Boletín de Marzo de 2003

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines Calendarios Fotos Enlaces



 
 

A “PICOS DE EUROPA” EN SEMANA  SANTA




O Parque Nacional dos Picos de Europa creouse en 1918 como Parque Nacional da Montaña de Covadonga, sendo o primeiro Parque Nacional de España. En 1995 ampliouse os tres macizos que constitúen os Picos de Europa cambiando o primitivo nome polo actual. Os seus 65.000 Ha. o converten nun dos maiores espacios protexidos do pais, abarcando terreos de tres comunidades: Asturias, Cantabria e Castela-León. Este Parque é un expoñente dos ecosistemas de alta montaña e bosque atlántico sobre unha xeoloxía dominada pola actividade kárstica.
As calcarias, que emerxeron dos fondos mariños fai uns 300 millóns de años, han orixinado un releve violento onde os altos cumios alternan con profundas gargantas e canóns. Así, en Picos existen 200 cotas de más de 2.000 metros de altitude e desniveis que alcanzan os 2.300 m
No Parque pódense atopar especies vexetais e animais de gran interese: faias e bosques mixtos, praderías de alta montaña con plantas exóticas e endémicas, aguia real, voitre branco, lobos, lontras, rebezos, etc.
Así mesmo, o espacio é un expoñente da cultura tradicional ligada ó pastoreo e á elaboración dos apreciados queixos locais (Gamonéu, Cabrales, Tresviso...) moi recomendables.             Sechu

Datas, aloxamento e actividades previstas

Realizaremos as actividade do 17 ó 20 de abril, gozando de 4 xornadas montañeiras. A saída de Vigo será o mércores 16, ás 24.00 h. O aloxamento será nun Albergue en Esanos a 3 Km. de Potes onde disporemos de 35 liteiras, dúas duchas, dous baños e cociña equipada (prezo do albergue: 3 € / día).
Dadas as enormes posibilidades desta zoa, temos previstas diferentes opcións para que os participantes podan realizar actividades axeitadas as súas pretensións. Requírese  a licencia de montaña para realizar as actividades de ascensión a cumios, a travesía e a escalada ou alpinismo.
1ª Opción.  Proxectámo-la realización dunha travesía dura. Sairemos, se é posible, dende o teleférico de Fuente De, se non a pé dende Espinama. Dirixirémonos cara a  Peña Vieja, Horcados Rojos ata a Vega de Urriello. Durante a travesía intentaranse realizar diversas ascensións que quedan supeditadas ás condicións da montaña.  A saída dende Vega de Urriello realizarase inicialmente cara a  Sotres e Tresviso.
2ª Opción. Realizaranse marchas dunha xornada con volta ó albergue.
 1ª.-  Subida ó Pico Cortes dende Espinama.
 2ª.-  Subida ó pico Coriscao dende Cosgaya.
 3ª.-  Subida ó impresionante desfiladeiro de Tresviso.
3ª Opción. Intentarase facer algunha vía de escalada na zoa de “Horcados Rojos” ou “Peña Vieja”. Tamén algún corredor na zoa do “Tesorero” ou “Peña do Friero”. Será imprescindible levar: casco, crampóns, piolet, arnés, mosquetóns...
4ª Opción. Tamén se poderá realizar actividade libre como a visita ó Mosteiro de Santo Toribio de Liébana e ó seu  val.       Conchi  e  Chao
 


 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

CAMILO CÓRDOBA PIÑÓN
O pasado 25 de febreiro, ós 90 anos de idade, finou en Vigo Don CAMILO CÓRDOBA PIÑÓN, que foi Presidente do Club.
De Camilo Córdoba estou seguro que hai xente que ten moito máis que dicir que eu. Mais o curto contacto que establecín no seu momento deixoume unha impresión que esixe de min un tributo. Camilo Córdoba comezou para min sendo unha voz noutro lado do teléfono que nos felicitaba as festas. Cando o Club decidiu a compra dun local social, a súa chamada foi para invitarnos a que fósemos a súa casa a recoller unha doazón para dita compra. Alí fun eu acompañado de Lourdes (en realidade a que foi propiamente invitada). Inmediatamente chamoume a súa inmensa humanidade. Recibiunos con alegría, nunha habitación repleta de libros ata o teito, mostrándonos orgulloso os boletíns do club que atesoiraba dende os seus comezos. Para el o club era importante. A pesar da idade, que aceptaba con simple resignación, compartía as alegrías dunha asociación coa que se sentía unido e identificado. Pero o que non fará fácil esquecelo foi  aquela bondade que parecía flotar como un campo de forza o seu arredor.
Henrique Soto

