NOVO LOCAL SOCIAL
1 de outubro de 2001, comezo da actividade no novo local, témonos
que habituar, o Club está na rúa Camelias,
78, oficina K. Que si compañeiros, que xa é
unha realidade.
Rematou o pesadelo, as montoneiras de caixas e os mobles baleiros xa
foron de viaxe dende o histórico local da rúa Marqués
de Valladares, ata o noso local da rúa Camelias. Atrás quedan,
por unha parte, as longas horas recollendo e embalando os anacos de historia:
documentos, fotos, trofeos, adornos, bandeiras, libros, mapas, tarteiras,
pezas arqueolóxicas... denudando as paredes e os mobles; por outra
parte, as xestións necesarias para dar de alta o novo local e os
servicios de electricidade e auga, despois a limpeza e o pintado remataron
a súa preparación para recibir o traslado.
Temos que engadir que todo este proceso fíxose en mes e medio
e como podedes imaxinar, có valiosísimo traballo de moitos
socios, a quen o Club estalles moi agradecido. Durante este tempo, o local
fíxose un lugar incómodo polo desorde, chegando a ter que
suspender dúas proxeccións de venres, pero esperamos que
todos comprendades a situación.
Gustaríanos recibirvos nun local xa ordenado, mais temos que
pedídevos paciencia pois colocar todo de xeito eficiente levaranos
algún tempo e o Club ten que seguir coa súa actividade. Aproveitamos
para pedir, novamente, a imprescindible colaboración dos socios
para conseguir que o Local social, sede de Club Montañeiros Celtas,
sexa un lugar agradable que responda ás necesidades dos seus socios.
EDITORIAL
XXVIII
REUNIÓN E MARCHA NACIONAL
DE MONTAÑEIROS VETERANOS
12 e 13 de outubro de 2001
F. E. D. M. E.
O "Grupo Gredos de Montaña" de Arenas de San Pedro (Avila) é
o organizador desta actividade do calendario da F.E.D.M.E. A Inscrición
ten un custe de 1000 pts para os federados e de 1800 pts para os que non
o sexan.
A recepción e entrega de documentación os participantes
efectuarase o día 12 no Polideportivo Municipal "Jesús Navarro",
onde ás 19 h terá lugar a REUNIÓN e o termo da mesma,
celebrarase a habitual merenda no patio do "Castillo de Don Alvaro de Luna".
A MARCHA celebrarase o sábado, 13. A saída darase entre as
8 e 9 h, pechando a chegada ás 14 h. Unha vez finalizada entregarase
un recordo conmemorativo ós participantes.
Rematada a Marcha e como peche deste encontro anual, celebrarase a
tradicional "Comida de irmandade", onde se ofreceran algúns dos
pratos típicos da zona. Ás prazas son limitadas e ó
prezo é de 3000 pts por persoa.
O Club pon a disposición dos interesados un autocar o
prezo de 6500 pts por socio, subvencionando o 50% para os socios veteranos
federados, é dicir, para eles o prezo é 3250 pts, pretendendo
deste xeito animar á súa importante participación.
Ademais o club organiza unha actividade de alta montaña na
zona. Está previsto subir ós Galayos. Regresaremos o domingo
14.
EXPEDICIÓN 60 ANIVERSARIO
ANDES 2002
Perú e Bolivia son países de profundas tradicións,
de rica cultura precolombina e sobresaínte pasado colonial. A Cordilleira
dos Andes, símbolo de identidade que comparten con varios países
sudamericanos, lles concede gran atractivo, acrecentado pola presencia
entre os seus territorios do "Titicaca", o lago navegable máis alto
do mundo (3825 m).
Expoñemos o programa provisional para que podades telo en conta
o planificar as vacacións do vindeiro ano:
Camiño do Inca en Perú e Cordilleira Real en Bolivia do 3 ó 27 de agosto de 2002.
Camiño do Inca, 4 xornadas (aclimatación). Material: Botas
trékking, tenda, saco e prendas de altura.
Sairemos de Cuzco (3.400 m) no tren ata o km. 88 ó apeadeiro
de Oorihuayrachina (2.498 m) e comezaremos a travesía cruzando o
río Urubamba cara ás ruínas de Patallecta. Faremos
o 1º vivac na cidade inca de Llulluchapampa (3.680 m)
Paso dos portos de Wariwalisca (4.200 m) e Runcuracay (3.860 m) con
vivac na cidade de Sayacmarca (3.580 m)
Paso das cidades de Phuyupatamarca e Wiñaywayna (2.640 m) e
vivac no Inti Pinku (2.700 m).
