Boletín de Nadal de 2001 do

Club Montañeiros Celtas



 
 

NADAL. TEMPO DE CELEBRACIÓNS

Estámonos acercando ò remate do ano, é tempo de ceas: de traballo, de equipos, de academias, etc., de compras, de escribir postais, son anticipo dos momentos entrañables que pasaremos con familiares e amigos celebrando as festas do Nadal.
Tamén o club ten cousas que celebrar este ano, adiantándonos ás rebaixas, serán dúas celebracións polo prezo dunha, como chega ó euro temos que gastar as pesetas, aínda que iso non é problema, porque a compra do local deixou o peto baleiro. E falando de local, Club Montañeiros Celtas agradece a colaboración que os socios demostraron para facer realidade o proxecto do novo local.
Pero... falamos de celebracións do Club, pois ben, o venres 14 de decembro ás 20,30 h, terá lugar a Inauguración do Novo Local Social e a tradicional Festa Fin de Temporada. ¡Non faltedes!. Visita o local e os compañeiros, canta panxoliñas e brinda polo ano 2002, que será o 60 Aniversario do Club e ademais foi declarado por Nacións Unidas Ano Internacional das Montañas, motivos máis que suficientes para manter a ilusión na mellora do Club, o club de tódolos montañeiros Celtas.

¡BO NADAL! ¡FELIZ 2002!

SECCIÓN DE CULTURA

DÍA DAS PANXOLIÑAS:

Con motivo das festas do Nadal, e coñecendo as grandes dotes interpretativas dos socios/as do Club, invitámosvos a participar cantando Panxoliñas xusto antes do Ágape de Nadal do Club no día 14, non haberá premios será participación libre en grupos ou en solitario. Haberá unha lista aberta no taboleiro de Cultura no Club e teremos unha pequena reunión o mércores 12, ás 20:30h. para a coordinación.

TERTULIA:

A tertulia de Novembro tivo como tema: ¿É montañismo o sendeirismo?. As conclusións principais foron:
O sendeirismo é negativo cando solo se seguen as marcas e non se fai outra actividade sen elas.
O montañismo engloba ó sendeirismo.
O sendeirismo non é só segui-las marcas.
As marcas son correctas en determinadas zonas, deben facerse con control.

O sendeirismo é menos selectivo que o montañismo e da pé a charlas e unha alta participación.
A evolución natural dunha parte dos sendeiristas levaos  a outras facetas do montañismo.
O tema da próxima tertulia é a globalización o xoves 20.

ACTIVIDADE BOTÁNICA:

Dámo-las gracias a Quique pola súa charla sobre plantación de árbores que nos deixou un bo número de Castiñeiros no Club, que todos debemos axudar a sacar adiante, para dentro de ano e medio plantalos.

SEMANA DO TÍBET:

Estiveron expostas 8 fotografías enmarcadas realizadas no Tíbet. A conferencia: O Tíbet: situación e cultura, foi un éxito, e destacaría a sorpresa de moitas persoas ó escoitala, pois non coñecían nada do xenocidio do Tíbet nin da súa cultura tan próxima ós montañeiros.

Martín García (Shambala
 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

Lotería de Nadal. Recordarvos que temos participacións de lotería de Nadal a 500 ptas. cada unha no número 3.960. Último día para a venta, se queda, 14 de decembro.

60 Aniversario do Club. O vindeiro ano celebraremos este aniversario e para preparalo hai unha comisión formada polos seguintes socios: Chito, Antonio Álvarez, Cholo, Pacucho, Fernando Fernández, Escrich, Antonio Alemparte, Raúl Pérez Leirós, Lourdes Castiñeiras, Evaristo, Lourdes Queimadelos, Montse Rodríguez Oveja, Henrique González Cameselle, Carmen Pérez Orge, Henrique Soto e dirixida por Sechu. Esta comisión vén reuníndose periodicamente dende setembro e traballan en diversos temas: publicación da  historia do Club, conferencias, exposición, logotipo, etc. A tradicional cea anual será o día 2 de Febreiro, día da fundación de Montañeiros Celtas no ano 1942.

Proxeccións de diapositivas ou vídeos. Con motivo do aniversario, propoñemos ós socios que dispoñan de material audiovisual das expedicións ou actividades significativas do Club, destes últimos 60 anos, a súa proxección no local social, para o cal poden comunicárnolo co fin de facer a programación dos actos sociais dos venres.

Sección deportiva Escalada. Créase esta sección para relanzar unha importante actividade do Club. O responsable será: Carlos Fernández Rivas.

