Boletín de Outubro de 2001 do

Club Montañeiros Celtas



 
 

Pirineo Oriental
Ponte da Constitución 6 ó 9 de decembro de 2001

Ademais da actividade montañeira, está prevista a visita ós bosques de  faias e abetos do pirineo Navarro-Oriental e Aragón Occidental, chamados Selvas pola súa frondosidade e tamaño.
O aloxamento realizarase en albergue na vila de Zuriza. As prazas de cama son limitadas, anque suficientes, polo que hai que apuntarse con antelación ás mesmas. O seu prezo son unhas 1100 ptas noite. Ten lugar para facer comidas e tamén se pode comer menú no mesmo.
Realizarase a saída da actividade o Mércores 5 pola noite e ó chegar a Navarra deixarémo-los vultos no albergue no que pernoctaremos.
Xoves - 6 de Decembro
Realizarase unha ruta curta de 14 Km polo GR11 desde Zuriza (1.227m) cara á selva de OZA (1.140m), pasando pola collada de Petraficha (1.950m). Poderase, á volta, ve-la posibilidade, se o tempo o permite, de visita-la vila de Hecho o Ansó. 4,5h. (Dificultade Media).
Venres - 7 de Decembro
Saída desde o Túnel o puerto de Larrau (1.573m) cara ós pastos do Orhi, onde ascenderemos ó pico (2.021m) 1 h, cumio da etapa; paso polo alto de Laupeña é unha fenda afiada cara ó pico Zapigaña (1.765 m) e descender ó collado de Tarta, 1.431m. Desde este e parcialmente pola pista e a través de bosque chegaremos á Ermita de nuestra Señora de las nieves (890m) 4,5 h no centro da selva de Iratí, por onde pasearemos bordeando o encoro de Irabia, e tomando o GR11 subiremos a 1200 m para baixar cara á fábrica de Orbaizeta (840 m) 8,5 h, onde nos recollerá o Bus.  (Dificultade Media-Alta pola súa lonxitude e un paso lixeiramente complicado). Opción de facer soamente o recorrido desde a Ermita de nuestra Señora de las nieves á Fábrica de Orbaizeta (16 Km). (Dificultade Media-Baixa), se existe suficiente xente para realizala.
Sábado - 8 de Decembro
Opción 1ª: (Dificultade Alta) Piedra de San Martín (1.775m)  Pico Anie (2.507m) 4 horas - Mesa de los Tres Reyes (2.428m) 5,5 horas - Zuriza (1.200m) 9h. aprox. a marcha montañeira.  Pásase por territorio Francés
Opción 2ª: (Dificultade Media) Ruta de GR-11 desde Zuriza (1.227m) cunha forte subida cara a  Piña Ezcaurri (2.047m) 1 h. Despois do primeiro quilómetro de baixada, descende suavemente cara a  Isaba (814m). 5h. Total: 15 Km

Pico Annie dende a Piedra de San Martmn
Domingo - 9 de Decembro
Recollida do Material, visita a Isaba e/o a foz de Mintxate e volta á casa.
Todo Recorrido pode ser modificado en función dos participantes existentes e de nova información que poda chegar á organización.
Actividade organizada por:
Alberto Filgueira.

SECCIÓN DE CULTURA

SAÍDA XEOLÓGICA

Monteferro
Foi un éxito, un total de 26 participantes. Agradecémo-la asistencia desde estas liñas e a colaboración especial de Maruxa.
O día foi espléndido e nel aprendemos  a ver con ollos de xeólogo o que nos rodea e sentir a nosa pequenez e grandeza.

TERTULIA

A do mes de Setembro tivo como tema: ¿Estudiar é traballar?. Houbo unha alta participación e as conclusións principais foron:
Todo depende do traballo e do xefe que se teña, da materia e do profesor, do diñeiro dispoñible en cada situación.

Próxima Tertulia o primeiro Xoves de Novembro  e o tema a tratar será:
¿É montañismo o sendeirismo?.

CONCURSO FOTOGRÁFICO

Primeiro premio categoría Maiores:
 Pablo Novoa Figueiredo
Segundo premio categoría Maiores:
 Juan Carlos Sanz Toquero
Primeiro premio  categoría Xuvenil:
 Elena Prego Bustabad
A categoría infantil foi declarada deserta.

