Boletín de Xuño de 2001 do

Club Montañeiros Celtas


ASEMBLEA  XERAL EXTRAORDINARIA

Estimados/as socios/as.
Seguindo as disposicións dos nosos Estatutos, e cumplindo coa normativa da Federación Galega de Montañismo, celebraremos:

ASEMBLEA XERAL EXTRAORDINARIA DE ASOCIADOS/AS

O día 13 de xullo, ás 20:30 horas en primeira convocatoria e 21:00 horas en segunda, no noso local social, sito en marqués de valladares 15, baixo, de acordo có seguinte:
ORDE DO DÍA

1.- Anulación ou modificación da prohibición de fumar no Local Social e refuxios.

Contando coa vosa importante asistencia e participación, recibide  un cordial saludo.

Vigo 20 de xuño de 2001
A Xunta Directiva
 


XXXIV OPERACIÓN BENXAMÍN

Derradeira fin de semana da O.B.
Os pasados 25 e 26 de maio, tivemos a última saída Ós Ancares, estabamos ansiosos xa que ía un fermoso día e tiñamos ganas de pasar unha fin de semana con Sol, pero... Saímos de Vigo, do lugar de sempre, ás 10 da mañá, paramos en Teixeiro a refrescarnos e continuámo-la viaxe. E a poucos quilómetros de Lugo o primeiro problema, o autobús párase, unha correa rompeu, así que na autovía o conductor ponse roupa de traballo e comeza a repara-lo vehículo. Para a Garda Civil (por se necesitamos axuda) e organizan a circulación (xa sinalizaramos a avaría de forma axeitada). Arranxado o desprotexer continuámo-la viaxe. Chegamos a Becerreá e collémo-la estrada cara a Degrada, segunda sorpresa , o autobús volve a escarallarse. Ía unha calor insoportable, así que buscamos unha zona (á sombra) para poder xantar (eran as dúas da tarde), tivemos sorte e á carón do río, colocados en ringleira había un sitio bastante axeitado (pobre do pescador se espera ter tranquilidade para facer algunha captura). Mentres o conductor, baixo unha calor abáfante, seguía a arranxa-lo autobús. Rematado o traballo, continuámo-la viaxe. E chegamos a Cervantes, tiñamos intención de parar a enche-las cantimploras, pois a pesares de repartir algúns refrescos tiñamos moita sede. O conductor comenta que vai ver como están as correas e ¡ sorpresa ! está a piques de romper de novo, co que nos comunica que nese autobús non podemos continuar. Comezan as chamadas (benditos móbiles nestas circunstancias) ata que conseguimos que unha empresa de Becerrá veña cun autobús para levarnos ata o lugar de destino. Temos que agradecerlle ó conductor o seu desvelo e a preocupación que tiña (inda que non era responsabilidade súa). POR FIN estamos no Albergue de Ancares ( son as sete da tarde).
Organizámo-lo grupo que vai saír de marcha a facer vivac, prepararon as mochilas e 11 rapaces con 4 monitores saen cara á Campa de Brego, onde pernoctaron, para ó día seguinte subir ó Pena Rubia. O resto fixémo-la distribución nas habitacións e despois, charla de montaxe de tendas (o programa establecido trastocóuse un pouco ¿? debido á tardanza ). Despois de cear Antonio Álvarez contounos algunhas historias e despois de toma-lo cola-cao a durmir.
Pola mañá, despois de almorzar, marchamos cara a Campa do Tres Bispos, o día era moi caloroso, pero a pesares de todo, cun grupo de rapaces bastantes pequenos chegamos á Campa, picamos algo para recoller forzas para a volta e preto da 13,30h. chegamos de novo ó Albergue. Xantamos e recollémo-las mochilas para poder deixa-los cuartos en condicións, mentres esperabamos ó grupo do vivac. Tardaron un pouco máis da conta, e chegaron bastante cansados pero o comentario xeral era que o pasaran en grande, a experiencia de durmir baixo un ceo cheo de estrelas entusiasmoulles (comentaban con alegría que era como durmir nun planetario).
A volta, par non perde-lo costume, foi de novo accidentada. O autobús era do trinque (matriculado ían quince días) e a pesares diso, por incrible que pareza, estropeouse. Volta a utilizar os móbiles ata conseguir que a mesma empresa que nos mandara o autobús, trouxéranos unha peza para poder arranxalo. Como resultado dos imprevistos chegamos a Vigo ás 22,00 h., pero inda así resultou unha fermosa saída.
Deica próxima Benxamín
 

