MONCHO MELÓN
IN MEMORIAN:
MEDALLA DE OURO
MEDALLA DE OURO
Cheguei o Club no comezo do ano 1993 e tiven a oportunidade de coñecer
a Melón durante unha das conferencias que conmemoraban o 50 aniversario
do Club. No debate posterior que mantivo co conferenciante, sorprendeume
o seu carácter e a súa decidida defensa da capacidade e preparación
dos montañeiros galegos para acadar un cumio por riba dos oito mil
metros. Lamentablemente perdémolo ó ano seguinte, pero a
súa presencia está viva na memoria e no corazón dos
seus compañeiros, e eu podo confirmalo, xa que, como coordinador
dos actos do 60 Aniversario, tiven a oportunidade de participar en moitas
conversas con algúns dos que mellor o coñeceron e o seu nome
e as súas actividades estiveron presentes. Todos coinciden en que
foi un dos mellores montañeiros galegos de tódolos tempos.
Tódalas perdas son dolorosas, pero Moncho era especial. Facendo
xustiza á súa memoria e como novo Presidente do Club, a miña
primeira decisión foi propoñer e conceder a Medalla de Ouro
de Club Montañeiros Celtas a “Moncho Melón, in memoriam”,
pola súa traxectoria.
Sechu
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
NOVO PRESIDENTE
Como resultado do proceso electoral para designar o Presidente do Club e segundo acta da Xunta Electoral, de data 20 de novembro de 2002: “Rosa Cid Fernández, coma secretaria da Xunta Electoral certifica que non se recibiu no local social ningunha reclamación e polo tanto queda proclamado PRESIDENTE de CLUB MONTAÑEIROS CELTAS o único candidato José López Pérez”
ELECCIÓNS NA FGM
O 21 de outubro celebráronse as votacións para elixir
os membros da Asemblea da FGM. No Estamento de Deportistas, composto por
oito persoas, resultaron elixidos: Evaristo Fandiño e José
Raúl Leiros, socios do noso Club. Para o Estamento de Clubs non
foron necesarias as votacións e Club Montañeiros Celtas é
un dos seus membros.
O 23 de novembro celebrouse Asemblea Extraordinaria da FGM. Xosé
Lois Freixeiro, como único candidato, foi proclamado Presidente
da FGM. Tamén foi elixida a Comisión Delegada. O Presidente,
nun breve discurso, falou de dar continuidade o seu programa, solicitou
maior participación nos eventos programados pola federación
e comentou que o Refuxio de Alvite (Serra do Xurés, Ourense)
ten previsto inauguralo no mes de marzo.
LICENCIAS E CURSOS 2003
Para o vindeiro ano, igual que no anterior, o Club subvencionará a segunda e sucesivas licencias das distintas federacións que cada socio realice de acordo có seguinte: segunda licencia 3€, terceira 6€, cuarta 9€
Tamén esta previsto realizar cursos das escolas galegas das distintas federacións ás que estamos adheridos. O Club destinará unha partida económica para subvencionar os socios participantes nos cursos, para obter subvención será necesario ter a correspondente licencia tramitada a través do noso Club.
TÍTULOS DE DÉBEDA
Coma aportación voluntaria dos socios para á adquisición do novo local social, no ano 2001 foron emitidos Títulos de Débeda, sen xuros, cun prazo de amortización de 5 anos, a razón do 20% anual. Cúmprese este ano o primeiro prazo para a devolución da quinta parte da aportación, polo que están a disposición dos socios que adquiriron os Títulos, cheques nominativos que poden recollerse na oficina do Club. No caso de que algún socio con Título de Débeda queira convertelo nunha Doazón, haberá de comunicalo expresamente. Os cheques teñen que ser retirados antes do 31 de xaneiro de 2003.
FESTA FIN DE TEMPORADA
E CLAUSURA DO 60 ANIVERSARIO
Como remate a un ano frenético de actividades deportivas e actos
conmemorativos do 60 Aniversario do Club e Ano Internacional das Montañas,
celebraremos a tradicional festa de fin de temporada o día 20 de
decembro ás 21.00 h no local social. Contamos que sexa unha festa
multitudinaria e alegre, con panxoliñas e brindes por un venturoso
futuro das montañas, do Club e dos seus socios.
Para que non falte de nada e dado o amplo voluntariado gastronómico,
invitamos os que teñen boa man na cociña a que traian un
manxar do seu repertorio para que todos poidamos compartir o seu bo gusto,
ademais o autor ou autora do máis delicioso por aclamación
popular, recibirá … un caluroso aplauso.
¡Non faltes! E non esquezas a pandeireta, gorriño
do Nadal, serpentinas, ou calquera cousa que ambiente a festa ¡vir,
ver e... comer!
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA E ACTOS
Axuntamos neste boletín unha tarxeta publicitaria da exposición fotográfica que celebrarase na Casa del Libro, nela podedes atopar a información necesaria. Visitádea e gozar das fermosas imaxes, contamos con vos para participar nos actos do 20 de decembro: entrega de premios do Concurso Fotográfico e da Medalla de Ouro a “Moncho Melón, in memoriam”.
RECEPCIÓN DO SECRETARIO XERAL PARA O DEPORTE DA XUNTA DE GALICIA
O presidente do Club, Sechu, acompañado do anterior presidente
Henrique Soto, foron recibidos o venres 29 de novembro polo Secretario
Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, Don Eduardo Lamas. Neste acto
lle fixeron entrega dunha placa conmemorativa do 60 Aniversario do Club.
CONCURSO DE FOTOGRAFÍA
SECCIÓN DE CULTURA
CONCURSO LITERARIO
O día 25 de Outubro entregámo-los premios do concurso literario 2002. En medio dun ambiente desenfadado puidemos escoita-los traballos gañadores directamente dos premiados. Gracias a tódolos que colaboraron e participaron. Axuntamos fotografía da entrega do premio de categoría xuvenil de mans de Conchi Barciela a Daniel Ballesteros. A continuación o texto gañador da categoría de adultos.
Phoenix
Un átomo de hidrógeno más otro obligados a juntarse con la suficiente fuerza nos da un átomo de helio, liberando en el camino una enorme cantidad de energía que da luz a nuestras vidas.
Miró tímidamente los ojos del objeto de su deseo. Y estos devolvían la mirada con insolencia. Era todo muy confuso para él. ¿Por qué le miraba de esa forma? Se sentía incapaz de dirigirse a alguien que demostraba de esa forma tener una arrolladora auto-estima. Las conversaciones y las personas fluían a su alrededor. Intervenía activamente a pesar de la distracción que le provocaba aquella mirada. Los grupos siguieron fluyendo de un lado para otro hasta que desapareció aquello que le turbaba.
