O MAGOSTO
Acabáronse as vendimias
E veñen as esfolladas
Para comer cas rapazas
Catro castañas asadas.
Non chas quero, non chas quero,
Castañas do teu magosto,
Non chas quero, non chas quero,
Que me cheiran a chamusco.
As castañas no ourizo
Quixo rir e rabeou
Caeu do castaño a baixo
Mira que pago levou.
Non chas quero, non chas quero,
Castañas do teu magosto,
Non chas quero, non chas quero,
Que me cheiran a chamusco.
Doutro lado do río,
Ten meu pai un castiñeiro,
Dá castañas en agosto,
Uvas pasas en xaneiro.
Non chas quero, non chas quero,
Castañas do teu magosto,
Non chas quero, non chas quero,
Que me cheiran a chamusco.
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
SECCIÓN DE CULTURA E MEDIO AMBIENTE
Fai algúns meses que Martín García (Shambala)
deixou a directiva do Club por razóns persoais, aínda que
sigue colaborando co Club. A baixa de Martín foi cuberta por Isabel
Maestu, quen é a nova Vocal de Cultura e Medio Ambiente. Isabel,
ademais das actividades habituais da sección, tamén é
a coordinadora do Concurso Fotográfico.
LOTERÍA NADAL, 18.861
... a xogar! Este ano tamén imos xogar en decembro, pero non
falamos agora de xogos populares ou divertidos, trátase da lotería
do Nadal, xogamos ó número 18.861, e para que ninguén
quede sen a súa porción de fortuna, fixemos as participacións
de 3 euros. A terminación é fácil de lembrar, o 61,
a mesma cifra que o número de anos de Montañeiros Celtas.
Non esquezas pasar polo Club, a sorte espera, só tes que xogar connosco.
TÍTULOS DÉBEDA
Neste ano 2003 corresponde devolver o segundo prazo da amortización
(20% anual durante 5 anos) dos Títulos de Débeda que algúns
socios adquiriron, como aportación para a compra do novo local social
efectuada no ano 2001. Polo tanto, aqueles socios que adquiriron Títulos,
xa teñen a súa disposición cheques nominativos que
poden recoller na oficina do Club, ata o 30 de decembro do presente ano.
E igual que o pasado ano, aqueles socios que desexen converter os seus
Títulos de Débeda en Doazón, haberán de comunicalo
expresamente.
II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA
Xa están enviados os folletos do Concurso a tódolos socios,
a os participantes do pasado ano e a tódolos Clubs de Montañismo
e de Espeleoloxía de toda España, polo que confiamos en ter
garantida a súa difusión, reforzada por estar nas páxinas
de internet de Desnivel, Barrabes, etc.
Este ano, como novidade, ademais das fotos premiadas polo xurado, temos
a intención de que o público que visite a Exposición
(Casa do Libro, do 17 ó 30 de Nadal) vote a mellor foto, de xeito
que a “Mellor Foto do Público” será a elixida para editar
un calendario do 2004. O público participante entrará nun
sorteo para obter un agasallo.
Para o Concurso deste ano queremos animar especialmente os socios do
Club, xa que a súa participación a consideramos moi importante,
polo que, ademais de optar os importantes premios que figuran nas Bases
do Concurso, temos a intención de premiar a mellor foto de entre
as presentadas polos socios: “Mellor Foto de socio”.
Na actualidade estamos a estudiar un convenio con VIGOFOTO para obter
unha serie de descontos e vantaxes nas tendas desta marca, e como anticipo,
estamos a preparar a súa aportación a este Concurso que será:
o premio a mellor foto de socio, o agasallo os participantes na votación
popular da Exposición, e un interesante desconto para os socios
que amplíen, en calquera das tendas de VIGOFOTO, as súas
fotografías para presentar ó Concurso.
Ademais, e como xa fixemos o pasado ano, temos a intención
de que tódalas fotografías non seleccionadas para a Exposición,
sexan expostas no local do Club.
SECCIÓN DE CULTURA
Con motivo da actividade "plantación de landras", pedimos o seguinte
os camiñantes: "Aproveitando as vosas pateadas, colleita-las mellores
landras, conservádeas nun ambiente húmido, o máis
parecido ó bosque de onde as teñas recollido e traédeas
ó Club o día 14 de novembro, que as plantaremos coa axuda
de Quique, como outros anos".
Por outra parte, o 29 de novembro celebraremos unha xornada de astronomía
no Monte Aloia, aínda que supeditada ás condicións
meteorolóxicas... Por certo, conto con que os participantes queden
a durmir no noso Refuxio, xa que o domingo podemos facer algún percorrido
na zona.
