CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA
Estimados/as socios/as.
Seguindo as disposicións dos nosos Estatutos e cumprindo a normativa
da Federación Galega de Montañismo, celebraremos: ASEMBLEA
XERAL EXTRAORDINARIA DE ASOCIADOS/AS o día 18 de outubro de 2002
ás 20:30 horas en primeira convocatoria e 21:00 horas en segunda,
no Local Social da nosa Entidade, sita en Avda. Camelias 78, oficina K,
de acordo coa seguinte
ORDE DO DÍA:
1º NOMEAMENTO DA XUNTA ELECTORAL E INICIO DO PROCESO ELECTORAL
Contando coa vosa importante asistencia e participación, en
dita Asemblea, recibide un cordial saúdo.
Vigo 16 de setembro de 2002.
A Xunta Directiva
XXIX Reunión e Marcha Estatal de Montañeiros Veteranos
OBXECTIVOS
A Reunión e Marcha Estatal de Montañeiros Veteranos,
ten por obxecto reunir nun punto da xeografía hispana, a montañeiros
de idade superior ós 40 anos -veteranos-, adscritos á Federación
Española de Deportes de Montaña e Escalada, e que son convocados
por un club encargado da organización. Dos son os actos que reclaman
a atención dos participantes: A Reunión e a Marcha. No primeiro,
en forma de asemblea, se tratan temas de interese xeral e que afectan a
todos os montañeiros relacionados có deporte de montaña.
No segundo, un percorrido por montaña, deseñado polo club
organizador, trata de amosar os lugares máis interesantes do entorno.
Para rematar estas xornadas, nunha cea de confraternidade, faise entrega
ós montañeiros de máis idade, de galardóns
que recorden a súa presencia nesta actividade. Despedidas e un "ata
o ano que ven".
PROGRAMA BÁSICO
Venres, 11 outubro
12,00 Inicio de recepción de participantes no Pavillón
Deportivo de O Porriño. Inscrición e entrega de documentación
17,00 Recepción de delegados de clubs e federacións no
Salón de Plenos do Concello.
18,00 Benvida ós participantes. Reunión de Montañeiros
Veteranos.
20,00 Merenda de benvida ós montañeiros veteranos.
22,00 Peche dos actos do día.
Sábado, 12 outubro
07,30 Almorzo ofrecido pola organización
08,30 Apertura do Control de Saída da XXIX Marcha de Montañeiros
Veteranos polos montes de San Cibrán, Castelo de Cans e Faro de
Budiño.
12,00 Control de avituallamento nas inmediacións do Refuxio
de Faro de Budiño.
13,30 Chegada dos primeiros participantes ás instalacións
do Pavillón Deportivo de O Porriño. Entrega de recordos.
14,30 Peche do control de chegada.
16,30 Excursión en autocar a Baiona e A Guarda.
22,00 Cea de Confraternidade e entrega de trofeos ós montañeiros
participantes de maior idade. Baile e despedida.
PARQUE NATURAL DE REDES
Do 01/11/2002 ó 03/11/2002.
Bus pequeno. Aloxamento en albergue por non haber cámping. Prezo
80 €, inclúe bus, aloxamento en habitación con sabanas
e mantas, 2 almorzos e 2 ceas. Prazo de inscrición: ata o 24 de
outubro, 23 prazas por rigoroso orde de pagamento.
O parque natural de Redes está situado no val do Nalón
(Asturias). O seu cumio máis alto é o Tiatordos e as súas
alturas oscilan entre os 500 m e 1.950 m aproximadamente. Está situado
nunha zona que permite tanto gozar dos fermosos bosques de faias como das
paraxes de Alta montaña. O seu porto de montaña é
o de Tarna que fai fronteira con León e está situado a 1490
m. Este porto se queda bloqueado moitas veces en inverno pola carga de
neve que chega soportar.
Programa:
Día 1 de novembro
Saída do club ás 00:00, coma sempre. Chegada ás
7 da mañá. Almorzo rápido (inda é noite) e
se parte xa a face-la ruta circular dende Pendones (780m) ata o Tiatordos
(1.951m). O conductor ten que ir durmir, pero recolleranos ás 19:00
h, pois faise de noite a esa hora.
Bonita ruta que pode facerse todo o longa e dura que un queira, pois
hai diversas opcións. Paseos por bosques de faias a diversas alturas
e subida ó monte máis alto do val, con vistas a Picos de
Europa. Segundo os guías do parque, a ruta máis bonita do
mesmo.
Non hai problema de chegar ó anoitecer, temos a cea feita e
queda a media hora de camiño de onde nos recolle o bus.
Día 2 de Novembro
Ruta por determinar tipo travesía, polo que se pode ampliar
segundo a esixencia da xente. Preciosas vistas e moi pouco frecuentadas.
Bosques impresionantes.
En principio é dende o porto de San Isidro (1.430m) ata Caleao
(700m) cunha cota máxima de 1940m. Posibilidade de chegar ó
pico Cantu del oso (1.800m), pero despois pódese facer dura. Que
ninguén se queixe logo. Existen tamén múltiples opcións.