SAÍDA IDENTIFICACIÓN ESPECIES ARBÓREAS

Agradecemos a colaboración de Marcos polas súas completas e pacientes explicacións. Foi un éxito esta xornada con 28 participantes. Penso que é boa cousa aprender do noso entorno para harmoniza-la nosa relación con el. Somos parte dun mundo natural que está sendo machucado sistematicamente e debemos aprender a valoralo e respetalo
Xa temos pensada unha actividade de Xeoloxía para Setembro, contarémosvola máis adiante.

CONCLUSIÓNS DA CONVERSA

O Xoves 7 de Xuño, tivo lugar no Club, a conversa sobre os perigos da montaña e se merece a pena ou non afrontalos. As conclusións ás que chegamos foron as seguintes:
- Cando hai un grupo, o risco é colectivo, débese ter en conta ó máis débil, debéndose en moitos casos para-la ascensión aínda que só sexa por unha persoa.
- O risco é subxectivo en gran medida, depende da persoa e a súa preparación.
- Preguntamos: ¿Merece a pena asumir riscos elevados por subir unha montaña?, a resposta foi un Non maioritario, cousa que é de destacar pois formula unha filosofía da montaña sen arrisca-la vida, por tanto os que ides a facer actividades de Montaña este verán tede coidado.
PRÓXIMA CONVERSA:
O Xoves 5 de Xullo terá lugar  a seguinte conversa, que xirará entorno a ¿É posible unha xornada laboral reducida, (4 ou 6 h.), como plan de futuro?

CONCURSOS

O Concurso literario está sendo avaliado no momento da publicación do boletín, e as obras gañadoras serán publicadas no mes de Setembro.
O Concurso de fotografía recordamos está convocado, recolleremos os traballos a primeira quincena de Setembro. Este verán ¡A dispara-la Cámara!
 
 

Saída a  Pena Trevinca. 13/05/01

Saída do refuxio do Trisquel en Vilanova despois de gozar da hospitalidade de Cholo e pernoctar coa sección de bicicletas de montaña que realizaran outra ruta polo Ocelo. A mañá aparece despexada tal como se aveciñaba  durante o atardecer do día anterior (Con nevada incluída). Somos 10 pola pista que nos leva ó Maluro nun par de horas. O bo tempo síguenos acompañando pero o frío é intenso. No cumio nevado do Maluro o grupo sepárase sete decidimos seguir e o resto baixar a Vilanova. Os que baixan  tópanse con amigos que decidido subir máis tarde.  Os que seguimos trataremos de chegar ó Trevinca se o tempo no lo permite. Facemos toda a crista ata o Xestil e ascendemos por unha neveira ata o Trevinca, despois de contempla-las vistas que se nos ofrecen, comemos e comezamos o descenso, volvendo pola minas ata Vilanova. Gozamos dun deses días que merecen lembrarse.

