ASEMBLEA XERAL ORDINARIA 2005
CONVOCATORIA
Estimados asociados:
Seguindo as disposicións dos nosos Estatutos e en cumprimento do disposto nos
seus artigos 20 e 21, convócase Asemblea Xeral Ordinaria, que se celebrará o día
25 de febreiro de 2005, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e 20:30 horas en
segunda, no Local Social da nosa Entidade, sito na Avda. Camelias 78, oficina K,
de Vigo. De acordo coa seguinte:
ORDE DO DÍA:
1º Saúdo do Presidente e presentación da actual Xunta Directiva de Club
Montañeiros Celtas.
2º Aprobación, se procede, das actas das Asembleas do ano 2004: Asemblea Xeral
Ordinaria celebrada o día 5 de marzo, Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o
día 21 de maio e Asemblea Xeral Extraordinaria celebrada o día 22 de outubro.
3º Presentación, debate e aprobación, se procede, de:
.
3.1. Memoria do ano 2004.
3.2. Liquidación do orzamento, Balance e contas do exercicio 2004.
4º Modificación das cotas sociais.
5º Proxectos da Xunta Directiva.
6º Aprobación, se procede, do Orzamento para o exercicio 2005.
7º Propostas da Xunta Directiva:
.
7.1. Regulamentos de Réxime Interno
7.2. Homenaxes a Socios
.
7.3. Posicionamento do Club ante agresións ao medio natural.
8º Nomeamento do Comité de Disciplina.
9º Rogos e preguntas.
Esta convocatoria foi aprobada pola Xunta Directiva, na súa reunión do 24 de
xaneiro de 2005.
Contando coa vosa importante asistencia e participación nesta Asemblea, recibide
un cordial saúdo.
O Presidente
Notas:
* As actas mencionadas no punto 2º da orde do día non serán lidas na Asemblea.
** Dende o día 15 de febreiro de 2005 encontrarase dispoñible para a súa lectura
na oficina do Club, a seguinte documentación: As actas mencionadas no punto 2º
da orde do día, os Regulamentos de Réxime Interno propostos, o balance do ano
2004 e o Censo de socios con dereito a voto nesta Asemblea.
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
NOVAS DA
XUNTA DIRECTIVA
O pasado ano solicitou a baixa como directivo Carlos Fernández Rivas, Vocal de
Material, por razóns de horario que lle impedían estar no Club para a entrega do
material deportivo. Coa baixa de Carlos, e tras uns meses de proba, decidiuse
que o control do material pasase a depender de cada Sección Deportiva, facendo
desaparecer a Sección de Material.
Por outra parte un dos nosos obxectivos, como anunciamos hai un ano, era a
creación da Sección Deportiva de “Orientación”. Pois ben, agora temos un novo
socio disposto a botar unha man, Ángel Braña Santos, que como Vocal desta
sección, pouco a pouco faranos participes deste deporte vinculado á montaña.
.
RECIBO DO
PRIMEIRO SEMESTRE 2005
Co pasado boletín enviouse unha carta na que , entre outras cousas se informaba
de que por mor de actualización de datos dos socios, os recibos do primeiro
semestre do 2005 pasaríanse polo banco na segunda quincena do mes de xaneiro, en
vez de na primeira como vén sendo habitual, sen embargo dita actualización
estanos a levar máis tempo do esperado, polo que os recibos os pasaremos a
primeiros do mes de febreiro. Esperamos que os socios comprendan os motivos
desta demora e desculpen as molestias que poidan sufrir.
CALENDARIO DE PETO
Con este boletín axúntase o calendario de peto deste ano 2005, que ten unha
fermosa foto de esquí de montaña, realizada en Trevinca. A imaxe foi
seleccionada entre as 40 mellores do noso Concurso de Fotografía de Montaña
2003.
EXPOSICIÓN FOTOGRÁFICA ITINERANTE
A exposición do Concurso de Fotografía de Montaña, atópase na súa etapa
itinerante (estivo no Parque Natural do Monte Aloia durante o mes de xaneiro), e
dende o día 1 ata o 15 de febreiro estará exposta na Casa da Xuventude de
Ourense (todas as tardes ata as 21.30 h, excepto domingos), o que pode ser de
interese para os que non puideron asistir á Casa do Libro, en Vigo, no mes de
decembro.

CASA DA XUVENTUDE
OURENSE
NOVAS DE SOCIOS
Chus Lago
na Antártida, ascende ao Monte Vilson
Chus Lago viaxou o pasado 16 de decembro á Antártida, converténdose así na
primeira alpinista española que asume este reto no continente antártico e na
primeira muller no mundo que alcanza en solitario o cumio do Macizo Vinson, o
pico máis alto desta cordilleira, cunha altura de 5.114 metros.
Fiel a súa filosofía de refusar as grandes expedicións e a favor de cordadas
limitadas pero fiables, Chus estableceu o seu campamento base, a diferencia da
maioría de expedicións que se desprazan á zona, a pé de montaña. Dende aí, o día
25 de Nadal, alcanzou en marca inmellorable o cumio do Macizo Vinson.
O Macizo Vinson está situado a 78º S, na parte sur da Cordilleira Centinela na
terra de Ellsworth e a uns 1.200 quilómetros do Polo Sur. Escalado por primeira
vez en 1966, é o máis espectacular e voluminoso do continente con 8 picos
emerxendo a corta distancia do cumio principal.
Ramón Vila
alcanza o cumio do
Aconcagua (6.960 m)
Ramón Vila Anca, de Quiroga, con moito esforzo e bastante sorte conseguiu o
obxectivo-soño de ascender o Aconcagua, o cumio máis elevado de América. Cando
tiña completada a súa aclimatación foi cara a arriba, alcanzando o prezado cumio
o pasado 17 de xaneiro ás 13,30 h. Baixou nevando e a partir de aí un
“marronazo” impresionante, os días restantes no Campo Base todo foron problemas
e evacuados dos campos de altura, conxelacións, etc.
AXENDA
Venres, 4 febreiro “Festa do Entroido”. No Club, a partires das 20.30 h
.
Luns, 7 febreiro “Festa Infantil do Entroido”. No Club, de 18.00 a 20.30 h
.
Venres, 11 febreiro “Campionato Social de Escalada” (1ª proba). No Club, a
partires das 19.00 h.
.
Venres, 18 febreiro “Campionato Social de Escalada” (2ª proba). No Club, a
partires das 19.00 h.
.
Venres, 25 febreiro “Asemblea Xeral Ordinaria”. No Club, ás 20.00 horas en
primeira convocatoria e 20.30 horas en segunda.
.
Venres, 4 marzo “Que é a dixitopuntura?”, pola dixitopuntora Sara Volpe. Charla.
No Club ás 20.30 horas.
Venres, 11 marzo “Imaxes de Esquí”, pola Sección de Esquí. Proxección de
actividades relizadas pola sección. No Club ás 20.30 horas.
Venres, 18 marzo “Vigo Romano”, polo arqueólogo Xoán Carlos Castro Carrera.
Charla e proxección. No Club ás 20.30 horas.
REFUXIOS
Refuxios do Club
No Boletín de Nadal 2003, publicamos o prezo por noite dos refuxios propiedade
do Club. Posteriormente, no boletín de Febreiro 2004, informábamos dun acordo
para a utilización, como refuxio do Club, da cabana A Folepa, en Trevinca. Agora,
en consideración aos federados doutros Clubs, engadimos unha nova tarifa (2 €/noite).
No cadro reflítense as tarifas actuais dos refuxios de Montañeiros Celtas:
| Refuxio | Con garda | Situación | Prezo noite/persoa * | ||
| Socios | Non socios | ||||
| Federados | |||||
| Aloia | non | Monte Aloia (Tui, Pontevedra) | 1 € | 2 € | 4 € |
| Rogelio de la Granja | non | Faro Domaio (Moaña, Pontevedra) | |||
| Miguel Regueira | non | Monte Galiñeiro, Vincios (Gondomar, Pontevedra) | |||
| A Folepa | si | Macizo Trevinca, Vilanova (A Veiga, Ourense) | 4´5 € ** | 8 € | 8 € |

ACTIVIDADES SOCIAIS
DE FESTA EN FESTA!
Hai pouco estabamos todos ou.... case todos festexando o Nadal no local do Club,
e xa é Entroido. Por certo, unha vez máis a xente amosouse espléndida para traer
comida, pero unha vez máis tamén faltou algo de música para que a festa estivera
realmente ao gusto de todos.
Ao principio da velada entregáronse os premios do Concurso de Montes. Na
terceira categoría gañou o premio da mellor realización do parte Marisa, e
Andrea na segunda.
O premio a todos os participantes na terceira categoría foi un chaveiro gravado,
e para os de segunda categoría un buffo co escudo do Club. Animádevos a
participar para o ano próximo e a por a primeira!!

