Boletín de Setembro-Outubro de 2004

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines CalendariosFotosEnlaces


MODIFICACIÓN DE COTAS SOCIAIS

 Como xa adiantabamos no boletín de maio, as cotas sociais son a principal fonte de recursos do Club, tanto polo seu importe coma pola súa regularidade. As actuais cotas levan moitos anos sen variar, polo que dende a Xunta Directiva propoñemos a súa modificación, tanto na súa clasificación como no seu importe, en parte para adaptar o sistema de cotas ós novos Estatutos (aprobados na Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada ó efecto o 21 de maio de 2004) e tamén para adaptalas ás necesidades orzamentarias do Club, pois o gasto que supón o volume actual de actividades e servicios, require uns ingresos acordes. Na Asemblea que se convoca a continuación, debaterase a proposta da Xunta Directiva.

CONVOCATORIA

ASEMBLEA  XERAL  EXTRAORDINARIA

 Estimados asociados:

 Seguindo as disposicións dos nosos Estatutos, convócase Asemblea Xeral Extraordinaria, que se celebrará o día 22 de outubro de 2004, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e 20:30 horas en segunda, no Local Social da nosa Entidade, sito na Avda. Camelias 78, oficina K, de Vigo. De acordo coa seguinte:
  .
 ORDE DO DÍA:

1º  Modificación  de  Cotas  dos  Socios

 Contando coa vosa importante asistencia e participación en dita Asemblea, recibide un cordial saúdo.
 
 

III CONCURSO
DE FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA




Por terceiro ano consecutivo convocamos unha nova edición do Concurso de Fotografía de Montaña da 2ª Época, iniciada no 2002 con motivo da celebración do 60 Aniversario do Club; lembremos que a 1ª Época iniciouse no ano 1942 e tivo 26 edicións.
Agora, coma antes, estes concursos fotográficos son un medio para fomentar a fotografía como actividade complementaria dos deportes de montaña e para dar a coñecer ó gran público, mediante a Exposición das mellores fotografías presentadas, as belezas que encerra a montaña e a natureza en xeral.
Con este boletín axuntamos a tarxeta de participación e o folleto publicitario deste Concurso, que tamén serán enviados a todos os Clubs de Montañismo e de Espeleoloxía de España, ademais dos participantes nas edicións anteriores. O Concurso tamén será difundido a través de Internet e de revistas especializadas. Máis info na páxina 2.
Esta edición está dedicada ós 22 Montañeiros Celtas participantes na “1ª Exploración científico-espeleolóxica da Cova do Rei Cintolo”, da que este ano celébrase o 50 Aniversario.




AXENDA

Venres,  15 de outubro “Pirineos 2004”. Proxección de vídeo, pola Sección de Montaña. No  Club, ás 20.30 h.

Venres,  22 de outubro “Asemblea Xeral Extraordinaria” para Modificación de Cotas dos socios. No Club, ás  20.00 horas en primeira convocatoria e 20.30 horas en segunda.

Venres,   5 de novembro “Actividades de sendeirismo 2004”, pola Sección de Sendeirismo. Proxección dixital. No    Club ás 20:30 h

Venres, 19 de novembro “Paisaxes de Indochina", por Alberto Filgueira e Pedro Rodríguez Durán. Proxección dixital.     No Club ás 20:30 h.

Venres, 26 de novembro “Escocia”, por Miguel Carrillo Pérez. Proxección dixital. No Club ás  20:30 h
.

INFORMACIÓN
XERAL DO CLUB
Obxectos Perdidos
 Na sala de material, atópase unha caixa grande de obxectos perdidos. Hai moitas cousas: cantimploras, botas, forros polares, a maioría son dos nenos que participaron na Operación Benxamín, pero tamén outros obxectos que as veces quedan no bus... é unha pena que se queden aí. Preguntar por eles os venres, a Françoise. Cada tres meses, os obxectos que non sexan recollidos serán doados, entendéndose que ó propietario renuncia a eles.

Lotería Nadal  = 38.828 =
 Un ano máis imos tentar á sorte, xogando nesta ocasión ó número 38.828 da Lotería de Nadal. Queremos repartir a sorte entre todos, polo que as participacións son de 3 euros, a cita coa fortuna será o 22 de Nadal. Non quedes sen ela!!!

Títulos Débeda
 Neste ano 2004 corresponde devolver o terceiro prazo da amortización (20% anual durante 5 anos) dos Títulos de Débeda que algúns socios adquiriron, como aportación para a compra do novo local social efectuada no ano 2001. Polo tanto, aqueles socios que adquiriron Títulos, terán a súa disposición cheques nominativos que poden recoller na oficina do Club, dende o 2 de novembro ata o 30 de decembro do presente ano. E como xa é habitual, aqueles socios que desexen converter os seus Títulos de Débeda en Doazón, haberán de comunicalo expresamente.

III Concurso de Fotografía de Montaña
 Este ano, como na edición anterior, un dos nosos obxectivos é que o público participe activamente da Exposición, votando á “Mellor Foto do Público”. Outro obxectivo é que haxa unha importante participación dos socios do Club, polo que para animarvos, ademais de optar os importantes premios que figuran nas Bases do Concurso, premiaremos á “Mellor Foto de socio” cun libro e a invitación á cea anual do Club que se celebrará en febreiro de 2005.
 Para facilitar a participación dos socios, establecemos un acordo con VigoFoto consistente en realizar un prezo especial nas fotografías en papel a presentar ó Concurso, para iso é imprescindible encargalas na tenda “VIGOFOTO DIGITAL” (Rúa Regueiro, 3, Vigo. A 30 metros da Praza da Independencia).

Pasamento
 O pasado día 11 de setembro, finou, en accidente de mergullo, Alfonso Rodríguez Pereira, de 48 anos, socio de Club Montañeiros Celtas e do Club Subacuático Bahía de Vigo. Alfonso foi membro activo da Sección de Actividades Subacuáticas do noso Club, ao que pertencía dende 1989. Lembramos a súa memoria e expresamos dende estas páxinas o pesar do Club, por este tráxico accidente deportivo. O noso agarimo para a súa familia.

Relevo na oficina do Club
 Despois de 13 anos e medio, a nosa compañeira Lourdes Domingo deixou a oficina do Club. Unha novidade importante ao regreso das vacacións que foi unha sorpresa para todos. A Lourdes surdiulle inesperadamente unha boa oferta de traballo a xornada completa e decidiu aceptala, polo que dende o día 1 de setembro non traballa para o Club. Lourdes era a referencia do Club cara ós socios,  a quen atendía mostrando sempre a súa mellor disposición, polo que todos a botaremos de menos na oficina, porque seguir, segue no Club e seguiremos compartindo cousas con ela. Aproveitando a Festa Reencontro que se celebraba o día 10 de setembro, leamos a Lourdes para que estivera presente e lle fixemos unha sinxela homenaxe sorpresa,  na que lle agradecemos os anos de dedicación ao Club e desexámoslle moita sorte no seu novo emprego.
O posto de administrativa cóbreo Andrea Michéle Rosario Fauré, que por ser a Secretaria do Club, coñece o funcionamento da oficina, o que esperamos facilite a transición e os socios se acostumen rápido a este cambio. Esperamos de todos os socios o seu apoio a Andrea e que lle faciliten a súa labor. ¡Sorte Andrea!


O Presidente entrega un obsequio do Club a
Lourdes Domingo, no comezo da Festa Reencontro

NOVAS
    Chus Lago xa é Leopardo das Neves !
 Chus fíxose co ansiado título despois de acadar o cumio no Monte Somoni (antigo Pico Comunismo) o pasado 13 de agosto de 2004. Días antes alcanzara o cumio do Korenevskaya, ámbalas dous montañas da cordilleira do Pamir, ascendidas co seu compañeiro Merab Kharazi, que agraciados por una “meteoroloxía inusitadamente favorable” cumpriron incluso con adianto os planos previstos. Por una vez a neve estaba ben, non había risco de aludes e non pasaron a angustia doutras ocasións. Felicidades!
Máis información na web: www.chuslago.com

Eleccións FEDME 2004
 O pasado día 20 de setembro de 2004 iniciouse o proceso electoral da FEDME, en virtude do cal, e tras os trámites regulamentarios, elixiranse as persoas e entidades que comporán a súa Asemblea Xeral durante os próximos catro anos. Posteriormente, constituída a Asemblea Xeral, elixirase por dito órgano o Presidente da FEDME e os membros da Comisión Delegada para o mesmo período de tempo. As votacións serán o 27 de outubro e no taboleiro do Club atópase o Censo Electoral.
Podedes atopar máis información e o Calendario Electoral na web: www.fedme.es/Fedme/Elecciones2004.asp
 

ACTIVIDADES SOCIAIS

Festa Reencontro
 10  de  setembro

A nosa festa reencontro foi un éxito en canto a presencia de socios. Todo o mundo tiña moito que contar, fotos que ensinar, e o barullo de voces foi impresionante... case non se oíu nin a Tito co acordeón nin a Suso para bailar.

