Boletín de Setembro de 2003

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines CalendariosFotosEnlaces



 
 

  O NOSO APOIO Á MOCIDADE

 Club Montañeiros Celtas está comprometido en fomentar os deportes de montaña, especialmente entre a mocidade, sendo os novos montañeiros quen algún día serán sen dúbida o motor do noso Club. Proba disto é a recente organización do Campamento Galego Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía da FGE, celebrado nas furnas do Concello de Cangas este mes de setembro, ou a organización, en colaboración con Ártabros (A Coruña) do vindeiro Campamento Galego Infantil-Xuvenil de Montaña da FGM que terá lugar nos Montes do Bocelo, no Concello de Toques, ó comeza-lo mes de outubro. Estas actividades, destinadas ós mozos e mozas de toda Galicia coa licencia federativa correspondente, nós afrontámolas cunha grande ilusión e a confianza que nos dan os moitos anos de experiencia.
 O longo do ano organizamos, dende a Seción Infantil-Xuvenil, unha serie de actividades de montaña en fin de semana, destinadas ós socios máis cativos, dende os 8 anos. Entre estas, a máis destacada é a coñecida Operación Benxamín, concibida coma un curso de iniciación ó montañismo.
 Dando continuidade ás actividades infantís, tamén lévanse adiante actividades dedicadas ós rapaces e rapazas dende os 14 ós 18 anos, que son unha boa oportunidade de encontro entre os compañeiros de aventura para seguir compartindo a montaña e a natureza. Preparadas e guiadas polos responsables das distintas secións do Club: Montañismo, Espeleoloxía, Escalada... queremos que estas actividades tamén sexan propostas pola mocidade, que sexan do seu interese e agrado, polo que para elabora-lo calendario 2004 reunirémonos con eles na busca dunhas datas axeitadas para a súa realización.
 Todo ísto sen esquecer que, normalmente, todos poden participar nas actividades do Club destinadas ós adultos, se contan coa preparación axeitada... e as ganas de aturar ós maiores. Como apoio ó montañismo familiar, subvenciónanse ós menores as viaxes de bus, sempre que vaian acompañados por un dos seus pais.
 A formación deportiva é outro dos nosos obxectivos, xa que tanto o coñecemento da técnica como do medio no que se desenvolve a actividade, son moi importantes, polo que o Club ten unha liña de subvencións para os participantes nos cursos oficiais, como poden ser os organizados polas Escolas das distintas federacións: cursos de escalada, alpinismo, espeleoloxía, descenso de canóns, esquí, orientación... sendo os menores de idade os que teñen unha maior porcentaxe de axuda.
 Os pais confíannos os seus fillos coa seguridade de que estamos facendo unha labor que vai máis aló de que lles deixemos, a eles, a fin de semana libre. Unha labor que pretende darlles ós mozos e mozas un xeito de aproveita-la fin da semana na compaña de amigos, descubríndolle-la montaña como alternativa para os seus momentos de ocio. O montañismo non só é andar, aínda que moitos así o pensen, hai todo un mundo por descubrir e coa preparación axeitada e coas indicacións precisas darémoslles a coñece-las paredes de rocha, as covas, a neve... Os monitores levan adiante actividades que mostran o medio natural que nos rodea, dedican desinteresadamente o seu tempo libre para da-lo mellor de se mesmos e para formar non só na actividade física, normalmente ó aire libre, o que de por si xa é excelente, senón tamén na relación coa natureza, a paisaxe, as xentes, e transmitir valores como o compañeirismo, a convivencia, a solidariedade, a conservación do medio ambiente e do patrimonio... un conxunto que fará deles mellores persoas. Trátase de compartir a herdanza montañeira, a experiencia e os coñecementos que pasan de xeración en xeración. En definitiva, queremos e desexamos contribuír a manter vivo o espírito do montañismo... porque siga sendo moito máis cun deporte!

 Dende aquí queremos invitar á mocidade a participar nas actividades que preparamos especialmente para eles:
 Sexas mozo ou moza, a túa participación é importante para ti... e para nós! Vén!

Sechu
 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

NOVO  PIN
Xa temos o novo pin do Club, a nosa insignia.
 O seu prezo é de 1,5 €  por unidade

ESCUDO  BORDADO
Encargamos uns escudos bordados sobre base de feltro recortado, que pode ser cosido sobre unha prenda, mochila, etc. O seu prezo e de 3,5 €  por unidade

CUARTO  DE  MATERIAL
Despois dunha ardua labor, xa temos ordenado o cuarto de material polo que será máis cómodo e sinxelo atopa-las numerosas cousas que nel gárdanse.

MOBILIARIO  DA  BIBLIOTECA  E  CORREDOR
Seguindo coa mellora das nosas instalacións no local social, imos construír unha nova libraría para a biblioteca ademais dunha mesa central. No corredor dividiremos e pecharémo-lo armario empotrado así como se colocarán portas nos estantes que alí se atopan.

II  CONCURSO  DE  FOTOGRAFÍA  DE  MONTAÑA

Estamos a preparar a 2ª edición deste concurso fotográfico nacional que tan fermosas imaxes nos presentou o pasado ano. Actualmente na fase de busca de patrocinadores e colaboradores, temos a intención de mellora-la dotación de premios da 1ª edición o que posiblemente aumentará o número e calidade das obras, repercutindo nun maior prestixio. Proximamente recibiredes a información nun folleto que está en elaboración.

ACTIVIDADES  SUSPENDIDAS

Cando unha actividade do Club sexa suspendida ou aprazada, aqueles que xa a tiveran pagada, poden recuperar os seus cartos integramente, pero establecéndose un prazo para facelo que será de dous meses dende a data prevista para a actividade, entendéndose que os que non os soliciten, renuncian a cobrar e o seu importe considerémolo unha doazón.
 
 

BICICLETA DE MONTAÑA

Para outubro

 O vindeiro recorrido en bici iníciase nas Pozas de Melón (xunto á autovía), será o  domingo  26 de outubro. Descende ata o río Miño e se regresa seguindo o “Río Cerves” ascendendo ata as pozas (se a choiva nos acompaña, gozaremos de espectaculares fervenzas). O remate da actividade, iremos ata as Termas da Chavasqueira, en Ourense, polo que non esquezades o traxe de baño,  a toalla e as chanclas.
    Xa  estades  anotados,  non  tedes  escapatoria !         Escrich
 
 

SECCIÓN DE CULTURA

Novo curso de fotografía:
Aberto período de inscrición dende o día 1 de Outubro para Curso de Fotografía Iniciación ou Perfecionamento, a realizar nos meses de Outubro e Novembro. Reunión o Martes 14 de outubro ás 20:30 h no local social. Darase preferencia á orden de inscrición pois as prazas son limitadas.
Prezos e programas similares ós últimos cursiños, para máis información asistir á reunión. O Monitor serei eu, que o fun nos 2 últimos cursiños e en principio só se fará un dos dous, ou ben iniciación ou ben perfeccionamento, en función da demanda.
Animádevos que pronto seremos moitos os fotógrafos do Club, xa somos un bo puñado pero hai que melloralo.
Martin (Shambala)

"O TÍBET, AS SÚAS XENTES E A MONTAÑA

CAPITULO II. Fuxida do Tíbet: Por Tenzin Dolkar

Ben aquí me tedes escribindo estas liñas resumindo e transcribindo o relato que recibín en cassette en terras Indias, da miña boa amiga Tenzin Dolkar, explicando a súa calafriante fuxida do Tíbet que non é unha experiencia única, se non que miles de tibetanos a seguen protagonizando ano tras ano. A min emocionoume o relato, espero que a pesares da miña, ó mellor non moi boa, transcrición, vos chegue a forza das palabras de Tenzin Dolkar nunha experiencia de supervivencia ó límite. A linguaxe  empregado non é perfecto pois procede dunha persoa que non é oriúnda e non o melloro moito para non perder esa forza das palabras.

