COVA DO REI CINTOLO
50 ANOS DESPOIS
AXENDA
3 xullo - 5 setembro “MONTE ALOIA - MONTAÑEIROS
CELTAS”. Exposición fotográfica.
No Centro de Visitantes do Parque Natural do Monte Aloia. Diario,
de 11:00 a 14:00 h e de 17:00 a 20:00 h.
Venres, 10 de setembro "Festa Reencontro". No Club a partir das 20:30 h.
Venres, 17 de setembro "Serra de Ponga", por Antonio Jiménez. Proxección de diapositivas. No Club ás 20:30 h.
Venres, 24 de setembro "Cova do Rei Cintolo: 1954
- 2004. Imaxes de antes e de agora", pola Sección de Espeleoloxía
(GES Montañeiros Celtas). Proxección dixital.
No Club ás 20:30 h.
Venres, 1 de outubro "II Gran Travesía Ría de Vigo", por Sechu. Proxección de diapositivas. No Club ás 20:30 h.
INFORMACIÓN
XERAL DO CLUB
VACACIÓNS
O Club pechará durante o mes de agosto, abrindo novamente o mércores 1 de setembro.
NOVAS
Chus Lago partiu o pasado día 17 de xullo
cara ás montañas do Pamir, na ex Unión Soviética,
disposta a conquistar os dous últimos retos que deben concederlle
o prezado título de 'Leopardo das Neves'. Chus está no campo
base que comparten o Pico Comunismo (7.495 m) e o Korgenevskaya (7.105
m), as dúas montañas que lle faltan para completar os cinco
cumios máis altos do que un día foi a Unión Soviética.
Chus intentará supera-los problemas de ambas montañas, cumios
de dificultade técnica asumible pero moi expostos ós cambios
climáticos que habitualmente barren o Pamir, tarefa compartida co
seu compañeiro habitual de cordada, o georgiano Merab Kharazi, e
o aragonés Raúl Martínez. Se logra superar con éxito
esta dobre aposta, Chus podería se-lo primeiro alpinista español
en alcanzar o 'Leopardo das Neves'. Ten previsto regresar
a Vigo o 31 de agosto.
ACTIVIDADES SOCIAIS
FESTA DO EQUINOCIO
Por fin, o venres 18 de xuño, festexamos a nosa festa de primavera... atrasada. A xente demorou un pouco en acercarse ao Club, pero ao final creo que foi un éxito tanto na participación, como na aportación en comida que foi moi variada (melón con xamón, quiches variadas, empanadas... e doces). Todo isto estivo perfecto para acompañar a sangría. A velada proseguiu dunha maneira moi agradable pero quizais faltou música máis variable, aínda que houbo un valse para que bailasen os que eran noivos e... agora recen casados Chus e Alberto. Moita Felicidade.
FESTA REENCONTRO
O 10 de setembro, Festa Reencontro!. Será un momento para
falar do verán rematado, de ver fotos, pero tamén repetiremos
a sangría que espero estará igual de ben acompañada.
Acordarvos de traer a música que vos apeteza.- Bo verán
onde sexa.
F.F.
XORNADA CULTURAL-FESTIVA
SOBRE BULGARIA, 4 de xuño
Érase unha vez, Bulgaria. Pois si... ese país aló
polo Este de Europa, onde están os Balcáns, bañado
polo Mar Negro, cunha capital fermosísima coma é Sofía...
Neli e Marisa Lapteva encargáronse de dicirnos coma andan as cousas
por alí nestes tempos.
Neli, que foi cantante de ópera, mesosoprano se non me equivoco,
é a máis veterana. Inda se lle resiste o castelán
pero pouco a pouco vaille gañando terreo. Ela contounos como se
meteu nese mundo... que todo empezou por unha hóspede que tiveron
cando os seus pais alugaban habitacións, que daba crases de canto...
e apuntouse. Viaxou por moitos países, especialmente por Europa
-inda que non a España, por iso da incompatibilidade entre os réximes
políticos de ambos países- e incluso Xapón. Amosounos
fotografías das súas viaxes e actuacións e puidemos
ver -levouno ó club- un traxe que inda conserva que levou nunha
desas actuacións, cun cinto precioso de hai máis de cen anos.
Tamén levou algunhas fotografías antigas, dela e o seu entorno
familiar... e tiñan un aire na forma de vestir e de peitearse bastante
parecido a como era aquí nesas datas. Nunha delas, onde estaba toda
a familia, había un cura... que resultou ser o seu pai... e é
que a relixión maioritaria en Bulgaria é a ortodoxa, e nela
os curas teñen que ser homes casados...
Marina, a súa filla, xa leva bastantes anos en España...
ela tamén canta nun coro e actúa algúnhas fins de
semana... xa é medio viguesa... gústalle Vigo, o seu clima
e o mar. Aprendeu castelán en Cuba, onde viviu algúns anos.
É delineante e fotógrafa. En Bulgaria traballou coma fotógrafa
nunha revista con dous ou tres compañeiros máis. Contounos
as diferencias principais que percibiu entre a sociedade búlgara
e a española. Unha das principais diferencias que atopou foi en
relación coa muller, o seu papel social, laboral, na casa... Debido
ó réxime comunista que había en Bulgaria, tanto homes
coma mulleres tiñan que traballar fóra da casa, e os traballos
domésticos repartíanse, cousa que inda non pasa por estes
lares. De todas formas a muller tampouco
gozaba de plena igualdade xa que apenas destacaba en cargos de nivel
ou participación política, etc. Cando o país se democratizou
sufriu moitos cambios. Devolveron as terras, as fábricas, todo,
ós descendentes dos antigos donos e houbo uns cantos anos de desequilibro
ata que as cousas empezaron a funcionar novamente. Inda están en
elo... padecen unha inflación bastante elevada e os soldos "normais"
son un pouco xustiños para vivir... moita xente fai traballos extras,
ou ten dous ou emigra...
