A
Escalada
Dende o noso Club queremos fomentar a escalada, unha fascinante actividade
deportiva que abrangue diversas tendencias: escalada deportiva, libre,
artificial e o alpinismo, pódese practicar en paredes naturais de vías cortas ou
de varios longos, en roca ou en xeo, en bloques, en rocódromos... todo un mundo
de posibilidades.

Queremos que a escalada recobre a importancia que tivo antano no Club, entón é
preciso o seu fomento e o impulso á xuventude -para que chegue o tan desexado
relevo xeracional-, para elo temos construído un muro de escalada no local
social (xaneiro 2004), organizamos o I Campionato Social de Escalada (febreiro
2005), estamos a terminar de rehabilitar o noso Refuxio do Galiñeiro para que
sexa outra vez punto de encontro dos escaladores nesta mítica zona de escalada,
organizamos anualmente Xornadas de Iniciación á Escalada en rocha (maio 2005,
este ano inclúen charlas técnicas) e estamos empeñados en facer que funcione e
mellore o rocódromo municipal de Vigo (en trámites), ademais organizamos o
Campionato Galego de Escalada de Base (4 de xuño 2005) e queremos comprometer
aos máis experimentados en dedicar unha fin de semana a compartir as súas
vivencias cos xuvenís do Club no desenvolvemento dunha actividade ao aire libre
(xa aceptaron Manuel González -profesor EGAM- e Chus Lago).
O Club fomenta, pero a labor formativa corresponde ás escolas das federacións -EGAM
e EEAM- por iso o Club recomenda estar federado e participar nos cursos destas
escolas onde os seus membros son os máis cualificados para impartir unha serie
de técnicas imprescindibles para practicar a escalada con total seguridade (o
Club subvenciona os cursos realizados polos seus socios federados, chegando a
axuda ao 40 % no caso dos menores de idade).
Goza da escalada! O Club apóiate!
Campionato Galego de Escalada de Base
A FGM, en colaboración con diversos clubs, organiza o Campionato Galego de
Escalada 2005, que conta en principio con 5 probas. Club Montañeiros Celtas será
quen organice a proba infantil-xuvenil, que demos en chamar “Campionato Galego
de Escalada de Base”. Esta proba celebrarase en Vigo, no rocódromo municipal
(Pista vermella do Pavillón das Travesas) o sábado 4 de xuño a partir das 16.00
h (hora de inicio da competición).
Está dirixida a rapaces e rapazas menores de idade e está dividida en dúas
franxas de idade: ata 11 anos e de 12 a 17 anos. Os nenos e nenas que non teñan
cumpridos os doce anos poden participar sen necesidade de pertencer a ningún
Club nin de estar federados, xa que será unha proba non competitiva que ten a
finalidade de fomentar a escalada entre os máis novos, con escaladas sinxelas e
xogos. O resto de mozos e mozas que non teñan cumpridos os 18 anos, deben estar
federados e competirán nesta proba de escalada deportiva, con premios. Asistirá
un membro do Centro Galego de Tecnificación de Escalada Deportiva, para coñecer
aos participantes e o seu nivel, de cara a posibles incorporacións.
Para participar é preciso inscribirse (gratuíto), rematando o prazo o 1 de xuño.
"Ola
amiguiños, este é un Campionato para nós. Se tes menos de 18 anos ven a
participar, PASARÉMOLO BEN !"
Sechu
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
REUNIÓNS CON REPRESENTANTES DAS INSTITUCIÓNS PÚBLICAS
Nos últimos doce meses establecemos unha rolda de contactos con diversos
responsables das institucións públicas, a nivel local, provincial e autonómico.
A nosa intención nas entrevistas mantidas, foi dar a coñecer o noso Club, a súa
importancia, dimensión e experiencia, informar das actividades que desenvolve e
os servicios que ofrece, así como presentar proxectos e obxectivos. Estas foron
as entrevistas, por orde cronolóxico:
? Deputación de Pontevedra, 19 de abril de 2004. Dna. Teresa Pedrosa (Deputada
provincial, Área de Deportes) co Presidente do Club.
? Deputación de Pontevedra, 27 de abril de 2004. D. José Juan Durán (Deputado
provincial, Área de Cultura) co Presidente do Club.
? Concello de Vigo, 7 de xullo de 2004. Dna. Lucía Molares (Concelleira de
Deportes e Participación Cidadá) co Presidente do Club.
? Xunta de Galicia, 21 de xullo de 2004. D. José Ramón Lete Lasa (Director Xeral
para o Deporte) co Presidente, Vicepresidente e Tesoureira do Club.
? Concello de Vigo, 15 de febreiro de 2005. D. Ignacio López-Chaves (Concelleiro
de Cultura, Festas, Educación e Benestar Social) co Presidente do Club.
? Concello de Vigo, 10 de marzo de 2005. Dna. Corina Porro (Alcaldesa) co
Presidente, Vicepresidente, Tesoureira e as Vogais de Montaña, de Espeleoloxía e
de Cultura e Medio Ambiente, do Club.

Como peche deste ciclo de contactos, fomos recibidos no Concello de Vigo pola Alcaldesa da nosa cidade o pasado 10 de marzo.
PEGATINAS
Unha forma de difundir
O noso Club e coa distribución de pegatinas. Os socios poden poñelas en diversos
soportes: carpetas, etc. Con este boletín enviamos unha pegatina de calidade,
realizada en vinilo. É o mesmo deseño que a de fai aproximadamente un ano, pero
aquela era en papel, polo que esta durará máis. No Club tamén se pode solicitar
o outro modelo, do mesmo deseño pero destinado aos cristais do coche. Presume de
Club
¡pon a pegatina!
NOVAS
CHUS LAGO
designada Mellor Deportista 2004
de Vigo e de Galicia
O día 15 de febreiro en Santiago, a Dirección Xeral para o Deporte da Xunta de
Galicia fallou os Premios Galicia Deporte 2004. Entre os premiados destacou Chus
Lago como Mellor Deportista feminina do ano e David Cal como Mellor Deportista
masculino, dobre medallista olímpico en Atenas.
.
Chus Lago, que completou durante o pasado ano o “Leopardo das neves” e alcanzou
en solitario o pico máis alto da Antártida, e Sebastián Rodríguez “Chano”, que
logrou tres ouros e un bronce nos Xogos Paraolímpicos de Atenas 2004, foron
elixidos como os mellores deportistas da comarca de Vigo en 2004, no transcurso
da sexta edición da Gala do Deporte de Vigo organizada e patrocinada polo
Concello, Caixanova e Faro de Vigo, que se celebrou no Centro Cultural da cidade
o 1 de abril. A festa, que congregou no recinto de Caixanova a numerosas
personaxes do ámbito político, cultural, e sobre todo, deportivo, estivo
presidida pola alcaldesa de Vigo, Corina Porro, e tivo como grandes
protagonistas aos mellores de cada unha das 53 modalidades deportivas que
recibiron o seu premio.
eeAm
“Escuela de Formación continua”
Temos recibido no Club o catálogo coas novas actividades da Escuela Española de
Alta Montaña (EEAM) para este ano 2005.
A Escola Española de Alta Montaña, que comezou a funcionar nos anos 50, leva
décadas formando a especialistas, técnicos e deportistas nas técnicas e
habilidades deportivas de montaña actualizadas que constitúen a elite do ensino
e o deporte de alto nivel.
O programa da eeAm de actividades formativas dirixido a deportistas xa iniciados
ofrece a posibilidade de chegar aos coñecementos necesarios para alcanzar os
obxectivos máis difíciles e máis esixentes, nun ambiente agradable que che
permita gozar da experiencia.
Curso de xuíz-árbitro
de Carreiras de Montaña
Este ano a FGM ten previsto realizar unha carreira de montaña, que será punto de
partida para que no futuro próximo poidamos realizar unha “Copa de carreiras de
montaña”.
Para a realización destes eventos e para que os mesmos teñan a maior seriedade
posible, a FGM precisa dunha serie de xuíces-árbitros de carreiras de montaña, e
por iso está a preparar un curso impartido pola E.A.A.M. para titular a ditas
persoas. O curso faríase en tres días -venres, sábado e domingo- en Vigo, e xa
esta aberta unha inscrición previa para aqueles que estean interesados neste
tema.
Relevo na presidencia de
Clubs
Neste ano, dous grandes Clubs de Galicia cambiaron de presidente, na Coruña a
Sociedade de Montaña Ártabros ten agora por Presidenta a Marta Trueba, e en
Vigo, Ramón Varela Nogueiras é o novo Presidente do Club Peña Trevinca
Montañeros de Galicia. Sabedores da súa ilusión e ganas de traballar, dende
estas páxinas desexámoslles sorte nesta aventura. Tamén queremos felicitar aos
seus predecesores, Juan Matas e Alberto Canle respectivamente, pola súa
dedicación e compromiso durante os anos que foron presidentes.
AXENDA.
Venres, 6 maio “Alto Campoo”,
pola Sección de Montaña. Proxección dixital. No Club ás 20.30 horas.
Venres, 13 maio “Travesías e ascensións en Picos de Europa” por Martín García
Pérez. Proxección diapositivas. No Club ás 20.30 horas.
Venres, 20 maio “Festa de Primavera”, pola Sección de Actividades Sociais. No
Club a partires das 20.30 horas.
Venres, 27 maio “Iniciación ás Carreiras de Orientación”, por Ángel Braña Santos
(Vogal da Sección de Orientación). Presentación da Sección, charla e proxección.
No Club ás 20.30 horas.
Venres, 3 xuño “Clausura XXXVIII Operación Benxamín”, pola Sección
Infantil-Xuvenil. Proxección de diapositivas do curso e entrega de agasallos. No
Centro Cultural Caixanova, rúa Policarpo Sanz, 13, ás 20.00 h.
Venres, 10 xuño “I Feira do Material de Montaña Usado”. No Club a partires das
19.00 horas.
ACTIVIDADES SOCIAIS
FESTA PRIMAVERA
Lembrade que con ocasión da Festa de Primavera, o venres 20 de maio, o Club
invita a “sangría” pero contamos coa participación dos socios para que traian
algo de picar e... música a gusto de todos. Graciñas.
I FEIRA
DO MATERIAL DE MONTAÑA USADO
VENRES 10 DE XUÑO
De 19:00 h a 21:30 h
LOCAL SOCIAL
Poden participar todas aquelas persoas, que teñan material de montaña, esquí,
escalada, espeleoloxía ou mergullo, e que queiran comprar, vender ou trocar,
para o que terán á súa disposición as instalacións do Club.
A entrada será libre e gratuíta. O Club non mediará nas transaccións ou ventas
do material.
ANÍMATE E VENDE O MATERIAL QUE TES NA CASA E XA NON UTILIZAS.
PÁSATE POLO CLUB E PODERÁS ATOPAR A OPORTUNIDADE QUE BUSCAS A UN BO PREZO.
Fernando
CULTURA E MEDIO AMBIENTE
SAÍDA DE CULTURA
LITERARIA
PADRÓN, 3 de abril
Esta saía comezou cunha chegada notable á estación de tren de Vigo, unha hora
antes sobre o horario. Pois si, nós os franceses somos moi puntuais ¡quizais un
pouco demasiado!!
Un almorzo para esperar a chegada dos nosos compañeiros e logo o encontro con
todos para coller o tren coa fin de colmar a nosa curiosidade literaria, porque
a nosa viaxe tiña como obxectivo descubrir en Padrón, a través da Casa-Museo de
Mantaza, a vida de Rosalía de Castro.
A viaxe desenvolveuse nun bo ambiente e sen demasiada dificultade, salvo que
estabamos tan impacientes por chegar ao noso destino, que estivemos a piques de
terminar o noso camiño a pé, baixando na estación de Pontecesures. Por fin
chegamos a Padrón, e despois de tomar algo, dirixímonos a Casa-Museo “Rosalía
Castro”.
Rosalía de Castro naceu o día 24/2/1837 nunha casa xa desaparecida e morreu o
día 15/7/1885 nesta casa de Mantaza, que se converteu así por decisión do
Padroado do seu nome, nun centro de devoción Rosaliana.
Aquí pódese contemplar e sentir o mesmo ambiente no que a poetisa viviu os seus
últimos días.
Gustoume moito a cheminea de granito con todos os utensilios de cociña que me
lembraron á miña infancia na granxa dos meus avós en Francia. Todos os mobles de
madeira desta época, as fiestras con tallos de pedra incorporados na parede, que
utilizaban as mulleres para ler ou confeccionar o encaixe á luz do día. Tes que
prestar atención se es un pouco máis alto do normal, porque os teitos son
baixos.
A visita terminou no xardín e debaixo do balcón, o noso amigo Antonio leunos
unha obra de Rosalía en galego, por suposto non se parecía a “Romero e Xulieta”,
pero foi moi apreciada por todos nós.
Abandonamos esta casa para dar un paseo á feira de Padrón e descubrir os postos
de queixos, pan, pasteis, carne, etc. e picar tapas nunha terraza na parte
vella, onde estivemos descansando moi a gusto.
A visita foi moi interesante. Recoméndovola a todos.
Yvette Chartier.

