Boletín de Febreiro-Marzo de 2002 do

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines Calendarios Fotos Enlaces


CONVOCATORIA ASEMBLEA XERAL ORDINARIA

Estimados/as asociados/as:
Seguindo as disposicións dos nosos Estatutos e cumprindo a normativa, celebraremos Asemblea Xeral Ordinaria o día 22 de marzo de 2002, ás 20:00 horas en primeira convocatoria e 20:30 horas en segunda, no Local Social da nosa Entidade, sita en Avda. Camelias 78, oficina K, Vigo. De acordo coa seguinte orde do día:
1º Aprobación das actas anteriores.
2º Memoria das actividades realizadas no ano 2001.
3º Liquidación do orzamento e balance do ano 2001.
4º Orzamento para o exercicio 2002.
5º Proxecto e propostas da Xunta Directiva.
6º Proposicións que formulen os/as socios/as por escrito e que se presenten con cinco días antes da celebración da Asemblea, de acordo coa normativa vixente.
7º Rogos e preguntas.
Contando coa túa importante asistencia e participación en dita Asemblea, recibide un cordial saúdo.

Nota 1: As actas anteriores e o balance do ano 2001 encontraranse dispoñibles para a súa lectura na secretaría do club durante os 10 días anteriores á celebración desta Asemblea.
Nota 2: Aprobouse un Regulamento de Réxime Interno para a celebración das asembleas que pódese atopar na páxina dous deste boletín e no taboleiro do Club.

 Vigo, 27 de febreiro de 2002
Presidente

Regulamento de Réxime Interno para Celebración das Asembleas

1.- Socios asistentes

O censo dos membros con dereito a voto encontrarase na entrada do club, na data de celebración da Asemblea, a efectos de ser firmado polos socios asistentes para ser reflectidos na Acta.

2.- Socio representado e socio delegado

Nunha Asemblea Xeral, o socio que non poda ou non desexe estar presente en persoa, pode redactar e firmar un documento no que delegue a súa representación noutro socio, denominándose o primeiro socio representado e o segundo socio delegado, coas seguintes particularidades:

a) O socio delegado a de persoarse na Asemblea para exercer a representación.
b) O socio delegado haberá de entregar, á Secretaria do Club, o documento que acredite a representación, denominado "delegación, ata media hora antes de dar comezo a Asemblea. Os socios que abandonen a Asemblea no poderán delegar.
c) A delegación deberá ir firmada e incluír: nome, apelidos e nº de DNI de ambos socios; data da Asemblea e no caso de haber máis dunha (Ordinaria e Extraordinaria) indicar para cal se delega (si non se indica se entende para todas da mesma data). Para que a delegación teña validez, será requisito que inclúa o axunte unha fotocopia do DNI do socio representado e firma ó marxe que coincida coa de dito DNI.
d) Si unha vez iniciada a Asemblea se presenta o socio representado, poderá anular a súa delegación dende ese momento, pero nese caso non poderá volver á situación previa.
e) Nas votacións, o socio delegado poderá votar por si mesmo e polo seu representado, neste último caso se denominará voto delegado.

3.- Votacións

As votacións poderán ser a man alzada ou secreta. Calquera socio/a presente na asemblea poderá solicitar que a votación sexa secreta.
Se se solicita, a votación secreta farase mediante furna onde se depositarán os votos segundo o/a secretario/a do Club vaia chamando ós/ás socios/as que se encontren presentes e representados, con dereito a voto.

A Xunta Directiva
 
 

SECCIÓN DE CULTURA

TERTULIAS

En Febreiro celebrouse co tema ¿é posible o ideal de actuar e pensar tendo en conta antes ós demais que a un mesmo?, a asistencia foi elevada e as conclusións obtidas polos tertulianos foron as seguintes:

Non hai que confundir altruísmo cunha entrega desorbitada ós demais chegando a perde-la propia identidade e rumbo que se converte nunha relación insá.

Apego é querer estar só co que nos resulta agradable, e é distinto a amor. Isto foi tema de discusión da tertulia para centrar algunhas cousas que nos xurdiron.

Traballar en beneficio dos demais vai ligado ó beneficio e satisfacción persoal.

O tema da próxima tertulia será As relacións na Montaña, e celebrarase o primeiro xoves de Marzo ás 20:45 h. seguindo as normas da tertulia que figuran no taboleiro Sección Cultura.
 

CHARLAS DO 14 F

O primeiro é agradece-la participación dos conferenciantes deste día.

A de botica de primeiros auxilios de media e baixa montaña impartida por María Villaverde ensinounos que a seguridade non está rifada co montañeiro e que unha botica de primeiros auxilios elemental debe ser parte da nosa equipaxe, explicounos os seus compoñentes e o seu uso. Todos eles collen nun pequeno neceser.
A de protección da vista na montaña, impartida por Ramón    García, mostrounos a forma de protexe-los nosos ollos dos raios de luz prexudiciais do sol, orientado cara á montaña. Ofreceunos solucións técnicas con especial atención ós graos de filtrase.

CLASES DE CANTO E GRUPO CORAL

Témo-la fortuna de contar con Carlos Lino, experto en Canto Coral, que se ofrece a dar clases de Canto a un grupo de persoas do Club, unha vez ó mes no noso local. A súa idea é traballar diferentes voces por separado coa intención de unilas nun grupo. Os que esteades interesados/as podedes anotarvos na lista xa habilitada.
 

