III Gran Travesía
Ría de Vigo


Kaiak de mar
Espeleoloxía
Escalada
Montañismo
Natación
Bici de montaña

Os días 25 e 26 de xuño, o Club Montañeiros Celtas vai celebrar esta completa Travesía pola Ría de Vigo e o seu entorno, combinando diversas actividades deportivas en contacto coa natureza, alternando os elementos mar e montaña. PARTICIPA!
Sechu

 

PROGRAMA PREVISTO

Día 25, sábado

> Control de saída na praia do Vao (Coruxo, Vigo) ás 8.30 h.
.
> Cruce da Ría de Vigo en kaiak de mar (13 km): Praia do Vao - Praia de Melide. Saída: ás 9.30 h. Percorrido: Praia do Vao (saída) - Samil ata Cabo de Mar - cruce da Ría - faro de Punta Borneira - praia de Liméns - Punta Subrido - Praia de Melide (chegada). Estímase a chegada sobre as 12.00 h.

> Desembarcamos e achegarémonos (en 10 minutos) á Furna do Lago para facer a actividade de espeleoloxía.

> De seguido sairemos a pé (2 Km) ata a zona de Escalada de O Facho, en Donón, onde escalaremos unha vía fácil. A continuación comeremos.

> Marcha de montaña (31 Km): Donón - Faro Domaio. Pola tarde, ás 15.00 h sairemos de Donón a pé, pasaremos por Nerga, Liméns, seguiremos dirección aos montes de Varalonga, Outeiro da Raposa, Alto da Portela (haberá merenda), Monte Érmelo, Monte Paralaia, Chans de Botas, Alto do Cruceiro (Pastoriza), Monte Xaxán, e de seguido alcanzaremos Faro Domaio (622 m), onde chegaremos coa luz dos frontais, para pasar a noite no refuxio que temos neste monte. Duración estimada: 8 horas.
.
> Ao chegar ao refuxio será a cea.
.
Día 27, domingo

> Almorzo no Refuxio Domaio ás 5.30 horas
.
> Pola mañá descenso a pé dende o Domaio ata a Ponte de Rande (9 Km). Saída do refuxio de Faro Domaio ás 6.00 h para estar á beira do mar sobre as 7.30 h.

> Cruce da Ría de Vigo a nado (800 m), polo estreito de Rande. Tramo previsto: Punta Aradoiro (San Adrián de Cobres) - Praia de Rande (Chapela). Saída ás 8.00 h, remate ás 8.30 h.

> Percorrido en bici de montaña (36 Km): Rande Monte Aloia. Saída da praia de Rande ás 9.30 h - Vixiador (onde haberá un segundo almorzo)- Serra do Galiñeiro (refuxio) - Monte Aloia (refuxio). Chegada a partires das 14.00 h.

> Ao chegar será a comida no noso Refuxio Aloia.
 

REGULAMENTO (EXTRACTO)

- CARÁCTER DA ACTIVIDADE
Trátase dunha multiactividade deportiva NON COMPETITIVA.
.
- REQUISITOS
.Dos participantes: Maiores de idade (Máximo 40 participantes). Ter práctica en kaiak de mar. Saber nadar e ter capacidade para realizar unha travesía de 800 metros no mar. Ter coñecementos de escalada.
.Do material: Embarcación tipo kaiak de mar insomerxible, pa, cubrebañeiras e chaleco salvavidas. Bici de montaña e casco. Traxe de neopreno e gorro de baño (as aletas non están permitidas).

- COBERTURA E ACEPTACIÓN
A cobertura por accidentes deportivos será por conta de cada participante, polo que cada un deberá contar cun seguro propio ou a licencia deportiva correspondente que cubra as actividades deportivas nas que participe. A participación na Travesía implica a aceptación dos Requisitos, sendo os participantes os responsables do seu cumprimento. Polo feito de inscribirse, cada participante acepta o regulamento e o programa previsto e declara estar na condición física axeitada para completar as probas, eximindo de calquera responsabilidade á organización en calquera caso. A organización pode realizar os cambios necesarios nos horarios ou percorridos, para o bo desenvolvemento das actividades, ou incluso suspendelas por causas imprevistas ou por unha meteoroloxía adversa.
.
- PREZO
Socios de C. Montañeiros Celtas .... 35 euros
Non socios de C. Montan. Celtas .... 45 euros
- Todos os participantes con licencia das federacións de Montañismo, ou de Espeleoloxía ou de Actividades Subacuáticas, terán un desconto de 5 euros.
- O prezo inclúe: bebidas e froita, comida e cea do sábado, almorzos e comida do domingo, praza no refuxio Domaio, camiseta conmemorativa, gorro de baño, transporte do material en tránsito e retorno dende o Monte Aloia ata a praia do Vao.
- A organización facilitará o aluguer de kaiaks aos participantes que o soliciten ao inscribirse (socios de C.M.Celtas: 5 euros, non socios de C.M.Celtas: 10 euros);
.
- RECOMENDACIÓN: levar crema solar, gafas de sol e gorro, ademais de calzado e roupa axeitada para cada actividade.

ORGANIZA: CLUB MONTAÑEIROS CELTAS

 

 

PIRINEOS 2005
NEOUVILLE - LUCHON (FRANCIA)
30 de xullo - 7 de agosto
.
Chega o verán e chega a chamada dos Pirineos.
Loudenvielle é unha pequena vila Pirinaica moi ben situada entre Peyragues, Val de Louron e Saint Lary. É ista unha zoa de moitas cumios de máis de 3000 metros e isto foi un factor determinante na súa elección para así poder completar o concurso de Montañeiros de Primeira categoría. A vila está rodeada dunha calma natural. O seu lago invitaranos a pasear polas súas beiras. Ademais ten un importante balneario que de seguro todos visitaremos, así como unha piscina municipal na beira do cámping.
Creemos que o programa daranos a coñecer unha zona dos Pirineos pouco visitada e moi probablemente para moitos a partir deste verán esa será a súa zona favorita.
Máis información na páxina 13.
Conchi

 

AXENDA

Venres, 17 xuño “Caixa de primeiros auxilios de Montaña”, por María Villaverde. Charla. No Club ás 20.30 horas.
Venres, 24 xuño “Diario do Aconcagua. Xaneiro 2005”, por Ramón Vila Anca. Charla e proxección dixital. No Club ás 20.30 h.

 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

 

VACACIÓNS

O Club pechará durante o mes de agosto, abrindo novamente o xoves 1 de setembro.

 

 

Novas da Xunta Directiva

O noso agradecemento polo seu traballo e dedicación aos compañeiros José Luís Vázquez Almuiña (Vogal de Refuxios) e Miguel Carrillo Pérez (Vogal de Sendeirismo) que recentemente deixaron a Xunta Directiva por razóns persoais.
Temporalmente asume a responsabilidade dos Refuxios Fernando Fernández Rei, Vicepresidente do Club.
O novo Vogal de Sendeirismo é Miguel Carrillo Estévez, pai do anterior vogal, quen xa viña colaborando activamente na organización e desenvolvemento das actividades desta sección.

 

 

Participación en actividades
con autobús


Cando unha actividade está programada para realizar en autobús, os que realicen a viaxe pola súa conta deberán aboar o importe que se estableza (mínimo de 3 euros por día) para utilizar o bus nas aproximacións ao lugar das actividades. Ademais, os que se anoten para realizar a viaxe no bus, terán preferencia na reserva do aloxamento e manutención no lugar de destino ata 48 horas antes do peche da oficina do Club anterior a saída (normalmente o peche é o venres ás 21.30 horas, polo que a preferencia na reserva sería ata o mércores ás 21.30 horas), salvo as excepcións que se establezan polo responsable de cada actividade.
O responsable da actividade pode determinar suspender unha actividade ou propoñer facela en vehículos particulares se o número de participantes non é suficiente para contratar o autobús.
 

 

Camiseta térmica

O Club ten encargadas unhas camisetas térmicas co logo do Club para a venda no local, a prenda ten dúas cores e é de manga curta. O prezo previsto será de 24 euros.

 

 

O Club ten acordos con tendas de material deportivo afíns ás nosas actividades para ofrecerlles aos socios mellores prezos. Aproveita os descontos:
Terra: R/ Pi y Margall, 53
Material de montaña, escalada, camping, etc. Desconto: carácter xeral o 10%, en calzado o 5%. Se facedes o pago ao contado, o 13%, en calzado 8%.
Westpeak: Avda. Camelias, 20
Skate, Snowboard, Surf & Body, Wake. Descontos: En vestiario e complementos o 10%, con efectivo o 13%. En neoprenos e material duro o 5%, en efectivo o 8%
VigoBike: Carretera Provincial, 23
Todo tipo de artigos relacionados co mundo da bicicleta. Teñen taller de reparacións. Desconto 10%. Se facedes o pago ao contado, o 15 %.

 

 

ORIENTACIÓN

 

ORIENTACIÓN: DEPORTE E AVENTURA NA NATUREZA
.
É necesario acercarse á Natureza para coñecer un deporte apaixonante, que nos permite percorrer camiños por bosques e montañas, atopar o lugar onde nos atopamos.
A Orientación é un deporte interesante ao aire libre, o coñecemento básico da súa técnica abre de par en par as portas da Natureza.
A Orientación é un deporte para todos, nenos, adultos, anciáns, pode practicarse só, en equipo, a cabalo, en bicicleta, con esquís, en familia.
Naceu a finais do século pasado nos países nórdicos. Dende 1961 existe a Federación Internacional de Orientación (I.O.F), é disciplina olímpica aínda que non foi incluída no programa dos Xogos Olímpicos.
Para practicar este deporte son necesarios uns coñecementos básicos, como son:
1) Lectura do mapa
2) Manexo do compás de orientación
3) Técnica para moverse adecuadamente polo terreo

 

RELACIÓN “MAPA-TERREO”
.
O mapa é a representación do terreo sobre un plano. O mapa realízase seguindo unhas regras moi precisas de modo que se poida:
1) Identificar todo punto característico do terreo
2) Determinar os ángulos
3) Calcular a distancia que separa dous puntos
4) Definir a altitude e a pendente do terreo

Os símbolos e sinais son a linguaxe dos mapas. Clasifícanse en cinco categoría representada cada unha por unha cor diferente
a) A PLANIMETRIA en negro
b) O RELIEVE en marrón e negro
c) A HIDROGRAFÍA en azul
d) A VEXETACIÓN en amarelo, verde ou branco
e) Os CONTROIS en vermello

Dende o Club animámosvos a que todos aqueles/as que esteades interesados en coñecer e participar nesta modalidade deportiva o comuniquedes. Dende a Sección de Orientación seredes informados das distintas actividades que se están a levar a cabo a nivel galego e nacional.
.
Ángel

 

 

SECCIÓN INFANTIL - XUVENIL

 

OPERACIÓN BENXAMÍN
2005

Este ano celebrouse a XXXVIII edición deste cursiño de montaña pensado para neno/as de 8 a 14 anos.
A primeira fin de semana fomos ao refuxio que Club Montañeiros Celtas ten no monte Aloia. É xa unha tradición que a primeira saída da Benxamín sexa a este monte declarado parque natural e que está preto de Vigo. Para os nenos que é a primeira vez que veñen, a viaxe non é longa, o refuxio permítenos unha relativa comodidade para durmir, dar as charlas se chove e almorzar e xantar sentados.
Logo dunha pequena charla que impartiu Silvia acerca das normas a seguir durante a nosa estancia en tan fermoso lugar, collemos as tendas e baixamos a antiga “zona de acampada” onde os nenos fixeron grupos e tras unha breve explicación comezaron a montar e desmontar, coa axuda dos monitores. Como todos os anos, pedimos permiso ao garda do parque, xa que dende fai un tempo está prohibido acampar en todo o parque.
A tardiña, despois de merendar (todos tiñamos fame) chegou Martín que tiña preparada unha interesante proxección de diapositivas acerca da natureza e o respecto ao medio ambiente. Os rapaces estiveron atentos e amosaron moito interese, facendo preguntas acerca do que estaban a ver.
Logo da proxección, tempo libre para xogar ata que se puxo a chover e tivémonos que meter no refuxio. Como xa era tarde, decidimos cear e logo demos un pequeno paseo polos miradoiros, que non puidemos acabar porque chovía moito, con vento e estabámonos a mollar. De volta ao refuxio, o Colacao quentiño e a durmir. Ben, isto é un dicir, xa que esta noite deron unha guerra como había tempo que non recordabamos; iso que eran pequenos e moitos era a primeira vez que viñan, pero colleron confianza enseguida. ¡Miúda noite!