Sección de Biblioteca. Ó pasar Carlos a ocuparse da escalada, a responsable desta sección será Carmen Pérez Orge, que deste xeito retorna á Xunta Directiva.

Material de montaña. O material de montaña que ten o Club está a disposición dos socios de forma gratuíta, pero  establecemos agora un depósito de 1000 ptas. para retiralo, cantidade que será devolta ó socio cando entregue o prestado. Esperamos deste xeito que o material se devolva máis rápido.

A Federación Galega de Deportes de Inverno (F.G.D.I.) remitiunos o custo da Tarxeta de Federado para a nova temporada: 6000 ptas. Os socios que a tramiten antes do 31 de decembro terán un desconto de 500 ptas. Así que si tes pensado esquiar, aproveita este agasallo do Club e fedérate xa.

É conveniente e de interese para os socios, estar federados, pero facelo en máis dunha Federación (o Club está adherido a 4 federacións: Montaña, Espeleoloxía, Deportes de Inverno e Actividades Subacuáticas) ten un custo considerable. Para animarvos, estamos estudiando a posibilidade de facer un desconto na 2ª e seguintes Licencias que cada socio tramite ó seu nome, no caso de menores de idade o desconto será maior. Consulta na Oficina ó comeza-lo ano.

Subscrición Electrónica. É posible recibir por e-mail o boletín. Visitar a páxina do Club e seguir as instruccións que se indican para acceder a esta opción, máis rápida e eficiente.

Rei Cintolo en perigo. O concello de Mondoñedo pretende facer turística a cova, con graves alteracións do seu ecosistema. A sección de Espeleoloxía dará unha charla informativa o xoves 13 de decembro, ás 20'30h. Contamos coa túa presencia.
Refuxio de Goriz. O concello de Fanlo (Huesca) ordenou o peche deste refuxio. No club recóllense firmas para opoñerse a esta decisión e como apoio á Federación Aragonesa de Montañismo.
 


TELÉFONO

Por fin funciona o teléfono e ¡conservámo-lo  noso número: 986 438 505 !  Non foi doado, pero cremos que mereceu a pena.
 
 

EXPEDICIÓN

As montañas Celestes

O reino das montañas Celestes esténdense ó longo da fronteira de Kazaskhtan, Kyrguistan e China. Un millón de quilómetros cadrados de neves perpetuas, sete mil glaciares e picos afiados, forman a cuarta cordilleira máis elevada da terra.
Dende o seu mesmo embigo érguese, por encima das demais cimas, o monte Khan Tengry de 6.995 m de altitude, se se toma como referencia o punto sólido máis alto do cumio, 7.010 m se se fai dende a cornixa de xeo situado máis arriba e que varía dunha estación a outra.
Os exploradores que se adentraban na cordilleira de Tian Shan creron durante décadas que se trataba da montaña máis alta. Foi no ano 1943 cando os topógrafos da URSS mediron outra montaña, un pouco máis ó Sur do Khan Tengry, sobre a fronteira con China e descubriron que aquela medía 7.432 m, chamáronma Pobeda, Victoria en ruso, e é o sete mil  máis setentrional de todos. Lonxe de relegarse ó segundo termo o Khan atrae la atención pola súa situación máis centrada na cordilleira. É unha pirámide  de xeo e rochas que cando un a mira dende o campamento base, dende o glaciar Inylchek Sur, toma a cor laranxa ou vermella do atardecer, en días despexados. Foi escalada por primeira vez o ano 1931 pola expedición rusa de M.T. Pegrebetsky. Ten unhas 18 rutas, encontrándose a maior dificultade pola cara Norte, mentres a Sur é a máis arriscada por desprenderse constantemente seracs da parede do Chapaeva. Os períodos máis favorables para a escalada son xullo e agosto.  As condicións atmosféricas de Tian Shan están consideradas como as máis inestables de cantas cordilleiras existen, podéndose encontrar nun mesmo día tódalas estacións do ano. Os ventos semi-furacanados e as baixísimas temperaturas fan as delicias de cantos escaladores se adentran nesta cordilleira.