Cuando la mayor parte del hidrógeno se acaba, son los átomos de helio los que sufren un similar proceso, creando carbono y silicio. Mientras la gravedad que los comprime por su mera existencia quede compensada por la energía que se libera al fusionarse, seguimos recibiendo esa luz que nos da la vida.
El corazón latía con fuerza, forzado sin piedad por su dueño que lo llevaba más allá de sus parámetros de funcionamiento normal en medio de un sol intenso. De vez en cuando saltaba de piedra en piedra, satisfecho simplemente de poder hacerlo. La cima estaba todavía lejos, pero eso no importaba, lo que importaba era la libertad que sentía en aquel momento. Llegaría a la cima, se enamoraría del paisaje, siempre lo hacía, miraría cada nube, cada piedra intentando aprender su historia, quién o qué la había podido llevar allí. Pero disfrutaría de cada momento, de cada paso, de cada respiración.
El problema es cuando esa energía liberada por los átomos no soporta su propio peso. Pero esto tarda mucho en ocurrir y mientras no ocurre se generan más y más átomos en cantidades más pequeñas pero de mayor peso atómico.
Bach. El oratorio de Pascua. El cerebro le funcionaba como una computadora cuando de música se trataba, unas pocas notas le bastaban para identificarla, y no sólo eso, sino que bastaban para arrancar una orquesta en su interior que le arrastraba tras ella no importa donde. Podía ser unos músicos callejeros o podía ser dentro de su casa sentado en medio de los altavoces de su equipo musical. A veces le sorprendía a sí mismo la importancia que la música implicaba para su personalidad, sobre todo cuando intentaba compartir aquel sentimiento con otras personas.
El suceso que se desarrolla entonces es el origen de la vida. Sin él,
ésta no sería posible. Somos las cenizas de las estrellas
que arden hasta su muerte catastrófica. Porque cuando la gravedad
se hace más fuerte que la energía liberada por la fusión,
los átomos se precipitan sobre sí mismos, en un colapso que
lleva a la materia a juntarse mucho, hasta que se llega a un punto en que
esa caída tiene que parar porque no se puede comprimir más
y entonces se produce una explosión colosal que esparce esas cenizas
por el universo. Algún día aquel átomo de carbono
formará parte de la retina de aquellos ojos que se miran los unos
a los otros. O de la roca sobre la que se salta. O del prodigioso cerebro
de Bach y de los que le escuchan.
Henrique
SAÍDA MUÍÑOS
Esta saída coincidiu cun forte temporal e con avisos de riscos para a poboación. Inda así e para sorpresa de Varo e miña, acercáronse entusiastas persoas, e non puidemos renunciar a ve-los Muíños de Saians. Varo estendeuse coas súas completas a amenas explicacións durante 3 horas. Anulámo-la visita a outros muíños e petroglifos polo tempo, xa iremos, calculo para Marzo.
CURSIÑO DE FOTOGRAFÍA
Xa arrancou o cursiño de iniciación á fotografía, con 8 persoas cheas de interese e entusiasmo. A lista está cerrada.
VISITA CASA CIENCIAS PLANETARIO ACUARIO
Realizarémola o día 1 de Decembro e a día de hoxe non podo dicir nada máis que hai moito interese.
SAÍDA PARA PLANTA-LOS NOSOS CASTAÑOS E XORNADAS SOBRE FAUNA DO BOSQUE GALEGO
O noso querido biólogo colaborador Varo está xestionando nun parque forestal, que nos cedan un espacio seguro para planta-los nosos 22 Castaños, xerminados no Club. Plantarémo-los un domingo de xaneiro pola mañá coas explicacións pertinentes, e pola tarde no Club teremos unha proxección de diapos sobre a nosa fauna autóctona, a cargo deste gran coñecedor que é Varo e especialista na nosas queridas e escasas “Vacas Louras” de las que está facendo un estudio.
DÍA DAS PANXOLIÑAS
O día da festa Fin de Temporada, venres 20 de Decembro, deixaremos un espacio para que a xente cante ben en grupo ou acompañados. Haberá unha lista onde se deberán anota-los/as interesados/as en papel habilitado no taboleiro de Cultura, para así poder organizar este acto.
Martín (Shambala)
SECCIÓN SENDEIRISMO
MARCHA DE OUTONO: PENAGACHE (NÉBOA E NEVE). 24 Novembro de 2002
Empezamos os vinte participantes cruzando o Rego do Gato por un elaborado
pero escorregadoira ponte de madeira (carga máxima 1000 quilos,
segundo o cartel indicativo), ascendemos ata o lugar de Xacebanes (recordos
nostálxicos de cursos de Cholo na E.G.A,.M., anos ha) e dende aquí
por pista ata o Penagache (1224 m). Chegamos ó cumio ás 12:00
horas, foto de rigor e tentempé, magnificas vistas da Cañiza
e o Suído. Estamos na cota de neve, as onduladas lombas están
cubertas de branco e empeza a caer auganeve, con malas trazas pois a néboa
síguenos de cerca. O can que nos acompaña dende Xacebanes,
e que ata o momento asemellaba moi tranquilo, pon en estampida a
unha grea de cabalos que pastan polas alturas, estupenda estampa a da manada
ó galope. Tratamos de orientarnos cara ó Penarrubia, o noso
segundo obxectivo, conseguindo enlazar coa pista que bordea os marcos
da Raia Seca (o de seca é un dicir) entre España e Portugal.
Despois do marco 19 perdémo-los mesmos, así que coa neve
e a néboa, unido a unha mala orientación (en vez de virar
ó oeste desviámonos excesivamente ó Sur) fainos caer
de cheo en Portugal. Con cara de Poker, intento convencer ó grupo
que os altozanos que divisamos son o Penarubia (case cola). Por fin nos
zafamos e caemos na vila portuguesa de Doiras, cerca de Castrolaboreiro.
Os parroquiais, moi amables, acóllennos e permítennos
chama-lo autobús para que rescate os nosos aterecidos corpos.
Comemos no Fumadoiro da vila, é dicir unha fabrica de chourizos
(anque algúns, ata que nos decatamos, estabamos un pouco moscas
pois tiñamos dúbidas de se era o crematorio). Para combate-lo
frío saltamos, bailamos e cantamos. Por fin, Paco o Autobusero que
sigue as nosas fatigas, consigue chegar á vila e rescátanos,
menos mal. Parada en Salvaterra para un café e regreso a Vigo.