O grupo na Casa-Museo “Rosalía de Castro”
CHARLA SOBRE
DIXITOPUTURA
Local social, 4 de marzo
Estaba unha tarde desapracible, cancelárase a saída a León debido ao mal tempo.
No club había unha charla sobre “dixitopuntura”, pareceume interesante e decidín
quedar.
Sara Volpe -a poñente-, tiña unha voz moi agradable e coa súa presenza
transmitía unha sensación de tranquilidade. Foinos pasando unhas láminas e
explicando diversos conceptos: puntos de presión, meridianos, chakras, ying-yang,
mudras (movementos coas mans compasados coa respiración)….
Falounos da importancia da respiración, de durmir ben, de manter sempre un
sorriso... e de como o noso corpo vai acumulando tensións que se traducen en
contracturas, molestias…
Todos os alí presentes tratamos de seguir as súas indicacións ,con máis ou menos
acerto á hora de practicar os mudras, e na procura dos puntos de presión.
Resultou unha charla moi amena e participativa.
Para rematar dous agasallos: unha frase “felicidade non é facer o que un quere,
senón querer o que un fai”, e unha barriña de incenso…
M .T.
SECCIÓN INFANTIL - XUVENIL
TREVINCA, 12-13 marzo
Unha vez máis, os montañeiros máis novos collemos as mochilas e fomos a Trevinca
en busca da neve. Levaba 15 días nevando e pensamos que sería un bo momento para
ir ao refuxio da FGM en “A Ponte” (A Veiga) ao pé do macizo de Trevinca.
Cando chegamos alí tivemos unha pequena desilusión, pois, cando menos na aldea,
non había neve. Algo máis que desilusión foi descubrir o lamentable estado no
que estaba o refuxio; a causa das xeadas rebentaran as tubarias e non tivemos
auga nin puidemos usar o baño en toda a fin de semana. Ademais, ao prender a
cheminea saía fume no cuarto dos rapaces, así que tivemos que arranxar aquela
fuga. Pese a todo, estabamos dispostos a pasalo ben e por riba de todo íamos
conseguilo. ¡somos bos os montañeiros!
Había moitos rapaces novos, a maioría era a primeira vez que viñan, así que
despois de xantar, decidimos dar un paseo ata Vilanova para ir probando as súas
forzas e unha vez na praza fixemos xogos de presentación para que foran collendo
confianza e irnos coñecendo.
Algúns monitores “escaqueámonos” e fomos saudar a Cholo e Marcos que nos
amosaron os novos apartamentos que xa teñen listos ¡un luxo!. Non deixedes de ir
se tedes ocasión.
Antes de anoitecer volvemos ao refuxio. Aínda tiveron tempo libre para xogar un
pouco, mentres os monitores organizabamos a sala para cear, acendiamos a
cheminea e arranxabamos a desfeita, iamos por auga a fonte para a noite... Logo
de cear, un cola-cao quentiño e a durmir, que mañá é outro día.
Pola mañá, logo de irmos lavar á fonte e almorzar, preparamos as mochilas de
ataque para facer unha marcha. O sol acompañounos a maior parte do noso
percorrido, fomos en busca da neve e con esa ilusión os rapaces camiñaron máis e
mellor. Fixemos unha parada para picar algo e xogar coa neve; cando xa estabamos
todos ben cansos e mollados, volvemos a Ponte. Fomos xantar detrás da antiga
escola, abandonada dende hai anos, xa que na aldea non hai case nenos e van a
escola da Veiga.
Tivemos o tempo susto para facer as mochilas, recoller todo e limpar o refuxio
antes de que o autobús nos viñera buscar. Coma sempre, Cholo e Marcos viñeron
despedirse de nós e aínda lles tocou carretar cousas ao bus.
A volta, coma sempre foi tranquila, os rapaces están cansos (os monitores tamén)
e durmimos case todo o camiño.
Ata a próxima. ¡Vémonos na Operación benxamín!
Monitores da Sección
ESQUÍ
OBRADOIRO DE MANTEMENTO E REPARACIÓNS DE ESQUÍS
.
De cara ao fin de temporadaí, a Sección de Esquí organiza un obradoiro de
mantemento e reparación de esquís. Sera no local social o mércores 11 de xuño,
ás 20.00 h.
Marcos
BICI DE MONTAÑA
ENDEIRO EIFONSO, 6 de marzo
Todo un acerto o percorrido de bici que nesta ocasión preparou Manu Chao; e non
é a primeira vez que nos sorprende cun variado conxunto de sendeiros,
corredoiras e camiños “trialeros” entre árbores.
Non fai falla ir moi lonxe para pedalear por zonas francamente bonitas, tan só
con percorrer os arredores de Bembrive, descubrimos itinerarios que en bici, e
sobre todo a pé, son dignos de eloxio.
Todo comeza na igrexa de Bembrive, onde deixamos os coches, entre casas
accedemos aos primeiros sendeiros entre campos e viñedos que fan presaxiar o
atractivo do itinerario. Tomamos contacto tamén con algúns dos regatos que
atravesamos, neste primeiro incluso fixemos unha “cata” involuntaria das súas
augas (incolora, lixeiramente húmida, cheiro a estrume, agradable no retroceso,
sobre todo ao sacar os pés dela). Comezan as subidas e acercámonos á zona de
arboredo que nos leva ata a autoestrada de Baiona, que atravesamos en dirección
a Pena Cabalaria, seguimos cara ao Mercantil non sen antes facer unha “medición”
do terreo por parte de Antonio Jelo. Chegamos á conclusión de que o lugar
“escollido” para esta é de tres corpos e medio. (Está pensando botar unha
solicitude para o catastro), sen máis consecuencias.
Entre saltos, esquinas e algún derrape forzado, chegamos a unha bonita cascada,
pero que podería selo máis, se non fose pola ignorancia dalgúns que teñen as
veiras, convertidas nun bertedoiro
Segue o descenso entre bosque ata entrar de cheo outra vez nas corredoiras e
regatos xa coñecidos, que nos devolve ao coche e ao merecido viñiño, zumo ou
cervexa.
Gracias a Manu Chao, queremos máis como esta.
AH!! E síntoo.... polos que non viñeron
.
ESCRICH.

ESCALADA
1º CAMPIONATO SOCIAL DE ESCALADA
Como todos sabedes, os pasados días 11 e 18 de febreiro celebrouse este
campionato no muro de escalada do local.
O día 11 foron as eliminatorias de todas as categorías e tiveron que superar
catro “pasos”, resultando que pasaron á final na categoría de maiores de 15 anos
masculina catro participantes ; na categoría de maiores de 15 anos feminina
pasou só unha muller á final e na categoría de 12 a 14 anos masculina pasou un
finalista; as outras categorías quedaron desertas por non haber participantes
anotados. Dicir que nas eliminatorias houbo moita participación de público e
todos coincidían na vistosidade da proba así como no divertido que resultou ver
a determinados participantes en acción.
Na final do día 18, o público tamén gozou, porque houbo indefinición de quen
gañaría a final ate o último minuto. Espero contar con todos/as para o ano que
vén e que a participación sexa moito máis numerosa.
Dar as grazas a “Terra - Deporte Aventura” e en especial a Luís Arocas pola súa
colaboración na organización do campionato.
Sección de Escalada
Competicións da FGM:
Copa Galega de Bloque, categoría absoluta. A Guarda, 21 de maio.
Campionato Galego de Escalada de Base, categoría
12 - 17 anos (de 0 a 11 anos: promoción). Vigo, 4 de xuño.
Xornadas de
Iniciación á Escalada
Charla Técnica: nós e técnicas de progresión en rocha. No Local social o xoves
19 de maio ás 20.00
Xornada de Iniciación en rocha. Galiñeiro, domingo 22 de maio. Saída do Club ás
9.00 h.
Charla Técnica: manexo de cordas e reunións. No Local social o xoves 26 de maio
ás 20.00 h.
Xornada de Iniciación en rocha. Budiño, 29 de maio. Saída Club 9 h.