6 de Agosto.  9h da mañá
A deda gorda do pé dereito foi a primeira en mandarme á merda, despois o fixeron os de ambas mans, tralo cal,decidín que os polgares debían abandona-lo seu illamento e xuntarse cos demais dedos dentro da manopla. Completamente mergullada en centímetros de polártec e gorétex, só os ollos se enfrontaban, sen remedio, a uns cantos nodiños de vento que morden como se realmente tiveran dentes.
Tomei a primeira corda, elevándome da repisa, onde estaba instalada a nosa tenda do campo IV, a 6.400 m de altitude, e onde tres alpinistas vivaqueaban, abeirados co meu saco de durmir, esperando a chegada del Sol para comeza-lo descenso cara as súas tendas do campo III, a 5800 m. Dixen  adeus a todos, ós que chegaron ó anoitecer á nosa tenda pedindo asilo, tamén. Sobre a minúscula repisa durmimos un total de sete persoas. ¿Durmido?  sobrevivido, é o que máis se acerca á realidade das horas pasadas. O meu compañeiro Merab, termina de vestirse o arnés.Por encima do muro de rochas, o ceo ten a mesma azul das cúpulas das mesquitas e medresas de Samarcanda. Agora penso en chegar ó cumio, e divisar dende alí un imperio xeado que nunca chegou a dominar Gengis Khan, por moito que as súas hordas así o creran.
A parede está na sombra, adquire máis verticalidade a cada paso. Por debaixo de min Merab permanece acurrutado en si mesmo tratando de concentra-lo calor que o vento se empeña en disipar, por fin reacciona, e comeza a gañar metros ata onde eu estou.
- ¿Estás ben? - dígolle cando xa o teño cerca.
- Tiña os dedos insensibles, agora xa empezan a reaccionar- contesta mentres flexiona e estende enerxicamente as mans.
Dúas horas máis tarde topámonos baixo o tramo máis empinado. As cordas fixas penden coma aforcados ó longo do tramo mixto, desfialladas, descoloridas, medio-tesas, imprevisibles. Imos ascendendo cunha diferencia de cincuenta metros entre nós, co jumar mordendo nelas, pero sen facer uso del. Cen metros por un neveiro exposto. Alcanzámo-la primeira aresta ó mesmo tempo que o Sol, inmersos nunha xistra que levanta neve en po e déixanos sen respiración. Faltan por recorrer douscentos metros de desnivel, sorteando rochas, neveiros, e unha aresta cun  perfil dunha navalla, imposible de asegurar.
- O chico de onte -dime Merab- matouse aquí.
O final está a só uns minutos. O vento non deixa achegarse ás nubes. Ascendémo-los últimos metros. Sobre a cume inclinada do Señor dos Espíritos asoma ó Pobeda, no horizonte, o noso próximo obxectivo. Estamos cansados, xeados, nin sequera fixemos aclimatación. Tras só tres días dende a nosa chegada ó  campamento base, a 4000 m empezámo-lo ascenso, en estilo alpino, cara ó máxico vértice da montaña. Unha mirada sen alento ós bífidos glaciares, ás linguas brancas que recorren a base das montañas, algunhas das máis longas da terra. Uns minutos de euforia cenital, que xustifican a dureza das horas pasadas, un contestarse a un mesmo á eterna pregunta ¿por que?: Porque si, porque están aí que dixo Mallory.
Catro horas máis tarde, uns grados máis abaixo, ó borde da hipoglicemia mesma, encontrámonos diante do campo tres, a 5800 m, que non vemos. A escuridade é absoluta, neva con forza. Sabemos que a nosa cova de xeo está aquí, ¡aquí mesmo!
Por fin aparece, a entrada está parcialmente tapada pola neve en po que está caendo. Un esforzo máis, e dentro.
7 de Agosto
Amañece bo. Levantámo-lo campo II, a 5600 m. Atravesamos moi velozmente por debaixo da perigosa parede do Chapaeva, vixiando as avalanchas que baixan por toda a canle que forma na súa unión co Khan Tengry. Desmontámo-lo campo I, sobre o glaciar Inylchek Sur. O Sol pónsenos xusto á nosa entrada no campo base. Tres mil metros de desnivel máis arriba, o Señor dos espíritos vólvese dourado á luz do ocaso...
Chus Lago

