A montaña invernal
O ano está entrando na súa recta final que anuncia a chegada
do inverno. A pel das altas montañas vaise cubrindo dun branco puro,
a cor da neve virxe. Será o tempo das botas fortes, polainas, crampóns,
piolet, táboas de esquí... o material axeitado para a actividade
invernal que cada un vaia desenvolver en función dos seus gustos
e capacidade.
Na pasada ponte de Todos os Santos, tivemos a oportunidade de pisar
as primeiras neves, foi en Somiedo, unha delicia seguir a pegada de osos
e ascender por neve fresca. As pontes, esas milagrosas longas fins de semana,
permítennos desprazarnos a zonas máis lonxanas, son unha
oportunidade difícil de rexeitar. Na ponte da Constitución
o Club ofrece dúas viaxes, para os montañeiros e para os
espeleólogos. Para os primeiros á montaña Vasca, con
saída o venres 3 de decembro ás once da noite, destino a
Egino (Álava), será o seu albergue o aloxamento e punto de
partida para as actividades previstas: ascensión ó “Peña
Aratz”; ascensión o “Pico Palomares” na serra de Toloño;
ascensión ó “Udalatx” nas Peñas del Duranguesado e,
na cuarta xornada, un percorrido polo faial de Lekumberri. Visitar o que
oculta a superficie da terra é sempre misterioso, e para os espeleólogos
unha aventura apaixonante; os membros do GES do Club terán unha
boa oportunidade de coñecer covas de Portugal, na saída conxunta
que realizarán cos membros do GPS (Grupo Proteçao do Sicó)
neses cinco días da ponte.
As condicións da montaña cambian e xa en outubro, na
conmemoración do centenario da 1ª ascensión ó
Naranjo de Bulnes, as nosas aspiracións de escalalo foron truncadas
días antes de partir, polo mal tempo previsto. Foi o anticipo do
inverno, no que as paredes se tornan húmidas, a metereoloxía
inestable e os días son máis curtos, factores que fan da
escalada en rocha unha empresa máis complicada. Pero os escaladores
están de fortuna, dende hai anos inventaron os rocódromos,
instalacións artificiais que cando están a cuberto permiten
seguir coa práctica da escalada aínda que “choiva a mares”,
polo que non hai escusa para parar.
Actualmente o trepidante ritmo de vida coas súas obrigas laborais,
familiares e sociais non deixan moito tempo libre durante a semana para
adestrar nin para reunirse regularmente no club como antano. Unha proposta
é facer as dúas cousas a un tempo, xa que no local contamos
cun atractivo muro de escalada, aínda que de tamaño modesto,
que permite manter a forma física e o nivel técnico se os
adestramentos se realizan con certa regularidade, ademais é unha
oportunidade de intercambiar experiencias cos compañeiros. Para
incentivar o uso do muro (boulder) estamos a organizar un campionato e
uns encontros para adestrar.
Deséxovos que gocedes da montaña natural... e se non,
cando menos, da artificial.
Sechu
CAMPIONATO SOCIAL DE ESCALADA
No próximo mes de febreiro terá lugar
os días 11 e 18 a partires das 19.00 h no muro do club o primeiro
campionato de escalada para socios e socias de 8 anos de idade en adiante.
Haberá tres categorías masculinas e tres categorías
femininas, comprendidas entre 8 e 11 anos; 12 e 14 anos e 15 anos en adiante.
O prazo para anotarse remata o día 4 de febreiro .
Iremos informado en próximos números do boletín,
os demais detalles da competición, así como do regulamento
de participación e de puntuación.
Espero que vos animedes a participar, se queredes competir é
o momento de comezar a prepararse.
Xa hai socios que están a facelo todos os xoves a partir das
19.00 h no “muro de escalada” do local social.
Manoel Chao
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
A continuación presentase este novo sistema, co fin de que os socios poidan saber como se calcula a cota final que abonar. Inclúese un exemplo e uns cadros con importes finais segundo o número de socios por conta bancaria.
Cálculo da Cota
1.- Cota Base (CB). Establécese unha cota base sobre a que se
calculan todas as Cotas
2.- Tipos de Socio (TS). Clasifícanse os tipos de socio en función
da súa idade
3.- Porcentaxe por Tipo de Socio (PTS). Cada TS ten unha porcentaxe
determinada sobre a CB
4.- Número de Persoas (NP). É o número de socios
da mesma familia ou mesmo domicilio.
5.- Porcentaxe aplicable (PA). É o porcentaxe resultado de multiplicar
o PTS polo NP de cada tipo de socio.
6.- Porcentaxe aplicable TOTAL (PAT). É o valor resultado de
sumar todos os PA.
O PAT é a base para obter o importe
final das cotas
7.- Importe antes do desconto (Subtotal).- É o importe da cota
antes de aplicar o posible desconto.
SubTotal = PAT x Cota Base (semestre) / 100
8.- Os socios da mesma familia ou domicilio poderán ter un desconto
na cota. Aplicación do desconto:
a) O desconto aplícase só no caso
de que o "Porcentaxe aplicable TOTAL" dé un valor maior ou igual
a 140 e
o "Importe Total" páguese
a través dunha mesma conta bancaria
b) % Desconto = PAT / 10
c) Desconto = % Desconto x Subtotal / 100
d) O máximo Desconto aplicable será
do 40 %
9.- IMPORTE TOTAL. É o importe final da Cota a pagar
Importe Total = Subtotal - Desconto
Lembrade que o Club xoga co número 38.828 na LOTERÍA DE NADAL. Participacións a 3 euros.
III CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA
Aínda estades a tempo para presentar as vosas fotografías.
O prazo remata o día 26 de novembro.
AXENDA
Venres, 26 de novembro “Escocia”, por Miguel Carrillo Pérez. Proxección dixital. No club ás 20:30 h
Venres, 10 de Nadal “Espazos naturais protexidos de Galicia”,
por Nati Vázquez. Programa de actividades da Consellería
de Medio Ambiente da Xunta de Galicia. Proxección de diapositivas.
No club, ás 20.00 h.
Venres, 17 de Nadal Entrega de premios do “III Concurso de Fotografía de Montaña” e homenaxe os Montañeiros Celtas que participaron na 1ª Exploración científico-espeleolóxica da Cova do Rei Cintolo, en agosto de 1954. Na Casa do Libro, ás 19.30 h.