Magosto 2004. Volve o tempo dos magostos. O noso farase os días 6 e 7 de novembro.
O sábado pola noite, asaremos as castañas. O domingo pola mañá poderemos organizar xogos como o ano pasado. Algúns iniciáronse ao xogo do pateiro, xogamos á petanca, á corda, á ra... pasámolo moi ben, se o tempo o permite, a ver se repetimos.
A medio día poderiamos comer xuntos no noso “chalet”. Este ano Toñi Suárez brindouse para facer de cociñeiro “chef”. Espero que nos xuntaremos bastantes para facer de pinches de cociña. O menú “Caldo Galego, carne guisada con patacas, champiñóns e vexetais, roscón, pan, viño e café”. Prezo 6 €. Lembrade anotarvos no Club.
Espero que vos animedes a subir moitos ao Aloia, sexa o sábado de noite, quedar a durmir, pasar a mañá do domingo, comer ao mediodía ou achegarse pola tarde, mellor pasar aí toda a fin de semana.

REFUXIOS

HISTORIA DOS REFUXIOS (I)

REFUXIO ALOIA

Está situado no monte Aloia, no concello de Tui, a unha altura de 624 m e ten actualmente 40 prazas.
O proxecto de construcción deste refuxio remóntase ó ano 1944 cando naquel intre a directiva estaba formada por: Presidente D. Carlos Botana Freire, Secretario D. Antonio Fernández Cortés, Tesoureiro D. Jose Delgado Fernández, Vocal de Montaña D. Jose Ovejero Campos, Bibliotecario D. Antonio Suárez Villar.
O nome de club era “Sección de Montaña del Club Celta”, e a primeira carta que figura nos arquivos deste refuxio data de 3.1.1944, na que se pide axuda á Exma Deputación Provincial para afrontar o custe total da obra que “ ascende a… 30.000 ptas” ( ou sexa 180€ de agora). Si… estimado socio, 180€ segundo se aproba en acta.
Explícase o plan que ten a Directiva para recadar estes cartos que era deste xeito:
a) Pedir unha axuda á Federación Española de Montaña de 10.000 ptas.
b)  Aportación  da Xunta Directiva do club de 10.000 ptas
c) Resto, aportacións de varias entidades, clubs, particulares, etc.
Portando esta bandeira ou proxecto, aquela directiva pon en marcha a consecución dos “cartos”,terreos e todo o que faga falta para rematar a obra.
Data de 15/4/1944- Envíase unha carta á Federación Española de Montañismo pedindo axuda para este proxecto e comunicándolle ó mesmo tempo que  por parte de “Repoblación Forestal” xa temos autorización do terreo preciso así como toda a pedra e madeira que se precisa.
Data de 9/5/1944.- Como a Federación Española de Montaña faise de rogar, envíase carta a D. Manuel Fernández Costas, que aínda que pertence á Dirección Xeral de Aduanas en Madrid, exercerá influenza có seu amigo Presidente da F.E.M.. A verdade é que este señor, segundo consta en varios escritos, tivo que intervir moitas máis veces en diversos organismos durante o tempo que durou a obra.
Data de 22/6/1944.-Como xa se obtivo o terreo por parte de “Repoblación Forestal”, agora envíase carta de petición de terreo a “Repoblación Forestal de Pontevedra”, xuntando oito planos co total do proxecto a realizar, que precisa 1.200 m2 de terreo.
Na data do 9/7/1944 recíbese carta da “Entidade local menor de Pazos de Reis” na que se outorga a súa “completa conformidade” para realizar a construcción do refuxio, asinando a carta o Presidente D. Rafael Rodríguez.
Na data de 25/7/1944 recíbese carta de D. Manuel Fernández, dende Madrid, onde indica a entrevista que tivo co Sr. Areses,  quen atopa  unha boa acollida a nosa idea e ata indica ou aporta a idea de que o Club podería pedir  a “torre” e o “cabildo” para non gastar tantos cartos, e ter igualmente un refuxio, e termina a carta dicindo “ El Sr. Areses es muy entusiasta”  e califícao como “ El movimiento continuo”.  Non ten ningunha dúbida que o Sr. Areses tiña en D. Manuel un bo amigo.
Por certo, naquel entón ningún dos dous sabía que este club sería a entidade que máis faría por levar adiante o  monumento que anos máis tarde se erguería, tamén no Aloia, en honra do Ilustre  Enx. Areses.
Data 29/8/1944.- Recíbese unha carta da F.E.M dicindo que xa recibiron o proxecto e pasan a estudialo.
Data 13/10/1944.- Día grande no club; a F.E.M comunica que aproba a subvención de 10.000 ptas. e que teremos a súa axuda en todo, e como era de rigor naqueles tempos a carta remata así: “Por Dios, España y su Revolución Nacional-Sindicalista”
O día 6/11/1944 o distrito Forestal de Pontevedra envía unha carta á Deputación Provincial de Pontevedra para que declare esta obra como de interese xeral.  E xa o día 14/11/1944 a Deputación Provincial de Pontevedra envía unha carta ó Enxeñeiro Xefe do Distrito Forestal de Pontevedra dicindo que “debe declararse  y se declara de interés general”, o mencionado refuxio.
O 16/11/1944 envíase unha carta á F.E.M agradecendo  a subvención das 10.000 ptas (60.25 €)
Na data 17/11/1944 recíbese escrito do Excmo. Sr. Gobernador Civil de Pontevedra que tamén declara a obra do refuxio de “interés general”.
O día 17/11/1944 mándaselle unha carta ó enxeñeiro Xefe de Repoblación Forestal de Pontevedra indicando a nosa inquedanza debido á tardanza en contestar á nosa petición dos terreos no monte Aloia, transmitíndolle o noso entusiasmo por contar  co primeiro (caso de ser feito) Refuxio de Montaña en Galicia.
O 9/12/1944 recíbese o orzamento para realizar a taxación e informe a que da lugar a ocupación do terreo no monte Aloia, destacando ás 75 ptas (0.45 €), importe da viaxe e ida e volta a Vigo, así como os cartos dos alimentos para 3 persoas que se gastaron ¡10 ptas! (0.06 €). Si, exactamente 6 céntimos de euro, e en canto a soldos, o enxeñeiro Xefe levou 50 ptas /día (0.30 €) e os dous peóns cobraron 9 ptas/día, ou sexa, 5 céntimos de euro. Ah! e por levantamento do plano pagáronse 100 ptas ( 0.60 euros)
Os días 12 e 29 de decembro de 1944 dúas sociedades de montaña descúlpanse por non poder colaborar monetariamente.
E ata aquí resumimos todo un ano de moito traballo así como tamén citamos nomes de persoas que despois de moitos anos queremos sacar á luz para renderlle esta pequena  homenaxe  como  agradecemento

