Boletín de Marzo de 2004

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines CalendariosFotos Enlaces



 
 

     UNHA MULLER NO CUMIO: CHUS LAGO

 Poucas aventuras teñen maior risco que escala-lo teito do mundo. En 1999, Chus Lago subiu ata o cumio do Everest e ó facelo converteuse na única muller española que o conseguira ata entón sen axuda de osíxeno, ademais de nunha das deportistas de elite máis destacadas do panorama español.
 Pero como ela de, escalar non é só preparación física e técnica, así como coñecementos meteorolóxicos e cartográficos. O máis importante para retar á natureza cando esta se amosa en toda a súa nudez e soberbia é coñecerse a un mesmo.
 Chus escribiu un novo libro no que relátanos as súas viaxes ó alto e ancho do planeta, por paraxes intrigantes e descoñecidas, ó lado de personaxes intensos e misteriosos. Toda unha biografía apuntalada sobre valores como a amizade, a confianza, a seguridade e o amor polo mundo que nos rodea.
  Chus Lago (Vigo, 1964) é a primeira muller española e a terceira do mundo que conseguiu chegar ó cumio do Everest sen osíxeno artificial.
  A pesar da súa fráxil aparencia, Chus destacou dende tempera idade como unha deportista cunhas aptitudes especiais parala montaña. Por iso puido facer cume en montañas tan difíciles coma o Cho-Oyu ou o Pobeda (Kirguizistán).
  Na actualidade e co ascenso inda recente a este, prepara unha nova expedición ó pico Somoni, na chaira de Pamir.
   No ano 2000 foi galardoada coa medalla de bronce do Consejo Superior de Deportes.

Plaza & Janes

Presentación do Libro

    27 de abril, ás 19.30 horas

Casa do Libro, Vigo
 

 “Despois de tantos anos apuntando con todas as miñas ganas cara a montaña, equivocárame ó pensar que os soños acababan alí mesmo; a fin non estaba naque cumio nin estaría en ningún outro; vivila montaña... ese era a fin.”

Chus Lago
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

COMISIÓN ESTATUTOS-COTAS

Esta Comisión redactou un borrador coa súa proposta dos novos Estatutos, que foi levado á Asemblea para dala a coñecer ós socios, co fin de que todos aqueles interesados en colaborar na súa redacción definitiva, participen facendo chegar ós membros da comisión as súas propostas ou suxestións. No vindeiro boletín convocarase unha Asemblea Extraordinaria a celebrar no mes de maio, para someter a proposta definitiva dos novos Estatutos e novas Cotas a debate e aprobación.

RESUMO DA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA DO  5  DE  MARZO

A Xunta Directiva do Club presentou ós socios a Memoria da xestión económica, deportiva e social do ano 2003, sendo aprobada por unanimidade despois dos correspondentes debates, tamén se presentou o orzamento para o ano 2004 que foi igualmente debatido, e aprobado por maioría, sen votos en contra. Os vocais das seccións fixeron balance resumindo as actividades realizadas.
Os proxectos da Xunta Directiva para este ano son, no aspecto deportivo, de continuidade  e consolidación do actual nivel de actividades e seguir fomentando as actividades xuvenís e a dinamización do esquí e a escalada. Se presenta o borrador dos novos estatutos e se informa de que teñen que aprobarse en maio, en Asemblea Extraordinaria; tamén se estudiará a modificación das cotas sociais. Pretendemos mellorar o sistema informático, a Web e instalar Internet no local, todo co fin de mellorar os servicios ós socios. Seguirase actuando na mellora dos Refuxios (actualmente trabállase no do Galiñeiro) e o fomento do seu uso. No local, unha vez que xa temos rematado o cuarto de material e a piques de terminar co mobiliario da biblioteca, esperamos poder emprender o peche da oficina, con mamparas. Respecto do libro que recollerá a Historia do Club, avanzase lento pero ca intención de rematalo... o antes posible. Por ser este ano o “50 Aniversario da 1ª Exploración Científico-Espeleolóxica da Gruta do Rei Cintolo” os actos centraranse na súa celebración, así os proxectos máis destacados serán: Campamento Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía, en Vegacervera na Semana Santa, ó que se invitará a tódolos clubs de España; realizar unha actividade conmemorativa en Mondoñedo; para novembro organizar unha Semana Espeleolóxica, con conferencias, encontro de espeleólogos, mesa redonda, cine...; editar unha Revista resumo destes 50 anos.
As propostas presentadas pola Xunta Directiva que foron aprobadas son as seguintes (a destacar que foron aprobadas por unanimidade):
1ª- conceder o Título de Socio Distinguido a:
       - ANTONIO ÁLVAREZ FERREIRO, pola súa           constante dedicación ó Club, especialmente no   referente as actividades cos rapaces, polo que   recibirá o homenaxe na clausura da Operación   Benxamín deste ano, en xuño.
- LUIS NOYA DOMÍNGUEZ, como socio máis antigo do Club, cumprirá 60 anos de asociado no 2005, polo que será homenaxeado na Cea Aniversario do vindeiro ano, en febreiro.
2ª.- Dedicar o Concurso de Fotografía de Montaña deste ano (III Edición, II Época) os membros da “1ª Exploración Científico-Espeleolóxica da Gruta do Rei Cintolo”

Memoria 2003

A completa e extensa Memoria, comeza cunha presentación do novo Presidente e nova Xunta Directiva, xa que produciuse unha renovación da directiva do Club tralas eleccións en novembro do 2002, e relacionase a súa composición. Inclúe un resumo das actividades das Seccións: Infantil-Xuvenil, Montañismo, Escalada, Sendeirismo, Bici de montaña, Esquí, Espeleoloxía, Actividades Subacuáticas, Cultura e Medio Ambiente, Actividades Sociais, e tamén das actividades destacadas dos Socios. Resume a participación do Club na IV Feira do Deporte Galego (Sportalya), a organización da Gran Travesía Ría de Vigo, do Ciclo Audiovisual “Natureza sen Límite” e do II Concurso de Fotografía de Montaña. Relación dos novos libros adquiridos ou doados para a Biblioteca, o Material deportivo comprado para prestar ós socios, e as actuacións nos Refuxios. Lembra a memoria de dous ex-presidentes: Philippot e Camilo Córdoba, que finaron este ano. De Secretaría, infórmase do número de socios, do número de licencias tramitadas en cada  Federación, das Comisións creadas e do número de reunións da Xunta Directiva, publícase o listado completo dos socios, co nome, nº socio e ano de ingreso. O informe de Tesourería inclúe: Balance de situación a 31/12/2003, Conta de Perdas e Ganancias a 31/12/2003, Balance de sumas e saldos a 31/12/2003, Liquidación Orzamento 2003, e Orzamento 2004. Cousas do Boletín: números publicados, total de páxinas, os colaboradores... Tamén relaciónanse as abundantes Listas de Participantes nas actividades. Inclúe Cadros-Resumo por seccións das Actividades Realizadas, e os Calendarios de Actividades do 2003 e o do 2004.
 


AXENDA

VVenres,  16  abril  “Vivencias e consellos dunha cantante de ópera para coida-la voz”,  por Neli Lapteva e Marina Lapteva. Charla. No Club, ás 20.30 h.

Venres,  23  abril  “A miña experiencia en “Médicos sen Fronteira”, por Carmen Pérez Orge. Charla e proxección diapositivas. No Club, ás 20:30 h.

Venres,  30  abril    “Travesía Aquilianos”, por Xosé Lois. Proxección dixital. No Club ás 20:30 h.
 