E despois das cousas serias, empezou o lecer... Primeiro degustamos
unhas pequenas mostras da gastronomía búlgara: "salata xopska"
que é unha ensalada feita con tomate, pemento vermello, cogombro,
cebola e queixo feita reldo aliñada con aceite de oliva, e que se
preparou no club antes da charla -gracias ás cociñeiras,
Neli, Marina, Francoise e Rosiña-. O auténtico queixo que
debería levar é o queixo sirene, que é o típico
búlgaro, pero como non o hai por estes lares, tiveron que usar o
queixo feta, que é grego pero que se lle parece bastante i é
máis fácil de atopar. Tamén trouxeron Neli e Marina
"baniza" que é un pastel de follado recheo de ovos, queixo do de
antes e iogur e máis uns panciños de pan pita recheos de
chourizo. Todo estaba moi rico.
Tras a charla e maila gastronomía, chegou a música e
o baile.... gracias, e non é a primeira vez -e espero que non sexa
a derradeira- ó noso querido e amable Suso. Non é que os
bailes búlgaros sexan nada fáciles... ó contrario,
pero el encargouse de escoller os máis sinxelos para que todo o
mundo puidera bailar. Foi moi divertido porque os bailes que escolleu se
bailan facendo unha roda... e vas para un lado e vas para o outro, e un
pasiño adiante e unha volta... moitas risas e algún que outro
pisotón pero o pasamos moi ben. Incluso Marina en Neli bailaron
encantadas... recordando bailes que non bailaban dende que eran nenas.
Ah, como anécdota, se algún de vós viaxa a Bulgaria,
ollo que alí para dicir "non" coa cabeza, móvena de arriba
a abaixo... coma dicindo si, e para dicir "si" coa cabeza fan xusto o contrario...
a moven dun lado ó outro... ¡que lea!
Françoise e Isabel
CULTURA E MEDIO AMBIENTE
Saída cultural Allariz, 29 de maio
O sábado 29 de maio, un pequeniño grupo de montañeiros acercámonos a Allariz. Era o día da andaina popular pero este ano os montañeiros celtas non puideron participar de forma oficial porque se encheu o cupo antes de que se fixera a inscrición... ¡mágoa!. Ca nosa guía, María, fixémo-la saída cultural. Comezamos diante da fonte da Barreira e falounos, do mosteiro das clarisas. Despois empezamos baixar pola rúa do Portillo. Foinos falando do plan de rehabilitación da vila, gracias a el agora podemos gozar das fachadas recuperadas nas rúas do centro, dos xardíns nas marxes do ría Arnoia... Rúa abaixo chegamos ó museo do xoguete. Despois na praza maior puidemos ve-la igrexa de Santiago que ten a particularidade de ter uns arcos románicos con motivos celtas, e que se fixo por estar Allariz nun dos camiños de Santiago -a ruta da prata-. Chegamos ó museo do liño, e un pouquiño mais adiante, a carón do río Arnoia, o muíño. Cruzámo-lo río e paseamos polo Arnado ata o museo do coiro. Aquí rematou a visita guiada e como xa eran as dúas da tarde gozamos dunha agradable comida a carón do río. Despois de comer atopámonos con outros compañeiros do Club e coñecidos que foran á andaina
XORNADA DE ASTRONOMÍA, 2-3 de xullo.
O pasado día 2 de Xullo tivemos unha pequena charla no club sobre
as constelación de verán. Coma a vez anterior, encargouse
da charla Jorge Cabaleiro da Agrupación Astronómica Rías
Baixas, acompañado dalgún amigo e compañeiro. O proxector
e o ordenador portátil que utilizaron foi préstamo de Juan
Sáez, de ESYControl, que foi un dos patrocinadores do concurso
de Fotografía de Montaña do ano 2003, e que xa nos prestara
un proxector de transparencias noutra ocasión.
O primeiro que fixemos foi recordar como localizar a Estrela Polar,
a partires da Osa Maior... cousa moi importante para poder atopar o norte
xeográfico durante a noite se non se teñen outros medios.
Despois intentamos localizar dúas ou tres constelacións de
verán, por exemplo a de Saxitario, a do Cisne, o Aguia... e o triángulo
de verán, do que Vega é a estrela máis brillante.
¿Sabedes que Vega marcara o norte xeográfico en vez da Estrela
Polar no ano 1400 D.C.? ¿E que no ano 3000 A.C. o norte o marcaba
Thuban? Isto sucede ciclicamente -cada 25800 anos- e é debido a
inclinación do eixo de rotación da terra...
Sobre ás dez e algo da noite rematamos no local e despois da
cea, os máis intrépidos acercámonos ó refuxio
do Aloia para observar as estrelas. Tivemos mala sorte debido a unha espléndida
lúa chea que o inundaba todo de luz, pero inda así foi unha
bonita experiencia, ademais puidemos facer as observacións cos seus
prismáticos e telescopios e iso non se pode facer todos os días...
Seis de nós quedamos a durmir no refuxio e xa pola mañá
espertamos... un tivo que ir traballar, dous almorzaron en Tui, e tres
almorzamos no bar e despois montamos a exposición fotográfica
no Aloia, que vos invito a ver e gozar ata o 5 de Setembro.
Xa que moitos de vós mo preguntastes, douvos a información
do programa estelar que usou Jorge Cabaleiro para a charla e os datos da
Asociación Astronómica. Normalmente fan saídas para
observar as estrelas case todas as semanas, e invitáronnos a participar
nelas sempre que queiramos... Doulles de novo as gracias en nome de Montañeiros
Celtas e esperamos seguir mantendo estes agradables contactos.
Cursiño: ILUMINACIÓN DE ESTUDIO E RETRATO
>Duración posible:15 ou 20 h.
>Nº de alumnos: máximo 7, mínimo 3
>Datas probables: mediados de outubro en adiante.
>Monitor: Martín García Pérez
Os que queiran realizar este cursiño precisan coñecer o manexo elemental da cámara, diafragma, velocidade, controis de profundidade de campo e inmobilizar obxectos en movemento. Estes coñecementos foron adquiridos máis que de sobras nos cursiños de iniciación á fotografía, ou coa práctica e estudio persoal. Non é necesario ter feito o cursiño de perfeccionamento.