En próximos números seguiremos….
J. L. Vázquez



ACTIVIDADE XUVENIL DE MONTAÑISMO

Saída Xuvenil de Montaña.
Travesía pola Serra da Lastra.
2 - 3 de outubro

Sobrevivimos

Sobrevivimos unha fin de semana con Escrich e Sechu, así que “queridos” amigos somos ¡¡¡inmortais!!! Agora mesmo estamos retornando da nosa ¡PEQUENA! odisea.
 Nosa aventura comezou o sábado ás 9.30 da mañá. O primeiro en aparecer foi o cafre de Escrich, o segundo o egocéntrico de min, Iago, de terceiros o aceno de presidente (Sechu) e o “bo” de Jorge e en último lugar pero non por elo menos importante o “piltrafilla” de Ramón e o listo de Astar, que non viu.
 Saímos de Vigo ás 10.30 h despois de que a cargante da nai de Iago nos entretivese no quiosco.
 Efectuamos a chegada ao noso destino á unha e cuarto, preparámonos e comezamos a andar, deforestar, escalar e comer cantos froitos atopamos polo “camiño”. Chegamos ó cumio do Tara (1.112 m) onde botamos os intestinos pola boca. Despois de 10 minutos-Juanjo (5 horas), conseguimos chegar ao collado (938 m) onde quitamos os pouquiños pinchos que lles roubaramos ás silvas, tomámonos un amago de sopa, de Sechu, e fómonos durmir en Galeón (broma de Escrich porque estabamos entre Galicia e León). A aldea de Oulego estaba en festas e ata as tres da mañá non puídemos conciliar o sono pero o terrorista de Escrich comezou a roncar, así que non pegamos ollo en toda a noite. Pola mañá levantámonos e subimos a un penedo mal posto e tirámonos moitas fotos. Puxemos as mochilas e comezamos o descenso, sen auga e sen gota de coñecemento, e como di o refrán: “camiñante non hai camiño, faise camiño ao andar” e ... alá vai teu pai, penetramos na fortaleza boscosa, unha hora e moitos pinchos máis tarde conseguimos chegar á estrada, pero a aventura non rematou aí, porque non tiñamos auga e queriamos beber e metémonos por un camiño no cal atopamos un regato, onde Escrich fixo uso dos seus deslumeantes coñecementos, fixo unha fonte, collemos auga e por un camiño tortuoso chegamos ao coche, comemos, vagueamos un rato e volvemos a casa.

 Moralexa: Nunca vaiades de travesía con Escrich e Sechu se apreciades a vosa vida.

Esta obra de arte foi escrita por: Iago, Jorge e Ramón, os máis  mellores  da  sección  xuvenil.


No cumio de “O Penedo” (1.001 m), ó que os rapaces deron en chamar “un penedo mal posto”

 


PIRINEOS 2004

VII Campamento en Pirineos
“La Cerdanya”
 31 de xullo - 8 de agosto
     Son as 00.04 h do sábado 31 de xullo do 2004. Con exquisita puntualidade un grupo de 29 persoas, (mulleres na súa maioría [pero tamén algúns homes, a moita honra]), inician a viaxe que os levará ao 7º campamento de verán en Pirineos e que este ano estará localizado no cámping Stel próximo a Puigcorda no corazón da Cerdanya catalana. Outras tres persoas máis uniranse ao grupo en destino, ao día seguinte.
Agora é o momento de sufrir. Por diante quédannos 14 horas dentro do autobús ata finalizar a viaxe. Cada un o leva como mellor pode e emprega as técnicas de descanso aprendidas en viaxes anteriores. Certamente o que vaian bastantes asentos libres facilita a viaxe aos pasaxeiros, inda que complique ao tesoureiro do club (todo ten as súas vantaxes e inconvenientes).
Ás 14.30h chegamos a Puigcorda, poboación que será a nosa base, durante os seis días de actividade que hai programadas. Alí sáenos a recibir Gaspar que cun amplo sorriso e gran vitalidade transmítenos a enerxía necesaria para montar o campamento. Despois de que todo o material está debidamente arranxado, a tomar o sol, bos baños na piscina e cando remite a calor paseo polo centro da vila, beber algo fresco e deitarse  pronto pois o persoal está canso. Son as 22.39h e nas tendas non se oe un ruído.
Para mellor poder cumprir as actividades programadas fórmanse dous grupos aos que polas súas características bautizaremos como A) Os Intrépidos e B) Os Suaves. Estes grupos non son pechados, hai transvases entre eles e as veces xúntanse dependendo da actividades de cada día.
As actividades desenvolvéronse da seguinte maneira:
DOMINGO 1.- Todos en autobús ata a vila de Grosol, ao pé do espectacular “Pedraforca” que visto dende lonxe parece inaccesible, pero a medida que te vas acercando ves que ten posibilidades. Os intrépidos soben polo canal do Verdet Occidental ata o “Coll del Verdet” a 2300m de altitude e dende aí e en trepada por boa rocha ata os diferentes picos que forman o “Pedraforca”. Todos ascenden sen dificultade o que demostra que a selección de grupos foi axeitada. A baixada fana pola “Enforcadura” de onde parte unha empinada canle bastante complicada que lles obriga a empregarse a fondo e os levará ata a aldea de Saldes, onde xa está agardando o bus e o grupo dos Suaves que efectuaron o seguinte percorrido: Grósol, Font Terrers (bonito lugar para descansar) , Collado “El Teuler” e por entretida crista ata o “Coll de Verdet”. Parada a comer e pola “canle Oriental del Verdet” e pasando polo refuxio “Estasen” ata Soldes. Todos estamos ben inda que algúns máis cansos que outros. Cando chegamos ao cámping, observamos os efectos que produciu unha gran tromba de auga e pedrazo, caída na nosa ausencia. Moita roupa mollada e bastantes tendas con auga dentro. Os ánimos non decaen por este incidente e deitámonos pensando na actividade do día seguinte.
LUNS 2.- O grupo “Os Intrépidos” enfróntanse hoxe ao día máis duro de todo o programa. O bus trasládaos ao igual que onte á aldea de Gósol e tras longa marcha ascenden ao pico “Costa Cabirolera” (2604m). Máxima altitude da provincia de Barcelona, situada na serra do Cadí. O descenso fano pola vertical “canle del Cristall”, pedreira no seu primeiro tramo e cun corredor de dura neve duns 200 cm no seu tramo final. Isto obrígalles a pór moita atención no descenso para evitar caídas. Terminada a canle, inda lles espera unha boa pateada  ata chegar a Martinet, á beira do Segre, onde lles agarda o bus. Ao chegar ao cámping fai tempo que anoiteceu. Foron once horas moi intensas sen apenas descanso. Polo contrario o  grupo “ Os Suaves” decide tomarse o día con calma e organizan un percorrido circular que os levará a Llicia, curioso enclave español dentro do territorio francés. Pasando por diferentes lugares e ás veces sen saber se estaban en Francia ou España regresan ao cámping, polo bonito paseo dos namorados. Inda hai tempo para gozar da piscina e cear tranquilamente.
MARTES 3.- Ás 8h arranca o bus que nos leva ata a localidade francesa de Mont-Luis bonita fortaleza que nos recorda a nosa veciña Valença. Un bus especial que percorre o parque, fai unha breve parada e explícannos en catalán e francés as características do entorno. Non somos veciños españois e franceses? Hai propostas para facer unha reclamación escrita esixindo o uso do español. Non sei en qué quedou a cuestión. Cando chegamos ao lago Bouillouse a 2000m , Intrépidos e Suaves forman un só grupo e inician o ascenso ao pico Carlit (2921m) teito da Cataluña francesa. Bonito percorrido por zona boscosa e abundantes lagos. Cando xa algúns fixeran cume e outros estaban na crista cimera a punto de coroar, estallou unha tormenta con aparato eléctrico e forte pedrada. Como a cousa non remitía senón que ía a máis, decidiuse deixar o cume para mellor ocasión e iniciar o descenso pois a rocha estaba mollada e o terreo púxose perigoso. Por grupos vaise descendendo ata xuntarmos no lugar onde comezamos a marcha e coller o bus de regreso. Foi unha pena co pouquiño que faltaba para facer cume e ter que renunciar, pero a montaña é así de imprevisible e non hai necesidade de arriscar. Outra vez será!
MÉRCORES 4.- A metade do programa xa é historia, cruzamos o paso do Ecuador. Hoxe ás 7.00h sae o autobús cara ó macizo de Monserrat, a viaxe é longa pero vale a pena. Estas montañas son únicas e parece que alguén as viu noutro lugar, gustáronlle tanto que as cambiou de sitio para estar preto delas e contemplalas a gusto. Forman un curioso conxunto digno de admiración. A ruta empeza en “Can Masana” estremo oriental do macizo. Saímos todos xuntos pero 30 minutos despois, Intrépidos profúndanse no corazón da Serra para percorrela polo seu interior e rematan no mosteiro onde se venera a Moreneta. Suaves collen o GR 17-2 que por bonita senda ás veces aérea e pasando polo mosteiro románico de Santa Cecilia, tamén rematan no mosteiro. Ao redor das 13.00h, a tormenta fai a súa aparición, hai que acelerar o paso para evitar molladuras. Suaves case o conseguen pois chegan ao mosteiro ás 14.30h, algo mollados cando a tormenta está en toda a súa intensidade. Cae unha auténtica tromba de auga. Dúas horas máis tarde chegan Intrépidos bastante mollados pero contentos e admirados do espectacular percorrido. Como o autobús está preto podémonos cambiar e visitar a basílica e arredores, aínda que a chuvia continúa. A viaxe de volta facémola en medio da chuvia. O cámping está encharcado. Mañá será outro día.