Isabel
ACTIVIDADES SOCIAIS
MAGOSTO E XOGOS POPULARES
Non vos esquezades que o sábado 8 e domingo 9 de novembro, tendes unha cita no noso “chalet” do Aloia. Algúns iremos xa o sábado pola tarde e comeremos as castañas de noite pero por suposto seguiremos ahí ata o domingo pola tarde. O domingo pola mañá xogos e para quen lles apeteza, comida compartida. Por favor anotádevos na lista aberta no Club. Confío que moitos veteranos se achegarán ao refuxio para recordar e gozar entre todos de eses xogos, das castañas e do viño (a modiño).
TROFEOS
Coas miñas compañeiras de fatiga: Rosiña e Nuria,
terminamos de limpar e arranxa-los trofeos que están nas vitrinas.
Gracias pola vosa axuda. Ultimamente engadiuse a medalla agasallada polo
R.S.E.A. Peñalara de Madrid que, ca ocasión de celebrar o
seu 90 aniversario, concedeuna a Club Montañeiros Celtas polo seu
60 aniversario.
FUNDACIÓN VIDE - CAMPAÑA SIAEIROS
A fundación VIDE (Vigo Deporte) nace da iniciativa do Concello
de Vigo e de grandes empresas. Preténdese apoiar ao deporte vigués
de base e de elite.
O Club ven de facerse socio desta fundación como grupo deportivo.
A primeira parte da actual Campaña Siaeiros, consistía en
implicar empresas pequenas a ser partícipe do proxecto, pero non
conseguimos o noso cometido. Esas empresas, mediante unha doazón
de 200 euros, (100 para o Club e 100 para a fundación), participarían
nunha propaganda no Faro de Vigo unha vez á semana e entrarían
na guía de Siaeiros, onde se poderían anunciar promocións
puntuais. Esas empresas poderán ofrecer un desconto do 5, 10, 20,
ou 30 % aos portadores da tarxeta de Siaeiros.
Si hai membros do Club que teñan unha empresa e lles interesa
ser membro da fundación, vaise facer un anexo á primeira
guía, polo tanto se pode animar. Será unha axuda para o Club,
así como unha promoción para a empresa.
No Club teremos á venta a tarxeta de Siaeiros, acompañada
do talonario, que son cheques descontos, por 6 euros. Ser Siaeiro, permite
ter descontos en moitas tendas ou asistir gratuitamente ou con desconto
a certos eventos deportivos... Para máis información hai
folletos no Club ou preguntando viva voz.
Se queres ser Siaeiro, apúntate en M. Celtas!
F.F.
SECCIÓN SENDEIRISMO
O CAMIÑO DO NORTE. 2ª ETAPA LOURENZANA/MONDOÑEDO/ABADIN, 25 KM
Para esta convocatoria so contamos con 18 participantes, supoñemos
que non se animaron porque esta etapa tiña moita subida e asfalto
pero a paisaxe merecía a pena.
O sábado 11 de outubro ás 16 horas saiamos con destino
Lourenzana, o día era caloroso anque o celo estaba moi nuboso, tanto
que chegando a noso destino empezou a lloviznar. Dun tirón fixemos
a viaxe, instalámonos no albergue, e como xa visitáramos
Lourenzana na 1ª etapa decidimos ir cear e pasear a Mondoñedo,
xa que pola mañá do domingo so pararíamos a tomar
un café. Reservamos a cea para todos nun restaurante para ás
21.30 h. e fomos de paseo, non sabemos si era a chuvia pero non había
ninguén pola rúa. Chegando á praza da catedral vimos
que estaba a porta aberta e entramos cando nos encontramos cunha desagradable
sorpresa cun cura que estaba falando cuns feligreses dirixiuse cara nos
para dicirnos que non podemos seguir que ten que pechar, lle dixemos que
éramos peregrinos e que queríamos ver á Virxe Inglesa,
una preciosa talla de madeira de 1520, e nos contesta que lle da igual
que ten que pechar, a pesar de non saber que contestarlle, seguimos adiante,
pero el nos apagou a luz, de maneira que so foi entrar e saír. Nos
quedamos sorprendidos do trato recibido, xa que tan so dez minutos
houbesen solucionado o tema. “ Temos intención de enviar esta queixa
a través de e-mail ao bispado de Lourenzana” xa os diremos o que
contestan, seguro que algo insólito.
Seguimos, a cena foi estupenda e abundante, unha partida ao futbolín
e ás 23.30h o autobús levounos ao albergue. Comentar que
o compartimos con Dani, un peregrino de Barcelona que esa mesma mañá
nada máis chegar a Ribadeo xa se puxo a camiñar, todo
esto o soubemos porque veu cenar connosco.
O domingo, Miguel o noso espertador oficial, tocou diana ás
6 da mañá, almorzamos e ás 7.20h completamente de
noite e chovendo empezamos a camiñar, Dani despediuse de todos ás
7h. Durante unha hora camiñamos guiándonos polas lanternas
que algúns levaban na fronte, parecíamos A Santa Compaña.