SECCIÓN INFANTIL - XUVENIL

         ENTROIDO INFANTIL

 O pasado 23 de febreiro, tivo lugar a festa infantil de Entroido. Como tódolos anos, a esta festa puideron asistir tanto socios coma non socios. Tivemos grandes cantidades de música, baile, xogos e por suposto galdrumadas a esgalla. Ese día, durante dúas horas, o local social encheuse de risas e xogos, os socios miúdos tomaron o club, e o converteron na súa festa particular. Finalmente, como vén sendo habitual realizamos un pequeno desfile fotográfico de disfraces con premio para todos e todas. A sección infantil-xuvenil quere agasallar a tódolos participantes desta festa, coa foto oficial dos disfraces. No club, están expostas as fotos nun enorme taboleiro, se queredes algunha delas, falade con Loúrdes que ten a copia da foto para que os levedes.

ALOIA,  6 e 7 de marzo

A Sección infantil decidiu facer unha marcha clásica, que moitos rapaces non coñecían: A Garrida  Aloia.
 Saimos o sábado pola tarde en vitrasa ( as mochilas levámolas nunha furgoneta) ata a Garrida, para dende alí comenzar a marcha cara ó Aloia. A tarde era preciosa (non o podíamos creer, o día anterior chovera a mares), así pouco a pouco empezamos a camiñar hacia o refuxio.  Contamos coa colaboración de dous axudantes impresionantes : Iago e Ramón que están a facer méritos para colaborar na sección.
 Mentras uns monitores facíamos a marcha  outros levabamos as mochilas ó refuxio e despois de colocalas en vista de que non había nada de leña, baixamos  a Malvas para poder comprar unha pouca. As explicacións de onde se atopa o aserradero non foron moi ben entendidas, asi que despois de dar varias voltas cando atopamolo sitio o dono non estaba, asi que cambio de plans. Voltamos ó refuxio e decidimos baixar cara o Galiñeiro, onde  nos atopamos os dous grupos. Charla , algo de picar e antes de volver a camiñar repañamos a leña solta que había polo chan, cargámola e aseguramos a chimenea encendida (deixamos leña na leñera, por favor o que a use que deixe unha pouca, - son as normas de utilización do refuxio-).
 A tardiña, cando chegamos ó refuxio cos rapaces distribuimos as literas, non había maneira de poñerse de acordo, canto máis espacio para durmir hai máis queremos.  Máis tarde cea e xogos ata a hora de acostarse. A verdade e que eran poucos pero a hora de durmir coma si fosen cen, non había maneira de que calaran o final o cansancio pode  e quedaron durmidos (inda que non por moito tempo, as oito da mañán o refuxio parecía a rúa do príncipe),
 O rematar o almorzo, paseo polos miradores, acompañados de Antonio e Paquita que chegaron o domingo pola mañán. Xantar, xogos e reparto de regalos (por parte de Antonio).
 Despois de recoller e limpiar o refuxio comenzou a  distribución en coches para baixar ata a parada do bus na Garrida.
 Gracias sobre todo a Xavi, por dedicar a tardiña do domingo a baixar nenos ó bus.
A Sección
 
 

SECCIÓN DE CULTURA

EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
PARQUE NATURAL MONTE ALOIA
Con motivo do 25 aniversario do Parque do Monte Aloia os responsables do parque están a realizar distintos tipos de actividades e exposicións en torno ó mesmo. Unha das que se andan a barallar en colaboración con Montañeiros Celtas está relacionada cunha posible exposición fotográfica composta por fotografías que teñan algo que ver co Parque, feitas por socios do club. Inda é un proxecto e non hai nada en firme, pero intentaremos organizala para o mes de Xuño ou para despois do verán se non hai ningún inconveniente... Así que vos animo a recompilar ou facer fotografía no Parque, aproveitando para visitalo e gozalo. Para ver como evoluciona o tema, podedes chamar ó club os mércores e contarémosvos como van as cousas. ¡Ánimo! ¡Contamos coas vosas fotografías!
 
CURSO DE FOTOGRAFÍA. NIVEL PERFECCIONAMENTO.

 Comezará despois da semana santa, ó día 14 ás 20 horas no club, ata finais de maio cun total de 15-20 horas en función do horario dispoñible (o horario definirase en función da dispoñibilidade dos alumnos e do monitor). Monitor: Martín García -Shambala-. Requirimentos: levar cámara réflex e ter coñecementos mínimos para o seu uso en manual e automático e dos conceptos básicos -diafragma, profundidade de campo, control de obxectos en movemento, composición fotográfica...-. O prezo está en función do número de horas e de se es socio ou non."

"Aviso para os socios participantes no II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA MONTAÑEIROS CELTAS´2003: Podedes recoller no club as fotografías presentadas ó concurso. Aproveito a ocasión para dárvo-las gracias pola vosa participación no concurso que esperamos se repita na próxima edición.
Isabel

“O TÍBET, AS SÚAS XENTES E A MONTAÑA”
CAPITULO V (e último):  A  TERRA  PURA  DE  SHAMBALA
Coa diseminación das ensinanzas sobre Kalachakra en Tíbet, o reino mítico de Shambala, chegou a ser incluído plenamente na vida interior do pobo tibetano e rexións culturais afíns, como Ladak, Buthan, Sikhim, Nepal, Mongolia, Lahu-Spity, zona dos Kalmucos e partes de Siberia.
Un gran número de escritos por escritores tibetanos, describen Shambala baseados en textos do Tantra de Kalachakra. Tamén numerosos escritores occidentais realizaron traballos, que como a película e novela HORIZONTES LONXANOS de James Hilton, foron vistos por millóns de occidentais. Tamén o equipo de Al Filo de lo Imposible, tratou numerosas veces a mítica Sangrilá que é outro nome de Shambala. De acordo á tradición, Shambala é unha terra pura habitada por seres humanos, con especial disposición espiritual cara a práctica da Tantra de Kalachakra. Está localizada ó norte do Río Sita, probablemente no este do actual Turquestán, ó norte de Tíbet e India, algúns escritos apuntan que sería ó Norte de Cachemira.
Shambala está dito que ten forma dun loto de 8 pétalos, o seu centro está rodeado circularmente por unha cadea montañosa nevada. Cada pétalo está formado por cadeas montañosas e ríos que cruzan dende o círculo exterior de montañas ata o centro do círculo. En cada un destes 8 pétalos hai 12 distritos, facendo un total de 96, cada un dos cales con un gobernador.
No corazón de Shambala, está o reino central, co magnífico palacio Malaya. Ó sur do palacio Malaya, encóntrase un mandala tridimensional de Kalachakra para explicar as técnicas de meditación con el ós seus cidadáns. Tamén hai outros mandalas construídos por varios reis de Shambala.
A terra pura de Shambala está chea de fragrancias con incontables árbores de preciosas follas, xardíns de marabillosas e delicadas flores, lotos, lagos, preciosas montañas, onde paxaros, animais e peces viven en paz e harmonía. Os habitantes de Shambala son xoves, atractivos e saudables. Eles nunca experimentan enfermidades nin guerras. Son bondadosos, naturalmente inclinados cara á virtude, non envexosos nin competitivos cara ós outros. Posúen poderes extraordinarios, tales como clarividencia e telepatía, eles gozan de gran gozo físico e mental, e viven en paz e harmonía. Son humanos cun karma sen mancha que dedican toda a súa vida á meditación. Moitos deles ós Tantras de Kalachakra e a outros tantras excelentes, conseguindo a iluminación nunha soa vida. Incluso os menos cualificados habitantes de Shambala, poden no momento da súa morte transferir a súa conciencia a unha terra pura.
Hai unha profecía, que durante o reinado do rei 25 de Shambala, que será o último rei de Shambala, violentas hordas de fascistas e fundamentalistas tomarán o mundo e intentarán romper toda paz e tranquilidade en Shambala. Unha gran guerra levarase a cabo liderada por este último rei de Shambala Rudra Chakri, e os seus heroicos xenerais, durante a cal os tiranos serán derrotados e o mundo verase libre da escuridade e tiranía, e emerxera a pura luz do darma.
De acordo co calendario de Kalachakra, estamos agora no reinado do Rei 21 de Shambala que ascendeu ó trono en 1927, e o reinado do último rei de Shambala comezará o 2327.
 Martín (Shambala)

ACTIVIDADES SOCIAIS

CEA 62 ANIVERSARIO

   O sábado 7 de febreiro reunímonos 106 comensais para a cea aniversario do Club. Tardamos un pouco en sentarnos á mesa, hai xente que se ve de ano en ano e hai moito que contar. Quizais esta demora fixo que o pescado non estivera de todo no seu punto, pero creo que todo o demais estivo ao gusto da xente.
   Como sempre, a entrega das medallas foi entrañable. Temos que engadir o nome de Mª Mercedes Agulla Campaña (Mery) á lista publicada no boletín do mes de xaneiro, recibiu a medalla ós 25 anos de pertenza ó Club.