 "Levo 7 anos en España dende 1996. Os meus pais tiveron 11 nenos, morreron 4 de pequenos. Nacín en 1976, en Tíbet rexión de Kham, nunha aldea chea de Chineses. De pequenos tivemos moitísimo sufrimento, os Chineses tiñan toda a casa, os meus pais traballaban para eles de día e de noite, a comida e a roupa eran insuficientes e tratábannos moi mal. Cando non tíñamos comida suficiente, íamos roubar comida ós porcos dos Chineses, moito mellor esa comida que a nosa. Ás veces os chineses  víannos, outras non, así levábamos a vida con moitísimo sufrimento. Non tiña zapatos para andar por terreo rochoso seguindo o noso pequeno rabaño de animais, e pasaba unha gran dor. Eu era pastora, non podía ir á escola, non puiden aprender ler e escribir tibetano. Ademais os chineses non ensinan tibetano nas escolas, así aprendín un pouco ó chegar a España co meu tío.
Un día o meu irmán enfermo cun forte arrefriado e como os chineses queren extermina-la raza tibetana, cremos que lle deron un medicamento equivocado e quedou discapacitado mental, de pequeno era estupendo estudiante.
Escapei do Tíbet a Nepal con 18 anos, ó morre-la miña nai decidín busca-la felicidade, e supera-lo enorme sufrimento físico e mental que tiña no Tíbet. Fun ó Centro do Tíbet con 4 días de viaxe en autobús, coa miña prima que é médica tibetana, isto foi no ano 88, houbo unha gran manifestación tibetana contra os Chineses, as nosas armas eran paos, pedras e a Foto do Dalai Lama e a bandeira tibetana. Foron 2 días de manifestación e empezaron os chineses a coller a todo o mundo, maiores e pequenos como animais ó cárcere, chegaron tanques e camións con militares, perseguiunos a policía e escapamos ó Norte, alí pedimos a unha familia na súa casa que nos esconderan e a pesar do medo da familia, escondéronnos no lugar dos animais, pasou a policía e non nos veu. Tiña claro que quería escapar a Nepal, pero gran dificultade pois camiños principais cortados por Chineses e Nepalís, debíamos ir por montañas. Xuntámonos un grupo de 16 persoas, algúns monxes, 5 nenos e varios mozos máis 2 guías. Os nenos viñan sen pai nin nai. Os guías chineses de compaixón aceptáranos no grupo pois os seus pais no cárcere ou mortos, e non lles pedían cartos. Os demais tíñamos que pagar, Eu vendín os meus pendentes e adornos e dinlle os cartos ós guías.
Íamos andando e debíamos dicir que non éramos exiliados e íamos visitar lugares sagrados en peregrinación, inda así mellor que non nos viran. Os primeiros días foron de pouco andar pois os nenos pouco fortes, en total andamos un mes e medio, de noite e de día, sobre todo de noite. Eu levei uns zapatos chineses moi malos e ós 2 días estaban estragados, así sufrín moitísimo cos pés, un compañeiro deixoume os seus zapatos que cando chegábamos á herba mos quitaba para que duraran máis.
Ía cos pés sangrando. Houbo 3 días que non encontramos auga, entón na boca tíñamos como sangue, ata chegar á neve e a comíamos. A comida principal era cebada moída, manteiga e azucre. Subíamos montañas, baixábamolas, atravesábamos ríos con auga xeada e ata o peito, para os nenos foi moi difícil, todo para evitar ós chineses. Preparábamos roupa seca para os nenos que chamaban á súa nai e pai, que non estaban. Durmíamos debaixo das árbores e en covas, sen poder facer lume por medo ó fume que podía descubri-la policía nepalí o exército chinés, nin podíamos usar lanternas.
Camiñábamos de noite e de día durmíamos. Ás veces levábamos un neno en brazos. Un día eu estaba cos pés sangrando, coa regra, pedín morrer con tranquilidade debaixo dunha árbore, sen estar cos chineses estaba moi feliz, os monxes  animáronme e colléronme , eu estaba moi cansa. Ó final dun mes e medio, chegamos a Nepal sen comida e todo moi caro, moitos bechos, chupábannos o sangue a todos, nenos e maiores e pasamos moitas noites andando, sen ver e con perdidas en bosques e barrancos, foi moi difícil.
O guía un día avisounos que este era o día máis perigoso, debemos saír moi cedo a cruzar polo lugar onde hai policía, pois non hai outro paso. Ás 4 a.m., dixo que era boa hora pois a policía estaba durmida, entón por favor ide en silencio especialmente os nenos. Pero ó cruzar víronnos e díxonos un policía nepalí que deixáramos tódalas cousas e quitáramos a roupa. Eu negueime, pois moitas monxas tibetanas fuxidas foron violadas por nepalís. Dinlles tódalas miñas moedas chorando e tremendo. Da miña roupa sacaron coitelos, culleres e obxectos metálicos e logo deixáronnos marchar. Esa noite fomos moi afortunados pois tocounos unha quenda de policías nepalís que deixounos ir, nese lugar colleron a miles de tibetanos e devolvéronos ó Tíbet e de alí ó cárcere a traballos forzados de por vida. Todos nos abrazamos chorando, así en Nepal cos pés conxelados, ollos queimados (os nenos non tiñan lentes). En Nepal casa acollida para escapados, onde nos deron medicación , a casa non está en moi boas condicións, logo á India e Delhi. Moita calor pensei de novo que morría. Logo á India do Norte, Daramshala, alí casa acollida e fomos visitar a SS ó Dalai Lama, eu estaba emocionada e non era capaz de responder a tódalas súas preguntas, o Dalai Lama acariciábame e dicía tranquilo, recupérate, recupérate e aliméntate. Logo 1 mes e medio en hospital con soro pois vomitaba a comida e volta á casa de acollida para pedir escola ou traballo. Fun entón a Nova Delhi a un traballo de bixutería. A miña familia falárame moito do meu tío, un lama moi importante e o Sr. que me deu traballo era moi amigo deste lama e iso influíu en conseguir bo traballo. Logo comuniquei co meu tío en Menorca. No 96 vino en Nepal, era o único familiar que vin en anos e os discípulos do meu tío en España cursáronme invitación para vir a España como asistente do meu tío e fun moi feliz todos estes anos en España, inda que como refuxiada tibetana non me deron permiso laboral.”

De esquerda a dereita: Tenzin Dolkar, o seu marido e Martín
Agora Tenzin Dolkar está felizmente casada con outro tibetano e vive en Menorca nunha preciosa casiña nun centro de meditación.
Ben, xa vedes que o problema tibetano segue candente inda que polas últimas informacións e unha nota de SS o Dalai Lama hai achegamento de posturas co novo goberno Chinés. Así todos esperamos que isto redunde nunha nova situación deste pobo que perdeu o seu pais.
                                       Martín
 
 

ACTIVIDADES SOCIAIS

FESTA  REENCONTRO

O venres día 12 de setembro, creo que toda a  xente que se acercou ao Club gozou có “reencontro” despois das vacacións. Circulaban fotos do verán entre vasos de sangría e pinchos.
Unha vez “saciados” entra en xogo a música cuns bailes populares. Para iso viu Tito que se prestou a anima-la velada co seu acordeón. Os bailes os explicou Suso, presidente do grupo de baile “Danzas do mundo Monteira”. Creo que marcharon encantados, de sentir que a xente gozara da música e do baile. Persoalmente alegroume a participación, esta vez importante, de socios; penso que nos divertimos.                F.F

Tito, Françoise e Suso nunha pausa da festa

MAGOSTO

O domingo día 9 de novembro, vamos aproveitar o magosto social que se celebrará o sábado 8 no refuxio do monte Aloia, para realizar xogos populares pola mañá. Pedín axuda especialmente a Antonio Álvarez, para organizar xogos como: o pateiro, a buxaina, a ra, a chave, a petanca, o tiro da corda... Tamén espero poder contar coa presencia de Eugenio Castro que nos podería iniciar no xogo dos bolos celtas ( material de madeira de buxo).
 Trátase de pasar unha mañá divertida recordando xogos tradicionais.
Despois do esforzo, que vos parece se nos deleitamos cunha comida preparada por uns cantos e compartida entre todos polo módico prezo de 5 euros?
Recordade que estades invitados ás castañas e ao viño o sábado pola noite.
                       ¡Animádevos!
 F.F.
 


SECCIÓN INFANTIL-XUVENIL

CAMPAMENTO INFANTIL DE VERÁN.
 LEIRO, 5-6 DE XULLO

Como xa vén sendo habitual nos últimos anos, como remate de actividade e antes de coller vacacións de verán facemos  a saída de “relax”, moito baño e pouco andar.
Este volvemos a Leiro (preto de Ribadavia), xa que o cámping resulta moi cómodo, apenas hai xente (o que nos permite ter moi controlados ós rapaces) e temos unha boa zona de río para o baño.
O programa, do máis relaxado, montaxe de tendas e baño, a pena foi que o primeiro día o tempo non nos acompañou polo que houbo que saír axiña da auga pois facía un frío que pelaba, así que para facer un pouco de tempo ata a hora da cea demos unha voltiña polos arredores.
O domingo tampouco amañeceu como esperábamos pero ó longo do día foi abrindo ata quedar un sol espectacular. Aproveitando o anubrado das primeiras horas fixemos un paseíño e despois xogos e baño ata a hora de xantar.
Pola tarde volvemos darnos un chapuzón para a última hora recolle-las tendas e colle-lo autobús que nos traía de volta a Vigo.
Con esta saída os máis pequenos despedíronse ata setembro que volvemos inicia-las actividades.
Monitores da sección

MONTES DO BOCELO ,  TOQUES ( A CORUÑA). OUTUBRO 2003

De acordo ca FGM, o Campamento e Marcha Galega Infantil-Xuvenil do presente ano 2.003, organizámolo conxuntamente a Sociedade de Montaña ÁRTABROS, de A Coruña, e o Club MONTAÑEIROS CELTAS, de Vigo.
Esta actividade, que terá lugar os próximos días 4 e 5 de outubro, desenvolverase nos MONTES DO BOCELO, no Concello coruñés de TOQUES, a 6 km de Melide. O lugar de acampada elixido atópase a 470 m de altitude, en Souto (Toques) no recinto da Piscina Municipal, situada na parte posterior do edificio do Concello e enfronte ó Centro de Interpretación do Patrimonio e a Paisaxe. Os participantes na actividade, para ter tal condición, deben estar “en posesión” da licencia federativa do ano en curso, así como de autorización paterna.