Venres, 17 de Nadal “Festa fin de temporada”. No Club, ás
21.00 h
LEMBRANZA
Á avanzada idade de 89 anos finou o pasado día 6 de outubro
BERNARDINO REGUEIRO CASASNOVAS, unha das nosas figuras máis veteranas,
xa que pertencía ó Club dende o ano 1950.
Distinguido en febreiro de 2000, na compaña da súa esposa
Argentina Blanco Puga, coa medalla conmemorativa polos seus cincuenta anos
como asociados, Bernardino sen ser montañeiro destacado con grandes
ascensións, era habitual participante nas marchas e excursións
organizadas pola nosa Entidade e infatigable camiñante polas montañas
galegas, das cales era experto coñecedor e moi coidadoso á
hora de describir un itinerario que seguir.
Cando a súa idade obrigoulle a retirarse fisicamente da montaña,
eran longas as charlas que mantíñamos, el sempre co seu amplo
sorriso, lembrando aqueles para algúns de nós xa lonxanos
e "heroicos” tempos do montañismo galego.
Nestes momentos, tristes pero coa lembranza de tantas agradables xornadas
pasadas na súa compaña, enviamos a súa familia, especialmente
a súa esposa Argentina e o seu fillo Pedro, a nosa máis agarimosa
aperta.
Chito
ACTIVIDADES SOCIAIS
Os días 27 e 28 de outubro, o Club Montañeiros Celtas
tivo un posto na “Feira Universitúa” que organizou a Universidade
de Vigo.
A gran maioría dos postos eran cubertos por ONG, como Médicos
del Mundo, asociacións de emigrantes de Brasil, Uruguai, asociacións
en defensa dos animais... Nós compartimos o posto co grupo unidade
especial de protección anticatástrofe e salvamento.
Nós ambientamos o posto con algunhas fotos (escalada, montañismo)
e con algún material de escalada, de esquí, así como
unha proxección permanente de fotos de escalada.
A afluencia de xente foi sobre todo pola mañá. Os mozos
e mozas que se acercaban ó posto por regra xeral tiñan xa
unha idea concreta da actividade que lle podería gustar: escalada,
sendeirismo ou montañismo. A verdade é que moitos mozos e
mozas viron pedir información e de feito algúns deles se
achegaron ó club os días seguintes.
Creo que é un terreo moi interesante para nós que poderíamos
coidar. Os organizadores propuxéronnos repetir o ano próximo
e participar nunhas xornadas en xuño.
FF
Festa Fin de Temporada
Terminado o Magosto temos que pensar no Nadal. Para a festa de Fin de
Tempada, que celebraremos o 17 de Nadal a partir das 21.00 h, estades todos
invitados a uns pinchos acompañados das súas bebidas correspondentes,
pero todo o que poidan achegar os socios será moi benvido: empanada,
tortillas... o que se vos ocorra, grazas por adiantado.
Espero que non esquezades traer música de voso agrado. Entre
todos a ver se reunimos pezas moi variadas para que todos poidamos bailar
a gusto e ... non vos marchedes ata probar a queimada. Espero que todo
o mundo se atope a gusto e o pase ben.
Conchi aproveitará a festa para dar os premios do Concurso de
Montañas de 2ª e 3ª Categoría. Non o esquezades.
SENDEIRISMO
CAMIÑO DE FISTERRA
2º ETAPA:
NEGREIRA-OLVEIROA
16-17 de outubro
SÁBADO 16
Benvidos os 20 animados participantes desta etapa que será un
pouquiño longa (32 km). Saímos ás 17 h do club con
ganas de gozar a pesar da tarde gris e chuviosa, que foi empeorando segundo
chegabamos ó albergue de Negreira. Puxerámonos en contacto
con María Elena, a persoa encargada que se ofrecera para facernos
a cea para todos, que consistía en ensalada e paella, (o viño
e a sobremesa levabámolo nós). Instalámonos, timbramos
a credencial e fomos tomar unha cervexa ata ás 21 h en que quedamos
para cear. Puxemos a mesa e saboreamos o menú, que foi abundante
(moi boa a paella!). Na sobremesa fixemos unha queimada dirixida por Miguel
pai que, aínda que un pouquiño forte non quedou nada, compartímola
con cinco peregrinos, tres de Suíza e dous de Euskadi que había
no albergue. As risas e os chistes chegaron ata ás 23.30 h
DOMINGO 17
Erguémonos ás 8 h para saír ás 9h. O día
amenceu con boa temperatura, pero anunciando chuvias que non tardaron en
chegar. O almorzo forte fixémolo ós 8 km, no primeiro bar
do camiño, algúns ós 13 km, no segundo bar...¿non
si?.
Para a hora de xantar xa fixeramos 22 km. O camiño transcorre
entre parte dun antigo camiño real, extensos bosques moi frondosos,
con esa cor ocre que da o outono, e tramos de asfalto que nalgúns
momentos se fan pesados. Pasamos por pequenas aldeas moi diseminadas ó
longo do camiño. Ás 16 h retomamos a marcha, deixara de chover,
pero empezábase a notar o cansazo e as ganas de chegar, de feito
levabamos un bo paso xa que ás 18 h chegamos ó coqueto albergue
de Olveiroa do que falaremos na seguinte etapa o próximo marzo do
2005.
Ah!! Contamos con dous participantes que apareceron no albergue o domingo
pola mañá, Antonio que é de Negreira e Tito que tivo
que madrugar para chegar a tempo. Agradecemos o esforzo.
Pasámolo ben
ELVA
MONTE FARO
24 de outubro
Hoxe 24 de outubro imos visitar a Serra de Faro para alcanzar o punto
máis alto da provincia de Pontevedra, Monte Faro, cunha altitude
de 1187 metros. Forma parte das serras centro-occidentais que compoñen
a dorsal galega, esténdese de norte a sur polos concellos de Chantada
e Rodeiro.
Ás 8.15 horas aínda de noite, os 45 participantes saímos
de Vigo pola Avda. de Madrid. Ó cabo dunha hora desviámonos
pola nacional 120 en dirección a Rivadavia-O Carballiño,
atravesamos a aldea de Cea e percorremos os 8 km que nos separan de Oseira,
a onde chegamos pasadas ás 10 da mañá para entrar
no único bar aberto a tomar un café que nos espertara. A
avalancha de persoal foi tal que nos demoramos máis do habitual
e ó cabo duns 25 minutos subimos ó bus para dirixirnos cara
a Aseperelo, o noso punto de partida. Sobre ás 10.50, con ceo chumbizo
e aire fresco, comezamos a camiñar; axiña atopámonos
cunha estrada ascendente cunha pendente media dun 9% que supón todo
o esforzo dun itinerario cualificado de dificultade media-baixa.
