Boletín de Verán de 2002 do

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines CalendariosFotosEnlaces



 
 

VIII DESCENSO DE BARRANCOS
22 e 23 de xuño do 2002 no río Cenza

O 23 de Xuño, tivo lugar o VIII Descenso de Barrancos da F.G.M., organizado polo Club Montañeiros Celtas, no río Cenza, ó seu paso por Vilariño do Conso, pobo no que fomos acollidos para pasala noite nun pavillón polideportivo.
O día do descenso amenceu co ceo cuberto por unha densa néboa que desanimou a máis de un, pero nada mellor que meterse nas xélidas augas do río para esquece-lo tempo que vai fóra. Trala foto de rigor para a cal Sechu coidou de poñernos a tódolos socios unha pegatina do club no casco, que non durou nin cinco minutos, metémonos no río que nos deleitaría con cinco horas de saltos, fervenzas, e moitas, moitas pedras.

Na miña opinión e coido que tamén a dos meus compañeiros, a primeira hora e media de descenso foi a máis divertida, cunha morea de tobogáns, saltos e apenas un rappel opcional para os pouco amantes dos chimpos ás pozas escuras. De aquí en diante a cousa xa comezou a facerse un pouco monótona, pois nas dúas seguintes horas de descenso o río apenas baixaba en desnivel, polo tanto, con apenas saltos, moitas pedras, chegamos a tan desexada fervenza de cen metros de desnivel  e rappeles de varios lonxitudes. Sen dúbida ningunha, esta foi a zona máis incómoda de descenso, pois estivemos preto de dúas horas esperando e pasando un frío e unha fame terribles, aínda que tiñamos ó lado o salto máis grande do descenso, que soamente os máis ousados se atreveron a repetir unha e outra vez desde máis altura.
O descenso case rematou coa gran fervenza. De aquí en diante tramos de monte e algún que outro rappel, xa que o cansanzo facíase notar.
E por fin, chegamos a Vilariño de Conso ás catro da tarde, onde nos agardaba unha paella un pouco pasada de tanto agardar por nós.
E xa para rematar, unhas palabras do presidente da federación de montaña, e o sorteo dunha viaxe gratis en parapente, no cal eu fun agraciado co premio.
Carlos Garrido Iglesias
 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

Sendeirismo

Sentimos informarvos que Miguel Carrillo deixou a vocalía de sendeiros, polo que o programa de sendeiros para o que resta de ano se verá afectado. O noso compañeiro Miguel aínda levará os sendeiros de longo percorrido GR-94 Rural de Galicia e GR-52 Rota dos ríos, o cal verase reflexado no calendario publicado na derradeira páxina dos boletíns. Para o resto consultar no club as alternativas.

Expedición 60 Aniversario

Dada a imposibilidade de conseguir billete conxunto para os 22 participantes, a actividade a desenvolveran grupos duns catro participantes que sairán en distintas datas de xullo e agosto cun programa axeitado ás características de cada grupo.
O coordenador

Importante

No anterior boletín (número 47), baixo este epígrafe, indicábase o cobro de prezo de non socios ós socios que se anotasen nunha actividade nos dous últimos días habilitados para elo. Pola presente queda anulada esta decisión por mor do malestar xerado nos socios.

COLABORACIÓN CÓ CONCELLO DE VIGO

¿Xogas?. En galego podemos é un programa de dinamización lingüística para nenos e nenas de 4 a 10 anos, elaborado polo Servicio de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo que se desenvolveu durante os meses de maio e xuño. O programa incluíu diversas actividades: obradoiros, xogos, animación, etc.
Club Montañeiros Celtas participou organizando a actividade "Achegándonos a montaña", realizada no parque de Castrelos o día 15 de xuño, foi dirixida pola Sección Infantil-Xuvenil e contou coa participación de 5 monitores repartidos en outros tantos obradoiros: Juanjo (pasarela), Paula (nós), Domingo (orientación), Ana (material de montaña), Enar (tendas de campaña).
Achegáronse ata nos preto de 25 nenos e nenas, a metade dos previstos; foi unha mágoa, tal vez debeuse a falta de carteis indicadores para atopa-la localización elixida dentro de Castrelos. O SNL preocupouse da difusión, emitiu nota de prensa e mandou información ás escolas. Os que viñeron pasárono ben e levaron de recordo un nó nun anaco de corda e pegatinas do 60 Aniversario; un meniño dende a pasarela berrou ¡mama, mama, quero ser socio!.
Sechu


 

SECCIÓN DE CULTURA

TERTULIA

A tertulia do mes de Maio fun sobre “Cómo facer Vigo máis habitable”. Tras a introducción de Marta e de Ricardo as conclusións desta tertulia foron as seguintes:
As antenas de telefonía deben ser controladas sen corrupción e atendéndose á normativa do parlamento europeo, non á española que rebasa 45000 veces os niveis de seguridade establecidos polo Parlamento Europeo.
Destacamos como negativo as losetas que cobren a terra dos parques de Vigo, a falta de zoas verdes, a falta de estética na cidade e ausencia de zoas de encontro e expansión, o exceso de ruído. Sindo estas cosas motivadas pola especulación, a corrupción e unha mala escala de valores.
Destacamos como moi positivo o marabilloso entorno de Vigo que hai que preservar.
A cidade debe ser máis para vivir e  menos para producir.
Vigo es la anti-cidade para niños, anciáns e discapacitados.
Se té que continuar a peatonalización.
A tertulia do mes de Xuño versa sobre a polémica Operación Triunfo. Ó redactar estas liñas aínda non a habíamos celebrado.

SAÍDA ECOLÓXICA

Repetimos a proposta desta actividade que non cubriu as súas 20 prazas en Xullo, cousa que podo verse influenciada por non haber sido incluída no calendario de Xuño e moita xente non se enteró dela. Por elo volvemos a propor este recorrido entre Matamá e a Garrida dirixidos por Maruxa, que nos explicará in Situ diversos problemas ecolóxicos. Marcha de cerca de 15 km.
Día 14 de Xullo en autobús de liña regular a Matamá. Dende a súa parada partiremos camiñando.