 

Aloia


O domingo levantámonos cediño (ás 7.30 estaban todos espertos e facendo barullo), xa chegara Octavio que viña de Vigo e tiña o almorzo preparado. A mañá estaba fea, había moita néboa e chovía. Pouco a pouco o día foi abrindo e finalmente ao mediodía saíu o sol. Saímos a facer a marcha ás 10 da maná e sen moitos ánimos debido a chuvia, pero segundo fomos avanzando a cousa foi mellorando. Chegamos de volta ao refuxio ás 2 da tarde. A marcha foi longa e os rapaces viñan cansos. Logo de comer, Paula e Juanjo impartiron as charlas de “Cómo se fai unha mochila” e de material de montaña e escalada.
Non fixemos escalada pola mañá polo mal tempo, así que pola tarde, nunha rocha que hai detrás do refuxio, montamos un rapel e rapelaron todos os rapaces que quixeron.
Os monitores mentres, limpamos o refuxio e gozamos un pouco do sol que se agradecía, sobre todo Eva e Rosalía.
Na saída da Ribeira Sacra fomos ao cámping, onde puxemos en práctica o aprendido na charla de montaxe de tendas (que fixemos no Aloia). O día impresionante, case botamos de menos un pouco máis de sombra. O cámping estaba á nosa disposición o que nos permitiu organizarnos moito mellor. Despois de xantar, xogar coa auga (e descansar un pouco) demos un paseo ata o mosteiro de Santa Cristina, para de volta no cámping comezar co xa famoso “ Concurso de cociña” e o remate deste organizar diferentes xogos. Pola noite e despois da cea Juanjo deleitounos cunha charla sobre estrelas (era impresionante ver como apuntando cunha lanterna facíanos ver todas as constelacións) Tomamos o leite quente e a durmir. Tiñamos medo a outra noite coma a pasada no Aloia, pero sorprendentemente durmiron dun tirón ata as oito da maña.

 

Ribeira Sacra


Almorzo e marcha polo sendeiro que hai ata os Balcóns de Madrid (unha pena que estean a facer a pista que borrou todas as marcas do sendeiro). Como o día seguía a ser dun calor insoportable, despois de xantar volvemos xogar a mollarnos e así refrescarnos un pouco.
A derradeira saída estaba organizada para o refuxio que a Federación Galega de Montañismo ten en Albite (Muíños), pero imprevistos de última hora (estropeouse o pozo) fixéronnos cambiar de lugar, así que saímos cara ao Caurel. Como non podía ser doutra maneira o tempo desastroso, cando saímos chovía a reo, pero xa se sabe que o bo montañeiro ten que gozar con bo ou mal tempo.
Despois de acomodarnos nas habitacións e xantar, saímos dar unha volta ata a Cascada (chuvia e máis chuvia) así que cando consideramos que a molladura era suficiente volvemos a cambiarnos, poñer a roupa a ¿secar?.
Tras pegar uns bocados á merenda, charla de orientación (levamos ata encerado), exercicios e logo organizáronse diferentes xogos no salón (seguía a chover), pasámolo de medo (inda que o ruído en algún momento, facía que non nos escoitásemos).
Pola mañá, despois de almorzar saímos de novo (máis chuvia), así que cando xa levábamos varias horas de marcha e en vista de que cada vez chovía máis decidimos baixar (a lei de Murphy non falla nunca, en canto empezamos a dar a volta, non pasou nin media hora cando o día comezou a abrir). De novo no refuxio o primeiro cambiarnos de roupa para despois recoller todo para empezar a limpar (o refuxio é moi grande e leva moito tempo). Deixamos as habitacións listas para que nos quedase ¡¡¡só!!! o salón, a cociña e os baños para o final.
Recollido e limpo o refuxio de novo a lei de Murphy, cando iamos cara ao autobús comeza a diluviar (menos mal que o traxecto e curto e chegamos axiña).

 

Caurel


Desexamos que o pasarades moi ben e que sigades participando destas actividades.

A Sección Infantil - Xuvenil

VINDEIRAS ACTIVIDADES DA FGM.

 

 XVIII MARCHA DE VIVAC
18 - 19
Xuño
A Marcha de Vivac deste ano está organizada polo Clube de Montaña Xistra. Esta marcha de percorrido pola alta montaña galega non é circular e trátase dunha actividade esixente polo que os participantes deberán contar cunha boa preparación e levar todo o necesario para o vivac. O percorrido é moi atraínte e descoñecido por moitos.
Vainos levar a enlazar dúas serras separadas polo Sil. Pasaremos dende a Portela do Varado, nas estribacións da Serra do Eixe, pasando por Pena Forcada (1.378 m), a atravesar as Terras de Valdeorras para entrar na Serra dos Cabalos polo Montouto. Xa o domingo chegaremos á Seara, no Caurel, onde nos agarda un xantar de confraternización (8 euros).
O lugar de encontro para todos é en Quiroga, na entrada do Concello, ás 10.30 h do sábado para dirixirnos ao lugar de saída na estrada que vai de O Barco a Veiga. A FGM pon un autobús (10 euros) dende Vigo con saída da Praza de España ás 8 h.

 

CAMPAMENTO INTERNACIONAL
DE ALTA MONTAÑA
PARQUE NACIONAL DEL TRIGLAV
(ALPES JULIANOS - ESLOVENIA)

Organiza: FGM
Saída: 16 de xullo ás 8.00 h dende Vigo.
Regreso: 30 de xullo
IMPRESCINDIBLE ESTAR FEDERADO (Licencia internacional de Montañismo).
INSCRICIÓN no Club. Remate do 1º prazo: 17 de xuño.
Prezo: 320 euros (inclúe desprazamentos e pernoctas en cámping ou refuxio)

Actividades de montaña:
1ª Modalidade, Travesía por montaña: Treking entre os días 19 e 25 de xullo polo Parque.
2ª Modalidade, Campamento fixo: Saídas guiadas alternativas con ascensións e visitas aos arredores
 

CAMPAMENTO INFATIL-XUVENIL. Cantabria 2005

Un ano máis a FGM púxose en contacto con organizadores deste tipo de campamentos para os rapaces e como a experiencia de Cabárceno (Santander), foi boa este ano repiten. O albergue onde pernoctarán está situado a 1 Km do Parque. Hai dúas quendas no mes de xullo:
a) Do 16 ao 21 para nenos de 10 a 14 anos
b) Do 21 ao 26 para nenos de 13 a 17 anos
O prezo xa subvencionado é de 200 €, e a data límite para facer a reserva é o 20 de xuño, ingresando 75 € na conta da FGM e enviando fotocopia do resgardo do ingreso xunto coa ficha de inscrición e demais papeis a esta Federación. O resto do importe abonarase 20 días antes da saída na quenda escollida. O prezo subvencionado é para os nenos que xa estaban federados no 2004, os demais deberán pagar 234 €.

 

 

PIRINEOS 2005

NEOUVILLE - LUCHON
(FRANCIA)

SAÍDA: 29 de xullo ás 24.00 h.
REGRESO: 7 de Agosto
.
PREZO BUS: 120 euros

ALOXAMENTO:
Cámping “Pene Blanche” en Loudenvielle (Val de Louron)
Prezos: TENDA: 7 € día/persoa. BUNGALOW: 549 € a compartir entre 6 persoas .

PROGRAMA
.
DOMINGO 31: LOUDENVIELLE - BOURISP
.
Saída a pé dende o cámping. O autobús nos recollerá en Bourisp. Cámping (970 m) - seguindo o GR 10 ata o Couret de Latuhe (1586) e Bourisp (800).
Desniveis: +500 /- 800 m. Tempo estimado: 5 a 6 h.

LUNS 1: BACHIMALA (3174 m)
.
Senderismo:
Bus ata Pont du Prat.
Pont du Prat (1200) - Refuxio da Soula (1700) - Lago Caillouas (2150) - Lago de Pouchergues (2100) - Refuxio da Soula - Pont du Prat. Desniveis: +/-1000 m. Tempo estimado : 8 a 9 h.
.
Ascensión de dificultade : BACHIMALA (3174 m.)
Pont du Prat (1200) - Refuxio da Soula (1700) - Barracons d`Aygues Tortes (2105) - Porto d`Aygues Tortes (2683) - Punta del Sbre (3136) e dende eiquí todo cresta ao Pico Schrader o Bachimala (3174). Regreso polo mesmo itinerario con +/- 2000 m. Tempo estimado: 13 a 14 h.
Tamén pódese descender pola Punta Ledormeure (3120) - Petit Bachimala (3068) e Pico de l`Abeille (3029) - descenso ao Porto da Pez (2450) e Pont du Prat. Desniveis: +/- 2200 m. Tempo estimado : 15 a 16 h.
.MARTES 2: PICO DE NEOUVILLE (3091)
.
Ascensión ao Pico de Neouville pola súa vía normal. O bus deixaramos no Lago D`Aubert (2150).
Desniveis: 950 m. Tempo estimado: 6 h..
.
Senderismo:
GR 10 a Bourisp. Lago D`Aumar (2200) - Col D`Estudon (2260) - Lago D`Oule (1820) - Col de Portet (2215) - Bourisp (800)
Desniveis: + 500 / -1800. Tempo estimado: 9 a 10 h.

MERCORES 3: GRANGES D`ASTAU - BAGNERES DE LUCHON
.
Polo GR 10 ao Lago D`Oo (1504) - Refuxio de Espingo (1910) - Hourquette des Hounts-Secs (2275) - Col de la Coume de Bourg (2272) Superbagneres (1837) - Bagneres de Luchon - gare S.N.C.F. (650)
Desniveis: +1200 /-1600. Tempo estimado: 9 a 10 h.
.
XOVES 4 : PIC DE CAMBLIEIL (3173 m)
.
Este cumio é o máis doado das altas cumes do Neouville.
A subida, cun desnivel de 1170 m., levaramos unhas 4 horas e o descenso unhas 3 horas.

