Boletín de Maio de 2001 do

Club Montañeiros Celtas


DESPEDIDA

O venres 22 de Xuño celebraremos unha festa de despedida ¿Quen se vai agora? Pois ¡ ímonos todos ! aínda que non moi lonxe. A despedida e do local, pois ben a merece, despois de ¡57 anos! A celebración consistirá nunha cea caseira, e dicir, cada un que aporte o manxar que máis lle pete, a ser posible o mellor do seu repertorio, o Club porá a bebida. Será unha boa ocasión para xuntarse, falar de outros tempos, contar anécdotas e feitos que aconteceron no local, no Club. É unha excusa para que participedes todos, especialmente os socios máis antiguos, ós que o Club lles deve a grandeza da súa historia, a que colga das paredes e descansa nas vitrinas, pero sobre todo, a  humana, as ensinanzas, vivenzas, experiencias... Esta emotiva festa vai adicada ós socios que máis teñen feito, empregando moito tempo e esforzo nas sucesivas reformas do local, construcción de refuxios, organización de actividades, estudio do medio, formación da xuventude, etc. Será unha despedida, pero tamén un acto de recoñecemento a algunhas das persoas máis carismáticas e notorias desde os primeiros tempos, desde sempre.
A despedida vén motivada, como xa xabedes, pola compra dun novo local. A situación actual é a seguinte: A hipoteca está en tramite, coa documentación entregada e a taxación feita. A recadación de fondos "vai indo" con normalidade, pero un pouco por baixo das espectativas, polo que sudamos cada vez que facemos contas diante dun calendario, pero temos fe en consegui-la cantidade suficiente. Aproveitamos para agradecer publicamente as aportacións recibidas e por recibir.

                        EDITORIAL

ESCALADA
Coru en Monteferro

Coa primavera, os escaladores achéganse ás paredes de Budiño, Galiñeiro, Monte-ferro... Este ano o Sol está tímido e non se deixa ver moito, polo que cando aparece haino que aproveitar, e iso foi o que fixemos cinco compañeiros o sábado 19 de Maio. Pertrechados coas cordas, arneses, etc, pasámo-lo día en Monteferro, gozando da rocha nunha xornada calorosa, tanto, que antes de xantar démonos un baño improvisado (sen bañador), convertendo a actividade en "integral" ¿escalada integral? Non, non ¡chapuzón integral!
-Para os que teñan curiosidade e queiran probar, o Club organiza unha "Xornada de Iniciación á Escalada", dirixida por Escrich, o domingo 17 de Xuño.
-Por outra parte, a F.G.M. oferta o Curso "Técnicas Básicas de Seguridade en Escalada Deportiva" organizado pola E.G.A.M. o 9 e 10 de Xuño no Galiñeiro ou no rocódromo de Pontevedra.
Coru en Monteferro

 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

Colaboración con Amigos da Terra

"Amigos da Terra" é unha Asociación ambientalista internacional, a súa delegación galega, con sede na cidade de Ourense, propúxonos unha colaboración, que xa aceptamos, co "Centro I.R.I.S." (Centro Integrado de Recursos, Información e Servicios) que xestionan e dende o que se ofrece asesoramento e información en temas de denuncias ou queixas medioambientais, entre outras áreas de traballo.
O proxecto consiste en incluír, nas actividades que nós desenvolvemos na natureza, iniciativas destinadas á protección e a conservación do medio ambiente, orientadas á recollida de datos nos casos que atopemos indicios de infraccións ou atentados contra o medio ambiente (tales como minicentrais sen escada para remonte de especies ou que vemos que non respetan o caudal ecolóxico, vertedoiros incontrolados, vertidos de augas residuais ou industriais, talas e danos nas concentracions parcelarias...) nun modelo de folla-formulario onde se recollería dita información. Logo, remitirémoslles os datos para que os seus servicios de asesoramento e información xurídica os estudien dándolle o tratamento aseitado, en forma de denuncia ou queixa, diante da administración correspondente.
Esta actividade vai encamiñada a potencia-los valores e a conciencia ecoloxista, ademais de contribuír á salvagarda do noso patrimonio natural, cada vez máis estragado.

TV2 "Escuela del Deporte"

Televisión Española púxose en contacto co Club, a través da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, para facer un dos seus programas "Escuela del Deporte" adicado ó sendeirismo nos Ancares, incluíndo historias e lendas do lugar. O programa emítese os sábados ás 12.30 h na segunda cadea e está dirixido principalmente á xuventude. Polo tanto, os sendeiristas de Montañeiros Celtas, serán nenos de 12 a 14 anos preferentemente e irán acompañados por monitores do Club, a grabación esta prevista se realice a finais de Xuño. A persoa máis axeitada para contar cousas desta Serra (ou de calquera outra de Galicia) é Chito Veiga, que a pesar do ocupado que se atopa actualmente, estivo disposto a colaborar desde o principio e está prepararando o proxecto.

Horario e prazo
Recordamos ós socios que o horario da oficina e de Martes a Venres de 19.00h a 21.30h.
Estamos intentando que o Boletín chegue ó enderezo dos socios no prazo máximo de 10 días desde a data da portada. Se non se cumpre, agadecémosvos o digades na oficina.
 
 

SECCIÓN DE CULTURA

CONCURSO FOTOGRÁFICO

Datas: Recolleranse os traballos na Secretaría do 4 ó 18 de Setembro.

Tema: “A natureza e o Home”, o mesmo que no Concurso Literario.

Formato das fotografías: Branco e negro ou cor, montadas sobre cartón pluma ou cartolina o máis grosa posible. Tamaño mínimo de 13x18 cm e máximo de 30x45 cm.