ENTROIDO

O venres 20 de febreiro, esta vez o baile foi no Club para a ocasión do Entroido. Acudiron máis socios que o ano pasado aínda que podíamos ser máis.
A xente esmerouse en traer filloas, orellas e galletas caseiras entre outras cousas ricas.
Os premios (pedras de Santiago) foron, para o máis elaborado: a galiña ( Isa Blanco), para o máis divertido: a negriña peitugona (Mª Carmen Álvarez), e para o mellor: unha nena moi simpática (Ángeles Suárez). Este ano tamén houbo unha parella que viu con moito humor: o cardeal e a monxa (Miguel e Cristina Cáccamo respectivamente).

CHARLA SOBRE ÁFRICA

Unha semana despois do entroido era a “viaxe a África”. Intentei ambientar un pouco o local con teas, máscaras e música. Ibrahima fixo a súa exposición centrándose sobre todo sobre a estructura da familia. Tiña bastante gañas de conversar e seguiu o coloquio mentres a xente estaba ceando. Agradezo moito a Ibrahima por acercarse ao noso Club e tamén á miña amiga Hortence (na foto pequena). Creo que a salsa de cacahuete con polo foi moi apreciado. Para rematar probamos un pouco de mango (froita africana). Como o coloquio alargouse moito non houbo tempo para o baile.
O próximo trimestre esperamos ir a outro país con outro ambiente.

Lembranza

Non quero rematar estas liñas sen ter un recordo para Inola. Moitos recordarana acompañada dos seus fillos Gael e Amaya.
Foi despois de comer, no monte, un día precioso, soou un móbil: Inola falecera. Dúas horas máis tarde atopabámonos reunidos cos seus familiares.

O CORO

A xente que está ilusionada en participar no coro, pode anotarse na lista en secretaría. Imos cambiar de día: os venres a partir das 21.30 ou 22.00 h. Isa Blanco conseguiu un director... se se forma un grupiño ¡ Animádevos!.

          F.F.
 
 



SECCIÓN SENDEIRISMO

A GARRIDA-MONTE ALOIA-BAIONA

21-22 de febreiro

 Para a maioría dos sendeiristas esta ía ser a primeira vez que camiñariamos con mochila, xa que pasariámo-la noite nun refuxio e necesitariámo-lo mínimo para a fin de semana. Estabamos moi animados pero cautelosos coas nosas posibilidades, porque a ruta do domingo ía ser longa anque non difícil.
 O autobús que nos levaba á Garrida foi o C7 que saía da Praza de España ás 16,30 h. e ó que subimos ó longo do recorrido un total 18 persoas. Todo o bus pendente de nós xa que comentabamos con moitas risas a festa de disfraces do venres no club con algúns detalles poderosos das mascariñas. A tarde era fría pero soleada, así que con bo paso comezámo-la marcha. Acortamos pasando a través dun tubo que atravesa a estrada e que pon un pouco nervioso, logo un regato con moito lodo que nos puxo as botas de lama ata os nocellos, logo foi fácil anque sempre subindo ata o refuxio de Rogelio Pereira no Galiñeiro, víñamos polo PRG1 A GARRIDA-VINCIOS-GALIÑEIRO, e alí cambiamos ó PRG2 dirección AOLIA, bordeando A Loma do Raposo e Prado. Dende este punto puidemos gozar dunha preciosa panorámica das Illas Cíes. Ás 20 h. era completamente de noite, tendo que utiliza-las lanternas, para entón o camiño íase estreitando e converténdose nun pedregal bastante dificultoso para terminar nunha subida moi empinada de case un quilometro. Por fin o cume, chegamos ó refuxio ás 21 h. Alí nos esperaban catro compañeiros que por motivos de traballo non puideron subir con nós pero que si querían participar da fin de semana.
 Instalámonos, acendemos a cheminea, e fomos cear, parte ó restaurante e parte trouxo a cea e o fixo no refuxio, despois e cunha noite moi estrelada e fría demos un paseo ata o miradoiro. De novo no refuxio, charlamos e xogamos ó parchís pero en seguida nos deitamos, os últimos ás 0,30 h. Miguel espertaríanos mañá ás 8,15 h. para saír ás 9,30 h.
 O domingo amañeceu frío e gris, anunciando choiva. Despois de almorzar todos no bar e de recibir a máis compañeiros, agora xa eramos 28, saímos cara a Baiona, a ruta transcorre por San Antolín, Alto do Cereixo, Pontavedra, aquí paramos 20' para descansar e repor forzas, seguimos a  Candás, Curro de Pinzás, Bosques da Groba e a Granxa a onde chegamos bastante cansos e poallando dende ía case dúas horas  ás 14,45 h. Os primeiros abeiráronse no lavadoiro que tiña un tellado pero a case outra metade quedamos sen cobertura, así que preguntando a un paisano da posibilidade dun galpón ou algo onde abeirarse mandounos preguntar pola persoa que nos axudaría, e así foi, abríronos a sala onde fan as reunións comunais, con mesas, cadeiras e servicios, sentímonos encantados, démoslle as gracias e acomodámonos, ó pouco chega o primeiro señor con tres botellas dun delicioso viño de colleita propia para que o gozásemos, xa temos varias anécdotas de amabilidade dos nosos domingos de sendeirismo. E a última sorpresa dánola Miguel de Nigrán cando entra na sala vestido de bañista de principio de século, miúdas risas. “é que o rapaz vale para a xolda”.
 Despois deste descanso dunha hora, deixamos todo limpo, recollemos e saímos en dirección a Baiona polo GR58. Descendémo-la aba dun monte para chegar á fragua do río Baíña, Pedro, Miguel “padre” e Miguel “hijo” deron un bo escorregazo por axudar ós que non eramos capaces de baixar por aquela pendente, botamos uns risos, estas cousas eles sempre as toman con bo humor. A paisaxe por esta zona é preciosa. Moi esgotados chegamos ós Petroglifos de Baiona onde paramos 15' e xa Baiona, eran as 18,30 h. e levabamos 30 km. A metade do grupo colloeu o autobús das 19 h. o resto fomos beber algo e collemos o das 20 h. totalmente esgotados.
 Había bastante xente nova que comentaba que 30 km. son demasiados para facelos nun día e con mochila, e os non novos diciamos o mesmo, pero contamos con eles para a seguinte, anque  calquera día a Miguelón o matamos.
 Comentar que entrando en Baiona Miguel de Nigrán volveuse vestir de bañista, imaxinarvos o show, preguntando á xente onde estaba a praia....