Mar a Mar etapa X. 22/4/01

Somos 8. Saída de Pazos (Xermade) camiño de Vivieron onde nos uniremos ó campamento da federación que organiza a sección de montaña Astano na Serra do Xistral. Seguimos pistas e sendeiros, pasando aldeas como Corno o Choutar, neste último e á entrada hai unha curiosa cruz onde gravado na pedra lémbrasenos que foi morto un tal Vicente a mans de descoñecidos a primeiros de século. Despois de pasa-lo pico Peñote  e seguir polo arroio Casal ( cunha paisaxe moi parecida ó da anterior etapa pero con menos toxos) caemos ó Eume, o cal atravesamos pola ponte de Samil (Curioso no?). Descansamos na igrexa de Acibeiros (como característica desta comarca a entrada ás igrexas soe ser por un lateral) e continuamos ata a aldea de Pascal onde podemos contemplar una magnífica parella de cabalos percheróns.
Chegamos a Vivieron onde podemos unirnos tal como pensaramos ó campamento da Federación nunha pequena aldea chamada Coruxos, para recuperar forzas tomamos queimada no  lume de campamento con cánticos e coros incluídos. Imos durmir, co desagradable espertar dun tempo inclemente: choiva, frío e vento. Suspéndese a marcha de regularidade, con gran desgusto para os membros de Astano (Era a 2ª vez que intentaban organizar unha saída da federación no Xistral), así que nos despedimos despois de tomar uns pinchos en Viveiró.

Mar a Mar Etapa XI. Serra do Xistral. 6/5/01

Curiosa etapa. Somos 8. Acampamos na aldea de Coruxos, onde estiveramos  15 días antes. Os veciños da aldea son moi hospitalarios, nada máis chegar lémbranse da nosa estancia anterior e invítannos a café. Baixamos a Vivieron a cear e case non sobrevivimos, pois as viandas á vez que numerosas son considerables. Co ánimo pesado pero alegre, chegamos ás tendas para pernoctar. Ó levantarnos para saír os veciños da aldea invítannos outra vez a almorzar, temos que repartirnos para non feri-los seus sentimentos , nese momento unha das vacas dun veciño empeza a parir. É necesario un Veterinario o cal chega e ponse man á obra, permítennos observa-lo nacemento con cesárea incluída, entre os nosos hai unha médico, unha enfermeira e unha bióloga as que colaboran activamente na operación: sutura, bisturí, antiséptico,....o xato nace ben pero con pequenas molestias. Foi unha experiencia única, sobre todo para os nenos de P. e para os que temos uns anos máis. Xa coa mañá moi avanzada, cunha choiva que empezou a caer  e cun frío intenso tratamos de chegar ó Xistral e ó Cadramón, o que non conseguimos. Non importa, como dixo J.A. co que pasamos hoxe non foi pouco!. A Serra do Xistral queda para o terceiro intento.
M.C.
 
 

PIRINEOS 2001
Esterri Daneu 4-12 Agosto
Parc Nacional DAigües Tortes

Encantas(2738-2747)  Pegureira(2982) -
Pica Destate (3143) - Andorra

Saída Venres 3 de Agosto ás 24 horas
Regreso Domingo 12 Agosto
Saída de Esteira ás 8 Horas

PRELIMINAR:

O sábado 4 de Agosto, dedicarase a monta-lo campamento e libre o resto da xornada. A organización ten previstas sete actividades dunha xornada para realizar desde o domingo 5  ata o sábado 11 de Agosto, cunha orde determinada, que se respectará sempre que as condicións atmosféricas o permitan.
Tamén hai previstas 2 actividades de dificultade: Encantats e Pica DEstats e unha travesía de gran fondo con dous vivac, que se irán efectuando segundo demanda e coa organización dos propios interesados.
Lembrámo-la necesidade de estar en posesión da licencia federativa.
O prezo inclúe tódolos desprazamentos en Bus; para o pago do cámping, hai que  informarse na secretaría. O domingo 12 Agosto, hai que almorzar e recolle-lo pertreitos co tempo que cada un precise para estar listo ás 8 h. para o regreso a Vigo.
A cartografía que cubre a zona da actividade é, en Ed. Alpina  os planos de: Vall DAran, Montgarri, Sant Maurici-Encantats, Pica DEstats e Andorra