VERNES 5 : LOUDENVIELLE - GRANGES D`ASTAU
.
Dende o cámping (970), polo GR 10 ata Germ (1339) - Pas de Couret (2131) - Ascensión opcional ao Montsegu (2354) - Granges D`Astau (1139)
Desniveis: +1400 / - 1200. Tempo estimado: 9 horas. (+1200 / -1000. Tempo estimado: 7 horas sen o Montsegu).
.
SABADO 6: Regreso a Vigo.
Pernoctarase no cámping municipal de Burgos.
.
DOMINGO 7: Chegada a Vigo.
.
. BOA ESTANCIA MONTAÑEIRA Conchi
.
Nota: A organización pode realizar os cambios necesarios nos horarios ou percorridos para o bo desenvolvemento das actividades, ou incluso suspendelas por causas imprevistas ou por unha meteoroloxía adversa.

 

 

ESCALADA

Xornadas de iniciación á Escalada

Os pasados días 19,22, 26 e 29 de Maio celebráronse as xa habituais xornadas de iniciación á escalada; este ano coa novidade das charlas os xoves 19 e 26 no local social e xa os domingos seguintes unha no Galiñeiro e outra no Faro de Budiño.
A participación nas catro actividades e de 40 socios e socias, algo que demostra o crecente interese por esta modalidade deportiva.
Nas charlas, intentamos mesturar algo de teoría e práctica que nola facilitaba o rocódromo. Repasamos nós, lembramos como se progresa en vías totalmente equipadas, como montar unha reunión, etc.

Budiño


No Galiñeiro a actividade veuse alterada polos caprichos do tempo, xa que non se daba clareado (non sabía se quería chover ou se facer sol); pero iso non foi obstáculo para facer actividade. Acordamos aproveitar o día e puxémonos a camiñar pola serra ata a hora de comer que regresamos ao refuxio. Xa pola tarde o tempo parecía que quería clarear e subimos a pé de vías no sector da “cornos” un grupo, e no sector das “verticais” outro. Escalamos ata ben entrado o serán.

Galiñeiro


No Faro de Budiño, o día realmente acompañou. Penso que era a primeira vez que as xornadas de iniciación se facían nesta zona de escalada, simplemente porque outras zonas dan máis xogo para os iniciados; pero realmente a experiencia foi positiva e anima a repetir noutras ocasións. Aproveitouse o día a “tope”, tanto e así que saímos do sector da “calavera” ao redor das 10 da noite. Espero que o ano que vén sexamos un pouco menos aproveitados.
Un saúdo a todos e grazas por participar. Espero volver a atoparvos en próximas actividades.

Sección de Escalada

 

 

CURSO EGAM: ESCALADA INICIACIÓN

Curso de Escalada-Iniciación
Galiñeiro 7-8 maio

O Soño
Dende hai moito tempo tiven un soño, que algún día me atoparía escalando e podería sentir esa sensación de liberdade, de superación dun mesmo.. noutras palabras, sentir como o noso corpo e mente se fusionan coa rocha.
.
A Realidade
O soño por fin realizouse e todo grazas ao curso de escalada (iniciación) da FGM e que tivo lugar no Galiñeiro os días 7-8 de maio. O curso estaba formado por 16 participantes (dos que 4 eramos do club), e 4 monitores.
.
Primeiro Día (¡Que calor pasamos!)
Todo comezou ás 11.00 da mañá do sábado 7 de maio no bar Bugus onde tivo lugar unha pequena recepción entre os participantes e os monitores. Logo, arredor das 11.30 trasladámonos ata o parque forestal onde ao longo da mañá recibimos nocións básicas sobre material, nós e aseguramento.
Despois de lograr dominar como realizar un oito (algúns mellor que outros) e coñecer un pouco o material, dispuxémonos todos para xantar. Ás 15.45 (aproximadamente cando a xente acabou de xantar e outra de tomarse un momento de relax), os monitores formaron catro grupos, un por cada monitor, que posteriormente se dividirían en dous grupos que se emprazarían en zonas diferentes.
Ao chegar á nosa zona, os dous monitores que ían con nós prepararon tres vías en top rope (para escalar asegurados con corda dende arriba), polas que nós iamos poñer en práctica as técnicas de aseguramento que nos ensinaran pola mañá. ¡E por fin comezamos a escalar e facer rappel como tolos! Tal foi a euforia e o bo ambiente do noso grupo que en vez de acabar ás 20.00 horas como estaba planificado no programa, acabamos cerca das 22.00 horas. Así foi como acabou o día, recollendo o material e baixando onde estaban os coches para volver a descansar ás nosas casas.



Segundo Día (¡Que fresquiño fixo!)
Despois de pasar un sábado de emocións, risas e ter descargado grandes doses de adrenalina, volvemos o domingo, pero esta vez reunímonos ao pé do Galiñeiro ás 10.00 con caras de sono a maioría de nós, pero iso si, con ganas de volver estar colgados.
Desta vez (unha vez que chegou toda a xente, incluíndo os monitores), subimos á mesma zona na que estiveramos o sábado e alí practicamos a subir de primeiros, pero iso si asegurados sempre por unha segunda corda.
Pola tarde, despois de facer unha parada para comer, fomos a outra zona do Galiñeiro, esta vez as paredes eran verticais e volvemos á carga outra vez, ata que chegou a hora de acabar e tomar unhas “cañitas”.
Coa sensación de tristeza porque xa se acabou esta aventura da escalada (de momento), pero sobre todo coa ledicia de ter realizado un soño, de ter chegado a un estado de superación dun mesmo e , do que é máis importante, facer novas amizades entre participantes e monitores aos que aproveito este momento para saudalos e darlles ás miñas felicitacións por ter levado tan ben o curso.

Por último a todos os que inda non probaron este mundo da escalada:¡Non sei a que esperades!¡¡¡¡é Fantástico!!!!
Espero estar pronto colgado por aí e vervos a todos vós.
Luis

 

SENDEIRISMO.

 

CAMIÑO DE FISTERRA. 4º Etapa
MUXIA - FISTERRA, 9-10 de abril


Sábado, 9
Imos gozar da nosa derradeira etapa desta estupenda iniciativa que foi o camiño de Santiago iniciado en Ribadeo en setembro 2003.
Cunha tarde fría, pero soleada, 32 participantes saímos dende o Club. Só algúns eramos verdadeiros veteranos, porque ao longo das etapas moitos foron indo e vindo, tan só uns poucos fixemos todas. Nada máis chegar acercámonos ao Santuario da Virxe da Barca para ver a “pedra de abalar” e gozar da panorámica da costa cunhas fortes olas que case nos mollan, pois o vento era forte. “ESPECTACULAR”. Logo Ángel acompañounos ata o Polideportivo para nos acomodar, xa que é aquí onde iamos pasar a noite. Tamén nos conseguiu un restaurante para cear situado a 7 km de Muxía, en San Pedro de Coucieiro. O noso bus desprazouse ata alí, cando chegamos anoitecía, pero quedamos sorprendidos polo bonito do lugar, chámase DOÑA RITA un pazo convertido en restaurante onde se celebran vodas e demais festas. Inda quedamos máis sorprendidos cando nos sentamos á mesa e aparecen fontes de nécoras ata fartar e de segundo carne de tenreira e año con patacas e pementos ademais de sobremesa, viño e café. Durante o noso camiño gozamos dunha boa cociña galega e todas as nosas ceas, inda que esta se levou a palma. Quedamos todos encantados. A medianoite regresamos ao polideportivo.


..


Domingo, 10
O espertador soou ás 7.30 h, almorzamos no único bar aberto tan cedo en Muxía e ás 9 h saiamos para Fisterra. O día amencera frío e ventoso, polo que todos iamos moi abrigados. Parte do camiño transcorre pola calzada real que unía estes dous puntos. Pasamos Morquitián para seguir por unha estreita pista entre eucaliptos e bosques chegando ao val do río Castro, xa moi preto de Lires. A anécdota do día foi o ter que descalzarnos para poder atravesalo, xa que viña moi caudaloso e as pedras soltas que fan de ponte estaban demasiado separadas e moi esvaradías. Contamos coa forza e destreza dos chicos para estas ocasións. A auga estaba xeada, case non sentiamos os nocellos, fixemos moitas risas. Esto tamén foi unha forma de facer un alto. Algún valente bañouse. Para entón o sol quentaba. Ás 5 da tarde, moi cansos e despois de 29 km, chegamos a Fisterra. A metade do persoal inda subiría andando ata o faro, e a outra metade xa máis esgotada faríao en coche, momento que aproveitamos para beber unha cervexiña.
Antes de regresar pasamos polo albergue para que nos desen a FINISTERRANA.

Unha fin de semana boi ben aproveitada, chegamos a Vigo ás 23 h.
.
ELVA

 

MANTEMENTO DOS SENDEIROS DO CLUB
23-24 de abril

No boletín do pasado mes de marzo pedíasenos acudir ao club para concretar data e persoal colaborador no mantemento dos sendeiros do Club. É triste dicir que tal reunión quedou frustrada ao acudir só dúas persoas, unha delas o responsable da sección de sendeirismo, Miguel Carrillo Pérez. Á vista de tal poder de convocatoria, nunha das nosas últimas saídas e a través da nosa páxina web, lembrouse a necesidade de renovar as marcas dos sendeiros.
Este sábado 23 de abril, os de sempre -familia Carrillo- xunto con Carmen e Xulio comezaron a pintar os sendeiros que conducen ao Alba e ao Aloia, deixando para o domingo 24, o Galiñeiro. Este día, oito participantes dividímonos en 3 grupos para abarcar todo o sendeiro, un no inicio, outro polo final e o terceiro no cumio. Repartimos o material de pintura e mentres os nosos compañeiros comezaban a tarefa, o terceiro grupo coas mochilas dirixímonos no coche ao refuxio do club, o noso punto de partida. O inicio do sendeiro era unha lameira, o coche esvaraba e non quedou máis remedio que buscar outra ruta que non fora tan empinada; desprazámonos ata Prado para tomar outro sendeiro, pero este tamén tiña tramos de lama que nos obrigaba a baixar do coche continuamente para alixeirar a carga.
Ás 14.20 xa acabaramos de pintar, os nosos compañeiros estaban agardando por nós. Había fame e máis sabendo que Miguel pai levaba empanadas e viño para o que quixese, disto e máis demos boa conta no refuxio. De regreso, con bo humor e espírito crítico, dedicámonos a enxalzar a nosa obra, os tamaños dos sinais diferían segundo quen os pintara así como os “chorretes” que a modo de pequenas puntiñas lles daba un non sei que particular a cada marca. Tamén aprendemos que a pintura branca vai por riba da amarela... Pero hai que destacar o máis importante, e a menos que alguén se poida enfadar podemos dicir que NOS SENDEIROS DO CLUB NON SE PERDE NIN DEUS. Porque doutra cousa non entendemos, pero de perspectiva..... para moito tempo; tivemos en conta se o sendeirista sube ou baixa, ou se vén de lado, do contrario. Ben, para que saibades xa nos eloxiaron o noso traballo, dixeron “non pintedes máis”.
Se o frío, a chuvia, os moteiros e.... non estragan máis do necesario os sinais, todo o que o desexe poderá subir e baixar por estas montañas sen necesidade de SOS.
Ata pronto
Concha

 

 

CIRCULAR CAMINHA
Sendeiro Tranquilo, 1 de maio

Nesta saída recuperamos ao noso guía habitual MIGUEL PAI, ao que todos demos a benvida. Ás 8.30 h saiamos do club destino a Caminha, en Portugal onde tomamos un cafeciño antes de comezar. Seguimos contando con caras novas. Cruzamos esta pequena vila pasando pola Igrexa de San Antonio, ascendendo ata un miradoiro dende onde se ve unha espléndida panorámica da desembocadura do Miño, ademais o ceo estaba despexado e puidemos alcanzar o Monte Tegra e a praia de Áncora. Nótase que é primavera, pois a terra está cuberta por un manto de herbas, flores silvestres de diversas cores e moito toxo coas súas flores de viva e intensa cor amarela ao longo de todo o camiño. Chegamos a comer ao Santuario de As Neves, despois de ter percorrido 14 km. Aí foi cando nos demos conta os 34 participantes que os 15 km previstos se converteran el algún máis. Total 22 km. Ás 17 horas chegamos de novo ao centro da praza onde un grupo musical estaba actuando. Este ano, ademais de ser o primeiro de maio, o día do traballo e da nai, era o día dos maios, e en Portugal celébrase moito. De feito, as portas das casas e os coches tiñan ramas de fiúncho. Neste caso decidimos parar a tomar a nosa cervexa en Tui, xa que había unha feira artesanal e podía resultar interesante. Ás 20 h chegamos a Vigo.

