Boletín de Xullo-Agosto de 2003

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines Calendarios Fotos Enlaces



 
 

  DE RIBADEO A SANTIAGO. “O CAMIÑO DO NORTE”

 A orixe da peregrinación a Compostela polo Camiño do Norte, remóntase ós momentos posteriores ó descubrimento da tumba do apóstolo Santiago no Século IX. Os camiños ástur-galaicos foron pioneiros en encamiñar peregrinos cara a Santiago. Esta ruta posuía unha vitalidade semellante ós demais camiños xacobeos “primitivos”, antes de que, nos séculos Xl-XII, os monarcas hispanos potenciasen o Camiño Francés como itinerario xacobeo privilexiado, se ben esta promoción non produciu a decadencia dos camiños ástur galaicos.
 Coñecido como Ruta Cantábrica ou Camiño Alto, o camiño do Norte pode entrar en Galicia, pola amurallada cidade do Sacramento vía Meira ou seguir pola costa da Mariña ou Ribadeo, cruzando en diagonal a provincia de Lugo, buscando a ruta principal Camiño Francés- en Melide ou Arzúa.
Para unha maior participación, a Sección de Sendeiros dividímo-lo Camiño en varias etapas de fin de semana ó longo deste ano e o próximo 2004.

ETAPA I. Ribadeo-Lourenzá.  6 e 7 de Setembro 2003. Máis información na páxina 5.
ETAPA II. Lourenzá-Mondoñedo-Abadín. 4 e 5 de Outubro de 2003
ETAPA III. Abadín-Vilalba. 8 e 9 de Novembro de 2003

Información do itinerario:
Camiño do Norte. Xacobeo. Xunta de Galicia.
www.xacobeo.es
http://usuarios.lycos.es/casan/caminonorte.htm

Consigue a túa camiseta do camiño do norte: reservar no club por 8 €

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

Vacacións
 O Club pechará durante o mes de agosto, pero estará aberto ata o venres día 1, xa que esa noite partimos cara a Pirineos.

Normativa Galega
 Este boletín foi corrixido antes de saír publicada a nova normativa, polo tanto non está de todo actualizado, pois agora modificáronse algunhas normas e hai tempos verbais que actualmente están mal acentuados.


¿XOGAS? EN GALEGO PODEMOS

Un ano máis, o Servicio de Normalización Lingüística (SNL) do Concello de Vigo proxectou unha serie de actividades deportivas, artísticas, manuais, etc. para rapaces, nas que se fomentaría dunha maneira indirecta o emprego normalizado do galego; todo elo, baixo o nome de Programa de dinamización lingüística Primavera 2003.
A administración local púxose en contacto co Club para que este organizara a actividade “A montaña”, pechando así dito programa o día 7 de xuño ás 12 h en Castrelos.
Baixo a coordinación do noso Presidente, alá foron a Sección Infantil-Xuvenil e a de Espeleoloxía a realizar dita actividade, que consistiu en 4 talleres:
Unha ponte araña, composta por dúas cordas paralelas en horizontal nas que os rapaces moveríanse por ela cos pes na corda inferior e as mans na superior. Por seguridade, ían con arnés. Tamén realizouse práctica do montaxe e desmontase dunha tenda de acampada e de nós. Por último instalouse unha tirolina, a cal se accedía subindo por un elekcrón, e unha corda en sen fin, para que os rapaces subiran cos bloqueadores (como en espeleoloxía).

A afluencia de rapaces non foi moi grande, duns 30-40 estimamos, pero iso si, había algún cativo que nos consumía.
Sección Infantil-Xuvenil
Sección de Espeleoloxía

SECCIÓN DE CULTURA

 
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA
DOS EX-ALUMNOS CURSOS FOTOGRAFÍA
 
 Se asistiches a algún dos cursos de fotografía celebrados no Club, tes algunha fotografía interesante e gustaríache expola, pásate polo Club o día 3 de Setembro ás 21:00 h. Trae unha selección das túas mellores fotografías (en formato 10x15 é suficiente) e entre todos, realizaremos unha selección das máis interesantes (da orde de 25 aproximadamente). Das seleccionadas, debedes entregar unha ampliación en tamaño 20 x 30 no Club ata o 26 de Setembro. Exporanse no Club entre o 30 de Setembro e o 31 de Outubro. Poderedes recuperalas a partir do 4 de Novembro.
 ¡Animo! ¡Esperámo-las vosas fotos! Vémonos en Setembro.
Isabel Maestu
Nota: é posíbel que a sección organice un novo curso a impartir por Martín  en  octubro-novembro.