OBRAS NO LOCAL
Durante este mes de marzo realizamos unhas obras no local social para dividi-lo en zoas pechadas que permitirán unha mellor distribución dos servicios e polo tanto un maior aproveitamento do espacio dispoñible. Pola limitación dos cartos, de momento so pechamos o cuarto de material e a biblioteca, onde tamén fixemos un moble. Como resultado deste peche, agora temos un corredor de acceso o cuarto de material e ós aseos, nel situamos un armario encaixado e uns alzadeiros tamén encaixados na parede. Invitámosvos a visitar estes avances na mellora do local social.
DESCONTO ÓS MENORES DE IDADE
Para fomentar a participación dos rapaces nas saídas dos maiores e para reducir o custo das actividades familiares, decidimos subvencionar o 50 % do prezo dos autobuses para os menores de idade, sempre que vaian acompañados por un dos seus pais (e si este abona o seu 100 %)

LICENCIAS DE MONTAÑA
O solicitar a licencia de montaña pódese escoller entre dúas compañías aseguradoras: MGD ou Sabadell. A dúbida típica é non saber en que momento se empeza a estar asegurado, se no momento de solicitala no club, se cando a tramita a FGM... pois ben, o certo e que ata que a compañía aseguradora non ten dado de alta o montañeiro en cuestión, este non está asegurado, incluso, na MGD, han de transcorrer 5 días mais. Como dende o Club non podemos saber en que situación atópase a tramitación, o máis sensato é considerar o seguinte: UN SOCIO ESTÁ FEDERADO (E POR TANTO ASEGURADO) CANDO RECIBA A SÚA TARXETA FEDERATIVA, sendo esto válido para a compañía Aseguradora Sabadell, xa que para a Mutualidad General Deportiva han de transcorrer 5 días máis dende que se obten a tarxeta.
En caso de accidente, os asegurados con Sabadell deben dirixirse por teléfono á aseguradora (Tfno.: 902 116 666, que vos recomendamos anotar na propia tarxeta), os da MGD deben cubrir un parte na FGM.

CURSO DE ORIENTACIÓN
No anterior boletín dabamos conta da realización dunha nova edición do Curso de Orientación que impartirá o compañeiro Antonio Suárez. Realizarase unha nova reunión para os interesados o día 25 de abril no local, ás 21.00 h. Non faltedes!
 
 

SECCIÓN INFANTIL

Saída Infantil-Xuvenil a Manzaneda

Como xa vén sendo habitual, a sección infantil  xuvenil organizou a fin de semana do 22 e 23 de febreiro a saída de Manzaneda.
Foi unha actividade redonda, a primeira impresión o autobús: espectacular, vídeo (con películas), DVD, GPS (mirabamos o percorrido na pantalla da televisión), CD…. Os rapaces encantados coas comodidades das que gozaban.
Saímos con certo atraso (algúns cústalles madrugar) cara a Manzaneda. Paramos no alto de Couso, no cruce de Maceda, onde nos atopamos con outros dez autobuses que ¡OH! ían ó mesmo destino. A subida fixémola sen problemas (non había neve) e ó chegar, despois de falar cos responsables da Estación, acomodámonos nos bungalows (miúdo luxo).
Este ano, como novidade, decidimos face-la marcha o sábado, e a verdade e que foi un gran acerto. Despois de xantar, saímos cara ó Manzaneda Grande, en busca dunha boa pa de neve para poder facer cu-esquí. Todo o camiño foron facendo guerra de bolas de neve. Os rapaces gozaban un montón aínda que Jana pretendía que puxeramos orde na batalla. O chegar á “pa” todos a tirarse (incluído un pobre esquiador despistado que case nos atropela). Ó poñerse o sol baixamos para cambiarnos antes da cea.
No comedor (seguimos con luxos) organizámonos para estar xuntos sen ter nin causar problemas.
Ó rematar “DISCOTECA” , amenizada por unha coreografía a cargo de Nerea, Antía, Silvia e Inge. Os pequenos xogando á pita, os monitores bailando, Antonio contando historias e cantando. As 11,00 hora de deitarse. Logo de acomodarse cada un na súa cama (máis luxo) e un par de chamadas de atención para que calasen, todos a durmir.
Domingo de relax. Almorzo e piscina luxo total- (xa fixeramos a marcha o día anterior). O xantar fixémolo moi cedo, xa que había moita xente. Logo de recolle-los bungalows, tempo de xogos ata a hora de regresar.
A saída foi perfecta, como estaba previsto un fin de semana de luxo ata tivemos un sol de rachar. Temos que agradece-lo trato que recibimos por parte tanto dos responsables da Estación como dos monitores, empregados do autoservicio etc. en especial a Gustavo que estivo disposto a resolvernos calquera inconveniente.
Deica a  próxima.  Monitores da Sección


SECCIÓN DE CULTURA

CURSIÑO DE PERFECCIONAMENTO
EN FOTOGRAFÍA:

Está a celebrarse con moita interese por
parte dos participantes. Aínda podedes
 anotarvos a algunha clase solta pois
Serán módulos independentes.

