Boletín de Xuño-Xullo de 2003

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines Calendarios Fotos Enlaces



 
 

 GRAN TRAVESÍA RÍA DE VIGO

 Para recibi-la chegada do verán, os días 21 e 22 de xuño imos celebrar unha orixinal Travesía pola Ría de Vigo e o seu entorno, combinando diversas actividades deportivas en contacto coa natureza: kaiak de mar, espeleoloxía, montañismo, natación e bici de montaña. É unha actividade completa e algo esixente fisicamente, pero non competitiva, sendo o máis importante “participar” do precioso entorno no que se desenvolve e compartir cos compañeiros esta pequena aventura, que serviranos para comprobar que no entorno da cidade, pódense descubrir novas fórmulas de goce co deporte e a natureza.
 A idea xurdiu no mes de outubro do pasado ano, cando participabamos na Marcha Tegra-Galleiro, unha marcha clásica de Montañeiros Celtas. Nos seus 80 km en dúas xornadas, deunos tempo para falar de tradicións, de actividades que se facían antes no Club, como a Marcha Catro Refuxios, a Travesía A Nado da Ría de Vigo, a época da Sección de Piragüismo, etc. Estas conversas fixéronnos descorrer como recuperar algunhas actividades dende unha perspectiva actual e fomos dando ideas para combina-las nunha gran travesía, pasando polos refuxios do Club e cos elementos mar e montaña.
 Ó elaborar o calendario anual tiven esta idea moi en conta e buscamos a data máis axeitada. Agora que temos todo previsto, celebraremos este evento contando cunha entusiasta participación, xa que esperamos que sexa do voso agrado e interese.
 Partiremos da praia de O Vao (Vigo), en kaiak de mar ata a praia de Liméns, na outra beira da Ría, seguiremos pola costa a pé en dirección a Cangas e descenderemos pola Furna de Santa Marta, equipada previamente polos nosos espeleólogos. Xa en Cangas pararemos a xantar e pola tarde, nunha longa Marcha montañeira, sairemos cara ó Refuxio de Faro Domaio, onde chegaremos entrada a noite. Pola mañá baixaremos a Rande para cruza-la Ría a nado, e xa na beira de Vigo, colleremos as bicis de montaña para subir, por forte pendente, ata o Vixiador, onde tomaremos un descanso para xantar. Pola tarde seguiremos nas bicis, para pasar polo Refuxio do Galiñeiro primeiro e seguir despois ata o Monte Aloia, onde remataremos a Travesía a carón do noso terceiro Refuxio. Máis información na Páxina 2.

PIRENEOS 2003. UNHAS VACACIÓNS DIFERENTES

 Outro verán, outro campamento en Pireneos, pero como sempre, nun novo emprazamento, e este ano como gran novidade tamén cambiamos de país e estaremos no lado francés, na fermosa vila de Gavarnie, preto da célebre cascada de 430 m de caída do Circo de Gavarnie, dentro do “Parc National des Pyrénées”.

Será a primeira semana de agosto e ofrécese un interesante programa de actividades, preparado polo noso benquerido compañeiro Gaspar, que segue, a pesares da distancia, moi vinculado ó noso Club e ás súas xentes. Entre outras, estará a posibilidade de ascender ó Vignemale, a máis alta das cimas fronteirizas cos seus 3.298 m de altitude.
Máis información na Páxina 6.
Sechu
GRAN TRAVESÍA RÍA DE VIGO MONTAÑEIROS CELTAS
21- 22  de  xuño

 Trátase dunha actividade do Club que combina diversas modalidades deportivas a realizar durante toda a fin de semana. Na organización participan practicamente tódalas seccións deportivas do Club.

PROGRAMA

Día 21, sábado:
Control de saída na praia de O Vao (Coruxo, Vigo) ás 9.00 h
Cruce da Ría de Vigo en kaiak de mar. Saída: ás 10.00 h. Percorrido: Praia de O Vao (saída) - Samil ata Cabo de Mar-   cruce da Ría - faro de Punta Borneira - praia de Liméns (chegada). Estimase a chegada sobre  as 12.00 h
Desembarcamos e continuaremos pola costa en dirección a Cangas para  descende-la Furna de Santa Marta (Liméns-Cangas). Seguiremos ata Cangas onde comeremos.
Marcha de montaña: Cangas-Faro Domaio. Pola tarde, ás 16.00 h sairemos a pé, nunha longa marcha, ata Faro Domaio, onde chegaremos coa luz dos frontais, para pasa-la noite no refuxio que temos neste monte. Duración estimada: 7-8 horas.

Día 22, domingo:
Pola mañá descenso á Ponte de Rande. Saída do refuxio de Faro Domaio ás 8.30 h.
Cruce da Ría de Vigo a nado, polo estreito de Rande. Tramo previsto: Punta Aradoiro (San Adrián de Cobres) - Praia de Rande (Chapela). Saída ás 11.00 h, remate ás 12.00 h
Ó chegar a terra, colleremos a bici de montaña  para subir ata o monte Vixiador e seguir despois pola Serra do Galiñeiro para terminar rematando no monte Aloia, xa pola tarde. Percorrido en bici de montaña: Saída da praia de Rande ás 13 h - Vixiador, 15.00 h (xantar) -  refuxio do Galiñeiro, 17:30 h -  Monte Aloia (refuxio) - chegada a partires das 18.30  h.
 




REQUISITOS do material e dos participantes:

 KAIAK DE MAR.
maiores de idade
ter práctica en kaiak de mar
saber nadar
material obrigatorio: embarcación tipo kaiak de mar insumerxible, pala, cubrebañeiras e chaleco salvavidas
DESCENSO DE FURNAS
ter práctica en manexo de material de espeleoloxía ou rapel
idade mínima 14 anos
MARCHA DE MONTAÑA
capacidade para realizar unha marcha de 7-8 horas
idade mínima 14 anos
NATACIÓN
maiores de idade
capacidade para realizar unha travesía a nado de 800 m no mar
material obrigatorio: traxe de neopreno e gorro
material non permitido: aletas
BICI DE MONTAÑA
  material obrigatorio: bici de montaña, casco
  idade mínima 14 anos

IMPORTANTE:

A cobertura por accidentes deportivos será por conta de cada participante, polo que cada un deberá contar cun seguro propio ou a licencia deportiva correspondente que cubra as actividades deportivas nas que se participe.
A participación na Travesía completa ou en calquera das súas actividades implica a aceptación dos Requisitos, sendo os participantes os responsables do seu cumprimento.
A organización pode realizar os cambios necesarios nos horarios ou percorridos, para o bo desenvolvemento das actividades, ou incluso suspendelas por causas imprevistas ou por unha metereoloxía adversa.
OBSERVACIÓNS:
A intención da organización é que os participantes completen toda a travesía, pero os que non poidan ou non queiran, poden realizar algunhas das actividades.
 Refuxio. teñen preferencia para a durmida no interior do refuxio os que participen en tódalas actividades.
Kaiaks.
Aluguer de kaiaks. A organización facilitará o aluguer de kaiaks os participantes que o soliciten (ata as 10 reservadas), se lles entregará a embarcación na praia de  O Vao e a devolverán na praia de Liméns o chegar.
 Os que queiran participar con embarcación propia, poden deixala en Liméns ó chegar, e recollela o domingo ou o luns, no Cámping Liméns.
Material en tránsito. Debido a combinación de actividades, os que participen en toda a travesía (dúas xornadas), deberán entrega-las súas cousas nunha bolsa pechada (comida, roupa e calzado de reposto, neopreno, saco de durmir e esteira, etc.)  o sábado pola maña na praia de O Vao, ás 9.00 h. Poderase dispoñer deste material nos seguintes puntos de control: Liméns, 12.00 h; Cangas 15.00 h; Faro Domaio, 23.00 h; Rande (Punta Aradoiro), 11.00 h; Praia de Rande, 12.00 h; Vixiador, 14.30 h; Monte Aloia, 18.30 h.
 Transporte ata o lugar do inicio.Ó remate da actividade de bici, os participantes que o desexen serán levados ata a praia de O Vao.

INSCRICIÓNS
 As inscricións realizaranse a través da oficina do Club, no seu horario habitual, de martes a venres, de 19.00 h a 21.30 h.
Prezo pola Travesía completa:
Socios:   16  euros.   Non socios:   24  euros
Descontárase  2  euros  pola posesión de cada unha das licencias das federacións seguintes: Piragüismo, Espeleoloxía, Montañismo, Actividades Subacuáticas.
Inclúe: comida (fría) do sábado e do domingo (non inclúe cea nin almorzo), praza no refuxio, transporte do material en tránsito e o retorno dende o Aloia ata O Vao.
Prezo por actividades soltas: preguntar no Club as distintas posibilidades
Sechu
 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

BOLETÍN GALEGO

 Os artigos para o boletín son escritos en galego ou en castelán, sendo estes últimos traducidos (salvo excepcións), co permiso dos seus autores. Son corrixidos polo noso compañeiro Enrique González Cameselle, ca intención de normalizar e normativizar os textos do boletín á lingua galega. A pesares do seu esforzo, frecuentemente hai algúns erros, xeralmente polos cambios de última hora, que xa non pasan polas súas mans. Este mes non contamos con “Quique”, pero non por que o faga mal ou este canso, é que foi liberado deste compromiso (temporalmente) para que lle poida dedicar máis tempo a súa filla Leire, que naceu o 29 de maio, curiosamente no 50 Aniversario da primeira ascensión ó Everest, quen sabe... tal vez sexa unha sinal, de momento xa é socia. Parabéns os pais, Quique e Ana.

SUBVENCIÓN ÓS CURSOS

 Como xa saberedes, a participación dos socios (con licencia a través do Club) en cursos oficiais, está subvencionada. Estas axudas eran ata agora un porcentaxe medio do 15 % sobre o custo total do curso, sendo igual para tódolos participantes. Pero temos decidido que a partires de agora, as cantidades van variar, establecéndose diferencias en función, basicamente, da idade. Polo tanto, os porcentaxes de axuda pola participación en cursos, será a seguinte: 40 % a menores de idade, 30 % ós de 18 a 25 anos se son estudiantes, 20 % ós de 18 a 25 anos se non son estudiantes, 10 % ós maiores de 25 anos. A nosa intención é fomentar a asistencia a cursos, especialmente dos máis novos, que ademais solen ser os de menores recursos económicos.

POLO CON ESCUDO DO CLUB

 O pasado ano fixemos un forro polar co escudo do Club, e agora temos encargados uns polos tamén co escudo bordado sobre a prenda. É de cor granate e deseño moderno, esperamos que vos guste.
 Prezo: 18 euros.

