Boletín de Febreiro de 2003

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines CalendariosFotosEnlaces



 
 

CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA



Estimados/as asociados/as: Seguindo as disposicións dos nosos Estatutos e cumprindo a normativa, celebraremos Asemblea Xeral Ordinaria o día 14 de marzo de 2003, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e 20:30 horas en segunda, no Local Social da nosa Entidade, sita en Avda. Camelias 78, oficina K, Vigo. De acordo coa seguinte orde do día:
 1º Lectura e aprobación da acta anterior.
2º Memoria das actividades realizadas no ano 2002.
3º Liquidación do orzamento e balance do ano 2002.
4º Orzamento para o exercicio 2003.
5º Proxecto e propostas da Xunta Directiva.
6º Proposicións que formulen os/as socios/as por escrito e que se presenten con cinco días antes da celebración da Asemblea, de acordo coa normativa vixente.
7º Rogos e preguntas. Contando coa túa importante asistencia e participación en dita Asemblea, recibide un cordial saúdo.

Nota: A acta anterior e o balance do ano 2002 encontraranse dispoñibles para a súa lectura na secretaría do club durante os 10 días anteriores á celebración desta Asemblea.

Vigo, 27 de xaneiro de 2003
Xunta Directiva

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

PHILIPPOT

O pasado 24 de Xaneiro finou en Vigo Don RAFAEL MARTÍN PHILIPPOT, Presidente que foi da nosa Sociedade no ano 1.951.
Apartado da vida social do Club dende hai moitos anos, o amigo LITO, pola súa sinxeleza e carácter dialogante con todos, deixou grata lembranza entre os que temos colaborado con el naquela época, difícil e de transición para Montañeiros Celtas. Da súa labor como Presidente debemos destacar sobre todo o seu tesón e empeño en conseguir para o Club o excelente MAPA DE GALICIA, de 1.834, obra de Don Domingo Fontán, e que dende entón pódese admirar no noso local social.   Chito

SPORTALYA 2003: IV SALÓN DO DEPORTE

Este Salón do Deporte celebrarase no IFEVI (Recinto Ferial de Cotogrande) do 27 de febreiro á 2 de marzo e será unha exposición das distintas formas de gozar do tempo libre practicando deporte, ademais de contar con actividades organizadas polas federacións galegas en colaboración con clubs de toda Galicia, entre elas a escalada nun pequeno rocódromo. Club Montañeiros Celtas estará presente en dous “stands”: Montañismo e Espeleoloxía, xa que fomos invitados polas federacións correspondentes, o que dende aquí agradecemos. Compartiremos o primeiro stand, ademais da FGM, co Club Peña Trevinca, e o segundo co Espeleo Club Aradelas.  É unha cita interesante para o Club, para mostrar as nosas actividades ante a cidadanía en xeral, e para os socios, sendo unha oportunidade de coñecer un abanico de posibilidades de ocio. Os federados ou socios dun club participante teñen un desconto do 50 % no prezo da entrada, polo que ¡leva o teu carné de socio ou a licencia !

CURSO DE ORIENTACIÓN

Un ano máis contamos co apreciado compañeiro Antonio Suárez, como mestre para realizar o interesante Curso de Orientación, que tanto éxito ten entre os participantes. As clases teóricas serán no local social e celebrarase unha reunión previa, no mes de marzo, para coñecer os interesados e establecer datas e horario das clases.  Estade atentos a data da reunión que podería ser o mércores 19 de marzo.

CONFERENCIAS DE PRIMAVERA

“Natureza sen límite” é o título do Ciclo Audiovisual de Conferencias que celebraremos nos meses de marzo e abril. A primeira será o 21 de marzo, sobre espeleoloxía, seguirá o kaiak de mar, outra de... estamos preparando un folleto publicitario que recolle toda a información necesaria e que enviaremos proximamente. As conferencias de marzo xa podedes consultalas na Axenda deste boletín.

PASÁMONOS Ó RECICLADO

O papel converteuse en algo indispensable para nós, pero tamén o son as árbores que consumimos para a súa fabricación. Para ter que talar menos árbores podemos reducir o consumo de papel ou polo menos empregar papel reciclado.
A nosa pequena contribución será empregar papel reciclado na maioría dos documentos e publicacións do Club, empezando por a de maior volume, o boletín.
 
 

SECCIÓN INFANTIL
 
 

Festa de Entroido. 3 de Marzo do 2003
Hora de comezo: 18:00
Como tódolos anos por estas datas celebramos o Entroido coa famosa festa de disfraces do noso local social. Estades todos invitados, pero deberedes facelo disfrazados como sempre, e podedes traer ós vosos amigos inda que non sexan socios.
¡¡ATENCIÓN PAIS!!: podedes pasar a recollelos a partires das 20.00 h


SECCIÓN DE CULTURA

SAÍDA PLANTAR ÁRBORES:

Realizouse con gran interese. Entre 10 participantes plantamos 18 castiñeiros e 12 sobreiras. Coma sempre Varo dirixindo ó grupo  fixo explicacións amenas e claras de todo o proceso. Lugar achegado a Saians.



XERMINACIÓN DE LANDRAS:

Para ter árbores o ano que vén temos que plantalos e coidalos no Club. De novo Quique veu axudarnos e será o pai dos novos carballos que xurdirán. Colaboraron con nós uns cativos entusiastas que fixeron alegre o traballo..

TERTULIA:

Co título “Desastres ecolóxicos, de quen é a responsabilidade”, xuntámonos para falar. Fernando introduciu o tema, e puidemos ter unha agradable tertulia pese ó espiñoso do tema.

As conclusións foron as seguintes:
- O exceso de gusto por posesións materiais lévanos a un gasto enerxético que fai que haxa máis desastres cada vez.
- O non preve-las medidas de seguridade axeitadas é causa directa de desastres.
- Hai fallos claros nas persoas responsables na toma de decisións cando se produce unha catástrofe.
- Como positivo pode verse que existe unha responsabilidade positiva, que leva a pescadores, confrarías e voluntarios a traballar con abnegación e solidariedade.

A vindeira tertulia terá por tema “Os valores na adolescencia” e celebrarase un xoves de Marzo ¡estade atentos!.