Joel, de 13 anos, demostrou
as súas boas cualidades
Clasificación / premios:
.
Maiores de 15 anos masculina:
1º Ricardo cun bono de 40 euros
2º Xabier cun bono de 25 euros
3º Alberto con bono de 10 euros
Maiores de 15 anos feminina:
1ª Luísa cun bono de 40 euros
De 12 a 14 anos masculina :
1º Joel cun bono de 40 euros.
ALPINISMO-CORREDORES. CURSO EGAM
Peña Ubiña, 12 - 13 de marzo
Despois de ter feito o Curso Alpinismo-Iniciación, quedei coas ganas de facer o
seguinte, o Curso Alpinismo-Corredores, aínda que non o tiña moi claro,
finalmente decidinme. Sabía que Sechu estaba interesado en facelo, así que,
chameino e pedinlle que me anotase a min tamén.
Como eu vivo en Allariz, o venres 11 quedamos en Ourense, deixamos o seu coche e
seguimos no meu, eran ás 19.30 h, iamos con 2 horas de atraso sobre o horario
previsto. Ás 23:30 h chegamos á igrexa de Huergas de Babia, xa estaban dúas
persoas durmindo, pero dixéronnos que podiamos cear alí. Tamén tiñamos unha fame
que non viamos, así que saquei o “taperguare” coas lentellas que preparara a
miña nai e puxémonos cegos. Despois de cear apareceron dous monitores do curso,
saudámolos e a durmir, ía frío e pola noite escoitei movemento de xente; cando
soou o espertador (ás 7 da mañá) e abrín os ollos, vin que estabamos unhas vinte
persoas.
Abrigámonos, almorzamos e marchamos cara a Torrebarrio, tiñamos que estar alí ás
8:30 h. Era un día anticiclónico, o coche marcaba -12 graos fóra, cando chegamos
á aldea non tiñamos onde aparcar da cantidade de neve que había. Os monitores
deixáronnos unha pa e, a cavar ( para entrar en calor, je,je). Aparcamos o coche
e para arriba coa mochila. Debido a este imprevisto saímos con atraso.
Ao chegar a “Collada de Llandanay” montamos as tendas nunha zona sen neve. Un
dos monitores, Juan Goyanes, o director do curso, deunos a benvida. Había sol e
con tanta neve, torrábaste, toda protección era pouca. O curso comezou cun
repaso práctico: autodetención con e sen piolet, montar unha reunión con piolet
e asegurar ao segundo. Así pasamos a mañá ata as 15:00 h, que paramos para comer
algo.
Eramos 10 alumnos e 5 monitores. Sechu e máis eu estabamos con Manolo. Pero
ademais de Juan e Manolo estaban Josito, Gus e Chepas. Pola tarde fomos a unhas
paredes que había ao lado das tendas e estivéronnos aprendendo a montar reunións
a equipar en rocha, con cravos, fisureiros e camalots. Logo un pouco de teoría e
para as tendas que se facía noite e as temperaturas baixaran considerablemente.
Agora foi Sechu quen cociñou, preparou un arroz de sobre boísimo e despois
comemos todo o que quedaba, tiñamos moita fame, só deixamos algo para almorzar e
chocolatinas. Logo invitamos a Manolo a que nos fixese compañía e estivemos un
bo rato de charla.
Ao día seguinte erguémonos ás 5:30 h, saímos ás 6:30 (noite total) do
“campamento base”, iamos subir un corredor, non necesitabamos crampóns, a neve
non estaba moi dura, iso non era moi bo sinal, porque en canto o sol quentase un
pouco afundiriámonos.
Xa na base do “Corredor do Pilar Sur” puxemos os crampóns, o arnés e montamos a
primeira reunión, así fomos progresando polo corredor, sempre atentos ás
explicacións de Manolo (o noso monitor), ata que ás 12:30 h tivemos que parar,
por suposto non o fixemos enteiro, creo que só chegamos á metade, e que eu, iso
de martelar non o levo moi ben, de feito o luns tiven maniotas no brazo dereito.
Pero ben, tratabase de aprender, e eu aprendín moito.
Comezamos a rapelar, primeiro Sechu e logo eu, acababa de darnos o sol e xa
afundías, case non se podía camiñar. Entonces Manolo propuxo quitar os crampóns
e baixar en ramás (ou sexa, deslizarnos sentados na neve) os 200 m que quedaban
de pendente, primeiro baixou el, eu seguía a camiñar, e vexo que pasa Sechu a
toda velocidade e di: “Veña Tere, anímate”, pois animeime e detrás del fun eu.
Nun plis-plas estabamos abaixo.
Fixemos reparto de material, desmontamos as tendas e organizamos as mochilas,
Sechu e eu estabamos mortos de fame. Teño que dicir que eu era a encargada de
comprar a comida, non calculei que teño un bo saque e parece ser que Sechu
tamén. Baixamos ata os coches, mudamos de roupa e fomos a San Emiliano a comer
uns bocatas. Xa repostos, regresamos. Chegamos a Ourense sobre as 20:30 h
cansados, pero contentos.
Na miña opinión o curso está ben, inda que sería mellor que durase máis días.
Faltaron apuntes con teoría, sen embargo, o feito de ter un monitor por cada
dous alumnos é una decisión acertada, así faise máis rápida a ascensión. Os
monitores son do mellorciño que hai en Galicia (moi profesionais). Animo á xente
que estea interesada en meterse no mundo dos corredores a que faga este curso,
dende logo, o saber non ocupa lugar e a ignorancia é moi atrevida.
MTGC

Manolo instruíndo a Teresa
SENDEIRISMO.
INTRODUCCIÓN Á ORIENTACIÓN
CHANDREXA DE QUEIXA, 19-20 de febreiro
Como o saber non ocupa lugar, na programación anual decidiuse que non estaría
nada mal que os participantes nas saídas de sendeirismo tiveramos uns
coñecementos de orientación na montaña. Está ben que o guía nos leve e gocemos
do sendeiro con fermosas panorámicas e boa compañía, pero se nos preguntan se
sabemos orientarnos e chegar felizmente ao final da nosa ruta, a maioría
responderíamos que “nin idea”. A natureza é fermosa, pero require algo máis que
unha simple admiración, é necesario coñecela porque ademais de apreciala
sentirémonos máis seguros.
Xa noite, ás 21,00 h do venres, despedidos por compañeiros do Club entre os que
se atopaba Miguel pai -ao que lle desexamos unha pronta mellora- e Mari,
dirixímonos os 23 participantes a Chandrexa de Queixa, no interior da provincia
de Ourense. Ceamos nas aforas da capital ourensá para chegar arredor das 00,30 h
a Casa Gerardo onde nos esperaban 4 compañeiros máis. Tras os saúdos, Gerardo
distribuíu as habitacións do hostal.
Ás 8,00 h., sen diana, erguémonos para tomar un abundante almorzo que nos
permitiría ascender os 1.618 m de San Mamede, cun desnivel duns 700 m. Ás 9,30
h, tras deixar o encoro de Chandrexa, iniciamos a ruta por un amplo e cómodo
camiño acompañados por Dani durante un pequeno treito. Pouco despois recibimos a
nosa primeira lección de orientación. Miguel con mapas, compás de orientación e
moitísima paciencia deunos as primeiras nocións. Continuamos en dirección sur
seguindo o curso do río de augas xeadas e transparentes ata chegar a Ferrería,
onde nos reagrupamos e continuamos ascendendo en dirección suroeste cara ao
Teixo. O camiño estaba cercado por valados e, mentres uns o saltaban como
podían, outras retrocedimos para avisar ao resto do grupo e tomamos outro que
nos levaría a San Mamede. Ás 14.30 h alcanzamos a nosa meta, alí estaba a
maioría do grupo e un vento frío que obrigaba a abrigarnos mentres esperabamos a
chegada de Dani, que apareceu media hora despois axudado por varios compañeiros;
recibímolo como un heroe, para el era o seu primeiro sendeiro.
Ás 15.30 h, ben xantados iniciamos o regreso a Chandrexa, o camiño é longo, pero
fácil, se exceptuamos algunhas fortes pendentes dunha dificultade media-baixa.
Sobre ás 19.15 h regresamos a Chandrexa non sen antes realizar estiramentos para
contrarrestar os 30 km realizados. E por fin, ás 20 h estabamos en Casa Gerardo
dándonos una ducha antes da cea. ¡Que se pode dicir da cea!, pois para que
teñades unha idea aí vai o menú: sopa, caldo, lacón, cocido, carne á brasa,
flan, dous tipos de torta de queixo, se encima estás de aniversario, torta de
mazá, café, infusións, e por suposto chupiños. Todo iso polo módico prezo de 6
euros.
A maioría demoramos un pouco en ir á cama, non en van deixaramos atrás unha
semana de madrugóns e traballo, pero antes un pequeno paseo ata o encoro para
baixar tan copiosa cea.
O domingo 20, a voz de Gerardo no corredor lembrounos que eran as 8 da mañá, boa
hora para tirar do saco. Tras almorzar e despedirnos de Gerardo cun “ata
pronto”, iniciamos a ruta dende a mesma Chandrexa. Imos ascender nada menos que
a Cabeza de Manzaneda, de 1.787m e un desnivel de 900 m. Coa idea dunha continua
ascensión botamos a andar pola estrada para a uns 500 m desviarnos á dereita
onde comeza un sendeiro duns 3 metros de ancho que nos conducirá a Forcadas.
Todo está xeado, os campos, os regatos, as sendas, a mesma terra... A estas
alturas o encoro e os ríos deberían ter un bo caudal, pero a escaseza de chuvias
amósanos unha natureza de cores marróns, de árbores núas, de chan cuberto de
follas, de camiños empedrados, paisaxe dun inverno máis que mediado, aínda así
de gran beleza. Espero que o Club como é costume e a través da súa páxina web,
amósevos con fotografías a beleza deste lugar.
Ben, deixamos Forcadas, ascendemos ata Xistil con coidado de non pisar xeo e
continuamos por unha pista ancha e longuísima, onde o vento obriga a taparnos
ata as orellas e a brétema pouco a pouco se vai acercando. Así chegamos a Cabeza
de Manzaneda onde os escasos esquiadores se dedican a esvarar con plásticos
polas pequenas pendentes. Son case as 3 da tarde e Miguel pregúntanos se nos
gustaría xantar quente en Casa Gerardo, estamos moi pretiño. UNANIMIDADE. Á
media hora Dani está connosco para levarnos ao hostal e tomar una pantagruélica
comida que repousaremos no bus.
Ás 17 h regreso a Vigo, Dani arrólanos con música salsa como vinganza pola
subida do día anterior e entre charlas sobre horóscopos e algunha que outra
cabezada chegamos á rúa Camelias sobre as 20 h.
Antes de despedirme, quero darlle as grazas a Miguel por animarnos a vir a
Chandrexa, pola súa introducción á orientación e pola súa grandísima paciencia.
Ata pronto rapaces/zas Concha

CAMIÑO DE FISTERRA. 3ª ETAPA: HOSPITAL - MUXÍA, 12-13 de marzo
SÁBADO 12
BENVIDOS A TODOS. Co entusiasmo que nos caracteriza reanudamos o camiño despois
do descanso do frío inverno que tivemos. Os 27 participantes saímos ás 16.30 h
do club. A tarde era espléndida, tanto, que despois de Muros seguimos a estrada
da costa. Fixemos unha parada de 30' na praia de Ézaro co monte do Pindo en
fronte. Chegamos ao bonito albergue de Hospital onde unha impoñente cazola de
lentellas estaba a esperar por nós. Instalámonos e ceamos estupendamente
compartindo mesa con dous peregrinos, un de Italia e outro de Australia.