Miguel “padre”, sempre disposto a colaborar, prepara a queimada na Festa Fin de Temporada
A semana seguinte espero que nos volvamos ver, pero nun escenario distinto, será
na Cea Aniversario do Club no hotel Coia. Contaremos cunha orquestra para poder
bailar. Despois dunha boa cea.... ¡ que mellor que algo de exercicio!
Espero que vos animedes moitos para poder pasar unha noite agradable e tamén
para acompañar aos socios máis antigos que fan xa 25 e 50 anos no Club.
F.F.
O menú elixido é:
Aperitivo variado
Lagostinos á prancha e dúas salsas
Entrecot á prancha con Bouquerier de legumes e champiñóns
Torta de San Marcos
Viños branco e tinto, cervexa, refrescos, auga mineral
Café e licores
HOTEL COIA
Rúa Sanxenxo, 1. Vigo
Aparcadoiro gratuíto
12 de febreiro, ás 21.30 h
A continuación da cea,
chega o momento da entrega de medallas, que serán de ouro para os que cumpren 50
anos no Club e de prata para os que cumpren 25 anos.
.
E como anunciáramos no boletín do pasado mes de marzo, homenaxearemos a Luis
Noya Domínguez, Socio Distinguido que cumpre 60 anos de asociado, sendo o socio
de maior antigüidade no Club.
.
Tamén está invitado o socio Marcos Veiga Bautista, como autor da Mellor Foto de
Socio no III Concurso de Fotografía de Montaña.
HOMENAXEADOS
Socio Distinguido
.
Luis Noya Domínguez
Con 50 anos no Club:
.
Miguel Santalla Méndez
.
Carlos Santos Navas
Con 25 anos no Club:
.
Rosana Cela Martínez
.
Celso Prado Rubio
.
María Estévez Ferreira
.
Rafael García Ben
.
Dolores Gómez Regueira
.
Fernando Rubira Suárez
.
Ana María Gómez Giménez
.
Francisco Marín Fernández
.
Miren Agurtzane Terreros Martínez
.
Ana Noya Urdiales
Xa vos podedes anotar na lista, por favor antes do 9 de febreiro. Prezo: 29 euros
SENDEIRISMO
SENDEIRO TRILHOS LUSOS
SERRA D`ARGA
Para os que participamos nas saídas de sendeirismo, Portugal non é ese país
descoñecido; ben sexa de forma oficial como particular, ao longo do ano
percorremos as terras veciñas porque teñen moito que ofrecer e, ademais están a
un paso. Por iso, este domingo 12 de decembro, como derradeira saída oficial de
sendeiros tranquilos do ano, imos percorrer outra vez os Trilhos Lusos, pero
deixando atrás Caminha para irmos polo lado contrario, e adentrarnos máis na
Serra D`Arga.
Con 4 sendeiristas menos dos anotados e unha breve espera, ás 08.40 partimos
cara a Caminha os 32 participantes restantes, uns charlando e outros
aproveitando para dar unha cabezadiña; ás 9.30 xa estabamos tomando café en
Caminha para seguir cara a Arga de Abaixo, aldea que ía ser o noso punto de
partida e chegada.
Cun tempo excelente iniciamos a ruta por un camiño de escasa pendente que nos
permitía camiñar moi relaxados, tanto é así que eu, particularmente, cando sexa
maior, espero e desexo que o club programe saídas moi, moi tranquilas como esta.
Alonxado do mar e da desembocadura do Miño, o sendeiro amosábanos a cara interna
da Serra, tranquila, sen ruídos, só o relincho dalgún cabalo e 4 tiros ao lonxe
lembrábannos que estamos en tempo de caza. Ás 12.30 h, chegamos a un cruce co
sinal de “convento”, tomamos o camiño da esquerda ata chegar á estrada,
cruzámola e detivémonos para xuntar de novo ao grupo, moi espallado; baixamos
por unhas escaleiras moi ben empedradas e, tras cruzar un regato, desembocamos
nun pequeno e denso bosque preto do mosteiro benedictino do século X de Santo
Joao d`Arga. Superados os escasos metros que nos separaban, comprobamos que a
zona soleada do mosteiro non era moi grande e decidimos comer relaxadamente
todos xuntos.
Continuamos camiño, pero esta vez ascendendo ¡co mal que senta despois de xantar!;
seguimos un pequeno tramo por estrada, outro por pista e finalmente subida monte
a través. Chegados arriba ¿onde está o camiño de baixada?... OS TOXOS.
Comentarios: teño todas as pernas pinchadas; pois eu teño o pantalón cheo de
pinchos... e así ¿quen se ducha ao chegar a casa?; pois eu non me ducho, eu
límpome cunhas toalliñas, ollo que esas poden ter alcol. Mirade, aquí está o
bus, se non estamos perdidos, eu sei tanto que ata sei cando me perdo. Alberto,
non corras tanto, non vaias por aí que hai moitos toxos, mira a ver se por
aquelas rochas se pode pasar... e pasamos.
Dani, o conductor, recibiunos cos tangos de Julio Iglesias.. ¡Ai! Dende que
coñece os nosos gustos musicais... Regresamos por Vilanova de Cerveira, onde
paramos unha media hora, como de costume, a tomar algo. Volta ao autobús e de
fondo música salsa.
Concha
SANABRIA
CAMIÑOS TRADICIONAIS
14-16 de xaneiro
.
“FELIZ 2005!” Este año a Sección de Sendeiros co noso guía Miguel Carrillo
“fillo” á fronte, quere mellorar o nivel dos seus participantes, e para iso
pensou en escapadas de fins de semana a zonas de montaña con dificultade
media-alta, potenciando así a nosa capacidade.
O pasado venres 14 ás 20,30h. saiamos nun luxoso autobús 20 animosos
participantes. Fixemos unha parada de 30 minutos na Gudiña para cear (vaia
bocatas que comeron algúns). En Sanabria recollíamos a Marisa que viña dende
León, e que xa participou en varias saídas connosco. Chegamos ao refuxio do Lago
de Sanabria, onde nos instálamos. Inda nos faltaban 7 que chegarían en dous
grupos, tres esa mesma noite, e catro a tarde do sábado. A zona é moi bonita e o
esforzo merece a pena.
O sábado ás 8 soou o espertador. Como sabedes, este refuxio, aínda que ten un
enclave divino, é cutre, cutre, sen duchas e co pilón ao aire libre, así que
todo foi moi rápido. Almorzamos e saímos en bus ata San Ciprián, onde
empezariamos o ascenso ao “FAEDA” (2.024 m). O día estaba moi frío e con
bastante néboa. Afortunadamente, o camiño estaba moi marcado e salvo algún campo
a través, o ascenso era cómodo, pero forte; de feito un grupo ía en cabeza e o
outro en cola. A temperatura empeorou chegando ao cumio, un horrible e frío
vento acompañounos durante os últimos km. Só estivemos uns minutos para
contemplar as marabillosas vistas e baixamos. Tamén a comida foi rápida, apenas
20', quedabámonos conxelados. Sen parar chegamos a aldea, directamente ao único
bar que había e onde o cafeciño quentiño sóubonos a gloria.
Despois de tanto esforzo, que menos que una estupenda cea no restaurante de
sempre. Pasámolo ben.
O domingo de novo levantámonos ás 8 h., pero sabendo que a marcha dende San
Martín de Castañeda ata Puebla de Sanabria non tiña dificultade algunha; tan só
os 20 km. do recorrido que separan estas dúas localidades. Este é o camiño
tradicional que unía as distintas vilas, e transcorre entre bosque e prados de
gran beleza, as follas das árbores facían de alfombra.
Pouco antes de Sanabria, comemos. O autobús recolleunos ás 17 h. Fixemos unha
parada na Cañiza, o xamón esta riquísimo.
Citámosvos para a nosa seguinte e aventureira saída do 19/20 de febreiro a
Chandrexa “CASA GERARDO”.
Elva