Nº de obras: Máximo dúas por participante.

Datos: Axuntarase un sobre por obra, cos datos persoais, nome, apelidos, nº teléfono, idade así coma o título da obra.

Premios: Haberá un premio por categoría:
 -  Infantil (menores de 14 anos)
 -  Xuvenil (de 14 a 17 anos)
 - Adultos (de 18 en diante)

Exposición dos traballos: Os traballos que seleccione o xurado serán expostos no local social do Club

TERTULIA

O tema da próxima tertulia será “Riscos e perigos na montaña” e terá lugar o primeiro xoves de Xuño ás 20:30 h.

As conclusións da primeira tertulia sobre o tema: “¿Que é o montañismo?, foron que ante todo é unha actividade na que non hai intereses engadidos, a súa raíz é o desinterese, non debe practicarse por diñeiro nin por fama.

SENDEIRISMO E IDENTIFICACIÓN DE ESPECIES ARBÓREAS

- Ruta de sendeirismo:
  Alba – Cepudo – S. Miguel de Oia.

- Charla sobre sistemas de identificación das árbores.

- Prácticas de identificación sobre o terreo no parque forestal do Alba e outros lugares.

- Data: 10 de Xuño. Saída ás 11h. desde o cruce da Garrida.

Concurso literario

Recordar que o prazo para entregar na oficina os traballos deste concurso, é do 1 ó 15 xuño.
 
 

SECCIÓN INFANTIL – XUVENIL

XXXIV OPERACIÓN BENXAMÍN

Alex, un dos máis cativos,  facendo rappel

Un ano máis, coa chegada do mes de maio, chega tamén a “Operación Benxamín”, con ela volven as guerras de esterillas, o concurso de cociña...
 A primeira fin de semana marchamos ó Monte Aloia con 49 benxamíns. Houbo que facer xogos malabares para metelos  todos, xunto cos monitores, nun refuxio de 35 prazas. Ó final, os 11 maiores con 3 monitores durmiron nunha caseta próxima.
 O sábado impartiuse unha charla sobre a mellor maneira de preparar unha mochila, logo fixemos unha pequena marcha polos miradoiros, para rematar con xogos no parque infantil.
 Pola noite, antes do Cola Cao, os rapaces, coma sempre, pediron “marcha nocturna” (pequeno paseo polos arredores).
 O domingo fixemos dous grupos: os maiores (de forma voluntaria) escalada, e os máis cativos unha marcha. Pola tarde, para os que tiñan interese en te-lo seu primeiro contacto coa rocha, montouse un rappel nas inmediacións do refuxio.
 Tivemos moita sorte co tempo, algo que non sucedeu a segunda fin de semana. Tiñamos  previsto monta-lo campamento en Barciademera (Covelo) pero unha hora antes da prevista para saír caeu un chaparrón que desanimaría ó máis optimista. Intentamos por diversos medios, coa colaboración dalgún pai, conseguir un polideportivo ou sitio cuberto pero non foi posible, así que decidimos ir de novo ó Aloia (pois é o único refuxio de Celtas que ten cabida para un grupo tan numeroso).
 O sábado non deixou de chover en toda a tarde e tivemos que face-lo “Concurso de Cociña” dentro do refuxio, improvisando mesas con taboleiros.
 Para compensa-la encerrada, despois de cear tivemos sesión discoteca.
De tódolos xeitos, pasámolo fenomenal e a ninguén lle importou o mal tempo.
 O domingo tivemos máis sorte (non choveu) e puidemos facer unha marcha ó “San Antoniño”. Pola tarde, charla de orientación e ensaio da canción deste ano, escrita coma sempre por Antonio Álvarez. Despois de limpa-lo refuxio, fixemos unha batida para recolle-lo lixo dos arredores e xusto antes de que volvera chover, metémonos no autobús cara a Vigo.
 A última fin de semana de maio, temos previsto ir ós Ancares, durmiremos no albergue. Daremos unha charla de montaxe de tendas e faremos unha carreira de orientación para practicar co compás. Se o tempo o permite, o grupo dos maiores irán de travesía con varios monitores, mentres os demais visitaremos a “Aula de Natureza” e faremos unha marcha ó “Tres Bispos”.
 A clausura deste curso e a entrega de premios, será o 15 de Xuño ás 20,00 h. na “Sala de Conferencias do Centro Cultural Caixanova ”
 


PIRAGUISMO

O vindeiro 30 de Xuño desplazarémonos ata Viana do Castelo onde acamparemos. O domingo 1 de Xullo realizaremos unha ruta en kaiak polo río Limia. O punto de partida e Ponte de Limia, na etapa da mañá pódese cubrir unha distancia de 14 km (unhas 3 horas) ata chegar ó lugar máis axeitado para xantar. Pola tarde faríanse os derradeiros 6 km ata o cámping, fin da ruta.
A actividade, concertada coa empresa Mikayak, inclúe todo o equipamento necesario, os monitores, o seguro e o desprazamento das embarcacións por estrada.
 