BÚSCANSE CRONISTAS
Como non imos estar os cronistas de sempre contando as andanzas da
fin de semana, solicitamos a vosa colaboración para relatar
con todo luxo de detalles as marchas. Así que empezar a afía-las
plumas e a colaborar no boletín cos vosos pinitos literarios, que
non se diga!!.
SECCIÓN DE MONTAÑA
Campo V do Pobeda (6800 m)
Cara ás dez da noite, dentro da nosa tenda, o constante rumor
das avalanchas xa non nos impedía concilia-lo sono. Tiñamos
case toda a roupa mollada , a que non se empapara coa condensación
na cova do campo III, terminou por facelo ó longo daquela xornada
baixo a xistra. O noso campo estaba precariamente instalado baixo un triángulo
de rochas que nos protexía da baixada dos aludes, con dous puntos
de ancoraxe no aire debido ó estreite da praza. Durmiamos
a pesar do esgotamento, a tensión e a incerteza cando algo espertoume
bruscamente , saltei coma un resorte e meu grito soou na escuridade coma
no interior dun túnel. Merab tardou unha eternidade en incorporarse
, o que lle levou liberarse da barriga de neve que o tiña aprisionado.
Sentouse o meu lado e botou as mans ó teito instintivamente; unha
avalancha tocounos de lado. O “ñiiikk” da tela a punto de esgazar
acelerounos o pulso, había que actuar con rapidez, quedarse sen
a tenda a aquela altitude, no medio de semellante xistra era algo que no
nos podiamos permitir. Levounos cerca dunha hora limpa-los arredores da
tenda e acondiciona-la por dentro, mentres nos secabamos á calor
da cociña coa porta lixeiramente aberta para que non se enrarecera
o aire, o asubío doutra embestida precedeu á catástrofe,
antes de que puideramos reaccionar á neve entrou no habitáculo
cubríndonos ata o estómago. Novamente fóra, pero esta
vez ancorados; montamos unha reunión cos piolets á parede,
e rescatamos unha vez máis a tenda, movémo-la uns corenta
centímetros cara ó interior do refuxio , no único
lugar posible, pegada á tenda doutra cordada de rusos. Ó
amañecer decidimos baixar. Non era posible percorrer os douscentos
metros que quedaban ata a aresta somital e esperar naquelas condicións
unha melloría atmosférica era máis que comprometido.
O primeiro paso que din fóra da tenda afundinme ata o peito, era
o augurio dun duro descenso; sen visibilidade a penas e as cordas enterradas
baixo sesenta centímetros de neve en po que xogaban ós bolos
con nós. O resto do día transcorreu entre rápeles
, travesías e palas mol nas que un se enterraba e desprazaba a neve
ó paso provocando pequenas avalanchas. Catorce horas despois do
primeiro paso fóra da tenda conseguiamos alcanza-lo campo II, situado
a 5800 m Pechei os ollos para descansar e xa non puiden abrilos ata vintecatro
horas máis tarde, contraera a “cegueira das neves”, a dor
insoportable impedíame ata queixarme, non podía facer outra
cousa que esperar, coa maior dignidade posible , a que remitira por se
mesma na vista de que ningún medicamento xurdía efecto. Por
fin conseguín ver amañecer despois de dous días de
escuridade absoluta, podía distinguir difuminados os vultos das
tendas e a perneira de cor lila das botas de Merab mentres camiñaba
sinalándome o camiño durante o descenso ó C.I., un
calvario que durou seis inesquecibles horas nas que me repetía a
min mesma que por esta expedición xa tiña suficiente e que
era hora de volver á casa, ó sol, á roca quente de
Monteferro e a escalar con Jaime. A noticia da miña cegueira correu
coma as avalanchas ata o campo Base, para entonces eu xa estaba case curada,
case había esquecido aquel segundo intento e case me apetecía
volver intenta-lo. Dous días comendo auga con patacas cocidas, o
helicóptero non viu cos víveres a causa do mal tempo, un
baño na sauna, a roupa limpa bastaron para poñerse outra
vez as pilas. Volvemos realizar un terceiro intento, esta vez só
alcanzariamos o campo III, desgastados, desnutridos, incapaces de loitar
contra vento xeado que peiteaba a aresta sen descanso decidimos baixar
e volvín soñar con volver á casa, ó sol , á
rocha quente de Monteferro e a escalar con Jaime. Pero novamente no campo
Base planificamos o noso retorno a aquela montaña, tal vez as escaladas
ó sol teñan que esperar outro ano máis.
Chus Lago
MACIZO DO MONT BLANC-2002.
-Luns 5 de agosto-2002.
A nosa viaxe comeza en Quiroga ás 8 da mañá, un
pouco máis tarde do previsto inicialmente xa que temos asumido que
non chegaremos a CHAMONIX na mesma xornada. Aproveitando que hai tempo,
facemos unha incursión en ANDORRA e pasámo-la primeira noite
xa en territorio francés, concretamente en BOURG MADAME.
-Martes 6 de agosto-2002.
Levantamos cediño pero a nosa tenda, completamente empapada
da tormenta do día anterior, atrasounos un pouco. Ás 9:30
estamos en marcha, tres paradas para estira-las pernas e outra para comer
e as 20 h. estamos en CHAMONIX. Buscamos cámping, instalámonos
e consultámo-lo parte meteorolóxico, hoxe chove a chuzos,
mañá mellorará algo pero seguirá a inestabilidade.
As montañas non se ven, pero chama a nosa atención a lingua
de xeo do GLACIAR DES BOSSONS case pendurada sobre a vila. Xa no saco decidimos
que na primeira xornada collerémo-lo tren de MONTENVERS (1.876 m)
para ir ó GLACIAR MER DE GLACE.
-Mércores, 7 de agosto-2002.
O tempo efectivamente non é bo, non chove pero as nubes non
deixan ve-las montañas. Ás 9 estamos na estación de
MONTENVERS, a vista sobre o glaciar, aínda que limitada pola néboa,
é impresionante. Acabamos de equiparnos e descendemos ata o glaciar
despois de utilizar unhas escadas de ferro instaladas na cortada da parede,
xa no xeo, calzamos cranpóns e remontamos a modiño pola cunca
xeada. A medida que ascendemos imos deixando xente atrás. Non levamos
un rumbo concreto, trátase dunha toma de contacto interesante, a
mágoa é que coa néboa non podemos ver case nada e
empeza a marmañar cando nos atopamos na fervenza de xeo que dá
inicio ó GLACIAR DE TACUL e cómpre da-la volta, pero sorpresa,
a néboa desaparece por momentos e comprobamos onde estamos: deitados
nun bloque no medio do glaciar a nosa imaxinación deixa de funcionar
e os ollos incrédulos empezan a recoñecer algunhas montañas
míticas como as GRANDES JORASSES e a AIGUILLE VERTE, pero esta visión
dura un instante, a néboa volve pecharse. Xa de volta na estación
outra dose de montaña, a néboa ábrese e recortada
no ceo cunha cor negra que arrepía aparece a agulla do PETIT
DRU. Mañá, segundo o parte meteorolóxico, sol ata
media tarde. Trazamos un plan: ascenderemos ó MONT BLANC DE TACUL.