BICI DE MONTAÑA
En bici de montaña
pola Serra do Galiñeiro
O pasado día 14 de novembro, realizamos a actividade de bici de montaña na serra
do galiñeiro. Xa case que é unha clásica, dentro das actividades que programa
anualmente esta sección; pero non por iso deixa de sorprendernos, cada vez que
visitamos esta serra, a cantidade e a variedade de percorridos diferentes que
podes realizar, facendo deste un lugar incrible para a práctica deste deporte.
Participamos 15 socios deste club, cun día realmente alucinante saímos dende o
bar que antes chamado Dani e agora... non me lembro. O certo é que puxémonos a
darlle ao pedal e logo xa estabamos no muíño do Maquías en Zamáns, para seguir
logo ascendendo, pasando por riba da vella canteira ata seguir pedaleando xusto
onde escomenza o último treito de pista que ascende ao Arruidos, dando a opción
de subir ao cumio a aqueles máis “metrosexuais”, os “metroemedio” pasaron para
non deixar en ridículo aos do “metro” .
Montouse a lea entre motos e quads...tolos...estades tolos ,un día destes alguén
vai levar un golpe moi grande.
E foi pasando o tempo... pasando unha pista, un sendeiro... unha caída con
golpe, ata chegar ao punto de partida .
Que ben soubo a caña ¡¡¡ Manoel Chao
SECCIÓN INFANTIL - XUVENIL
FIN DE SEMANA
20-21 de novembro CAMPAMENTO DE INVERNO
.
Os monitores da Sección infantil organizamos esta fin de semana o xa tradicional
Campamento de inverno. Este ano decidimos ir á Serra dos Ancares, ao albergue
que o Club Ancares ten preto de Campa da Braña.
Un grupo de rapaces cóntannos a súa experiencia:
“VIAXE AOS ANCARES”
.
Logo dunha viaxe moi, moi longa...¡chegamos aos Ancares! Aloxámonos no albergue
que era un pouco cutre pero non estaba mal, iso si, tiña un bo servicio e
atendéronnos moi ben. Logo de xantar e distribuír as liteiras fixemos, como non,
unha marcha, ou como denominan os monitores “un paseo”. Cando chegamos ao final
fixemos unha guerra de neve e Juanjo e máis Antonio quedaron un pouco “fríos”. Á
volta fíxose curta e antes de cear xogamos a polis e cacos ata que o frío nos
obrigou a ir para o albergue, onde seguimos xogando e comendo castañas asadas
ata a hora de cear. Pola noite no cuarto houbo moita “guasa”, sobre todo con
Raul “Super- man”.
Á mañá seguinte, logo dun riquísimo almorzo no albergue, preparámonos para facer
unha camiñata ao “tres bispos”. O grupo dividiuse en dous, os máis valentes
atrevémonos a subir, pero o resto quedaron curtos, quedaron na campa xogando na
neve e descansando. Chegamos feitos anacos e famentos ao albergue. Xantamos,
recollemos as mochilas e mandáronnos recoller o lixo que deixáramos no campo de
xogo. Os monitores limparon o refuxio e montamos no bus. Á volta miramos unha “peli”,
e por fin chegamos a Vigo, cun pouco de atraso porque había néboa. ¡ Deica a
próxima!
Ester, Nerea, Julia, María, Amara, Antón, Miguel, Encina.

ENTROIDO, 7 DE FEBREIRO
Como todos os anos celebraremos o Entroido cunha pequena festa o luns a partires
das 18:30h., teremos xogos, baile, desfile de disfraces con foto incluída (os
recordo que moitos de vós non recollestes a foto do ano pasado) e tomaremos
algún refresquillo.
Podedes traer tantos amigos como queirades.
Esperámosvos .... Monitores da Sección
CULTURA E MEDIOAMBIENTE
SAÍDA DE BIOLOXÍA
Monte Aloia, 8 de xaneiro
.
O primeiro sábado despois das festas do Nadal tomamos camiño de Tui e
acercámonos ao Monte Aloia para gozar das Xornadas Biolóxicas. O grupo é
variado, uns 17 participantes enmarcados entre os 3 anos de Martín e Jeff, que
parece non querer peitear canas (leva o pelo ao cero). Todos ledos por estar
naquel privilexiado lugar.

Tras a presentación de Manuel e Geles no Centro de Interpretación da Natureza do
Parque, dirixímonos todos ao bosque, dispostos a plantar uns cantos carballos
pequerrechiños. Sachos e pas na man, costa un pouco elixir o recuncho onde
vivirán estes apreciados seres vivos ata se converteren nuns xeitosos carballos.
Eles axudarán a facer que o aire que respiramos sexa máis puro, e co tempo a súa
sombra protexeranos do sol.
Despois do duro traballo volvemos todos contentos para facer un sendeiro, o
correspondente ao Rego da Pedra. Ao pouco da saída atopamos sobre a lama unhas
poucas pegadas moi clariñas dalgúns dos habitantes do parque, o xabarín, unha
posible xineta, unha toupeira,...á súa análise adicámoslle algún tempo. Seguimos
ata o Alto de Perduran. Apréciase entre a brétema o Miño, o Budiño e os bosques
e aldeas do redor. O camiño continúa sobre o Rego de Pedra cun estudio da
mini-botánica do mesmo, e temos a gran sorte de observar, da man de Manuel, dous
endemismos animais de Galicia: unha cría de Salamántiga Rabilonga e outra de Ra
Patilonga, que viven nesta parte do sendeiro. Regresa o camiño ata a senda
Botánica, nesta zona gozamos cos niños do peto, que están nuns altos cipreses.
Finaliza a xornada ao medio día, foi un día espléndido que gozamos moitos.
Despedida con agasallos e bicos. Xa é tarde e a fame ataca a nenos e grandes.
Todos demos boa conta do xantar.
María

As árbores que se plantaron foron os que se sementaron no club en novembro 2003
Charla do 10 de decembro no Local
ESPAZOS NATURAIS
DE GALICIA
.
Un pequeno grupo de montañeiros asistimos á charla con proxección de
diapositivas sobre os espazos naturais protexidos de Galicia, que formaba parte
das actividades formativas sobre Medio Ambiente organizadas pola Xunta de
Galicia.
Inda que a calidade das diapositivas que trouxeron non era demasiado boa, e
despois de diferenciar os distintos tipos de espacios protexidos recollidos
"legalmente"... -non é igual un parque nacional, que un parque natural, que un
área protexida, etc.- creo que foi interesante especialmente a parte de coloquio
que tivemos despois da protección. Nela se plantexaron cuestións importantes,
como a problemática dos parques eólicos, como compaxinar as actividades
tradicionais de gandería ou agricultura cos parques, a protección das áreas
costeiras fronte ao turismo e a presión inmobiliaria... ¡hai moito no que
pensar! E tamén falamos dalgunhas especies endémicas que temos que mimar
especialmente. Por proximidade, lémbrovos que aparte das Cíes, podedes visitar o
Parque Natural do Monte Aloia onde ademais temos un refuxio, pero na páxina web
da xunta podedes atopar a relación completa de espacios naturais de Galicia.
.
Ata a próxima,
Isabel
Apuntes de fotografía
O ENCUADRE: (Regra dos tercios)
.

