PERINEOS 2002 VAL DARAN

Este ano imos ó Val dAran. A saída será o venres
2 de agosto ás 24 h e a volta a faremos o sábado 10 de agosto.
O cámping (pendente de confirmar) é o Camping Yerla d'Arties,
con prezos de 4,10 € persoa/tenda. Entre as actividades teremos:
Extraordinario recorrido de alta montaña, visitando algúns
dos grandes lagos pirenaicos.
Bucólico paseo pola beira do río Garona.
Extraordinario recorrido polos circos glaciares de Saboredo e Colomers,
na zona de maior densidade de lagos (estanys) de todo o pirineo.
Ruta do románico aranés.
O Tuc D'Arenyo atópase estratexicamente situado no centro da
Val D'Aran, polo que dende o seu cume gozaremos dunha extraordinaria circular
de toda a zona.
Ruta do Haut Aran, O principal atractivo desta xornada está
no coñecemento do pla de Beret, có santuario de Montgarri
e o nacemento dos ríos Garona e Noguera Pallaresa.
Ademais das seguintes propostas para os montañeiros máis
experimentados: Besiberri Nord, Montardo dAran e travesía de gran
fondo.
VIII DESCENSO DE BARRANCOS
22 e 23 de xuño do 2002
no río Cenza
Para esta VIII edición, Montañeiros Celtas decidiu para
esta actividade continuar co a filosofía de facela nun sitio novo
onde nunca se fixera un descenso. Decidimos desenvolver a actividade no
río Cenza afluente do Conso, no tramo comprendido entre Azud do
Cenza Medio e Vilariño de Conso. Comprende un tramo do río
de fácil acceso e tamén de fácil saída. O percorrido
esta calculado para cinco horas en condicións normais, e con un
grado de dificultade alto.
As inscricións faranse con 5 días de antelación.
Para inscribirse é necesario estar en posesión da licencia
federativa. O numero máximo de participantes será de 25 por
riguroso orden de inscripción.
As 17 h do sábado terá lugar a recepción dos participantes
en Vilariño de Conso na area recreativa e praia fluvial que hai
o lado do Pavillón Deportivo. Para os que cheguen o sábado
terán a súa disposición o Pavillón para poder
pernoctar. As 9 h do domingo comezará o descenso propiamente dito
e as 14:30 h teremos a comida de fraternidade.
MARCHA DE FONDO DA F.G.M.
SECCIÓN DE CULTURA
TERTULIA
A do mes de Maio ¿Como facer Vigo máis habitable?, atrasouse ata o día 23, e polo tanto na data de preparación do boletín non contamos coas conclusión. Tampouco está decidido o tema da Tertulia de xuño, que se desenvolverá o día 6 de xuño ás 21 h., co tema se acorda na tertulia de Maio.
CONCIENCIACIÓN PROBLEMAS ECOLÓXICOS
Realizarase o 23 de xuño Domingo nela guiados por Maruxa,
colaboradora deste Club e responsable dunha asesoría medioambiental,
recorrerémo-lo camiño entre Matamá e A Garrida, cuns
15 km, que requirirán un certo grao de forma física, detallando
sobre o terreo problemas ambientais localizados e tamén xerais.
Algúns deles serán : Antiga incineradora, Complexo industrial
Coruxo, Edificio de Toralla, Canteira en proceso de selado, Vertedoiro
del Zondal, Multiusos de Vigo. Iremos en Autobús ata Matamá
e regresaremos dende A Garrida tamén en transporte público,
para unha maior concienciación ecolóxica.
Se pensades participar, anotádevos con tempo pois teremos limitación
de prazas, tan só 20.
CONCURSO LITERARIO
Durante os primeiros quince días do mes de xuño recolleranse os traballos do concurso literario, as súas bases figuran no boletín de Abril. Deberán ser entregados en Secretaría co formato que se describe nas bases. Dende este espacio invitámosvos a participar a tódolos membros do Club con alma de escritor, ben en poesía ou en prosa. Os premios serán modestos pero brindarédesnos grandes cousas como o ano pasado, gracias.