BICI DE MONTAÑA

A RISCA, PORRIÑO. 25/03/01

A esta poderiámola denominar a volta das sorpresas. A primeira da mañá foi toparnos todos ás portas do Bonilla, para aclimatarnos co café ou chocolate cos seus correspondentes churros, e descubrir que debido a unha avaría técnica estaba cerrado. Rapidamente organizamos o almorzo nunha cafetería do Porriño e saímos do apuro airosos e co bandullo cheo.
Iniciámo-lo percorrido saíndo desde o pavillón deportivo do Porriño e axiña descubrímo-lo que sería unha constante en todo o percorrido, “As costas”. Entramos en calor pedaleando polo chapapote empinado, que nos leva ata á Risca, zona recreativa do Porriño, famosa polo seu descenso de carrilanas. Unha vez na pista, dirixímonos cara ó Salgueirón, atravesando zonas moi crebadas pola nosa querida choiva de meses atrás. Son tan cómodas algunhas das costas que estamos a subir que algúns de nós decidimos combinalas con algo de sendeirismo. Outra das sorpresas, e esta si que era apetecible, foi as enormes charcas de auga nas que nos metemos, non sen risco de afogamento (debido á profundidade que tiñan). Isto foi xusto antes dunha trialeira tan crebada que o que non a baixou a pé, fíxoo polo chan, ben sempre hai algún intrépido que consigue non caer. A seguinte baixada non era máis doada, se a  anterior caracterizábase polas pedras, esta seríao polas gabias enormes que tiña. Estas son gabias moi entretidas, xa que sempre hai un especialista ..... en caer dentro delas, por sorte sen moitas consecuencias, debido ó costume. Pequena tregua relaxante por pista fácil e de bo firme, para volver coller por un atallo, unha zona de gabias nunha subida, que esta era imposible ascendela montado na bici. Despois diso e xa de regreso fallaba a guinda, que era un descenso por un sendeiro entre eucaliptos que máis parecía un río de lama, pedra e auga mesturados, que nos fixeron gozar como ía tempo que non ocorría.
Pouca máis historia tivo xa o regreso, posto que foi cómodo e sen problemas por pistas fáciles e chapapote, ata o pavillón do Porriño, onde nos cambiamos, iso si, baixo unha agradable choiva. Abur, gracias por unha volta tan variada e divertida.

Escrich
TREVINCA, OURENSE 12 e 13/05/01

Marcos, en ruta por Trevinca

Neve!!! Isto é o que nos recibiu en Vilanova, cando sobre as 21 horas chegabamos ó Trisquel. Despois dunha viaxe ben pasada por auga, non imaxinabamos  o bonito que estaba Trevinca, debido á nevada que estaba a caer, e que deixou todo tapizado de branco. Era a primeira vez que algúns dos que viñan vían tan de preto  e tocaban neve. Por iso é difícil  que se lles esqueza esta actividade en Trevinca, sobre todo polo que viría despois e ó  seguinte día.
Como non podía ser menos O Trisquel e A Folerpa estaban xa ocupados por parte dos participantes, que saíran de Vigo algunhas horas antes, gozando xa parte da tarde, recorrendo a aldea e os arredores. A tan esperada cea chegou, e dimos boa conta dela (mención especial o detalle de Pacucho, de invitar ó viño). Non tardamos demasiado en deitarnos, xa que nos esperaba unha volta ó día seguinte que era o suficientemente dura como para necesitar un bo descanso. (Aínda que algún dubidara desta dureza).
Almorzo ás oito e media. Nin que dicir ten, que foi un dos mellores momentos do día, tan exquisito e completo coma sempre. Isto ben o sabía Luís, que, eu coido, que non almorzou en todo o mes, a xulgar polas veces que repetiu.
Saímos sobre as dez da mañá, cun día espléndido de Sol, e unha temperatura perfecta para pedalear. Primeiro tramo da pista cara ó Hotel El Ciervo, onde atravesámo-lo enreixado e comenzámo-la subida. Atopámonos con Antonio Anta (un dos donos do hotel) e co garda do coto de caza de Xares, lugar por onde se desenvolve o percorrido. Outro gratísimo acontecemento, foi atoparnos a dúas crías de raposo, que caeran da tobeira a carón da pista. Unha delas morrera, quizais de frío, a outra era tan fermosa e pequerrechiña que non podiamos nin sequera imaxinar como alguén que se teña por civilizado, pode pegarlle dous tiros e matala. Pero non esquezamos que estamos nun coto de caza, e aquí a lei dictana as escopetas. O que estaba a esperar pista arriba non era outra cousa que dureza física e mental, pois as rampas tiñan delito (as da Risca pasaron a ser anécdotas en comparación con estas) o que acontece é que o entorno era tan fermoso que axudaba un pouquiño. Facemos un alto ó pé da Lagoa de Ocelo, onde descansamos e picamos algo, que xa nos estaba a facer falla. Despois doutro tramo de forte pendente chegamos a unha pequena lagoa, onde de seguro tiña que bañarse algún intrépido, que non podía ser outro que Manolo, aínda que esta vez fíxolle compaña Fernando. Non fixo falla que nos dixeran o fría que estaba a auga, xa que se lles notaba, e non precisamente na cara.
Iniciámo-lo descenso e cruzamos un regato, no que algún repetiu baño, seguímo-lo descenso por unha pista moi  xoguetona, que nos deixou de novo na porta do hotel. A partir de aquí púxose a proba a nosa capacidade de aguante psicolóxico xa que o tramo por estrada pasando por Ponte e coa costa final ata Vilanova foron do máis duro da xornada. O demais non ten moita máis historia, excepto o perfecto final culinario que nos tiña preparado Cholo, e que tanta falla nos facía. Graciñas a tódolos participantes, por deixarse utilizar como coelliños das Indias para saber o que aguanta o corpo humano.
Escrich

 
 
 