SAÍDA ORNITOLÓXICA

Os festexos do Sábado de Entroido non foron obstáculo para que o Domingo 10 de Febreiro, 10 persoas nos xuntaramos para ver aves na desembocadura do Miño, a pesares das baixas de última hora. Realmente tivemos a fortuna de ver gran variedade de especies e gozamos dun día que pola tarde tróuxonos sol e calor, tras algúns chuvascos. Dámo-las gracias a Mónica e Varo pola súa colaboración como monitores, que nos valeron para acercarnos ó mundo animado das aves nun entorno grandioso e que invitaba a compartir.
Martín (Shambala)
 
 

INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

60 Aniversario. Unha vez en marcha o ciclo de conferencias, os membros da Comisión do Aniversario seguen traballando nos outros temas (os títulos son orientativos):
-  Libro Montañeiros Celtas, 60 anos de Historia dirixido por Chito Veiga
- Exposición Club Montañeiros Celtas no Ano Internacional das Montañas sendo o seu comisario Albino Quinteiro
- Concurso nacional de fotografía de montaña Montañeiros Celtas, 60 Aniversario que o prepara Emilio Ballesteros

Club Montañeiros Celtas: Premio á traxectoria Deportiva e Organizativa de Clubs. Este galardón, outorgado pola F.G.M., será entregado ó Club o próximo día 2 de marzo no VII Encontro e Cea Anual do Montañismo Galego.

Curso de Vela. O compañeiro Javier Balado propón realizar este curso que pode ser moi interesante, xa ten información da Escola de Vela de Bouzas. Farase unha reunión o día 8 de marzo ás 20.30 h para ver os que podan estar interesados.
 
 


LICIENCIAS FEDERATIVAS 2002
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

Importe da licencia:

Deportistas menores de 13 anos, infantís. 10 Euros (1.664,- Pts)
Deportistas de 14 anos 22 Euros (3.660 Pts)
Deportistas de 15 anos 22 Euros (3.660,- Pts)
Deportistas desde 16 anos 35 Euros (5.824,- Pts)
Instructores y Monitores 37Euros (6.156,-Pts)
Árbitros e Directivos : 37 Euros (6.156,-Pts)
Estranxeiros 37 Euros (6.156,- Pts)
 
 

SECCIÓN DE MONTAÑA

TREVINCA 26/27 de Xaneiro 2002

O Sábado 26 saímos ás 10 da mañá para o Macizo de Trevinca, zona Norte. Fomos 11 montañeiros repartidos en 3 coches. [Na viaxe por estrada tivémo-la primeira perda, un dos coches tirou para Madrid e tivemos que esperalo máis de media hora no Barco de Valdeorras].
Íamos facer unha travesía, o que supón cargar con todo, na que a segunda xornada presentábase incerta xa que Cholo advertiume da perda dos antigos camiños polo Val do Castaño, máis non me desanimou un pouco de aventura non está de máis, co que estou totalmente dacordo.
Unha vez en Fonte da Cova baixamos dos coches a Casaio, onde esperabamos chegar o domingo, e saímos camiñando da abandonada estación de esquí ás 15:00 h con forte vento en contra. Acampamos nunha braña cuberta de neve a 1.880 m de altitude, nunha zona ó abeiro do vento, ó sur de Pena Survia, eran as 18:30 h e xa estaba escurecendo. Montamos 4 tendas, compartín a miña con Alberto e Carlos, a cea fíxose esperar pero mereceu a pena, deliciosa, fomos os últimos en apaga-la luz, eran as 22:00 h. [Na nosa tenda durmimos Conchi, José Carlos e eu. Fomos moito máis frugais, sen sibaritismos culinarios e cun bo té quente estabamos durmindo ás 21 h]. Ó saír a lúa, case chea, quedou unha noite preciosa anque durou pouco porque se nublou, isto fixo que a noite non fose fría sendo a temperatura ó amañecer de 2ºC.

Percorrendo o Val do Castaqo
Saín do saco ás 7:40 h e os demais foron espertando, o día presentábase longo e duro, non se vían os cumios pois a néboa que se formou nelas baixaba polas súas ladeiras. Partimos ás 9:15 h ( 45´ máis tarde do que tiña previsto, anque previsible, xa nos coñecemos [falará por el, eu son moi puntual]) e en seguida, pero inmersos no fastío da néboa, chegamos ó pé do Pena Negra que subimos directamente por unha canle da súa cara oeste, con crampóns e piolet pois anque non eran imprescindibles pareceume máis seguro, os novos fliparon. Unha vez na crista, con forte vento do SO, a 2.120 m segundo o meu altímetro (non podo confirmar que estivesemos no cumio) tiramos cara ó sur en busca do Pena Trevinca (2.127 m) pero como é habitual con néboa, custounos atopalo, caemos cara ó este e tivemos que regresar, contabamos coa ¿axuda? dun GPS [faltábanos Pedro que estaba con exames] pero non nos poñiamos de acordo con el cando estabamos a uns metros do cumio e non o viamos, alcanzámolo ás 12:45 h, no meu altímetro 2.125 m. Un cuarto de hora máis tarde partimos, levabamos 2 h de atraso sobre o meu horario, chegaremos de noite, pensei eu.
Ás 14:00 h estabamos en Foxo Castaño e iniciámo-lo descenso ó val, onde por fin quedamos protexidos do vento. [O descenso por outra canle de neve tamén foi espectacular e divertido]. O recorrido por este precioso lugar, pouco visitado, foi rápido a pesar de que non hai camiños claros, só algunhas trazas. A neve desapareceu sobre os 1.500 m. [O plan inicial era, unha vez chegados ó comezo do val onde se encontra o Teixedal, aproveitar para tirar un pouquiño por el e miralo, mais co mal de horario que iamos non fun posible. De todas formas vimos algunha agrupación de acivros moi bonita].
O máis duro foi ó final cando tiñamos á vista Casaio (974 m), pero chegar a alí fun un "rompepernas" e un labirinto de pistas, para rematar, coa vila a tiro de pedra, dimos varias voltas ata encontra-lo camiño correcto. Os primeiros, Alberto e José Carlos terminaron ás 20:30 h, o resto pasada media hora. Anxo, un dos novos, fixo o último quilómetro descalzo porque non aguantaba as botas. Santi, outro novo, chegou rebentado e os últimos metros deixou levar toda a súa mochila por Carlos que parecía un "yak". Conchi, a única muller, aguantou perfectamente, quere ir a Bolivia e demostrou estar en forma. Javi, o valenciano, tamén aguantou a pesar de leva-la mochila rota dende o primeiro día. Sito quedou encantado, durante a travesía comentoume que tiñamos fama de tralleiros e que pode confirmalo, era a súa primeira saída con Celtas e xa desexa a próxima. Henrique, o presi, estaba contento por subir ó Trevinca en inverno e, sobre todo, por non ter que traballar o luns. J. A. Sueiro chegou, pero tan canso que quería quedarse a durmir alí, anque finalmente recuperouse e volveu a Vigo, onde espero que practique o manexo do GPS, e a próxima vez séxanos inda máis útil. Pola miña parte satisfacción, por ve-la dos demais e por abrir novos recorridos en zonas menos coñecidas pero de gran interese, o malo foi que cheguamos moi tarde, pasadas as 00:30 h e ainda me quedaba moita noite por diante antes de acostarme, e non por ir de festa precisamente. [Non me imaxino como fun capaz de aguantar, eu durmín de seguido ata as 14 h do luns]

