Boletín de Xuño de 2004

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines CalendariosFotos Enlaces



 
 

REMATA O CURSO, BOAS NOTAS EN XERAL...
PERO CON ASIGNATURAS PENDENTES

     Facendo balance, con gran orgullo podemos dicir que o Club vive momentos de sona. Con 62 anos de historia é un Club veterano e recoñecido no contexto estatal, a cantidade e diversidade de actividades deportivas, sociais e culturais fan de Montañeiros Celtas unha Entidade dinámica en crecemento, ao seu importante volume social de máis de mil socios, engadimos o recoñecemento de diversas entidades á nosa labor, a destacar a designación de Mellor Club Galego do 2003 polas federacións de Montaña (o trofeo da imaxe) e de Espeleoloxía.
     A nosa intención non é acadar o posto máis alto comparados cos demais, que de acadalo acéptase con agrado e satisfacción, senón conseguir que o desenvolvemento deportivo e sociocultural vaia moito máis alá da simple participación, que forme unha filosofía de vida, a que inculca a práctica destas actividades na natureza, sexa montaña, mar, covas, ríos... e que nos transmitiron os nosos antecesores, e tamén ofrecer unhas actividades de interese, principalmente ós asociados pero tamén á sociedade en xeral co ánimo de fomentar o deporte en contacto coa natureza e achegar aos cidadáns a oportunidade de coñecer as belezas das montañas e do seu entorno.

    O balance en xeral é positivo, pero aínda temos asignaturas pendentes, a principal e fomentar e conseguir máis participación da xuventude, tratando de encher o seu tempo de lecer con actividades ao aire libre e ofrecéndolles unha alternativa a outros  deportes ou actividades entre as que se incluen os modernos xogos tecnolóxicos que fan da nosa mocidade uns candidatos ó sedentarismo. O Club quere impulsar o tan demandado “relevo xeracional” dos montañeiros, algo que dende diversos ámbitos contémplase como difícil, pero necesario.
Sechu
PIRINEOS 2004
Chega agosto e de novo citámonos cos Pirineos. É xa un costume. Fai calor na cidade polo que nos gustaría espertarnos na frescura dos cumios. Serán moitas as persoas que coma nós diríxanse aos Pirineos pero a maioría quedarase nos vales e non se interesarán polas montañas, o corazón da cordilleira. Nós intentaremos gañar altura, en definitiva “montañearemos ”.

        Este año temos elixido “La Cerdanya” que é sinónimo do Pirineo Mediterráneo. La Cerdanya é un lugar luminoso no que nos encontraremos totalmente a gusto. Está rodeada ao oeste polas montañas de Andorra, o Carlit ao norte, o macizo do Puigmal ao este e a serra do Cadí ao sur. Dentro da variedade deste conxunto de vales e cumios, seguramente encontraremos un lugar co que nos identificaremos e pensemos que mereceu a pena coñecelo. Máis información na páxina 11.

          Bo verán pirenaico!

Conchi

 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA
 para modificación de ESTATUTOS

     Nesta Asemblea celebrada o pasado 21 de maio no local social, debateuse, artigo por artigo, o 2º Borrador da proposta de novos estatutos, ó que se lle foi facendo os cambios propostos pola Asemblea. Cada artigo, unha vez consensuado (algúns deles necesitaron votación), foi aprobado individualmente e ó final, foron aprobados o conxunto de tódolos artigos, é dicir, que os novos Estatutos foron aprobados.
  Unha vez redactado o texto acordado, os Estatutos foron revisados lingüisticamente e enviados ó Rexistro de Entidades Deportivas da Xunta de Galicia, onde os validarán. Cando os teñamos recibido de volta, publicarémolos.

ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA
 para modificación de COTAS DOS SOCIOS

     Esta Asemblea, convocada para o pasado 21 de maio no local social, estaba previsto celebrala a continuación da anterior, pero o debate dos Estatutos prolongouse tanto, que o fixo imposible. Temos intención de convocala novamente para o mes de outubro.
 
 

AXENDA

Venres, 2 de xullo "ASTRONOMÍA. CONSTELACIÓNS DE VERÁN" por Jorge Cabaleiro, da Agrupación Astronómica  Rías Baixas. Charla e proxección de diapositivas: No Club ás 20:30 h.

3 xullo  -  5 setembro Exposición fotográfica “MONTE ALOIA - MONTAÑEIROS CELTAS”. No Centro de Visitantes do  Parque Natural do Monte Aloia.

NOVAS

Ártabros: XXX Anos en Marcha

   A Sociedade de Montaña Ártabros, da Coruña, está celebrando estes días o seu XXX Aniversario cun programa de actividades que baixo a denominación xenérica de SEMANA DE LA MONTAÑA Y LA ESPELEOLOGÍA ofrece un ciclo de conferencias con proxección de diapositivas, impartidas por importantes alpinistas, escaladores e espeleólogos (o programa podedes atopalo no taboleiro de anuncios do noso Club). Os actos do aniversario terán como colofón a celebración do “I OPEN ÁRTABROS de Escalada en Bloque” que se desenvolverá no frontón municipal de Riazor (A Coruña) o sábado 3 de xullo, en horario de mañá e tarde.
  Club Montañeiros Celtas felicita a Ártabros pola súa labor durante 30 anos en favor do montañismo e a espeleoloxía, converténdose nunha das entidades de referencia en Galicia.
eeAm  ESCOLA DE FORMACIÓN CONTINUA

   A EEAM (Escuela Española de Alta Montaña) recentemente comezou unha nova etapa onde o obxectivo é ofrecer solucións ás necesidades de mellora deportiva dos federados e o teixido asociativo composto polos clubs de montaña.  Ó mesmo tempo ofrece un programa de actividades que ten por obxectivo a actualización de coñecementos de técnicos e expertos relacionados co mundo da montaña, así como dar servicios a sectores afíns.
    Co motivo destas novidades da EEAM, da que segue sendo o seu Director o noso socio Xosé Manoel Pérez Prego -a quen lle desexamos unha exitosa etapa-, temos no Club a disposición dos socios a presentación de obxectivos e as areas de formación da EEAM, o programa xeral de actividades e o calendario de cursos de deportistas.
 
 

SECCIÓN INFANTIL - XUVENIL

 OPERACIÓN BENXAMÍN 2004
XXXVII Curso Infantil- Xuvenil
de Iniciación ó Montañismo

 Como cada ano, o mes de Maio vén acompañado da “Operación Benxamín”.
Este ano celebramos a XXXVII edición deste curso, para que os máis cativos tomen contacto coa montaña. Acompañados por un grupo de monitores, tivemos a oportunidade de saír ó monte e gozar de tódalas actividades organizadas: marchas, charlas, xogos... fomentando o respecto pola natureza e o seu entorno. Toda unha experiencia para os máis novos.
Como xa vén sendo habitual, este ano houbo unha gran participación, anotáronse 45 rapaces de entre 8 e 14 anos; para os máis, este era o primeiro ano, pero a maioría repiten. O número de monitores que participamos nesta actividade é de 8-10. Este ano contamos coa colaboración de Ramón e Iago, antigos benxamíns que se resisten a deixarnos.

O venres día 7 tivo lugar no local social a apertura do curso: proxección de diapositivas, presentación dos monitores e un pequeno resumo do que faremos durante as tres fins de semana.

O sábado día 8 pola tarde saímos de Vigo cara ó noso destino, que como tódolos anos é o monte Aloia; para que os rapaces teñan o seu primeiro contacto co monte, aprendan a montar as tendas de campaña, a facer a súa mochila e tamén se lles dá unha pequena charla de material.
Pola tardiña, logo de estar acomodados no refuxio, baixamos á zona de acampada, toca “montaxe de tendas”. Cada grupo cun monitor, deben aprender a montar e desmontar a tenda. Pola noite, unha pequena marcha nocturna, o Cola-cao e a durmir.
O domingo pola mañá tiñamos pensado levar ós rapaces a un miradoiro que hai preto do refuxio e unha vez alí darlles unha charla de material de escalada. Os maiores fan escalada e rappel nunha rocha, pero non puido ser, como noutras ocasións, o tempo xogounos unha mala pasada. Choveu case toda a mañá. Arredor do mediodía deixou de chover e decidimos ir facer unha marcha que nos tivo polo monte ata a hora de xantar. Ó remate Paula deu unha charla: ”Cómo se prepara unha mochila” e aínda houbo tempo para facer xogos ata a chegada do bus, que tivo unha pequena avaría e recolleunos unha hora máis tarde.

A fin de semana do 22-23 de maio fomos acampar ó “Pé da Moa” en Castrocaldelas. É unha área recreativa, ten mesas de pedra e fonte, aínda que este ano estaba seca e tivemos que ir un pouco máis lonxe a encher as cantimploras. O tempo non se portou como quixéramos, aínda que xa estamos acostumados. Esta fin de semana tocou “tormenta”. Como saímos pola mañá, tivemos tempo de xantar, facer xogos de presentación e montar as tendas antes de que se puxera a tronar e chover, estivemos durante dúas horas sen saír das tendas.
Tódolos rapaces participaron no concurso de cociña. Neste apartado hai que dicir que a imaxinación está adormecida, cada ano repiten os mesmos pratos, moléstanse pouco en facer algo orixinal .Esta edición decidimos premiar ós pratos mellor elaborados e ós grupos que máis se esforzaron, xa que o nivel destes está en “declive”.
Ó rematar o concurso tocou charla de orientación (impartida por Juanjo) e manexo de compás.
A marcha do domingo saía do campamento por unha pista cara ó monte “Pé da moa”. Cando chegamos arriba, aínda houbo tempo de facer unha pequena charla antes de volver ás tendas e á comida que nos estaba a esperar na mochila. Pola tarde preparámonos de novo para a tormenta que tiña que chegar, pero finalmente pasou de lonxe e case non choveu...
Teño que dicir que o mellor da fin de semana foi o xogo do “pano”, un clásico que divirte a todos (rapaces e monitores). O mellor foi a partida de nenos contra monitores, no que Juanjo deixou o pavillón ben alto.
O peor pola contra, foi o accidente que sufriu Bran, unha caída tonta, pero que lle rachou o brazo. Tivemos que traelo en coche a Vigo, onde lle puxeron un xeso. ¡Bran, un bico e cóidate, a ver se para a próxima podemos contar contigo!
O Lago de Sanabria, un bo lugar para o baño montañeiro
A última fin de semana marchamos pola mañá ó “Lago de Sanabria”. Este é un destino que nos gusta moito ós monitores: hai monte de verdade para unha boa “pateada” e podemos gozar bañándonos no lago, xa que imos ó cámping que está a beira deste. Nesta ocasión, coma outras veces, fixo bo tempo, saíu o sol e pasámolo moi ben.
O autobús deixounos na aldea de “El Puente”, alí collemos un sendeiro que nos leva ás fervenzas de Sotillo.
Paramos a xantar antes de empezar a subida. A camiñata non é moi longa, os rapaces quéixanse, pero ó chegar as fervenzas, son tan fermosas que se esquecen do cansazo. Por sorte, logo toca baixar, aínda que se queixen os nosos xeonllos.
Xa no cámping, logo de montar as tendas, fomos dar un paseo polas praias que bordean o lago. Antes de que se fixera de noite, volvemos ó campamento para cear e deitarnos
O domingo foi un día de “relax” total: paseo polas praias, toalla na area, xogos e baño, a pesar de que a auga estaba xeada.
Pola tarde, recollemos as tendas e montamos no autobús que nos levou de volta a casa. Cansados logo dunha fin de semana esgotadora, de durmir pouco e andar moito, pero contentos de ter ido.