TALLER DE MUSICA TRADICIONAL GALEGA

Aproveitando a chegada das vacacións para moitos,  propomos a realización deste taller de 8 h. de clases e coñecemento de instrumentos.
Inscricións en Secretaría, as dous primeiras semanas de Xuño. Prezo de 20 Euros para cubrir pequenas dietas do monitor que aportará gran número de instrumentos e a súa amplia experiencia, pois contaremos con Luis Correa, líder do grupo “Os Carunchos”. Mínimo 10 persoas, máximo de 15.
Datas: 4 días das dous últimas semanas de Xulio, con horario posible de 17 a 19h.

CONCURSO LITERARIO 2002

 O xurado composto polos nosos amigos Conchi Barciela e Antonio Paredes, fallaron os premios desta edición de tema “A Forza da Natureza”, que serán entregados un venres de Outubro. Foron premiados, por categorías, os seguintes socios:
Categoría Infantil:    EMILIO GONZÁLEZ QUINTAS.
Agradecemos especialmente este traballo por ser dun xove participante de tan só 11 anos.
Categoría Xuvenil:     DANIEL BALLESTEROS.
Con este novo premio demostra a súa progresión e mellora na arte das palabras. Cicais será un próximo Machado.
Categoría Maiores:    ENRIQUE SOTO CAMPOS.
O noso presidente demostra con este traballo que lle van as letras, con imaxinación e ben facer.
Agradecemos vivamente a participación neste concurso que non busca máis que promove-lo goce pola composición literaria e aprender a centra-las ideas nun papeliño. Noraboa ós gañadores.
Reproducimos neste boletín o gañador na categoría infantil:

“La fuerza de la naturaleza"
La naturaleza es fuerte y resistente, ya que después de maltratarla tanto, aún está con muchas de las cosas que tenía antes de que llegara el hombre, a pesar de los despiadados que maltratan animales, árboles y otras muchas cosas naturales. Si seguimos así acabaremos con la naturaleza.
Los coches contaminan mucho y creo que deberían de quitar la gasolina y el gasoil del mercado y así obligar a comprar coches eléctricos, porque no contaminan; así seguiremos teniendo muchas cosas que la contaminación ha estado y está destruyendo.
Debemos luchar contra ella hasta que desaparezca del mundo, debemos empezar ya y no parar nunca.
Otra cosa que también debemos detener es esta descontrolada forma de talar todos nuestros preciosos bosques, que son unos ecosistemas importantísimos, ya que cuando talamos uno es imposible volver a hacer uno igual. Deberían usar más la energía de los vientos y la solar en vez de machacar tanto la energía de los ríos, porque impide el paso de millones de peces que van a poner sus huevos, por eso cada vez hay menos peces en los ríos.
No debemos tirar envases de plástico al suelo, ya que no son biodegradables y al no deshacerse en más de mil años contaminan el medio ambiente durante mucho tiempo.
Las fábricas no deberían echar sus vertidos al río, ya que así, además de contaminar el aire, hacen doble contaminación, contaminando también los ríos y los seres vivos que habitan en ellos.
La naturaleza es muy fuerte, ya que después de robarle tantos animales aun sigue haciendo que crezcan más fuertes que nunca para que sean capaces de sobrevivir a la destrucción que muchos hombres llevan a cabo en su hábitat y para evitar que los cacen y luego vendan su piel o los exhiban en un zoológico, lo cual para nosotros será divertidísimo, pero para ellos es una tortura.
Otra cosa muy perjudicial para el medio ambiente es que tiremos pilas alcalinas por ahí, ya que tienen substancias muy peligrosas para el medio ambiente; recordadlo: las pilas alcalinas son muy contaminantes, no las echéis por ahí o perjudicareis muchísimo al. medio ambiente.
Los petroleros deberían de tener más cuidado, ya que sus vertidos están contaminando las playas y dejándonos sin nuestra riqueza marina: la pesca y la marisquería, que son una de las cosas más importantes de Galicia.
Así que, como veis, la naturaleza es muy fuerte para poder resistir todas las cosas malas que le hemos hecho, pero no creo que pueda resistir muchas más ¡cuidémosla!”
Martin (Shambala)

BICI DE MONTAÑA

9/06/02 Monte Xiabre

Con mais moral que o  Alcoiano, fomos a facer o percorrido marcado poucas  semanas antes e que prometía ser completo, tanto polo atractivo do itinerario como pola vista de Vilagarcía, Carril e Catoira coas súas interesantes torres a beira do mar.
Digo moral porque o día era todo o contrario, ó que a maioría espera e desexa dun domingo.
Pechado de néboa e chuvia tivemos que adiviñar a paisaxe e por momentos case o itinerario. Aínda así eramos un nutrido grupo que non se amilanou ante tal situación.
Saímos dende Vilagarcía polo asfalto empinado, ata chegar a unha pista máis retorcida que o tramo anterior.
A néboa de ver en cando nos deixaba ver... máis néboa, e incluso máis chuvia.
Suaves subidas de “30 ou 40” grados de inclinación levábanos o cumio, onde esperábanos un agradable vento xélido, que nos animou a baixar rapidamente, por cortalumes e pistas variadas ata desembocar en Vilagarcía outra  vez.
Esta vez o percorrido non o vimos moito, pero o sentimos de diferentes formas, nos nosos sufridos corpos.
Ata a próxima.     Escrich
 
 

SECCIÓN SENDEIRISMO

Sendeiro Nieva- Cañiza
7 de xullo 2002
Esta ruta plantexouse como alternativa á proposta no calendario por mor de non facela o saínte vocal de sendeiros.
Como non se reunira suficiente xente para ocupar un autobús, as 9 persoas anotadas quedamos no praza de España o domingo ás 8'30 horas. Non apareceron 4 dos anotados e apareceron outros dos, co que en total fomos 7 persoas (Luz, Elena, Françoise, Rosa e os dous Antonios) que nos dividimos en 3 coches. Partimos cara a A Cañiza onde deixamos un dos coches e nos montamos nos outros cara á ermida do Xestoso. Decidimos saír da ermida en vez de Nieva como estaba no plan inicial porque así gañabamos altura, cousa que non podiamos facer de iren en autobús.