Día 3 de Novembro
Paseiño de 2,5 h para o terceiro día e de volta o libre
para visita-la vila. Ruta circular Rioseco (380m) - Ladines (600m) - Rioseco
(380m) de 6,5 km .
Saída de regreso ás 13:30 para chegar ás 21:00
h.
Máis información www.aguacero.com
60 ANIVERSARIO
SECCIÓN DE CULTURA
CONCURSO LITERARIO ENTREGA DE PREMIOS:
Entregaranse os premios do concurso literario o venres 23 de Outubro
ás 20:30h., se podedes acudide a apoiar ós nosos gañadores.
Xa publicamos en Xullo o traballo gañador da categoría
infantil, agora tócanos o da categoría xuvenil que pertence
a Daniel Ballesteros. Realmente o traballo amosa en grande maneira a súa
evolución como escritor respecto ó concurso do ano pasado.
O trabalo é o seguinte:
“Fuxe a montaña.
Cada montaña é un mundo,
un mundo cheo de natureza,
natureza fermosa e escura,
natureza forte e débil,
natureza que nos envolve
cando vamos na súa procura.
¿U-los están os malos tragos que todos pasamos?
¿U-los están os accidentes tráxicos?
¿U-los os momentos dicíciles desesperados?
¿Ulos están todos...? ¿Quen os lembra?
Perdidos entre as súas ramas,
perdidos no seu espesor
de verde frescura que impiden lembralo todo...
Sempre se ve o momento,
nunca o pasado que nos fixo gozar,
sempre se ve o presente,
endexamais aquelas lembranzas;
todo se esquece coa súa compaña.
O tempo pasa, igual co sol e as estrelas,
igual cos teus compañeiros que te están buscando,
por perderte coma fas sempre.
¡Colle a mochila e a uns amigos,
e perdete na natureza,
pérdete entre o verde,
pérdete no momento!
Pérdete sen sentido,
improvisa sobre a marcha,
síntete querido no seu lazos,
e estarás na montaña.
Eu-chi.
.”
SAÍDA ARQUITECTURA POPULAR E PETROGLIFOS
Temos planificada unha saída na que realizaremos un percorrido por puntos de máximo interese en arquitectura popular, muíños de auga e observaremos e aprenderemos sobre os petroglifos da zona. Camiñar, aprender e gozar no entorno natural é o obxectivo. Como monitor nos acompañará Varo, biólogo coñecido por moitos de vós e que xa nos guiou na saída botánica.
Data: Domingo 20 de Outubro. Atención prazas limitadas.
TERTULIA:
A realizar o 19 de Setembro ás 21 h. Tema: “Ser autodidacta en
deportes de Montaña”.
MESA DE FOLLETOS INFORMATIVOS:
Recordamos que está posta no club debaixo do taboleiro anunciador,
unha mesiña especial para folletos informativos de ámbito
cultural, deportivo, ecolóxico. Animádevos a traer novos
folletos, se tedes, e así teremos máis información
tódolos socios.
CURRUNCHO DO PROVERBIO E DA POESÍA:
No taboleiro anunciador no apartado de Cultura está destinado
un espacio para que poñades proverbios e poesías, ben propias
ou recollidas doutro autor, e que realmente vos resulten interesantes,
para poñelas contactar comigo.
Cursiño de iniciación á fotografía e laboratorio
Outubro/Decembro (20 horas= 7 laboratorio + 13 teoría e prácticas
en exteriores).
Prezo 40 euros. Inclúe carretes, líquido de revelado,
papel fotográfico así como aportación de material
técnico.
Material necesario: mínimo cámara réflex cada
dúas persoas, mellor unha por persoa.
Grupos de laboratorio non superiores a 7 persoas.
Inscrición: ata o 24 de outubro, data na que se fará
unha reunión cos interesados.
Prazas limitadas a 14 persoas por rigoroso orde de pagamento.
Clases: as prácticas faranse no laboratorio da Agrupación
Fotográfica Galega, pendente de confirmación, de 20 a 21:30
os mércores, onde se revelarán os traballos feitos con anterioridade,
aplicando técnicas básicas de laboratorio. Dende aquí
agradecémo-la colaboración desinteresada da dita Agrupación.
As clases teóricas terán lugar no local social do club
de acordo ó horario establecido na reunión do día
24.
Nada máis que animarvos a participar nesta interesante actividade
que vos permitirá observa-lo mundo con ollo de fotógrafo.
ESCALADA
16 XUÑO/ 21 XULLO 2002
A primeira xornada realizámo-la no Galiñeiro, se cabe
porque nos dá máis xogo e hai máis variedade de vías,
para que goce todo aquel que participe nunha destas actividades.
Reunímonos ás 10 da mañá no Bar Dany (bo
amigo e colaborador) un nutrido grupo de máis ou menos 25 persoas
cun día realmente bonito, quizás un pouco quente de máis
para estar na rocha durante varias horas.