"O TÍBET, AS SÚAS XENTES E A MONTAÑA"
CAPITULO I. A CULTURA TIBETANA E A SÚA RELACIÓN COAS MONTAÑAS:
 
 Non se pode pretender entender esta cultura e a súa forma de vida e adaptación ás montañas sen explica-las súas crenzas e filosofías moi enraizadas e pedras angulares das súas vidas. Ademais moitos de vós estivestes en Nepal facendo trekkins e o que non viu numerosos documentais sobre o tema. Chus Lago soubo reflectir moi ben esta cultura no seu último documental, fervenzas invernais no Nepal. Creo sinceramente que a cultura tibetana ten valores universais que se poden incorporar a occidente sen necesidade de adopta-las súas crenzas, sorpresas deumas por ex. O meu amigo Cholo cando me dixo que lera as poesías do yogui tibetano Milarepa e cando Albino preguntoume sobre as alfombras tibetanas que está investigando. Seguro que eles tamén poden dicir cousas sobre esta cultura.
 Os tibetanos teñen a crenza arraigada de que a mente se pode afinar día tras día ata chegar a encarna-las calidades dos seus numerosos mestres e deuses (Budas). Estes deuses, Budas e bodishatvas son variados e por ex un deles é Tara Verde que dito por moitos mestres encarna as mesmas calidades que para os cristiáns a Virxe,  pero hai variedade, masculinos e femininos, pacíficos e coléricos, e con eles e en función da situación persoal de cada individuo, pódese potenciar unha calidade preferida e/ou calquera que se necesite para superar obstáculos e /o mellora-lo entorno e estado mental. Baseado nisto pódese dicir que o pobo tibetano non necesita de moitas cousas materiais, por medio da meditación poden conseguir que o que perciben no seu exterior e no seu interior se acerque á dimensión pura dos seus deuses, Budas e bodishatvas, creando un mandala que non depende máis que no esencial das posesións materiais e baseado nos piares da mente altruísta e a comprensión da interdependencia e relatividade de todo, que son xunto coa renuncia ó samsara, a base para alcanza-lo que eles chaman, o gran gozo non dual (non existe o bo e o malo, o branco ou o negro).
 Desta maneira ata as montañas serían expresión desta dimensión pura da mente e estarían asociadas a deuses e deusas ou grandes mestres.. Exemplo o Monte Kailash está ligado ó famoso Yogui Milarepa autor dos cantos de realización e famoso por só alimentarse de estrugas e ser un asasino, que purificou a súa mal karma con meditación en compaixón e vacuidade e moitos anos de eremita. Son así as montañas lugares de veneración  peregrinase en moitos casos. Ademais ó vivir en espacios abertos, con montañas, ceo aberto axudoulles a meditar con mellor concentración, sen dispersións, (creo que todos nós experimentámo-la paz mental que se pode alcanzar nas montañas) e habendo pureza no ambiente, o corpo, a palabra e a mente tamén están máis preparadas para a actividade meditativa. Por isto é unha cultura eminentemente ligada á dura e marabillosa vida nas montañas e o seu medio

Martín (Shambala)

 

ACTIVIDADES SOCIAIS

Festa  Reencontro
O venres día 12 de setembro sobre ás 20:30 h organizaremos unha festa “reencontro”. Será unha velada diferente. Esperamos cantar coa complicidade dun acordeonista para acompañarnos. Entre outras pezas toca “Danzas do mundo” que son bailes populares, moi sinxelos e diversos. Algúns son divertidos, outros máis románticos, pero todos participativos, cos que pasar un momento agradable entre música de Israel, de Grecia, de Irlanda, de Francia... e por suposto de Galicia.
¿Que tal se repetimos a Sangría? Esperamos tamén poder contar coa vosa contribución de sempre: tortilla, empanada ...  o que se vos ocorra. ¡Feliz verán no monte!        FF
 
