SEGUIMOS NO CUMIO
Como somos montañeiros gústanos estar arriba, no cumio. Ás veces chegar ao cumio
non é doado, pero unha vez alcanzado inúndanos unha gran alegría, a satisfacción
por conseguir chegar ao máis alto. Como Club seguimos no cumio, xa que por
segundo ano consecutivo as federacións galegas de Montaña (FGM) e de
Espeleoloxía (FGE) designáronnos Mellor Club Galego do 2004, polo que felicito a
todos os socios por conseguir tal recoñecemento, unha satisfacción gratamente
compartida.
Dende aquí, quero animar aos socios a participar nas primeiras actividades
federativas do ano organizadas polos clubs, que tanto a de Montaña como a de
Espeleoloxía son en abril e organizadas por Montañeiros Celtas, polo que será
unha estupenda forma de celebrar e agradecer a distinción outorgada polas
federacións.
Sechu
XXXVIII CAMPAMENTO GALEGO DE
ESPELEOLOXÍA
Pedrafita (Lugo), 9 - 10 de abril

Este ano cambiamos de actividade da
FGE, imos organizar o Campamento Galego despois de varios anos consecutivos
ocupándonos do Infantil-Xuvenil. Será en Pedrafita do Cebreiro en colaboración
co Concello que nos cederá unhas instalacións para pernoctar.
O tema central do campamento será completar a topografía de cavidades da zona
pero tamén haberá actividades para os que non saben topografar, pois é un
campamento galego onde teñen que ter cabida todos os espeleólogos.
Tocaremos tamén a conservación de cavidades con actividades propias e, como non,
farase unha lembranza dos vintecinco anos da EGE, onde todos nos fomos formando.
É unha boa ocasión para participar e gozar.
GES M.Celtas
XL CAMPAMENTO E MARCHA GALEGA DE
MONTAÑA
Campo Lameiro (Pontevedra), 16 - 17 de abril

Este ano Club Montañeiros Celtas
acomete a responsabilidade de organizar esta actividade federativa. Este
campamento é unha boa oportunidade para saudar aos amigos doutros clubs e
coñecer nova xente.
Para esta xuntanza coidamos que o Castro de Penalva, en Campo Lameiro, é un
lugar máxico. De feito este municipio pontevedrés é unha das zonas máis ricas de
Europa en gravados rupestres, e nel atópase o museo ao ar libre máis importante
de Galicia.
Trala recepción e inauguración do campamento, o sábado pola tarde, realizarase
unha visita guiada aos petroglifos. O domingo pola mañá terá lugar a Marcha,
para a continuación celebrar o xantar de confraternidade que rematará coa
entrega de agasallos. (Máis información na páxina 9).
Conchi Barciela
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
XUNTA DIRECTIVA
PRESIDENTE
José López Pérez (Sechu)
VICEPRESIDENTE
Fernando Fernández Rey
SECRETARIA
Cristina Alonso Álvarez
TESOUREIRA
Marisa Núñez Suárez
SECCIÓN INFANTIL-XUVENIL
Paula Baña Fernández
Juan José Vázquez Araujo
SECCIÓN DE CULTURA
E MEDIO AMBIENTE
Isabel Maestu Vázquez
SECCIÓN DE BIBLIOTECA
E CARTOGRAFÍA
Carolina Rodríguez Domingo
SECCIÓN DE REFUXIOS
José Luis Vázquez Almuiña
SECCIÓN DE ACTIVIDADES SOCIAIS
Françoise Fauré
SECCIÓN DEPORTIVA "MONTAÑISMO"
Concepción Barciela Villar
SECCIÓN DEPORTIVA "ESCALADA"
Manoel Antón Chao Santos
SECCIÓN DEPORTIVA "SENDEIRISMO"
Miguel Carrillo Pérez
SECCIÓN DEPORTIVA
"BICI DE MONTAÑA"
Francisco Escrich Álvarez
SECCIÓN DEPORTIVA “ORIENTACIÓN”
Ángel Braña Santos
SECCIÓN DEPORTIVA “ESQUÍ”
Marcos Rodríguez González
SECCIÓN DEPORTIVA "ESPELEOLOXÍA"
Lourdes Castiñeira Souto
SECCIÓN DEPORTIVA
"ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS"
Pilar Orche Amaré
NOVAS DA XUNTA DIRECTIVA
.
Un cambio importante na directiva do Club é o cambio no cargo de Secretaria, xa
que Andrea Michèle Rosario Fauré solicitou a súa baixa como membro da Xunta
Directiva por motivos persoais. A nova Secretaria é Cristina Alonso Álvarez,
cargo que ocupa dende o pasado día 7 de febreiro.
Á esquerda, móstrase a composición da actual Xunta Directiva.
.
RESUMO DA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA
DO 25 DE FEBREIRO
.
O pasado día 25 de febreiro tivo lugar no local social do Club a Asemblea Xeral
Ordinaria 2005. A asistencia non foi tan numerosa como quixeramos, pero damos as
grazas a todos os socios que puideron acudir á cita e participar nas decisións
que se tomaron.
Despois do saúdo do presidente, fíxose a presentación da actual composición da
Xunta Directiva, cun total de 18 membros.
Durante a reunión aprobáronse as actas das Asembleas celebradas o pasado ano.
Así mesmo foron presentadas e aprobadas as contas do 2004, o orzamento de 2005 e
a Memoria deportiva e social do ano pasado. A Xunta Directiva amosou a súa
satisfacción por manter o bo nivel das actividades e a participación nas mesmas
que incluso a nivel xeral foi algo superior con respecto ao ano 2003.
Acordouse nesta reunión, e en relación as novas cotas sociais, facer unha
ampliación no tramo de idade do tipo de socio denominado “D” que pasa a
comprender dende os 18 ata os 26 anos (actualmente 18-24 anos), e por tanto o
tipo “E” que queda entre 27 a 64 anos, nun intento de favorecer a mocidade.
Tamén se aprobou o incremento da cota social de cada ano, e de forma automática,
en función do IPC do ano anterior (o sistema detallarase noutro boletín, as
cotas non varían no ano 2005).
A Xunta Directiva presentou os seus proxectos cara a este ano 2005. No
deportivo, ademais do mantemento do nivel de actividades a prioridade está no
fomento da formación deportiva e na atención a xuventude, preténdense facer
actividades que resulten máis atractivas á xente nova, pois somos conscientes de
que neles está o relevo xeracional. No aspecto socio-cultural pretendemos
celebrar un ciclo de conferencias e a IV edición do Concurso de Fotografía, como
medios de divulgación das Montañas. Favorecer a difusión do Club coa edición de
folletos publicitarios, pegatinas, os calendarios de peto, ademais do Boletín e
de seguir a traballar no Libro. Mellorar a administración dende diversos
aspectos: peche da oficina con mamparas, aumento das horas de traballo do
persoal administrativo, e modernizar o sistema informático (nova Base de Datos,
novos carnés de socio, mellora da web, outro ordenador...). Tamén faremos unha
enquisa aos socios para coñecer a súa opinión e recibir suxestións.
Acordouse, por unanimidade, dedicar o IV Concurso de Fotografía de Montaña
“Montañeiros Celtas” á FAMILIA SUÁREZ ALONSO e nomear Socia Distinguida a
ÁNGELES ALONSO RUBIO pola súa traxectoria, espírito montañeiro e a súa
dedicación ao Club.
Presentouse, debateuse e aprobouse o Regulamento de Réxime Interno e nomeouse ao
Comité de Disciplina para esta lexislatura, dando así cumprimento ao que
establecen os nosos Estatutos.
Somos conscientes tamén do deterioro de noso medio ambiente, e que as nosas
montañas poden estar en perigo por algunhas actuacións, polo que é pretensión
desta directiva o involucrarse máis activamente na defensa da natureza e das
montañas.
En fin, que foi una Asemblea no que se trataron moitos puntos, cremos que de
gran importancia para todos. Reiteramos as grazas a todos os asistentes e
animámosvos a que na próxima os que non puidestes asistir, esteades connosco,
pois a diversidade de opinións e suxestións supoñen unha gran riqueza para todos
e en xeral é especialmente bo para o desenvolvemento do noso club.
AXENDA.
Venres, 1 abril “6ª Gran Gala
do Deporte de Vigo e a súa Comarca”. No Centro Cultural Caixanova, rúa Policarpo
Sanz, 13, ás 20.30 h. Organiza Concello de Vigo.
Venres, 8 abril “Mochilas: tipos, partes, elección e axuste, colocación e
contido”, por Carlos Fernández Rivas. Charla. No Club ás 20.30 horas.
Venres, 15 abril “Alimentación na Montaña”, por Eliseo Fernández León. Charla.
No Club ás 20.30 horas.
Venres, 22 abril “Botiquín de Montaña”, por María Villaverde. Charla. No Club ás
20.30 horas.
Venres, 29 abril “Apertura e presentación XXXVIII Operación Benxamín”.
Proxección de diapositivas de edicións anteriores. No Club ás 20.30 horas.
ACTIVIDADES SOCIAIS
Entroido e Cea 63 aniversario
Será porque o Entroido quedou preto do Nadal, será porque coincidiu con outras
actividades, por que será? Pero este ano non houbo tanta participación nin na
Festa do Entroido, nin na Cea Aniversario.
Na Festa do Entroido os que estivemos puidémonos deleitar sobre todo con doces
variados. Esta vez houbo música máis ao gusto de todos, grazas Cristina. Entre
un verdadeiro bérber de ollos azuis, unha romana cunha coroa feita na casa, un
monxe que non podía enganar a ninguén, un Drácula que tiña dificultades para
comer, e algúns máis simpáticos disfraces, optouse por premiar: ao máis
elaborado Maite (dama medieval), ao máis simpático Alberto (pirata) e ao mellor
Rosiña (campesiña). Sentimos que Miguel e a súa acompañante chegaran un pouco
tarde, porque este ía guapa guapa. Estaba moi metido no seu papel e pasamos un
rato moi divertido.
Na Cea 63 Aniversario tamén sentimos a ausencia dalgunha xente... Viaxes,
enfermidades...
Como vén sendo habitual todo se atrasou un pouco, pero creo que a cea estivo a
gusto de todos. Como sempre houbo o momento máis emotivo, a entrega de medallas.
Esta vez Sechu e Fernando tiveron a axuda dos Socios Distinguidos: Chus Lago,
Antonio Álvarez e Chito Veiga, sempre moi participativo e disposto a contarnos
anécdotas sobre a vida do noso Club,
Xa era tarde cando os músicos empezaron a tocar pero o fixeron dunha maneira
seguida o que fixo que a xente non tivo tempo a sentarse entre peza e peza. A
reina do baile, Ángeles que non parou de bailar. Ata o ano próximo.
FF