        


 

GOIAN- NIÑO DO CORVO -
      - TABAGÓN - GOIÁN

29 de febreiro

Este domingo, último do mes de febreiro, desprazámonos por terras do baixo Miño para visita-lo val de Tebra e as poboacións de Tomiño e Goian.
Trala espera dos 5 minutos de cortesía, saímos de Vigo cun alto nivel de participación, 43 persoas ás que se unirían outras catro polo camiño. Como é costume, a nosa primeira parada foi en Tomiño para tomar café; ós 15 minutos estabamos de vola no autobús para dirixirnos a Goian.
A vila de Goian é a poboación máis importante do concello de Tomiño. Dicir Goian é evoca-la imaxe do transbordador que en poucos minutos te acerca á beira portuguesa, concretamente a Vilanova de Cerveira, poboación cun casco antigo moi ben conservado, estupenda feira e, para os sendeiristas, coñecida polas boas rutas que se poden realizar polas súas montañas. O autobús deixounos no centro da vila na que persistía a néboa que viña acompañándonos dende O Porriño, polo que nos vimos obrigados a  abeirarnos mentres nos preguntabamos se o sol tería a forza suficiente para despexa-lo día.
Despois dun pouco de asfalto seguimos por unha pista onde descubrímo-los primeiros viñedos; debemos recordar que este sendeiro recorre terras do Rosal, coñecidas pola producción dun viño branco, branquiverde ou dourado, fresco, aromático e transparente, considerado un dos mellores brancos de España, con denominación de orixe “Rías Baixas”.
A néboa empezou a levantar e pouco a pouco entramos en calor. Iniciámo-la ascensión, en principio suave, ata toparnos cun cortalumes moi pronunciado que nos obrigou a inicia-la subida con tranquilidade. Á metade de camiño alcanzamos unha pista onde Miguel “padre” nos esperaba para da-la opción de continuar por ela ou seguir ascendendo polo cortalumes. A opción levounos a formar dous grupos, antes ou despois os dous alcanzáramos o noso punto de encontro, o miradoiro do Niño de Corvo, de escasa altitude,  313 metros, e cunhas vistas marabillosas: o mar, o monte Santa Tegra, o val de Tebra, a ruta dos Muiños do Folón. E aquí a foto de rigor para inmortaliza-los 5,200 km.
Como todo o que sube baixa, descendemos por outro lado da montaña para recorrer todo o val acompañados por centos de viñedos. Alternamos tramos de estrada,  pequenos grupos de casas, e sendeiros ata chegar ó río Tamuxe onde realizamos unha pequena parada para toma-lo piscolabis na súa área de descanso e informarnos un pouco sobre a zona no panel que hai diante da casa da natureza emprazada nun antigo muíño. Seguimos camiño e sobre as 14,20 horas, con 15 km. nos nosos pés detivémonos nun prado para comer, charlar, … e botar un sono.  Ó cabo dunha hora continuámo-la ruta por prados, sendas ata alcanzar Tabagón, seguímo-lo camiño paralelo ó río con tramos de praias fluviais e unha pequena illa á que accedemos por unha rústica ponte de madeira.
Continuámo-lo camiño ata chegar á zona do transbordador de Goian; moi cerca de aquí encontrámo-las ruínas do forte de San Lorenzo que, ata non hai moito, estaba cuberto cunha espesa arborada que facía difícil a súa localización. A historia cóntanos que con anterioridade a este forte, en 1640 había un pequeno fortín para defender Goinn dos ataques portugueses, pero inda sendo defendido valentemente foi conquistado polos nosos veciños en 1663 e destruído.
Terminada a guerra, a Raíña gobernadora dona Mariana de Austria ordenou construír un novo forte de pedra máis cerca do río para bater con artillería e mosquetería á praza de Vilanova. A traza deste forte é o clásico cadrado con catro baluartes e foso, con tres revellines e un anaco de camiño cuberto. Hoxe en día consérvase a estructura principal anque ameaza ruína.
Na Guerra de Sucesión, 1703, ordénase ós Xuíces dos partidos de Barrantes e Tebra para que á costa dos seus vecindarios se reparasen os cuarteis do forte. En 1809 os franceses apodéranse de Tui e co propósito de invadir Portugal diríxense cara á Garda; aproveitando este itinerario ocupan o forte de Goian e dende el atacan con artillería á veciña praza de Vilanova, que contraataca e pon en fuga ós franceses.
Este forte, en acelerada decadencia, mantén guarnición ata 1843, sendo abandonado pouco despois e posto en puxa en 1873 para a súa venta en parcelas.
Finalizada a visita ó forte de San Lorenzo dirixímonos ó centro de Goian para tomar unha merecida cervexa como recompensa ós 23 km. de ruta, e regresar a Vigo ó redor das 19,45 h.
Cortalume

MONTAÑA - VINDEIRAS ACTIVIDADES

SERRA  DE  ALBARRACÍN

8 / 9 / 10 / 11  de  abril (SEMANA SANTA)

 Teruel existe e Albarracín tamén. O Club Montañeiros Celtas non organizara ata agora unha saída a esta serra. Esta Serranía é unha zona montañosa case inaccesible onde nacen moitos dos máis famosos ríos españois formando todos eles unha das máis extensas redes hidrolóxicas de España. Non ten grandes alturas pero chama a atención o mundo de imaxinarias formas sobre as súas rochas calcarias que a fan unha das máis belas da Península Ibérica. A cidade de Albarracín está declarada Monumento Nacional.

PROGRAMA:

Día 8: Sairemos de Albarracín seguindo o PR-5 ata Jabaloyas. 28 Km. Duración 6 horas. Opcional subida ó Jabalón ( 1692) o cal é unha das atalaias dos Montes Universales. Duración 1h. máis. Nas Serras de Jabalón encóntranse os macizos rochosos chamados “muelas”

Día 9: Dende Albarracín iremos polo PR-1 ata Tramacastilla de Albarracín  e despois polo PR-3 ata Bronchales. Ascenso á Serra Alta (1856) un dos cumes máis altos da Serra de Albarracín. 30 Km. Duración unhas 6 horas.

Día 10: Sairemos en autobús ata El Vallecillo (Ojos del río Cabriel). Seguirémo-lo GR 10-1 pola divisoria entre Teruel e Cuenca ata o nacemento do río Taxo na Fonte García. Seguiremos polo mesmo GR 10 1 ata Guadalaviar con ascensión ós Malenes ( 1825). 28 Km. Duración unhas 6 horas.

Día  11: Regreso a Vigo
 

OPCIÓNS:
 Moitas. En especial a paraxe protexida dos Pinares de Rodeno. No interior da paisaxe encóntrase un conxunto de arte rupestre levantino declarado Patrimonio da Humanidade. A 4 Km. de  Albarracín.

>>PRECIO BUS  :  53 €

>>SAÍDA :  23.00   horas do 7 de abril

>>ALOXAMIENTO: Cámping “Ciudad de Albarracín”
              PREZOS:Tenda, 2`70 € ; Adulto: 2`70 €; Nenos: 2 €
Conch

ACTIVIDADES  FEDERATIVAS

CAMPAMENTO E MARCHA
 GALEGA DE MONTAÑA
24-25 de abril

  Organizado polo Club Peña Trevinca (Vigo), esta veterana actividade nos fará visitar a zona de Carballedo, en Cotobade, Pontevedra. O domingo a marcha nos levará polo cumio do Arcela.
MARCHA DAS GREAS
8 de maio

   Esta Marcha de fondo de 50 km vai xa pola 3ª etapa no seu transcorrer polo Sendeiro das Greas. Nesta edición entre Herbille e O Porriño agardamos que aumente aínda máis a participación, pois unha das razóns de ser desta actividade é a difusión do sendeirismo e, polo reto de finalizar o percorrido e a continuidade da proba, o estamos a conseguir.