DOMINGO 13
.
Aínda que o espertador estaba para as 8 h, case 30' antes o persoal xa estaba
danzando. Almorzamos, e mentres preparabamos as nosas mochilas, chegaban seis
compañeiros en coche particular para unirse a nós, ademais de Pedro que chegara
a noite anterior. Eramos en total 34 que iamos chamando a atención pola estrada,
pois a maioría dos conductores saudábannos tocando a bucina.
O camiño, moi ben indicado cos marcos da vieira, transcorre por sendeiros entre
eucaliptos, un camiño Real que parte dende Dumbría e, como non, algo máis do que
nos tivese gustado de asfalto. Cando paramos para xantar en Quintáns xa
fixeramos 22 km. Despois do descanso e antes de comezar tomamos un delicioso
café de pota.
Os últimos 8 km fixéronse un pouco pesados, tanto pola calor como polas costas e
o cansazo acumulado. Baixando a San Martiño de Ozón puidemos ver un bonito
conxunto arquitectónico en pedra: un hórreo de 22 pares de pés -o segundo máis
grande despois do de Carnota-, un cruceiro, e a reitoral. Seguimos cara a San
Xián de Moraime co seu notable templo románico de tres naves e a prioral do s.
XVIII. Aquí fixemos un pequeno descanso. A entrada en Muxía realizouse por Casas
Novas, cruzando a estrada xeral para subir á capela de San Roque, cerca de
Chorente (divísase unha preciosa panorámica de Muxía), báixase á praia de
Espiñeirido e por un paseo marítimo chégase ao porto.
Final da nosa etapa. Na casa da cultura timbramos a credencial e déronos “A
MUXIANA”.
O regreso, podédelo imaxinar, cabeceando a pesares das curvas. Pasámolo ben.
ELVA.
SENDEIRO TRANQUILO
SERRA DO GERÉS, 20 de marzo
Este domingo 20 de marzo, non nos queda máis remedio que madrugar porque, sen ir
máis lonxe, o traxecto ata o noso punto de partida levaranos máis de dúas horas.
E así ás 7.30 h Miguel está tomando lista para comprobar se os 43 participantes
estamos todos. Non é así e ás 8.45 h partimos en dirección a Castro Leboreiro,
en Portugal.
A aldea de Castro Leboreiro é o punto máis significativo do Parque Natural da
Peneda-Gerés, o maior de Portugal; as súas 72.000 hectáreas abranguen catro
serras: a Peneda, Soajo, Amarela e o Gerés. Semellante extensión ofrece
innumerables rutas que Miguel trata de coñecer para despois programar como
saídas de sendeirismo. A de hoxe está considerada como “sendeiro tranquilo”, de
dificultade baixa.
Ás 10.15 h Carmiña anuncia polo micrófono de man -parece toda unha profesional-
que imos realizar unha breve parada nesta aldea para tomar un café, o das 7 da
mañá está máis que dixerido; alí esperan por nós outros compañeiros do club que
decidiron acompañarnos, polo que o grupo está formado por 50 persoas. De
regreso, mentres o autobús toma dirección Olelas, Miguel infórmanos da ruta e a
zona que estamos a atravesar: os montes de grandes pedregais, masas de granito
que forman ladeiras e picos, restos do castelo, a ponte, os cabalos, as vacas da
raza barrosa... Polo camiño únese a nós un rapaz portugués enterado da ruta
gracias a internet.
Ás 10.50 h, xa en Olelas, iniciamos a ruta por un carreiro empedrado en
dirección norte. Tres vacas van diante nosa, parece que lles estorbamos,
mírannos e ao ver que seguimos o mesmo camiño apuran un pouco o paso ata que
alcanzan un pequeno muro de pedra que as detén por un intre, o suficiente para
decidir se o saltan ou non. Mentres, aproveitamos para ver unha pequena manada
de cabalos. Con bastante axilidade estas vacas de grandes cornos saltan o muro e
desaparecen da nosa vista. Continuamos movéndonos a modiño, o grupo non só é
grande, senón que hai sendeiristas de todo tipo, dende o veterano ata o que
desexa iniciarse nesta actividade.
Aos 4 quilómetros Miguel pai e outros compañeiros regresan polo mesmo camiño
para esperarnos no punto onde imos xantar.
O sendeiro sigue o curso do río Castro Leboreiro e bordea o monte Quinxo
(1166m). Pasamos polo Ribeiro de Abaixo e seguimos camiño monte a través onde o
mato queimados deixan as súas pegadas nas nosas roupas. Novamente nos
incorporamos ao camiño empedrado. Sobre as 13 horas timidamente comezan a caer
unhas gotas, e tamén timidamente comezan a saír chuvasqueiros e capas de chuvia
das mochilas. Descartado xantar no campo, Miguel decide que debemos realizar
toda a ruta ata alcanzar Ameijoeira onde poderemos xantar baixo un palco ao lado
dunha pequena ermida. Alí está a esperar por nós o autobús.

Seguimos andando baixo a chuvia, o grupo vai moi diseminado, Miguel vai en
cabeza e Françoise na cola, acompañando aos máis cansos. Sobre as 15 h
descubrimos que estamos en España e que Ameijoeira é Portugal, en poucos metros
dous países sen fronteiras. Estivemos movéndonos nunha zona de límites
fronteirizos luso-españois.
Ben comidos e descansados dos 13 quilómetros percorridos, subimos ao bus.
Carmiña, con grande soltura, toma de novo o micrófono para dicir que imos tomar
un café a Melgaço, cousa que foi do agrado de todos. Ás 19 horas aproximadamente
estabamos en Vigo.
Concha
EXPEDICIÓN Á ANTARTIDA
O derradeiro lugar da Terra
Decembro 2004
.
Que chegamos ao fío do anoitecer é un dicir. Durante a nosa estancia na terra de
Ellsworth, na península Antártida, o sol nin se puxo nin amenceu en ningún
momento, limitouse a xirar en torno ao ceo como un voitre leonado.
Tras unha longa xornada estabamos cansos, pero inda así custoume durmir, faltaba
a noite, faltaba ese protocolo indispensable da escuridade que ordena e concilia
os sonos. Cada día, chegado o momento tiñámolas que arranxar como mellor
podiamos, tapando os ollos co gorro ou agochados ben dentro do saco de durmir,
ou ámbalas dúas cousas.
Lembro que espertei a iso das tres da mañá, o sol estaba xusto fronte a nosa
tenda de campaña, podía velo brillar de rabia a través da ventá de plástico de
dobre teito. Incorporeime e sentín a calor no rostro. Ás veces ocorrían cousas
como esta; unha tregua de paz que axudaba a resistir e a esquecer as baixas
temperaturas. Ás veces ocorría que me asaltaba a emoción de ser consciente de
que estaba alí onde o globo terráqueo perde o casto nome da súas costas, o
derradeiro lugar da terra que inda non fora cartografado na súa totalidade. E
tiña a sensación, sen previo aviso, de saberme afortunada.
Apenas uns días antes chegara soa ao cumio de monte Vinson, a máxima altitude da
Antártida. Miguel dera a volta a tres horas do cumio, non se equipara a
conciencia como para poder soportar unha xistra que deixaba unha sensación
térmica de 50 graos por baixo da liña do cero. Esperaba que eu tamén dera a
volta e que regresariamos xuntos ao campamento base II, pero non puiden resistir
a aquela montaña que tiña a mesma forma que un elefante no estómago dunha boa,
por citar a Exupery, e que eu soñara coroar o mesmo día do meu corenta
aniversario, o vintecinco de decembro, para o que tan só faltaba unha hora.
Miguel quedara na metade dunha rampla sacando outras luvas e un pantalón de
goretex da súa mochila e eu fora distanciándome, o frío volvíase insufrible se
simplemente te detiñas uns segundos. Polos seus xestos: os brazos en alto
sinalando o emprazamento do campamento, comprendín que tomara a resolución de
regresar, algo que xa levaba un bo rato intuíndo e que me pareceu intelixente da
súa parte.
Entre os alpinistas hai un diálogo non verbal, que funciona cando a distancia e
as condicións meteorolóxicas impiden facelo do xeito habitual, é o da memoria
das situacións vividas. En pouco tempo Miguel quedou reducido a un puntiño que
inda que se resistía a ser varrido pola vasoira da xistra terminou por borralo
da paisaxe completamente. Supoño que eu a el debín parecerlle o mesmo.
Abrigada baixo numerosas capas de roupa e de ilusión seguín adiante como o
“Fram” (N. da A: Fram significa Adiante) o barco do explorador noruegués
Fridtjod Nasen durante a súa aventura ártica en 1893 “Adiante”, “un pouco máis”
dicía para min, “ata o resalte”, “ata aquel collado”, “ata a rocha vermella”,
“ata a próxima aresta”, asegurándome sempre de que por cada vinte pasos cara a
arriba podería responder con outros vinte cara a abaixo.
Tocar o cumio significa tocar o último punto dunha montaña, nin un metro antes,
incluso inda que non existan testemuños, convertendo ese intre nun xesto de
honra ou quen sabe se de vaidade.
Cheguei ao borde do colapso muscular, os cuadríceps contraíanse
involuntariamente a causa do frío, ademais tiña as pálpebras cubertas de xeo,
resecas e espantadas por unha temperatura que ameazaba coa morte, tremía
consumindo os últimos impulsos de miosina, pero inda así, tiven tempo de envexar
a Admunsen, a Shackelton e ao propio Nanse, que deixou que o seu barco “Fram”
fora atrapado polos xeos árticos, coa certeza de que algún día a deriva o
liberaría máis alá da utopía... o que non ocorreu ata dous anos despois.
A miña aventura comparada coas dos pioneiros polares non era máis que un
instante dos milleiros que eles viviron. Envexeinos non pola gloria, as medallas
ou o recoñecemento, non polo que foron, senón polo que tiveron.
Axeonlleime no cumio para tirar una foto como testemuña. A ambos lados da
montaña izábanse illados os últimos picos da cordilleira Ellsworth. De norte a
sur a crista ininterrompida da serra principal baixaba paulatinamente ata quedar
soterrada no xeo, máis alá o deserto espreitaba como unha manada de orcas a unha
pingüineira.
O tempo pasa fóra, pero detense dentro como unha imaxe impresa no papel e repasa
o álbum da vida, unha instantánea noutra montaña. E se algún día alguén me
pregunta que sentín diríalle que foi como se o océano enteiro se baleirara
dentro dunha botella; a botella era eu.
Gardei a cámara no peto da miña chaqueta de plumas e emprendín o regreso apenas
uns minutos máis tarde. Chorei en voz alta todo o que me deu a gana. As bágoas
conxeláronse nas miñas pestanas e non me quedou máis remedio que continuar
descendendo, case cega ata que o xeo se desprendeu por si só.
Reencontrei a Miguel na nosa tenda unhas cinco horas despois de que acontecera a
nosa separación camiño ao cumio, bebín a auga de dous termos, pero apenas comín.
Da noite mellor non falar, seguín tremendo como se inda seguira no cumio. A
media mañá dirixiuse cara ao cumio do monte Vinson, o vento cesara, e eu decidín
seguir baixando ata o outro campamento.
Cando ascendes pegado á parede, ou inclinado sobre unha rampla non tes a mesma
perspectiva que cando baixas. De fronte a pasaxe vólvese sincera, infinita,
extensa. A un invádelle a emoción da profundidade, da sensación de estar
colgado, de ser un paxaro, o único que entón te separa do baleiro é un traspé ou
a vontade de dar un paso cara a el. Non hai outro momento máis consciente e
responsable sobre a mente e o corpo que ese no que se sabe cruzando a ponte da
vida.
Aquelas non eran as montañas máis altas da terra, nin as máis difíciles, era
aquela manada de orcas cercando a paisaxe o que en realidade as facía tan
especiais.
Detívenme un momento, xusto no punto onde mirar ao horizonte producía máis
vertixe. E entón caín na conta; levaba días sen ver nin un insecto, nin unha
briza de herba. Caín na conta de que a todas as montañas do mundo as viste, as
impregna, as sacraliza a humanidade que as habita. Nin os Andes, nin Kenia, nin
Himalaya, nin Kara-Korun, nin Pamir nin Tien-Shan se poderían confundir entre
si. Nelas concéntranse os olores dos seus pans, especias, de fogueiras que arden
con leña e bostas de animais distintos. É alí onde van parar todos os rezos, os
augurios, os soños, os desexos, as culpas, as bendicións. Elas son os templos,
as sinagogas, as estupas, as ermidas, os tapus... de elas veñen a maldición ou a
bendición, o mantra do vento ou o rosario das chuvias; a furia dos seus deuses
ou o perdón. Ata a montaña máis alta da terra ten un nome e un espírito que
naceu con ela, o mesmo que goberna e dirixe o día a día das súas xentes.
Todas as cordilleiras do mundo son morada dun deus, a resposta ao que non ten
resposta, todas... agás a cordilleira Ellsworth, na Antártida.
Chus Lago