De forma natural e espontánea, eu utilizaba dende hai moitos anos a regra dos
tercios, antes de que ma explicaran. É pois intuitiva e teórica, chégase a ela
polos dous sistemas á mesma conclusión.
Esta regra fácil de aplicar, ten resultados espectaculares, pola súa elegancia e
harmonía.
A fiestra do visor da cámara divídese con 2 liñas verticais a distancia 1/3, da
lonxitude horizontal do visor, e con 2 liñas as horizontais a distancia tamén
1/3 da lonxitude da altura do visor (ver debuxo).
Estas 4 liñas serán zonas de máximo interese para localizar nelas as liñas dos
paisaxes ou elementos verticais ou horizontais importantes da nosa foto.
Ex: unha árbore, facelo coincidir coa liña 1/3 vertical, ou 2/3 vertical.
Ex: a liña horizontal de división entre terra e ceo, situala na liña 1/3
horizontal, ou 2/3 horizontal.
Ademais os puntos de intersección de estas 4 liñas son puntos notables de máximo
interese tamén, onde se deben facer coincidir os elementos importantes da foto,
como un balón, una casiña, un paxaro, unha pequena barca.
A situación final é unha foto chea de harmonía e equilibrio. Probade e xa
veredes. Espero fora do voso interese. Ata outro artigo.
Martín (Shambala)
III CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA - II ÉPOCA
CONCURSO FOTO 2004
.
Por terceiro ano consecutivo levouse a cabo unha nova edición do CONCURSO DE
FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA “MONTAÑEIROS CELTAS”, este ano adicado aos membros do Club
que participaron na primeira exploración científico-espeleolóxica á COVA DO REI
CINTOLO, 50 anos atrás. Neste artigo expoñemos a modo de memoria os datos máis
relevantes en relación coa recente III edición do concurso.
A pesares da marxe de tempo non demasiado amplo entre a difusión da convocatoria
do concurso e a data límite de recepción das fotografías, superáronse amplamente
o nº de fotografías presentadas respecto ao ano anterior, acadando un total de
160 obras, provenientes de 84 participantes. Case a metade procedían da
provincia de Pontevedra, maioritariamente dos socios do club Montañeiros Celtas.
O resto procedía dunha ampla variedade de lugares da xeografía española e
incluso varios dos participantes enviaron os seus traballos dende o estranxeiro
(Polonia e E.E.U.U.) Aproximadamente o 20% dos concursantes tiñan participado
tamén nalgunha convocatoria anterior.
A primeira labor do xurado, foi a selección de 40 das 160 fotografías para a
final... non foi doado... así que algunha das vosas non estaba na selección...
¡É que non podían estar todas!
O día 16 pola noite montouse a exposición na Casa do Libro e foi
entonces cando se reuniu o xurado por segunda vez para emitir o fallo final.
Ao día seguinte, 17 de Decembro ás 19:30 h na Casa do Libro de Vigo, levouse a
cabo unha sinxela cerimonia dividida en dúas partes:
En primeiro lugar, e tras unha breve presentación a cargo de Sechu López
-Presidente do Club- e Isabel Maestu -Vocal da Sección de Cultura e Medio
Ambiente- realizouse a entrega de premios do concurso de fotografía. Asistiron
ao acto de entrega de premios: Xosé Lois Freixeiro e Juan Prego, presidentes
respectivos da FGM e da FGE, Olga Rodríguez en representación de COVSA, Ana
Huarte en representación de ESYCONTROL, Sechu e Isabel, en representación do
Club.
Recolleu o primeiro premio, en representación do gañador Carlos Verdú Belda de
Alicante, Chao (Vocal de Escalada do Club), de mans de Olga Rodríguez quen lle
entregou o primeiro premio -1000 € e trofeo COVSA- pola fotografía “MONNEGRE-1”.
Recolleu o segundo premio, en representación do gañador Marcos Veiga pola súa
fotografía “CATARATA DE LUZ”, un familiar, por encontrarse o premiado de viaxe,
de mans de Ana Huarte, consistente en 500 € e trofeo ESYCONTROL.
Entregou o premio especial á Mellor foto de espeleoloxía -450 € e trofeo- o
presidente da Federación Galega de Espeleología, Juan Prego a Ignacio Rafael
Ramos pola súa fotografía “MARTALINA”, quen comentou o especial que é para el
este premio, como espeleólogo que é, por coincidir co 50 aniversario da
expedición á “COVA DO REI CINTOLO”.
Entregou o premio especial á mellor foto de escalada/alpinismo -250 € e trofeo
Carlos Garrido, directivo da FGM, a Marisa Núñez, amiga da premiada, en
representación da gañadora: María Begoña Landesa -que chegou un pouco máis tarde
á cerimonia- pola súa fotografía “UN MISMO DESTINO”.
Fíxose mención aos gañadores dos tres accésits de 50 euros cada un, Ramón
Quintana Sanz, de Madrid, que xa o ano anterior fora gañador do premio especial
de Espeleoloxía/barrancos, Pere Font Ruíz, de Xirona e Emilio Pérez Varela, do
Club.
A continuación realizouse un emotivo acto de homenaxe aos
participantes da primeira expedición científico-espeleolóxica á “COVA DO REI
CINTOLO”, Sechu deulle paso a Lourdes Castiñeira -vocal da Sección de
Espeleoloxía do Club-, quen despois dunha pequena introducción e de enumerar a
todos os participantes na mesma, invitou á mesa a dous dos participantes na dita
expedición: Chito e Pepe, que nos fixeron pasar uns agradables momentos
comentando diversas anécdotas sucedidas durante os días que durou "a aventura",
así coma as condicións en que se desenvolvía a espeleoloxía hai cincuenta anos e
a repercusión que nos ámbitos científico, cultural e social tivo a expedición.
A modo de recordatorio, varios dos membros máis novos do grupo de espeleoloxía
do club fixéronlles entrega dun pequeno obsequio que recollía dúas fotografías
realizadas separadas 50 anos no tempo, á entrada da cova: unha da expedición
antes de entrar na cova fai 50 años e a outra no mesmo emprazamento tomada o día
que se celebrou o aniversario.
Como mostra do bo relevo xenealóxico que se vai producindo no club na sección de
espeleoloxía, tomou a palabra Pilar Orche, membro do club e Vocal da sección de
Actividades Subacuáticas, que recentemente formou parte dunha expedición
espeleolóxica internacional no Cáucaso de gran repercusión e importancia. Ela
narrounos brevemente a súa recente experiencia e valorou especialmente o
realizado hai 50 años polas grandes dificultades e escaseza de medios que
entonces se soportaban.
De seguido, rematou "o acto" e nos diriximos ao club para a Festa Fin de
Temporada... pero esa é outra historia.
Temos que darlle as grazas á Casa do Libro xa que por terceiro ano consecutivo
cedeunos amablemente a súa sala de exposicións do 16 ó 30 de decembro para levar
a cabo a exposición das 40 mellores obras do concurso, así como diversas
fotografías e mapas relacionados coa expedición que recibiu a homenaxe. Debido
ao seu amplo horario comercial e ás datas de Nadal que fan da Casa do Libro un
lugar moi concorrido, estímase que máis de 2000 persoas viron a exposición.
Ao peche da exposición na Casa do Libro, o 30 de decembro, levouse a cabo entre
os votantes do concurso á foto popular, un sorteo sendo premiado Alberto Fidalgo
Pérez cun vale de 30 € en material de fotografía en tendas VigoFoto. A Mellor
Foto do Público resultou ser “ESPEJO DEL CIELO” de Oscar Fernández Villar. O seu
autor dispón dun cheque de 150 € en material de fotografía en VIGOFOTO. A Mellor
Foto de Socio resultou ser a do 2º premio, do socio Marcos Veiga.
A votación popular, con cerca de 200 votos presentados - inda que sabemos que
máis dun quedou sen votar porque se acabaron as papeletas-, tamén é unha
importante fonte de opinión. De feito, parte das melloras aplicadas nesta
convocatoria foron suxestións do público do ano anterior, como por exemplo
indicar en que lugar foi realizada a fotografía, abrir o concurso ao público en
xeral no só a socios de clubs de montaña- etc. Aproximadamente o 15% dos
votantes engadiron algún comentario ou suxestión ao seu voto. Por unha parte
felicítannos pola exposición e nos animan a repetir; atópanse satisfeitos pola
calidade fotográfica e propóñennos que lle deamos máis difusión publicitaria e
expoñela en máis lugares cousa que pretendemos facer coa exposición itinerante-.
No punto en que coinciden máis comentarios é na iluminación algo deficiente
nalgunhas zonas, especialmente nas columnas centrais da sala. Como anécdota un
votante propón que poñamos pinchos, a poder ser de tortilla... parécenos unha
suxestión moi interesante...
Finalizada a exposición na Casa do Libro, levouse ao Centro de Visitantes do
Parque Natural do Monte Aloia ata finais de Xaneiro. A continuación levarase á
Casa de Xuventude de Ourense dende o 1 ata o 15 do mes de Febreiro.
Non me queda máis que dar as grazas a todos os que contribuíron, ben sexa
participando con fotos, colaborando na organización e desenvolvemento do
Concurso e as exposicións, ou con patrocinio ou subvencións.
Esperamos poder repetilo no 2005 e que se acade cada ano un pouco máis de
prestixio e calidade, para goce de todos e poder dar a coñecer deste xeito as
ledicias que nos ofrecen as montañas, que é o motivo principal que nos une neste
club.
Isabel