Estes 8 km. ata Mondoñedo, transcorren por unha senda arborada
preciosa, apenas un km. de estrada, son os outros 17 km. os que van por
asfalto, é unha estrada comarcal que va unindo os moitos pobos polos
que pasamos e que case non ten tráfico. O día non nos acompaño
para nada, non deixou de chover en todo o recorrido, so nos deu un respiro
de unha a dúasda tarde, menos mal que ás 14.30h chegábamos
a Abadín. Esto significou que non paramos dende ás 10 h.
que saímos de Mondoñedo ata case ás 12.15h que pasamos
por unha aldea e un paisano cobizounos no cobertizo á entrada de
súa casa, e alí recobramos forzas para o tramo final.
Da paisaxe pouco que dicir, xa o coñecemos todos, so que un
día como o que nos tocou de ceogris, sen una gota de vento, nubes
entre a montaña e chuvia incesante agrandaba a beleza da zona.
Antes de saír para Vigo, cambiámonos a roupa e o calzado,
porque anque íamos preparados, 7 horas chovendo non hai nada que
poda con elas, pero esto non nos detén, xa estamos pensando
na terceira etapa, animádevos, o pasamos ben.
Elva
GR. 58 SENDEIRO DAS GREAS
O domingo 21 de setembro continuamos co noso calendario oficial de saídas
de sendeirismo, tralo peche do club durante o mes de agosto. A ruta, dentro
do sendeiro das Greas, esténdese ao longo de 24 km., dende
o alto de Confurco ata Cuartos de Borbén (Pontevedra).
Á 8,30 horas, cun tempo excelente, saímos en autobús
18 participantes para chegar en menos de media hora ao noso punto de partida,
Confurco. Comezamos cunha pequena ascensión rodeados de pinos e
eucaliptos para, ao pouco tempo, descubri-las canteiras de granito de Porriño.
Seguimos ata bordea-lo Salgueirón (619 m) e apreciar a panorámica,
dun lado o aeroporto de Vigo, Puxeiros e doutro, a zona de Ponteareas.
Un pequeno piscolabis e continuamos camiño seguidos por uns nuboeiros
que, en principio, non presaxiaban nada bo; falsa alarma, caeron tan só
unhas gotas. Ascendemos ao Galleiro (744 m). Tras contempla-las bonitas
vistas da ría de Vigo con Arcade ao fondo e a zona de Ponteareas
descendemos para continuar o camiño ata que, sobre as 14,00 horas
detémonos para comer nun prado rodeados de árbores. Alí,
tras un largo descanso que deu tempo para a tertulia e unha boa sobada,
nos diriximos en dirección a Sequeiros, seguindo o curso do río
Borbén, para finalizar no Club Social de Cuartos de Borbén
tomando unha cervexa.
Conchi Gilino
II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA (II ÉPOCA)
MANUEL MARTÍNEZ BARCIA
Seguindo a pauta iniciada o pasado ano, de dedicar cada edición
do Concurso a unha figura da nosa Sociedade que se teña distinguida
pola súa afección á fotografía, o presente
Certamen o dedicamos a Manuel Martínez Barcia, persoa que destacou
nas actividades de Montañeiros Celtas durante as décadas
dos anos sesenta e setenta, moi especialmente na práctica da espeleoloxía
e pola súa labor na tarefa de propagar as belezas que encerra o
mundo subterráneo.
Manolo fixo as súas primeiras armas no Club como afeccionado
á montaña, sobre a cal foi infatigable camiñante,
para pouco a pouco interesarse pola apasionante e descoñecida presencia
que ofrecen covas e simas, pasando a formar parte do grupo de pioneiros
desta actividade científico-deportiva en Galicia.
Do seu dilatado historial destaquemos o feito de ser Presidente, durante
os anos 1973-1981 do Comité Regional Galego de Espeleoloxía,
despois Sección Galega de Espeleoloxía, e en varias épocas
Director do Grupo de Exploracións Subterráneas de Montañeiros
Celtas
E non só no aspecto fotográfico deixounos bo recordo,
seno tamén como topógrafo afeccionado, dirixindo moitas das
actividades do equipo de G.E.S.Celtas. Levantou o plano das Covas do Rei
Cintolo, ou a campaña que baixo o nome de Operación Caurel,
tamén organizada polo noso Club en 1972, levouse a cabo na lucense
serra con excelente resultado.
Aquelas recordadas reunións con Manolo, sempre en compañía
da súa inseparable e animosa Amparo Sánchez, en charlas e
leccións sobre covas, derrochando ambos simpatía e ganas
de traballar, eran un estímulo para todos.