 
ANDAINA DE ALLARIZ

VI Andaina Popular Vila de Allariz
O último sábado de maio contou de novo con nós, Club Montañeiros Celtas, na VI Andaina Popular Vila de Allariz. Non fomos moitos, probablemente pola proximidade da Marcha de Fondo da FGM e porque a Andaina non variou nos últimos cinco anos. Pero Willy, responsable organizador da Andaina,  tíñanos preparadas algunhas sorpresiñas. A primeira foi pequenas variacións no percorrido co fin de reduci-los tramos de asfalto. E notouse, inda que non tanto como sería desexable. A segunda sorpresiña veu en forma de pequenos agasallos para aqueles que estiveran nas 5 primeiras Andainas.
Como sempre a organización foi impecable, ó chegar non tivemos case que esperar polo dorsal, o camiño estaba perfectamente marcado, os postos de control contaban sempre con bebida e froita (como se agradece a froita nos días de verán!) e a empanada no xantar tamén estaba moi boa.
A anécdota da xornada empezou cun paquetiño que o presidente da FGM, Xosé Lois, enxeñounos misteriosamente e sen dicirnos o que era a Evaristo e a min pouco antes de partir. O camiño fixémolo xuntos case todo o rato Evaristo, Conchi (vocal de montaña do Club) e eu, e pronto atopamos o primeiro sinal, vexo nun muro escrito 'ÁNIMO RAÚL'. Non lle dou importancia nin comentamos nada entre nós porque inda non asociámo-los feitos. Pero é que posteriormente estes sinais iriámolos topando ó longo de todo o percorrido. Era Xosé Lois, o paquetiño era un fragmento de xiz co que escribía os sinais para animar (vacilar?) a Raúl, tamén membro do Club e da FGM. Ó final, tódolos participantes da Andaina falaban do tal Raúl. Co que, por certo, terminamos todos xuntos a Andaina.

Antes das nove xa estaban tódolos participantes no punto de remate, polo que Willy procedeu á clausura. Fíxose entrega dos agasallos de fidelidade (participantes das primeiras 5 Andainas) que puxo o Concello de Allariz.. Logo veu o sorteo dos agasallos de empresas colaboradoras, e aquí, como premio a súa paciencia, Raúl polo menos levouse unha tenda.
E isto non foi todo, porque pola noite os meus compañeiros foron a unha cea de confraternización, aínda que eu decidín irme para Vigo así que non podo falar dela.
Enrique
  
 

SECCIÓN SENDEIRISMO

DE RIBADEO A SANTIAGO.
“O CAMIÑO DO NORTE”

ETAPA I: Ribadeo-Lourenzá (Provincia de Lugo).

DATA: 6 e 7 de Setembro
SAíDA: Sábado 6 de Setembro ás 16:00 horas do Club.
RECORRIDO: 28 Km
TEMPO ESTIMADO DA ETAPA: 7 horas.
DIFICULTADE: Medio-Baixa
PREZO: Socios 22 €. Non Socios 32 €
O prezo inclúe desprazamento en autobús, almorzo e credencial de peregrino.
Material Necesario: Saco, esteira e recoméndase tanque.
Non é necesario cargar con este peso, o autobús encárgase diso.
PROGRAMA:
Sábado, 6 de setembro:
Saída do Club ás 16:00 horas
Chegada aproximada a Ribadeo ás 20:00. Aloxamento en Polideportivo. Tempo Libre para recorre-la Vila.
Cea por conta de cada Participante.
Cerre do Polideportivo  ás 24:00 horas.
Domingo, 7 de Setembro:
Diana. 06:00 horas
Almorzo: 07:00 horas
Inicio da Etapa: 07:30 horas
Final da Etapa: 16:00 horas
Visita  á vila de Lourenzá
Regreso a Vigo: 17:00 horas, chegada estimada 21:00 horas
Elva, Concha e Pilar 
 