ESPACIO PARA REVISTAS E
FOLLETOS CULTURAIS
Decidimos pór unha mesa debaixo do taboleiro de anuncios. A idea
é que tódolos que teñades revistas culturais e ecolóxicas
actualizadas ou información de trípticos, folletos, etc sobre
actividades de cultura e ecolóxicas, podades e podamos deixalas
alí para que calquera socio do noso club poda consultalas in situ
sen levalas para casa. Gracias pola vosa colaboración.
BICI DE MONTAÑA
Vilanova de Cerveira (Portugal) 21 de abril de 2002
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
SECCIÓN DE MONTAÑA
PIRENEOS 2002: VAL D'ARAN
ACTIVIDADES:
Domingo 4 Agosto: Travesía dos grandes lagos.
Saída do cámping ás 7 h. en bus ata a boca S.
do túnel
Dende o Hospital de Viella (1600), marcas do GR-11, ata o desvío
a Estany Redo e dende este lago volver ás marcas do GR-11 no port
de Rius (2340) (3h.), bordear este lago e a altura do seu desaugue abandona-las
marcas para ascender ó S. ata o estany Tort e collada de Mar (2502)
(2h./5h.), agora xa o descenso é seguido por estany de Mar e Restanca;
onde volvemos encontrar as marcas do GR-11; ata o cámping (4h./9h.).
DESNIVEIS: +1000 -1500m. DIFICULTADE: media - alta
Extraordinario recorrido de alta montaña, visitando algúns
dos grandes lagos pirenaicos: Mar (35,8 Ha.), Tort (30,5 Ha.), Redo (25,2
Ha.) e Rius (21,7 Ha.), o Mar ademais alcanza unha lonxitude de 1140 m.
e unha profundidade de 110 m.
Luns 5: Ruta do Baix Garona.
Saída do cámping en bus ás 8 h. ata Bossost (710)
Cruza-lo Garona e buscar as marcas do GR-211 que nos conducirán
pola beira do río ata Les (631) (1h.), aquí efectuaremos
a parada do café con leite, antes de seguir ata Pontaut (600) (1
h./ 2 h.), dende aquí o GR inicia o ascenso ata Canejan (906) (1
h./ 3 h.). A continuación, por sendeiro sen sinalar, levaranos ata
a fronteira francesa que alcanzaremos polo Pas de Trentenada (1400) (1,5
h./4,5 h.) onde prevemos efectua-lo xantar para, despois da merecida sesta
descender polo bosque de Month Caubeth ata Fos (544) (2h./6,5 h.) onde
nos esperara o bus para o regreso ás 18 h. DESNIVEIS: +700 -1000.
DIFICULTADE: Baixa.
Bucólico paseo pola beira do río Garona, subidiña
para abri-lo apetito e visita de Fos, principio e final de etapa do GR-10
Traversee des Pirinees, senda pirenaica francesa paralela ó noso
GR-11.
Martes 6: Ruta das cuncas glaciares.
Saída do cámping ás 7h. en bus ata o Port da Bonaigua
(2050).
Iniciámo-la marcha descendendo en dirección S. ata a
Ribera de Ruda (1800) a encontra-las marcas do GR 211-4 que nos conducirán
ó través do circo glaciar de Saboredo ata o Port de Ratera
de Colomers (2572) (3,5 h.) a partir de aquí, polo GR-11 que nos
conducirá en rápido descenso ata o circo glaciar de Colomers
e despois ata o Pont de Ressec sobre o Valle de Arties (3,5 h./7 h.), dende
aquí ata o cámping quédanos segui-la pista de Vallarties
(1,5 h./ 8,5 h.). DESNIVEIS: +1100 -1800. DIFICULTADE: MEDIA- ALTA
Extraordinario recorrido polos circos glaciares de Saboredo e Colomers,
na zona de maior densidade de lagos (estanys) de todo o pirineo.
Mércores 7, Ruta do románico aranés.