Monitores da Sección
 
 


SECCIÓN DE CULTURA

SAÍDA DE FOTOGRAFÍA

      O pasado día 06 de xuño, ás 10 da mañá un pequeno grupo de afeccionados á fotografía atopáronse diante do Refuxio do Aloia. Neste caso o monitor foi Martín, ó que lle dou as gracias. A idea era captar algunha imaxe interesante que se puidera expoñer na vindeira exposición fotográfica que o club fará no centro de visitantes do Parque. A pena é que xustamente ese día a néboa quíxolles facer compañía... así que non foi un día especialmente propicio para a fotografía. Inda así fíxose algunha que outra fotografía, e eso si, gozaron dunha agradable mañá paseando polo parque e charlando...

EXPOSICIÓN  FOTOGRÁFICA  NO MONTE ALOIA

A raíz do 25 aniversario do Parque Natural do Monte Aloia, en Tui, o Club Montañeiros Celtas fará unha exposición fotográfica no Centro de Visitantes do Parque, co título “MONTE ALOIA -  MONTAÑEIROS CELTAS”.

Con esta exposición tratamos de amosa-la antiga e profunda relación entre o Monte ALOIA e o Club Montañeiros Celtas. Empezará o 3 se Xullo e rematará o 5 de Setembro. O tema da exposición será a visión do Aloia dende o punto de vista do Club, con fotografías de distintos temas -"históricas", de actividades, de natureza...- dende os seus primeiros tempos ata agora, feitas por montañeiros do Club.

Isabel
 Astronomía

 O vindeiro día 2 de Xullo, teremos unha xornada ASTRONÓMICA en Montañeiros Celtas. Empezaremos no Club ás 20:30 cunhas explicacións sobre as constelacións que se poden observar nesta época do ano, acompañadas de diapositivas. Despois, se o tempo o permite, desprazarémonos ata o Refuxio do Monte Aloia para observa-las estreas. Acordádevos de levar roupa de abrigo, prismáticos se os tedes e algo para picar ou beber. Quen queira pode quedar a durmir no refuxio e aproveitar a mañá do día seguinte para dar unha voltiña polo parque ou axudar a montar a exposición fotográfica no centro de visitantes... que unha axudiña nunca vén mal...
 Contamos con vós.

Isabel
MATERIAL PARA FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA

Hoxe escribo estas liñas para o afeccionado á fotografía de montaña, pensando nun equipo completo para as situacións máis normais que se nos presentan na montaña baixa, media, e alta. Se un día particular polas dificultades como escaladas, peso da mochila, etc. débese levar menor equipo, será unha decisión do fotógrafo.
- Cámara réflex con control de diafragma, velocidade, fotómetro, sensibilidade, etc. Para que poidamos controlar a foto e non sexa a cámara quen nos controle. Como xa sabedes determinadas fotos só se poden conseguir se utilizamos correctamente os controis da cámara, como inmobilizacións obxectos en movemento, profundidade do campo, luces correctas, etc..
- Obxectivo  zoom 28-70 (80) mm., ou se non se dispón deste, un  obxectivo fixo de 50 mm. Como obxectivo complementario si se pode cargar. O ideal é un zom 70 (80)- 210 (300)  con este xogo de dous obxectivos poderemos abordar case calquera situación que se nos presente
- Filtro skylight en cada obxectivo, necesario para protexelos de golpes e roturas, ademais filtran un pouco os raios ultravioletas e melloran os ceos nas fotografías. Este filtro debe estar sempre posto no obxectivo.
- Como bolsa ou maleta de trasporte o ideal é unha mochila para equipos fotográficos, nelas caben 2 cámaras, varios obxectivos, filtros, carretes, cantimplora, comida, chuvasqueiros, bolsa chuvasqueira para a mochila e soen levar portatrípode para quen o precise, especialmente en fotografía nocturna. Se carecemos desta mochila valen as bolsas ou maletas que permiten levar unha cámara, 2 obxectivos, e material accesorio, se esta bolsa non é impermeable, débese preparar unha funda impermeable para ela.
- Flash opcional. Os bos flashes son pesados e grandes. En  xeral non son necesarios case nunca. Para emerxencias pódese usar un pequeno flash incorporado en moitas cámaras, non é de boa calidade normalmente
- Trípode. Debe ser lixeiro, aluminio e con posicións para cámara en formato horizontal y vertical. Débese preparar una funda impermeable para el.
- Película. Diapositiva 50 ASA y 100 ASA, para condicións de moi boa luz, garante ampliacións a papel de calidade insuperable. Para condicións de pouca luz 200 ASA. Pensade qué película e cores vos gustan máis para elixir marca; iso conséguese con probas e depende dos gustos persoais, en xeral AGFA, FUJI e KODAK son as mellores, pero moi diferentes en cores. Non descartedes levar algún carrete en branco e negro para escenas nas que predominen os tons escuros e claros e prime a  composición
- Filtros Cokin e portafiltros. Hoxe en día son a mellor e máis barata forma  de proverse de filtros para os nosos obxectivos, son universais e valen para calquera obxectivo se compramos unhas arandelas de adaptación. Filtros máis aconsellados: estrelas, polarizador e algúns cambios de cor, e efectos especiais .
- Pequeno material accesorio. Pilas de reposto, papel limpador, pera de aire con pincel limpador, bolígrafo, papel, etiquetas adhesivas (para pegar nos carretes disparados con datos), manual da cámara, gomas elásticas (para avaría de peche do corpo da cámara), disparador de cable.
- Os parasoles non son aconsellables cando se traballa con obxectivos zoom.
Espero que estas liñas sexan do voso interese e vos sirvan para que este verán poidades facer un montón de fotos interesantes e gozar vós e todos os que as  vexan (bo verán).

Martín (Shambala)
ACTIVIDADES SOCIAIS
Médicos sen fronteiras

O venres 23 de abril, con Carmen Orche volvemos marchar a África. Carmen presentounos o proxecto que ten “Médicos Sin Fronteras” neses lugares do mundo onde os necesitan, onde hai persoas expostas á violencia, ás epidemias, ás hambrunas, aos desastres naturais, á pobreza e o esquecemento.

Carmen apoiou a súa charla cunha proxección de diapos
Esa axuda farase sen distinción de raza, de sexo, de relixión ou de ideoloxía política.
“Médicos Sin Fronteras” trata de crear unhas infraestructuras para que as propias poboacións saiban ser autosuficientes en certos sectores como detectar mal nutrición, organizar un hospital de campaña cos medios humanos e materiais de que dispoñen. Quizais o que máis me impactou foi a maneira tan humana, e ao mesmo tempo tan directa que tivo Carmen para falar desas familias que se unen para sobrevivir, e da linguaxe dos xestos e das miradas que son tan eficaces cando existe a barreira dos idiomas. Falounos da loita das nais sempre incansables, que teñen a responsabilidade da familia, do abastecemento da auga, do mercado, tarefas da casa, e chegar a unirse para crear talleres e axudar na economía familiar.
Carmen estivo en Arxelia, en Guatemala e no Congo. Seguro que dentro de pouco volverá a desaparecer por un tempo traballando con esta organización non gobernamental que pretende axudar cos seus voluntarios.
“Necesitamos persoas capaces de indignarse”, é o chamamento que fai esta organización para a súa axuda humanitaria.
Se vos interesa, tedes máis información no Club.

Agradecemento

Temos que agradecer á librería “BABEL” (Rúa Venezuela, 45. Vigo) que pola ocasión da actividade de “ Na busca do tesouro II”, agasallounos con todo un lote de libros para os nenos.

    Campamento de Verán

Esperamos atoparnos todos na Illa de Arousa os días 24 e 25 de xullo para celebrar o Campamento de Verán. Como de costume o Club invita a sardiñas, pan e viño. Esperamos ter unha bonita velada. Ao día seguinte para os que lles apeteza, xornada con kaiak de mar.
 
 

SECCIÓN SENDEIRISMO

O CAMIÑO DO NORTE: RIBADEO /SANTIAGO

ETAPA V :  SEIXON - SOBRADO,  24 km.
24 - 25 de abril
SABADO 24

Puntual, como en cada unha das nosas etapas saímos ás  16 h. en autobús. Nesta ocasión 27 participantes con destino a Baamonde.
Na etapa anterior contactáramos con Concha, a señora encargada do albergue onde pasaríamos a noite, e que á vez organizaría a visita á casa Museo de Víctor Corral e á Igrexa. Cando chegamos, estaba a esperar por nós. Deixamos as mochilas no estupendo albergue (unhas antigas cocheiras para dilixencias do camiño de Asturias, que dispuña de 100 camas) e fomos directamente ó museo, instalado na parte inferior da casa do autor. Para os que non tivestes oportunidade, merece a pena facer un alto nesta vila e visitar a casa e tamén a súa igrexa de Santiago, románico-gótica do século XII, cun atrio con árbores centenarios e un calvario formado por tres cruceiros. Todo esto complementouse cunha cea no restaurante Galicia, propiedade de Xoan Corral, irmán do escultor, que  á súa vez é poeta e showman como el se define. Na sobremesa amenizounos cun pequeno e  simpático show. Pouco antes da media noite  e seguindo as normas dos albergues, retirámonos con moitas risas.