CONCURSOS FOTOGRÁFICOS
Os concursos fotográficos sempre tiveron especial importancia
na historia de Montañeiros Celtas, como medio esencial para fomentar
o cultivo de actividade tan complementaria no noso deporte e para dar a
coñecer ao gran público as belezas que encerra a montaña
e a natureza en xeral.
Xa en 1942, primeiro ano da existencia do Club, organizouse o Iº
Concurso Social de Fotografía, soamente para asociados celtas, ampliándose
dous anos máis tarde o Concurso Nacional de Fotografía de
Montaña, aberto a tódolos afeccionados e con difusión
en todo o país, converténdose pola súa importancia
e calidade en destacado acontecemento artístico e cita anual obrigada
no Vigo cultural de entón.
Entre os seus éxitos temos que recordar o celebrado no 1955,
no cal coa ampliación dunha mostra de fotos obtidas na primeira
exploración das Grutas do Cintolo, obtivo unhas cotas de audiencia
descoñecidas por entón. Outra a destacar é a de 1956,
con 237 obras presentadas, récord que nunca foi superado. E en 1959,
data na que o XII Concurso Nacional de Fotografía ampliouse co Iº
Concurso de Diapositivas en Cor, da que a importancia e interese é
boa mostra a participación no acto inaugural de autoridades civís,
militares e sociais da nosa xurisdicción.
A última edición nesta primeira época foi có
XXVI Concurso Nacional de Fotografía e XV de Diapositivas en cor.
Chito Veiga
MONTAÑA
Por fin Ancares! Xa lle tiña ganas. Saímos
do Club ás 8 da mañá, pero para estas cousas paga
a pena madrugar, aínda que fose co prognóstico de chuvia
que ameazaba o fin de semana.
Partimos de Porto Ancares, non sen antes meterlle
algo ó estómago e gozando do sol que de cando en vez se deixaba
ver; cousa que algún aproveitou para luci-lo seu corpo e poñerse
uns pantalóns curtos...Emilio ¡que pernas!..
O primeiro cumio que alcanzamos foi o Cuíña,
dende alí cresteamos ata o Pena Longa e finalmente subimos ata o
Mustallar. As vistas eran impresionantes, alá o fondo Burbia, máis
alá os lagos... e ata un numeroso grupo de rebecos.
Xa encomezaba a caer o día e buscamos
onde durmir. Atopamos un recoveco onde montamos as tendas. (Facer mención
os catro valentes que durmiron ó “pairo”). Pola noite empezou a
chover e soprar algún vento.
O día seguinte aínda era noite
cando espertei. Mentres recollíamos as tendas molladas, foi
abrindo o día e puiden comprobar que o domingo non íamos
ter a sorte do sábado... ¡Estaba petado de néboa!
Reiniciamos a travesía cara o Pico Lanzas,
todos xuntiños, que non se perda ninguén...!, continuamos
ata o Corno Maldito... e maldito o tempo, o GPS, o compás... Dende
este punto xa foi todo unha aventura, para adiante, para atrás,
campo a través, algunha que outra caída...Atención!
Xa chega Emilio coa crema dos golpes... Todo controlado!
Seguimos... ¿Perdidos? Non! Atrapados
pola néboa e tamén mollados. Finalmente chegamos ó
punto onde máis ou menos nos ía recoller o autobús.
Non preguntar como! A idea era subir o Tres Bispos, pero a cambio, abrimos
novas rutas polos Ancares, onde os sendeiros son marabillosos.
EXCURSIÓN AOS PERINEOS
Ás doce da noite, esperábamos o
autobús, que tras catorce horas e media de viaxe, nos levou ao albergue
de “Gavarnie”.
Chegamos ao atardecer, e montamos a tenda. O
redor de onde estábamos nós, víanse montañas,
máis lonxe, o glaciar e a catarata de trescentos metros, e por enriba
os picos nevados. As excursións, eran a elixir, ir ao pobo, unha
andaina curta... Nós nos levantábamos ás seis e media
da mañá, boa hora para camiñar, xa que case non daba
o sol, almorzábamos no albergue pan con leite, e preparábamos
a mochila de ataque, onde se levaba a comida e o traxe de baño,
pois sempre había un lago onde refrescarse; e botamos a andar.
Camiñamos entre vales, árbores,
cruzamos ríos... e chegamos á catarata de trescentos metros.
Todo xeado e esvaradío. Papá e eu, escalamos o precipicio,
ata poñernos debaixo da catarata. ¡Con que forza caía!
Outro día da marabillosa estancia nos
Perineos, fomos ao Vignemale, situado a 3298 metros de altura. Un glaciar,
é unha gran cantidade de xeo que nunca se derrete, polo que pasamos
nós, pero para a nosa protección, levábamos “crampóns”,
que son uns pinchos que se engaden á bota, e “piolet”, que é
unha especie de bastón cun pincho, para camiñar mellor. O
estivemos cruzando máis ou menos durante dúas horas, e logo,
empezamos a escalar polo pico rochedo. Cando chegamos arriba, Conchi nos
mandou que firmáramos.