Sechu [e Henrique]

.PALENTINAS 9/10 FEBREIRO

O pasado fin de semana (9-10 febreiro) realizouse unha saída do club ás montañas palentinas. Durmimos o venres na igrexa de Cardaño de abaixo e ó día seguinte comezamos a ascensión da vertinte noroeste do Espigüete. Para ilo saímos en coche cara a Cardaño de arriba e 2 Km. antes de chegar tomamos andando unha pista. O camiño terminou nun pequeno refuxio onde comezaba a neve.
As primeiras ramplas solucionáronse sen ningún problema. Máis o menos á metade da ascensión o terreo se inclinou un pouco máis e tivemos que atravesar un pequeno corredor para enfocar a rampla ata o cumio. Esta última parte tiña bastante pendente. Despois de estar un rato nun dos cumios, uns cantos percorremos a aresta para ir ó cumio principal. Antes de chegar cerrouse totalmente polo que nos quedamos sen foto de cumio. O descenso fixémolo pola longa aresta que nos levaba en liña recta na dirección do coche. Este percorrido fun dunha beleza enorme inda que non o gozamos de todo por estar pechado de nubes.
Tardamos mais do que pensábamos en baixar polo que se nos fixo de noite e chegamos ó coche cos apuros normais para atopar o camiño. Como resumen: Un monte dunha gran beleza, unha vía invernal moi interesante e un vello percorrido de aresta que ben mereceu a visita.
E. Mandado
 


SEMANA SANTA 2002. PIRINEOS: PINETA

No Val de Pineta, a sete km de Bielsa, atópase o Camping Pineta no que temos reservado un refuxio, será a base para as actividades desta saída de alta montaña e esquí. Ofrece a posibilidade de gozar, no inicio da primavera, dun impresionante aspecto invernal desta fermosa parte dos Pireneos enclavada no Parque Nacional de Ordesa e Monte Perdido. Se a metereoloxía e a cantidade de neve o permiten, as posibilidades son múltiples: dende sendeirismo ata ascensións alpinas pasando polo esquí.

Sáese na noite do mércores 27/03/2002 ás 24:00 dende o Club, para chegar aproximadamente ás 12:30 h. do seguinte día ó cámping. Programa:
- Xoves, 28. Preténdese realizar unha actividade para tódos unha vez se deixe o material e se coma algo. Disporemos dende as 13:30 h para comeza-la mesma. Realizarase un paseo de 6 horas onde aproveitaremos a luz diúrna.
- Venres, 29. Pineta (1.300m) - Collado de Añisclo (2.440 m)- Cavorco de Añisclo San Urbez (980m). Travesía de Sendeirismo de dureza alta e dificultade media, velocidade de paso alta. Non é Alpinismo pero pode haber xeo e neve durante toda a ascensión e no collado con moita probabilidade. Todo isto será pouco pola beleza que se pode contemplar nesta ruta. Ó ser invernal e polas poucas horas de luz, deberanse mante-los horarios. Existe un percorrido mais curto casi circular facendo parte do percorrido que precisa menos fondo físico.
- Sábado, 30. Pineta (1.320m) - Lago de Marboré (2.550m). Recorrido longo e duro que proporciona unha espectacular visión do Val de Pineta, o Glaciar de Monte Perdido, o que compensa o notable esforzo a realizar, imprescindible. Problemas en inverno para ascender ó collado pola acumulación de neve. (Desnivel: +1.230m y 1.230m.). Problema de aludes ó ascender ó balcón de Pineta en primavera. Existen tres opcións o chegar alí, si se queren facer, xa que todalas rutas volven a este punto. Unha de elas é o "Monte Perdido" (3.355 m).
- Domingo, 31. Pineta (1320 m)- Llanos de Lalarri (1.600m)- estrada de Bielsa- Francia. Travesía que nos leva dende o Parador de Monte Perdido ata a estrada Bielsa-Francia, con dúas opcións de recorrido, segundo as inclemencias e cantidade de neve e dureza preferida. Unha das opcións será subir o cumio do Monte "La Munia" (3134 m)
- Luns, 1 de Abril. Recollida de tódolos aparellos para volver cara a Vigo e partir ás 9h. da mañá, pois quédannos unhas 13 horas de viaxe. Pararase unha hora en Burgos, para rompe-la rutina da viaxe de volta, fóra da cidade para comer e mercar algo.
Como somos un club e non unha axencia de viaxes, prégase a colaboración de todos, tanto nos días das actividades e a viaxe como en horarios, cada un debera aporta-lo seu gran e avisar ou enterarse das actividades que realizará ó día seguinte.
Temos reservado o refuxio do cámping. Prezos de 8 € a noite. Hai 23 prazas reservadas e con opción a cociñar. Non hai máis que estas. Gardaranse por orden de inscrición, anque sempre hai opción de acampar. Tamén ten restaurante.
As actividades propostas no programa requiren estar en posesión da licencia de montaña.
Temos dous estacións de esquí francesas a 35 e 40 Km, polo que se hai xente para ir a esquiar, tamén é posible. Si os montes están demasiado cargados de neve, no se poderán facer as actividades de alta montaña, pero hay pensadas actividades para montes mas baixos e recorridos mas curtos. Hai 12h30' de luz para aproveitar por estes marabillosos paraxes do Parque Nacional de Ordesa. Informádevos pasando polo club a ler a información do mesmo, temos un completo dossier. Prezo bus: 79 €.