DOMINGO 25

O espertador estaba para as 8 h, pero non sabemos o por que, media hora antes, a maioría da xente comezou moverse e xa se levantou o campamento.
Despois de almorzar despedímonos de Concha, o autobús levounos ata Seixón onde comezaría a nosa etapa de hoxe ata Sobrado. O día amenceu moi anubrado, pero a media mañá as nubes disipáronse e o sol saíu con forza, de feito foi a calor o que fixo o camiño un pouco duro, esgotóusenos a auga a todos, menos mal que para entón era hora de xantar e paramos á dereita da estrada, nun pequeno parque cunhas árbores que daban sombra e cunha soa casa enfronte á que tivemos que acudir pedindo auga; por suposto, a señora que nos atendeu, moi amablemente deixounos o portón aberto  para nós.
Despois dunha pequena sesta, seguimos. Agora só faltaban 6 quilómetros ata Sobrado. Paramos de novo na lagoa e ás 17.30 h chegamos ó mosteiro, cuñamos as nosas credenciais e aproveitamos para visitalo. Este será o noso albergue na seguinte  etapa.
Ás 19 horas regresamos. Aínda que o camiño foi fácil cunha bonita paisaxe de campiña, a calor fixo mella. Pero xa estamos pensando na seguinte etapa que será a penúltima

Ah! Só quedan tres camisetas. O noso grupo de publicidade encargouse de conquistar nesta viaxe ós nosos participantes.

Elva
ETAPA VI : SOBRADO - PEDROUZO
 8 - 9 de maio
SABADO 8

Nesta ocasión saímos só 22 camiñantes, botamos de menos a 7 que participaban na marcha dos 50 km das GREAS. Como en cada etapa,  ás 16 horas saímos no autobús, nesta ocasión o noso punto de inicio era Sobrado dos Monxes. Este mosteiro foi o primeiro mosteiro cisterciense hispano con máis de dos mil anos de antigüidade, ó que chegamos ás 18:15 horas. Instalámonos compartindo o albergue con dúas rapazas francesas e dous matrimonios asturianos. Ás 19 h asistimos ás Vésperas, uns rezos cantados con música de órgano. Invitáronnos  a Laudes ás 5.30 h da mañá, pero como vos podedes imaxinar dixemos que non. Ás 20 h no restaurante recomendado polos monxes gozamos dunha cea abundante e deliciosa. O de ir tan cedo foi porque ás 22 h pecha a porta de acceso ó mosteiro e como o albergue está dentro do primeiro claustro xa non habería xeito de entrar. A maioría decidiu deitarse, pero uns poucos quedámonos de “charla” ata medianoite.

DOMINGO 9

Ás 8 h tocaba diana, pero as francesas que durmían enriba coa maioría do grupo erguéronse ás 7 h e xa comezou o descontrol. O autobús recolleunos ás 8.30 para cargar as mochilas e levarnos a almorzar. O día amenceu chuvioso. Os que non durmiron ben dicían que xa estivera chovendo durante a noite; lamentablemente, a chuvia acompañounos ó longo desta etapa de 32 km.
Chegamos a Arzúa á hora de xantar, tivemos que sentarnos no chan ó abeiro dun tellado nun parque porque todo estaba mollado e non había nin un só bar aberto que nos puidese acoller. Eso si, xantamos moi rápido e fomos tomar café para entrar en calor.
Ás 15:30 h. reanudamos a marcha ata o albergue de O Pino onde nos recollería o autobús  para o noso regreso a Vigo. Nesta ocasión, e por primeira vez, 7 camiñantes decidiron non facer esta segunda parte, queixábanse de diversas dores e sobre todo dos pés, comentaban que esta etapa fora de moito asfalto.
Paramos 20' para unha cervexiña na primeira área de servicio da autoestrada e ás 20:30 horas chegamos.
Ata o 5 de xuño que chegaremos a durmir ó Monte do Gozo.

Elva
ETAPA VII:  O PEDROUZO - SANTIAGO, 5/6 de xuño
SABAD0 5

Peregrinos, isto acábase: de momento, porque en setembro comezaremos o camiño a Fisterra. En Vigo, o día amenceu anubrado aínda que caloroso, temperatura estupenda para camiñar, pero nada máis chegar á ría de Pontevedra, vimos como o sol nos ía acompañar ó longo da tarde. Os 22 participantes desta derradeira etapa, saímos do club ás 16 h, sabendo que tíñamos que chegar ó Monte do Gozo antes das 21 horas para inscribirnos, así que xa fomos planeando como conseguilo, pois non todos temos o mesmo ritmo. O autobús  deixounos no albergue de Pedrouzo, fin da etapa anterior, e alí os máis potentes decidiron aproveitar a súa capacidade e adiantarse con tódalas credenciais. Vía  móbil, que para estas ocasións  é importante, comunícannos que ás 21h entraban no albergue, ós demais aínda nos faltaban 40´. A penas un descanso de 5´ en dúas ocasións para agruparnos e coller auga na fonte.
Con gran ledicia instalámonos, unha ducha rápida e correndo a cear. A avanzadiña xa contactara cun restaurante próximo. Ceamos estupenda e abundantemente, así que decidimos dar unha volta pola festa de San Lázaro que os paisanos do lugar celebraban. Para que contar o que alí pasou.. Cando nos demos conta eran as 3.30' da noite e inda tíñamos que regresar.”DIVERTÍMONOS MOITO”

DOMINGO 6

O espertador soou ás 8 h, para ás 9:30, xa almorzados, saír cara a Santiago. Chegamos directamente á Praza da Quintana, chea de xente, aí fómonos separando por grupos, para quedar ás 14 h fronte a San Martiño  Pinario e ir comer todos xuntos. Paseando,  recollemos A COMPOSTELA, pasamos pola PORTA SANTA, e asistimos á misa do Peregrino ás 13.30 h, xa que a das 12 celebrouse na praza da Quintana por estar dedicada ás diferentes asociacións de minusválidos de Galicia. Como anécdota contarvos que cando entramos na catedral para a misa atopámonos coa ofrenda da selección española de fútbol ó Apóstolo Santiago. “VAIA REBUMBIO”
Xa  foi un pouco tarde cando fomos xantar a un restaurante preto do Hostal dos Reis Católicos, así que fixémolo con moito apetito. Como a noite  fora curta e o día longo, nada máis comer regresamos. Todo o autobús viña dormidísimo. Chegamos a Vigo ás 19 h
Como vos dicía o comezo deste relato, volveremos atoparnos en setembro. A experiencia foi estupenda, e o grupo fantástico.

CHANDREXA DE QUEIXA 22/23 de maio

Nesta estupenda saída que vos irei relatando, os sendeiristas fallaron non sei se pola voda Real ou polas moitas saídas de fin de semana que houbo dende Semana Santa, o caso é que só nove persoas marchamos a Chandrexa. En coches particulares, saímos o venres 21  ás 20:30 horas do club, fixemos unha parada en Ourense para recoller a Antonio e a Marisa, unha amiga miña que viña de León. Chegamos ás 23 h. Unha espléndida mesa agardábanos para cear. Os que coñezades “CASA GERARDO”, xa sabedes de qué falo, e para os demais merece a pena ter unha próxima saída en conta.
O sábado 22 erguémonos ás 8 h, agardaban por nós tres montes , o SEIXO con 1707 m pasando polo ALTO DA PA de 1558 m e o XISTRAL de 1596 m . En total fixermos 23 km cun desnivel de 900 m. Deixamos os coches na aldea de Espasa onde comezou a nosa ascensión.Dende arriba a paisaxe é preciosa, e para os que non temos experiencia, o de cristear a montaña con vista a dous vales é fantástico. A temperatura foi moi agradable porque a maioría do tempo o sol estaba entre nubes, o que nos axudou moito na subida. Xa baixando sentimos unha tormenta un tanto lonxana que se ía acercando. Menos mal que nos colleu na aldea de Zamorela e puidemos resgardarnos na entrada da corte, se non  teriámonos postos pingando porque non deixou de chover e tronar durante unha hora. Con todo isto non chegamos a Chandrexa ata ás 20 h xa con ganas dunha ducha quente e un descanso merecido. De novo unha estupenda e abundante cea que compartimos cun matrimonio do club Peña Trevinca, Begoña e Felipe que chegaron esa mesma tarde. Á sobremesa Patricia soprou as velas do seu trinta aniversario colocadas sobre un enorme e riquísimo flan.
Despois demos un paseo ata o encoro de Queixa.
O domingo 23 de novo soou o espertador ás 8 h. Hoxe tocáronnos os Altos de San Mamede de 1618 m cun desnivel de 700 m. Despedímonos de Gerardo e saímos no coche ata a Ferrería. Camiñamos ata atravesar o Teixedo, o maior bosque de Teixo de Galicia, realmente un lugar precioso. A partir de aí toda unha subida a través de cortalumes ata chegar ó cumio. Había bastante brétema e non puidemos gozar da panorámica. Como aínda era cedo para xantar, despois dun descanso comezamos o descenso pola parte traseira  a través de sendeiros. Nun momento paramos para xantar e continuamos, Miguel coma sempre non podía deixarnos sen uns intres de aventura e decidiu meternos monte a través por unha zona de uz, que non nos deixaba ver ó de adiante, e por suposto nin sequera víamos onde puñamos os pés. Non foi moito, pero fíxose interminable.
Unha vez nos coches, cambiámonos o calzado e seguimos cara a Montederramo onde fixemos unha pequena parada para beber algo. O Mosteiro estaba pechado e o claustro en obras. Xa en Ourense deixamos a Antonio e a Marisa, que quedou encantada e con ganas de repetir.
 Chegamos a Vigo ás 20:30 horas
¡Sendeiristas perdéstesvos unha boa experiencia!!

Elva
MONTAÑISMO

CELTAS NA BRÉTEMA (ESCOCESA)
2 -12  de  abril

Vaia, seguen aí,...mmm... se é que apenas se ve a aproximación ás vías, ben, quentemos o almorzo e a ver que facemos.
Cando un visita as páxinas web dos guías escoceses e mira as fotos, faise unha idea do que se vai atopar: nubes e vento. Pero o que un non espera é que estas nubes se ancoren inmisericordiamente durante dez días a uns 400-500 m non deixando (en moitos casos) nin atopar as vías.
Aínda así, esta viaxe foi cando menos, divertida: ver chegar a Sechu ó aeroporto cos 70 kg de equipaxe (preguntádelle cómo os pasou),  ou conducir 400 km pola esquerda ata Fort Williams (oeste de Escocia) dende Newcastle ( Eh, só nos trabucamos 3 veces de carril!!!)

