Boletín de Febeiro de 2004

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines Calendarios Fotos Enlaces



 
 

 ASEMBLEA  XERAL  ORDINARIA  2004

CONVOCATORIA

 Estimados asociados:

 Seguindo as disposicións dos nosos Estatutos e en cumprimento do disposto no seu artigo 23, convócase Asemblea Xeral Ordinaria, que se celebrará o día 5 de marzo de 2004, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e 20:30 horas en segunda, no Local Social da nosa Entidade, sita en Avda. Camelias 78, oficina K, de Vigo. De  acordo coa seguinte:
 
 ORDE DO DÍA:

1º  Saúdo do Presidente e presentación da actual Xunta Directiva de Club Montañeiros Celtas.

2º  Aprobación,  se  procede,  da  Acta  da  Asemblea  Xeral  Ordinaria celebrada o día 14 de marzo de 2003.

3º   Presentación, discusión e aprobación, se procede, de:

  3.1. Memoria do ano 2003

  3.2. Liquidación do orzamento e balance do exercicio 2003.

4º   Orzamento para o exercicio 2004.

5º   Proxectos e Propostas da Xunta Directiva.

6º Proposicións que formulen os socios de número, presentadas regulamentariamente (*).

7º   Rogos e preguntas.

 Contando coa vosa importante asistencia e participación nesta Asemblea, recibide un cordial saúdo.

      Vigo, 9 de febreiro de 2004

                         Xunta Directiva

Notas:
* As proposicións que formulen os socios deberán ser presentadas por escrito 5 días antes da celebración da Asemblea e deberán ir asinadas, ó menos, polo 5 % dos socios de número.
** A acta anterior e o balance do ano 2003 encontraranse dispoñibles para a súa lectura na secretaría do Club dende o día 24 de febreiro de 2004.

 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

NÚMERO  DE  SOCIOS
No ano 2003 houbo 130 altas de socios e 67 baixas, o que supón un aumento social de 63 persoas, quedando establecido a  31-12- 2003 que o número de socios é de 1.027

CALENDARIO  DE  PETO
Con este boletín axúntase un calendario de peto, era para envialo co de xaneiro pero non chegou a tempo, esperamos que vos guste e poda servos de utilidade.

NOVO  REFUXIO  DE  MONTAÑA  EN  TREVINCA
Recentemente asinamos un contrato, para o uso da cabana prefabricada en madeira coñecida por “A Folepa” sita xunto ó “Trisquel” do noso compañeiro Cholo, na aldea de Vilanova, macizo de Pena Trevinca (Concello da Veiga - Ourense). Deste xeito, a citada cabana convértese en Refuxio de montaña “A Folepa” do Club Montañeiros Celtas, sendo o seu garda Marcos Pérez Rivas. A cota de pernocta establécese en 8 euros para os montañeiros en xeral e en 4´50 euros para os socios do noso Club (mínimo catro socios por noite). Os socios poden facer reserva de prazas no Club ou ben directamente ó garda (será necesario presentar o carné de socio), telf-fax: 988 294 858.

AXENDA

Venres,  20 febreiro “Festa do Entroido”. No Club,  a partires das 20.30 h

Luns,     23 febreiro “Festa Infantil do Entroido”. No Club,  de 18.00 a  20.30 h

Venres,    5 marzo “Asemblea Xeral Ordinaria”. No Club, ás 20:00 horas en primeira  convocatoria e 20:30 horas  en segunda

Venres,  12 marzo “Travesía Aquilianos”, por Xosé Lois. Proxección dixital. No Club ás  20:30 h.

Venres,  26 marzo “Espeleoloxía - Expedición no Cáucaso 2003: rodeada das simas máis profundas”, por Pilar  Orche.  Proxección dixital. No Club ás 20:30 h.