Xa no refuxio e despois de perteitarnos de todo o material necesario,
subimos cara ás vías que nos ofrecen mellores condicións,
para escalar e rappelar cun grupo tan variado de participantes. Realizamos
varios percorridos na Cornos, M3G, Cheminea, Directísima e zona
das verticais, onde cada un fixo o que quixo e puido, mais onde todos gozamos
moito dunha xornada que deu moito de si. De feito eran practicamente as
9 da noite cando nos retiramos.
A segunda xornada tivémo-la en Monteferro, cantís ó
pé do Faro, lugar que vale a pena coñecer, inda que non sexa
escalando. O grupo inicial, que era máis o menos de 10 participantes,
converteuse no dobre segundo transcorría o día, e é
que o lugar e o día eran perfectos. Comezamos o día na praia
de Patos, onde máis de un estivo a punto de volver a casa, para
coller un forro ou similar, dado que estaba pechado de néboa e facía
bastante friaxe.
Xa na zona do Faro instalamos varias cordas en distintas vías,
ben equipadas por certo, (como boa escola que é), e iniciámo-la
xornada que tamén deu moito de si, posto que repetimos as vías
varias veces. Segundo avanzaba o día, foise anotando máis
xente, chegando a estar realmente concorrido o lugar. Non só había
escaladores na zona, aquí é moi frecuente compartir actividade
con piragüístas, pescadores, moteiros de auga, navegantes,
trialeiros, ciclistas, sendeiristas, fotógrafos, nesta xornada coincidimos
practicamente todos neste lugar. O que indica o gran atractivo que ten.
Regresamos a media tarde despois de aproveita-lo máximo na rocha,
xa que había quen tiña intención de sacarlle partido
á praia que estaba moi apetecible.
Agradecer a tódolos participantes a súa asistencia e
por suposto ós incondicionais colaboradores xa que sen eles isto
non sería posible.
Escrich.
SECCIÓN SENDEIRISMO
Domingo 13 de Outubro de 2002. GR 58 "Sendeiro das Greas". ETAPA I. Soutomaior-Calvos (Cavorco do río Otaivén-Encoro de Eiras). Autobús. Saída 8:30h. C.M.C.
Abandónase o previsto para o GR 52 "ruta dos ríos", pero
que empezaremos co GR 58 intercalando as saídas co GR
94, para dar maior variedade.
GR 58 : Sendeiro «As Greas»
O máis longo dos itinerarios de Gran Recorrido da Comunidade
Galega (202 Km.) recorre tódolos municipios da Mancomunidade da
Área Intermunicipal de Vigo, é dicir, Baiona, Fornelos de
Montes, Gondomar, Nigrán, Pazos de Borbén, O Porriño,
Redondela, Salceda de Caselas, Soutomaior e Vigo cunha lonxitude que supera
os douscentos quilómetros. No plano medioambiental pódense
visita-las paraxes dunha excepcional beleza como son os Muíños
da Devesa, Carballeira de Barragán, Ribeiras e Fraga de Couñago,
Foxo dos Lobos e braña, bosque de ribeira do Borbén, conxunto
megalítico de Monte Penide, Ribeiras do Zamáns e muíños
de Maquía, Castro de Chandebrito, Marismas do Minor, Costa Rochosa
de Baiona, Monte de A Grova, Fraga de Oliveira, Faro de Budiño…
Os miradoiros outean os mellores rincón do sur da provincia de Pontevedra
como cavorco do río Otaivén, Serra do Suído, Val de
Borbén, Enseada de San Simón, Val de Fragoso, Monteferro
e Enseada do Miñor, Illas Cíes e litoral rochoso, Vales de
Miñor e Louriña. Este recorrido bordea zonas montañosas
de gran beleza como os Montes de Mougás, a Serra do Galiñeiro
(709 m), os Montes Maiores o Coto de Eiras (803 m). Vigo (enlaces GR 53,
GR 94 e PR-G 5) - Nigrán - Baiona - Gondomar (enlace PR-G 1, 2 y
61) - Salceda de Caselas - O Porriño - Mos - Pazos de Borbén
-
Fornelos de Montes - Soutomaior (enlace GR 94) - Redondela (enlace
GR
94) -
Vigo.
Pódese comer, pernoctar, avituallarse en establecementos de
tódalas poboacións próximas ou enclavadas no recorrido
deste itinerario enumeradas anteriormente.
CARTOGRAFÍA: I.G.N. 1:25.000, 185-IV Soutomaior, 186-III Ponte Caldelas, 223-II Redondela, 223-III Vigo, 223-IV Mos, 261-I Baiona, 261-II O Porriño.
TOPOGUÍA: Guía do Sendeiro das Greas. Edita Mancomunidade
da Área Intermunicipal de Vigo. Vigo, 2001.
SECCIÓN DE MONTAÑA
PIRINEOS 2002 – VAL D’ARAN
Este ano fomos ó Val d’Aran. O tempo non foi dos mellores, mais
tampouco estivo mal considerando todo o que pasou polo mundo. Chegamos
a Arties o sábado a iso das 5 da tarde. Aproveitamos para visita-la
vila, que tiña un par de atraccións turísticas: uns
osos pechados nunha enorme gaiola con piscina e todo, e a igrexa románica
cunha interesante historia. Tamén estaba alí Gaspar esperando
para acompañarnos nesta saída.