Manu despois de unha xistra
A viaxe comezaba con 3 ou 4 días acampados na norte de Ben Nevis. As montañas escocesas son baixas (Ben Nevis cota máxima das Illas Británicas:1344m) e accesibles: hai aparcadoiros habilitados nas entradas ás rotas de aproximación ás distintas caras, onde ademais se poden consultar os partes do tempo e das avalanchas.
Asombrosamente, o primeiro día estivemos “a piques” de cumprir co horario, saímos no coche de Newcasthle pola mañá (Inglaterra, costa este), e se ben non logramos acampar na cara norte, si chegamos ó aparcadoiro (primeira vez na miña vida que monto a tenda nun illote).
Ó día seguinte as condicións eran prometedoras, desmontamos, preparamos as mochilas e “pa`riba”. En teoría a aproximación á cara norte pódese facer nunha hora e media ou dúas con mochila de ataque. Inda que esta xa foi bastante penosa. Se ben o principio lucía o sol e puidemos gozar dunhas boas vistas sobre o val, á metade do camiño pecháronse as nubes e púxose a chover, case non pararía xa nos tres días restantes. Así que, totalmente empapados chegamos á zona de acampada nas proximidades do refuxio, peculiar, por certo, xa que é privado (dun club) e está pechado a cal e canto, o que é bastante curioso se temos en conta que  é o único refuxio na cara norte da montaña máis visitada de todas as illas Británicas.  Ós arredores do refuxio poderían ter adquirido facilmente a denominación de orixe de “Braña galega”, polo que finalmente acampamos xusto ó lado do mesmo, e cando digo ó lado refírome a que un vento da tenta estaba ancorado á contraventá do refuxio!!
Refuxio e cara Norte do Ben Nevis
Para elevarnos un pouco máis a moral atopámonos varias cordadas con excelentes noticias sobre continuas avalanchas, ausencia de xeo, caída de cornixas… pero eh!! Por min que chova, estamos de vacacións!!!. Supoño que a esta alturas estarédesvos  a preguntar cómo nunha montaña de 1300 metros caen cornixas e avalanchas. A explicación é bastante sinxela, a cara norte do Ben é un acantilado, con paredes de ata 500 m de altura (vía máis longa en parede Slav Route, Orion Face, 430 m, VI, 5), batido continuamente por fortes ventos, con neves perpetuas nun cumio plano do tamaño dun campo de fútbol. A consecuencia é a formación constante de cornixas na saída das vías e de placas de vento nos neveiros. De feito, os escaladores escoceses no inverno saen das vías cavando un burato nas cornixas cunha pa!!!!
Intensa bretema no cumio do Ben Nevis
Volvendo á viaxe en si, o certo é que tiñamos preparadas distintas alternativas para o caso de que o risco de avalanchas fora alto ou non houbera condicións de xeo, con que tampouco nos preocupamos demasiado. Ademais quen se preocupa o primeiro día, calquera montañeiro experto, nese primeiro día sabe que ó longo da semana(s) as condicións melloran e finalmente todo sairá perfecto (horarios incluídos). E de feito no segundo día na norte (Día 3) este razoamento funcionounos, e fixemos unha divertida crista, aínda que o descenso no medio dunha xistra xa non foi tan divertida. Durante a noite continuou nevando e non arrefriaba, polo que as condicións empeoraban e o risco de avalancha aumentaba. Ademais pola mañá seguíamos sen poder ver máis que os primeiros 100 metros da cara norte, así que decidimos intentar algunha vía curta  nunha cara (Little Brenva Face), onde as vías parecían non ter tanta perda e o risco das cornixas era menor. Tivemos que abrir pegada bastante penosamente durante 2 ou 3 horas, nunha pota xigantesca chea de neve fresca e todo  para acabar nunha vía de xeo completamente podrecido que non puidemos nin comezar (Sechu intentouno, que conste!!). Despois de media hora asegurando no medio dunha xistra e a triste aproximación que tivemos que facer, non me atopaba eu xa con moitas ganas de facer cumio polo sur, pero o certo é que so tiñamos que cambiar de collado e ascender uns centos de metros. Así que alá fomos, e de feito foi bastante divertido: orientarse na brétema, intentar que o vento non te tirara ó chan… pero finalmente si!!!! O noso primeiro 1300!!! unha botella de champan e un tercio de estrella!!!
Unha vez na tenda e visto que non había nada que roer decidimos baixar ó día seguinte (día 5). Fomos a un albergue xuvenil no sur do Ben Nevis onde puidemos secar o material. Aproveitamos para “atracar” o súper da aldea e descubrimos cal sería o noso menú para o resto dos días: bocatas de salmón, patacas fritidas, coca-cola e iogur de chocolate (finalmente acabaríamos adquirindo unha forte adicción ás patacas fritidas e a coca-cola da que  aínda non me librei!!!)
Sechu iniciando un longo da ascensión ó Bauchaille
Estaba claro que o do xeo non se acabara, así que decidimos ir a outra zona mítica de escalada na Escocia “El Bauchaille (1022m) en Glen Coe, a facer unha crista (para comezar). Saímos de novo cumprindo máis ou menos os horarios (quizais ese foi o erro!!) (día 6), aparcamos no aparcadoiro de rigor e comprobamos que as nubes (tamén de rigor) están á mesma altura a pesares de que pasaran xa 5 días e estamos a uns 100 km de Ben Nevis. Como apenas hai neve, un piolet cada un é todo o material de neve que levamos. A aproximación non ten maior problema ata que chegamos á altura das nubes, a uns 400-500 m e aínda nos faltan 150 para chegar á entrada da crista.
Durante tres meses chapei un par de guías sobre cada unha das zonas polo que pensei que poderiamos chegar á base da vía e o certo é que non erramos por moito, apenas nos desviamos uns 50 metros, porén implicaba destrepar e atopar a entrada, que dende logo era todo menos obvia, e que incluso dende a nosa posición (elevada respecto da crista) non parecía visible. Decidimos meternos a un corredor que tiñamos en fronte de nós, que comezaban cunhas fáciles pas de neve, aínda que sabiamos que nalgún momento se complicaría, xa que na guía lle daban un III/IV.4, (Crowberry Gully), pero ben, estabamos alí, aínda non fixeramos nada especialmente divertido e non iamos volver ó coche tan facilmente, así que “pa`riba”, polo menos intentalo (aínda que fora tarde). As primeiras pas de neve eran fáciles, pero incómodas xa que en ocasións afundíaste na neve branda, pero sen maior problema chegamos ó primeiro resalte da rocha, un perfecto resumo do que nos atopariamos no resto da vía: unha pa corta, duns 3-4 metros, totalmente roma, cuberta por neve  podrecida baixo a que discorría un regueiro de auga. Vamos, o meu entender o máis parecido a facer un barranco “costa arriba”. Para máis inri, non había onde meter nada, pero coa axuda do piolet e coa aparente seguridade de caer en neve branda Sechu tirou “pa” diante ata a primeira reunión. A verdade é que é unha sensación, cando menos curiosa, a de escalar sobre unha placa chorreante de auga, sen unha soa regreta onde cantear un pouco e tendo que confiar todo o peso do corpo a un pé apoiado nun romo pulido.. pero ben, primeiro resalte fóra. Tras a primeira reunión chegaba o segundo resalte, máis curto e accesible que o primeiro. As cousas melloran, pensei eu, antes de erguer a cabeza e ver a cheminea xusto enfronte de min… decepción,  ¡ E eu que pensaba que ese resalte era a parte difícil do longo!!! , ben , non pasa nada… e de feito a primeira parte da cheminea era ben fácil, non obstante a parte inicial daba saía á zona superior onde había que facer unha travesía en oposición sobre unha cornixa de rocha. Ademais de estar mollada a devandita cornixa estaba chea de neve, aínda que o máis divertido era pensar en caerse, xa que nese caso e a pesar de ir segundo, a comba levábate a te precipitar no oco da primeira parte da cheminea, co que acabaría parando cos meus dentes contra a parede…. Iso pensaba eu, mentres Sechu dicía “joe, pero se hai espacio de sobra na cornixa, que non é “pa´tanto”, ¿isto non é o rocódromo  eh?”....algo que finalmente era certo. A estas alturas a dificultade para protexer a vía e a fraxilidade da neve ralentizáranos moito, evidentemente non iamos baixar, e hoxe, aínda que sairamos por riba sería perigoso un descenso no medio da brétema xa que non hai unha ruta clara pola cara sur, polo que decidimos vivaquear no medio do corredor. Un longo máis levounos a unha minúscula cova lateral que nos protexía de posibles avalanchas. Non facía frío nin chovía, así que non nos pareceu nada tremendo pasar a noite alí, xa que tiñamos dúas mantas de supervivencia, os plumíferos, té quente e comida. Así que un par de cravos e un friend (reunión), e sentarse sobre as cordas, e a durmir…
Evidentemente a noite non foi un pracer, pero ben, foi pasando. A mellor parte foi cando nos demos conta de que os servicios de rescate estaban buscando a alguén. Non sei se algunha vez tentastes entender a un escocés falando por un megáfono, pero asegúrovos que é bastante difícil. Ademais como  atoparamos máis cordadas na aproximación non sabiamos se era por nós… finalmente pasou a noite e sobre ás 6 da mañá puxémonos a escalar de novo.
O primeiro longo foi máis ou menos fácil, pero o segundo foi o punto de inflexión. A reunión estaba no interior dunha cova que chorreaba auga como unha ducha, pero o mellor de todo foi saír de aí, oposición sobre unha parede de musgo empapada, que só puidemos salvar lazando unhas rochas e utilizando ditas cintas a modo de estribos. Pero o mellor estaba por chegar porque, xa totalmente calados ata os calzóns e empezando  a pasarnos factura o vivac (a modo de cansazo), atopámonos nun novo resalte, este duns 6-8 metros de alto. Sabiamos que estabamos preto da saída pero non podiamos arriscarnos a atopar algún problema máis e ter que pasar outra noite de vivac sen comida e totalmente empapados, así que, non sen pensalo varias veces, decidimos baixar. Uns cantos rapeles e atopamos o equipo de rescate (si, era por nós), entrevista “pa`tele”, visita á comisaría e a durmir no illote do aparcadoiro (despois do vivac). Os dous días restantes na Illa de Skye (moi recomendable tanto por vistas como polas súas rotas de montaña e bicicleta) non estiveron faltos de anécdotas e bos momentos (a derradeira noite volvemos a durmir no illote!!!), a pesar de que xa non escalamos máis. En definitiva moita diversión, aderezada con vento, nubes, brétema e terreo de aventura, esto último é algo que vai sempre ligado ás viaxes con Sechu. Ei meu! Gracias por vir.
Manu

ACTIVIDADE FEDERATIVAS PARA A XUVENTUDE

ENCONTRO DE XOVES MONTAÑEIROS

Un ano máis, a Federación Aragonesa de Montaña brinda, aos rapaces e rapazas de entre 16 e 24 anos, a posibilidade de pasar unha semana en compañía doutros montañeiros da Península gozando dos Pirineos. O “Encuentro de Jóvenes Montañeros Sin Fronteras” terá lugar dende o 18 ata o 25 de xullo. O custe é de 275 €, no que se inclúen desprazamentos dende Zaragoza, aloxamento, manutención e monitores. Animádevos!, o prazo da inscrición remata o 30 de xuño. Poderedes contempla-las vistas que hai dende o “Monte Perdido”, o “Pico de Añisclo”, a “Brecha de Roland, “La Munia”... Máis información atoparédela no Club.