BICI DE MONTAÑA

SERRA DO XURES. SANTA EUFEMIA. 11/11/01

Ía tempo que tiñamos botado o ollo a zona do Xurés, que por fin visitamos para face-lo percorrido de bicicleta. Este non e outro que a  cima e arredores do Santa Eufemia, que cos seus 1103 m de altura, puxeron a proba a capacidade, de soportar frío e fortes pendentes, de cada un dos 13 participantes.
Sen dúbida a saída do grupo foi dende o lugar habitual (Bonilla), fieis ó noso almorzo con churros, que aportan unha especial enerxía (sobre todo por que están quentiños).
Certamente o día foi especialmente frío, comprobámo-lo longo de todo o camiño. Cruzamos por Portugal e atravesamos a Serra da Peneda cun día claro e soleado, pero con temperaturas que rozaban os cero graos.
Xa no lugar do inicio do percorrido, os que non o coñecían descubriron cal sería o mellor momento da fría xornada. Co corpo máis ben frío, comezamos por unha pista pegada ó río Caldo e a Calzada Romana (duramente criticada, con motivo da súa recuperación e restauración, por ser demasiado chamativa). E chegamos ós miliarios romanos, que contan os momentos máis importantes acontecidos durante a súa construcción, esta Calzada une España e Portugal a través da Portela de Homen.
Pouco despois de facer un tramo de asfalto, entramos na pista que lévanos cara ó cumio do monte, pasando pola área recreativa e aula da natureza existente ó inicio da forte e mantida subida, que obríganos a botar pé a terra en varias ocasións. Todo isto aderezado por un vento que non nos deu tregua, ata chegar ás antenas de radio e televisión que existen na cima.
O descenso estaba previsto por unha pista, diferente á de subida, pero a separación que orixinou entre o grupo, a distancia percorrida e o frío que ía obrigounos a descender polo mesmo lugar (iso si, gozando dunha rápida baixada) e cunha soa fixación na mente, meternos inmediatamente na poza termal do río Caldo, sita na vila de Torneiros, lugar do que partimos.
Tras unha hora de "cocernos" na auga, iniciámo-lo regreso, aproveitando para comprar algunha cousiña na feira de Lobios e por suposto repoñer forzas.
Sen máis, esperámosvos a todos na vindeira.
Escrich

SECCIÓN DE MONTAÑA

Marcha de Outono
Parque Nacional da Peneda Gerês

En primeiro lugar quero agradecer ós nosos socios Emilio e Luísa, de Porto (Portugal) responsables da magnífica organización e o moi bonito paseo que fixemos.
Un grupo saímos o sábado pola tarde a Arcos de Valdevés. Antes de cear dimos unha volta por esta bonita vila, e durmimos na Escola Secundaria que dispuxo a organización.
O Domingo viu o resto da xente e encontrámonos diante da escola. Saímos cara a Soajo para deixa-los coches no lugar de chegada da marcha. De Soajo fomos a Mezio de onde partía a marcha. O recorrido comezaba con unha máis ben forte subida que nos levaba ata o cordal dende o cal tivemos unhas vistas espectaculares da raia galaico  portuguesa: Quinxo, Fontefrías, a serra da Peneda-Xerés e ata onde debía estar Portela do Homem. Tamén nos dixeron que con bo tempo era posible ver o mar, pero aínda que lucia o Sol, había unha néboa na distancia que non nolo deixou ver. De todas formas tamén sopraba un  norte bastante cortante.
Comemos nunha zona de Mámoas moi interesante. De alí pronto comezamos a descender seguindo unha baixada de augas. En xeral todo o recorrido foi moi bonito e interesante.
Finalmente chegamos a Soajo, onde visitámo-los Espigueiros da Eira Comunitaria antes de da-la volta para Vigo.
Enrique

.

SECCIÓN SENDEIROS

3ª ETAPA TRANSOURENSÁ (G.R. 56)
MONTEDERRAMO-CHANDREXA. 4/11/01

Despois de pasa-la noite en Chandrexa e cear monumentalmente en Casa Gerardo,  saímos os 29 participantes da cola do encoro en dirección Montederramo. Atravesámo-las casas de Ferrería e internámonos no Teixedal engalanado xa coas cores outonais. Ascendemos ata os lindes da serra de San Mamede, onde podemos observar espléndidas vistas das cordilleiras e vilas próximas: Manzaneda, Monte meda, a chaira de Xinzo, Maceda e ó lonxe O Courel. Descendemos entre prados, despois de comer, ata Montederramo. Visita ó Mosteiro e ó Bar, regreso a Vigo.
M.C.
 
 

G.R. 50 ROTA DO MEDIEVO
INVERNO-PRIMAVERA 2002

Cartografía I.G.N. (1:25.000): NºI-II Cabo Ortegal, 1-III Poutigás, 1-IV Ortigueira, 7-II Cerdido, 7-III Neda, 7- IV Somozas, 22-II Mina das Pontes, 22-IV Embalse do Eume, 45-II Betanzos, 46-I Paderne, y 46-II Cambás.

