa Sección de Cultura, iremos a Santalla de Lóuzara (Caurel).
24 - 25 de setembro: 10º Campamento Social Infantil-Xuvenil de Espéleo. Houbo que aprazalo, máis agora que se foron os grandes calores estase mellor de cámping. Iremos ó Caurel que xa levamos tempo sen visitar.
8 - 9 outubro: Xuvenil Baixo Terra. A cova de Traslacosta será o noso obxectivo.
22 - 23 outubro: Campamento Social de Espeleoloxía.

 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

SETEMBRO

3-4 Monte Aloia Marcha Nocturna: PRG 2 Galiñeiro – Aloia S.D. Montañismo
9 Local Social Festa Reencontro S. Actividades Sociais
10-11 Mondoñedo 8º Campamento Social Descenso Canóns S.D. Espeleoloxía
10-11 A Gudiña O Camiño de Santiago, Vía da Prata. Etapa III: A Gudiña - Laza S.D. Sendeirismo
11 Os Peares Escalada no Canón do Sil S.D. Escalada
17-18 Práctica de Socorro FGE - GEG
17-18 Galiñeiro Xuvenil. Xornadas de Escalada S.D. Escalada
18 O Saviñao VII Marcha Galega de Veteranos. Embalse de Belesar FGM - Ribeira Sacra
18 Santalla de Lóuzara Saída combinada: Cultura - Espeleoloxía. Santalla de Lóuzara S.D. Espeleoloxía - S. Cultura
18 Ría de Vigo Inmersión submarina S.D. Actividades Subacuáticas
24-25 Caurel 10º Campamento Social Infantil-Xuvenil de Espéleo S.D. Espeleoloxía
25 O Incio Escalada na Serra de Incio S.D. Escalada
25 Goián Sendeiro tranquilo. Niño do Corvo - Castelo de San Lorenzo S.D. Sendeirismo

OUTUBRO

1 Galiñeiro Serra do Galiñeiro S.D. Bici de Montaña
1-2 Serra da Culebra Zamora S.D. Montañismo
2 Galiñeiro Escalada en Fendas S.D. Escalada
8 Pena Corneira Copa Galega de Escalada de Bloque FGM - G.M.ALUD
8-9 Caurel Xuvenil. Baixo Terra. A cova de Traslacosta S.D. Espeleoloxía
14-15 Gran Canaria XXXII MARCHA NACIONAL DE MONTAÑEROS VETERANOS FEDME - G.M.GRAN CANARIA
15-16 Fragas do Eume XXXIV Campamento Infantil-Xuvenil de Montaña FGM -S.M. Ártabros
15-16 Vigo Xornadas Autosocorro FGE - EGE
15-16 Laza O Camiño S., Vía da Prata. Etapa IV: Laza - Xunqueira de Ambía S.D. Sendeirismo
22-23 Campamento Social Espeleoloxía S.D. Espeleoloxía
22-23 Curso Orientación en Montaña FGM - EGAM
22-23 Curso Iniciación Rocódromo FGM - EGAM
23 Ría de Arousa Inmersión submarina S.D. Actividades Subacuáticas
23 Pontesampaio Sendeiro tranquilo. PRG 48 Entre Rías S.D. Sendeirismo
29-30-31-1 Cantabria Campamento Galego extraterritorial de Espeleoloxía FGE - GES Alpino Ourensán
29-30-31-1 Neila (Burgos) Canón Río Lobos - Picos de Urbión S.D. Montañismo

 

 

Edita: Club Montañeiros Celtas.
Dirección, maquetación e montaxe: José López Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle.
Colaboran neste número:
Marisa Núñez, Françoise Fauré, Martén García, Manoel Chao,
Concha Gilino, Elvira Álvarez, Javier Canabal, Gaspar Ribé,
Mª Teresa García Cebreiros, Maruxa Pérez, Fernando Fernández,
Lourdes Castiñeira, Eugenia Carrera, Alberto Fontela, Miguel Caramés,
Antón Iglesias, André Iglesias, Xabier Balado.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado
 

 




Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

 

Modifiquei esta páxina por última vez en Setembro de 2005.