Na Festa do Entroido

Luis Noya (a esquerda)
recibiu a homenaxe e os agasallos do Club, de mans de Antonio Álvarez (no
centro),
ámbolos dous son Socios Distinguidos. Sechu (a dereita) e Fernando (detrás)
felicitan a Luis polos seus 60 anos de asociado.
SECCIÓN INFANTIL - XUVENIL
MANZANEDA, 22-23 de xaneiro
O sábado 22 saímos de Vigo a Manzaneda. Logo de 3 interminables horas no
autobús, chegamos por fin ao noso destino. Sacamos as mochilas do autobús e
metémolas nas habitacións que nos corresponderan. Comemos os bocatas que nos
prepararan as nosas nais e xogamos un pouco. Ás 3 h. non se lles ocorreu outra
cousa aos monitores que ir á cima de Manzaneda. Logo de subir unha costa moi
empinada, chegamos arriba. Alí tivemos contacto coa pouca neve que había.
Merendamos e despois tirámonos costa abaixo cos plásticos que levabamos. Ás 6 h.
baixamos polo lado contrario ao que subíramos. No primeiro tramo da baixada
deleitámonos con varias caídas; logo da primeira e dificultosa baixada, chegou
outra, pero con neve e xeo. As caídas de cu e semellantes non faltaron. Despois
desta complicada baixada, viña unha subida xeada, moitos de nos esvarabamos ao
chegar á metade e tiñamos que volver subir. Logo de varias
“reviravoltas”chegamos aos bungalows. Mudamos de roupa, que a tiñamos mollada e
fomos cear; a comida non estaba moi boa, pero despois de andar 10 km. calquera
lle fai ascos. Ao rematar leváronnos á ludoteca que fai as veces de pequena
discoteca. Pasámolo ben, pero estabamos cansos e ao pouco tiñamos sono. Xa nos
bungalows, foi tirarnos na cama e durmir; esta noite non fixemos barullo nin
houbo “festa” (INCRIBLE).
O domingo pola mañá viñeron os monitores espertarnos as 9 h, dicindo que tiñamos
que vestirnos en 10 minutos. Almorzamos leite con colacao , galletas e tostas
con manteiga e marmelada. Baixamos a recoller as mochilas, ordenar as
habitacións e preparar a roupa para ir á piscina. Xa na piscina xogamos a
waterpolo, carreiras... Logo de ducharnos e vestirnos, fomos a xantar, esta vez
a comida estaba moito mellor. Ao rematar estivemos xogando no parque ata as 4 h.
que marchamos aos bungalows, recollemos todo e chegou o autobús. Xa quedaba
pouco para que rematara a fin de semana, pois as 8 h. chegaríamos a Vigo, onde
estarían os nosos “dichosos” pais para recollernos. Despedímonos cun abrazo e
ata outra.
Daniel Covelo e Borja Varela

Distribución das habitacións.

