Boletín de Outubro de 2002

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines CalendariosFotosEnlaces



 
 

NÚMEROS MÁXICOS

A maxia dos números levounos a celebrar dunha forma especial este ano que transcorre, sesenta dende o ano no que se fundou o club. Os logros e feitos do Club ó longo destes sesenta anos están rexistrados na memoria de moitos dos seus socios e durante este ano temos intentado acercalos a tódolos socios, antigos e recentes, para homenaxear a uns e motivar a outros.
Mais un novo número máxico atopase neste mesmo boletín que sostedes nas mans: o boletín número 50. E este número ten un significado especial para min, 60 anos a fin de contas é un período que a miña imaxinación non comprende. En cambio estes 50 números teñen sido 50 números que loitei persoalmente dende o número 1 cando o presidente de entón Albino Quinteiro pediume que puxese en práctica a súa idea, que era a de facer un boletín de publicación mensual con noticias do club para que os socios estivesemos mellor informados dos acontecementos e actividades do Club. As condicións eran sinxelas: 4 páxinas nunha folla A3 a dobre cara que nos fotocopiaban a un prezo bastante económico. Ese primeiro número, que leva a data de Xaneiro de 1998, contaba na súa portada cunha mensaxe e saúda de Albino onde se facía unha declaración de intencións para o refén nado boletín, se invitaba a participar nel a tódolos socios e dábase conta das boas relacións co Club Peña Trevinca Vigo. Ademais había un articulo da sección infantil- xuvenil, o calendario de actividades para o ano 1998, prezos das licencias federativas e finalmente a invitación á Cea Aniversario. Fixen aquel boletín coa axuda dun programa informático que agora case non se utiliza, e inda tiña que facer dous evolucións máis, a última tan recente coma o boletín anterior. Por aquel tempo tamén xurdiu unha forza irresistible chamada Gaspar Ribé, que colaborou moi frecuentemente co boletín, dando boa conta dos proxectos como a Dorsal Galega (que comezaramos tamén por aquelas datas) e que logo se converteran en Arco Sur e Mar a Mar, e outras moitas actividades que o club organizaba baixo a súa tutela. Outra persoa coa que tamén contamos para alegrarnos un pouco o día foi José Luís Vázquez e os seus chistes, que para min eran o mellor do boletín (e estou seguro que non son o único en pensar iso). Neste número témo-la sorte de volver contar con el. E logo estaba eu, sempre nas saídas buscando (e nisto tamén Gaspar botábame unha man) alguén que fixese unha nota para o boletín.
Os números sucedéronse, chegamos ter números especiais como o de Xuño de 1999 que convocaba ós socios para recibir a Chus Lago no aeroporto á súa volta do Everest. Con eles tamén podemos ver algunhas actividades consolidarse coma o Campamento en Pirineos en Agosto e outras desaparecer.
Coa desaparición da directiva do Club case que simultánea de Carmen e Gaspar por razóns de traballo apareceu a principios do 2001 unha nova forza irresistible no Club que volveu a subir o listón do boletín a un nivel case que imposible. Sechu fíxome a vida moi dura cos seus niveis de esixencia pero os resultados os tedes na man, boletíns máis ricos, con máis contido, máis variados e  máis ilustrados.
En fin, tras un local novo e un 60 aniversario cheo de ofertas, aquí seguimos de novo. Gracias a todos e espero que gocedes deste coma dos outros 49. Os seguintes 50 non sei quen os fará, pero polo menos espero poder lelos.
Henrique Soto
 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

ELECCIÓNS CLUB MONTAÑEIROS CELTAS

De acordo coa lei do deporte da Xunta de Galicia, é necesario facer eleccións ós estamentos deportivos, incluído o Presidente de Club, cada catro anos coincidindo coa celebración das Olimpíadas de Inverno. Como consecuencia da Asemblea Extraordinaria do 18 de outubro elixiuse unha Xunta Electoral que dictaminou as seguintes:

NORMAS PARA A VOTACIÓN DE PRESIDENTE

CANDIDATOS
Os candidatos a Presidente deberán ter unha antigüidade como socio de número non inferior a dous anos.

ELECTORES
Serán electores os socios de NÚMERO, isto é, tódalas persoas maiores de idade, que cumpran cos deberes que a súa condición de socio lles esixe, que esteán ó día no abono das cotas e que teñan como mínimo dous anos de antigüidade.
O censo electoral exporase no local social do Club dende a apertura do proceso electoral.

PROCESO ELECTORAL
O voto será persoal, libre e segredo. Os candidatos serán elixidos por maioría simple. No caso de empate procederase a repeti-lo proceso electoral. Se non existira máis dunha candidatura, a votación non terá lugar e o candidato será elixido.

O día 29 de Novembro abrirase a mesa electoral ás 19.30 horas. A continuación procederase á votación, para o cal os membros da mesa electoral comprobarán a identidade dos votantes e a súa inclusión no censo. Recollerán a papeleta do voto e a depositarán nunha furna cerrada, marcando no censo de electores a participación dos mesmos.
Voto por correo. O voto admitirase exclusivamente por correo postal. Os votos emitidos por este procedemento recolleranse ata o momento do cerre da Mesa Electoral, que será ás 21.30 horas. Este voto emitirase nun sobre en branco cerrado, no interior doutro sobre que se dirixirá á Mesa Electoral de Club Montañeiros Celtas, facendo constar nun lugar visible "Eleccións a Presidente". Ó obxecto de comproba-la identidade do votante e a súa inclusión no censo, dentro do sobre exterior incluirase unha fotocopia lexible do DNI, e na súa marxe deberá consta-la sinatura autógrafa do elector, que haberá de coincidir coa de dito documento. Comprobado o anterior, os sobres interiores que conteñen a papeleta, custodiaranse ata o momento do cerre da Mesa Electoral, no que se introducirán na furna.
A continuación procederase ó reconto. O Secretario da Mesa redactará a Acta na que se relacionará a constitución da Mesa Electoral, e os resultados da votación nos que constará o número de votos emitidos, válidos, nulos e en branco, e o número de votos obtidos por cada candidato. A Acta será asinada polos compoñentes da Mesa Electoral.
Porase a disposición dos candidatos que o desexen un espacio no Boletín do Club correspondente ó mes de Novembro, para a presentación dos seus programas. O artigo debe ser entregado antes do 14 de novembro na oficina do club.