SECCIÓN INFANTIL - XUVENIL
Illas Cíes, 3-4 de xullo
Despois de pasar algún que outro agobio na estación marítima,
Paula finalmente conseguiu acadar os billetes e puidemos montar no barco
rumbo ás Illas Cíes. O barco estaba petado, pero nas Illas
hai sitio para todos (Iso é o que deben pensar os responsables de
Parque Naturais). De tódolos xeito conseguimos un bo lugar no cámping,
bastante alonxado da maioría das tendas, e os poucos campistas que
permaneceron ao noso carón sufriron as consecuencias entre as dúas
e as sete da mañá. Nas illas aparte de bañarmos e
bañarmos, conseguimos visitar o Faro e apreciar as marabillosas
vistas de toda a ría de Vigo. O sol acompañounos na subida,
pero despediuse de nós cando chegamos arriba e a marcha converteuse
nunha marcha nocturna (seminocturna para ser máis exactos).
O día seguinte, visitamos a illa norte, onde fomos ao observatorio
de aves (porque nas Cíes hai máis paxaros que gaivotas, je,
je). E de volta fomos á praia.
CLAUSURA OPERACIÓN BENXAMÍN 2004
XXXVII Curso Infantil- Xuvenil de Iniciación ó Montañismo
HOMENAXE A ANTONIO ÁLVAREZ
Dende hai moitos, moitísimos anos, rematamos a
Operación Benxamín coa clausura celebrada o pasado 11 de
xullo no Centro Cultural Caixanova, na que asistiron numerosos participantes,
familiares e amigos para gozar da proxección de diapositivas do
curso e a entrega de agasallos.
Ademais este ano contabamos coa presencia de moitos amigos e familiares de Antonio Álvarez, porque durante este acto fíxoselle unha homenaxe concedéndolle a distinción de SOCIO DISTINGUIDO pola súa traxectoria no Club durante tantos anos e en especial pola súa colaboración neste curso do que foi un dos creadores e primeiro director.
Un bico moi grande de toda a Sección
Infantil-Xuvenil para ti, Antonio. E esperamos que non nos deixes e sigas
vindo con nós algunha que outra vez, para que os nosos rapaces non
esquezan as túas historias cheas de aventuras e o teu bo humor.
Monitores da Sección
ESCALADA
SERRA D'AGRA , 4 de xullo
Despois de pasar a fin de semana en Caminha aproveitando o bo
tempo e a boa mesa que nesta vila se pode gozar, o domingo pola mañá
o groso do grupo de escalada agrupámonos no peirao do ferri
daquela vila para dirixirnos cara á Serra D'Agra, moi preto de Caminha,
unha zona, por certo, preciosa. Teño que recoñecer que perdín
a noción do tempo e non teño nin idea de a que hora chegamos.
Eso si cando os “profesionais” estaban atarefados instalando as cordas,
os “novatos”, ou sexa, os que fomos a aprender algo e xa temos un pouco
de interese nisto de escalar, tiñamos fame, así que a estampa
que se podía contemplar era a dos profesores traballando e os alumnos
comendo. Había que iniciar a xornada de boa maneira….
Teño que recoñecer que tanto Chao, Escrich, Carlos, Jose
Ramón, e Jaime tiveron moita paciencia con nós. As vías
eran xa un pouquiño máis complicadas cás do anterior
cursiño no Galiñeiro. Instalaron 6 cordas e a dificultade
era de nivel IV é V. Para eles pan comido.
Intentamos facer tódalas vías, uns con mellor fortuna
que outros. David, vai para profesional, non tivo dificultade en ningunha.
Chapó por el. O resto -dos novatos, quero dicir-, tivemos diversa
fortuna, pero o importante é aprender. Cada vía tiña
un nome, como “via crucis”, e outros que agora non me lembro, pero eran
moi curiosos.
A metade da xornada rematou baixo un bosque de bidueiros, compartindo
unha boa comida e boa compaña.
Pola tarde houbo dúas baixas no grupo, pois decidimos que xa
o esforzo da mañá era suficiente, o resto continuaron pola
tarde, nunha xornada que, segundo me contaron, foi moi interesante e chea
de camaradería.
Estou disposta a repetir. M.N.
SENDEIRISMO
MARCHA DE PRIMAVERA
PGR. 11 DEVESA DO NIMO, 30 de maio
Despois dun mes de maio cheo de saídas de sendeirismo e de montaña
acúsase un pouco o cansazo, por iso este domingo día 30 veunos
como agasallo de maio esta saída de pouco esforzo e moito encanto.
O sendeiro de tan só 15 quilómetros iniciámolo
arredor das 10:40 horas deixando atrás Noia, poboación na
que os trinta integrantes do grupo nos detivemos para tomar o consabido
“cafeciño”. Comezamos en Roo, onde tras pasar pola igrexa de Santa
María alternamos un pouco de asfalto con antigos camiños
e corredoiras ata chegar á Central Hidroeléctrica “Tamabre
I”, onde o noso guía Miguel-pai, informounos que a construcción
do edificio central foi proxectado polo arquitecto galego Antonio Palacios
en 1932 (autor de proxectos emblemáticos como o teatro García
Barbón de Vigo, o Concello de Porriño, o Palacio de Comunicacións
e o Círculo de Bellas Artes de Madrid). A paraxe resultou acolledora
pola súa beleza e porque posúe unha zona de descanso con
mesas e unha barbacoa para quen o desexe poida gozala baixo unha boa sombra,
non así o baño, pois está terminantemente prohibido.
Para cruzar o río hai unha ponte colgante, desas que a máis
dun lle gusta dar uns cantos saltos para sentir a emoción do balanceo
mentres que outros din: eu por aí non paso; como a nosa rota non
incluía cruzalo e a vista do grupo na ponte resultaba moi vistosa,
foto de rigor que con un pouco de sorte, poderá acompañar
a esta descrición no boletín mensual.