SECCIÓN INFANTIL

OPERACIÓN BENXAMÍN - 2003

Chegou o mes de maio e con el a “Operación Benxamín”. Este ano celebrámo-la XXXVI edición deste curso de iniciación ó montañismo. Ó longo de todos estes anos, os monitores e socios que colaboramos tratamos de formar ós participantes nas diferentes actividades que se poden levar a cabo na montaña , fomentando o respecto pola natureza e o seu entorno, procurando que lle collan “gusto” á montaña.
Como xa ven sendo habitual, este ano houbo unha gran participación, proba de esto é que se cubriron as prazas nun tempo record de dous días.
Nesta edición participaron 50 rapaces de entre 8 a 14 anos, algúns era o primeiro ano que viñan , pero a maioría repiten ano tras ano. O grupo de monitores (o redor de 10-12) contamos este ano coa colaboración de tres monitores en prácticas, ademais incorporouse Marta (esperamos poder seguir contando contigo)
O venres día 9 tivo lugar no local social a apertura do curso: proxección de diapositivas, presentación dos monitores e aclaración das dúbidas das nais/pais.
O sábado día 10 pola tarde saímos de Vigo cara o refuxio do monte Aloia. Según Amara e compañía é o máis fermoso do mundo, pero resulta un pouco pequeno e din que os metemos nas liteiras coma sardiñas (literalmente).
Pola tardiña, unha vez acomodados no refuxio, baixamos á zona de acampada, toca “montaxe de tendas”. Cada grupo co seu monitor teñen que aprender a montar e desmontar a tenda, terán que facelo solos na próxima saída.
O domingo pola mañá, logo de almorzar, distribuímonos en dous grupos: os máis pequenos van á marcha cun grupo de monitores e outros quedamos nunha rocha a practicar escalada. Coru deu a charla de material e nocións básicas para iniciarse na escalada e rapel. A meirande parte de nós gozamos moito coa escalada, por eso os pequenos din que eles tamén queren ter a oportunidade e así librarse da marcha. Non sei por qué, pero é o que menos lles gusta. (que llo pregunten a Jana, ela di que poderíamos andar polo monte, pero sempre costa abaixo).
Despois de xantar, charla: ”Cómo se prepara unha mochila” e aínda houbo tempo para facer xogos ata a chegada do bus.
Na fin de semana seguinte marchamos a Bilarbó, un pobo abandonado nas fragas do Eume, preto de As pontes de García Rodríguez. A escola de tempo libre “Neboa” cedeunos os terreos para acampar é puxeron parte das súas instalacións á nosa disposición, o que fixo que estivéramos un pouco máis cómodos. O tempo non se portou como quixéramos, aínda que xa estamos acostumados (decididamente, temos un “gafe” entre nós).
A montaxe de tendas levouse a cabo sen ningún problema, todos aprenderan a fin de semana anterior, menos a tenda de Brais ¡parece mentira o que se complican algúns para cravar unha piqueta no chan!
Case todos participaron no concurso de cociña; houbo para tódolos gustos: doce e salgado, con chapapote, galdrumadas, castelos encantados... Nesta edición decidimos premiar ós pratos mellor elaborados e ós grupos que máis se esforzaron, xa que o nivel  está en “declive”.
A marcha do domingo discorría por unha zona con moita vexetación e cantidade de árbores de distintas especies. Todos gozamos moito, pois non era nin demasiado longa nin había grandes desniveis, a pesar do que digan algúns.
O chegar ó campamento púxose a chover e tivemos que recoller as tendas molladas, esto é o peor pois quere dicir que ó chegar a Vigo haberá que estendelas no Club e logo baixar outro día a recollelas e gardalas ¡que coñazo!
A derradeira saída da Operación Benxamín-2003 fixémola en O Caurel, no refuxio que a Federación ten na Seara. Organizamos dous grupos: os maiores foron de travesía con 4 monitores e os demais fixémo-lo sendeiro do río Soldón. O autobús deixounos na Cruz de Outeiro e recolleríanos en Soldón ás 7 da tarde. Dende alí baixamos a Outeiro, cruzámo-lo río e collemos o camiño que vai a veira do río pola marxe esquerda. O chegar á Ferrería continuamos ascendendo cara o Montouto, pero o camiño pérdese, debe ser pola falta de uso. Decidimos dá-la volta, cruza-lo río na Ferrería e subir á aldea de Mazos onde nos esperaba o autobús, aínda que calculamos mal o tempo e chegamos ás 9 da tarde. O día estivo caloroso de máis, o sol apretaba e cada vez que cruzabamos un regato refrescabámonos mollando as gorras, a cabeza e collendo auga onde había un manantial. A pesar da longa andaina, os rapaces portáronse como auténticos montañeiros. Cando chegamos ó refuxio, estábamos todos famentos, os rapaces cearon e logo, Antonio ensaiou con eles a canción de este ano, mentres os demais monitores ceabamos tranquilos. ¡Gracias, Antonio!
Os da travesía chegaron o domingo, xusto a tempo de face-la carreira de orientación que organizou Lourdes. Fixeron grupos de catro e andiveron polo pobo buscando as pistas que estaban agachadas nas balizas. Segundo os rapaces, a carreira foi moi divertida; o peor foi que para rematar tiñan que atopar a Juanjo, pero este agachábase tanto que non había xeito de dar con el. Antes de xantar, Antonio e Paquita invitaron ós monitores a un aperitivo no bar porque estaban de cumpreanos (non preguntamos cantos) ¡felicidades!
Despois de xantar ven o peor, limpa-lo refuxio, que é moi cómodo e grande, pero por eso mesmo lle temos manía, nunca terminas, aínda que entre todos é mais fácil. Xusto cando estabamos rematando púxose a chover e aínda nos mollamos un pouco para leva-las mochilas ó bus. A volta a Vigo fixémola sen problemas, os máis, durmindo e os outros mirando unha peli.
Un saúdo e deica próxima, que será no mes de xullo. Iremos de acampada ó río, seguramente a Leiro. Anímate e baixa polo club a anotarte.

Os monitores a carón do refuxio do Monte Aloia. Foto: Lourdes Domingo
Os monitores da Sección
A CLAUSURA, PROXECCIÓN DE DIAPOSITIVAS E ENTREGA DE AGASALLOS SERÁ O LUNS 16,  ÁS 8 DO SERÁN NA SALA DE CONFERENCIAS DO CENTRO CULTURAL CAIXANOVA.

“Viva el monte”
Por las mañanas
te sientes aliviado,
pero después de la marcha
te sientes cansado.

La escalada es “peligrosa”
pero cuando llegas arriba
la vista es preciosa.
En el monte no te aburres
pues si no tienes amigas
juegas con las hormigas.

No tires los papeles al suelo.
Tíralos a la basura
Aunque te de pereza
y respeta la naturaleza.
Poema de Patricia Fortes Lago. 12 años

SECCIÓN DE CULTURA

MONTAÑA E CULTURA

27 de abril quedáramos  ás 10:00 h no Club para realizar a Actividade Cultural “Muíños e petroglifos”. A Martín, que é o organizador habitual, non lle foi posible vir, pero deixou todo ben atado, fotocopias e un magnífico guía cultural, Álvaro, coñecido como “Varo”. Con el visitamos primeiro o castro de Estea e ó asomarnos ó seu foso, nos puxo en antecedentes sobre a cultura castrexa, indicándonos que non está demostrado que os Celtas viviran nas nosas terras (despois desculpouse por non lembrar que o nome do noso Club fai referencia a este pobo), as súas explicacións facíannos ver más alá dun monte cheo de piñeiros, eucaliptos e pedras, imaxinabamos como vivían os nosos antecesores, se tiñan un carácter guerreiro, que comían, como eran as súas casas, os seus utensilios, etc.
Despois, cerca do Castro vimos o primeiro petroglifo, era un muíño de man nun orificio na rocha. Veríamos despois dous máis deste tipo. Realmente foi unha sorpresa para todos, xa que cansados de andar polo monte nunca nos  fixáramos no traballo feitos por persoas fai 2.500 anos.
Pasamos despois por catro muíños rehabilitados, ensinándonos as partes e os nomes do mecanismo dos mesmos e admirando o traballo de cantería da súa construcción. Lembrámo-los costumes das persoas na época en que eran usados, os seus cantos, os seus bailes, ...
Continuamos parándonos en varios petroglifos con motivos de tipo circular, como o de Chan Grande en San Miguel de Oia, pasamos polo parque forestal de Saiáns e Coruxo, e o de Oia, onde despois de andar 12 quilómetros e unhas horas de chuvia, regresamos ó punto de partida.
Cicais aínda non coñecemos e apreciámo-lo suficiente o gran museo sobre o que vivimos e que temos ó arredor da nosa cidade. Bens arqueolóxicos e arquitectura popular.

Fernando
O TÍBET,
AS SÚAS XENTES E A MONTAÑA

INTRODUCCIÓN:
Trala proposta de Sechu de preparar unha serie de artigos para enviar desde India, considerei que o que podo aportar é unha serie sobre a cultura tibetana que é na que estou inmerso. Pendente de confirmar, sería o seguinte:
- Capítulo 1, explicación da cultura tibetana e a súa relación coas montañas.
- Capítulo 2, o monte Kailash.
- Capítulo 3, información de montañas tibetanas en xeral.
- Capítulo 4, relato da fuxida do Tíbet, posiblemente por Tenzin Dolkar que escapou fai uns 8 anos, camiñando durante máis dun mes, con só 16 anos, dende a remota rexión de Kham (Tíbet) ata Nepal..
As fontes son en xeral recopilacións miñas, Internet e algo que consiga no Mosteiro, así como falar con Tenzin Dolkar co que teño frecuente contacto.
Escribo desde Karnataka State en India, cerca de Goa, Zona de Mundgod de refuxiados tibetanos, Mosteiro de Ganden... perdón, Cyber das aforas.
Deséxovos  un inmellorable verán montañeiro.
 

 Martín (Shambala)

 

ACTIVIDADES SOCIAIS

Festa de Primavera

 O venres 23 de maio, como estaba previsto, organizamos unha pequena festa primaveral. Non faltaron, nen os pinchos, nen as lambetadas, nen a sangría, nen as flores, nen a xente que vén ultimamente. Pero, si que faltaron os que por razóns familiares, físicas ou horarios de traballo non veñen ás marchas pero que poderían acercarse ó Club cando hai proxeccións, charlas ou calquera xuntanza. Seguiremos intentando poder compartir eses momentos con cada día máis socios.
 Recordarvos o Campamento de verán programado para os días 12 e 13 de xullo.
 Esperamos celebrar unha xornada atractiva para todos o día 7 de setembro no “noso chalé particular” do Aloia.

Lembranza

  O día 7 de maio, encontrámonos varios compañeiros de sendeirismo no tanatorio de                          Pereiró, para despedir á nosa compañeira de andainas, Juana. Sentímo-la súa perda e animamos a Antonio Ripoll a seguir vindo á montaña connosco.