Saída do cámping ás 9 h., a cruzar o Garona para
encontrar as marcas do GR 211, que nos serviran de guía toda a xornada,
descendendo polas beira do río e visitando os lugares máis
representativos do románico aranés. Escunhau, Betren e Viella
(1,5 h.) será a nosa primeira etapa antes de toma-lo xantar,
seguiremos por Vilac, Aubert, Begos e Vilamos ( 3,5 h./ 5 h.) onde prevemos
efectua-lo xantar, visita opcional a Sant Miqueu e chegada a Arres, onde
deixaremos as marcas do GR 211 para descender directamente a Bossost (2,5
h./ 7,5 h.) polo mellor camiño, o bus devolveranos ó cámping
a partir das 18 h. DESNIVEL: +100 -500. DIFICULTADE: Baixa.
Xoves 8, PR-112.
Trátase dun circuíto circular, con saída e chegada
ó propio cámping. Volveremos cruza-lo Garona a buscar o GR
211 que seguiremos augas arriba pasando por Gessa e Unha, ata Bagerge (1419)
(1,5 h.), aquí iníciase o PR 112; marcas brancas e amarelas;
que van remontando a Val D'Unhola ata o Coret de Varrados (2050) (3h./4,5h.),
cambiamos de vertente e continuámo-lo ascenso ata o cume do Tuc
D'Arenyo (2522) (2h./6,5 h.), inmediatamente se inicia o vertixinoso descenso
ata Gessa (1232) (2,5h./9h.) moi preto do cámping. DESNIVEL:
+- 1450. DIFICULTADE: DURA
O Tuc D'Arenyo atópase estratexicamente situado no centro da
Val D'Aran, polo que dende o seu cume gozaremos dunha extraordinaria circular
de toda a zona.
Venres 9, Ruta do Haut Aran.
Saída en bus ás 8 h. ata o aparcadoiro de Pla de Beret
(1845), ó que regresaremos despois de visita-lo santuario de Montgarri
(3h.) ida e volta polo GR 2111.
Empezarémo-lo regreso ó cámping cruzando o Pla
de Beret ata o aparcadoiro de Orri e visita ó Horat deth Bo, cova
formada polo leito do río Malo a 5 minutos do aparcadoiro, o recomendable
é segui-lo sendeiro ata a boca superior e descender polo leito,
non é necesaria a lanterna, a única dificultade é
que hai que ir progresando por enriba dos croios coidando de non darse
un remolllón nos 250 m. de recorrido, en parte a ceo aberto. Una
vez voltos a Orri (1860)(1,5 h./4,5 h.) descendemos polas pistas de esquí
ata Baqueira e río Ruda (1400) (1h./5,5 H.) e polo GR 211,4 ata
o cámping (1h./6,5h.). DESNIVEL: -700 M. DIFICULTADE: BAIXA.
O principal atractivo desta xornada está no coñecemento
do pla de Beret, có santuario de Montgarri e o nacemento dos ríos
Garona e Noguera Pallaresa.
PROPOSTAS DE DIFICULTADE
BESIBERRI NORD (3015)
DESNIVEIS: +1400 -2000. TEMPOS: de 10 a 12 h. DIFICULTADE: Pode ser
necesario o uso da corda, se non se acerta coa vía axeitada, anque
é bastante evidente. O Besiberri Nord é un clásico
do pireneísmo... UN PICO CON MOITO GANCHO.
MONTARDO D'ARAN (2833)
DESNIVEL: +- 1700. DIFICULTADE: Debido ó desnivel e ó
horario; non se fará en menos de 10 h.; será unha actividade
de gran dureza. O Montardo é a montaña aranesa por excelencia,
a súa visión dende Arties é espectacular.
TRAVESÍA DE GRAN FONDO
1er día: sendeiro GR 211-4, refuxio e circo glaciar de Saboredo
(2310). 2do día: Port de Ratera (2572), refuxio de Colomers (2130),
Coll de Caldes (2570), estany Negre (2215). 3er día: Ascensión
ó Montardo (2833) e descenso ó cámping pola Restanca.