A ruta, moi ben sinalizada, levounos por un sendeiro de gran beleza
dende o que podiamos ver o percorrido do río; continuamos en dirección
á Devesa de Nimo, onde gracias a unha pasarela de táboas
con varanda puidemos salvar unhas grandes rochas e algún que outro
regato por pequenas pontes de troncos, todo un luxo. Seguimos e detivémonos
nunha zona de sombra para tomar o “piscolabis”. Reanudamos a marcha gozando
de tan fermosas vistas e media hora despois tiñamos realizado uns
7 quilómetros, a metade da rota. Como o camiño acábase
precisamente nesta devesa, parada obrigatoria para un breve descanso e
facer unha foto do río cun sol radiante.
Retrocedemos e detivémonos para xantar no lugar onde tomáramos
o piscolabis, xunto ó río, o que foi aproveitado polo noso
compañeiro Pedro para darse un prolongado baño, que suscitou
un pouco de san envexa. Pasada máis ou menos unha hora regresamos
por onde viñeramos para tendernos na Pesquería de Tambre,
hoxe en día un hotel de natureza resultado da rehabilitación
dun conxunto de casas que conformaban unha central eléctrica a principios
do século pasado. Avisouse ó conductor para que nos recollera
nesta paraxe e intentamos tomar unha cervexa, pero foi imposible, estaban
servindo comidas.
Subimos ó autobús e, cambiados xa de calzado, dirixímonos
a Porto do Son para visitar o castro de Baroña e gozar da praia.
Este castro marítimo é un dos 5000 xacementos arqueolóxicos
deste tipo cos que conta Galicia; pertence a Idade de Ferro ou Cultura
Castrexa, caracterízase por ser un castro fortificado que garda
no seu interior complexas e apiñadas construccións circulares
e as defende das inclemencias do tempo. Moitas das grandes ou pequenas
cidades naceron dun castro, é o caso da Coruña co Castro
de Elviña, Vigo, o mesmo Lugo, o Castro de Santo Tomé nas
inmediacións de Ourense,...etc
Trala visita ó castro, baixada á praia para tomar o sol
e darse un baño que se quedou nun mero mergullo porque a praia non
daba para máis, moita rocha e demasiada oleaxe. Así e todo
estábase de marabilla. Acabamos a tarde subindo ó bar máis
próximo para gozar dunha boa cervexa. Arredor das 19.30 horas regresamos
a Vigo moi contentos pois esta ruta resultou fantástica, relaxante
e tranquila.
Conchi Gilino
Península do Morrazo.
Cangas - Cabo Home, 27 de xuño
A expedición tiña como
hora de apuntamento as 9:00 da mañá para saír ás
9:30 dende o Peirao de Vigo,.. vamos, que comezaba o tema coma un cruceiro...,
así que soaba moi prometedor. Hai que comentar como feito histórico
que é a primeira vez que o guía chega tarde, si señores:
Carrillo pai atrasouse cinco minutos (segundo el, non pola súa culpa.....
E xa comezo a despistarme...)
¡Iso!. Que collemos todas o barco proa a Cangas
(arredor de 15 sendeiristas e 5 “sendeiristos”, seguindo a proporción
habitual), cun día espléndido. Nada máis baixar do
barco, e dicir, desembarcar (para os legos, ¡digo!) comezamos a ruta,
todo o tempo bordeando o mar, o que, ademais de ser un luxazo deunos a
oportunidade de coñecer diferentes micro-hátitats
convivindo en moi pouco espacio. Así ó comezo da rota, o
guía desviounos uns poucos metros para descubrir, rodeada de vexetación,
unha lagoa pequerrechiña na que convivían familias enteiras
de parrulos con tartarugas, e xa volvendo á ruta, pero á
man esquerda tamén tropezamos con familias enteiras, pero esta vez
de veciños dispostos a “gozar” dun día enteiro como San Lorenzo:
Á GRELLA, VOLTA E VOLTA.( como deixei o compás na casa
non sei se era oeste, ou leste, ¡síntoo!
Co faro de Cabo Home como referente, tomamos a ruta
coma sempre con moi bo humor e con moitas ganas de pasalo ben, gozando
do camiño, da compañía, da comida e coa promesa dun
refrescante baño.
En menos do que pensabamos, xa estabamos en Liméns, por unha
travesía de dunas, que ó non ter apenas pendente non nos
deu moito traballo. Alcanzamos entón a marabillosa enseada de Viñó
e Barra, (destes micro-hábitats non penso facer ningún comentario),
onde xa a esta altura do día, comezaba a apertar un pouco o sol,
e para á hora de xantar xa estabamos en Cabo Home, gozando dun baño
antes do xantar.(Todas agás unha.. que atopou a auga moi fría).
Como o tiñamos merecido, xa que nos portaramos todas moi ben,
agasallóusenos cunha sestiña. Neste punto houbo as primeiras
tres desercións, aínda que o xantar non o perdoaron,¡por
certo!. Así que, xa pola tarde, co corpo e a alma moi recompostos,
decidimos estirar un pouco as pernas, chegando ó Faro de Cabo Home
dende onde as vistas das Illas Cíes, a Illa de Ons e o mar rompendo
nos cantís, pagounos con creces o esforzo de ter chegado alí,
(por certo, que alí tamén sopraba aire frío)
Comezamos o regreso practicamente pola mesma rota, agás por
un tramo pequeno de asfalto, en total case que trinta quilómetros,
que finalizamos con outras tantas baixas, (esta vez as desercións
foron a cambio dun derradeiro baño, motivo máis que xustificado
coa tarde que facía), e collendo ó galope o barco,
que creo que tivo que esperar por nós un par de minutos.
E todo isto, sen necesidade de GPS nin nada, sen parar de falar
nin de rir sequera un momento. O que dixen o principio: ¡todo luxo!
MARUXA
ACTIVIDADE DA FGM - MONTAÑEIROS CELTAS
XVII MARCHA GALEGA CON VIVAC
SERRA DO CAUREL
Val de Louzara, 12 e 13 de xuño
O sábado 12 de xuño, ás 7.30 horas partimos da
FGM para iniciar unha viaxe que nos conduciría ó Caurel.