MARCHA  DE  REGULARIDADE:

O percorrido, sinalado con cintas de cor vermella, salva un desnivel de 280 m, con saída e chegada ó lugar de acampada.
Os participantes farán a marcha en grupos de tres, e non serán acompañados por adultos.
O longo do percorrido haberá controis de paso dos participantes, ademais de membros da organización en diversos puntos. Establecerase, a metade do percorrido da Marcha, un punto de avituallamento, con bebida e comida lixeira para ós participantes.
Puntos de interese: arquitectura popular, bosque autóctono, San Antoniño de Toques, Camiño Real, Pena Moura, vistas panorámicas.
Por tratarse dunha Marcha de Regularidade, premiarase ós grupos que máis se aproximen ó horario establecido pola organización.
PROGRAMA:

SÁBADO, 4 de outubro:

16:00  -  18:00 h:
Recepción de clubs e participantes.
Formalización de inscricións.
Montaxe de tendas no lugar de acampada.

17:00  -   20:00 h:
Multiactividade lúdico-deportiva, na que os participantes poderán realizar:
Escalada en rócodromo
Tirolina
Ponte colgante
Tiro con Arco
Carreira de Orientación
Ximkana de xogos

20:00  -  22:00 h:
Cea.
Configuración dos grupos participantes na Marcha de Regularidade.
Sorteo do orden de saída dos participantes.

22:00  -  24:00 h:
Velada

24:00 h:
Silencio

DOMINGO, 5 de outubro:

08:00  -  09:00 h.:
Almorzo ( por conta da Organización)

09:00  -  09:15 h.:
Control de Saída dos participantes na Marcha de Regularidade.
Reparto de dorsais.

09:15  -  15:00 h.:
MARCHA DE REGULARIDADE

15:00 h.:
Xantar

16:30 h.:
Clausura da actividade. Entrega de recordos ós participantes e Premios á regularizase

ORIENTACIÓN

XORNADAS DE ORIENTACIÓN EN MONTAÑA

 Durante os pasados meses de xuño-xullo e principios de agosto e en xornadas de dúas horas diarias, dúas veces por semana, celebrouse no local de Montañeiros Celtas ditas xornadas, nas que se desmenuzaron tódalas facetas da Orientación, como Historia da Orientación, Xeografía aplicada, Historia da Planimetría, Planimetría, compás de orientación e Orientación por outros medios naturais.
 A participación foi de 18 alumnos cun aproveitamento excepcional, logrando conseguir que un cúmulo de coñecementos se transformase nun xogo apetecible.
 Na primeira xornada fíxose a presentación e a entrega ós alumnos do material didáctico (dossier de información e datos) e en días posteriores os exercicios teóricos así como o material técnico (compás de orientación, transportadores etc.) cedido polo club.
 Nas diferentes xornadas impartíronse as clases teóricas, cos seus correspondentes exercicios teórico-prácticos que permitiron potenciar tanto os coñecementos adquiridos así como as súas posibles aplicacións.
 Tamén dentro das practicas de cartografía, fíxose un estudio pormenorizado, da simboloxía e totalidade de datos aportados polos mapas, co descubrimento agradable tras a súa correcta interpretación.
 A través de mapas de Pirineos e Picos de Europa conseguiuse defini-los recorridos idóneos, en función da orografía, duración aproximada dos mesmos así como o seu grao de dificultade, tamén se planificaron  recorridos cuxa duración non excedese dun  día e outros de varias xornadas coas posibles localizacións de lugares idóneos para pasa-la noite, etc.
 As Xornadas finalizaron cunha saída ó campo, escollendo como marco incomparable a panorámica da Ría de Vigo dende o monte Alba, tomando datos do terreo para transportar ó plano como a inversa, localizando diferentes puntos desta zona como o Faro Domaio, Vixiador, Pedra Cabalaria, Hermelo ou Punta Sobrido entre outros, terminando cunha parada nos Catro Ventos da Garrida.
 O monitor das Xornadas (o que asina) é Instructor da E.N.A.M. e da F.E.D.A.S.   Toñi

O ESPÍRITO DEPORTIVO

Para o orientador, o bosque, a natureza,  é o seu lugar de adestramento, por isto a súa conservación é obxectivo fundamental.
Respecta o medio natural.

REGULAMENTO  DAS  PROBAS:
- Esta prohibido seguir a outro participante, para aproveitarse do seu sentido da orientación.
- A asistencia mutua é obrigada, no caso de accidente dun participante.
- O recorrido non será valido, se os controis non se realizaron na súa totalidade.
- O corredor que abandone o recorrido, regresará ó inicio e avisará ó organizador. Non poderá axudar a outros participantes.
- Non se permite a utilización de instrumentos que permitan medir a altura ou distancia recorrida.
- O organización reservase o dereito de suspender a proba en caso de mal tempo.

INSCRICIÓNS: de balde. Peche de inscricións o Xoves anterior á fin de semana da actividade.

II CARREIRA DE ORIENTACIÓN
 “MONTAÑEIROS CELTAS”

A MADROA, 12 DE OUTUBRO

PROGRAMA
Recepción dos participantes: 10:30 a 11:00 h.
Comezo da proba: 11:00 h
Fin da carreira: 13:00 h

REQUISITOS DOS PARTICIPANTES: Boa condición física, xa que require esforzo físico importante. Coñecemento do medio e interpretación de mapa e compás.

DESCRICIÓN DA PROBA. Consiste en realizar un trazado de dificultade variable, debuxado no mapa e materializado no terreo por balizas brancas e laranxas, no menor tempo posible coa axuda do mapa e compás como únicos instrumentos materiais. Para garanti-lo noso paso polos puntos marcados, levaremos unha tarxeta de control, que deberemos "marcar" na súa totalidade de forma que o final do percorrido teñamos tódalas marcas dos diferentes controis.
III XORNADAS DE ORIENTACIÓN

A MADROA, 26 DE OUTUBRO

Trátase de facer unha proba similar a unha carreira de orientación pero dun xeito máis sinxelo e aberto a unha ampla participación, polo que o programa é igual ó anterior coas seguintes modificacións:

REQUISITOS DOS PARTICIPANTES: de 6 a 80 anos de idade con boa condición física, pero non se require o esforzo dunha carreira. Coñecemento do medio e nocións básicas de mapa e compás para os maiores de 8 anos.

MATERIAL NECESARIO: Calzado resistente e axeitado ó tipo de terreo. Roupa deportiva (tipo chándal) chuvasqueiro e aconsellamos levar roupa e calzado de reposto. Asubío, que axudará en caso de ter problemas na carreira e facilitará a localización no caso de perda. Mochila de ataque (mochila de pequena capacidade, 15-20 l.) con froitos secos (non salgados), auga e froita facilmente transportable.

¡Animádevos a participar, é de balde!

Lourdes Domingo

SECCIÓN SENDEIRISMO

O CAMIÑO DO NORTE: RIBADEO- SANTIAGO

1ª ETAPA RIBADEO- LOURENZANA 06-07/ 09/ 03

A sección de sendeirismo retoma a súa actividade despois dun verán que esperamos foxe  estupendo para todos, e que mellor que comezar co camiño de Santiago, xa que como sabedes, despois do 2004 ata o ano 2015 non volve ser Ano Santo.
Agradecémo-la aceptación desta proposta que contou cun grupo de 27 participantes. Saímos segundo o previsto o sábado ás 16 h., chegando a Ribadeo ás 20 h. como estaban en festas, tivemos que esperar a que finalizase o partido de baloncesto que se estaba xogando no polideportivo que amablemente o concello cedéranos para pasa-la noite. Instalámonos e saímos a dar un paseo e ve-lo ambiente festivo, intentamos cear todos xuntos nalgún restaurante,  cousa imposible xa que debido ás festas toda a cidadanía estaba na rúa e foi imposible encontrar un lugar para tantos, así que decidimos separarnos por grupos, isto xa foi mellor, todos gozamos da cea. Como ó día seguinte había que madrugar quedamos ás 0:15 h no polideportivo,  e inda que todos fomos puntuais, entre unhas cousas e outras apagámo-la luz á unha da madrugada.
Miguel foi implacable, ás 6 h. diana, ' ¡que caras ¡ ' Deixamos todo recollido, almorzamos no mesmo pavillón, pois levábamos todo o necesario para iso: zume de laranxa, leite, café, cola-cao e un bo surtido de bolería e galletas, xa que non durmíramos moito, ó menos saír con forzas.
Ás 7:30 h e completamente de noite saímos, a temperatura era un pouco fresquiña pero estupenda para camiñar, vemos amañecer á altura do monte de Santa Cruz dende onde se divisa unha espléndida panorámica de Ribadeo inda iluminado. ás 9:30 h fixémo-la nosa primeira parada de  25' na PONTE, a segunda foi en Gondán ás 12:30 h só de 15' , aí xa sentíamos que nos faltaba pouco para Lourenzana, de feito chegamos ás 14 h. Este camiño transcorre demasiado por asfalto e subindo, o que fai un pouco cansada a etapa, a prol temos a bonita paisaxe da campiña e as moitas parroquias con sabor que pasamos.
O sol entre nubes acompañounos todo o camiño cunha temperatura estupenda para camiñar.
¡Ah! En todo o recorrido nin unha soa fonte nin un só bar para facer unha parada extra .....
Chegamos con fame, así que no mesmo centro do parque, á carón da súa preciosa igrexa barroca de 1732,  sentamos a comer e algúns a durmir a sesta, ata as 17 h que saímos para Vigo.
Esperámonos na segunda etapa o 11/12 de outubro Lourenzá-Abadín
Animádevos a compra-la camiseta do camiño con esa cor azul que tanto favorece.
Elva

IMPORTANTE

Cada mes a partir de outubro pretendemos amplía-la oferta cun sendeiro "tranquilo", empezando polo que vos propomos para o domingo 26 de outubro.