Chegada a Machu Picchu (2.380 m). Visita da cidade e ascenso ó
Huayna Picchu (2.743 m). Baixada a Aguas Calientes e baño termal.
Volta a Cuzco no tren.
SECCIÓN DE CULTURA
TRABALLO GAÑADOR DO CONCURSO LITERARIO XUVENIL:A nova escola
Érgome polo barullo dos meus compañeiros que estaban a prepara-lo almorzo. Faltaba María, foi a correr un pouco. Aireo o meu saco de durmir e collo as galletas, os tanques e o pan de onte e dispoño todo. Mamá bótanos o leite e todos nos sentamos a mesa. De súpeto, María entrou pola porta arrastrando comigo o frío do exterior. Ata a Piollo Pato que aínda estaba no saco tivo frío. Abrigámonos todos e saímos a prepara-lo material de cova mentres o Modelo e a Risiñas quedaban recollendo todo. Tamén fixemos un grupo composto por Hermuchen e Matatouros para comprar algo de comida no pobo de Victoria de Romerales, a 20 Km de Arredondo, lugar onde nos atopábamos. Cando volveron, metemos nos coches o material e dispuxémonos para ir a cova. Polo camiño iamos pensando, cada un para se mesmo. O chegar prearámonos todos cos monos e enchemos un par de botellas e os carbureiro. O Matatouros tirounos un par de fotos. Coa descrición que deunos o noso amigo Coutus Interruptus, chagamos a zona por pés e deixámo-lo material baixo unha sobreira, e dispuxémonos a atopala cova. A rato escoitase o breico do Pasteter dicindo que ha atopou e, como eu e María estabamos na parte baixa, collemos tódolo material, que, por certo, pesaba o seu, e subímo-lo a boca mentres o resto do grupo o facía tamén. Prendémo-los cascos e, coma sempre, hai un que non funciona, o de Hermuchen. Tocoulle a el. Entrou Risiñas primeiro, e de seguido, foi Matatouros, Pasteter, eu e despois, a dez metros o resto comezando por Tuculoesmiculo. Dentro o caudal de auga era notable, e incluso, tivemos que montar unha corda para axudar a Cadea a pasar. O noso amigo Choco estaba excitado. Pasaron dúas horas, o comprobar Piollo Pato unha galería ascendente, separouse do grupo. Matatouros e María foron a busca-lo, pero non ó atopamos. Fixemos dous grupos: Matatouros, Choco, Pasteter, Hermuchen e eu fomos pola galería ascendente e Mamá, Risiñas, Cadea, Modelo, Tuculoesmiculo e María foron polo nivel inferior. Estivemos catro horas buscándoo, e case nos quedamos sen carburo, ata que atópamos unha ringleira de ladillas que foi deixando o desaparecido, Piollo Pato. Seguémolas ata chegar a un sifón. Estrañounos moito que fora por aí, pero, sen contar coa decisión do grupo, Matatouros introduciuse e non volvemos saber del. Non sabíamos que facer, discutimos. Discutimos un montón e, de súpeto aparece Matatouros polo sifón e na súa man o Piollo Pato. Foi un alivio. Pensamos que tiñamos que saír de alí, a Choco xa se lle acabara o carburo. Dirixímonos a saída onde, de camiño, atopámo-lo outro grupo. Mamá tiroulle das orellas xunto a Risiñas. Baixamos da cova e diriximonos os coche onde, despois de cambia-la roupa e recolle-lo material, dispuxémonos para volver o cuartel da capa verde, lugar onde durmiamos. O remata-la cea, María invitounos a house pero Mamá non nos deixou os cativos pero si os tres mosqueteiros, Risiñas, Piollo Pato, Matatouros e María. Alá se foron. Nos nos quedamos xogando a pelota contra uns colegas da zona. Despois fomos a durmir. No medio da noite e polos ronquidos de María, acabei durmindo, fora con Matatouros que tamén saíu polo mesmo motivo.