Dende esa altura, víase todo como un mapa;
os lagos, as montañas, os vales, os campos...
Foi un experiencia INESQUECIBLE.
Gabriela Freiría (13 anos)
ESCALADA
Modalidade: Dificultade a vista e Bloque
Data: 22 e 23 de novembro (Proba da FEDME para detección de
novos talentos)
Lugar: Rocódromo Municipal de Riazor (Frontón), A Coruña.
Horarios sábado, 22: Eliminatorias de 11 a 15 h., Finais de
17 a 21 h.
Zona de quentamento: abrirase 90 minutos antes de cada proba. Na proba
de dificultade a vista, teranse 6 minutos para visualizar a vía
todos xuntos.
Innscricións: na FGM ata o 20 de novembro. Cuota: 20 euros.
ESQUÍ DE MONTAÑA
Como comezo de temporada faremos unhas xornadas de iniciación
o esquí de montaña, que dividiremos en dúas partes:
unha charla teórica no local na que veremos o material e a progresión
no esquí de montaña e unha saída de fin de semana
a estación invernal de San Isidro para iniciarse no esquí
o tomar contacto con iso de “foquear”. Tamén temos previsto realizar
un curso de “esquí en neves non tratadas” ou sexa, esquí
fora de pista, o numero máximo de prazas será de seis persoas
sendo necesario ter un nivel aceptable de esquí en paralelo e licencia
que asegure o esquí fora das pistas, ademais faremos dúas
travesías pola cordilleira Cantábrica e participaremos na
“II Percorrido Montañas de Trevinca” e na “XX Alta Ruta Cántabra”
nos Picos de Europa. Xa sabedes, encerade as vosas táboas e ide
quentando motores.
Marcos
RSEA PEÑALARA
MEDALLA PEÑALARA, CATEGORÍA ORO
En 1913 fundase a asociación Peñalara: Los doce amigos,
nome que basease no cumio máis elevado da serra de Guadarrama y
no seu número de integrantes: exactamente doce amantes da natureza,
a montaña, e o deporte que durante moito tempo deu en clamarse Alpinismo.
Este ano a R.S.E.A. PEÑALARA celebra o seu 90 aniversario, e
invitáronnos a súa festa, xa que concederon a Club Montañeiros
Celtas a súa máxima distinción, a “MEDALLA PEÑALARA,
categoría ORO”, polos 60 anos de historia do noso Club. Correspondendo
a este honor, asistín, acompañado por Fernando Fdez. Rey,
o pasado día 18 de outubro a súa “Fiesta 90 Aniversario”
no Albergue de Navacerrada (Madrid), para recibir persoalmente, no nome
do Club, este galardón que nos alaga.
O remate da comida, se entregaron as correspondentes medallas os seus
socios máis veteranos (destacar a entregada persoalmente a Manuel
Correa de 96 años y 80 de antigüidade) e a aqueles organismos
e persoas que pola súa labor e actividade son de recoñecemento
dentro do mundo montañeiro.
O recibir a Medalla de Ouro, nos lles correspondemos cun agasallo que
consistiu nun Peregrín de Sargadelos e placa conmemorativa. Nun
breve discurso resumín a importancia de Montañeiros Celtas
no contesto nacional comentando que recibiu en dúas ocasións
o emblemático Premio Julián Delgado Úbeda (1966 e
1978) da F.E.M. e fixen lectura dun dos textos que Chito ten escrito para
o futuro Libro da Historia do Club, o seguinte:
“Tal vez el hecho más destacado en las actuaciones de los montañeros
vigueses en este año 1942, fue la participación en el mes
de julio de Eduardo Blanco Aguilar y Emilio Giraldes Álvarez, en
el Iº Campamento Nacional de Alta Montaña de la Federación
Española de Montañismo, organizado en el macizo del Aneto
y en el que ostentaban la representación oficial de nuestro Club.
Esto es interesante de destacar, puesto que a lo largo de la historia de
este Campamento Nacional, iniciado como vemos este año 1942, el
Club Montañeiros Celtas es una de las 6 entidades que más
veces y con mayor número de representantes ha participado en el
máximo certamen nacional.
En la ocasión que nos ocupa los dos vigueses ascienden la máxima
cumbre pirenaica, el Aneto y otras cumbres del contorno, en compañía
de miembros del Centro Excursionista de Cataluña y del Grupo de
Alta Montaña de Peñalara de Madrid. Es con miembros de este
último Grupo con quien establecen contacto, comprometiéndose
dos de ellos, Baldomero Sol y Enrique Herreros, el excelente dibujante
humorista y posteriormente director de cine, en venir a nuestra ciudad
para instruir en las técnicas de escalada a los aficionados vigueses.