SECCIÓN INFANTIL - XUVENIL

         MANZANEDA
    31 xaneiro - 1 febreiro

   Sábado 9:00 da  mañá, 35 nenos e 7 monitores, entre eles 12 veteranos e lagañosos montañeiros, soben ó autobús que lles levará a Manzaneda.
 Recordan doutros anos a Cabeza nevada con especial agarimo, é unha excursión con comida, cama, piscina e neve. Pero aquela fin de semana o destino xogoulles unha mala pasada: ¡NON HABÍA NEVE!  Pero non nos adiantemos ós feitos. No traxecto de ida, mentres vían a película “Men in black”, que Juanjo describiu como “esa nova” e nada máis, os nosos intrépidos protagonistas  concentráronse  en espertar.
  ¡MANZANEDA!, ese foi o berro que se escoitou no bus nada máis achegarnos ós bungalows, pero foi decepcionante, 42 pares de ollos contemplaban a nudez branca da montaña. A partir de aí todo sucedeu moi rapidamente (porque pasámolo ben ). A falta de neve boas son piñas, novo lema dos montañeiros.
  Os mozos pateadores viviron unha fin de semana trepidante. Primeiro a discusión polo reparto dos cuartos, que rematou con 4 dormitorios de 8 prazas, 2 de mozos e 2 de mozas e 1 de 4 prazas que gozaron Ramón, Tomé, César e Néstor. Máis adiante falaremos da esmorga que  montaron pola noite.
  Logo de xantar, fixeron a mítica pateada que non falta en ningunha saída, nesta ocasión os maiores por un lado e pequenos por outro (menos dúas maulíticas que tiñan “gripe”). Os nosos protagonistas  conformábanse con tan pouco, que no cumio do Cabeza grande  pasárono pipa tirándose con bolsas pola neve e facendo pelexas con bolas de xeo.
   Xa de volta na estación e unha vez mudados e secos, logo de degustar unha grumosa crema de champiñóns, dirixíronse á sala xuvenil, catro paredes mal pintadas e sen música. Alí os monitores organizaron un xogo de preguntas e probas. Fixéronse 3 equipos: “Los ganadores”, baixo a tutela de Néstor, “Carrachos corporation” con Tomé á cabeza e “El equipo A”, con Julio como portavoz. Foi unha competición moi discutidas, os tres equipos tiñan moito nivel.
   A noite ten algo especial, a escuridade fai que todo pareza máis divertido: sobre todo na habitación dos 4 veteranos. Foron moitas as coñas inventadas, cabe destacar certa baralla de cartas que voou polo  bungalow e chegou á porta dos monitores, certa botella, esteiras voando... e as repetidas visitas de Manel que propuña unha marcha para o domingo cos esmorgantes como  candidatos.

   Pola mañá, logo dun “frugal” almorzo, una esgotadora xornada de piscina e un xantar ben recibido.
   Agora todos de volta no autobús, uns falando, outros durmindo, outros có móbil (que non debe levarse ás excursións ) e Irene, César e Néstor escribindo, coa  ilusión de que llo publiquen no boletín.
¡ATA A PRÓXIMA ¡
Veteranos da S. Infantil-Xuvenil
 
 

SECCIÓN DE CULTURA

O  GALIÑEIRO  TEN  HISTORIA

  ¿Quen dixo que non se podían recorrer 7000 anos de historia nunha mañá? Pois iso foi xustamente o que fixemos na actividade de arqueoloxía e historia do Sábado 24 de Xaneiro nas proximidades do Galiñeiro.
   A xornada comezou ás nove e media da mañá en Zamáns na cafetería BUGUS para os que subiron pateando ata o merendoiro de Vincios ó pé do Galiñeiro. Outros chegamos en todoterreo. O tempo inda que ameazando ser bastante peor, non se portou tan mal como esperabamos... catro gotas... ¡isto é Galicia! e se non saímos cando chove arriscámonos a que nos saian raíces na casa..... O malo foi a néboa que non nos deixou ve-la paisaxe e que foi cubrindo o cumio do Galiñeiro a medida que avanzaba a mañá. Xa todos alí reunidos, o noso guía, o arqueólogo Xoán Castro comezou a charla... Dirixímonos en primeiro lugar a unha zona chamada "BERMUS" onde despois das súas explicacións conseguimos identificar tres mámoas -dous delas conseguimos identificalas nós soíños-. Como supoño que sabedes, as mámoas son lugares de enterramento... a magoa e que por culpa da acidez do terreo non se conserven restos orgánicos (ósos, coiro, madeira, etc.). Ademais no século XVIII saqueáronse tódalas mámoas coñecidas en busca de tesouros.... que inda por riba non existían... Falamos tamén do estilo de vida daqueles tempos e os parecidos con outras culturas. A pouca distancia de alí, e xa polo 2000 antes de Cristo, amosounos varios petroglifos -que son uns gravados rupestres, feitos con liñas ou sucos escavados na rocha-. Dous deles tiñan representacións de armas (espadas, puñais, escudos e alabardas -unhas armas coa punta triangular parecidas ás que levan os gardas do Vaticano-) e outro que se supón que era un muíño. A interpretación dos seus significados non sempre é moi clara, inda que os que vimos, representando armas principalmente viñan a ser unha especie de marca territorial onde se alardeaba do "poderío" bélico dos habitantes da zona. O máis espectacular foi o de "AUGA DA LAXE” que segundo nos contou Xoán Castro ó solpor coa luz de lado é realmente impresionante porque parece que as figuras talladas case escapan da rocha. Por certo, se vos atopades con algún, non piséde-la rocha nin usedes xiz para marca-los trazos, nin repasedes os trazos levantando os liques que os cobren e que contribúen á súa conservación... deixádeos tal cal e non os toquedes porque son bastante delicados e con estas malas prácticas contribuídes ó seu deterioro.... e despois deste pequeno consello continúo coa narración ... Estabamos tan a gusto coa charla comentando os temas entre todos e facendo preguntas que non nos decatamos do tarde que se nos estaba facendo, así que optamos por aproximarnos ó Galiñeiro pola pista nos dous todoterreo que levamos ata a marca do sendeiro onde botámo-los pés ó chan e pateamos cara ó cumio. Alí xa andabamos polo 1000 despois de Cristo. Por alí movémonos con moito coidado para non esvarar nas rochas molladas e atopamos varios tramos dunha antiga muralla defensiva e os restos de dúas construccións. O recinto amurallado é bastante grande. En parte son muros feitos polo home con grandes lousas e bastante espesor pero tamén aproveitaron a orografía do terreo nas zonas onde as rochas son infranqueables. Foi unha mágoa que a néboa non nos deixara ve-la paisaxe dende o alto. Despois de localizar varios tramos de muralla con máis ou menos dificultade debido á vexetación ¡xa eran case as dúas da tarde! O noso guía, Xoán Castro tivo que marchar a toda présa e os demais empezamos a baixar despois de repoñer algunhas enerxías. Empezamos a baixar e despedímonos todos outra vez no BUGUS. Algúns aproveitámo-la ocasión para degustar una boa cervexiña e bocata, neste caso xa nos centramos novamente no século XXI... ou non... porque creo que a cervexa xa a inventaran os exipcios pola época dos petroglifos ¿non si?