UNHA EXCEPCIONAL TRAVESÍA QUE NON ESQUECERÁS.
SECCIÓN SENDEIROS
Montañas de Galicia: Fontefrías-Serra do Xurés
Domingo 12 de Maio
Sendeiro dos Megálitos
Domingo 4 de maio
Unha ducia internámonos polos bosques e prados de Toques, preto
de Melide. Tomando varios sendeiros marcados unímo-los puntos máis
pintorescos deste Concello. Saíndo da casa consistorial ascendemos
por carballeiras ata o Cenobio de San Antolín, onde na súa
capela prerrománica volvemos encontrar, como en anteriores ocasións,
co párroco, pois abre as portas para misa de 11. Despois de asinar
no libro de visitas e dar unha volta polas ruínas do mosteiro, as
que atravesa un regato que no seu día moveu a engrenaxe dunha fábrica
de cravos, dirixímonos polo Sendeiro das Grañas para enlazar
coa ruta dos megálitos.
Tendo ó fondo o pico do Pilar, máximo cume da provincia
da Coruña con algo máis de 700m, alcanzámo-lo primeiro
fito da senda dos Megálitos: Penamoura, formación rochosa
que domina as serras e prados circundantes, onde descansamos e comemos.
O día despexado pero ventoso, acompaña a unha curta sesta.
Continuámo-lo noso camiño, atopándonos coa Mámoa
de Forno dos Mouros, a que inda apuntalada con Vigas, está en relativo
bo estado de conservación. Podemos comprobar que a entrada deste
monumento megalítico está orientada ó este: cara ó
nacemento do Sol.
Como non todo vai ser vellas paisaxes, facemos unha breve escala en
Brañas, onde na Taberna da Vila refrescámonos e xogamos unha
rifada partida ó Futbolín, neste punto o grupo se separa,
catro dos participantes regresan ós coches por estrada e o resto
seguimos.
Abandonámo-lo camiño marcado e encamiñá-monos
ás Fervenzas de Brañas, unha das máis espectaculares
da provincia, onde o muíño empoleirado nun dos laterais da
mesma realza o espectáculo de auga.
Para acaba-lo día ascendemos ata o Castro de Brañas,
cuberto pola maleza, nas seus proximidades estupendos cabalos e algún
poldro forraxean tranquilamen-te ó Sol.
Parada en Melide para un refrixerio. De regreso a Vigo, podemos
contemplar ós Peregrinos que se encamiñan a Santiago pola
estrada.
SENDEIROS XUÑO-XULLO 2002
Domingo 9 de Xuño. Gr94. Rural De Galicia. Etapa III: Cotobade-Cuntis.
Autobús. Saída Club Montañeiros Celtas. 8:30 Horas.
Fin De Semana 22-23 De Xuño. Gr50. Ruta Do Medievo. Etapa IV.
Travesía Pola Serra da Capelada (San Andrés de Teixido).
Autobús. Saída Club Montañeiros Celtas. Sábado
22 Ás 7:00 Horas.
Domingo 7 de Xullo. PR Sendeiro Celta-Vilanova de Cerveira. Coche Particular.
Saída Club Montañeiros Celtas. 9:00 Horas.
Fin de Semana 13-14 de Xullo. Campamento de Verán: Camariñas,
Pr G38. Costa da Morte.
Domingo 21 de Xullo. Gr94. Rural de Galicia. Etapa IV. Autobús.
Saída Club Montañeiros Celtas. 8:30 Horas.
ESPELEOSECCIÓN
Campamento galego de espéleo
Celebrado os pasados 20-21 de abril, alá fomos 17 membros do
club ó Courel. Dedicado ó medioambiente, exploramos e limpamos
(afortunadamente non houbo que retirar lixo) as cavidades "Carrelo do Asno"
e "Riba do Carrelo". Completouse con prospección nun fermoso afloramento
na outra beira do Lor. Nada,... por agora. Volveremos.
Xa o domingo, despois de recoller, xornada matinal na escola de Seoane
de medioambiente e coa clausura, sorteo de material. Abundantes premios
(case todos levamos algo) que algúns socios (Pepe, Pablo, Daniel
e Emilio) doaron ó Club, entre aplausos. Gracias.