Para a temporada Inverno-Primavera 2002 presentámosvos o seguinte proxecto: A rota do Medievo. Un Gran Recorrido de 90 Km que comeza na cidade de Betanzos e finaliza en Cabo Ortegal, o cal trasládanos a través das terras dos antigos señores de Andrade,  con mosteiros como Caveiro ou Monfero, castelos como Naraio ou Moeche e internándose en paisaxes naturais como as Fragas do Eume e os impresionantes cantís da Serra da Capelada. Por tanto esta ruta presenta un atractivo cultural e paisaxístico. Trataremos de realiza-la actividade a fin de semana, permitindo que os participantes que non poida acompañarnos o Sábado pola mañá se reúnan co  grupo o mesmo día poa tarde ou o domingo. Como aliciente pernoctaremos en mosteiros e castelos, tratando de utiliza-lo autobús como medio de transporte sempre que sexa posible.
O principal inconveniente á ruta é a presencia de tramos de asfalto e deficiente sinalización do sendeiro.
Se queredes máis información sobre esta ruta consulta a Guía Galicia ó Paso, editada por Turgalicia e la F.G.M., o ben a seguinte páxina web www.turgalicia.es
Etapa I:   Betanzos- Mosteiro Monfero-Caaveiro
Etapa II:  Mosteiro Caaveiro-Castillo Naraio-Moeche
Etapa III: Castelo De Moeche-Arón-San Andrés De Teixido -    Cabo Ortegal
 
 