PROGRAMA BÁSICO DE ACTIVIDADES:
SÁBADO  4 AGOSTO: Viaxe ata o Cámping: Montar campamento e resto libre
DOMINGO 5 AGOSTO: Cámping (950), saída 8 h., descenso pola marxe esquerda   do Noguera Pallaresa ata o encoro de La Torrassa (925), 1 h, marcas do GR-11, que seguiremos ata a aldea de Dorbe (1380) 1 h./ 2h., continuámo-la ascensión ata o Pic Calvo(2290) 3 h./ 5 h., descenso ata a aldea de Estaòn (1237) 2 h./ 7 h., deixámo-lo GR-11 para dirixirnos a Ribera de Cardós (900) 1 h./ 8 h., final da xornada, regreso en bus ó cámping ás 18 h.
LUNS 6 AGOSTO: BUS, saída ás 8 h. Cara ó Port de la Bonaigüa, Km. 162, na paraxe coñecida  como Clot Gran (1900) iníciase o camiño á Estany Gerber, (2154) 1,5 h., forte subida ata o Coll DEstany Glaçat (2520) 1,5 h./ 3 h., desde aquí xa se domina todo o circo glaciar de Saboredo, subimos ata o Coll de Saboredo (2750) 1 h./ 4h., vistas sobre o Val de Sant Maurici, co circo de Amitges en primeiro termo, ó cal descendemos en 1 h./5 h. (2362), por pista ata Sant Maurici (1900) 1 h./6 h. e Espot (1321) 2 h./ 8 h. BUS ás 19 h.
MARTES 7 AGOSTO: BUS, saída ás 7 h., ata a aldea de Areu (1200), inicio de Vall Ferrera- O bus continuará ata Andorra para quen queira visitala. A ruta deste día seguirá o percorrido do GR-11, ascendendo polo val ata o Pla de Bouet (1850) 3 h. empolicándose despois ata o Estany e refuxio de Baiau (2517) 2,5 h./5,5 h. para alcanza-la Portella de Baiau (2790) 1 h./6,5 h. Avistando xa o val de Andorra, o descenso efectúase polo Circ de Comapedrosa ata o aparcadoiro da estación de esquí de Arinsal (1500) 2,5 h./ 9h. BUS ás 19 h. E recollida dos turistas ás 20 h.
MÉRCORES 8 AGOSTO: BUS, saída ás 8 h. ata o Port de la Bonaigua (2030), ascensión  o Cap de la Plana de Borén (2495), 2 h., vistas sobre a Alta Vall do Noguera Pallaresa, descenso ó Clots de Rialba (2050), 1 h./ 3 h. e á aldea de Arreu (1240), 2 h. / 6 h., para seguir por pista ó cámping. 2 h./ 8 h.
XOVES 9 AGOSTO: BUS, saída ás 8 h. ata Espot, desde aquí, por medios do Parque trasladarémonos ata o Estany de Sant Maurici (1900), percorrido do Val de Monestero ata os lagos do mesmo nome (2250) 1,5 h., subida ó Coll O. De Peguera (2726) 1,5 h. / 3 h. e ó Pic Peguera (2982) 1 h./ 4 h., con pasos de 2º na Aresta Sur, descenso á Brecha Norte, tamén con algún paso delicado ata alcanza-lo Coll de Monestero (2715) 1 h./ 5 h., descenso ó Estany Negre (2310) 1 h./ 6 h. e Espot (1321) 2 h./ 8 h., saída do bus ás 18 h.
VENRES 10 AGOSTO: BUS, saída ás 8 h. ata Areu (1200), polas marcas do GR-11, subida continua ata o Coll de Tudela (2247) 3 h. e ó Pic de Costuix (2344) 0,5 h./ 3,5 h. deixando o GR-11, forte descenso por pista e sendeiros ata Ribera de Cardos (900) 2,5 h./ 6 h., saída do bus ás 18 h.
SÁBADO 11 AGOSTO:  BUS, saída ás 8 h. ata Super Espot, telesilla estación intermedia (2000), regreso por: Espot (1321) 2 h., Estahis (1395) 1 h./ 3 h., Jou  (1305) 1 h./ 4 h., Son del Pino (1393) 1 h./ 5 h. e cámping 1 h./ 6 h.
DOMINGO 12 AGOSTO: SAÍDA ÁS 8 H. VIGO