ACTIVIDADE BOTÁNICA

Farase unha charla e prácticas de xerminación e plantación de sementes de árbores en especial a do Carballo, a nosa querida señora landra. Venres 9 ás 20:30 h. Actividade coordinada por Quique García, que xa colaborou nunha similar de gran éxito hai uns anos no Club.

SEMANA DO TÍBET

Celebraremos unhas actividades especiais en relación con este país, tan próximo para os montañeiros a pesar do seu afastamento. País de cultura milenaria pacífica, e de paisaxes naturais únicas, sometido á forza polos Chineses e que está ó borde da súa aniquilación en moitos aspectos.

Venres 16 ás 20:30 h. conferencia sobre  O Tíbet a súa cultura e situación actual dada polo autor destas liñas en base as miñas viaxes e contactos sobre o tema.
11 ó 16, haberá unha pequena exposición de fotografías sobre o Tíbet no  local social.
   Martín García (Shambala)
 


INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

Lotería de Nadal nº 3.960
Este ano decidimos distribuír participacións de lotería de Nadal a 500 pts cada unha. Pensando no vindeiro ano, 60 Aniversario do Club, eliximos esa terminación atopando o número 3.960, co que desexamos repartir moita sorte.

Envío do Boletín
Estamos actualizando a base de datos dos socios polo que no envío do Boletín pódense producir algunhas anomalías, especialmente no caso de socios co mesmo enderezo. Esperamos desculpedes as molestias.

Teléfono
Xurdiu un problema inesperado coa liña telefónica. Cando o cambio previsto era para o día 1 de outubro, infórmannos de que temos que cambiar de número pois o novo enderezo depende de outra central. É un contratempo ter cambiar pero xurde a posibilidade, aínda que difícil, de mante-lo número. E aínda hoxe esperamos a resposta de telefónica.
Sentimos os inconvintes sufridos polos socios e esperamos resolver esta situación o antes posíbel.
 