O Domingo 4 Agosto tivemos a primeira actividade, xa de certa dureza:
unha travesía polos grandes lagos Rius, Mar, Tort e Restanca ata
volver ó cámping. O tempo acompañounos, fixo sol e
foi unha actividade de moita participación. Comemos á beira
do Estany Mar e ata houbo xente que se deu un baño nas súas
frías augas. O único problemiña foi unha persoa que
se atopou mal do estómago e tivemos que animala un pouco a seguir.
O luns 5 tamén parecía que ía facer bo tempo,
ademais na descrición poñía que o percorrido era fácil
así que tamén viu moita xente. Iniciouse a ruta polo Garona
como tiñamos planeado partindo de Bossost, parando en Les a toma-lo
café, subindo a Canejan (subida moi bonita, pero ¡qué
subida!) e logo tiñamos que chegar a un paso ata Francia que non
fomos capaces de atopar porque estaba pechado pola maleza, así que
cun bochorno terrible demos a volta para Caneján. E segundo chegabamos
a Caneján de volta caeu unha tormenta tremenda que foi unha sorte
que puideramos refuxiarnos no bar a esperar que escampase. O autobús
viunos buscar á estrada para volver ó cámping.
O martes 6 o tempo xa non pintaba tan bo no momento de partir do cámping,
e aínda peor cando chegamos o Port da Bonaigua, cunha néboa
terrible que non se miraba nada. Baixamos do autobús 7 optimistas
persoas (en realidade eu estaba desexando ficar, e supoño que os
demais igual). Empezamos andar e alguén cun compás apunta
nunha dirección. De repente lembro a descrición do inicio
do percorrido e non me coincide, así que pregunto de novo se imos
ben. ¡Anda!, se iamos ó revés. Volvemos no outro sentido
e atopámonos co autobús que está esperando a
ver se nos botamos atrás. Seguimos andando e esta vez e Zoila a
que di que algo vai mal, que subimos e tiñamos que baixar. ¡Outra
vez mal! Vémo-lo camiño cara abaixo e tomámolo. Un
pouco máis tarde topamos as marcas do GR. 211-4 e xa respiramos
tranquilos. Aínda tiña que pasar bastante tempo para que
despexase a néboa. Pero para min o percorrido polos circos glaciares
de Saboredo e de Colomers e despois ata o Pont de Ressec sobre o Val de
Arties foi o máis bonito de tódalas actividades en Pirineos
este ano.
O Mércores 7 seguimos unha ruta pola ribeira do Garona vendo
diversas Igrexas que nos amosaron o románico aranés.
O Xoves 8 saíase do cámping para subir un monte que domina
o val de Aran, o Tuc D'Arenyo (2522 m). Gaspar prometéranos vistas
moi bonitas. Pero a 2000 m entra a néboa de novo e non vemos nada.
Javier co seu compás afirma moi seguro saber onde está o
cumio. Subimos desconfiados, ábrese un momento e confirmamos que
aquelo seguramente é o cumio. Pero volve pechar, e cando chegamos
ó cumio só temos o altímetro como confirmación
de que estamos na altura axeitada: non se ve nada, nin vistas, nin a 5
metros. A baixada vólvese confusa, non estamos seguros de onde estamos.
Parece que o único camiño seguro é aquel que non nos
leva o cámping, se non a Viella. Como non temos alternativa, collémo-lo.
Na baixada topámonos cun rabaño de cabalos que se acercan
esperando que lles déramos algo de comer, pero máis dun asustouse
con esta reacción dos animais. Xa en Viella a maioría segue
polo sendeiro ata ó cámping, eu non me sinto con forzas de
engadir 6 km máis e coio un autobús de liña ó
cámping.
O venres 9 saímos do Pla de Beret ata o santuario de Montgarri.
Despois, aventura, baixamos polo río Malo para ve-lo Horat deth
Bo, unha cova formada polo leito do río. Moi, moi bonita; non tanto
o remollón que me peguei, e non fun o único. Logo baixamos
polas pistas de Baqueira ata o cámping.
Esa noite tivemos a cea de despedida, na que merece mención
especial as especialidades locais que nos deron: ola aranesa, butifarra
e morcilla
Tamén merece mención a parte Pedro que se fixo en solitario
os primeiros días unha travesía con ascensión ó
Besiberri Nord.
ALPES ('ALPHUBEL')
Xa sabiamos que en nove días ir ós
Alpes Suízos para facer montaña, era unha lotería,
pero inda así fomos, Pepón, Escrich, Jaime e eu, a nosa intención,
nada orixinal por certo, era aclimatarnos nunha ascensión fácil
e despois intenta-lo Cervino, pola Aresta de Hörnli, como era de esperar
non saíron as cousas como queriamos, o tempo non nos acompañou
en ningún momento, no cámping de Tasch chovía, nas
montañas todo era neve e o Cervino estaba completamente branco,
nin os guías de Zermatt o intentaban, polo que decidimos facer unha
montaña que se axeitara ás circunstancias climatolóxicas,
ou sexa fácil, facía uns dez anos fixera o Alphubel de 4.206
m. e recordábao como unha ascensión simple.