 


Como esta saída é suave, esperamos contar de novo cos participantes. O noso guía está en forma. De novo BENVIDO
ELVA

 

INICIACIÓN Á MONTAÑA
Pena Trevinca, 7-8 de maio
Venres, 6. O xoves xa sabiamos que non habería suficientes participantes para saír en autobús, pero contabamos cos coches particulares dos xa anotados, así que ás 21 h tres coches e dez montañeiros saímos do club con destino a Vilanova, á bonita casa rural que teñen Cholo e Marcos, onde chegamos pasada a medianoite. Fixemos unha parada de 30' na Gudiña para cear.
Sábado, 7. Despois dun abundante e delicioso almorzo, ás 9 h emprendemos a andaina cara a Pena Trevinca. Estabamos todos moi ilusionados, sabiamos que ía ser dura, pero contabamos coas moitas ganas que tiñamos de conseguir o obxectivo, e cunha soleada e calorosa fin de semana, o que supuña que non tiñamos que levar nada para a chuvia e case nada para a friaxe, só o chapeu e moita crema solar, pero iso pesaba pouco. Pola época do ano na que estamos, primavera, o sendeiro que leva aos pés do Trevinca dende Vilanova está cheo de cor e iso axuda a non pensar en todo o esforzo que nos ía supor a ascensión. Por fin ás 14 h chegabamos ao cumio cansos, pero contentos de telo conseguido. Grazas ao día soleado e despexado, a panorámica era espectacular. Comemos con moito apetito, recuperamos forzas e comezamos o descenso. Só baixando nos decatamos do moito que subiramos. Xa abaixo, fixemos unha parada de 30' e os nosos pés gozaron das xeadas augas do río Xares. Ás 19 h chegamos ao albergue; mentres uns duchábanse outros tomaban unha cervexa, estabamos moi organizados. Ás 22 h sentamos arredor dunha exquisita mesa para gozar da deliciosa e abundante cea que algúns alongamos ata a 1,30 h, inda que a maioría desapareceu, como a cincenta, á medianoite. Un día moi intenso.
Domingo, 8. O noso guía, que non ten ningunha compaixón, volveu espertarnos ás 8 h. Deixamos os coches en A Ponte, para dende alí ascender á lagoa de Ocelo por un cómodo sendeiro gozando da paisaxe e volver polo Xares, onde comemos. Cholo e Marcos recolleron aos conductores para levalos de novo a Ponte a buscar os seus coches. Inda teriamos tempo para unha sorpresa, xa que María estaba de aniversario e, antes do regreso invitounos a unha merenda en casa de Cholo. Por suposto cantámoslle o feliz aniversario. De novo “felicidades e grazas por ser tan cariñosa”. Chegamos a Vigo ás 21.30 h. Encantounos a fin de semana. Temos que repetir.

 

CAMIÑO DE SANTIAGO “VÍA DA PRATA” (I): SANABRIA-LUBIÁN,
21-22 de maio


 


A nosa experiencia nos outros dous camiños que fixemos foi tan estupenda que agora nos atrevemos con este, algo máis longo e difícil debido á zona montañosa pola que transcorre. O ánimo é alto e ademais démonos conta que é unha forma estupenda de visitar aldeas e vilas que doutro xeito non coñeceriamos.
O sábado 21 saímos do club 22 participante, algunha cara nova, pero a maioría eramos os mesmos cunhas rechamantes camisetas laranxas feitas para a ocasión (aínda quedan). En Puebla de Sanabria o autobús levounos directamente ao polideportivo, lugar onde durmiriamos. Instalámonos, camiñamos ata o centro, perdémonos polas rúas e ceamos para a media noite regresar.
O domingo 22 Miguel espertounos ás 7.30 h (di que pola fresca se camiña mellor). Esta etapa ten tres partes ben definidas. Ás 8.45 h saímos. Esta primeira parte, ata chegar a Requejo, é un agradable paseo que vai seguindo o curso do Río Castro. Fixemos unha parada na bonita igrexa parroquial de Santiago de Terroso. No seu atrio encontramos uns peregrinos alemáns que viñan dende Sevilla. Xa en Requejo fixemos unha paradiña para repor forzas e abastecernos de pan fresco, acabando coas existencias. Na segunda parte, nada máis saír desta aldea, atoparíamos o primeiro obstáculo importante antes de entrar en terras galegas: La Portilla de Padornelo, cun desnivel de 400 m para chegar ao punto máis alto do camiño (1350m). A anécdota do día foi ver camiñar a 22 persoas detrás dun monte de vacas que en trasumancia subían a Requejo cara aos pastos do Padornelo guiadas por un home a cabalo, co que conversamos do camiño, e os seus cans.
Paramos a comer e descansar durante unha hora en Padornelo, tirados nun campo e aproveitando o sol. O día amencera fresco co ceo soleado entre nubes. Incriblemente cando xa comezabamos a nosa derradeira parte, o sol desapareceu de pronto e unhas escuras nubes grises sobre as nosas testas acabaron nunha forte treboada que durou case 30 minutos. Menos mal que os montañeiros sempre imos preparados. O descenso ata Acibero e Lubián atravesa un dos tramos máis bonitos do camiño.Pisamos en varias ocasións calzadas empedradas, preciosas pontes, pequenos arroios e preciosas carballeiras. Todo un luxo de paisaxe. En total 33 quilómetros. O autobús esperaba por nós en Lubián, punto de partida da segunda etapa os días 4 e 5 de xuño. Entón contareivos algo sobre esta última aldea da provincia de Zamora antes de entrar en Galicia.

Elva

 

ACTIVIDADE FAMILIAR

 

“NA BÚSCA DO TESOURO III”
GOIAN, 22 de maio
Por fin unha Búsca do Tesouro sen chuvia. No meu equipo estábamos Ana, Sofía e máis eu, como queríamos chegar as primeiras, fixemos todo o rastreo correndo. Este año a fortaleza de Goián estaba pechada por mor das reparacións que se están a facer e tivemos que bordear o castelo ata ó sendeiro do río.
Ó chegar á illa, esperábamos “Pepita”, a pantasma da illa, cun montón de chocolatinas entre as súas sabanas e era como si nos dixeran: comédeme, comédeme. Con tanta presa por atopar a primeira mensaxe, caeunos “a bola” ó auga . Bueno liberamos a “Pepita” do grande peso...
A illa era nosa. Atopamos a “Pepito”, a calavera da illa, uns troncos e preto estaba a primeira pista que por mala sorte, mandábanos ó outro extremo da illa.. Por alí andaba a segunda pista que dicía que tíñanos que saír da illa, ¡inda por riba¡ e buscar por unhas árbores. Xa estabamos ledos porque cavilabamos que sería a definitiva para atopar o cofre ¡ pero non¡. A terceira pista dirixíanos de novo á illa. Ao voltar decatámonos dunha cousa, iste ano si había tirolina. A derradeira pista dicía que polas raíces e entre a tirolina e o auga estaría o tesouro. Uns puxéronse a cavar e outros xa se pelexaban pola tirolina, ata que unha nena chamada Irene coma min, atopou o cofre. Todos botámonos enriba dela para poder coller as chocolatinas de “ouro”.

 


Xa tiñamos fame e como o tempo era bo, xantamos na illa. Despois fomos a rastreala pola nosa conta. Pola tarde escondemos o tesouro para que o atoparan os pais. Como nos daban moita magoa, démoslles moitas pistas e una nai o descubriu . Máis tarde xogamos un partido y fixemos carreiras e xa os pesados dos pais mandáronnos para casa.
Irene Alemparte

 

 

ACONCAGUA 2005

 

DIARIO DO
ACONCAGUA 2005
.
3 de xaneiro de 2005. Quiroga-Bos Aires-Córdoba-Mendoza.
Cando quero darme conta estou metido dentro dun avión enorme que cruza o Atlántico rumbo á Arxentina, xa non hai volta atrás. Non sei cando tiven a idea de intentar subir ó Aconcagua, supoño que en calquera cova, barranco, parede ou pico de calquera sitio. Nembargantes, recordo perfectamente que o primeiro paso desta montaña foi na primavera do ano 2004 despois de non sei cantos aprazamentos involuntarios; con calma, normalmente, todo chega. A partir deste momento sete meses de preparativos e moita ansiedade, podo dicir que ata que conseguín pechar o meu petate con algún quilo de máis a cousa non estivo clara.
Nesta ocasión, na viaxe máis longa e con máis incógnitas ía estar só; na miña cabeza cando marcho de casa hai dúas ideas claras: -non sei como se desenvolverán as cousas (esta non é unha idea moi clara, pero está claro que é así), e por fin, libre, contento e no punto preciso para intentar esta ascensión.

 