O arqueólogo Xoán Castro en primeiro plano
   Gracias a Xoán Castro pola agradable e amena xornada na que tanto aprendemos, e ós asistentes por viren a pesares do non moi bo tempo... ¡ATA  A  PRÓXIMA!
Isabel
 
 

REFUXIOS

“ALOIA”

    Situado no Parque Natural Monte Aloia (Tui), foi inaugurado no ano 1947 e conta con 40 prazas.
Hoxe falaremos de pequenos percorridos que podedes realizar sen grande esforzo e facendo base neste refuxio.
Contemplar a capela románica dedicada a San Xiao (romaría en xaneiro), que foi reconstruída no ano 1713 e despois de pasear polo cabido, descender  á grande e espectacular escalinata de pedra que remata na “fonte do Santo”, que segundo din as lendas é fecundada polo vento.
Saíndo do monumento de Areses, promovido por C.M.Celtas no ano 1956, camiñar polo sendeiro “viacrucis” ata chegar á Gran Cruz  (ano 1910), dende aquí (624 m) pódese ver un fermoso espectáculo panorámico, ós teus pés aparece Valença, Tui e todo o percorrido do río Miño ata o monte Tegra, na Garda. Logo camiñar ata a  “Cama de S. Xiao” -onde din que non crece a herba- e  seguir ó miradoiro do Castelo para ver outra panorámica e despois enlazar coa muralla ciclópea de case quilómetro e medio de lonxitude

    Estes percorridos son, sen lugar a dúbidas, os máis interesantes, pero temos moitos máis. Podedes consultar no club ou dirixirvos ó Parque Natural (tlf. 986.68.50.95) onde encontraredes moita información.
    O próximo día trataremos da historia deste refuxio.
Vázquez
 