ESPELEOSECCIÓN

ESPÉLEO-ACTIVIDADES

Fin de semana: espeleoloxía. Esta vez á zona de Médulas, a explora-la cova que noutra ocasión localizáramos: a de Tocinos, mentres Pepe (artista plástico en busca de madeiras nobres para modelar) e Emilio  facían pateo e prospección pola zona de A Balouta, onde deron con varias cavidades e a cova da auga, cun lago xa na entrada. Tamén tomaron nota dunha "cova difícil de atopar, enriba da Balouta, entre xardóns, onde hai un escornacabras. por alí ía moitas veces de neno". Para facer prospección.
Na cova de Tocinos entraron Pablo, Óscar Daniel e Lourdes. Varios pozos e galerías espectaculares nun ambiente moi seco, con pouca ventilación e que se notaba no aire. Rica en formacións. Espectacular
O día 12 de Outubro, comezou outra nova aventura desta intrépida cuadrilla de espeleólogos. Levantámonos cedo (dentro do que cabe) para o que sería o noso novo reto, a cova de Valporquero (Vegacervera, León).
  A viaxe ata Vegacervera foi bastante amena, exceptuando un pequeno altercado, á hora de comer, co dono dunha finca privada, que supostamente era pública. Pero nada que non se puidera arranxar polo noso relacións públicas número un, David Grossi, que deixou clara a súa superioridade, tanto física, como intelectual, ante un acovardado dono que non tivo máis remedio que tira-la toalla e abandona-la disputa, co rabo entre as pernas, polo bochorno que se lle viu enriba. Despois disto, volvemos toma-la estrada ata chegar ó noso destino. Unha vez alí, atopámonos cunha enorme sorpresa: o lugar onde tiñamos pensado acampar ocupárannolo uns vellos colegas do club Irmandiños. Despois dunha feroz disputa polo terreo, o gran O. B. Balado, que xa estaba alí facía un tempo (fora na moto), tivo a brillante idea de acampar uns metros máis adiante nunha pequena dolina, que, en pouco tempo, transformouse no noso campo base. Como cando chegamos xa era noite, non se puido facer unha inspección do terreo, e isto, a máis de un deulle dolor de costas pola noite. Ó haber tanta xente disposta a face-la  travesía completa, o noso grupo tocoulle a quenda de tarde para facer a incursión nas complicadas entrañas da cova. Unha vez estivemos todos erguidos e almorzados, (12:00-12:30) empezamos prepara-lo material, mentres outros facían un perigoso tanteo do terreo, simplemente cun pequeno anaco de papel na man. Carol, Pilar e Emilio comprobaban o lugar de saída, pois a información non era precisa. O momento estaba próximo. Os nervios notábanse no ambiente, ata tal punto que os chistes de "El Pachi" contábanse xa por miles. E por fin chegou ese momento tan esperado por todos. Agora si que había que botarlle "pelotas", xa non había volta atrás. Comezamos a indumentarnos pouco a pouco, as miradas serias e de concentración tropezaban no aire. Non se escoitaba falar nin sequera a David, que se raxou xunto a Verónica, quedando no campo base a vixiar que todo estivese preparado para o regreso da expedición. Cando xa todos estivemos listos, empezámo-la caminata ata a entrada do pozo da Sima de Perlas, que estaba situado no cume dun precioso val de faias, carballos, freixos... cunha cor amarela  e avermellada que semellaba o camiño ata o mesmísimo inferno. Xa estabamos alí, na boca do lobo. Unha suor fría percorreu o corpo de todos nós, pero non importaba, o noso orgullo e o noso corazón vencían tódolos males restantes. Empezamos a descender dun en un polas gargantas da cova sen maiores problemas, agás os nosos nervios, que por momentos parecían que nos ían xogar unha mala pasada. Unha vez superados tódolos obstáculos, ata chegar ó curso de Augas, os nosos nervios diminuíron ata tal punto que nos atrevemos a facer un improvisado belén, debaixo do remate do último pozo (-138m). Despois de  baixar todos, comezamos a penetrar nas frías augas do río, que afectaron a constitución física de máis dun. Logo de superar acrobáticos pasamáns por riba de fríos lagos, que parecían de cristal, chegamos á parte seca da cova. A nosa aventura faltáballe pouco para rematar pero, aínda podía pasar de todo, non nos podiamos confiar demasiado, porque un terrible apertón de barriga podía estar agardando detrás dalgunha estalagmita para xogarnos unha mala pasada. E así foi. Nada máis abandona-lo curso de augas para chegar ás cómodas galerías da parte turística, un dos nosos compoñentes, sentiu a chamada da natureza, pero tivo que facer un gran sacrificio polos seus compañeiros, que querían botar un ollo ó resto da cova. Unha vez fóra, puido dá-la súa opinión a gusto, nas inmensidades do monte, nas que tomamos un pequeno tentempé antes de tomar rumbo ó campo base. A aventura rematara. A emoción puido ata cos máis duros. A felicidade, o orgullo e maila satisfacción facían irrespirable o ambiente.   Conseguirámolo. Criamos se-los mellores, ata que catro valentes espeleólogos, desahuciáronno-lo noso mérito ó dicir que ían desinstalar os 136 metros de pozo que quedaran instalados. Despois de cear e de recibi-los catro heroes, metémonos rapidamente no saco para mata-lo cansazo acumulado. Esa mesma noite, ó pouco de empezar a babexa-la almofada, tivemos un serio problema coas chaves da tenda de Emilio B., ¡alguén llas roubara! Menos mal que nese momento, un mozo cun sono lixeiro, espertou rapidamente e deuse conta, espertando ó resto dos ocupantes da tenda. Ó cabo dun rato todo se solucionou gracias  a ese gran mozo, ó que Emilio, en gratitude, prometeulle regalar unha saca de cavorcos das de 6.000 pesetas. Pola mañá recollemos todo o material utilizado durante estes tres intrépidos días e, despois dun merecido almorzo, tomamos ruta cara á casa, non sen recorre-los vales próximos, na procura da localización de covas que posiblemente sexan as nosas próximas aventuras. Antes de rematar, cabe destaca-la rara sensación de apegañamento que notou todo o grupo, sen saber cales foron as verdadeiras circunstancias.
 Na ponte de Santos fomos ó II Campamento Galego Extraterritorial, en San Pedro de Soba (Cantabria). Saímos Javi, Pilar, Pablo, Xabier, Lourdes, Emilio, Daniel e Carol, que recollimos en Monforte, xa o mércores para pernoctar en Cobas, e gañar tempo. Chegámo-lo xoves a mediodía, cos compañeiros de organización do E.C.A., que lles botamos unha man no acondicionamento do refuxio. Pola tarde, cova: Coventosa-Cubera. Espectacular sala das pantasmas e trepes/destrepes, e percorridos pola canle do río ata os lagos, onde había varias cámaras de roda de camión para poder cruzalos, con neopreno. Auga particularmente fría. Por unha cousas e outras, que inclúe esvarón de Xabier mentres posaba para unha foto de Javi, a saída de Coventosa foi ás 3 da mañá. Tiramos para o refuxio nos dous coches, con despiste por parte do que ía detrás, que se pasou de vila e case remata perdido nunha pista. Gracias á destreza, intelixencia e excelente orientación do copiloto (fixera un curso a distancia co manual do pixiñas) non pasámo-la noite uns tralos outros. Ó día seguinte, descanso e pequeno pateo para localiza-la boca da Cueva Fresca, con breve visita á entrada. Visita a Arredondo, "capital do mundo", e Ramales. Cea e saco, cedo. Preparación do material e comida, pois ó día seguinte esperábanos a travesía Tonio-Cañuela. Dous equipos: no primeiro, dirixido por Carol, con Emilio, Pablo e Lourdes de vasoira. No seguinte, instalando Xabier, con Javi, Pilar e vasoira-Daniel. Cada quen cunha saca, pois leváronse cordas, moita auga, comida, bagas de carburo, equipos fotográficos e ganas, moitas ganas, que levamos postas pois non cabían nas sacas.
Madrugamos. Almorzo. Mentalización para ascender durante hora e media por forte pendente ata a boca de Tonio. Refrixerio e para dentro. Descenso por moitos, moitos pozos, con balanceo e pasamáns antes de remata-lo pozo para progresar. Chegada á famosa diáclase, demasiado estreita, que roncou pasala. Ata algúns pasamos sós e logo nos pasaron a saca. Ó final do descenso atopamos pequenos restos de monos e etiquetas, que falaban ben das dificultades. Continuamos por diversos pozos ata situarnos na bóveda da sala Guillaume, onde, despois de face-la chave de bloqueo no descendedor, ¡colgábaste! para descender en volado. No fondo da sala, reunión dos equipos para xantar, descarburar e continua-la travesía xuntos.