CALENDARIO ELECTORAL:
FIN DO PRAZO DE PRESENTACIÓN DAS CANDIDATURAS:  12 de Novembro  ata ás 21 horas.
PUBLICACIÓN DE CANDIDATURAS: 13 de Novembro.
RECLAMACIÓN: ata o 19 de Novembro ás 21 horas.
PUBLICACIÓN DE LISTAS DEFINITIVAS: 20 de Novembro.
ELECCIÓNS: 29 de Novembro de 19:30 a 21:30 h.
PUBLICACIÓN DO CANDIDATO ELECTO: 29 de Novembro
INICIO PRAZO RECLAMACIÓNS: 3 Decembro
FIN PRAZO DE RECLAMACIÓNS: 10 de Decembro
PROCLAMACIÓN PRESIDENTE E FIN DO PROCESO ELECTORAL: 10 de Decembro

A XUNTA ELECTORAL
 

ELECCIÓNS FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO
O próximo 31 de outubro ten lugar as votacións a membros da asemblea da F.G.M. Por o estamento de deportistas preséntase como novidade Conchi Barciela, membro deste club. Outros que xa son membros da F.G.M. e tamén son do club son: Evaristo Fandiño, José Raúl Leirós e Juan Bautista Álvarez. Para todos pedimos dende aquí o voso voto.

ELECCIÓNS FEDERACIÓN GALEGA DE ESPELEOLOXÍA
Preséntase, coma deportista, a compañeira Carolina Rodríguez Domingo, sendo as votación o 29 de outubro, para a que pedimos o voso voto. O día 7 de novembro proclamarase a lista definitiva dos membros dá Asemblea Xeral da F.G.E.

LOTERÍA DE NADAL
Nº   1 1 0 3 3
Para cando esté a rematar o ano, o mellor e ter boa saúde para gozar das festas, pero o Club, que é xeneroso dabondo, vai alegrar moito os petos ó distribuír participacións do gordo da lotería de Nadal, que será (segundo intuición moi fiable) o número 11033, o prezo de 5 euros por cada unha. Caso de que “o iluminado” non houbera acertado có número, o Club non se fará responsable das abundantes reclamacións, nin tampouco das que, por ser o número correcto, xurdan por non compra-la participación.

PARTICIPACIÓN DE MEMBROS DOUTROS CLUBS NAS ACTIVIDADES DO CLUB
Decidiuse en reunión de Xunta Directiva que a partir de agora cobrarase só un 25% máis do prezo de socio da actividade ós socios federados doutros clubs, incluído o club Peña Trevinca Vigo. O prezo de non socio segue sendo un 50% sobre o de socio, para facer interesante a implicación directa no club.
 



60 ANIVERSARIO

 Concurso Nacional de Fotografía de Montaña. Estamos a piques de lanzar este concurso fotográfico, faltan algúns detalles para publicalo e co seguinte boletín recibiréde-la información completa, pero xa adiantamos que está dotado con dous premios e trofeo: 1º premio, 600 euros; 2º premio, 450 euros. Esperamos unha ampla participación con boas fotografías, xa que a contía dos premios e importante e será difundido en toda España. Prepara as túas mellores fotos, pódense presentar dúas por autor, e... ¡participa!No anterior número dabamos contas do lanzamento do Concurso de Fotografía de Montaña. Posiblemente cando leades esta nova xa vos chegaría o tríptico coa convocatoria e as bases, con 1000 euros e trofeo COVSA para o primeiro premio e 500 euros e trofeo Pescanova para o segundo.
O lanzamento deste concurso foi posible gracias ós patrocinadores e colaboradores, sen os que non sería posible ................., ademais dos que traballamos na organización. A todos, gracias.
Coas fotografía enviadas organizarase unha exposición fotográfica,  no club ou lugar que estamos tratando de atopar para o mes de decembro, nun lugar céntrico e axeitado. No vindeiro Boletín comunicarémosvo-lo lugar, as datas e o horario da exposición.
Como xa sabedes, este concurso está dedicado á memoria de Moncho Melón, coincidindo co oitavo cabodano.
Pois veña, busca esas fotos e/ou sae facelas, pois 60 anos e os premios ben o merecen. Tes ata o 26 de novembro. ¡¡Ánimo!!
A partires desa data imos precisar compañeiros/as que boten unha man para prepara-la exposición. Estate atento/a e colabora. Gracias.
Emilio Ballesteros
Coordinador do Concurso
 
 

SECCIÓN DE CULTURA

TERTULIA

A de Setembro de tema: “Ser autodidacta en deportes de montaña”,  introduciuna Enrique e tivo as seguintes conclusións:
- Hai determinadas actividades nas que non se debe ser autodidacta ex: escalada, alpinismo, espéleo. Polo risco que se asume, e outras nas que non é aconsellable polos “vicios” que se incorporan como por exemplo o esquí. Todo isto, nos referimos, nos inicios.
- Hai persoas que tenden a ser máis autodidactas que a asistir a cursos ou  inclinación maior ó autodidactismo debe sempre ir combinado en maior ou menor medida con ser alumno doutros.

A de Outubro tivo como tema “Porcentaxes obrigadas de mulleres como cargos de institucións” , que xurdiu pola polémica desatada pois o PSOE obriga a ter un 50% de mulleres na súa executiva. Introduciuna Lourdes (espéleo.) e tivo as seguintes conclusións:
- A natureza da muller é diferente á do home, e ela é quen  ten os fillos, ¡pero tamén son dos homes!, polo tanto non debe saír prexudicada pola súa condición de muller nas empresas ou outras institucións. Cremos que deberan aumenta-los incentivos ás empresas por maternidade, ou baixas asociadas ó nacemento dun neno.
- As propias mulleres que participaron na tertulia, dixeron que non debe haber porcentaxes fixos de mulleres nas institucións, sempre e cando teñan as mesmas oportunidades que os homes.
- Debémonos basear máis na “educación para a igualdade”, dende a infancia que dos porcentaxes obrigados de mulleres en institucións.
A tertulia de Novembro terá como tema: “A auga recurso imprescindible de vida”, tan de actualidade en Vigo hoxe en día.

CONCURSO DE COCIÑA DE OUTONO-INVERNO
Por agora é tan só unha idea e necesitamos madurala con xente que teña boas ideas e algo de experiencia neste tipo de concursos, estamos abertos a suxestións e colaboración. Quedan pendente de confirma-las datas e lugar, anque será probablemente no Aloia se se leva a cabo.
Creo que o leite fritido de Mucha pode arrasar no concurso e por iso para que non se saiba a gañadora no concurso de antemán sería estupendo que fora ela parte do xurado.

ENTREGA PREMIOS DO CONCURSO LITERARIO E SAÍDA ARQUITECTURA POPULAR
A data de redacción destas liñas non realizamos estas dúas actividades. As comentaremos na próxima circular.