CAMPAMENTOS  DE  VERÁN  DA  FGM

A FGM, en colaboración coa empresa Viaxes PASATEMPOS, ofrece ós mozos e mozas federados a oportunidade de participar en Campamentos de Verán, dunha semana de duración e cun interesante programa de actividades:
- Cantabria (Albergue de Cabárceno). Para nen@s de 11 a 17 anos. Hai catro quendas (dúas en xullo e dúas en agosto). Prezo: 200 €/participante.
- Ribeira Sacra (Albergue de Montederramo). Para nen@s de 8 a 16 anos. Hai cinco quendas (catro en xullo e unha en agosto). Prezo: 120 €/participante + 40 € de transporte dende Vigo (opcional).
Máis información no Club.
 
 

XXXIX  ACAMPAMENTO E MARCHA GALEGA DE MONTAÑA DA FGM
COTOBADE,  24 e 25 de abril de 2004

       O Club Peña Trevinca de Vigo foi o responsable de organizar este ano o Campamento Rexional. A organización foi impecable. A asistencia de montañeiros non estivo á altura do gran esforzo que fixo a organización. Outros anos, neste tipo de campamentos había unha gran asistencia, pero cada ano a participación diminúe. É unha pena porque é unha boa oportunidade de atoparse cos amigos doutros clubs, saber deles, compartir ideas e proxectos.
O sábado montamos as tendas nunha pequena “chaira” xunto a unha carballeira pola que discorría o regato de Peraira. Facía calor e polo tanto pelexa de nais e fillos que estaban empeñados en bañarse. A maioría dos acampados decidiu esa tarde coñecer Carballedo que está a unha hora de distancia. De noite a organización invitou a chupitos e demais beberaxes.
O domingo madrugón, pero estaba a agradar por nós un bo almorzo. A organización tiña preparada unha marcha clásica, unha Marcha de Regularidade por Montaña. Saímos en grupos de dous. O itinerario  da mañá foi por camiños ancestrais. A cota máis alta estaba no cumio Coirego (774) onde teríamos o primeiro control. Baixamos cara á Campa de Anta para máis adiante cruzar o Almofrei. Volvemos subir e atravesando camiños forestais chegamos a San Miguel de Carballedo e xa dende alí pasando frondosas carballeiras, chegamos  ó campamento. Foi esta unha marcha moi ben pensada e mellor planificada, desas marchas que  invitan a facelas a modiño, a gozalas e a non perder ningún detalle delas.
Na despedida a organización regalounos un Book-in (segundo Alberto Canle) ou parella de “tortoliños” (segundo eu).

Conchi





BICI DE MONTAÑA

  Darlle ó pedal.  Actividade xuvenil.
Fontefría, 9 de maio

 Esta foi unha actividade, pensada para os xuvenís do Club, con percorrido variado e dificultade media, para que ninguén se aburrise ou cansase en exceso.
 A participación non foi multitudinaria, xa que eramos cinco, pero creo que para pasalo ben, non é necesario ser unha multitude. En calquera caso o pasamos francamente ben, percorrendo bosques, prados e corredoiras, entre chuvia, barro e néboa, que lle deron ese atractivo especial que ten o monte os días de inverno.

 Un non sabe o elástico que é un coche, ata que ten que introducir cinco bicicletas, cos seus respectivos ciclistas no interior, pois ben, ninguén quedou fóra. Chegamos ao Alto de Fontefría, entre chuvia e vento, que en ningún momento desanimaron, a Noel, Alejandro, Alberto, Jorge e moito menos a mín. Saímos en dirección ao Montouto ou Tres Cruces, pero a cantidade de novas pistas e cortalumes fixeron que variasemos o percorrido, e collendo a estrada, durante un pequeno tramo, volvemos ás pistas embarradas, que é o que nos motiva (quizais as nosas nais non lles guste tanto, o estado no que volve a roupa). Non hai moitas ramplas de subida, nin trialeiras polas que saltar, pero abundan os charcos que a todos nos gustan, pero en especial a Noel, que retrocedeu máis dunha vez para repetir.
 Continuamos por unhas corredoiras encharcadas, que finalizan cunha zona empedrada, ata chegar a unha fonte, na que repuxemos líquidos, aínda que se algo nos sobraba era auga, posto que estabamos mollados ata a medula. Xa de regreso cara ó lugar de partida, atravesamos bosques e máis lameiras, onde incluso, Alejandro, Alberto e Jorge que eran máis reacios ao principio, finalizaron meténdose todos por todos eles. Chegamos á estrada e antes de finalizar, pasamos por unha poza, onde metemos as bicicletas e lles demos un bo repaso, antes de volver  metelas no coche. Realmente os que tiñamos que meternos na poza eramos nós, posto que estabamos irrecoñecibles.
 Xa cambiados e recuperados do esforzo, gracias a uns “gusanitos” dubidosamente sans, que apareceron na mochila de alguén regresamos con tempo sobrado, para comer na casa.
Escrich

 
 
 

MOTAÑISMO

SAÍDA A PERANZANES
ANCARES LEONESES,  1 - 2  de maio

Saímos de Vigo ás nove da noite, e collemos a autoestrada para chegar ó refuxio Ancares sobre as 3 da mañá. No medio, só unha incidencia no camiño, á altura de Palas de Rei un control da Garda Civil obrigou ó conductor a amosar toda a documentación que levaba, e aínda que non lle fixeron a proba de alcoholemia, pedíronlle tamén o CIF do Club que contratou o servizo. A boa sorte fixo que por circunstancias lembrara tal número. Eu mesma quedei sorprendida.
A mañá do sábado recibiunos con moita neve, con brétema  e un bo almorzo. As condicións meteorolóxicas non eran as desexables para facer a travesía e polo tanto houbo que improvisar. Decidimos ir cara ó refuxio de Peranzanes, así que o que tocou foi un bo cacho metidos no autobús. Houbo que facer unha parada en Vega de Espinareda sobre as 12:20 horas para evitar que a xente se marease no autobús (a estrada estaba chea de curvas e máis  curvas). A chegada a Peranzanes foi ás 14:45 horas, e despois de xantar fixemos unha pequena ruta partindo de Guimara. Fomos sempre  camiñando  e deixando o río Cúa pola dereita e puidemos ver o antigo teleférico que  daba  servizo ás minas de carbón, agora  pechadas. Despois de pasar unha área recreativa o final do traxecto foi Elcuadro, a 1790 m de altitude, xunto ó refuxio de pescadores. Aquí a primavera aínda estaba moi atrasada. O incipiente rosado do carrasco  mesturábase con verde das xestas e o branco da neve. A volta foi polo mesmo sitio. Eu fixen este tramo practicamente soa todo o camiño. Os únicos sons que se escoitaban eran o son da auga do río, o das miñas pisadas e o rozar das polainas...

Despois da cea repartímonos para durmir, uns no refuxio, e outros montaron a tenda  á beira do campo de fútbol.
O domingo espertamos con mellor  tempo, non chovía e o sol de cando en vez facía lucir a paisaxe se cabe aínda máis.
Partindo de Peranzanes collemos un sendeiro precioso. O musgo dos muros, as xestas brancas e amarelas, a lousa, a auga que corría polo camiño e a neve íanse facendo sitio pouco a pouco ó longo do sendeiro. Os carballos coas súas polas cheas de liques facían sentir a paisaxe misteriosa, fantasmagórica... As pegadas dos osos e corzos que atopamos polo camiño descubriunos a existencia doutra vida oculta no bosque...
Chegamos a Puerto Trayecto a 1470 metros de altitude, límite das provincias de León e Asturias, e seguimos baixando un pouquiño ata ver o próximo val, onde vislumbramos ó lonxe  Rebollar (a onde chegaron unicamente Sueiro e Jose) e Degaña (xa en Asturias). O regreso foi polo mesmo camiño, e a sensación foi a mesma, de calma, de paz, de sosego...
Despois de xantar en Peranzanes collemos o autobús ás 15 horas e regresamos a Vigo despois dunha viaxe que se nos fixo tal vez un pouco longa, a pesar da paradiña que fixemos en Cacabelos. O resultado final, PERFECTO. A improvisación resultou boa, e deixounos a todos con ganas de repetir esta zona  polo gran potencial que ofrece.
A travesía quedará para outra ocasión.                           M. N.