SAÍDA MUÍÑOS  PETROGLIFOS:

Será o día 27 de Abril, con saída en coches particulares dende o Club, para recibi-las fermosas explicacións do noso monitor Varo sobre os Muíños de Saians e os petroglifos da comarca. Percorrido de aproximadamente 12 km Esta vez seguro que os temporais nos respectarán e teremos un inesquecible día no que aprenderemos moitas cousas interesantes e gozaremos dunha fermosa paisaxe.
Martín (Shambala)

 
 
 

ACTIVIDADES SOCIAIS

ENTROIDO

O martes 4 de marzo, como estaba previsto, intentamos reanudar a Festa do Entroido, antiga tradición do Club.
Decoramos o local, e cada un colaborou aportando que si lacón, chourizo, orellas, filloas, repostería en xeral. Todo rico, rico...
A verdade é que non houbo moita asistencia, estamos pensando en cambiar o día da festa de cara o ano próximo, quizais o venres sería mellor.
Os membros do xurado: Rosiña, Juanjo e Sechu, elixiron os premiados. Ó máis divertido para a aldeá chamada Zoila, ó máis elaborado para unha dama antiga de nome Maite e ó mellor para José Carlos vestido de mil e unha noite. Os premios foron para endulzar a vida e dar enerxía na montaña: un bote con mel do Caurel. Seguimos a festa bailando.
Gracias a todos os que se animaron a vir, esperemos que o ano que ven sexamos máis.

CORO

Como prometido no último boletín, volvemos a falar do coro. Propoñemos en principio unha reunión o mércores 9 de abril, ás 20.30 h. Xa hai cancións recompiladas e lembramos que se trata de pasar un rato agradable e sacar do olvido a aprender esas composicións antigas que a todos nos gustan cantar o escoitar en momentos de distensión.  Javier, Paco, Isa, Rosiña... vos esperan.
 


SECCIÓN SENDEIRISMO

Sendeiro das Greas GR-58  etapa-2ª
Domingo 23 de febreiro de 2003
FORNELOS  - PAZOS DE BORBÉN : 26,5 KM.
Ás 8,30 h. saímos en autobús dende o noso punto de encontro enfronte do club, recollemos xente en Chapela e Redondela. O día era claro e con boa temperatura pero con algunha nube, que só nun momento do camiño se convertiu nun curto chuvasco.
Chegamos ás 9,30h. a Fornelos e comezamos camiñar, eramos 33 persoas. Axiña nos demos conta que temos por diante unha boa subida, o que non sabiamos era que ía ser tan longa, de  feito os primeiros 12 km. son de continuo ascenso. Saímos da Igrexa de Fornelos
Por un camiño que nos levará ata a Ventín por unha zona arborada que nos obriga a cruzar unha rudimentaria  ponte formada por grandes bloques de pedra. Seguimos para Bustelos e Portela de Foxo para continuar ata o Couto do Corgo onde se encontra un dobre foso que se utilizaba antigamente para a caza de lobos, este foi o lugar onde fixemos a nosa parada de 15' para comer algo e descansar, eran as 12 da mañá. Dende aquí e baixando lixeiramente atravesamos A Braña de Chan de Andoriña e Chan dos Prados ambas de gran interese natural pola súa flora e fauna, realmente a paisaxe é de conto. Agora dirixímonos ata Couto de Eiras a 880 m., un miradoiro impresionante dende onde se poden ve-las Illas Cíes, é aquí onde caeron unha gotas, máis susto que outra cousa.  Agora tócanos baixada ata Traspielas  6 km. lugar onde queremos chegar para comer que se alongou ata as 15,40 h.,
xa todos mortos de fame.
Normalmente, M.C. dános un descanso dunha hora, hoxe só nos tocou 40' xa que aínda temos 8 km. por diante ata chegar a  Cuartos de Borbén.