SECCIÓN SENDEIROS

GR-SH CAMIÑO DA FRANQUEIRA. ETAPA I. PAZOS DE BORBÉN - MONDARIZ  DOMINGO 13 DE XANEIRO DE 2002
Saímos de Pazos de Borbén, 31 participantes, ás 9:45 despois de deixa-los coches para o regreso en Mondariz. Ascendemos pola igrexa de Pazos e enfiamos dirección sur seguindo o val que forma o Río Borbén, o que cruzamos por unha ponte de pedra despois de pasa-la vila de Sequeiros. Seguimos pola estrada un par de Km ata alcanza-la igrexa de Ramallal ascendemos entón para abandona-lo val e internarnos nos altos que rodean Mondariz, ata Cerqueira onde contemplámo-lo monumento ó cazador, mentres outros dedicábanse á pillaxe de árbores froiteiras. Almorzamos ó mediodía en Cambra, a metade do persoal no palco e o resto na igrexa, onde podemos apreciar curiosas lápidas. O tempo anque ameaza choiva mantense. Despois do descanso bordeamos Riofrío e cruzámo-lo Tea pola ponte romana. Alongando a Ruta e deixando a un lado Mondariz descendemos a Fonte do Val, onde volvemos cruza-lo Tea por unha ponte de lousas de pedra, estamos na outra beira, de repente, un regato córtanos o avance. Non hai problema, ante a posibilidade de motín os máis audaces dispóñense a cruzalo e arrástrannos ós demais, gritos, chapuzóns de pés, pero todo o mundo logra vadealo sen más incidentes que unhas risas. Polo curso do Tea seguimos ata Mondariz balneario (o municipio máis pequeno de Galicia con 2 Km2 de extensión), e na súa praia fluvial saltamos á outra beira. Pepe que cruza dos  primeiros empeza a contar á xente, 1,2,3,.....31, á vez que se ve unha longa fileira de persoal  polo sendeiro de pescadores por onde camiñamos. Visita ó Balneario, xunto ó que queda do Gran Hotel, a tomar unha auga, cunhas  propiedades medicinais que xa describira o Presbítero Blanco Laje e máis tarde D. Enrique Peinador. Acto seguido ó Bar (tanta auga non pode ser sa).
*Nota:A seguinte e última etapa deste GR será o 24 de Marzo e levaranos dende Mondariz á Franqueira.

PR G 62. RUTA DOS PETROGLIFOS.
DOMINGO 20 DE XANEIRO DE 2002
56 Participantes, entre eles moitas familias con nenos, xente nova e os amigos de sempre. Saímos de Baiona  alcanzámo-la Virxe da Rocha, penetrámonos nos bosques que bordean Baredo e a media mañá alcanzamos Chan da Lagoa, descanso. Saímos do camiño marcado e dirixímonos  ó Altos da Grova (650 m), o reloxo que nos aperta non nos deixa alcanza-lo vértice e quedámonos no primeiro alto a 630m, para divisa-la Ría de Vigo, Baiona, Mougás e as illas Cíes. O descenso é moi colorista ó ver tanta xente baixando pola ladeira.
Regresamos ó merendoiro de Chan da Lagoa para xantar. O día anque frío acompaña a  toma-lo Sol. Retomámo-lo sendeiro, a xente empézase a preguntar onde están os ditosos Petroglifos, pois inda non vimos ningún, paciencia xa aparecerán. Despois de descender por un carreiro empedrado e  varias paradas para reagruparnos debido ó elevado numero de participantes, topamos con eles no bosque. O principio non se distinguen, pero se nos acercamos á parede rochosa obsérvanse perfectamente ó estar remarcados con pintura os cervos e cabalos que se representan. Incluso algún artista moderno deixou a súa pegada alí, non vos damos máis detalles para que a vós tamén vos pique a curiosidade e subades a velos.
Varios reagrupamentos despois, alcanzamos Baiona, entrando pola antiga calzada romana onde se erixe o Cruceiro da Trindade que levantaron os veciños no S XV para protexerse da peste. Atravesámo-lo casco vello e chegamos ó punto de inicio.

PR G 59. RUTA DA AUGA. DOMINGO 27 DE XANEIRO DE 2002
Saímos os 35 participantes da Alameda de Caldas de Reis. Remontámo-lo Umia, entre muíños de auga, ata a ponte Romana onde podemos aprecia-la fermosa paisaxe que forma o Río. Ascendemos á estrada, abandonando o PRG, a de aí á aldea de Paradibas, onde tomamos unha pista ó monte del Tiñoso o que bordeamos entre bosques, podéndose observar en certos tramos o Val que forma o Río Chaín. Saímos do bosque e internámonos en prados que nos conducen a Barro, no Bar do Pobo algúns avezados  sendeiristas toman unha tapa de Callos antes de proseguir camiño. Empeza a poallar. Chegamos ós muíños de Barosa onde o espectáculo de auga e pedra catívanos, descendémo-lo curso do Río ata o  merendoiro e  procedemos a xantar. Unha vez descansados, dirixímonos de volta a Caldas polo Camiño de Santiago.