PRG 30 SENDEIRO DA PICARAÑA
Saída ás 9:00 h do Club. Autobús.
LONXITUDE
15 km
PUNTO DE PARTIDA-CHEGADA
Convento de Canedo (Ponteareas).
RECORRIDO
Convento de Canedo, Campamento Xuvenil, Ermida de A Picaraña, Cima de A Picaraña, Pena do Equilibrio, Castelo de Soutomaior
DIFICULTADE
Media.
O sendeiro ascende e descende A Picaraña pero sen grandes desviváis
 
 

MULTIACTIVIDADE NA RIA

 Esta actividade non reuniu a moitos participantes, xa se sabía que a combinación de tan variadas modalidades deportivas metía medo, pero non foi para tanto, xa que a nosa intención foi gozar dunha multiactividade emocionante, divertida e nada competitiva, que saíu perfecta. Todos rematamos moi contentos pola actividade e satisfeitos pola organización. Importante valorar e agradecer o traballo dos socios que sen chegar a participar nas actividades, estiveron alí para que non faltara de nada, especialmente destacar a dous compañeiros: Lourdes Castiñeira e Francisco Escrich que estiveron a cargo de case todo, dende o transporte de material ata a comida, pasando polo apoio constante, as fotos... para que os demais o pasáramos ben, simplemente gracias amigos. Tamén destacar a colaboración da Familia Gil que cedeunos a súa gran furgoneta na que cabían tódalas bicis, macutos, etc. Este ensaio xeral permitiu falar de futuras edicións nas que esperamos maior participación pois xa son moitos os socios que teñen intención de probar o vindeiro ano.
 Fernando, Vázquez, Juanjo, Marcos, Balado, Sueiro, Xavi e máis eu, fomos os 8 montañeiros Celtas que embarcamos  nas kaiaks de mar o sábado pola mañá na praia do Bao coa firme intención de cruzar a Ría e completar toda a Travesía. Foi unha fermosa xornada na que luciu un sol radiante, e tras unha hora e media de paleo estábamos en Liméns, pero antes de tomar a praia, achegámonos á saída da Furna de Santa Marta, para votar unha ollada por onde un rato despois íamos saír nadando. Deixamos os kaiaks no Cámping Liméns e seguindo a pé pola beira do mar, chegamos á furna onde os estupendos compañeiros de espeleoloxía tiñan todo preparado para que nós só tivéramos que elixir se descender pola corda ou polo electrón. Despois do obrigado baño, seguimos polo paseo mariñeiro ata Cangas, onde esperábanos unha comida campestre entre amigos a base de empanada, ensalada e viño. Tras unha paradiña nun bar para tomar o café, partimos cara á terceira actividade, a Marcha que levaríanos, na grata compañía de Conchi e Mónica, ata o refuxio de Faro Domaio onde chegamos despois de cinco horas, algo cansos, sobre as dez da noite. É unha sorte contar con este refuxio do Club, construído, como tantas cousas, co traballo e esforzo altruísta dos seus socios, nas súas liteiras repuxemos forzas para a segunda xornada que iniciamos coa preocupación da néboa que cubría toda a Ría. Despois de hora e media de cómodo descenso chegamos ata a Ponte de Rande e afortunadamente fuxira a néboa, preparámonos cos neoprenos e gorros e dirixímonos á auga, aínda tivemos que agardar un pouco xa que a marea estaría chea ás 11.25 h. o momento de menor corrente, importante telo en conta porque Rande e o punto de maior corrente de toda a Ría de Vigo. Pasadas as once saltamos ó mar, estábamos ansiosos, nadamos os 800 metros que nos separaban da outra beira na compaña de Mónica (quen asegura que o vindeiro ano fará a Travesía completa), Chao e Carlos e dúas lanchas de Protección Civil, nunha delas, igual que o día antes, ía o compañeiro Pacucho no papel de responsable da nosa seguridade. Xa na outra beira tocaba volver cambiarse de vestiario porque viña a derradeira actividade, a bici de montaña, que con 45 polvorentos Km foi sen dúbida a máis dura. Saímos da praia de Rande (xa non vén Mónica pero apuntouse Ángel, polo que seguimos once) e de seguido atopamos unha forte pendente que remataría no monte Vixiador, lugar de lembranza dun dos refuxios do Club xa desaparecido e tamén de descanso para comer o xamón asado, tortilla, ensalada e froita. Partimos preguiceiramente pero case sen parar chegamos ó Refuxio do Galiñeiro construído, tamén polos socios, o pé desta coñecida zona de escalada. Xa (algo) cansos de tanto mover as pernas, alcanzamos o emblemático Refuxio do Monte Aloia e deste xeito cubrimos nunha xornada un itinerario que permitiunos visitar tódolos refuxios presentes e ausentes do Club. A maioría de nós lucía a camiseta conmemorativa da actividade (con debuxo obra de Vázquez), agasallo do Concello de Vigo. Ó chegar devoramos unha xugosa sandía, a mellor da miña vida ¡que delicia! despois as fotos... pero que  sandía!
Sechu
 
 

CAMPAMENTO DE VERÁN CON KAIAK DE MAR

12-13 de xullo
   O campamento de verán cambiouse a última hora xa que estaba previsto facelo no encoro de Porto de Mouros, pero como anuláramo-la actividade de piragua no Tamuxe polo mal tempo, decidimos facer coincidi-las dúas actividades trasladándoas a San Vicente do Mar no Grove. Elixímo-lo Cámping Siglo XXI  pola súa boa situación, permitíanos gozar da praia e do mar, tíñamos tódolos servizos e estábamos moi cerca da praia de saída.
Fixemos a xa tradicional sardiñada moi cerca da praia, á carón dun precioso paseo que transcorre pola costa, construído en madeira  que respecta o entorno e que  vai dende San Vicente ata a vila do Grove. Empezamos coas brasas, despois o viño de barrantes e as sardiñas do xeito,  continuamos coas cancións, onde xa vimos como os compoñentes da Coral do Club  afinaban as súas cordas vogais, a festa continuou ata altas horas da madrugada na discoteca do cámping.
Á mañá seguinte iniciámo-los preparativos para a actividade de Kaiak, baixándoas dende o carro ata a praia, en total éramos 32 palistas, que nos puxemos en marcha cara ó Grove, de seguido notámo-la diferencia de remar no mar a remar no río, no río tes as fortes correntes  que te arrastran e os perigos dos remuíños e rápidos, no mar estás en constante movemento polas olas que te arrolan e nalgún momento corres perigo de envorcar,  como lle pasou a algún, as olas salpícanche polo que levamos cubrebañeiras,  tamén  tes que andar con coidado de non achegarte ás rochas onde rompen as olas, a paisaxe é fermosa xa que navegas entre rochas e baixos, coa auga transparente case cristalina  que invita a bañarse xa que a temperatura era ideal para a actividade.
Demos a volta antes de chegar ó Grove e recorrendo outra vez a costa en sentido contrario coas súas fermosas praias, chegando de novo ó punto de partida, finalizando a actividade no cámping cunha relaxante comida e sesta na herba.
Fernando

MONTAÑA

XV Marcha Galega de Veteranos

O domingo 14 de setembro tivo lugar a XV Marcha Galega de Veteranos da FGM.
 Este ano a organización corría a cargo do Club de Montaña Xistra. A ruta foi bonita, sen dificultades e ben organizada.
 Saímos de Leiro 113 participantes e cun día fabuloso. Con bo ritmo chegamos a Paredes onde estaba o segundo control. Alí dispoñíamos de avituallamento: refrescos, bocadillos, froitos secos, etc. .. e  ademais déronnos “un pao”. Explícome: obsequiáronnos a cada un dos participantes vetarán cun bastón conmemorativo deste día.
 O punto de reencontro estaba en Pena Corneira, bonito parque forestal con penedos e moita historia. Alí atópase a Igrexa de Santa María da Lamas do século XII, exemplo do Románico Galaico primitivo.
 Ó finaliza-la comida, a coral polifónica “Tuá-Tuá” deleitounos cun incrible repertorio de máis de dúas horas que axudou a facer a dixestión e a que nos viñéramos á casa felices e contentos.
La de Dios

OUTUBRO
30 Marcha Estatal de Montañeiros Veteranos

 A gran cita do montañismo veterano será este año na cidade de Sant Cugat del Vallès (Barcelona) os días 10 y 11 de outubro deixando libre o domingo día 12 para poder gozar das visitas a Barcelona, a tan só 7 minutos en coche.
 Esta actividade está patrocinada pola Federación de Montaña y Escalada (FEDME) e a Federació d´Entitats Excursionistes de Catalunya (FEEC). Poderán participar tódolos montañeiros que teñan cumpridos 40 años ou máis. Poderán a se mesmo participar tamén nos actos programados en calidade de acompañantes tódolos compañeiros en idades inferiores ós 40 años.
 A Marcha empezará en Vallvidrera, en plena Serra de Collserola, onde serán trasladados tódolos marchadores en autocares e terminará na praza do Mosteiro de Sant Cugat.
 A participación dos veteranos federados está subvencionada pola FGM con 30 € e polo Club con outros 10 € para os seus socios.
 

  ...E  FORON  UNHAS  VACACIÓNS  DIFERENTES.