ACTIVIDADES DE DIFICULTADE
A organizar polos propios interesados, proponse a ascensión a Els Encantats (2738-2747), a ter en conta que hai tramos de escalada obrigatoria de IIIº, o que obriga a levar material específico.
E como segunda posibilidade proponse a ascensión á Pica DEstats (3143) Punto culminante de Catalunya.

TRAVESÍA GRAN FONDO
Día 1: Saída do Cámping (950) ata La Guingueta (925) 1 h marcas do Gr ata Espot (1321) 3 h./4h. e polo val de Peguera ata o refuxio  J.Mª Blanch, no Estany Negre (2325) 3 h./7 h.
Día 2: Subida ó Coll de Saburó (2547) 1 h. vistas sobre a cuenca lacustre de Estany Gento, descenso ata o Estany de Saburó (2547) para ascender ó Coll Oest de Peguera (2726) 1,5 h./2,5 h., descenso polo Vall de Monestero ata o Estany de Sant Maurici (1900) 2,5 h/5 h. e por pista subida ata o circo e refuxio de Amitges (2362) 1h. / 6 h.
Día 3: Ascenso ó Port de Sant Maurici (2725), para o que se nos ofrecen dúas posibilidades: Descenso á Ribera del Abeller (2200) ou ascendendo ó Pic de Basiero (2901), en ambos casos 3h. Desde o collado, descenso ata o Estany de Cabanes (2385) 1,5 h./ 4,5 h. e Costa Solana (1700) 0,5 h./ 5 h., pista ata Valencia e Esterri DAneu 2 h. / 7 h.
 
 

XIV MARCHA CON VIVAC 2/3 DE XUÑO 2001

O punto de partida da travesía, sería o cámping Castro. Un grupo saímos de Vigo. Eliximos utiliza-la pequena rúa ó borde dos canóns do Sil ¡impresionante!.  A concentración dos automóbiles era grande. Ás portas do cámping xuntámonos unhas 40 persoas. En primeiro lugar estaba planificado chegar ó miradoiro pero por mor da néboa decidiuse continuar. A organización corría a cargo do Club Ribeira Sacra. Comezamos cunha boa subida e seguimos con outra. ¡Para dicirnos que iamos en fila de a un!. A andaina comezou a iso das 11 h da mañá e notouse moito a calor, dende o principio ulía a crema protectora. A néboa seguía sen deixarnos ollar moito as vistas dende o monte Meda, pero aínda así merecía a pena. Cabía a posibilidade de evita-lo monte, seguir por debaixo, pero ó final todos subimos ¡e que os montañeiros...!. Agora tocaba baixar. Non parabamos de beber en todo o camiño, e  é que o corpo o necesitaba. O grupo dividiuse pola noite, uns acamparon nun sitio e a maioría faciámolo a uns 300 m baixo amieiros e carballos e ó carón dun pequeno regato. E claro, os mosquitos estaban por aí e non nos deixaban en paz. Tanto nos molestaban que uns cantos decidimos vivaquear na beira da rúa de terra que había ó lado. Como xa nos dixeran, os da Ribeira Sacra non escatimaron coa comida, e ceamos e bebemos moi ben, ¡tamén invitaron!. Pola noite... ¡a serenata! ¡que voces!. Xa estabamos case todos durmindo ou polo menos tumbados tralos 30 km, pero eles seguían, ata viñeron a facernos unha visita, baixo a lúa case chea, como se dunha tuna se tratase.
Ó día seguinte tamén foron eles os primeiros en erguerse. Creo recordar que os mosquitos tiveron algo que ver, outros tivemos problemiñas cunha ra xoguetona. Se o primeiro día a vexetación caracterizábase por especies como xestas, .... de porte baixo, no segundo xa predominaban as plantas arbóreas, ¡máis agradable por certo debido ó sol!. Comezamos a camiñar sobre as 8 da mañá, hoxe tocaban 20 km, ó principio aínda facía un pouco de fresco pero axiña empezou a calor e ¡como non! comezamos  subindo. Nun momento houbo que decidir se ataca-la subida ou acurtar. A maioría decidimos subir e, chegando primeiro ó Penedo dos Afeitados, onde había unha cruz e despois a San Mamede, onde encontramos unha ermida. Mentres subiamos ó xirarnos podiamos ve-las paisaxes, hoxe a néboa permitíanolo e tamén encontrámo-los restos dunha avioneta estrelada hai uns tres anos.
¡Pero como non!, unha parte da expedición perdeuse, foron aqueles que evitaran a subida. Baixaron, baixaron, e baixaron, e logo tiveron que volver a subir. Mentres tanto descansabamos e algún faciámo-la sesta e preto da única fonte que atopamos, pois estivemos bebendo auga do río, pero xa se sabe auga que corre, ...O seguinte foi penetrar no bosque de ribeira e ó final o chapuzón tan esperado dende hai varios quilómetros.  Encontrámonos con compañeiros que non puideron vir toda a fin de semana. Pero aínda quedaba o mellor: o xantar no restaurante Xerardo, como non as variadas sobremesas ¡hmmmmmmm! Así coma a torta de aniversario dun dos camiñantes. Non esquezamos ós clubs participantes: Peña Trevinca, Ribeira Sacra, Xistra, Montañeiros Celtas e outros. En total outra fin de semana estupenda.
Andrea Michèle
 