En este sentido se efectúan en el Galiñeiro, el 8 de
noviembre, las primeras sesiones de escalada, teniendo su continuación
el siguiente año, el 4 de abril, con nuevas prácticas en
las rocas de nuestro Galiñeiro, así como de descenso en rappel.”
Agradecín o apoio de Peñalara o noso Club nos seus inicios,
a Medalla que agora nos conceden e felicitei os “peñalaros” polos
seus 90 anos de brillante historia.
O final, Fernando e máis eu tivemos a oportunidade de conversar
con moitos veteranos que preguntábannos sobre todo polos “irmáns
Veiga”, entre eles: Antonio Flores, Antonio López Llorca, Salvador
Vecino... tamén tivemos a sorte de falar con algúns personaxes
ilustres como Eduardo Martínez de Pisón, Cesar Pérez
de Tudela, o incombustible alpinista Carlos Soria... ademais de membros
da directiva como o presidente Pepe Hurtado e os vicepresidentes Carlos
Soler e Jesús Vázquez (que como galego, foi o noso valedor
para a Medalla)
ESPELEOSECCIÓN
20-21 setembro: VII Campamento Galego Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía
De novo tocounos organiza-lo VII Campamento infantil-xuvenil da F.G.E.
Este ano quixemos que os rapaces coñeceran outro tipo de cavidades
e fómonos ás furnas da península do Morrazo. Non sabemos
se foi esta nova perspectiva ou que outra cousa pero o certo é que
se anotaron 30 rapaces e rapazas dispostos a divertirse a fin de semana
facendo unha espéleo diferente.
O sábado ás 10:30h e para empeza-la diversión,
viaxe en barco ata Cangas. Alí pateo ata o cámping de Liméns
por un sendeiro á beira do mar, gozando da paisaxe e compañía
dos demais.
Chegouse ó cámping, onde xa nos esperaban as mochilas
e as tendas dispostas para poñer en práctica os coñecementos
de cada un para montalas. Coa axuda dos monitores montáronse xusto
a tempo para meterse nelas antes de que empezara a caer un bo chaparrón
sobre nós. Aproveitamos xa para comer e despois, cuns raios de sol,
preparámo-los bañadores e toallas para irnos de furnas. A
primeira en visitar foi a Furna do Caño ou do Pirata, onde gozamos
para entrar na furna dun primeiro baño algo fresco pero que non
debeu selo tanto, porque o aproveitaron dando saltos e máis saltos
na auga.
Como aínda quedamos con máis gañas de furnas,
fómonos a facer unha “travesía” á Furna do Lago. Cos
cascos postos e con máis ilusión aínda entramos por
un sitio, pasamos arrastrados por un pequeno laguiño e saímos
por outro lado. Tanto lles gustou que querían repetir.
Xa con algo de fame, voltamos ó cámping. Ceamos, charlamos
e intentamos durmir algo cando os rapaces nos deixaban. Á mañá
seguinte, algún que outro esforzo para sacalos do saco e darlles
o almorzo. Preparámo-lo material para ir a Furna de Santa Marta
mentres os rapaces facían os seus preparativos.
Na furna instalamos unha corda para que os máis maiores ou os
que xa controlaban algo de vertical baixaran ó fondo. Nas inmediacións
instalamos outras cordas nunhas árbores para que os rapaces probaran
as técnicas de vertical. Algo de ilusión e medo mezclouse
nos seus ánimos pero ó final todos repetiron, incluso máis
dunha vez.
Para completa-la actividade montamos unha tirolina que fixo as delicias
dos rapaces e incluso tivemos a visita da televisión de Ponteareas
que tomou imaxen das actividades que desenvolvían os rapaces (a
emisión será en inverno, pero non sabemos cando).
Cando a fame empezou a “morder” voltamos ó cámping, onde
Emilio, Conchi e algúns rapaces voluntarios, se encargaron
de facer uns espaguetes que deboramos todos con rapidez.
Recollemos despois as mochilas e as tendas e xuntámonos para
o reparto de agasallos ós participantes e tamén ós
colaboradores. Clausurámo-lo campamento cunhas palabras do presidente
da F.G.E, Juan Prego, que destacou toda a labor feita cos rapaces.
Volta a Cangas andando para colle-lo barco e algo máis cansos
pero coa mesma ilusión ou máis chegamos a Vigo, onde xa preguntaban
cando sería a próxima saída.
Graciñas a tódolos participantes e ós que axudaron
a que o pasaran tan ben.¡¡¡Verémonos na próxima!!!
11-12 de outubro: Xornadas monográficas de morfoloxía
de cavidades
Este ano, as xornadas monográficas que anualmente organiza o
GES, adicouse á morfoloxía das cavidades cársicas.