Ás 16,30 h. comezamos de novo a marcha por un camiño de pedra chegamos ata A Ponte de Carboal para enlazar por unhas estreitas sendas e pistas forestais ata o camiño que nos baixaría ó Río Barragán por uns pasos de pedra moi empinados. Cruzámo-lo río por un sendeiro  de novo moi empinado pero esta vez costa arriba ata Xunqueiras onde esperamos que chegase o resto e descansamos uns minutos, a partires de aquí a cousa xa foi suave, estabamos cansados e queriamos chegar. O autobús estábanos esperando en Cuartos de Borbén, eran as 18.30 h pero antes tomamos algo no club social.
Había xente nova que esperemos repita a experiencia, porque para se-la primeira vez,  os 26,5 km. asustan un pouco.
De regreso, M.C., tan amable como sempre, foinos deixando en diferentes paradas para non ter que regresar dende o club.
Elvira Álvarez, Pilar Riveiro E Conchi Gilino
 

PROPOSTA DO MES: DE CABO SILLEIRO A MOUGAS
A ruta proposta permitiranos contempla-las espléndidas vistas  da Ría de Vigo e as coñecidas pozas de Mougas. A maior parte do percorrido está sen sinalar así que teremos que practicar un pouco de orientación e improvisar sobre a marcha.
Para comeza-la ruta sairemos dende Baredo (Concello de Baiona), internándonos na  aldea, deixando a un lado a igrexa e pasando por diante dun orixinal  lavadoiro con aspecto exterior de castelo  (case nada!). Ascenderemos por unha pista de terra que nos levará ata a antiga batería costeira, hoxe en día abandonada e moi deteriorada, onde poderemos empoleirarnos ó posto de dirección de tiro e ás distintas  casamatas taponadas dos canóns e así observa-la entrada da Ría, o lugar é pintoresco e merece a pena visitalo. Nas proximidades está o Faro Silleiro, en 1.866 inaugurouse cunha lámpada de mecha que utilizaba aceite vexetal, substituído en 1909 por unha lámpada de petróleo.
En 1924 inaugurouse o novo edificio no alto da montaña, a 85 metros sobre o nivel do mar e a un 250 da beira da punta da Negra.
Dende 1960 ten unha lámpada de 3.000 vatios que se pode ver a 40 millas con tempo despexado. Uns anos antes se instalara unha serena, unhas lentes de 25 quilómetros de alcance para orienta-los avións e un emisor eléctrico cun alcance de 200 millas.
Para retoma-la marcha regresaremos pola mesma pista de terra ata o primeiro  cruce onde un camiño paralelo á liña de alta tensión ascenderá pola parte traseira de Cabo Silleiro, despois no collado encontrarémo-las marcas do GR 58 que nos levarán por carreiros ata os primeiros altos da Serra da Groba, deixaremos o GR ó chegar a unha charca onde tomando a pista paralela ó mar empezaremos a recorrer a costa. Sempre por pista paralelos ó mar seguiremos en dirección sur ata chegar ós bosques de Mougas. Encontraremos entón as marcas dun GR hoxe perdido, o do Baixo Miño, seguindo o mesmo poderemos observa-las fervenzas e parte das pozas de Mougas. Ascenderemos ata o curro onde disporemos da inmensidade do mar e os altos de Corrubelo como contrapunto, máis alá pódese intuír Santa María de Oia Cos seus desaparecidos monxes artilleiros.
O regreso realizarémolo dende o curro tomando as distintas pistas que en dirección norte levarannos ata Chan da Lagoa. Unha vez alí, improvisaremos para volver a Baredo, podendo elixir varias opcións: Polo GR 58 que descenderá ata cabo Silleiro, polo Sendeiro dos Petroglifos que nos conducirá ás proximidades de Baredo ou buscando o noso propio camiño entre as marañas de pistas forestais,  atravesando bosque poboados por cabalerizas e gando vacún forraxeando entre pinos.
LONXITUDE: 20 Km (aprox.)
TEMPO: 8 HORAS
DIFICULTADE: MEDIA
TOPOGRAFÍA: S.G.E. 1:50.000 TUI 3-12 (260), 4-12 (261)



SECCIÓN DE MONTAÑA

CAMPAMENTO DE INVERNO
8  e 9   febreiro de 2003
Fin de semana soleado no Courel.
Saímos de Vigo ás 10.15 despois dun cambio de autobús. O primeiro era demasiado pequeno para os que eramos. Chegamos ó alto da Golada  ás 13:15, alí o autobús deixounos a 22 que estabamos dispostos a  subir ó Montouto (1.542 m.). O resto continuou ata A Seara.
Despois dunha longuísima pista que nos levou  dúas horas, estabamos na base do Montouto. Aquí empezou un pouco a complicación . ¡No Courel hai cada vez máis e máis pistas¡ Todo está decruado. Subimos por unha pedreira pola que a maioría caemos , chegamos á aresta e  estabamos no cumio tras tres horas de marcha. Bicos, apertas, fotos, algo de comer e para abaixo. Chegamos ó refuxio da Seara xa  de noite. O resto do grupo xa  tiñan a calefacción  posta, o cal agradecemos. Celebrámo-lo aniversario de Juan Carlos, ... anos. Non lle criamos. Pensabamos que se puxera anos. Para algúns a festa continuou  ata as tres da mañá.
O domingo ás 8.30 saímos do refuxio cara á Lagoa de Lucenza. Continuamos cara ó Formigueiros (l.643 m) Foi unha ascensión preciosa. Encontramos moita máis neve que o día anterior. ¿A neve? A  óptima para camiñar. Retrocedemos e dirixímonos ó Pía Paxaro (1.607 m). Sempre crin que o Pía Paxaro era o da caseta azul. Non, ese é o Paxariño, o Pía Paxaro  é o que está antes da caseta . ¡Hai un metro de diferencia¡ Os GPS  revoluciónano todo. Comemos no cumio. ¡Que ben se estaba¡ .Baixamos a Vilarbacú. Deume pena ver en que situación se encontra o antigo cárcere , era un edificio precioso. En Vilarbacú recolleunos o autobús ás 15 h e regresamos a Vigo.