Xa en Ourín recíbennos un grupo de vacas e o dono exclama
¡como vos ides mollar!. E non estaba errado o home, ó pouco
comezou a caer unha chuvisca que iría a máis durante todo
o traxecto. Non obstante isto non impediu que puideramos gozar dunhas magníficas
vistas. Á hora levabamos andados 3 km, nada, un paseo; subindo a
pendente, pasamos por Poza Oiro, seguimos por sendas e pistas ata chegarmos
a unha zona aberta entre a Ermita e o propio Alto do Faro. Parada baixo
cuberto para tomar a parva mentres o vento aumentaba. Aproveitamos para
botar un vistazo á ermida, de escaso valor arquitectónico
e ler as cantigas que lle adicou Xoán de Requeixo.
Proseguimos o itinerario por unha pista de terra cara ó cumio
do Faro, alí detivémonos pouco tempo, o suficiente para colocarnos
no punto xeodésico e realizar as fotos de grupo como lembranza da
nosa visita. Seguimos a ruta en descenso dirección sur. Eran ás
13.45 horas, non paraba de chover e o vento era moi forte e o que máis
e o que menos tiña os pantalóns empapados. Chegamos a Comida,
un letreiro que nos daba a benvida á Ribeira Sacra. Neste punto
Miguel, o noso guía, decidiu que dado que non tiñamos onde
refuxiarnos o mellor sería regresar directos a Asperelo e buscar
un lugar seco onde comer, o que non impediu que ó continuar o sendeiro
descubriramos uns fermosos prados cuns cogomelos que dado o seu tamaño
non podían ser outras que “lepiotas”. Armados de bolsas de
plásticos algúns lanzáronse a recollelas. O autobús
estaba esperando diante dun palco de música, uns decidimos cambiarnos
e comer no autobús e outros comer no palco. Sobre ás 15.30
horas partimos cara Oseira. Ó chegar, e para evitar a avalancha
da mañá, repartímonos entre os dous bares existentes
para tomar algo quente mentres Miguel cambiaba a hora de visita ó
mosteiro, programada para as 18.15 h.
Ás 16.30 o grupo iniciamos a visita guiada polo mosteiro cisterciense
de OSEIRA (lugar de osos). Para non aburrirvos coa súa descrición,
recordarvos que é o maior mosteiro de Galicia e o segundo de España.
A súa construción levouse a cabo entre os séculos
XII e XVIII. Destacan ós seus tres claustros: o dos Cabaleiros,
o patio dos Medallóns e o dos Pináculos, así como
a Sala Capitular. Moi afectado pola desamortización de Mendizábal
e o abandono, no 1929 os propios monxes con gran tesón e empeño
comezaron a súa restauración, traballo que foi premiado coa
concesión en 1989 do premio “Europa Nostra”.
Iniciamos o regreso a Vigo ás 18 horas, pero antes como de costume,
realizamos unha parada á altura da Cañiza para degustar un
bo xamón.
Para finalizar, agradecer a participación, nada menos que de
45 persoas, moitas delas novos socios. A idea de “sendeiros tranquilos”
está dando ós seus froitos.
Concha
MARCHAS FEDERATIVAS DE MONTAÑEIROS VETERANOS
Este ano o Club organizador, o Clube de Montaña Ribeira Sacra,
viuse un pouco desbordado pola cantidade de participantes desta marcha
de veteranos. O noso Club foi o máis numeroso en canto a participación.
A marcha foi circular, saímos de Luintra e rematamos no
mesmo lugar. A marcha descorreu pola vertente esquerda do Canón
do Sil no Concello dos afiadores: Nogueira de Ramuín. O percorrido
resultou moi doado o que permitiu ir tranquilamente facendo relacións
sociais con uns e outros. A paisaxe tiña zonas de fortes contrastes.
Na primeira parte camiñamos xunto a grandes moles de pedra para
pasar despois por fragas e soutos. Para min o lugar máis sorprendente
foi o pobo de Paradela onde tiñamos ós nosos pés o
Canón do Sil e o mosteiro de Sto. Estevo ó cal nos diriximos
atopando este totalmente reformado e convertido en Parador despois de moitos
anos de desidia. Saímos en grupos de catro. O meu era o número
11. Iamos na primeira parte do percorrido cando pasaron por
diante de nós tres cativos chamados Irene, África e Daniel
que nos saudaron e dicíndonos que eran o grupo 24. Botáronnos
un sorriso malicioso e deixáronnos atrás. Foron os primeiros
en chegar.
Tivemos un xantar de confraternidade e na clausura a organización
obsequiounos cunha tradicional chocolateira de cerámica. Xa non
tivemos tempo para máis, despedidas, apertas e para o bus,
por certo ó de sempre ¡Merecemos algo mellor! No bus había
dúas zonas ben definidas, os de adiante, todos a durmir, e os de
poleiro, moi folloneiros.
P.D.: Os de Montañeiros Celtas estaban en poleiro.
“XXXI ASAMBLEA y MARCHA NACIONAL
DE MONTAÑEROS VETERANOS”
Cangas de Onís - Cabrales, 9-10 de outubro
Este ano a Marcha Nacional de Veteranos organizouse con motivo da conmemoración
do Centenario da 1ª ascensión ó Naranjo de Bulnes e
o noso Club quixo estar presente nunha data tan histórica. Organizáronse
dous grupos. Un subiu ata a base do Naranjo de Bulnes para tentar escalalo
e o outro grupo quedou en Cangas de Onís para asistir ós
actos e á Asemblea.
Os actos comezaban ás 5 da tarde e o grupo de “abaixo” aproveitamos
a estadía para facer montaña. Unha das mellores cousas desa
fin de semana foi o tempo, mentres que en Vigo o temporal arreciaba, nós
tivemos un sol espléndido. O noso itinerario foi Cabeza de Pandescura
(1000) e dende alí ós lagos de Enol e de a Ercina. Saíndo
do “Cámping Picos de Europa”, en Avín, ás 12 h. Dende
aquí seguimos un camiño moi pino que nos levou a unha
zona de prados e pastos, unha parte foi un pouco enleada na que perdemos
moito tempo subindo e baixando cancelas, setos e demais impedimentos ata
que logramos atopar o antigo camiño. De novo aquí tivemos
una liorta, esta vez coas silvas, toxos e cousas polo estilo. O camiño
levounos a un alto dende onde divisamos Pandescura que en realidade son
tres moles impresionantes. Seguimos subindo e de novo chegamos a un outeiro
que caía en vertical. Impresionoume. Pensei que só por aquela
visión valía a pena estar alí. Atopamos cabanas de
pastores onde comemos. O noso obxectivo Pandeoscura, estaba aínda
a unhas tres horas. Queriamos asistir ós actos polo que iniciamos
o regreso. Este foi aínda máis problemático.