No cumio do Faro de Avión
Comezamos a andar ás 11h da mañá. Facía calor pero unha brisiña o aliviaba un pouco. Tardamos pouco en atopar Faro de Avión, onde paramos para facer fotos pero enseguida seguimos adiante. O camiño non tiña perda, era seguir o cordal en dirección sur. Mais un corte no terreo á altura do Coto do Paso liounos bastante, perdendo bastante tempo seguindo sendas de vacas cheas de toxos. Os que levaban pantalóns curtos aseguraban que non lles doía nada e se rían da calor que pasaban os que os levaban longos. Ó final retomámo-lo cordal, xa eran as 13:45h, e por decisión popular nos tiramos debaixo duns bonitos piñeiros a xantar, tranquilamente, á sombra. Invitei a un doce que fixen mais os ingratos non mo agradeceron nada.
Despois dunha boa sesta, no que algún dedicouse a serrar, tiramos cara o monte Pedroso. A subida foi bastante divertida, tamén con abundante ‘toxing’. Alí volvemos ter sesión fotográfica, o ceu estaba dun azul intenso, cunha luz forte e con boa visibilidade. En vez de baixar ó val, seguimos polo cordal ata que fomos caer en A Cañiza a eso das 18h, ó lado dun bar que os Antonios viñan reclamando facía tempo. Alí varias claras axudaron á reposición de líquidos e o xamón a de sales minerais do corpo.
En xeral un día moi entretido e agradable, só que cun sol implacable que nos fixo sua-lo noso. Henrique
 
 

SECCIÓN DE MONTAÑA

XV Marcha con Vivac da F.G.M.

O Courel – Incio 1 e 2 de Xuño de 2002
No noso local figura mapa e descrición do itinerario para quen queira realizar este bonito percorrido. A marcha comezou na aldea de Vilamor, polas ribeiras dos ríos Lor e Lóuzara foise ata Seceda, onde se fixo o xantar. De alí foise ó cume do Escrita (1455 m). Durmiuse en Santalla de Abaixo e o domingo foise ata a Ferrería do Incio, onde rematou a marcha.
Como estas marchas soen reunir a clubs de toda Galicia, aproveitamos para saudar a aquelos montañeiros que ano tras ano imos coñecendo. Por exemplo tuve a ocasión de camiñar a beira de Esperanza, José Luís, Carmen, Roberto, etc.. que xa facía tempo que non os vía; de charlar con J. Ramón, o eterno ‘presi’ do Barco; de contar anécdotas co entrañable grupo de Ribeira Sacra; e de tamén facer novas amizades co animoso grupo de Club Peña Trevinca, sobre todo con ‘Lucrecio’ – a mi medida, só dicirlle: ¿que te parece aquel pico? ¡¡Xa estaba subindo!!
Ah, uns detalles: os pasteis e queimada oficiada por Freixeiro foron fantásticos. Pero o superou o almorzo do domingo, que debe ser imitado en todo campamento.
En fin, os amigos do C.P. Trevinca nos demostraron que anteriormente tiñan pateado moi ben o percorrido, e como broche final, a comida no Pazo de Romariz. Amigos de C.P. Trevinca, felicidades pola organización.
J.Luis Vázquez

LVIII Campamento Anual de Montaña

4/10 agosto. Do calendario oficial da FEDME, celebrarase en Esterri d'Aneu (Pireneos de Lleida) e organizado por "Guies de Muntanya de L'alt Pallars".
Campamento próximo ó Parque Nacional  d'Aigüestortes i estany de Sant Maurici, porto da Bonaigua e Val d'Arán. Nel están previstas actividades de montaña  como ascensións guiadas, descenso barrancos, pateos,... para o que se precisa licencia da FEDME deste ano; e de turismo (rutas paisaxísticas, gastronomía, proxeccións audiovisuais, visitas culturais, talleres de xogos, xogos infantís diarios,...)
O lugar de acampada será o camping "La Presalla" en Esterri, con tódolos servicios.
Máis información: no club, en www.giesdemuntanya.com/campa.htm, en 973626470 (Organización)

PIRENEOS 2002: VAL D'ARAN

PIRINEOS 2002

Este ano imos ó Val d’Aran. A saída será o venres 2 de agosto ás 24 h e a volta a faremos o sábado 10 de agosto. O cámping é o Camping Yerla d'Arties, con prezos de 4,10 € persoa/tenda. O prezo de bus é de 75 € socios. Entre as actividades teremos:
Extraordinario recorrido de alta montaña, visitando algúns dos grandes lagos pirenaicos.
Bucólico paseo pola beira do río Garona.
Extraordinario recorrido polos circos glaciares de Saboredo e Colomers, na zona de maior densidade de lagos (estanys) de todo o pirineo.
Ruta do románico aranés.
O Tuc D'Arenyo atópase estratexicamente situado no centro da Val D'Aran, polo que dende o seu cume gozaremos dunha extraordinaria circular de toda a zona.
Ruta do Haut Aran, O principal atractivo desta xornada está no coñecemento do pla de Beret, có santuario de Montgarri e o nacemento dos ríos Garona e Noguera Pallaresa.
Ademais das seguintes propostas para os montañeiros máis experimentados: Besiberri Nord, Montardo d’Aran e travesía de gran fondo.

ACTIVIDADES:
Domingo 4 Agosto: Travesía dos grandes lagos.
Saída do cámping ás 7 h. en bus ata a boca S. do túnel
Dende o Hospital de Viella (1600), marcas do GR-11, ata o desvío a Estany Redo e dende este lago volver ás marcas do GR-11 no port de Rius (2340) (3h.), bordear este lago e a altura do seu desaugue abandona-las marcas para ascender ó S. ata o estany Tort e collada de Mar (2502) (2h./5h.), agora xa o descenso é seguido por estany de Mar e Restanca; onde volvemos encontrar as marcas do GR-11; ata o cámping (4h./9h.). DESNIVEIS: +1000  -1500m. DIFICULTADE: media - alta
Extraordinario recorrido de alta montaña, visitando algúns dos grandes lagos pirenaicos: Mar (35,8 Ha.), Tort (30,5 Ha.), Redo (25,2 Ha.) e Rius (21,7 Ha.), o Mar ademais alcanza unha lonxitude de 1140 m. e unha profundidade de 110 m.