Saímos con puntualidade e fixemos unha parada en Monforte de
Lemos para recibir ós montañeiros doutras provincias.
Ás 11:00 horas, moito antes do previsto, chegamos a Abradelo
(Triacastela) onde deixamos o autobús. Ía ser esta unha longa
xornada, con moitos cambios de desniveis. Dende Abradelo comezamos a subir
por unha pista ben trazada en dirección ó Oribio (1447).
Na subida puidemos cheirar o arume da lavanda e decatarnos que, por fortuna,
no Caurel aínda queda xenciana.
II GRAN TRAVESÍA RÍA
DE VIGO “MONTAÑEIROS CELTAS”
Kaiak de mar , Espeleoloxía (en furna), Escalada, Marcha de
montaña,
Natación en mar, Bici de Montaña.
Ría de Vigo e o seu entorno, 26 e 27 de xuño
SENDEIRISMO
SERRA DO XURÉS: VÍA NOVA- TERRAS DE BOURO- PORTELA DE HOME- 4 de xullo
SÁBADO 03-
Coa fin de semana tan calorosa que iamos ter segundo as previsións
meteorolóxicas, aínda 22 participantes animáronse
a pasar con nós estes dous días. Ás 17 h saiamos no
autobús coas nosas tendas e sacos para Terras de Bouro, en pleno
corazón do Parque Natural do Xures en Portugal. Instalámonos
no cámping de Cerdeira situado a 10´ do encoro de Vilariño
das Furnas; demos un paseo e ás 20:30 horas, parte do grupo ceou
pola súa conta e a outra fíxoo no restaurante. Todo estivo
moi rico e abundante. Despois decidimos camiñar ata o encoro e aínda
que era noite de lúa chea, necesitamos as nosas lanternas. Fixemos
unhas risas.
DOMINGO 04-
Ás 8 en pé para ter tempo para recoller e
almorzar, xa que ás 9:15 h o bus esperaba para meter os vultos e
nós comezar a rota. Esta chamada Vía Nova ou Vía
XVIII era un camiño que ía desde Braga ata Astorga para seguir
a Tarragona, tres puntos importantes do imperio Romano na Península
Ibérica. Na zona portuguesa atópanse gran número de
miliarios, columnas cilíndricas de pedra que servían para
contar as distancias e en ocasións render culto ás autoridades,
ademais dunhas canteiras hoxe tapadas pola maleza. Acompañounos
León, un montañeiro ourensán que controla a historia
desta vía e que nos ía explicando. Ás 12 h chegamos
a Portela de Home, punto fronteirizo con España e alí, antes
de cruzar, subimos ata o monte Cabeço dos Palleiros de 900 m cunha
estupenda panorámica do encoro e da serra. O día amenceu
caloroso pero a frondosidade do bosque íanos protexendo da temperatura.
Ata aquí un paseo, se non fose polas dúas horas de máis
calor que tardamos en chegar a Baños do Río Caldo en Lobios.
Totalmente asfixiados ás 16 h botámonos á auga xeada,
iso tranquilizounos para non comermos a Miguel, gozamos da auga e devoramos.
Tivemos tempo para unha sesta e ás 18 h saír con destino
a Porto Quintela en Bande e visitar o complexo arqueolóxico do campamento
militar romano “AQUAE QUERQUENNAE” e a preciosa igrexa visigótica
do S.VII de Santa Comba. Cando chegamos a Vigo xa eran as 22 h . De novo
unha fin de semana para todos os gustos.
ELVA
ACTIVIDADES MES DE AGOSTO
En agosto, sendeiros polo Concello de Baiona. Os domingos 8 e 22 de agosto, ás 10:00 h, saíndo dende a oficina de turismo situada ó lado do Parador.
CAMIÑO DE FISTERRA
Como continuación do Camiño do Norte, o próximo
mes de setembro comezaremos o Camiño a Fisterra, por etapas, ata
chegar a Fisterra o próximo ano. En total algo menos de 100 quilómetros.
Para abrir un pouco de boca detallámosvos a primeira etapa.
ETAPA I: SANTIAGO NEGREIRA, 12 de setembro
O itinerario de Fisterra parte da compostelá Praza do Obradoiro,
en dirección á rúa das Hortas. Merece unha curta visita
o templo barroco da Angustia de Abaixo ou San Froitoso.No núcleo
histórico e monumental de Pontemaceira Vella, partido polo río
Tambre, atopamos cunha ponte de excelente feitura, que podería competir
coas mellores do Camiño Francés. Construída a finais
do s. XIV ou comezos do XV, estaba xa en uso en 1471, data na que tivo
aquí lugar unha batalla entre as tropas da mitra e do conde de Altamira.
Moi arruinada, a finais do s. XVIII foi restaurada, pero mantendo a estructura
medieval co seu perfil alombado, os cinco arcos maiores (o central apuntado)
e os dous de aliviadoiro. A ponte serve de miradoiro para os muíños
do Tambre, a capela de San Brais, un pazo neomedieval rodeado de xardíns
e un delicioso casarío, cos seus hórreos e pombais, envolto
pola arboreda. A un quilómetro (vese a torre) que dá ó
templo románico de Santa María de Portor.
20 Km dende Santiago, e xa en Negreira, o Camiño continúa
pola rúa de San Mauro e pasa baixo o pasadizo ameado con arco que
comunica o pazo do Cotón e a capela de San Mauro. O pazo de Cotón,
fortaleza medieval restaurada no s. XVII, coas súas torres e o seu
contorno axardinado.
M.C.
ETAPA II: 17 outubro. Negreira. Tramo: Negreira - Olveiroa.
ETAPA III: A comezos do 2005. Tramo: Olveiroa-Fisterra.
ETAPA IV: A comezos do 2005. Tramo: Fisterra-Muxia.
MARCHAS FEDERATIVAS DE MONTAÑEROS VETERANOS
XVI MARCHA GALEGA
DE MONTAÑEIROS VETERANOS
O Club Ribeira Sacra vén traballando
para que esta nova edición teña tanto éxito coma as
anteriores, e non temos ningunha dúbida que así será.