SAÍDA MUÍÑOS ( Actividade Xuvenil ):

Celebrárase na mañá do 23 de Febreiro nos muíños de Saians. Invitamos a tódolos socios xuvenís do club a participar e escoitar de Varo detalladas explicacións sobre os Muíños , funcionamento e historia.

SAÍDA MUÍÑOS PETROGLIFOS:

Celebrarase en Abril. Completarémo-lo que iniciámo-lo ano pasado e que o temporal impediu facer.

CURSO DE PERFECCIONAMENTO
 DE FOTOGRAFÍA:

Cando escribimos estas liñas estamos a punto de comezalo. Temos e teremos sempre bos fotógrafos no club. Penso que é algo que nos transmitiron os históricos deste club. Sempre a montaña vai ligada á fotografía e observación da natureza. Coma sempre gracias a Cholo, Chito, Antonio Veiga e tantos outros que nos animaron a leva-la nosa cámara nos nosos percorridos. Agora perfeccionaremos un pouco o que xa sabemos.
 

Martín (Shambala)


CURSO DE XADREZ

Como sabedes vaise desenvolve-la actividade de iniciación ó xadrez, os venres de 18,30 ás 20 h. no noso local social. O curso destínase a rapaces maiores de 6 anos e  adultos, impartíndoo persoal da federación de xadrez  cun custo de 15 € ó mes. Animádevos, inda hai prazas!

José A. Hermida
 
 

ACTIVIDADES SOCIAIS

ANIMÁDEVOS PARA O ENTROIDO

    Seguindo o propósito do noso novo presidente, ó fin de ter unha nova ocasión de reunirnos e de gozar, ¿ que tal se volvese organizar unha festa de Entroido?
     Pois a celebraremos o martes 4 de marzo a partires das 20:30 h.
   Podemos animarnos e traer lambetadas típicas destas datas como orellas, filloas... e sidra para beber.
    Tódolos disfraces son válidos... Esperamos ver moitos orixinais ou “made in na casa”.  Haberá un Concurso con 3 premiados: o mellor, o máis elaborado e o máis divertido.
      Esperámosvos para unha festa tan divertida como é a do Entroido.   F.F.





SORPRESA  PARA  ENRIQUE

O venres 10 de xaneiro polo método do boca en boca, conseguimos reunir un grupo de amigos e compañeiros de andainas para unha festiña. Creo que conseguimos sorprenderte, ¿verdade Enrique?- Diso se trataba, demostrarche que se apreciou a túa dedicación ó club, e xa sabes, Evaristo fíxote entrega do bastón de mando por se acaso... vólveste animar.
A cociña entregoucha Roberto, un dos que che animou a entrar no club, como veterana, Juani tamén se prestou para achegarte un libro. Con Antonio tivémo-lo gusto de entregarche a vasoira “simpática”, ¡¡¡esperamos vela no sitio oportuno!!!
En vista do bo ambiente que reinou, esperamos ter máis ocasións de repetir estes encontros que tamén, penso, son parte da vida do Club.
                                                                                         F.F.



UNHA CEA AGRADABLE

Creo que a nosa Cea Aniversario, celebrada o 1 de febreiro, foi un grato momento para tódolos presentes. Segan a opina xeral, o reelección do Hotel Coia foi moi acertada, tanto polo menú como polo servicio e o amplo e confortable salón.
Á hora de sentarse á mesa cada un fíxoo o carón dos seus amigos (normal)... e na mesa presidencial a compañía resultou moi agradable. Na sala xuntáronse dende os mais veteranos do Club ata xente recen chegada da súa primeira saída de sendeirismo.
Ó remata-la cea, Sechu realizou a tradicional entrega de Medallas ós asociados con 25 e 50 anos de antigüidade no Club, despois de contarnos a grandes liñas a súa vida deportiva ata chegar á practica do montañismo.
Cada unha destas Medallas representa un anaco da vida deste Club. Escrich recolleu a de José Carlos Iglesias, quen no podendo estar no acto, por residir en USA, enviou unha carta que foi lida polo seu amigo, e que reproducimos nesta páxina. Foi particularmente entrañable cando Socio recolleu a do seu pai, José Casado, e na súa memoria o Presidente pediu un “sentido” aplauso. Especialmente emotiva foi a entregada a Ángeles Alonso de mans do seu fillo, Antonio Suárez.
Despois destes momentos cheos de recordos e de emoción, falaron outros invitados a esta cea. Olga, que asistiu representando ó Club Peña Trevinca, recordou a súa familia de antigos socios do noso Club. Freixeiro, Presidente da FGM, valorou a labor do anterior Presidente do Club. Pepín, Presidente da Federación Española de Actividades Subacuáticas, recordou os seus comezos no noso Club, do que é membro, e alegremente advertiunos do esixente que pode ser o noso novo Presidente.
Logo a velada cambiou de rumbo o comeza-lo baile, como casi sempre “as mozas” primeiro e logo “os mozos”. Case as tres da madrugada os músicos se rendían, pero non os montañeiros. Pouco a pouco formouse un “coro” lembrando os cánticos populares que se cantan ó final dun largo día de montaña, nun refuxio... ou no autobús de volta a casa. Estes momentos alegres e entrañables, son os que teñen motivado, tanto a un veterano grupo de boas voces do Club, como a outro máis recente, a reunirse para recompilar, ensaiar e cantar esas fermosas cancións... a ver se o conseguimos. Volveremos falar do tema.
O vindeiro ano espero que esteamos tódolos que estábamos e algúns cantos máis.
F.F.