Pola tarde, despois de xantar, visita á Veiga de Brañas,
para localizar zona de acampada e falar cos veciños, xa que organizámo-lo
VI Campamento Galego Infantil- Xuvenil de Espeleoloxía.
VI Campamento Galego Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía
Campamento Galego, actividade do calendario da Federación, organizado
por Club Montañeiros Celtas que podemos considerar un éxito
total. Espeleo-topografico-prostectivo-culinario.
¡Parece unha palabrota! Mais non.
Fomos moitos, e eso que algúns quedaron na casa por mor dos
virus e a idade (estamos propoñendo unha licencia alevín).
Igual que lles pasou a outro club.
18 rapaces en total. E 16 acompañantes. Moitos rapaces era a
primeira vez que entraban nunha cova. ¡E encantoulles!
O venres, cunha chuvia persistente chegamos a Brañas da Serra,
pois, afortunadamente, tivemos que cambia-la zona de acampada. Afortunadamente
porque o lugar era fermosísimo, cun forno tradicional onde instala-la
cociña, unha eira preciosa onde estar e xantar,... parecían
unhas xornadas espeleoetnográficas. Instalación de tendas,
xantar e... de covas.
Un grupo iniciado, cos seus acompañantes, foi facer prácticas
de topografía, en Cortiñas. O outro grupo, explicacións
de como funciona a iluminación e, impacientes, a explorar Casares.
Como se formou, como son as formacións,...
Cea con charla dos "carrozas" (Conchi apareceu cunha cafeteira, que
case ten que poñer babeiro polas loubanzas) e bla, bla, bla, e máis
bla dos "espeleologuiños".
O sábado pola mañá, logo do opíparo almorzo,
organizáronse tres grupos para explorar, sen molestarse, a cova
de Cortiñas, que polas súas características, é
moi adecuada para traballar varios grupos. Outro grupo, máis de
acompañantes, foi localiza-la de O Mazuco. E outros, coa loxística,
en Pedrafita.
Xantar conxunto nun prado.
Coa sobremesa, a organización agasallou a todos cun cordino
para iniciarse uns e repasar outros... os nós máis básicos:
oito, oito con orellas, de vaca,...
Pola tarde, exploración, por grupos, na cova de Súas
Faias.
Noite: Volta ó Campamento onde a organización xa tiña
preparados uns excelentes (senón preguntar a José Higinio,
ou ós máis cativos) espaguetis con carne, salsa de tomate
e queixo raiado que tiraban para atrás e, de paso, cargábanse
pilas para a velada e o día seguinte. ¡¡Que man ten
Conchi!!
O domingo, almorzo reparador, lento, silencioso (xa se sabe, se falas
moito pola noite, e dormes pouco, os movementos fanse máis lentos
e o almorzo alóngase máis, o que afecta ás galletas,
curruscos e magdalenas).
Aproveitando que o sol tamén quería participar do Campamento,
recolléronse tódalas pertenzas e se deixaron a seca-las tendas
(que serían recollidas durante os xogos polos acompañantes).
Houbo que adapta-los xogos ás características dos participantes,
e, así, en vez das carreiras de orientación ou uso de equipo
de vertical a organización optou pola realización de xogos
populares galegos. Así, dentro dun ambiente de certa algarabía,
os rapaces, e non rapaces, degustaron de "salta-la corda","carreiras de
sacos", balón volea caseiro" e "pañueliño". Aproveitando
que o sol "picaba" Club Montañeiros Celtas agasallou ós participantes
cunhas viseiras de G.E.S. Celtas.
Algún iniciado e algún dos acompañantes aproveitaron
para facer unha exploración da redescuberta Cova da Pena a escasos
60m do Campamento.¡Que se lle perdería a Pilar ás oito
da mañá nese afloramento!
A mediodía para acompaña-las empanadas de atún
e carne, outra vez Conchi coceu uns chourizos que co pan fresco estaban...
para que contar. Ata sobrou postre.