Ignacio Rafael ( á dereita )
recolle o premio especial “50 Aniversario Exploración
Cova Rei Cintolo” de mans do Presidente da FGE


Pilar Orche intervén no acto de homenaxe
MEMBROS DO XURADO
Marcos Rodríguez González Gañador do concurso na convocatoria do año 2003.
Manuel Núñez Estévez “PIRULO”, profesional da fotografía e montañeiro.
Presidente da Asociación Fotográfica Galega
Isabel Sierra Abraín “NIN”, fotógrafa profesional
Jesús Nieto Fernández De VigoFoto, profesional da fotografía
MAGAR Recoñecido fotógrafo, con varios libros de fotografía publicados
Ángel Álvarez Publicista e montañeiro.
Constancio Veiga González “CHITO”, experto e veterano montañeiro, gran
afeccionado á fotografía
MONTAÑISMO
PAIS VASCO 2004
.
A pasada ponte de decembro, a “trupe” de montañeiros Celtas desprazou o seu
espectáculo deportivo a terras vascas. Terras que nos traen boas lembranzas xa
que sempre nos deparou grandes éxitos. Esta vez eliximos o pequena vila de Egino
como base das nosas aventuras.
Aínda que a organización plantexou saídas de dous niveis, a ampla maioría dos
participantes optou por seguir as saídas “máis machacas” incluso a sabendas de
que as previsións meteorolóxicas eran incertas, isto di moito dos nosos socios
que cada vez plantexan un nivel de esixencia maior nas actividades.
A pesar da incerta climatoloxía, os aguerridos (ou inconscientes, todo é
cuestión de puntos de vista) responsables da actividade decidiron cumprir o
programa. Así o sábado día 4 co tempo xusto de desfacer os petates, dirixímonos
a Peña Aratz onde a pesar da intensa néboa que nos acompañaría durante toda a
ponte, logramos atopar o seu cumio entre un denso manto branco que a piques
estivo de despistarnos, baixando posteriormente ao túnel de San Adrián lugar xa
coñecido en anteriores aventuras.
Ao día seguinte dirixímonos a Serra Cantabria co punto de mira posto no pico
Palomares, saída que nos deu a oportunidade de coñecer os incribles bosques da
zona que non teñen nada que envexar a outros de máis fama, outra vez a néboa e o
frío nos vetaron as vistas, aínda que a néboa contribuíu a facer máis entretida
a ascensión, pois a elevada humidade converteu o sendeiro de ascensión nunha
verdadeira pista de patinaxe nalgún tramo, e fixo a trepada final máis
interesante do esperado.
Continuando co programa, na seguinte xornada realizamos a ascensión ao Udalalx,
que coa súa bela estampa piramidal e o seu agreste cumio, é unha das montañas
máis atractivas de Guipúscoa, aínda que non excesivamente técnica, o elevado
desnivel a superar resultou unha dura proba para todos, outra vez quedámonos sen
vistas no cumio pero gozamos da súa crista final.
Por fin o ultimo día como broche final, a marcha seguindo o GR 12 en Lekumberri
converteuse nunha verdadeira proba de orientación debido ao mal estado das
marcas do GR, isto xunto ao frío e a humidade demostraron que non hai saída
fácil. Mentres tanto, un servidor e o “presi” tentabamos a sorte realizando unha
vía de escalada clásica das moitas que podemos encontrar nas paredes de Egino
cuxa escola de escalada é amplamente coñecida. Divertida xornada que concluíu
cun asalto masivo á tenda de queixos da localidade, que se veu invadida de
compradores do excelente queixo da rexión que resulto ser un excelente recordo
desta saída.
Carlos
Moitos dos percorridos realizáronse por fermosos faiais.

A ascensión ao Palomares foi a máis comprometida das tres, xa que o tramo final do sendeiro estaba esbaladizo pola xeada vexetación, e tiña unha trepada final, por suposto... con néboa.

Trepada ao cumio do Palomares

Carlos e Sechu fixeron unha vía de escalada clásica, mochila incluida, de catro largos de corda.
CONCURSO DE MONTAÑAS 2004.
Co fin do ano rematou tamén a segunda edición do recuperado Concurso de Montañas.
Montañeiros de 3ª categoría:
Patricia Melón Sarmiento.
Pedro Rodríguez Ibarz
Antonio Paredes Chapela
David Jambrina Leal
Maria Villaverde Núñez
Marisa Núñez Suárez
Montañeiros de 2ª categoría:
Cristina Steimbreuggen Cruces
Miguel Carrillo Pérez
José Ramón Varela Nogueiras
Antonio Alemparte Gonzalzo
Concepción Barciela Villar
Sonia Amatrain Suárez
Visitación Suárez Gómez
José Amatrain Cabo
Gaspar Ribé Bargalló
Enrique Soto Campos
Antonio Baamonde González
Andrea Michèle Rosario Fauré
José López Pérez
No 2005 continuaremos coa 2ª e a 3ª categoría e comezamos coa 1ª
categoría a cal xa foi inaugurada, nos primeiros días do ano, polo noso socio e
amigo Gaspar Ribé Bargalló, ascendendo ó Roc Roig (2227) e ao Puigpedros (2914)
no Pirineo Catalán.
Conchi

Conchi entrega o agasallo a David
ESCALADA
1º CAMPIONATO SOCIAL
DE ESCALADA
NO MURO DO LOCAL
11 e 18 - febreiro
No mes de febreiro terá lugar os días 11 e 18 a partires
das 19.00 h no muro do club o primeiro campionato de escalada para socios e
socias de 8 anos de idade en adiante.
Haberá tres categorías masculinas e tres categorías femininas,
A) entre 8 e 11 anos;
B) de 12 a 14 anos
C) de 15 anos en adiante.