MARÍN. Domingo 3 de FebreIro
10 participantes, con non moi boas expectativas polo mal tempo. SeguíItinerariomo-lo Roteiro do Sequelo á Igrexa de Santo Tomé, marcado como PR polo Concello de Marín, coincidente en certos tramos co GR59, e que pasa pola igrexa románica de Santa María do Campo, con privilexio para asilo sagrado de fuxitivos da xustiza (cousa que non tivemos que levar a cabo). a ruta lévanos entre prados, bosque e os Ríos de Lameiro e Loira, onde abundan muíños nas súas canles.  O camiño marcado finalizámo-lo na Igrexa de Santo Tomé. Continuámo-la ruta ascendendo ó outeiro Vermello (410m), onde se observa a Ría de Pontevedra, as illas de Tambo e Ons, e en sentido contrario as antenas de Domaio e o Hermelo. Baixamos polo Rego das Gargas ata Igrexario, para alcanza-lo mar. Na Praia da Coviña remontámo-la costa por sendeiros entre cantís e calas.  nas areas de Loira comemos e resarcímonos da inanición que algúns manifestamos.
Despois de comer chegamos a Aguete, onde o pazo de Chirleu lémbranos a tradición corsaria destas costas. Saltamos á Praia de Mogor, visita ós petroglifos e polo paseo a Marín. Por certo, non choveu en todo o día, inda máis o sol  acompañounos alegrándonos a ruta.

Goian-Niño do Corvo-Forte de San Lourenzo-Goian.
Domingo 10 de FebreIro
26 participantes dende Goian, atravesando bosque, viñedos e por fin, empinado cortalumes ata o cumio do Niño do Corvo (307 m). Vistas envolventes dos vales do Rosal e Tomiño, co Miño cuberto de Bruma e sobresaíndo de entre nubes, as cimas de Portugal e a Garda. Descenso ó val do Rosal, volvendo a sortear viñedos ata a canle do Tamuxe, onde tomamos un breve descanso nun dos seus muíños. Seguímo-lo río ata chegar á súa unión co Miño e enfiamos cara a  San Miguel de Tabagón, comida na súa alameda, partida de futbolín e billar no bar da vila. O retoma-la marcha, a ruta convértese nun paseo con moitas paradas para ve-las distintas paisaxes do río, as súas illas e a súa ribeira, para algúns tamén o primeiro baño da temporada, non sen o asombro do resto.
A media tarde alcanzámo-lo Forte de San Lourenzo, construído no S XVII, e oposto a Vilanova de Cerveira. Visita ós seus baluartes e troneiras, con breve explicación da súa azarosa historia de portugueses, españois e franceses (como curiosidade os arquitectos que o deseñaron  foron Carlos e Fernando Grunenberg, os cales tamén idearon os Castelos do Castro e San Sebastián en Vigo). Goian xa está cerca, pois ó ser Entroido, a música da verbena indícanos a dirección a seguir, bordeámo-lo Pazo da Torre e chegamos ó punto de inicio. Parada en Tomiño para un refrixerio.

GR 94 RURAL DE Galicia. Etapa 1. PONTESAMPAIO-SOUTOMAiOR-REDONDELA Domingo 17 de FebreIro

Saímos 48 participantes de Pontesampaio (Arcade) seguindo o GR 58 sendeiro das Greas e bordeando o Río Verdugo para enlazar en Rial co Rural de Galicia. O ritmo o inicio é alto, e debido á elevada cantidade de xente que nos acompaña decidimos deixar fitos humanos nos cruces e cambios de dirección, co cal podemos mante-lo paso e alcanzar rapidamente o Castelo de Soutomaior (S XV), onde fixemos unha pequena parada técnica. Bordeando a fortaleza de Pedro Madruga e ascendendo por un carreiro entre valados de pedra tomamos altura e podemos contempla-lo val que forma o río verdugo na súa unión co Oitavén, coa Fracha ó fondo e o promontorio da Peneda a un lado. A partires deste punto acompañaríannos as vistas do final da Ría de Vigo e Redondela, a cal teríamos debaixo de nós durante o resto do recorrido.
O chegar o mediodía e aperta-las gañas de comer fixemos un alto no monte da Xaronda onde xantamos. Durante a sobremesa cánticos, concurso de enxeño e chistes, mentres que algún intentan concilia-la sesta  ó sol de inverno.
Seguímo-la ruta cara a Quinteiro e finalmente Redondela. Despois de distribuírnos nos coches  que previamente deixaramos para organiza-lo regreso (en Arcade esperaban 14 coches!), procedemos a tomarnos un pinchos nos Muíños.
(* Nota: a seguinte etapa do GR 94 será o próximo  21 de Abril, dende  Soutomaior a Almofrei).

INFORMACIÓN PRÓXIMAS ACTIVIDADES DA SECCIÓN

MONTAÑAS DE GALICIA: SERRA DO XISTRAL (LUGO). 9-10 MARZO
9-10 de marzo de 2002.
Saída:  club Montañeiros Celtas, Venres 8 ás 19:00 Horas. Coche Particular. (Pódense facer grupos para saí-lo sábado).
Cearemos en Casa Cándida (¡¡dieta rigoroso a semana anterior!!) e pernoctaremos no refuxio, necesario saco e esteira (O prezo do refuxio rolda os 6 Euros por persoa; dependendo do nº de participantes).
Tramo I, Sábado 9: Vivieró-Cadramón. 8 horas.
Tramo II, Domingo 10: Viveiró-Xistral. 5 horas.
Dificultade: Alta
Información: As Montañas de Galicia. Enrique Vélez Barrio et al. Ed. Xerais.
Cartografía: IGN 1:25000   23 (II)

GR 59 SENDEIRO ECOLÓXICO DO MORRAZO: CANGAS-PARALAIA-XAXÁN-DOMAIO-MOAÑA
17 de marzo de 2002.
Saída:  Estación Marítima 9:00 Horas
Información: Topoguía editada pola Mancomunidade do Morrazo.
Cartografía: SGE 1:50000   4-11 (223)
Dificultade: Alta

GR SH MONDARIZ-FRANQUEIRA
24 de marzo de 2002.
Saída:  Club Montañeiros Celtas. 8:30 Horas
Información: Galicia ó paso. www.turgalicia.es
Cartografía: SGE 1:50000   5-11 (224)
Dificultade: Media

VOLUNTARI@S PARA MARCAR SENDEIROS
No mes de febreiro @s voluntari@s (en total unha ducia) remarcaron integramente o PR-G1 Galiñeiro e continuaron co PR-G2 Galiñeiro-Aloia, o cal está tamén a punto de ser finalizado.
Manterémosvos informados dos avances realizados.
 