Atravesamos varias valgadas nun continuo ascender e descender ata chegar
a Avin.
O cámping onde nos aloxabamos estaba a 15 km de Cangas de Onis.
Ese día o autobús non podía achegarnos xa que completara
as horas de circulación. Menos mal que estaban os coches de Marisa,
de Jose Luís Vázquez, de Raúl, de Garrido, de Antón
da Ribeira Sacra..., en fin, que os tivemos ó noso dispor tanto
o sábado como o domingo. Grazas a eles, facilitaron a organización
da xente. Cangas de Onís está moi cambiado, reborda xentío.
Os actos estiveron ben organizados, a pesar da multitude. A Asemblea foi
das de transición. Despois houbo merenda-cea con moita sidra e moitos
“bollos preñados”.
A marcha do domingo foi das que non gustan a ninguén. Eramos
uns 1000 participantes. Comezamos no Alto de Ortigueiro. A maior parte
do camiño iamos vendo o Naranjo. O pobo de Asiego é o mellor
miradoiro do Naranjo de Bulnes. Aquí tíñannos preparado
un recibimento festivo. A Françoise e a min invitáronnos
a unha sidra pura que é realmente un auténtico manxar. A
marcha acabou en Carreña de Cabrales onde se rendeu homenaxe a Pedro
Pidal e Gregorio Pérez, primeiros escaladores ó Naranjo de
Bulnes. En Poo de Cabrales reunímonos co outro grupo e “para Vigo......
me voy”
Conchi
MONTAÑISMO
A viaxe, como é costume, comezou cunha sesión de contorsionismo para intentar durmir un pouco. Tiñamos case 10 horas por diante de autobús. Ás oito da mañá chegamos ó cámping para almorzar e deixar os veteranos, que viñan facer a súa “marcha”.
Tras o almorzo, o autobús levounos ata Sotres por unha estrada
de cabras, o que provocou que algúns chegasen mareados, a punto
de vomitar. Alí xa se adiviñaba o que nos esperaba, pois
o vento era forte e ameazaba choiva. Comezamos ascendendo por unha pista
forestal ata chegar a Pandébano, o inicio do sendeiro. O vento gañaba
intensidade segundo ascendíamos. Carlos, á vez que guía,
foinos aconsellando sobre a roupa máis axeitada que debíamos
levar en función da climatoloxía e as necesidades de non
suar en exceso, non perder calor... etc. No horizonte podíamos ver
o mar Cantábrico. Nos derradeiros 500 metros ata o refuxio, o vento
impedíanos avanzar e a sarabia feríache a cara coa forza
que pegaba. Todo o esforzo mereceu a pena o chegar o pé do Naranjo.
Despois de repoñer forzas no refuxio a idea era facer unha ruta
dende alí. Algúns valentes saíron e polo visto (eu
non fun) pasárono bastante mal, pois houbo momentos que tiveron
que botarse o chan para que o vento non os arrastrase. Maruxa, David e
mais eu quedamos no refuxio xogando o “Parxedrez” (taboleiro de parchís,
fichas de xadrez e dados de póker), era o que había. O refuxio
era un enxame de xente facendo tempo ata a hora de durmir, pois o vento
e a choiva non permitían outra cousa. Xosé Carlos e Ana sumáronse
ó grupo, viñan facendo travesía dende Fuente De, e
polo visto tamén o pasaron bastante mal.
Carlos quedou de madrugar, para en función do tempo decidir
o que íamos facer. Pola mañá todo seguía igual,
así o mellor era voltar cara a Bulnes. O regreso era por outro
camiño, aínda que o saír do refuxio non tiñamos
moi claro cal era ese camiño e ademais parecía perigoso,
o que fixo que xurdira unha pequena crise no grupo. Todo se amañou
de seguida. Durante un anaco acompañounos un rebeco ollándonos
dende o alto das rochas. O derradeiro tramo ata Bulnes era por un canón
moi bonito, pero con tramos complicados.
Chegamos a Bulnes arredor das 13:30 horas, e non puidemos parar, o
tempo botábase enriba. Maruxa e Marisa debido a problemas físicos
baixaron dende aí en funicular despois de pagar 12 €. A baixada
dende Bulnes a Poncebos, xa estaba moi transitada por turistas. Chegamos
a Poncebos, e sen comer, collemos o bus para xuntarnos cos veteranos (que
por certo, comeran moi ben), e dende aí outras 10 horas de contorsionismo
ata Vigo.
A pesar do bus, do mal tempo e de non comer estou desexando que chegue
outra saída.
Xosé Luis
ESCALADA
Os pasados días 26 e 27 de setembro varios socios do Club estivemos escalado na zona escola de Quirós (Asturias, concello de Teverga).
ACTIVIDADE XUVENIL DE ESCALADA
XORNADAS DE INICIACIÓN Á ESCALADA
GALIÑEIRO, 11-12 de setembro
Tiñamos todo un reto por diante, levar a cabo as xornadas de
escalada sen a batuta do director, ou sexa, sen Manoel Chao, que era o
organizador, xa que lesionara o nocello días atrás, precisamente
no Galiñeiro. Isto que parecía un problema, non chegou a
selo, grazas á inestimable e impagable axuda e adicación
de Jaime, Fernando e Carlos, que puxeron todo da súa parte para
que a actividade saíra perfecta.