Monserrat

XOVES 5.- Sae o bus ás 8h camiño de Andorra. Ao chegar á cidadecomercio báixanse case todos, soamente oito persoas continúan viaxe ata Arinsal onde toman o GR 11 que por bonito percorrido, subindo collados e cruzando vales, pasando pretiño do bonito lugar de Ordino chegan ás 19h a Encamp onde os recollera o bus. Foron 7 horas de dura pateada, acumulando case 1.500 metros de desnivel tanto de subida como de baixada. Cando chegamos ao cámping xa era noite pero todo está seco, hoxe non choveu.
VENRES 6.- son as 9h estamos no collado de Tosas a 1.800 m de altitude e todo o grupo cun estupendo día por diante inicia a marcha, ao principio por bosque de pinos despois por amplas praderías onde pastan rabaños de vacas e cabalos e ao final por unha pedreira descomposta que nos leva ao cume do “Puigmal” que cos seus 2.913 m de altitude é a montaña máis alta da provincia de Xirona. Foron 5h de andaina. Parada longa a comer e tomar o sol deitados nas rochas. O descenso bastante máis empinado que o ascenso apenas nos leva 2 horas e acaba no santuario de Nuria, lugar moi concorrido por familias con nenos que empregan o tempo montando a cabalo, remando no lago ou xogando no minigolf, isto parece un pequeno parque de atraccións ao aire libre, rodeado de montañas. Un tren cremalleira que percorre as espectaculares gargantas de Nuria e dende onde se pode observar o precioso camiño que seguiu o Ermitán San Gil para chegar ao pequeno val onde está o santuario e a capela. O percorrido en tren remata na vila de Ribas de Freser, alí está o bus que nos devolverá ao cámping. Aínda aproveitan algúns para darse o último chapuzón na piscina. Como é costume nesta actividade hoxe se celebra a cea de despedida. Ás 22h todos, incluído Marcos o afable conductor, estamos sentados á mesa e en pouco tempo acabamos coa cea que nesta ocasión non me deixou moi satisfeito. Acordámonos do ano pasado en Gavarnie, pero as cousas non sempre son iguais, que se lle vai facer. Por falta de empeño dos organizadores non terá sido. Seguro! Algúns que aínda están con enerxías vanse á discoteca, outros máis cansos deciden retirarse a descansar.
SÁBADO 6.- Son as 10h e xa está todo recollido. É a hora de pagar o cámping, despedida de Gaspar que para algúns será ata o vindeiro verán e toca retirada. Facemos unha parada para comer e en Logroño deixamos a David que irá ata St. Jean de Port no Pirineo francés e dende alí iniciará o camiño de Santiago. Certamente leva un bo adestramento. Ás 20h estamos no cámping municipal de Burgos á beira do Arlazón onde pasaremos a noite, iso en teoría pois na práctica case todos vanse á cidade a gozar do bo ambiente que en verán ten estas cidades castelás.
DOMINGO 7.- Ás 8.15h o autobús ponse en marcha. Parada a almorzar pouco antes de León na autovía que une con Burgos. Polo camiño acompáñanos a chuvia que nos anuncia a proximidade da nosa querida Galicia. Cando son as 14.30h chegamos a Vigo, tranquilos, cansos, contentos, adormecidos, etc. Cada un saberá a procesión que leva por dentro e o que lle espera o luns. A viaxe rematou, todo saíu ben e isto anima a volver o próximo ano.
      Agradecementos.- Gústame moito este refrán “É de ben nacidos, ser agradecidos”. Gracias ao dúo Conchi-Antonio que sempre estiveron moi atentos para solucionar calquera problema que puidera xurdir e facer así máis agradable a excursión. A súa preocupación e entrega foron manifestas. Gracias a Gaspar, incansable, camiñando, charlando, dando explicacións, bromeando. É un auténtico luxo ter unha persoa así como compañeiro de montaña. Oxalá continúes moitos anos máis con esta actividade tan bonita! Gracias tamén a Marcos o conductor, sempre amable e servicial e gracias a todos e cada un dos participantes pola xenerosidade e entrega para que todo saíra ben. Así da gusto! Ata pronto!
Un participante


No cámping, antes do regreso

Pirineos 2004. O resumo dunha mociña.
      Ás doce da noite xa había varios montañeiros coas súas grandes mochilas esperando a que abrise o autobús. Acomodámonos nos asentos e tras aguantar trece horas e media, chegamos ao cámping “Stel”. Montamos toda as tendas nunha gran parcela, e esperamos a que chegase a mañá para empezar a camiñar. Levantámonos, almorzábamos e colliamos o autobús ás oito. Había altas montañas con bos lugares para cristear, prados con plantacións de diferentes tipos, que daban un precioso colorido á paisaxe e por medio de todas esas grandes montañas, había un lago con aves brancas chamadas “averrucos”. En dous ocasións, o autobús levounos ata “Gosol”, e dende o cume, as casiñas parecían de xoguete, ao igual que os campos que as rodeaban. A excursión que máis me impresionou foi a do “Canal de Cristall”, vimos un rabaño de rebecos, baixamos por unha gran pedreira empinada á que non se lle vía o final, logo fomos por un neveiro, e acabamos nun prado de herba verde. Pasamos por sendeiros que tiñan un teito natural, e refrescabámonos nas fontes de auga fría. Nunha ocasión, cruzamos a fronteira de “Andorra”, rodeada de montañas, e fixemos un precioso sendeiro rompe-pernas, dende o que se observaba “Andorra” dende arriba. Unha boa escalada foi a do “Carlit”, de case 3.000 metros, as rochas esvaraban perigosamente, pero nunha acolledora cafetería, repoñendo forzas, todo parecía ter pasado. Unha montaña dentro dunha nube foi a do “Puigmal”, que no regreso baixamos no “tren cremalleira”.
       Foron  unhas  vacacións  cheas  de  aventura.
Gabriela Freiría Rodríguez
 
 
 
 

SENDEIRISMO

CAMIÑO DE SANTIAGO
SANTIAGO - FISTERRA - MUXÍA
Etapa I: Santiago - Negreira, 12 de setembro

    Despois das vacacións de verán, que espero foran estupendas para todos, a sección de sendeirismo reanuda as súas andainas, e que mellor que facelo con este tramo do camiño de Santiago. O domingo 12 ás 7.30 h saímos no autobús con 36 participantes- a xente vén con ganas-. Contabamos cun día soleado e de boa temperatura. Despois da parada habitual para o “cafeciño” o autobús deixounos ó comezo da rúa do Franco en Santiago. Timbramos a credencial na Policía Local, que está ó carón do templo barroco da Angustia de Abaixo ou San Fructuoso, coas alegorías da Prudencia, Xustiza, Fortaleza e Temperanza. O percorrido é fácil e moi vistoso xa que pasamos por moitas pequenas vilas cunhas bonitas e rústicas casas de pedra, ademais de cruzar varias pontes como a que atravesa o río Roxos, e a medieval de Aguapesada. A partir de aí o camiño empínase durante case 4 quilómetros, o único exceso do día. Chegamos para comer no núcleo histórico e monumental de Pontemaceira, coa súa belísima ponte sobre o río Tambre.
    Ás 17 h chegamos a Negreira, final desta etapa, en total 21 quilómetros. Pasamos polo pazo de  Coton e a capela de San Mauro para chegar ó albergue de peregrinos, xa que este lugar será o comezo da nosa segunda etapa.
    Ás 18 h regresamos. Tivemos moitas caras novas coas que esperamos seguir contando.
       Ata  o  16/17  de  outubro.CAMIÑO DE SANTIAGO
SANTIAGO - FISTERRA - MUXÍA
Etapa I: Santiago - Negreira, 12 de setembro

    Despois das vacacións de verán, que espero foran estupendas para todos, a sección de sendeirismo reanuda as súas andainas, e que mellor que facelo con este tramo do camiño de Santiago. O domingo 12 ás 7.30 h saímos no autobús con 36 participantes- a xente vén con ganas-. Contabamos cun día soleado e de boa temperatura. Despois da parada habitual para o “cafeciño” o autobús deixounos ó comezo da rúa do Franco en Santiago. Timbramos a credencial na Policía Local, que está ó carón do templo barroco da Angustia de Abaixo ou San Fructuoso, coas alegorías da Prudencia, Xustiza, Fortaleza e Temperanza. O percorrido é fácil e moi vistoso xa que pasamos por moitas pequenas vilas cunhas bonitas e rústicas casas de pedra, ademais de cruzar varias pontes como a que atravesa o río Roxos, e a medieval de Aguapesada. A partir de aí o camiño empínase durante case 4 quilómetros, o único exceso do día. Chegamos para comer no núcleo histórico e monumental de Pontemaceira, coa súa belísima ponte sobre o río Tambre.
    Ás 17 h chegamos a Negreira, final desta etapa, en total 21 quilómetros. Pasamos polo pazo de  Coton e a capela de San Mauro para chegar ó albergue de peregrinos, xa que este lugar será o comezo da nosa segunda etapa.
    Ás 18 h regresamos. Tivemos moitas caras novas coas que esperamos seguir contando.
       Ata  o  16/17  de  outubro.