 
 
 

ESPELEOSECCIÓN

Rei Cintolo
Demos outra charla no club, onde se comentou brevemente o proxecto (había persoas que non o coñecían) e notificáronse e debateron as novidades.
O conselleiro de Medio Ambiente, a preguntas dun deputado, manifestou no Parlamento Galego non coñece-lo proxecto, que non se podía facer. Non puido explicar por que a súa Consellería emitiu un certificado de que a proposta do Concello de Mondoñedo non precisaba de estudio de impacto medioambiental, seis días despois de ser aprobada polo Parlamento a nova Lei de Conservación da  Natureza de Galicia, que protexe espacios naturais coma a cova do Rei Cintolo.
Ademais, o alcalde de Mondoñedo recoñece agora que non enviou o proxecto á Consellería (cando antes falaba do certificado que tiña no seu poder)
En fin,... satisfacción cautelosa. Seguiremos pendentes de todo... e téndovos ó día.

Técnicas de progresión vertical

Celebrámolas, coma tódolos anos, no refuxio de Mondoñedo, os pasados  12 e 13 de xaneiro.
Traballamos duro durante a tarde do sábado. Repasamos técnicas de progresión vertical, ascenso e descenso, descenso co "oito" e chaves de bloqueo, repasámo-los nós, realizamos técnicas de socorro,.... pero a novidade este ano foi a práctica co "piraña". Lourdes levou o seu, Emilio levou o manual de descenso de canóns e ... púxose cego a descender co "piraña" e co "oito" das múltiples posibilidades que ten de facelo, chaves de bloqueo, ... parecía un rapaz con zapatos novos.
 O domingo, en cambio, Emilio e Óscar foron patear mentres seguían a practicar Óscar pequeno, Daniel, Pablo e Lourdes. Traballo moi completo. Tamén explorámo-la cova de Lobos.

Asemblea e cea anual

Exitazo de participación, 28 persoas. A idea de celebra-las dúas xuntas, e no refuxio do Aloia foi todo un éxito
En primeiro lugar celebrámo-la asemblea, dándose lectura da acta anterior, facéndose o resumo das actividades do ano pasado e decidindo os proxectos para o presente ano, entre os que destacamos:
-Ancoraxes e Instalación de Canóns. Farase no Mougas, para aproveitar e instalalo en perfectas condicións.
-Campamento Infantil-Xuvenil. Ons Bermún, ou Santalla de Loúzara son os lugares probables.
-Campamento de Descenso de Canóns. Farase no Sil, sen descartar Barbanza ou outro.
-Campamento Social. Farase en Cobas (Rubiá).
-O Espeleofotoxeoloxía decidiuse facer na Ceza (O Caurel) e facer un concurso de fotografía.
-Organizarémo-lo VI Campamento Galego Infantil-Xuvenil da F.G.E., que será coordenado por Emilio.
-Catálogo de canóns de Galicia: Formarase un grupo de traballo para face-lo catálogo. Decidiuse facer unha saída ó mes.
 Tamén a destacar:
Material: decidiuse comprar máis material para a sección, no que se inclúe material para instalar nos canóns.
Zona de Traballo: tomáronse tódolos puntos, só queda face-la topografía e verificala.
Asunto Rei Cintolo: presentáronse alegacións ó estudio e ó plan de urbanismo. Pensouse facer algún tipo de manifestación como unir cunha cadea humana a cova co concello de Mondoñedo.
Propostas:
Buscar unha mascota para a sección.
Facer unha saída de descubrimento para rapaces.
Facer algunha proxección no club sobre espeleoloxía ou descenso de canóns.

Cea anual da sección:

 Fíxose despois da asemblea. Todos levamos un pouco de comida, pero sobrou moito. Todos comemos de todo, ambiente exquisitamente deportivo, informal e divertido.
Durante as sobremesa, ou algo así, pasáronse montón de diapos de espéleo e descenso de Canóns. Entrañables, escandalosas e divertidas,.... ata Emilio explicou como leva-lo bidón estanco no descenso do Fecha (¿hai algo máis bonito?) sen que moleste e se note. E iso que a cámara o ampliara. Ese Pedro...
O sábado reunión para traballar no catálogo de Canóns, recollida e para Vigo, pois algúns tiñan reunión na Federación, na Coruña.

Xornadas de divulgación

 Como había diversas peticións para "probar", organizamos estas xornadas en Liñares.
 Alá fomos 15, 7 para coñece-la espeleoloxía. O sábado fomos á entrañable Purruñal. Divididos en dous grupos realizámo-lo percorrido habitual nestes casos. Os novos saíron contentos. Cea, comentarios, e... saco. Por certo, a xente de espéleo débese portar ben, pois notáronse os Reis.
 O domingo 10 fomos á cova de Cortiñas, na raia. Outra vez dous grupos e ... a gozar. Gateando unhas veces, arrastrando outras, de pé as menos, gozamos coma tolos da cantidade de formacións desta cova durante breves horas. Se o día anterior os novos estaban contentos, hoxe tiñan unha cara de satisfacción que non disimulaban. Entrevistados por este reporteiro, explalláronse dicindo ufff!!, incrible, que pasada, que gozada,... e outras máis fortes que non reproducimos.

Despedida

Unha entrañable despedida ó noso amigo Javier Santiago, que decidiu formar un Club en Santiago, quédalle máis á man. Aquí tennos para o que precise. ¡Sorte!
 
Espeleonovas

 A destacar proximamente:
Xornadas de Instalación e Equipamento de Cavidades o 9/10 de marzo
Catálogo de Canóns. 23/24 de febreiro e 23/24 de marzo.
Seguro que se organiza algo máis. Baixa os xoves e infórmate.
 