Chegamos ó refuxio e despois de repartir o material, (comprobamos
de novo que hai poucos voluntarios para subir as cordas), iniciamos
a aproximación á base da “Cornos” servindo perfectamente
como quecemento antes de escalar. Pertrechados cada un co seu casco, arnés,
mosquetón de seguro e “oito” rapelador, iniciamos as prácticas,
escalando a placa e rapelando seguidamente, repetindo a operación
varias veces e variando o percorrido pola vía. Pouco antes
do anoitecer baixamos ó refuxio para cear e descansar. Nese momento
estaba “só ante o perigo”, Carlos baixara durmir a casa e quedei
eu, rodeado de sete perigosos “monstros”. Antes de deitarnos e durmir,
si, si durmir, aínda que pareza incrible, nada máis meterse
no saco quedaron todos roques debido a toda actividade e ademais de sobremesa
despois de cear, fomos ata a Loma do Raposo porque a noite invitaba a camiñar.
BICI DE MONTAÑA
Xa botabamos de menos os “churritos” e o chocolate, café ou Cola Cao do Bonilla previos á saía en bici. E aquí estabamos de novo despois das vacacións, dispostos a suar a camiseta noutra volta.
MONTAÑISMO E ESCALADA EN ESTADOS UNIDOS
O quince de agosto foi a data de partida da “III LEVADA” cara ó
estado de Colorado nos EEUU, dende Madrid a Denver capital do estado, e
ata alí con só con un pequeno problema, causado pola revisión
das equipaxes a cargo de policías que parecían xogadores
da NBA.
Pero ben, perdemos o voo, colocámonos na lista de espera
do seguinte, e san se acabou, e para facer tempo mandámoslle a primeira
comida “made in ...USA.
Chegando a Denver, en medio do desconcerto reinante case que todos
os aeroportos, topamos unha cara coñecida que mostraba acenos de
preocupación debido a tardanza, era Jose Carlos, amigo que reside
en Grand Junction, vila que se atopa practicamente no centro de estado
de Colorado.
Despois de tres horas en coche, un sandwich e unha cervexa chegamos
o que sería o noso campo base das vindeiras dúas semanas.
A nosa intención cando saímos de España, era realizar
un pouco de aclimatación nas “Roki Mountains” para partir máis
tarde a subir o monte Rainier, unha das ascensión máis clásicas
dos Estados Unidos.
Pero xa se sabe, as cousas parecen así pero en realidade son
asadas, ademais o bo que teñen as cousas planeadas e que sempre
se poden (en xeral rematan por ser así) cambiar. Entre o prezo de
coche que deberiamos de alugar, e os 2000 km. de distancia ata Seatle,
cidade grunge e supersónica, do estado de Whasington, cerca da que
queda o citado monte, optamos por pasar ao Plan B, é dicir, facer
”Fourteeners” (montañas que miden máis de 14.000 pés
de altura) e realizar pequenas escaladas no monumental Valei e en Indian
Creeck, zona de escalada en fisuras de renome e importancia do mundo mundial.
Así que dito e feito empezamos a subir montes e cristas coma
tolos, primeiro en xornadas dun día que podíamos realizar
dende a casa de J Carlos, Jeannne e Miguel (J.Carlo´s family) e despois
en xornadas nas que xa era necesario durmir no monte; curiosamente, pódese
acampar e facer lume en case todos os montes dos EEUU que visitamos, cuestión
esta que facilita moito, tanto as ascensión, como as aproximacións
ata os picos elixidos.
En total fixemos 6 “fourteeners”, pola seguinte orde:
Sneffels, 14.1450 pés.
Wetterhorn Peak 14.015 pés.
Uncompahgre Peak 14.309 pés.
Mount Eolus Sur 14.083 pés.
Mount Eolus Norte 14.039 pés.
Sunlight Peak 14.059 pés.
Agradable foi tamén, a escalada da torre “Independence” escalada
clásica de 5 largos na que se salvan os 200 metros (mais ou menos)
desta bonita torre do Monumental Valey.
En Indian Creek escalamos dúas fisuras, con éxito nunha
delas e con relativo fracaso noutra moito máis potente e comprometida,
que nos deixou con ganas de repetir a escalada neste mesmo sitio.
Para facer toda esta actividade, desprazámonos en distintos
medios de transporte, empezando polo todo terreo, pasando polo coche de
San Fernando, para rematar no tren de Durango. Este tren unha reliquia
da época da conquista do Oeste e da febre do Ouro, realiza unha
viaxe entre Durango e Silverton, en cuxa metade, nun sitio que non existe
pero que se chama Needellton, déixate alí tirado, despois
de que a súa máquina de vapor te encha de fume e carbón
ata os......, e que nos proporcionase unha viaxe, na que miña opinión
a mar de divertida.
O tren de Durango, recolleríanos 3 días máis tarde,
despois de andar por unha zona de montaña, verdadeiramente impresionante
en todos os sentidos tanto montañeiro coma estético, que
xunto coa noite que durmimos a ceo raso no deserto de Indian Creek, resultaron
experiencias supergratificantes a nivel humano e montañeiro.
Para que non pareza que todo foi andar, subir, trepar e escalar, direivos
tamén que aproveitamos o noso tempo para somerxernos nas augas termais
de Ourey, para comer pizzas en Lake Citty, para comer carne estilo texano
(sobre todo Escrich) e acudir a un bar de Cow-boys en Durango, que constituíu
unha experiencia única, case mística que te escarallabas;
sempre comendo, con grandes coches, con barrigas grandes, con camións
grandes e unhas mochilas ó lombo moito meirandes.
Verdadeiramente foi unha viaxe da que me atrevería a dicir que
cumpriu nun 95% os seus obxectivos, se cadra necesitariamos dunha semaniña
máis para poder ir ata o monte Rainier, e gozar dunha semana extra
de montaña e experiencias, ademais de compartir co noso amigo Jose
Carlos, que gozou tanto da nosa presenza como nós da súa.
A próxima volta que nos atopemos con el será para realizar
novos rétor e rotas turísticas igual de interesantes e gratificantes.
Xaime
SECCIÓN INFANTIL
Este ano decidimos facer unha actividade en setembro, como comezo das
actividades e despois das vacacións de verán (facemos
curso escolar). O lugar elixido foi O Caurel, e para variar e aproveitando
o bo tempo decidimos ir ó cámping de Seoane.
A nosa primeira intención era facer dos grupos de actividade,
pero como soamente asistiron catro maiores quedamos todos xuntos.
O tempo era tan bo, que despois de montar o campamento e xantar fomos
darnos un pequeno baño (realmente mollar os pes) a un regato preto
do cámping. A pesar da pouca profundidade, cada un buscou a mellor
maneira de calmar a calor. Uns tumbándose na auga, outros mergullando,
mesmo algún tirando o calzado (foi sen intención) a ver se
así conseguían mollarse máis.