CERDEDO - ASCENSIÓN Ó SEIXO E Ó CANDO
16 de febreiro de 2003
O Domingo 16 de febreiro unha extensa patrulla de montañeiros Celtas desembarcaron na vila de Cerdedo á saudable hora das 9:30 da mañá. Sen un simple café (que non fomos capaces de atopar onde tomalo en todo o día) tiramos para o monte como as cabras. O frío pelaba e o monte estaba cuberto de xeada.
A guía, Conchi, tiña moi claro o camiño e tiramos cara ó cume do Seixo (1016 m). A subida tiraba ben dos pulmóns e chegamos ás 12 arriba. A paisaxe que nos esperaba era do novo bosque autóctono galego: os aeroxeradores percorrendo toda a serra ata o
horizonte.
Seguímo-lo cordal da serra ata iso das dúas da tarde, cando decidimos comer. Buscamos un bosque onde puidesemos refuxiarnos do frío, un bosquiño a cuberto moi agradable.
Seguir ata a vila de Covelo levounos pouco máis dunha hora, cunha baixada moi bonita. Unha vez na vila o autobús non estaba, así que tivemos tempo de visitala e contemplar as inscricións en pedra que ten.
As 17,30 horas tomamos o autobús coa idea de parar a tomar o prometido café, pero sen dicir nada e desoíndo tódalas peticións que lle fixemos, o conductor decidiu non parar ata Vigo, onde diante do club, por fin, paramos nun bar (algúns).

Henrique





IV SALÓN DO DEPORTE

SPORTALYA
Os días 27, 28 de Febreiro e 1, 2 de Marzo, a FGM invitounos a participar no IV Salón do Deporte (Sportalya). Trátase de compartir un stand coa federación e o club Peña Trevinca así como manter unha actividade practicamente constante no rocódromo, montado pola organización. Intentamos divulgar información sobre a vida e as actividades do noso club empezando por invitar ao público, a través dos trípticos publicitarios, a asistir ao próximo ciclo audiovisual: “ Natureza sen límite”.
Stand de montaña
Bastante público acercouse a nos: uns recordando o seu tempo de xuventude en “Montañeiros” e recoñecendo compañeiros nas fotografías expostas no stand, outros interesados pola Operación Benxamín, moitos por sendeirismo así como por posibles expedicións fora de España e outras actividades. O rocódromo tivo moito éxito. A xente suou poñendo e sacando arneses e asegurando a ... montóns de nenos e non tan nenos. A Fernando tocoulle por o arnés a unha velliña e a Carlos asegurala..., era o señor Sechu disfrazado de ancianiña. Foi un momento divertido. Unha grande parte dos visitantes de Cotogrande, quedaba mirando cara arriba á temblorousa velliña escalando polo rocódromo.
A organización preguntounos se estaríamos dispostos a volver participar na próxima edición, en caso de facerse.
F.F.