MEDALLA 25 ANIVERSARIO

Din que a través da distancia se ven as cousas doutra maneira. Tamén é certo que se queres estudia-lo trazado dunha vía de escalada nunha gran parede debes de afastarte dela, para de esta forma poder observa-lo itinerario con precisión. Xa pasaron moitos anos dende que por primeira vez lin a Rosalía de Castro. A súa melancolía e morriña pola terra que tanto amaba reflíctense en calquera dos seus poemas. Algo que nunca puiden comprobar ata que me vin en tal situación. A desaparición do meu amigo e compañeiro de cordada Moncho Melón obrigoume a face-las maletas e cruza-lo charco. Eran demasiados os tan bos recordos que me rodeaban en calquera esquina ou en calquera montaña, nas que xuntos compartimos inesquecibles momentos.
25 anos membro do Club Montañeiros Celtas. Tanto os mitolóxicos irmáns Veiga ou o meu querido amigo Cholo influíron na miña vida social, deportiva e profesional. Con eles aprendín que o montañismo é moito máis que o simple feito de facer cumio ou escalar unha vía de dificultade. Durante estes anos, a través do Club tiven a sorte de coñece-los meus mellores amigos e os meus mellores amores. A miña vida como guía de montaña obrígame a escalar en cantidade de rexións e países. En cada vía, en cada parede ou en cada cumio na cal puxen os meus pés teño que dicir que a imaxe e a filosofía do Club estivo e está presente comigo en todo momento. Porque en definitiva o Club Montañeiros Celtas é o meu Club.
      Gracias amigos.      José Carlos Iglesias
 
 

SECCIÓN SENDEIRISMO

GR 94 ETAPA V. RURAL DE GALICIA.
DOMINGO 26 DE XANEIRO DE 2003.
MESEGO (CUNTIS)-REIS (TEO).
30 participantes

Para se-la primeira  saída do ano non estivo mal sobre todo para a xente nova xa que resultou unha camiñada doada, sen subidas nin baixadas importantes anque un pouquiño longa, en total 22,5 km. o día foi  soleado cunha brisa fría que animaba a move-los pés. Saímos dende Mesego (Cuntis), cunha parada de 15' ós 9 km. e outra ós 17 km.- en Couso á beira do río Ulla para comer. A intención era cruza-la ponte colgante para seguir ata Reis (Teo) pero estaba cerrado e tivemos que seguir por esta banda dereita do río
Ata ese punto os veteranos botamos de menos o factor aventura o que o noso guía Miguel  tennos acostumados (Nota do aludido: Non vos preocupedes que a próxima vez non vos quedades coas ganas).
Ben, xa veremos que pasa na nosa saída de febreiro. Hoxe tócanos escribir estas liñas a nós.
Elva, Pilar e Concha.

REUNIÓN PARA COLABORAR
NA SECCIÓN DE SENDEIROS

O próximo venres 21 de febreiro ás 20:30 no Club convocámosvos a unha pequena reunión para organiza-las actividades de sendeiros: Mantemento dos sendeiros do Club, calendario de actividades alternativas, artigos para o boletín, xornadas de iniciación en orientación e colaboración en xeral coa sección. A túa contribución é importante, por que buscámo-la implicación de todo o que estea interesado, estando abertos a propostas  e suxestións

AVISO PARA NAVEGANTES

Actualizouse a páxina web de Turgalicia, polo que podedes consultar novas rutas que non aparecían na anterior Guía de Sendeiros editada pola FGM  (Galicia ó paso).
www.turgalicia.es

PROPOSTA PARA FEBREIRO:
RUTA DOS CHOZOS (SERRA DO SUÍDO)

A proposta para este mes percorre a Serra do Suído, espacio natural situado nos límites da provincia de Ourense e Pontevedra e abrangue principalmente parte dos municipios de Avión e Beariz en Ourense, e os da Lama, Fornelos de Montes e Covelo en Pontevedra. A súa extensión ocupa aproximadamente douscentos quilómetros cadrados, 4245 ha, das que a maioría pertencen á provincia de Pontevedra.
A Serra alcanza cotas de 1.000 metros sobre o nivel do mar, no Municipio de Avión encóntranse alturas de 1.053 e 1.043, nas denominadas Laxa dos Números e na Pena de Rairiz, respectivamente. Trátase de bloques levantados, modelados sobre granitos no cumio, caracterizadas por diferentes superficies de erosión así como por unha rede de fallas, que determinan a alternancia do terreo.
Os datos máis destacables deste "Espacio natural", son que está composto de serra de perfil erosionado, destacando pola súa riqueza cinexética. A beleza das súas vistas panorámicas e núcleos de vexetación autóctona, son outras das causas que aconsellan a súa protección.
Dende o principio ata ó final do sendeiro encontraremos cos Chozos, que son edificacións que poderían remontarse á Idade Media e que servían de refuxio estacional ós pastores que traían o gando a pastar á Serra.
Os de Abelenda e San Vicente son os de maiores dimensións. Este último ten maior altura no lado da máxima pendente da montaña. A maioría posúe arcos (dous), excepto o de Abelenda que ten tres e o de Oroso que soamente ten un.
Ó carón dos Chozos hai unhas construccións menores: os "Cortellos", destinados principalmente á protección dos becerros. Sete dos chozos desta ruta, foron restaurados recentemente por un obradoiro de emprego, existindo unha distancia de 4,5 Km. Entre o primeiro e o último.
 ACCESOS Á RUTA:
Dende Avión, poderemos chegar por dúas estradas, xa sexa por Nieva ou por Abelenda, se elixímo-lo primeiro itinerario, debemos desviarnos da estrada OU212 cara a  Nieva á altura do Sifón. Se elixímo-lo segundo traxecto, na mesma estrada, deberemos coller desvío cara a  Abelenda. As dúas están perfectamente sinalizadas.
INICIO: Área de descanso. Podemos empezar tamén dende o lugar de Mangueiro ou Rodeiro por pista sen sinalar para logo segui-lo percorrido marcado.
LONXITUDE: 8 Km.
DIFICULTADE: Baixa.
CARTOGRAFÍA: S.G.E 1:50.000 Pontecaldelas 5-10 (186)
INFORMACIóN: Concello de Avión (www.concelloavion.org) Fax: 988 490 705 Tfno.: 988 486 000

NOTA : Aqueles que fagáde-las rutas propostas ou outras distintas que vos gustasen, enviade artigos ó Boletín detallando as vosas andainas. COLABORA!
 
 

M.C.


TABOLEIRO

VENDESE MATERIAL DE ESQUÍ
ESQUÍS
Marca: Evasión 3
Medidas: 1,92 m
Fixación: Look XRG
Prezo: 180 € (29.949 ptas.)

BOTAS
Marca: Salomón
Modelo: Evolution 8.1
Número:45
Prezo: 102 € (16.971 ptas.)

O material usouse soamente unha vez, descontarase o 10% si se compran os esquís e as botas xuntos.
Interesados preguntar por Marcos
 (O Trisquel, Vilanova, A Veiga, Ourense)
Tfno./Fax 988 294 858.
 