EXPEDICIÓN LEVADA 2001

Ecuador, avenida de Volvans
O titulo tería que ser diferente, porque a idea inicial era irmos ó Nepal; pero a  situación no país fixo decidirnos a última hora por Ecuador.
José M. Chao, Fernando Fernández, José Eiroa e Paco Escrich saímos de Vigo o día 14 de Setembro, a primeira hora; foron a despedirnos Ana, Rosa, Pacucho, Sechu e Jaime, que no último momento, non puido ir, aínda que estivo sempre connosco. Este ía ser un día longo e cansado. Despois de 10 horas de avión chegamos a Quito ás 17,30 horas (no Ecuador) do mesmo día 14. O cambio horario descontrola un pouco, pero adaptámonos rapidamente por que esa mesma noite durmimos perfectamente.
De esquerda a dereita: Pepsn, Fernando, Paco, Jaime e Chao
O día 15, erguémonos da cama para tomar contacto coa cidade; pero antes almorzamos na Posada del Maple.
Quito e unha cidade contaminada basicamente polo fume dos automóbiles, en distintos lugares da cidade tiñamos que tapa-lo nariz e a boca para non respirar o fume; pero a pesares dixo, ese día pateamos  a parte colonial, fixemos por ir ó Panecillo, pero distintos paisanos nolo desaconsellaron pola súa perigosidade. Esta visita da cidade, tamén nos permitía ir aclimatándonos progresivamente á altura, Quito está a 2800 m. sobre o nivel do mar. Xa pola noite e na pousada decidimos contactar co Javier, un ecuatoriano moi falador, para que ó día seguinte leváranos ate o refuxio dos Pichinchas, con el  quedamos para o día seguinte ás 7,00h..
Xa no 16 ,despois de 2h de coche, chegamos ao refuxio e así como ás 10,30 xa estabamos no cumio do Guagua-Pichincha a case que 4800 m, do seu cráter aínda podiamos ver algunha fumarola  con recende a sufre. O día era perfecto, despexado e con gran visibilidade que nos permitía ver, case que tódolos nevados. Nesa xornada aproveitamos para fixar con el o transporte e prezo a os Ilinizas e Cotopatxi.
No día 17 despois de mercar comida e preparar material e mochila para uns cantos días, ás 11,00h partimos cara ó P.N. dos Ilinizas. Paisaxes, na que a cor predominante era o verde dos prados e o que maiormente vemos no camiño; pero a partires  dos 3700m iso deixa paso a extensos páramos nas abas das montañas andinas. Pasamos a entrada do parque, despois de pagar 10 DUS, e a pouco xa estabamos  no aparcadoiro a 3900m. Despedímonos de Javier, ate dentro de dous días, e poñémonos en marcha cara ó refuxio  que queda a 2,30h de camiño. O tempo e inestábel e tanto é así  que o pouco de comezar a andaina ponse a nevar e a ventar.
No seguinte día, cedo, saímos para o Iliniza Norte (5187 m); despois  dunha pechada a media aba, chegamos a un coruto e o pouco pasamos a carón dun xendarme que da paso ó cumio. Fotos, comida e baixada. O tempo seguía a estar inestábel, que nada mais chegar ó refuxio ponse a nevar  e tronar con gran intensidade durante todo o resto do día.
O 19 ás 11,00h recóllenos Javier. Paramos en Lasso a xantar, antes  de dirixirnos  ó P.N. do Cotopatxi. A entrada outros 10 DUS; por pistas case que esnaquizadas polos enchentes dos ríos, e unha paisaxe semellante á da Lúa, vaise descubrindo este volcán de 5897m que permanece activo. Chegamos ao excelente refuxio do Cotopatxi despois dunha pequena andaina de aproximación. Este queda xusto o pé do glaciar, que coma todos está tamén en retroceso. Esa tarde comemos e tratamos de descansar un pouco.
Ás 24,00h saímos para coller as primeiras ramplas de ascensión; primeiro de terra volcánica , moi branda que nos fai esvarar cada dúas por tres, logo unha zona de seracs. A marcha faise moi lenta, principalmente pola aglomeración de cordadas. Xa no glaciar inzado de fendas, temos que ter coidado. Así como van pasando as horas, o monte que non da tregua, vai desgastando as nosas forzas pero a pesares dixo, chegase ó cumio. O frío é intenso, fotos e baixada rapidísima. Chegamos ao refuxio sen folgos; intentamos recuperar un pouco, recollemos todo, e marchamos para o lugar onde quedaramos con Javier. Este botou a rir cando veu as nosas facianas desencaixadas polo esforzo.
Partimos cara a Quito para descansar, repoñer forzas e aproveitar para ir a Mindo, outro parque, pero este tratábase dun bosque tropical húmido. Neste lugar alguén de nós tivo que subornar un policía.
O domingo 19 collemos outra vez os trastos e poñemos rumbo ó noso seguinte obxectivo. O autobús no Ecuador é unha autentica concentración de feirantes, venden absolutamente de todo, por iso que a viaxe, aínda que lenta é moi entretida.
Ambato, León é o aburrido do Gran Hotel; un día enteiro para conseguir un transporte que nos levara as estribacións do Cariguairazo. O martes, por fin partimos ás 6,00h.As primeiras raiolas de sol, indicaban que a xornada sería perfecta. Comezamos a camiñar, divisando o monte no horizonte, pero a medida que ían pasando as horas, as nubes rematan de cubrir todo e a visibilidade chega a alcanzar non máis de 20m; así que decidimos regresar. Unha magoa.
O 27 tiñamos que estar en Quito de novo, xa non quedaba tempo para outra oportunidade .
Recollemos o 28 a Ana e Rosa con intención os días sucesivos de facer un pouco de turismo. Mercado indíxena de Otabalo, Baños para ver o Tunguragua en erupción e como non, uns días de praia na costa do Pacifico, visita da Illa da Prata para ver baleas e aves mariñas e saborear a deliciosa gastronomía.
O día 7 chegamos a Vigo un pouco máis tarde do previsto,  pero o fin chegamos.
Dedicado a Jaime e Elisa.
 
 

SECCIÓN DE MONTAÑA

Xistral
(Vai por ti  GASPAR)

Máis que pola serra en si, é polo respecto que a túa persoa me merece, o que  me empuxou a volver a intentalo, e á 3ª foi a vencida. Tamén gracias a Miguel C. por  ensinarme a desenvolver e a gozar desta magnífica natureza que é Galicia.