SECCIÓN SENDEIRISMO

SENDEIRO DA SALETA

   Como primeiro “sendeiro tranquilo” do año 2004, realizamos o pasado 25 de xaneiro unha nova camiñata por terras de Silleda, poboación duns 10.500 habitantes, coñecida polo seu importante mercado semanal dos martes e do 23 de cada mes. Dende 1977, a finais de maio ou primeiros de xuño, ten lugar a Semana Verde de Galicia, feira agrícola, gandeira e forestal de gran puxanza e proxección internacional.
  O noso itinerario, Senda da Saleta, encadrado na zona de Trasdeza, é un dos recorridos máis atractivos que se poden facer na comarca. Deseñada pola Axencia de Desenvolvemento Local de Silleda a  comezos dos noventa, foi unha das primeiras que se sinalizaron na provincia de pequeno recorrido e que coincide co Camiño Portugués de Santiago.
   Trinta e tres participantes, entre habituais, caras novas e a nosa recuperada Olga, decidimos recorrer os seus aproximadamente 13 km. de escasa dificultade, moi apta para os que desexan iniciarse no sendeirismo e coñecer un pouco máis os seus valores naturais e a súa historia.
   Puntualmente, ás 08,30 horas, saímos do club arroupados por unha continua poalla que non nos abandonaría durante toda a ruta. Xa en Silleda, realizamos a parada obrigatoria no centro da vila para tomar un café e ós 20 minutos encamiñámonos en dirección a Laro; a poucos metros encontramos un paso elevado que nos axuda a salvar como persoas civilizadas o cruce de estradas e continuamos cara a un camiño de terra para enlazar cunha pista asfaltada ata chegar ó lugar de Trasfontao, onde botamos unha ollada a unha casa señorial que nos chama a atención polo seu gran canastro, a súa capela, e, como non podía faltar, o pombal e o ciprés; estabamos ante o Pazo de Trasfontao construído no século XVIII. Os seus actuais propietarios, os Crespo, explotaron durante anos as postas de cabalos da liña Santiago-Ourense; as carruaxes que aquí se gardaban foron comprados e restaurados pola Deputación da Coruña, exhibíndose actualmente no Pazo de Mariñán.
   Bordeamos o pazo e adentrámonos nunha fermosa carballeira, moi coidada polos recentes traballos de limpeza. Seguimos o sendeiro e a uns escasos 3 km. chegamos á estrada N-525 diante da igrexa parroquial de Santiago de Taboada que puidemos visitar. Románica do século XII, construída sobre unha antiga necrópole, presenta planta e ábsida rectangular que, na súa parte exterior, ten unha pequena fiestra cunha bonita ornamentación de arquivoltas e columnas con capiteis que representan  paxaros e piñas. No atrio, un curioso cruceiro de columna romboidal e acanalada.
   Enlazamos novamente coa N-525 e, a uns 500 metros á dereita, desviámonos por unha pista asfaltada en dirección a  Laro e Cortegada; pouco despois, descendemos por un camiño de terra paralelo ó curso do río Deza, que leva un forte caudal gracias ás chuvias propias do inverno e que durante uns 900 metros ofrécenos unha deliciosa paraxe natural cunha fermosa vexetación de ribeira. Este sendeiro coincide co Camiño Portugués de Santiago, e condúcenos ata tres pontes; a máis antiga é a Ponte de Taboada rodeada por outros dous máis modernos, un polo que pasa a estrada e o outro a vía do tren. Pero como o que nos ocupa é o de Taboada dicirvos que foi construído no ano 912 substituíndo a un anterior de táboas, do que toma o seu nome (Pons tabulata),  foi vía romana e posteriormente camiño real e, por suposto, ruta xacobea.
   Seguimos o sendeiro acompañados por un forte chaparrón que nos obriga a pórnos as capas de chuvia, ascendemos ata a ponte pola que pasa a estrada e dirixímonos cara á estación de ferrocarril onde facemos unha pequena parada para tomar un piscolabis e preguntarnos se algún tren nos pararía nunha estación que xa non presta servicio. Regresamos cara á ponte da estrada para apreciar o río dende outra perspectiva e descender polo mesmo sendeiro, pasando a Ponte de Taboada ata alcanzar o punto  onde se unen os ríos Deza e Asneiro. Subimos por un camiño de fermosos prados rodeados de muros cubertos de carrizo para chegar a Camporrapado, onde en medio dunha carballeira se encontra a capela dos Aflixidos. Como  non tiñamos onde abeirarnos, permitíusenos, gracias á mediación dunha compañeira, tomar o bocata dentro da capela coa condición de deixala tal e como a encontramos. Cumprimos coa palabra dada e, en agradecemento, deixamos unha pequena esmola; por suposto tal anécdota quedou reflectida para a posteridade en varias fotografías.
   Pasadas as 14,30 h., ben comidos e con gañas de coñecer a sorpresa que nos tiña o noso guía Miguel padre, continuamos o camiño ata chegar á casa de turismo rural, Casa Grande de Fontemaior, onde ademais de gozar das súas instalacións e estupenda calefacción, tomamos o café con chupito e, algunha que outra, un bo prato de caldo. Debo dicirvos, por encargo do noso querido guía, que esta parada na casa rural é algo extraordinario, non nos acostumemos.
   Abandonamos a casa rural e, por un camiño ascendente que resultou moi entretido polo enlamado, alcanzamos a estrada; continuamos uns 300 metros para desviarnos por unha pista que nos levaría ata a zona recreativa e o santuario da Saleta Este santuario, construído no ano 1863, foi o primeiro santuario español baixo a advocación desta virxe de orixe francés. Continuamos camiño pasando por Siador e Costoia ata encontrar o paso elevado que atravesa a estrada e entrar a Silleda ó rede das 16,50; longa parada para tomar unha cervexa e regreso a Vigo onde nos esperaba algo máis que unha poalla.
   Se estades interesados en visitar a casa rural, o enderezo é:
   CASA  GRANDE  DE  FONTE MAIOR
   Cobas de Arriba  Cortegada; Silleda (Pontevedra).
   Teléfono: 986-68.97.32.
             Conchi Gilino

MONTAÑA - VINDEIRA TRAVESÍA

27/28/29  MARZO, TRAVESÍA CON DOUS VIVACS

PORTO SAN GLORIO - PORTO DE PIEDRAS LUENGAS  (CANTABRIA -PALENCIA)

PROGRAMA

1º XORNADA: PTO  SAN GLORIO (1609 m) - VEGA DEL NARANCO (1560 m) - COLLADO ROBADOIRO (2090 m) - TRES PROVINCIAS (2497 m) - PICO INFIERNO (2530 m) -  PEÑA PRIETA (2535 m) -  PORTOS DE RIOFRÍO (1750 m) primeiro vivac.
15 km,  6 h.
2º XORNADA:  Ascensión ós picos: PEÑA QUEBRADA (2001 m)  PUMAR (2065 m)  LEZNA (2206 m)  BISTRUEY (2001 m) e MALDRIGO (1635 m) e descenso á vila de CASAVEGAS (1220 m) onde efectuarase o segundo vivac.
23 Km,  8-9 h.