“Cheguei ao
borde
do colapso muscular, os cuadríceps contraíanse involuntariamente a causa do
frío, ademais tiña as pálpebras cubertas de xeo, resecas e espantadas por unha
temperatura que ameazaba coa morte”

Monte Vinson, 5.114 m



MONTAÑISMO
INAUGURACIÓN
REFUXIO DO XURÉS
Albite, 9 - 10 de Abril
Os montañeiros xa temos un novo refuxio. Os directivos da Federación empregaron
moitos dos seus fins de semana traballando a reo nel, pero despois de moito
esforzo acabaron coas obras do refuxio.
Este é semellante ó da Seara, aínda que cun sotérreo para aparellos e leña. A
entrada e agarimosa, cuns piñeiros e uns penedos que fan dela un bo lugar para
descansar.
O Acto inaugural foi presidido por D. José Ramón Lete Lasa (Director Xeral para
o Deporte da Xunta de Galicia), D. Plácido Álvarez Dobaño (Alcalde do Concello
de Muíños) e D. Xosé Lois Freixeiro López (Presidente da Federación Galega de
Montañismo). Logo tivemos un xantar de confraternidade na que a Federación
invitou aos asistentes.
Na tardiña tivemos tempo de relaxarnos nas caldas do río Caldo.
O domingo erguémonos cedo para subir ao Fontefría. Levounos unas 5 horas entre
ida e volta. Facía unha calor abraiante e moitas veces as xestas eran tan altas
coma nós. Alí estaba o Fontefría como unha pirámide altiva, na divisoria entre
España e Portugal.
A volta ao refuxio, foi o tempo xusto para as despedidas e promesas de volver
pronto ao novo refuxio.
Conchi.
COPA GALEGA DE
GRANDES CAMIÑADAS
Dado que as marchas de fondo de 50 km están acadando cada ano unha enorme
aceptación entre sendeiristas, montañeiros e deportistas en xeral, a FGM
congratúlase deste feito e sentíndose tamén partícipe do mesmo pretende
estimular a participación nas distintas probas que se levarán a cabo este ano.
Por tal motivo púxose en contacto tan só con algunhas das distintas
organizacións que realizan estas marchas (neste ano serán once as que van ter
lugar), para acordar unhas bases que animen á participación en distintas probas.
A resultas destas conversas acordouse que aqueles participantes federados que
rematen 4 das 7 marchas propostas recibirán un agasallo polo mérito da súa
participación e colaboración en difundir este deporte.
.
AS SETE MARCHAS PROPOSTAS PARA O ANO 2005 SON:
.
30 abril: II CAMIÑADA DE MONTAÑA CONCELLO DE ENTRIMO
7 maio: MARCHA DAS GREAS (F.G.M) VIGO
14 maio: I CAMIÑADA DE MONTAÑA CONCELLO DE BALTAR
28 maio: MARCHA DOS 50 KM SANTIAGO (C.D. FONTIÑAS)
4 xuño: II CAMIÑADA DE MONTAÑA DE MONTEALEGRE
11 xuño: VII CAMIÑO A TEIXIDO ( C.M.FERROL)
3 setembro: III ANDAINA POPULAR CONCELLO DE RIBEIRA
Non buscamos unha
competición, si queremos a participación e ese é o que terá premio.
Atoparémonos por Galicia Adiante.
Presidente FGM.

Momento da saída da
Marcha das Greas 2004
“Montañismo en ALTO
CAMPOO”, 24-28 de abril
Dia 24. Acércanos o bus á Estación de esquí sobre as dez horas. Dirixidos
“maxistralmente” por Gaspar; un grupo notable de montañeiros, con raquetas ou
simple botas. Comezamos o forte ascenso ao “Talla” (Serra do Cordel), cunha
considerable capa de neve. Ao principio faise custoso; pero segundo se intúe o
cumio, e o corpo toma temperatura; faise máis levadeiro. Facemos un alto, na
mesma; para comezar a divisar (ao tempo que se despexan as nubes): a costa, as
outras cadeas montañosas e vales ¡plena gozada!Continuamos o cordal, facendo os
seguintes picos; para logo descender ao albergue (con certa dificultade).
Día 25. Mesmo lugar, mesmo director. A esquerda do complexo; tomamos a subida,
pegado á telecadeira. Ascendemos como “xabatos” alcanzando o “Cuhillón”, nunha
hora. Continuamos polo cordal, cara ao pico “Tres Mares”; pero a falta de
visibilidade, complícanos a marcha; polo que decidimos regresar ao punto de
partida.
Día 26. Aparece unha mañá de autentica choiva. A maioría do grupo desanímase, e
deciden desprazarse a Santander. Os máis sufridos tomamos o autobús ao “Puerto
del Escudo”. Nada máis baixar do mesmo deixou de chover, ata a parada para comer
(que o fixo uns dez minutos). Comezamos o recorrido, por montaña de media
altura: por pistas, sendeiros, ou campo a través; cun sube e baixa. Resultou de
gran atractivo, con excelentes vistas. Polo sur: as baixas montañas, que dan
paso á chaira; e o máis impresionante: o amplo val, co embalse de Reinosa. Con
trinta e tantos Km, todos sentiamos ganas de chegar á aldea.
Día 27. Autobús a “Alto Campoo”. Sempre seguindo a Gaspar; tomamos o primeiro
remonte de telecadeira, da parte Norte. Seguimos as pistas altas para logo
(monte a través) dirixirnos, en forte pendente ao “Tres Mares” (pechado por
néboa). Comeza a despexar, o que permite ver: a costa, as outras montañas, vales
e formacións rochosas, de capricho. Seguemos o cordal cara ao Leste, subindo o
pico “Cornón” (dende onde unha parte do grupo, baixou perpendicular á estación).
O resto (incluído o cronista) continúa ao “Tabla” (pasando polo paso “da Morte”)
lugar de partida do primeiro día. Baixamos á estación. por unha forte pendente,
sobre unha ampla capa de neve virxe, a toda pastilla.
Quedamos con moi bo sabor de boca; esperando chegue pronto a próxima.
Antonio

Collado Chivo

“Sendeirismo en ALTO CAMPOO”
Creo que os que nos dedicamos a “sendeiros” pasámolo francamente ben. Os camiños
estaban cubertos de neve, encharcados polo desxeo ou mal marcados, pero entre
risas e risas descubrimos unhas paisaxes preciosas e moi diversas, unhas aldeas
entrañables... e un bo ambiente entre compañeiros.
Despois da habitual noite no bus chegamos como estaba previsto ás 7, e ás 8
estabamos almorzando no albergue “El Montero” en Soto.
O primeiro días saímos da estación de esquí de Alto Campoo onde quedaban os
esquiadores e de onde comezarían a ascensión os que ían cristear.
O noso guía de moi última hora foi Ángel. Dende Braña Vieja escolleu baixar ata
o val, non pola beira do río, que era impracticable, senón pola outra vertente,
“soterrados” na neve, esvarando.
Pasamos polo refuxio, logo descubrimos un bosque enorme de acivros. Moitos
froitos vermellos xa caeran por riba da neve: un efecto precioso. O bosque era
tan tupido que era imposible atravesalo. Aproveitamos un tendido eléctrico onde
as árbores foran talladas. Cando se acabou a neve entramos na zona de desxeo,
todos os camiños e prados estaban anegados, pero o sol lucía e o noso grupiño de
11 chegou para xantar a Abiada, un pobo moi coidado e con moito ambiente.
Pola tarde outro tanto do mesmo coa entrada en Soto polo maior campo de esterco
xamais visto.
O segundo día tocoulle a Ramón facer de guía. Saímos do albergue pasando pola
aldea cara ao castelo medieval de Argüeso. Impresionante pola súa situación
estratéxica no outeiro dominando a aldea, impresionante na súa sinxeleza e
impresionados todos quedamos admirando a restauración que se realizou.
Practicamente toda a carpintería se fixo en madeira de carballo, de xeito
artesanal, por un pai e un fillo da aldea. Logo fomos na procura dun cafeciño.
Vimos “Mesón”. Ramón quixo
entrar, pero había cans.
Non parecía que fose a porta axeitada. De pronto saíu un “chicarrón do norte”
coa súa pa de sacar a neve que nos preguntou se sabiamos ler: “qué pone en la
puerta, mesón o cárcel”. Mesón, pois todos “pa” dentro.
Reconfortados seguimos camiños ata o manancial do Ebro en Fontibre: bonito
sitio, pero... un pouco turístico para o meu gusto. Como o sendeiro ao lado do
río estaba impracticable (cuberto polo río), chegamos a Reinosa pola parte máis
alta pasando polas aldeas. Xa na cidade apareceu a chuvia. Estaba a estación
para nos resgardar.