ENTREGA DE PREMIOS DOS CONCURSOS LITERARIOS E FOTOGRÁFICOS
Os premios serán entregados polos membros do xurado ós gañadores en cada categoría dos concursos literario e fotográfico. O concurso fotográfico está sen pechar polo que descoñecemos ós gañadores, e recordo que os gañadores do concurso literario son Mª Jesús Fernández (Suxa) e Daniel Ballesteros (A nova escola). A entrega de premios será o venres 19 Outubro ás 20:30 h. Todos quedades invitados a escoitar os escritos gañadores e ve-las fotografías gañadoras. Agradecemos especialmente a colaboración dos patrocinadores do concurso literario, LIBRERÍA BABEL, e do concurso fotográfico, VIGOFOTO. Por suposto tamén agradecemos o seu toque artístico e bos traballos os participantes nos concursos.
TERTULIA
Por acordo dos participantes foi aprazada para o mes de Outubro xa no novo local. A causa foi a situación pouco confortable do local e o ter exames o principal poñente deste día, Coru. Polo tanto o tema mantense para o primeiro xoves de Outubro ás 20:30 h., e recordo que é: ¿Estudiar é traballar?.
OUTRAS NOVAS
Actividades previstas nun futuro achegado son:
- Unha saída botánica con recollida de sementes
de árbores.
- Unha semana dedicada especialmente ó Tíbet país
con grandes conexións cos montañeiros, que vive unha situación
moi delicada.
Martín García (Shambala)
SECCIÓN DE MONTAÑA
IV Travesía nacional de Mozos alpinistas
Esta travesía en Pirineos foi organizada pola Federación
Aragonesa coa colaboración da F.E.D.M.E.
Na estación de Zaragoza, o 23 de Xullo, encontrámonos
todos: 2 zaragozanas,1 andorrano, 4 asturianos, 1 vasca e 2 galegos: Carlos
Garrido e Andrea Rosario. Un autobús lévanos ata o Balneario
de Panticosa onde se atopa a `Casa de Piedra´ (1616 m) o refuxio
da Federación Aragonesa, aquí empezámo-la andaina.
A travesía terá lugar durante 8 días.
XIII MARCHA GALEGA
DE MONTAÑEIROS VETERANOS
Entre as 9 e as 9,30 h. foron chegando os participantes
desta XIII MARCHA GALEGA DE MONTAÑEIROS VETERANOS. A maioría
dos participantes achegáronse utilizado o trasporte de Ría
entre Cangas e Vigo.
O día alborexou despexado cunha temperatura de 25 graos,
o que resultou óptimo para o
desenvolvemento da actividade.
Ás 10,20 horas do domingo 9 de setembro, e despois de
formarse os distintos equipos de participantes e acompañantes
deu comezo a XIII MARCHA GALEGA DE MONTAÑEIROS VETERANOS.
A marcha arrincou do peirao de pasaxeiros de Cangas tendo un primeiro
percorrido urbán para logo ascender ó monte de San Roque,
onde estaba situado o primeiro control. Seguimos logo cristeando
a Serra de Poñente ata chegar a Cruz de Castro onde
estaban situados os membros de Protección
Civil e Policía Municipal que o Concello
de Cangas puxo á nosa disposición.
Cando ascendemos o Castelo o Sol comezaba a apertar,
o que fixo máis dura a subida.
Seguimos cara á Serra da Magdalena ascendendo ó monte
do mesmo nome onde estaba situado o segundo control.
A panorámica dende este punto é fermosísima
divisándose as illas do sur de Galicia (Cíes, Ons, Sálvora
e Arousa) e as súas rías. O noso seguinte cume
foi o Liboreiro, enriba do Concello de Bueu, tamén
con espectaculares vistas. Baixámo-lo Alto
da Portela onde volveron facer acto de presencia Protección
Civil e a Policía Municipal.
Dende o Alto da Portela e a capela de San Cosme comeza a subida ó
monte de Hermelo. Este tramo desenvolveuse baixo un sol de xustiza
que fai parar, a tomar un respiro, ós máis aguerridos.
SECCIÓN SENDEIROS
1ª ETAPA TRANSOURENSÁN (G.R. 56)
Domingo 16 de Setembro de 2001
Saída de Vigo ás 7:00h rumbo a Santo Estevo, 23 participantes.
Breve visita ó Mosteiro pois está cerrado ó público.
Néboa abundante, seguímo-lo percorrido previsto alternando
estrada e sendeiros entre fragas: Loureiro, Alberguería, Cerreda,....