Despois dunhas breves palabras de agradecemento, Club Montañeiros
Celtas agasallou cunha camiseta co anagrama do Club a tódolos acompañantes.
Tamén se repartiron a participantes e acompañantes as
revistas enviadas polas Federacións Española e Galega de
Espeleoloxía.
Por último procedeuse ó sorteo de material, no
que tódolos participantes puideron levar a casa un lote de material
de espeleoloxía.
Só resta sinalar, neste apartado, a colaboración desinteresada
de casas comerciais (algunhas queren o anonimato) sen as que non sería
posible a realización do VI Campamento Galego Infantil-Xuvenil de
Espeleoloxía. A todos eles, de tódolos asistentes e de todo
corazón, un millón de gracias.
Catálogo de Canóns de Galicia
Na zona de traballo do Sil, onde pernoctamos en Sta Cristina, traballamos
no Gundrei e localizamos varios máis para traballar máis
adiante. Acompañáronnos dous membros do Arcoia.
O domingo localizamos e estudiamos como instalar unha fervenza duns
40m nun afluente do Miño, por aquela zona. Voltaremos traballar
na zona porque aquí será o Campamento Social de Descenso
de Canóns. Vaite preparando. Precisas licencia, neopreno e ganas.
Saída ó Caurel
Saímos poucos a fin de semana do 11/12 de maio ó Caurel,
con dous obxectivos: últimos preparativos do Campamento infantil-xuvenil
e exploración de cavidades. O primeiro, o sábado, con xestións
en Pedrafita, Veiga de Brañas e Brañas da Serra. Pernoctando
en Liñares, baixamos á zona de Mostad para localizar e explora-la
Sima do Manco e a Tara da Lastra.
Coas indicacións, a chuvia e a néboa, foinos imposible
atopa-la primeira, mais mollámonos ben. Levounos toda a mañá.
Xantar en Mostad. Localizamos e explorámo-la segunda cavidade. Moi
bonita.
Pola tarde, aproveitando que deixara de chover e levantara a néboa
(e un veciño indicounos onde estaba), voltamos a busca-la Sima do
Manco. Subida longa por forte desnivel, e dimos con ela á primeira
(os comentarios sobre as indicacións da localización da cova
que aparecían na topografía non se poden escribir aquí)
Como non había tempo, quedou para explorar noutra ocasión.
Espeleonovas
Seguimos a traballar no Catálogo de Canóns. ¡Ánimo!
Atención. Lembrades que algúns espeleólogos queriades
proba-la escalada. Pois ben, fanse unhas xornadas de iniciación
á escalada o domingo 16 de xuño. Xa sabedes: apuntarvos.
Vémonos no Galiñeiro.
XIII Campamento de Descenso de Canóns, da Federación.
Dúas novas: adiántase ó 22/23 de xuño e será
no Xurés. Importante: se queres descende-los da zona portuguesa
debes te-la licencia que te cubra Portugal.
29/30 xuño. Campamento Social infantil-xuvenil de Espeleoloxía.
6/7 xullo. Campamento Social de Canóns, na Riboira Sacrata.
No Sil.
Nova importante, sempre por estas datas: ¡comezan "AS TARDES
DE PICOÑA"!. Engraxa o engraxable e pon a ton a musculatura. Este
ano vai ser duro. Os martes, dende xuño a setembro, ás tres
da tarde sairemos con ganas.
SECCIÓN INFANTIL XUVENIL
OPERACIÓN BENXAMÍN
XXXV Curso Infantil- Xuvenil de
Iniciación ó Montañismo
Xa levamos 35 ¿cantos anos? ¡35! Da operación
benxamín. E comeza este ano co incansable entusiasmo de tódolos
rapaces repetidores, novos e monitores.
Outro ano e como non, a primeira viaxe ó monte Aloia. Para uns
un fermoso sitio xa de sobra coñecido, para outros un espacio natural
cunha casiña encantadora onde durmiremos e faremos das nosas e para
David un amplo lugar que percorrer ó longo da súa historia.