                                                                                                           FF
CURSOS EGAM

CURSO DE INICIACIÓN Á ESCALADA

Os días 17 e 18 de Maio, convocáronnos ós homes do Club ós pés do monte sagrado dos Celtas, na comarca da Miñota. Ás once da mañá tiñamos que estar no lugar convido, nas catro cruces do parque forestal, pero cal foi a miña sorpresa que cando cheguei alí non había ninguén. Estiven agardando un pouco e de repente, apareceu un rapaz de entre as árbores, que subira a pé dende a estrada, onde o deixara o bus. Esperamos xuntos un anaquiño máis, pero ninguén aparecía no lugar, ata que un dos monitores subiu a buscarnos porque déronse conta de que lle faltaban dous alumnos. E nese mesmo momento, comentounos que o lugar de encontro variara debido ó mal tempo, confirmándonos que o notificaran o día anterior ó club, pero a nós ninguén do club nos chamou para comentalo. O novo lugar de encontro era no excelente rocódromo de Pontevedra, e así partimos media hora despois nesa dirección os dous “Druídas” á realidade do pavillón pontevedrés.
Como xa nos estaban esperando, comezámo-lo curso tan pronto chegamos, máis ou menos sobre as 12.30 h. Nesta ocasión, xuntámonos 16 alumnos de toda Galicia con 4 monitores da F.G.M. Despois de escusarnos pola tardanza, entramos en materia; primeiro, explicacións sobre os diferentes tipos de cordas e cales eran as mais idóneas para a escalada. Seguimos cos oitos, bloqueos, arnés, casco e tipos de mosquetóns,… e o seu uso idóneo, moi importante. Pola tarde, despois de xantar cos compañeiros, onde confraternizamos arredor da comida de cada un nas proximidades do pavillón, comezámo-las prácticas no rocódromo cos utensilios que nos explicaron, e así ata as 20.00 h. que rematou a primeira xornada.
O Domingo as 09.00 h da mañá xa estabamos todos puntuais  na praza de España, as tres persoas que íamos do club.  As 10.00 h, xa estabamos aprendendo a face-los novos nós que nos cumprirían para escalar e asegura-las cordas, así como recuperar corda, e o que máis me sorprendeu foi como rapelar cun simple cordino que fai o mesmo tempo de freo. O longo do día, seguimos practicando no rocódromo, como primeiros de corda, ir colocando os seguros e no final, asegurarnos turnándonos os equipos de tres persoas para asegurar, subir e vixiar. Acabouse o curso con bo ambiente.

O comentario xeral dos alumnos foi que sería convinte que a federación cando imparta os cursiños, nos facilitase uns apuntes sobre todo o temario práctico, co fin de poder repasar en calquera momento os nós, etc… xa que é moita información dada e non todos podemos practicar coa frecuencia que desexamos, e desta maneira, se temos en casa uns cordinos e mailos apuntes prácticos, podes seguir practicando.
Falando entre os socios participantes do club, convimos reunirnos cando fose posible para practicar no rocódromo de Vigo, e algún apuntou a idea de que sería conveniente poñer no taboleiro do club unha nota para que máis xente se apuntase a practicar…. Pero isto será outra historia.
Xabi Posa
 
 

BICI DE MONTAÑA

Serra do Galleiro. 18/05/03

Aquí estamos de novo, os de sempre e algún máis, no sitio de costume. Témola intención de recorrer unha zona xa coñecida por algúns, pero non coñecida para outros.
Non por repetir deixa de ser atractiva xa que ofrece posibilidades sobradas, para variar recorrido.
Reunímonos no alto existente entre Os Valos e Redondela, onde preparamos bicis e o material necesario, para afrontar unha volta que non se caracteriza, precisamente, pola súa suavidade e dozura do recorrido. Somos nesta ocasión 15 participantes, incluída unha mociña, que mellor é que non volva, porque sacóuno-las cores a todos. Certamente Libe é o claro expoñente de que o feminino non é o sexo débil.
Dende o inicio, as rampas, xa sexan por asfalto ou por terra, son importantes ata o pobo de Galleiro, onde a choiva, que cae con insistencia, encárgase de rebaixala temperatura adquirida nesta parte do recorrido.
Atravesámo-lo pobo e metémonos de cheo no monte, onde nos atopamos cunha cuadrilla de traballadores que previamente nos adiantaran, nos seus todoterreos, estaban dando conta do bo anaco de xamón, para afronta-lo traballo con enerxía, “pena dun anaco” algún o agradecería bastante.
A néboa non nos permite ve-lo atractivo do recorrido, que ten interesantes vistas, xa sexa cara a o val de Ponteareas ou por suposto cara a Ría, con Peinador ós pés do Galleiro.
Ben, á metade do recorrido, démonos conta con agrado, que descubríaramos unha xoia, nin máis nin menos, un especialista en conseguir facer “dunha” bicicleta “dúas”. Non podía ser outro, Xaime ensinounos como acurtar unha cadea, a de Fernando (outro que tal baila), e facer que funcione perfectamente. Nada importante, só sacoulle 5 maias.
Ben, anécdotas aparte, o recorrido desenvolveuse sen incidencias ata o cume, ó que por suposto chegamos sempre coa grata compaña da choiva e incluso vento e frío, ou sexa, perfecto.
O descenso xa foi outra historia, temos chegado un punto, tres posibilidades: a primeira é unha pista herbosa ó principio, moi rota ó final, e ninguén baixa por ela. A segunda, é un bonito e atrevido cortalumes polo cal xa hai algún intrépido que decídese a baixar (o resultado saberémolo axiña). A terceira foi a pista “fácil”, pola que en teoría non había riscos, é rápida e divertida, polo tanto todos animámonos e corremos... ata que algún voa por riba da bici e vaise ó chan, concretamente Manolo Barciela, que era a primeira vez que viña, pero isto non lle desanimou (volverá á próxima).
Seguimos e atopámonos cos especialistas en cortalumes, tamén houbo algún marcado, Fernando por exemplo, tardará unha semana en poder afeitarse e Chao, que tamén mordeu o po, terá que levar a bici a repara-las llantas, que están un pouco diferentes a cando iniciou o recorrido.
Seguimos ascendendo suavemente por unha pista a media altura do Galleiro e iníciase o descenso ata un cruce, con dúas alternativas, seguir ou acurta-lo recorrido, decidindo, debido á hora que era, que o mellor sería regresar o máis rápido posible. Despois de esperar por Chao que viña case sen freos, rematámo-lo recorrido sen máis novidade.
Esperámosvos na próxima (a ti tamén Libe).

Escrich.

 

SECCIÓN SENDEIRISMO

MARCHA DE PRIMAVERA
SOBRADO DOS MONXES
27.04.03

 Domingo, día primaveral, parece que o bo tempo nos vai acompañar nesta saída que, en principio, extenderase ó longo de 18 km., dende Toques a Sobrado dos Monxes ( A Coruña). Co autobús case cheo e con puntualidade, saímos pola autopista en dirección a Pontevedra a recoller a unha compañeira. Durante o traxecto comezan a aparece-las primeiras nubes; tomamo-la estrada nacional 547 en dirección Lugo. Antes de chegar a Arzúa algúns estómagos reclaman o café pero temos que atravesar este pobo ata chegar a Melide, onde preparaban a habitual feira dos domingos, e aí si, gozamos de 15 minutos para repoñer forzas e moito máis, pois houbo a quen lle deu tempo de mercar un bo queixo, con regateo incluído.
 Reanudámo-la marcha para chegar ás 10,30 h o punto de inicio de ruta, TOQUES. Comezamos cunha pequena ascensión e con bo ritmo. Pronto estabamos contemplando a igrexa parroquial de Santa María Da Capela de San Antolín de Toques, prerrománica do século IX , e os arroios que nacen na Serra do Bocelo e na de Creón.
 O sendeiro é do máis agradable e ameno, a miúdo encontramos campos pechados con alambradas que non obrigan a saltalas ou a pasar por baixo delas. Pronto vémonos obrigados a ascender e descubrimos que temos sido obsequiados con algún que outro quilómetro de máis. Tirando á esquerda do mapa  alcanzamos EL PILAR,  806 m. de altitude, o que supón o punto máis alto da provincia de A Coruña. Hai fame, son las 13,15 h. e aínda non temos tomado o piscolabis. Descanso de 15 minutos.
 Continuamos en dirección a PENA MOURA, que alcanzamos sobre as 14,45 h. Parada para xantar. Fai bastante vento e cae algunha que outra gota de chuvia. ¡cousas da primavera! Descartada a sesta. Cruzámo-los dedos ¡que menos que comer secos!  Tres cuartos de hora de descanso e reanudámo-la marcha camiño de LAGOA DE SOBRADO, feita polos monxes no século XVI, á que chegamos sobre as 16,35 h. Trátase dunha zona húmida de interese europeo, onde se poden pescar troitas, proba deso é que encontramos varios pescadores. A un paso da lagoa está o mosteiro de SOBRADO que dende o século X foi o que levou o temón da vida e historia do concello. Foi fundado polos Condes de Présaras no ano 952. Ata finais do século X este mosteiro verá crecer rapidamente as súas propiedades ó recibir numerosos bens do Condado de Présaras, pero co cambio de século iniciará una continuada decadencia. Baixo a protección do rei Alfonso VII e os Condes de Traba, Sobrado coñecerá unha nova expansión. En 1142 se producirá a súa incorporación á orden Cisterciense.
 Pola súa importancia artística, este mosteiro merece unha pausada visita. Non tivemos sorte de que esta fose guiada pero puidemos ve-lo claustro dos medallóns comezado en 1560 e terminado en 1744. Nel predominan os elementos renacentistas, chamado así por estar decorado con 36 grandes medallóns con bustos humanos. A cociña, a sala capitular, a escaleira principal e o claustro dos peregrinos. Tras esta visita finalizámo-la ruta.
 Antes de regresar a Vigo, como é de costume, unha boa cervexiña. Ás 18,30 h. regresamos acompañados por un bo chaparrón. É a primavera -.

GR  94 RURAL GALICIA. ETAPA  VI (FINAL).
REIS  SANTIAGO DOMINGO
11.05.03

 Un mes máis contamos a nosa andaina, esta vez sen subidas e baixadas poderosas, pero si cun punto de aventura, o comezo e final da marcha, que hoxe sería de 22 km. Cun día caloroso e soleado, e iso que durante a mañá o sol estaba entre nubes e facilitounos a marcha.
 Debe ser que nos aproximamos ó verán e ó bo tempo e que a xente esta desexosa de praia, porque hoxe só somos 24 participantes nun minubus, e como cada saída, sempre nos encontramos con xente nova. Eso gústanos.
 Ás 8,30 h. saiamos con dirección a REIS no concello de Teo, onde rematáramo-la anterior etapa deste GR o pasado febreiro. O autobús deixounos en PONTEVEA. Tomamos un café e empezamos. En 45' chegamos ata XIRIMBAO, unha zona de recreo dende onde vímo-la ponte que non puidemos cruzar na etapa anterior por estar pechada e que nos obrigou a dar un rodeo de case 6 quilómetros, e sen embargo hoxe víamos pasa-la xente. Aquí descansamos 15' porque o lugar é moi bonito. Seguimos durante un bo rato un estreito camiño a ras do río Ulla,  no que houbo momentos en que non sabiamos onde poñe-los pés, ata o punto que unha das mozas (Carmen) esvarou e meteu as botas na auga. Menos mal que é das asiduas e o tomou con calma. Esta experiencia  foi curta pero intensa. Seguimos sen novidades, salvo que encontramos esta ruta con demasiado asfalto y por tramos demasiado preto da autopista a Santiago. Xa sen parar chegou a hora de comer, ás 14,15. Chegamos a un pobo chamado SOLLANS, alí atopamos un prado moi agradable cunha fonte e paramos 50'. Neste momento levábamos 14 km.
 Antes de reanuda-la marcha, tomamos un café no bar do pobo, é só un dicir, porque a maioría optou por un xeado. Agora o calor apretaba de verdade e o ceo estaba limpo de nubes, unha pequena pero empinada costa  para chegar baixando ata a vía do tren que tíñamos que cruzar xusto ó final dun túnel á esquerda e unha curva á dereita, así que con paso lixeiro cruzámo-la vía. Con M. temos asegurada a emoción. Ás 17,15 entrabamos en Santiago por Conxo. Alí facíamos os 22 quilómetros e como sempre a ruta ía ser de 17 km.
 Xa no centro chegamos ata a Praza do Obradoiro, onde quedamos ás 18,30 h. para todos xuntos regresar. O autobús esperábanos na estación do tren ás 17 h.
 O primeiro que fixemos foi descansar nunha terraza e  beber algo, estábamos secos.
 A maioría da xente que estaba sentada ó noso carón era estranxeira, algúns de excursión e outros co aspecto de ter feito o camiño. A rúa do Franco estaba moi animada.