SECCIÓN DE SENDEIRISMO

CAMPAMENTO DE INVERNO. FRAGA DA MARRONDA

Un destes días do noso marabilloso inverno

Saímos 18 participantes  de Vigo camiño da Fraga da Marronda, campamento invernal. Chegamos ó albergue de  Cadabo  a media mañá, onde deixámo-lo noso equipo. O grupo divídese por causa do mal tempo, a metade  diríxese á Fonsagrada a pasar o día e o resto do persoal, con máis vicio de andar, dirixímonos a realiza-la primeira ruta. Cadabo-Fuenteo-Sampaio-Cadabo, a pesar do tempo conseguimos roubar ó día algunhas horas sen choiva e gozar dos verdes prados e asolagadas corredoiras de Lugo. Comemos nas fontes do Eo, podendo comprobar que nas aldeas sen igrexa nin campanario non existe bar nin pousada para tan mollados camiñantes. Seguímo-la ruta camiño de Sampaio, seguindo o Eo, onde gozamos da pintoresca estampa dun  muíño cunha fervenza crecida polas choivas.
A poucos quilómetros e entre o mal tempo e a perda de  sinais do sendeiro  saltámono-lo camiño para pedir auxilio ó autobús, que nos recolle e lévanos a Cadabo, onde algúns compañeiros uníronsenos en coche.
Ó día seguinte e vendo que o tempo non ten visos de mellorar, desistimos de realiza-la ruta planeada pola Fraga da Maronda, que era o prato forte da saída, cun pensamento de que sempre hai que deixar algo por ver para volver a un sitio, recollémo-los vultos e dirixímonos a Lugo a pasa-lo que queda da fin de semana. Visita á Catedral, paseo pola cidade e obrigada rolda pola muralla romana para acabar cunha visita gastronómica á zona de viños.
   Miguel C
MAR A MAR. ETAPA 8 e 9

Saímos de Xermade, xa na provincia de Lugo, escoltados pola Garda Civil (deixámo-lo coche fronte do cuarteliño), imos camiño do Mosteiro de Sta. María de  Monfero, somos dous participantes. Na metade do camiño comprobamos que nos diriximos cun rumbo equivocado ó noso destino, tiñamos que coller outra pista, ben, trataremos de emenda-lo equívoco, metémonos entre regatos e devesas que nos alegran o espírito, ata que os toxos saétannos as pernas e algo máis. Non pasa nada conseguimos canalizar momentaneamente a nosa viaxe, vemos que inda nos queda camiño e non estamos moi seguros de onde fomos dar, así que paramos unha furgoneta que pasa pola pista que tomaramos. O bo home que nos para, confésanos que non é da zona e que ía comprar grelos (estamos no Entroido), ofrécese a levarnos, ó cal non lle fixemos ningún desprezo, collémo-lo andante cara a  Monfero, despois de varios intentos infructuosos conseguimos chegar. No mosteiro están acampados uns Boy scout que pernoctan ó igual ca nós ás portas deste cenobio benedictino,  emprazado nas Fragas do Eume. Neste monumento Barroco actualmente en restauración, o paso do tempo e a desamortización melaron o seu alzado pero non a beleza dos seus amplos claustros.
A primeira hora da mañá e antes de que o xefe dos Boy scout pegue o grito de “Arriba todos”, recollémo-la tenda e esperamos ó resto do grupo que vén desde Vigo. Á hora prevista chega o autobús co persoal (unha vintena) disposto a camiñar, unha breve visita ó mosteiro (algún goza tanto da visita que case queda en terra) e en marcha. A primeira parte do camiño transcorre polo chapapote, seguímo-lo GR50, Ruta do Medievo, que nos conducirá a Betanzos. Atravesamos bosques pastorais, ata que a media mañá paramos a tomar un tentempé no medio dun prado rodeados de amigables vacas, non tan taurinas coma en anteriores ocasións. Seguimos avanzando pasando prados, vales, Ríos e aldeas coma Escañoi, Ponte Ambroa, Adragonte,..... preto deste último paramos a xantar, por certo ós dous Celtas que empezámo-lo día anterior, non nos quedan viandas, así que coa máxima de que Deus proverá, gozamos da xenerosidade da boa comida dos nosos compañeiros.
Queda pouco para Betanzos, seguímo-lo Río Randeo, galonado de monumentais muíños e lúdicos merendeiros para as festas  dos caneiros. Chegando á capital das tortillas despois de separarnos en dous grupos para seguir por camiños distintos que ó final únense para segui-lo  río. A cidade está en festas de Entroido e aproveitamos para percorre-las rúas medievais antes de regresar a Vigo.

Miguel C
ENTREVISTA

Chus Lago. Na elite mundial
Por Sechu
Chus, a nosa "Socia Distinguida", viguesa de 36 anos, alegre, tenaz e con carácter. "Premio á Traxectoria Deportiva", outorgado pola Federación Galega de Montañismo no ano 2000, polo seu dilatado historial alpinístico. Participou nas seguintes expedicións: Cordilleira Branca 87, Kenya 89, Andes Bolivianos 90, Anapurna 91, Everest 92, Lenin 93, Cho-Oyu 95, Cho-Oyu 97 (primeira galega en alcanzar un 8000), Everest 98, Everest 99 (primeira española e terceira do mundo, en facer o cumio sen osíxeno envasado), Cáucaso 00. Autora do libro "Everest. Fuera de la Tierra".