Ponga,  15, 16 e 17 de maio

Esta vez Conchi, coa colaboración de Esperanza, orixe da idea, levounos a este bonito lugar a cabalo entre Asturias e León, non moi lonxe de Picos de Europa. Quero destacar a hospitalidade dos veciños onde pasamos as noites, na vila de Sobrefoz, e especialmente a da dona do albergue, onde ademais déronnos de xantar ben e barato.
O primeiro día fomos directamente a vila de Uña, despois de, coma sempre, haber mal durmido no autobús dende Vigo. Alí aínda botamos una sesta de media hora antes de poñernos a andar a iso das 8 da mañá. O obxectivo do día era o Peña Ten (2141 m). Pero encontrámonos con máis neve da que pensabamos atopar, o que fixo a subida máis desagradable. A subida polo cordal fíxoseme moi longa, e cada vez que pensabamos que xa estabamos preto do cume, era máis alá. Un bo grupo decidímonos ficar nun cume intermedio, e outro seguiu ata o Peña Ten. Logo de descansar un pouquiño baixamos todos xuntos ata a ermida de Arcenorio, onde nos esperaba Gaspar e outros máis do grupo que non intentaran o ascenso. Dende alí, despois de xantar e durmir a sesta, seguimos polo famoso bosque de Beloño. O camiño tiña que levarnos ata San Juán de Beleno, máis unha boa parte era pista ou estaba asfaltado, polo que foi moi duro e longo. Afortunadamente uns e outros máis o menos foron 'rescatados' ben por coches ou ben ó final polo mesmo autobús. Total 10 horas de camiño. O autobús levounos a Sobrefoz onde xa dixen que gozamos da hospitalidade do pobo (e das duchas!).
O Domingo iamos o Tiatordos (1950 m). Empezamos dende a estrada, máis abaixo de Taranés, a uns 300 m de altitude. Polo tanto, a subida foi divertida e longa, pero moi, moi bonita. Foi unha enorme satisfacción o acadar o cume. A baixada tamén foi divertida, porque perdemos case que toda a altura de forma continua para ir parar directamente a Sobrefoz. Novamente hai que quitarse o sombreiro ante Gaspar que sen mapas e co seu sentido da orientación levounos como unha frecha directamente a vila. Total: outras 10 horas camiñando.

Preto do Peña Ten
Este domingo outro grupo foi, levados por Esperanza, a vila de Vallemoro, unha vila que foi un antigo reducto musulmán. Non podo dicir máis que segundo os que foron, pagou a pena a visita, aínda que tamén foi unha boa camiñada.
O luns 17 estaba previsto unha excursión máis, a senda do Cartero. Uns cantos, entre os que me atopaba, decidimos que xa estaba ben o exercicio e que preferiamos practicar o 'tumbing', nun bar ó lado dunha fervenza bastante bonita. Pero houbo xente que fixo a senda do Cartero aínda que non podo contar tampouco nada dela.
En resumen unha saída cunhas paraxes excepcionais combinadas cunhas boas e tradicionais actividades montañeiras.
Enrique
 
 

PIRINEOS 2004
“LA CERDANYA”

ESPECIAL  ESCALADORES

31 de Xullo,  1, 2, 3, 4, 5, 6, 7, 8 de Agosto

SAÍDA: 30 de Xullo ás 24:00 horas.

PROGRAMA

DOMINGO 1 de Agosto
PEDRAFORCA (2497)
ESCOLA DE ESCALADA

Autobús. Saída: 08:00  ata Gosol (1400)
 1) Ascensión pola canle do Verdet (2350). Trepada fácil    ata o pollego superior (2497) Descenso ata a     enforcadura á que se pode acceder sen subir ó cumio e    pola canle central ata Saldes (1200).  Desniveis: (+1100   1300)
2) ALTERNATIVA de menor dificultade: Dende Gosol en dirección  Norte ata o Collell (1845)  Pista ata o refuxio Estasen (1640)  por debaixo da espectacular parede  norte e camiño a Saldes.
3) ESCALADORES: Dende o cumio regreso ata o Coll do Verdet  e descenso ó refuxio polo Verdet Norte . Tamén poden quedar en Saldes e buscar outras alternativas.
Autobús de regreso dende Saldes ás 19:00 h.

LUNS 2 de Agosto
PUIG DE COSTA CABIROLERA (2604).
TEITO DA PROVINCIA DE BARCELONA

Autobús. Saída: 08:00 ata Gosol
 1) ESCALADORES: As posibilidades da Pedra son   innumerables.
2) Dende Gosol (1400) subir ata Pas Dels Gosolans na Serra do Cadi (2400) 4h.
3) Ascensión á Costa Cabirolera (2604)  Descenso pola canle do Cristall  ata Estana  e por pista ata Martinet (1000)  Desniveles (+1300 1700 )
4) SENDEIRISTAS: Dende o cámping, descenso polo Segre ata Martinet. 25 quilómetros.
Autobús regreso para tódolos grupos dende Martinet  ás 20:30 h.

MARTES  3 de Agosto
CARLIT (2921).
TEITO DA CATALUÑA FRANCESA

Autobús. Saída: 08:00 h  ata Mont  Lluis (1600)
 1) En Mont-Lluis hai que colle-lo  autobús do    parque ata o Lago dos Boulleses (2000). Sendeiro   ó Estany Llat (2150).  Coll Colomer (2640). Carlit   (2921). Estany Llanós (2200). Vila de Porta     Pimorent (1600) por GR 10.
   Desniveis (+1000  1400)
 2) SENDEIRISTAS: Dende Los Boullouses volver   a Mont- Lluis por GR  10.
Autobús regreso dende Mont  Lluis ás 16 ½ h. Dende Porta  Pimorent ás 19 h.

MÉRCORES 4  de Agosto
MONTSERRAT -  SANT  GERONÍ (1236).
UN PERCORRIDO  ALUCINANTE

Autobús. Saída: 07:00 h.
 1) Travesía Integral dende Can Masana ata o Mosteiro,   cruzando Monserrat de Oeste a Este. Polo eixe máis   longo ascensión a San Geroni (1236), punto máis alto   da montaña. Duración: 6  7 h.
2) ESCALADORES: Recoméndase dende San Cecilia  a ferrata “Teresina” ata o cumio de Sant Geroni. Para descender polo sendeiro do parque ata o mosteiro.
3)     Visita ó mosteiro e excursión polas proximidades .
Autobús regreso dende o mosteiro ás 19 h.

XOVES  5  de Agosto
PUIG DE ROCA ENTREVESADA.
TEITO DE  ANDORRA

Autobús. Saída: 08.00 h.
1) Dende o aparcadoiro da estación de esquí de   Arinsal (1500) ó refuxio do Pla do Estany. Ascensión  pola Aresta E. Descenso ó Porto de Medacorba e   Arinsal.
2) SENDERISTAS: Dende Arinsal  ata  Encamp,  seguindo o GR  11
3) ESCALADORES: Dende Encamp, accédese á vía ferrata de Roc De Quer, unha das máis espectaculares de Andorra.
4) C A L D E A  (Andorra a Vella)
Autobús regreso dende Arinsal 18 h , Dende Caldea 19 h , Dende Encamp 19:30 h.

VENRES  6 de Agosto
PUIGMAL  ( 2913).
TEITO DA PROVINCIA DE GIRONA

Autobús. Saída: 08:00 ata Ribas de Freser.
1) Autobús ata Collada de Tosas  (1800). Pla de Salines  (2234). Pista ata Pas De Lladres (2553). Puigmal   (2913). Descenso ó santuario de Nuria (2000). Tren   cremalleira ata Ribas de Freser.
2) SENDERISTAS: Seguir en bus ata Ribas de Freser Tren cremalleira ó Santuario de Nuria. Descenso ou ascensión polas gargantas de Nuria.
3) ESCALADORES:  Zona de escalada en Roques de Tot  lo Mon.
Autobús regreso dende Ribas de Freser.

PREZO AUTOBÚS:  100 €

ALOXAMIENTO:
Cámping  “Stel” (Puigcerda).
PREZO CÁMPING: 17 € por parcela, a compartir entre 5 ou 6 persoas, e sumar 4,80 € por persoa.
SERVIZOS CÁMPING: Bar, Restaurante, Supermercado. Bolsas de Pícnic, Piscina  climatizada. Centro de Actividades. Rocodromo. Tirolina. Ponte Tibetana. Sala de xogos. Sala de TV. Clases de Aeróbic. Etc.

ESCALADA

XORNADAS DE INICIACIÓN Á ESCALADA.

Os pasados días 25 e 27 de Abril celebráronse as primeiras xornadas de iniciación á escalada, usando para dita actividade o “boulder” do local.

A participación non foi demasiado alta, pero os que asistimos aproveitamos o tempo e familiarizámonos con este tipo de instalación para quitarlle partido logo, unha vez que vaiamos  escalar en rocha.
Practicamos os exercicios de estiramento que deberiamos facer antes de escalar, para a continuación practicar distintas posicións sobre a parede do “boulder” (bicicleta, a ra,”talonar”, etc.), que nos permiten aforrar esforzos, así como chegar en mellor situación as distintas presas ás que queriamos empreñar.
Esperamos que na próxima ocasión a participación sexa máis alta e animámoste a que ti sexas un deles/las.

Manoel Chao

ESPELEOSECCIÓN

17-18 de abril. Zona de traballo. Sima de Rafavei.
 O pasado día 17 de Abril, Lourdes, Carolina, Emilio F. e Daniel proseguiron coas labores da zona de traballo, localizada no Parque Natural da Serra de A Enciña de Lastra (Ourense), concretamente na sima Rafavei.
 Continuaron coa topografía na zona desobstruída do pozo da Agulla, superando unha estreiteza alcumada “Estreiteza Topotamadre” e marcando posibles desobstruccións. Logo colocaron varios spits para mellora-la instalación dos corremáns de acceso ó Pozo da Agulla e ó pozo Montañeiros Celtas.
 Á saída, xa de noite, perdéronse pola densa vexetación, aínda que conseguiron colle-lo camiño máis adiante. Ó día seguinte, de volta a Vigo facendo ruta turística por Oencia, polo menos para ver a casa onde Jesús e Ana  pousarán cabeza nuns anos, e Seoane.

8-9 de maio. Saída de descubrimento
Programado ir ó Caurel, cambiouse a última hora por mor dunha mesa redonda e outros actos que había en Mondoñedo co gaio da Cova do Rei Cintolo e a súa “posta de longo”, é dicir trocarse por unha turística. Estes actos estaban convocados e organizados pola ACTE (Asociación de Covas Turísticas de España) sendo que o concello de Mondoñedo pertence á mesma dende o ano pasado, iso si, pagando ó ano una magna cota de 600 euros....¿? Así decidimos ir a Mondoñedo e de paso asistir a estes actos, bastante penosos por certo, e que o único que merece mención e a pouca asistencia de mindonienses, pois na sala habería unhas corenta persoas, das que 15 serían da ACTE, outras 17 espeleólogos e o resto debían ser os preocupados e interesados habitantes de Mondoñedo que queren ve-la Cova do Rei Cintolo turística. De estrea estaban Tere, Tere (xuvenil), e Xulio. Os demais fixémo-la docente labor de iniciar ós primeiros nas cordas penduradas da trabe e o domingo na cova de Santos. Ademais dos que descubrían estaban Carol, Conchi, Daniel, Emilio, Miliño e Lourdes.