 

SECCIÓN INFANTIL  XUVENIL

MANZANEDA. 26  27 de Xaneiro

 A sección infantil organizou nesta ocasión unha actividade diferente Fin de semana en Manzaneda. O éxito foi total, dezaseis rapaces quedaron sen poder ir por falta de prazas, inda que as estiramos ó máximo (levamos seis nenos máis do previsto).
 A durmida nos bungalows, as comidas no autoservicio e por riba neve, non moita, co que na estación podíase estar (non había moita xente), pero suficiente para tirarse e facer guerra de bólas.
 A parte disto piscina, xogos na ludoteca e unha pequena marcha o domingo pola mañá en busca da neve.
 Temos que agradecer a atención que nos dispensou Gustavo (o encargado do aloxamento da Estación de Manzaneda) e tamén darlle as gracias a Ro (Rodolfo Zambrana) polas xestións realizadas para podermos ir unha fin de semana (en tempada alta MEISA non reserva estancias de fin de semana a grupos).
 A verdade é que o pasamos moi ben, e esperamos repetilo o vindeiro ano (estade atentos para non quedar sen praza).
 

FESTA DE ENTROIDO

 Coma tódolos ano o luns de Entroido (11 de febreiro) celebrámo-la festa de disfraces no local social ( ¡no novo!).
 A decoración correu a cargo de Juanjo e Paula (moi bonita por certo) coa colaboración da Sección de Espéleo (gracias por apuntarvos a un bombardeo). A música (o D.J.) Enar, que ademais fixo de relacións públicas animando ós participantes a bailar. A presentación no desfile fíxoo Cristina, xunto con Carolina que entregou os caramelos e Paula que realizou as fotos.
 Os rapaces bailaron pouco, pero participaron todos no desfile (a marca da cadeira para facer a fotografía foi respectada por todos).
 Puidemos ver: dragóns, vampiresas, mariachis, bruxas, princesas rapazas (eran eles pero ían delas), e ata unha miss; había moitos máis, en total 48 nen@s.
 Ó redor das 20:30 comezaron a recoller, mentres os monitores nos encargamos de limpar e gardar as luces e grilandas.
 ¡AH!, este ano como novidade houbo unha pequena merenda (pataquiñas, refrescos, gusanitos...)

Deica o Entroido que vén.

ANIVERSARIO 2002

60 ANIVERSARIO CLUB MONTAÑEIROS CELTAS

Fundado o 2 de Febreiro de 1942, como consecuencia da fusión do Centro Excursionista de Galicia e a Peña Excursionista Viguesa, o Club Montañeiros Celtas é unha entidade privada, de utilidade pública e sen ánimo de lucro. Entre os seus obxectivos sociais destacan o fomento e a práctica dos Deportes de Montaña, en tódalas súas modalidades, e outras actividades ligadas ó seu entorno e á natureza en xeral, nos seus aspectos deportivo, científico, literario, artístico, cultural, educativo e ecolóxico.

 Fiel a estes principios, o Club Montañeiros Celtas mantivo unha actividade constante sempre en superación, que o converteu nunha das entidades alpinas de maior prestixio a nivel nacional, ostentando un historial de logros e éxitos que poden figurar entre as mellores páxinas escritas polo deporte galego en tódolos tempos.

 Os seus asociados levaron o pavillón de Galicia e Vigo a cumios dos cinco continentes, dende os xeados cumes de Grenlandia ata as distantes cordilleiras de Nova Celandia, cun palmarés de primeiras expedicións españolas a montañas de Asia, África e América. Todo este palmarés deportivo permitiu ós seus asociados facer realidade un soño, intentar ascender cumios por riba dos 8.000 m., sendo as expedicións ó Manaslu (1989), Annapurna (1990), Cho-Oyu (1995, 1997-cume) e Everest (1992, 1998, 1999-cume) relevantes páxinas da historia do Alpinismo Galego. Destaca-la participación nunha expedición polar, alcanzando o Polo Norte xeográfico (1999). Igualmente primeiras escaladas nacionais nos distintos macizos alpinos e escandinavos, sen esquece-las primeiras absolutas nas montañas portuguesas. A súa labor de difusión das belezas naturais da nosa Rexión, coñecementos das súas montañas así como dos sistemas orográficos españois, foi dende os seus inicios motivo constante de superación e pedra base sobre a que se apoia a labor cotiá da Sociedade deportiva viguesa.

 Club Montañeiros Celtas conta con Seccións de Espeleoloxía e Actividades Subacuáticas, descubrindo e explorado as simas máis profundas de Galicia, así como investigado o Karst iugoslavo e grutas do Líbano e Nova Celandia. Os mergulladores, co achado de ancoras de pedra supostamente fenicias, en augas da nosa Ría, contribuíron eficazmente a desvela-las incógnitas dos nosos primeiros tempos históricos.

No seu compromiso por fomenta-la práctica dos deportes de montaña entre a xuventude, o Club organiza e desenvolve actividades dirixidas ós nenos, sendo a máis coñecida o curso de iniciación ó montañismo Operación Benxamín, que vénse realizando tódolos anos dende 1968.

 O historial do Club Montañeiros Celtas mereceu unha e outra vez as felicitacións dos máximos organismos deportivos nacionais. Varios dos seus membros están en posesión da Medalla al Mérito Montañero nas súas distintas categorías, galardoados igualmente coa Medalla al Mérito Deportivo polo Consejo Superior de Deportes e encadrados como Miembros de Honor en el Grupo Nacional de Alta Montaña. En tres ocasións o Club foi premiado con Diploma de Honra pola Agrupación Nacional de Periodistas Deportivos, pola súa labor de promoción e éxitos logrados no deporte alpino. De resonancia no ámbito montañeiro hispano é ter sido galardoado dúas veces pola Federación Española de Montañismo co Trofeo "Julián Delgado Úbeda", máxima distinción do deporte alpino español instituído para premia-la entidade que mellor e máis destacada actividade realice durante o ano en montaña, sendo Montañeiros Celtas a terceira Sociedade que logrou alcanzar tal distinción.
 