A cita será o domingo 19 de setembro e o lugar elixido levaranos
a percorrer, saíndo de Luíntra, os arredores do Mosteiro
de San Estevo de Ribas do Sil, Monteverde e Penedos de Moura, rematando
cun xantar de confraternidade entre todos os montañeiros que acudan
a esta actividade que cada ano conta con máis participación.
Vocalía de Actividades FGM
XXXI ASEMBLEA E MARCHA NACIONAL
DE MONTAÑEIROS VETERANOS
A “Federación de Deportes de Montaña,
Escalada y Senderismo”(FEMPA) organiza, os días 9 e 10 de outubro,
a “31 Marcha Nacional de Montañeros Veteranos” con motivo da conmemoración
do Centenario da 1ª ascensión ó “Naranjo de Bulnes”
(Picu Urriellu). Para este evento da FEDME, os organizadores deseñaron
un trazado duns doce quilómetros, apto para todo camiñante,
co fin de que a visión deste mítico cumio así como
a dos tres macizos de Picos de Europa, fose unha constante no transcorrer
da Marcha.
En canto á tradicional comida de confraternidade
a celebrar ó termino da Marcha, a base do menú será
Fabada e Queixo Cabrales.
Para participar nesta interesante actividade
estatal e recibir o trofeo-recordo conmemorativo, é necesario inscribirse
no Club, de prazo ata o 30 de setembro.
X DESCENSO GALEGO DE BARRANCOS.
ACTIVIDADE DA FGM
BARRANQUISMO DE PATA NEGRA
O Rosal, 19-20 de maio
Ante a petición dunha encantadora muller de que resumira a miña
primeira experiencia eu a definiría como moi divertida, entretida,
inesperada e asombrosa. Así foi, no río Cal do Rosal.
A tarde do primeiro día, o sábado, comezou ao pouco de
aparcar enfronte aos soportais do concello e pórme a contemplar
sorprendido, como un grupo de homes intentaban meter un disco de metal
na boca dunha ra. O nome do xogo din que era por suposto o xogo da ra.
Enfronte na praza e baixo un fermoso sol os poliños ben engominados
xa ían intentando ligar lanzándolle ás mozas algunhas
inocentes miradas. Mentres tanto dentro dun bar da asociación que
por certo non resultou ser moi benéfica Evaristo e máis eu
descubrimos que o prezo dun chiquito de viño do Rosal parecíase
bastante ao da pata negra, 1,8 € a unidade. Pensando “seguramente”
en aquelo de se bebes non conduzas descartamos tomar un “chiquito” máis.
Xa reunido o grupo xunto co sol, nós marchamos tamén. Fomos
parar moi preto de alí, dentro dunha “leira” de 30.000 m2 dun amigo
e gran anfitrión que despois de amosárnola con gran entusiasmo
puidemos observar que era un grandísimo viveiro de árbores
e plantas e para nós un inmenso remanso de paz. Pasadas unhas horas
e despois de montar as tendas fomos cear ao porto da Garda.
Ao día seguinte xa recuperado da noite de arribada e despois
de almorzar, repartimos o material e minutos despois xa arrincamos monte
arriba en busca do “lugar”. Ao cabo dunha hora non máis atopámolo
alí. Era Escrich “como non” baixando as sacas do coche CAMEL. Cando
todos ben cinguidos tiñamos ó traxe de neopreno como luvas
de vileda apertados nas mans, colocamos o casco na cabeza e axustamos os
arneses tamén, nese momento pareciamos exactamente un bando de mergulladores
despistados que chegaran ao monte na procura do mar.
O primeiro tramo da expedición fixémolo con fotógrafos
incorporados. A auga zigzagueaba entre as rochas como as veces as nosas
mans entre as pernas dunha muller. Eu a verdade baixaba un pouco asustado
despois de esvarar e facer co cu sobre a rocha con verdín o primeiro
tobogán. Despois por seguridade descendín con coidado como
escalando pero coas miñas costas contra a parede. Cando os fotógrafos
non puideron seguirnos comezou o seguinte tramo. A auga en cascada corría
abundante e as rocas redondeadas e moi grandes non nos deixaban avanzar.
Cando os neoprenos xa estaban ben encharcados comezamos a gozar moito máis.
Raúl enfiaba as cordas nos “químicos” e un tras outro, entre
risas e os arneses ben asegurados río abaixo comezamos a rapelar
sentindo esvarar o noso corpo como xabón mollado entre as mans.
A auga das cascadas caíanos na cabeza de cheo e case sen mirar e
ó final dentro das pozas iamos caer e asombrados e sen fundirse
saiamos delas nadando. Noutros tramos sen químicos onde enganchar
e co chanzo cortado en vertical, con valentía, tesos e de pé
como columnas de pedra dabamos un paso ao fronte e no baleiro saltabamos
para caer dentro das pozas espichados. Así unha e outra vez, corrente
a baixo rapelando, a saltos, en tobogán ou a pé, co risco
ben calculado, aquilo, acaboume de conquistar.
No último tramo co río estreito, lento e canso acabámolo
deixando. Tristes, como dous namorados, separámonos e estrada adiante
como patos rematamos onde comezáramos.
Xa secos e ben lustrados, cos petates metidos no capó, marchamos
a celebralo nun churrasco do Rosal aquel entrañable encontro dun
bo e entusiasta grupo de montañeiros coa nosa gran amiga a natureza.
Isto si que foi, meus amigos, unha experiencia de verdadeira pata negra
e que non vos enganen.
Miguel Fernández
ESPELEOSECCIÓN
19-20 de Xuño. 9º Campamento Social Infantil-Xuvenil
espeleoloxía
Como neste campamento se favorecía a convivencia, non só
apareceron pais, senón tamén avós, cos que se organizaron
actividades paralelas.