3º XORNADA:  Polas CUARCAS ata o PORTO DE PIEDRAS LUENGAS (1340 m).
9 Km,  3 h.

PRECIO AUTOBÚS:  45 euros
      Conchi

ESQUÍ

 Esquí en San Isidro
31 xaneiro - 1 febreiro

   Este ano as condicións climáticas para os amantes dos deportes de inverno, en especial os de esquí, non son moi boas. Xa son varias as actividades que se tiveron que suspender por mor da falta de neve.
   Imos, non imos,... durante a derradeira semana do mes de xaneiro estabamos pensando en facer ou non a actividade, cabía a posibilidade de que continuasen pechadas as pistas para a fin de semana, e claro, ir ata aló para ter que volver coas ganas de esquiar.... non era unha boa idea. Pero ao final parecía que todo se amañaba e saímos o venres pola tarde dende o Club cara a León. Pouco a pouco a xente foi chegando ao albergue onde iamos durmir, ¿a que non sabedes quen foron os últimos en chegar?, pois si, o autobús do Club ¡claro!, os demais ían en coches particulares.
   Durmimos durante o resto da noite que quedaba e ao día seguinte levantámonos cedo, antes de chegar á estación de neve, había que parar nunha tenda de aluguer para coller o material para aqueles que non tiñan con que esquiar.
   Cando todo estivo listo, fomos subindo pola telecadeira  pouco a pouco ata que todos estivemos arriba. Había moita xente e tardábase moito na cola para poderse montar nunha cadeira. O día non empezaba moi bo pero iría abrindo durante o longo da mañá, a néboa deixa paso ao fermoso espectáculo que rodea a Estación de esquí de San Isidro. De camiño á Estación, dende o autobús, Marcos amosounos a zona onde se fará a actividade de corredores programada para finais de mes e que organiza a sección de escalada, ¡que chulada!.
  Como non tiñamos curso ata ás 12.30 h estivemos practicando e recordando o aprendido o ano pasado, nesta mesma estación. Os compañeiros esquiadores, tiveron paciencia de aguantarnos durante ese tempo, ben... uns máis que outros.
   Á hora do cursiño, dividiuse o grupo en tres, así habería dous grupos para aquelas persoas que era a primeira vez que puñan uns esquís, e o terceiro grupo para os iniciados.
    Todo parecía ir ben ata que un dos nosos compañeiros caeu e fíxose moito dano no xeonllo, tendo que ser trasladado en padiola motorizada ata a enfermería. Aínda que non é divertido supoño que debeu ser toda unha aventura baixar na padiola arrastrada pola neve.
   Os demais continuabamos co curso e intentabamos, se cabe, ter máis coidado aínda. Ademais había unha morea de esquiadores, as pistas de cor negro estaban pechadas por non haber suficiente neve e algunha das máis fáciles tamén, por iso ao estar todo o mundo concentrado nas mesmas pistas estorbabámonos os uns aos outros. Persoalmente eu era das que pasou bastante tempo no chan pero ao final da fin de semana contaba xa, cos dedos da man as miñas caídas.
   Ao remate do día volvemos ao albergue, uns fomos dar unha volta pola vila e mercamos provisións para o día seguinte, os rapaces quedaron acompañando ao ferido e outros descansando antes de que chegara a esperada hora da cea, momento no que repoñeriamos tódalas ou case tódalas forzas gastadas durante o día nas pistas.
  Outra vez tocaba erguerse cedo pero nesta ocasión empezou sendo algo máis complicado, as maniotas facían a súa aparición. Tumbado na cama un non as notaba pero ao erguerse... e camiñar un pouquiño... Pero nada importante, no momento que puxemos de novo as botas de esquí tiñamos máis gañas aínda de comezar a esquiar. O día estaba moito mellor e pegaba con forza o sol. Esta vez o cursiño foi a primeira hora da mañá, e despois da foto oficial que tivo lugar sobre as 12.00 h intentamos baixar case todos pola pista central acompañados polos expertos do Club. O tempo ía pasando pero deunos tempo a gozar da neve, das caídas, dos compañeiros, ... ata as 3 da tarde, hora na que viña buscarnos o autobús.
  Gostaríame agradecer en particular os ánimos incondicionais dalgúns compañeiros, as súas explicacións, a súa paciencia,... GRACIAS. E para rematar, mandarlle un saúdo a Guille (“o eivado”), todos esperamos que a túa recuperación sexa o máis rápida posible e que o leves con paciencia que pronto te encontrarás dentro dunha cova ou baixando un cavorco.
Andrea Michèle

MOTAÑISMO

SERRA  DO  SUÍDO

   O día 18 de xaneiro  deuse por inaugurada a tempada oficial de “pateo”, cunha  saída preto da casa, A Serra do Suído; e teño que dicir que, ó menos para min, foi una maneira moi axeitada de empezar, despois dos excesos do Nadal: día soleado, camiñata curta, con pouco desnivel e  ningunha subida desas que, segundo como estés de forma, fan que ós montañeiros en cueiros coma eun, nos falte o alento e nos sintamos coma se estiveramos a 100 m. do cumio do Everest, pedindo a berros que o ceo nos mande unha botella de osixeno.