CICLO DE CONFERENCIAS
A miña amiga a montaña

O Ano Internacional das Montañas promove a conservación e o desenvolvemento sostible das rexións montañosas. Club Montañeiros Celtas apoia esta iniciativa que coincide no tempo co seu 60 Aniversario, motivos polos que pretende chamar a atención dos cidadáns ás cuestións relativas ás montañas e a súa relación coas persoas, mediante a divulgación dos seus aspectos deportivo, social, sentimental, artístico, cultural, educativo e ecolóxico, ademais de fomenta-la práctica de actividades ligadas ás montañas e o seu entorno que melloren o coñecemento e difusión destes hábitats e poidan valora-la súa importancia, así como entender a paixón dos montañeiros polas montañas.
Para a consecución destes fins, o Club organiza o ciclo de conferencias A miña amiga a montaña que esperamos sexa un éxito de asistencia, especialmente dos socios do Club, tanto pola categoría dos conferenciantes como polo interese dos temas a expoñer. Con este boletín axuntamos un tríptico publicitario, nel podedes atopar a información relativa a estas conferencias.
A imaxe do cartel, que reproducimos á dereita, pretende ser reflexo do sentido de respecto e admiración que provocan nun escalador os cumios que desexa ascender, nunha extraña relación de desafío e amor, difícil de explicar para un profano na materia. Chus Lago é a protagonista e o visible e impoñente cumio é o Everest. Unha gran alpinista en unha gran montaña, aínda que, coma ela, calquera montañeiro pode experimentar as emocións que transmiten as montañas por pequenas que sexan, o importante e vivilas.
Este ciclo de conferencias de montaña é un homenaxe a uns espacios naturais que o ser humano pode gozar e debe respectar e conservar como legado para as sucesivas xeracións.


 

ANO INTERNACIONAL DAS MONTAÑAS

En tódolos continentes hai montañas de diferente elevación, con gran variedade de formas e climas, e combinacións específicas de ecosistemas, que abarcan dende o ecuador ata as rexións polares. Durante milenios, as montañas foron fonte de valiosos recursos, como a auga, a enerxía e a biodiversidade, así como centros de cultura e de recreo. Pero hoxe en día, tendencias actuais como a globalización, o incremento do turismo e a urbanización poñen en perigo ás comunidades das montañas e ós recursos dos que estas dependen. En xeral, as zonas montañosas afrontan unha marxinación cada vez maior, así como unha degradación económica e ambiental.
As Nacións Unidas proclamaron o 2002 como Ano Internacional das Montañas (AIM) co propósito de crear conciencia sobre a importancia planetaria dos sistemas montañosos.


AXENDA

ACTOS SOCIAIS

8   Marzo,  venres Reunión Curso de Vela e película de vídeo sobre a vela. No Club ás 20:30 h.

15 Marzo,  venres O LEOPARDO DAS NEVES Conferenciante: CHUS LAGO. Vídeo. No CENTRO CULTURAL    CAIXANOVA ás 20.00 h


22  Marzo,  venres Asamblea Xeral Ordinaria. No Club ás 20 h en primera convocatoria,  20:30 h en segunda.

4    Abril,   xoves A SOCIEDADE VISTA DENDE A MONTAÑA Conferenciante: MANUEL GONZÁLEZ FERNÁNDEZ. Audiovisual. No PARANINFO E.U.E.T.I.  (PERITOS) ás 20.00 h.


12   Abril ,   venres FORMACIÓN EN MONTAÑA Conferenciante: JOSÉ MANUEL PÉREZ PREGO Audiovisual. No  PARANINFO RECTORADO UNIVERSIDADE ás 20.00 h.


19  Abril,    venres  HISTORIA DO MONTAÑISMO EN GALICIA, Conferenciante: RICARDO GURRIARÁN RODRÍGUEZ. PARANINFO E.U.E.T.I. (PERITOS) ás 20.00 h


26  Abril,   venres   ESPACIOS NATURAIS PROTEXIDOS EN GALICIA Conferenciante: GONZALO PUERTO ARRIBAS. VENRES PARANINFO E.U.E.T.I. (PERITOS) ás 20.00 h
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES


MARZO
9-10  Campamento de Inverno. Peña Ubiña
9-10  Saída Infantil  - Xuvenil. Curro da Valga  Oia
9-10  Montañas de Galicia: Xistral
9-10  Espeleoloxía. Xornadas de Instalación e Equipamento de Cavidades
17  Sendeiro Cangas
22  Asemblea Xeral Ordinaria
23-24  Espeleoloxía. Catálogo Canóns Galicia.
24  Sendeiro Mondariz-Franqueira
28-31  Encontro Peninsular Hispano  Luso (F.M.)
28-  Saída Alta Montaña e Esquí. Pirineos - Pineta
 
ABRIL
-1  Saída Alta Montaña e Esquí. Pirineos - Pineta.
6-7  Ruta do Medievo GR. 50 Etapa II: Caaveiro-Castelo Narallo-Moeche
13-14  XXXVII Campamento e Marcha Galega de Montaña (F.G.M.  Ártabros)
14  Cultura. Saída Botánica
20-21  XXXV Campamento Galego Espeleoloxía (F.G.E.)
21  Rural de Galicia GR94 Etapa II
21  Bici de montaña. A Curota-Poboa do Caramiñal
27  Campionato Pesca Submarina. Trofeo Primavera
27-28  Espeleoloxía. Catálogo Canóns Galicia.
27-28  Curso de Montaña (E.G.A.M.)
27-28  Curso Perfeccionamento Espeleoloxía (E.G.M.)
28  Marcha de Primavera: Muíños do Folón
28  Campionato Social de Escalada
 
 
 
 
 
 
 



Para comunicarse có club, a dirección é m_celtas@yahoo.com.

Modifiquei esta páxina por última vez en Marzo de 2002.