Este ano a saída do Club  a Pirineos foi masiva, 63 participantes. E estas son as opinións que recollemos dos participantes.
-    - Encántanme  as marchas tipo “todo baixada” inda que sexan cara a arriba, ¡isto é Pirineos! M. C. M.
- Coma sempre boa compañía e bo compañeirismo. ¡Viva a montaña !
- Os lagos marabillosos e as costas abaixo son inesquécibeis
- ¡Insuperable! Gracias.
- Fantastique. Os Pirineos non deixan de sorprenderme.
- Ser un mesmo sen condicións climatolóxicas, é o que realmente fai que me sinta libre.
- Un forno nos Pirineos con refrixeración por auga.
- Unha experiencia que tardaría unha vida para esquecer
- O meu mellor recordo de Gavarnie, é o murmuro e o frescor das súas augas.
- Cada ano mellor. “CO-JO-NU-DA”.
- Conseguín desconectar e pasalo MOI BEN! P. D. : O móbil voulle pór o son das marmotas. ( Jua, Jua, Jua...)  Ana.
- Semana intensa e chea de moi bo rolo. Gracias á montaña. Oli.
- Un éxito máis. Gracias.
- Buscar solucións para que os organizadores podan gozalo como un máis. Sempre nos queda curto de tempo pero esta vez máis. Volveríamos repetir.
- Montaña, boa compañía e descanso. Unha combinación perfecta. Gracias.
- Todo “cojonudo”. Seguir así, animo.
- Nunca tan arriba me  sentín tan pequeno.
- ¡Que cacho de excursión!
- A excursión foi moi bonita.
- Espero que a maxia deste primeiro encontro, non se rompa co tempo. Compañeiros, compañeiros de ida. Amigos, amigas de volta.
- Vive a France!
- A min tamén me gusta a maxia, gracias por ser como sodes, ¡¡Celtas!!
- Valeu a pena esperar 6 anos para volver a Pirineos, só por facelo con Celtas. Gracias a todos.
- Marabillosa viaxe a Gavarnie, incluído o último día de marcha “ sen durmir”
- Con tanto almorzo e tanta cea, un dos meus pensamentos diarios era: Que dean as contas. Sábado, as contas deron. Conchi.
- A miña maior satisfacción foi compartir co meu fillo Bran o seu primeiro tres mil: O Taillón (3.144 m). Sechu.
- ¿Quén dixo que chovería en Gavarnie? .... eu mesma. Tivemos moita sorte de poder gozar plenamente de paisaxes únicas. F. F.
- Podemos volver unha e mil veces e non aburrirnos do espectáculo que nos ofrece Gavarnie. A. M.
- Gavarnie coas súas paisaxes inesquecíbeis, as súas árbores, as súas montañas, as súas flores pero sobre todo as súas marmotas. J. M.
ConchI
 

PIRINEOS
22-30 de agosto/2003
Tres  montañas
para  tres  amigos:
Midi  D´Ossau,
Balaitús,
Vignemale
Hai tempo, que quería volver a esta zona pirenaica, empurrado ademais por Jaime e Fernando, que non a coñecían. Para min era a terceira vez que estaba na zona, pero iso non foi ningún problema, todo o contrario, estes montes teñen o suficiente encanto e interese, como para repetir. Só nos faltaron dous puntuais, habituais por outra parte, como Pepón e Chao, pero non foi posible a súa asistencia por outros compromisos.
 Saímos o día 22 con dirección Jaca e Escarra, vila esta última onde estaríamos durante a primeira parte do noso plan de ascensións.
 Sen perder tempo e aproveitando que a climatoloxía era moi favorable, para a primeira ascensión. Iniciamos a actividade subindo o Midi D'Ossau, pola vía normal, que baixo a miña opinión, é dos itinerarios mais atractivos e variados e amenos que coñezo, así mo confirmaron os meus “mozos compañeiros de ascensión”. Para chegar a esta vía normal, tivemos que atravesar unhas praderías salpicadas de granxas de ovellas, nas que podemos gozar da “profesionalidade” dos cans pastores, ós que non se lles escapa unha, por pequena se sexa.
 Pasamos tamén polo refuxio do Pombie, normalmente cheo de escaladores, aínda que dado o avanzado da temporada non había demasiados. Este, situase xusto debaixo da impresionante tapia do Midi, onde se observan algunhas cordadas de escaladores, gozando dun día perfecto, sen vento, nin calor.
 Con algo de envexa, mirámolos, pero o noso obxectivo non eran as paredes. Atallamos un pouco por unha ladeira, moi empinada, ata o espolón rochoso, que dá inicio á vía.
 Breve descanso e primeiro contacto cun compañeiro que se nos uniu e que faría todo o recorrido de ascenso e descenso con nós, José, un señor francés, que falaba polos cóbados. Non se atrevía a subir só, pero lle animamos e acompañounos.
 Moi entretida a ascensión , discorre por zonas de trepada, constante, polas que chegamos ó cumio. Gozamos dun bo rato de descanso e iniciamos o descenso con algunhas nubes enriba e o rumor dalgún trono. Ó final pillounos o chaparrón moi cerca do coche.
 Estamos no cámping de Escarra e Jaime, ten algún problema coa humidade do lugar onde estamos acampados “lideiras de vellos con reuma”.
 Non tíñamos moi clara a ascensión ó Balaitús e aínda que tarde decidimos iniciala. Esta comeza no encoro da Sarra, enriba de Sallent de Gállego e atravesa un bonito val co río encaixado, ata coller o sendeiro que nos leva ó ibón de Respumoso, un atractivo lago rodeado de outros pequenos e con escarpadas paredes de rocha enriba. Chégamos ó collado que da acceso á Gran Diagonal, nome que ten a vía pola que queremos subir. Para mi foi a final da ascensión, xa que unha molestia nas costas non me permitiu seguir.
 Por suposto que Jaime e Fernando seguiron ata o cumio, non sen pasar por algún lugar no que se perdía o sendeiro e que facía sacar a relucir a experiencia e coñecementos acumulados noutras ascensións, xa que había patios de 200 m. Unha vez no cumio gozaron dunha impresionante vista de todo o macizo, Vignemale, Midi de Bigorre, K2 ou incluso o Aloia, son algúns dos cumios que se miran dende este lugar. O descenso foi todo un poema, xa ás miñas doridas costas, uniuse a gracia que lle fixeron a Jaime as botas, provocáronlle unhas vinchocas nas dedas polgares que deron ó traste co resto do programa de montaña.
 Isto non foi motivo para deixar de gozar da viaxe, xa que recorremos tódolos lugares que tíñamos previsto e algún máis. Pasamos polo Coll del Tourmalet e a estación de esquí de La Mongie, camiño do Val de Gavarnie. Visitamos o circo de Troumouse, lugar que recomendamos a todo aquel que lle gusten os lugares espectaculares. Visitamos Ainsa camiño dos canóns de Guara . Pernoctamos en Rodellar, pequeno pobo dende a que parten distintos itinerarios, xa sexan para escalar na infinidade de vías existentes ou para iniciar os recorridos polos canóns, entre pozas e saltos.
 Rematamos esta densa semana pasando polos Mallos de Riglos e desexando volver para facer algunha das súas alucinantes vías.
 Esta viaxe, como tódalas demais non teñen ningún valor, nin intereses... Se non é polas persoas que te acompañan.
Escrich

ESCALADA

 Xornadas xuvenís de escalada

 O pasado 19 e 20 de Xullo un grupo de mozos/as do club pasamos a fin de semana no Galiñeiro  moitos/as era a primeira vez que escalaban; outros/as (os que menos) xa escalaran  nalgunha ocasión.
 O Sábado estivemos na zona da “cornos”montáronse tres vías e aproveitamos a tarde perfectamente, aínda que sempre ai algún/a que se fai o remoído.
 No serán, adecentamos un pouco o refuxio, para estar algo mais cómodos. Todo perfecto, xa podemos cear que non a demoramos por moitos mais segundos.
Que ben estábamos, ate que a alguén se lle ocorre a ídea de ir dando un paseo ata o “Arruídos”. Aló marchamos, realmente a noite estaba estupenda para camiñar. Cando regresamos, Fernando saía do refuxio ... el saberá porque.
 No Domingo, espertamos a unha hora máis que prudente, e cando xa estábamos todos listos partimos cara a cheminea. Ninguén quedou atascado, aínda que alguén  fixo algún amago. Despois de alí, como lóstregos subimos ó cumio  pola “directísima”.
 Fin de semana perfecto, ou iso é o que se supón.
 Manoel Chao.

OUTUBRO: Xornada de escalada clásica.

 O próximo Domingo 19 de outubro intentaremos facer actividade no Galiñeiro, pero esta vez protexendo nos a vía, sen axuda dos ancoraxes que xa están postos (chapas), empregando fisureiros, friends, cravos, e.t.c.
 Para participar nesta actividade será necesario:
- - Casco, arnés, pes de gato, 2 mosquetóns de seguro, cinta plana entre 2 e 3 metros, oito e placa ou similar.  -  - Desenvolverse ben en vías de escalada mínimo Vº consolidado.
 No né necesario, pero se tedes, ou podedes conseguir algo de material (fisureiros, friends, cravos, etc.) sería fenomenal.
 Para esta actividade temos limitada a participación a tan só 10 persoas.