“Non hai Camiño...
 .
 Como dicía Machado “... se hace Camino al andar”.
 Seguro que se consultamos calquera guía ou artigo sobre O Camiño de Santiago, en todas elas coincidirán os percorridos e ata as etapas  recomendadas para facelo. Parece como se “O Camiño” fose algo concreto e único, e non obstante, estou convencido de que hai tantos “Camiños” como camiñantes. Tras a miña experiencia estou seguro de que “O Camiño” non son simplemente os sitios polos que se pasa, os quilómetros percorridos ou o tempo empregado para elo.
 “O Camiño” é todo aquelo que cada un busca, atopa ou absorbe no seu interior. Tamén os sentimentos, sensacións ou experiencias vividas, e por suposto, as persoas que aparecen no momento oportuno co xesto ou comentario oportunos. E  son estas cousas, tan subxectivas, as que fan que cada camiño sexa único, ó igual que os seus camiñantes.
 Houbo unha morea de experiencias, anécdotas, momentos de sufrimento e de pracer durante o mesmo, pero por riba de todas, a sensación que perdura en min é a de ter dado significado a un monte de cousas que permanecían cun interrogante, aí , na miña testa, esperando por unha resposta dende había algún tempo.
 Dende aquí quero agradecer a axuda e colaboración a todas as persoas que contribuíron a que realizase esta experiencia. Estoulles tremendamente agradecido, creo que hai un montón de cousas que tardarán moito tempo en desaparecer da miña memoria. Antes de realizalo non podía imaxinar o que realmente sería e  é agora cando empezo a decatarme da dimensión de aquilo, por todo iso, gracias. Gracias a todos. Pola miña parte só me queda aconsellarvos que o comprobedes por vós mesmos, non vos defraudará.
David

MARCHA  NOCTURNA  AO  ALOIA
4-5 setembro

       Un ano máis, e seguindo unha tradición no Club, fíxose a marcha nocturna que vai  dende o bar Bugus no alto de Garrida, ato a refuxio do Aloia, cunha parada en Prado, anotáranse 33 persoas, pero pola tarde choveu moi forte o que fixo que algunhas persoas decidiran quedar na casa.
       O camiño estaba moi mollado e esvaradío, pero a temperatura era boa para camiñar, incluso facía calor, non nos choveu en todo o camiño. Esta marcha gusta moito aos participantes, xa que camiñar de noite, produce sensacións novas, e inda que o camiño e coñecido por todos, a escuridade e as sombras dan certo temor e inseguridade, o sendeiro parece que se esconde.
       De noite soes camiñar rápido, á fresca, como co desexo de chegar ao lume do fogar,  do acolledor refuxio, onde a boa compañía e a charla acompáñate antes de durmir.
Fernando


Pola mañá, unha tarefa importante, preparar leña
Para que no Refuxio nunca falte





MONTAÑISMO - ESCALADA

VEGACERVERA, 17-18 de xullo

 Imos en autobús ata Vegacervera, chegamos pola tarde e como a saída é de escalada e montaña, pois eu decido que o sábado vou cos de escalada para coñecer as Hoces de Vegacervera. Subiamos pola estrada e de repente atopamos impresionantes paredes calcareas, unha morea de xente escalando, nunca vira a ninguén tan arriba. Fomos ó sector Os Moros, e para iso tivemos que descalzarnos e cruzar o río. Intentamos subir unha vía sen equipar, pero fíxose tarde e volvemos baixar, así que subimos outra equipada,  sinxela e divertida, un IV de placa e fisura. Empezou a anoitecer e volvemos á vila. Ruth e mais eu camiñando, os homes marcharon en coche, que lights....
 Despois dunha noite fresca no Polideportivo da vila, erguémonos e esta vez fun cos montañeiros. O autobús levounos ata Felmin e dende alí comezou a andaina ata Rodillazo, unha vila tranquila e bonita. Neste lugar un paisaniño tentou explicarnos  como subir ó Correcillas sen moito éxito; improvisando seguimos adiante, paramos para facer unhas fotos cunha morea de vacas e por fin comeza a montaña. Había moitísimas bolboretas, bolboretas enormes e de vivas cores, todo o camiño ulía ás diferentes plantas que iamos atopando (lavanda..). Non ía moita calor porque estaba de tormenta e as nubes foron crecendo ó longo do día sen chegar a pecharse de todo, ademais  acompañounos unha brisa moi agradable. Chegamos ó Correcillas (1.998 m) á unha. Fixemos as fotos de rigor.., había unha vista marabillosa ó norte dos Picos de Europa, viamos tamén Vegacervera e cara alí nos diriximos. Foi un descenso pedregoso ata un bosque. Por esta vertente non sopraba unha gota de aire, menos mal que era baixada. Tivemos sorte, entre Ángel e Conchi atoparon un sendeiro polo que atravesamos o bosque, un bosque moi frondoso do que houbemos saír un pouco rabuñados. O sendeiro levounos ó camiño que nos deixou  en Vegacervera ás catro da tarde, todo segundo o horario previsto. Tiñamos media hora para asearnos e recoller todo, así que fun ó río a darme un chapuzón, a auga estaba boísima e quedei  nova. Ás catro e media saímos rumbo Galicia. Sóubome a pouco, tería preferido estar máis días, quedei sen ver as Covas de Valporquero, e case que non escalei nada, terei que volver noutra ocasión.
MTGC


 


MONTAÑEIROS EN ALPES

TOUR  DO  MONT BLANC

   Realizado do 4 ó 11 de xullo.
Día 1) Les Houches - Champel
+ 1300  - 1150 m..
Día 2) Notre dame de la Gorge. Ref. Mottets  + 1400  -800 m.
Día 3) Ref. Mottets paso a Italia polo  Coll de Bonhome. Ref. Monte Bianco. +- 1000 m.
Día 4)  Ref. Monte Bianco. Ref. Bertone  +- 700 m.
Día 5) Ref. Bertone. Ref. Elena
+ 800  -1000 m.
Día 6) Ref. Elena paso a Suiza polo Gran Coll Ferret. La Fouly
+ 700  -800 m.
Día 7 ) Champex. Regreso a Francia polo Coll de Balma. Le Tour
+- 1800 m.
Día 8) Argentiere. Planpraz + 1000 m.
   O percorrido total foi duns 120 km.  A  constante o mal tempo, dende  o Coll de Bonhome ata o final. O   Montblanc só o vimos o primeiro día.


O noso apreciado compañeiro Gaspar
ASCENSIÓN  A
 L`AIGULLE   DE GOUTER  (3.867 m)

   Os días 12 e 13 reservarámolo para intentar o ascenso ó Montbanc, así que o día 12 subiamos ó primeiro teleférico Les Houches-Bellevue, para a continuación montar no primeiro tren cremalleira a Nid d'Aigle a 2.372 m, en tres horas chegamos ó refuxio da Tete Rousse a 3.167m con neve recente, pero sen complicacións, a continuación ó refuxio de Gouter (3.817 m) xa se convertera nun mixto de neve e rocha, con algúns tramos xeados, o que nos obrigou a levar os crampóns toda a ascensión. Ás 15 h. entrabamos no refuxio con néboa e xistra. Cea ás 18 h, e ó “catre”.
Martes 13: ás 2 da madrugada diana. O tempo non mellorara,  inda así ás 3.15 iniciamos a ascensión. As trazas pasan polo cumio de Gouter. Seguimos ata  o Dome de Gouter de 4.304 m, pero antes de chegar ó seu cumio decidimos regresar. O Montblanc non se moverá do seu sitio e nós.... volveremos outro día.