ACTIVIDADES COA FGM

XVI Marcha con Vivac. Trevinca
Abro un ollo e esperto na praia do lago de Sanabria, será posible, son as 9 da noite. É venres e atravesei Ourense con 40º, así que quedei trasposto despois do baño. Achégome ó albergue da Zamorana onde están chegando xa os participantes da marcha, como sempre caras coñecidas.
Ás 7 diana, almorzamos, e ás 10 subimos á Laguna de los Peces, dende aí comezámo-la marcha, dirección ó Picón (2081 m), tamén comeza a pica-lo calor e os insectos!. Ás 12 facemos cumio. Moi boas vistas dos Trevincas, o Camello, ó lonxe o Faeda e ó lado as horribles canteiras de lousa, dando ese pequeno toque de pequeno inferno de Dante. Baixamos á Portilla Morena Cabada e aí dividímonos, un grupo baixa polo val do Tera ata o encoro onde pernoctaremos, outro sube cara a Trevinca e un pequeno grupo con Jose Ramón, Tomás e o que subscribe, ascendemos polo Penas Negras (2119 m). A calor e que son as 3 da tarde producen unha pequena “paxara”, da cal me recupero no cumio. Reunímonos co grupo, o cal está adurmiñado  na base do Penas Negras. Ascendemos finalmente ó Trevinca para logo caer ó encoro de Vega de Tera.  Bebidas frescas  a conta da organización (miúdo detallazo) e  un baño na saída da presa, o cal nos refresca da calor pasada.  Logo a cea, os pertinaces mosquitos, e ó final coma sempre, sobremesa, café, queimada e cánticos tradicionais e  “modernos”, estes  últimos a cargo de Begoña e Roberto.
Ó finaliza-la velada imos ós sacos, e por arte de maxia saen uns pescadores (¿?) alcoholizados do albergue do encoro e empezan cantar como posesos e coa radio a todo trapo. Festa!!. Ben, estoico como sempre, quedei durmido a pesar do alboroto (¿sería a queimada ou cansazo?).
Polo que me contaron, os alegres cantores seguiron co seu vandalismo ata altas horas da madrugada cando por fin se renderon por esgotamento ou por delirium tremens. De mañá podíanse observa-los restos etílicos da noite anterior.
Almorzamos e comezámo-lo descenso ó Lago de Sanabria, pasmos polo encoro ¿? roto (impresionante). De rocha en rocha caemos polo cavorco do Tera facendo unha parada na paradisíaca Cova de San Martín.
Chegamos ó Lago, cun sol de xustiza, a maior parte de nós quedamos a remollo en Riba de Lago. A calor é sufócante e un baño no río é demasiado tentador e esperamos a que os coches veñan buscarnos. Un pequeno grupo sube ata o Albergue polo Camiño dos Monxes. Menos mal que inda queda xente aguerrida.
Os Gardas do Albergue de San Martín (xente estupenda por certo) tíñanos preparado para comer uns fabóns de sanabria, Magníficos!. Discursos e a bota-la sesta, que á sombra do xardín estase moi ben.
Para non variar, quedo fritido no primeiro envite e cando abro o ollo, xa pasaron un par de horas e xa case non queda ninguén, será posible!.
Por certo, hai que felicitar á organización, sorprendeunos con pequenos detalles que fan un moito. Parabén.
MC
 DESCENSO DE BARRANCOS DA FGM - 2003
Serra do Xurés - 24 / 25 xuño - Fecha / Arao
 
E van 9, despois do: Fiais, Mao, Fecha, Trabancas, Villarmiel, Galva, Cenza, toca o Fecha/Arao
Este ano correspondeu á “ Sociedad de Montaña Ártabros” realizar esta actividade. sorprendéronnos con algo novidoso baixando dous barrancos. O día 24 baixouse o xa coñecido por todos; o cavorco da fecha situado na vertente española da serra. Un total de 18 foron os participantes, dos clubs Ártabros, Celtas, Xistra, Ribeira Sacra. O descenso foi rápido e divertido, invertendo un tempo de 3 horas.
Despois de regresar ó Cámping de Muíños, ( complexo fluvial do Corgo ) zona de acampada e recepción de participantes, obsequiámonos cunha abundante cea na vila de Entrimo.
O bo tempo tamén nos acompañou o día 25 para descender na vertente portuguesa o cavorco do Arao, máis suxestivo para os montañeiros galegos, e seguen así coa tradición (de momento) de non repetir cavorco. Para esta xornada eramos 19, incorporándose unha moza do club Peña Trevinca e outra dun club de Oporto.
Nesta ocasión os rápeles foron longos e técnicos con fraccionamentos. Os saltos moi bonitos polo seu entorno.
O tempo de 3 horas foi rico en emocións de todo tipo e algún que outro susto.
Agradecer ó club organizador (Ártabros) e ós seus 7 participantes polo ben que nolo fixeron pasar estes dous días de barranquismo, xa que o feito de que nos instalaran as cordas fixo que gozaramos a tope.
Raúl Leiros