Decidimos ir, e despois de andar
unha hora chegamos ó refuxio de Taschhorn, en principio non
tiñamos sitio para durmir, tampouco había onde vivaquear,
e chovía, pensabamos en da-la volta, sen embargo o garda do refuxio
compadeceuse de nós e deixounos durmir un par de horas antes de
iniciar de madrugada a ascensión.
O desnivel é de 1500 m dende o refuxio
ó cumio, empezas a subir pola morrena e pásase ó glaciar,
xa algo desfeito e inda aparentemente fácil tiñas que andar
con coidado polas gabias escondidas na neve. A ruta que parte do Oeste,
ó chegar ó collado segue pola Aresta Surleste que se complica
bastante, con mala visibilidade, a neve non nos deixou e a néboa
tampouco, dificultando a orientación, ademais a aresta chegando
ó cumio estaba xeada e aumentaba a pendente, polo que tes que andar
con precaución para chegar ó cumio, baixando o tempo
empeorou, sen embargo uns guías subían con clientes, pareceunos
unha imprudencia, ou en todo caso íano pasar moi mal, pensamos
que nós non entendemos a montaña desa maneira.
Esta ruta clásica foi a que
os montañeiros pioneiros seguiron na súa primeira ascensión
en 1860, dunha duración en condicións normais de 4 a 5 horas
dende o refuxio, a Aresta ofrece unhas vistas bonitas e atractivas
para todos aqueles que cren no honor dunha ascensión a un catromil
sen teleférico.
O mal tempo converteu o fácil en
difícil, polo que o cumio nos soubo a gloria xa na tranquilidade
do cámping.
ANDES 2002
Dende o embigo do mundo e polo sal da terra
Unha viaxe por estas terras non fai outra cousa que concibi-la vida
doutro xeito. A diferencia de culturas e de facilidades que posúe
cada un segundo onde nace aquí queda moi claro que che permite desenvolverte
como persoa a moi distintos niveis. A falla de recursos fai que todos se
apoien dalgunha forma, posto un en solitario non pode subsistir. Pero con
moi pouco pódese ser feliz. O importante que é aquí
un simple abrelatas ou un desaparafusador. Para saber máis acerca
desta xente, visitade o club o 27 de setembro (O Perú, Titicaca
e A Paz) e o 4 de outubro (Altiplano de Bolivia). Comezará a exposición
de diapositivas a partires das 20:00 horas.
Resume Breve diario:
13/07/02 - Lixeiro atraso en Sao Paulo, toca aclimatarse. De Santa
Cruz á Paz. Aeroporto a 4100m e con tormenta. Chegada ó hotel.
Regateo para o prezo. Chus maréase polo efecto do "soroche" (mal
de altura). O mate de coca (aquí chamada infusión) é
milagreira.
14/07/02 - Charla cun Montañeiro madrileño. Hai un par
de días houbo 2 metros de neve nos salares e -26 graos en Puno.
Morren as llamas de pé. Partimos de A Paz cara Tiquina -> Copacabana
en bus. 15 soles (750pts). Mercado inmenso no Alto. Cruce do estreito en
barcaza co bus enriba. Sorochón para Alberto e sorochiño
para Pedro en Copacabana (3900m). Coca-cola e aspirinas. Cruce a O Perú
con ademán de roubo de botas. Buses cutres ata Chucuíto.
Durmida en albergue internacional Caralluda. Pedro queda sopa vestido 10
horas seguidas. ¡Viva o mate de muña!.
15/07/02 - "Bus" escolar cara a Puno(3750m). Visita ás Illas
de Totora e vila URO. Comida en vexetariano e colas para o DNI. O bus parte
á hora cara a Cuzco. Juliaca, cidade sen lei. A p... madre
que os ....., chega o bus 2,5 horas tarde e quedámonos sen aloxamento.
Encontramos un ás 01:00 AM.
ESPELEOSECCIÓN
Outro ano máis, chegan as vacacións e como non ía
ser menos, non nos iamos quedar en Vigo. Así que marchamos para
desconxestionar un pouco a cidade que seguramente non nos botou de menos,
nin nós a ela.
Como tódolos veráns se nos plantexa irremediablemente
a mesma pregunta: ¿onde imos? e alguén, que xa levaba un
tempo rumiando na idea suxire ir face-la travesía de Valporquero
en León. Pero claro, iso non nos leva tódalas vacacións
así que "de paso" alguén dí de ir á Cova do
Soplao, en Cantabria.
Así, as nosas vacacións comezan o 3 de Agosto porque,
de paso que imos a Valporquero, ¿porque non nos quedamos a fin de
semana no Festival de Pardiñas, en Jitiris (Guitiriz para os lugareños)?.