    Ah, para os que cren en gafes e parecidos, o mércores 14, día do regreso amenceu cun sol radiante e sen ningunha nube no horizonte, despois de 9 días de magoar.
Gaspar
 

A  miña  primeira  viaxe  aos  ALPES

Despois de 2 días de viaxe chegamos a Chamonix e, tras unha pequena parada para contemplar o glaciar de Bosson, cruzamos polo Túnel do Mont Blanc a Italia, dirección Valsavarenche, chegamos ó cámping Gran Paradiso e collemos un bungalow, durmimos de marabilla.


Ana, Oli, Tere e Jose,
saíndo do teleférico de L'Aguille du Midi, camiño do Refuxio des Cosmique

03/08/04: Seguimos co coche 2 km ata Pont (1.960 m), aquí termina a estrada. Subimos ó refuxio Vitorio Emmanuelle II (2.735 m) por un sendeiro ben marcado, púxose de tormenta e ó pouco de chegar ó refuxio comezou a diluviar toda a tarde. Unhas partidiñas ás cartas, unhas charlas con xente de Zaragoza e Madrid, unhas copiñas dun licor feito con herbas da zona e a durmir...

04/08/04: Ás 3 en pé, o ceo estaba totalmente despexado, comezamos a camiñar cos nosos frontais e en canto chegamos ó Glaciar Gran Paradiso poñemos os crampóns, comezamos cunha pequena escalada de 30 m por xeo e a camiñar  ata arriba, un día  totalmente despexado, ó chegar ó cumio temos que pasar unha fenda por unha ponte de xeo (días despois enterámonos que rachou a ponte cando pasaba un guía, non pasou nada). Unha curiosa trepada e a virxe no cumio (4.061 m). Agora volta que empezan as nubes a formarse, o cacho de xeo que escalamos ó principio está como un granizado, báixase tranquilamente, e ás 14 chegamos ó refuxio, empeza a chover (outra vez treboada), aproveitamos para comer algo e cando para a chuvia baixamos ó coche, imos cara a Chamonix, buscamos un cámping (Les Rosières), instalámonos e a durmir porque estamos cansadiños

05/08/04: Unha vez  instalados en Chamonix (1.037m), fomos ata Montenvers camiñando, no canto de coller o tren cremalleira, dende alí podes ver o Glaciar Mer de Glace, Les Drus, Les Grandes Jorases... Dende aquí seguimos polo Gran Balcón Norte ata Plan de L`Aiguille (2.310 m) e baixamos polo bosque a Chamonix. Un pouco de treking non ven mal, ademais dende este balcón podías ver toda a cara sur do outro lado do val e Chamonix, merece a pena.

06/08/04 De compras por Chamonix
07/08/04: Collemos o coche e imos a Annecy ( a case 100 km), famosa polo seu lago, bañámonos, tomamos o sol, demos un paseo polo casco vello e de volta a Chamonix.

08/08/04: Hoxe marchamos para o Mont Blanc, xa descasamos o suficiente, así que collemos o coche e imos a Les Houches (1.007 m) unha vila cerca de Chamonix, dende alí collemos o teleférico de Bellevue que nos subirá en 5´ a 1.781 m, a poucos metros está unha estación do tren cremalleira “Tramway du Montblac”, que che sobe ata Nid d`Aigle (2.372m). A partir de aquí comezamos a camiñar. En 2 h poñémonos no Refuxio Tête Rousse (3.167 m), non é preciso chegar a el.
A partir de aquí a cousa comeza a complicarse, poñemos os cascos e seguimos ata o Refuxio de Goûter (3.817 m). Temos que estar moi atentos, hai moita xente e o perigo de caída de pedras é constante (e caían), o derradeiro tramo é pola aresta, ves o refuxio alá arriba e nunca chegas, menos mal que vas entretido buscando  onde colocar as mans e pés, case arriba de todo está equipado con cables de aceiro e chanzos, ata que por fin chegamos, tardamos 1 h 45´.
Tiñamos reservado para durmir, cear e almorzar polo módico prezo de 38.50 €/persoa. Dinnos que como está moi cheo só podemos durmir os 4 en 3 colchonetas. Non hai auga, cada botella de 1.5 l  custa 4.70 €. A cea ás 18:00 h, deitámonos cedo, á unha dan os almorzos, a habitación está chea de xente (unhas 30 persoas), fai moita calor e apenas se pode respirar. Ó principio durmo ben, pero despois esperto e comeza a doerme a cabeza, o meu estómago esta mareado, non sei se é o agobio da habitación ou o mal de altura.

09/08/04: Diana á unha, estou mal, o almorzo é un caos, todo o mundo tentando coller sitio nalgunha mesa, eu xa non podo máis e vou á cama, os meus amigos vanse e eu quedo apenada, pero cando esperto ás 9 da mañá, durmira de marabilla e estaba ben. Miro pola xanela e había un  temporal horrible, eles chegaron ás 10 e contaron que estiveron no Abri Vallot (4.382 m), 2 horas esperando, pero volveron, como moita xente.
Descansaron un rato, chovía en horizontal ¿e agora como baixamos por esa aresta?, pois abriu un pouco o día e escapamos deste caótico refuxio.
Ó chegar ó tren cremalleira, canta xente, pero os “alpinistas” temos preferencia sobre os sendeiristas, dannos unha tarxeta  vermella para o tren, logo teleférico a Les Houches, collemos o coche e a Chamonix a  xantar, que calor...

10/08/04: Fomos a Sallences a bañarnos no “Lac des Iletes”

11/8/04: Fomos en autobús ata Col des Montets, dende alí subimos ata o Lago Branco, logo continuamos polo Gran Balcon Sur que ten unhas vistas do outro lado do val impresionantes: Glaciar del Tour, Glaciar D´Argentiere, Glacier Mer de Glas, Les Drus, As Agullas de Chamonix; L´Aiguille du Midi, el MontBlanc e baixamos a Chamonix.

12/8/04: Erguinme e o día non estaba mal así que lles dixen ós meus compañeiros que eu prefería subir o Mont Blanc Du Tacul no canto de facer treking por Les Contamines, non estaban moi convencidos. Chamei ó refuxio e reservei para todos, chamei ó teleférico e o último que subía era ás 15 dende Plan d`Aiguille (2.310 m)
Por fin se animaron, preparamos todo, collemos o coche e fomos ata o aparcadoiro do teleférico de Plan d´Aiguille, está en Chamonix, pero non funcionaba, polo tanto quedábanos unha boa pateada dende Chamonix (1.037 m) ata o outro tramo do teleférico en Plan d`Aiguille (2.310 m). Menos mal que era polo bosque, pero facía calor. Ó chegar a Plan d`Aiguille estaba aneboado, nós empapados de suor, puxemos roupa de abrigo, comemos o noso superbocata e ás 15:00 collemos o teleférico cara L`Aiguille du Midi (3.842 m), en nada puxémonos arriba,  ¡que paredes!. Non se vía nada, facía frío, puxemos todo (crampóns, luvas, gafas, corda...) e a baixar pola aresta cara ó refuxio des Cosmiques (3.613 m), uns 30´.
Ás 18:00 h déronnos a cea, fóra estaba nevando (2 graos C) e dentro a 21 graos, e a durmir.

13/8/04: Erguémonos ás 3, fomos almorzar, preparámonos e saímos encordados.
Baixamos ó Col du Midi (3.532 m), é unha zona de pequenas fendas pola que seguimos a pegada, unha noite estrelada, víase unha morea de xente cos seus frontais subindo, son os que se ergueron á unha para facer o Mont Blanc pola ruta dos catromiles. Ó pouco empezou amencer, comezamos a subir, en medio da ascensión había unha fenda que o verán pasado veuse abaixo. Seguindo a pegada foinos levando cara á esquerda e, sorpresa, temos que trepar polo xeo uns 30 m, nada complicado, había como chanzos de todos os que xa pasaran, así que con calma e para arriba. Eu ía de primeira, Oli e Ana detrás, e o derradeiro Jose. Seguimos camiñando pola  pa, outra trepada  polo xeo, aquí tivemos que gardar quenda, entre os que soben e os que baixan, vaia romaría. Seguimos camiño, xa polo solciño, que frío, ata L´Epaule de Tacul (4048m), ó chegar sopraba un vento moi forte, seguimos camiñando, esta vez era unha pendente moito máis suave, estaba todo despexado, víase xente acampada no Col Maudit. O vento era moi forte, faltaba unha pequena trepada duns 10 m, pero pareceume escabelado facelo os 4 encordados, así que eu retireime e Oli tamén, subiron Jose e Ana. Mont Blanc du Tacul (4.248 m). A baixada foi tan bonita como a subida, chegando ó refuxio empezouse a pechar de néboa, collemos o teleférico e baixamos ata Plan d´Aiguille, logo camiñando ata Chamonix ía sobrando a roupa, collemos o coche e fomos comer ó cámping, moi contentos e satisfeitos polo que fixeramos.