Desde cando es socia e como empezaches?
Comecei no montañismo nas Carmelitas no ano 1976, no mesmo ano fíxenme socia de Montañeiros Celtas, tiña 11 anos e da Operación Benxamín teño moi bos recordos.
Cóntanos algunha anécdota deses primeiros anos de montañeira.
Na Operación Benxamín, unha imaxe simpática era a de Rogelio, daquela Presidente da F.G.M., con trenzas e cascos de viquingo. Como anécdota recordo a vez que unha amiga, miña prima e máis eu, atopamos un rabaño co seu pastor que tiña un cabalo e un poldro, pedímoslle permiso para cabalgar e cando a prima trotaba, o cabalo desbocouse, provocando a estampada xeral, o cadro resultante foi tódalas ovellas espalladas pola ladeira, imaxina a cara do pastor.
Nestes 25 anos no Club, ¿houbo algún feito que che marcase?
A morte de varios compañeiros. Foi una época tráxica.
¿E algunha persoa en especial?
Moitas. Pola capacidade de transmitir: os seus grandes coñecementos, a ilusión, os contos e lendas, a fortaleza, e tantas cousas... destaco ós irmáns Veiga (Chito e Antonio) a Antonio Álvarez e a Cholo. A aprendizaxe con eles foi unha delicia.
Identifícaste mellor coma: ¿deportista, montañeira ou alpinista?
Actualmente coma alpinista, pero síntome montañeira.
Nas expedicións, maiormente masculinas, ¿a túa condición feminina que supón máis: unha vantaxe ou un atranco?
Agora son autosuficiente e non teño que preocuparme diso. Os homes, ás veces prepotentes,  preséntanse coma súper instructores e similares, como se fosen mellores alpinistas. Moitos son moi bos realmente, e tamén excelentes como persoas, pero tamén hainos que lles costa aceptar que unha muller logre feitos que eles non puideron.
Ó longo destes anos de expedicións, en cantas ocasións, temendo pola túa integridade física e incluso pola túa vida, pensaches ¿que fago aquí?
Ese temor e relativamente frecuente, pero só en dúas ocasións fíxenme esa pregunta, a primeira foi no ano 91 no Anapurna, incontables avalanchas pasábannos por tódolos lados, unha delas levouse unha tenda no campo I cos seus ocupantes dentro. A segunda foi o pasado ano no Comunismo (Cáucaso), cando caín nunha placa ou cando atravesaba zonas de avalanchas moi evidentes.
¿Cal foi o momento alpinístico máis doce?
No ano 99, ó chegar ó campo base do Everest despois de face-lo seu cumio: sentín unha  sensación inmensa de PAZ interior, principiei a saborea-lo que había conseguido.
¿Como compaxinas este arriscado deporte, que ademais supón longas ausencias do fogar, coa familia?
Non é doado. Comprometinme a non intentar máis oitomiles e a non estar máis dun mes e pico fóra da casa.
Fillos ¿proposchos?
Non... de momento.
¿Tes outras afeccións deportivas?
Gústame correr e nadar fóra dos adestramentos.
¿E non deportivas?
Escribir, ler, "pasmar"
A túa maior ilusión ¿lograda ou pendente?
Pendente. Pretendo estar entretida toda a vida, mante-la ilusión en facer cousas.
Doce oitomiles chaman a María (así coñecida no estranxeiro). Esa "cabeciña" ¿escoita algún deles?
Non  -tallante-
¿Cal é a túa vindeira expedición?
Volvo ó Cáucaso: Comunismo ou Somoni (7.495 m) e Korzenevskaia ou Kaya (7.100 m). Saio a finais de xullo e regreso a finais de agosto.
Xa os intentaches o pasado ano ¿qué pasou?
Cando todo ía perfectamente, presentouse o mal tempo, retireime na aresta cimeira do Korzenevskaia con moitísimo vento. O  Comunismo tiña a neve en moi mal estado.
¿Están englobados nalgún proxecto?
Si, o "Leopardo das Neves", son cinco cumios por riba dos 7.000 m: ademais dos anteriores, o Lenin (7.134  m) que xa coroei no ano 1993, o Khan Tengry ( 7.010 m) e o Pobeda, que é o máis difícil.
¿Qué significa a conquista destes cinco cumios?
Para mín nada especial. Cando preparaba o Comunismo comentáronme que esta montaña  englóbase coas outras catro no mesmo reto, no mesmo proxecto, e gustoume a idea, pero non establezo completa-lo como unha obriga. Tralo éxito no Everest, quixéronme organiza-lo meu futuro alpinístico, con boa intención claro, asusteime, non podía deixar que outros decidiran o que me conviña. Fago o que me gusta.
¿Cal é o custo dunha expedición deste tipo?  ¿quén a paga?
A miña expedición máis cara foi a do Everest 99: tres millóns e medio de pesetas, a deste ano ten un orzamento de dous millóns, elevado para o proxecto en si, pero vai incluído todo o material de montaña que necesito mercar, este ano teño moito que renovar. Estes elevados custos non son asumibles, nin polo meu peto nin polo da maioría, polo que é necesario solicitar axudas a entidades públicas e privadas, é moi laborioso nos comezos, co tempo, a mellor curricular alpino, máis doado. Os meus patrocinadores actuais son o Concello de Vigo, Caixanova e algunhas empresas privadas.
¿Como te preparas?
Teño un adestrador persoal, el deséñame a preparación física segundo os obxectivos. Tamén coido a miña alimentación, pero sen obsesións, evito os fritos e as graxas, consumo máis froita, verdura e hidratos de carbono, en xeral comida sa.
Xa alí ¿cales son as maiores dificultades?
O peor, o que máis queima física e psicoloxicamente, son os intentos fallidos de ataque ó cumio.
¿E tes morriña?
Non. Estou mentalizada.
Cando dormes, a noite anterior ó ataque final, ¿que predominan: os soños ou os pesadelos?
Os soños. Inda que o normal non e durmir moito, repásase mentalmente todo o necesario para non cometer erros.
 ¿Cal é a sensación ó conquistar un cumio importante?
Tódolos cumios son importantes, o último sempre é o máis importante. Unha sensación: paz interior.
¿E ter que volver á casa sen conseguilo?
Para un autentico montañeiro non é importante, supón un bo motivo para volver. Cando regresei da expedición do Everest 98  falábase de fracaso por non facer cumio, pero para min foi unha das mellores, a escaseza de alpinistas supuxo unha experiencia "moi íntima", o feito de "abrir pegada" alí, valeume moito como persoa. Incluso, cando no ano 99 cheguei arriba, nunha parte de min sentín pena, sabía que non volvería, rematou a  escusa.
Cun exitoso libro en venta, ¿tes pensado outro sobre o novo proxecto?
Si, pero inda non sei como enfocalo.
¿Gozas do recoñecemento que mereces?
Non sei, depende do punto de vista. Da xente que me importa si, sen dubida.
¿Que nunca preguntan nas entrevistas e agostaríate dicir?
Non sei. Creo que non hai nada que me guste contar, nada que me interese que se sépa de min. O que realmente me resulta interesante quero escribilo, describilo.