O día seguinte todos os que compartimos a habitación 210 tiñamos claro que iamos
ao monte, pero baixando as escaleiras e durante o almorzo moitos compañeiros de
viaxe acercáronse dicindo que era unha tolemia saír, que o barómetro baixaba,
que podiamos ir todos a Santander... Decisión final: “ os que queiran
tentalo...” Fomos dezaoito (de 47) ata o Porto do Escudo. O resto xa volo contou
Antonio.
O derradeiro día cambiamos un pouco o previsto. Segundo a indicación de Conchi o
autobús levounos directamente ao porto de Palombera, o que permitiu que as dúas
persoas un pouco lesionadas puideran participar na marcha. Creo que foi un paseo
precioso (fomos moi tranquilos). Despois de tirar a foto tradicional nun
bebedoiro moi orixinal gozamos de faiales, carballeiras, teixodais e granxas
típicas. Por onde discorría o sendeiro atopamos moitísimo cabalos co pelame
impresionante do inverno. Descubrir a aldea de Bárcena Maior é fantástico.
Volvemos por unhas horas á Idade Media, nun conxunto moi importante de casas e
casonas. Algúns foron comer á beira do río, outros ao restaurante... cada un ao
seu gusto. O autobús estaba a esperar por nós e volvemos por unha estrada
preciosa de montaña.
Ao final da cea do último día, fixémoslle entrega do diploma “Montañeiro de 2ª
Categoría” a Gaspar. Como sempre foi moi simpático e temos que agradecerlle que
siga acompañándonos e guiándonos. O último día confesoume que soñaba con tirarse
nun campiño de herba, pero... levou a saída.
Gaspar, grazas polo teu humor, pola túa camaradería, pola túa entrega, espero
que ata moi pronto. Un momento antes con aplausos lembrámonos de Conchi, que
organizou todo, que atopou un albergue con galerías en todos os cuartos, pero...
esquecía nomear a unha persoa que tivo o seu mérito: Antonio Ripoll. Cos seus 73
anos fixo todas as saídas de sendeiros, incluída a saída común cristeando no
vento, con baixadas na neve... ás veces penso que arriscas un pouco”. Antonio
non hai que forzar a máquina”, pero hai que levantar o chapeu ante a vontade de
seguir o ritmo do grupo. A derradeira noite descansando xa na liteira,
suspiraba: “como gocei nesta viaxe”.

Todo o mundo colaborou á hora de pagar, as contas saíron perfectas. Agradézovolo
moito. Ata pronto.
F.F.
XL CAMPAMENTO E
MARCHA GALEGA DE MONTAÑA
Campo Lameiro, 16-17 de abril
Sábado 16 de abril.
Saímos de Vigo en dirección a Campo Lameiro, onde este ano se celebraba o
Campamento e Marcha da Federación, organizándoa o noso club “Montañeiros
Celtas”. Un día nubrado e con chuvieiras. Ao chegar á zona estaban a esperar por
nós os directivos do Club e o amigo Adolfo pola Federación.
No sitio hai petroglifos e unha capela, é un lugar que hai que visitar pois é
moi bonito. Pola tarde fixemos unha marcha de visita guiados polo amigo Antonio
Fernández para ver uns petroglifos. Á hora da cea metemos no copo unha sopa
preparada polo club. ¡Miúdo óso de caña me tocou!. Quitaba o salouco. Chegamos á
hora do café e dos “chupiños”. Inda que en cada mesa non faltou de nada na miña
houbo adega (gracias amiga Elena). Despois de comer e mellor beber puxémonos a
amenizar a noite cantando e contando chistes, logo chegou a hora do catre. ¡a
durmir que mañá hai almorzo gratis!
Domingo 9 da mañá. Despois do almorzo que nos prepararon tocou patear. A marcha
iníciase dende o mesmo lugar e por parellas, e hai tres controis. Grazas ao
amigo Alemparte que estaba no derradeiro control para evitar que nos perderamos,
e ao “home que nunca vai e sempre aparece”, o amigo Pepón que nos guiou cara ao
bo camiño pois a brétema case nos despista. Acabamos a marcha e despois de
comer, beber e café con chupiños chegou a hora dos agasallos e felicitacións.
Despedímonos dos amigos e compañeiros, sobre todos dos de Ribeira Sacra e
Ferrol. Merecen un agasallo, pois sempre están con nós.
Grazas á directiva pola boa organización, á Federación (amigo Adolfo) e ao
Concello de Campo Lameiro pola súa hospitalidade
PD: Sinto un pouco de vergoña que este ano a organización deste evento a levase
o noso club e faltara tanta xente. Hai que asistir no bo e no malo, non só cando
hai bo tempo.
.
Un saúdo Antonio Caldelas
Participaron 70
montañeir@s federados, dos cales 49 realizaron a Marcha de Regularidade. Por
clubs:
MONTAÑEIROS CELTAS...(Vigo)......... 35
PEÑA TREVINCA M.C.......(Vigo.......... 12
PÓRTICO ASTANO.............(Ferrol)........ 8
RIBEIRA SACRA.................(Ourense).... 6
ÁRTABROS..........................(A Coruña)... 5
XISTRA................................(Vigo)........... 3
MONTAÑA FERROL..........(Ferrol)........ 1

XI Descenso Galego de
Barrancos
O Pindo
11-12 de xuño
Este ano é Ártabros o club encargado de organizar a actividade da FGM de
Descenso de Barrancos. Celebrarase na zona de Ézaro, preto do Monte Pindo os
días 11 e 12 de xuño. O sábado vaise realizar o descenso do río Xallas, un
barranco corto pero espectacular. Acamparemos nun cámping próximo e pola noite
realizarase unha cea conxunta nun restaurante.
A organización está a estudiar a actividade do domingo, unha posibilidade é
realizar outro barranco ou unha actividade preto do monte Louro ou no monte
Pindo.
Cando a data estea máis próxima, pedir información no Club.
DENDE OS FRÍOS
CUMIOS POLACOS
O pasado día 25 de febreiro aterrei en Polonia, onde estou estudiando o segundo
cuadrimestre. Orograficamente este país é unha vasta chaira cunha pequena cadea
montañosa, con cristas que constitúen a fronteira coa República Checa e
Eslovaquia. Esta cadea comeza nos Sudetes (Sudety), onde o monte Sniezna (1602m)
é o punto máis alto. A continuación están os Cárpatos (karpaty), co pico Babia
Góra (1725m) como o de maior altura. Xa na fronteira con Eslovaquia, aparecen os
Tatra (Tatry) no que está o monte Rysy (2499m) que constitúe o teito de Polonia.
Continuando ao leste ata chegar a Ucraína atópanse unha serie de montañas de
menor entidade que as anteriores.
En Polonia vivo nunha residencia de estudiantes en Zabrze. Esta cidade está na
rexión de Silesia, é dicir, no sur do país. Cando coñecín que ía estar tan cerca
das únicas montañas de Polonia, alegreime moitísimo. Así é que xa viña disposta
a buscar un club para escaparme ao monte. Non levaba nin unha semana aquí e xa
fun á primeira reunión do klub Taternictwa Jaskiniowego Eksperal (Club de
Montañismo e Espeleoloxía Eksperal) da Universidade Politécnica de Silesia, á
que acudo a clase e que está na cidade denominada Gliwice. A este grupo, ademais
das covas, gústalles o alpinismo, escalan, fan descenso de canóns, e dicir, era
a xente que eu andaba a buscar. E por se isto fose pouco para unirme a eles,
teño que engadir que son unha xente encantadora cos que me levei moi ben dende a
primeira reunión. Todos son polacos, así que teño unha motivación para ir a
clase do seu idioma, que dito sexa de paso é totalmente diferente ao español.
Como non hai tempo que perder, que a primavera e o desxeo, están a un tiro de
pedra, este domingo escapei co grupo de espéleo ás montañas. Quedei con Kamil,
que é o novo presi do Club, ás 5.45 da mañá na entrada da residencia, pois
tiñamos que coller o tren ás 6.15. Foi un madrugón terrible (sobre todo porque
esa noite tiveramos a festa de despedida dun alemán), pero, como xa era día
cando saín á rúa, non foi tan traumático. Como din que Zabrze é unha cidade moi
perigosa (aínda que por agora non tivemos ningún problema), deixamos o coche nun
lugar seguro. O automóbil en cuestión era un Fiat 126, popularmente coñecido en
Polonia como Maluch. É tan pequerrecho que se realmente quixeran roubalo,
bastaríalles con metelo no maleteiro doutro coche. No tren de Zabrze a Katowice
uníusenos Rysiek, e na estación de autobuses da segunda cidade xuntámonos con
Janek e Maciek. Tras media hora de tren e dous e pico de bus, pasadas as 10 da
mañá chegamos a Korbielów, onde se incorporaron os que faltaban: Marcin, Adam e
Pioterk. O cumio do Pilsko, que está na fronteira entre Polonia e Eslovaquia,
estaba a esperar por nós. Aínda que esta montaña só ten 1557 m de altitude había
neve para dar e tomar. Ademais non parou de nevar en todo o día.
Nada máis xuntarnos os oito e despois de abrigarnos convenientemente, comezamos
a camiñar a bo ritmo.Todo era costa arriba… Os polacos metéronme “caña” toda a
subida, pero non puideron comigo ¡que son de Celtas! A primeira parte do camiño
realizámola por pistas da estación de esquí de Korbielöw. Pero despois
abandonámolas e introducímonos no bosque. Así completamos o tramo máis duro da
ascensión: nalgúns sitios a neve chegábame ata a cintura (aos demais, todos eles
rapaces, un pouquiño menos porque me sacaban un ou dous palmos de altura). Así
que progresar en semellantes condicións resultaba tan fatigoso como complicado.
Cando deixamos o bosque atrás continuamos subindo. Decidimos facer un alto no
camiño e refuxiarnos nunha das casas da Estación de esquí, coa intención de
comer e beber algo para completar a distancia que nos levaría ao cumio. Ao saír
de novo ao exterior, abrigámonos inda máis, un pouco máis arriba esperábamos
unha forte xistra. O vento golpeábamos de costado e a neve chocaba contra as
nosas meixelas, que era o único que tiñamos ao descuberto. A pesar da escasa
visibilidade, puiden comprobar que a paisaxe era espectacular, porque o vento
esculpira na neve as formas máis caprichosas. Había tempo que ninguén pasara por
alí, pero os oito estabamos dispostos a coroar el Pilsko. Un último paso…. ¡e o
cumio era noso!. Debido á baixa temperatura (arredor de -10ºC) só nos detivemos
para poñer nada máis un pé en Eslovaquia, así como para deixar constancia do
momento.