MONTAÑA

Esta revolto o Galiñeiro

E non é por que sobren galos, sobran persoas irrespectuosas, empezo así de cara, e sen rodeos, sobran os Moteiros IRRESPONSABLES que pasan o día esnaquizando as sendas e camiños do Galiñeiro, son varios os avisos, recomendacións e tamén as boas palabras con eles para que respecten estes camiños que nalgúns casos son milenarios, nin puñeteiro caso, seguen esnaquizando todo como o cabalo de Atila coas súas motos, agora xa estou canso e recorrendo ás denuncias ante a Garda civil e Seprona, que para iso están, pero de momento non vexo resultados. O seguinte paso será nos xulgados. As motos de motocrós e trial incluso bicicletas non poden circular por estes camiños e sendas, as motos só poden circular en circuítos cerrados para tal fin. Non quero ser demasiado radical e comprendo que as bicicletas non producen o mesmo dano e seria inxusto metelas no mesmo saco, polo menos non fan ruído. Os que levan esas motos son os que realmente están causando os problemas.
O outro día conseguín deter a un grupo deles, comenteilles que aquela era unha senda de montaña e que eles non poden circular por alí, con aquelas motos e que estaban arruinando o camiño, pois nada, segundo eles o camiño estrágao a auga incluso algún atreveuse a dicir que gracias a eles o camiño estaba aberto, xa que no inverno se cerraba, miúda idiotez, levo corenta anos indo ó monte e nunca necesitei un moteiro para que me abrise ningún camiño,  así llo dixen e coa mesma quedei no medio do camiño impedíndolles pasar por alí e así foi, deron a volta. Pero non estou contento sei que volverán pasar unha e outra vez, se ninguén o remedia, por iso vos escribo esta carta, creo que debemos defende-la pouca natureza que nos queda en Vigo para gozar do monte, non sei cal pode se-lo mellor medio pero creo que entre todos poderemos encontra-la solución.
Lémbrome cando hai xa bastantes anos un grupo de montañeiros logramos que uns canteiros desaprehensivos non se levasen algúns Penedos de Budiño, o que hoxe é o bulder por exemplo, e algún máis que querían levar, eran tempos duros onde as protestas non estaban ben vistas e as manifestacións reprimíanse sistematicamente pero non había política na nosa protesta, só defensa do noso patrimonio natural, creo que hoxe debemos face-lo mesmo.
Ata sempre amigos. Manuel P. De Lis

ESCALADA

 Xornadas de Iniciación á Escalada
Os pasados días 1 e 8 de Xuño, fomos ó redor de 15 participantes ás xa clásicas xornadas de escalada. O primeiro día estivemos realizando actividade no Galiñeiro, o día non axudou moito xa que comezou chover xusto no instante que a actividade tiña o seu maior auxe e os participantes comezaban a saborea-la realidade da escalada no Galiñeiro.

 Xa no día 8, o tempo estivo realmente bo; acudimos todos xuntos á zona de escalada de Monteferro no sector das Estelas, alí puxémonos a escalar con moito ánimo tanto é así, que ás 2 da tarde xa tiñamos feitas tódalas vías ascendibles para a maioría dos asistentes. Decidimos cambiar de sector (O Faro) e aproveitar para xantar. A calor era intensa, pero a brisa do mar axudaba a levalo. Escalamos ata aburrirnos, e a xente que participou na actividade quedou cun bo sabor de boca, tanto e así que é posible pensar en repetir esta actividade no mes de Setembro. Pero de todo isto xa vos pasaremos información.   Manoel Chao

Monteferro, escalando a beira do mar



Copa Galega de Escalada 2003
Durante este ano celebraranse as probas de Escalada que organiza a FGM en colaboración cos clubs S.M.Ártabros, C.M.Ferrol, C.M.Pontevedra, e algunhas empresas, co  calendario:
20 –  setembro Manzaneda (Rocódromo Estación de Manzaneda)
27 –  setembro   Ferrol (Rocódromo Municipal)
18 –  outubro     Pontevedra (Rocódromo Municipal)
22 –  novembro A Coruña (Rocódromo Municipal)
As inscricións para cada unha das probas deberán estar na FGM cinco días antes da data de celebración da citada proba, e o seu prezo é de 10 €.  Nos informan da Federación que na proba de A Coruña, estarán presentes o Director Técnico da FEDME e outros técnicos da mesma, co fin de detectar novos talentos, polo que animamos a participar especialmente os rapaces e rapazas.
 
 

ESPELEOSECCIÓN

14-15 xuño: XXXVI Campamento Galego de Espeleoloxía
Parecía que o Campamento Galego este ano estaba condenado a non celebrarse. Primeiro por cambio de datas, e logo por discrepancias entre o Club organizador e a F.G.E.. Pero ó fin celebrouse nun medio coñecido de todos, en Cobas. Á traballar na topografía incompleta das cavidades da zona convocouse a tódolos clubs galegos, máis poucos respondemos. Poucos Clubs estaban representados, tal vez polo engurro que supón a topografía que fai que a actividade sexa pouco popular, ou non se saben os motivos. Representamos ó club nesta actividade oito espeleólogos que distribuímos e compartímo-lo traballo de topografía na cova do Despiste e a Zorra e arredores cos representantes do Club Brigantium. O domingo intentamos localiza-la “Sima do Ángel” sen máis resultado que suores varias e rabuñadas de silvas, se algún dos nosos compañeiros veteranos ten referencias da súas situación “gratificaremos” cun bo xeado. Neste campamento botamos en falta esa parte de protección e conservación do medio soterrado que hai anos se decidiu incluír no campamento celebrado no país.

8-29 xuño: VIII Campamento Social Infantil-xuvenil
Chega de novo coma tódolos anos o NOSO campamento infantil-xuvenil, e coma sempre, intento frustrado de levar autobús. Como xa había tempo que non iamos a Mondoñedo, decidimos que a pesares de que o Concello nos teña a cova do Rei Cintolo pechada dende hai máis dun ano, sería boa idea facelo alí. En total eramos vinte, distribuídos en catro coches, cinco maiores e quince menores, moitos repetían, a maioría, e para os dous máis pequenos Cristian e Eloi foi o descubrimento que xunto a David (case veterano a pesares da idade) formaron o trío máis revoltoso do campamento cos seus dez, oito e nove anos. Fixemos grupos, uns practicaron corda no refuxio, que sempre enche moito tempo, outros foron á Cova dos Santos e así se chegou á noite que nos obsequiou con fogos artificiais e música de orquestra no campo da igrexa. Ate houbo algún meneo ó son da música. O domingo intercambiáronse os grupos na corda e na cova. Esta vez, a cova de Lobos. Agradecemos a Cándido que nos permitira entrometernos nos seus planos para secuestra-lo a el e á furgoneta e así poder transporta-los rapaces, o mesmo que a Conchi, e a Isa a paciencia con todos nós e sobre todo co pequeno “bichólogo” que xa sabemos será o futuro estudioso dese campo na Sección.