 

SECCIÓN DE MONTAÑA





A RECONQUISTA DE VIGO... NA SERRA DE MADRID

Os días 28, 29 e 30 de Marzo son as datas elixidas para achegarnos a Serra de Madrid, concretamente á zona da Pedriza e o seu entorno.
A Pedriza está ó norte da cidade de Madrid, na vertente sur da Serra de Guadarrama entre a “Cuerda Larga” (2.386 m.)  e o pobo de Manzanares el Real (908 m.). O seu entorno natural atópase cubicado dentro do “Parque Regional de la Cuenca Alta del Manzanares”, declarado en 1992 Reserva de la Biosfera por la UNESCO o que da idea do seu interese.

A Pedriza debe o seu  nome á gran cantidade de rocas de granito que integran este paraxe, onde a erosión creou un fantástico mundo de formas enormemente curiosas coñecidas cómo “el pájaro” o “la tortuga”. Un lugar ideal para as excursións de montaña e para a práctica da escalada, polo que temos intención de “facer de todo”.
Máis información na páxina 9.



Aproveitando a xornada festiva, con motivo da Reconquista de Vigo, enlazamos tres días para achegarnos ata unha das zoas máis interesantes da serra madrileña, A Pedriza. Sairemos o xoves ás 12 da noite. Temos previsto aloxarnos nun cámping próximo a Manzanares el Real,  localidade situada o pé da serra, pero tamén estamos estudiando a posibilidade de pernoctar no refuxio Giner, no interior do macizo, situado entre a Pedriza Anterior e a Pedriza Posterior. Actividades propostas:

Escalada.
A Pedriza é a principal escola de escalada para Madrid. Os escaladores han de saber que a particularidade da súa roca, con inclinadas lousas, poucos resaltes que sirvan de agarres e pulidas chemineas, obriga o emprego de técnicas de seguro e progresión un tanto especiais, é unha escalada de “adherencia”. Estímase que existen máis de mil vías de escalada, moitas de elas de poucos metros, pero algunhas alcanzan os 150 m, como en “El pájaro”, e atópanse de tódalas dificultades.

Excursións de Montaña

1ª xornada, venres. Partiremos cara a Pedriza Anterior. Subiremos polo “Barranco de los Huertos” ata a base da cara sur do “Yelmo” (1.714 m), onde os máis atrevidos poden intentar subir ata o seu cumio nunha sinxela trepada de 95 m.
2ª xornada, sábado. Realizaremos un percorrido circular pola Pedriza Posterior, que ten a forma dun profundo anfiteatro ou circo de montaña, o trazado vai gañando altura pouco a pouco ata culminar nas Torres da Pedriza (2.024 m), punto máis alto de todo o recorrido

Travesía de Alta Montaña

3ª xornada, domingo. Despois de madrugar e recoller o campamento iremos no bus ata o Porto da Morcuera, onde iniciaremos a Travesía da “Cuerda Larga” (de 2.386 m. no punto máis alto, as “Cabezas de Hierro”)  ata o Porto de Navacerrada, onde nos recollerá o bus e partiremos cara a Vigo.

Sechu

 

CONCURSOS DE MONTAÑA

O Club Montañeiros Celtas establece, como antano, uns Concursos anuais de Montaña coas seguintes BASES:

1.- CATEGORÍAS

·Montañeiro de 3ª Categoría.
Consiste en ascender 10 montes superiores a 700 m. de altitude e 3 montes superiores a 1.000 m. no transcurso dun ano.

·Montañeiro de 2ª Categoría.
Consiste en ascender 10 montes superiores a 1.000 m. de altitude e 3 superiores a 2.000 m.  no  transcurso dun ano.
Poderán optar a conseguir este título, todos aqueles montañeiros que estean en posesión da 3ª Categoría.

·Montañeiro de 1ª Categoría.
Consiste en ascender 12 montes superiores a 2.000 m. de altitude e 3 superiores a 3.000 m.  no transcurso dun ano.
Poderán optar a conseguir este título, todos aqueles montañeiros que estean en posesión da 2ª Categoría.

·Montañeiro Excelsior
Consiste en realizar, no  transcurso dun ano, 5 travesías de entre as posibles que están recoñecidas o efecto.
Poderán optar a conseguir este título, todos aqueles montañeiros que estean en posesión da 1ª Categoría.

2.- REQUISITOS PARA A PUNTUACIÓN

a)Serán válidos tódolos cumios galaicos, españois e estranxeiros.
b) No cumio de cada monte ascendido, o candidato deixará unha tarxeta do Club, recollendo a tarxeta que alí deixara outro montañeiro (se houbese).
c) Pasados 15 días como máximo (salvo excepcións xustificadas), entregarase no Club un “Parte Descritivo da Ascensión” indicando itinerario seguido e incidencias, ademais de todo aquelo que poda ser beneficioso para que outro montañeiro faga a mesma ascensión ou para que sirva de agradable lectura ós montañeiros do futuro.
d) Como mínimo, cada candidato terá que participar nunha marcha do Calendario Oficial do Club ou da Federación.
e) Puntuará un único cumio por día.
3.- PREMIOS.

· Para a 3ª Categoría establécese un premio consistente nun chaveiro (3ª C) coa insignia do Club.

· Para a 2ª Categoría establécese un premio consistente nun chaveiro (2ª C) coa insignia do Club, así como o viaxe gratuíto no bus, de 1 actividade do Club dentro da comunidade galega.

· Para a 1ª Categoría establécese un premio consistente nun chaveiro (1ª C) coa insignia do Club, así como o viaxe gratuíto no bus, de 2 actividades do Club dentro da comunidade galega.

· Para o Montañeiro Excelsior haberá, ademais dun diploma alegórico e unha Medalla de Prata coa insignia do Club, o figura-lo seu nome no cadro de honra de Montañeiros Excelsior, á carón de todos aqueles montañeiros que dende o ano 1.951 figuran no mesmo.

· De entre tódolos “partes” recollidos cada ano, un xurado elixirá o que obterá un premio.

Entrega de premios

·Os premios da 1ª, 2ª e 3ª Categoría, así como o do mellor Parte Descritivo, faranse entrega na Festa Fin de Temporada do Club, no local social.
·Os Montañeiros Excelsior recibirán o seu premio na Cea Aniversario do Club.

4.- SEGUIMENTO DOS DIFERENTES CONCURSOS.