Sima Rafavei abril 2004
A sima RAFAVEI debe o seu nome ós seus primeiros exploradores (en 1960), dous RAFAel e dous VEIga (Rafael Justo, Rafael Pérez, Chito Veiga e Antonio Veiga), os catro membros de Montañeiros Celtas.
Cova de Santos
15 a 17 maio.
Torca Juanín (Oceño  Asturias)
 O empeño de Daniel en ir a Juanín, e outras circunstancias, ademais da promesa pendiente dende o ano pasado, truncada pola man rompida de Lourdes adobou o suficiente a idea e púxose data para visitar esa bonita cavidade. Mais, chegado o momento faltou pouco para velo truncado de novo por falta de persoal, uns con exames, outros preferían explora-las cavernas nocturnas urbanas, a Xabier mándannolo para Madrid ¿respirará aínda?, a Mónica que lle cambian a quenda de traballo, ... Aínda así, vencemos tódolos atrancos e partimos  o sábado ás oito e media da mañá, cara a “Uvieu” vía León. Recolleu a Daniel na capital ástur e seguimos camiño a Oceño, parando en Arenas de Cabrales a dar unha volta e deixar que nos chegaran os aires dos grandiosos Picos de Europa con tódolos seus cumes, e máis, repletos de neve. En Oceño demos un paseo recordando vellos tempos cando para visitar Juanín había que partir deste núcleo cargados con todo o material. Agora hai un “bocexo” de pista que leva ata o collado, de alí á cova, cinco minutos.
 Xa á tardiña chegamos ó collado onde montámo-las tendas. Recorrémo-lo lugar para localiza-la boca. Despistaba un pouco tanta pista, e despois seguimos un sendeiro que nos guiaba a través das faias e calcarias mesturando verde e gris e ó fondo, nos cumes, á neve, ata a noitiña que volvemos ás tendas para cear.
 Á mañá, madrugamos, como diría Claudia e moitos máis ¡sen que sirva de precedente!, e as nove estabamos preparados na boca da Torca para entrar. Íamos en cadro, catro con cinco sacas ¡menos mal que tiñamos un deportista de nivel! (o de elite xa está moi visto) na “expedición”. Comezámo-lo equipamento dos pozos. Evidentemente equiparon os novos, Carolina e Daniel, o último tramo Hernani, e Lourdes cargou coa saca que logo non chegaría a utilizarse. O equipamento fíxosenos algo longo e lentamente fomos descendendo un pozo detrás doutro admirando despois dos 100 m, o cambio nas galerías, moito máis concrecioadas. O descenso do P25 lévanos  ó tramo de galería horizontal onde as formacións déixannos embobados, aínda que repitamos moitas veces. Tras un resalte equipado en fixo continuamos ata o P20 que volve deixarnos no meandro do río ó outro lado. Aquí sacamos arneses pois había que buscar o paso para a sala azul, grandiosa sala azul que varias veces viñemos a buscar co indicativo que de aquí partía unha gateira e nunca encontramos unha gateira. Desta vez tampouco encontramos gateira pero tampouco  a  íamos  buscando.  Só  nos deixamos seguir polo estreito e semi-tortuoso meandro do río e ¡zas! demos coa sala azul. Daniel e Hernani foron os primeiros porque Lourdes e Carolina se atrasaron un pouco e sobre todo porque no meandro non había sitio para adiantalos que senón... Na sala azul fixemos que o tempo parara, tiramos fotos ata remata-lo carrete, ollamos para tódolos lados, ¡hai moito que ver!  Valoramos a posibilidade de continuar á sala branca, tendo para iso que ir busca-los equipos e cordas, e vendo que era un pouco tarde, decidimos esperar a outra ocasión e compartilo cos colegas que desta vez por unha cousa ou outra non puideron vir. Iniciámolo regreso, cun segredo ben gardado: “volveremos axiña”, e, si Daniel, ...iremos ata o sifón. Na base do pozo repoñemos enerxía comendo algunha cousiña e comezamos a subida, xa na cabeceira do p20 coa corda desequipada aparece Miliño, o reforzo para o desequipamento. ¡Benvido!. ¡Magoa non chegara antes para chegar á Sala Azul!
 Desequipamos paseniñamente, máis en menos tempo que equipamos, e saímos cos últimos raios de sol do día. Eran as nove da noite, e tornaba laranxa a gris calcárea.
Cova Torca Juanín
 Cambiadas as roupas e recollido o material, saímos ate dar cun bar onde sae a estrada para Oceño, alí ceamos, tiñamos moita fame. Logo tiramos cara Uvieu, aínda había algún treito e Daniel as oito da mañá tiña que estar alí, espérano unhas prácticas de ¿paleo?.  Perto de Xixón durmimos á beira dun faro, poucas horas, e á mañaciña despois de deixar a Daniel seguimos camiño para Vigo parando en Baños de Luna ¡miúdo balneario!, e no lago de Sanabria onde Miliño aproveitou para dar un paseo dos del e os demais un baño, unha sonata. Logo, a rutina...
22-23 maio. SAÍDA XUVENIL. DESCUBRE AS COVAS. Pedrafita do Cebreiro.
 O sábado ás 15h. saímos do club cos coches cargados e con menos rapaces dos esperados, aínda que cunha nova incorporación á Sección, e tamén algún outro despistado que apareceu por alí.
 O camiño xa é coñecido e a parada case tamén. Chegamos a Liñares, saudamos a Sofía e agasallámoslle cunha camiseta da sección que tantas veces nos pediu.
 Como o tempo aínda daba para bastante decidimos dar un pateo por Brañas da Serra, onde fai dous anos celebrámo-lo VI Campamento Infantil-Xuvenil da FGE.
 Bonito pateo ata case o cumio, aínda que algún se queixaba do empinado que era o camiño e decidía ir ó revés para que non se fixera tan costa arriba.
Cova de Boucelo
 Volvemos ó refuxio á hora da cea pero aínda tivemos tempo de entrar Óscar, Ramón, Marta e Carol no pozo do Tin-Tan. Instalámo-la corda, baixamos ata a sala e metémonos por algún que outro oco para despois volver subir, pois xa se fixera tarde para a cea.
 Despois dunha noite na que algún case acaba con esparadrapo na boca, erguémonos para ir á cova de Boucelo (Cortiñas), na que se nos uniu o noso amigo Moncho (GE Arcoia) que non a coñecía.
 Cambiámonos no camiño entre unha romaría de peregrinos que nos miraban con cara estrañada e despois de enche-los carbureiros no río entramos na cova, onde se estaba máis fresquiño. Fomos primeiro por unhas galerías, despois por outras, Tere intentou mirar algún morcego pero se lle resistiron e non se quixeron mostrar. ¡Para a próxima vez!
 Para a saída optamos pola boca superior e facer así unha pequena travesía por esta cova.
 Volta para os coches para cambiarnos entre máis peregrinos. Buscamos unha sombriña onde comer e despois algúns dedicámonos a lavar no río algunhas cordas da actividade do fin de semana anterior, mentres outros intentaban bañarse na auga fría e outros botaban unha sesta debaixo dos castiñeiros.
 A volta a Vigo, coma sempre, con moi poucas ganas. Ide reservándoas para o noso campamento infantil-xuvenil.
 Andamos por alí: Jorge Rosario, Teresa Monzón, Bea Couñago, Marta de Oca, Ramón Villar, Óscar Rodríguez e os non xuvenís Carolina Rodríguez, Conchi Núñez, Emilio Fernández, Lourdes Castiñeira, e Moncho Vila.
A Sección
Espeleonovas

>> 19-20 de Xuño. 9º Campamento Social Infantil-Xuvenil espeleoloxía. Seoane do Caurel.
Ánimo, este ano para conmemorar o cincuenta aniversario, e como non hai fillos se non hai pais, deixamos que os nosos infantís-xuvenís inviten ós seus pais a acompañarnos nas veladas deste campamento. ¡Tranquilos rapaces! Os papis andarán ó seu e vós a cumprir co campamento.Ós pais facilitarémoslles información para facer algunha cousiña pola zona de Seoane do Caurel mentres os rapaces ides de covas e, á noitiña xa veremos ....
>> 26-27 de xuño. XVI Campamento Galego de Descenso de Canóns. Celébrase en Noia e organízao Irmandiños. ¡Ánimo, temos actividade-festa asegurada!
>> 10-11 de xullo. Campamento social  50 aniversario en Supena - Mondoñedo. A esta cita non pode faltar ninguén.

>> Días de Picoña: Xa están aquí. Infórmate e participa. Anímate. Contamos contigo.

>> ¡Xa hai camisetas da Sección á venta, conmemoración do 50 aniversario. Só 6 euros!

>> ¡IMPORTANTE!: Son as eleccións á Federación Española de Espeleoloxía, decidimos presentarnos como Club á súa Asemblea Xeral, co apoio da Xunta Directiva, e tamén presentaremos a dous deportistas. Contamos cos vosos votos. Estade atentos ás datas.
 
 

ESQUÍ DE MONTAÑA
XX ALTA RUTA CÁNTABRA

Os días 20-21 de Marzo celebrouse a XX Alta Ruta Cántabra de Esquí de Montaña, organizada polo Grupo de Montaña Orza a que asistimos varios membros do Club.
Saímos o venres cara  a Picos de Europa e despois de varias horas de viaxe e algunha pequena "pelexa" co GPS do coche, por fin chegamos ó Porto de San Glorio onde paramos para que Pedro fixera o seu debut nisto de foquear, así que puxo os esquís e deu os seus primeiros pasos, bo máis ben zancadas porque foi alá lonxe ¡pero si era só unha voltiña!, sen máis demora baixamos cara a Potes para facer as inscricións sendo os primeiros en chegar co cal nos deron os dorsais nº 1, 2… polo que tivemos que facer honra a estes números... ben  intentámolo.
O sábado erguémonos moi cedo para coller o autobús da organización en Potes que nos levaría á parte leonesa do Porto de San Glorio dende onde comezamos a travesía, e aínda que saímos cos esquís postos ó pouco tivemos que portar con eles ata volver atopar neve dende onde non os quitamos ata o final. Facía moita calor e a neve na zona baixa estaba xa pola mañá papa, xa máis arriba estaba mellor, seguimos toda a cordal ata a cima do Coriscao onde despois de comer algo e facer as fotos de rigor comezamos a baixada, cara á ladeira máis sombría para intentar coller a neve máis dura, pero non acertamos e máis que dura estaba costra, polo que cada un baixou como puido, alguén asa sen os esquís.