-Xoves, 8 de agosto-2002.
Despois dun día de desenfreo como o que nos ía tocar
no TACUL é fácil comprender porque hai tantos accidentes
neste macizo.
Ás 5 da mañá soa o espertador, xa hai ambiente
no cámping. A primeira cabina cara a L'AIGUILLE DE MIDI (3.842 m)
sae ás 6, a tócanos agardar un rato. Sobre as 7 estamos nunhas
instalacións surrealistas, remorde a conciencia pero é un
xeito doado de gañar altura e subir a 4.248 m, nunha xornada. En
condicións precarias acabamos de prepararnos nun túnel escuro
e venteado e como se nos viñeran perseguindo, saímos disparados
por unha aresta bastante aérea que baixa ó COL DE MIDI. Fotos
en medio dunha paraxe impresionante e empeza o ascenso pola empinada cara
norte do TACUL, onde hai algún paso delicado sobre xeo e enormes
seracs que ameazan con desprenderse sobre a nosa cabeza. Unha vez nas costas
o panorama sobre o MONT MAUDIT e o MONT BLANC é grandioso. Comemos
e partimos cara ó cumio; para chegar ata arriba hai uns pasos de
mixto que non representan ningún problema, pero aquelo estaba como
a feira do 10 de agosto en Quiroga e realmente hai que xogarse o tipo con
perigosos cruces con xente inexperta que vaga a 4.248 m. como se estivesen
na CONCHADA (monte quirogués). A vista é cando menos de conto,
moi próxima á mole que forman DRUS, AIGUILLE VERTE, COURTES,
DROITES, AIGUILLE DU JARDIN, GRANDES JORASSES, etc. No medio do mar de
montañas sobresaen, ó lonxe, o CERVINO e o MONTE ROSA, segundo
un guía madrileño miramos incluso o EIGER. Pero pola súa
proximidade o máis pavoroso é o abismo que forma a vertente
BRENVA do MONT BLANC, realmente mete medo.
A baixada sen problemas e con moita calma, ás 17 h, estamos
na estación das cabinas mecánicas e despois de dúas
horas de espera, ás 19:30 h. en CHAMONIX. Para mañá
agárdase un empeoramento do tempo, xa verémo-lo que se pode
facer.
-Venres, 9 de agosto-2002.
O día aparece moi anubrado aínda que non chove. Na tenda
que temos ó noso carón vive dende onte un alpinista vasco
chamado JUAN OIARZABAL. O noso sorriso é de orella a orella, pero
temos moito que facer e non podemos prestarlle atención. Na casa
dos guías recollemos información sobre escolas de escalada
deportiva no Val de Chamonix, hai moitas e moi ven equipadas, decidimos
comprar unha guía e pasámo-lo resto da xornada gozando da
escalada en rocha nas zonas de COUPEAU, LES HOUCHES e LES GAILLANDS, hai
graos para tódolos gustos. A última, hora cando estabamos
empolicados na primeira reunión dunha vía de moitos metros,
empezou a caer auga como se non chovera nunca: desastre, acabamos moi empapados
e o noso material de escalada nin mencionalo. Á tardiña imos
ata ARGENTIERE é unha pena pero non se ve nada.
O parte meteorolóxico é desalentador, tres días
de mal tempo.
-Sábado, 10 de agosto-2002. feira maior de quiroga.
A previsión cúmprese e chove a chuzos. Aínda que
o día non promete nada iremos ata ZERMATT a especular. É
día 10 de agosto e neva a falopa tendida, algo non funciona. Non
é necesario dicir que os nosos plans de mira-lo CERVINO dende cerca
resultan imposibles e despois dun día con estas condicións
pensamos que a nosa ascensión ó MONT BLANC resultará
imposible. Non hai tregua, o parte anuncia choiva tamén para mañá.
-Domingo, 11 de agosto-2002.
Atopámonos algo máis animados porque o tempo experimentará
unha melloría pola tarde e agárdase unha semana enteira de
sol. Para celebralo faremos turismo, a ruta con visibilidade ten que ser
alucinante: CHAMONIX, St. GERVAIS, UGINE, ALBERTVILLE, MOÛTIERS,
BOURG St. MAURICE, PETIT St. BERNARD, COURMAYEUR, AOSTA, GRAN St. BERNARD,
OSIERS, MARTIGNY, ARGENTIÈRE, CHAMONIX. Volta completa ó
MACIZO DO MONT BLANC e marabillosas vistas sobre o PARQUE DO GRAN PARADISO.
Dende AOSTA, nun intre que dura segundos admiramos ou pensamos que admirámo-lo
CERVINO.
As previsións para mañá son moi alentadoras.
-Luns, 12 de agosto-2002.
Deixou de chover e loce o sol. O noso obxectivo para hoxe céntrase
no GLACIAR DES BOSSONS, escalaremos en xeo. Unha vez no glaciar remontamos
ata unha parede que nos parece axeitada e poñémonos á
tarefa, xa que o sol fará pronto deste lugar algo perigoso. Ás
12 vémonos obrigados a saír fuxindo polo bombardeo ó
que nos somete o glaciar. A paraxe é fermosa e xa a salvo nun dos
laterais, máis ou menos á altura de PLAN DE L'AIGUILLE, reflexionamos
sobre a posibilidade de subir ó MONT BLANC. Baixamos convencidos
de que mañá será o día do inicio da ascensión.
Despois de comer dirixímonos a escalar en rocha na escola de LES
GAILLANDS onde coincidimos cuns vascos que tamén agardan o momento,
xa consultaron o parte: durante a fin de semana caeron 50 cm de neve a
4.000 m. e está sen consolidar polo tanto risco alto de aludes,
o que faltaba. Non poderá ser. As previsións son de tempo
estable e soleado pero a xente desanímase e abandonan a idea do
MONT BLANC.
Martes, 13 de agosto-2002.