Xogos na neve
Importante:
.
A Operación Benxamín 2005 adelanta as datas previstas para a súa celebración.
Será as fins de semana seguintes:
30 abril - 1 maio, no Parque Natural do Monte Aloia (Refuxio do Aloia)
7 - 8 maio, na Ribeira Sacra (campamento)
14 - 15 maio, na Serra do Xerés (Refuxio de Albite)
.
A inauguración da presente edición será no local social do Club o venres 29 de
abril, ás 20.30 horas.
Lembrade
que xa podedes
baixar polo club para
facer as licencias federativas deste ano, imprescindibles para a Operación
Benxamín.
(Se o deixades para os días antes da Operación Benxamín non iredes cubertos
polo seguro na
Primeira saída).
Festa Infantil do
Entroido
O luns 7 de febreiro celebramos como todos os anos a Festa do Entroido infantil-xuvenil
no local social, todo adornado para a ocasión, nela xogamos (este ano cambiamos
o popular xogo das cadeiras polo das estatuas), bailamos (non todos...)
repuxemos forzas con fantas, coca-colas, pataquiñas, gusanitos ata encher o
bandullo de larpeiradas diversas... e como non, o desfile de disfraces con foto
incluída, ademais para os participantes no desfile había unha bolsiña de
larpeiradas extra.
Xa rematando a festa baixamos os globos que adornaban o local, e estivemos
xogando a explotalos ... Que ruído!!!
Esperamos vervos a todos o ano que vén na seguinte festa.
Lembrade que podedes pasar polo club para solicitar unha copia da vosa foto de
Entroido. En breve serán postas na páxina web do club.
Monitores da Sección

ESCALADA
Corredores na zona de San Isidro
Os pasados 28, 29 e 30 de xaneiro a sección de escalada conxuntamente coa de
esquí fomos a San Isidro coa intención de facer actividade nos corredores do
pico Torres.
Parece que o tempo non está aliado con nós; se lembrades o pasado ano 2004,
tivemos que suspender a actividade por falta de neve; pois ben este ano o caso
era totalmente contrario xa que a cantidade de neve que estaba depositada facía
imposible tanto a aproximación como os propios corredores.
Pero aínda así fomos capaces de aproveitar os días e facer actividade.
O sábado non foi a xornada mellor, pero aínda así enredamos cunha pequena
fervenza de xeo. O domingo xa plantexamos o día doutro xeito e fomos facer un
corredor que se vía dende o albergue onde estabamos aloxados, Corredor doado,
40º con algún resalte; pouca neve dura e case nada de xeo, pero foi interesante.
Manoel Chao
Lembrar que actividade de alpinismo-corredores en Peña Ubiña foi aprazada para os próximos días 2 e 3 de abril, con saída de Vigo o venres 1 pola tarde.
II Xuntanza de escaladores
Budiño 2005
Os próximos día 9 e 10 de abril celebrarase unha edición máis da xuntanza de
escaladores, organizada polos clubs Azimut e Alud.
Este ano cunha novidade como é a de contar coa presencia de Alex Hubber para
presentar a súa última película “OPERA VERTICAL”; isto será ás 12.00 h do día 9
no cine Salesianos (Vigo).
Ás 15.00 h do día 9 comezará a competición de bloques, máis a actividade libre
de bloques.
Ás 20.00 h concurso de lances.
A partires das 21.00 h cea no propio Faro de Budiño así como a actuación de
grupos musicais.
O Domingo 10 a partires das 9.00 h continuación da competición de bloques e a
partires das 15.00 h facer a entrega de premios.
A inscrición custa 12 euros e inclúe camiseta conmemorativa das xornadas máis a
cea do sábado. Haberá sorpresas...Podedes anotarvos no club, ou incluso no mesmo
día da xuntanza.
Ánimo e a participar, ou cando menos pasádevos a dar unha volta.
ESCOLA GALEGA DE ALTA MONTAÑA (EGAM).
CURSO INICIACIÓN AO ALPINISMO
Oito, dinámico, ballestrinque, machard..., son algúns dos tipos de nós que
tentamos aprender, entre outras cousas, neste curso de iniciación ao alpinismo
organizado pola EGAM, pero..... ¡como nos complicamos ás veces para facer
difícil o fácil...!!!.
Durante dúas fins de semana consecutivas reunímonos nunha paraxe preciosa, Peña
Ubiña, un grupo de 16 participantes de diferentes Clubs de Galicia para tratar
de introducirnos e profundizar un pouquiño máis no mundo da montaña.
A primeira fin de semana contamos cun tempo estupendo, había bastante neve, pero
tamén sol, o que nos permitiu gozar das xornadas e desenvolver as actividades
tal e como estaban previstas. Durante a segunda fin de semana o tempo virou un
pouco, pero aínda así permitiunos traballar o sábado segundo o previsto e o
domingo improvisamos un pouquiño.
Aprendemos técnicas de detención con piolet, do que se trataba era de perder o
medo a unha caída e ter unha base, aínda que hai que practicar moito, para poder
logo usar as técnicas en situacións reais se se da o caso. Aprendemos distintos
xeitos de camiñar pola neve, sen e con crampóns, tivemos tempo para xogar a
“pita con crampóns”..., aprendemos diferentes técnicas de reunións, con piolet
en vertical, horizontal, en T.., con placa; a camiñar encordados, como se
utiliza o A.R.V.A., que é un aparello utilizado na localización de persoas que
quedan atrapadas baixo un alude de neve.., todo isto en dúas fins de semanas que
pasaron moi, moi rapidiño.
Os monitores fixeron o curso moi ameno. Como anécdota contar que o primeiro
sábado pola mañá o grupo de monitores fixeron un iglú, e ao caer a noite houbo
quen decidiu abandonar as súas dúas compañeiras de tenda para probar as
comodidades “desa casa”, porque se está moi quentiño nela, porque é unha nova
experiencia..., pero... o que non contaba era coas goteiras que á metade da
noite e por mor da chuvia e o aumento de temperatura comezaron a pingar sobre
esteiras e sacos de durmir, así que cando xa estabamos nós durmidiñas e
quentiñas no noso chalé-tenda, alguén petou á nosa porta pedindo un teito seco..
¡Que boas as compañeiras que tiveron a ben acollela de novo!!!
A representación do noso club foi de catro montañeiras, aínda que houbo xente
que quedou con ganas de participar..., pero tranquilidade porque seica vai haber
outro curso alá polo mes de abril.
Agora temos que practicar o aprendido, que non foi pouco, e ver se finalmente
somos alumnas avantaxadas ou non.
M.N.