Vocalía de Actividades da FGM
 

CHUS LAGO NO POBEDA

Pobeda,
a montaña máis fermosa do mundo

 Todo comezou de maneira atropelada; chegar tarde o aeroporto, cando o avión está a punto de entrar en pista de despegue, é o que ten. Despois de insistir para que me deixasen embarcar non conseguín que o meu petate correra a mesma sorte. Quedou en terra. Ía escalar unha montaña que estaba situada na fronteira oeste da China e só levaba comigo unha cámara de fotos e o cepillo de dentes. Mentres eu recorría a metade do globo terráqueo saltando de aeroporto en aeroporto Toni xa empezara a indagar a maneira de enviarme a equipaxe a Kazajstan da maneira máis rápida posible. A espera en Almaty (a capital) foi do máis entretida xa que tiven moitas cousas que solucionar antes de prosegui-la viaxe. Merab (o meu compañeiro de cordada ) e eu tivemos que levar a reparar o ordenador portátil que  non funcionaba e indagar tamén en que fallaba  a conexión a internet . Por fin o 25 de xullo, vencida a lei de Murffy , poñiamos  rumbo cara a Tien Shan. Toni xa predicira que eu faría cume. “Tódalas expedicións que empezas así terminan en cima”.
 Viaxamos ata a fronteira de Kirguiztan. A axencia “Khan Tengri” ten instalado permanentemente un campamento base nun lugar chamado Karkara. Dende alí partiríamos en helicóptero cara ó glaciar Inylchek Sur tan pronto as condiciones meteorolóxicas o permitisen. Decidimos aclimatar nos arredores de Karkara mentres chegaba o momento de toma-lo último voo. Ascendemos a unha montaña fácil de 3.500 m de altitude.
 O 28 de xullo , a pesar da espesa néboa que nos obrigou a tomar terra precipitadamente en medio do bosque , alcanzámo-lo campamento base do Pobeda.
 Os primeiros días dirixímonos ó Khan Tengri con idea de aclimatar antes de ir ó Pobeda. Recoñezo que a ruta non me gustaba, está demasiado exposta ás avalanchas  pero ten a vantaxe de que en menos tempo e con menos desgaste físico conséguese alcanzar maior altitude. Pasamos dúas noites no collado norte, a 6.100 m, o lugar no que se une a ruta normal da cara norte e a da cara sur, a partir de aí ambas discorren pola aresta oeste ata chegar ó cume.
 Regresamos ó campamento base para descansar e prepara-la ascensión ó Pobeda. O tempo atmosférico era indubidablemente mellor que en anos anteriores e animámonos a saír  de seguido. O seis de agosto recorrémo-la longa lingua do glaciar “Zvyozdochka” en dirección ó campamento I. Instalámo-la tenda ós pés da parede norte, xusto no lugar no que se inicia o glaciar. O sete de agosto nevou intensamente todo o día e permanecemos en dito campamento á espera de estabilidade. Á mañá seguinte continuámo-lo ascenso. Mentres Merab e eu remontabamos os contrafortes de rocha e neve en dirección ó campamento II, vimos como outras tres cordadas máis se instalaban no mesmo lugar que nós acababamos de deixar. Empregamos nove horas en alcanza-las inmediacións do Diki pass, íamos demasiado cargados abrindo pegada a través da neve recén caída. A media mañá do día nove de agosto, mentres desmontabamos, as  cordadas que víramos o día anterior chegaron ata nós aproveitando a pegada aberta. Tratábase dunha cordada de alpinistas ingleses ós que xa coñeciamos de ter coincidido naquela mesma montaña, unha parella de rusos e de  Kolia , un guía kazajo, e do seu cliente. Ascendemos ó collado de Diki para toma-la aresta oeste. O tempo parecía definitivamente estable, colarámonos nun período de estabilidade e nos encontrabamos estupendamente. Cara ó final da tarde lembro ve-la posta de sol ó pés do glaciar Inylchek , a esas horas do día tódolos alpinistas e os pastores quirguices e kazajos  miramos cara o mesmo lugar, cara á parede de mármore  do Khan Tengri que se ilumina coma un medallón de ouro. A temperatura caeu en picado e andemos o forniño para derreter neve e abrir unha ilusión de  humanidade en medio daquel mar estático onde non existen nin os sons  nin os olores.
 Por encima do campamento III (5.800 m) comezaba a longa zona mixta da aresta . Partimos coa idea de ascender ata os 6.400 m e instalar alí o campo IV. Levabamos unhas dúas horas e media escalando cando nos cruzamos cun dos ingleses que regresaba de instala-lo seu campo IV nunha repisa a 6.100 m e que se dispoñía a baixar ó campo III. Agardamos pacientemente a que el rapelara primeiro para non estorbarnos nas cordas fixas. O inglés tardaba máis da conta, comentámolo entre nós pero non quixemos dicirlle nada para non desconcentralo. Tal vez debemos facelo, quen sabe se todo tería sido doutra maneira. Andy, o inglés, nunca chegou a rapelar. As cousas ocorreron con esa rapidez que o desarma a un, faino sentirse impotente, con esa calafriante realidade que che devolve a conciencia de que na montaña un simple fallo, un erro págase coa vida. Andy matouse diante dos meus propios ollos. Pregunteime porque no momento de caer non estaba ancorado á corda en lugar de estar agarrado a un feixe de cordas podrecidas. Pregunteime moitas cousas, acordeime dos nosos nese breve instante no que as cousas sucederon. Non puidemos facer nada por el, excepto comproba-lo lugar no que caira, chamar ó campamento base, dar aviso e agardar colgados unha hora a que aparecera o seu compañeiro de cordada e comunicarlle o ocorrido. Non me resultou fácil toma-la decisión de continuar,. á miña mochila de vinte quilos sumóuselle un peso extra; a imaxe daquel brutal accidente. Nada foi o mesmo por moito que intentei que aquelo non me afectase, inda así conseguimos chegar ata o lugar previsto.  O día once instalámo-lo último campamento a douscentos metros da aresta este, a 6.800 m de altitude, o tempo seguía estable. Á mañá seguinte partimos cara á cima. Encontramos a Kolia, a Shirota e á cordada de rusos á porta das súas tendas  dispoñéndose  tamén para partir. Despois de recorre-los tres quilómetros de aresta chegamos ó Obelisco, unha rocha que se ergue coma un farallón ós pés da pirámide somital. Descansamos, derretemos neve e proseguimos. Sentíame cansa, estrañamente cansa para o que en realidade camiñara aquela mañá, máis tarde o médico me diría que aqueles eran síntomas dunha deshidratación extrema. Canto máis arriba sobes máis costa renunciar, ó retardar anque sexa por unhas horas o momento de chegar ó cume e díxenme que sempre se pode un pouco máis, e tamén alberguei a sospeita que pagaría aquela teima, pero necesitaba unha compensación polo que me  tocara vivir días atrás, así que me puxen en marcha. Os nosos amigos baixaban do cume cando a nós inda nos faltaba unha hora para chegar, unha hora para a nova caída do sol, a hora máxica na que todos miran ó Khan e métense nas súas tendas a derreter neve. O noso paso polo teito da cordilleira foi meteórico, o tempo que se permanece no cume, en realidade non é importante. Descendemos cos cinco sentidos postos nas afiadas arestas. A xistra se desatara e anque só durou unhas horas bastou para xearme os dedos, a circulación non é tan boa se un sufre deshidratación. Sabía que me estaba xeando os dedos, pero nada podía facer excepto saír de alí o antes posible, “mellor perder un dedo que a cabeza” pensei. Cheguei ata o Obelisco movida pola razón e alí as miñas pernas dixeron que  non. Sentíame incapaz de dar un paso máis. Non me colleu por sorpresa, presentía que algo así sucedería dende o mesmo momento que saín da miña tenda aquela mañá. Enfronteime a iso da única maneira que puiden, se a miña cabeza me subira ata alí, tamén me baixaría. Tomei a decisión de pasa-la noite na aresta, a 7000 m de altitude, sentada na miña mochila e pedinlle a Merab que se fóra. Era o meu problema e a miña decisión, tampouco se gañaba nada con que el se quedara.
 Merab deixoume sobre a aresta con medo a que me quedase durmida e eu vino partir coa dúbida de se volveríamos  a vernos. Esas cousas que un pensa pero que non as confesa no momento. A noite tardou unha glaciación enteira en pasar. Amañeceu lentamente, coma se se acendera a luz dun misto na neveira dun barco, igual de minúscula, igual de infructuosa. Merab chegou cambaleándose e sen mochila, en medio dun vento xeado. Non fora capaz de mete-lo meu saco na súa mochila. Traía un pouco de comida e gas. Pasara toda a noite camiñando e estaba tan esgotado que non entendo como inda se mantiña en pé.
 A noite á intemperie me desgastara máis como era de supor pero inda me faltaban moitas horas por aguantar ata que por fin ó final da tarde, a punto de picar un segundo vivac, apareceu Dima Kormanov cunha tenda. Horas antes, os nosos amigos do campamento base enviaran un helicóptero con provisións. Unha viaxe inútil, as caixas cos víveres, a tenda e os sacos desapareceron sen tocar parede montaña abaixo. Un error de cálculo mentres as lanzaban dende o aire provocou que se perderan a ambos flancos do Pobeda.
A situación cambiou de pronto cando me vin no interior da tenda, bebín un pouco de líquido e entrei en calor. En seguida entrou Xabi, compañeiro de Dima, estaban alí para intenta-la cima ó día seguinte. Merab chegou horas máis tarde, conseguira chegar por segunda vez á tenda e trae-los sacos. O catorce de agosto, máis restablecida, emprendín o regreso. Dima acompañounos ata o campo IV e regresou ese mesmo día ata a súa tenda onde Xabi quedou de esperalo. Durante os dous días seguintes fomos descendendo máis rápido do que nun principio creramos. O que foi posible gracias a que catro alpinistas ós que o helicóptero deixara por riba do Diki para chegar ata nós esa mesma noite. Liberáronme da tarefa de instalar rapels, montar campamentos e leva-la miña propia mochila. O día 16 de agosto alcanzámo-lo campamento II. O camiño non era difícil e o helicóptero podería recollernos a todos nun punto á altura dos 4.800 m.. O doutor Dimitri, que formaba parte daquel grupo, aconselloume que voara, había por diante moita distancia por “patear”. Corremos cara ó lugar convido tras avisar por radio, e ó limite da luz montamos no xigantesco bicho de metal. Nuns minutos encontrámonos pisando herba, noutra vida, e se non fora polos meus nove dedos conxelados, as nosas caras destrozadas polo vento, pensaría que todo fora un soño.
 