O sábado, despois de xantar, fomos á Variña
da Veiga todos. Espeleólogos, como André, Antón, Óscar,
Tere, Bea, Miguel, Marta, Lourdes, Carol, Miliño, Conchi e Emilio;
e acompañantes pais/avós, como Camilo, Chus, Merchi, Félix,
Pura e Manolo, que despois de ve-la entrada fixeron unha pateadiña
polos arredores. Logo, cea, aniversario de Conchi con torta incluída,
xogar ás escondidas pola noite no cámping e saco
O domingo, os espeleólogos foron face-la “travesía” de
Longo de Meu, e os acompañantes, á Devesa da Rogueira (acompañados
por algún espeleólogo). Logo, todos visitámo-la aula
da natureza de Moreda, xantar preto da Escola de Seoane, e para Vigo, con
parada (chovendo) en Samos. Un éxito, o da convivencia, e tamén
o da espéleo.
26-27 de xuño. XVI Campamento Galego de Descenso de Canóns.
Noia
O día 26, pola mañá cedo, todo estaba xa preparado
para o comezo da aventura, así pois puxémonos en marcha.
A viaxe transcorreu con normalidade e sen incidentes, aínda que
había moita néboa. Ó chegar ó punto de reunión
démonos conta de que o campamento era moito máis grande do
que cabería imaxinar, coa presencia de moitos clubs que se animaron
a participar. No mesmo punto de encontro, a organización fíxono-la
entrega de camisetas, e un pouco de comida. Logo desprazámonos á
zona de emprazamento do canón ó que íamos. Alí
atopamos con máis espeleólogos do campamento, que xa estaban
preparados para inicia-lo descenso. Nós, pola nosa banda, puxémonos
cómodos e comezámo-lo xantar.
Despois de enche-lo bandullo, preparámonos e iniciámo-lo
descenso do canón do río Xallas. O descenso foi moi bonito:
con gran presencia de tobogáns, e, sobre todo, moitos saltos. En
especial había unha zona moi bonita (case ó final) na que
había moitas marmitas unidas entre si por longos tobogáns,
e que remataba nun rápel e un salto a unha poza de gran profundidade.
O que quizais máis nos gustara foi a escaseza de carriza, xa que
así era máis difícil a posibilidade de esvarar. O
canón remata no punto no que conflúen as augas do Xallas
coas do Océano Atlántico, na ría de Muros-Noia, nunha
espectacular fervenza.
Ó remate do descenso, cambiámonos e, mentres uns ían
cear coa organización, os outros preparámo-las nosas “camas”,
ceamos e demos algún que outro paseo. Máis tarde chegaron
os rezagados: Lourdes, Tere, Pablo, e Bea.
Cara á medianoite, encamiñámonos á entrega
de agasallos (proxectaron imaxes do descenso do Xallas), que se levaría
a cabo nunha discoteca (unha tal “Zona Sur”).
Ó día seguinte, despois de recoller todo, os de Montañeiros
dirixímonos ó canón do río Ribeiriño.
Ó final, só o fixemos uns cantos, pois o resto, a uns non
lles apetecía, outros non podían, e outros estaban cansos.
Este canón era menos bonito que o outro, basicamente por que non
había saltos nin tobogáns, e estaba ateigado de carriza,
o que facía moi lenta a marcha, aínda que tamén tiña
o seu encanto, sobre todo polas cascadas (aínda que a auga estaba
xeada , pero o frío é o de menos: é todo psicolóxico,
je, je, je...). Ó remate, dirixímonos ó lugar onde
nos esperaban os coches (coa ansiada roupa seca e o fantástico bocata
que me fixera miña nai...), e alí comemos co resto do grupo
que estivera localizando accesos a outros canóns, rañámo-la
barriga un pouco, e logo iniciámolo camiño de volta.
Quen gozamos disto fomos Lourdes, Carolina, Mónica, Ghabato,
Miliño, Miguel, Guillermo, Víctor, Tere, Bea, Pablo, Pepe,
Emilio, Conchi, Ana e Óscar, acompañados de Ana M., Isabel
e Pedro.
A Sección
50 ANIVERSARIO 1ª EXPLORACIÓN COVA DO REI CINTOLO
10-11 de xullo. Campamento social - 50 aniversario en Supena (Mondoñedo)
A fin de semana anterior un grupo deulle os últimos retoques
á celebración. O derradeiro floco, o Concello de Mondoñedo,
quedaría para a mañá do mércores. Ese día
Lourdes tivo unha entrevista co alcalde para solicitar, como estaba previsto,
unha breve entrada á cova do rei Cintolo, para que os que entraron
hai 50 anos reviviran eses momentos acompañados dos novos. Pois
non, non houbo maneira de abrandarlle esa face, na súa conciencia
quedará unha predisposición tan pouco humana.
Un grupo de nove saíu o venres, recolleu a Ghabato en Lugo,
e o sábado cedo comezou os preparativos: un grupo, a compra-la comida
do domingo, outro, a monta-la exposición no refuxio, e outro a diversas
xestións por Mondoñedo.
Despois de xantar, os máis novos foron explorar Lobos e Arcos,
estando de volta para o comezo da verdadeira celebración, cando
chegou a meirande parte dos participantes.
Exposición de fotografías da primeira expedición
á Cova do Rei Cintolo. Ocupaba a entrada e a aula do refuxio e serviu
para abri-la celebración. Logo, alí mesmo, o prato forte:
cun canón proxectáronse máis de 150 fotografías
da primeira expedición, en 1954, que Llanos (fotógrafo da
primeira expedición e de Faro de Vigo) prestou e Lourdes escaneou
unha por unha e “meteu” nun portátil. Alí os que xa estiveran
hai 50 anos, Chito Veiga, Pepe González, Antonio e Victoriano
Glez-Redondo e Rosalía (viúva do seu outro irmán José
María, que tamén participara) e Ángeles viúva
de Antonio, moi sorprendidos polo material que se ía mostrando,
lembraron, recoñeceron, preguntáronse, “discutiron” explicaron,...
mentres os demais presentes abrían os ollos ás veces, outras
escachaban de risa cos comentarios, facían moitas preguntas curiosas,
aplaudían,... Nunca o pasei tan ben nunha celebración deportivo-cultural.