Os alumnos facendo prácticas sobre a neve
SENDEIRISMO.
MUÍÑOS DE FOLÓN, 30 de xaneiro
O departamento de sendeirismo programou este primeiro sendeiro tranquilo do ano
polas terras de O Rosal para que tanto os que coñecemos os Muíños do Folón como
para os que van descubrilos por primeira vez gocemos deste ben de interese
cultural que o Concello de O Rosal recuperou e que se inclúe nas guías
turísticas e de sendeirismo da comarca do Baixo Miño, precisamente polas súas
características: antigüidade, vellos camiños, arboredos, lugares históricos (ermidas,
fontes, petroglifos, etc.). Esta difusión favorece que os muíños, tanto de Folón
como os próximos do Picón, sexan moi visitados e deste xeito se poida comprender
mellor o que noutro tempo foi algo fundamental na vida, así como fonte de
riqueza, cultura e inspiración artística da zona.
Como de costume, ás 8.35 h subimos ao autobús 32 participantes; o resto, uns 12
esperaban ao pé do sendeiro. Como era de esperar, grazas a este anticiclón
permanente, o día preséntase despexado, pero fresco, de aí que todos vaiamos
bastante abrigados. Ás 9.30 h. estamos no centro de O Rosal gozando dun segundo
café matutino e saudando a compañeiros que dende o pasado ano non viamos;
subimos de novo ao bus e dirixímonos cara aos muíños para atopar o resto do
grupo.
Arredor das 10 h, con paso tranquilo, comezamos unha suave ascensión por un
camiño bastante coidado onde atopamos os primeiros muíños; os que xa coñeciamos
a ruta descubrimos que en pouco tempo se produciron melloras no sendeiro no
sentido de facelo máis accesible e seguro para o visitante (pasarelas, pasamáns,
etc.); seguimos andando e comezamos a notar as primeiras calores xusto cando
topamos cuns 14 muíños colocados en liña aos que se accede ascendendo por uns
rústicos chanzos que pasan ao seu carón e que nos permiten comprobar a súa
restauración. Do pequeno salto de auga practicamente non queda case auga.
Subimos un pouco máis e nos detivemos no lugar coñecido como Chaira da Cerexeira
para apreciar a fermosísima panorámica do val, e, de paso, debullarnos como as
cebolas, sobra roupa. Un panel moi deteriorado explica a ruta, á dereita os
muíños do Picón, e á esquerda a ermida de San Martiño. Miguel, o noso guía,
dispuxo que sigamos cara á esquerda para que en suave ascensión alcancemos un
alto onde teremos unha excepcional panorámica da costa; así é, dende este
miradoiro vemos a estrada de Baiona á Guarda, o mosteiro de Santa María de Oia,
fincas con prados dun verde debaído, montes moi secos e un mar azul cun
horizonte todo para nós. Tendo en conta que en media España están padecendo unha
ola de frío polar nós sentimos como se este lugar fose o Caribe.
Un aire seco lémbranos que de Caribe “na de na” e buscamos onde nos resgardar
para xantar, un pouco antes do acostumado pois escasamente son as 14 h; o chan
está totalmente seco, o que nos permite sentar e dar boa conta do contido das
nosas mochilas; a iso das 15.40 h encamiñámonos cara aos Muíños do Picón.
Polo camiño atopamos un grupo bastante numeroso de sendeiristas da Asociación do
Coto e, a medida que baixamos, pequenos grupos de 2-3 persoas inician a
ascensión aos muíños, mostra evidente do labor de difusión do concello de O
Rosal.
O conxunto do Picón fórmano un total de 24 muíños, nós a medida que descendemos
vemos os máis próximos ao camiño, moi restaurados, tanto que nos dá a impresión
de recente construcción cando se supón que datan do século XVII
De aquí ata o noso bus sepáranos uns escasos 100 m; despedímonos dos nosos
compañeiros que se desprazaran en coche e de regreso detémonos a tomar unha
cervexa.
E nada máis por hoxe, só resaltar que entre os participantes había caras novas.
¿Funcionará o boca a boca ou a difusión do noso club aparece tamén nas guías
turísticas?
Ata pronto
Concha

Muiños de Folón.

No miradoiro
Información
ACTIVIDADES PROGRAMADAS
As actividades que vai programando a Sección de Sendeirismo, as podedes atopar
na web do Club:
www.celtas.net
ACTIVIDADES PROGRAMADAS
Sendeirismo
COLABORA!!!
"MANTEMENTO SENDEIROS DO CLUB"
Necesitamos a colaboración dos socios para manter os sendeiros do Club. Se
queres participar acude o martes 5 de abril ás 20:00 horas ao local social.
Animádevos.
GR-58 SENDEIRO DAS GREAS
FARO BUDIÑO, 27 de febreiro
Como todos xa saberedes a estas alturas, Miguel Carrillo pai está maliño, polo
que os sendeiros de final de mes pasa a levalos Miguel Carrillo fillo, co perigo
que iso conleva. É dicir, e para mostra esta pasada saída, que de 15 km pasaron
a ser 24. Isto quere dicir que a xente que vén só a esta saída non se desanime.
Tito levou a súa filla Gema de sete anos, que ao final do día lle di ao seu pai:
“o guía no canto de chamarse Miguel, vaise chamar Pinocho”.
Esta marcha é por case todos coñecida, algúns xa a temos feita varias veces e
sabedes que non ten dificultade algunha. Pasámolo moi ben aínda que protestemos
pola gran subida do comezo e a de despois de comer. O día foi claro e frío. Con
32 participantes dirixímonos ao Faro de Budiño, na Parroquia de San Salvador de
Budiño onde está situada unha gran rocha granítica dende onde se divisa unha
excelente vista do val de Louriña. Paramos para comer na ermida de San Cibrao. A
ruta foi circular.
A 3 km do final tivemos unha agradable sorpresa: Miguel e Mari viñeron dicirnos
ola e tomar un café antes de regresar. “Botámonos de menos mutuamente”