 Elva, Concha e Pilar

 

MONTAÑISMO. VINDEIRAS ACTIVIDADES

PICOS   DE   URBIÓN  (SORIA)
SISTEMA    IBÉRICO
25,  26  e   27  de  xullo

 Soria, aparte de ser unha das provincias máis altas de España, é unha terra rodeada de montañas; sobre todo a parte norte, coa Serra de Urbión, Serra Ceboleira e a serra que integra o porto de Piqueras. É ó enclave montañoso da  Serra de Urbión, a cabalo entre as cuncas do Douro e o Ebro, onde nos dirixiremos na festividade de Santiago Apóstolo.
Programa previsto:
Saída: ás 24.00 h. do 24 de xullo.
Venres 25: Subida á “Laguna Negra”, “Laguna Helada”, “Laguna Larga” e actividade montañeira na  serra.
Sábado 26: Dende “Duruelo de la Sierra” ascensión ó macizo de Urbión (2.228 m) e baixar a Covaleda.
Domingo 27:  Ás 10.00 h regreso a Vigo.
Prezo BUS:  40 €
Aloxamiento:  Cámping “Cobijo” en Vinuesa, porta de entrada ós Picos de Urbión.
-  Servicios: Bar, Restaurante, Supermercado, Piscina
-  Prezos Persoa/día: Adultos 3,70 € . Nenos 3,15 €.
-  Prezos Tenda/día: de 2 prazas 3,55 € . Maior de 2 prazas 3,85 €      Conchi
UNHAS  VACACIÓNS   DIFERENTES

PIRENEOS   2003
CIRCO  DE  GAVARNIE   ( FRANCIA )

2, 3, 4, 5, 6, 7, 8,  9 e 10 de Agosto

 O Circo de Gavarnie esta no eixe dos 3.000 m. Pirenaicos. Pechado ó sur polo macizo de Monte Perdido e polo Marboré. Este circo glaciar e a súa espectacular Gran Cascada de máis de 400 m. de alto é unha das paisaxes máis sobrecolledoras de Pireneos.

Programa previsto:
Saída:  1 de Agosto ás 24.00 h.
Domingo 3:  Circo de Gavarnie
- Saída: 8 h
- Percorrido: Circo de Gavarnie, Echelles des Serradets, Ref. de Serradets. Descenso por Les Crampettes.
- Dificultade: Fácil ascenso polas paredes do Circo de Gavarnie. A Gran Cascada con 426 m. de caída, é considerada a máis alta de Europa.
- Alternativa: Visita ó pobo de Gavarnie e recorrido do circo ata a Baje das Escaleras.
Luns 4:  A Excursión Real
- Saída: 7 h.
- Percorrido: Remonta-lo Val  D`ossue ata o Ref. Baysellance e Hourquette D`ossue. Descenso polo Val de Gaube ata o Ref. des Oulettes de Gaube. Lac de Gaube e Pont D`Espagne. Cauterets
- Dificultade: Dura polos desniveis e duración. Extraordinario recorrido polos vales D`Ossue e de Gaube.
- Alternativa: Dende Cauterets ascenso polo GR-10 ata o Lac de Gaube
Martes 5:  GR-10  Val de Gavarnie
- Saída: 9 h.
- Recorrido polo GR  10
- Sen dificultade.
Mércores 6:  Travesía ó Valle D`Aure. Reserve
   Naturelle de Neouvielle
- Saída: 7 h.
- Recorrido: Pont de la Gaubie. Col de Madamete. Éntrase na Reserva Natural. Lac D`avaert. Lac D`aumar. Col D`estudou.  Lac D`oule. Col de Portet
- Dificultade: Dura por desniveis e duración.
- Alternativa: Recorrido entre a estación de Espiaube e Lac D`oule.
Xoves 7:  Taillón ( 3.144 m.)
- Saída: 8 h.
- Recorrido: Col de Tentes. Ref. de Serradets. Brecha de Roldán. Taillon. Regreso polo mesmo itinerario.
- Dificultade: Depende do estado da neve.
- Alternativa: Chegar ata o refuxio o ata a Brecha de Roldán. A BRECHA DE ROLDAN é un dos lugares carismáticos do Pireneo. O Taillón é un dos tres miles máis  asequibles.
- Alternativa de Dificultade: Dende a Brecha de Roldán efectua-la ruta do Circo de Gavarnie: Casco. Torre de Marboré. Espalda de Marboré. Picos da Cascada. Marboré.
Venres 8:  GR  10  Val  de  Bastan
- Saída: 9 h.
- Recorrido: Ponte de la Gaubie. Bareges. Sers. Viella. Luz-Saint-Sauver.
- Dificultade: Recorrido suave.
- Actividade de Dificultade:  Ascensión ó Vignemale (3.298 m) polo Glaciar D`Ossoue (vía  normal)

Sábado 9:  Regreso a Vigo

Opción:  TRAVESÍA  DE  GRAN FONDO
1 Día. Camiño do Parque ata Ref. Des Espuguettes. H.R.P. ata Hourquette D`alans. Cirque D`estaubé. Ref. de Touquerouye.
 2 Día. Balcón de Pineta. Collado de Mte. Perdido. Ascensión ó Monte Perdido. Brecha de Roldán. Ref. de Serradets.
 3 Día. Descenso a Gavarnie por As Escaleiras.

PREZO BÚS:  105 €

ALOXAMENTO: Refuxio Grange de Holle ( l.495 m.) a     2 Km. de Gavarnie.
- Reservadas 25 prazas no Refuxio. Prezos: 9 € / día.     Durmida  + almorzo +cena: 22 €
 - Reservadas 25 prazas no Cámping. Prezo: 3 € / día
 - Comida ou cea: 10 €
 - Almorzo: 4€

Importante: É necesario poseer a licencia de montañismo para realizar as actividades de alta montaña. Lembrade a necesidade de que a licencia federativa cubra as actividades no Pireneo francés (por exemplo con Sabadell aseguradora, a modalidade C).

GR



 
 

MARCHA DE FONDO DA FGM

  Marcha das Greas. 10 de maio

¡Que chego tarde!, ¡que chego tarde!... pois non, aínda hai xente recollendo os dorsais, a camiseta e demais obsequios que viñan nas bolsas. Vou correndo a mercar algo para almorzar e dáse a saída á Marcha despois de escoitar unhas palabras por parte do Presidente da Federación galega.
¡Canta xente coñecida!. E non soamente compañeiros de montaña (houbo moita participación de socios do Club) senón tamén atletas que coñezo dende fai moito tempo. Unha alégrase destas pequenas cousas, atoparse con persoas coñecidas en eventos deportivos.

Durante case todo o traxecto tivemos unhas vistas impresionantes e ademais, como o tempo acompañou...pois mellor aínda, pero houbo que cubrirse ben a testa e mailos ollos e votar crema. Agradécese moito os avituallamentos e as rosquillas...¡hummm!, para unha lambona coma mín. Foron case o mellor do día xunto co sabor da laranxa recen cortada. Coidáronnos moi ben, a empanada do xantar estaba moi boa aínda que unha aguantaba sen comer moito porque aínda quedaba máis da metade dos 50 km que tiña a marcha (¿ou foron máis?).
Lembramos bastante aos organizadores nos últimos quilómetros pois, entre a envexa da multitude de casas bonitas e as costas que había para atravesalas ...(envexa da boa, non vaiades pensar)
Pois xa remataba a andaina despois de 11 horas pero aínda tiñamos forzas para facer a nosa entrada en meta bailando e... dereitiños ao posto de froita e bebida. Xa ía sendo hora de marchar pero antes pasamos pola “sala de operacións” quero dicir pola zona de masaxe, onde intentaron deixarnos coma novos.
A organización sorteou numerosos premios pero... non houbo sorte, outro ano será, porque: socios, non socios, montañeiros, atletas, transeúntes, esta xa parece ser unha cita obrigada, así que... ¡ata o ano que ven!
Andrea Michèle
CAMPAMENTO DE VERÁN DA FGM
A vocalía InfantilXuvenil da FGM ofrece ós máis novos a oportunidade de gozar duns días de campamento, onde realizar diversas actividades. Será na localidade ourensá de Montederramo e está organizado pola empresa de tempo libre “Pasatempos”, que é a que monta as actividades nese lugar: actividades hípicas, bici de montaña, tiro con arco, sendeirismo, praia fluvial, estudio de flora e fauna, obradoiros e veladas nocturnas. O lugar de durmida é o albergue de montaña de Montederramo, a cinco minutos da zona recreativa “Ponte Mazaira”, onde terán lugar as actividades.
Os participantes estarán en posesión da tarxeta federativa deste ano e terán entre 8 e 17 anos, distribuíndose por idades no campamento, cos monitores respectivos.
As quendas son as seguintes: Do 13 ó 20 de xullo, do 20 ó 27 de xullo e do 27 de xullo ó 3 de agosto.
O prezo, xa subvencionado pola FGM, é de 115 euros. Inclúe: pensión completa, actividades, lavado de roupa, seguros e IVA. Aqueles que queiran utiliza-lo transporte dende Vigo, terán un suplemento de 27 euros (ida e volta)
O número de prazas é limitado a 20 como máximo.
Inscrición:Data tope: 17 de xuño para a primeira quenda, 24 de xullo para as dúas seguintes.
É preciso adiantar un importe de 30 euros ó face-la reserva. O resto pagarase 15 días antes do inicio do campamento escollido
Hai que cubrir o boletín de inscrición e acompañar un certificado de non ter ningunha enfermidade infecto-contaxiosa e unha fotocopia da cartilla ou tarxeta da Seguridade Social.