Cara ao Bonete, parede oeste do Aconcagua


.
4 de xaneiro de 2005. Quiroga-Bos Aires-Córdoba-Mendoza.
Mendoza, hemisferio sur, pasou un día de tolos para alguén que considera que os avións voan de milagre. Chego rendido despois de escalas en Bos Aires e Córdoba; agora tocan unhas horas de descanso para repoñer forzas, cambiar de moeda e realizar as últimas compras. Mendoza é unha cidade bonita e con moito ambiente no solpor, hai que ter en conta que aquí están no verán; vaia contraste: saín de Quiroga cunha nevarada tremenda e en 24 horas o meu corpo está a 35º C e subindo.
5 de xaneiro de 2005. Mendoza-Penitentes (2.600 m).
Paso unha noite de soños inquedos pola tensión acumulada e o tremendo calor que vai neste país. Levántome tranquilo, pensando que hoxe darei un novo paso cara a arriba. Ás 12 h. sae o autobús que me levará a Penitentes antes deberei tramitar o permiso de estancia no Parque Provincial do Aconcagua: hai que realizalo en persoa e pasar antes polo banco a facer efectivos os 300 $ estipulados como prezo. Cada andinista recibe de xeito individual unha serie de indicacións precisas de cómo comportarse durante a súa estancia na montaña.
Tres horas en autobús pola estrada que conduce ao paso de Uspallata, na fronteira con Chile, e chego á peculiar “estación de esquí” de Penitentes; aquí pasarei a miña primeira noite nos Andes nun refuxio da Federación Eslovena de Montaña (si, si, Eslovena). Dende este punto xa poden verse algunha montañas moi grandes como o Cerro Tolosa (5.300 m) e todo xira en torno á proximidade do Aconcagua, a entrada ao parque está a uns 10 km deste punto.
Preparo a miña carga para as mulas e pronto a durmir.
.
6 de xaneiro. Día dos reis magos. Penitentes (2.600 m) - Confluencia (3.300).
Sei que virán noites peores pero estou moi animado.
Antes de entrar no parque dúas cousas reclaman a miña atención: o Cemiterio de Andinistas e Puente del Inca (2.700 m), lugar moi curioso no medio da nada cun balneario de augas termais abandonado.
A partir de aquí deixo a civilización por uns días, non está mal.
Pouco despois de Puente del Inca contemplo por primeira vez o Aconcagua: teño a Cara Sur diante dos meus ollos, penso: eu estou aquí e a montaña está aí, un pouco máis arriba, agora so hai que ter algo de sorte co tempo e atoparse ben (eu aínda non podía imaxinar todo o que quedaba para chantar os meus pés tan arriba).
Na entrada ao parque os gardaparques entregan a cada visitante unha bolsa numerada para as deposicións en altura; é obrigatorio entregar “algo” cando saes baixo ameaza dunha multa de 100 $, menos mal que é doado facer trampa.
Os trámites aquí son rápidos e poucos minutos despois gozo dos primeiros pasos dun camiño que agardaba dende hai tempo coa Cara Sur como testemuña. Estou un pouco emocionado.
Pronto deixo atrás a Laguna de Horcones e teño o primeiro contacto coas mulas e os arrieiros, o medio de transporte do noso equipo e material ata o C.B en Plaza de Mulas (4.400 m) constitúe un dos espectáculos desta aproximación. As mulas non van de ramal ou ó paso, lévanas soltas a todo o que dan e cargadas con 60 kg como máximo. Os arrieiros son xente ruda e auténtica, respectuosos cos seus clientes-intrusos e cos seus animais que gozan dunha presencia inmellorable.
A media tarde chego ao meu destino, campamento de Confluencia (3.300 m) pequena cidade de lona no medio dunha paraxe lunar; semella que algún artista tolo tivera coloreado as montañas: vermello, verde, azul, gris, negro... debuxan unha paisaxe próxima á irrealidade.
Estou no lugar adecuado.
.
7 de xaneiro de 2005. Confluencia 3.300 m Plaza Francia - C.B. da Parede Sur (4.000 m) - Confluencia.
Atópome moi tranquilo, marchou a ansiedade, isto permite unha noite reparadora sen sobresaltos. O día de hoxe é o primeiro do meu plan de aclimatación; ascenderei ata a base da parede sur e permanecerei alí ata media tarde se o tempo non empeora, logo volverei durmir a Confluencia.
Todo foi segundo o previsto, estar baixo esta parede déixame abraiado; había xente agardando a súa oportunidade para subir por algunha das súas vías surrealistas... Camiño paseniño, bebendo cada pouco e tirando fotografías sen parar. Despois de xantar moito e moi a présa teño que botar fora todo o que metín, primeira advertencia. O tempo, como todas as tardes, empeora rápido e imponse baixar lixeiro ata Confluencia un pouco antes do que pensaba.
.
8 de xaneiro de 2005. Confluencia 3.300 m - C.B. Plaza de Mulas 4.300 m.
Ás 8 estou preparado para saír cara ao C.B de Plaza de Mulas, a noite foi reconfortante e non hai secuelas do mal estar estomacal do día anterior. A xornada preséntase dura e interesante: moitas horas camiñando e 1.000 m de desnivel para chegar a unha altura significativa na que haberá que instalarse confortablemente para pasar uns cantos días.
Cruzo o río Horcones e ascendo pola súa quebrada ata o Bloque Solitario que inicia a Playa Ancha; superar este treito ata Piedra Ibañez require bastante calma, o desnivel é suave pero trátase dun deserto de pedra de moitos quilómetros só recompensado polas marabillosas vistas sobre os Cerros Tolosa, de los Dedos e Morro. Unha vez que entro en Playa Chica a cousa cambia, xa podo ver Plaza de Mulas baixo o impresionante Cerro Cuerno, testemuña impasible de toda a ascensión pola cara noroeste do Aconcagua. O continuo cruce coas mulas, no estreito sendeiro, fai divertida esta parte da aproximación. Teño un montón de fotos do espectáculo que ofrecen aquí estes sufridos animais e os non menos sufridos arrieiros.
Sen tempo para reaccionar estou baixo a Cuesta Brava, de fronte o Cerro Cuerno (5.400 m) e á dereita a cara oeste do Aconcagua, cando a vexo por primeira vez resúltame tan familiar que non me sorprende moito; esta paisaxe levaba moito tempo na miña cabeza.
Plaza de Mulas non pode describirse en poucas liñas, é un lugar curioso con xente moi curiosa e non da a sensación de estar a 4.300 m. Chego, observo e me concedo uns minutos de emoción, o xusto, hai moito que facer e hai que facelo moi a modo.
En principio síntome ben pero despois de montar a tenda e reforzala con pedras é como si me pasara unha apisoadora por riba. Respiro fondo e con calma, bebo e trato de non abandonarme; en poucos minutos estou recuperado. Por hoxe é suficiente.
.
9 de xaneiro de 2005. Plaza de Mulas 4.300 m.
No meu plan (porque teño un plan) hoxe toca... descanso e preparativos sen esforzo. Tratarei de deixalo todo listo para empezar os porteos pasadomañá; alimentación, gas, e material de altura quedan “perfectamente” organizados, agora só hai que poñelo arriba. Non sei como se darán as cousas pero estou decidido a montar dous campos de altura, un en Nido de Cóndores 5.400 m e outro en Plaza Cólera 6.000 m.
Pola tarde achégome ata o glaciar que baixa dos cerros Cuerno e Catedral a enredar nos penitentes de xeo e a mover algo o corpo para que non se acomode.
O resto do día, que xa non é moito, fomento as relacións sociais; nun lugar como Plaza de Mulas resulta moi interesante. Todo está listo para empezar a subir, pero antes...
.
10 de xaneiro de 2005. Día de feira en Quiroga. Plaza de Mulas - Cerro Bonete 5.004 m - Plaza de Mulas.
Outro chanzo na aclimatación será o Cerro Bonete de 5.004 m; a súa ascensión faise nunha xornada e non ten ningunha dificultade agás a propia da altura. Subo lentamente gozando da vista da cara oeste do Aconcagua en toda a súa magnitude, recoñecendo todos e cada un dos lugares polos que terei que pasar. Cando miro cara ao cumio penso que, tendo en conta a hora que é, haberá alguén alí arriba. Dende a cima do Bonete ¡¡¡miúda vista!!!, localizo os cerros Tupungato, Mercedario, del Plomo, etc, etc. Baixo como un foguete porque cada vez me encontro máis apampado. Arriba atópome cun noruegués vermello coma un camarón, ¿qué pintará aquí un noruegués?. De regreso ó C.B, un respiro e acabo de ordenar todo o que portearei mañá ao C.1 en Nido de Cóndores. Agora veñen tres días duros e decisivos para alcanza o obxectivo.

 

Solpor en Nido


.
11 de xaneiro de 2005. Plaza de Mulas 4.300 m - Nido de Cóndores 5.450 - Plaza de Mulas.
O día prometía e non defrauda; aquí nunca defraudan. Ás 9 h estou en marcha, as primeiras ramplas son duras e vou a modiño parando a respirar cada poucos metros. Amósome ansioso, aínda que levo varios días na montaña é a primeira vez que camiño realmente cara ao Aconcagua. Despois do Semáforo, paso clave desta ruta, Piedras Conway (4.740 m.); noto que algo non vai ben, empezan as molestias estomacais. Outro esforzo, de Piedras Conway a Campo Canadá (5.050 m): pensaba comer aquí pero non podo atravesar bocado, peor, non podo nin beber. O único que consigo meter é unha pastilla para o estómago. Estou preocupado e dubido pero finalmente imponse a cabeza: respiro fondo e cunha cadencia disciplinada, metendo, polo tanto, moito aire. Avanzo con lentitude pero en pouco tempo noto unha agradable melloría, paso de estar completamente afundido a unha satisfactoria sensación de plenitude. Respirar axeitadamente é fundamental. Chego a Cambio de Pendiente (5.370 m), baixo o Gran Acarreo, por fin podo comer e beber sen problema. Miro o cumio, parece que está... incriblemente cerca. Trato de non acomodarme, queda unha hora para chegar a Nido e descargar esta mochila que me tortura. Travesía en suave ascensión e diante dos meus ollos o C1 de Nido de Cóndores (5.450 m). Xa non é moi cedo e aparecen unhas nubes que non me gustan nada. Non vou sobrado pero son capaz de montar a tenda e deixala ben asegurada para evitar que o vento previsto marche con todo. Sen tempo para especular, localizo Berlín (5.930 m) e a barreira rochosa que dá acceso a Plaza Cólera (6.000 m) onde instalarei o C2. Non parece moi lonxe pero haberá que subir bastante carga.
Mochila valeira e todo costa abaixo (xa se sabe; cara a abaixo ata a m... corre), o que leva subir entre 7 e 8 horas, baixase en 1 h e 30'; chego o C.B rendido pero satisfeito. A satisfacción dura un minuto, acabo de recordar que mañá terei que volver a subir con máis carga e pensando en quedar alí a durmir...
.
12 de xaneiro de 2005. Plaza de Mulas - Nido de Cóndores.
Noite reparadora, durmiría moito máis pero hai que volver para arriba. Almorzo e preparo a carga do día, a mochila cada vez máis pesada; ónde irei con tanta cousa. Son as 11 h e novamente me vexo subindo a Nido; Semáforo, Piedras Conway, hoxe non vou a Campo Canadá, Cambio de Pendiente e C1, mellor que onte agás as costas que ameazan seriamente as miñas posibilidades. Con esta dor non haberá cima. Dispoño todo para pasar unha confortable noite a 5.450 m, as tarefas domésticas ocúpanme boa parte do que resta da xornada. Hoxe cearei unha sopa e pasta receita especial altura. Tres horas derretendo neve e cociñando, aínda agora lembro con claridade este cheiro e non teño unha sensación moi agradable. Entre as recompensas desta ascensión están os máxicos solpores que ofrece esta desolada paraxe: bonitas fotos.
.

13 de xaneiro de 2005. Nido de Cóndores - Plaza Cólera 6.000 m - Plaza de Mulas.
Non paso mala noite pero ao levantarme, cousa frecuente, o meu estado empeora; teño que facer un gran esforzo para almorzar sinxelamente uns grolos de té. Preparo todo e inicio a marcha cara a arriba. Realizarei un porteo con comida e gas ata Plaza Cólera e deixareino nun depósito, esta subida tamén me servirá para completar a aclimatación gañando altura e descendendo rápido, ao mesmo tempo que recoñezo o terreo. O tempo e bo e podo gozar dunha subida corta pero intensa. O cumio dende Cólera semella estar aí... aí está, pero queda a unha xornada dura, moi dura, que non será polo de agora.
Co depósito feito e a perspectiva dunha xornada de descanso baixo tan rápido como podo, mesmo, nalgúns treitos doados, correndo. Noto como os pulmóns se enchen de aire respirable, quen me ía dicir que a 4.300 m podería vivir tan ben. Teño un día para recuperar o mellor que poda un corpo cada vez máis desgastado. Esta recuperación empeza con dúas latas de coca-cola, vicio puro.

Barreira cara Cólera. 6000 m.