A media mañá despexa o día e permítesenos entreve-la
ribeira do Sil. Ascenso a Santiagueiro e por camiños atravesamos
Teimende para chegar despois de comer a Parada de Sil. Alargámo-la
marcha ata os Balcóns de Madrid e por un sendeiro que colga polos
cavorcos do Sil entre verdes e frondosos castiñeiros alcanzámo-lo
pequeno pero fermoso mosteiro de Santa Cristina, o que se esconde entre
as árbores. Pequeno refrixerio para repor forzas en Parada de Sil
e regreso a Vigo.
M.C.
GR 56 TRANSOURENSáN 2ª ETAPA:
Parada do Sil Montederramo
Domingo, 7 Outubro do 2001
Saída: Rúa das Camelias, 78 7:00 h. Distancia:
28 Km. Horario Estimado: 9 h. Desnivel: 400 m (Aproximadamente) Dificultade:
Media-Alta.
Percorrido: Parada do Sil- Sardela- Entrambosríos- Valado-Calvos-
Sacardebois- Bouzas- Sanlourenzo- Miranda- Forcas- Ponte de Couceliñas-
Praducelos- Castiñeira de Seoane- Montederramo. Inconvintes ó
pecorrido: Sinalización deficiente en certos tramos. Tramos de chapapote.
Lugares destacados nas Proximidades: Paisaxe da Ribeira, Muíños
Entamboios, Igrexa de Forcas, Mosterio de Montederramo.
Información: Club de montaña Alpino Manzaneda. www.terra.es/personal/calpino
- Bibliografía: Guía Turística Ribeira Sacra. Ed.
Xunta Galicia-Deputación de Ourense. Galicia al Paso. Turgalicia-FGM.
www.turgalicia.es
Cartografía: 7-10 (188), 8-11 (227). SGE 1:50000
IMPORTANTE: Ó non ser un percorrido circular realizarase o transporte
en autobús, rogamos por tanto para non dificulta-la organización
nin a realización da actividade que os participantes se anoten na
lista cunha semana de antelación.
ESPELEOSECCIÓN
ESPELEO-FELICITACIÓN
O noso colega e socio, Jesús Sáez, introduciuse na docencia
espeleolóxica despois de supera-las duras probas do Curso de Iniciadores
en Cantabria. Felicitámolo publicamente e desexamos velo organizando
campamentos e cursos. ¡PARABÉNS PARA VOSÉ!
PIRINEOS 2001
Levantámo-las tendas despois de durmir no campamento do club
en Esterri d´Àneu e tomamos dirección a Espot, onde
deixámo-los coches sendo o punto de partida e, con sorte, o de remate.
Partimos cara ó Refugi J.M. Blanc, ó carón do Estany
Negre. Vivaqueamos perto do refuxio ás agachadas. Na mañá
seguinte, mentres intentabamos chegar sorteando os Estanys Negre, Trullo,
Coveta e Llastra ata a Collada de Saburó, neste último Estany,
o do mapa, que debía lelo ó revés, desviounos ó
Coll de Monestero. Disto decatámonos ó chegar. Volta a baixar
para logo subir ó collado inicial. Comemos no alto. Baixando en
dirección ó refuxio de Colomina, quedámonos alucinados
ó ve-lo baixísimo nivel da auga nos Estanys Saburó,
Mar e Colomina, que empezaban a presentar trazos humanizados ó enrolalos
e o camiño de acceso ás presas. Logo dunha breve parada no
refuxio, continuamos percorrendo o Estany Tort, onde pernoctamos ó
carón dun refuxio de emerxencia pola fermosidade da noite que se
presentaba ante nós, cun ceo estrelado. Coa mañaciña
subimos, asegurándonos de non trabucarse, ó Collada dos Gavatxos.
Os Estanys do mesmo nome, foron testemuñas dunha baixada empedrada
ata o Estany Nere. Comemos máis abaixo. Coa comida aínda
na boca, seguímo-lo noso camiño ata culminar no Portarró
d´Espot. Logo continuamos para pasar entre o Pic del Portarró
e o Pic Inferor do Portarró. Aínda que na subida non tiña
camiño pero si un pequeno patio, case non nos decatamos xa que cada
pouco unhas rapaces nos acompañaban e a vista de Els Encantas con
todo o val do Sant Maurici era digna de si. Pena que ós poucos o
sol marchaba despois dun duro día e tiñamos que chegar ós
Estanys Crabes cun forte desnivel e unha grande pedreira. Na mañá
seguinte, mentres baixabamos iámonos despedindo daquelas Augas
tortas e tomando dirección ó Estany Sant Maurici. Incluso
uns doce rebecos fóronnos despedir no alto duns penedos. Da baixada
do Estany ó Aparcadoiro foi agoviante, había moita xente
e o sendeiro era xa unha autoestrada. Logo, a tranquilidade invadiunos,
ó saír da ruta masificada, na comida ata chegar a Espot.