 Veña,  animádevos e participar.!
 Manoel Chao
 


IRLANDA

 Ben, que contamos dunha viaxe por Irlanda que durou quince días pero que nos pareceu curto e o mesmo tempo  resúltanos tan difícil de resumir nunhas liñas.
Empecemos polo principio, dende o mes de novembro do ano pasado decidimos ir a Irlanda, sen máis. Pasámonos todo o ano ansiosos polo tardío agosto e rompéndonos a cabeza en como organiza-la viaxe. Despois de moitas voltas, aparecemos en Dublín.
O programa era o seguinte: Un par de días por Dublín, logo unha travesía de tres días polo Ring of Kerry, para máis tarde acercarnos a Galway e desembarcar nas Illas de Aran. Finalizaríamos o noso periplo triunfal no norte de Connemara, ascendendo ós Twelve Bens e ó Croagh Patrick xa no condado de Mayo.
De Dublín, podedes ler nas guías para turistas, vamos ó gran. A primeira proba para sufridores viaxeiros foi o Ring of Kerry. Unha travesía de tres días polo sur da illa. Saíndo dende o pintoresca vila de Killarney, ó bordo do lago Leane,  remontámo-las súas beiras ata ascender ó Black Valley, o comezo da ruta é moi parecido a Xistral, incluídos os Toxos (Por que hai Toxos en Irlanda!!). A ruta continúa cara a Glencar, deixando ó lado o Carrauntoohil (o monte máis alto da illa con 1039 m, case nada!). Durante toda a ruta coincidimos coa dobre norueguesa de Rosiña e a súa amiga australiana, esta última moi prexudicada pola insolación.
¿Quen dicía que en Irlanda sempre chove?, exclama Sonia mentres intenta quita-lo asfalto pegado pola calor á sola das botas. Finalizámo-lo noso recorrido na costa, na enorme Praia de Glenbeigh, aquí puidemos comprobar dúas afirmacións:
1. Que o Trevo é comestible en ensalada.
2. Que os Irlandeses sofren mutacións en caranguexos cando pisan a praia, pois  alcanzan a mesma coloración cutánea nada máis toca-la area.
De aí desprazámonos en autobús a Galway, unha viaxe o máis parecido a unha mestura entre un paseo en dilixencia e un gran recorrido no Transiberiano, iso si con moita calor. Galway: Estresante, Turístico e sen posibilidade de encontrar albergue. A cidade está tomada polos turistas e nativos con ganas de xolda. Así que decidimos embarcar cara ás illas de Aran, sen máis dilación.
Na parada do bus que nos levaba ó transbordador, puidemos comproba-lo carácter irlandés: Un repartidor de bebidas empezou a disparar botellas de auga entre os que esperábamos o autobús, cunha gran algarada. Se foxe Cervexa tería formado un tumulto. Asombroso!.
As illas de Aran non defraudan, para empezar cinco quilómetros de marcha con todo o impedimento ata o noso aloxamento, un bed & breakfast moi peculiar, rexentado por un venerable ancián.  A illa é o último reducto do Gaélico, é bela en paisaxes, con cantís que impresionan e non hai palabras para describilos. Os nativos aprenderon,  a pesares de que non se deixan ver moito,  a sablear ó forasteiro, explotando as moitas paraxes e monumentos de que dispoñen (todo a 5 €). Nós inocentes, saltamos algúns controis “aduaneiros”, pois ó ir monte a través, non “puntuábamos” como o resto de visitantes. O máis espectacular destes regatea foi ó Visita-lo forte prehistórico de Dun Aengus, situado no mesmo bordo do cantil e ó cal asaltamos polo enrellado como inocentes viquingos, pois non sabíamos que máis abaixo estaban os nosos amigos dos 5€
As noites na illa pasábamolas de cháchara co ancián del B & B, o home non falaba español, pero ó final o ultimo día pronunciou: Adeus Amigo de Vigo!!, con gran asombro para nós.
Ata aquí os días transcorrían placidamente e descoñecíamo-lo que nos esperaba un pouco máis ó norte, concretamente os Twelve Bens e o mítico Croagh Patrick.
Connemara está situada ó norte de Irlanda, as montañas son pronunciadas, os vales están salpicados de lagos e a costa de illotes, así que o contraste está garantido. Tamén están garantidos os mosquitos carnívoros que asaltan ó camiñante. (Consello para outros sufridores: Non esquezades un repelente eficaz ou unha botella de whisky para resistir con paciencia).
Nun principio os Twelve Bens, son un macizo de montañas de orixe glaciar que forman un val en ferradura, ata aquí a explicación académica. Estes picos poden parecer a primeira vista outra anódina camiñata polos verdes prados, nada máis lonxe da realidade. Comezamos cedo a ascensión, sorteando turbeiras infestadas das nosas entrañables mascotas, os mosquitos carnívoros, que case nos fan pensar na retirada. Con estoicismo ascendemos pola crista do primeiro pico: o Derryclare, un 2000! (pero pés, que en metros é un pouco menos de 700), no cumio encontramos un camiñante solitario que bautizamos como “correcamiños”. Ata aquí nada de especial, salvo algunhas nubes que entraban polo mar e que non presaxiaban nada bo. Decidimos seguir un pouco máis, ata a cima máis alta BenCorr (711 m), aquí a cousa cambiou bruscamente: Baixadas por pedreiras, ascensións trepando por bloques de pedra e todo isto en vertical (ó correcamiños víamolo lonxe brincando entre as rochas). A emoción de encontrar montaña en estado puro e as belas paisaxes embriagounos, e a pesar das nubes decidimos continuar ata Bencollaghduff, outro pequeno gran reto, pois o camiño non se podía discernir entre as súas paredes rochosas. Non hai problema, seguro que hai camiño, suxestionábamonos a nós mesmos. E en verdade habíao, case milagrosamente con algunha trepada. Así foi como chegamos á nosa última cima. En total 6 picos de poucos metros pero de moito desnivel, moi parecidos (a escala) ás cimas pirenaicas. Cada pico asombrábanos cunha nova visión dun val que dende o anterior non se apreciaba, ou dos distintos reflexos das nubes sobre os illotes da costa próxima. Bonito, dixo Sonia, eu opinaba o mesmo e iso que non inda comera . Como sobremesa da nosa aventura quedaba o interminable descenso ata o albergue situado na aba destes montes, sorteando aramadas, ovelliñas, turbeiras e unhas cantas incidencias máis.
No albergue (onde os gardas se portaron estupendamente con nós) calculamos que todo o paseo levaranos 11 horas sen parar (salvo algún pito a escondidas).
Para finaliza-la parte montañeira da viaxe, acometemos a ascensión do Croagh Patrick. Cima mítica da tradición relixiosa irlandesa, aquí San Patricio retirouse para orar durante 40 díasey 40 noites, aproveitando de paso para expulsar ás serpes de Irlanda (milagre moi loable, pero un pouco inútil, pois nunca houbo serpes na illa). Como curiosidade, ata datas recentes, ascendíase en peregrinación de xeonllos e con velas a última noite de xullo, os aparatosos accidentes desaconsellaron esta práctica. A montaña é un macizo pedregoso que ascende 763 m directamente dende o mar. O camiño que en principio non presenta problemas empeza a transformarse nunha pedreira vertical, onde os peregrinos teñen que esforzarse en mante-lo equilibrio mentres que avanzan agachados polas pedras escorregadizas, case nada!. Esta penitencia vese recompensada pola visión panorámica: O mar, outra vez salpicado de illotes e os vales rotulados polas turbeiras. Como a quen madruga, Deus lle axuda, conseguimos evita-lo desembarco viquingo de turistas que nos encontramos ó descender, cada cal más pintoresco no seu estilo de mante-lo equilibro sobre as vertixinosas pedreiras.
Poderíamos seguir falando da viaxe, do carácter aberto e amigable dos irlandeses, dos seus peculiares costumes (incluídos os culinarios), de  mil e unha anécdota, pero sería estendernos demasiado….                                                            S.A. e  M.C.
Unha ultima cousa, se Irlanda é bela máis o é o carácter das súas xentes.

ESPELEOSECCIÓN

Campaña Fontefría 2003.

 Do 12 ó 20 de Xullo do 2003 tres membros da Sección, Carolina Rodríguez, Pilar Orche e Daniel Ballesteros, participaron na Campaña Fontefría 2003, que organiza a Asociación Espeleolóxica Ramaliega (A.E.R.) no macizo del Mortillano (Cantabria), destros nas labores na súa zona de traballo.
 Durante a campaña, estes espeleólogos participaron nos traballos de desobstrucción na Sima del Crucero, nun laminador obstruído por sedimentos, prospección e exploración de varios buracos (chegouse a atopar un 50m) e desinstalación da Sima de Procelosa.
 En definitiva, traballaron moito baixo sol, chuvia, calor e frío, por lugares de moi difícil acceso, sen esquecerse da convivencia diaria arredor do mesmo lume.

Campaña Espigüete 2003.

 Do 3 ó 6 agosto deste ano, Xabier Balado, Mónica Martínez, Yolanda González (G.E. Arcoia) e Daniel Ballesteros participaron na campaña Espigüete 2003, colaborando nas labores da zona de traballo da Unión Espeleológica Vallisoletana (UEVA) nese macizo.
 Tomando o refuxio do Espigüete como base, estes membros da Sección participaron na prospección en busca de novas cavidades e exploración na sima S-3, buscando unha nova unión coa S-1 no caos de bloques de Pirámide.

Noticias sobre as Covas do Cáucaso. Expedición internacional Krúbera-Voronia 2003.