Despois do baño, fixemos un pequeno paseo ata os secadoiros
de castañas (marcha aconsellada pola encargada do cámping).
Xogos varios ata a hora da cea, para despois facer a tradicional marcha
nocturna. Non podía faltar a contada dunha historia, que esta vez
recaeu en Juanjo e que non foi de moito medo.
O domingo fixemos a outra ruta recomendada, dende o cámping
ó Castelo de Carbedo (que serviu de refuxio o rei Afonso II o Casto,
protexido dos monxes de Samos e perseguido polo seu curmán Aurelio).
De regreso ó cámping, xa non quedaba moito tempo así
que recollida do campamento e xantar, para antes de voltar a Vigo proceder
á limpeza da zona de acampada.
DEICA A PRÓXIMA ACTIVIDADE.
Monitores da Sección
ESPELEOLOXÍA NO CÁUCASO.
NOVO RÉCORD DO MUNDO DE PROFUNDIDADE
NA SIMA KRÚBERA-VORONYA (-1823 metros)
Durante o pasado mes de agosto, formei parte dunha expedición que me levou de novo ás lonxanas e furadas montañas do Cáucaso abkhazio, en concreto á Sima Krúbera-Voronya, unha das máis profundas do mundo.
No transcurso da citada expedición, os espeleólogos “de punta”, alcanzaron o novo récord do mundo de profundidade, fixándoo na “esgotadora” cifra de 1823 metros (quen teña subido uns cantos pozos, valorará realmente esta dimensión). Para a consecución de semellante proeza, participamos arredor de 60 espeleólogos, cada un dos cales desempeñamos un cometido: Voronya era como un xigante formigueiro no que a actividade era incesante. Así mesmo, para deixar constancia de tan singular fazaña, dous fotógrafos de National Geographic atrevéronse a cruzar a fronteira entre Rusia e Abkhazia (esta vez, legalmente).
Como adianto dos resultados conseguidos na Sima Krúbera-Voronya, a continuación inclúo o comunicado informativo que mediante conferencia telefónica, Sergio García-Dils, un dos espeleólogos “de punta”, transmitiu dende o campamento de superficie ó espeleólogo madrileño Luis Javier Le Pera:
“Está tocando á súa fin a expedición Arábika
2004 (Macizo de Arábika-Cáucaso Occidental- República
de Abkhazia), organizada pola Asociación Espeleolóxica Ucraína,
baixo a dirección de Alexander Klimchuk e Nikolay Solovey, coa participación
de espeleólogos de Inglaterra, Francia, España, Ucraína
e o patrocinio de National Geographic de Estados Unidos.
O obxectivo principal da expedición foi a prosecución
das exploracións no Val de Ortobalagán, centrándose
estas na Sima Krúbera-Voronya.
Ó fío das informacións que puideron circular dende
xullo sobre a nova profundidade desta sima, hai que aclarar o seguinte:
A nova rama post-sifón descuberta en 2003 foi explorada e topografada
dende o sifón de -1440 metros (S1) ata o novo sifón
situado a 1770 metros (S2). O pasado mes de xullo tivo lugar unha expedición
de espeleólogos de Moscova sen a autorización da Asociación
Espeleolóxica Ucraína que achegou una cota errónea
de -1830 metros para o S2. Esta cota foi estimada cun altímetro,
baseándose no esbozo realizado en 2003, que situaba a punta de exploración
en 1680 metros. Os datos topográficos revelaron un erro de 51 metros
nesta parte, polo que a cota real alcanzada o pasado ano é de 1629
metros en post-sifón, e o erro total da estimación publicada
en xullo é de 60 metros.
Na presente expedición realizouse o mergullo do S2 onde o mergullador
ucraíno G. Samokhin alcanzou unha profundidade de 10 metros tras
un percorrido de 17 metros, polo que a cota final desta rama queda establecida
en 1780 metros. Nesta mesma rama post-sifón foi descuberta xunto
ó vivac de 1737 metros unha nova vía independente, pola que
se puido acceder a un potente colector fósil. Nesta nova vía
o pasado 25 de agosto ás 3:00 da mañá o equipo
de punta composto por: G. Samokhin, D. Kurtá, D. Fedotov, Yu. Timoshevskaja
(todos eles de Ucraína), B. Tourte (Francia) y S. García-Dils
(España), establecía o novo récord mundial de profundidade
en 1823 metros no sifón (S3) no que desemboca a galería.
Esta nova vía da sima presenta novos interrogantes e prometedoras
perspectivas para as próximas exploracións”.
A información aquí amosada será debidamente ampliada pola nota de prensa oficial publicada en primicia mundial por National Geographic... e en primicia galega pola que escribe estas liñas. Así que proximamente os narrarei as miñas aventuras espeleolóxicas rodeada de ucraínos (¡ata aprendín a dicir “libre” en ruso!) na sima máis profunda (e tamén unha das máis frías) do mundo nunha expedición o máis puro estilo soviético.
Pilar Orche,
que xa é un pouquiño menos “sub-virulillas”
ESPELEOSECCIÓN
Xornadas técnicas de prevención de accidentes en canóns
A fin de semana do 18-19 de setembro a FGE/EGE organizou unhas xornadas
técnicas de prevención de accidentes en canóns. Tivo
lugar en Mondoñedo e foron impartidas polos nosos compañeiros
Jesús e Javi, ademais doutra xente do cadro docente da EGE (Nacho
e Dequiz). Alí fomos Mónica Martínez, Conchi Núñez,
Alberto Fontenla e Carolina Rodríguez.
O sábado foi día de charlas teóricas que impartiu
Jesús, tocando temas sobre preparación, meteoroloxía,
material básico, técnicas de progresión e instalación
e tamén de socorro e autosocorro. Foi unha tarde longa na que algúns
refrescaron coñecementos e outros os aprenderon.
Despois, cea e charla cos que nos quedamos no refuxio, que por certo,
éramos ben poucos (o maioría da xente foi cear ó bar).
O domingo foi día de poñer en práctica todo o
visto na tarde do día anterior: nós desembragables, prácticas
con distintos descensores, nós de bloqueo, técnicas de fortuna,
socorro, ...e un monte de cousas que haberá que seguir practicando
para non esquecelas.
Paramos a xantar xa tarde (parecía que a xente non quería
deixalo) e despois de recoller as cousas no refuxio, voltamos para Vigo.
Xornadas de canóns.
Pala Bonita
Á mañá, medio durmidos por ir ó instituto
toda a semana, quedamos para marchar, collemos os coches e alá fomos.
Cando chegamos a Cobas todos fomos á vía do tren (case
pasamos a fin de semana alí) a poñer moedas. Comemos a espeleocomida
e preparámonos para ir ás Médulas. Unha paisaxe fermosísima
pero non puidemos entrar na mina porque había que pagar e non quixemos.
Demos un par de voltas; metémonos Óscar, Bea, Marta e Miguel
unha enchenta de moras que non sei como non collemos unha cagarría.
De volta no refuxio, mentres facían a cea, Óscar, Bea, Marta,
Miguel, Tere e André fomos coller “moras”. Tamén como era
tempo de vendima caeron algunhas uvas, e noces. Logo ceamos e fomos para
os sacos aínda que non durmimos nun bo anaco.
Ó día seguinte, para dar coa cova tiñamos que
facer unha boa camiñada. Picámonos coas silvas e iso que
Miliño nos abría o camiño ¡ con pantalón
curto!. Pero a dor pagou a pena, unha cova moi bonita, grande, e chea de
morcegos, situada nun bosque de aciñeiras que nunca vira igual.
Xa de volta e medio tristes, fomos comer a espeleocomida e recoller as
cousas para volver, paramos a tomar algo e chegamos a Vigo ás nove
da noite. Vimos os morcegos: Bea, Tere, Miguel, André, Antón,
Marta, Óscar, Miliño, Chus e Camilo.
Exploración Sima FB-12
O pasado día 17 de setembro, Daniel emigrou cara ás lonxanas
terras cántabras, concretamente, no macizo do Mortillano, para colaborar
na exploración de dita sima, xunto á xente da Agrupación
Espeleológica Ramaliega, e outros espeleólogos de Soria e
Castro Urdiales.
Despois de descender a sima, cun gran pozo, fai equipo con Gelo e Cristóbal
e diríxense pola gran galería de bloques, en dirección
oeste. Alí dan por pechada a punta e topografían unha pequena
gateira.
25- 26 de setembro. Práctica de socorro
Esta práctica fíxose en Mondoñedo, en canóns,
a ela asistiron Xabier e Daniel, onde se fixo un simulacro de rescate de
ferido en canóns.
2 de outubro. Curso Federación Portuguesa Espeleoloxía
Por invitación expresa de Hernani, colega do GPS de Portugal,
para participar no curso de Nivel 7 que daban a través da súa
federación, desprazámonos Lourdes, Carolina e Emilio
para impartir unhas nocións básicas sobre o descenso de canóns,
disciplina que non teñen incluída de momento na Federación
Portuguesa, e dado que nos os invitáramos para o noso campamento
social o ano pasado, asistindo un nutrido grupo de espeleólogos
do GPS, consideraron que estaría ben que os asistentes a este curso
tivesen en conta esta nova disciplina para eles. Foi todo un pracer compartir
con eles unhas horas. Primeiro unha mínima charla sobre o material
que se utiliza, logo prácticas xa de campo, repasando os nós
máis utilizados e dispoñendo unha pequena instalación
de dúas vías para que puideran practicar as técnicas
que se empregan para descender canóns. Este curso foi impartido
nas instalacións do centro de interpretación que teñen
en Valverde, no Parque Natural das Serras de Aire e Candeeiros.
9-12 de outubro. Valporquero
A materia pendente este ano era a travesía de Sil de Perlas-Cuevona,
no sistema de Valporquero. Quedara sen facer no campamento infantil-xuvenil
50 aniversario e como que o sabor de boca era amargo para os máis
novos, daquela por mor da moita auga, e agora se ía facer con moi
pouca auga. Saímos de Vigo o sábado de mañá,
recollemos a Daniel en León e seguimos a Vegacervera onde acampamos
no cámping. Chovía en Vigo e seguía chovendo en Vegacervera.
O bosque de faias que percorre toda a ladeira exterior da travesía
Sil-Cuevona estaba outonal e fermoso. O sábado de tarde un grupo
vai facer a travesía e outro vai a Lendreras. Os da travesía
saen tarde, un pouco máis tarde do previsto. Segue chovendo. O domingo,
dadas as circunstancias, houbo descanso pola mañá, pola tarde
algúns volven a Vigo porque traballan ou teñen clase o luns.
Os demais van dar un paseo a Cármenes e ver fósiles.
O luns vanse facer os primeiros pozos secos de Sil de Perlas. Despois de
buscar infrutuosamente o pozo do Inferno, saímos con noite pecha
e chuvia mais tiñamos a cea quente esperando. Fixeron a travesía:
Alberto, Guille, Victor, Óscar, Conchi, Carol, Emilio, Daniel e
Gelo, foron a Lendreras: Lourdes, Miguel, Tere, Bea e Marta. Os pozos de
Sil: Daniel, Lourdes, Miliño, Guille, Victor e Marta. Voltamos a
Vigo, a última tanda, despois de agardar ata o último momento
esperando que secaran as tendas, o martes de tarde, chegando ás
nove da noite.
16-17 de outubro. Boucelo ou Cortiñas /Vallina (Cantabria)
Boucelo ou Cortiñas
Haberá que pórse de acordo para chamarlle dunha maneira
ou doutra porque os dous nomes soan cansino. Foi coma un raio. Decisión.
Imos comezar a topografía e de paso levamos a Alex que xa hai un
mes que espera para adestrarse. Saímos de Vigo ás nove
da mañá dereitiños cara á cova de Boucelo,
preparámonos e visitámola, mostrándolle as galerías
máis significativas a Alex. De cara para a saída comezamos
a topografía. Xa hai 120m. A próxima vez sairán outros
tantos polo menos. Saímos de tardiña e retornamos a Vigo.
Nesta escapada participou Alex, Bea, Pilar, Carol e Lourdes.
Travesía de La Vallina
O día 16 de outubro, Daniel prosegue as súas andainas
por terras ramaliegas, xunto con outros colegas da zona. Ese día,
pola forte chuvia, realizaron a travesía de La Vallina 1 - La Vallina
2. Esta rápida e sinxela travesía conta cunha serie de galerías
e pozos, un tanto liosos, acompañados dun paso no que é preciso
achicar auga cuns cubos.
En seguida chegan á zona de Unión, onde xantan e baixan
ó río, que sifona completamente a galería. Un tanto
mollados, saen da cova, mentres chuvia e vento non dan tregua.