Botamos unhas carreiras e... sentámonos nun bar. Queriamos volver
empezar.
Breve descanso e cambiamos tanto de actividade como de paisaxe. Volvemos
coas nosas rochas calcarias nun macizo cheo de historias e as covas máis
importantes do mundo. De camiño iniciámo-la lectura de A
Sima da Pedra de San Martín na que conta o principio da exploración
desta cova polos anos 50 na que participaron espeleólogos lendarios
coma Casteret, Cosyns, Loubens (morto na cova) narrado polo fotógrafo
da expedición, Haroun Tazieff. Instalámonos nun cámping
na zona de Navarra e ultimámo-los preparativos. Ó día
seguinte atravesámo-la fronteira para chegar á entrada da
Verna. Esta entrada artificial que conecta coa sala da Verna pertence ó
Sistema da Pedra de San Martín e foi realizada por unha empresa
hidroeléctrica francesa para aproveitar un salto de auga de 80 metros
de altura no interior da cavidade, pero, afortunadamente, non foi adiante.
Antes de entrar deixamos aviso dos que entrábamos a un lendario
espeleólogo veciño de Sta. Engrace. Despois de saca-la foto
de grupo, entramos pola galería artificial na que un vento fortísimo
avisábanos sobre o lugar onde nos metiamos. Cando chegamos á
sala da Verna o son do vento cambiouse polo son da cascada que non puidemos
ver. Rapidamente tomamos dirección cara á galería
Tubo de Vento. Atravesamos unha sala despois doutra. As salas eran espectaculares,
eran enormes, un caos de bloques que interrompese por unha gateira ó
carón dun lago. Iamos seguindo as marcas e, aínda así,
desorientámonos nalgunha parte. De cando en vez iamos atopando resaltes
con corda de seguro, pasamáns (un cunha corda do 88), etc. Incluso
tiven a certeza do esvaradías que estaban algunhas rochas. Ó
final, non puidemos chegar ó Tubo de Vento, xa que nos quedamos
na entrada á Galería do Metro. Saímos a fume de carozo
volvendo sobre as nosas pegadas e matinando como dentro de algúns
anos volveremos polo mesmo camiño, aínda que, coa satisfacción
de facer unha das travesías máis importantes do mundo e,
no futuro, da nosa vida.
Á mañá seguinte, estendemos polo camiño
do cámping unha densa superficie de monos, cascos e outro material
atraendo á xente curiosa, incluso espeleólogos de Biscaia.
Recollémo-lo material e xantamos despois de localiza-la entrada
da Bourrugues (B3), ó carón da estación de esquí
Pierre Saint Martin. Dividímonos en dous: os mazados, que pedían
un descanso, e os outros mazados que querían mazarse máis.
O primeiro grupo foi ás gargantas de Kakueta (impresionantes, espectacular
percorrido, con zonas de 3m de ancho con paredes de 100m de alto, varias
surxencias, algunha con fervenza de 20m, de pago, agás carné
de espeleólogo). O segundo fomos á B3, sima de 279 metros
de profundidade aínda que só se chegou a 103, xa que polo
tarde que entramos e porque ata onde chegamos só se podía
baixar de un en un pola cantidade de pedras que nos tirabamos uns sobre
os outros. A cova cheiraba fatal xa que os desaugues da urbanización
anexa á estación de esquí daban á rede de covas
producindo filtracións e ademais, a cova estaba chea de ancoraxes,
estragándoa por completo. Saímos xa de noite, e volvemos
ó campamento coa esperanza de facer mañá a entrada
da travesía da Pedra de San Martín onde, para baixar ós
pozos, instalaron pértegas, tubos de ferro con chanzos. Ademais
falaban de que ían retiralos. A magoa é que se nos acabou
a nosa estancia naquel macizo e non puidemos ver as pértegas pero
si a entrada da sima histórica. Aínda así, volveremos
a pór os pés aló, pero dunha forma diferente.