Luns 5: Ruta do Baix Garona.
Saída do cámping en bus ás 8 h. ata Bossost (710)
Cruza-lo Garona e buscar as marcas do GR-211 que nos conducirán pola beira do río ata Les (631) (1h.), aquí efectuaremos a parada do café con leite, antes de seguir ata Pontaut (600) (1 h./ 2 h.), dende aquí o GR inicia o ascenso ata Canejan (906) (1 h./ 3 h.). A continuación, por sendeiro sen sinalar, levaranos ata a fronteira francesa que alcanzaremos polo Pas de Trentenada (1400) (1,5 h./4,5 h.) onde prevemos efectua-lo xantar para, despois da merecida sesta descender polo bosque de Month Caubeth ata Fos (544) (2h./6,5 h.) onde nos esperara o bus para o regreso ás 18 h. DESNIVEIS: +700 -1000. DIFICULTADE: Baixa.
Bucólico paseo pola beira do río Garona, subidiña para abri-lo apetito e visita de Fos, principio e final de etapa do GR-10 Traversee des Pirinees, senda pirenaica francesa paralela ó noso GR-11.

Martes 6: Ruta das cuncas glaciares.
Saída do cámping ás 7h. en bus ata o Port da Bonaigua (2050).
Iniciámo-la marcha descendendo en dirección S. ata a Ribera de Ruda (1800) a encontra-las marcas do GR 211-4 que nos conducirán ó través do circo glaciar de Saboredo ata o Port de Ratera de Colomers (2572) (3,5 h.) a partir de aquí, polo GR-11 que nos conducirá en rápido descenso ata o circo glaciar de Colomers e despois ata o Pont de Ressec sobre o Valle de Arties (3,5 h./7 h.), dende aquí ata o cámping quédanos segui-la pista de Vallarties (1,5 h./ 8,5 h.). DESNIVEIS: +1100 -1800. DIFICULTADE: MEDIA- ALTA
Extraordinario recorrido polos circos glaciares de Saboredo e Colomers, na zona de maior densidade de lagos (estanys) de todo o pirineo.

Mércores 7, Ruta do románico aranés.
Saída do cámping ás 9 h., a cruzar o Garona para encontrar as marcas do GR 211, que nos serviran de guía toda a xornada, descendendo polas beira do río e visitando os lugares máis representativos do románico aranés. Escunhau, Betren e Viella (1,5 h.) será  a nosa primeira etapa antes de toma-lo xantar, seguiremos por Vilac, Aubert, Begos e Vilamos ( 3,5 h./ 5 h.) onde prevemos efectua-lo xantar, visita opcional a Sant Miqueu e chegada a Arres, onde deixaremos as marcas do GR 211 para descender directamente a Bossost (2,5 h./ 7,5 h.) polo mellor camiño, o bus devolveranos ó cámping a partir das 18 h. DESNIVEL: +100 -500. DIFICULTADE: Baixa.

Xoves 8, PR-112.
Trátase dun circuíto circular, con saída e chegada ó propio cámping. Volveremos cruza-lo Garona a buscar o GR 211 que seguiremos augas arriba pasando por Gessa e Unha, ata Bagerge (1419) (1,5 h.), aquí iníciase o PR 112; marcas brancas e amarelas; que van remontando a Val D'Unhola ata o Coret de Varrados (2050) (3h./4,5h.), cambiamos de vertente e continuámo-lo ascenso ata o cume do Tuc D'Arenyo (2522) (2h./6,5 h.), inmediatamente se inicia o vertixinoso descenso ata Gessa (1232) (2,5h./9h.) moi preto do cámping.  DESNIVEL: +- 1450. DIFICULTADE: DURA
O Tuc D'Arenyo atópase estratexicamente situado no centro da Val D'Aran, polo que dende o seu cume gozaremos dunha extraordinaria circular de toda a zona.

Venres 9, Ruta do Haut Aran.
Saída en bus ás 8 h. ata o aparcadoiro de Pla de Beret (1845), ó que regresaremos despois de visita-lo santuario de Montgarri (3h.) ida e volta polo GR 2111.
Empezarémo-lo regreso ó cámping cruzando o Pla de Beret ata o aparcadoiro de Orri e visita ó Horat deth Bo, cova formada polo leito do río Malo a 5 minutos do aparcadoiro, o recomendable é segui-lo sendeiro ata a boca superior e descender polo leito, non é necesaria a lanterna, a única dificultade é que hai que ir progresando por enriba dos croios coidando de non darse un remolllón nos 250 m. de recorrido, en parte a ceo aberto. Una vez voltos a Orri (1860)(1,5 h./4,5 h.) descendemos polas pistas de esquí ata Baqueira e río Ruda (1400) (1h./5,5 H.) e polo GR 211,4 ata o cámping (1h./6,5h.). DESNIVEL: -700 M. DIFICULTADE: BAIXA.
O principal atractivo desta xornada está no coñecemento do pla de Beret, có santuario de Montgarri e o nacemento dos ríos Garona e Noguera Pallaresa.

PROPOSTAS DE DIFICULTADE
BESIBERRI NORD (3015)
DESNIVEIS: +1400 -2000. TEMPOS: de 10 a 12 h. DIFICULTADE: Pode ser necesario o uso da corda, se non se acerta coa vía axeitada, anque é bastante evidente. O Besiberri Nord é un clásico do pireneísmo... UN PICO CON MOITO GANCHO.

MONTARDO D'ARAN (2833)
DESNIVEL: +- 1700. DIFICULTADE: Debido ó desnivel e ó horario; non se fará en menos de 10 h.; será unha actividade de gran dureza. O Montardo é a montaña aranesa por excelencia, a súa visión dende Arties é espectacular.

TRAVESÍA DE GRAN FONDO
1er día: sendeiro GR 211-4, refuxio e circo glaciar de Saboredo (2310). 2do día: Port de Ratera (2572), refuxio de Colomers (2130), Coll de Caldes (2570), estany Negre (2215). 3er día: Ascensión ó Montardo (2833) e descenso ó cámping pola Restanca. UNHA EXCEPCIONAL TRAVESÍA QUE NON ESQUECERÁS.
 