SPORTALYA OU COMO PASAR UNS DÍAS ESGOTADORES
"¡Que si! ¡Que non! ¡Que nunca te decides!". Esta foi a melodía que acompañou á Sección de Espeleoloxía nas dúas semanas precedentes a Sportalya, o VI Salón do Deporte. Finalmente, decidiuse participar no "pavillón" (que non "estany", Dani) da Federación Galega de Espeleoloxía.
A feira durou do xoves 27 de febreiro ó domingo 2 de marzo, co que o mércores tocou ir a organiza-lo "pavillón". Baixamos ó club a recoller material, pero, claro, coas présas esquecémonos dunhas cantas cousas. Empezamos ben. En Cotogrande esperábanos Couto, do Espéleo Club Aradelas (E.C.A.), e Yoli, do Grupo de Espeleoloxía Arcoia (G.E.A.). Tamén esquecemos comprar ganchos e dedal, polo que tivemos que recorrer ó noso querido Pixiñas para resolver estes contratempos. Ben, e ó noso sufrido Couto: "Anda, sube ó cadro. Anda, baixa ó cadro. Anda, quita o cadro".
A dous "pavillóns" da Federación Galega de Espeleoloxía, encontrábase o da Federación Galega de Montaña, que era compartido polo Club Peña Trevinca e o Club Montañeiros Celtas. Quedoulles máis bonito que a nós, pero non moito máis, que xa se sabe que os espeleólogos somos un pouco desastres. Se ben a decoración de ningún "pavillón" tivo comparación coa do de "bádminton", cunha composición alegórica en forma de raqueta debuxada con botelliñas de cervexa...
O xoves déronse os últimos retoques e abriuse a feira. Foise tornando a xente no "pavillón" e abríronse ó público o rocódromo, no que estaba a xente de montaña asegurando, e as cordas de espéleo que se instalaran na propia estructura metálica do rocódromo. Foi o día das escolas: esperábanse 1.300 escolares. Realmente encantaríame ve-la cara de Andrea observando a avalancha de nenos desexosos de trepar.

Stand de espeleoloxía
O venres continuaron as quendas e as idas e vidas duns e outros. A verdade é que non vos podedes facer idea do que poden cundir cinco acreditacións. Non había moita xente, pero xa nos iamos mentalizando para a fin de semana.
E chegou a fin de semana e o noso "pavillón" de feira converteuse en posto de mercado. Cando cheguei pola tarde, ante a visión do campamento de titiriteiros que había montado, pensei que aquilo era un caos, pero acabei sorrindo pensando en que todo estaba así porque realmente a resposta da xente da Sección de Espeleoloxía fora masiva e non había sitio suficiente para coloca-lo de todos.
Facendo tempo para abrir de novo as cordas, preparamos uns rolos con carteis e folletos con información de actividades dos clubs para darllos ós nenos que tocaran o cencerro colgado no alto dunha das cordas. Toda a tarde transcorreu entre arneses e cordas, cordas e arneses.
Domingo, último día de Sportalia. Moita xente da Sección de Espéleo e os relevos do E.C.A. para Couto e Luisiño. A mañá deuse ben: non paramos, pero non se acumulaba a xente. Ata recibímo-la visita dunha velliña, tan fea (non me estraña que se escondera tras unha careta) como encantadora. Non se atreveu coas cordas de espéleo, pero deu unha boa trepada no rocódromo, ante a preocupación dos que a estaban asegurando, que vían como lle tremían as pernas. Para quen aínda non se informase da identidade da "avoa", direivos que era o gamberro de Sechu.
Tomamos un respiro e fomos comer unha riquísimas empanadas. Logo viu o café (creo que foi o café máis divertido que me tomei nunca)... e outra vez ás cordas. Tivemos unha actividade frenética: lidar coas avoas que querían colar ós nenos, colocar arneses á xente de tamaños moi diferentes, montalos nas cordas, repetir unha e outra vez o mecanismo para subir, baixar ós nenos, volver monta-la instalación e quitarlles o arnés para volver empeza-lo proceso de novo. Cando estaban apagando as luces, aínda tiñamos xente subindo. Tardamos pouco en recolle-lo "pavillón" e en marcharnos,  tiveramos xa suficiente feira.
Non sabería dicirvos a cantidade de persoas que atendemos, pero acabamos esgotados. Creo que despois disto a travesía do Cueto-Coventosa dáme a risa... ben, non moita, pero si unha pouca. Anque a verdade é que pasarme catro días en Sportalya, sendo ademais a ponte de Entroido, non me fixo moita gracia (supoño que como a tódolos que estiveron pringando alí como campións, tanto de montaña como de espéleo), marchei cunha sensación positiva: por unha parte, botamos unhas boas risas e o noso "pavillón" foi dos máis animados; por outra parte, divulgamos esa marabillosa e descoñecida actividade que é a espeleoloxía.
A Sport-virulillas
 
 