Haberá un panel no local social no que o vocal de montaña irá anotando tódalas actividades que os participantes vaian realizando. De forma que, visualmente, saiban o que realizaron así como o que lles falta por realizar.

5.- NOTA FINAL

Todo aquelo que nas presentes bases non estea contemplado ou suficientemente aclarado, decidirao o Vocal de Montaña con axuda da Xunta Directiva, se o estima oportuno.

Conchi Barciela  e  J.L.Vázquez




SECCIÓN ESQUÍ

PRÓXIMA SAÍDA

O próximo venres 7 de Marzo sairemos cara ó Boñar para durmir no albergue coma noutras ocasións. Xa o sábado partiremos cara ó porto de San Isidro onde nos dividiremos en dous grupos, segundo o nivel.
O primeiro grupo sairá cara ó Pico Ausente 2.046 m ascendendo pola vertente Este deixando o lago Ausente 1.750 m á nosa esquerda, xa no cumio realizarémo-la primeira baixada cara ó val dende onde remontaremos para colle-la cordal do pico Agujas 2.155 m e dirixirnos ó pico Toneo 2.094 m onde faremos un precioso descenso cara ó porto. O segundo grupo quedará na estación facendo pista para practicar. Pola tarde, no albergue, antes da cea darase unha pequena charla sobre o esquí de montaña, o material, progresión, etc.
O Domingo dedicarémolo na súa totalidade a facer pista para practica-los iniciados e mata-lo gusaniño os máis avanzados, inda que se temos posibilidades poderase facer unha pequena toma de contacto con iso de “foquear”.

ESQUÍ DE MONTAÑA

Gracias ó esquí de montaña podémonos introducir en inverno nos grandes espacios naturais, lonxe das zonas marcadas, no corazón da alta montaña para gozar do seu silencio, luz e cor.
Podemos gozar da súa neve virxe deslizándonos ó seu través e facer descensos que  provocan sensacións que dificilmente poderemos esquecer e que nos levarán a buscar outra montaña, outro val, outra pa para facer un novo descenso único e irrepetible deixando a nosa “sinatura” sobre a inmaculada neve.

O Esquí de Montaña é unha modalidade deportiva que combina o montañismo invernal, o alpinismo e o esquí.
Esta combinación ten varias denominacións: esquí de montaña, de travesía ou esquí-alpinismo.
Consiste en ascender e descender cuns esquís similares ós de alpino pero cunhas fixacións especiais que permiten libera-lo talón para ó ascenso e a utilización dunha pel sintética (pel de foca) que evita o escorregamento cara a atrás.
Para o descenso retiramos a pel de foca fixámo-las botas ás fixacións na posición de descenso, e para abaixo a deixa-la nosa traza sobre a neve virxe.
O Esquí de Montaña tamén nos permite facer recorridos de varios días pola montaña invernal na busca das solitarias paisaxes invernais e os seus cumios nun entorno salvaxe e cambiante.
Marcos

SAN ISIDRO, NEVE NO SANGRE

 Quen ía dicir que se ía anular cinco días antes o bus por falta de participantes e o xoves esgotáronse as prazas, xa que había 53 persoas interesadas, 35 no bus que ía ata a bandeira e o resto en coches, partimos o venres 17 de xaneiro, en dirección Boñar en León, chegando de madrugada xa que o autobús ía con moita calma. Ó amencer, almorzo e ás pistas, para moitos, que por primeira vez se enfrontaban a este deporte a sensación de inquietude era evidente, o día non podía ser peor para empezar, calquera se desanimaría, abaixo chovía e arriba nas pistas néboa e mal tempo que facía que a visibilidade fose moi mala, os que tiñan máis experiencia  esquiando están acostumados a estes reveses e tratan de aproveitar ó máximo a actividade, pero o que realmente era meritorio, era como os noveles superaron, a forza de ilusión, a súa primeira xornada de esquí non parando en todo o día, todos sen excepción gozaron da nova sensación que é deslizarse pola neve e  gracias tamén  á axuda dos monitores da escola de esquí de San Isidro que cunha paciencia impagable estiveron ó seu carón.
 Xa no Albergue, despois dunha boa ducha e de repor forzas, xogando ó futbolín cada un contaba as súas batalliñas das súas experiencias na xornada.

 A mañá seguinte, foi a outra cara da moeda, o día amañeceu espléndido cun sol radiante, que permitía ve-las pistas dando máis seguridade e á vez ve-la fermosa paisaxe montañosa que nos rodeaba.
Cedo, os máis avanzados, foron co grupo de Escrich e Jaime, os que practicaban Snowboard se o montaron pola súa conta, e os principiantes co seu monitor facendo cuña deslizándose coa inseguridade habitual de calquera que se calza uns zapatos dun metro e medio nos pés, caían bastantes veces, pero se lles notaba felices, ata que a última hora os metemos por unha “vermella” para que fosen enfrontándose a novos retos.
 Xa cansos e con maniotas, pero cunha sensación agradable no corpo iniciámo-la volta a Vigo, todos falaban de repetir, parecía como se o control da velocidade que produce adrenalina no corpo, nun marco de montañas nevadas, convertese nun líquido que xa corría polas súas veas.
Fernando
 
 

BICI DE MONTAÑA

POZAS DE MOUGÁS   26.01.03

Repetimos nesta ocasión un percorrido, que non por coñecido, deixa de ser interesante e atractivo. Máis ben ó contrario xa que os que o coñecían, non dubidaron en anotarse rapidamente.
Eramos esta vez un nutrido e variado grupo, no que non faltou dende o “avó” Vázquez, ata o peque Adrián.
Despois do chocolate e churros de rigor, iniciámo-la aproximación ó lugar de partida (cámping o Muíño), pasando primeiro por a “escura costa”na que coma sempre estaban os incondicionais doutores (de branco) do chapapote.
O día non podía ser mellor, sol, boa temperatura e gañas de gozar só botamos en falta algunha lameira.
Comezamos por estrada, cara a Mougás onde atravesamos por casas e corredoiras, ata as primeiras ramplas de asfalto, que nos achegaron á pista, que a media altura e cunha vista moi agradable da costa, levábanos cara ás pozas de Mougás.
Nesta ocasión sorprendentemente, non houbo demasiadas incidencias técnicas, o normal... unha rotura de cadeas e algún pinchazo que outro.
Entre descensos vertixinosos e subidas empinadas, fomos chegando ás Pozas en cuestión.
Non faltaba auga xa que en días anteriores, chovera con gañas e tanto o curso do río, como as pozas rebordaban por tódolos lados. Isto non desanimou nin moito menos a Manolo, que se meteu na auga como de costume inda que lle custou decidirse, e non polo frío , ó cal non teme, como nos ten demostrado en situacións máis estremas, se non pola presencia feminina, á cal tivo que pedir permiso.
Proseguimos, recorrendo a pista xa en dirección ó cámping onde finalizámo-lo percorrido, con satisfacción xeral. Dada a hora que era, algúns decidiron regresar a casa para comer. Os que quedamos, fomos tomar un cocido, que supuxo a recuperación total do desgaste físico.
Non hai moito máis que engadir salvo invitarvos a tódolos que queirades participar na próxima que está prevista, na Poboa do Caramiñal (Serra do Barbanza).
Escrich