PALENTINAS 2001, UN PASO ADIANTE DOS SENDEIRISTAS

Como dixo Neil Amstrong "Un pequeno paso para o home, un grande paso para a humanidade". Este foi o sentimento que experimentei na saída da ponte das Letras Galegas con CMC.
Nesta ocasión fomos ás montañas Palentinas, máis concretamente ó macizo do Alto Carrión. Para quen non o saiba, e como recordatorio para todos, este macizo está situado no norte da provincia de Palencia, na raia entre Cantabria e León, na Cordilleira Cantábrica. Constitúe a súa máxima elevación se considerámo-los Picos de Europa coma un sistema orográfico independente. Son os seus principais cumios o Peña Prieta (2530), Curavacas (2520), Pico Tres Provincias (2497), Espigüete (2450) e Pico Murcia (2341). Debe o seu nome ó río Carrión que nace entre estes cumios.
Despois do almorzo e de facerlles unha visita solidaria ós traballadores de Fontaneda, chegamos a Cardaño de Abajo sobor das 12 h, cun tempo máis ben malo. Isto non me arredou xa que teño o diploma de 1º e 2º nivel en sendeirismo.
Instalámonos un pouco apretados no refuxio de Mazobres, cando deixámo-lo bus e comezamos a camiñar cara ó refuxio. Principiou a chover e xa non deixou de facelo en toda a tarde. En resume, fixemos a cea con moita calor humana e en agradable camaradería xa que cando uns remataban e se levantaban da mesa axiña outros ocupaban o seu lugar. Do tema da durmida non vou dicir nada. Alá cada quen. No bus faláronnos de face-la integral do Alto Carrión pero o tempo non o permitiu.

Grupo de sendeiristas no cumio do Curavacas
O Sábado amañeceu espléndido. Dirixímonos ó pobo de Vidrieros para tentar subir ó Curavacas. A min esto parecíame excesivo pero o tempo acompañaba ¡I feel good!. Seguindo o regato Valdenievas ata chegar ó Cabriles para alcanza-las praderías do Resollar (nome moi adecuado). Neste punto poden ollar en toda a súa grandeza onde pretendiamos subir. Isto supera os meus diplomas, pensei. Na miña observación decateime de que había un punto na ladeira da montaña onde se acababa a herba, que é o meu elemento natural, e comezaba unha zona de rochas e incluso había neve dabondo. Esta observación preocupoume un pouco. Cando nos metemos no Callejo Grande xa todo eran rochas que rascaban nas mans e nos xeonllos pero o peor estaba por chegar, a neve. O principio camiñar pola neve facíame gracia pero logo cando a inclinación pasou a ser de 45 ou máis grados a miña faciana adoptou un rictus tenso e gracias ós meus compañeiros conseguín superar una parede de neve que tiña 25 m. de altura (logo dixéronme que só tiña 2 m.) non sen antes poñerme unha especie de cueiro que ía unido a unha corda e levar na man un trebello que parecía unha picaraña. Deste material non me falaran nos cursiños de sendeirismo. Utilizando as mans para progresar conseguimos chegar á arista cimera e dando un pequeno rodeo alcanzámo-lo cumio oriental e principal do Curavacas. Dende este punto sentín que valeu a pena a fatiga e a suor. O ceo estaba limpiño e a panorámica abraiante. Puden ve-lo Peña Prieta, o Peña Santa, o Cortes, o Torrecerredo, o Coriscao, o Murcia, o Espigüete e outras montañas menos significativas. Se estaba ben alí arriba, o sol quentaba morniño, non facía nin chisca de vento e o panorama invitaba a soñar con toca-lo ceo.
O día seguinte antes do amañecer, os que temos feito o nivel 2 que te capacita para saír do saco de durmir antes das 5 da mañá, saímos o Espigüete. Nos fixémolo pola arista oriental mentras os patanegra o fixeron pola cara norte. O tempo ía algo anubrado e despois de dar un par de voltas nun piornal atopámo-la vía que nos levaría ata o cumio non sen antes ter unha experiencia surrealista. A maior parte do percorrido transcorre por unha afiada arista que por mor da néboa se cubría de cando en cando e daba a impresión de que camiñabamos sobor das nubes. Ó chegarmos a un punto onde había un pouco de neve a piques estiven de dá-la volta pero gracias ó reforzo sicolóxico do cueiro conseguín alcanza-lo cumio onde chegamos un pouco antes que os que ían pola cara norte (non tiñan feito o nivel 2). O ceo non estaba tan limpo como o día anterior pero a experiencia foi moi gratificante pese o pouco tempo que tivemos para gozar do cumio. Iamos algo retrasados.
Nesta saída algúns demos un paso adiante como sendeiristas e aprendemos a subir a unha montaña. Agora só nos resta aprender a baixala.                               Celtis Lupus
 


BIBLIOTECA

Queremos darlle un empurrón á Biblioteca enriquecendo o seu voluminoso contido. Co esta fin, adquirimos un importante número de novos títulos (manuais, guías e literatura) da Editorial Desnivel, a que máis está facendo na difusión do montañismo en toda a súa extensión. Por se-lo 60 Aniversario do Club e unha compra de libros considerable, solicitamos un prezo especial. Os libros xa chegaron, fixéronnos un estupendo desconto e ademais recibimos como regalo dos exemplares do libro “Lo mejor de Desnivel, 1981-2001”, unha antoloxía de 20 artigos seleccionados a partires dos 170 números ata a data na revista Desnivel, á que o Club está subscrito desde fai moitos anos.
Publicámo-la lista para que esteades informados das novas adquisicións que podedes atopar na estupenda biblioteca que temos. Esperamos que sexan do voso interese e agrado.      Sechu

Manual
  Material para roca y hielo,  Clyde Soles
  Manual completo de Montañismo y Trekking,  Joaquin Colorado
  Seguridad y Riesgo,   Pit Schubert
  Cómo escalar vías de varios largos,  Tino Núñez e Ignacio Luján
  Alpinismo extremo,   Mark Twight e James Martin
  Nudos y cuerdas para escaladores,   Duane Raleigh
  Móntatelo en Casa,  J. M. Palacios e Esther Bullido
  El Mundo del Hielo,     Jeff Lowe
  Manual Completo de Montaña,   Pep  Stuckl e Geroge Sojer
  Entrenamiento Para deportes de Montaña,   J. Canals e M. Hernandez
  Rendimiento en Ambientes Extremos,  Lawrence Amstrong
  Manual Completo de Escalada en Roca,   Nigel Shephered e Malcom Creasy
  Escalada en nieve y hielo,  Máximo Murcia Aguilera
  Carreras de orientación, Eusebio García Gómez
  Medicina para montañeros,  J. Botella, A. Espacio, L. Aguilella
  Manual Páctico del GPS,  Carlos Puch
 