Nun lugar como este non se debe perde-lo tempo e ás 8 estamos
agardando novamente o tren que nos levará a MONTENVERS, o primeiro
día a zona do GLACIAR MER DE GLACE deixounos bo sabor de boca aínda
que non podemos recrearnos na grandeza da paisaxe, por iso volvemos novamente.
Remontamos rapidamente ata a confluencia do GLACIAR DE TACUL
co GLACIAR DE LESCHAUX e progresamos polo último ata ó pé
do refuxio de LESCHAUX, dende aquí o panorama sobre o GLACIAR DE
TELEFRE e o grupo de L'AIGUILLE VERTE é grandioso, tamén
situamos para outra vez o refuxio da COUVERCLE. Xantamos no centro do glaciar
e pola tarde ascendemos ata o GLACIAR MALLET e polo mesmo ata o mesmo arranque
do esporón que leva á PUNTA WALKER das GRANDES JORASSES.
Esta parede non pode describirse con palabras, ademais estamos preto do
DÔME DE ROCHEFOT e un pouco máis afastado o atractivo DENT
DU GEANT. Ás 7 estamos de volta na tenda.
A previsión meteorolóxica é determinante, bo tempo
con xeadas fortes que consolidarán a neve, ademais os rumores falan
de que a pegada xa está aberta ata o cumio. Non hai dúbidas
mañá será o día de inicio da ascensión
ó MONT BLANC. Preparativos xa de noite e sonos inquedos.
Mércores, 14 de agosto-2002.
Les Houches-Cab. L'Aiguille du Goûter (3.835 m).
Esta xornada prometía e non defrauda: ás 6:45 h. estamos
na estación das cabinas que levan a BELLEVUE, sorprendentemente
non temos que agardar vez e pronto chegamos á estación do
tren que nos levará a NID D'AIGLE, neste punto a espera faise interminable
xa que o tren non pasa ata as 8:45 h. Despois dun corto traxecto que nos
deposita a 2.386 m., empeza unha tortuosa senda empedrada e sen neve que
ascende rápido con marabillosas panorámicas sobre L'AIGUILLE
DE BIONNASSAY e a propia AIGUILLE DE GOÛTER.. Son as 12 e estamos
no campo de neve onde se atopa o REFUXIO TÈTE ROUSSE (3.167 m.).
Calzamos cranpóns e ó ataque; remontámo-lo campo de
neve e directamente á famosa e perigosa escupideira, no flanqueo
horizontal deste corredor realmente caen pedras e hai que fiar moi fino.
Xa na aresta de rocha onde hai que emprega-las mans, as cousas complícanse
pola cantidade de xente ascendendo e descendendo, parece un formigueiro
humano, é desproporcionado. Aínda que só levámo-lo
imprescindible, que non é pouco, imos moi cargados e tomámo-lo
con moita calma para non afundirnos fisicamente. No treito instalado con
cables de aceiro a cousa xa se ve doutro xeito, non pola seguridade, máis
ben porque xa se está moi cerca. Son as 15 h. 15', estamos no REFUXIO
GOÛTER (3.835 m), temos que facer un pequeno esforzo máis
ata as costas espalda de neve onde hai plataformas escavadas no xeo para
monta-las tendas. Esta operación levounos un ratiño, despois
compramos auga para hidratarnos rápido e fundimos neve para ter
reservas e cociñar unha suculenta cea. A verdade que neste campo
de altura as cousas sucédense coma nun sono, non parecía
real. Fotos, cea, preparativos e ó saco ás 19 h.
Xoves, 15 de agosto-2002.
Aiguille Goûter (3.817 m)- Mont Blanc (4.810 m)- Chamonix.
Xusto no cambio de data soa o espertador, non se sinte ningún
ruído e decidimos atrasar algo a saída. Almorzo e últimos
preparativos, non queremos atopar a toda a tropa na comprometida aresta
de LES BOSSES. Os cordóns das botas están conxelados e semellan
de arame, daquela vai moito frío. É a 1, o tempo pasou rápido
e cómpre saír cara o cumio, xa hai algunha cordada en marcha
e será suficiente para non ter problemas no camiño, pronto
estamos a dereita do DÒME DE GOÙTER (4.304 m) e hai que baixar
ata o COL DE DÔME (4.240 m.) para inicia-la subida definitiva. Deixamos
o REFUXIO VALLOT (4.362 m) á esquerda e o terreo empínase
severamente, as estrelas confúndense coa luz dalgunha cordada que
anda moi arriba, agora xa non caben dúbidas, subiremos. Cun pé
detrás do outro e despois de perde-la pegada varias veces, entramos
na aresta de LES BOSSES, non podo crer que esteamos aquí,
a falla de luz fai que non semelle tan aérea e afiada, decididamente
ascendemos cara ó amplo prato que conforma o cumio. Xa está,
sinto alivio e moito frío no nariz e no dedo índice da man
dereita. Son as 4 h.45', e no cumio don MONT BLANC hai tres ingleses e
un solitario que non di nada. Fotos na escuridade, xélida reflexión
e os meus mocos conxelados baixo o pano. É suficiente, empeza o
descenso. Coas primeiras luces, flipo, o contorno é impresionante,
trato de plasma-lo en diapositivas que sairán moi escuras pero traerán
recordos. Na operación de fotografar tanta grandeza o meu
bastón deslízase costa abaixo; non pasa nada desviareime
para recollelo máis abaixo, como se estivese en FORMIGUEIROS (1.648
m). Cunha alarmante falla de sentido inicio unha diagonal sobre unha placa
de puro xeo, que perigo, de pronto na miña cabeza soa un ¡non
te pases de listo!; dou a volta cara á pegada con comprometidos
pasos sobre un xeo cristalino e sen bastón, que mágoa, tíñalle
cariño. Máis fotos e parada no VALLOT. Agora xa hai bastante
luz e o DÔME DE GOÛTER tínguese de rosa, que espectáculo.
Ás 7 h. 20' novamente na tenda. Moita auga, moitas galletas, dúas
horas no saco e a desmontar todo, estamos bastante recuperados para o último
esforzo. Xa na aresta de rocha perdemos altura rápidos e seguros
sen complicarnos nos poucos cruces que tivemos. Outros por desgracia non
tiveron a mesma sorte. Ás 12 h. estamos no campo de neve do TÈTE
ROUSSE, comemos, descalzamos cranpóns e para abaixo. Son ás
15 h. e collémo-lo tren que conduce a BELLEVUE, e as 17 h. 15',
atopámonos novamente no cámping. Xa está, hai alivio
e cansazo acumulado despois de moitos días de actividade.
-Venres 16 e sábado 17 de agosto-2002.