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
RECORDOS SUBACUÁTICOS
Precisamente porque as frías temperaturas destes días non invitan a practicar o
mergullo, é un bo momento para lembrar algunha das inmersións que realizamos os
integrantes da Sección de Actividades Subacuáticas. Pero, como non se pode vivir
de recordos, este ano máis.
As dúas inmersións que vos vou narrar a continuación teñen como denominador
común que só fomos dúas persoas (parece que aos montañeiros non lles apetece
mollar a barriga) e o accidentadas que foron ( a ver se este ano que vén temos
máis sorte).
Illas Cíes, 20 de xuño
O 20 de xuño Fernando Fdez. Rei e eu collemos todos os aparellos de mergullo
dispostos a gozar dunha gran inmersión, pois o noso destino non era outro que o
das fermosas illas Cíes. Fernando ía de estrea co seu novo traxe seco... e é
que, a pesar de que era un día de verán, a auga do Atlántico estaba tan fría
coma acostuma.
Quedamos ás dez da mañá do mencionado domingo no peirao do R.C.N de Vigo coa
xente do Club Mergullo Ribeira Sacra (Ourense), cos que xa mergulláramos en
febreiro. Preparamos todo o material, e, tras pasar unha vez máis o calvario de
embutirnos nos neoprenos, cargamos a zódiac e puxemos rumbo ás Cíes.
A primeira parada foi obrigada: había que presentar toda a documentación aos
gardas do Parque Nacional. Case media hora estivemos esperando, así que, para
combater a calor, a única solución que nos quedou foi saltar á auga. Una vez
superado este trámite, volvemos acender ao motor e continuamos cara á parte
exterior das Illas Cíes, pasando por entre as Illas de Faro e de San Martiño e
tirando despois cara ao norte para chegar ó extremo da Illa de Monteagudo,
concretamente á Punta do Cabalo. Os inmensos acantilados das Cíes que fan de
escudo defensor de Vigo, amosaban un aspecto impoñente.
Alí botámonos á auga, aínda que desafortunadamente a Fernando se lle acabou
pronto o mergullo. Os traxes secos son moito máis quentes que os normais, pois
consisten en monos coas botas incluídas que son completamente estancos.
Precisamente para manter esa estanquidade, funcionan cunhas válvulas para
introducir ou sacar aire de dentro do traxe. Ao principio son moi engorrosos de
utilizar, pois hai que estar pendentes das súas válvulas e das do chaleco para
compensar a flotabilidade e poderse mergullar comodamente. E iso foi o que lle
pasou ao pobre do Fernando, que descendeu boca abaixo e todo o aire fóiselle ás
botas, así que comezou a ascender como un globo, e iso que Javi e Angel
colgáronse del, pero non houbo maneira. Como a única forma de baleirar as botas
de aire era saír á superficie, Fernando subiu á lancha e xa decidiu quedar alí.
Tivo un mergullo curto, pero intenso. Nós proseguimos mergullando, que Cíes ben
merece un bo paseo subacuático. Aínda que, por desgraza, apenas nos deleitamos
coa observación da bichería, pero si coas inmensas moles de rocha. Tocaba saír á
superficie. Subimos na zódiac e volvemos ao porto desnavegando o traxecto de
ida.
Sentino moito por Fernando, pois estaba moi ilusionado co seu traxe novo. Pero
ben, el xa sabe que temos pendente un “mergulliño” para que vaia collendo un
pouco de soltura.
Illas Estelas, 19 de setembro
A última hora Cristina Alonso e eu decidimos ir de mergullo. Así que o 19 de
outubro plantámonos no mesmo escenario e coas mesmas personaxes que no mergullo
que vos relatei en liñas precedentes. Tamén nos diriximos cara á unhas illas,
pero neste caso eran as Illas Estelas. Estas atópanse case á altura do Monte
Ferro (onde hai unas vías de escalada ben coñecidas polos “gatos” do noso club),
fronte a Praia América. Esta vez no noso equipo levabamos un elemento que
resultaría imprescindible no mergullo que nos agardaba: unha lanterna, pois
pretendiamos visitar un barco afundido.
En canto toda a impedimenta estivo disposta na lancha, partimos. Coa velocidade
e a brisa máis fría que fresca, o traxecto fíxose levadeiro. Sen embargo, en
canto paramos, cambiou o asunto. A xente comezou a cambiar de cor, tornándose a
súa tez incluso en verde, e a preguntar pola Biodramina. E é que o mar estaba
movido, non moito, pero si o suficiente para que o noso almorzo servira de
aperitivo aos peixes da Ría.
Por esta razón, tanto Cristina como eu botámonos á auga tan rapidamente como
puidemos. Eu sentinme aliviada, pero non se pode dicir o mesmo dela. Tal era o
mareo que tiña, que decidiu interromper nese preciso instante o mergullo e
quedarse na zódiac a esperarnos.
O resto da tropa puxemos rumbo ao fondo. Estivemos curioseando aquí e alá, e
observando todo o que nos rodeaba. Instintivamente erguiamos a vista do chan
todo o que había nel era interesante, pero intentabamos localizar o pecio.
Tratábase do Ivy, un mercante con bandeira liberiana, que no 1976 partiu do
Brasil rumbo a Alemaña, transportando mineral de ferro. Sen embargo, no medio da
travesía a desgraza cruzouse no seu camiño e afundiu, dando como resultado a
morte de catro tripulantes.
Ao final, despois de dar unhas cantas voltas, atopámolo. Alí estaba un fragmento
do barco afundido do que o mar se apropiara. Cristóbal e eu, lanterna en man,
avanzamos varios metros polo interior da adega do barco. ¡Que sensación a de
flotar na negrura! ¡Debe de ser o máis parecido a estar no espazo! O noso paseo
terminou cando volvemos ver a luz do sol, pois había que regresar ao outro lado
do pasadizo. Nese momento tamén concluía o mergullo: era hora de volver á
superficie
Con esta nova experiencia, volvín realmente satisfeita ao porto. Tamén hei dicir
que é unha mágoa perder toda unha mañá enfundada nun traxe de neopreno e
bailando ao son das olas, sen poder mergullar. Sen embargo, creo que Cristina
foi moi prudente. E é que, como Eutimio dixo unha vez, hai máis días que
mergullos. Bo consello, si señor. Cristina, vémonos no próximo mergullo.
XLIV
CAMPIONATO
GALEGO INDIVIDUAL
No Campionato Galego Individual de Pesca Submarina do pasado ano 2004 celebrado
en Vilagarcía os días 26 e 27 de xuño, organizado polo Club Liceo Casino de
Vilagarcía, os representantes do noso Club: Víctor Puerta Costas e Juan Ignacio
Fazanes Novas, acadaron os postos 13º e 16º respectivamente. A primeira proba
desenvolveuse na zona “Punta Raeiros-Punta Montalvo” e a segunda na zona “Punta
Barcela-Punta Montalvo”, sendo o número total de participantes de 28.
FELICITACIÓNS
Dende estas páxinas quixera felicitar en nome de toda a Sección de Actividades
Subacuáticas á organización da Semana de Cine Submarino que tivo lugar entre os
días 17 e 19 de novembro. Como de costume, a asistencia do público foi masiva e
as películas, de extraordinaria calidade. En concreto, o vídeo sobre as Illas
Cíes foi fabuloso. Só quen teña mergullado nestas turbias augas, poderá apreciar
en toda a súa dimensión o gran traballo realizado. Ademais, con esta proxección
quedou demostrada a abundante vida que hai nas nosas augas, podéndose ver
incluso exemplares inimaxinables.
Se este ano non puidestes asistir, non esquezades a cita do ano que vén, que
seguro será incluso mellor que a deste.
¡VÉMONOS NO FONDO DO MAR!
Fago un chamamento a todos os mergulladores en estado latente que hai no club,
refírome a todos aqueles que no seu momento mergullaron, pero que foron deixando
de lado e incluso abandonando esta apaixonante actividade que é o mergullo. A
ver se neste ano que comeza vos animades a unirvos á Sección. Facede este bo
propósito...¡e cumprídeo! E, por suposto contamos cos fieis da Sección, que son
poucos pero bos. E se algún está interesado en iniciarse como mergullador só ten
que pasar polo Club e solicitar información. Aquí esperámosvos a todos,
dispostos a compartir con vós os secretos do mundo do Capitán Nemo.
Pilar Orche
ELECCIÓNS FEDAS 2004

Parabens para o noso socio José Rodríguez Oveja “Pepín” que foi
reelixido como Presidente da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS)
nas eleccións que se celebraron o día 18 de decembro de 2004 en Barcelona.