ESPÉLEO-NOVAS

- O VI Espeleocampamento Infantil-Xuvenil,  29 e 30 de xuño e 1 de xullo, xa está totalmente preparado. Será en Veiga de Brañas (Pedrafita do Cebreiro). Marcharémo-lo venres de tardiña para poder monta-lo campamento antes que sexa noite. O sábado haberá covas e máis covas e o domingo tamén, antes de regresar a casa. Se aínda non o pensaches,  e estás a tempo, ¡anímate!. Temos invitado a outros clubs.
- O V Espeleodescenso de canóns do club será a seguinte fin de semana,  7 e 8 de xullo, en Lobios (Ourense). Preparade o neopreno que a auga está fría.
- Dicirvos que o Campamento Social aprazámolo ó mes de setembro por falta de participantes, pois os exames e traballos de fin de curso puideron máis.
¡Lembrade! Os mércores de Picoña, se o tempo acompaña merendaremos enriba do queixo.

ESPÉLEO-ACTIVIDADES

O día dez tivemos en Coruña a Asemblea Ordinaria correspondente ó ano 2000.  Resumindo en poucas verbas: estudiámo-las contas e o orzamento do ano 2001 ¡xa pasado case medio ano! e aprobámolas. Algunhas partidas do orzamento foron máis discutidas que outras pero ó fin foron sacadas adiante. Falouse das licencia para o ano 2002, xa sabemos o prezo, soben trescentas pesetas as de maiores e duascentas os menores. Nomeouse o mellor club do 2000, foi o G.E.S. Brigantium, club de A Coruña. Nós quedamos segundos, xa sabemos que todos queriades ser primeiros así que non hai máis que poñerse e conseguilo. Tamén se falou novamente do asunto da Cova do Rei Cintolo turística e da conveniencia de decatarse do estado en que están os estudios de viabilidade. O asunto está que arde como dicía a canción.
- ¿Que dicir do XII Campamento Galego de Descenso de Canóns? Pensamos que foi un éxito. Dounos medo o xoves cando vimos máis de sesenta persoas anotadas, o venres anotaríanse aínda máis pero o medo xa se perdera nalgunha das pozas que nos ían mollar ó día seguinte. Fomos para  Melón o venres de tarde a preparar todo o necesario para  realiza-lo campamento, xa que éramos o club organizador. Acampamos e preparamos mesa de recepción nas instalacións da  Colexio Público de Melón, cedidas polo Concello, co son da chuvia pegando nas tellas facendo temer o bo desenvolvemento da actividade do día seguinte. Polo de pronto xa non podíamos ir equipa-los canóns como queriamos. Todo tivo solución, equipámo-lo sábado pola mañá, cediño, aínda que ninguén o crea, ás oito da mañá estábamos a pé e as nove preparados para equipar uns e outros para organiza-la recepción e distribución dos participantes por grupos nos dous canóns, no Cerves e no Cortella. Os participantes, algúns xa acamparon o