Joel
Venres 31 de agosto. Saímos de Vigo a media tarde con boas perspectivas, vai calor e está despexado, falsas ilusións, a un 20 Kms de Viveiró empézanse a ve-las primeiras nubes
Ás 21´30 chegamos a Coruxos, está cuberto montámo-la tenda y ceamos, empeza a poallar. ¿Mañá qué? Joel queda durmido sobre as 23´30, ten 10 años, está enganchado á natureza, as veces asómbrome da súa capacidade de aguante.

Sábado 1 de setembro. Coruxos 660 mts. Ás 10 da mañá dispoñémonos a saír da tenda, está parando de chover, metémo-los chuvasqueiros na mochila, á man por se acaso o tempo cambia, saímos ó día é iniciámo-la marcha vai un vento forte e os cumios non se divisan, á media hora de marcha sobre unha pista pequena que atravesa unha pequena ponte e ó final desta comezamos ascender, as veces poalla un pouco, temos sorte o tempo despexa máis rápido do que nós ascendemos. Aínda sabendo que hai unha senda cerca acurtamos terreo monte través para acurtar distancias, a vexetación é curta e sorteámo-lo bosque pola súa marxe esquerda na dirección da nosa marcha ata que máis adiante encontrámola, está case despexado e vai un forte vento mentres subimos cara ó 1º Control  Colo de Lagoa  999 mts.  Sorteámo-la valla e subimos pegados a ela, a pendente é forte, deixámo-lo sendeiro que sortea esta montaña a media cota pola súa marxe esquerda Joel xoga a trabarme los pés, algunha vez o pesco. Noa cumio divisámo-lo seguinte control e dirixímonos cara el baixamos un pouco ata encontrarnos de novo coa senda que máis tarde converterase en pista de montaña, á nosa esquerda a baixada cara a  un val dun  400 mts. de desnivel, hai cantidade de vacas, Joel refúxiase co meu corpo pois pasamos ó carón delas  están tombadas, pastando nin se inmutan.
Subimos ó 2º control  Cadramón 1056 mts. Saudamos ós modernos muíños de vento, facémo-la foto de rigor e baixamos uns cantos metros para abeirarnos do forte vento para comer e descansar un pouco. Está despexado sobre nós, ó norte e sobre a liña do horizonte vese unha densa franxa de nubes, O Xistral é unha fábrica de tempestades pois está a uns 25 km.  Do Cantábrico e cando sopra vento norte o choque húmido do aire que vén dó mar confórmaas.
Volvemos sobre os nosos pasos e dirixímonos cara ó  3º control Monte Xistral  1032 mt. Volvendo a pasa-la cerca polo alto de Seixo Branco pódese seguir unha senda que vai pegada á valla que chega ata case o mesmo monte Xistral anque decidimos cortar polo san e seguir en liña recta, non hai desnivel e pódese acurtar terreo. Subindo ó Xistral decidimos subir pola esttrada que leva ó cumio só nos queda un desnivel dun 60 mt. pero estamos cansos. No cumio hai un repetidor de la TVG. Carlos o controlador de quenda míranos, o principio, con receo, despois de invitarnos a unhas coca colas explícanos que en oito anos que leva no posto  veu subir a xente en catro ou cinco ocasións, pois o clima na zona é un desastre, el explícanos o da conformación atmosférica na zona e acúcianos a baixar pois sobre as 6 da tarde as nubes vólvense asentar, ten razón pois baixando e antes de inicia-la subida ó 4º control Leboreiro 915 m. Xa non se ve o Xistral andamos rápido para que non nos colla a néboa no cumio deste monte o vento ensáñase con nós, tombámonos para facer unhas fotos á nosa esquerda Viveirón ó Norte e a o lonxe a ría de Viveiro deixase ver. Baixamos deixándonos guiar polo GPS. Gran invento este, a verdade que nos guiou todo o camiño, méteslle as cordeadas e zas para alí ou alá, en fin bo  invento. Pola noite ceamos en Vivieron, espléndidos, se ides non vos esquezades de dicir que sodes montañeiros fan prezo especial. A Joel volveron invitarlle. Ímonos durmir hai lúa chea, penso durmir coma un rei, ja ás tres da mañá temos que ir  durmir ó coche, o vento rompeu os enganches da tenda e bótasenos enriba.