Adicando un exemplar do seu libro
"La cumbre es lo que vives desde que la sueñas hasta que la alcanzas. La cumbre es el poder de tu deseo. Y no, no vi a Dios, pero vi glaciares y lunas y soles, y montañas blancas y azules y marrones y grises, y llegué al límite, al borde, al final, al extremo. Sentí, lo que no se alcanza con los sueños: la intensidad."
Chus Lago (extraido do libro)
 
 
 
 

SECCIÓN ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

Victor, José, Fernando, Alejandro e Iñaqui no Campionato, coas capturas do dia.

Campionato Social de Pesca Submarina

O pasado día 28 de Abril celebrouse en augas de Baiona o "Campionato Social de Pesca Submarina".
Ás 9:00 h da mañá fómonos xuntando tódolos participantes, en total 9, algúns deles fixérono por gozar das augas limpas que había ó abeiro dos illotes de Cabo Silleiro para observa-los peixes e algún que outro polbo, outros nembargantes fixérono pescando e loitando para consegui-las 3 prazas que dan opción a participar no campionato galego.
O mar, por fóra dos illotes, era forte, facéndose notar a causa da marea viva de devalo,  impedindo calquera achegamento á rompente pola zona de NL.
As capturas non foron moi abundantes coma en anos anteriores pero o importante era pasalo ben.
Ó final alzouse co triunfo por primeira vez Victor Puerta que capturou 6 pezas válidas. Con 5 pezas seguíalle o noso campión galego José Sierra e a continuación o veterano pescador Alejandro Rodríguez con 4 capturas. Eles representarán o Club no "XIV Campionato Galego de Parellas de Clubs" (equipos de tres) que celebrarase en Ferrol o 17 de Xuño.
Despois trasladámonos a xantar a Baredo, onde a comida non foi do noso agrado, a causa dun bacallao un pouco pasado, pero entre historias de pesca e batalliñas pasóusenos o tempo voando, ó fin, esperamos que para o ano que ben sexamos máis, esperamos que os mozos vos animedes a federarvos e vir pescar con nós, xa que aprenderedes máis rápido que indo por libre.
Alejandro

Breves

         - Para dar a coñece-la pesca, como deporte submarino, entre os socios, o día 8 de Xuño, JOSE SIERRA, 5 veces campión galego, dará no Club, unha charla sobre a "pesca submarina" con proxección de diapositivas.
         - Imos organizar un cursiño de mergullo con tubo, de iniciacion, para os interesados en gozar do mar doutro xeito. Abrirase unha lista na oficina para que vos vaiades apuntando.
         - E convinte estar federado. A licencia ten a seguinte covertura: validez dun ano natural, seguro de accidentes, seguro de Responsabilidade Civil (R.C.), Defensa Penal, danos persoais e materiais, inclúese a R.C. dos clubs.
         - Prezo da licencia: ata 13 anos 1600 ptas., 14 anos 3000 ptas., 15 anos 3700 ptas. e desde os 16 anos 5000 ptas.
         - Acordo con Alfaya Náutica, ver páxina 11.
         - Por se aínda non o sabedes, o Presidente da Federación Española de Actividades Subacuáticas é o noso socio "PEPÍN" (José Rodríguez Oveja).
 
 

ESPELEOSECCIÓN

ESPÉLEO-NOVAS

O espéleo-campamento-social, que será a primeira fin de semana de xuño, que esperamos sexa moi concorrido, celebrarase na zona de Cobas. ¡As cereixas estarán no punto!.
O 16-17 de xuño, contamos con todos para participar no XII Campamento Galego de Descenso de Cavorcos. Xa sabedes que é unha actividade da F.G.E., e que este ano organizamos nós. Farémolo en Melón, nos ríos Cerves e Cortellas. Non esquezades que é necesario te-la licencia de espeleoloxía.
Lembrade que para os máis novos témo-lo Espéleo-campamento-infantil-xuvenil en marcha. Non vos esquezades de avisar ós amigos para poder tramitárlle-las licencias con tempo suficiente. Iremos ás covas: Súas Faias, Casares, Sete Horas (se a topamos), Sumio do Lindeiro, ... e acamparemos, se nos deixan, en Veiga de Brañas. ¡Ollo, cambiámo-las datas porque non damos feito! Pasa ós días  30 de Xuño e 1 de Xullo.
Tamén cambiámo-la data do Espeleocavorcos do Club, que será o 5º campamento consecutivo, os días 7 e 8 de Xullo. Desta vez será en Lobios (Ourense). Xa sabedes que ó ser un campamento do Club poden asistir todos aqueles socios que posúan a licencia de espeleoloxía ou a de montaña que cubra a modalidade de descenso de barrancos.
¡Que mes, Xuño!, ¿non quedan máis fins de semana? Necesitabamos un par deles máis. Se alguén sabe como conseguilos que se poña en contacto connosco. Lembrade que comezan  “As tardes de Picoña”. Aínda que pareza mentira, xa estamos chegando ó verán. Este ano, coma o pasado, serán as tardes dos mércores. Acéptanse sorpresas culinarias.
¡Contarvos que algúns espeleólogos do club fixeron doazón, tapóns de carbureiro e chapa-clown, de material para uso común. Gracias.
Recordarvos que os prezos da licencia na modalidade A (básica) son os seguintes: Maior 4000 ptas., Xuvenil 3300 ptas. e Infantil 1800 ptas.