Faro Budiño
IV MARCHA DE FONDO DA FGM
A FGM organiza o 7 de
maio a 4ª Etapa da Marcha das Greas, unha marcha de fondo que, como nos tres
anos anteriores, percorre 50 km do Sendeiro das Greas.
.
.
Percorrido: Salceda de Caselas - Pazos de Borbén.
.
Prezo 12 € (federados 11 €).
Máis información en: www.fgmontanismo.com
ESQUÍ
Esquí de pista
.
San Isidro 2005, 29-30 de xaneiro
Toda a semana pendentes da borrasca que tiñamos interna en todo o norte da
península, coas estradas cheas de neve, os portos con cadeas ou pechados e a
estación de San Isidro tamén pechada.
Xoves, e as condicións non melloran, aínda que as prediccións son de una lixeira
melloría de cara á fin de semana. Despois de varias xestiones extraoficiais, nas
que nos aseguran que se está traballando para abrir a estación o venres, co
propósito de ter o máximo numero de pistas abertas cara ao sábado, por fin e xa
a ultimísima hora decidimos continuar adiante coa actividade.
Saímos o venres ás 20:00 h e a iso da 1:00 da mañá chegamos ao albergue a Mina
coa estrada cuberta de neve e bastante vento, todos esperabamos que o tempo
mellorará ao día seguinte pero isto non foi así, e ante a nada apetecible idea
de quedar todo o día no albergue decidimos subir á estación. Cando chegamos o
panorama era do máis desalentador, todo pechado menos debutantes e un par de
pistas na zona baixa e por enriba só funcionaba un arrastre polo que a cola era
tremenda. Aínda así e ante a previsión de que foran abrindo máis pistas ao longo
do día, nós decidimos esquiar e despois da demora polo aluguer do material
sacamos os forfaits, formamos grupos de cinco ou seis persoas e os que xa
sabiamos esquiar nos dedicamos ao ensino o resto do día. Xa no medio día abriron
a zona intermedia de Cebolledo e o día non termino tan mal como pintaba a
primeira hora, esquiando ata cansarnos.
O Domingo, mellor tempo e aínda mellor neve, despois de nevar algo pola noite,
pouca xente e sen colas nos remontes, coas pistas que xa estaban abertas o día
anterior e o resto que foron abrindo pouco a pouco ata a totalidade da estación,
aproveitouse a tope o día de esquí, boa neve, bos fóra pista e a foto de grupo
de rigor.
Ao final, e aínda que non as tiñamos todas con nós polo mal tempo previsto, unha
boa fin de semana de esquí.
Marcos

MONTAÑISMO
Campamento de inverno,
22 e 23 de xaneiro
Madrugar cústanos a todos, pero como non era para ir traballar erguinme con
alegría. O autobús xa estaba esperando, e ao ir descargar a mochila pasou o
multamóbil tan moderno que temos nesta cidade, seguro que me tomou a matricula
pois estaba algo agachado. Máis transporte público e menos sanción.
Fixemos unha paradiña na Gudiña para estirar un pouco as pernas e mercar pan.
Chegamos á casa de Cholo sobre as 12.00 p.m. E mentres esperabamos a que algúns
se cambiaran de roupa e fixeran as mochilas, Cholo enxeñounos as súas novas
instalacións, dous apartamentos feitos e decorados con moi bo gusto, a seguro
que imos gozar deles nalgunha ocasión.
Sen máis dilacións e coa mochila ás costas saímos os máis “machacas” a facer a
travesía de Vilanova a Ponte pasando polo Marulo, Trevinca, Lagoa da Serpe, O
Fial e Lagoa do Ocelo.
A subida ata o Marulo custou pero o día era explendido e algúns estabamos
cañeiros así que a marcha foi acelerándose pouco a pouco ata chegar ao cumio.
Estivemos esperando un bo rato por os que viñan máis abaixo ata que nos
decatamos que estaban comendo, nós fixemos o mesmo. Aproveitando a pausa,
contemplei a paisaxe nun día de ceo limpiño e sol luminoso, sen vento aínda que
con moito frío. A única magoa era o fume dun incendio que se percibía moi
debilmente polo sur, o noso pais é así.
Seguimos pola crístaría e apareceu a primeira neve, moi escasa e durísima, máis
que neve era xeo. A travesía de esquí que organiza a FGM leva dous anos sen
celebrarse, e aínda hai quen se empeña montar unha estación invernal que
seguramente acabará como a da Fonte da Cova ou sexa pagándoa todos.
Sobre as 6 p.m. chegamos a altura do Sestil Alto onde Sechu decretou a montaxe
do campamento, na cunca do nacemento do Meladas. Eu tomeino con calma, e fun ata
o Xestil en cambio outros encamaron e xa non se lles mirou o rostro ata as 9,30
a.m. do día seguinte perdendo así os galóns e a reputación.
Como a Conchi, a Sechu e a min a marcha que tivemos durante todo o día sóubonos
a pouco decidimos subir o Penas Negras antes de cear. Custounos un pouco pois
había moitas placas de xeo e había que andar ollo ao piollo, pero valeu a pena,
estivemos no cumio un bo rato. A lúa iluminaba o Trevinca e todo o Jancianal,
non facía nada de vento, e alí estabamos nos escoitando o silencio da noite.
A baixada fixémola con cautela. Xa no campamento metinme no saco e tomei a cea,
logo púxenme a contemplar as estrelas, estábase ben alí quentiño metido no saco
mirando como brillaban as estrelas, sentindo o frío na cara e moi lonxe de todo,
sensacións intensas que produce o contacto coa natureza. Como todo non é
perfecto na vida algúns andaban a romper o silencio por un problema ca sopa.
A mañá seguinte, despois de pasar unha moi boa noite, erguémonos máis ben tarde
sobre as 9,30 a.m. e tiramos polo Lombo do Rencín cara ao cumio do Trevinca.
Subimos sen problemas a pesar das placas de xeo, iso si case todos esvaramos. No
cumio montamos unha boa reunión intercambiando froitos secos e galletiñas, cunha
boa conversa, ¡non hai nada como a camaradería!. Feitas as fotos de rigor saímos
cara á Lagoa da Serpe bordeando o borde este do Jancianal, e despois de algún
comentario máis ou menos acertado da súa localización alí chegamos.
Sorpresa, a lagoa estaba totalmente xeada, timidamente algún foi poñendo o pé
enriba do xeo e como miraba que resistía foi buscar a outro, o pouco rato case
todos estabamos brincando sobre o xeo, ou patinando. Foi un espectáculo
insólito, eu xa tiña mirado a Lagoa da Serpe xeada pero nunca cunha capa tan
gorda.
Tiramos logo cara ao Fial e no cumio, algúns que xa ían un pouco cansos quixeron
baixar directamente a Ponte pero ao seu pesar decidiuse ir ata a Lagoa do Ocelo.
Valeu a pena, comemos nos riscos que están xusto enriba dela, a vista era
magnifica. Parte da lagoa estaba xeada e o valado do coto apenas se miraba.
Só nos quedaba baixar ata Ponte. Neste punto cada un foi ao seu rimo e fomos
chegando moi espallados. Non puiden saudar a Remedios que estivo a preguntar por
min. Cando Carliños e eu estabamos case en Vilanova baixaba o bo de Cholo coa
furgoneta a buscar as mochilas do persoal.
Só quedaba asearse un pouco, despedirnos de Cholo e marchar cara a Vigo.
Foi unha moi boa saída, recobrei sensacións un pouco esquecidas e todo me
pareceu ben, ¡ata o prezo do autobús! o que non está mal nestes últimos tempos.
¡Nótase que estamos no mellor Club de Galicia!.
Saúde meu.
Celtis Lupus