Despois das pertinentes normas, e unha vez ordenado o espacio no que
pasariamos a fin de semana, David convenceunos para ir pasear, pola muralla
que circunvala o alto do monte. Era a primeira toma de contacto co medio,
porque ó día seguinte, o domingo foi espectacular, ¿onde
imos? Pois pola liña máis recta do mapa.
Se nas nosas habituais camiñadas, practicamos tojing o silving
esta non ía quedar laight polo que decidimos practicar
ese deporte de risco chamado musging e para practicalo é doado.
O lugar: unha forte pendente de grandes laxas de pedras , cheas
dese elemento de cor verde, moi mollado e esvaradío. A nosa profesionalidade,
fixo que os primeiro medos se converteran en risas e infatigables chegamos
abaixo, e todos pensando na volta ¡por aí temos que subir!,
non home non, daremos unha pequena volta de trinta e tantos quilómetros
e atoparémo-lo refuxio.
Ninguén protestou, todo era valido con tal de non volver polo
mesmo sitio.
¿E cando comemos? Estaba claro que abríusenos o apetito.
Eran ás 11:30. Ás 12:00 ¿podemos comer xa?. Difícil
é crer que a comida chegue de volta á casa. E como non unha
paradiña para xantar, dende o cumio entrevíase ó lonxe,
Tui envolto en néboa. O tempo non nos axudou moito a gozar da fin
de semana, pero quedábannos moitas cousas que facer. Había
que regresar ó refuxio. Aproveitámo-la tardiña para
seguir gozando do día. Os monitores dixéronnos que habería
que revisar as tendas para vindeira saída ¿isto que
é? ¿que lea?, uns paos, unha tela, uns ferriños
afiados e nun plis-plas ¡ala! Unha casiña e con tellado
¡que pasada!. En tan pouco espacio e dinnos que para durmir,
caberiamos 4 ou 5 de nós, habería que velo. En Pigarzos á
seguinte fin de semana.
Esta fin de semana deu de si tanto coma a encantadora casiña
na que durmimos 50 rapaces e 10 monitores.
Camiño da Carballeira dos Prados en Pigarzos (Pontecaldelas)
saímos de vigo ás 16:30. Nada máis chegar e o que
xa sabiamos, pois montaxe de tendas ¡ostras! Unhas casiñas
redondas con teito redondo. Repartíronse as tendas de tal xeito
que tivemos sorte e tocounos durmir nunha delas. Metémo-las mochilas,
estiramos os sacos e a merendar.
De inmediato concurso de cociña, sacamos das mochilas os ingredientes
e fixemos o que puidemos. A verdade e que puidemos facer algo máis,
polo menos algún de nós.
Non quedaba moita luz do día e despois das pertinentes fotos,
cos doces resultados, recollemos e volta ás tendas, cear e inda
que non era a noite de San Lourenzo, tivemos moita sorte e Juanjo ofreceunos
unha visión de estrelas contándonos onde podiamos ver a Vía
Láctea ou Leo, entre as moitas estrelas dun ceo inmensamente poboado
delas. Despois de case quedar durmidos, recollémonos nas tendas
e a soñar coas galaxias, e os buracos negros.
E que sorte tivemos, porque ás 6.30 h o ceo estaba tan cuberto
que facía pensar que o día ía ser malo. Aguantou a
nosa camiñada cara ó foxo do lobo, pero non vimos nin o foxo
nin o lobo, e menos mal que non nos apartamos da pista de subida pois a
néboa podíase cortar con garfo e coitelo.
Molladiños demos volta e abaixo, a beira do río as tendas
estaban case secas, dubidamos de recollelas ou non e decidimos esperar
que secaran un chisco máis, e como non, púxose a chover,
tendo que facer prácticas de recollida urxente.
Ó chegar a Vigo teriamos que estender o tendal ata o día
seguinte.
Quedábanos a saída a Sanabria. Din que á terceira
vai a vencida, pois levarémo-lo bronceador e por se acaso o
chuvasqueiro.