Javi na foto do terceiro premio
Destrepe de media hora (con desnivel de 100m, para completar un total de -360m) por caos de bloques, tremendas/espectaculares galerías, onde destacariámo-las estalactitas en forma de serras. Fotos e máis fotos, Trepes e destrepes. Pasamáns a 30 m con paradiñas para fotos,... e, despois de 11 horas, a saída, con descenso pola ladeira ata os coches, na estrada. Cambiada de roupa mentres Carol e Javi ían busca-lo outro coche e, sen parar a celebralo en Arredondo cun pacharán, auga ou zume, segundo gustos e idades, pois todo estaba pechado, tiramos para o refuxio, sen perdernos. Despois de cea e ducha, rica ducha de auga quente, saco ás 4 da mañá. Almorzo (onde "descubrimos" outros espeleólogos, que non vimos polos horarios nosos de frenética actividade), fallo do concurso (gañámo-lo primeiro e terceiro premio) de fotografía/diapositiva, recollida e volta (nunca mellor dito, para comprar ricos sobaos pasiegos) á casa, falando de próximos proxectos.
 

ESPELEO-NOVAS

Atención: A sección pon á venta gorras (1000 pts)(azul ou negra) e moedeiros (300pts) (negro e marrón) con debuxos da sección. Comproba como son... e ten o que queiras. Nós queremos que as teñas.
Ponte da Constitución. Iremos a Cobas. Traballo topografando Rafavei, explorando outras e facendo prospección. Anótate.
Xornadas bioespeleolóxicas (captura-observación e solta de bichiños que viven nas cavidades). Contaremos cun experto na materia. Sorpresas mil.

In memorian

Temos que darvos unha noticia tráxica. No transcurso do segundo día no campamento extraterritorial en San Pedro de Soba (Cantabria) mentres pasámo-lo tempo xogando cun estimadísimo e entrañable compañeiro espeleolóxico caeu nun patio interior dunha vivenda abandonada. Nese momento foi imposible o rescate. Despois de 24h sen saber nada do compañeiro, o equipo de rescate instalou unha corda para poder baixar ata el e asistirlle, pero... en cando o primeiro membro do equipo chegou ó lugar, decatouse de que estaba morto e cun buraco enorme. Sacárono do patio interior. Estaba morto. A dor e a melancolía invadiu a tódolos presentes. Probablemente, a morte produciuse pola devoración dalgún tipo de rato coñecido como "ratus conejus".  Os restos do finado foron enterrados coas máximas honras. Dende aquí, mandámoslle un recordo polos tempos vividos con el, o espeleobalón.
 
 