ESPÉLEO-ACTIVIDADES

Dous campamentos, ámbolos dous Galegos,  un foi o número XXXIV e outro o número V. O primeiro celebrouse a última fin de semana de abril  e o último celebrouse a primeira fin de semana de maio, un en Mondoñedo e outro en Seoane do Courel. O XXXIV Campamento Galego de Espeleoloxía tiña como sinal a limpeza de espeleotemas, no apartado de conservadorismo e unha mesa redonda sobre a “turistización” da Cova do Rei Cintolo e o V Campamento Galego Infantil-Xuvenil tiña como obxectivo a promoción da espeleoloxía entre os máis novos.
En Mondoñedo, non comémo-la torta do Rei das Tortas pero  visitámo-la exposición (aparecían fotos de espeleólogos dos comezos da espéleo, entrañables) que organizaron os colegas do Club local, e rememoramos datas, esquecidas na memoria, doutras actividades co sinal medio-ambiental e organizadas por nós mesmos. Tamén estivemos na mesa redonda onde de pouco nos informamos. Parece que o estudio encargado á Universidade da Coruña por dous millóns de pesetas, para analiza-la viabilidade de facer turística a COVA, con maiúsculas, está en marcha e terase a solución en Agosto. Dos alí presentes só o Alcalde de Mondoñedo vía moitas posibilidades de cara ó turismo por ser unha cova que, segundo el, xa ten o “márqueting feito”, pois tódolos turistas ó chegaren a Mondoñedo preguntan pola COVA. Os demais, case todos espeleólogos, non viamos viabilidade turística algunha pois a COVA morfoloxicamente non semella en formación litoxenética a ningunha das covas turísticas coñecidas, está a anos luz, e habería que esnaquizar moita cavidade para ensanchala e facer posible o paso cómodo. Unicamente cabería un turismo de aventura, é dicir, sen esnaquiza-la cavidade, entrando en grupos pequenos con guía e material axeitado. Xa veremos en que queda todo isto, sendo posible que se aveciñen males maiores para a cavidade e obrigas de compromisos serios pola nosa parte para preservala de todo ataque. Como dicía unha camiseta dun revolucionario da nosa canteira: “Cintolo Ceibe”. O resto da actividade neste campamento foi a visita á cova de Lobos, limpeza de lixo e intento, so intento porque os cepillos desgastaban moito, de limpeza de formacións e contorno. Coma colofón  empape de choiva antes e despois da cavidade e comida de “confraternidade” que baleiraron os petos. Aínda estamos mirando se terían un burato.
En Seoane do Courel, emprazados no ximnasio da escola, cos colegas de Ártabros organizadores do campamento, atentos a calquera  imprevisto, houbo máis diversidade. Pequena camiñada inesperada por non topar á primeira, o Pozo das Choias e a Cova do Eixe, entrada en cavidades, marcha nocturna de volta ós coches, cea requente, a paella perdeu substancia, estaba preparada para as nove e media e chegamos ás doce. ¡De durmir xa non falamos! ó sono esvaeceuse co Sol para dar paso á lúa chea. ¡Despois de cear partido de baloncesto! Eu diría o que Axterix: estes romanos (digo: espeleólogos) están tolos (digo: non saben de pórse a durmir a unha hora determinada, ou comer a unha hora marcada. Só saben durmir cando teñen sono e comer cando teñen fame. De aí que o sábado comeron ás cinco da tarde, cearon ás doce da noite, durmiron non sei a que hora, espertaron ás sete e media, almorzaron,...).
A primavera, a rebentar, saudou de mañaciña ós ollos medio pechos, ¡non era polo sono, non, senón polo Sol!, camiño da devesa da Rogueira, de cara á cova Longo de Meu, onde se prestaron todos a busca-lo tesouro máis tesouro de tódolos buscados, e, con esforzo e paciencia, topárono. Xa non quedaba máis tempo que para despedirse e por arte de maxia, apareceu unha hora perdida como agasallo para que puideran, algúns, ir á cova do Tarelo, incursión rápida e pracenteira neste fermoso pozo que atrasaría a nosa chegada a Vigo.
Nos dous Campamentos, case os mesmos compañeiros, os nosos pequenos, a nosa canteira, aqueles daquel conto que non daba acabado que se cortaba de boletín en boletín e non eran precisamente fascículos nin capítulos distintos, aqueles que hai uns anos tiñan medo da escuridade e hoxe xa non son tan pequenos e non só perderon o medo senón que lle colleron gusto á escuridade, saben apreciala e tamén escoita-lo silencio dela, eses mesmos que algún xoves van ó club en busca do chei-ro a carburo, eses que abroncamos cando están sós e que nos orgullecen cando están con outros, son os nosos novos conver-tidos en case maduros.