Grupo sobre a xeada
Lagoa da Serpe

MONTAÑISMO. VINDEIRAS ACTIVIDADES
SEMANA SANTA con MONTAÑA, SENDEIROS E ESQUÍ. ALTO CAMPOO (CANTABRIA)
24, 25, 26, 27 e 28 de marzo
SAÍDA: 23 de marzo ás 23.30 h.
REGRESO: 28 de marzo ás 09.00 h.
PREZO BUS: 55 €
ESTACIÓN DE ESQUÍ ALTO CAMPOÓ. PREZO: Adulto: 23 €/día. Infantil:16 €/día.
ALOXAMENTO: Albergue “EL MONTERO” en Campoo de Suso (Cantabria)
Habitacións con baño para 4 persoas: 9 € día/persoa
Almorzo: 2 €. Comidas: 7 €. Ceas: 7 €
O macizo de Alto Campoo é o lazo de unión entre a Cordilleira Cantábrica e o
Sistema Ibérico. Coñeceremos as serras de Hijar, Cordel, Peña Labra e Cebollera.
Os amantes do esquí tamén poderán practicar o deporte branco na estación de Alto
Campoó.
P R O G R A M A:
.
Xoves 24:
MONTAÑA: PICO TRES MARES (2175) e PEÑA LABRA (2018)
SENDEIRO: Dende Brañavieja descenso do río Hijar, ata Fontibre (nacemento do
Ebro)
.
Venres 25
MONTAÑA: SERRA DEL CORDEL ascenderemos aos picos: CORNON (2136), IJÁN (2084),
CORDEL (2043) e baixaremos ao PORTO DE PALOMBERA (1257)
SENDEIRO: Dende Puerto Palombera a Bárcena Mayor.
.
Sábado 26
MONTAÑA: SERRA DE HIJAR e SERRA CEBOLLERA ascenderemos ao CUCHILLÓN (2179),
COTOMAÑINOS (2148), VALDECEBOLLAS (2136) e descenso a BRAÑOSERA (1210)
SENDEIRO: Dende Fontibre descenso do río Ebro hasta Reinosa.
.
Domingo 27
MONTAÑA E SENDEIRO: Dende o porto de Escudo a Reinosa.
.
Luns 28. Día da Reconquista de Vigo
Saída: 09.00 H.
.
O programa previsto poderá sufrir modificacións, especialmente por causa da
cantidade e condicións da neve, por tratarse de terreo de alta montaña invernal.
A actividade guiada será a de MONTAÑA a cargo de Gaspar. Achegarase diariamente
aos esquiadores á estación de ESQUÍ. A actividade de sendeirismo é unha proposta
pero será por libre, darase información.
Conchi
ACTIVIDADES DA FEDERACIÓN GALEGA DE MONTAÑISMO
INAUGURACIÓN DO REFUXIO DE ALBITE
O vindeiro 9 de abril a Federación Galega de Montañismo inaugura o Refuxio de
Albite (Concello de Muiños), na ouresana Serra do Xurés, é a terceira
instalación do Plan de Refuxios deseñado por esta federación, tras os de Ponte
(Macizo de Trevinca) e A Seara (Serra do Caurel).
Para animar a participación dos montañeiros neste acto, a federación ten o
seguinte
PROGRAMA:
Sábado, 9 de abril:
As 8 da mañá sae un autobús da Praza de España (Vigo) en dirección Albite.
Ás 12.00 horas está revisto o Acto inaugural.
Xantar de confraternidade ao que están invitados todos os asistentes federados.
Domingo, 10 de abril:
As 9:30 dende Albite farase unha marcha con ascensión ao Fontefría.
Saída de volta cara a Vigo sobre as 17 h, estando prevista a chegada a Vigo
sobre as 20 horas.
Para asistir a estes actos é preciso ter a licencia federativa deste ano. Os
asistentes deben anotarse no Club ata o venres 1 de Abril.
XL
CAMPAMENTO E MARCHA
GALEGA DE MONTAÑA
.
CASTRO DE PENALVA
Campo Lameiro
16 - 17 de abril de 2005
Para calquera persoa atraída polos
gravados rupestres, CAMPO LAMEIRO, é visita obrigada. Numerosas rochas de
granito conservan o testemuño das manifestacións artísticas do primitivo home
galego... Os petroglifos son gravados sobre a rocha ao aire libre, realizados
mediante piqueteado e/ou abrasión, formando un suco en "U" máis ou menos
acusado.
En Galicia son os petroglifos a forma na que aparece o arte rupestre. Os
petroglifos máis antigos pertencen ao Neolítico e asócianse ao mundo das mámoas,
tamén existen gravados pertencentes á Idade do Ferro, pero sen dúbida os máis
coñecidos son os da Idade do Bronce.
PROGRAMA
Sábado, 16
16.00 Recepción aos participantes
17.00 Inauguración do campamento
17.30 Visita guiada aos petroglifos
21.00 Cea
23.00 Sobremesa
Domingo, 17
08.00 Almorzo
09.00 Marcha de Regularidade
14.00 Xantar
17.00 Resultados da Marcha e entrega de Agasallos
18.00 Despedida e peche dos actos.

ESPELEOSECCIÓN.
12-13 de febreiro. Xuvenil:
Coñece as Covas
Non parece que febreiro sexa o mes axeitado para realizar actividades xuvenís. O
ano pasado tamén houbo que pospor esta actividade. Ben, sen xuvenís, e con tres
infantís, realizamos a actividade. A cita era no Club e o destino Cobas. Saímos,
coma sempre o sábado, Óscar, Laura, -que xa non son xuvenís-, Lourdes, André,
Antón, Estela (futura espeleóloga) e Chus e Camilo como apoio, de A Coruña viña
Eugenia, a nosa última espeleóloga da Sección. Ao chegar, tivemos que cambiar a
roupa e equiparnos ao pairo, pois as dúas chaves do refuxio xa foran collidas
por outros grupos, así, desexando que pola noite puideramos durmir no refuxio
esperando que algún dos outros grupos estivera cando chegaramos, marchamos ás
cavidades de A Zorra. Despiste, andando como empeza a ser cotián nos últimos
tempos polas sendas que rompen o bosque de aciñeiras e madroños, agora máis
limpas de vexetación dende que a Serra é Parque Natural.