Chus Lago
 

BICI DE MONTAÑA

 TORROÑA  07.03.04

  Esta vez o título non debería ser Bici de Montaña se non Duathlón de Montaña, xa que as características do terreo e as acusadas pendentes, fixeron votar pé a terra (nalgún momento), á totalidade de participantes. Notamos en falta, durante o percorrido, algúns clásicos da actividade, que non puideron asistir, e que dada a súa experiencia en camiñar coa bici ao lado, serían de gran axuda para os demais.
   Por outra parte houbo unha gran afluencia feminina (dúas), que volveron demostrar, o que son capaces de aguantar.
  A orografía era dura, por empinada e pola cantidade de pedras que había por algunhas zonas do percorrido, que facían de nós verdadeiros malabaristas do guiador.
  Comezamos o itinerario preto da aldea de Torroña, pola que  pasaríamos, internándonos na pista que nos levaría ao primeiro obstáculo, unha forte pendente que compartimos cun grupo de Quads (motos con catro rodas), por certo que para eles, non tiña moita historia a pendente, pero en ningún momento cambiariámonos por eles.
  Ánimo Quique, lle dicíamos a Enrique (expresidente), porque era a primeira vez que se embarcaba en semellante fregado, e chegou ao final, canso, coma os demais.
  O percorrido transcorreu por atractivas zonas de bosque e prados e algunha que outra corredoira. Despois dun longo zig-zag en descenso chegamos ao asfalto, onde despois de reparar algún pinchazo, de Manolo (non podía ser outro) iniciamos o ascenso por unha  pista longa e fácil pero cunha pendente constante, que fixo outra vez, empurrar pola bici.
  Xa nunha zona alta e cunha vista exquisita da baía de Baiona e as Cíes, axudado por un fenomenal día soleado e claro, chegamos ao lugar de partida, iso si antes cruzámonos cun pastor, con arredor de 100 ovellas, que estaba un pouco aburrido de tanto movemento polas pistas: motos, bicis, quads, cabalos, en fin que non conseguía reunir o rabaño en toda a mañá.
  Sen ningunha incidencia de interese, finalizamos sobre a unha e media, dando tempo aos que quixeron ir a comer a casa.
  Os que quedamos, fixémolo nun agradable recuncho, en Torroña, que se chama “Millo Verde” unha preciosa casa restaurada, onde finalizamos a actividade cun suculento caldo, cocido e demais exquisicitudes da terra.
Escrich


MOTAÑISMO

CAMPAMENTO DE INVERNO
Serra de Trevinca, 14  15  febreiro

    Ó igual que o ano pasado o campamento de inverno foi totalmente primaveral. Soamente encontramos unhas pequenas manchas de neve. A hora de saída era a perfecta, sábado ás 10 da mañá .Dereitos ata A Gudiña e despois unha visita ás esquecidas Medulas de Caldesiños. A comida foi na praia fluvial da Veiga. Chegamos ó Trisquel ás 4 da tarde. xa non perdemos tempo, deixamos a Cholo  e fomos facer montaña.
   Un grupo dirixiuse cara as minas de Volframio e outro grupo saíu para facer travesía. A este grupo acompañámolo uns cantos e fomos con eles ata o Maluro. Despedímonos no cume cun vento e frío glaciar. A pista que leva a casa de Cholo, fíxosenos eterna xa que íamos adiviñando o camiño. Chegamos de noite. No Trisquel estábase moi ben sobre todo despois dunha cea espléndida.
   O domingo foi outro día espléndido. O mellor foi que tivemos un guía de excepción. Cholo. Fomos todos xuntos pegadiños a el. Cholo estivo simplemente encantador e todos encantados detrás del. Subimos ó Fial ( 1843). Aquí encontrámo-las únicas manchas de neve. Os nenos felices. En seguida idearon un xogo para tirarse pola neve. Descendemos e dirixímonos cara ó Lago da Serpe. Sempre me gustou este lago porque o encontras inesperadamente. Parecía un lugar bucólico. Dende aquí vímo-lo  grupo de travesía pasando polos Sextís. Cholo fixo a subida con paso montañeiro, tranquilo pero firme. A baixada fíxoa ás carreiras cos nenos e algúns máis. Chegamos sobre as 4 ó Trisquel , xa chegara o grupo de travesía. Tivemos o tempo xusto para despedirnos de Marcos e Cholo e volta a Vigo.
   Gracias especiais a Emilia Garrido e ó seu fabuloso coche polas innumerables viaxes que fixo dende Vilanova á Ponte e viceversa.
Conchi

O grupo da Travesía

   Para non esquecernos de que os sábados son para durmir,  algunha que outra hora máis. Saímos de Vigo ás 10 da mañá. O día prometía soleado, e así foi. Como é costume tradicional durante a viaxe houbo paradiña para o café e logo partimos cara ás Médulas de Caldesiños, onde algún que outro mostrou as súas habilidades trepadoiras, primeiro baixando a gran velocidade pola Médula e logo a subida foi un tanto dificultosa, pero non faltou animación e o rapaz chegou arriba.
    Chegamos a “Casa de Cholo” o Trisquel na aldea de Vilanova a media tarde e aquí dividiuse o grupo. Os que quedaron na de “Cholo” a durmir quente  e os que optamos durmir un pouco máis fresquiños que subimos cara ó Maluro (1934).
Cando chegamos ó Maluro xa comezaba a escurecer polo que houbo que buscar de seguido zona de acampada. Unha vez montadas as tendas , o frío apertaba máis, pero cunha boa cacharela e unha tertulia ó seu arredor todo se fai máis levadeiro.
   Ó día seguinte, cun sol espléndido saímos cara ó Trevinca Sur (2137), pasando antes por “Penas Negras” (2123). As vistas foron moi xenerosas xa que o día así nolo brindou.
    O retorno foi tamén dividido, pois os Antonios  optaron por volver polo mesmo camiño e o resto pola Serra Calva, pasando poso Sextil (1759), onde Miguel nos deleitou con baño no río e sesión fotográfica. Despois de cruza-lo río  chegamos a unhas antigas minas de Volframio, e por unha pista nun principio ascendente, chegamos de novo a Vilanova. Unha cervexa na terraza do refuxio e listos para volver.