.
14 de xaneiro de 2005. Plaza de Mulas, xornada de descanso.
Anuncian un empeoramento do tempo... con todo colocado era o único que me faltaba despois de tanto esforzo. Renego durante un bo rato e consulto máis fontes; quero oír outra cousa, pero de momento as previsións non son boas para os vindeiros días, á noite seguro que poderán precisar máis. Analizo a situación e penso: “unha eventualidade así” non vai estragar a miña xornada de folganza. Miro moitas caras longas pero eu estou tranquilo, segundo encaixo eu estas cousas sorpréndome do meu talante positivo.
Antes do xantar visito a un dos médicos do C.B: recoñecemento minucioso e interrogatorio rigoroso, parece que todo está en orde.
Seguimos preocupados por un empeoramento do tempo que non chega, hoxe tamén estivo día de cumio. A xente pensa que mañá haberá que subir ao C1 prescindindo do tempo que faga na parte superior da montaña. Pola noite, sorpresa; a previsión máis precisa anuncia dous días e medio de tempo estable, moito frío e vento moderado en altura... que máis se pode pedir. Todo está listo para o intento á cima. Penso cómo será se consigo chegar arriba pero tamén trato de ter claro que as cousas poden saír mal e a retirada pode ser difícil.
.
15 de xaneiro de 2005. Plaza de Mulas - Nido de Cóndores (C1).
Chegou o día, o día de emprender por última vez o duro camiño cara a Nido de Cóndores. A aclimatación parece boa e o tempo estable (anuncian con bastante insistencia un empeoramento radical para a tarde do día 17), preocúpame unha vez máis o peso da mochila pero terá que ir. Como e bebo en cada parada e a dor de costas martirízame xa dende a mañá pero non lle fago máis caso do preciso. Fotos, cambio de impresións con xente que vén de arriba e deixar voar a imaxinación que para iso estou aquí. A media tarde chego á tenda do C1; non teño molestias e non hai desfeita. Agora a fundir neve e a preparar unha deliciosa cea: sopa con tropezóns e riquísimo arroz (foi como comer grava). O solpor é frío pero non quero perder o espectáculo... aguanto fóra pouco tempo, o suficiente para celebrar que estou aquí.
.
16 de xaneiro de 2005. Nido de Cóndores (C1) - Plaza Cólera (C2).
A noite a esta altura pásase como se pode. A tenda, por dentro, aparece tapizada por unha capa de xeo que o fai todo moi incómodo. Aínda por riba hai que empaquetar todo e seguir subindo con máis peso, malia a que decido deixar algunhas cousas nun depósito. ¿Todo negativo?. Non: o camiño a Plaza Cólera (C2) é empinado pero corto e podo ir paseniño. Demasiado pronto empezo a pensar no descanso que chega baixo un abeiro rochoso, outro tirón, máis repouso e as miñas costas que piden clemencia; non podo quedarme aquí toda a mañá. Novo esforzo e chego a Berlín, sempre hai ambiente, moita xente instala neste punto a 5.970 m o C2. Témolle un pouco á trepada que dá acceso a Colera coa mochila tan cargada, paso con moito coidado e sen novidade.
Aínda que me erguera fatal melloro durante toda a mañá e chego ben, incluso para montar a tenda con total disposición e moi reforzada, veñen horas incertas. Cea máis que frugal e ansiedade a tope. Empezarei os preparativos ás 3 h 30' para saír sobre as 4 h30'. Vai moito frío pero pouco aire.

 

C2. Plaza Cólera


.
17 de xaneiro de 2005. Plaza Cólera - cima do Aconcagua 6.962 m - Plaza Cólera.
Estou tranquilo dentro da miña tenda a 6.000 m de altura, mesmo consigo durmir un cacho, inquedo pero descansando que é o importante. Non preciso saír para saber que a noite está espectacular, a noticia corre polo campamento como un regueiro de pólvora. ¡¡Ben!!, agora hai que fiar fino e o soño do Aconcagua converterase en realidade. Os preparativos son lentos, malia estar no saco medio vestido invisto un bo rato en equiparme. Fóra vai un frío de morte, segundo o meu termómetro 26ºC e facilmente baixará algo máis, son as 4 h e 30'. En Quiroga a xente xa estará no traballo, no outro lado do mundo eu inicio a xornada máis dura e decisiva desta teima; os primeiros pasos custan pero as sensacións son boas. Sorprendentemente pouco despois o meu estado cambia de xeito repentino, teño unha espectacular dor de estómago: ¡¡agora non!!. Estou desesperado e triste, terei que dar volta. Alborexa e as vistas son espectaculares, sentado na pendente vexo como a miña aventura no Aconcagua está a piques de rematar. Quito as gafas e as primeiras luces do día amósanme o camiño: non darei volta sen sufrir, lémbrome de moitas historias que oín contar. Ben feito, un pouco máis arriba estou mellor, xa é día grande e o tempo segue inmellorable. ¿Pasou o peor?. Chego ao refuxio abandonado de Independencia (6.370 m.), trato de analizar como están as cousas: o estómago mellor, as costas ben, o tempo non cambia e aínda é cedo. Hai que seguir, Portezuelo de los Vientos, Gran Acarreo e por fin la Cueva (6.660 m). Fai dúas horas que conto os meus pasos; primeiro 40 e na entrada a Canaleta, 5. O corpo non vai, preciso un descanso. Estou contento, aquí xa non podo volver; seino, queda a temida Canaleta pero entregarei o resto. Un paso, outro paso, hai xente ausente que sube comigo os últimos metros... estou... estou... na Cresta del Guanaco, un metros máis e vexo a cruz de alumino que indica que estás no cumio do Aconcagua 6.962 m. Son as 13 h 30' hora local, as 17h 30' hora de Quiroga. Rematou a subida. ¿Canto custou...?. Parabéns, fotos e asinar no libro de piadas. Levo 20 minutos no punto culminante de América. O anunciado empeoramento do tempo faise patente, non vai aire pero as nubes e a néboa apodéranse de todo, mágoa de vistas. ¡¡Baixar!!. ¡¡Teño que baixar!!. Os delicados pasos da Canaleta custan o dobre que na subida por culpa do cansazo, hai que esforzarse a tope. Despois de esvarar varias veces, felizmente sen consecuencias, chego de regreso á Cueva. Neva copiosamente, o resto da baixada ata Cólera (C2) está clara pero endurecida por unhas condicións meteorolóxicas bastante difíciles. A previsión non podía ser máis precisa, de contado o vento fará insoportable a estancia nesta parte da montaña e imponse chegar á tenda do C2 canto antes. Son as 20 h, estou dentro da carpa vermella medio sepultada pola neve. Quito a roupa exterior e métome no saco, estou esnaquizado: sei que teño que beber e comer pero non podo. Pecho os ollos e paso unha noite inesquecible.

No cumio
.

18 de xaneiro de 2005. Plaza Cólera (C2) - Plaza de Mulas (C.B).
Enfróntome ao momento máis delicado do día atemorizado; toca desmontalo todo e baixar canto antes. Vai un tempo infernal e semella empeorar por momentos. Non vale desesperarse, manter a calma é imprescindible. Recollo todo con moito esforzo e sen parar a respirar nin un minuto. Cando escribo estas palabras aínda me pregunto de onde saquei as forzas naquela situación. Cargado como unha mula diríxome cara ao delicado paso polo que se accede a Plaza Cólera, as condicións son precarias pero hai que perder altura canto antes. Xa hai pegada aberta na neve e como unha pantasma no medio da cifra chego a Nido de Cóndores que amosa un aspecto completamente desolado. Recupero as cousas do depósito e continúo baixando; abandono a montaña con moito sufrimento. Como nunha visión espectral xurde entre a brétema o Cerro Cuerno, non parece deste mundo. Outra vez bonitas fotos.
Presentindo o límite vexo a morea de tendas de Plaza de Mulas, estou na casa. Aquí empeza a vida, síntome satisfeito. Levo dous días sen comer e practicamente sen beber, o meu nariz ten un aspecto horroroso; o médico di que está un “pouco” conxelado. A verdade é que a miña cara é un poema, dáme igual, son feliz.
.
Regreso a casa o día 24 de xaneiro, canso e satisfeito porque tiña un plan que desenvolvín durante varios anos sen dubidar ata acadar o meu obxectivo. ¿Será suficiente?. Nunca é suficiente.
.
Pouco antes de marchar, alguén moi próximo, díxome: “...xa me contarás que che deixa unha experiencia deste tipo...”: hai anos que busco algo puro e cargado de inxenuidade como o vivido en outras situacións (Caballos - Valle, por exemplo); agora empezo a descubrir que non é posible. Hai cousas máis duras e intensas pero determinadas sensacións semellan irrecuperables.
O Aconcagua ensinoume a camiñar e a pensar de vagar, a modiño, sen présa...


.


Ramón Vila Anca.

Quiroga, 24 de abril de 2005

 

Proxección dixital desta expedición, comentada polo seu autor, no local social do Club o venres 24 de xuño ás 20.30 horas.

 

 

 

MONTAÑISMO

 

MARCHA DE PRIMAVERA

Saída conxunta co Club Montaña Ferrol.- 24 de abril
Nas Fragas do Eume baixo a auga



O día comezaba mollado…
Á chegada do alto de “O Moscoso” mesturáronse os paraugas dos participantes dos dous clubs: “Montañeiros de Ferrol” e “Montañeiros Celtas”. Comezamos a camiñar por un sendeiro que non prometía moito. Durante o percorrido poñíamos e sacábamos o chuvasqueiro, pois non deixaba de chover e de dar tregua aos poucos. A néboa non nos deixaba divisar a paisaxe que nos rodeaba. Polo que nos dicían Conchi (vogal de montaña de Celtas) e Mercedes (vogal do Club de Ferrol), as vistas son ben fermosas. Pronto chegamos ao vértice xeográfico en Pena Fesa que nos indicaba que estabamos a 715 metros de altitude. A néboa seguía sen desaparecer. Baixamos percorrendo os nosos últimos pasos ata atoparnos cun cruce polo que pasaramos facía pouco e collemos a outra dirección. A marcha comeza a gustarme máis. Paramos preto dun precipicio para observar as vistas que agora si podemos ver. Qué mestura de flora e cores! Sobre todo especies frondosas.... e é que nos atopamos “Nas Fragas do Eume” coñecidas pola súa diversidade de flora. En poucos lugares en Galicia pódese gozar desta paisaxe, pois pouco a pouco as especies autóctonas van cedendo espacio a outras. Aproveitamos a ocasión de estar todos reagrupados para facer fotos do grupo. Continuamos a andaina, hai moitos prados cunha cor verde que me recorda á veciña Asturias. Nestes prados atopamos a simpáticas ovellas recollidas baixo as árbores. Polo camiño atopamos unha fonte antiquísima do ano 1866 de auga férrea. Algúns atrevéronse a encher as súas cantimploras. Quizais por mor de curar algunha enfermidade...
Despois dunha subida podemos ver ao lonxe o río Eume. É unha pena, pero por mor da subida do río debido a estas últimas chuvias, non podemos facer o itinerario programado e toca estrada e pistas anchas durante un tempo. Pero como non hai mal que por ben non veña, por este cambio de camiño puidemos ver un bonito cruceiro do cal Mercedes contounos unha pequena historia sobre a falta da figura que contiña.
Adentrámonos no bosque, sen dúbida a parte máis bonita. O grupo que ía diante escapou cara outro lado e algúns tiveron que ir na súa busca. Unha vez “rescatados” empezamos a gozar dun estreito sendeiro que baixaba cara un muíño de auga preto do río onde paramos a comer. As follas caídas, os liques colgando das polas das árbores, a vexetación tan pechada, facían daquelo un lugar impresionante. En fila de a un continuábamos baixando observando todo o que deixaba detrás. Que pena non estar no mes de xullo ou agosto pois non diría que non ao manxar de arándonos que estarían esperando por mín. Coa boca auga menos mal que a miña fame foi saciada pola comida que levaba na mochila.
Reanudamos a marcha visitando un novo muíño despois de atravesar unha fermosa ponte de madeira. A chuvia parece que nos deu unha tregua. Toca subir, aínda que despois de comer...
Foi divertido pasar por unha estreita zona encharcada e enlamada, sobre todo porque un numeroso grupo de camiñantes viñan en sentido contrario. Despois de ver ao “mexo da vella”, nome que se lle da a unha impresionante cascada que remata no río Eume, o peor do itinerario chegaba: non sei cantos quilómetros polo asfalto. Pero cousas que pasan cando a meteoloxía non está con nós. Pero debido a esto puidemos pasar por un pequeno pobo (realmente pequeno non máis de cinco casas), nunha das casas había unha parte da construcción adicada á conservación do millo. Tamén había colmenas modernas pero tamén feitas por troncos de árbores.
Por fin chegamos ao autobús, pero aínda non nos despediríamos dos de Ferrol, tocaba visita turística ao mosteiro de “Monfero” lugar onde nos despedimos despois da visita, facer a foto do grupo ao completo e agradecer a Mercedes a preparación desta bonita marcha.
A. M.