 
 

ESPELEOSECCIÓN

Asemblea anual do G.E.S.

O pasado 3 de Xaneiro, celebramos no refuxio do Aloia a asemblea anual da Sección. Iniciouse ás 23,20 h coa asistencia de 15 membros da Sección e  algúns invitados.
A asemblea celebrouse seguindo a orde do día, tratándose tódolos puntos, resaltando os máis importante a continuación.
- Lourdes Castiñeira continúa sendo a nosa vocal. Daniel Ballesteros como secretario, Xabier Balado e Pilar Orche como encargados de material e biblioteca, respectivamente. Jesús Sáez encargarase do apartado de descenso de cavorcos.
- A Federación Galega de Espeleoloxía designou mellor club galego da tempada a Montañeiros Celtas, seguido de Irmandiños e o Espéleo Club Aradelas.
- Do material infórmase que se realizou un inventario en setembro do 2002, e proximamente elaborarase a relación de material para mercar.
- A biblioteca de espeleoloxía contén xa 160 títulos e revistas Furadas e Subterráneas.
- As actividades do 2003 foron aprobadas pola asemblea, tal como reflicten no calendario do club. Para mellor organización, repartiuse a coordinación das distintas actividades entre distintos membros da sección.
- Sobre as pretensións por parte do concello de Mondoñedo de facer turística a cova do Rei Cintolo, a cova segue pechada ó público e continúase sen recibir información de entidades públicas. Agora estase recompilando información para elaborar un informe para propoñer a cova como “Ben de interese cultural” á Consellería de Cultura.
- Aprobouse o borrador do Regulamento de Réxime Interno da Sección e as Normas sobre o emprego de material da Sección para un mellor funcionamento. Agora están pendentes da súa ratificación na xunta Directiva.
- Para este ano espérase confecciona-la páxina web, facer adhesivos e crear un libro do rexistro anual de membros da Sección.
- Constitúese unha comisión para o 50 aniversario da Sección, que será no 2004. Esta comisión coordinará actividades en relación á conmemoración celebrando exposicións, un concurso de fotografía, xornadas de cine subterráneo, un campamento semanal de espeleoloxía, etc.
Nada máis rematar coa reunión, a mesa encheuse de comida e comida, pratos de todo tipo e clases de alimentos, aguacate, empanada, tortilla, tomates, croquetas, ... seguidos de deliciosas sobremesas coma tortas e biscoitos, sendo o prato rei da cea a fundí de froitas, a cal tódolos presentes rodeaban.
Con bicos e apertas, abandonámo-lo refuxio á mañá seguinte.

Lourdes e Emilio na Asemblea da Sección

Xornadas de Técnica Vertical
Comezámo-lo ano, coma sempre, con estas xornadas, celebradas no refuxio de Mondoñedo.
Alá fomos 12 espeleólogos a practicar durante a fin de semana. Ou a aprender, pois démo-la benvida a dous novos compañeiros, Laura e Antonio, que se introducen no apixoante mundo subterráneo.
Sube por corda, baixa, pasa un fraccionamento subindo, agora baixando,... agora unha técnica de rescate, agora toca 90 m de corda (só algúns), proba co oito, co piraña, como bloquealos,... como vedes, un cento de prácticas nun ambiente distendido e case de xolgorio. E moi fresco, que tivemos que prende-la cheminea. Todo baixo a atenta mirada (con bos ollos) de Carol e Lourdes.
Cea, infusións, charla (de charlar) animada e... saco, que facía pelete.
Pola mañá, visita a Rei Cintolo (pechada, con acceso prohibido). Logo, Ramón Conchi, Jorge e Emilio repetiron prácticas mentres outros foron á cova de Santos (pequena, horizontal, con formacións e moitos morcegos). Laura e Antonio recibiron así o seu bautizo espeleolóxico. ¡Contentos que estaban!
Despois de xantar, recollida, parada en Vilalba para deixar a Carol e volta a Vigo.

Carol, practicando no refuxio de Mondoñedo

Espeleonovas
Atención ás vindeiras actividades. ¿Para participar? Ganas, e licencia. Animádevos.
15/16 e 22/23 febreiro. Curso de Iniciación. Da F.G.E.
22/23 marzo. En Cobas. Instalación e equipamento de cavidades e Cavorcos.
5/6 abril. Actividade xuvenil: Descubrindo as Covas. Posiblemente no Courel.

Daniel Ballesteros
 
 

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

COMEZA A INMERSIÓN

Dixen en boletíns anteriores que a próxima vez que vos dedicara unhas liñas nesta sección sería para contarvos algunha inmersión co Club como mergulladora dúas estrelas. Pois nin o un nin o outro.
Ultimamente, a única "inmersión" que fixen co Club foi a de acepta-la proposición, sempre decente, claro está, do presidente para entrar a formar parte na nova Xunta Directiva como vocal de Actividades Subacuáticas. Por outra parte, inda teño pendente a miña práctica para termina-lo curso.
Creo que a todos a marea negra fíxonos reflexionar, en maior ou en menor medida. E é precisamente polo "Prestige" polo que penso que xa é hora de que a Sección de Actividades Subacuáticas recupere o "prestixio" que hai tempo tivo. Pero, neste caso, non só hai que velar polos intereses do Club, senón polos do mar que baña as nosas costas. Así pois, consciente de que canto máis se coñece algo máis se aprecia, un dos primeiros obxectivos marcados é a realización dun CURSO DE INICIACIÓN Ó MERGULLO. A tal efecto, está aberta unha lista no Club para que os anotedes tódolos que esteades interesados. Teremos unha REUNIÓN que terá lugar o XOVES 13 DE MARZO ás 20:30 h no Club. Nesta reunión un membro da Escola Galega de Actividades Subacuáticas informará de tódolos aspectos do curso, como as clases teóricas e prácticas, o material ou as datas de realización do curso. En principio, o ideal sería realizalo entre marzo e abril, para que así os novos mergulladores podades participar nas actividades que programe a Sección ó longo da temporada.
Esperando que sexades uns cuantos os que os animedes a darvos un bo chapuzón, soamente quédame por dicir que, polo voso e polo noso mar, confío en poder levar esta Sección o mellor posible.
A Subvirulillas