MONTAÑISMO

 UNHA SEMANA EN BENASQUE

“La 2” de televisión española na programación da emisión “Escuela de deporte” que se retransmite os sábados ás 12.30 h da mañá, elixiu dedicar un programa sobre os deportes de montaña.
A través das Federacións territoriais de montaña, invitaron a dous rapaces de entre 16 e 18 anos de cada comunidade autónoma, para participar nunha semana de actividade en Benasque, finalmente eramos vinteún. A Federación de Aragón coordinou ás actividades e prestaba o apoio cos monitores.
O aloxamento era na Escola Española de Alta Montaña Entre ese grupo de rapaces, sete partirán na viaxe ó Kilimanjaro en setembro. Jorge R Fauré gozou desa semana na compaña dos demais xoves chegados de tódolos puntos de España.
Trala viaxe en tren dende Vigo, cheguei a Zaragoza ás seis da mañá do domingo 11 de maio. Preguntei a un taxista onde estaba a estación de autobuses. Pasei diante, parecía un concesionario de coches e mo pasei de longo. Entón preguntei a unha rapaza e moi amable se ofreceu para levarme ata el. Pasei media hora só na estación e de súpeto vexo alguén que me saúda. Era Gemma (unha amiga de Zaragoza) que viña buscarme para almorzar os dous xuntos. Collín o autobús e cheguei a Benasque e despois das presentacións fomos ao rocódromo. O luns ás sete e media da mañá saímos para ascender o  “Gallinero” (2.800 m). Subimos e baixamos en raquetas de neve. Ás doce menos cuarto a durmir. Ao día seguinte subimos ás “furgos” e nos levaron ata unha cascada preciosa. Comezamos a andar ao noso redor había cámaras, baterías, etc. Nós levábamos as roupas e a comida dos cámaras. Entre entrevista e entrevista, paradas ( tocoume falar mentres camiñaba). Supostamente tiñamos que chegar ao refuxio do “Angel Orus” en hora e media pero chegamos ás 12:30 da tarde saíndo ás 10:30 das “furgos”. Despois de xantar fixemos prácticas piolet e crampóns. Ao día seguinte ás catro da mañá todo o mundo estaba en pé. Almorzamos e ás cinco menos cuarto empezamos a andaina. Entre parada e parada para beber, gravábamos, así ascendemos ao Poset (3.372 m), chegando á cume  sobre as tres. Baixamos moi rapidamente. Na mañá do xoves, fixemos a “vía ferrata de Olmena”, a un par de km de Barbastro. Alí fixemos a nosa última gravación.

O xoves pola noite saímos ata as tantas no pub onde sempre “ían”.
Á mañá seguinte tivemos a charla do médico sobre a aclimatación en alta montaña, así como o que teríamos que levar como  material si nos toca ir ao Kilimanjaro.
Collín o bus ás tres ata Zaragoza e logo o tren...cara Vigo. Que pena, acabouse.
Gracias a Sechu polo papeleo e o material así como a Jacobo e á miña irmá Andrea
 Jorge

PICOS  DE  EUROPA  PARA  TODOS

 O Club Montañeiros Celtas é un Club multi-opcional e a saída de Semana Santa do 2003 foi un dos mellores exemplos.
 Houbo opcións para todos. O autobús ía ó completo e quedou moita xente na reserva de praza. Xa o primeiro día de actividade, xoves 17, os grupos dispersáronse e cada un fixo a actividade que quixo. Ó grupo de travesía deixámolo en Fuente De e non o volvemos ver ata o sábado en que saímos o seu encontro no pobo de Tresviso. O grupo de escalada  viámolo pola noite, chegaban  esgotados pero felices.

O grupo da travesía, diante do “Picu”

 Quizás o grupo maioritario era o de montaña. O  xoves subiron polos endemoñados Tornos de Liordes ata a Vega de Liordes e dende alí fixeron cumio en Torre Alcacero. O día seguinte saíron dirección Aliva,  subindo ó Pico Cortes e ó Pico de Camara. O sábado, a pesar de amañecer chovendo, dirixíronse ó central eléctrica do Urdón, que é onde comeza a ascensión ó impresionante desfiladeiro de Tresviso, para encontrarnos co grupo de travesía. Ó baixar o desfiladeiro foi cando realmente démonos conta do verdadeiro trazado del Tresviso.
 Outro dos grupos fixo sendeirismo, coñeceron as rutas clásicas de Picos de Europa como os Puertos de Aliva. Aínda había más opcións, moita xente simplemente quixo facer turismo, visitaron o mosteiro de Santo Toribio de Liébana e o seu val. Incluso chegaron  ata Santillana del Mar.
 Pero o mellor grupo foi o dos rapaces. Felicidades a Irene, Sofía, Alejandro, Astar e o xefe de todos, Jorge. Foron uns auténticos campións. O único problema era que no había forma de que se durmiran. Eles son o futuro dun Club multi-opcional chamado Montañeiros Celtas.

Conchi


Escalada en Picos na Semana Santa 

 Almorzamos en Potes uns pequenos bocatas de tortilla francesa e entre bocado e bocado íamos deseñando o que podería ser un día perfecto de escalada. O día comezaba a romper e todo facía pensar  que seria perfecto.
 Así foi, xa que nada mais deixarnos o bus en Allende ,xa facía calor e a vista das paredes do Cueto Ajero era espectacular. Só faltaba escalar e aproveitar.
 Hora e media máis tarde xa estabamos a pé de vías. Escalamos en vías totalmente equipadas, en vías o máis puro estilo clásico, realmente unha “pasada”.
 A ultima hora do día, e coa sensación de que soubera a pouco, baixamos a colle-lo bus. Na espera deu tempo para beber unha cervexa, recreándonos ca vista do Cueto Ajero e pensar que íamos facelo ó día seguinte.
 A Semana Santa é o que ten, xente, caravanas e máis xente. Conseguimos, ás dez da mañá, coller o teleférico de Fuente Dé. Máis xente, pero xa pasada a Vueltona, a multitude convertíase en pequenos grupos, entre eles o noso, ben pequeno porque tan só eramos catro, coa intención de escalar na Agulla de Bustamante. O tempo xa non era o do día anterior; demasiado inestable. Chegados as proximidades da Canalona e collemos á esquerda para subir unha pala que remataba no comezo dunha canal que daba acceso á vía normal. Comezando a vía, comeza a chover, e máis tarde a nevar, pero a pouca intensidade da precipitación non impedía seguir escalando, eso si, abrigados e con botas (...nada de gatos). Non deu para máis, rematámo-lo longo e baixamos botando chispas. As sete queda en recollernos o bus, e pensando na multitude.... O día foi realmente gozoso, opinión xeneralizada do grupiño.
 Decidimos que sería mellor volver a Cueto Ajero ó día seguinte, pensando nos problemas desta xornada.
 Erguémonos.... chovía o suficiente como para pensar en meternos no saco de novo, non foi así pero pensouse.

Manoel Chao

XENTE   ENCANTADORA
TRAVESÍA  SANABRIA - PORTO
17 / 18  de  Maio
 Saín cunha xente encantadora, todos cunhas enormes gañas de pasalo ben. Partimos  da  “Laguna de los Peces” en Sanabria cun espléndido día, comprobando que xa no quedan lugares remotos.
 Cruzámo-lo “Valle del Tera”. Descansamos no refuxio de “Vega de Conde”. Nunha das súas fiestras estaba colgado a calavera dun lobo. Alguén se levou os cabeiros como recordo. Seguimos cara a “laguna de Lacillo”, aquí comemos. Despois  quedábanos a subida ó Moncalvo (2.044 m). Encontramos neve. Ía con grandes pateadores  e subimos en tempo record. Rompemos tódolos tempos previstos. Estabamos na cume do Moncalvo e nos dixemos, xa que estamos aquí ¿por que non o Moncalvillo (2.037 m)? E cara alí nos diriximos. A volta a fixemos en vertical polo lado oposto ó proxectado. Buscamos o río Bibei onde acampamos.
 Choveu un pouco de noite pero ó día seguinte apareceu un día nubrado que foi despexando. Decidimos subir ao Montouto (1.858 m). O día xa estaba precioso, non tíñamos presa. Seguimos cara “Vega de Valdelienda” e dende alí xa collemos a tediosa pista que nos levou cara Porto. A xente de alí estivo moi amable connosco. En Porto tivemos o único contratempo, o seu famoso restaurante estaba cerrado polo que tivemos que ir a comer a Vilavella.
 A travesía foi preciosa. A xente encantadora. O hotel “La Belle Etoile” un cinco estrelas. A tenreira do domingo no seu  punto xusto. O tempo perfecto nin frío nin calor. E sobre todo... Vivan as travesías.

 Conchi


EVEREST. 60 ANIVERSARIO

UN POUCO DE HISTORIA
En 1921 unha expedición inglesa de recoñecemento intenta, por primeira vez, atopar unha vía de acceso ó Everest que poda levar ata o seu cumio. En 1924, na terceira expedición británica, Irvine e Mallory desaparecen preto do cumio, deixando a dúbida de se lograron alcanzalo. A décima expedición británica, despois de dous meses e medio de esforzo,  consegue alcanzar o cumio da montaña máis alta do planeta, con dous homes: o neocelandés Edmund Hillary e o sherpa Tenzing Norgay, foi o 29 de maio de 1953, unha data histórica para o montañismo.
A primeira ascensión sen osíxeno a realizaron Reinhold Messner e Peter Habeler en 1978. O primeiro deles aínda o fixo máis difícil ó ser o primeiro en ascender ó cumio en solitario, ademais de facelo sen osíxeno, en estilo alpino, pola cara norte e en época monzónica,  foi o 20-08-1980, toda unha proeza.
En 1983, o vasco Martín Zabaleta, converteuse no primeiro español en conseguilo.
Os galegos o intentan en 1992, era unha expedición de 12 membros entre os que se atopaban algúns dos mellores alpinistas da nosa terra, moitos deles cunha gran experiencia e todos cunha grande ilusión, aínda que tiveron que retirarse sen chegar ó cumio. A maioría deles eran Montañeiros Celtas.
En 1993, o galego-venezolano Ramón Blanco chega ó cumio. En 1996, Jesús Martínez Novas convértese no primeiro galego en ascender sen osíxeno.

Chus Lago no cumio: Estou no punto máis alto, o cumio do Everest, se poidera dar un salto, estaría xa fora da Terra
Mención especial merece unha muller, galega, de Vigo, socia de Montañeiros Celtas desde que era unha mociña, orgullo do Club, quen converteuse na primeira española en ascender ó Everest sen osíxeno, é Chus Lago que alcanzou, pola cara norte, a mítica cota de 8.848 m. na mañá do 26 de maio de 1999. Foi ó terceiro intento desta montañeira, que xa participara na expedición de 1992 e noutra do ano 1998. Ademais de contar ca experiencia de outras grandes montañas, como o seu ascenso a Cho-Oyu en 1997, a súa tenacidade e carácter, foron fundamentais para afrontar este difícil reto, pero non se pode esquecer a tremenda preparación física e mental que supón esta ascensión sen osíxeno, a ascensión de Chus á “Diosa Nai da Terra”, significado de Chomolungma, o nome tradicional tibetano do monte Everest.