De seguida comezamos o descenso. ¡Que certo é ese refrán que di “costa abaixo
todos os santos axudan!. Baixamos alegremente, comendo plátanos e mandarinas
(españolas, por suposto), tirando bolas de neve e cantando a canción “La
cucaracha”. Relaxamos o paso porque inda tiñamos tempo suficiente para coller o
autobús de volta. E máis que tivemos, porque un camión quedou atrapado na neve e
non avanzaba, provocando un gran atasco (¡aquí coarenta coches o son!. ¡Ai, se
foran un domingo a Serra Nevada!). Ás 17.15 xa estabamos dormitando no autobús.
Foi un madrugón terrible, e unha ascensión duriña, pero mereceu a pena. Estou
desexando repetir.
Ademais quedo coa agradable sensación de ter compartido un domingo con xente,
que a pesar de ver a neve día e noite durante unha boa parte do ano, goza tanto
dela coma min, que para quen resulta toda unha novidade.
Pilar Orche
PIRAGÜÍSMO POPULAR
ACTIVIDADE DE KAIAK DE MAR
Dende ARCADE ata A GUíA
Domingo 5 de xuño
PROGRAMA
SAÍDA: Será dende a estación de RENFE en Vigo, reunirémonos ás 09:00 h., xa que
o tren ten a saída ás 09:20 h., chegando a Arcade ás 09:40 h.
Entre as 10:30 h. e 11:00 h. da mañá temos previsto iniciar a actividade en
kaiak en dirección á Illa de San Simón, chegando á mesma entre as 13:30 h. e
14:00 h., teremos unha hora para xantar, ou darnos un baño e dar un paseo pola
Illa, se conseguimos a autorización correspondente. Sobre as 15:00 h.,
iniciaremos de novo a travesía pola baía, pasando por debaixo do Ponte de Rande,
para finalizar entre as 17:30 h. e 18:00 h. na Guía, no peirao deportivo que hai
entre Ríos e a Punta Areiño. Alí o Club de Remo deixaranos as instalacións para
ducharnos se queremos, dando por terminada así a Travesía en Kaiak pola Ría de
Vigo, dende alí a volta a casa será por conta de cada un dos participantes,
tendo moi cerca unha parada de bus urbano.
ROUPA E COMIDA:
A roupa “seca” que levaremos posta no tren, podemos deixala nunha bolsa, na
furgoneta de Eduardo (de Mi Kayak) que levaránola ata a Guía, para poder usala
ao terminar.
A que usaremos no Kaiak, navegando, dependerá da climatoloxía, que é de esperar
que como é xuño sexa boa, cunha camiseta un traxe de baño ou malla de licra e
sandalias, para andar pola Illa, será suficiente, nunha bolsa hermética podemos
levar unha suadeira e un chuvasqueiro, por se cambia o tempo. É importante
protexerse tamén do Sol con cremas e gorras.
Cada un debe de levar algo de comida e auga, e unha bolsa estanca, para comer na
Illa de San Simón.
Fernando
MAREAS:
Baixamar: 09:40 h. e 22:07 h / Preamar: 15:57 h.
III GRAN TRAVESÍA RÍA DE VIGO
25 - 26 de xuño
Como adianto da información que se publicará no próximo boletín, pero para que o teñades en conta, os días 25 e 26 de xuño, o Club Montañeiros Celtas vai celebrar a III edición desta completa Travesía pola Ría de Vigo e o seu entorno, combinando diversas actividades deportivas en contacto coa natureza: kaiak de mar, espeleoloxía (en furna), escalada, montañismo, natación en mar e bici de montaña; pasando por tres refuxios do Club (Domaio, Galiñeiro e Aloia) e alternando os elementos mar e montaña. É unha actividade non competitiva, aberta a socios e non socios, que se desenvolve nun precioso entorno no que compartir cos compañeiros esta pequena aventura, algo dura pero apaixoante e intensa.
Sechu
ESPELEOSECCIÓN.
20-24 de marzo: Espeleoloxía en
Cantabria
Outra Semana Santa máis os nosos plans encamíñanse lonxe e o domingo día 20
saímos cara a Cantabria para quedar alí ata o xoves santo, posto que despois
tiñamos unha cita cos nosos amigos espeleoportugueses en Cobas. En Cantabria,
ademais de visitar algunhas covas, a nosa intención era botarlle unha ollada á
nosa futura zona de traballo para o verán.
Fixemos “campo base” na Gándara, aproveitando o domingo para ver as
impresionantes fervenzas do nacemento do río Asón e as do río Gándara. O luns
dividímonos en dous grupos. Por un lado, Emilio, Lourdes, Carol e Gelo
encamíñanse cara a Astrana, onde collen mochila e bastóns e patean todo o día
atravesando o Macizo do Hornijo, baixando cara a Riva, onde tiñan outro coche.
Con neve e unha pequena travesía da cova de Cofiar para adozar o camiño,
asómanse ao lapiaz que será a nosa zona de traballo e coas presentacións
oportunas marchamos cara a Riva, onde chegamos xa de noite.

Polo outro lado, Daniel, Guille, Marte e Eugenia visitan a cova de Coventosa,
sendo un gran descubrimento para os novatos nestas terras, que gozaron dela e
máis das que faríamos nos días seguintes.
O martes, todos de covas… Equipámonos e adentrámonos na cova de Vallina, cova
bastante seca e sen moitas formacións ao principio, pero fixemos unha pequena
travesía que algúns ampliaron cun pequeno recorrido adicional por outras
galerías. Aproveitamos para tirar fotos realizadas con dous flashes escravos.
Para aprender.
O mércores foi día de cova tamén. Esta vez a elixida foi a cova da Gándara, que
posúe un río subterráneo que cae nunha sala enorme, formando unha gran cascada
enxordecedora. As formacións feitas por estas correntes de aire que forma a
cascada son admirables e aproveitamos para sacar unhas cantas fotos, que non
saíron todo o ben que quixeramos, pero é que nestas lides estamos aínda a
aprender.
O xoves, con certa sensación de que o tempo pasou moi deprisa, temos que
recoller todo e poñer rumbo cara a Cobas, onde quedaramos cos espeleólogos
portugueses para pasar os restantes días da Semana Santa.
A Sección
24- 27 de marzo:
Encontro G.P.S. - GES Celtas 2005
Esta vez convidamos aos nosos compañeiros do GPS a facer espéleo no noso
territorio e, ¡que lugar mellor para levalos que o refuxio de Cobas!, no
interior da serra calcárea de Enciña de Lastra, fermosa en todo o seu esplendor.
Pois alí quedamos, do 24 ó 27 de Marzo, nos días festivos de Semana Santa. Cada
un de cada casa e chegando como puidemos. De Cantabria veñen Lourdes, Emilio,
Carol, Gelo, Marta, Guille, Eugenia e Daniel con moitas horas de coche ao
lombo... de Pombal os portugueses: Sêrgio, Claudia, Hugo, Hugo, Carlos, Sofía,
Gustavo e Pedro, e de Vigo, unha tropa. Parte foron directamente en coche
(Camilo, Chus, André, Antón, Pedro, Ana, Miguel, Bea, Laura, Estela, Paz) outros
houbo que ir buscalos a Monforte (Óscar, Iago, Alberto) onde Sechu os deixara, e
a O barco (Pablo, que chegou en tren). Estabamos toda a plana do GES (excepción
comando Madrid), uns 30 cus inquedos por facer algo (uns comer e comer, outros
cova e cova e algún un pouco de todo).
Distribuímonos nas habitacións e ceamos. Todo conversas e comida para un día de
reencontros e novas caras. Un galiñeiro como diría Hernani- de pitas e pitos,
con algún “galiño” de medio metro. Debido ás gañas de cova de Alberto, alá foi
con Guille e Daniel ao pozo do Souto, nunha batalla crucial coas silvas e
posteriormente coa molladura que apañaron (Daniel non) polo afán explorador,
tentando chegar á sala branca.
Aproveitouse o tempo da preparación da cea para que aparecesen culleres,
acordeón, pandeiretas e cunchas e moitas voces se soltaron para sorpresa dalgúns
e deleite de todos. Pareciamos as cantadeiras de Cobas.
Ao día seguinte erguémonos seguindo unha distribución normal, é dicir, a
contagotas, logo todos xuntos ao cheiro do café. Preparamos o material e fanse
varios grupos. Uns a Aradelas, outros a Cornatel e os demais a Silverto. O grupo
de Aradelas parte cedo (ten 1 h de coche) perdendo a “carriña” (furgoneta lusa
que acada os 50km/h baixando e empurrando, un éxito da automobilística). Chegan
como poden, incorporándose Sechu na marcha.