ESCALADA

Onde escalo ? . . .
No “boulder” instalado no local, naturalmente!

   Eh! , xa tes un “muro” á túa disposición; que esperas para estrealo e  engancharte a isto da escalada.
   Podes usar esta instalación de martes a xoves de 19:00 a 21:30 h.
   Non esquezas ler o regulamento de uso que está sobre o panel de sobreira; tamén tes información de como usar esta instalación así como de exercicios de quecemento e  de estiramentos para que non teñas ningunha lesión que che impidan seguir gozando; ah! xa esquecía, se ti es menor de idade, pensa que debes ter unha autorización paterna (modelo á túa disposición no club) e sempre terás que estar acompañado dun adulto.
   Temos moitos proxectos; un destes é facer unhas xornadas de iniciación así como facer a primeira competición de escalada en boulder entre todos aqueles que queiran participar.
   Parece interesante, verdade; pero o máis importante de todo e que ti teñas interese  e motivación por  meterte de cheo nesta “historia”.
   Veña , anímate a usar esta instalación ; seguro que repites.
Se tes algunha dúbida , ou queres facer algunha consulta pasa polo local e fala co responsable de escalada ou calquera outro directivo.

Xornadas de iniciación a escalada

Os próximos días  Martes 27 e Xoves 29 de abril  as 20.00 h a Sección de Escalada organiza unhas xornadas de iniciación á escalada dirixidas a  tódolos/as socios/as con idade superior a 12 anos (os menores de idade precisan de permiso paterno).

Usaremos o rocodromo  que esta no local, porque permítenos trasladar movementos e determinadas posicións que debemos realizar, cando estamos a escalar nunha vía, en calquera lugar no que esteamos a practicar escalada; tamén daremos información, sobre exercicios de quecemento, para facer antes de comezar a escalada; aprenderemos a xogar no rocodromo facendo máis divertido o entreamento nesta clase de instalacións.

Só espero que vos animedes e que nos vexamos  neses días.

Manoel Chao

ESCALADA EN XEO
VAL DAS FERVENZAS. A BAÑA . MACIZO DE TREVINCA.

   Incredulidade: ¡O macizo de Trevinca practicamente está pelado cando o pasado luns estaba ateigado de neve!.
  Sorpresa: ¡As fervenzas de xeo do val que se abre entre o Picón e o Acillino están formadas e destacan inestables na penumbra deste impresionante circo!.
  Aínda que dende o ano 1.990 temos noticias da apertura de varios itinerarios no VAL DAS FERVENZAS por membros de MONTAÑEIROS CELTAS (Desnivel nº67. Páx 91-93), nunca tivéramos oportunidade de velas nestas condicións e moito menos de gozar escalando nelas.
   O pasado domingo 7 de marzo foi o día. Quen nos ía dicir que despois da decepción da repentina retirada da neve poderíamos gozar dunha bonita xornada de escalada en xeo. A aproximación  dende o coche levounos 1h e 15' despois de sufrir polas infernais pistas das canteiras de lousa que ameazan seriamente o macizo de Trevinca e a nosa estabilidade emocional. Unha vez no val do regato do Cuadro o panorama cambia e xa non hai rastro da actividade mineira, agás algunhas pistas que non van a ningures, e sempre diante dos nosos ollos a impresionante parede onde están penduradas en máis que dubidosa estabilidade as cascadas de xeo.
   Unha vez valoradas as condicións; hai xeo pero nalgunhas partes semella insuficiente e corre a auga, decidimos intentar o percorrido de maior lonxitude do circo pero que parece máis fácil de protexer por discorrer encaixado na rocha a esquerda da denominada XELO'S FIESTRA.
   A selección foi a estilizada fervenza PÍDENOS PERMISO, III-4, 105 m (segundo www.infohielo.com e Desnivel nº69, páx.85) cun percorrido disposto en chanzos nos que alternan varios treitos de entre 85-90º con outros máis suaves e pasaxes en rocha de entre III e IV+ para evitar zonas de xeo pouco espeso e polo tanto demasiado perigoso para progresar e colocar seguros.
   O tempo empregado foi de 3 horas (cordada de dous) para unha escalada que en varias seccións delicadas precisou de moita paciencia e delicadeza pola mala calidade do xeo, en contraste con zonas onde gozamos dun medio de excelente calidade.
   En canto ó material, as nosas actividades sempre tenden a ser “lixeiras”, levamos ademais do material persoal; -2. ½ cordas de 40 m.  4 friends números pequenos, -1 xogo de fisureiros, -7 cravos variados (3 v grandes, 3 v pequenos, 1 universal pequeno), -3 parafusos de xeo, -4 mosquetóns con seguro, -Aneis de cordino e cinta,  7 cintas exprés (4 cortas e 3 largas),e -1 maza.
   Na parte superior do circo tivemos a oportunidade de contemplar outro marabilloso regalo da natureza en forma de fervenza de xeo: DIVINE, II-3, 30 m, en todo o seu esplendor, cunha aparencia de maior consistencia que as que arrancan no fondo da parede.  Agardamos que o inverno tan raro que nos tocou este ano conceda cando menos outra oportunidade de volver ó xeo neste marco tan atípico como incomparable.
    O retorno levounos 1h 30' despois de ascender ata a crista do Acillino para salvar o chanzo rochoso que pecha o circo pola dereita e poder gañar o val do regato do Cuadro por unha empinada ladeira. Novamente as pistas con pouco sentido e o coche na proximidade dunha monstruosa canteira.
   Nesta ocasión regresamos a casa  sorprendidos e moi, moi satisfeitos.

 Ubaldo e Ramón Vila
QUIROGA

ESPELEOSECCIÓN

     Este mes as actividades resistíronsenos. A de xuvenil, con só tres mozos apuntados houbo que suspendela por mor da neve, máis non a suspendemos. Convocarémola de novo cando estes mozos non anden con exames. As xornadas de instalación e equipamento houbo que aprazalas por mor de permisos, pois a Serra Encina da Lastra está xa declarada Parque Natural, e agora para calquera actividade hai que pedir permiso. Aproveitamos para avisar que hai que solicitar permiso mediante Fax con tres días de antelación polo menos.  Estas incidencias e outras como a Asemblea Extraordinaria da FGE para trata-lo estudio da Deputación sobre a Cova do Rei Cintolo, fixeron que as covas nos quedaran un pouco lonxe.

21-22 Febreiro. Vegacervera.
Preparación do campamento infantil-xuvenil
do 50º aniversario.