ESPELEOSECCIÓN

O 25 de Xaneiro, ¡que lonxe queda!, Dous atrevidos membros da Sección foron ó Caurel, a rematar de topografa-la Cova da Cabra, en Visuña, cova descuberta polos colegas Moncho e Ubaldo do Arcoia. Cova que xa estiveran topografando un de nós e máis outra atrevida, mais noutra data, na que quedara sen rematar. A cavidade, pequena, filtraba auga por tódalas fendas. Levounos algún tempo. Saímos dela enlamados e mollados coma se dunha grande cavidade falaramos.
Alí, en compañía do noso compañeiro Moncho, do Arcoia, estivemos pasando a fin de semana. Mentres nos iamos á cova, el ía esquiar, e o domingo regalámonos un fermoso e longo percorrido pola Serra recuberta de neve. Os Formigueiros parecían moito máis grandes, ... ¡e o Montouto! mesmo parecía outro enclave de moita máis altura. Os bosques tiraban do sentido coma as sereas do mar. ¡Pena ter que marchar!
Parece que o obxectivo principal desta “sección deportiva”: facer deporte, neste primeiro trimestre do ano faise querer polo esperada que é. Ben, unha non pode estar a todo e ó non partirse hai que dar prioridade a outros asuntos, tamén de gran, -segundo algúns mísera trola- importancia para a Sección. Así asistín como monitora ó curso de iniciación de espeleoloxía as fins de semana 15-16 e 22-23 de febreiro, curso ó que non acudiu ningún membro do club. Curso desenvolvido en Mondoñedo e Liñares. Había poucos cursillistas, só oito, e fixo posible que puideran aprender máis cousas que noutros cursos. Logo viría o pavillón de sportalia, que nos ocuparía á meirande parte dos membros da Sección os días 27-28 de febreiro e 1-2 de marzo, aínda que algúns privilexiados puideron facer unha escapada a baixa-lo canón do río Mougás: Xabi, Mónica, Emilio e Yoli. ¡creo que levaba moita, moitísima auga!, o día 1. E por se fora pouco o día 8 houbo que acudir á Comisión Delegada da F.G.E. na Coruña, e como aínda queda para o día 15 a Asemblea Anual, no próximo boletín sairán as cousas tratadas en conxunto nas dúas reunións porque ás da Comisión son levadas á Asemblea.

Espeleonovas
·¡Lembrade a conferencia de Jesús: “Colgados río abaixo  descenso de canóns”
·Para un pouco máis adiante vén Semana Santa. Imos a Cantabria porque algúns membros desta sección acoden ó curso de perfeccionamento técnico da E.E.E., a celebrar en Ramales de la Victoria. ¡Temos que arroupalos na viaxe!
   A sección
·Atención ós xuvenís! A primeira fin de semana de abril téde-la vosa saída, volveremos a Cobas. Haberá sorpresas e moita actividade¡.
 
 

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

CELTAS Ó AUGA
O pasado xoves, 13 de marzo, tivemos a reunión para o CURSO DE INICIACIÓN  O MERGULLO (Mergullador FEDAS-1estrela). Tódolos interesados en realiza-lo curso poden apuntarse nunha LISTA ABERTA que encontrardes no club. Tamén podedes PREGUNTAR POR PILAR ou deixarlle o recado, tanto para anotarvos no curso como para consultar calquera aspecto sobre o curso. É importante que indiquedes o voso número de teléfono para poder poñernos en contacto con vos.
Precisase un número mínimo de participantes, así que vos animo a apuntarvos. É unha gran oportunidade de iniciarse nesta apaixonante actividade, pois fai tempo que no Club non se organiza un curso destas características.
Así mesmo, queremos comunicarvos que o 11 de abril contaremos ca presencia de José Rodríguez Oveja, máis coñecido por todos vos coma "Pepín". Coa súa conferencia, titulada "O MUNDO SUBACUÁTICO", o PRESIDENTE DA FEDAS pechará o ciclo audiovisual "Natureza sen límite", organizado por Club Montañeiros Celtas. Espero que moitos de vos acudades e tal vez elo vos anime a participar no mencionado curso de iniciación o mergullo.

A Sub-Virulillas



TABOLEIRO

VENDESE MATERIAL DE ESQUÍ.  Bo prezo, a negociar
Esquís: Modelo ATOMIC,  1´80 m. Fixación: TYROLIA  660 Interesados preguntar por Sonia. Tfno.: 986 125 610
 