Pepín no seu despacho da FEDAS.
LICENCIAS 2005
LICENCIAS DE ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
Compañía Aseguradora: MUTUALIDAD GENERAL DEPORTIVA
Importante: As licencias desta federación, son válidas durante un ano dende a
data de expedición
| DEPORTISTAS | INSTRUCTORES | ARBRITOS | ESTRANXEIROS | ||
| De 13 anos, infantís | de 14 ou 15 anos | dende os 16 anos | E MONITORES | E DIRECTIVOS | |
| 10 € | 23 € | 36 € | 38 € | 38 € | 38 € |
O duplicado de licencias ten un custo de 5 euros
ESPELEOSECCIÓN
¿ONDE ESTA
“A COVA DA CORUXA”?
A Cova da Coruxa: exploración dunha cova
en Galicia no século XV
Agora que rematamos o cincuenta aniversario da 1ª exploración á mindoniense Cova
do Rei Cintolo, feito que pola súa importancia se considera como punto clave no
desenvolvemento da espeleoloxía galega, merece lembrar o que parece ser a
primeira mención escrita sobre exploración do mundo subterráneo en Galicia.
Sucedeu no ano 1.467, segundo aventura narrada polo historiador galego Vasco de
Aponte na súa “Relación de algunhas Casas y Linajes del Reino de
Galicia”(1.534). Dedica amplo espacio á biografía das familias Andrade, Moscos
ou Soutomaior. Entre outras, coa figura de Pedro Álvarez “Pedro Madruga” en
lugar destacado. Contemporáneo deste famoso Señor foi Álvaro Pérez, da liñaxe
dos Moscoso e Señor de Altamira, de célebres cabalgadas e fazañas pola Galicia
do século XV, e que, xunto ao seu irmán Bernal sitiaron na catedral de Santiago
ao Arcebispo Fonseca esixindo un forte rescate pola súa liberación. O asedio
rematou en decembro de 1.466.
Semanas despois, Álvaro Pérez Moscoso, tivo noticias dun tesouro acochado na
cova da Coruxa e, minguadas as súas arcas polas loitas, marchou na súa procura.
Así narra Vasco de Aponte a historia:
“Despois do triste suceso do asalto á Catedral de Compostela, no ano 1.466, este
Álvaro Pérez Moscoso durou pouco, e segundo fama, entrando na Cova da Coruxa a
buscar un grande tesouro, por consello dun frade que era un gran nigromante (adiviño
por medio dos mortos) e levando consigo trinta escudeiros e peóns moi esforzados
e con moitos fachos e tizóns grandes de carballo, cordas longas, amarradas na
entrada da cova con estacas, e a xente armada, e, entrando pola cova atoparon
grandes aves que lles golpeaban as caras, e andaron ata chegar a un gran río, e
viron ao outro lado, xentes estrañas, fermosas, ricamente vestidas, tañindo
instrumentos, e viron grandes tesouros, mais tiveron medo do río que non ousaron
pasar, e todos de acordo, deron volta. Mais o frade dicía: adiante, adiante, que
non é nada.
Eles non o quixeron crer, e entón saíu tan grande vento que apagou os fachos.
Cando puideron saír deulles un aire empezoñado que ningún durou un ano con vida,
e o frade perdeu a vista dos ollos. Este Alvaro Pérez púñase a grandes cousas,
mais non saía delas. O noso Señor Xesucristo tomou vinganza deles, porque todos
eran perversos en maldades contra el.”
Ninguén localizou inda a mencionada Cova da Coruxa. Uns sitúana na provincia de
A Coruña, outros en Pontevedra. Pola miña parte, e despois de vagabundeo polos
monte galegos non atopei ningunha cova con este nome. Mais é interesante, dentro
da lenda ou realidade, ter presente esta primeira exploración da que atopamos
referencia escrita.
Chito Veiga
ESPÉLEO EN PORTUGAL
4-8 decembro 2004
.
Unha vez máis puidemos gozar da espéleo en Portugal en compañía dos nosos amigos
portugueses do GPS (Grupo de Proteçao da Serra do Sicó). Aproveitamos esta longa
ponte para baixar ás terras das Serra do Aire e Candeeiros e a Serra da Arrábida.
O sábado baixamos a Valverde onde nos esperaban Hernani, Sergio, Claudia,
Ricardo, …e onde quedamos ata o luns nunha casa forestal, cedida polo Parque a
petición do GPS e da Federación Portuguesa. Aproveitamos esta estancia para ir o
domingo ás distintas cavidades das próximas Serras do Aire e Candeeiros. Laura,
Óscar, Iago, Carol e Gelo xunto con algúns membros do GPS descenderon a cavidade
vertical de Grahlas VII, onde aproveitaron a ocasión para facer algunhas probas
de fotografía.
Por outro lado, Emilio, Lourdes, André, Antón, Bea e Jorge foron con Hernani á
cova de Marradinhas II, onde puideron gozar desta preciosa cova encantada (polo
lugar onde está) e encantadora (polas formacións).

Gralhas VII
Daniel e Pablo aproveitaron a invitación para ir ao Algar da Lomba e axudarlles
aos nosos compañeiros portugueses na continuación da exploración desta nova cova,
utilizando medios audiovisuais experimentais.
O luns baixamos cara a Sesimbra e a Serra da Arrábida, onde nos esperaban outras
covas. De camiño visitamos a vila de Óbidos, dándonos un paseíño polas súas rúas
e murallas. Xa de noite, montamos as tendas no cámping.
O martes chegou cunha sorpresa para nós; viaxe en barco para visitar unha cova
na que se entraba polo mar, acompañados por Francisco, do NECA (Núcleo de
Espeleoloxía da Costa Azul). Pareciamos unha gran expedición, con embarque e
desembarco de todo o material (tamén o preciso para facer unha “grelhada”),
porteos,…. Ata o barco levaba unha gamela, para acercarnos ao cantil.
Dividímonos en dous grupos para visitar a Cova dos Morcegos, onde dicían que en
época de cría pode haber, nunha pequena sala que ten, uns seis mil morcegos. Xa
todos fóra, fixemos unha grellada de peixe e pementos e algúns aproveitaron o
solciño quente para darse un chapuzón.
Algúns “sortudos”, como non cabiamos todos no barco, usaron unha embarcación
pequena e rápida, e visitaron a boca doutras covas, mentres o barco facía o
percorrido dunha hora.

Gruta dos Morcegos
O mércores xa foi día de volta para Vigo, coa grata lembranza de pasar uns días
“espéleo-culturais” cuns bos amigos, aos que lle estamos moi agradecidos e
esperamos ver polas nosas terras dentro dos vindeiros meses.
A Sección
11 de decembro. Comisión Delegada
Como todos os anos nestas datas, a última Comisión Delegada do ano é, sobre
todo, para aplicar baremo de puntos ás actividades dos clubs que é o que leva
máis tempo. (De novo, ¡parabéns a todos vós! Volvemos a ser o Club que máis
actividades ten e por tanto máis puntos). Os clubs que máis actividades
presentaron, despois de nós, foron o ECDC, e o Irmandiños. Nos restantes asuntos
tratados é de relevancia o comezo das obras no acceso á Cova do Rei Cintolo, que
unha vez comunicado ao TSX foron paralizadas, por entender o Tribunal que a
documentación presentada para comezar as obras era o mesmo que o anterior
proxecto onde faltaban varios estudios de impacto medioambiental. Botamos todo o
día de reunión, da mañá á noite.
.
17 de decembro: Homenaxe aos participantes do Club na 1ª Expedición á Cova do
Rei Cintolo. Casa do Libro (Vigo)
Este foi o acto de peche do cincuenta aniversario. Despois dunha pequena
intervención, contando coas anécdotas de Chito e Pepe, fíxose entrega dun
pequeno obsequio de lembranza. O camiño que comezaron aqueles expedicionarios do
1954 continúa no 2004, iso é o importante, e contamos que continúe no 2054.
Gracias a todos eles por estar e querer estar.
.
18-19 de decembro. ...
Nesta ocasión marchamos a Cobas con dúas ideas na cabeza: a topografía de Zorra
e Despiste e a experimentación do aparello deseñado e construído por Serafín
para a iluminación en covas. Vamos, experimentando e probando con leds para
substituír a iluminación con carburo.
Na cova probamos intensidades, contando con medidores, duración das pilas
segundo esas intensidades,.... e, loxicamente, toma de notas durante todo o
sábado.
Despois de charlas sobre o tema, xa pola noite, co “inventor do trebello”, ao
día seguinte volvemos experimentar.
O traballo continua... Ademais aproveitamos para topografar as covas arriba
citadas.
.
Volve o Nadal e, con el, o remate do ano espeleolóxico, así que toca facer
reconto (por se alguén se perdeu).
O 50ª Aniversario da 1ª Expedición á Cova do Rei Cintolo ocupou parte do noso
tempo, coa celebración duns actos en Supena (Mondoñedo): xantar na vila,
xuntanza de expedicionarios, foto conmemorativa na entrada da cova, agasallos,
etc. durante a celebración do Campamento social de espeleoloxía, e coa
organización dun Campamento infatil-xuvenil de espeleoloxía durante unha semana
en Vegacervera (León), no que se incluíu o VIII Campamento Galego infantil-xuvenil
de espeleoloxía.
Ademais, celebráronse as actividades ordinarias: xornadas de técnica vertical,
3ª Xornada aberta de descenso de canóns, o 9º Campamento social infantil-xuvenil
de espeleoloxía e as Xornadas Xuvenís: Descubre as covas. Botamos en falta as
xornadas de instalación, pero outro ano será.
Rematouse a zona de traballo, cunha fermosa topografía de Rafavei. Tamén se
celebrou un campamento na Cova de Honseca (Velilla del Río Carrión-Palencia)
para rematar a topografía da cavidade. Todo un éxito.
Tampouco faltaron as tardes en A Picoña, subindo polas cordas, con maior ou
menor soltura, e máis ou menos anos ao lombo. Todo risas e comidas para as
tardes agradábeis do verán.
Non sempre iamos estar de festa, así que curramos en campañas nacionais: Fuente
Fría (Cantabria) e Espigüete (Palencia) e nunha a nivel internacional, en
Krúbera-Voronia (república caucasiana de Abxasia) ás voltas do marca mundial de
profundidade mundial!
En definitiva, un bo ano de intensos traballos, actividades de covas e
banquetes, un ano máis que sumar a eses 50 anos que levamos de andadura, 50 anos
que se homenaxean con cada ano que vivimos baixo terra.
1-2 de xaneiro. Cortiñas
Xa ven sendo cotián que algúns membros da Sección van pasar o fin de ano ao
monte, este ano non ía ser menos e tocou estar en Ferreiras (As Nogais). Comeza
o novo ano e seguimos a cumprir anos, dando entrada ao 2005, primeiro da conta
atrás polos próximos 50 anos. Non podía ser mellor, as medicións dunhas galerías
de Cortiñas abren a andadura das actividades con forza. Tomáronse medidas duns
200m. das galerías máis alonxadas da entrada.
8 de xaneiro. Asemblea e cea anual do G.E.S.
A asemblea pouco durou, había moitos membros do GES miúdos e non tiñan gañas de
rolos. Logo viría a cea. Comezouse ás oito e media, fíxose un breve resume das
actividades celebradas lamentando que algunhas non se puideran levar adiante
como o 9º Descenso social de Canóns ou a Xuvenil Baixo Terra. A continuación
tratouse sobre as actividades programadas para este ano e ratificouse o acordo
de colaboración entre a Asociación Espeleológica Ramaliega de Ramales de la
Victoria en Cantabria e de GES Montañeiros Celtas para realizar traballos de
exploración, estudio e topografía na “Sierra del Hornijo”, zona que ten asignada
o AER. Tratáronse o resto dos puntos da orde do día e deuse por rematada a
asemblea, para dar paso á cea, onde os manxares levados por cada quen fixeron as
delicias de todos. Esperamos ter un ano máis espeleolóxico, se cabe, que o
anterior.
Despediron
o ano fóra
da urbe: Carolina,
Emilio F., Emilio B., Daniel,
Lourdes
e Gelo.