Regreso a Quiroga empregando o mesmo percorrido.
PARQUE NATURAL DE REDES
1 ó 3 novembro de 2002
O venres 1 de novembro chegamos, inda de noite, á vila de Pendones
no Parque Natural de Redes. É o primeiro día nesta saída
organizada polo club a esta zona á que nunca tiveramos vido antes
como club. Baixamos do autobús medio durmidos e collemos as mochilas
de ataque que o responsable da saída, Alberto Filgueira, nos avisara
de ter preparadas. Nada máis saír fórmanse dous grupos,
un fará un percorrido máis curto dende a vila ata o collado
de Llagu, e outro intentará ascender ó Tiatordos (1951 m)
e á Peña Maciedome (1900 m). O comezar tan cedo terá
bos dividendos á hora de aproveita-lo día (dependendo do
que se entenda por aproveita-lo día). O cume do Tiatordos regálanos
unhas vistas espectaculares cara á súa vertente norte porque
nesa cara o desnivel é moi importante. Tamén temos a oportunidade
de contemplar Picos de Europa dende unha perspectiva diferente, e puidemos
identifica-la Peña Santa de Castilla. Tamén era rechamante
o Mampodre. Baixamos do Tiatordos para seguir polo cordal de Ponga cara
ó collado de Llagu, onde esperabamos atoparnos co outro grupo. O
bosque de faias tiña xa perdido a folla, pero inda así era
precioso. No collado paramos a xantar, inda que o responsable da marcha
indicounos que era mellor subir ó Maciedome antes de facelo. Hora
e media máis tarde, despois dunha sesta xeneralizada, era xa demasiado
tarde para subir ó cumio. Berta, que viña doutro club, quedou
escandalizada de que fixeramos tal sesta, ela pensaba que o club Montañeiros
Celtas era máis serio... que pouco nos coñecen. A baixada
a Pendones non tivo máis que comentar excepto a beleza outonal do
lugar.
Con bus fomos ó albergue 'El Florán', entre Sotrondio
e Blimea, onde ceamos e durmimos nuns cuartos con liteiras e baño
bastante cómodas e a bo prezo. A cea non foi ningunha marabilla,
pero comíase, inda que a cea do sábado foi peor. En xeral
saímos bastante contentos do lugar.
O sábado había unha travesía dende San Isidro
ata Caléao. Volvéronse formar dous grupos, un máis
lixeiro que foi co autobús a Caléao para facer un percorrido
circular, e o da travesía. Na travesía axiña nos enfollonamos
e acabamos subindo un cumio de 1950 m que non tiñamos que subir.
A partir de alí a cousa mellorou porque atopamos un sendeiro marcado
cara ó lago Ubales e de alí a Caléao por un cavorco
entre bosques e cun río ó lado moi bonito. Desafortunadamente
empezou chover para cando nos acercabamos ó final do cavorco nun
lugar chamado Felgueru. Había a opción de baixar xa directamente
cara á Caléao, ou subir ó collado de Pandellina para
baixar a Caléao por outra parte moi bonita. A maioría da
xente foi tan valente de facer este recorrido máis longo que engadía
dúas horas ademais de gozar da chuvia continua.
O Domingo tiñamos que volver, pero para aproveita-lo tempo fixemos
pola mañá un sendeiro circular que partía da vila
de Rioseco. Volvera o bo tempo polo que foi unha boa elección porque
o sendeiro era tamén moi bonito. Xantamos en Rioseco e as dúas
da tarde partimos para Vigo.
ESPELEOSECCIÓN
Xornadas topografía do club (12-13 de outubro)
Como este ano o día do Pilar non facía ponte, decidimos
non sair lonxe esta fin de semana e fomos a Liñares (Pedrafita do
Cebreiro), onde se celebraron unhas xornadas de iniciación á
topografía en covas. Tamén foi unha fin de semana de estrenos:
algúns eran a primeira vez que iban de covas, a nova furgo de Lourdes
probou o barro da cova, o cheiro a carburo e foi a presentación
en público da "topolibreta".
Despois de dárno-la cuchipanda de rigor no refuxio, fómonos
de covas. O lugar elexido foi a entrñable Purruñal. Mentras
un grupo aprendía as nocións básicas, outro grupo
púxose mans á obra coa topografía dende a entrada.
Tomáronse medidas de gran parte da cavidade, e eso que "houbo tiranteces"..
menos mal que estaba Óscar para pór orde. Quedou sen topografia-l
a zona dos pozos e da rampa en espiral, pero volveremos pronto para remata-lo
traballo de campo. Nesta ocasión tratábase de coller algo
de rodaxe na noble arte da espeleotopografía, un labor tan tedioso
e pouco agradecido como necesario.
Ó saír do Purruñal, esperábanos unha noite
casi primaveral, na que se distinguían infinidade de estrelas. Tamén
nos esperaba unha suculenta cena par repor forzas e, como non, esa infusionciña
que senta e marabilla antes de meterse no submarino.
O domingo amañeceu nubrado e pronto comezou chover. ¡E
nós preocupados!. Dedicámo-la mañán ó
denominado traballo de gabinete, que consiste en reconstruir sobre o papel
o plano da cavidade a partires dos datos recollidos no campo. Tan interesante
resultou esta actividade que a algún casi se lle esquece sacar a
pasear o coche. Antes de comer algúns foron o Tin-Tan, un pequeño
pozo situado cerca do refuxio. Logo, (¡Emilio, por fin acabámo-los
melocotóns en almíbar!), sesión de chistes de "parecidos
razonables" e a recoller todo para devolve-la chave a Sofi.
III Campamento Galego Extraterritorial de Espeleoloxía
(1-3 de novembro)
¡Que ganas tiñamos de ir a León! Por eso, non esperamos
ó vernes. O xoves fomos dormir a Cobas, que está a un paso
de León. Chegamos tarde ó refuxio, o que non impidiu a certo
"personaxe", por chamalo dalgunha maneira a esas horas, pornos en pé
as oito da mañá.
Entre Monegros e Monegros de Labordeta, puxémonos axiña
no cámping de Vegacervera, onde nos recibiu a organización
do campamento. Montámo-las tendas, comemos e ¡de covas!. Localizamos
a Cova de Tibigracias e a Cova de Arenas, pero se nos resistiu a Cova de
Lendreras, anque máis tarde déronnos o chivatazo de onde
se encontraba.