Sechu


HUMOR

Leis do montañeiro.
Todo camiño, tarde ou cedo, chega ó seu fin.
O mellor camiño é o outro.
As cabras sempre tiran monte arriba.
A mochila que pesa menos é a do compañeiro.
O camiño faise ó  andar. Non se busca.
Os camiños dos montañeiros son os feitos polos xabarís.
A realidade nunca se adapta ó mapa.
Hai moitas maneiras de interpretar un mapa, e a correcta sempre será a outra.
A experiencia non ten porque ir ligada á razón.
A memoria serve para estar sempre na montaña, non para guiarnos.
A montaña non se adapta o montañeiro, nin viceversa.
A neve boa é a neve dos primeiros 5 minutos e a neve derretida.
Atallar é a arte de facer un traxecto en máis tempo e con máis sangue (véxase flora típica dos atallos).
O mellor montañeiro non é o que sube máis alto nin o que vai máis rápido. O mellor é o que se queda atrás a axudar a quen non pode (ou iso dise).
Todo montañeiro sufre para sentirse ben.
Na montaña está prohibido todo aparello máis sofisticado cun compás e un mapa. Polo tanto, non hai lugar para os móbiles nin para os GPS.
A montaña  é unha dictadura que se rexe pola  liberdade de expresión, pero, ante todo, é unha dictadura.
Goza todo o que poidas en cada intre da montaña, non sexa que te poidas arrepentir.
O incumprimento destas leis provocará a inmediata perda da condición de montañeiro.
Ante a incomprensión destas leis, vostede non é montañeiro
C.M.R.A.M. (Comando montañeiro revolucionario ante-móbiles).
 
 

ESPELEOSECCIÓN

1-4 maio: Espeleoloxía en Portugal
Contactado con nós un grupo de espeleoloxía de Portugal, fomos convidados a facer actividade e coñecer varias cavidades dos nosos veciños. Despois de varias mensaxes por e-mail concretamos co G.P.S. (Grupo de Proteçâo da serra do Sicó) a visita e alá fomos Carol, Lourdes, Pilar, Daniel e Emilio na ponte do primeiro de maio ( Conchi e E Varela chegaron o venres pola noite e Óscar o sábado pola tarde). A atención dispensada ó G.E.S. Celtas foi exquisita, en tódolos sentidos. Quedamos, e nos ofreceron a súa casa espeleolóxica, en Ferrarias-Penela, preto de Coimbra. Por certo quedaron moi sorprendidos pola cantidade ( e tamén calidade) das mulleres que hai na sección. Ali pasamos varios días con Sergio, Hernani, Gustavo, Hugo, Claudia e Ricardo.
Xa o primeiro día fixemos actividade, visitando o Algar(así lle chaman ás simas) da Lagoa, unha cavidade pequena, mais “engraçada” (palabra repetida a todas horas, moi polisémica: bonita, xeitosa, divertida, graciosa,...). Pola noite, cea e fogueira para a tertulia, onde curioseamos nos nomes dados por eles ó material de espéleo. Intercambiamos impresións nun ambiente do máis cordial.
O venres 2 realizamos unha visita á serra do Sicó, preto de Pombal, visitando surxencias espectaculares no que respecta ó caudal (“Surxencia Olhos da Agua”), o canón seco do río e varias escolas, preciosas, de escalada que alí había. Para pasar varios días e con diversas dificultades. Pola noite, cea e cova. Entramos de noite pois esperamos polos compañeiros que chegaban despois de cear e porque un veciño pretende cobrar, e non pouco, por pasar polo monte para acceder á cova. Había que esperar a que se deitase. Así entramos en dous grupos no Algar do Soprador do Carbalho, con moito que explorar aínda. Tiña todo o barro do mundo. Despois do destrepe, desde a entrada, xa estabas de barro ata as orellas. Imaxinar como saímos. Preciosa, polo curso do río, con varios niveis, e unhas formacións na parte final do percorrido incribles pola súa diversidade, beleza e brancura. Amañecía cando comimos algo e nos deitamos.
O sábado fixemos tres grupos: Conchi e E Varela foron patear pola serra, Lourdes e Emilio, Sergio, Claudia, Hugo e Manuel foron esperar a Óscar, mercar e visitar un Algar de 20m de diámetro cheo de vexetación, e Daniel, Pilar, Carol, Hernani e Ricardo foron ó Algar das Herbilhas. Moi bonito. Cea, cervexas “pretas”, tertulia, guitarra,... e saco. En lembranza da visita e agradecemento pola atención prestada, o club agasallou ó G.P.S. cun exemplar recentemente editado de “Manual de Espeleología Alpina”. Tamén recibímo-la visita dun membro da Federación Portuguesa de Espeleoloxía
O Domingo recollemos, visita que poderiamos chamar de confraternización: surxencia do río Dueça, vila romana (encantadora) e museo local da mesma no pobo de Rabaçal, preto da cidade romana de Conímbriga.
Non sen antes agracede-las atención e invitalos a facer actividade con M Celtas (estamos en contacto para concretar datas), pola tarde puxemos rumbo a Vigo.

10/11 e 17/18 maio: Curso de Descenso deportivo de Canóns
9 membros do club: Óscar, E Varela, Conchi, Juan Carlos ( que estreaba) Pepe, Laura (tamén estreaba), Emilio e Mónica participamos neste curso. O que falta, Jesús, era un dos monitores.
Dúas fins de semana: a primeira, en Melón, con teórica, utilización do material, nós,... e descenso do Cerves, onde xa instalabamos “os quimos”. Ía de auga... sobrado. A segunda, en Vilariño de Conso onde descendemo-lo Val do Cenza o sábado, para facer prácticas de todo tipo nunha parede o domingo: nós desembragables, descenso con valdostano, instalacións diversas, instalación e paso de afastadores, instalacións de corremáns con autoseguro, recuperación de cordal,... pedagoxicamente, do máis interesante.
Pasámolo ben, aprendimos un montón, e vimos cunhas ganas inmensas de facer Canóns instalando nós (baixo a supervisión de expertos polo de agora)
Como práctica, o sábado 24 Mónica, Emilio e Daniel, co apoio de Lourdes, descenderon o Mougás, equipando sen problemas, os “cursillistas”.

17-20 de Abril: Curso de Perfeccionamento técnico I da EEE, en Cantabria,
Este ano formouse un grupo de irreductibles espeleólogos con ansias de aprender máis alá dos nosos horizontes. Por iso, Pablo, Óscar, Pilar e Daniel, xunto coa estimable compaña de Yolanda (do GE Arcoia), atrevéronse a ir a un curso da Escola Española en Ramales de la Victoria.
Para poder ir ó curso, enganamos ó resto da Sección para pasa-la Semana Santa en Cantabria, indo os últimos catro días ó curso. Xa un día antes tivéramos que prepara--la gran cantidade de material específico e individual, que a algún chegoulle a sacar de quicio. Para non deshonra-lo deporte, chegamos tarde a clase ó día seguinte, aínda que así nos libramos media hora dun día completo de teoría pura e dura, desa na que comprendes que a teoría espeleolóxica foi inventada por algún fumao de petas ata reventar.
Ó día seguinte, despois de erguernos ás 8h (isto é o malo dos cursos, que a xente pensa que hai que cumpli-los horarios) fomos facer unha mañá de aburrimento de prácticas de técnica básica de progresión por corda na entrada de Cova Mur. Aínda peor foi a tarde, onde fumos sometidos a unha proba de resistencia espeleolóxica, na que había que evitar quedarse durmido en medio dunhas clases de alimentación e entrenamento despois do xantar.
O curso consistiu nun movemento de coches do albergue en Ramales de la Victoria ata o “centro de alto rendemento espeleolóxico da EEE” en Cubillas e Cova Mur. Por certo, este centro cun nome moi bonito,en realidade, son dúas aulas, un servicio, un balcón espléndido e un cuarto de material, todo eso, no socalco do río esperando os próximos asulagamentos (para lamentarse). Pola noite, fumos tomar algunhas cervexas con algún camarada do curso e o noso grupo espeleolóxico que andaba desorientado dende a nosa deserción.
Volta ó día seguinte a erguerse ás malditas 8h (sobretodo para algúns)  para facer un día de prácticas de instalacións, nas que nos obrigaban a adaptarnos as técnicas homologadas pola CE, que se non non valen. Recollimos un pouco cedo para ir de compras espeleolóxicas a Ramales.
O último día, obrigáronnos (que conste en acta) a erguernos ás 7h, aínda que algunha se despertou as 11h despois de ir de troula toda a noite. Por riba de todo, a sufrir coas excitantes e íntimas técnicas de autorrescate, aínda que só duraron unhas horiñas da mañá.
Despois, todos correndo ó centro en Cubillas a encher unhas encuestas aleatorias sobre o curso e a decirnos a valoración espeleolóxica de cada un, destacando a certo grupo de cursillistas coma nós. Vaia, ata se chamaban igual.
Saímos fungando (a algún incluso rosmando) para ir xantar, ás 16:30 h, onde nos esperaban os nosos chóferes para voltar a Vigo todos orgullosos. Antes de partir despedímonos en batallón, coa fustración de non deixar “enchufado” a certo membro  da Sección entre as grandes élites.

12-20 abril: Semana Santa: Cantabria
Un ano máis chegou a Semana Santa e xa que algúns membros do club farían o IV Curso de Perfeccionamento I da Escola Española de Espeleoloxía que tería lugar en Ramales de la Victoria (Cantabria) do 17 ó 20 de Abril pois aproveitamos e fomos para Cantabria a disfrutar da semana enteira, cunha axenda toda chea de actividades, que empezaba primeiro na zona de Rionansa para visita-la cova do Soplao e continuaba despois na zona de Ramales e arredores, onde faríamos diversas covas (Cueva Fresca, Humizas-Cullalvera, ...)