 A Pilarilla expedicionaria xa está de volta coa súa xente da Sección de Espéleo. Trae noticias do máis variado sobre a expedición Krúbera-Voronya 2003, que durante o mes de agosto levouna ata as afastadas covas do Cáucaso abkhazio.
 Os integrantes foron do máis internacional: rusos, ucraínos, españois, franceses, abkhazios e un australiano. Divididos en tres grupos, acometeron a exploración de tres cavidades situadas no macizo de Arábika: Krúbera-Voronya (-1.710 metros), Kuybyshevskaya (-1.110 m) e Berchílskaya (-484 m). O obxectivo que estaba na cabeza dos alí presentes era bate-la marca mundial de profundidade e, sendo inda más optimistas, logra-lo primeiro -2.000 da historia. Para iso, buscouse a conexión, por arriba dende Berchílskaya e por abaixo dende Kuybyshevskaya, con Krúbera-Voronya, así como a continuación de dita sima na “Sala dos Espeleólogos Soviéticos” (-1.710 m) ou vías alternativas. A última opción foi a que obtivo os mellores resultados; o mergullo do sifón de -1.460 m permitiu acceder a unha serie de grandes pozos, quedando a punta de exploración a -1.680 m na cabeceira de outro pozo. Así que o ano que vén…
 Ó final da expedición, os acontecementos aceleráronse vertixinosamente, e Krúbera-Voronya escribiu en tan só uns días varias páxinas da súa historia: houbo unha crecida, un terremoto, un raio que chegou ata o teléfono do vivac de -1.215 m e accidente case no vivac de -500 m, que por fortuna resolveuse cunha operación de rescate que sacou ó ferido á superficie.
 Do resto de detalles da expedición prometeu dar cumprida conta, e xa está preparando un artigo. Tamén lle gustaría preparar unha proxección no Club, á que estades todos invitados.

Zona de traballo.

 Este ano volveuse retoma-las labores da zona de traballo que leva o GES M Celtas na Serra de A Enciña de Lastra (Rubiá, Ourense) entre as localidades de Biobra e Robledo de Lastra. Decidiuse concentrar tódolos nosos esforzos na topografía da Sima de Rafavei (cavidade explorada xa en Marzo do 1961 por membros da Sección) e na recompilación e elaboración da documentación da cova (descricións, accesos, localización...).
 Para isto, realizaron varias incursións á cavidade os días 15-17 e 30-31 de Agosto por parte de Lourdes Castiñeira, Xabier Balado, Mónica Martínez, Miguel Caramés, Yolanda González (G. E. Arcoia) e Daniel Ballesteros.
 Tomaron datos topográficos, medidas de temperatura e humidade en diferentes puntos da cova, captura (e posterior solta) de insectos e clasificación, instalación dun spit, tiraron fotografías...
 Actualmente estase a confecciona-la topografía e a memoria do presente ano polo que xa se pecharon os traballos por este ano, pero volverémo-lo vindeiro para traballar máis.Descenso de canóns en Asturias.

 O 23 e 24 de Agosto, Xabier Balado, Mónica Martínez, Emilio Pérez, Juan Carlos Paramá e Daniel Ballesteros xunto cos membros do GE Arcoia, Yolanda González e Moncho Vila (a quen xa se lle botaba de menos nestes círculos) foron descende-los canóns do Xanas e o Cuasacas, no macizo cársico de Teverga (Asturias).
 Durante o transcurso da actividade, un compañeiro sufriu unha caída, polo que tivo que ser trasladado a urxencias en Oviedo. Ó final a cousa foi leve, algunha magulladura que outra. Actualmente está a descansar na casa, esperando pórse como novo para volver ás cordas. Recupérate.

Novas sobre o Campamento Galego de Canóns

 Ó parecer, o XIV Campamento galego de descenso de canóns que estaba previsto celebrarse en Outubro na Serra da Barbanza, suspéndese.¿Por que?, Só se nos ocorre opinar que os clubs deberían pensar máis na actividade que nos une e menos nas tonterías que nos separan.

Campamento Galego Infantil-Xuvenil

 Os días 20 e 21 de Setembro celebrouse o VII Campamento galego infantil-xuvenil de espeleoloxía en Liméns (Cangas), onde se visitaron diversas furnas do Morrazo. Xa contaremos con máis detalle o acontecido..

A Picoña.

 Como xa sabedes, ata Outubro seguiremos gozando os Martes pola tarde en A Picoña (Ponteareas), practicando en exteriores as técnicas espeleolóxicas de instalación e progresión, mesturada con algunha pequena escalada. Se queres participar aínda estás a tempo.
 

Espeleonovas

- O Campamento social de espeleoloxía, previsto para o 27 e 28 de Setembro, posponse ata novo aviso ó coincidir cunha reunión da Comisión Delegada da FGE.

- O 5 de outubro témo-la saída conxunta coa sección de cultura. Será nunha furna.

- A seguinte fin de semana tócalle a unha das partes “científicas” da espéleo, xeomorfoloxía, para aqueles que vos facedes moitas preguntas esta é a saída ideal, estámolo a preparar e será en Cobas.

- O 25 e 26 tócalle a unha actividade organizada pola E.G.E. aberta a tódolos espeleólogos: as Xornadas Monográficas, que este ano irán sobre Autosocorro e prevención.
 
 

NAS  PROFUNDIDADES  DOS  LIBROS

 Nas profundidades dos libros, como nas covas, tamén se encontran intrépidas aventuras, grandes exploracións e apaixonantes descubrimentos. Por iso, a Sección de Espéleo quere animarvos a que leades algún dos títulos que garda a biblioteca.
 Dende hai bastante tempo vimos ordenando e clasificando os libros relacionados coa nosa actividade. Non é una tarefa fácil.
 Por unha parte, cada vez que todo o traballo parece terminado, aparecen novos libros, o cal é unha alegría e significa que a biblioteca está viva. Así, conta nos seus estantes con:
- 192 títulos, incluíndo algúns dos que fixeron historia no mundiño espeleolóxico.
- 10 revistas Furada (revista da Federación Galega de Espeleoloxía).
- 16 revistas Subterránea (revista da Federación Española de Espeleología).
- 8 vídeos.
 A todo isto hai que engadir 3 revistas regaladas pola Asociación Espeleológica Ramaliega (AER) durante a nosa estancia en terras cántabras este verán, así como outras 4 máis que nos enviaron dende Portugal os nosos amigos do Grupo de Protecção do Sicó.
 Por outra parte, estamos elaborando un ficheiro no que se podan consultar os libros relacionados cunha serie de máis de sesenta temas diferentes. Entre estes temas inclúense:
- Covas das distintas provincias españolas e de estranxeiro.
- Disciplinas relacionadas coa espeleoloxía, como a xeoloxía, a topografía, a bioespeleoloxía, a paleontoloxía ou a arqueoloxía.
- Aspectos técnicos relacionados coa práctica espeleolóxica.
- Descenso de canóns.
- Relatos de exploracións históricas.
 Combinando varios destes temas, pódese encontrar un libro que nos axude na nosa próxima incursión espeleolóxica. Polo tanto, pensamos que merece a pena o esforzo realizado, porque conleva un mellor aproveitamento dos libros de que dispomos.
 Hai libros para tódolos gustos. Así que, volvemos invitarvos a que vos pasedes un xoves a visitarnos polo Club para que vos recomendemos algún libro, que ler es un pracer, e máis se é sobre o que nos gusta.
A sección

MARCHA DE VETERANOS

XV Marcha Galega de Veteranos
 
O domingo 14 de setembro tivo lugar a XV Marcha Galega de Veteranos da FGM.
 Este ano a organización corría a cargo do Club de Montaña Xistra. A ruta foi bonita, sen dificultades e ben organizada.
 Saímos de Leiro 113 participantes e cun día fabuloso. Con bo ritmo chegamos a Paredes onde estaba o segundo control. Alí dispoñíamos de avituallamento: refrescos, bocadillos, froitos secos, etc. .. e  ademais déronnos “un pao”. Explícome: obsequiáronnos a cada un dos participantes vetarán cun bastón conmemorativo deste día.
 O punto de reencontro estaba en Pena Corneira, bonito parque forestal con penedos e moita historia. Alí atópase a Igrexa de Santa María da Lamas do século XII, exemplo do Románico Galaico primitivo.
 Ó finaliza-la comida, a coral polifónica “Tuá-Tuá” deleitounos cun incrible repertorio de máis de dúas horas que axudou a facer a dixestión e a que nos viñéramos á casa felices e contentos.
La de Dios

OUTUBRO
30 Marcha Estatal de Montañeiros Veteranos

 A gran cita do montañismo veterano será este año na cidade de Sant Cugat del Vallès (Barcelona) os días 10 y 11 de outubro deixando libre o domingo día 12 para poder gozar das visitas a Barcelona, a tan só 7 minutos en coche.
 Esta actividade está patrocinada pola Federación de Montaña y Escalada (FEDME) e a Federació d´Entitats Excursionistes de Catalunya (FEEC). Poderán participar tódolos montañeiros que teñan cumpridos 40 años ou máis. Poderán a se mesmo participar tamén nos actos programados en calidade de acompañantes tódolos compañeiros en idades inferiores ós 40 años.
 A Marcha empezará en Vallvidrera, en plena Serra de Collserola, onde serán trasladados tódolos marchadores en autocares e terminará na praza do Mosteiro de Sant Cugat.
 A participación dos veteranos federados está subvencionada pola FGM con 30 € e polo Club con outros 10 € para os seus socios.