 

 

Serra de Guadarrama, 14-15-16-17 maio

A última hora do venres ou primeira do sábado (segundo se vexa!) tomamos o autobús manexado pola “simpar” parella de irmáns, con amuleto incluído... Que boa falta nos fai, porque entre os horarios e as rutinas polas que lles obrigamos a meterse, acabará aquel salpicadero como o altar dun toureiro! En fin, non sei se grazas aos amuletos, pero seguro que grazas ao chofer, a viaxe foi de fábula.
Chegamos a primeira hora e almorzamos cun café e sobre todo co Castelo de Manzanares, símbolo dunha das linaxes máis poderosas de Castilla durante os séculos XIV e XV. Logo continuamos novamente con destino ao noso campamento base. Dende onde nos deixa o autobús ata o refuxio “Giner de los Ríos” en La Pedriza, teremos un precioso paseo duns 30 minutos aproximadamente, (cando digo 30 minutos refírome a 30 minutos para chegar e outros 20 para tomar o autobús: cada día!!!, o tempo e o precioso do paseo varía, claro! da ruta do día ...)
Por fin recíbenos o transporte do refuxio, o burriño co que creo que se chegou trabar amizade. Así que chegamos a tomar os aposentos, para despois dun pequeno e reconfortante aseo, comezar a tan ansiada ruta: pois iso, media liteira por penitente, e o outro.. de campo, que polo visto é o ecolóxico...
“Buen rollito, buen rollito!!!”, que chega a primeira saída,


O grupo chegando a lagoa de “Los Pájaros”


SÁBADO, día 14: A PEDRIZA (ruta para enganar..)
.
Coa excepción dun pequeno grupo de escaladores: Carlos, Oli, David, Teresa, Marisa e Sechu (que me perdoen se enquecín a algún), que nos abandonan, o resto imos caro ao “Yelmo”, nun amplo percorrido pola Pedriza anterior. Así que saímos cheos de entusiasmo, entumecidos de tanto autobús, gozando das estrañas formas que foi creando o paso do tempo nas rochas. Dende o refuxio, quizás o mellor sitio para contemplar “O paxaro”, a segunda formación máis coñecida da Pedriza despois do Yelmo. Non sería raro ver algúns escaladores trepando por este risco, porque o sitio invita..
“O Paxaro” o “Pinganillo” deben o seu nome á forma final de pomba que ten no cumio e que se pode ver perfectamente.
Foi un “paseo” do máis orixinal, onde a paisaxe agasallounos con infinidade de esculturas ás que podiamos identificar como quixeramos. No momento de facer cumio no Yelmo a través da cheminea, os máis “cautos” decidimos obsequiarnos cunha sesta bastante merecida ao sol.
O dito: un pracer! antes de iniciar o regreso.
Xa no albergue podíase elixir ducha ou baño (un chorriño a tres ou catro quilómetros nunha fontiña xeada, ou ir directamente ás pozas... Que a saber como estarían!)
.
DOMINGO, día 15: ASCENSO AO PEÑALARA (inda non houbo ningunha baixa, vese que as rutas non son o que eran)
.
Para subir ata o Peñalara, o cumio máis elevado de Guadarrama, non faltou ninguén.
O aparcadorio da estación de esquí de Cotos é o punto de partida. O cumio non se distingue dende aquí, está tapada pola ampla loma de “Dos Hermanas”, o primeiro “dousmil” deste ramal da serra. A marcha é moi sinxela e nesta época do ano non ten ningún perigo.
Dos Hermanas atópase sobre nós. O xeito máis sinxelo de chegar a ela é camiñar por un antigo trazado dos arrastres, ben de fronte ou polos sendeiros de gando.
Estamos no punto máis elevado dos montes de Guadarrama e a Comunidade de Madrid. Con bo tempo a vista é espectacular.
Pisamos terreo máis complicado, con moitos bloques de granito que nos obrigan a usar as mans. Varios fitos de pedra sinalan o camiño, estamos na crista que nos achega ao “Risco de los Claveles”
Para non repetir o percorrido, a volta pódese facer baixando ata a Lagoa de “Los Pájaros” e despois cara á Lagoa Grande, no circo glaciar de Peñalara... É un destrepe que require certa experiencia. En condicións atmosféricas normais é unha gozada. Unha vez na lagoa hai que realizar a parada de rigor. Temos o Peñalara sobre nós e o ambiente e as augas cristalinas invitan a remollar os pés. O retorno cara a Cotos faise por un camiño moi marcado. Toda esta zona da serra está declarada Parque Natural.

LUNS, día 16: (DESTA CONSEGUÍMOLO: Aquí polo menos un par de lesionados) O PORTO DO REVENTÓN!!
.
Hoxe tampouco veñen os nosos escaladores aos que se sumaron Elena e Ángel.
A nosa ruta comeza no mesmo pobo de Rascafría, camiñando polos límites do núcleo urbano, ganando altura pola chamada costa do “Chorrillo”, cunha notable cruz en pedra (ós 60 m), bo punto de observación sobre un niño de cigoñas. Tras un tramo de subida bastante pronunciada, sen senda marcada, adentrarémonos na carballeira de os Horcajuelos, magnífica paraxe forestal que pode proporcionar o encontro ocasional con corzos e xabarís, se se camiña en silencio O vello trazado caminero, agochado baixo a densa arboleda, gana paulatinamente. Non ofrece dificultades, consistindo nunha subida dilatada, que enlaza unha serie de curvas. Observamos algúns mástiles metálicos que serviron como antigos sinais na neve. A sucesión dos puntos balizados tornarase máis densa neste sector, que acomete a subida final cara ao collado do Reventón. Localizaremos un antiguo pluviómetro; logo un antigo sinal caminero (fito cilíndrico a base de pedras apiladas) no punto no que volvemos a recuperar o trazado do camiño histórico. Enfilaremos cara a parte alta do collado, por un terreo que cubren as neves cada inverno e as xestas en flor cada primavera. Restos de parapetos, trincheiras e bastións na liña de frente establecida nestas paraxes cando a Guerra Civil de 1936-39.
O QUE PODEMOS CORROBORAR: XA SABEMOS POR QUE SE LLE CHAMA O REVENTÓN. E efectivamente: SOMOS IRREDUCTIBLES!! Chegamos abaixo todos... e en perfectas condicións (Ben, quen dice perfectas...)
Atopámonos no refuxio con “todos os escaladores de regreso”

MARTES, día 17: “A BOLA DO MUNDO”
.
Erguémonos todos disciplinadamente ás 7 h da mañá coa intención de atacar “A Bola do Mundo”, que dito así soa como un pouco imperialista. Pero afortunadamente, para o mundo, pero sobre todo para nós, o MUNDO puxo os seus recursos e pechou o porto de Navacerrada con Neve. (Quizais non estea todo perdido!)
Inda que con sentimentos enfrontados entre o cansazo, a satisfación e a frustración de ter quedado sen A Bola do Mundo regresamos con bastante chuvia.
Ata a próxima saída!!
Maruxa

 

 


ESPELEOSECCIÓN.

 

24 de abril: Asemblea de F.E.E.
Asistimos á Asemblea anual da FEE en representación dos clubs galegos. De todo o discutido e aprobado destacaríamos os seguintes puntos: reunión menos tensa ca do ano pasado, menos cartos para a espeleoloxía, máis para impulsar a competición de progresión vertical, subida na aportación á FEE da licencia de deportistas (25%) e xuvenís (20%) e non subida na de técnicos, infantís e outros ingresos da FEE, organización de menos cursos para deportistas e máis para empresas e profesionais, pretensión, con recurso e todo, para ser membro da asociación de empresas de traballos verticais, centro de tecnificación en Soba-Cantabria.
Club Montañeiros Celtas, representante dos clubs galegos na Asemblea da FEE, manifestou o seu desacordo na subida da aportación á FEE na licencia de 2006 (non entendemos por que aos técnicos non se lles aplica o aumento da licencia, nin entendemos por que unha federación deportiva está interesada na asociación de empresas de traballos verticais nin por que hai menos cursos para deportistas -din porque se suspenden algúns por falta de inscritos-. Claro que cos prezos dos cursos, a viaxe e o custe da estancia é complicado que os espeleólogos, sobre todo os máis novos, se animen).
No que respecta ao noso club a FEE desestimou varios dos proxectos presentados e subvenciona o Campamento infantil-xuvenil de espeleoloxía do club. Aínda está pendente a solicitude de subvención da Expedición de Club Montañeiros Celtas ao Macizo del Hornijo (Cantabria), do 31 de xullo ao 8 de agosto.