Íamos coa idea de percorrer Arenas e despois Tibigracias, pero
a primeira era máis grande do que pensabamos e nos enredamos polas
gateiras, galerías e infinidade de espeleotemas. Quedámonos
coas ganas de entrar na outra cavidade pero aínda nos quedaban días
por diante e había que prepara-la cea. Moitas risas e alguns medio
flipados coa pócima rosa, que a saber que contén para porte
"como para limpá-las orellas...”
Antes de ir plega-las idem, tivemos conversa con xente de outros clubs
sobre as "coviñas" da zona, que sempre é posible pasarse
información interesante.
Pola mañán, alguén a quen lle duraban os
efectos da "pócima", madrugou e foi busca-la cova do Burro. Os demáis
non tardaron moito en levantarse porque había que preparar todo
o necesrio para a cova que tiñamos previsto explorar ese dia: "Bajo
Corralón", unha cavidade de -204,7 metros de profundidade. Tendo
en conta o batallón que eramos (doce de covas, un de pateo e dous
de visita a León), non tardamos moito en mobilizarnos. Tras hora
e pico de caminata entre vales e montañas, topamos a boca da cova,
gracias ás indicacións duns compañeiros de Irmandiños
que amablemente nos acompañaron ata onde se deixan os coches. Á
rampa de entrada seguíronlle varios pozos, algún deles estaba
comunicado por un estreito paso onde máis dun deixou parte
dos monos quedando estes co sete de referencia. A ficha de instalación
estaba incompleta, así que nos faltóu corda (e sexamos sinceiros,
tamén tempo) para baixar tódolos pozos. Quedóu localizada
para a próxima ocasión a cabeceira do seguinte pozo, o último
para chegar ó recorrido de galería horizontal e o río.
O salír, esperábannos as nubes, aínda que menos mal
que temos quen se preocupe de nós (os primeiros en saír)
e nos buscan sitio seco e nos traen roupa para cambiarmos.
De volta ó camping, todos á lavadora, digo á ducha,
para ir de cea cos demáis clubs. (Oído, cando nunhas duchas
sae auga conxelada e sabemos doutras con auga quente, HAI QUE AVISAR) ¡Menudo
reximento de espeleólogos! Houbo quen comentou: "para unha vez que
imos de cea para ser sociais, van e nos toca na mesa do fondo, e enriba,
nos deixan sen natillas". Só os "antollos" de Carol serviron para
que nos deran unha cazoliña de natillas ¡para os trece da
mesa!. Pero nada impideu que fóramos os máis animados de
todo o comedor. Algúns ata triunfaron cunha aborixen... ¡se
é que tes uns olliños de lince chosco, Miliño!.
O domingo non había tempo que perder. Un grupo foi a Valporquero
e fixo a travesía, saíndo pola Cuevona. Non había
moita auga, pero estaba moi fría. Outro grupo, o máis numeroso,
adicouse a localiza-la boca da Cueva del Moruquín. Tan só
a aproximación xa merece a pena. Un terceiro grupo marchou a Tibigracias.
Tras remontar parte do curso de augas, atravesaron un paso semisifonado,
pero o tempo,... sempre o maldito tempo, non permitiu continuar moito máis.
Volvemos a casa coa sensación de ter feito un gran descubremento:
León non é só Valporquero, hai un sinfín de
cavidades que poden dar moito xogo. Algo a ter moi en conta no futuro.
A Virulillas
Xornadas de topografia en 3d (escola galega espeleoloxia)
(26-27 de outubro)
Outra fin de semán topográfica. ¡Mira que está
traballadora esta Sección!. Saímos catro a media mañá
con dirección a Mondoñedo, sen présa e con pausa,
porque a furgo de Lourdes aínda non tiña os 1500 km, para
revasa-la marca dos 90 km/h. Así que chegamos ó refuxio a
puntiño para empeza-las Xornadas.
Deron unhas nocións sobre Visualtopo, que é un programa
informático de aplicación exclusiva ó trazado de topografías
en covas e que permite o levantamento en tres dimensións. Esto está
moi ben para publicar artigos en revistas, pero para o espeleólogo
de a pé unha topografía en tres dimensións antóllase
inútil. Ademáis, ese programa conta cunha serie de limitacións
que fan pensar en buscar outras alternativas.
Despois de indicar como se debían toma-los datos para logo introducilos
na folla de cálculo que incorpora o programa, dividímonos
en catro grupos de cinco persoas e fomos á cova dos Santos, tamén
chamada Cova da Meiga. Éramos demasiada xente realizando medidas,
indo de un sitio a outro. Durante unhas horas esta bonita cova estivo máis
transitada que a plaza do Obradoiro, así que rematou cun ambiente
tan cargado que saímos con colocón, colocón.
Pensabamos en baixar a cear co resto dos clubs a Mondoñedo,
pero una caixa chea de patamelas (moitas gracias Yoli e Xabi) fíxonos
cambiar de opinión. Fartamos de cogomelos: cogomelos con panceta,
cogomelos con xamón, cogomelos fritidos, cogomelos rebozadas, cogomelos
con queixo. Con tanto cogumelo casi acabamos como o espeleólogo
turco.
Pola mañán, os ollos pitoños da maioría
do personal non impidiron volca-los datos no ordenador e compara-las topografías
dos distintos grupos. Hóuboas para tódolos gustos. Tamén
aproveitamo-la mañá para comentar alguns proxectos con xente
de outros clubs, como busca-la data para topografia-la Cova de Cortiñas.
Pola tarde, acercámonos ata a entrada da Cova do Rei Cintolo.
Está perfectamente cercada e é imposible acceder ó
seu interior se non é chaves en man. Os labores arqueolóxicos
rebaixaron o chan da entrada e sabe Dios que outras cousas farían
dentro.
A Virulillas
Espeleonovas
- Vai rematando o ano e estamos metidos coa burrocracia ¡lés
ben!
- Aproveitando a conferencia de Sergio García a realizar ó
comezo do vindeiro ano, organizaremos unhas xornadas técnicas.
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
Maña do sábado 19 de outubro. Pairao de Bouzas. Fai calor,
e eso que llevan toda a semana anunciando a chegada dun forte temporal.
Xa estamos nervosiños perdidos por saír ó mar, a mergullarnos.
Imos coa Escola Galega de Mergullo, e a meirande parte temos que face-las
prácticas do curso de mergullador 2 estrelas. Hoxe é unha
saida algo distinta das habituais: veñen un para de mozas dun xornal
a realizar unha reportaxe sobre submarinismo. Saímos con retraso,
e inda se fai máis longa a espera porque hai que recollelas no recén
inaugurado Museo do Mar. Xa estamos todos a bordo e nos diriximos mar adentro.