O domingo invítannos a almorzar, á vaca, que a vez anterior presenciamos en vivo un parto por cesárea, non se lle nota a marca o peliño llo tapa e o xato está ben naceu cunha eiva nas patas pois non podía pó-los pezuños rectos, non o operaron, puxéronlle uns tiros de correa e  recuperouse case do todo.
Saímos cara á praia das Catedrais visitámo-las pasando un día tranquilo e volvemos a casa, pasamos unha magnífica fin de semana.
Pedro
.

SECCIÓN SENDEIROS

2ª ETAPA TRANSOURENSÁN (G.R. 56)
Parada do Sil  Montederramo
Domingo, 7 Outubro do 2001

Moita choiva, pero tamén moito ánimo durante esta etapa do GR 56. Despois dun bo madrugón chegamos os 20 participantes a Parada de Sil. Seguímo-lo Río asa a aldea de Bouzas, onde comezamos subir por un sendeiro que zigzagueaba entre as conduccións de auga da central eléctrica e  encontrándonos en cada revolta do sendeiro un cazador á espera dunha presa, alcanzámo-la aldea de Forcas, onde no atrio da súa igrexa puidémonos abeirar da choiva e comer. Seguímo-lo sendeiro, atravesámo-la ponte de Couceliñas e internámonos nun bosque de matos onde se perdían as marcas, conseguimos encontrar camiño, con non poucos esforzos e enderezámo-lo rumbo. Atravesando a estrada a Castrocaldelas, e saltando prados (con rabaños de vacas un pouco neuróticas) comeza un diluvio, ¡cando só quedan 3 Km. para Montederramo!. a auga empápanos por tódolos lados, ante a imposibilidade de seguir chamamos ó Autobús e sorpresa Antonio C. y Señora tamén están pola zona, así que salvados, rescátannos cando estamos a punto de sucumbir afogados polo diluvio que nos cae enriba. Unha vez en Montederramo utilizámo-los claustros do mosteiro cisterciense  coma vestiario improvisado, un par de cafés ben quentes no bar da aldea e coma novos.                                                 M.C.
 

Fraga da Marronda
30-31 de Setembro

10 participantes, bo tempo e magníficas paisaxes, que máis se pode pedir. Volvemos aloxarnos no refuxio de peregrinos de Cadavo-Celeiros, que podemos catalogar como de 5 estrelas polas súas boas instalacións e o trato do garda, o Sr. Leandro.
Nesta saída estaban planeadas dúas rutas, as que intentamos realizar no último campamento de inverno.
A primeira, que levamos a cabo o Sábado 30 levounos de Cadavo entre fragas ata Fonteo e polo Eo outra vez a Cadavo, hai que recordar que o pasado inverno nesta  mesma ruta  as choivas impedírannos acabar.
A segunda ruta, o domingo 31, comezou en Fonteo e atravesando a Fraga da Marronda, terminou en Martín. Neste tramo do GR1 houbo que esquivar unha batida de cazadores, tan abundantes nesta época. Ó chegar a Martín encontrámonos co alcalde do Cadavo, o que nos ensinou a recente restauración da igrexa de dita aldea, despois dunha amistosa charla invitounos a regresar unha vez máis por estas terras.                         M.C.

NOTA
O club quere recordar ós participantes das actividades a necesidade de actuar con responsabilidade, non cometendo imprudencias que poidan empapar unha boa saída ó monte. En particular recoméndase encarecidamente segui-las indicacións dos responsables da saída cando se trate de actividades guiadas. Gracias pola vosa colaboración e sigamos gozando do monte.
 


A MUDANZA A FIXERON OS SOCIOS


 

ESPELEOSECCIÓN

ESPÉLEO-ACTIVIDADES

¡Lástima! Acabaron as tardes de Picoña. Fixémo-la despedida, ate o vindeiro verán, durmindo (a maioría estiveron a contos) ó pairo e observando a posición do Carro na súa rotación ó abri-los ollos, de cando en vez, nun insomnio forzado. Este ano a afluencia foi importante, pois anda a media por doce persoas día facendo prácticas. Uns perfeccionaron, outros aprenderon, outros probaron e non volveron, outros quedaron enganchados e outros pasáronno ben e todos, todos, pasámolo moi ben.