venres connosco, foron chegando o sábado ate mediodía, distribuíndoos seguidamente  en grupos e distanciados en tempo prudencial, cara a calquera dos canóns. Así transcurriu o sábado ate a noitiña en que tivemos unha recepción oficial no Concello polo Sr. Alcalde e o Tenente-Alcalde, realmente todo unha sorpresa de bo acollemento, con obsequio incluído. A continuación degustamos unhas sardiñas, bolos preñados e empanadas. Cea encargada pola organización e pagada a escote. O domingo, con ollos pouco desexosos de luz por mor dunhas orquestras que nos impuxeron ritmo nocturno para non durmir, dende as dez co mesmo plantexamento. Repartimos grupos cara a ós cavorcos e ó final a desequipar. Acabamos ás seis da tarde. Logo dunha visita ó mosteiro de Melón, e recollida do campamento, demos por rematado o campamento ás oito da tarde. Dicir que houbo setenta e seis persoas inscritas, de todo Galicia, incluso dúas persoas de Asturias e Castela, das que sesenta e seis fixeron actividade. ¡Todo un éxito! Estivo a prensa  por alí, Telearnoia e A Voz de Galicia o sábado, e o domingo a TV2. ¡Vamos!, non faltou nada. Como nos dixo o Tenente- Alcalde que un veciño de Melón fora fundador de Montañeiros Celtas quixemos tornar os termos para que fóramos Montañeiros Celtas os que fundamos un novo Melón cheo de algarabía. Temos que agradecer publicamente a atención total do Concello ás nosas necesidades e tamén ós colaboradores do noso querido G.E. Arcoia e, como non, tamén a tódolos participantes. E ós que nos axudaron, desbrozo do monte para chegar á cabeceira dos descensos incluidos.


AS NOSAS PROXECCIÓNS DOS VENRES

6  Xullo  Expedición de Cañones Tropicales, por Jesús Sáez. Diapositivas. No Club ás 20:30 h.

20 Xullo  Alpes suizos", por Sechu. Diapositivas. No Club ás 20.30 h
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

 
 XULLO
 
  30-1  Piragüismo. Descenso Canoa: Río Limia.
  30-1  Espeleoloxía. VI Campamento Infantil- Xuvenil.
  30-1 Escalada Alpina (F.G.M.  E.G.A.M.)
  1 Sendeirismo. Circular de Priegue.
  7-8 Descenso de barrancos. Iniciación (F.G.M.  E.G.A.M.)
  7-8 Montaña. Travesía Macizo de Trevinca
  8 Bici de montaña. Parque natural río Barosa.
  8 Sendeirismo. Vincios  Aloia.
  14-15 Montaña. Campamento de verano: Praia das Catedrais.
  14-15 Montaña. Mar a Mar: Etapa 11.
  15 Sendeirismo. Baixo Miño.
  22 Sendeirismo. Entrerías PRG 48.
  29 Sendeirismo. Vixiador  Redondela.

 AGOSTO

  4-12 Montaña. Campamento Pirineos 2001: Esterri dAneu
 



Para comunicarse con el club, la dirección es m_celtas@yahoo.com.

Modifiqué esta página por última vez en Xuño de 2001.