 

AXENDA

AS NOSAS PROXECCIÓNS DOS VENRES

1  Xuño – "Alto Atlas. Marrocos", por Jose Carlos Lorenzo. Vídeo. No Club ás 20.30 h

8  Xuño – “Pesca Submarina", por José Sierra, actual campión galego. Charla e diapositivas. No Club ás  20.30 h

15 Xuño – "Clausura Operación Benxamín", pola Sección Infantil-Xuvenil. Entrega de premios e agasallos,   diapositivas. Na Sala de Conferencias do Centro Cultural Caixanova, ás 20:00 h

22 Xuño – "Festa Despedida do Local Social". No club ás 20.30H

29 Xuño – “Alimentación sa e natural", por Eladio Ferreira, membro da Asociación de Consumidores ARBORE.    Charla e degustación dalgún producto. No  club ás 20.30H

ALMANAQUE

31 Maio  Saída do Sol 4:45 h, posta do Sol 19:36 h.

6 Xuño   Lúa chea. Mareas vivas.

14 Xuño  Lúa en cuarto minguante. Mareas mortas

21 Xuño  Solsticio de verán, ás 7:38 h. Lúa nova. Mareas vivas

28 Xuño Lúa en cuarto crecente. Mareas mortas.

  (Horarios en Tempo Universal, sumar dúas horas para obter o horario local)
 

¡ MOSTRA O TEU CARNET DE SOCIO !


Acordo con Alfaya

Chegamos a un acordo con esta veterana tenda para ofertar ós socios uns descontos do 10%, excepto ofertas. Nela podedes atopar TODO o material relacionado co mergullo, neoprenos, lanchas pneumáticas, vela lixeira e accesorios náuticos. Tamén dispoñen de taller de reparacións.

BREVES

Alpes suízos
Catro montañeiros do Club: Manuel Barrado, Carlos Fernández, José Carlos Lorenzo e Sechu, iremos ata os Alpes do Valais, en Suíza, do 6 ata o 21 de Xuño coa ilusión de coñecer esta paraxe mítica do alpinismo e coa intención de subir ata onde a montaña deixe e o corpo aguante. A intentar: Monte Rosa e Cervino, como máis destacados.

Competicións de Escalada de Dificultade
Desde a Federación Galega de Montañismo remitíronnos o calendario de competicións de escalada de Dificultade e Bóulder. Ditas probas realizaranse o 2 de Xuño de 2001 en Faro Budiño, o 23 de Xuño en Pontevedra e 30 de Xuño e 1 de Xullo na Coruña, cunha cota de inscrición de 1.500 ptas.. Se queredes máis información podéde-la solicitar no club. Debedes ter en conta que a data tope de inscrición será o xoves anterior a cada actividade.

XIV Marcha con Vivac
A  F.G.M. e o Club Ribeira Sacra organizan a Marcha con Vivac deste ano, será o 2 e 3 de Xuño. Os que queiran ir o día 1 venres, poden pernoctar no cámping Castro, a 3 km de Parada do Sil, que é o lugar de partida da marcha o sábado, ás 10.30 h. O itinerario e o seguinte: Parada do Sil - cavorco do Sil - Monte Meda - zona Paradellos – O Rodicio - San Mamede - Santa Cruz - Chandrexa de Queixa. Un autobús levaranos de volta ó cámping.

Accidente mortal de Babu Chiri
O nepalí Babu Chiri, alpinista e guía de montaña, de 34 anos, atesouraba tódolas marcas do Everest, subindo 10 veces ata o cumio. Perfecto coñecedor desta montaña, caeu 30 metros nunha das gabias que arrodean o Campo II a 6.400 m de altitude, situado na metade da Comba Oeste. Estaba a tomar fotografías cando pisou unha gabia descoñecida.
Considerado o himalaísta máis forte, este entrañable sherpa levou os limites das grandes ascensións ata extremos insospeitados. Foi o primeiro home que durmiu no cumio do Everest, alí estivo 21 horas e media, sen osíxeno envasado e nunha pequena tenda de campaña. Tamén alcanzou o cumio doutros catro oitomiles: Kanchenjunga, Shisha Pangma, Dhaulagiri e Cho Oyu.
 


VINDEIRAS ACTIVIDADES

 XUÑO
 
  2-3 Espeleoloxía. Campamento Social.
  2-3 Montañismo. XIV Marcha con vivac (F.G.M. – Ribeira Sacra)
  3 Sendeirismo. Monte Galiñeiro. PRG1
  9-10 Escalada. Curso Técnicas Básicas de Seguridade en Escalada Deportiva
   F.G.M.– E.G.A.M.
  10 Sendeirismo e Cultura. Percorrido botánico Monte Alba
  16-17 Montañismo. Serra do Courel
  16-17 Espeleoloxía. XII Campamento Galego de Descenso de Cavorcos
  17 Sendeirismo. Camos- Parada- Chandebrito
  17 Escalada. Xornada de iniciación
  23-24 Barranquismo. VII Descenso de Barrancos (F.G.M. – Xistra)
  24 Sendeirismo. Ruta dos petroglifos. PRG62
  30-1  Piragüismo. Descenso Canoa: Río Limia
  30-1  Espeleoloxía. VI Campamento Infantil- Xuvenil
  30-1 Escalada Alpina (F.G.M. – E.G.A.M.)
 
 
 



Para comunicarse con el club, la dirección es m_celtas@yahoo.com.

Modifiqué esta página por última vez en Maio de 2001.