SECCIÓN INFANTIL XUVENIL
Coa participación dun nutrido grupo de benxamíns, participámo-los
pasados días 22 e 23 de setembro no campamento e marcha rexional
Infantil- Xuvenil, que este ano organizaba, xunto coa F.G.M., o club Peña
Trevinca Montañeros de Galicia.
Ás 15:30 h, despois de acomodarnos no autobús partimos
cara a Pigarzos (cerca de A Lama), un lugar precioso e nunha carballeira
montámo-lo campamento. Despois de distribuí-las tendas e
deixalas instaladas (para o que nos demos présa, xa que ameazaba
choiva), inaugurouse o campamento cunhas palabras de benvida por
parte de Alberto Canle, presidente de Trevinca.
Organizáronse diversos xogos (a organización contratou
un grupo de monitores de tempo libre para esta tarefa), polo que estivemos
entretidos ata a hora da cea.
Ademais da zona de acampada o club organizador conseguiu una nave con
mesas (miúdo luxo) así que comodamente despois dos xogos,
dispuxémonos a cear. O finalizar volveron a organizar xogos dentro
da nave (mentres os monitores tomabamos un café amablemente ofertado
pola organización con Ñata á cabeza).
Ás 24 h silencio (inda que non para todos). Choveu durante toda
a noite, pero de algo ten que servir o practicar tanta montaxe de tendas
que a pesar da auga caída amañeceunos todo seco. O tempo
portouse e despois da noite que fixo albiscou bastante despexado.
Ó finaliza-lo almorzo realizouse a marcha, que nun principio
ía ser de regularidade e por equipos, pero a organización
decidiu que debido á néboa que había nos cumes fixésese
colectiva (menos mal, xa que se evitou que algún participante puidera
perderse).
Chegamos ó campamento (os máis pequenos cansados, xa
que a marcha foi bastante dura), xantar, recollida de tendas, limpeza da
zona e clausura na que se sortearon uns libros (jó, non nos tocou
nada) e entregóuselle a cada participante unha camiseta conmemorativa
do evento.
Volta en autobús, e sobre as 19 h, chegamos a Vigo.
ORIENTACIÓN NA MONTAÑA
Imos poñer nas vosas mans unha actividade divertida, san e gratificante: a orientación na montaña. Esta pode chegar ser un deporte altamente competitivo, pero nesta ocasión será unha proba apta para tódolos amantes do deporte no medio natural, polo que non é necesario que sexas profesional de competicións. A zona de baixa montaña está por definir. A participación farase por equipos de dúas, tres persoas. O día 28 de outubro invitámosvos a participar. Prazas: 50.
¡MOSTRA O TEU CARNÉ
DE SOCIO!
Acordo con Vigo bike
Chegamos a un acordo con esta tenda, situada na rúa Barcelona nº 3, para ofertar ós socios uns descontos do 10%, que serán do 15% se facedes o pago en efectivo. Nela podedes atopar todo o material relacionado co deporte da bicicleta. Tamén dispoñen de taller de reparacións.
AXENDA
ACTOS SOCIAIS DOS VENRES
19 Outubro Entrega de premios dos concursos fotográfico e de literatura. No Club ás 20.30 h.
26 Outubro Charla "A homosexualidade no século XXI",
por Legais, o Colectivo de lesbianas e gais de Vigo. No Club ás
20:30 h.
VINDEIRAS ACTIVIDADES
OUTUBRO
7 Sendeirismo. GR 56. 2ª Etapa do Transourensán:
Parada do Sil Montederramo
12-13 Montaña. Marcha Nacional de Veteranos. Serra de
Gredos. F.E.M.
12-14 Montaña. Serra de Gredos. Los Galayos
14 Sendeirismo. GR 59 Cangas Cabo Home
21 Sendeirismo. Galiñeiro Aloia
28 Sendeirismo. A determinar, en combinación con orientación
na montaña.
28 Orientación na montaña. I Carrera de Orientación
na Montaña. Club Montañeiros Celtas
NOVEMBRO
1-4 Espeleoloxía. Campamento Extraterritorial galego.
Cantabria.
4 Sendeirismo. GR 56. 3ª Etapa do Transourensán.:
Montederramo Chandrexa
10-11 Montaña. Marcha Outono. Portugal, Serra do
Xurés.
11 Sendeirismo. PR Sendeiro Celta: Vilanova de Cerveira
11 Bici de montaña