ESQUÍ DE MONTAÑA

O día 9 de Febreiro celebrouse a primeira travesía de Esquí de Montaña en Pena Trevinca, organizada pola F.G.M. co patrocinio do Concello da Veiga e a colaboración do Trisquen o Xornal “O Xil” e o GREIM de P. de Trives entre outros.
Xa o día anterior chegamos a Vilanova, por iso de coller forzas cunha boa cea na “Casa Cholo” inda que antes de cear tivemos unha reunión para organizar tal evento, así algúns montañeiros que non tiñan esquís se repartirían polos puntos de control (Maluro, Lombo do Roncín e Pena Trevinca) outro grupo de montañeiros con esquís, entre os que estaban membros do GREIM irían á cabeza e á cola para montar se fose necesario algún seguro, sobre todo no paso do Lombo do Roncín e asegurarse que ninguén quedara atrás. Unha vez resoltos todos estes pormenores e xa esfameados, por fin a cea (inda que alguén pasouse e despois a noite …) cousa moi importante dentro da actividade.
O Domingo toda a xente estaba preparada antes da hora de saída, seica había mono de neve, e así ás 9 da mañá saímos nos  vehículos “todo terreo” a colle-la neve á pista do Maluro, coas botas de esquí postas e as peles nas táboas paramos no primeiro regueiro de neve, e uns foqueando e outros coas táboas ó lombo pola falta de continuidade da neve seguimos toda a pista cara ó Maluro, a uns 200 m de desnivel do cumio xa había neve dabondo para pó-los esquís e non ter que quitalos, así que a uns 1800 m xa tiñamos todos as táboas nos pés. Uns máis rápido e outros máis lentos pola falta de práctica, encaramos todos cara ó Lombo do Roncín, o paso estaba xeado e houbo que pór cranpóns,  pasalo coas táboas ó lombo e o piolet na man por se as moscas. O avance foi lento e cando rematamos todos de pasalo xa era tarde polo que algúns decidiron dar volta, en cambio outros tendo xa ó alcance da man o cumio de Pena Trevinca fixeron un “sprint” cara ó pico máis alto de Galicia  de 2124 m.
No cumio estaban esperándono-los nosos compañeiros xunto cos membros do GREIM e … un helicóptero. Xa todos reunidos tocou quitar as peles das táboas, prepara-las botas e as táboas para o descenso e para abaixo a asina-la neve.
Inda que a primeira intención era baixar polo Xestil houbo que volver pola mesma ruta de subida pola falta de neve na zona baixa. As pas de neve eran curtas debido a que a maior parte da ruta foi unha travesía con pouco desnivel, así que tocaba aproveitar calquera indicio de inclinación para facer algúns xiros e volver remonta-la ruta.
Xa de noite e con algúns desperfectos no material (hai que renovar equipo de vez en cando¡¡) chegamos a Vilanova co tempo xusto para recoller e baixar a Veiga, colle-las medallas e trofeos onde o noso club acadou o premio “Ó club máis numeroso en participación”, escoitar ó alcalde e por suposto come-las viandas que o pobo nos preparou.
Marcos



AXENDA

Mércores 2 de abril  “Descubrindo o Esquí de Montaña”.
   Audiovisual por Javier Moscoso
   Valiñas. No Paraninfo da E.U.I.T.I.
    (Peritos) ás 20.00 h

Venres   4 de abril      “Colgados Río Abaixo”. Audiovisual por Jesús Manuel Sáez Hidalgo. No Paraninfo
    da E.U.I.T.I. (Peritos) ás 20.00 h


Venres  11 de abril     “O Mundo Subacuático”. Audiovisual por José Rodríguez
   Oveja “Pepín”. No Paraninfo da E.U.I.T.I. (Peritos) ás 20.00 h

 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

ABRIL
5-6 Caurel Xuvenil. Descubrindo as covas S.D. Espeleoloxía.
 5-6  XXXVIII Campamento e Marcha Galega de Montaña  FGM - Ribeira Sacra
 5-6  Curso de Orientación  EGAM
 13 Río Miño Infantil - Xuvenil - Adultos. En busca do tesouro S.D. Montañismo
 17-20 Potes (Cantabria) Alta Montaña. Picos de Europa SS.DD. Montañismo-Escalada
 27 Sobrado dos Monxes Marcha de Primavera S.D. Sendeirismo
 27  Petrogrifos e Muíños S. Cultura e Medio Ambiente
 
MAIO
1 Galiñeiro Xornada de iniciación á Escalada S.D. Escalada
 3 Cabo Silleiro Campionato Social de Pesca Submarina S.D. Actividades Subacuáticas
 4 Budiño Escalada en Parede S.D. Escalada
 4 Cerdedo Coco, Luceiro e Testeiro S.D. Montañismo
 10 Vigo II Marcha de Fondo – Sendeiro das Greas FGM
 10-11 Monte Aloia Infantil. XXXVI Operación Benxamín. S. Infantil-Xuvenil
 10-11  Curso Descenso Cavorcos EGE
 10-11  Curso Escalada Iniciación  EGAM
 11 Amoedo Serra do Galiñeiro S.D. Bici de Montaña
 11 Reis - Santiago Sendeiro GR 94 Rural de Galicia. Etapa VI (Final) S.D. Sendeirismo
 
 


Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto.
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número: Pilar Orche, Miguel Carrillo, José Luis Vázquez, Martín García (Shambala), Françoise Fauré, Marcos Rodríguez González, Conchi Barciela, Daniel Ballesteros, Manoel Chao, Elvira Álvarez, Pilar Riveiro, Conchi Gilino, Cristina López Carballal, Maite Arocas, Patricia Melón Sarmiento.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado




Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en Marzo de 2003.