Os minixuvenís na
Cova da Zorra
De regreso, xa noite, acoplámonos no refuxio, fixemos que algúns dos que estaban
cambiaran o sitio de durmir para permanecer nós xuntos, esperamos a que se
organizaran coa cea e cando os do Brigantium remataron entramos á cociña.
Saborosos espaguetes degustamos media hora despois. Algún cambio de impresións
cos do G.E. Lugo e logo a durmir.
O domingo esperábanos unha incursión na cova de Tocinos, que como carece de nome
na boca por descricións dadas alí no refuxio, parece que non é a que nós
pensamos senón que está a uns cento cincuenta metros no arredor desta cova. Sexa
ou non a chamada Tocinos, o certo é que as fotos que hai no bar de Médulas son
desta cavidade e chámana Tocinos. En Médulas, decidimos que era boa idea ver a
Aula de Interpretación Arqueolóxica que hai na entrada, logo continuamos co
coche ata o lago do Sumido, demos unha volta ao mesmo que por certo xa non ten
vida animal algunha, nin sequera os caranguexos americanos que introduciran hai
algún tempo, e despois de cambiarnos de roupa e coller os cascos saímos andando
á cova de Tocinos. A boca está pechada con lousas de pedra, quitámolas e
entramos agás Camilo, Chus e Estela que se dedicaron a buscar a “verdadeira”
Tocinos, encontrando unha boca no solo tapada con pólas que queda para outro día
investigar. Os demais recorremos a cavidade, Óscar e Eugenia fixeron o pozo e ao
rematar saímos cara ao exterior. O tempo fórasenos das mans, pasa sempre cando
hai moitas cousas que ver e xente nova, era moi tarde, as cinco, había que
chegar ao refuxio, comer, limpar e recoller todo,... ¡sempre a correr!. Chegamos
a Vigo ás dez da noite.
5 - 6 de marzo: Achegamento á Topografía de Cavidades
Parece que os nosos novos están aletargados co frío, dende aquí facemos un
chamamento á vosa participación, aínda que vos custe arrincar, sabedes que
despois a actividade e todo o que a rodea vos enche de pracer. Ben pois, despois
de darlle moitas voltas aparecemos en Liñares, case cada quen dun punto
diferente, Daniel, Carol, Gelo, Emilio, Juan Carlos, Eugenia e Lourdes. Os
primeiros de Oviedo e Madrid, outros de Vigo con escala en A Coruña, e as demais
de A Coruña o sábado á noite. Obxectivo: iniciarse nos vericuetos da topografía
de cavidades. Ao ser poucos, decidimos aproveitar e seguir topografando as
galerías de Cortiñas, así de paso que aprendían Juan Carlos e Eugenia, íamos
sacando as medicións.
Liñares estaba nevado, a estrada limpa, á noitiña comezou a nevar de novo e a
estrada a cubrirse de branco, cando chegaron Eugenia e Lourdes, dende Pedrafita
tiña copiosa nevada, nevou toda a noite ata media mañá, o refuxio estaba rodeado
de neve e para poder aparcar houbo que apartar neve cunha pa, non houbo problema
para circular o domingo porque pasaba o camión-pa cada pouco tempo e a media
mañá deixou de nevar.
Os primeiros topografaron Cortiñas o sábado á tarde en dous grupos, o domingo
volveuse sobre o mesmo facendo tres grupos, ata mediodía. O que queda por tomar
medicións realizarase no Campamento Galego, en principio están as galerías
principais e moitas secundarias medidas, acércase a uns 1000 metros de
percorrido. Retornouse ao refuxio, a estrada non tiña nada de neve e o resto da
paisaxe estaba cunha estampa inesquecible.
Despois de comer e recoller o refuxio e tomar un café con Sofía retornamos cada
quen ao seu punto de orixe.

O recentemente
reformado Refuxio de Liñares
5 de marzo: Comisión Delegada da FGE.
Unha reunión de transición, sen cousas importantes que tratar, pois é a última
comisión Delegada antes da Asemblea a celebrar en abril. Analizáronse as contas,
as actividades aínda está sen pedir a organización do Campamento de Canóns-, o
Campamento Galego organízao GES Celtas en Pedrafita e contamos con todos vós
para participar e colaborar-, o Infantil-Xuvenil organízao o ECA en Cobas,e o
Campamento Extraterritorial organízao o Alpino Ourense e Cantabria. Hai xa vinte
e sete inscritos, antes de finalizar o prazo, nas Xornadas de progresión
vertical da EG., polo que sete están en lista de espera. A noticia máis
importante foi a paralización, por parte do Tribunal Superior de Xustiza, do
proxecto de acondicionamento da Cova do Rei Cintolo, e de todos os traballos
relacionados con este proxecto. De momento están así as cousas, sen saber moi
ben que pasará no futuro, o que demostra que se deron os pasos axeitados para
lograr a non desfeita da máis representativa cavidade galega. Dende a FGE fíxose
constar o agradecemento a Pablo Abelló polas xestións legais levadas a cabo e
pola súa implicación sen que isto ocasionara algún gasto extra á Federación,
dende o G.E.S. e tamén de Montañeiros Celtas agradecemos esta labor e
felicitamos a Pablo Abelló por saber levala a un termo tan positivo para a
cavidade, con persoas coma el este mundo é máis responsable. Dende a Sección
tamén agradecemos o apoio sempre incondicional na defensa desta cavidade de
todos os socios. A reunión comezou ás catro e rematou ás sete e media, asistiu a
vogal, Lourdes que logo continuou a Liñares con Eugenia.
A Sección
Espeleonovas
.
>> 20 - 24 de marzo: Espeleoloxía en Cantabria. Visitarase a Serra do Hornijo
para preparar o campamento de verán e tamén outras cavidades da zona.
.
>> 24 - 27 de marzo: Encontro
G.P.S. - GES Celtas - 2005. Os nosos amigos de Portugal devólvennos a visita e
iremos a Cobas.
.
>> 9 - 10 de abril: XXXVIII Campamento Galego de Espeleoloxía. Organizámolo nós
en Pedrafita.
.
>> 7 - 8 de maio: Campamento Galego Infantil-Xuvenil Espeleoloxía. Organizado
polo E.C.Aradelas en Cobas.
..
>> Lembrade que se fan actividades que non figuran no calendario, pasade polo
Club (de paso botades unha man) e vos enterades!
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
¡SÓ FALTABAN OS ICEBERGS!
Inmersión nas Illas Cíes, 19 de febreiro
O sol matutino enganounos ao saír de casa: ía un frío que pelaba. Aínda así,
tres intrépidos Celtas, Sechu, Xabi e Pilar (a que escribe), atrevémonos coas
xélidas augas da Ría de Vigo.
Antes de baixar ao peirao do Real Club Náutico de Vigo, Sechu e máis eu baixamos
buscar material ao club. É unha alegría que o pouco material do que dispón a
sección de Actividades Subacuáticas sexa solicitado polos socios, se ben, por
falta de uso, require sempre algúns axustes.
Ás dez da mañá quedamos con Ángel e Javi, do Club Mergullo Ribeira Sacra (Ourense)
con quen xa nos temos mergullado noutras ocasións. Só eramos cinco, así que,
como estabamos en familia, tardamos máis do normal en prepararnos porque o
tomamos con calma. Cargamos a zódiac con todos os sub-aparellos (agás a caixa de
material do pobre Ángel), repostamos combustible e... ¡puxemos rumbo ás Illas
Cíes!
A parada para amosar a documentación aos gardas do Parque Nacional era obrigada.
A continuación dirixímonos cara ás augas que resgarda a illa que se atopa máis
ao sur. Concretamente ancoramos a zódiac nunha zona denominada Carrumeiro.
Finalmente só baixamos catro, pois Ángel non tiña todo o equipo. As parellas de
mergulladores foron: Xabi-Javi e Sechu-Pilar.