O sábado foi o día de partida. Ponferrada, León, Oviedo, Llanes, Pesués e logo cara ó interior en dirección a Puentenansa e despois cara á Florida onde está a cova.
Montamos 2 tendas e a preparamos un pouco o material para ir ó Soplao a mañá seguinte. Despois cea, charla e a esperar por Xabi e Mónica que saíran o sábado pola tarde de Vigo. Chegaron xa ben entrada a noite porque se meteron na “circunvalación de La Florida” que os levou por paraxes seguramente inigualables pero, como era de noite, non os puideron apreciar.
A noite que pasamos foi, por dicilo de algunha maneira “peculiar”. O vento soprou durante case toda a noite, agás como moito durante 2 horas (non seguidas, por suposto) e algúns non pegamos ollo. Tivémonos que erguer varias veces a cravar piquetas que se soltaran, a pechar as cremalleiras que se abrían soas,... Balance da noite: moi poucas horas durmidas, unha tenda rachada e cunha varilla rompida e un vento que seguía soprando pola mañá.
Para almorzar buscamos un sitio máis ou menos resgardado pero foi case imposible e como o vento non tivo suficiente pola noite cunha tenda pois levounos un cazo polo monte para abaixo, que Emilio intentou recuperar, sen éxito. Antes de seguir lendo, por favor, garde un minuto de silencio polo cazo. Gracias.
Acabamos de recoller todo e prepara-lo material e fomos cara á cova en 3 grupos. A nosa idea era entrar por Torca Juñoso, visita-lo Lago de Desecación e chegar á Galería de los Fantasmas se nos daba tempo, e hai que dicir que cumprimos tódolos obxectivos.
Entramos por Torca Juñoso e empezamos a baixada cun P.30, seguido dun P.10, outro P.10, un P.40 e o último, un P.9.
Recorremos as galerías de Juñoso, entre subidas, baixadas e máis subidas e máis baixadas pero sen ningún problema, a non ser as dúbidas coa topo. Chegamos á Galería del Alud, enorme, con moitos bloques e que remata cunha subida moi empinada cara unha galería da mina. Xuntámonos todos, quitámo-los equipos de vertical, comemos algo e decidimos seguir ata o Lago de Desecación, polo menos. Recorremos un bo tramo pola galería da mina e por unha rampla ascendente moi empinada (ten un cable en dubidoso estado) e algo embarrada e aparecemos de novo na cova, nunha zona moi ampla, onde se baixa cara ó Lago de Desecación. Visto o lago, volvemos á mina camiñando un bo tramo por zonas con auga, outras con restos da actividade mineira,... Subimos por unha galería onde atopamos unha especie de ponte de madeira que mellor non pisar Ó final desa galería ascendente chegamos a unha sala moi ampla, cun carteliño no chan onde nos dan a benvida ó Soplao, aínda que xa levábamos case 7 horas na cova. Aquí é onde comunica coa entrada da mina. Supostamente, unha vez rematada a actividade mineira, a Consejería de Cultura, Turismo y Deporte do Goberno de Cantabria realizou o peche das entradas artificiais que accedían á cova. Continuamos ata a Galería de los Fantasmas, onde hai unha gran cantidade de formacións, sobre todo de excéntricas, dignas de ver.
Vistas as excéntricas, a desandar todo o andado ata Torca Juñoso. Separámonos outra vez en 3 grupos e fomos saíndo da cova, xa de noite. O primeiro grupo saíu ás 3 da mañá, o segundo as 4 da mañá e o último saíu as 6 da mañá por mor do accidente que tiveron cando viñan desinstalando os pozos. Algo que se engancha nunha estalagmita ben gorda pero que debía estar “tocada” porque cae e esmaga a man dereita de Lourdes, rompéndolle un óso. Van subindo pouco a pouco os pozos restantes e saen xa case ó amencer, todos bastante cansados. En total, estivemos unha media de 14 horas na cova. ¡Agotadoras!
Despois de cambiarnos e dormitar algo no coche (o vento seguía soprando, e de que maneira) decidimos irnos xa cara o refuxio da F.E.E, en San Pedro de Soba. O luns 14 foi día de “descanso”. Pola tarde, Lourdes aparece coa man entre venda e xeso. Pola noite, tempo de decisións: o martes 15 iríamos a Cueva Fresca.
A entrada da cova da paso a unha sala ampla ata onde chega algo de luz natural e ó final desta atopámonos con 2 laminadores polos que sopraba bastante corrente de aire, e un resalte de 2 m con electrón de corda feito para xente grande. Continuamos pola galería, subindo por unha colada resbaladiza onde as pisadas xa fixeron escalóns e chegamos á zona denominada Bloque 64, que se pasa por un longo pasamáns sen ningún problema. Despois aparece unha zona onde había bastantes macarróns de cor case negra e coa punta branca. A continuación o pasamáns de  El Tracastín que evita unha fenda non moi ancha pero na que non se ve o fondo. Máis adiante, aparece outro pasamáns. É a Vira de la Araña”. Logo pola 5ª Avenida, ampla galería e de chan algo areoso, que vai dar á gran Sala Rabelais. Para non volver polo mesmo sitio, decidimos ir cara o Cañón Rojo e despois desviarnos polo Gran Atajo para dar de novo á 5ª Avenida. O camiño cara a saída, así como o de entrada, foi un conxunto de risas e máis risas polo resbaladiza que estaba a cova, coas conseguintes caídas de todos nun momento ou noutro. Pensamos en cambiar o nome á cova e chamarlle “Rebalé” pero creo que non nos ían deixar. Saímos xa cando estaba anoitecendo.
Ó día seguinte (mércores 16) sería a travesía Humizas-Cullalvera a que sería atacada por uns cantos espeleólogos, mentres que outros tomaríanse o día de descanso e de compañía para Lourdes.
Erguémonos a contagotas abrindo a porta do refuxio deixando entrar ós raios dun sol de media mañá, porque xa eran as 12 h. Os que ían ir ó curso de perfeccionamento prepararon o material que ían levar ata os últimos retoques (un cordino alá, un par de spits, pedindo material prestado,...). O equipo xa tiña asumido que non cabía a posibilidade de ir a face-la travesía Torcas Humizas-Cullalvera, pero un testarudo e animado Xabier fíxonos cambiar de idea, alomenos, a algúns de nós. Entón, baixo a súa tutela, Mónica, Fran, Daniel, Óscar, Pablo e Pilar decidiron realiza-la travesía, esperando saír cedo para poder limpa-lo material. Co material, comida, roupa e espeleólogos listos, comezou a aventura do día. Despois de dar algunha volta polo barrio de Guardamino e preguntar a algún paisano pola cova, cargamos todo o material, mentres que Lourdes, Emilio, Carol e Emilio deixáronnos os coches na saída de Cullalvera. Baixo o sol sudoroso e alegre percorremos o camiño ata a cova, desviándonos e desorientándonos con frecuencia, ata que dimos con ela, nunha desas batidas desesperadas en busca da entrada. Chegamos a ela, xantamos un pouco (xa eran as 16 h) e equipámonos.
O primeiro foi Xabier. De contado baixou Pablo, Óscar e Fran. Cando estaba Mónica na cabeceira do pozo agardando para baixar, óense unhas voces que nos indican que non atopan a continuación e que non desinstalemos. A dúbida de se iamos atopa-la continuación foi medrando en todos, mentres que na cova, Xabier e Pablo desobstruían ó paso de pedras. Para, polo menos facer algo, Mónica e Pilar baixaron a axudar na busca, quedándose Daniel na boca esperando as ordes de baixar e recuperar. Ó cabo dunha hora descendeu o pozo adiaclasado, recuperáronse as cordas sen problemas. Pasouse o paso estreito (duns 0,3 m) desobstruído e máis tarde descendeuse o R3 que, a pesar de que esté descrito con esta lonxitude, debe ter entre 8 e 10m.Unha gateira embarrada e meándrica lévanos á cabeceira do P.48. Báixase de contado Continuamos por unha gateira estreita cun tubo plástico que nos leva ó paso da Unión, estreitez asolagada, que sen dúbida nos mollará. Pode ocorrer que con fortes aportes de auga sexa utilizado o tubo plástico para achica-la auga. Chegamos á sala dos Lapiceros con espléndidas formacións (estalactitas, estalagmitas, coladas, péndans, marmitas, lagos...) a xogo cunha ampla variedade de cores que non se puideron disfrutar a causa do tempo. Continuando pola galería chegamos a sala da Derivación bordeando un gran bloque (Pedra do despiste) cara un amplo canón a man esquerda. O canón meándrico vaise ampliándose deixando a man dereita a sala dos Cabalos con pinturas rupestres, que Pilar se pasou buscando por toda a cova. A zona dos Lagos, que en escasez de auga forma lodazais vadeables, condúcenos a Gran Barreira, presa natural salvable cunha tirolina fixa de cable de aceiro en épocas de crecida. De contado a galería tórnase chan e seca divisándose a impresionante boca en medio da noite. Unha verxa con candado, duns 4m córtanos o paso, aínda que é saltable por riba ó estar uns ferros forzados. Xa estamos fóra. Decir que menos mal que deixaron espacio entre a verxa e o teito pois co permiso que nos mandaron en ningures poñía de pedí-la chave nalgún sitio. En Ramales, chegamos ós coches onde nos esperaba o equipo de fóra, ó que se unira a familia de Pablo e tamén Yolanda. Ó día seguinte (xoves 17) os que ían ó Curso de Perfeccionamento Técnico de E.E.E tiveron que madrugar máis que outros días e Emilio baixounos ata Ramales.
Os restos aínda activos da expedición, Fran e Xavier, decidiron visita-la mítica cova de Coventosa. A entrada foi en torno ás 14 h, despois de ler un cartel informativo da cova e ir pensando como rapelar por unha escala. A nosa sorpresa foi cando chegamos ó primeiro pozo e atopamos dita escala. Despois de adentrarnos polas súas profundidades chegamos ó río, continuando por el ata o primeiro lago. Alí comemos e ó rematar, fixémoslle un rescate a un bote neumático esnaquizado no río para tira-lo logo no lixo. De volta, nos pasamáns cruzámonos cuns espeleólogos burgaleses que nos confundiron con franceses. Saímos ás 19 h para ir a Ramales a visita-los cursillistas.
Ese mesmo día Mónica, Lourdes, Emilio, Carol e Miliño adicámonos a localiza-la boca da “Torca del Hombre” que da paso ó Sistema do Río Munio. Partimos novamente de Asón, onde quedou Pepe, Isabel e Ana que tiñan outros menesteres.
Cruzamo-lo río, e dirixímonos ó val de Rolacia. O camiño (sinalado con marcas de sendeiro de gran recorrido) vai entre un bosque de faias precioso que fai o ascenso algo menos penoso. Chégase a diversas cabanas de pastores (Cabanas del Chumino) e onde conflúen dous vales;  o “Barranco de la Sota” (onde está situada a cova de “Haza tras el Albeo ou François”) e o val do río Munio. Seguímo-lo camiño, pola ladeira dereita e próximos ó río, ata chegar a unha zona onde xa se divisa a boca de Río Munio (saída da travesía) nun farallón de caliza.
O camiño segue subindo e subindo ata chegar ó Elguerón, onde aparecen outras cabanas e prados e cara á dereita, outro punto de auga, que sempre se agradece. Retomando o camiño cara a esquerda, dirixímonos ás cabanas situadas no inicio da vaguada, próximas ás paredes e ó bosque de faias, polo que hai que adentrarse.
A descrición aquí é un pouco vaga e fíxonos dar unhas cantas voltas. Nun último intento (xa case desesperanzados e a punto de tira-la toalla porque o tempo botábasenos enriba), atopamos primeiro a boca da “Torca de los Pastores” e uns metros máis adiante a boca de entrada á “Torca del Hombre” que aparece marcada co nº 453. Tardáramos aproximadamente 5 h en atopala.
Co anoitecer enriba emprendémo-lo camiño de regreso, có obxectivo cumprido. O Venres 18 tamén foi día de pateo para uns e covas para outros. Os do pateo fomos cara o alto do Asón e alí deixamos os coches. Por un sendeiro unhas veces e monte a través outras, ó cumio do monte Colina (1.460 m) dende onde se divisaba todo o val do Asón e tamén por onde estivéramos pateando o día anterior, na procura da “Torca del Hombre”. Xa á volta, empezou a caer unha chuvia bastante “fresca” que fixo que apuráramos máis o paso, o que non impediu que acabaramos empapados igual.
Ese mesmo día e coa reaparición espeleolóxica de Mónica e cabezonería de Xavier e Fran de seguir de covas, o resto dos espeleolocos optaron por entrar na cova de Cañuela. Con certos problemas de acceso chegamos á boca monstruosa que escupía vapor de auga. Posto o arnés incidimos sobre o pasamáns e sobre os coñecementos da cova do Fran, cos cales puidemos contemplar a fermosura da cova, pero non chegar onde se pretendía, ata que uns valenciáns ilumináronos o pozo da Arca. Unha carreira espeleolóxica animou o regreso, adiantando e picando os valenciáns. As 20h xa estabamos todos quentiños nos coches en ruta de espeleo-bares por Arredondo e Ramales.
Como en toda saída ten que haber un día gastronómico-cultural, ó día seguinte, sábado 19, fomos a Bilbao a visita-lo Guggenheim aproveitando que non estabamos moi lonxe. Quedouse nunha visita cultural, porque da gastronomía que tivemos para xantar mellor non falamos. De volta, parada en Ramales e visita ós cursillistas.
O domingo 20 xa foi día de recoller todo, deixa-lo refuxio limpo, recolle-los do curso, despedirse doutros e coller camiño para Vigo, xa pola tarde e seguindo unha ruta distinta á da ida (Ramales-Masa-Melgar de Fernamental-Osorno-Sahagún-Benavente-Ourense-Vigo) o que fixo que non atopáramos o tan temido tráfico da volta de Semana Santa.
Queda para outra vez e cando Lourdes xa esté recuperada desa man, voltar a Cantabria a face-la travesía do Sistema do Río Munio (agradeceríamos vehículo aéreo de transporte de material ata a boca ou, no seu defecto, porteadores. O que pasa é que os porteadores na espéleo parece que non existen porque sempre acabamos sendo nós mesmos os que imos cargados coma burros, aínda que nin éstes van así). Tamén queda pendente a travesía “Haza tras el Albeo” pero esta primeiro temos que atopala.