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

MERGULLO  EN  LANZAROTE

Lanzarote é unha illa para visitar con detemento, a cor das súas montañas e as súas paraxes volcánicas, a súa luz e a súa arquitectura, fana recomendable para visitala, a min en particular sorprendeume a zona que comprende o Parque Nacional de Timanfaya ou Montañas del Fuego, zona de recente vulcanismo, cunha paisaxe espectacular, e tamén a Cova dos Verdes que xunto ós Jameos del Agua forman un tubo volcánico subterráneo de  sete  quilómetros de recorrido que xurdiu das erupcións do volcán Corona, situado ó Norte de Lanzarote na que a temperatura no seu interior sempre permanece estable entre 18 e 20 graos.
Todas estas formacións volcánicas fan que o fondo submarino sexa tamén distinto na súa morfoloxía rochosa. noteino no primeiro mergullo que realicei na praia  Waikike no Porto do Carmen, foi unha inmersión moi rápida, xa que a corrente era moi forte provocando, ó ter que aletexar con moita forza , que o consumo de aire fora maior,  baixamos a unha profundidade de 30 metros nunha zona rochosa na que avistamos  dous meros grandes e outra clase de peixes, tamén vemos gorgonias.
Outro día no Sur da Illa contratamos, no centro de mergullo Cala Blanca, dous inmersións na mesma mañá, na zona de Praia Blanca e Punta Papagayo.
No mar o vento era racheado, pero o fondo estaba tranquilo sen correntes, rodeamos unhas rochas que estaban a unha profundidade máxima de 19 metros, volvendo polo mesmo camiño, a visibilidade era duns 12 metros moi boa, polo camiño vemos un Anxelote (Squatina Squatina) de máis dun metro que repousaba no fondo de area e ó vernos alonxouse lentamente,  estábamos sempre acompañados de Sargos, Sarpas , Lagartos (Synudus) e roncadores tamén vemos un rato (Myliobatis Aquila).
Despois desta primeira inmersión que durou uns 55 minutos, deixamos unha hora de descanso no barco, para evitar accidentes de descompresión e descansar, e desprazámonos á zona de Praia Mujeres  onde baixamos noutra barreira rochosa, sempre cuberta de vexetación e corais, vemos outro Anxelote e ó entrar nunha cavidade Submarina encontramos un Chucho común ou Pastinaca é unha manta de máis dun metro que descansaba no seu interior, no teito da cova había uns pequenos peixes vermellos  chamados Alfonsiños que nadaban curiosamente cabeza abaixo, despois  ó saír da cova por uns pequenos orificios aliñados  saían as nosas burbullas facendo unha lámina dun efecto moi bonito, os ordenadores de mergullo indicáronnos que xa tíñamos que volver ó barco, nadando a media altura cara a corda e facendo as correspondentes paradas de descompresión, despois de 53 minutos de mergullo  e unha profundidade máxima de 18 metros, chegamos ó centro de mergullo onde demos terminada a xornada.

Fernando
CURSO  DE  VELA

Como xa fixeran o verán pasado varios socios do Club, este año Xabi, Pilar e Juan Carlos animáronse a realizar un curso de vela. Sen embargo, nesta ocasión non o impartiu a Escola de Vela de Bouzas, senón que foi levado a cabo en Chapela. Esperamos que estes novos “mariñeiros” decidan continuar con este apaixonante deporte. A pena é que a Sección non vai poder pór á súa disposición un barco…
CAMPIONATOS  GALEGOS  DE  PESCA  SUBMARINA

O pasado 29 de xuño tivo lugar en augas de Vilagarcía de Arousa o III Campionato de Pesca Submarina por Clubs. Os representantes do Club Montañeiros Celtas quedaron en oitava posición, pesando a súa maior captura 1.815 g e obtendo 31.555 puntos. O Club Regatas Marina Civil foi o primeiro clasificado, alcanzando a súa maior peza 2.805 g e sumando 56.565 puntos.
Durante os días 12 e 13 de xullo celebrouse o XLIII Campionato Galego de Pesca Submarina Individual. O Club obtivo un excelente cuarto posto na persoa de José Sierra Castelo. ¡Felicidades!
O  MERGULLO  MÁIS  PROFUNDO  DO  MUNDO

Durante o pasado mes de agosto, tivo lugar no macizo de Arábika (República de Abkhazia, Georgia) a expedición espeleolóxica Krúbera-Voronya 2.003. O obxectivo era bate-la marca mundial de profundidade na sima que leva o nome da expedición. Non se sobrepasaron os 1.733 metros de profundidade alcanzados na sima Mirolda, pero o mergullo do sifón de reducidas dimensións (7 metros de longo e 2 metros de profundidade) situado  -1.460 metros constitúe en si mesmo o mergullo a maior profundidade baixo terra. Os artífices de tal fazaña foron dous espeleomergulladores, o ucraíno O. Klimchuk e o ruso D. Provalov, sen esquecernos de todos aqueles que se encargaron de porta-lo material ata -1460 metros.

TRAXE  DE  NEOPRENO  A  BO  PREZO

O noso compañeiro de esquí de travesía, Marcos, ten un traxe de mergullo e quere vendelo… claro, ir esquiar en neopreno debe de ser una tortura. O traxe é de talla mediana e encóntrase en moi bo estado, pero, sen dúbida, o mellor é o seu prezo. Preguntade a Marcos ou na Sección de Actividades Subacuáticas.

¡¡¡¡¡ATENCIÓN,  INMERSIÓN!!!!!

O próximo sábado 18 de outubro temos inmersión. Non será na Ría de Arousa, senón que mergullarémonos na nosa Ría, xa que a saída prevista para setembro tivo que ser posposta. A hora, as 10:00 da mañá; o lugar de encontro, Bouzas; o prezo, 20 euros. A zona de mergullo está inda por determinar, pero a idea é que sexa un pouco afastada de Vigo, posto que iremos en zodiak. Para calquera dúbida ou suxestión, xa sabedes que non tedes máis que pórvos en contacto coa Sección de Actividades Subacuáticas. A Pilarilla

AXENDA

3 - 31 de outubro  "Exposición Fotográfica dos Ex-Alumnos Cursos Fotografía". No Club

Venres, 17 de outubro  “Pirineos 2003. Gavarnie”, por Isabel Maestu, Enrique González, Sechu. Proxección de    diapos. No Club, ás 20.30 h.

Venres, 24 de outubro  “Andanzas dun vigués, por un mosteiro e campo de refuxiados tibetano, na India”, por    Martín García (Shambala). Proxección de diapos. No Club, ás 20.30 h.

Venres, 31 de outubro  "En bici de montaña polo interior de Islandia", por Pedro Rodríguez Durán. Proxección de    diapos. No Club, ás 20.30 h.

VINDEIRAS ACTIVIDADES

OUT
4-5 Toques XXXII Campamento e Marcha Infantil- Xuvenil de M. FGM - Ártabros - M. Celtas
 5 Cangas Covas e Furnas: Morfoloxía e Fauna S.D. Espeleoloxía-S. Cultura e M. A.
 11-12 Lourenzá C. do Norte. Etapa II: Lourenzá-Mondoñedo-Abadín S.D.Sendeirismo
 10-11 San Cugat del Vallès 30 Marcha Estatal de Montañeiros Veteranos FEDME - C.M. Sant Cugat
 11-12 Cornatel Xornadas Xeomorfoloxía Cavidades S.D. Espeleoloxía
 12 A Madroa II Carreira de Orientación  S.D. Montañismo
 17 Local social Proxección diapos: Perineos 2003, Gavarnie (Francia) S. Cultura e Medio Ambiente
 18 Ría de Arousa Inmersión Submarina S.D. Actividades Subacuáticas
 18-19 Serra do Xurés Xuvenil. Ascensións S.D. Montañismo
 19 Galiñeiro Xornada de iniciación a Escalada en Parede S.D. Escalada
 19 Oseira Mosteiros de Galicia. Pena Francia  S.D. Sendeirismo
 24 Local social Proxección diapos: Andanzas dun vigués… na India S. Cultura e Medio Ambiente
 25-26  Xornadas Monográficas (Seguridade, Autosocorro) EGE
 26 A Madroa III Xornada de Orientación  S.D. Montañismo
 26 Melón Pozas de Melón - Río Miño S.D. Bici de Montaña
 26 Ponteareas PRG 30 Sendeiro da Picaraña S.D. Sendeirismo
 31 Local social Proxección diapos: En bici de montaña por Islandia S. Cultura e Medio Ambiente

NOV
1-2 Seoane  Xuvenil. Baixo Terra no Caurel S.D. Espeleoloxía.
 1-2 Leitariegos Travesía: Leitariegos - Muniellos S.D. Montañismo
 8-9 Monte Aloia Magosto Social S. Actividades Sociais
 8-9 Abadín C. do Norte. Etapa III: Abadín-Villalba S.D.Sendeirismo
 
 

Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto Campos
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número:  Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Isabel Maestu, Miguel Carrillo Pérez,
Sonia Amatriain, Martín García (Shambala), Françoise Fauré, Daniel Ballesteros, Manoel Chao, Elvira Álvarez, Fernando F. Rey, Lourdes Domingo, Francisco Escrich, Cristina López Carballal, Maite Arocas, Rosa Bermúdez,
Concepción de Dios, Juan Antonio Suárez Alonso, Conchi Barciela, Pilar Orche, José Luis Vázquez, Andrea M. Rosario,
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en outubro de 2003.