24 de abril: Reguerillo
O pasado 24 de maio estiveron en Madrid: Lourdes, Emilio, Carol e Miliño con motivo da reunión de espéleo. O domingo acompañounos Gelo ata a Cova do Reguerillo. A idea era facer a travesía. Os dous intrépidos espeleólogos (Carol e Gelo) deixáronse levar por toda a cova por Jabato que ía á última na moda espeleolóxica (vaqueiros e camiseta).
Esta cova transcorre por zonas variadas; andar, gatear, arrastrarse, rapelar,......
Logo dun par de horas estabamos saíndo pola outra boca e alí esperábanos Lour e Miliño. Rapidamente volvemos a Madrid para comer con Mónica e Emilio.
.
30 de Abril-1 de Maio. Cueva de Vallina, Crucero-Calaca.
Unha fermosa tarde de abril, desas que chove e fai calor, Daniel recibe unha chamada do camarada Antonio (GES Irmandiños) para adentrarse en terras cántabras (en todos os sentidos). Así Daniel, que nunca foi moi avespado, aceptou.
O sábado 30 o grupo dos Irmandiños (Antonio, Susana, Iván e Ramón) recollen a Daniel en Uvieu e tiran para Arredondo, parando en Hunquera a xantar. Chegan ás 17h, onde Juan e a moza (ambos irmandiños tamén) estaban a esperar. Visto que xa non eran horas de subir a Calaca, deciden facer Vallina. A travesía foi divertida, con achique de auga e todo, cousa que os espéleos lugueses non lles chistou moito. Ás 21h xa estaban na rúa. Deixan as cousas en Asón e tiran cara a Ramales, a cear nun mesón. Pronto volven para durmir.
O día seguinte érguense ás 8h coa intención de facer Toño-Cañuela, pero a tentativa de chuvia (e a forte costa de Socueva, diría eu) fíxolles cambiar de idea. Foron a facer a travesía de Calaca.
Dende a plataforma de Astrana parten a patas ata o Alto del Crucero, e van na procura da Sima Calaca; axiña a topan, así que quedan Iván e Ramón a instalar e Daniel e Antonio (o resto do grupo foise a Cabárcenos) instalan Crucero. Axiña están dentro da sima, e comeza o pateo.
Recorren as galerías da travesía en pouco tempo, pero axiña a rapidez failles meterse nunha das salas que hai que evitar e, claro, perdéronse. Menos mal que Daniel, hábil e astuto, atopa unha gateira estreita, que sopra moito, por onde se perden aínda máis (para que non houbese dúbidas). Como non o teñen claro, volven cara a atrás, revisando todo, ata que atopan a galería tocha por onde se debían ter metido fai tres horas; chegan a base do P27 de entrada de Calaca. Saen e van desinstalar Crucero. Logo, todos xuntos no collado, van fume de carozo para os coches.
De volta no albergue, comen uns bocatas mentres chegan os demais. Recollen todo. Iván e Antonio aínda querían ir a Vasconcillos (travesía burgalesa de escaso recorrido) pero as indirectas de Susana son ben interpretadas.
Ás 22 h deixan a Daniel en Uvieu, cunha patada no cu. Non sei a que horas chegaron a Lugo, pero seguro que antes da 1 da madrugada non haberían chegar.

30 abril - 3 maio: Descenso de Canóns en Guara
O venres 30, pola tarde, saímos de Madrid Carol e Gelo chegando ao cámping de Alquezar, base das operacións, arredor das 22,30 horas.
O sábado dirixímonos á cabeceira do río Vero para realizar dous canóns: pola mañá o de Basender, de 700m de lonxitude e 125m de desnivel. Con apenas auga pola seca, ten preciosos rapeles con zonas de terrazas e vexetación moi atractivas. Ao chegar ao Vero remontamos xunto a un antigo muíño para volver ao aparcamento. Pola tarde ímos descender o Lumos II, un canón en conglomerado de 200m. que continúan polo canón de Lumos 1800 m. máis. O inicio non é moi atractivo, formado por un cono de captación moi inestable que se pecha nun estreito canal con pozas e rapeles curtos ata desembocar no Lumos I, moito máis estreito e escuro, con pozas e destrepes. Un último rápel déixanos no canón de Lumos, máis ancho e cheo de vexetación ata chegar a un estreito meandro con pozas profundas nas que é preciso nadar.
O domingo 1 de maio, só realizamos un curto pero divertido canón no río Formiga. Trátase do Gorgonchón, con 200m. de desenvolvemento e apenas 25m. de desnivel en conglomerados. A auga encaixónase nalgunhas zonas moi estreitas con ruidosas cascadas seguidas de plácidas e profundas vadinas de paredes cubertas de coladas. Un sifón final deixanos nunha presa que marca o fin do canón.
O luns 2 é o prato forte destes días, pois pensamos facer o Mascún (4800m e 230m de desnivel), que precisa dunhas 9 horas de actividade. Deixamos o coche en Rodellar e remontamos a ladeira oeste ata a aldea abandonada de Otin. Tomamos o canón Risen e pola súa aba esquerda e dirixímonos á base do Saltador de las Lañas, onde comezamos o canón. Apenas circula a auga pola forte seca. Unha zona moi encaixada e escura con algúns rapeles conduce ao Mascún inferior, de maior amplitude, e seco. Descendemos durante 2 horas para regresar a Rodellar sobre as 6 da tarde.
O martes 3 é o noso derradeiro día en Guara e dirixímonos ao canón das Palomeras del Fornocal (250m e 50 de desnivel), con algunha poza profunda que recomenda levar peto.
Volvemos a Madrid despois de pasar uns días moi divertidos, gozando das paisaxes e sons da primavera na serra de Guara.

 

7 - 8 de maio:
IX Campamento Galego Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía
Campamento organizado polo ECA en Cobas. Do noso Club foron dez, cinco infantis-xuvenís, dous recentemente abandonada a categoría de xuvenís e os demais maiores. Quedouse no Club e chegouse a Cobas ás doce, onde despois das presentacións realizaron a distribución de grupos para a actividade na cova da Zorra. Os pequenos dos outros clubs tiñan moitos menos anos e a actividade non podería ser a mesma para todos. Os xogos realizados estaban encamiñados a localizar unhas cartolinas dispostas pola cavidade e logo situala na copia da topografía que se facilitou. É evidente que os máis pequenos necesitaban da asistencia dos maiores para poder ter unha mínima visión de “topógrafos”, e atreveríame a dicir que os máis grandes tamén, iso si, a cavidade recorreuse de punta a rabo, algúns incluso repetiron por coller as cartolinas equivocadas e telas que devolver ao seu sitio ¿quen diría que eran azuis?, ¡algunha mala fada, que quería trabucar aos Celtas!. Mentres todo isto pasaba nas covas, os nosos embaixadores “Milios” andaban pola zona de Médulas con José Benito, na procura de outros “buracos”. O domingo tocou prácticas de corda en parede, onde varios se introduciron nas técnicas de vertical por primeira vez, entre eles a “nosa” Marina. Ánimo moza, foi un primeiro paso para continuar.
Felicitar dende aquí o ECA pola labor de intendencia, xa que facilitaron os bocatas, a cea e o almorzo para todos os participantes, o que é de agradecer.
Iago, Ramón, Bea, Marina, Marta, os infantis-xuvenís máis mellores do campamento, ¡son Celtas!, Laura e Óscar que non queren deixar de ser xuvenís, (tamén son Celtas), e os esforzados, sempre Celtas, Emilio F., Emilio B. e Lourdes, que fixeron posible o desprazamento destes mozos.
A Sección

 

Espeleonovas

18 - 19 de xuño: 10º Campamento Social Infantil-Xuvenil de Espéleo. Estas datas tedes que reservalas sen outra ocupación, iremos ao Caurel que xa levamos tempo sen visitar. Hai alguén, que agora xa non ten menos de 18 anos que prometeu levarnos, cando tiña 15, a Traslacosta. Esperamos contar con el.
.
30 xullo - 7 agosto: Campaña Hornijo 2005. Outra maneira de facer as cousas. Dende os tempos de Chito e Antonio Veiga, non se facían campañas de exploración. Este ano, agradecemos á Agrupación Espeleolóxica Ramaliega, titular da zona, e tamén a Gelo que tivo a deferencia de nos ofrecer a posibilidade de realizar esta campaña que nos motiva e compromete coa espeleoloxía. Unha semana con plan de traballo na Serra do Hornijo: explorar, topografar, ...COMPARTIR.- Esperamos a túa colaboración e asistencia.

 

LEMBRADE:
Axiña comezan as tardes de Picoña, rematade canto antes os exames e pómonos de acordo no día de comezo e día da semana ¿será martes?

 

MULTIACTIVIDADE XUVENIL.

Atención xuvenís! .

Esta é unha multiactividade para os rapaces e rapazas do Club As Seccións deportivas de Espeleoloxía, Escalada e Bici de Montaña, organizan esta multiactividade na que os rapaces e rapazas gozarán de catro actividades deportivas: Descenso de canóns, Espeleoloxía, Escalada e Bici de montaña. Está dirixida a socios de 14 a 18 anos pero se tes algún menos ou algún máis pregunta no Club se podes participar.

Vén a divertirte ao CAUREL, será os días 2 e 3 de xullo

Goza da Aventura !!!!

 

 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

 

XUÑO

17 Local Social Charla "Caixa de primeiros auxilios de Montaña" S. Actividades Sociais

18-19 O Caurel 10º Campamento Social Infantil - Xuvenil Espeleo S.D. Espeleoloxía

18-19 Quiroga VIII Marcha con Vivac: Serra do Eixe - Courel FGM - Xistra

24 Local Social Proxección dixital: "Diario do Aconcagua. Xaneiro 2005" S. Actividades Sociais

25 O Rosal Saída Etnográfica. Muiños do Folón S. Cultura e Medio Ambiente

25 Parque O Castro, Vigo Xuvenil. "Súbete ao Castro": Tirolina Concello Vigo - C.M. Celtas

25-26 Ría de Vigo III Travesía: Kaiak +Espeleo +Escalada +Marcha +Natación +BTT SS.DD. do Club

25-26 Lobios (Xurés) XVI Campamento Galego Descenso De Canóns FGE - ECDC

25-26 Budiño Curso Escalada Artificial FGM - EGAM

26 Caminha (Portugal) Sendeiro tranquilo. Marcha do Polo: Caminha - Ancora S.D. Sendeirismo

 

XULLO

2-3 Oencia (León) La Seo S.D Montañismo

2-3 Illas Cíes Campamento Infantil de Veran S. Infantil-Xuvenil

2-3 O Caurel Xuvenil: Canóns - Bici - Espeleo - Escalada SS.DD. Espeleo-Bici-Escalada

2-3 Budiño - Melón Curso Descenso de Barrancos FGM - EGAM

9-10 San Andrés de Teixido Introducción á Travesía: Serra da Capelada S.D. Sendeirismo

10 Noia Xornadas Iniciación Descenso Canóns S.D. Espeleoloxía

10 Baiona PRG.62 Sendeiro dos petroglifos S.D. Sendeirismo

16-17 Illa de Arousa Campamento de Verán S.D. Subacuáticas - S. A.Sociais

16-30 Eslovenia Saída Internacional. Alpes Julianos FGM

17 Baiona Baiona - Cabo Silleiro S.D. Sendeirismo

23-24-25 Llánades (León) Travesía con 2 vivac: Porto S. Glorio - Porto Piedras Luengas S.D. Montañismo

31 Cangas Sendeiro tranquilo. Península do Morrazo: Cangas – Cabo Home S.D. Sendeirismo

 

AGOSTO

30/07 - 07/08 Neouville - Luchon Pirineos 2005 - Francia S.D. Montañismo

30/07 - 07/08 Ramales - Cantabria Campaña 2004 - Hornijo S.D. Espeleoloxía

6-13 La Cerdanya Campamento Anual Estatal. Pirineos FEDME

14 Baiona PRG.62 Sendeiro dos petroglifos S.D. Sendeirismo

28 Baiona Baiona - Cabo Silleiro S.D. Sendeirismo

 

 

Edita: Club Montañeiros Celtas.
Dirección, maquetación e montaxe: José López Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle.
Colaboran neste número:
Ángel Braña, Juanjo Vázquez, Luis Iglesias, Irene Alemparte,
Ramón Vila Anca, Andrea Michéle Rosario, Maruxa Pérez, Manoel Chao, Concha Gilino, Elvira Álvarez, Chus Lago, Conchi Barciela,
Lourdes Castiñeira, Ángel García, Carolina Rodríguez Domingo,
Daniel Ballesteros, Emilio Ballesteros.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado