Boletín de Xullo-Agosto de 2001 do

Club Montañeiros Celtas


CHITO: SOCIO DISTINGUIDO

Fixemos unha festa para despedi-lo local, foi un éxito de asistencia e participación, pois as viandas aportadas foron auténticos manxares, devorados con paixón. A cita respondeu ó esperado e converteuse nunha emotiva homenaxe ós máis veteranos, de entre eles o máis querido por todos, Chito, sempre disposto a colaborar, a transmiti-los seus coñecementos, a derrochar enerxías polos demais, demostrando constantemente o seu compromiso co Club, ten ben merecida a mención que a xunta directiva lle otorgou: "Socio Distinguido". Este recoñecemento físoxe público polo Presidente nos preámbulos da festa, logo Chito tomou a palabra e falounos da súa dedicación ó Club e ós demais desde tódolos aspectos: participativo, organizativo e directivo, pero actualmente quere dedicar máis tempo para el, pois xa non é un rapaz, máis segue percorrendo as montañas. Despois interviñeron outros socios, Antonio Alvarez, Cholo, José Carlos... todos eloxiaron a Chito, algúns contaron anécdotas e outros botaron de menos o romanticismo que evocaba a montaña en tempos pasados. Unha reunión entrañable e unha cea espléndida.
EDITORIAL
 


9 DE SETEMBRO:  XIII MARCHA GALEGA DE VETERANOS

Montañeiros Celtas é o club organizador, en colaboración coa F.G.M., desta XIII edición. Celebrarase na PENÍNSULA DO MORRAZO,  facendo un percorrido de 18 km polas serras que circunvalan o concello de Cangas, en concreto a serra de Nacente, a da Magdalena e a do Hermelo. A recepción dos participantes será ás 9.30 h no peirao da pasaxe de Cangas, lugar do control da saída. Como o 9 de setembro está designado "día europeo sen coches" suxerimos como contribución, ós que se desplacen desde Vigo, ir no barco de Cangas.
Para anima-la participación social, os socios veteranos federados que se inscriban antes do 5 de setembro, recibirán unha camiseta do Club.
Ás 10.00 h sairemos cara á praza do Eirado do Costal para subir ata ó monte de San Roque (1º control). Seguiremos logo cristeando a serra de nacente ata chegar a Cruz de Castro, desde este punto subirémo-lo Monte Castelo para continuar pola Serra da Magdalena ascendendo ó monte do mesmo nome (2º control e avituallamento). Continuaremos ata chegar ó monte Liboreiro para baixa-lo Alto da Portela. Pasando pola Ermida de San Cosme seguiremos ata atopa-lo río Bouzos, o que remontaremos ata chegar á aldea de Hermelo e o seu monte (3º control) coroado por unha gran cruz de Santiago. Baixaremos seguido á Fraga de Coiro ata chegar ó seu Igrexario (4 control e neutralización) para logo chegar ó peirao de  Cangas. Comida de confraternidade ás 15.00 h e Clausura ás 17.00 h .
Mapa Topográfico 223-I CANGAS 1:25.000
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

ACORDO ANULADO

O pasado 13 de Xullo celebrouse Asemblea Xeral Extraordinaria onde ó final, someteuse a votación a anulación do seguinte acordo  (alcanzado o 30 de Marzo deste ano na Asemblea Xeral Ordinaria): "Non se permitirá fumar no local social e nos refuxios". O resultado foi tan contundente nos números: 69 votos a favor da anulación, 23 en contra e 1 en branco, coma lamentable no xeito: dos 93 votos emitidos, 61 eran delegados, e dicir, que só unha terceira parte dos votantes estiveron presentes, primando o resultado sobre a forma de obtelo, resultado que, por certo, tódolos presentes xa sabían antes de comeza-la Asemblea dada a titularidade da maioría do "papel".
Agradece-la participación dos presentes, unhas 40 persoas, incluíndo algúns socios que non podían votar e outros que non quixeron facelo. A Asemblea celebrouse nun ambiente bastante relaxado, establecéronse dúas roldas de intervencións onde se fixeron evidentes non dúas posturas (que sería o previsible), senón tres: a) NON Ó FUME DO TABACO. O fumar e insán, pero é una decisión dos fumadores seguir co hábito, pero estes han de concienciarse de que o fume que producen molesta e prexudica a saúde de "todos", especialmente ós enfermos coronarios, ós asmáticos (e outros broncópatas crónicos), ós alérxicos e como non ¡ós nenos!, que nun recinto pechado coma o local e os refuxios non deben obrigar a respirar ese fume ós que non queren facelo. Nos tres meses e medio que estivemos "libres do fume do tabaco" notouse moito a melloría, estase máis a gusto. b) SEGUIR FUMANDO, pois debe prevalecer o ambiente de "tolerancia" e aceptación dos particulares hábitos de cada socio. O Club debe "pasar" de modas e modernidades (nota: en referencia á suposta moda anti-tabaco). Recoñecen que a situación na que nos atopamos supón un "toque de atención ós fumadores" que terán en conta. c) NON ÁS PROHIBICIÓNS. Un numeroso grupo de veteranos, a maioría deles pouco ou nada se lles mira polo local, mostraron o seu rexeite a calquera prohibición que estableza o Club, polo que pódese interpretar que os incomodou a "forma" e non o "fondo" do asunto (se ben o acordo tomouse respectando os nosos estatutos). Ó menos o Club impórtalles, por iso viñeron e iso é bo.
Evidentemente as posturas non eran tan definidas, por exemplo, un fumador propúxose non volver  fumar no local nin nos refuxios pois recoñece que pode molestar. Outros socios, tamén veteranos, mostraron o seu malestar por esta asemblea que anulará o acordado igualmente en asemblea fai solo tres meses. Tamén tratouse o aspecto legal, destacando a cita Deberá prevalecer, en caso de conflicto,  a saúde dos non fumadores sobre o dereito dos fumadores a consumir productos de tabaco. Outra manifestación foi a de que peor e a polución (pero e evidente que é máis sinxelo evita-lo pitillo). De tódolos xeitos, a quen lle moleste o fume, o mellor é que o faga saber, cortesmente, ó fumador.
Tódolos socios deben ser conscientes dos límites da liberdade individual, somos un colectivo numeroso entorno a unha mesma paixón, a montaña. Deberiamos estar máis unidos no interese común e centrarnos na mellora do noso querido Club. Debemos ser respectuosos cos demais e ter en conta as "normas de educación e conducta".
Para rematar, unha mensaxe: SE COMPARTES ESPACIO, POR FAVOR, NON FUMES.
 

BREVES

- Curso de orientación. Iniciarase na derradeira semana de setembro. Reunión previa o día 21/09/2001 no local ás 20.30 h.
- Sección de Medio Ambiente. A Xunta Directiva aprobou a creación desta nova sección que levará a compañeira Penélope Aranda Ortega.
- Recordar que están á disposición dos socios os Estatutos do club.
- Este ano o local estará aberto os venres de agosto no horario habitual.
- O día 1 de setembro temos unha cita na 2ª cadea de TVE, as 12:30 h no programa Escuela del Deporte: somos os protagonistas.
- Á data de hoxe asinámo-la hipoteca e xa temos as chaves do novo local, ¡por fin!
- Xornada de portas abertas para coñece-lo novo local social o martes 4 de setembro a partir das 19:00 h, c/Camelias 78, local K (primeiro soto). Esperamos as vosas suxestións.
- As persoas que queiran colaborar na embalaxe e traslado ó novo local e a adecuación deste poden apuntarse nunha lista ó efecto na oficina.
- No tablón de anuncios hai unha lista para os interesados en facer un curso de escalada alpina (no es de iniciación).
- Si non te chega o boletín, comunícalo na oficina.
 

AGRADECEMENTO

O club agradece o esforzo económico que fixeron tódolos socios para a compra do local, especialmente os seguintes, pola súa aportación económica voluntaria:

DOAZÓNS: Francisco Escrich Álvarez, Juan B. Álvarez Mínguez, Antonio Alemparte Gonzalvo, Camilo Córdova Piñón, Alejandro Villot Cameselle e Catalina Lago Jorge, Fernando Fernández Rey, Isabel Ferro, Fernando Rubira, Serafín Valencia Treviño, Celso Prado Estévez, Concha Saa Delgado, María del Carmen Villaverde Núñez, Rosa Bermúdez Rodríguez, Rosa Fernández Cid, Higinio Valero Ruíz, Teresa Méndez Soret.

TÍTULOS DE DÉBEDA: Antonio Álvarez Ferreiro, Enrique Soto Campos, Nuria Quinteiro del Campo, Lourdes Castiñeira Souto, José López Pérez, María Dolores Mateo Mañá, Lourdes Domingo Vilas, Pedro Rodríguez Ibarz, Gaspar Ribé Bargalló, Roberto Argones Vázquez, José Luis Vázquez Almunia, Nuria del Carmen Fernández Franco, Alba Vázquez Fernández, Sandra Vázquez Fernández, Enrique González Cameselle, Raúl Leirós Gutiérrez, Françoise Faure, Daniel e Carlos Garrido Iglesias, Evaristo Fandiño Pérez, Zoila Fernández Fernández, Concha Saa Delgado, Enrique Molina Magdalena, Constancio Veiga González.

SECCIÓN DE CULTURA

CONCURSO LITERARIO

Foi un concurso no que ó xurado e a min sorprendeunos o gran nivel dos traballos presentados, sobre todo na categoría de maiores, que apuntan a que os montañeiros temos inquedanzas persoais coma a beleza, a ecoloxía, a simplicidade das cousas, o misticismo...   Creo que no noso Club, debémonos facer eco destes valores e buscar facelo un lugar especial para todos, onde potencia-las boas calidades humanas.

CATEGORÍA DE MAIORES:
O primeiro e único premio  gañouno  Mª Jesús Fernández Fernández (SUXA), co seguinte magnífico traballo:

MONTAÑA,

beso de la tierra,
senos generosos de la madre,
encrespada ola rocosa,
puente entre valles,

altares del amanecer, dientes níveos de blanca espuma,
velas pétreas de un gran barco pétreo y redondo,
oscuras cunas de la luna,

trampolín majestuoso de los pájaros,
encuentro de miles de distancias,
mansiones de los dioses,
aduanera de nubes y borrascas,

gigantescos peines de los vientos,
bellísimos encajes del pañuelo,
arquitectura inconsciente de la abundancia terrena,
nexos de unión con el espacio etéreo,

catarata invertida de piedras,
recta perdida,
oración en vertical,
escaleras de salida,

compañera de estrellas, abismo yacente, cabalgata dormida,
vigías del tiempo...

metáforas, MONTAÑA amiga, sólo metáforas,
te dedico palabras que se llevará el viento
porque me es totalmente imposible explicar
con palabras de tinta ¡cuánto te quiero!
 

CATEGORÍA XUVENIL:
O premio foi gañado por A nova escola, Daniel Ballesteros Posada, traballo a publicar no seguinte boletín.

CATEGORÍA INFANTIL:
Non se presentaron traballos polo que queda declarada deserta.

ENTREGA DE PREMIOS DOS CONCURSOS LITERARIO E FOTOGRÁFICO:
Os premios serán entregados o venres 19 de Outubro ás 20:30h., participará na entrega o xurado, ó que agradecemos dende estas liñas a súa colaboración. Tamén agradece-la da Librería Babel polos premios para o concurso literario.
 

SAÍDA XEOLÓXICA

Terá lugar o Domingo 23 de Setembro na zona de PATOS - MONTEFERRO. A hora de saída está por confirmar.

Será dirixida por unha experta xeóloga, Maruxa, que nos aclarará os misterios da evolución dende o punto de vista xeolóxico. Comprenderemos o fugaz da nosa vida comparada coa  do planeta Terra.
 

TERTULIA

CONCLUSIÓNS DA TERTULIA:

Tivemos unha animada tertulia sobre se ¿é posible unha xornada laboral reducida (4, 6h.) como plan de futuro?. As conclusións máis importantes ás que chegamos foron:
Só é posible nun sector social que se pode permitir baixa-los seus ingresos, e que valora máis o tempo libre que o diñeiro.
Habería máis emprego  e mellor calidade de vida. Melloras sociais e persoais.
A xornada reducida é xa unha realidade no sector ocio.

PRÓXIMA TERTULIA:

 O tema da próxima tertulia é:  ¿Estudiar é traballar?. A tertulia será o Xoves 6 de Setembro ás 20:30 h.
 

CONCURSO DE FOTOGRAFÍA:
 Foi xa convocado no boletín do mes de Xullo, e os traballos recolleranse na primeira quincena de Setembro, xusto ó volver das vacacións.
       Martín García (Shambala)

SECCIÓN DE MONTAÑA

SEMPRE HAI PEGADA NOS ALPES

Adiantando as nosas vacacións ós meses típicos, catro celtas secc. Marmota (Sechu, Carlos, Jose Carlos e o  menda) dirixímonos a tratar de coroar algunhas das fermosas cimas dos Alpes suízos.
Saímos de Vigo con algún leve atraso o 6 de Xuño sobre as 7 da mañá. Primeira parada en Benasque, algunhas compras e visita a membros do club na diáspora da Escola Española de Alta Montaña. Durmimos ó raso nun bosquiño ás aforas. Continuamos co atraso e saímos ás 10:30 de Benasque, ¡fronteira cortada polos camioneiros¡ aumenta o atraso. Finalmente facemos noite no berce do alpinismo: Chamonix, outra fermosa noite ó raso, facémonos con máis viandas, e acabamos chegando a media tarde ó noso destino, o Val de Zermatt.O cénit do val é o Cervino, pero a choiva e as nubes non nolo deixan ver. O coche chega unicamente a Tash alí debemos coller un tren a Zermatt (8 km 1500ptas ida e volta). En zermatt (1620m) establecémonos nun albergue xuvenil (2750pts por noite almorzo incluído). Vémonos recluídos alí durante parte da fin de semana, xa que a choiva non cesa. Finalmente en plena desesperación, o domingo decidimos empezar a facer actividade. Subimos ó observatorio de Gornergrat (3130m)...... ...regresamos mollados coma pitos. ¡Para o martes dan bo!!!! debemos aproveitar para intenta-lo  M. Rosa (4634); así subimos o luns ó refuxio do Monte Rosa (2795m), primeiro debemos coller un tren cremalleira (3500 ptas ida) baixámonos en Rotenboden (2819m) e tiramos cara  ó refuxio do M. Rosa, cruzamo-lo impresionantemente fermoso glaciar de Gornergletscher, e unha vez no refuxio a enésima sorpresa da viaxe (maior que cando me decatei de que en Suíza non funcionaba a miña tarxeta de crédito ¡non levedes Visa electrón a Suíza!) non hai garda no refuxio, a pesares de que incluso na oficina de turismo de Zermatt dixeran que si ...non te fíes do que te digan....No refuxio atopámonos cuns mozos vascos cos que xa coincidiramos no albergue, que constatan que non hai pegada algunha, en contra do que nos aseveraran días atrás diversas fontes en Alpes SEMPRE hai pegada. Establecemos conversación na terraza do refuxio, cóntannos as súas peripecias montañeiras, Jorasses, Riglos e un longo etcétera. Ollámo-la paisaxe glaciar, invernal, e solitaria, baixo o morno quecer dun sol que fuxe lentamente entre os cumios xeados. Os montes, picos e serras parecen nosos. É sen dúbida o momento mais fermoso da viaxe.
Xa é martes¡¡¡¡¡ en pé, ups, ficamos durmidos e son as 5 e media da mañá....conseguimos saír ás 7, en dúas cordadas Jose Carlos máis Sechu, e Carlos máis eu, seguimo-la pegada vasca. A ruta é levadía ata os 4000 metros, alí topamos cunha pala de 500 metros de desnivel e zonas de 40º. Finalmente alcanzámo-la crista e unha aresta mixta, Sechu e Jose van por diante, atopamos ós vascos que nos recomendan encarecidamente que non sigamos que a cousa está peluda, que é moi arriscado facer cume. Ó parecer hai unha cristería mixta insalvable, (crémolo ¡de novo!) o tempo botase  enriba,  a 4500m, tras salvar 1705m de desnivel e a tan só 134 metros dun cumio con tanta historia como é a Punta Doufur tomámo-la amarga decisión de parar e esperar a volta de Sechu e Jose; Carlos e máis eu,  inxenuos, pensabamos que farían caso ós vascos e non intentarían o cume. Pero pouco a pouco vanse metendo e SI SEÑOR, finalmente o conseguen, pero nós estamos xa de volta.Tardaran case 3 horas en facer os 250 metros da xeada crista.
Algunha que outra caída nas fendas do glaciar e ó solpor chegamos ó refuxio, anoitece, os nosos  victoriosos amigos chegarían ás 3 da mañá.

Regresamos ó día seguinte cara á aldea, cruzámo-lo glaciar envoltos nunha forte nevada, chegamos dispostos a descansar pero.. sorpresa¡¡¡ dan posibilidades de bo tempo para mañá; o xoves saímos cara ó Val de Saas-Fee, paramos en Saas Grund (35km) alí o telecabina (3000pts) súbenos a Kreuzboden (2400m) e andando ata o refuxio a 2726m, non hai garda, para variar. Imos subir ó Weissmies (4024m). As guías: facilísimo e sempre con pegada ben marcada, xa non nolo cremos (e acertamos). Chegamos á base e debemos escoller entre a aresta noroestes e a cara norte, nada: cara norte. Subimos, tras cruza-lo glaciar, baixo ameazantes seraks, chegamos a unha enorme fenda que percorre toda a montaña, tratamos de superala pola parte dereita (incluído primeiro intento mundial ou interestelar de boulder alpino en xeo por parte de Sechu, por sorte estaba asegurado por min, sic) ó final superámo-la fenda por unha estreita ponte de neve; algunhas pas de xeo de máis de 45º, Sechu mete os parafusos de xeo ¡veña! directísima galega! e cume. Nada mais chegar levántase unha cifra e debemos volver rapidamente, imos cara a unha aresta para baixar, progresamos sobre cornixas de neve ¿aguantarán? Chegamos á aresta, pero está imposible, a volver polo mesmo camiño. Preto dós 3000m a neve está impracticable afundímonos con frecuencia ata a cintura. O traxecto faise longo e  penoso, pero ó  fin chegamos á rocha.
Sábado e domingo chove sen cesar (neve a 2000 m) as temperaturas baixan, o luns dan neve a 1600. Desafortunadamente crémolo, a choiva pode con nós e decidimos volver a casa. O luns comezámo-lo regreso ¿a neve a 1600? Ula?.Claros e nubes, aparece o Cervino, branco, impoluto, inaccesible. O noso soño dos últimos meses deberá esperar outra ocasión.
 Dous días de volta a Vigo (2100km). Gustaríame rematar esta crónica dándolle as gracias a Chechu por deixarme subir ó seu barco, case de polisón; a Jose Carlos pola súa paciencia e a Carlos pola súa continua disposición a botar unha man. Gracias.                                         Manuel

SECCIÓN SENDEIROS

Sendeiros Outono 2001

Como novidade, a maior parte dos sendeiros non se realizaron en anteriores temporadas, desta forma preténdese amplia-lo horizonte de novas rutas.
Tamén é a nosa intención comezar a realizar Grandes Percorridos por etapas, unha por mes, empezando polo GR 56. Transourensán, que transcorre ó longo da Ribeira Sacra e finaliza en Manzaneda. O transporte para este GR realizarase preferentemente en autobús, por tanto pregamos para facilita-lo desenvolvemento da actividade que os participantes se anoten coa preceptiva semana de antelación.
Outra das nosas propostas é introduci-las saídas da fin de semana de tal forma que se poidan compaxinar, sempre que sexa posible, coas clásicas actividades do Domingo.
Estamos abertos a suxestións, rutas que coñezades ou simplemente que os gustaran para incluí-las no calendario, así que esperamos e agradecémo-la vosa colaboración
É a nosa intención  que o programa para este outono sexa do voso agrado e poidamos gozar todos xuntos das rutas que nos agardan.
 


A partir de xaneiro do 2002 percorrémo-lo GR52. Ruta dos Ríos. Comezando en Betanzos e acabando nas Dunas de Corrubedo.

O transporte para o GR 56. TRANSOURENSÁN será  en autobús, pregamos para non dificulta-la organización nin a realización da actividade que os participantes se anoten na lista cunha semana de antelación.
 

ESPELEOSECCIÓN

ESPÉLEONOVAS

A data do campamento social será os días 29-30 de setembro, sen exames.

V Campamento de Espeleocavorcos

Celebrado na raia Xurés-, alá quedamos nas termas do río Caldo o sábado pola tarde. Cando chegamos Pilar, Elena, Daniel, Óscar R, Xabier, Emilio e Lourdes xa nos esperaba Moncho. O domingo aparecerían Manolo, Natalia e Óscar F.
A tarde, e algo máis, dedicámola á localización dos tramos a descende-lo domingo pola mañá. O Corgo do Crego desbotámolo porque se ben era curto e fermoso, chegar á cabeceira parecía imposible, pois nin pista nin sendeiro existían. Forte desnivel e vexetación moi tupida (sobre todo toxos). O río Lobios tamén foi descartado pois se ben o percorrido era fermoso parecía que podía facerse moi longo, con poucos descensos. Así que só quedaba o incrible e maxestoso Corgo da Fecha, que un grupo descendeu completo e os que se estreaban facían desde o colector.
Só cumpría cear e ó saco. A pé do río Caldo. Esperta do coche do Guarda a media noite, e ...Xabier pretendendo que todo o mundo estivera a pé ás 7 da mañá. Ata houbo quen lle ofreceu unhas labazadas se non calaba e deixaba de aporrea-la tarteira. Erguidos máis tarde, almorzo e recollida de tendas para prepararse para o descenso.
A subida ata o comezo, forte, polos toxos e carqueixas, cargados e con calor, parecía interminable. Ata pequenos ademáns de páxara.
Descenso perfecto, as fervenzas son sucesivas, as pozas para admirar (cada cal máis bonita ca anterior). Tivemos que cambiar algúns cordinos de instalación e o pasamáns antes do colector. O inverno fixera estragos.
Algúns falan do Corgo da Fecha coma o mellor cavorco de Galicia. Foi como toca-lo ceo. O último tramo, xa todos, e que serviu de estrea para Elena, puxo de manifesto con enorme intensidade a relación home-auga, pois os xogos continuos na poza do final, con saltos, exhibicións,... animaron a quen estaba vestida a sumarse á festa.
Volta a Vigo por Entrimo, Castro Laboreiro e Melgaço. ¿Pódese pedir máis?

VI Campamento Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía

Realmente, a saída empezou coa cruzada que tivemos que facer para conseguir coche no que leva-la rapazada. Saímos o venres á tardiña con rumbo a Veiga de Brañas, preto do Cebreiro. Ó chegar acampamos nunha zona preto da vila pero suficientemente lonxe para non esperta-los seus paisanos. Pola mañá erguémonos cediño polo ruído dun tractor que se dirixía ós seus labores, aínda que algúns continuaron cortando leña. Almorzamos todos xuntos a pesares das lagañas nos nosos ollos. Preparámo-lo material para a cova mentres a xente sen material pelexaba polos cascos bos. Saímos a pé atravesando a vila mentres a xente facía interrupcións na súa conversa para mirarnos e intercambiar algunhas palabras. Por quendas iamos coidando o Pokemón, e como nos gustou tanto, que nos pelexabamos para facerlle de aio. Na cova de Casares foi todo divertido. Recorrémo-la en pouco tempo mentres iamos lamentándonos pola desfeita que estaba e recollendo o lixo. En total, recollemos algúns plásticos, unha pila de petaca e unha folla de afeitar. Nunha colada instalamos un cordino para subila e despois tirarse por ela tipo tobogán. Os máis divertidos tirámonos polo tobogán a excepción de Mami, que tiña que garda-la compostura. Quen mellor o pasou foi o Pokemón que sacou dotes de espeleólogo. Despois de buscar continuidade por algunha galería, saímos rapidamente pola guerra de barro que estaba a disputarse baixo a terra. Na saída da cova atopámo-lo resto de monitores, entre eles, a desaparecida monitora da benxamín. Baixamos polo val poñendo o cu na herba e deslizándonos ata atopar algo con que deterse ata á aldea de Barxelas e collémo-la comida para ir comer preto da seguinte cova. Alí esperábanos Xabier, con Aurora. Comemos á sombra dun muíño e, de sobremesa, cereixas das arbores dos arredores. Pechouse o xantar coa pelexa de piñas que fixemos uns cos outros. O primeiro grupo, Xabi & Company entrou na cova seguido dos que estaban tan tolos como  para cambiar unha cova por un baño no río. A cova tiña moita auga, tanta que tiña asolagada unha galería. Aínda así, polos pasos estreitos e as infinitas gateiras mollámonos ben. Na saída limpámonos un pouco e dirixímonos á seguinte cova: a de Cortiñas. Inda que as tres están no mesmo val, todos regresaron ó coche a excepción da Mestra e dous dos seus pupilos que optaron por facelo andando, atallando por un camiño que parecía ir á cova. Chegamos ó mesmo tempo pero nós viñamos saboreando unhas fresas que atopamos polo camiño, que ó final, converteuse nun empedrado negro. A cova foi fácil de atopar xa que nos acompañou un veciño de Ferrerías. Preto da entrada da cova hai un coche que intentou voar dende a estrada ata o fondo do val, pero unhas árbores impedíronllo. Na cova entramos uns poucos e, pola nosa idea que ía ser unha cova pequena, asombrámonos ó estima-lo seu desenvolvemento en preto de 1 Km. Tamén atopamos cagadas de raposo ou donosiña, que ó principio pensamos que eran de oso ou lobo. Percorremos un pouco mentres pensamos en volver ó día seguinte. Pola noite ceamos todos xuntos pasta con champiñóns, atún e salsa de tomate, con chourizos asados na fogueira. Ante todo, estaba delicioso. Tamén fixemos un xogo de maxia que consiste en enche-la boca de Cola-Cao e botalo enriba da fogueira. ¡Sabedes que o Cola-Cao prende¡ Pola mañá almorzamos en pequenos grupos e preparámo-las cousas para ir á cova das Súas Fallas e un pozo descoñecido mentres uns cantos volvemos á cova do día interior. Recorrémo-la cova por tódalas posibles direccións descubrindo dúas saídas. Volvemos ó campamento para xantar todos xuntos, pero, en vez de face-lo no campamento, fomos ó parque da aldea. Esquecéuseme que pola mañanciña chegaran os Creadores do Pokemón. Despois de xantar empezou unha guerra de auga, e por razóns descoñecidas, rendémonos despois de que meteran a un dos nosos membros baixo a fonte. A guerra continuou en forma de guerrillas. Regresamos ó campamento e recollemos mentres despediamos a Xabi e Aurora. No regreso deixamos a da Benxamín en Sarria e continuamos ós nosos destinos: Á cama.                             A Miñoca Conta Contos
 
 

SECCIÓN INFANTIL  XUVENIL

- Piraguismo no río Miño. Esta  actividade, tan apropiada do verán, motivounos a viaxar o día 21 de Xullo en tren ata Tui e acampar no Parque do Penedo, unha boa paraxe onde atópase un bar cun propietario moi amable que fixo todo o posible para que a nosa estancia fora grata. Ó día seguinte chegaron, máis tarde do previsto, as piraguas contratadas con Mikayak, e os 25 nenos participantes distribuíronse en embarcacións de 1, 2 e 3 prazas, para facer un descenso de 7 km desde Caldelas de Tui ata Tui. A "remada" foi moi divertida e para algúns, que tiveron que ser remolcados por monitores, algo longa.

- A vindeira actividade será o "XXX Campamento e Marcha Galega Infantil-Xuvenil de Montaña", organizada pola F.G.M. e o Club Peña Trevinca-Vigo, a celebrar na zona de Pigarzos, preto de Ponte Caldelas, os días 22 e 23 de Setembro.

- Importante: o sábado 1 de setembro temos unha cita co televisor, ná 2ª cadea de TVE ás 12.30 h, programa "Escuela del Deporte". É o día previsto para emiti-lo que grabaron nos Ancares, a finais de Xuño, con nós coma protagonistas.
 
 

SECCIÓN ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

- Resultado dos Campionatos Galegos de Pesca Submarina:
· Parellas de Clubs, celebrado no Ferrol o 17 de Xuño. O noso equipo formado polos compañeiros José Sierra, Victor Puerta e Alejandro Rodrígez, alcanzou o meritorio 3º posto, o que deisóulle-las portas de clasificarse para o Campionato de España, que este ano éralles moi atractivo pois celebrábase nas augas da Coruña.
· Individual, celebrado en Vilagarcía de Arousa o 8 de Xullo. José Sierra que participaba como Campión Galego, aspiraba a revalida-lo título, pero non foi o seu día, e rematou 3º. Victor Puerta, 7º e Alejandro Rodríguez 13º completaron un bo resultado global  tendo en conta que eran 60 competidores.

- Se tes curiosidade e queres probar, os días 25 e 26 de Agosto faremos unhas "Xornadas de Iniciación ó Mergullo", organizadas por Fernando Fernández. Temos unha lista no Club para que te apuntes.
 

BREVES

- A compañeira Chus Lago, que tiña previsto viaxar a Tajikistán para intenta-lo "Comunismo" e o "Korzenevskaia" (como contara na entrevista publicada no boletín nº 38) tivo que cambiar de obxectivo pois nese país as cousas andan un tanto revoltas. Partiu o día 20 de Xullo cara a Kazajistán para intenta-lo "Khan Tengry"(7.010m) e tal vez tamén o "Pobeda", estes dous cumios forman parte, coma os dous primeiros, do proxecto "O leopardo das neves". Ten previsto regresar o 30 de agosto.

- O compañeiro Coru estará en Zermatt, nos Alpes suízos, do 28 de Xullo ó 4 de Agosto, participando no "stage de mozos alpinistas do GAME" (Grupo de Alta Montaña Español) organizado pola Federación Española de Montañismo.

- O compañeiro Carlos, que xa estivo o pasado mes de Xuño nos Alpes suízos, volve ós Alpes en agosto, do 14 ó 23. Esta vez vai coa compañeira Luísa, quen organiza a viaxe e a actividade. Teñen previsto escalar en rocha nas proximidades de Lyon (Francia).

- Os compañeiros Escrich, Pepón, Jaime, Chao e Fernando, que tiñan previsto viaxar ó Nepal en setembro, tamén teñen que cambiar de obxectivo pola delicada situación que se vive nese país asiático. O seu novo destino é Ecuador, onde a cordillera Andina téntalles con dous cúmios: os volcáns Chimbolazo (6.310 m) e o Cotopasi (5.897 m). A viaxe, do 15 de setembro ata o 7 de outubro. Na derradeira semana uniránselles as compañeiras Ana e Rosa.

- Dexemamo-la pronta recuperación do noso compañeiro Javier Gil (Ragu) que tivo un accidente de parapente o día 13 de xullo.
 
 

Véndese

1. G.P.S. "GALMIN 12" Instruccións en castelán,  500 waypoints, 10 rutas.
Tlf: 986.360.295-619.213.904

2.- MOCHILA LOWE ALPINE ATTACK 50: 50 L, CINTURÓN EXTRAÍBLE, COLCHONETA DE VIVAC EXTRAÍBLE, BOLSA CAMELBACK,  PORTAMATERIAIS, BOLSO PORTACRAMPÓNS, 1800 GRMS, PVP 28000B PTS,  TRES DÍAS DE USO por 20000 PTS
- PLUMÍFERO SOLO CLIMB NUNCA USADO por 20000 PTS
- ARNÉS DE ESCALADA PETZL GOUROU Perfecto estado por 6500 PTS
- POLAINAS ARTIACH GORE TEX Coma novas por 3500 Pts
- ESTERILLA ILLANTE CÁMPING ANCHO ESPECIAL Nova por 900 pts
CARLOS  986 225417 (NOITES) OU PREGUNTAR NO CLUB
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES



 
 AGOSTO

  25-26 Mergullo. Xornadas de Iniciación.

 SETEMBRO
 
  2 Sendeirismo. Allariz: Río Arnoia
  9   Sendeirismo. Marcha Territorial Montañeiros Veteranos.
   F.G.M.  C.M.Celtas. Península do Morrazo.
  16 Sendeirismo. GR 56. 1ª Etapa do Transourensán: San Estevo- Parada do Sil
  22-23 Infantil-Xuvenil. XXX Campamento e Marcha Galega de Montaña.
   F.G.M.  Peña Trevinca. Zona Pigarzos.
  23 Bici Montaña. Curota.
  23 Cultura. Saída Xeolóxica. Patos  Monteferro.
  23 Sendeirismo. PR-G 11. Río Tambre: Devesa do Nimo
  29-30 Sendeirismo. GR 1. Fraga da Marronda.
  29-30 Espeleoloxía. Campamento social.
 
 
 



Para comunicarse con el club, la dirección es m_celtas@yahoo.com.

Modifiqué esta página por última vez en Xullo de 2001.