Pasaron as horas sen nos decatar, e, cando rematamos, pronto a cear.
A cea, organizada como homenaxe ós expedicionarios e ós
veciños de Supena, realizouse na Taberna do Valeco, que nos atendeu
exquisitamente, coma sempre.
O domingo, almorzo no alpendre cedido polos veciños de Supena.
Alí, Ángeles e Tonio, viúva e fillo do “encargado
da comida e moitas veces da cociña” Antonio Suárez prepararon
todo o referente á cociña. Exquisita homenaxe.
Pola mañá, mentres algúns visitaban a cova da
Senar e a da Capela, outros visitámo-lo lugar de acampada
en 1954 (irrecoñecible), á surxencia do río Celtas
(que discorre pola cova do Rei Cintolo, descuberto na primeira expedición,
se lle puxo o nome do noso Club) e á entrada do cova do rei Cintolo,
onde se fixo unha fotografía conmemorativa ¡diante do enrellado,
con candados!.
Á volta, Ángeles e Toñi tíñannos
preparadas un caldo verde (nunca probei un tan rico) e unha caldeirada
de carne (que non estaba peor). Expedicionarios, espeleólogos e
veciños pasamos uns momentos de festividade e orgullo. Para todos.
Ó remate, Club Montañeiros Celtas entregou ós expedicionarios
e veciños unha escultura encargada para este acontecemento, e un
agasallo conmemorativo ós demais para que lembrasen a importancia
e o significado dos actos e a súa participación nos mesmos.
Por outra banda, a Federación Galega de Espeleoloxía entregou
un recordo conmemorativo ó Grupo de Exploracións Subterráneas
de Club Montañeiros Celtas polo 50 aniversario da celebración
da primeira expedición á Cova do Rei Cintolo, en 1954, e
que supuxo, ademais dun acontecemento histórico-cultural nacional,
o nacemento da espeleoloxía en Galicia.
Logo, recollida, e volta a casa.
Só queda lembrar ós expedicionarios que non puideron
asistir ós actos, moi apesadumados, Mariluz, Llanos, Rafael, Álvaro
e tamén Manolo Martínez. Pensando sobre todo neles estamos
a preparar un acto no club, xa para setembro.
O Grupo de Exploracións Subterráneas de Club Montañeiros
Celtas quere agradecer ós expedicionarios, ós veciños
de Supena e a tódolos que alí estiveron a súa gratitude
pola súa participación neste enorme acontecemento para o
noso Club e para a espeleoloxía galega.
A Sección
Ángeles e Toñi
En Supena
(Mondoñedo)
Eleccións á Federación Española de Espeleoloxía
Sómo-lo club que representa ós demais clubs de Galicia.
Responsabilidade que esperamos cumprir con esmero.
Como representante dos deportista presentouse Carolina, que a piques
estivo de ser elixida, aínda que o peixe estaba todo vendido.
Espeleonovas
§ 7-15 de agosto: Campamento Honseca - Velilla del Rio Carrión
(Palencia)
§ 11-12 de setembro: Xornadas acercamento ó descenso de
canóns. Noia
§ 25-26 de setembro: Campamento social de descenso de Canóns.
¡Aínda quedan camisetas da Sección á venta, conmemoración do 50 Aniversario. Só 6 euros!
VINDEIRAS ACTIVIDADES
AGOS
1-8 Cerdanya (Cataluña) Pirineos 2004 S.D. Montañismo
7-15 Velilla Rio Carrión (Palencia) 50 aniversario - Campamento
Honseca S.D. Espeleoloxía
8 Baiona Sendeiro dos Petroglifos S.D. Sendeirismo
22 Baiona GR.58 Cabo Silleiro S.D. Sendeirismo
SEPT
4-5 Monte Aloia Marcha Nocturna: PRG 2 Galiñeiro – Aloia S.D.
Montañismo
10 Local Social Festa Reencontro S. Actividades Sociais
11-12 Galiñeiro Xuvenil. Xornadas de Iniciación
á Escalada S.D. Escalada
12 Santiago Camiño de Fisterra. Etapa I: Santiago - Negreira.
S.D. Sendeirismo
11-12 Noia Xornadas abertas descenso de canóns S.D. Espeleoloxía
17 Local Social Proxección diapos: "Serra de Ponga" S.
Actividades Sociais
19 Luintra XVI Marcha Galega de Montañeiros Veteranos
FGM - Ribeira Sacra
18-19 Infantil S. Infantil-Xuvenil
19 Xornada de Geoloxía - Canteiras S. Cultura e
Medio Ambiente
19 Ría de Vigo Inmersión submarina S.D. Actividades
Subacuáticas
24 Local Social Proxec. dixital: "Cova Rei Cintolo: 1954-2004"
S.D. Espeleoloxía
25-26 Quirós Escalada en zona escola S.D. Escalada
26 Franqueira - Arbo A Franqueira S.D. Bici de Montaña
26 Castro Laboeiro Trilhos Lusos S.D. Sendeirismo
OUTU
1 Local Social Proxec. diapos: "II Gran Travesía Ría
de Vigo" S. Actividades Sociais
2-3 Monte Aloia IV Xornadas de Orientación S.D. Montañismo
2-3 Cobas - Biobra Zona de traballo - Rafavei S.D. Espeleoloxía
2-3 Serra da Lastra Xuvenil. Travesía de Montaña
S.D. Montañismo
Edita: Club Montañeiros Celtas.
Dirección, maquetación e montaxe: José López
Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Enrique González
Cameselle.
Colaboran neste número: Lourdes Castiñeira, Emilio
Ballesteros,
Miguel Caramés, Isabel Maestu, Martín García Pérez,
Françoise Fauré, Conchi Gilino, Maruxa Pérez,
Elvira Álvarez,
Miguel Carrillo Pérez, Miguel Fernández, Conchi Barciela,
Juanjo Vázquez, Marisa Núñez, José Luis
Vázquez.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións
dos seus colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998.
Impreso en papel reciclado