A Virulillas

 
 

VOLUNTARIADO - MAREA NEGRA

., e os Reis Magos de Oriente viron ás praias negras, as rochas negras sen vida, as xentes chorando, as aves loitando nun mar pringoso, ...., e moita angustia, ...e dispuxeron que non podía haber tantos voluntarios en Montañeiros celtas sen mancha-las mans. Así, o mércores día oito, dannos unha cota de cincuenta persoas, como contestación a unha chamada ó concello de Carnota, para limpa-las súas praias/rochas/material... durante a fin de semana.
As chamadas telefónicas facían treme-las orellas. Temos anotados un total de 94 persoas na lista de voluntariado. Facer tantas chamadas contando os que non están, os que salta o contestador, etc, leva máis dunha tarde e trae máis dunha dor de cabeza.
Ó fin xúntanse vintedúas persoas que confirman a súa disposición. As xestións para acadar un autobús gratuíto non deron resultados, só un desconto especial.
Así o sábado, día 11 ás oito da mañá, con algún atraso polos incidentes cotiáns nestas cousas, saímos cara a Carnota. Chegar alí leva arredor de dúas horas e media. A hora do comezo do traballo era sobre as doce polas disposicións da marea.
Xa en Carnota, os coordinadores do grupo puxéronse en contacto cos coordinadores do Concello, estes danlle as instruccións necesarias e  asígnanlle unha zona,  a praia de ...... . Aprovisionados de material: roupa de augas, buzo de protección, gafas, mascariña e luvas, desprazámonos á praia, alí compartimos traballo con outros grupos de Valencia, Alcorcón, Ourense, Castilla-León,... facendo un total aproximado de 175 persoas. Limpamos e limpamos sen parar, agás para beber e tomar un respiro, ata as cinco e media da tarde, cando a marea comezaba a subir e xa o ceo escurecía. Unha vez "desprecintados" como se de paquetes se tratase, distribuído o material usado nos contedores axeitados, e cambiado o calzado, volvemos a Carnota. Alí demos conta duns bocatas, zume, froita e auga que nos tiñan preparados. A noite chegou e con ela máis frío. Algún paseo, algunha bebida quente,  unha visita ó "hórreo" baixo a choiva, leváronnos ás nove
e media da noite, hora á que nos tocaba a quenda da cea. Despois a durmida nun pavillón realmente xélido.
Á mañá do domingo, tócano-lo almorzo na segunda quenda, e logo limpar no faro de Lira ata as cinco da tarde. Coincidimos en zona cun grupo dos colegas do Club Ártabros.
Despois de cada xornada de traballo hai que pasa-lo informe ós coordinadores do Concello: O sábado collemos arredor de cinco toneladas en toda a praia e o domingo, zona rochosa, sobre uns cinco-sete capachos.
Conclusión: As praias e as rochas, sobre todo as rochas seguen con piche, e cada día segue entrando en zonas onde xa foi limpado e manchado moitas veces. O barco segue vertendo no mar e a algures irá parar. Non sabemos de máis concellos cunha coordinación digna de exemplo como o de Carnota, gracias a un grupo de persoas desprazadas alí dende outro concello, en comisión de servicios, pero o que si sabemos é que necesitan mans, moitas mans, para limpar o que á costa chega e están dispostos a pórnos a Montañeiros Celtas unha cota fixo, tamén se quixeramos durante os días da semana. As condicións son ir en grupo de máis de dez persoas e con coordinador. Nas nosas mans está. A única conta pendente é a do desprazamento ás zonas a limpar que terá que ser costeado polos voluntarios, custo que  dende o Club loitamos  por eliminar e a única solución que topamos de momento é remiti-las persoas anotadas ó Concello de Vigo que pon autobús as fin de semana para Carnota, o que dende aquí agradecemos persoalmente ó Concelleiro de Deportes por esta deferencia. Só me queda dárvo-las gracias a todos, os que xa mancháchelas mans sabedes que é un traballo duro, e os que inda non, ídevos preparando porque temos piche para meses, ¡espero que non sexan os vintecatro anos que tardará en racha-lo barco!. Ánimo a todos, para ir no autobús do Concello de Vigo temos ata o mércores a última hora para anotarnos, hai lista no Club. Para ir polo Club, sempre que se faga grupo, podería decidirse o xoves.
L.Castiñeira