Guías
  Pirineos. Ascensiones en mixto, nieve y hielo,  Francis Mousel
  150 Escaladas Clásicas en los Alpes,   Jordi Luch
  Los techos de España,   José Martinez Hernandez
  Cuatromiles de los Alpes por Rutas Normales,  Richard Goedeke
  Escaladas En los Andes,   Juan Jose Tome
  Los cuatromiles de los Alpes,  H Dumler  e Willi P Burkhardt
 
Literatura
  Cuerdas Rebeldes,  Arantza López Marugán
  Cuando la luna cambie,  Juanjo San Sebastán
  Cinco montañas solo,  César Pérez de Tudela
  El sentimiento de la montaña,  E.Martínez de Pisón e Sebastián Álvaro
  Montañas de una Vida,   Walter Bonatti
  Vocación Alpina,   Armand Charlet
  Al Límite,   Clint Willis
  Tocando el Vacío,  Joe Simpson
  Freney 1961,  Marco A. Ferrari
  La montaña es mi reino,  Gaston Rebuffat
 



ESPELEOSECCIÓN

Sendeirismo-escalada-espeleoloxía
 Título algo rimbombante para contar unha intensa fin de semana da sección.
 O venres saímos para O Cebreiro. Alí quedamos cun grupo de Sendeirismo que quería conece-la espeleoloxía. O sábado, cedo, fumos á cova do Purruñal. Exploración parcial. Logo de xantar, a explorar outra cova distinta, a Tara da Lastra, no Caurel.
 Ploa tarde-noite, volta a casa.
 O domingo estabamos varios, moitos, da sección anotados nas xornadas de iniciación escalada a celebrar no entrañable Galiñeiro.
 Éxito total, participamos todos cunha ganas enormes. E gustounos. Ata fixémo-la cheminea, tan interesante para a espeleoloxía como entrenamento.
 Moitas vías, moitas ensinanzas, moita paciencia dos compañeiros de escalada e moitas, moitas gracias. Voltaremos participar nas seguintes xornadas

Saída ó Caurel
 Os 22/23 xuño, a explora-la sima de Teixeira.
 Primeiro un paseo ata a lagoa maior (cerca do alto do Poio) de orixe periglaciar. Pequerrecha e con encanto.
¡Canto tempo e cantas ganas de ir a Teixeira! Instalación dos pozos, descenso. Logo do segundo pozo atopamos un córvido acurrucado, que procuramos non molestar ¿por qué estaría alí?, paseo ¡que paseo! polos meandros do río, onde atopamos unha rá ¿cómo chegaría alí?. Barro, moito barro gateiras,... ata chegar a un punto no que probamos unha posible ruta que parecía non levar máis alá duns metros. Probamos, estudiámo-la topo e damos coa sala do electrón, que alí nos esoeraba para axudarnos a subir a unhas enormes galerías, en tamaño e sobre todo en lonxitude, que non pudemos a penas percorrer. Volta e saída, con moito barro, cansados  a unha hora algo escandalosa. Cea rápida e ó saco, pois os que non entraron localizaran un estupendo lugar de acampada e montaran a tenda. ¡Pena de cocido recén feito, que tanto apetecía!
Para volver pronto.
 O domingo, actividade pateo-turística visitando un castro, parada en Seceda, xantar no Lóuzara e localización e visita en O Incio a unha antiga construcción popular: foxo do lobo. Dous longuísimos valados no monte alineados coma un embudo que rematan nun pozo con laxas espichadas e afiadas. Subían os veciños facendo moito ruído para que o lobo escapase á ladeira do onte onde estaba a construcción e unha vez alí iba fuxindo ladeira abaixo, sen poder saír, ata caer no pozo. Preciosa pero descuidada. Limpeza, reconstrucción das zonas peor conservadas e un cartel informativo sería desexable para a conservación do noso pasado.

Felicitación e agradecemento
 O noso amigo e membro da sección Jesús acaba de publicar "100 preguntas y respuestas. Descenso de Cañones" en Desnivel ediciones. Ademais donou un exemplar do libro para a biblioteca do Club. ¡¡¡Felicidades pola publicación e gracias pola donación!!!.

XII Campamento de Descenso de Canóns
 Celebrado en Lobios, contou cunha ampla participación de membros do Club. O sábado, despois de chegar, xantar e saudar ós compañeiros que ves de cando en vez (campamentos, reunións, algunha saída), preparámo-lo material e, pasando a raia, fumos face-lo descenso do Arado. Moi bonito. Só descendemos algúns de nós pois precisábase a licencia con cobertura internacional. Os demais acompañaronnos e deron un pateo polo río. Para rematar, paseo por Caldas de Gerez, cea e café en Lobios.
O domingo, actividade para todos (incluso os que chegaron a noite anterior). Jesús, Laura e Xabier foron ó Arado; Pablo, Daniel, Elena, Moncho, Yoli, Lourdes e Emilio ó sempre espectacular Fecha (cun nivel de auga perfecto); Pepe, Isabel, Ana, Óscar e Miliño de pateo-paseo polo río e as pozas.
Logo do descenso, Pablo Ana, Lourdes, Elena e Emilio tomaron un baño reconstituínte nas termas. ¡Que delicia!
Café-parloteo-xelado e... ata a próxima.