14/8/04:  Erguémonos, recollemos todo e volta ó fogar.

15/8/04: Cheguei á miña casa, quero volver pronto, quedáronme moitas cousas por facer
MTGC


Cruzando unha ponte de neve. Ao fondo o Gran Paradiso

CAMPAMENTO DE VERÁN

CAMPAMENTO DE VERÁN NA ILLA DE AROUSA,  24-25 de xullo
Este ano decidiuse que o Campamento de Verán estivera relacionado cunha actividade acuática como o Kaiak de Mar,  igual que no ano anterior, xa que tivo moi boa aceptación na xente que participara, anteriormente facíase Pesca Submarina, agora temos poucos que fagan esta actividade no Club.
Acampamos na praia de Área de Secacada na Illa, gracias a un permiso especial, do Concello e da Comunidade de Montes, que xestionou Carlos o presidente de Club de Piragüismo de Illa de Arousa, que colaborou en todo momento con nós, incluso puxo unha embarcación a nosa disposición.
Á noitiña empezamos a asar as sardiñas, comer pan de centeo, beber viño de Barrantes, como manda a tradición neste campamento, tiñamos un chiringito á nosa disposición, despois na praia empezou o “desmadre” con cantos e bailes tribais, a noite era máxica, facía calor e o feitizo fixo que incluso algúns pasaran longo rato bañándose a altas horas da madrugada.
Algúns algo resacosos, pero todos puntuais estivemos ás 10 de mañá no Peirao de Chufre, alí despois de distribuír o material(chalecos pas e piraguas), fixéronse unhas pequenas clases teóricas de remo para aqueles que nunca practicaran piragüismo.
Xuntáronse con nós uns 15 mozos do Club de Piragüismo da Illa, que nos acompañaron en todo o recorrido.
Primeiro Fixemos un recorrido curto que daba a volta a península do Monte Santo, pasando polo Faro do Cabalo, facendo unha parada na Praia de Secada para descansar,  seguimos ata o porto de Arousa,  alí fixemos un descanso para comer e algúns que xa estaban cansos decidiron deixalo.
Despois de Comer sobre as dúas saímos cara ó Illote de Guindoiro Areoso, tardamos uns 25 minutos en chegar, alí bañámonos nuhna praia de auga cristalina que nada ten que envexar ao caribe, despois de facer unhas prácticas de como dar a volta no mar cun kaiak, continuamos a nosa travesía marítima en Dirección ao estremo Sur da Illa, onde se atopa a Punta Carreirón, navegando por unha fermosa costa con praias e rochas, no mar atopamos tamén moitas algas, debido a que a marea estaba devalando.
Despois do último descanso  na Praia de Salinas, onde se atopa o Cámping, continuamos remando cun bo ritmo, pasando por debaixo da ponte de acceso á Illa, chegando a un punto de partida sobre as cinco da tarde, despois de completar a volta a toda a Illa.
Foi unha fin de Semana moi completa, diversión deporte en natureza, e queremos agradecer a colaboración do Club de Piragüismo da Illa, a  acollida da xente  da Illa, coa que esperamos repetir outro ano.
Fernando


O kaiak de mar e unha actividade moi axeitada para este Campamento
E de moi boa aceptación entre os participantes



ESPELEOSECCIÓN

17-24 Xullo.  Campaña Fuente Fría 2004
 Este ano volvemos ser invitados pola xente da Asociación Espeleológica Ramaliega (AER) para participar na súa campaña Fuente Fría 2004, á cal asistimos Daniel e Carolina. Estivemos do 17 ó 25 de xullo polo macizo do Mortillano (Cantabria) compartindo o día a día cos colegas de Ramales, Soria, Andalucía, Burgos, Navarra, Francia,...e por suposto, galegos!.
 Este ano continuáronse as labores de desobstrucción na Sima do Crucero, avanzando uns metros máis no estreito laminador. Foise tamén de prospección varios días, atopando diversas simas con distintos desniveis, chegando algunha ata 120m e algunha outra que segue en exploración (polo menos ata a chegada do inverno). Nesta sima concentráronse case tódalas labores de exploración, topografía e desobstrucción, aproveitándose para realizar tamén algunhas fotografías.
 Co tempo, este ano non tivemos tanta sorte como o ano pasado. Amañecían todos os días nubrados, e a media tarde cubríase todo de néboa, que despistaba a máis dun para volver ó campamento.
 En definitiva, moito traballo feito, moito aínda por facer, pero co grato recordo da convivencia dunha semana en medio dun preciosos faial, alonxado totalmente da civilización e compartindo o mesmo lume con boa xente, á cal esperamos volver a ver na campaña do ano que vén.


Campaña “Fuente Fría 2004”. Aproximación á cova.

25 xullo -1 agosto.  Campamento Espigüete 2004
 Daniel participou no campamento Espigüete 2004, celebrado do 25 de Xullo ó 1 de Agosto no Espigüete (Cardaño de Arriba, Palencia), concretamente, no refuxio de Mazobres (cara norte), organizada pola Unión Espeleológica Vallisoletana. No campamento realizáronse prospeccións polo macizo, sen atopar grandes cousas, e entrou na S-3 para fotografar varias salas e galerías, ata -150m.

 7 - 15 agosto.  Campamento Honseca.
 Conmemorando o 50 aniversario da primeira expedición á cova do Rei Cintolo, chegou o campamento de Honseca, unha semana de acampada coma as de antes, en plena natureza, ó pé da entrada da cavidade. Saímos de Vigo o sábado de mañanciña. Non levabámo-lo permiso de Medio Ambiente, falamos coa Alcaldesa ó chegar a Velilla del Río Carrión e deixounos acampar ate o luns que reclamariamos a Medio Ambiente o permiso vía Fax ó propio Concello. O resto do día empregámolo en montar o campamento,as tendas de durmir e a tenda común de viandas e outras lindezas agás carburo e material que durmía no remolque de Miliño. O domingo fixemos a travesía accedendo pola pequena entrada superior e saíndo polas galerías inferiores. Pequena e interesante travesía na que gastamos dúas horas. Saímos a comer ás tendas, chovía, e volvemos a entrar xa con fins máis exploratorios, definimos o camiño máis axeitado e curto para chegar á zona punta onde había que topografar. O luns pola mañanciña xa nos viu visitar a Garda Civil (moi atentos porque como estabamos durmindo marcharon e volveron máis tarde), e o garda do parque,  este xa tiña a comunicación da nosa acampada e salvounos de andar a correr, logo fixemos a chamada a Medio Ambiente e remitiunos o permiso ó Concello. Os demais días fixéronse incursións na cova explorando e tomando datos das galerías máis lonxanas á entrada. Daniel levou a palma entrando todos os días. Ademais de explorar Honseca, visitamos a Cova de Agudín e os seus grandes gours, fixemos prospección na ladeira noroeste de Honseca localizando a pequena cavidade dos “Mosquitos”. Tamén houbo un pequeno pateo ó pico Murcia e pozo da Loma agás  Miliño  que fixo grandes e variados pateos. Compartiron connosco esta actividade Gelo, dende o martes, e Pedro, de  venres a domingo,  do club amigo AER. Volvemos a Vigo con mágoa de non continuar, ao menos, unha semana máis. Con chuvia ate o mércores e sol radiante en diante fixemos desta semana unha data moi importante para todos e sobre todo para Carol e Marta.


Honseca

14 - 29 agosto.  Curso Monitores Técnicos da EEE.
 Do 14 ó 29 de Agosto, Xabier asistiu ó Curso de Monitores Técnicos de espeleoloxía da Escuela Española de Espeleología, acadando o título de técnico en espéleo e canóns.
 Moito tempo enclaustrado, con teoría e prácticas, que transformaranse en docencia e divulgación, tanto dentro coma fóra do club. Esperamos que máis, máis no club ... ¡Parabéns Ghabato!