Ó día seguinte tocaba ascensión ó Llambrion, saímos dende a estación superior dol teleférico de Fuente De, primeiro os participantes na Alta Ruta e pouco despois os da carreira cara a Cabaña Veronica, Collada Blanca e Llambrion, o tempo era bo pero conforme foi transcorrendo a mañá foi empeorando polo que ó chegar ó refuxio algúns decidimos baixar para ter boa visibilidade e poder gozar da baixada.
Xa en Potes e despois de que tódolos participantes remataran celebrouse unha estupenda comida así como a entrega de trofeos e regalos ós ganadores da carreira e a algúns clubs participantes.
O noso, por suposto, podédelo ver no Club.
Marcos

SUBACUÁTICAS

MERGULLO NO ALGARVE

A sete horas de Vigo atópase O Algarve, a rexión máis meridional de Portugal, e, como a nosa costa,  é unha zona con Sol poniente. A zona de barlovento vai dende Faro ata a Punta de San Vicente e coincide co Algarve rochoso de cantís, fermosas praias e pintorescos arrecifes. Sempre hai que ter en conta que o Sol nesta zona ten moita máis forza do que un imaxina, incluso co ceo cuberto é fácil queimarse. Débense buscar as zonas máis tranquilas para fuxir do deterioro causado por un desenvolvemento turístico incontrolado.

Para min o mundo subacuático no Algarve era un gran  descoñecido, a miña experiencia gustoume tanto que penso repetir en canto poida. Contratei unha saída de mergullo preto da Praia de Carvoeiro na Escola de Mergullo rexentada por unha familia alemana dende 1992 que se chama “DIVERS COVE”, á fronte da que está Stefan Bernhard, a quen  lle aluguei todo o material preciso para o mergullo. Eu non levara nada do meu equipo, el trasladoume na súa furgoneta xunto cun inglés de orixe italiano e dous mozos alemáns, ata a  mariña de Portimao, alí atopábase a súa embarcación de aluminio que está especialmente preparada para este deporte.
Pola mañá fixemos dous mergullos. O primeiro fixémolo a 5 minutos do barco, é coñecido como “Neptuns (Frank`s) Castelo”, é unha gran rocha que está a unha profundidade de 14 m, foi como un xogo meténdose polos labirintos que formaban as rochas,  cheas de cor, cubertas de corais, esponxas, anémonas.. Puidemos observar castañetas bravas, grupos de sargos e fanecas e tamén un gran congro. Neste mergullo non nos acompañou  ningún mergullador guía, e o inglés e máis eu entendémonos á perfección baixo a auga co idioma dos sinais.
Despois dunha hora de descanso e tomar un refrixerio, fixemos o segundo mergullo na zona coñecida como “Ponte da Torre”, está xusto debaixo dunha torre romana, e ten unha profundidade máxima de 12 m. É unha formación rochosa espectacular que está ó pé dun gran cantil, formada por plataformas rochosas, e pódese mergullar por debaixo, vai de Leste a Oeste, sempre coa referencia da rompente que golpea o cantil. A zona está salpicada por numerosas nasas de polbos -nunha delas estaba atrapado un e fóra había una morera dun amarelo intenso, esperando por se podía levarse ese suculento manxar-, non é fácil ver unha morena fóra do seu escondedoiro.
Cando se ten a sorte de facer dous mergullos nun día no que o bo tempo e os fondos mariños son claros a experiencia é moi gratificante, das que che fan gozar deste deporte e con ganas de volver repetir.
Fernando Fernández
PIRAGÜISMO

    Chegamos a maior parte dos participantes puntuais a San Miguel de Tabagón, e unha vez que chegou o remolque coas piraguas, preparámonos para iniciar a actividade, baixamos as  35 piraguas do carro, e pouco a pouco levámolas ata debaixo da ponte nova do río Tamuxe.
Sobre as once da maña case todos estabamos na auga, practicando a dura arte do remo, algúns con maior ou peor fortuna, marchamos río arriba pasando por debaixo da ponte vella, que data do século XIX, en dirección a un gran muíño que estaba aproximadamente a un par de quilómetros, o río estreitábase un pouco, e aquelas persoas que tiñan pouca experiencia remando coa canoa, ás veces, tiñan algún incidente, embarrancando nas ribeiras, algún chegou a envorcar e tivemos que ir na súa procura.

A paisaxe vexetal era fermosa, con especies de árbores características  dos bosques de ribeira, como os Salgueiros, Amieiros ou Bidueiros, tamén pasamos algunhas Xunqueira das marismas, especies vexetais de escasa altura, que máis tarde tamén atopariamos nos illotes.
No muíño descansamos e nos bañamos e algúns saltaron en kaiak, nun pequeno rápido ó pé do muíño, facendo un proba de “risco”, e algúns brindáronlle algúns aplausos, ó pouco tempo demos a volta ó camiño andado, volvemos pasar pola ponte, e saímos pola desembocadura do río Tamuxe, meténdonos no Miño.
Empezamos a rodear unha pequena illa, ata chegar a unha praia fluvial, onde decidimos parar a comer.
O día estaba nubrado, e aínda que remando a temperatura era boa, ó parar, estando  mollado, facía un pouco de rasca, despois de comer arrimámonos a una fogueira duns domingueiros que estaban a comer alí.
Despois dun pequeno descanso, arrastramos as nosas embarcación para poder chegar á auga do río, seguindo o noso paseo dando a volta á illa, levabamos as barricas estancas da comida nas piraguas, semellabamos exploradores do amazonas, metémonos nunha pequena canle no que ás veces tiñamos que remolcar a pé as embarcación, xa que a marea estaba moi baixa, a temperatura de auga era moi agradable.
Retornamos pouco a pouco remando é un paseo relaxante, para algún curto, pero coma sempre nestas actividades de kaiak,  en pleno contacto coa natureza, ó punto de partida, fixemos a foto de rigor con todo o grupo, votamos unhas risas, e iniciamos a recollida do material, mentres o sol parecía que quería saír.
Eduardo, o dono da empresa Mi Kayak ó que levamos varios anos alugándolle as piraguas, foi cargando o remolque coa nosa axuda, e penso que se sinte tranquilo na organización da actividade, estando  co grupo de  participantes de Montañeiros Celtas, xa que cada ano imos tendo más experiencia co kaiak.
Fernando

PUBLICIDADE

ACTIVIDADES:
TRAVESÍA EN MAR, TRAVESÍA EN RÍO, RAFTING, INICIACIÓN AUGAS BRAVAS, ESPECIAL GRUPOS ESCOLARES, COLECTIVOS, ALUGUER DE EMBARCACIÓNS.

TENDA:
EQUIPÁMOSTE Ó COMPLETO, SEXA CAL SEXA A MODALIDADE DE PIRAGÜISMO QUE PRACTIQUES.
CONSÚLTANOS. ENVIARÉMOSCHE OS NOSOS CATÁLOGOS E TARIFA DE PREZOS.

DESCONTOS ÓS SOCIOS DE
MONTAÑEIROS CELTAS para pagos en efectivo:
10 % na tenda (excepto promocións)
e 15 % nas actividades.

Tenda: rúa Lago, 8-9, en Figueiró (Tomiño)
Telf: 986 620 211
Centro de Actividades: Praia do Arenero, en Guillarei (Tui)
 Móbil: 606 304 737
   Web: mikayak.net        email: mikayak@teline.es

A nosa sede está nunha nave de 1.000 metros cadrados, onde mostramos tódolos nosos artigos, dende o Kaiak de turismo ata o máis sofisticado de alta competición, así como os complementos e accesorios.

VINDEIRAS ACTIVIDADES

XUÑO
26-27 Ría de Vigo Travesía: Kaiak mar+Espeleo+Escalada+Marcha+Natación+BTT SS.DD. do Club
 26-27 Noia XV Campamento Galego Descenso de Canóns F.G.E.
 26-27 Budiño  Curso Escalada Artificial EGAM
 26-27 Melón Curso Descenso de Barrancos EGAM
 27 Cangas Península do Morrazo. Cangas – Cabo Home S.D. Sendeirismo

XULL
2 Local social "Astronomía. Constelacións de verán". Charla e diapos. S. Cultura e Medio Ambiente
 2-3 Monte Aoia Xornada de Astronomía S. Cultura e Medio Ambiente
 3-4 Ribadavia Campamento Infantil de Verán S. Infantil-Xuvenil
 4 Xurés Via Nova XVIII. Terras de Bouro - Portela Homem - Río Caldo S.D. Sendeirismo
 10-11 Supena (Mondoñedo) Campamento social espeleo - 50 Aniversario Rei Cintolo S.D. Espeleoloxía
 10-11  Descenso de barrancos. O Fiais S.D. Montañismo
 11 Mougás Pozas de Mougás. S.D. Sendeirismo
 17-18 Vega Cervera (León) Escalada en Parede S.D. Escalada
 17-18 Vega Cervera (León) Valporquero S.D. Montañismo
 24-25 Illa de Arousa Campamento de Verán. Kaiak de mar S. A. Sociais - S.D. Subacuáticas

AGOS
1-8 Cerdanya (Cataluña) Pirineos 2004 S.D. Montañismo
 
 

Edita: Club Montañeiros Celtas. Dirección, maquetación e montaxe: José López Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle.
Colaboran neste número:  Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Daniel Ballesteros, Carolina Rodríguez,
Isabel Maestu,  Martín García (Shambala), Françoise Fauré, Elvira Álvarez, Conchi Barciela, Juanjo Vázquez, Cristina López Carballal, Maite Arocas, Manoel Chao, Francisco Escrich,  Marisa Núñez, José Luis Vázquez, Manuel Barrada, Enrique Soto, Marcos Rodríguez González, Fernando Fernández Rei.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado
Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en xuño de 2004.