VISITA Á CASA DAS CIENCIAS (incluído PLANETARIO) E ACUARIO DA CORUÑA
Realizarase o día 1 de Decembro, Domingo á Casa das Ciencias pola mañá, saíndo de Vigo ás 9.00 h, visitando dito museo interactivo para ás 13:30 h, ir ó Planetario a ver a sesión de “Galileo, mensaxeiro das Estrelas”. Comeremos posiblemente nos alrededores da Torre de Hércules se o tempo acompaña, leva-lo bocata e a bebida. Pola tarde ás 16:30 h. iremos  ver o Acuario, para regresar a Vigo sobre as 18.30 h, e chegar sobre as 20.30 h.
ATENCIÓN: Porase autobús, e solicitamos prazas por anticipado para o Planetario, de aforo moi reducido e para conseguir unha reducción no prezo como grupo. Por isto se necesita que tódolos interesados estean inscritos como moi tarde o Martes 26 de Novembro, para confirmar ós responsables do Planetario o número exacto de persoas  que imos o Mércores pola mañá que é o prazo que nos deron. Número máximo de 25 persoas se non hai contraorde.

PREZO (Autobús + visita Casa Ciencias-Planetario-Acuarium):
17 Euros SOCIOS
25 Euros NON SOCIOS

Este prezo é para un grupo de 25 persoas se fóxemos menos as condicións da viaxe cambiarían, ex. Coches particulares e descontos na visitas a menores.
                                         Martín (Shambala)
 
 

BICI DE MONTAÑA

ALOIA 01/09/02
Primeira saída de bici, despois das vacacións, e éxito de participantes se contamos con que o club estivo pechado o mes de Agosto, e non foi fácil que se informasen moitos socios. 15 tolos do pedal, estabamos ás 10 da mañá no refuxio, dispostos a “gozar” dos descensos vertixinosos e bravas subidas, que nos agardaban, nun caloroso día.
Esta vez  o almorzo, fixémolo no bar do bo amigo Sebastián e familia, que trátanos  sempre, como se de esta formáramos parte.
Iniciámo-lo percorrido e despois das primeiras baixadas por asfalto ata a ex-zona de acampada e primeiras subidas e “chaneos” por pista, dirección ó San Antoniño, xurde o primeiro incidente (que non accidente) do percorrido, este non foi outro que o despiste de varios dos participantes, debido ó fraccionamento do grupo (cousa bastante fácil e frecuente), na que tomaron outra dirección, que os separou do grupo de cabeza. Retrocedemos para intentar reagrupa-lo rabaño, pero non foi posible.
Seguímo-lo percorrido previsto, por unha longa pista, recentemente alisada polas máquinas e que invitaba a darlle marcha ós pedais, ata que rompeu a cadea dunha das bicis. Isto non foi problema porque contamos sempre nestas actividades co mellor equipo técnico e mecánico que existe no país, asunto arranxado e a seguir pedaleando, ata o cruce co asfalto, onde despois dunha rápida baixada, chegamos á Ermida de San Fins.
Aquí despois dun suave ascenso por pista, facemos outro descenso deses que te despeitean, aínda que leves o casco posto, ata Pazos de Reis, onde baixamos ata o “Castro dos Cubos”, poboado celta estratexicamente situado, enriba de Tui e cunha vista de Portugal e o Miño realmente atractivo.
O bo comezaba agora, para comezar a rotura doutra cadea, que deunos algo mais de lata ca anterior, pero nada que non puidéramos arranxar. A partir de aquí todo resúmese en subir e subir ata o refuxio, repuxemos forzas e empezamos a darlle voltas á vindeira saída do mes do novembro, onde vos esperamos.     Escrich
 
 



SECCIÓN SENDEIRISMO

GR 58 SENDEIRO DAS GREAS.
Etapa I.Sotomayor-Cañon do Oitaben-Envalse de Eiras-Calvos Fornelos de Montes. Domingo 13 de Outubro
Non a tíñamos todas con nos este día,  así que lo levamos con estoicismo dende o principio. Para comezar o autobús se atrasa (¿será posible despois do madrugón?) e logo a pertinaz chuvia que alivia a seca imperante pero que nos chafa o día (en canto a pés mollados, pero non en cuanto o animo). Dende Sotomaior saímos das proximidades da unión do Verdugo e o Oitaben (preto do ponte colgante onde iniciamos a 2º etapa do GR94). Remontamos o Oitaben entre carballos ata alcanzar o lugar de Aranza, característico por emparrados baixo os que camiñamos e as súas ladeiras adornadas de socalcos ás que ascendemos. Despois de subir 200 metros pola ladeira chegamos á canalización de auga proveniente do embalse de Eiras. Os neófitos sofren os primeiros rigores e sofocos pola empinada costa, resistindo con enteireza o primeiro envite. Abandonamos o sendeiro marcado e continuamos bordeando o Oitaben ata Eiras, a chuvia cae forte, o cal non nos impide contemplar o baixo nivel de auga do embalse (con lo esta caendo xa podía estar cheo, pensa algún). Por carreteira chegamos a Calvos, onde milagrosamente o Bar está aberto, así que os máis veloces apuran unhas tapas de callos e un tinto para quentar a molladura que levamos encima. Antes de que o persoal se acomode e se amotine para non seguir, arrancamos por camiño marcado cara a Fornelos de Montes. Por un frondoso bosque chegamos ás ruínas da Cidade, un lugar misterioso, onde os fentos cobren os restos dun acueducto así como unhas chozas derruídas polo paso do tempo. O chan ó igual que as pedras do lugar está tapizado por unha espesa capa de musgo. Nos queda un lixeiro ascenso para logo caer en Fornelos, onde comemos e onde máis tarde nos recolle o bus. É de destacar a enteireza dos nosos novos e xoves compañeiros, como Pablo, que aguantaron a chuviscada como os  máis curtidos.

Próxima etapa del GR 58: Fornelos de Montes-Coto de Eiras-Cuartos de Borben. Autobús. Domingo 1 de decembro de 2002. Saída ás 8:30h do local social.
M.C.
 
 

SECCIÓN DE MONTAÑA

Escaladas en Alpes ou como ver chover nun sitio moi bonito (e caro)

O día 27 pola noite plantamos a tenda en Courmayeur, onde se celebraba o Stage para Mozos Alpinistas do GAME, logo de 2 claustrófobos días nun coche do século. Á mañá houbo presentación dos asesores, Joan Quintana, Jose I. Gordito e Carles Gusi, e dos participantes de Cataluña, Granada, Palencia, Madrid e de Galicia, no-los tres, Pablo Bello, Andrés Fraga e eu Juan Rivas “Coru”.
A primeira actividade deu comezo ese mesmo día co fin de aproveitar ó máximo as oportunidades que daba a méteo e que este ano non estaba sendo do máis benevolente. Co fin de aclimatar buscamos un monte “baixiño”, a víctima a Tour Ronde (3.798 m.), discusións entre refuxio si refuxio non, finalmente impúxose o romanticismo á comodidade e tenda no Cirque du Maudit. mentres preparamos todo xurdiu o rumor de que o derradeiro teleférico era unha hora máis tarde metémonos présa innecesariamente. O teleférico deixounos no Refuxio Torino e dende aló unha baixada de media hora longa polo glaciar deixounos ó pé da Tour Ronde.
O campamento estaba ós pes do impresionante e histórico Grand Capucin, ó que se nos ía a vista cada pouco, pero dende alí víanse as costas do Mont Maudit, as agullas periféricas do Mont Blanc de Tacul,o Dent du Geant, a Aiguille du Midi e algún outro que por descoñecemento ou falta de memoria deixo no tinteiro.
Logo de monta-la tenda fomos ve-la cara Oeste da Tour Ronde, onde estaba un dos nosos obxectivos, pero o chegar alí non había máis que pedras onde tiña que haber unha fermosa liña de xeo, por iso aproveito para facer unha reclamación: ¡GLACIACIÓN XA!. Iso cambiaba un pouco os plans do segundo día pero non os do primeiro que seguían a ser os de ascende-la cara norte pola elegante goulotte Perroux Decorps (400 m., III-3), que discorre pola parte dereita da parede.
Almorzo cedo encordamento glaciar e á faena, a rimaia está fácil de pasar, e nas primeiras horas da mañá a neve está ben, o primeiro  longo é de neve a 50º, pero os seguintes xa son interesante longos de neve, algo de xeo e mixto infernal (máis ou menos). Xa case no final perde inclinación e continuamos en ensamble ata o cumio.
 Debaixo nosa quedan 400 m de parede e temos unha espectacular vista do Mont Blanc pola súa vertente da Brenva,  da impresionante Aresta de Peuterey a máis longa de Europa, do Val Branco, o lonxe a Aiguille Verte e ¡bua! un cento de cousas a cada cal máis impresionante. Fotos de rigor, fotos de cachondeo, bebida, cachondeo, algo de picar e para abaixo. Que bonito sería un mundo onde as cousas fosen sinxelas, pero non, a baixada era unha broma de mal gusto, unha aresta labiríntica sen pasos evidentes e patios moi evidentes. Logo de dar tres pasos adiante retroceder e dar outros noutra dirección decidimos que o mellor era baixar por medio de rápeles directamente ó plató. Xa era tarde e o sol quentaba a neve provocando pequenos aludes o que axudou a que todo funcionara dun xeito eficiente e rápido.
Xa na tenda celebrámo-la nosa ascensión pondo a seca-la roupa e bebendo uns 10 litros de auga con sales, así pasámo-la tarde conversando coa xente que baixaba, tirando fotos e outros mesteres, como facer plans para o día seguinte xa que a nosa vía non estaba. Como só tiñamos unha mañá de bo tempo decantámonos por subir ó refuxio, deixa-las mochilas e ir ó Dent du Geant.
Espertamos cedo e ó ver todo cuberto lembrámonos dun xeito pouco cariñoso dos tipos da méteo, e volvemos durmir. Unhas horas máis tarde erguémonos e descubrimos un día espléndido, recollemos todos e subimos o refuxio, dende aló Pablo e máis o Andrés continuaron ata o collado do Dent du Geant para continuar coa climatización e ve-lo comezo da aresta de Rochefort.
Xa de volta no cámping comezou chover e tronar. O día seguinte dedicámolo a charlas sobre material e técnicas e a pasear por Courmayeur e arredores, pola noite proxeccións de diapos a cargo de Jaume Altadill e José I. Gordito. O día seguinte prometía máis do mesmo, pero ó medio día, ó pasar pola casa dos guías, vímo-la méteo, pola tarde e a mañá do día seguinte dan bo tempo, sen perder un minuto aproximámonos ó Refuxio Monzino, que máis que refuxio parece un hotel, unhas instalacións de luxo, o obxectivo a Ottoz-Huzeler 350 m D+ (V oblig.) unha vía de rocha que suca a parede sueste da Aiguille Croux (3251 m). Á mañá cedo pero sen présas saímos do refuxio cara á parede, calzámonos os gatos deixámo-las mochilas nun alto para protexelas dos ataques das marmotas (recomendación de refuxieiro) e para arriba Pablo e eu. A vía é moi bonita con pasos interesantes, o percorrido é sempre o máis lóxico (o habitual nas vías dos anos dos pioneiros, a vía é de 1935) pero nalgúns sitios a rocha está algo descomposta. No cumio estamos un bo rato entre comer algo, beber, fotos e máis fotos á vertente do Freney, do que non se pode dicir nada que non este dito xa, e moito menos nada mellor así que non vou dicir nada.
Rapel ata pé de vía e descenso ata o refuxio algo de beber pagamento ó refuxeiro e descenso baixo a ameaza da choiva e das treboadas, ó chegarmos ó coche comeza a chuviscar e logo a chover e xa non pararía máis.
Ó día seguinte a xente comeza a recoller pois non parece que o tempo vaia mellorar, nós temos plans para unha semana máis, un día de paseo por Aosta, e a méteo erre que erre coa choiva, decidimos que estar alí gastando os cartos é parvada podendo estar escalando noutro sitio, recollemos pagámoslle á dona do cámping (decidimos pagar a pesar de que non tiña os nosos datos porque a señora era meiga e dábanos medo) despediuse co seu característico: Pobre joveni alpinisti non poden subire a la montagna perque piobe, el anno que venne subire al Monte Bianco (perdón polo meu italiano de curso sesesé).
O novo sitio, despois de debates arduos e encarnizados, que si ós piris, que eu quero ir ós Pirineos  pois eu ó Pirineo, foi esa cordilleira que separa a península de Francia, pois na parte francesa do Pirineo catalán, plantámonos no Canigó (aproveito para mandar recordos a Gaspar e Nuria) que nos recibiu cunha avaría no coche e unha boa tormenta pola noite, subimos  no Pic San Bernet, Pablo e máis o Andrés pola parede sur (creo) pola vía do Gran Diedro 200 m V (ou algo así) e eu a patas pola crista.
Logo do Canigó dirixiámonos ó Midi d´Ossau, pero un erro na elección da estrada fixo que decidísemos quedar en Benasque, escalamos en Bohí, no Pic Comalestorres a vía El Pistacho Asesino 200 m (+ou-) 6ª. Como viña sendo tónica habitual ó rematar comezou chover, acabouse a escalada, por sorte estamos en Benasque e non falta a esmorga e as visitas a certa tenda de montaña, ¿comentei o da festa en Cerler?.
Así pasan dous días ata que decidimos volver á casa, e se cadra parar algún día máis por aí, parar a escalar non a esperar a que abran os talleres para arranxa-lo coche. Dato que alguén non debeu comprender por que o sábado á noite escarallouse o coche en Logroño, movemos os fíos dos contactos e conseguimos onde quedar a durmir, visita á noite logroñesa, moi interesante por certo, e domingo de vagar sen rumbo. Luns pola mañá “arranxamento” do coche e volta á casa.
 Coru
 

TEGRA-GALLEIRO, 60 ANIVERSARIO

Co gallo do 60 aniversario un puñado de celtas cun pouco de memoria histórica decidimos recuperar unha marcha clásica nas actividades do club. Esta actividade data dos tempos en que inda non existía o sendeirismo nin falta que facía.

Saímos da rede viaria de Vigo o sábado 5 de Outubro ás 9,30 a.m. cara á Garda doce celtas provistos de mochila, saco, esteira, alimentos variados, mapas, compás magnético, dous GPS (“trintaesinco satélites” por cada un), frontal, pílulas e o máis importante: un ánimo excelente.
Martín xa tiña toda a loxística preparada, Sechu chegou polos pelos, é unha persoa con moitas obrigas, SOBRE TODO AGORA QUE É CANDIDATO. O tempo prometía óptimo para o evento, nubrado pero sen choiva.
Despois de hora e media de viaxe turístico chegamos á Garda onde se nos uniron Lucrecio e Marrón, mercamos o pan e ascendemos ó cumio do Tegra.
Ás 12 a.m., despois da foto de rigor saímos doce máis unha persoas e un can cara ó Galleiro.
O tramo ata o Rosal fixémolo case todo por asfalto, pero unha vez alí xa non o volvemos pisar ata chegar ó Porriño.
No Rosal fixemos unha paradiña para tomar auga e encara-la subida ó Niño do Corvo con bo ánimo. Unha vez arriba xantamos mirando o esteiro do Miño e as viñas que gabean cada vez máis alto nas ladeiras da serra do Arxallo.

Dende o Niño do Corvo seguimos toda o cordal da serra do Arxallo ata chegar a Vilachá do Monte onde topamos outro deportista que se dispoñía a dar un vo en ala delta.
Dende Vilachá seguimos xa por monte baixo en dirección a Pinzas, o que rodeamos po-lo Oeste. A partires deste punto tivemos que facer varias consultas ós GPS xa que un lixeiro erro na nosa dirección levaríanos ó val do Tebra (de ingrata lembranza noutras ocasións) ou ós altos de Gondomar puntos bastante afastados do noso obxectivo. Gracias ós aparellos chegamos ó chan do Outeiro e seguidamente ó alto de Tebra ¡inda era de día!. Continuamos cara ó alto de Santo Antoniño, neste punto as forzas xa ían algo minguadas, Luís e Elías foron rescatados por Cristina que os achegou ó Aloia.

Nós chegamos ó Aloia ás 11 p.m. O bo de Martín xa nos tiña preparado o “chiculate” para despois da cea que para uns foi de empanada de luras e para outros de churrasco.

O domingo erguémonos ás 7,30 a.m. e as 8 xa estabamos camiñando cara ó Porriño, dende aquí acompañounos Miguel. Seguímo-lo sendeiro sen problemas salvo polas obras, cada vez nolo poñen máis difícil no noso deporte con tanta autoestrada.

No Porriño deixáronnos Esperanza, Luís e Sueiro por mor das vinchocas. Nós seguimos cara ó Galleiro guiados por Lucrecio no labirinto de pistas ata chegar ó Carballón onde se desatou unha carreira por ver quen chegaba antes ó Galleiro, Sechu estivo intratable co seu poderío físico, notábanse os seismiles que acaba de conseguir na Bolivia. Ás 3 p.m. estabamos no cumio do Gallerio: Sechu, Miguel, Conchi Barciela, Alemparte, Enrique, Fernando, Vázquez, Lucrecio, Cantero, Evaristo e Marrón. Despois das apertas e felicitacións descansamos un pouco ó sol (estábase moi ben estirados sobre a pedra) e comemos. A baixada ós Valos tivo como único problema o do cansazo. Unha vez abaixo xa nos agardaba Martín coa loxística de volta preparada, parámonos un rato para brindar con “ghasosa” e “shervesha” polo 60 aniversario do club, polos seus socios e polos heroes da xornada. Tamén xurdiron moi boas ideas para futuras actividades das que vos informaremos xa que os 76 quilómetros soubéronnos a pouco.
Celtis Lupus
 

Andes 2002
“A miña primeira expedición”

En lembranza dos nenos: Jhony, Jannet... en terras incas.
Pois aquí estamos de volta, un mes máis tarde da nosa chegada de Sudamérica, inda sigo nas nubes “cousa do mal de altura” seguramente. A viaxe foi toda unha aventura; o traxecto en avión máis bonito, sen dúbida, o de Lima-Cuzco, as vistas pola fiestra foron estupendas, o mar de nubes entre as montañas ao amencer...
Os nervios cos que saíron os mozos (José Carlos, Marcos e Sechu) de Peinador, pois xa saiamos con demora, fixéronse maiores ao chegar “todos” a Lima excepto o petate de Marcos que aterrou ao día seguinte “san e salvo”. Por este motivo tivemos que atrasa-lo Camiño Inca un día. Nós, mentres, comezabamos a enriquecernos con toda a cultura que nos ofrecían os nativos de todos estes lugares. Mercamos uns boletos e dirixímonos en autobús ata Pissac, unha aldea na que nada máis chegar remarcábase a mestura de cores, olores...encontramos un mercado moi grande, vendíase de todo: comida, fósiles, variedade de obxectos feitos a man, tradicionais, ¡encontramos ata uns galegos!, pois si, de súpeto aparecen de entre a xente: Eliseo, Jorge e Angel que saíran de Vigo un día antes ca nós, alegrounos moito saber que coincidiriamos no Camiño Inca, algo bo tiña que te-lo feito de perder unha maleta ¿non?. Enriba de Pissac fomos visitar unhas ruínas incas, ¡isto comezaba a marchar!, sempre que podiamos andabamos e subiamos ao máis alto, desta maneira os problemas de altitude non aparecerían tan pronto. Ben, o mate de coca ou de muña diaria tamén axudaba ¿non si?
Antes de marchar a face-lo Camiño Inca tamén visitamos as ruínas de Sacsaywaman e as de Q´enqo o tempo non daba para máis; facía falla para merca-las últimas cousas necesarias para as actividades de montaña, sabiamos que en Perú teriamos menos problemas para conseguilas: cartuchos de gas, granola (uns cereais en barriñas por recomendación dunha amiga peruana), comida, pois hai productos que non puidemos levar no avión.
O Camiño Inca axudounos moito a chegar a Bolivia ben adestrados; a experiencia foi estupenda, a mestura de idiomas, razas, nacionalidades... O noso grupo estaba formado por parellas de: irlandeses, ingleses, alemáns, israelitas, cataláns e máis nós, os catro galegos, ademais dos 12 portadores quechuas e os dous guías (Rubén e Olger). A viaxe durou catro días, a medida que nos acercabamos ao Machu-picchu iamos pasando terrazas, ruínas e máis ruínas, subiamos e baixabamos escaleiras... Rubén tiña que dar as explicacións en inglés e logo en castelán (boa forma de recorda-lo pouco inglés dalgúns). Eu xa fixera o Camiño de Santiago e dábame un pouco a mesma sensación,  chegar ao “Machu-picchu” era como chegar a “Santiago de Compostela”.
Durante a andaina, Sechu e Marcos ían sinalándome as altitudes, cada vez estábamos máis altos e para min, a partir dos 3355 m do Monte Perdido, eran marcas. O máis alto que estivemos foi uns 200 metros por riba do collado Wariwalisca (4.200 m) que pasamos ao segundo día, unha vez máis había que intentar subir ao máis alto e así o fixemos.
Sentiámonos un pouco estraños, polas mañás os portadores espertábannos ofrecendo un mate de coca ou de muña, ¡a primeira infusión nas tendas, dentro do saco! Dos almorzos, comidas, merendas e ceas tamén se ocupaban eles.
A última noite pasámola de festa en festa: primeiro os portadores deleitáronnos coa súa música e voces... ás rapazas sacáronnos a bailar ¡foi estupendo!, logo o baile continuaba na cafetería, esta vez todos xuntos (boa parte das 500 persoas que poden entrar no Camiño na mesma xornada).
O que si foi impresionante foi a entrada ao Machu-picchu, fomos dos primeiros en chegar, podendo así admira-las ruínas sen xente ¡todo un luxo!.
Deixamos Cuzco atrás e viaxamos en autobús ata Puno, onde saímos nunha embarcación polo Lago Titicaca (a 3825 m de altitude) cara ás illas flotantes dos Uros primeiro e á illa de Amantani despois, onde quedamos durmir na casa de Epifanía e Teodosio a carón dos seus fillos Jhony e Bryan. Tiñan un “baile de disfraces” preparada para tódolos visitantes. Chegamos todos vestidos coma eles, xa soaba música quechua en directo. Marcos non puido gozar desta velada, foi o primeiro en caer enfermo. Pola tarde fixen, xunto cos mozos, os meus primeiros catro miles nas pequenas montañas desta illa: o Pachatata e mailo Pachamama.
Ao día seguinte visitamos a illa de Taquile. De volta en Puno, pasámo-la noite antes de viaxar cara a Bolivia pasando por Copacabana, dende o autobús divisabámo-lo Lago durante gran parte da viaxe. O conductor, case ao remate da viaxe, fai unha parada onde seguro non se podía, para que puideramos facer fotos á cidade de La Paz co Illimani ó fondo.
A emoción estaba a punto de comezar, así como o verdadeiro motivo desta viaxe.
Chegamos a Tuni dende La Paz, en taxi e alugamos unhas mulas para ir ata o Campamento Base do Macizo Condoriri . Para mellora-la aclimatación, fixemos varios picos por esta zona, máis ben fixeron, eu tiven suficiente co meu primeiro cinco mil “El Mirador” (5.140 m) inda que tamén fixen outro o “Tarija” (5.200 m) sen sabelo. Eles tamén chegaron ao cumio do “Pequeño Alpamayo” (5.360 m), eu ía encordada con Sechu e uns centos de metros máis abaixo díxenlle que daba a volta, quizais polo efecto da altura empezoume a dar como sono e decidín non continuar, ademais escoitaba a miña nai -non tes que demostrar nada...- pois vale, quedo aquí ¡non podo máis! Sechu acompañoume uns pasos cara a atrás, deixoume sentada nunha pequena repisa, asegurouse de que estaba ben abrigada e partiu ó encontro dos demais. Trala primeira noite a 4.630 m, Marcos e máis eu subimos a El Mirador (que xa o subiran os outros dos compañeiros o primeiro día, nada máis chegar), Sechu fora face-lo “Austria” (5.305 m) xusto en fronte, e J. Carlos ficara descansar (para intentar cos demais, ao día seguinte, o Condoriri), baixando comezou nevar, agradecín moitísimo o meu Goretex novo.
Os chicos partiron cara ó “Cabeza del Cóndor” (5.648 m) na madrugada, ás 6 da mañá tiñamos prevista unha conexión polos wualquis e así o fixemos, a min faime moita ilusión escoitalos e ve-las súas luces na montaña ao mesmo tempo. As noticias dende arriba eran boas, ata que por mor das malas condicións da neve tiveron que dar volta, unha boa escusa para volver outro ano. Cando baixaron, xa estaban os rapaces coas mulas que nos levarían ata Tuni, onde pasámo-la noite pois xa non había en que marchar a La Paz. Comentario de Sechu -¿imaxinades que se enche todo de neve e quedamos incomunicados, tendo que pasar aquí unha semana sen poder movernos? Ó día seguinte J.Carlos abriu a porta da sala onde durmiramos e ¡cal foi a sorpresa! Todo estaba branco, si , todo nevadiño. ¡Sechu xa podías cala-la boca! Pero foi estupendo, coa familia de Rogelio (quen nos alugara as mulas) estivemos xogando á guerra de bolas de neve, mentres non chegaba algún vehículo que puidera baixarnos a La Paz.
O seguinte obxectivo era o monte Illimani ao outro lado desta grande cidade; ata a vila de Unna levounos un taxi, inda que volveriamos nun autobús cheo de aldeáns que levaban os productos do campo á gran cidade. Despois de comer arroz con papas (patacas) e un ovo fritido, puxémonos en marcha cara ao Campo Base (4.400 m), esta vez as mulas cargaban con todo o equipo. Sentímonos bastante raros... coma “guiris”.
O anoitecer foi estupendo, particularmente tiven problemas para “ir ao servicio”, xa que unha lúa chea espléndida iluminaba todo o campamento. A un lado aparecía o Campamento I e ao outro as luces do Alto, por riba de La Paz, tamén o Lago Titicaca.
Despois dunha tremenda pedreira chegamos a Nido de Cóndores (Campo I ). A min tocoume fundir neve, (a 5.450 m xa non tiñamos auga) mentres eles montaban a única tenda que subimos, a outra quedou abaixo, así que hoxe tocaba durmir apretadiños. Unha vez máis deixei que marcharan sos a iso das dúas da madrugada, un guía non pintara moi ben a subida e entre unhas cousas e outras, decidín non seguilos. ¡Chegou a hora! poño toda a roupa que podo (vai un frío...) collo o wualqui e saio fóra para falar con eles á hora prevista, unha vez máis vexo as súas frontais alumeadas... -Andrea, quédannos 300 m, péchase de nubes...- Magoa, onte fixo bo e hoxe está todo cuberto, pero inda así chegarían ao cumio, o Pico Sur (6.439 m) do Illimani, o punto máis alto da Cordilleira Real. Dende aquí vese moi ben La Paz e polo que din, a seis mil e pico metros mellor inda.
Sentimos que todo remata, último día na Paz, unha vez máis exercemos de turistas entre tendas e máis tendas... Xa comemos e bebemos case de todo. O último enfastío, do que estabamos ben advertidos, son os 25 dólares por persoa de taxas a pagar para poder saír do pais. Agás iso, ¡xa estamos de volta! Os viaxeiros que veñen detrás noso non teñen tanta sorte, hai over-booking.
Inda agora, de vez en cando sinto que estou ao outro lado do charco, ¿o mal de altura?...
Andrea Michèl
 
 

ESPELEOSECCIÓN

 Campamento Social de Espeleoloxía

Esta vez fomos a Cobas, tíñannos reservada a barca, a grande, a de apoio polo encoro, na que caben ate seis persoas, no Arcoia, alí nola trouxo Moncho. As covas que nos esperaban eran a K1, Cubelas, Pozo do Souto e Cornatel. Pois todo estaba perfectamente definido, agás unha pequena cuestión que nos fixo estar un pouco dubitativos. Xa non podiamos entrar  coa xente nova por Cubelas, había que cambiar de plans. Sobre a marcha fomos cerrando portas  e buscando solucións. Ben, uns entrarían por K1 facendo travesía ate Cubelas e deixando instalados os pozos, outros entrarían por Cubelas e desinstalarían os pozos, saíndo pola K1. E os demais irían ó Pozo do Souto, toda unha descuberta para algúns por non ter baixado nunca un pozo. Chega o momento de emprende-la actividade, como xa dixen, despois de darlle moitas voltas. Inflámo-la barca e saímos cara á boca de cubelas un equipo de observación, foi o máis duro de toda a fin de semana porque as risas non nos deixaban chega-lo aire ós pulmóns e case afogamos de risa e de lodo, si ledes ben: DE RISA e DE LODO. Que conste que este artigo debería escribilo Sechu que tiña moitas protestas que facer porque as recomendacións eran de levar roupa e calzado lixeiro porque a actividade era en cavidades secas. ¡As sorpresas, sorpresas son! creo que a próxima vez non se vai fiar das encomendas. Logo xa todo seguiu o seu curso, os do primeiro grupo foron antes para o refuxio, prepararon os cotiáns, nestas circunstancias, deliciosos espaguetes, e como case sempre o tempo véncenos e deitamos tarde.
O domingo, tocoulle a Cornatel, alí entramos por grupos de catro  deixando tempo entre grupo e grupo para non coincidir moitos xuntos. O primeiro grupo case recorreu a cavidade en solitario, e á volta xa se tropezou cos demais. Saímos, un pouco enlamados e contentos, Cornatel, a pesar de ser moi visitada sempre é unha alegría para os sentidos. Á saída, volvemos ó refuxio, comemos, recollemos, paramos a devolve-la barca e chegamos a Vigo xa de noitiña.
Todo este alboroto montámolo dezaseis membros da Sección de Espéleo do Club e dous do noso querido Arcoia.
Agradecemos: o préstamo da barca a Moncho, o lavado da barca ó grupo de Conchi, os espaguetes boísimos ó primeiro grupo, o sono imposible ós da aula¡¡!!, ... a falta de auga do encoro que nos proporcionou ese puntiño de aventura nas lamas universais.

Descenso de Cavorcos

Chegou o 6º Descenso de cavorcos do Club, esta como tódolos anos é unha actividade que organiza a Sección de Espéleo para todos aqueles que queiran baixar un cavorco e teñan un seguro que os cubra, xa sexa licencia de espéleo ou de montaña. Decidimos facelo en Melón pola calidade dos cavorcos e porque queda preto de Vigo e estabamos poucos para preparalo. A chuvia que non caera nas últimas semanas, comezou a súa baixada cara ríos e mares o luns e continuou toda a semana facendo pensar que teriamos que suspende-la actividade. Inda que algúns decidiran deixarse envolver no calorciño seco da casa despois de oí-las previsión meteorolóxicas, saímos cara a Melón ás dez da mañá. Había dúbidas, o Cerves estiveramos o venres a velo e estaba nos topes de carga de auga. Chovía, chovía moito. Instalámonos na escola (próximo asilo) e afrontámo-la realidade. ¡De mollados ó río!. Así foi, eximiuse  un pequeno grupo: un tiña anxinas, (magoa), outra non quería mollarse tanto, outro tiña neopreno corto e a "prescrición facultativa" dixo que non, e outro non tiña licencia, e os demais preparado todo o preparable, cordas e cabeza, fomos cara o comezo en Cortellas. Os que quedaron fóra fixéronnos de apoio e baixaron os coches. Un pouco de incerteza había non sabiamos o que ía dar de si a carga de auga no río. Seguía chovendo. Saímos cara ó río ás once e media, comezámo-lo descenso, tiña moita auga. Salvadas as primeiras fervenzas, recobramos confianza, non resultaba moi perigoso, inda a pesares do gran caudal de auga. Só tiñamos que ir cos cinco sentidos postos no que faciamos, eramos sete, dos que tres poucos descensos tiñan feito, e seguía chovendo. Paso a paso, sen présas para non entorpecelo resultado, con idea de trepar polos toxos ó primeiro síntoma de cansancio-enfriamento grave, pero non foi así chegamos ó final, todo saíu ben, e na estrada estaban os nosos compañeiros esperándonos nos coches. Eran as seis e media da tarde. Por ser este o segundo descenso de Susana, e polas condicións climatolóxicas tan adversas, creo que vai para ela un saúdo especial da Sección de Espéleo. Xa sabemos que realmente é o terceiro "can" pero o primeiro non podemos contabilizalo deportivamente.

Espeleonovas
-   12/13 outubro: Xornadas de xeoloxía-topografía.
- 1/2/3 novembro: Campamento Galego Extraterritorial de  Espeleoloxía. Xornadas Fotográficas.
-   8/9 novembro: Xuntanza Técnica Espeleolóxica (E.G.E.).

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

VISITA SUBMARINA
Ó BARCO AFUNDIDO “IVY”

Eran ás dez da mañá e no porto de Canido, Xabier, Sechu e eu, despois de preparar tódolos utensilios,  montamos na pneumática, acompañados de Paulino ó que lle alugáramos a embarcación, Martín viña  como fotógrafo, dirixímonos rapidamente en dirección ás Estelas, alí con axuda dunha sonda e o GPS, localizámo-lo lugar onde se encontran fundidas as adegas do barco mineraleiro.
Iniciámo-la inmersión e confirmouse o que supoñiamos, había mar de fondo, a auga  movíanos dun lado ó outro, facíase incómodo,  fondeamos a uns dez metros do barco, que repousa a uns 23 metros de profundidade, a visibilidade era duns 5 o 6 metros, acercámonos ó casco que se levantaba dende o fondo uns 6 metros e fomos recorrendo durante case unha hora os ferros corroídos, pola lenta acción do mar, fomos entrando nas súas entrañas,  mentres nos acompañaban pintos, maragotas de gran tamaño, tamén fanecas e algún polbo.
     Realmente era una estraña sensación, pensar que estabamos no pouco que quedaba daquel gran coloso de 28.644 toneladas que se construíra en Tokío en 1968, e que o 30 de Xaneiro de 1976 ó aproximarse en exceso as Serralleiras levaríano a súa fin.
Fernando

SECCIÓN INFANTIL – XUVENIL

XXXI CAMPAMENTO INFANTIL - XUVENIL DE MONTAÑA
Os pasados 5 e 6 de Outubro, celebráronse o Campamento e a Marcha Rexional, organizado polo Club Peña Trevinca Barco en colaboración coa Federación Galega de Montaña.Saímos da Federación , inda que algúns non se informaron ben e estaban esperando ás portas do noso club (e pensaban ¡que madrugadores, somos os primeiros!). Despois de ir recollelos, partimos cara a Cea. Ás veces a intención e as ganas de organizar campamentos non é suficiente, xa que a pesares da boa vontade do club organizador (sobre todo de Xosé Ramón),o lugar da acampada estaba impresionante para facer unha casa, pero non para organizar un campamento de rapaces, xa que estaba pegado a estrada nacional (que une Ourense con Santiago), cun tráfico intenso e ademais dos ruídos, que é o de menos, o perigo que supón estar tan preto da estrada e con rapaces, que corren , saltan... A verdade é que tivemos que estar en constante atención.Como nos últimos anos, a Federación leva un grupo de monitores de tempo libre, que organiza xogos para os participantes, así que, despois da montaxe do campamento e da inauguración do mesmo, fomos xogar ata a hora da cea, despois volvemos (para cansalos un pouco e que durmiran ben pola noite). Xogando o “piollo” María caeu e torceu un pé, puxemos xeo, e vendámosllo para que pasara a noite, pero pola mañá o pé estaba moi inchado así que fomos a urxencias ó Carballiño, de alí ó hospital a Ourense (¡miúda aventura para poder atopalo hospital!,). Por sorte nada, unha escordadura no nocello (con muletas 15 días), a verdade e que María dá unha enferma xenial soamente se queixou cando lle andaron no pé (normal, claro).O resto dos participantes foron á marcha, un pouco desorganizada, non se pode da-la saída sen que os responsables de cada grupo estean presentes, pois ó final non sabes se os rapaces saíron ou non. Por outro lado a sinalización non era todo o clara que tiña que ser xa que perdéronse un feixe de participantes (alí estaba a Garda Civil, para poñelos de novo no camiño), o que fixo que os monitores tiveran que andar correndo dun lado para outro para poder telos controlados.E para remata-lo cúmulo de incidentes á hora da comida o sol caía de pleno e non había ningunha sombra na zona de acampada, creo que nunca fixemos unha sobremesa tan curta. Recollida, clausura e entrega de camisetas e ioiós ós participantes.

PRÓXIMA SAÍDA
A próxima saída infantil-xuvenil será no mes de novembro. Posiblemente será os días 16 e 17 (pode atrasarse unha semana pero é pouco probable). O destino elixido será "Os Ancares", e durmiremos no refuxio do albergue, cerca da aula de interpretación da natureza.
 
 

ACTIVIDADES DOS SOCIOS NO ESTRANXEIRO

O compañeiro Jacobo Fernández Villar e o seu amigo Antonio Ferreiro de Quiroga (Club Brío), viaxan a Chile para facer múltiples actividades. Primeiro voarán en parapente en Iquique, onde estará disputándose a Copa do mundo deste deporte (eles non participan). Achegaranse o Deserto de Atacama para intentar ascender o Licancabur (5.916 m), ademais de visitar os Geyseres do Tatío, Valle de la Luna e Salar de Atácama. Se van ben de forzas intentarán o Parinacota (6.300 m), senón irán ata o Cajón del Maipo para intentar o volcán San José (5.880 m). Rafting no río Maipo e barranquismo se atopan onde, xa que non teñen información. Parten o 25 de outubro e retornan o 19 de novembro.
 
 

AXENDA

8 de novembro  'Escaladas en Alpes ou como ver chover nun sitio moi bonito (e caro)', proxección dixital,    por Andrés Fraga. No Club ás 20:30.

15 de novembro ‘Parque Natural de Redes’, proxección diapos . No Club ás 20:30 h.

22 de novembro 'Deportes de Natureza: unha forma de vida vital'. Proxección de diapositivas, por Martín    (Shambala). No Club ás 20.30 h

29 de novembro  Votacións a presidente de Club Montañeiros Celtas . No Club de 19.30 h a 21:30 h.
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

 NOVEMBRO

 1-3 Montañismo. Parque Natural de Redes. Asturias
 1-3 Espeleoloxía. III Campamento Extraterritorial. Xornadas Fotográficas
 9-10 Espeleoloxía. Xuntanza Técnica (E.G.E.)
 9-10 Magosto Social
 17 Bici de Montaña
 24 Marcha de Outono. Penagache

  DECEMBRO

 1 Cultura. Visita a Casa das Ciencias e Acuarium (A Coruña).
 1 Sendeirismo. Sendeiro das Greas.
 6-8 Montañismo. Ancares.
 
 



Para comunicarse có club, a dirección é m_celtas@yahoo.com.

Modifiquei esta páxina por última vez en Outubro de 2002.