Celebrouse os pasados días 11 e 12 de Outubro, na localidade de
Santalla de Arriba (no val do Lóuzara, Samos).
A actividade apuntouse pouca xente. Seis en total. Seis espeleólogos
que aínda de saberse moi ben esta lección, decidiron repasa-la
en conxunto, dándolle un toque diferente a habitual saída
espeleolóxica de fin de semana.
Visitáronse a Cova do Carballo, Cova de Cocidos, Cova do Muiño
do Carballo e a Cova do Cruce. Na primeira cavidade, puideron observa-la
formación das galerías, orixinando varios niveis, xunto con
meandros. Todo elo, despois dun breve repaso da orixe da caliza e dolomía
(rochas onde se desenvolven predominantemente as covas). Tamén se
pararon a contemplar diferentes formacións (estalagmitas, estalactitas,
columnas, coladas, bandeiras, gours, excéntricas,…) e a súa
xénese, e a relación co resto dos conductos endocársicos;
sen esquecerse do papel dos sedimentos detríticos dentro deste modelado.
Despois de durmir nunha chopeira ó carón do pobo, retomaron
as actividades. En Cocidos, percorreron unha cavidade que se desenvolve
no contacto entre calizas e pizarras, observando grandes aportes detríticos,
vetas de cristalización de calcita e paredes de conglomerado tipo
pudigna.
Logo visitaron a cova do Muiño do Carballo, cavidade de réxime
activo que na súa boca constitúe unha surxencia. Para remata-la
faena, adentrouse na pequena Cova do Cruce.
Logo de despedirse dos veciños do pobo, que moi ben nos atenderon
e nos deixaron un campo para durmir, voltamos cara Vigo, para acostarnos
sabendo unha cousa máis…
OUTRAS ACTIVIDADES
A nosa espeleóloga, con máis proxección de futuro
como diría Xabier, largóusenos ó Sur. Si, como quen
non quere a cousa, foi dar unha volta e non desaproveitou a ocasión
de visita-la sima G.E.S. e face-la travesía de Ramblazo-Motillas.
¡Non hai como ter vos colegas! Noraboa Pilar.
Espeleonovas
· 22-23 novembro. XVI Campamento Galego de Descenso de Canóns. Celebrarase no río Mougás, en Oia. Desta vez o neopreno será imprescindible que sexa de 5 mm. Mínimo.
· 15-16 novembro. Xuntanza técnica e Asemblea da E.G.E.
· 29-30 novembro. Campamento social de espeleoloxía. (en Cobas)
· 6-8 decembro. Campamento Galego Extraterritorial. Espinosa de los Monteros (Burgos)
· 6-8 decembro. IX Congreso Español de Espeleoloxía
Atención:
Como xa sabedes, estamos tódolos xoves de 20:30 a 22h para que
poidades contactar telefonicamente ou baixando polo club, para vos informar
dalgunha actividade. NO MESMO HORARIO REALIZARASE O PRÉSTAMO E DEVOLUCIÓN
DE MATERIAL
A Sección
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
PRÁCTICAS DE MAR
O pasado 18 de outubro se encontraron no barco da Escola Galega de Actividades
Subacuáticas (EGAS) dúas integrantes da nosa Sección:
Berta e Pilar. Berta ía realizar a súa primeira práctica
de mar del curso de mergullador de unha estrela, mentres que Pilar tiña
pendente a derradeira do de dous estrelas.
Non sen sobresaltos, pois esmagouse o barco na metade da Ría
e choveu case toda a mañá, as dúas aprobaron as súas
respectivas prácticas. Así que dentro de pouco teremos unha
nova mergulladora e xa temos outra un pouquiño, pero só un
pouquiño, mais experimentada.
FE DE ERRATAS
No boletín do mes pasado no artigo titulado "O mergullo mais
profundo do mundo" dicíase: "Durante o pasado mes de agosto, tivo
lugar no macizo de Arábiga (República de Abkhazia, Xeorxia)...".
A errata é precisamente esta, pois oficialmente a República
de Abkhazia non existe, sino que pertence á República de
Xeorxia. Ambas estiveron sumidas nunha guerra durante anos, na que tamén
interviñeron os intereses rusos. Por tanto, debería dicir:
"Durante o pasado mes de agosto, tivo lugar no macizo de Arábika
(República de Xeorxia)...".
Así mesmo, sería importante sinalar que o que primeiro
chegou ó outro lado do sifón a o que se fai mención
en dito artigo, foi Oleg Klimchuk. Este espéleomergullador ucraíno
viña de Crimea, de onde viña de atravesar outro sifón
que se lle resistira ós mergulladores soviéticos durante
años.
INMERSIÓN
Comunicase a tódolos interesados que o próximo 16 de novembro
a Sección ten programada unha inmersión. Din que á
terceira vai a vencida, así que esperemos que ningún contratempo
nos impida gozar do mar, xa que as dúas anteriores inmersións
tiveron que ser aprazadas.