25-26 xuño e 5 xullo: Instalación do río Mougás
A primeira vez, Daniel, Óscar e Habato instalaron e/ou reinstalaron o río Mougas. Levaron un grupo electróxeno moi potente (pesaba aínda máis) cun cable de moitísimos metros para poder traballar no río con trade. Sorte que non levaba auga. ¡Nin puxeron escarpíns! O máis duro foi manexa-lo grupo electróxeno, pois ata montaron tirolinas para podelo transportar.
O sábado 5,  cedo, marcharon a remata-lo traballo que non lles dera tempo (últimas fervenzas) Daniel, Pablo, Juan Carlos e Habato. Remataron e instalaron as fervenzas máis grandes e espectaculares (¡Que vistas!) para iniciar a algúns e practicar outros membros da sección e os nosos amigos portugueses do G.P. Sicó. Tamén sen auga, máis moi bonito.
Novamente gracias Cándido polo trade, polo grupo, ... por todo, farémoste colaborador de honra.

6 xullo: 2ª Xornada aberta de descenso de canóns
Aproveitando o anterior, quedamos a durmir (vivac) na cabeceira do río onde fariamos actividade o domingo.
O río tiña ese caudal que asinariamos todos antes de facer actividade. Nivel do paso do colector: axeitado. Randeeira da penúltima fervenza: perfecto. ¡¡Máis non se podía pedir!!
Descendémo-los quimos, ¡vinte quimos! E os de apoio, Lourdes e Escrich, levando material, movendo coches, dando ánimos e ofrecéndose para case todo.
Daniel co grupo de diante instalando en fixo, con José Carlos, Elena e Susana dando apoio a Gille, Víctor, Sebastián (estreo) e Juan Carlos. Logo Óscar e Emilio cos espeleoamigos portugueses do G.P.S., con Hernani xa afeito e estreando Flora, Sara e Ricardo.
E para rematar, pechando a actividade e recollendo o material Mónica, Rebeca, Pilar e Habato. E rematando ás 17 para xantar.
Moita actividade, moito sol (preguntar ó camarón), excelente ánimo, ganas de repetir.
¡Que sección! ¡Que club!

Espeleonovas
12-20 xullo. Campamento do E. C. Ramaliega en Garma Ciega (Cantabria). Esta é unha novidade, Pilar, Carol e Daniel saen para Ramales con ánimo de traballar e cargar coma bos espeleólogos que son.
25-27 xullo. Visita ás Cavidades de Cantabria.
6  7 setembro. Práctica de Socorro. G.E.G.- F.G.E.
13-14 setembro. Descenso Social de Canóns
20-21 setembro. VII Camp. Galego Infantil-Xuvenil. F.G.E.
27-28 setembro. Campamento Social de Espeleoloxía

Picoña- Os martes, coma sempre. Contacta e practica.

Atención:
Como xa sabedes, estamos tódolos xoves de 20:30 h a 22 h para que poidades contactar telefonicamente ou baixando polo club, para vos informar dalgunha actividade. NO MESMO HORARIO REALIZARASE O PRÉSTAMO E DEVOLUCIÓN DE MATERIAL

Club Montañeiros Celtas organiza en setembro o
VII Campamento Galego Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía.
De furnas, no Morrazo. Acampada en Liméns. Para vir: ganas e licencia de espéleo. Esperámoste.

Actividade en Madeira
Contou un paxariño que Jesús, Ana, Jabato e Cía. están a preparar actividade forte de descenso de canóns en Madeira (Illa) Terémosvos informados.

Expedición en Abkhazia
Outro paxaro (máis grande) avisa que Pilar se vai de expedición, con españois, australiano, rusos, ucraínos e outros, a Abkhazia.
Explorarán no macizo de Arábika a sima Krúbera-Voronya. Un 1710m. Case nada. ¿Alcanzarán os 2000? Cando volva, de seguro que nos contará a súa experiencia.

A Sección



ACTIVIDADES DOS SOCIOS NO ESTRANXEIRO

 
ASIA

-Kazaskhtan. A compañeira Chus Lago retorna unha vez máis a este pais, onde intentará ascender ó Pobeda (7.432 m) por terceiro ano consecutivo e co seu compañeiro Merab. Este novo intento demostra a perseveranza, desta excelente montañeira, no seu desexo de pisar o cumio desta montaña da cordilleira de Tian Shan. Estes consecutivos intentos demostran a dureza da súa ascensión . Parte o día 20 de xullo para retornar o 31 de agosto. A novidade deste ano é que podemos seguir esta expedición na páxina web de Chus: www.chuslago.com

-Abkhazia Durante o vindeiro mes de agosto, Pilar Orche, compañeira do Grupo de Exploracións Subterráneas, participará na expedición internacional Krubera-Voronya 2003. Tomarán parte espeleólogos de Ucraína, Rusia, Francia, Grecia, Australia e España. A sima Krubera-Voronya atópase na República caucásica de Abkhazia. O gran obxectivo é supera-los 1710 metros de desnivel da sima e establecer a nova marca mundial de profundidade, achegándose á mítica cifra dos 2000 metros. Traballarase duramente para traervos boas novas.