ESPÉLEO-CAMPAMENTO SOCIAL

Foi un acerto cambia-la data do espéleo-campamento social (estaba para xuño), celebrámolo ó 29-30 de setembro. Tiñamos idea de ir a Cobas. Por unha información privilexiada o día antes cambiámo-lo sitio e fomos a Mondoñedo, á Cova do Rei Cintolo, tan traída e levada ultimamente pola teima de facela turística. Dicimos información privilexiada porque de non ser por ela chegariamos a Cobas e teriamos que durmir no apeadeiro ou buscárno-la vida porque había un curso da E.G.E. no refuxio, ¡e nós sen enterarnos! Din que mandaron carta. A nós, á sección, non nos chegou. En Mondoñedo, chegamos ó refuxio, cruzando os dedos para que non estivera ocupado, pero si estaba ocupado, neste caso podiamos coordinarnos perfectamente porque había oito persoas do E.C.A. e cabiamos ben. Xa no mediodía do sábado, cando chegamos, organizámo-los grupos e a actividade, decidindo despois de xantar ir a Cintolo e Lobos e outro grupo quedaría no refuxio facendo prácticas para o que se montaron cordas na viga, pois non había cascos para todos.

No momento de entrar na cova do Rei Cintolo
Os atrevidos, catro, exploraron Lobos ate o último curruncho, ían co peito pa diante porque xa non levaban ningún veterano que os controlara. En Cintolo, grupo de seis con un benxamín: Bran, de nove anos, recorreu a Galería principal e parte do sector central. Ás tensión iniciais do noso pequeno, (había que ir pendente do casco, da luz, do carbureiro, de non escorregar,...) trocáronse nun entusiasmado percorrido nos últimos momentos, con amago de celebración de aniversario (cumpría nove ese día) tendo os cascos por velas, que á cea transformaríanse en velas de cera espetadas nunha torta das de comer e degustar. Xa era case noite cando saímos da cavidade, cambiámonos e fomos en busca do grupo que ía a Lobos, que viñan de volta.
No refuxio, uns foron e volveron a pé ate Mondoñedo, outros pegáronse á corda. Agora todos xuntos toca cea e celebración de aniversario de Bran. Despois, seica hai que dar un paseo nocturno. A cea estendeuse longo tempo, a torta estaba moi boa, ate houbo regalo común para Bran. Xa impacientes por saír, houbo pateo ¡de novo a Mondoñedo!, para uns era a segunda vez que o facían no día, pero xa era noite, algúns non chegamos cos ollos abertos a Mondoñedo outros tiñan corda para longo tempo. Volvemos ó refuxio sen sequera ve-lo ambiente, tocamos fin na praza da Catedral, bonita vista nocturna, sentamos nas escaleiras, negociamos volver ou seguir de troula, e retornamos. Os do refuxio, máis sensatos, estaban durmindo.
O domingo, tocaba corda para os que quixeran e tamén para aqueles que non probaran o día anterior. Un grupo, composto maiormente por fermosas mozas, foi a Cintolo, desta vez a face-la vía máis longa, a de Apóstoles. Saíron cansadas. Tamén houbo percorrido pola serra xa que Conchi máis o Presi fixeron un recorrido circular dende o refuxio. Gustoulles. ¡Ah! temos que agradece-la honra de ter connosco ó Presi e ó Vicepresi do Club, procuramos non facer moitas travesuras para que levaran de nós, dos incorrixibles da Sección de Espéleo, unha boa imaxe. Eles tamén se portaron ben e non nos pediron imposibles. Ninguén lles dixera que unha vez que probaran non o poderían deixar, eles non o saben pero nós si. Gracias por facer que o campamento, así, sexa mais social dentro do Club.
A Sección de Espéleo.