30 de outubro - 1 de novembro. V Campamento Galego Extraterritorial
/Garma/Caballos-Canal
V Campamento Galego Extraterritorial
De novo o ECA encargouse de organizar este campamento. Outra localización,
Cangas de Onís, á sombra dos grandiosos Picos de Europa e
no cámping que leva o mesmo nome no núcleo de Avín.
Despois dunha pequena odisea coa carga e cos coches, ou nos faltaba espazo
ou nos sobraban cousas, saímos o sábado de mañá.
Chovía como para facer cambiar a idea e voltar para casa. Chegamos
ó cámping ás catro da tarde. Montamos tendas, os únicos
que o fixemos, mentres os demais participantes se aloxaron en bungalows,
e preparamos unha actividade sinxela para esa tarde. A cova de Alda, foi
a elixida, unha grande sala con moitas formacións e percorrido doado
á que accedemos á tardiña para saír xa de noite.
De volta no campamento, preparamos a cea e departimos conversa con participantes
doutros clubs. O domingo dividiuse o grupo, uns ían dar unha camiñada
ó miradoiro de Ordiales e outros a cova do Freixo, no núcleo
de Mazuco. A camiñada estivo marcada pola tormenta de sarabia e
a brétema. A actividade en cavidade desenvolveuse ó longo
do día, con calma e percorrendo toda a cavidade agás os tres
últimos pozos. Primeiro descendeuse á Galería Principal,
de grandes salas con fermosas formacións para logo retornar á
cabeceira dos pozos e descender os primeiros. Ás nove e media tiñamos
a cea no cámping, un pouco descontrolados por mor do cambio de hora.
Sobrábanos unha hora, algo ó que non estamos afeitos. Pola
noite choveu ate cansar, ben non cansou, porque seguiu chovendo toda a
mañá. A tormenta de raios, tronos, pedra e chuvia (había
moitos anos que non colliamos unha así) fixo que os que durmían
baixo teito ríxido levantaran por ver se necesitabamos algo, nas
tendas ás veces era enxordecedor, mais ... ninguén marchou
da tenda. Recollemos baixo a chuvia e tornamos a Vigo, chegando ás
once da noite, un pouco máis tarde do previsto. Mollámonos:
Carolina, Pablo, Óscar, Miguel, Laura, Alberto, Emilio, Miliño,
Lourdes, Escrich, Ana e Pedro. O total de participantes no campamento foi
trinta e catro, dos clubs: Aradelas, Ártabros, Irmandiños,
Lugo, Brigantium e Celtas. O premio das fotos foi para Andión de
Irmandiños e Bea do Eca. Houbo camisetas para todos os participantes
no concurso de fotos.
Exploración en Garma Ciega
Do 30 de outubro ó 1 de novembro, Daniel volta coa Agrupación
Espeleológica Ramaliega, e con espeleólogos de Pamplona,
Madrid e Portugalete ó macizo do Mortillano (Cantabria).
Durante estes días o grupo vivaquea nesta cavidade, de xa 43
km, durante dous días, para proseguir coa exploración. Destas
labouras de exploración, Daniel fai grupo con Belén explorando
un sector, que queda pendente.
Cando o batallón se dispón a saír ás 9h
do día 1, o río ía tan cargado polas fortes chuvias,
que impedía a saída. Así que, volta ó saco.
Despois de 6h o grupo intenta saír, pero o curso activo segue moi
alto, así que terán que esperar ás dúas da
mañá do día 2, a que descenda o nivel do río.
Saen ás 6h da mañá, deixando atrás material
e sacas.
Caballos-Canal
Preparados para afrontar toda a travesía coa incerteza do nivel
da auga e con material de sobra en previsión para facer outras cavidades
se esta non se podía, saíron Xabier dende Madrid, e dende
Vigo: Mónica, Israel e Emilio e Yoli do Arcoia. O sábado
verificaron o nivel de auga por Valle e logo decídense a facer a
travesía ó día seguinte. Determinadas circunstancias
fan que en vez de continuar a Valle saian pola Canal. Outra vez será.
A Sección
Espeleonovas
>> Atención: saída internacional, do 4 ao 8 de decembro Espeleoloxía en Portugal. Para participar hai que ter a licenza adecuada (ou sacar suplemento). Inscrición con tempo suficiente pois hai que mandar á FGE a lista de participantes con varios días de antelación.
>> 13-14 novembro: Topografando Cortiñas.
>> 27-28 novembro: Saída xuvenil, conxunta “espeleo-bici”
>> 4-8 decembro: Espeleoloxía en Portugal
VINDEIRAS ACTIVIDADES
NOV
19 Local Social Proxección dixital: "Imaxes de Indochina"
S. Actividades Sociais
20-21 Degrada Campamento Infantil de Inverno. Ancares. S. Infantil-Xuvenil
20-21 Cobas Curso de Iniciación á Espeleoloxía
(2ª Parte) E.G.E.
21 Caminha - Ponte Lima Trilhos Lusos: Serra de Arga S.D. Sendeirismo
26 Local Social Proxección dixital: "Escocia" S. Actividades
Sociais
27-28 Cobas Actividade xuvenil conxunta de bici e covas. SS.DD.
Espeleoloxía - Bici
DEC
4-5-6-7-8 Egino (Álava) Montaña Vasca S.D. Montañismo
4-5-6-7-8 Portugal Serra de A Rábida S.D. Espeleoloxía
10 Local Social Proxección: “Espacios Naturais Protexidos
de Galicia” S. Cultura e M.A.
12 Caminha Trilhos Lusos S.D. Sendeirismo
17 Casa do Libro III Concurso Foto: Entrega de premios e Homenaxe
S. Cultura e M.A.
17 Local Social Festa Fin Temporada S. Actividades Sociais
Edita: Club Montañeiros Celtas.
Dirección, maquetación e montaxe: José López
Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Servizo Normalización
Lingüística, Concello de Vigo
Colaboran neste número: Manoel Chao, Constancio Veiga,
Françoise Fauré, Elvira Álvarez, Conchi Gilino, Conchi
Barciela, José Luis Fernández Álvarez,
Francisco Escrich, Jaime Figueroa, Juanjo Vázquez, Paula Baña,
Pilar Orche, Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Carolina Rodríguez
Domingo,
Alberto Fontela, Bea Couñago, Daniel Ballesteros.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións
dos seus colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998.
Impreso en papel reciclado