Así que despois de cargar con cousas e máis cousas na pobre
da furgoneta, imos para o festival e o domingo pola tarde poñemos
rumbo a Valporquero.
Chegamos a Valporquero de Torío e coma sempre, vaiamos
moitos ou poucos, montamos unha feira con todo o material esparcido para
organizalo nas sacas para a mañá seguinte. Cea, infusión,
charla e para o saco que é hora de durmir.
Pola mañá o gusanillo xa vai mordisqueando
nos nosos corpos e é que, aínda que xa coñeciamos
esta cova, nunca deixa de ser atractiva porque nunca a ves cós mesmos
ollos. Ela sorpréndete e ti déixaste sorprender agradecida.
Collémo-las sacas, breve pateo ata a boca de Sil de Perlas
e . . . ¡a travesía comeza!. Baixamos un pozo, outro pozo,
... e, a pesares dos despistes coa instalación de algún fraccionamento,
por fin se escoita ese ruidillo de auga que só polo son xa che da
o frío no corpo.
Chegamos ó curso do río e tivemos que poñer
mans á obra na engorrosa, mollada, fría e equilibrista tarefa
de poñe-los neoprenos o máis rápido posible. Unha
vez enfundados (o que fai unha capiña de neopreno) alehop!! . .
. ó río que, por certo, deberon de esquecer encendelo quentador
porque a auga estaba . . . digamos que algo fresca.
A partires de aquí, tramo novo para algúns (a última
vez sairamos pola turística) que demostraron o seu entusiasmo ó
longo de todo o camiño.
Cruzamos nadando pozas, baixamos varias fervenzas e a verdade
é que o tempo pasaba sen darnos a penas conta. Paramos a recompoñer
forzas con froitos secos, chocolate, auga e esas cousas que quizais fóra
non che fan demasiada ilusión pero que dentro saben a gloria. E
chegamos case ó final: Paso da "M" (pequeno sifón, que nunca
vimos sifonado) e ¡a luz do día!.
Algún xa saíu case correndo polo frío que
lle colleu no paso pola corrente de aire que había e os outros fomos
saíndo tamén sen moita demora. ¡¡Cómo
se agradece o solciño cando saes dunha cova!!.
Baixámo-las dúas fervenzas que quedan para chegar
ó río e alí montamos, ó carón da estrada,
outra feira con tódolos neoprenos, equipos, toallas, .... Baño
no río (¡¡como se non tivéramos xa auga dabondo!!),
comida para recuperar máis forzas e volta a face-lo plano de organización
do material para metelo todo no coche e que non sobrara nada por fóra.
Nesas estábamos cando ... ¡pi pi pi!, coche matrícula
de PO e sorpresa: Pepe e Isabel que viñan de visitalas Hoces. Rematamos
aceptando a súa invitación de ir a durmir a Zalamillas á
casa dos pais de Isabel e así de paso dámoslles unha sorpresa
a Pablo e Ana, que quedaron alí.
Só dicir que moitas gracias por aquela invitación
e esperamos non ter revolucionado moito o patio coa outra feira que montamos
para secar todo o material. E aínda nos deron de cear sopa de allos
¡Graciñas!
Á mañá volta a cargar todo e camiño
para Cantabria. Todo o día de viaxe e despois dun pequeno incidente
facemos noite en San Vicente de la Barquera (¡en primeira liña
de praia!) e ó día seguinte, despois de facer unha pequena
viaxe a Santander mentres os demais recollían todo, a cargar todo
e de camiño (¡esta vez sí!) cara o Soplao.
Chegamos a La Florida e volta a preparar todo nas sacas. Desta
vez, só entramos catro porque Emilio andaba pachucho e preferiu
quedar fóra. Os demais; Carol, Dani, Miliño e Lourdes, poñémo-las
sacas ó lombo e de camiño para unha das entradas da cova.
Entramos por Torca Juñoso e a cova é essspectacular (como
diría un amigo). Amplios pozos, grandes salas e sobre todo un montón
de formacións que ata che da medo respirar, como se so con iso puideras
rompe-la súa beleza. Bocas abertas, miradas intentado abarcalo todo
e o corazón medio encollido por tanta cousa sorprendente. Apenas
vimos algo máis que os pozos e algo da zona horizontal. Mágoa
nos deu non dispor de máis tempo para ir ve-lo resto da cova pero
así deixamos algo que fará que teñamos que volver
un día destes.
Saímos xa de noitiña. Emilio tíñanos
preparada unha estupendísima cea e despois de cambiarnos, recoller
un pouco e cear, metémonos no saco para gozar da última noite
por aquelas terras. Ó día seguinte, recorrido turístico
pola costa asturiana e volta para casa facendo xa novos plans.