ESPELEO-NOVAS

17-18 Novembro, Xornadas Espeleolóxicas da E.G.E.,  posiblemente en Mondoñedo.
24-25 Novembro, A nosa actividade de Club que máis se acerca ó estudio non deportivo, non temos claro se será Bio-Xeo-espeleoloxía ou Bio-Topo-espeleoloxía, por mor do invitado, xeólogo, que aínda non nos contestou.
6-9 Decembro, Ide motivando esas neuronas, na ponte de decembro, non imos saír lonxe, imos traballar onde xa tiñamos que ter acabado. Iremos para Cobas, e alí, topografar por fin Rafavei, prospecciona-la zona que falta e explora-las covas que encontremos, que algunha aparecerá.


SECCIÓN INFANTIL  XUVENIL

TREVINCA
Refugio de Ponte

Saída: Sábado 24 ás 9:30
Chegada: Domingo 25 ás 20:00
Lugar: Novo local social: CAMELIAS, 78 oficina K
Despois do campamento rexional, e para despedi-lo ano imos a Trevinca onde ía tempo que non nos deixabamos ver. Sairemos o sábado desde o NOVO LOCAL SOCIAL, que moitos de vós inda non coñecedes, e dirixirémonos ó refuxio da federación na vila de Ponte. O domingo faremos unha marchiña como é habitual e despois de comer volveremos a Vigo para chegar ó NOVO LOCAL SOCIAL.  Hai prazas limitadas. Non faltedes, non faltedes, non faltedes, non faltedes, non faltedes, non faltedes, non faltedes, non faltedes, non faltedes, non faltedes,  non faltedes,  non faltedes, non faltedes...
 
 

BREVES

Seminario sobre seguridade en Montaña
Este seminario celebrarase do 22 ó 25 de novembro en Benasque, no Centro de Formación e Tecnificación de Deportes de Montaña. Organizado pola F.E.D.M.E. e E.E.A.M.

Reunión Expedición 60 Aniversario
O próximo venres 30 de novembro terá lugar unha reunión de toma de contacto para aqueles interesados na expedición a Bolivia para o ano que vén.

Rocódromo das Travesas
Por fin vaise inaugurar este rocódromo, que leva feito varios meses. Está previsto que sexa o día 17 de este mes.

Carmen
Damos a benvida a Carmen que xa está de volta - polo momento - da súa aventura con Médicos sen Fronteiras en Angola.
 
 

AXENDA


ACTOS SOCIAIS DOS VENRES

9   Novembro  Xerminación e plantación de sementes de árbores. Charla. Por Quique García. No Club ás 20.30 h.

16 Novembro  O Tíbet, a súa cultura e situación actual. Charla. Por Martín García (Shambala). No Club ás 20:30 h.

23 Novembro  Cinco cranios no Ecuador. Proxección de diapositivas. Polos participantes da expedición Levada 2001. No Club ás 20:30 h.

30 Novembro  Picos de Europa, por Enrique (video) e Pedro (diapos). No Club ás 20:30 h.
 


O salón social do club o venres 26 de outubro durante a charla do colectivo LEGAIS. Faláronnos da importancia de asociarse e do moito traballo que queda por facer para a normalización e tolerancia no país no que vivimos
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES


  NOVEMBRO
 
  10-11 Montaña.  Marcha Outono. Portugal, Serra da Peneda-Gerês.
  11 Bici de montaña. Río Caldo. Xurés
  17-18 Magosto social.
  17-18 Espeleoloxía. Xornadas Espeleolóxicas da E.G.E. Mondoñedo
  18 Sendeirismo. Sendeiro de San Antoniño de Toques
  24-25 Infantil-Xuvenil. Trevinca.
  24-25 Espeleoloxía. Bio-espeleoloxía
  25 Sendeirismo. Sendeiro da Saleta. Silleda.

  DECEMBRO
 
  2 Sendeirismo. PR-G 71 Ruta Pombar-Rebordondo.
  6-9 Montaña. Pirineo oriental. Zuriza.
  6-9 Espeleoloxía. Topografiado de Rafavei. Cobas
  9 Sendeirismo. PR-G 25 Foxo do Lobo.
  14 Festa fin de temporada e inauguración do Novo Local
 
 
 



Para comunicarse con el club, la dirección es m_celtas@yahoo.com.

Modifiqué esta página por última vez en Novembro de 2001.