.
15-16 de xaneiro. Técnicas de vertical
A nosa primeira actividade deportiva do ano, sempre numerosa, este ano foino
menos, mais así algúns aproveitaron a ocasión para non desprenderse do arnés.
Saímos o sábado ás dez do Club. Chegamos ao refuxio e tiñamos unha sorpresa: non
había auga e despois de averiguar as razóns, (o depósito estaba baleiro),
puxemos mans a obra para conseguir sacar algunha auga do pozo. Puxemos a bomba
en funcionamento, logo a bomba que fai chegar a auga ás billas non ía, ...
despois dunhas horas de tarefas conseguimos que o depósito se enchera e que
polas billas baixara auga. Aínda nos quedaría botar man da bricolaxe, labor que
agradecemos a Camilo, para, incluso sen medios, conseguir que deixara de gotear
un racor na tubaria de entrada. Despois de comer as cordas penduraban da trebe e
os espeleólogos delas. André, Antón e J. Carlos non paraban. Fixemos un descanso
e demos unha camiñata ata cova do Rei Cintolo para ollar as obras que dicían
estaban facendo. Comezaron a explanada onde se vai localizar a Aula de
Interpretación e un leve desmonte pola liña onde irá o novo acceso á cavidade.
Máis nada, están paralizadas as obras. Xa chegamos de noite ao refuxio. Máis
dificultades nas cordas ata a cea, hora á que chegou Eugenia. O domingo de mañá
cos músculos quecidos todo ía máis rápido. André atreveuse cos 103 metros de
corda e vimos como metro a metro ían pasando. Antón xa suara todas as gotas
subindo e baixando corda. Iniciaron as actividades neste ano: Carolina, Daniel,
Miliño, Lourdes, J. Carlos, Eugenia, André, Antón, Chus e Camilo.
.
Espeleonovas
>> 12-13 de febreiro: Xuvenil: Coñece as Covas
A sección
VINDEIRAS ACTIVIDADES
FEBREIRO
4 Local Social Festa do Entroido S. Actividades Sociais
5-6 Trevinca Curso Esquí de Travesía. Pena Trevinca FGM - EGAM
7 Local Social Festa Infantil do Entroido S. Infantil-Xuvenil
11 Local Social Campionato de Escalada S.D. Escalada
12 Vigo. Hotel Coia Cea 63 Aniversario S. Actividades Sociais
13 Manzaneda Xornada de Iniciación ao Esquí de Montaña S.D. Esquí
12-13 Torrebarrio (León) Curso Alpinismo - Iniciación. Peña Ubiña FGM - EGAM
12-13 Cobas Xuvenil: Coñece as Covas S.D. Espeleoloxía
13 Ría de Vigo Inmersión submarina S.D. Actividades Subacuáticas
18 Local Social Campionato de Escalada S.D. Escalada
19-20 Chandrexa Introducción á Orientación. Serra de Queixa S.D. Sendeirismo
19-20 Torrebarrio (León) Curso Alpinismo - Iniciación. Peña Ubiña FGM - EGAM
25 Local Social Asemblea Xeral Ordinaria Xunta Directiva C.M. Celtas
26-27 Maraña (León) Esquí de Montaña. Macizo do Mampodre (Cordilleira Cantábrica) S.D. Esquí
26-27 Torrebarrio (León) Alpinismo - Corredores: Peña Ubiña S.D. Escalada
27 Faro Budiño Sendeiro tranquilo. GR-58 Sendeiro das Greas S.D. Sendeirismo
MARZO
4 Local Social Charla: “Que é a dixitopuntura?” S. Cultura e Medio Ambiente
5-6 Liñares Achegamento á Topografía de Cavidades S.D.Espeleoloxía
5-6 Riaño (León) Gilbo S.D. Montañismo 5-6 Campamento Infantil de Primavera S. Infantil-Xuvenil
6 Bembrive Ruta Eifonso S.D. Bici de Montaña 11 Local Social Proxección: “Imaxes de Esquí” S.D. Esquí
12-13 Olveiroa Camiño Fisterra. Etapa III: Olveiroa - Muxía S.D. Sendeirismo
12-13 Mondoñedo Xornadas de Progresión Vertical FGE - EGE
12-13 Curso Alpinismo - Corredores FGM - EGAM
18 Local Social Charla e proxección: “Vigo Romano” S. Cultura e Medio Ambiente
20 Gerés (Portugal) Sendeiro tranquilo. Serra do Gerés S.D. Sendeirismo
24-25-26-27-28 Alto Campoo (Palencia) Montaña Palentina S.D. Montañismo
Edita: Club Montañeiros Celtas. Dirección, maquetación e montaxe: José López
Pérez “Sechu”.
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle.
Colaboran neste número: Françoise Fauré, Isabel Maestu, María Villaverde, Martín
García (Shambala), Juanjo
Vázquez, Nerea Gándara, Ester Álvaerz, Julia Domínguez, María Matos, Amara
Pérez, Antón Matos, Miguel Cimas, Encina Fernández, Manoel Chao, Concha Gilino,
Elvira Álvarez, Carlos Fernández Rivas, Conchi Barciela, Pilar Orche, Chito
Veiga, Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Carolina Rodríguez Domingo,
Daniel Ballesteros.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus
colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado
Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.
Dirección Xeral de Política Lingüística