Abertas a todo o mundo, participamos unha grande cantidade de
persoas, que saímos do Club ás 9’30 da mañá
do domingo 8 de setembro. (fotos na web do Club)
Celebráronse no Cerves (Melón), que descendemos
case todos. Algúns que facían o seu primeiro canón
(pacífico) saíron antes da fervenza grande, máis exultantes
de ledicia. Destacaríamos moitas cousas pero despois do verán
hai problemas de espacio; así que dicir que un enorme chaparrón
nos acompañou na recollida (que nos obrigou a xantar ás 17h
en Melón) e un membro perdeu os lentes nun salto nunha poza. Menos
mal que Carol e Eutimio, mergulladores tamén, co equipo pertinente,
foron o luns e as atoparon. Aproveitaron para percorre-la poza e Carol
e Daniel aproveitaron para dar varios saltos.
Espeleonovas
• 12/13 outubro: Xornadas de xeoloxía-topografía.
• 1/2/3 novembro: Campamento Galego Extraterritorial de Espeleoloxía.
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
MERGULLO EN MALTA
Nas vacacións de verán, cando vou á costa
ou á praia, si podo practico outra das miñas afeccións,
o mergullo.
Fomos ás Illas de Malta, Gozo y Comino, situadas no Mediterráneo
entre Sicilia e Tunicia, fixemos turismo, pero eu ademais contratei tres
inmersións na Illa de Malta, nun lugar chamado A Gruta Azul, para
min foi todo un descubrimento, xa que coñecía as augas
da costa catalana e mergullárame no Caribe e Canarias, sen embargo
estas augas de cor azul turquesa, eran distintas, a súa tonalidade
é intensa e a súa transparencia invitaba a zambullirse nelas.
A primeira inmersión realiceina de noite a unha profundidade
máxima de 15 m., o foco espertaba ós peixes que atopaba no
meu camiño e ó chegar ó fondo, apagámo-las
luces, removémo-las algas e a terra e produciuse un efecto fluorescente,
aquelo lembroume cando en espéleo apagabamos os carbureiros e quedabamos
na escuridade nunha cova.
Noutra das inmersións, despois de ir nadando na superficie
durante 15 minutos dende a costa, iniciámo-lo descenso ata un barco
mercante libanés que estaba fundido sobre un fondo de area a uns
35 m., ó parecer houbo un incendio e unha explosión na que
finaron varios dos seus tripulantes, había unha placa na súa
honra, penetrámonos nas súas entrañas, dende a cuberta
fomos percorrendo o seu interior entre os ferros retorcidos, a sa de máquinas,
camarotes, ponte de mando. Os sargos e dentóns acompañábannos
de cando en cando, mergullabámonos con coidado para non rascarnos
nalgún ferro ou tocar nalgún animal que te produza urticaria,
despois dun tempo prudencial fómonos afastando, o velo cá
auga tan transparente dende lonxe dáballe un aspecto de buque pantasma,
fomos gañando metros cara á costa e inda nos deu tempo a
meternos nunha cova de rocha calcaria que caracteriza a esta costa Maltesa.
INMERSIÓN SUBMARINA NA RÍA DE VIGO
O domingo 29 de setembro, sairemos ás 10.00 h do peirao de Canido,
iremos nunha embarcación pneumática ata as Illas Estelas,
xa que preto delas e a uns 20 metros de profundidade, atópase o
pecio “Iby”, un cargueiro que afundiuse o 30 de xaneiro de 1976, sendo
este o obxectivo da nosa inmersión. É imprescindible a Titulación
de mergullador deportivo e a licencia FEGAS.
CURSO DE INICIACIÓN Ó MERGULLO CON TUBO
Consta de 5 clases teóricas-prácticas, dunha hora de duración, de luns a venres de 10 a 11 da noite, na piscina climatizada do Ximnasio COLISEUM 90 na rúa Areal de Vigo, pensado para maiores de 13 anos, o custo é de 36 Euros por persoa, máis a licencia de FEGAS ( a licencia é válida por 12 meses dende a data da súa expedición). Material necesario: gafas de mergullo, tubo, aletas, bañador e gorro de baño, expídese un diploma FEGAS, que serve para acceder directamente ó curso de mergullo deportivo dunha estrela, o instructor é Antonio Saa. Pode se-la 1ª semana de outubro ou a terceira.
XLII CAMPIONATOS GALEGOS DE PESCA SUBMARINA
- Campionato de clubs. Celebrouse na Ría do Ferrol, partindo
os competidores do peirao de Cruxeiras ata a zona de competición.
Tras cinco horas, regresan a porto os 21 equipos participantes, onde se
realiza a pesase das capturas nas instalacións da lonxa, resultando
clasificado en 5º lugar o equipo de Club Montañeiros Celtas.
- Campionato individual. Desenvolveuse na Costa da Vela. Foi un campionato
de ritmo, de moitas baixadas e pouco tempo de recuperación. Os competidores
do Club acadaron unha meritoria clasificación: José Manuel
Sierra Castelo quedou sexto e Víctor Puerta Costas o decimo primeiro.
SECCIÓN INFANTIL – XUVENIL
XXXI CAMPAMENTO INFANTIL - XUVENIL DE MONTAÑA
Este campamento, organizado polo Club Trevinca Barco en colaboración
coa F.G.M., terá lugar os días 5 e 6 de outubro en Biduedo,
no concello de Cea (Ourense). Haberá xogos, que levarán a
cabo monitores de Turnatur, como en anos anteriores. Para o domingo está
prevista unha marcha pola beira do río Barbantiño.