EUROPA

-Islandia. Os compañeiros Berta Fernández Rodríguez, Pedro Rodríguez Durán e Carlos Fernández Rivas viaxan a este país en distintas datas anque intentarán coincidir alí para facer xuntos un treking de 4 días. Berta, que parte ó 24 de xullo e regresa ó 20 de Agosto, ten previsto facer catro trekings. Pedro e Carlos levan a bici de montaña ca que teñen previsto facer unha dura travesía cruzando a illa do sudoeste ó noreste polo interior, un deserto por onde practicamente non pasa ninguen, vadeando ríos e rodeados de glaciares. Salen ó 4 de Agosto e volven ó día 30.

-Francia. O remate do Campamento de Perineos en agosto, que este ano organiza o Club en Gavarnie, onde se aclimataran a altura e ó idioma, os compañeiros Gaspar Ribé, Enrique Soto, José Carlos Lorenzo, Evaristo Fandiño e Zoila Fernández, desprazaranse ata Chamonix para intentar alcanzar algún cumio dos Alpes.

AXENDA

12 Setembro "Festa Reencontro" con música de acordeón, en directo. No Club a partires das 20.30 h
19 Setembro "Gran Travesía Ría de Vigo". Proxección de diapos, por Sechu. No Club  ás 20.30 h
26 Setembro "Espeleoloxía en Cantabria". Proxección de diapos, pola Sección de Espeleoloxía. No Club ás 20.30 h


VINDEIRAS ACTIVIDADES

AGOSTO
2-10 Gavarnie (Francia) Pirineos 2003 S.D. Montañismo
 
SEPTEMBRO
6-7 Ribadeo O Camiño do Norte. Etapa I: Ribadeo-Lourenza S.D.Sendeirismo
 6-7 Monte Aloia Marcha Nocturna: PRG 2 Galiñeiro – Aloia S.D. Montañismo
 7 Monte Aloia Percorrido Circular S.D. Bici Montaña
 13-14 Vilariño de Conso 7º Descenso Social Canóns S.D. Espeleoloxía.
 14  XV Marcha Galega de Veteranos  FGM - Xistra
 20-21 A Peneda (Portugal) Travesía de montaña / Escalada en Parede SS.DD. Montañismo-Escalada
 20-21 Liméns VII Campamento Galego Infantil-Xuvenil Espeleo.  FGE - GES Celtas
 21 Cuartos de Borbén Sendeiro das Greas GR 58. Etapa III S.D. Sendeirismo
 21 Ría de Vigo Inmersión Submarina S.D. Actividades Subacuáticas
 27-28 Pedrafita do Cebreiro Campamento Social de Espeleoloxía. Liñares S.D. Espeleoloxía.
 27-28 Ancares Travesía: Porto Ancares - Penarrubia S.D. Montañismo
 
OUTUBRO
4-5 Melide XXXII Campamento e Marcha Infantil- Xuvenil de M. FGM - Ártabros - M. Celtas
 4-5 Lourenzá C. do Norte. Etapa II: Lourenza-Mondoñedo-Abadín S.D.Sendeirismo
 5 Cangas Covas e Furnas: Morfoloxía e Fauna S.D. Espeleoloxía-S. Cult. e M. A.
 
 

Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto Campos
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número:  Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Isabel Maestu, Manuel P. de Lis,
 Miguel Carrillo Pérez, Raúl Pérez Leiros, Martín García (Shambala), Françoise Fauré,
Daniel Ballesteros, Manoel Chao, Elvira Álvarez, Pilar Riveiro, Conchi Gilino.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998
Impreso en papel reciclado



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en Xullo de 2003.