   O caso e que saímos  coma sempre do club ás 9 da maña, así que non houbo que madrugar moito,  e partimos cara ó lugar de Graña, alá por terras de Maceda. A pesar de estar preto de Vigo, polo camiño houbo que parar xa que máis dun aguerrido socio mareouse por mor das curvas, así que fíxose  unha curta paradiña ó lado dunha praia fluvial, onde por certo xa se notaba o fresquiño que nos ía acompañar todo o día.
  Por fin deixamos o bus e comezamos a camiñar, sempre seguindo os pasos de Conchi e dos mais veteranos, que para meu asombro, vaias a onde vaias, son capaces de identificar calquera cumio e lugar dos arredores.
  A ruta transcorreu  por monte baixo, cheo de toxos, e acompañados sempre de vacas e cabalos, que coma  nós, tamén decidiran pasar un día de domingo no monte.
  A iso das 3 da tarde paramos para comer nun recunchiño ó lado da fermosa lagoa do Suído, onde cada quen,  deu boa conta de exquisitas viandas, e ata houbo quen botou sesta.
   Unha vez reiniciada a marcha, en máis ou menos unha hora chegamos a Piñeiro, onde nos esperaba o autobús, e onde mentres uns visitaban unha ermida no alto da vila, outros dedicábanse a practicar o deporte nacional por excelencia, coñecido popularmente como “visite o noso bar”, para xa volver a Vigo cediño e despois de duchados e ceados soñar na próxima camiñata repasando o calendario anual de actividades.
                                                            Ana Fernández
 
 

ESPELEOSECCIÓN

1 de xaneiro.
   Primeiro gran estrondo de fogos artificiais dende A Seara  Caurel, dando comezo ó 50 aniversario do GES.

3 de xaneiro. Arcoia
   Aproveitando a celebración de fin de ano, na Seara, na casa de Moncho, un pequeno grupo, Daniel, Carolina, e Miliño, fan a primeira incursión do ano na segunda casa de Moncho: a cova de Arcoia, precedidos e guiados polo noso querido amigo, mentres Lourdes e Emilio ascendían ó alto do Formigueiros e vixiaban que a neve non tapara a entrada da cova.

10 Xaneiro. Asemblea xeral ordinaria do G.E.S.
   O pasado día 8 de Xaneiro do 2004 celebrámo-la Asemblea anual da Sección no noso local social. Contouse coa asistencia de numerosos membros, tanto activos como inactivos e tanto maiores como menores, cunha gran representación dos socios xuvenís, ós que dende aquí e antes de nada dámo-las gracias. Cun pouco de atraso comézamos a desenvolve-los puntos da orde do día.
   Abriuse a reunión lendo a longa acta do ano pasado, momentos onde a monotonía das liñas facía lembrar cantas cousas fixemos este ano, e do que non fixemos, tamén. Aprobouse por unanimidade.
   No segundo punto realizouse un breve resumo das actividades oficiais organizadas, a nivel club ou federación galega, e doutras a nivel privado de certa relevancia (asistencia a campañas).
   Da zona de traballo destacar que xa se levantou a topografía, e que para o ano pecharase.
  Segundo o baremo de actividades 2003 da FGE, volvemos se-lo mellor club galego, pola gran participación en actividades, así como na súa organización.
   No terceiro punto, o de proxectos para o vindeiro ano, aprobáronse as actividades ordinarias (as tedes no calendario do club) e tratáronse as conmemorativas do 50 aniversario.
   Sobre o campamento infantil-xuvenil de espeleoloxía a nivel estatal, en Vegacervera (León) o 4-10 de Abril, decidiuse organiza-lo como campamento da FGE ou FEE se algunha destas federacións o subvencionase por completo.
 Tratouse de enlazar co III Concurso Nacional de Fotografía do club un concurso propio, ou, sinxelamente, aportando máis premios á modalidade de espeleoloxía-descenso de canóns. Decidindo un premio máis alto.
   Tamén está pensado realizar unha revista resumo dos 50 anos de espeleoloxía no club, un ciclo de cine subterráneo, unha exposición de material e fotografías antigas (que esperamos conseguir co voso apoio) e unha xuntanza de tódolos espeleólogos (tanto activos como inactivos) do club e os participantes na Expedición Cintolo, no campamento social de espeleoloxía, que se celebrará, como non, en Mondoñedo.
   Sobre o material técnico e deportivo de espeleoloxía dicir que se realizou un novo inventario, e que, en breve, mercarase o correspondente ó 2004.
   Da biblioteca comentar que a cousa vai vento en popa. Máis libros e revistas, mellor organización (base de datos). Mércanse novo títulos, así que, facede propostas.
    No punto 5 tratouse a proposta remitida para ser incluída na orde do día: A posibilidade de que os socios con licencia que cubra espeleoloxía poidan retira-lo material da Sección. Despois de falalo longo e tendido, acordouse que o asunto deberíase tratar fóra da asemblea, nunha reunión á cal asistiran as partes interesadas.
A Sección