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
Este ano temos intención de realizar máis actividades subacuáticas, como podedes ver no calendario anual do Club, sendo unha das máis destacadas a recuperación do famoso Descenso con aletas do río Tea previsto para o 2 de xuño. Esta actividade foi organizada polo Club durante once anos, celebrándose por última vez en 1993. A normativa actual (data de 1997) regula as actividades recreativas e deportivas nos ríos que, como o Tea, teñen cotos de pesca, sendo necesaria autorización da Concellería de Medio Ambiente. Solicitado o correspeondente permiso ó Servicio Provincial de Medio Ambiente Natural, remítenos unha resposta desfavorable por estar en tempada de pesca, pero suxiren o cambio de datas, sendo posible realiza-la actividade a partires do 1 de setembro. Pero en Setembro o caudal do río é insuficiente. Sentimos non poder realizar esta actividade que tantos socios disfrutaron e que desexabamos volver facer.
Inmersión submarina na Ría de Vigo
A mañá do domingo 16 de xuño, os mergulladores do Club estamos convocados na praia de Limens para unha inmersión suaviña, xa que para moitos será a primeira da tempada e para algúns o retorno a unha actividade algo esquecida. É imprescindible estar en posesión de Títulación e da Licencia Federativa FEDAS (lembrar que está subvencionada polo Club si xa tedes outra: montaña, espeleoloxía ou esquí). Ide preparando o material: botella (o Club conta con 3 recentemente revisadas), regulador, chaleque, neopreno, plomos, aletas, gafas e tubo.
Xornada de Iniciación ó Mergullo
Na mesma data e no mesmo lugar que a inmersión
submarina, pero pola tarde, desenvolveremos unha serie de actividades para
aqueles compañeiros que teñan curiosidade por coñecer
este medio, o mundo submarino. Non é un cursiño, simplemente
pretendemos crear afición (ós que resulten máis
interesados, deben facer un curso oficial para obte-los adecuados coñecementos
e Titulación correspondentes) e soamente é preciso equipo
lixeiro: neopreno, plomos, aletas, gafas e tubo.
Sechu
AXENDA
7 de xuño Un montañeiro en Gredos, proxección diapositivas, por Antonio Jiménez. No Club ás 20:30
14 de xuño Clausura da XXXV Operación Benxamín. Entrega de Premios e agasallos. Proxección de diapositivas, pola Sección Infantil-Xuvenil. No Centro Cultural Caixanova, ás 20.00 h.
21 de xuño Alta Montaña, actividade invernal 2002: Trevinca, Peña Ubiña, Pireneos. Proxección de diapositivas, por Sechu. No Club ás 20.30 h
28 de xuño Trekking no Lan-Thang. Proxección de
diapositivas, por Fernando. No Club ás 20.30 h
VINDEIRAS ACTIVIDADES
XUÑO
8-9 Curso Escalada Alpina (E.G.A.M.)
9 Rural de Galicia. GR. 94. Etapa III: Cotobade-Cuntis
9 Bici de montaña. Península do Morrazo
16 Xornada Iniciación Escalada. Galiñeiro
16 Inmersión Submarina. Ría de Vigo: Liméns
16 Xornada Iniciación Mergullo. Ría de Vigo: Liméns
22-23 VIII Descenso de Barrancos (F.G.M. - C.M.Celtas)
22-23 Ruta do Medievo GR. 50 Etapa IV: Serra da Capelada (San
Andrés de Teixido)
22-23 XIII Campamento Descenso de Canóns Galicia (F.G.E.).
Xurés
29-30 Campamento Infantil de Espeleoloxía
30 Piragüismo: Ponte de Lima Ponte da Barca
30 Curso Iniciación Barrancos (E.G.A.M.)
XULLO
6-7 Campamento Social de Canóns Galicia. Ribeira Sacra
7 Sendeiro Celta. Vilanova de Cerveira
7 Curso Iniciación Barrancos (E.G.A.M.)
13-14 Campamento Verán. Camariñas. Actividade Subacuática
e Sendeiro Pr G 38 Costa Da Morte