VII Campamento Social Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía
Celebrado en Cobas os pasados 6/7 xullo, resultou dun éxito total. Foi tal o número de participantes que tivemos que chamar a varios compañeiros (oito coches) para levar ós 24 rapaces. Máis da metade era a primeira ou segunda vez que ían de covas.
Sábado: xantar, explicación ós novos do funcionamento da iluminación mentras os vellos preparaban o material. Alá fumos todos á zona de covas polo precioso bosque mediterráneo de érbedos, aciñeiras, xaras, xestas,... e nos dividimos en tres grupos: uns á Pala do Forno (Pozo pequeno, controlaban vertical) e os demais, ¡¡sí todos!!, á Zorra-Despiste. Primeiro uns e logo outros, pois non había cascos para tanto espeleólogo por estrenar.
Volta xa á noite. Uns a prepara-la cea (había fame, que houbo que preparar máis comida pois se non os maiores non ceabamos) os demais a descarburar e recolle-lo material. Charloteo de sobremesa e saco...
Domingo: Almorzo ¿estes rapaces cenaron ben pola noite? Calquera o diría véndoos toma-lo leite e as galletas.
Logo, actividade. Un grupo de turisteo-carrocil a Médulas, outro á cavidade K1-Cubelas, outro a Pala Silverto e outro a aprender e practicar vertical ás portas do refuxio.
Rematadas as distintas actividades (inda que un grupo se retrasou máis da conta) regreso a Vigo cansados e satisfeitos, pero coas ganas intactas, pois Miguel repetía "eu á proxima apúntome".
Moncho daba volta a pé e baixaba pola corda, os rapaces por corda con puño e croll e descendedor, Escrich, colgado, descolgaba ós demáis, até Óscar estrenou de monitor, e Lourdes, pois tamén, todos baixo un sol de xustiza. Alá nas entrañas Juanjo e Paula, Emilio, Carol e Martín, arrastrados nas gateiras guiando ós que se iniciaban. E quedan os do "peito pa diante" eles coa nova experiencia no corpo xa son un pouco máis grandes.
Non esquezo ós "pais", eles tamén tiveron a súa parte, alí aguantaron o pé da escuridade para botarnos unha man. Miles de gracias a todos, ós de dentro e ós de fora, sen a súa colaboración non poderiamos salva-la situación debido á alta participación neste Campamento.
Seguiremos contando convosco

Espeleonovas
20/21 xullo. Saída a Asturias
8 setembro: Xornadas de Descenso de Canóns para nenos/as e maiores.
14/15 setembro: Campamento Social de Espeleoloxía
21/22 setembro: Campamento Social Descenso de Canóns
"AS TARDES DE PICOÑA". Prepado o material, limpados os spits, instalada unha tirolina, este ano imos practicar de todo, según o nivel de cada un. Lembra que agora son os martes. Precisamos coches para o transporte dos nenos. É tal o éxito que imos ter que facer turnos, dadas as prazas de coches e os equipos de vertical. Todos, nenos e maiores, porvos en contacto o xoves coa sección (no club).
 

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

MERGULLO EN LIMENS

Por fin se volveu a organizar unha saída de buceo, unha actividade que ultimamente estaba esquecida no club. Realmente non puidemos elixir mellor o día, o sol era espléndido e apetecía zambullirse na auga, non había moita xente en Limens xa que la selección Española xogaba contra Irlanda. Pacucho, Sechu, Xavier e eu empezamos de forma meticulosa a preparalo equipo: botellas, gafas, aletas, etc, Quitando Xavier que practica máis a miúdo, os demais estábamos un pouco anquilosados e faltos de practica, pero é como andar en bicicleta, nunca se esquece. Entramos pola praia e nos somerxemos nun fondo no que había unha visibilidade razoable, e nos foimos alexando da costa, porque nun principio era un areal e posteriormente era rocoso e cheo de grandes algas pardas que parecían árbores, era fácil perder de vista ó compañeiro, xa que aínda estando cerca quedaba cuberto por completo pola vexetación submarina. Tamén había algas xapónicas que se enganchaban constantemente á botella, vimos algúns pintos e maragotas e pequenos sargos. Ó chegar a unha profundidade de 9 metros estábamos bastante alleados da praia, decidimos dala volta.
Nos esperaban Maria, Cristina, Rosana, Marisa, Teresa e Evaristo, cos cales despois de comer, iniciamos unhas practicas con tubos, gafas e aletas, preto de dos horas, estivemos chapoteando, os nove somerxéndonos, á vista dos praieros, tratando de acostumarnos ó medio mariño, para algúns os traxes de goma ó principio son incómodos pero non poderían estar tanto  tempo baixo a auga sen elos,  nas gafas entraba auga, que se tragaba ó somerxer o tubo, todo esto pouco a pouco foi mellorando. Fun unha xornada relaxante que esperamos se volva a repetir. Fernando


VINDEIRA ACTIVIDADE

Estamos a preparar unha nova inmersión submarina na Ría de Vigo, preto das illas Estelas. A uns 20 m de profundidade atópase o pecio ‘Iby‘, cargueiro que afundiuse o 30 de xaneiro de 1976. Imprescindible titulación e licencia FEGAS.
 


SECCIÓN INFANTIL – XUVENIL

OPERACIÓN BENXAMÍN: SANABRIA
XXXV Curso Infantil- Xuvenil de Iniciación ó Montañismo

Cunha puntualidade fóra do normal, saímos cara a Sanabria e, apesares de que o autobús era un pouco lento, sobre todo nas costas, chegamos tal e como queriamos a San Martín de Castañeda a tempo para poder visita-la Aula da Natureza (que pecha ás 13,30 h.
Despois da visita instalámonos no Camping “Folgoso“, á beira do Lago, e o primeiro que fixemos foi xantar (tíñamos unha fame nejra). Un grupo de 12 rapaces, acompañados de 5 monitores, decidiron esta fin de semana facer unha travesía con vivaque cara ó Canón do Tera, para o domingo chegar a Ribadelago onde os recolleríamos.

A beira do Lago de Sanabria
O resto do grupo quedamos a monta-lo campamento e despois fixemos un pequeno percorrido pola beira do Lago. O día non estaba moi bo e non nos poidemos bañar. Ó chegares: xogos, cancións (de Antonio Álvarez coma sempre), cea e a durmir. Costounos convencelos de que non fosen ve-lo “Festival de Eurovisión”. Conseguímolo coa promesa de que ó día seguinte a primeira hora iríamos informarnos do posto no que quedara Rosa De España.
O domingo recollemo-lo campamento e logo do Cola-Cao subimos ó bus e saímos cara a Sotillo de Sanabria, para dende alí comeza-la marcha. Pasamos por unha zoa boscosa, cruzamos ríos (por pasarelas, pontes de madeira, pedras...), e, case chegando, a cousa comezou a poñerse un pouco máis dura, o desnivel era tal que había escalóns de madeira para evita-lo escorremento da terra e facilita-lo ascenso, pero o espectáculo da fervenza ó chegares fixo que o esforzo non parecera tanto. Despois de descansar no mirador da Cascada de Sotillo, descendemos por outro camiño, un pouco máis longo pero máis doado.
Xuntámonos co grupo que foi de travesía, en Ribadelago, para despois de xantar emprede-lo regreso a Vigo.