SECCIÓN INFANTIL  XUVENIL

TREVINCA
Refugio de Ponte

Anotáronse 19 nenos (téñovos que dicir que nunca sei que nome usar: nenos, benxamíns, socios infantís... en fin, non me convence ningún). Admítense suxestións.
 A información desta actividade non chegou a todos e fóronse informando uns polos outros, porque xa se fixeron amigos, chámanse e quedan para saír. Só por isto a sección infantil xa paga a pena.
 Fomos ó refuxio que a Federación  ten en A Ponte. O refuxio é unha neveira pese a ter todo o día a cheminea acesa (quedou Octavio a botar leña ó lume) a penas conseguimos subir uns graos a temperatura, o que si fixemos foi encher de fume o refuxio  ¡ que mal tira esa cheminea!, alí non se notaba tanto pero ó chegar á casa dáste conta de que todo , absolutamente todo ten que ir á lavadora: ¡¡¡atufa!!!!.
 Por iso decidimos pasar a meirande parte do tempo fóra do refuxio. Pasámolo moi ben no paseo do sábado, pero tamén gozamos e rimos moito cos xogos que organizamos máis tarde na praza: carreiras de cabalos, pita pota, panoleta, minué e ¡¡ clase de aeróbic!! impartida por Antía e Nerea.
Somos un pouco anárquicos ata no xeito de xogar e Miguel dicía  Hai que respectar as normas do xogo-.
Conseguimos durmir todos ó redor da 1:00 h. A Octavio tocoulle durmir  na cociña, foi de visita á casa de Cholo e cando chegou... (o que chega tarde nin oe misa nin come carne).
 O domingo fomos cara á Lagoa de Ocelo, non chegamos por falta de tempo e porque ós pequenos cústalles a subida ( a algún de nós tamén).
 Despois de xantar limpámo-lo refuxio coa desinteresada axuda de Néstor , Daniel C., Iago,e Alexis e fomos cara á praza onde estaba o bus a esperar. Na praza atópase a igrexa  co seu camposanto. Marchamos antes do que pensabamos porque ese día había un enterramento e non quixemos molestar. Así que logo de saudar a Cholo (que matou dous paxaros dun tiro: veu despedirnos e quedouse o enterramento) montamos no autobús e volvemos a Vigo.
 Este é o final , só dicir que todos cheiramos a fume, queremos unha ducha, marchamos para á casa...................
Monitores da Sección Infantil
 


MOSTRA O TEU CARNÉ DE SOCIO

O longo deste ano chegamos a acordos con tres tendas de material deportivo afíns ás nosas actividades para ofrecerlles ós socios mellores prezos. Aproveitando o Nadal tede en conta estas ofertas para as túas compras.

Terra:
R/ Pi y Margall, 53  Vigo
Material de montaña, escalada, camping, etc.
Desconto, carácter xeral o 10%, en calzado o 5%. Se facedes o pago ó contado, o 13%, en calzado 8%.

Alfaya:
R/ Oporto, 24  Vigo
www.alfayanautica.com
Material de mergullo, neoprenos, lanchas pneumáticas, vela lixeira e accesorios náuticos.
Tamén teñen taller de reparacións
Desconto 10%.

Vigo bike:
R/Barcelona,3  Vigo
www.vigobike.com
Material relacionado co deporte da bicicleta.
Teñen taller de reparacións.
Desconto 10%. Se facedes o pago ó contado, ó 15 %.
 
 

AXENDA

ACTOS SOCIAIS DOS VENRES

ACTOS SOCIAIS DOS VENRES

14 Decembro Festa fin de temporada e Inauguración   do Novo Local. No Club ás 20:30 h.
11 Xaneiro Alto Atlas Marroquí 2001, proxección   diapositivas,  por Pedro. No Club ás 20:30
18 Xaneiro  Pirineo Oriental 2001, vídeo, por    Henrique. No Club ás 20:30 h.
25 Xaneiro  Viaxe no Sedov, o veleiro mais grande   do mundo, vídeo, por Felipe. No Club ás   20:30 h.
 
 


Rei Cintolo en perigo

O concello de Mondoñedo pretende facer turística a cova, con graves alteracións do seu ecosistema.
A sección de Espeleoloxía dará unha charla informativa o xoves 13 de decembro, ás 20'30h
Contamos coa túa presencia
 
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES




  DECEMBRO

  14 Festa fin de temporada e Inauguración do Novo Local
  15-16 Espeleoloxía. Xornadas Bioespeleolóxicas. Cobas.
  16 Sendeirismo. GR 56 4ª Etapa do Transourensán
  23 Sendeirismo. Faramontaos  Nigueiroa
  30 Sendeirismo. A Freixa

  XANEIRO

  12-13  Espeleoloxía. Xornadas de Técnica Vertical. Mondoñedo
  20 Sendeirismo. Ruta Dos Petroglifos. Baiona
  26-27  Espeleoloxía. Catálogo Cavorcos
  26-27  Sección Infantil- Xuvenil. Cabeza de Manzaneda
  27 Sendeirismo. Pr G 59 Rota Da Auga. Caldas De Reis

  FEBREIRO

  2 Cena 60 Aniversario.
 
 


 



Para comunicarse có club, a dirección é m_celtas@yahoo.com.

Modifiquei esta páxina por última vez en Decembro de 2001.