A saída será o sábado ás 15.30 h dende
o local da F.G.M. Para participar hai que anotarse antes do día
2 de outubro, sendo imprescindible ter a tarxeta federativa. Prezo:
8 euros.
AXENDA
27 de setembro 'Dende o embigo do mundo e polo sal da terra I’, proxección sobre Peru, Titicaca e La paz, diapositivas, por Alberto e Pedro. No Club ás 20:00. A continuación unhas diapos do parque natural de Redes.
4 de outubro 'Dende o embigo do mundo e polo sal da terra II', proxección
sobre o Altiplano de Bolivia, diapositivas, por Alberto e Pedro. No Club
ás 20:00
11 de outubro 'Andes 2002: Cuzco, Camino Inca, Machu Pichu, Lago Titicaca,
Macizo Condoriri, Illimani (6.439 m)’. Proxección de diapositivas,
por Andrea, Marcos e Sechu. No Club ás 20.30 h
18 de outubro Asemblea Xeral Extraordinaria. No Club ás 20.30 h en primeira convocatoria, ás 21 h en segunda.
25 de outubro Entrega de premios do Concurso Literario. No Club ás 20:30 h.
FEIRAS DE MONTAÑA:
1ª FEIRA DO LIBRO DE MONTAÑA NO ALTIPLANO DE COLLSACABRA
LUGAR: TAVERTAT
DATA: 5-6 OUTUBRO DO 2002
TNOS: 938 56 52 24 / 56 80 00
FEIRA DA NATUREZA, O MEDIO AMBIENTE, TURISMO RURAL, OCIO E DEPORTES
LUGAR: CUENCA
DATAS: 13 ó 15 DE SETEMBRO
TNOS: 969 24 01 41
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINE DE MONTAÑA E AVENTURA.EDICIÓN
2002
DATAS: 15 ó 24 DE NOVEMBRO
LUGAR: TORELLÓ
Máis información: press torellomountaininfilm.com.
MULTIAVENTURA E ORIENTACIÓN:
CIRCUÍTO CORONEL TAPIOCA ORIENTAVENTURA 2002
DATAS: 21-22 DE SETEMBRO
LUGAR: COMARCA DE TERRA DE TRIVES (OURENSE)
TNO: 917 81 07 32
ESCALADA DEPORTIVA:
COMPETICIÓN JÚNIOR DE ESCALADA DEPORTIVA
LUGAR: SERRE-CHAVELIER (ALPES FRANCESES)
CARACTERÍSTICAS: OPEN INTERNACIONAL PARA MOZOS A NIVEL MUNDIAL
DE ESCALADA DE DIFICULTADE, COINCIDINDO COAS PROBAS DO MUNDIAL DE ESCALADA.
ESQUÍ DE MONTAÑA:
CALENDARIO OFICIAL F.E.D.M.E 2003
XXVII ALTOS PIRINEOS.
DATA: 6 DE ABRIL
LUGAR: MACIZO DA MADALETA
TNO: 974 21.24.50
COPA DE ESPAÑA
RALLY ESQUÍ-ALPINISMO VAL DE ARAGÓN
DATA: 26 DE XANEIRO
LUGAR: CANDANCHÚ/ASTÚN (HUESCA)
TNO: 974 36 13 53
RALLY SAN ISIDRO/ALTO ALLER
DATA: 9 DE FEBREIRO
LUGAR: ESTACIÓN DE ESQUÍ DE SAN ISIDRO (ASTURIAS)
TNO: 985 25 23 62
CARREIRA DE ESQUÍ DE MONTAÑA POCATRACA
DATA: 23 DE FEBREIRO
LUGAR: VALL TER, GIRONA
TNO: 972 26 80 11
VINDEIRAS ACTIVIDADES
SETEMBRO
29 Sendeiros. Rural de Galicia GR94
29 Inmersión Submarina. IIlas Estelas (Ría de Vigo)
OUTUBRO
5-6 Marcha Tegra-Galleiro (80 km en dúas xornadas)
5-6 XXXI Campamento e Marcha Infantil-Xuvenil de Montaña.
Cea (F.G.M.- P.Trevinca Barco)
11-12 XXIX Marcha Nacional de Veteranos. Porriño (F.E.D.M.E.-
Trevinca Vigo)
12-13 Espeleoloxía. Xornadas de Xeoloxía - Topografía
13 Sendeiros. Sendeiro das Greas GR58
18 Asemblea Xeral Extraordinaria.
20 Inmersión Submarina. Ribeira (Ría de Arousa)
20 Cultura. Saída Arquitectura Popular e Petroglifos.
27 II Carreira de Orientación
NOVEMBRO
1-3 Montañismo. Parque Natural de Redes. Asturias
1-3 Espeleoloxía. III Campamento Extraterritorial. Xornadas
Fotográficas
9-10 Espeleoloxía. Xuntanza Técnica (E.G.E.)