Cea anual da Sección.
    Unha vez rematada a asemblea, cambiamos papeis e lapis por comida e comida, algo de bebida tamén. Nun instante, todos volvemos á mesa a esperar a orde de saída, aínda que algún xa se escapara. Brinde para pecha-lo ano e abri-lo presente e... ¡a comer! A variada e rica cea alentounos de festa, sen esquecernos das xa tradicionais fundíes de queixo e chocolate. Algunhas viandas volveron á súa orixe por mor das pizzas que Escrich “elaborou” con moito agarimo e que calmaron o enorme apetito ¿Escrich probounas?. Rematamos, coa limpeza, ás tantas da madrugada.

17 e 18 de xaneiro.
Xornadas de Técnica de Progresión vertical
    Como tódolos anos, despois do Nadal, a mellor maneira de espelirse é colgarse nas cordas e subir e baixar e baixar e subir ata que te canses ou aburras. Así marcámo-lo inicio da tempada espeleolóxica, este ano con máis gañas se é posible. Saímos o sábado de mañá, as dez e media, do club, en varios coches. O camiño coñecido e repetido tantas veces levounos tras unha pequena parada en Teixeiro, ata o refuxio, a mediodía. Unha vez, alí distribuídas as esteras e os sacos, de maneira medio enfebrecida, uns ocúpanse de pór as cordas, outros de ir buscar leña, outros de merca-lo que falta para a manutención, outros de organiza-lo xantar,...comezo que marcaría a dinámica de toda a fin de semana. Xa estabamos todos: Daniel , chegara de Ovieu, Carolina, Emilio, Claudia, Marta, (Guille e Victor quedaron na casa ¡que pena!), Miguel, Lourdes, Tina, Serafín e Álvaro (celebrámo-la volta destes dous amigos co seu retoño), Ana (tamén celebrámo-la súa volta), Alberto, Óscar, Sebastián, André, Antón, Chus, Camilo, Pedro,....

Prácticas no Refuxio de Mondoñedo
   Despois de comer, o material empezaba a botar fume, había que esperar quenda para usa-las cordas, os arneses, ..., o sitio non daba abasto. Os que xa sabían practicaban dificultades maiores: fraccionamentos, pasos de nos, desviadores, autosocorro, ... e os que non sabían (ó principio da tarde) aprendían e xa sabían ó final da tarde. Algúns que non sabían foron aínda máis lonxe e xa pasaron a corda de noventa ¡este Alberto hai que ver canto interese ten e en que boa forma está!. Algúns dos máis veteranos tiveron que reservarse para o final por te-los equipos emprestados para que os novos fixeran máis prácticas. O domingo foi día de cova, un grupo a Lobos, e outro, onde estaban os máis novos, 9 e 6 anos, a Santos. Rematada a actividade, visita obrigada á entrada de Cintolo: segue coma a última vez a boca de entrada, pero o acceso está limpo de vexetación por unha senda que vén dende a parte alta do aparcadoiro situado enriba da cavidade. É previsible que comecen axiña coas obras de acondicionamento do acceso.
    Xa no refuxio, comida, organización do material, Emilio que leva a Dani a colle-lo autobús e ten que perseguilo ata Ribadeo, recollida e limpeza do refuxio e regreso a Vigo. Chegamos ás nove da noite, con gran satisfacción e cansanzo.
Cova dos Santos

7 de febreiro. De exploración en Portugal.
  O pasado día 7 de Febreiro Xabier Balado, Emilio Ballesteros, Mónica Martínez e Daniel Ballesteros realizaron unha rápida incursión á zona de Arcos de Valdévez, concretamente, en Germil (no linde do parque do Gerês) para localizar e descender unhas fervenzas olladas por Xabier.
   Tardamos en atopa-la cabeceira, despois de percorrer unhas cantas pistas e montes, pero dimos con ela. O de baixar quedou para outro día, cando veñamos máis pertrechados de ferralla e gañas de burilar.
    Levantouse unha pequena descrición e croque. O canón conta con 3-4 fervenzas pequenas, salvando un desnivel de 50 m (aprox).

A Sección

Espeleonovas

 >>Actividades de fin de semana. Tódalas fins de semana hai saída inda que non figuren no calendario de actividades, as próximas enfocaranse á preparación dos campamentos previstos para a celebración do 50 aniversario do GES.

>>Actividade xuvenil: Descubre as covas. O Cebreiro, 28 e 29 febreiro. Para iniciarse e practicar rapaces xuvenís. Anímate e anima ós teus amigos. Unha cova de percorrido horizontal: Cortiñas, outra cun pozo: Sumio Chan do Lindeiro, e máis ...
 