 O sábado cediño, para non chegar moi tarde a Vegacervera, saímos Emilio, Daniel, Alberto e Carol. A neve non nos abandonou en case todo o camiño e a fin de semana. Primeiro, aproveitamos para falar co alcalde e darlle a coñece-lo noso proxecto. Gustosamente, ofreceunos a súa colaboración cedéndonos o polideportivo para o campamento, cousa que agradecemos moitísimo. Xa amañadas un pouco as cousas burocráticas, preparámonos para coñecer algunhas covas novas nas que poder meter ós rapaces do campamento. Fomos cara á zona de Sta. Lucía, comemos nunhas antigas instalacións dun campo de tiro e buscámo-la Cueva de los Grajos. Xa enfundados e con neve e máis neve todo ó redor, metémonos na cova. Pequeniña, divertida e que da moito xogo para os rapaces, pudendo subir á cova dende Sta. Lucía por un pequeno sendeiro que hai algo abandonado.
 Subimos xa andando pola estrada e fomos en busca doutra cova (Cueva del Laberinto), que se atopa por detrás do campo de tiro onde coméramos. Buscamos e buscamos por todo aquel farallón calcario pero non demos con ela, a pesares das indicacións dun paisano da vila que pasaba pola estrada. Non sei como non a atopamos, se estaba “ó lado daquela faia solitaria” (sen comentarios, porque aquelo estaba cheo de faias). Fíxosenos de noite, polo que, retirada ó cámping, onde topamos cos compañeiros de Irmandiños. Cea, charla e a levantarse cedo para ir buscar máis covas. Atopámo-la CVA-3 e recorrémola por un interminable laminador ata unhas pequenas salas ó final da cova. Volta xa para a saída, facéndosenos máis curto o laminador e busca, tamén na zona, da Cueva del Perro. Por falta de tempo non puidemos entrar nela pero xa queda localizada, a máis doutra sinalada como ECM-99 que non sabíamos dela.
 Pasamos outra vez por Vegacervera para volver falar co alcalde, que non estaba, pero a súa muller facilitounos máis información.
 De volta para Vigo, máis práctica coas cadeas do coche, que esta fin de semana xa tivemos dabondo, pois o porto do Padornelo pechado a camións, e os coches con cadeas. Chegamos a Vigo sen máis problemas que os do tráfico e co gustiño de ter pasado unha fin de semana nunha zona preciosa e co encanto engadido de vela toda nevada.
6 Marzo. Asemblea xeral extraordinaria da F.G.E.

 O tema extraordinario desta asemblea era un proxecto presentado pola Deputación de Lugo para o acondicionamento interior da Cova do Rei Cintolo. Seguimos dálle que dálle á cuestión. O proxecto carece de estudio de impacto medioambiental e por iso e outras deficiencias, non se aparta moito este proxecto do anterior presentado polo Concello-, convocouse esta asemblea para que todos nos pronunciáramos. Así foi que asistiron nove Clubs, dous deles sen representación na Asemblea, estudiouse o proxecto, co asesoramento do avogado que leva o asunto, e determinouse por unanimidade presentar alegacións polas carencias do proxecto, esperando que en breve o borrador de Monumento Natural deixe de selo e a administración teña que ser máis seria á hora de proxectar destrozar un ben natural que logo nunca será reversible. Así a conclusión é que a maioría dos espeleólogos galegos seguimos estando en contra da destrucción da cova máis emblemática e grande de Galicia.
 
Espeleonovas

>> XXXVII Campamento Galego de Espeleoloxía. Celebrado no Courel do 19 ó 21 de marzo, foi organizado polo  GES Ártabros.
>> Actividade en Vegacervera. Para ultimar preparativos do Campamento Infantil-Xuvenil a nivel estatal, do 27 ó 28 de marzo.

50 Aniversario: Campamento Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía e VIII Campamento Galego Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía

Para celebra-lo 50 aniversario do G.E.S. estamos ultimando a preparación do Campamento, no que invitamos a tódolos clubs españois de espeleoloxía. Será en Vegacervera-León,  na Semana Santa, do 3 ó 11 de abril. Coincidirá co VIII Campamento Galego Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía (que volvemos organizar unha vez máis).
Precisamos da túa participación (precisas da licencia de espéleo e ter menos de 18 anos). Ímolo pasar en grande, para lembrar durante os outros 50 anos. Pero se tes máis anos precisamos colaboradores: ofrecemos traballo e divertimento. Querémo-lo teu dinamismo e o teu sorriso. Vén e colabora. Máis información no club.
A Sección

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

A PRIMEIRA INMERSIÓN
O pasado domingo 15 de febreiro realizámo-la primeira inmersión do ano. A pesares das datas, o tempo acompañou. Confiamos en que sexa a primeira inmersión dun ano moi submarino...

CURSO DE FOTOGRAFÍA SUBMARINA
Durante a fin de semana do 6 e 7 de marzo, tivo lugar na sede do Riberira Sacra Mergullo, en Ourense, o curso de Foto Submarina da Federación Galega de Actividades Subacuáticas. O profesor foi J.J. Candán, coñecido fotógrafo e cámara subacuático vigués. Na súa compañía aprendemos, tanto os fundamentos da fotografía en terra, como as aplicacións e os accesorios usados baixo a auga. As prácticas en piscina gustaron a todo o mundo. De non ser polo especialmente cara que resulta esta práctica, a bo seguro que algúns de nós xa estaríamos pensando no noso primeiro equipo fotográfico submarino.

CAMPIONATO SOCIAL
DE PESCA SUBMARINA
O próximo 25 de abril celebrarase o Campionato Social de Pesca Submarina do Club. O lugar, inda sen determinar, o máis probable é que sexa o mesmo que o do ano pasado. En calquera caso, realizarase en augas da Ría de Vigo. Para participar é preciso contar cos permisos e licencias requiridas, así como inscribirse no Club, onde encontraréde-la información que necesitedes. Animarvos a participar, pois os tres primeiros clasificados representarán ó Club nas competicións galegas de Pesca Submarina.

A Subvirulillas
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

 
ABRIL
 4 Cesantes PRG. 48  Entre Rías S.D.Sendeirismo
 2 a 11 Alto Atlas (Marrocos) Actividade Internacional FGM
 4 a 10 Vega Cervera (León) 50 Aniversario G.E.S. - Campamento Infantil nacional S.D. Espeleoloxía
 8-9-10-11 Teruel Serra de Albarracín S.D. Montañismo
 16 Local Social "Vivencias e consellos dunha cantante de ópera" S. Cultura e Medio Ambiente
 17-18 Sanabria Iniciación á Montaña: Lago Sanabria - Montes de Cabrera S.D.Sendeirismo
 17-18 Vilanova Trevinca S.D. Bici de Montaña
 17-18 Castrove Curso de Orientación en Montaña EGAM
 18 Río Miño Familiar. "Na busca do Tesouro II" S.D. Montañismo
 23 Local Social "A miña experiencia en Médicos sen Frontera" S. Actividades Sociais
 24-25 Cotobade  XXXIX Campamento e Marcha Galega de Montaña  FGM - Peña Trevinca M.G.
 25 Baamonde O Camiño do Norte. Etapa V S.D.Sendeirismo
 25 Muiños do Folón Xuvenil. Saída etnográfica: Muiños S. Cultura e Medio Ambiente
 25 Ría de Vigo Campionato Social de Pesca Submarina S.D. Actividades Subacuáticas
 30 Local Social "Travesía Aquilianos" S. Actividades Sociais
 
MAIO
 1-2  Curso monográfico Cartografía-Topografía E.G.E.
 1-2 Val da Fornela (León) Ancares Leoneses. S.D. Montañismo
 8 Herbille - Porriño II Marcha de Fondo – Sendeiro das Greas FGM
 8-9 Monte Aloia Infantil. XXXVII Operación Benxamín. S. Infantil-Xuvenil
 8-9 O Courel Curso Perfec. Técnico E.G.E.
 9 Fontefría Xuvenil. Darlle o pedal S.D. Bici de Montaña
 9 Sobrado dos Monxes O Camiño do Norte. Etapa VI S.D. Sendeirismo
 
 

Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto Campos
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número:  Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Isabel Maestu, Martín García (Shambala), Françoise Fauré, Elvira Álvarez, Pilar Orche, José Luis Vázquez, Conchi Barciela,
Carolina Rodríguez, Conchi Gilino, Olivia Vidal Muiño, Maite Arocas, Cristina López Carballal,
Juanjo Vázquez, Chus Lago, Ubaldo Vila, Ramón Vila, Manoel Chao, Francisco Escrich.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado
Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en marzo de 2004.