Espeleonovas
14-15 xuño. XXXVI Campamento Galego de Espeleoloxía. F.G.E
28-29 xuño. 8º Campamento Social infanfil/xuvenil de Espeleoloxía.
5 xullo. Xornadas abertas Descenso de Canóns. Para Maiores
6 xullo. Xornadas abertas Descenso de Canóns. Para Menores
 Tamén recordaros que a partir do mes de Xuño chega a tempada de . . . ¡Picoña!. Este ano contaremos coa presencia de moitos novos “expertos”. ¡¡Ide collendo forzas!!

Atención:
Como xa sabedes, estamos tódolos Xoves de 20:30 a 22h para que poidades contactar telefonicamante ou baixando polo club, para vos informar dalgunha actividade. NO MESMO HORARIO REALIZARASE O PRÉSTAMO E DEVOLUCIÓN DE MATERIAL
Informamos que por cambios alleos a este colectivo,
e temporalmente mentras non se busca outro lugar, para utiliza-lo refuxio de Cobas hai que notifica-lo con antelación para que nos faciliten a chave. Chamade ó Clube se o precisades.

A Sección
 
 

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

CURSO DE SURF
Ide preparando as vosas bermudas e biquinis de flores e practicando o voso equilibrio sobre unha táboa, porque a Sección de Actividades Subacuáticas, no seu intento de ser a Sección de Actividades Acuáticas, proponvos un curso de iniciación ó surf.
A actividade ten por monitores a xente da Escola Galega de Surf. A duración do curso é de seis horas, repartidas entre as mañás do derradeiro fin de semana do mes de xuño. O lugar escollido é a praia de Patos, praia surfeira  por antonomasia. O custo do curso é de 36 euros, e inclúe material e seguro.
Apurádevos, que só os cinco primeiros irán pillar ondas.

CURSO DE VELA
Como xa se avanzou no boletín anterior, dende a Sección de Actividades Subacuáticas pretendemos xuntar un grupo para realizar este verán un curso coa Escola Galega de Vela, en Bouzas.
O ano pasado algúns xa vos iniciáchedes nesta práctica deportiva e, se vos gustou, é o momento de retomala con maior profundidade. Se simplemente queredes senti-la sensación de manexar unha pequena embarcación coa axuda do vento, tamén é a vosa oportunidade.
Iiremos informando das novidades en cuanto a este curso, aínda en proceso de preparación cando se escriben estas liñas. Non obstante, está aberta xa a lista para os interesados.

MÓLLATE NO MAR
Atención, xuvenís. Para a mañá do sábado 28 de xuño estamos preparando na Sección de Actividades Subacuáticas unha actividade para vós. Se non podedes ir surfear, non vos preocupedes que hai mar suficiente para todos.
O lugar, a coñecida praia do Vao, e a actividade, unha pequena introducción ó uso das aletas, o tubo e as gafas, para que este verán podades gozar das inmersións na praia. Sairemos do Club para recolle-las cousas, e iremos no Vitrasa. Só tedes que preocuparvos por leva-lo bañador e a toalla, pero é mellor que tamén levedes (se tedes) calquera material propio da actividade.

CAMPIONATO SOCIAL DE PESCA SUBMARINA
O pasado domingo 18 de maio estaba organizado o Campionato Social de Pesca Submarina do Club. A zona que se solicitou para realiza-lo foi Cabo Silleiro. Nembargantes, o reducido número de inscritos obrigou a suspendelo.
Esta actividade vense facendo tódolos anos para que os tres primeiros clasificados vaian como representantes do Club nas distintas competicións de pesca submarina que organiza a Federación Galega de Actividades Subacuáticas. Por tanto, a falta deste campionato, determinouse que representaran ó Club os seguintes pescadores: Víctor Puerta, José M. Sierra e Ignacio Fazanes. Ánimo, chicos!

ADQUISICIÓNS
Debido ó peche dunha coñecida tenda de mergullo, a Sección de Actividades Subacuáticas adquiriu material a bo prezo.
Ademais de gafas, aletas e tubos, temos un regulador completo (primeira etapa, segunda etapa, octopus, manómetro e profundímetro). A isto hai que engadir dous traxes de neopreno doados por Ana Gil Llorens, así como diverso material cedido por Fernando, o “vice”. Moitas gracias ós dous.
A PRIMEIRA DO AÑO

O pasado sábado 31 de juño realizámo-la primeira inmersión do año. O día non amañeceu tan soleado como os anteriores, pero non puido ós catro “celtas”, licencia en man, desexosos dun bo chapuzón. Así, reunímonos no peirao deportivo de Bouzas: Sechu, Fernando, Xabi e a que escribe. No barco atopámonos con Cristina, a única do Club que se animou co curso de mergulladora de 1 estrela, que xa está coas prácticas de mar.
Nesta ocasión nos enrolamos na tripulación do barco da S.A.S. García Alén, que conta con vellos coñecidos do noso Club. Ademais da xente de Celtas, había cursillistas dos cursos de 1 e 2 estrelas, así como uns cantos portugueses que semellaban non adaptarse á hora española.
Durante o traxecto en barco sucedíanse as conversacións de pasadas inmersións e, ¡como non!, de material. Cada cal amosaba os seus “tesouros”. Nós aínda puidemos presumir do “octopus” novo do Club. Pero, claro, alí estaban os portugueses, sempre “tan humildemente” equipados. Hai que ver o que lle gusta a esta xente  El Corte Inglés.
A zona de inmersión elixida foi Cabo de Mar, situada fronte ó Museo do Mar de Alcabre. Cando o barco chegou a este punto, empezou en cuberta o baile de botellas, chumbos ou aletas. Tamén comezaron os suspiros e xuramentos: “¡pero se eu cabía aquí o ano pasado!”, “¿ónde está a maldita chave para axustar o regulador?”. E no faltaron as dúbidas de toda primeira inmersión: “¿montei ben a botella? ¿O isto era ó revés?”, “¿cántos chumbos levaba o ano pasado?”, “¿como se di debaixo da auga que todo vai ben?”.
Solucionadas estas incógnitas, non quedaba máis que zambullirse. Os catro de Celtas formamos un grupo, dividido en dúas parellas: Sechu e Xabi, Fernando e a cuarta en discordia. En Cabo de Mar hai dous fachos, nós queriamos ir ó máis novo, e digo queriamos porque se notaba que estabamos un pouco “peixes”. Baixando polo rizón, cada parella rematou polo seu lado.
Por unha parte, Sechu e Xabi comezaron a inmersión xuntos, pero logo separáronse. Un tirón de orellas para Xabi: a unidade mínima de mergullo é a parella e, cando se perde ó compañeiro, un minuto e arriba. Así evitase que a inmersión se converta nunha preocupación.
Fernando e Pilar, cada un confiando nas habilidades doutro co compás, tomaron o rumbo ó faro. A conclusión de tal confianza foi unha volta completa ó mesmo… ¡¡¡pero a dez metros de distancia!!! Sechu, que estaba esperando en superficie polo seu compañeiro, non facía máis que ver dous puntos ó lonxe que saían cada vez nun sitio diferente. O final rematamos en dirección oposta ó barco e tocou aletear do lindo para chegar a el. No obstante, sacando o lado positivo,  gustaríame sinalar que Fernando e máis eu funcionamos como parella de mergulladores (especifico para que Rosiña non me bote o can): no global nos perderíamos, pero o compañeiro o tivemos sempre ó carón. Corremos tanto polo fondo que pouco vimos, pero atravesamos unha alfombra de ofiuras, digna de mención.
Xa de volta a casa no barco e descansando do esforzo (en realidade era parte do adestramento para a multiactividade de xuño), comentámo-las experiencias da inmersión. A conclusión é que hai que repetir. Fer, quérote de parella, pero, por favor, practica antes co compás.

A Sub-Virulillas

 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

XUÑO
14-15 Trevinca Actividade Xuvenil. Travesía de Montaña S.D. Montañismo
 14-15 Cobas Campamento Galego de Espeleoloxía FGE - E.C.Aradelas
 14-15 Serra do Xerés IX Descenso de Barrancos  FGM – Ártabros
 14-15 Faro Budiño Curso de Escalada Artificial EGAM
 21-22 Ría de Vigo Travesía: Kaiak+Espeleo+Marcha+Natación+BTT SS.DD. do Club
 21-22 Trevinca XVI Marcha con Vivac  FGM – Peña Trevinca MG
 28-29 O Rosal Piragüísmo Popular no Río Tamuxe SS.DD. do Club
 28-29 Mondoñedo 8º Campamento Social Infantil-Xuvenil Espéleo S.D. Espeleoloxía.
 28 Ría de Vigo Actividade Xuvenil. Móllate no mar S.D. Actividades Subacuáticas
 
XULLO
5-6 Leiro Campamento Infantil de Verán S. Infantil-Xuvenil
 5 O Rosal Descenso Canóns: descubremento inf-xuvenil S.D. Espeleoloxía.
 6 O Rosal Descenso Canóns: descubremento adultos S.D. Espeleoloxía.
 6 Vila de Cruces Sendeiro das Cruces. PRG 35 S.D. Sendeirismo
 12-13 Porto de Mouros Campamento de Verán SS.DD. Montañismo-A. Subacuaticas
 19-20 Galiñeiro Actividade Xuvenil. Xornadas de Escalada S.D. Escalada
 25-27 Soria Picos de Urbión S.D. Montañismo
 
AGOSTO
2-10 Gavarnie (Francia) Pirineos 2003 S.D. Montañismo
 
 


Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto Campos
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número: Pilar Orche, Lourdes Castiñeira,  José Luis Vázquez, Martín García (Shambala),
Françoise Fauré, Conchi Barciela, Francisco Escrich, Andrea M. Rosario, Jorge Rosario, Lourdes Domingo,
Daniel Ballesteros, Carolina Rodríguez Domingo, Xabier Posa, Fernando Fernández, Gaspar Ribé, Manoel Chao,
Elvira Álvarez, Pilar Riveiro, Conchi Gilino.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998
Impreso en papel reciclado



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en Xuño de 2003.