K1 - Cubelas
O primeiro grupo entra ás 13 h cunha agradable chuvia, minimizada polo vento,
composto por Daniel, Guille, Sêrgio, instalando ata a Sala Monforte, onde
xantan. O segundo grupo, con Gelo, Sechu, Alberto, Hugo, Carlos, Pablo, ...
chega e xanta. Recorrida a cavidade, todos para fóra, desinstalando o segundo
grupo. Volven ás 22 h, en contra de todos os prognósticos.
O grupo de Cornatel parte con Óscar estreando mando, Laura, Alberto, Eugenia,
Emilio, Pedro, Claudia, Marta, Bea, André... Chegan a Villavieja e cámbianse.
Adéntranse todos xuntos e chegan á sala final, coas fermosas formacións. Buscan
os pozos para baixalos, pero non dan con eles.
O grupo de Silverto, de vellos e novos (Lourdes, Carolina, Miguel, Antón e
Estela) parte de último, recorren a cova, admiran as galerías e formacións,
contan contos e gozan do entorno agás algunha que outra diverxencia das
rivalidades infantís, con algún morcego voador deses.
Todos xuntos de volta, cea e risas e volta a cear. Visita de Cristóbal e Paqui,
que andaban de turismo pola zona. Logo, para o saco.
Pola mañá novo “erguemento” en bloque, exceptuando aos rezagados. O novo destino
é K1-Cubelas. A mañá foi para visitar Médulas, un grato percorrido cunha luz
especial para que os colegas portugueses as levaran na retina. Tardamos en
partir debido á desorganización existente, pola carencia de líderes con dotes de
mando e polo abismo cultural (había algún luso que non se lle entendía nada... e
algún galego peludo tampouco). Lourdes, Pablo, Alberto, Eugenia, Bea, André,
Antón, Estela, foron a Pala do Forno. Esperouse o seu regreso. Xantamos e
partimos a pé.
Un carreiro de espeleólogos entrou, espaciadamente, pola K1 ascenderon a
cheminea e baixaron os pozos. Emilio fixo de Gondoleiro e Pablo de
mariñeiro-contrapeso. Pouco a pouco foron saíndo os portugueses e resto da
cuadrilla galega, co último embarque Daniel e Pablo (mamado de cansazo e cun
arnés ramaliego en estado crítico) desinstalaron a toda pastilla, baixaron a
cheminea e xa estaban no exterior. Saíron voando e chegaron ao souto, onde
estaba Lourdes esperándoos. Hai que agradecer ao GE Arcoia por prestarnos a
barca, o que nos permitiu facer a travesía e que Emilio remara toda a
tarde-noite, levando á xente a terra. Coa complicidade de Alberto e Marta (quen
se non) volveron ao refuxio dende a saída da cova, remando.
De volta ao refuxio de sempre, ruído e ruído, de xente e culleres... logo algún
se duchou, ¡incrible que con tantos aínda tiveramos auga! e a durmir.
A mañá seguinte foi estraña. O cansazo acumulado fixo mella no grupo (sobre todo
nos que pasan a noite de cotilleo falando), e o erguemento realizouse a
contagotas... Lavamos o material e despedímonos dos portugueses. Recollemos
todos e, a facer números para ver como volviamos. Menos mal que había prazas
para todos, aínda que algún volveu cos xeonllos encollidos e a esteira no
pescozo. Uns agradables días de vacacións para gozar das masificacións e
berros... menos mal que había comida e algarabía a esgalla. Miúda Sección.
3 de abril:
Divulgación espeleoloxía. Cova de Cortiñas
Como quedaban cousas pendentes de aclarar co Alcalde de Pedrafita, José Luis,
para ultimar o campamento galego, decidimos aproveitar a ocasión para darlle a
oportunidade a Boni de remozarse nunha cova despois de tantos anos sen
envolverse no medio subterráneo, e a súa familia. Sempre nos alegra ver como
alguén que tan achegado estivo noutros momentos á espeleoloxía volve co paso do
tempo, e nesta ocasión a ledicia era maior porque volvía con cinco persoas máis.
A nosa felicitación e ledicia por ter de novo a Bonifacio Pedro e á súa familia
entre estes ambientes húmidos, escuros... e por enriba de todo, fermosos.
Tamén Marina se deixou levar por primeira vez polas galerías subterráneas.

Boni na Cova de Cortiñas
O domingo 3 de abril
quedamos diante do Club con Lourdes, Carol, Marta e Marina; eu ía cos meus
irmáns Pedro, Enrique e Mintesinot, e con meus pais Tere e Boni.
Collemos dirección a Pedrafita do Cebreiro, onde Lourdes tiña que supervisar o
campamento galego de espeleoloxía da fin de semana seguinte. Unha vez en
Pedrafita non puidemos evitar comer algo, xa que as empanadas estaban
irresistibles; e dirixímonos á cova de Cortiñas, situada en León, xusto na
fronteira con Lugo.
Era a primeira vez que os meus irmáns visitaban unha cova polo que estaban un
pouco nerviosos. Unha vez na entrada da cavidade comezou a chover e deunos un
pouco de traballo poñer en marcha os carbureiros. Entramos e deslizámonos por un
tobogán de barro. Debido ao fácil acceso que tiña a entrada aparentaba estar moi
visitada, pero ao atravesar algunha pequena gateira comezamos a ver formacións
en moi bo estado e de gran tamaño o que indicaba que pouca xente chegara ata
alí.
Pasamos por varias salas, ata chegar á sala fantasma de onde iniciamos o
retorno, no cal atopamos un morcego agochado nunha das paredes.
Antes de saír, sentamos todos nunha das salas e apagamos os carbureiros quedando
así en completa escuridade e escoitando o gotear das estalactitas. O meu irmán
Mintesinot, aproveitando o silencio cantounos unha canción etíope en amárico e
despois unha de Bob Marley. E aquí rematou a nosa pequena aventura.
María López Pereira
9 - 10
de abril:
XXXVIII Campamento Galego de Espeleoloxía
Un ano máis, unha actividade máis da Federación Galega colga ás nosas costas, e
tamén unha felicitación máis pola organización. Máis imprevisible era a
participación que nun campamento das características deste estivo a punto de
botarnos abaixo a organización. Sesenta e tres persoas participaron no
campamento de ... clubs galegos. Tivemos a presencia de Juan Prego, presidente
da F.G.E. e tamén a do noso presidente, Sechu López, que se iniciou nas tarefas
de topografar, ¡nesta Sección sempre hai traballo para todos!. Os obxectivos
foron cubertos, tres das cavidades máis grandes da zona: Purruñal I e II,
Valdabraira e Sumio Chan do Lindeiro, foron recorridas de punta a cabo con
medicións de cinta, compás, clinómetro, climatolóxicas,... para completar os
datos descritivos das mesmas e así comezar unha catalogación seria das cavidades
galegas. Destacar o interese dos participantes na actividade e tamén a
participación dos máis pequenos do ECA, que así vanse rodando para o campamento
infantil.
Houbo cea de confraternidade e tamén sorteo de material, todos tiveron un
pequeno agasallo. Celebrouse un acto da E.G.E., preparado e presentado por
Manolo Díaz, de Ártabros, sobre o vintecinco aniversario da E.G.E., houbo unha
exposición explicativa da andaina da EGE que estivo montada no piso superior do
Centro de Artesanía e unha proxección dos distintos cursos impartidos nestes
anos, e tamén entrega de insignias aos membros de Escola.
Só nos queda dicir que cando todos colaboran é moi doado realizar unha
actividade sobresaínte. Dende a Sección as grazas ao Alcalde de Pedrafita, a
Juan Prego, a Sechu López, a Ángel García, a Manolo Díaz e a todos vós, colegas
do G.E.S.
A Sección

Os participantes no Campamento Galego de Espeleoloxía
Espeleonovas
.
7 - 8 de maio: IX Campamento Galego infantil-xuvenil de Espeleoloxía.
Celebrarase en Cobas. Xa tendes visitado moitas cavidades na zona, pero aínda
así animádevos que hai moitas máis por coñecer, compartiredes cos
infantís-xuvenís doutros clubs, e tamén haberá agasallos. Organiza o E.C.
Aradelas.
11 - 12 de xuño: Xornadas Monográficas de Progresión en Canóns. É unha
actividade didáctica de aprendizaxe, impartida por membros da E.G.E., aínda non
nos comunicaron onde se vai celebrar. Ide reservando os días porque nas
anteriores Xornadas esgotáronse as prazas de inmediato.
18 - 19 de xuño: 10º Campamento Social Infantil-Xuvenil de Espéleo. Estas datas
tendes que reservalas sen outra ocupación, iremos ao Caurel que xa levamos tempo
sen visitar. Hai alguén, que agora xa non ten menos de 18 anos que prometeu
levarnos, cando tiña 15, a Traslacosta. Retamos a que se atreva.
VINDEIRAS ACTIVIDADES
MAIO
7 Salceda de Caselas IV Marcha de Fondo - Marcha das Greas: Salceda - Pazos
de Borbén FGM
7-8 Ribeira Sacra Infantil. XXXVIII Operación Benxamín. S. Infantil-Xuvenil
7-8 Trevinca-Vilanova Iniciación á Montaña: Peña Trevinca dende Vilanova S.D.
Sendeirismo
7-8 Cobas Campamento Galego Infantil-Xuvenil Espeleoloxía FGE - E.C. ARADELAS
7-8 Pontevedra e Galiñeiro Curso de Escalada - Iniciación FGM - EGAM
11 Local Social Obradoiro mantemento e reparacións de esquís S.D. Esquí
14-15 Albite Infantil. XXXVIII Operación Benxamín. Serra do Xurés S.
Infantil-Xuvenil
14-15-16-17 Guadarrama (Madrid) Sierra de Guadarrama S.D. Montañismo
19 Local Social Charla Técnica de Iniciación á Escalada: Nós e progresión en
rocha S.D. Escalada
20 Local Social Festa de Primavera S. Actividades Sociais
21-22 Sanabria O Camiño de Santiago, Vía da Prata. Etapa I: Sanabria - Lubián
S.D.Sendeirismo
21-22 Curso Escalada - Parede FGM - EGAM
22 Galiñeiro Xornada de Iniciación á Escalada S.D. Escalada
22 Río Miño Familiar. "Na busca do Tesouro III" S.D. Montañismo
26 Local Social Charla Técnica de Iniciación á Escalada: Manexo cordas e
reunións S.D. Escalada
28 Aloia Saída de Xeoloxía. Canteiras, Aloia - Galiñeiro S. Cultura e Medio
Ambiente
29 Budiño Xornada de Iniciación á Escalada S.D. Escalada
29 Ribeira Sacra Sendeiro tranquilo. Luintra - San Esteban S.D. Sendeirismo
29 Ría de Vigo Inmersión submarina S.D. Actividades Subacuáticas
XUÑO
3 C. Cultural Caixanova Clausura XXXVIII Operación Benxamín. S.
Infantil-Xuvenil
4 Rocódromo Vigo Campionato Galego de Escalada de Base FGM - C.M.Celtas
4-5 Lubián O Camiño de Santiago, Vía da Prata. Etapa II: Lubián - A Gudiña S.D.
Sendeirismo
4-5 Trevinca Travesía: Vilanova - Teixedal - Casaio S.D. Montañismo
5 Ría de Vigo Piragüísmo Popular. Arcade - Illa de San Simón - A Guía S.D.
Actividades Subacuáticas
10 Local Social I Feira do Material de Montaña Usado S. Actividades Sociais
11-12 San Isidro (León) Travesía. Desfiladero de los Arrudos. S.D. Montañismo
11-12 O Pindo XI Descenso de Barrancos FGM -S.M. Ártabros
11-12 Xornadas monográficas progesión canóns FGE - EGE
12 Illas Cíes Inmersión Submarina. S.D. Actividades Subacuáticas
18-19 O Caurel 10º Campamento Social Infantil - Xuvenil Espeleo S.D.
Espeleoloxía
18-19 Trevinca VIII Marcha con Vivac. Travesía Trevinca - Caurel FGM - Xistra
18-19 Curso Escalada Artificial FGM - EGAM
Edita: Club Montañeiros Celtas.
Dirección, maquetación e montaxe: José López Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle.
Colaboran neste número: Françoise Fauré, Fernando Fernández, Yvette Chartier,
Martín García Pérez, Mª Teresa Alonso, Juanjo Vázquez, Marcos Rodríguez Glez.,
Francisco Escrich, Manoel Chao, Mª Teresa García Cebreiros, Concha Gilino,
Elvira Álvarez, Chus Lago, Conchi Barciela, Xosé Lois Freixeiro, Antonio Fdez.
Iglesias, Antonio Caldelas, Pilar Orche, Lourdes Castiñeira, María López
Pereira, Carolina Rguez. Domingo, Daniel Ballesteros.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus
colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado
Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Dirección Xeral de Política Lingüística