 

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

BALANCE  E  INTENCIÓNS
Agora que xa rematou o año é o momento de facer balance. O volume de actividades dentro da Sección de Actividades Subacuáticas non foi grande, pero cremos ter cumprido o gran obxectivo de darnos a coñecer, de que saibades que nun Club de montaña hai sitio para aqueles que tamén lles gusta o mar. Non somos moitos, pero pouco a pouco imos sendo máis: tres son as persoas que realizan ou están a realizar o curso de iniciación.
Partindo desta situación, este ano dobraremos esforzos para acercar as actividades subacuáticas a tódolos socios, polo que non tedes máis que preguntar se estades interesados en apuntarvos a algún curso. Hai programadas cinco inmersións repartidas en todo o calendario, pois, aínda que esta sexa unha Sección que desenvolve o groso da súa actividade en verán, gustaríanos mergullarnos todo o ano e en distintos lugares.

 PARA  PROGRAMAR  AS  INMERSIÓNS
Desde a Sección de Actividades Subacuáticas propoñémosvos unha nova fórmula para programar as inmersións. Trátase de usar o correo electrónico. A dirección á que podedes acudir é:
subacuaticas@celtas.net
Aínda que as inmersións xa están recollidas no calendario oficial do Club, dende dita dirección enviarémosvos un formulario para que indiquedes cándo vos vén mellor saír a mergullar. Con isto pretendemos xuntar o maior número de mergulladores en cada saída. Trátase dunha proba e confiamos en que a proposta sexa ben acollida entre todos vós. Tamén podedes recorrer á dirección de correo electrónico para que se vos avise con antelación de cada inmersión e da data en que caduca a vosa licencia federativa.

AGRADECEMENTOS
Este Nadal recibimos a visita dun Rei Mago moi especial. Trátase de José Rodríguez Oveja, máis coñecido polos socios do Club como “Pepín”, que é o presidente da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS). Como agasallos para a Sección, trouxo os manuais dos cursos de  mergullo de 1 e 2 estrelas. ¡Moitas gracias!
A Subvirulillas
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

FEBR
20 Local Social Festa do Entroido S. Actividades Sociais
 21-22  Zamáns Zamáns - Aloia - Baiona S.D. Sendeirismo
 23 Local Social Festa Infantil do Entroido S. Infantil-Xuvenil
 27 Local Social "Aspectos da cultura e costumes de África" S. Actividades Sociais
 28-29 San Isidro (León) Curso de "Esquí en neves non tratadas" S.D. Esquí
 28-29 Pedrafita do Cebreiro Xuvenil. Descubre as covas S.D. Espeleoloxía
 29 Goián Goián - Níño do Corvo - Tabagon - Goián S.D. Sendeirismo
 
MARZ
5 Local Social Asemblea Xeral Ordinaria Xunta Directiva C.M. Celtas
 6 Combarro Xornada de Fotografía S. Cultura e Medio Ambiente
 6-7 Villalba O Camiño do Norte. Etapa IV S.D. Sendeirismo
 6-7 Galiñeiro Infantil S. Infantil-Xuvenil
 7 Chan da Lagoa A Grova S.D. Bici de Montaña
 12 Local Social Proxección dixital: "Travesía Aquilianos" S. Actividades Sociais
 13-14 Peña Ubiña (León) Alpinismo: Corredores S.D. Escalada
 13-14 Peña Ubiña (León) Xuvenil. Iniciación ó Alpinismo S.D. Escalada
 13-14 Cobas - Rubiá Instalación/equipamento cavidades/canóns S.D. Espeleoloxía
 14 Ribeira Sacra Canóns do Sil. Beira lucense S.D. Sendeirismo
 19-20-21 Vilar de Barrio San Mamede S.D. Montañismo
 20-21   Campamento Galego de Espeleoloxía FGE
 20-21  Ubiña Curso Alpinismo-Corredores EGAM
 20-21 Picos de Europa XX Alta Ruta Cántabra de Esquí de Montaña G.R. Montaña Orza
 26 Local Social Prox. dixital: "Espeleoloxía-Expedición Caucaso 2003" S. Actividades Sociais
 27-28-29 Picos de Europa Travesía con 2 Vivac. Pto. San Glorio - Pto. Pedras Luengas S.D. Montañismo
 
ABRIL
4 Baamonde O Camiño do Norte. Etapa V S.D.Sendeirismo
 2 a 11 Alto Atlas (Marrocos) Actividade Internacional FGM
 4 a 10 Vega Cervera (León) 50 Aniversario G.E.S. - Campamento Infantil nacional S.D. Espeleoloxía
 8-9-10-11 Teruel Serra de Albarracín S.D. Montañismo
 
 

Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto Campos
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número:  Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Daniel Ballesteros, Isabel Maestu,
Andrea M. Rosario, José Luis Vázquez, Conchi Barciela, Ana Fernández, Conchi Gilino,
Irene Capelo, Cesar Cabaleiro, Nestor Gándara.
.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado
Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en febreiro de 2004.