EXPEDICIÓN
EXPEDICIÓN Ó PICO BARUNTSE (7.220 m)
HIMALAYA NEPALÍ

 Por fin iniciou esta aventura en Lukla (2.800 m)., despois dunha longa viaxe en avión (Vigo- Katmandú), con 16 portadores e o meu compañeiro Eduardo. A expedición foi organizada polo grupo osíxeno e apoiada por Montañeiros Celtas. Ninguén dá un duro por que chegue ó Campo Base ó non ter experiencia en altitude.
 O trekking de achegamento é común ó do Makalu (8.464 m), dura 9 días, e a partires do 4º día estás permanentemente por enriba de 5.000 m. As 6 horas de camiñata diaria combínanse coa dor de cabeza, pero consigo aguantar bebendo e repousando cando acampamos. Eduardo anímame e dá bos consellos. A altura parece non ir con el, avanza con 15 kl ás costas e ocúpase en filmar e facer fotos.
 Atravesamos unha natureza salvaxe, a xungla tropical de rododendros primeiro, e despois os glaciares e lagos da cordilleira. O 1 de Outubro xuntámonos 4 expedicións no campo base (Española, Americana, Xaponesa e Austríaca). O alpinismo en altitude é unha disciplina na que a capacidade de aclimatación á altura é determinante para o éxito. Eduardo e o americano Miles están fortes e ben aclimatados polo que toman a iniciativa. O 3 de Outubro instalan o campo 1 no West Coll a 6.150 m de altura e equipan o corredor de acceso (55º, 250 m).. O 5 de Outubro saen ás 3 da madrugada e instalan o Campo II a 6.500 m. Despois ascenden pola aresta cimeira para lograr unha mellor aclimatación. Seguímolos cos prismáticos ata que se fan diminutos contra o branco almafí da aresta e o azul escuro do ceo. A 6.800 m dan a volta, e Eduardo queda no Campo II para aclimatarse pola noite.
 A partires de aí, as cousas tórcense, pola noite cae unha tormenta que deixa 40 cm de neve no Campo Base e o termómetro baixa a 15º. Pola mañá, saio ó encontro de Eduardo que baixa esgotado e deshidratado pois o fornelo esmendrellouse. Pasou a noite sen durmir padexando neve e o termómetro baixoulle a 24º. Decidiu descender por medo a unha avalancha e o vento deixouno teso. Ten as dedas dos pés moradas e os polgares non os sentirá no resto da expedición.
 A partires do 5 de Outubro ocúpome na esgotadora tarefa de manter aberta a pegada ata o corredor de acceso ó Campo 1. Descubro en min unha resistencia física que non sospeitaba, ata que o 12 de Outubro ascendo ó Campo 1. A vista do West Coll  e do Makalu é marabillosa e só por ela merece a pena a expedición. O Makalu é unha mole de rocha, neve e xeo relucente que se alza no firmamento, cortexado por varios 7.000 virxes e que contrasta co branco abraiante da neve do West Coll.

 As continuas nevadas deciden que o 16 de Outubro nos retiremos, recollendo os  2 campos de altura. Para a nosa sorpresa, a Eduardo roubáronlle o saco de durmir, polo que baixamos ó Campo Base  polos ladróns que son 5 Sherpas da expedición xaponesa. Despois de 10 minutos de discusión na que de forma evidente rin de nós, ó valorar que o vento ou o Yeti levaron o saco, despachámolos nunha longa sesión de puxilato.
 O 17 de Outubro facémo-la  viaxe de volta polo val do Lhotse e o Khumbu. Ó Sur o Lhotse e o Everest dominan a paisaxe; e as paredes de xeo e rocha teñen un tamaño mareante. En Katmandú afogamos as nosas penas en cervexa acompañados de oitomilistas frustrados que se toman con filosofía este postmonzon nivoso. Descubro tamén os mil templos budistas e hinduístas e os seus ritos ancestrais.
 En resumo unha experiencia alucinante da que me quedo coa beleza do himalaya, o compañeirismo de Eduardo, e o esforzo realizado a pesares de non ter experiencia en altitude.
Vicente Aparicio González
 
 

AXENDA

27/febreiro ó 2/marzo Sportalya 2003. No IFEVI (Cotogrande).

Venres 7 de marzo “100 Instantes Máxicos”. Diapos por Martín García (Shambala). No club ás 20.30 h.

Venres 14 de marzo Asemblea Xeral Ordinaria. No club ás 20.00 h en primeira convocatoria, 20.30 h segunda.

Venres 21 de marzo “Espeleoloxía en Eslovenia e Cáucaso:
   Mellor marca do Mundo de profundidade (-1710 m)”.
    Audiovisual por Sergio García-Dils de la Vega.
   No Paraninfo da E.U.E.T.I. (Peritos) ás 20.00 h.



Mércores 26 de marzo “Alaska en Kaiak de Mar”.   Audiovisual por Emilio Regueira Núñez.
    No Paraninfo da E.U.E.T.I. (Peritos) ás 20.00 h.

VINDEIRAS ACTIVIDADES

FEBREIRO
22-23  Gredos  Alta Montaña S. Montañismo
 22-23   Curso Iniciación Espeleoloxía  EGE
 23 Fornelos Sendeiro das Greas GR 58. Etapa II S.D. Sendeirismo
 23 Saians Xuvenil. Muíños de Saiáns S. Cultura e Medio Ambiente

MARZO
3 Local Social Festa Infantil do Entroido S. Infantil-Xuvenil
 4 Local Social Festa  do Entroido S. Actividades Sociais
 8-9 San Isidro (León) Esquí de Travesía S.D. Esquí
 9 Trilho Castrejo Camiños Lusos. PR 3N S.D. Sendeirismo
 14 Local Social Asemblea Xeral Ordinaria Xunta Directiva C.M. Celtas
 15-16    Curso de Alpinismo: Corredores  EGAM
 16  Avión Serra de Avión. Búsqueda do Touza e a Touza S.D. Montañismo
 22-23 Cobas Instalación-equipamento: Cavidades/Cavorcos S.D. Espeleoloxía.
 22-23 San Pedro de Rochas Infantil S. Infantil-Xuvenil
 22-23 Triacastela. Folgoso Cavorco do Louzara S.D. Montañismo
 23 Póboa do Caramiñal A Curota S.D. Bici de Montaña
 28-30 Serra de Madrid A Pedriza do Manzanares SS.DD. Montañismo-Escalada
 28-30  XXXVI Campamento Galego Espeleoloxía  FGE

ABRIl
5-6 Caurel Xuvenil. Descubrindo as covas S.D. Espeleoloxía.
 5-6  XXXVIII Campamento e Marcha Galega de Montaña  FGM - Ribeira Sacra
 5-6  Curso de Orientación  EGAM
 
 

Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto. Normalización lingüística: Enrique González Cameselle.
Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número: Pilar Orche, Lourdes Castiñeira, Miguel Carrillo, José Luis Vázquez, Martín García (Shambala), Constancio Veiga, Françoise Fauré, José Carlos Iglesias, Marcos Rodríguez González, Fernando Fernández Rey, Vicente Aparicio González, Conchi Barciela, Francisco Escrich, Daniel Ballesteros, Juan José Vázquez Araújo, José A. Hermida.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998
Impreso en papel reciclado





Para comunicarse có club, a dirección é m_celtas@yahoo.com.

Modifiquei esta páxina por última vez en Febreiro de 2003.