Mergullaremos nos fondos da Ría de Vigo. Sairemos do peirao
do R.C.N. de Vigo ás dez da mañá e nos acercaremos
en zodiaK ata o lugar da inmersión. O prezo é de aproximadamente
20 euros, con botella incluída, e existe a posibilidade de alugar
material.
A lista está aberta. Non dubidedes en consultar calquera
dubida coa Sección.
A Sub-virulillas
AXENDA
Venres, 7 novembro "PRESTIGE, un ano despois": exposición da situación actual, fotografías, etc. por "Voluntarios NUNCA MAIS de Vigo". No Club ás 20:30 h.
Martes, 11 novembro “Montañas e montañeiros, unha íntima relación”, por Sechu. Conferencia da Agrupación de Centros Deportivos e Culturais (ACDC) de Vigo, no Centro Cultural Helio de Bembrive ás 20.30 h
Venres, 14 novembro Xornada de "plantación de landras", a cargo de "Quique". No Club ás 20:30 h.
Venres, 21 novembro “Khan Tengry (7.010 m). Ascensión pola cara norte”, por Eduardo Portela e Juan Parada. Proxección de diapos. No Club, ás 20.30 h.
Venres, 28 novembro “Marrrocos, de norte a sur”, por Xavi Posa. Proxección de diapos. No Club, ás 20.30 h.
Venres, 12 decembro “O fascinante mundo dos Cogumelos”, por José Luis Tomé Ortega, presidente da Agrupación Micolóxica A Zarrota. Proxección de diapos e degustación do prato “Pote das Meigas”. No Club, ás 20.30 h
Do 17 ó 30 decembro Exposición Fotográfica do “II Concurso de Fotografía de Montaña” e imaxes de Manuel Martínez Barcia. Na Casa do Libro, de 9.30 h a 21.30 h. Diario, excepto día 25.
Venres, 19 decembro Entrega de premios do “II Concurso de Fotografía de Montaña” e homenaxe a “Manuel Martínez Barcia”. Na Casa do Libro, ás 19.30 h.
Venres, 19 decembro “Festa fin de temporada”. No Club, ás 21.00
h
VINDEIRAS ACTIVIDADES
NOV
7 Local social Charla: "PRESTIGE, un ano despois" S. Cultura
e Medio Ambiente
8-9 Monte Aloia Magosto Social S. Actividades Sociais
8-9 Abadín O Camiño do Norte. Etapa III: Abadín-Villalba
S.D. Sendeirismo
14 Local social Xornada de "plantación de landras" S.
Cultura e Medio Ambiente
15-16 Monte Aloia Xornadas Técnicas Espéleo
EGE
16 Ría de Vigo Inmersión Submarina S.D. Actividades
Subacuáticas
16 Alto do Confurco Sendeiro das Greas GR 58. Etapa IV S.D. Sendeirismo
21 Local social Proxección diapos: “Khan Tengry, cara
norte” S. Actividades Sociais
22-23 Mougás XIV Campamento Galego Descenso de Canóns
FGE - GES Celtas
23 San Xurxo de Sacos Marcha de Outono S.D. Montañismo
28 Local social Proxección diapos: “Marrrocos, de norte
a sur” S. Actividades Sociais
29-30 Trevinca Campamento Infantil de Inverno S. Infantil-Xuvenil
29-30 Serra de Seixo Travesía: Prado Alvar- Chandresa
S.D. Montañismo
29-30 Cobas Campamento Social de Espeleoloxía S.D. Espeleoloxía
29-30 Monte Aloia Xornada de Astronomía S. Cultura e Medio
Ambiente
DEC
6-8 Aquilianos (León) Travesía: Médulas
- Aguiana - Peñalva S.D. Montañismo
6-8 Espinosa (Burgos) IV Campamento Extraterritorial Espeleoloxía
FGE
12 Local social "O fascinante mundo dos Cogumelos" S. Actividades
Sociais
14 Vilanova de Cerveira Camiños Lusos. PR Trilho Celta
S.D. Sendeirismo
19 Casa do Libro, Vigo Premios Fotografía e Homenaxe a
M. Martínez S. Actividades Sociais
19 Local Social Festa Fin Temporada S. Actividades Sociais
Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación
e montaxe: Henrique Soto Campos
Normalización lingüística: Enrique González
Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número: Lourdes Castiñeira, Emilio
Ballesteros, Carolina Rodríguez, Daniel Ballesteros,
Isabel Maestu, Françoise Fauré, Elvira Álvarez,
Conchi Gilino, Constancio Veiga, Pilar Orche, José Luis Vázquez,
Andrea M. Rosario, Ana Rodríguez Pedrido, Gabriela Freiría
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións
dos seus colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso
en papel reciclado