28 de agosto - 5 de setembro. Cantabria
 Nesta semana os espeleólogos Carolina, Xabier, Mónica, Emilio V., Daniel e Yolanda (GE Arcoia) adentráronse na comarca do Alto Asón (Arredondo, Cantabria) para realizar varias travesías clásicas.
 Empezaron cunha adaptación ao medio, con Rubicera-Mortero, onde contaron cos “guías locais” da AER, Gelo e Pedro M. Travesía fermosa, cunha intricada rede de galerías fósiles ata chegar ó río, onde se mollaron ata ós xeonllos. Logo, xa no Mortero, salvaron o lago de 30m cun bote, e remontaron varios pozos ata a rúa.
 Ó día seguinte quedaron sos, Carol, Mónica, Xabier e Daniel ata o mércores, cando chegarían Emilio e Yoli. Os catro primeiros meteron comida, carburo e o bote pneumático en Coventosa, xa que ao día seguinte realizaron a travesía Cueto-Coventosa. Unha travesía dura, pola gran cantidade de horas (22h, levoulles), que comeza cun pozo de 302m, e varios pozos ata chegar as grandes galerías de Cueto, a 581m de profundidade. Percorreron esta ampla galería, duns 40m de galería con chan de pedreira, ata as Galerías Intermedias. Atravesaron estas acrobáticas e cansinas “ghincanas”, ata Coventosa, onde cruzaron os lagos e saíron ó día seguinte.
 Ó día seguinte realizaron a travesía de Sopladoras-Cueva del Agua. Integral sinxela, que transcorre por un curso activo, cun corremáns como única dificultade. O problema foron os accesos, xa que a forte choiva e o escarpado terreo facían estragos na nosa moral.
 Día relaxado, con Yoli e Emilio entrando en Coventosa, para facer foto, e co resto na procura do canón do Argumedo, pero a densa néboa impediuno. Pero non volveron coas mans valeiras, xa que uns cogomelos alegraron a cea. Último día, a Tibia-Fresca.
 Despois dun suoroso acceso, entramos en Tibia, con Gelo como “guía nativo”, descendendo esta sima ata o río, onde remontamos varios pozos ata dar coas inmensas galerías de Fresca. 9h de cova, para despedirnos.

12 de setembro. 3ª Xornadas divulgación de descenso de canóns
 Como xa ben sendo cotián,  chegaron as chamadas xornadas abertas (por aquilo de que pode ir quen queira sempre que teña unha licencia que lle cubra os riscos) de descenso de canóns. O domingo, día 12, quedouse no Club ás nove da mañá para continuar deseguido ó Rego da Cal (O Rosal, Pontevedra) e iniciarse ou  perfeccionarse nesta disciplina deportiva.
 Deixamos os coches no inicio do canón, alí tamén quedou toda a comida ¡que fame! e roupa. Un grupo composto por Carol, Emilio, Víctor, Miguel, Óscar, María, Conchi e Daniel descenderon o canón, e outro, formado por Mónica, Lourdes, Tere, Bea, André e Antón fixeron practicas na fervenza inicial poñendo especial atención no aprendizaxe destes pequenos.  A parte dos pequenos, María tamén levou o primeiro remollo en canóns. Como diría Escrich: “gostou da experiencia”. Acompañaron nesta saída e sobre todo gozaron dun fermoso día de sol e dunha auga máis ben fresca, Camilo, Chus, Pepe (que debería ter o neopreno e o arnés posto), Isabel e Ana.
 Logo volvemos xuntarnos no inicio e xantamos, descendendo algúns, de novo, a primeira fervenza. Recollemos todo, e tiramos cara ós vehículos, parando a tomar algo en Mougás.


Cueto

Prácticas  de  vertical  de  A  Picoña.
 Rematan xa as tardes na Picoña, baixando e subindo por cordas, neste xa querido bolo granítico. Este ano non gozamos de moita afluencia, pero si a suficiente para divertirnos á hora que aprendemos e adestramos nestas técnicas tan útiles.
 As prácticas celebráronse case todos os martes do verán, de 16 a 21h, pasando case todos os membros da Sección pola pedra, e algún máis para probar. Cando o tempo non o permitía utilizabamos o rocódromo habitual.
Esperamos repetir o ano que vén...

Espeleonovas

>>  9-12 outubro: Valporquero e Val do Marqués, León.
>> 16-17 outubro: Campamento Social descenso de canóns.      Melón
>> 23-24 outubro: Curso monográfico do Medio Natural.         Da  FGE
>> 30, 31 e 1 novembro: Campamento Galego           Extraterritorial  de  Espeleoloxía. FGE
>> 6-7 e 20-21 novembro: Curso de iniciación á Espeleoloxía, que solicitamos a E.G.E. O custo será de 36 € (lembrade que o Club subvenciona sempre os cursos oficiais)

¡Aínda quedan camisetas da Sección á venta, conmemoración do 50 Aniversario. Só 6 euros!
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

OUTU
 9-10 Cangas de Onis (Asturias) Marcha Nacional de Montañerios Veteranos FEDME - FEMPA
 9-10 Cangas de Onis (Asturias) Picos de Europa S.D. Montañismo
 9-12 Vegacervera (León) Valporquero. Val do Marqués S.D. Espeleoloxía
 15 Local Social Proxección vídeo: "Pireneos 2004" S.D. Montañismo
 16-17 Melón 8º Camamento Social Descenso canóns S.D. Espeleoloxía
 16-17 Negreira Camiño de Fisterra. Etapa II: Negreira - Olveiroa. S.D. Sendeirismo
 16-17 Campo Lameiro XXXIII Campamento e Marcha Galega Infantil-Xuvenil Montaña FGM - Peña Trevinca M.G.
 22 Local Social Asemblea Xeral Extraordinaria Xunta Directiva
 23-24 Cobas Curso Monográfico: Medio Natural E.G.E.
 24 Ría de Arousa Inmersión submarina S.D. Actividades Subacuáticas
 24 Chantada Monte Faro S.D. Sendeirismo
 30-31-1 Ribadesella  (Asturias) Campamento Galego extraterritorial de Espeleoloxía F.G.E. - E.C.A.
 30-31-1 Valle del Lago (Asturias) Somiedo S.D. Montañismo

NOV
 5 Local Social Proxección dixital: "Actividades sendeirismo 2004" S.D. Sendeirismo
 6-7 Monte Aloia Magosto Social S. Actividades Sociais
 6-7  Curso de Iniciación á Espeleoloxía (1ª Parte) E.G.E.
 14  Galiñeiro S.D. Bici de Montaña
 14 Franqueira  - Arbo Marcha de Outono S.D. Montañismo
 19 Local Social Proxección dixital: "Imaxes de Indochina" S. Actividades Sociais
 20-21  Campamento Infantil de Inverno S. Infantil-Xuvenil
 20-21  Curso de Iniciación á Espeleoloxía (2ª Parte) E.G.E.
 21 Caminha - Ponte Lima Trilhos Lusos: Serra de Arga S.D. Sendeirismo
 26 Local Social Proxección dixital: "Escocia" S. Actividades Sociais
 27-28  Xornadas Espeleolóxicas E.G.E.
 

Edita: Club Montañeiros Celtas. Dirección, maquetación e montaxe: José López Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle.
Colaboran neste número:
Lourdes Castiñeira, Daniel Ballesteros, Carolina Rodríguez Domingo, Françoise Fauré, Elvira Álvarez,
 David Jambrina, José Luis Vázquez, Fernando Fernández Rei, Mª Teresa García Cebreiros, Pedro Outón, Gabriela Freiría, Gaspar Ribé, Jorge Rosario Fauré, Iago Rodríguez Estévez, Ramón Rodríguez Villar.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998.
Impreso en papel reciclado

  Esta nova tenda en Vigo, está na rúa Regueiro,3, a 30 metros da Praza da Independencia. Ofrece todo o necesario no campo da fotografía dixital, dende
a compacta máis sinxela ata as reflex dixitais profesionais, videocámaras dixitais, telefonía, reproductores de mp3, gravadoras de voz dixitais, Pda's,  accesorios...      TLF-FAX: 986 480 926     EMAIL: regueiro@vigofoto.net
 
 



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en outubro de 2004.