Sechu, Pilar e Xavi, a beira das Illas Cíes
Nada máis botarnos á auga, o meu primeiro pensamento foi:”non vou aguantar nin
cinco minutos”, aínda que ao final aguantaría case unha hora. Os compañeiros
comentaba que, no que ía de ano, probablemente era o día no que a auga
rexistraba a menor temperatura.
A nosa valentía foi recompensada. A visibilidade era proporcional ao frío, polo
que puidemos mergullarnos comodamente, sen ter que estar pegados ás aletas do
compañeiro para non perdelo. Atravesamos un fermosísimo bosque de gorgonias que
se balanceaban ao son da corrente. A súa claridade destacaba sobre o resto do
fondo, co que nalgúns puntos parecía que estaba nevado. Descubrimos un centolo
camuflado deste coral, o que resultou moi simpático. Tamén entretivémonos con
nudibranquios brancos e pepinos de mar. Así mesmo contemplamos un par de sepias.
Normalmente soen pararse un pouco a observarnos (como nós a elas), pero esta vez
non estaban de humor. Supoño que sería o frío.. Como colofón do mergullo,
atopamos unha repisa de rocha baixo a que se abeiraban decenas de fanecas. ¡Que
marabilla de mergullo!
O único dato negativo do mergullo, ademais de que Ángel quedara sen mergullo, é
que Sechu tivo que saír antetempo porque o seu manómetro se volveu tolo, e tan
pronto marcaba que a botella estaba baleira como que tiña aire de sobra. A
próxima vez a botella estará arranxada e a auga máis quente, así que non
perdades o próximo mergullo.
Pilar Orche
ENCARGADO DA SECCIÓN
Durante os próximos meses, ata o verán, atopareime lonxe de Galicia. Na miña
ausencia Fernando Fernández Rei, Vicepresidente do Club, farase cargo da Sección
de Actividades Subacuáticas. Para calquera consulta non dubidedes en acudir a
el.
VINDEIRAS ACTIVIDADES
MARZO
20 Gerés (Portugal) Sendeiro tranquilo. Serra do Gerés S.D. Sendeirismo
20-23 Cantabria Serra Hornijo e outras S.D. Espeleoloxía
24-27 Cobas Encontro G.P.S. (Portugal) - GES M.Celtas S.D. Espeleoloxía
24 - 28 Alto Campoo (Cantabria) Serras de Hijar, Cordel, Peña Labra e Cebollera S.D. Montañismo
ABRIL
2-3 Vilanova Trevinca S.D. Bici de Montaña
2-3 Torrebarrio (León) Alpinismo - Corredores: Peña Ubiña S.D. Escalada
3 Río Miño Familiar. "Na busca do Tesouro III" S.D. Montañismo
3 Padrón Saída de cultura literaria S. Cultura e Medio Ambiente
8 Local Social Charla "Mochilas" S.D. Montañismo
9-10 Pedrafita Campamento Galego Espeleoloxía FGE - S.D. Espeleoloxía
9-10 Muxía Camiño Fisterra. Etapa IV: Muxía - Fisterra S.D. Sendeirismo
9-10 Serra do Xerés Inauguración Refuxio de Albite e ascensión ao Fontefría FGM
9-10 Budiño II Encontro de Escaladores Clubs Azimut e Alud
15 Local Social Charla "Alimentación na Montaña" S.D. Montañismo
16-17 Campo Lameiro XL Campamento e Marcha Galega de Montaña. Castro de Penalva FGM - C.M. Celtas
22 Local Social Charla "Botiquín de Montaña" S.D. Montañismo
23-24 Monte Castrove Curso de Orientación en Montaña FGM - EGAM
23-24 Caurel Práctica de Socorro. Aradelas FGE - GEG
24 Monfero Marcha de Primavera: Monfero-Xestoso S.D.Montañismo- C.M. Ferrol
24 Baiona Campionato Social de Pesca Submarina S.D. Actividades Subacuáticas
29 Local Social “Apertura e presentación XXXVIII Operación Benxamín” S. Infantil-Xuvenil
30-1 Monte Aloia Infantil. XXXVIII Operación Benxamín. S. Infantil-Xuvenil
30-1 Pajares (León) Travesía: Pajares - Oubiña. S.D. Montañismo
MAIO
1 Caminha (Portugal) Sendeiro tranquilo. Circular de Caminha S.D. Sendeirismo
7 Salceda de Caselas IV Marcha de Fondo - Marcha das Greas: Salceda - Pazos de Borbén FGM
7-8 Ribeira Sacra Infantil. XXXVIII Operación Benxamín. S. Infantil-Xuvenil
7-8 Trevinca-Vilanova Iniciación á Montaña: Peña Trevinca dende Vilanova S.D. Sendeirismo
7-8 Cobas Campamento Galego Infantil-Xuvenil Espeleoloxía FGE - E.C.Aradelas
7-8 Curso de Escalada - Iniciación FGM - EGAM
8 Xuvenil. Darlle ao pedal S.D. Bici de Montaña
Edita: Club Montañeiros Celtas.
Dirección, maquetación e montaxe: José López Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle.
Colaboran neste número: Françoise Fauré, Isabel Maestu, Juanjo Vázquez, Daniel
Covelo, Borja Varela,
Paula Baña, Manoel Chao, Concha Gilino, Elvira Álvarez, Conchi Barciela, Pilar
Orche, Lourdes Castiñeira,
Marisa Núñez, Marcos Rodríguez González, Evaristo Fandiño, Fernando Fernández
Rey.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus
colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado
Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Dirección Xeral de Política Lingüística