CLAUSURA DA OPERACIÓN BENXAMÍN

O 14 de xuño tivo lugar, na Sala de Conferencias do Centro Cultural Caixanova, a clausura da XXV edición da Operación Benxamín. Logo dunhas breves palabras do presidente do Club, tomou a palabra Juanjo para dá-las gracias ós asistentes pola súa presencia, ós patrocinadores (Terra, Coca Cola e Caixanova) pola súa colabaración e ós monitores porque sin eles non sería posible levar a cabo as actividades.
Pasouse a proxección de diapositivas, (un pouco accidentada, xa que se estropeou un carro). Nela os rapaces disfrutaron e riron moito véndose e lembrando as experiencias vividas.
Despois fixémo-la entrega dos premios ós gañadores do Concurso de Cocina, e tódolos participantes recibiron un pequeno agasallo.
Para rematar, deica a Benxamín que vén.
 


¡MOSTRA O TEU CARNET DE SOCIO!

Acordo con Westpeak

Chegamos a un acordo con esta tenda especializada en SKATE, SNOWBOARD, SURF & BODY, WAKE, con enderezo en Avda. Camelias 20, Vigo, para ofertar ós socios do Club interesantes descontos:
En vestiario e complementos o 10%. Se facéde-lo pago en efectivo o desconto será do 13%.
En neoprenos e material duro (tablas, botas, etc) o 5%. En efectivo será o 8%.
Os descontos non son acumulables a outras ofertas.
Telf./fax: 986 411 062

 
 

ACTIVIDADES DOS SOCIOS NO ESTRANXEIRO

ASIA
- Kazaskhtan. A compañeira Chus Lago retorna a este país, antiga república da desmembrada URSS, onde o pasado ano ascendeu ó Khan Tengry (7.010 m) e intentou o Pobeda (7.432 m), ambas co seu compañeiro Merab, con quen volverá este ano. Estas montañas pertencen á cordilleira de Tian Shan que é considerada como a de condicións atmosféricas máis inestables de cantas existen, sendo o seu obxectivo un novo intento ó Pobeda que é o sete mil máis setentrional da Terra; estas particularidades, unido ó durísimo tramo final da ascensión que é unha interminable aresta de 3 km por riba dos sete mil metros, fan desta montaña a máis difícil das cinco que integran o seu proxecto de alcanzar o "Leopardo das Neves". Partirá o día 18 de xullo para retornar a finais de agosto.

AMÉRICA
- Bolivia-Perú. Os compañeiros Alberto Filgueira, Chus Valcarce, Berta Fernández e Pedro Rodríguez Durán, parten o día 12 de xullo cara a La Paz (Bolivia) dende onde  regresan o 10 de agosto. Teñen intención de realizar as seguintes actividades: Ruta polo Camino Inca, que remata en Machu Pichu (Perú), Macizo Condoriri, Cerro de Parinacota, Huayna-Potosí (6.088 m), Salar de Uyuni... entre outros, dependendo do tempo atmosférico e o transporte.
Perú. Os compañeiros Eliseo Fdez León, Ángel Vega e Jorge García Correa parten o día 1 de agosto cara a Lima dende onde retornarán o 25 do mesmo mes. A destacar: viaxe a Cuzco para face-la ruta do Camino Inca, a Puno para visita-lo Lago Titicaca e a Arequipa a percorre-lo "Cañón do Colca".
Perú-Bolivia. O día 2 de agosto partiran cara a Lima os compañeiros: Andrea Rosario, José Carlos Lorenzo, Marcos Rodríguez e Sechu. Entre as actividades a realizar en Perú: Camino Inca e visita o Lago Titicaca, despois pasarán a Bolivia onde realizarán actividade de alta montaña na Cordillera Real, coa intención de intentar: Condoriri (5.696 m), Huayna Potosi (6.088 m), Illimani (6.439 m). Regresan dende La Paz o día 24 de agosto.

EUROPA
 Italia-Francia. Os compañeiros Andrés Fraga e Juan Rivas ¨Coru¨, ademáis de Pablo Bello (Azimut), van ós Alpes a participar no XI Stage de Alpinismo do GAME (Grupo de Alta Montaña Español) para xoves alpinistas que se celebrará entre os días 28 de Xullo e o 4 de Agosto na mítica Courmayeur (Italia). Despois achegaranse á aínda máis sonada Chamonix (Francia) onde se lles unirá o socio afincado en París Daniel Fuentes.
- Suíza. Os compañeiros Jaime Figueroa, José Eiroa, Fernando Fernández e Francisco Escrich estarán en Zermatt do 3 ó 11 de agosto. Teñen como obxetivo escala-lo Cervino (Mattelhorn) de 4.477 m pola vía: Arista de Hörnli.
- Francia-Suiza. Os irmáns Ramón e Ubaldo Vila Anca, compañeiros de Quiroga, pasarán dúas semanas de agosto en Alpes. Parten o día 5 de agosto con destino a Chamonix onde teñen intención de ascende-lo Mont Blanc (4.807 m). En función das condicións atmosféricas, pensan achegarse ata Zermatt interesados no Cervino.
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

 XULLO

 13-14 Campamento Verán. Actividade Subacuática.
 14 Cultura. Saída ecolóxica.Matamá – A Garrida.
 20-21 Espeleoloxía. Asturias.
 21 Xornada  Iniciación  Escalada. Galiñeiro.
 25 Baixa montaña. O Pindo.
 28 Baixa montaña. O Quinxo.

AGOSTO

 3-11 Pirineos 2002: Val de Arán
 31 Marcha Nocturna: Pr G 2 Galiñeiro – Aloia

SETEMBRO

 1 Marcha Nocturna: Pr G 2 Galiñeiro - Aloia
 1 Bici de montaña. Aloia
 8 Xornada Descenso Canóns
 14-15 Campamento social Espeleoloxía
 15 XIV Marcha Galega de Veteranos (F.G.M. – Ribeira Sacra)
 21-22  Campamento social descenso de canóns.
 22  Rural de Galicia GR94 Etapa III
 29 Inmersión Submarina (Ría de Vigo)
 



Para comunicarse có club, a dirección é m_celtas@yahoo.com.

Modifiquei esta páxina por última vez en Xullo de 2002.