Mentra-la fotógrafa inmortaliza una de las actividades más
"duras" do mergullo, é dicir, equiparse, a xornalista recolle opinións.
En concreto, a que escribe estas líneas comenta que o que máis
lle gusta é o bonito e distinto que é todo aí abaixo,
a sensación de movimento baixo a agua e que o mar é unha
grande escola para tódolos públicos; en cada inmersión
sempre se aprende algo novo. Despois de face-lo seu traballo, levámoas
de volta ó Museo do Mar e volvemos, esta vez sí, a mergullarnos
na ría. Como só me quedan dúas prácticas do
curso de 2 estrelas, son a última en entrar no mar. A primera práctica
é de auxilio ó compañeiro. No barco pedíralle
ó instructor que me busque a alguén de forma que poda sacalo
da agua sen que teñan que terminar por socorrerme a min. É
que un dos compañeiros é como tres, casi diría que
catro veces unha servidora, e eso de "abrazalo" para subilo á superficie
non o vexo moi claro. Tócame cun non moi grande, pero que, aínda
así, cóstame rescatar. A segunda práctica consiste
en incha-lo globo de descompresión e ir facendo paradas a distintas
profundidades. Un desastre, e eso que outras veces me saíra ben....
Total, dez minutos na agua e ó barco. A verdade é que unha
se queda con máis ganas de mar, pero, co día que fai, contempla-las
Cíes e a enseada de Rande dende o medio das saídas coa Sección
de Subacuáticas, que Sechu sempre me pregunta cando vou bucear con
eles.
A Virulillas.
SECCIÓN INFANTIL – XUVENIL
AVENTURA NA NEVE
Gracias a nosa insistencia, por fin conseguimos que se debata co novo
presidente do club, a idea de crear unha sección xuvenil para nenos
de mais de 13 anos con outro tipo de actividades e saidas para que non
perdamo-lo interés pola montaña .
Tamén queremos que nos deixen durmir mais (ainda que Yoli ronque
e Ignacio tire uns peidos que nos apestan a todos)
Esta fin de semana conseguimos que nos deixaran durmir
na mesma habitación nenos e nenas e agora pretendemos que nos deixen
durmir na mesma tenda.
O sábado saimos cedo de Vigo cara os Ancares. Coma casi sempre
tivemos problemas co autobús (algo esencial nunha boa excursión
), había moita neve, o autobús quedouse parado no medio dunha
curva e tiveron que poñerlle as cadeas. Coma sempre tamén,
tocounos a nós baixar do autobús, tendo así o noso
primer encontro coa neve, pasando moito frío e pasándolo
moi ben (todos menos Iago que deixou o chuvasquero na mochila e tivemos
que facer un “sándwich” de Iago para protexelo , tiritaba de arriba
abaixo e tiña os beizos morados).
A tarde-noite pasámola tranquilos:charla, axedrez e “cartas”.
Antes de cear, os monitores asaron castañas na chimenea e fixemos
un magosto, pero nós utilizamos as castañas como se fosen
proyectiles ardentes.
O domingo, despois dun intento fallido de marcha, fixemos varias guerras
de neve promovidas por Nestor e Ignacio contra un Juanjo salvaxe e un Sechu
dos montes. As mozas, de paseo polo monte coma si foran pola rúa
do Principe, esquivando bolas dos mozos.
O chegar ó refuxo, despois de mudarnos e secarnos, houbo unha
misteriosa pérdida de “bolitas de gel” de Sechu, que accidentalmente
cairon o lume da chimenea : SENTÏMOLO, non sabiamos que tiñan
dono.
Mentras escribimos esto, estamos chegando a Vigo. O paracer non imos
ter ningún problema co autobús (tocade madeira, eso haberá
que miralo) ainda hai quen dí que é unha mágoa non
ter outra aventura.
A POBRE MANDARINA
Esta é a aventura que correu unha mandarina que tiña Nerea; durante o xantar do domingo prestoulla a Iago e este montou un parque de atraccións coa fiambreira de Antía para que a mandarina disfrutase. Finalmente foi indultada e volveu san e salva á mochila de Nerea.
Firmamos “esto”: Inge, Ignacio, Nerea, Antía, Nestor, Iago, Yoli,
Antón, Silvia e Mauro.
¡MOSTRA O TEU CARNET DE SOCIO!
Chegamos a acordos con estas tendas de material deportivo afíns ás nosas actividades para ofrecerlles ós socios mellores prezos. Aproveitando o Nadal tede en conta estas ofertas para as túas compras.
Terra: R/ Pi y Margall, 53
Material de montaña, escalada, camping,
etc.
Desconto, carácter xeral o 10%, en calzado
o 5%. Se facedes o pago ó contado, o 13%, en calzado 8%.
Alfaya: R/ Oporto, 24
www.alfayanautica.com
Material de mergullo, neoprenos, lanchas pneumáticas,
vela lixeira e accesorios náuticos. Tamén teñen taller
de reparacións
Vigo bike: R/Barcelona,3
Www.vigobike.com
Material relacionado co deporte da bicicleta.
Teñen taller de reparacións.
Desconto 10%. Se facedes o pago ó contado,
ó 15 %.
Westpeak: Avda. Camelias 20 Telf./fax: 986 411
062
Skate, Snowboard, Surf & Body, Wake.
Descontos: En vestiario e complementos o 10%,
se facéde-lo pago en efectivo o 13%. En neoprenos e material duro
o 5%, en efectivo o 8%.
AXENDA
17 ó 30 de decembro Exposición Fotográfica na Casa del Libro, rúa Velázquez Moreno, 27. Horario de 9:30 h a 21:30 h todolos días excepto Domingos.
Venres, 20 decembro Entrega de premios do Concurso Fotográfico e entrega da Medalla de Ouro do Club a “Moncho Melón in memoriam”. Na Casa do Libro ás 19:30 h.
Venres, 20 decembro Festa fin de Temporada e Clausura do 60 Aniversario. No Club ás 21:00 h.
Venres, 27 decembro Asemblea Xeral da Sección de Espeleoloxía.
No Refuxio do Monte Aloia ás 21:00 h.
VINDEIRAS ACTIVIDADES
DECEMBRO
20 Festa fin de temporada e Clausura do 60 aniversario.
XANEIRO
18-19 Espeleoloxía. Xornada de ascenso-descenso por corda.
25-26 Esquí. Curso de Esquí de Montaña (E.G.A.M.)
26 Sendeirismo. Gr 94.Rural de Galicia. Etapa V. Cuntis (Mesego)
- Reis (San Cristobal).
¡BO NADAL! ¡FELIZ 2003!