Boletín de Xaneiro de 2004

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines CalendariosFotos Enlaces



 

PASARON CINCUENTA ANOS...

PENSAMOS NOS PRÓXIMOS CINCUENTA

 En agosto de 1954 celebrouse a primeira expedición á cova do Rei Cintolo, en Mondoñedo, máis concretamente, ó pé da boca da cova, na aldea de Supena. Foi unha expedición moi soada polo que en si significaba e sobre todo polos personaxes da cultura e ciencia que apoiaron e compartiron tan nomeado evento. Esta iniciativa dende o noso Club marcou o nacemento en Galicia dunha nova disciplina deportiva organizada: a ESPELEOLOXÍA, amparada polos, daquela, montañeiros máis activos, que pouco a pouco vaise abrindo camiño ó recoñecemento.
Ó carón desta e outras visitas nace o Grupo de Exploracións Subterráneas (G.E.S. Montañeiros Celtas), pisando forte co apoio da directiva e de tódolos socios de Club Montañeiros Celtas.
 Cincuenta anos son moitos anos. Pasaron épocas de grandes exploracións, épocas de menos actividades, e con bo criterio andaron os anos, un seguido do outro, ate o ano 2004, ano que acabamos de comezar e no que pretendemos celebra-la chegada ós  cincuenta.
 Poucos membros, só dous, da Sección na actualidade levan dende ese inicio alimentando coas súas actividades e saberes o G.E.S. Os demais, fomos nacendo na espeleoloxía ano tras ano, e tamén moitos casos desaparecendo, e así xeración tras xeración, dá paso ó momento actual onde somos un dos clubs máis activos de Galicia e posiblemente o que máis canteira (infantil-xuvenil) move de todo o territorio estatal. Moitos dos de agora non estivemos no 1954 pero algúns dos de agora poden estar no 2054, e... INTERÉSANOS OS PRÓXIMOS CINCUENTA anos,...
 O que pensamos facer, para conmemorar esta data e senta-las bases dos próximos CINCUENTA, e organizar un Campamento Social en Supena (Mondoñedo), un Campamento Infantil-Xuvenil dunha semana en León, un campamento social do GES dunha semana en Palencia, conferencias e mesas redondas, un ciclo de cine, .... e unha revista resumo dos cincuenta anos,...e máis.

 Admitimos todo tipo de suxestións, apoio, colaboración e pedimos que sobre todo participedes nas actividades e actos que organicemos.
Quero manifestar neste medio o meu agradecemento, como vocal da Sección de Espeleoloxía, pola aportación que tódolos membros do G.E.S. fixeron ó longo deste medio século,  e moi especialmente e sobre todo de maneira persoal, a aportación que Chito e Antonio Veiga viñeron realizando de forma continuada nestes anos. Gustaríame que as actividades deste ano serviran sobre todo para o reencontro de espeleólogos agora inactivos e para a convivencia destes cos espeleólogos activos no momento.
 Esperámosvos a todos, membros da Sección ou non, para seguir facendo historia.

Lourdes Castiñeira




INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

XUNTA DIRECTIVA

PRESIDENTE
José López Pérez (Sechu)

VICEPRESIDENTE
Fernando Fernández Rey

SECRETARIA
Andrea Michèle Rosario Fauré

TESOUREIRA
Marisa Núñez Suárez
 

SECCIÓN INFANTIL-XUVENIL
Paula Baña Fernández
Juan José Vázquez Araujo

SECCIÓN DE CULTURA
 E MEDIO AMBIENTE
Isabel Maestu Vázquez

SECCIÓN DE BIBLIOTECA
 E CARTOGRAFÍA
Carolina Rodríguez Domingo

SECCIÓN DE MATERIAL
Carlos Fernández Rivas

SECCIÓN DE REFUXIOS
José Luis Vázquez Almuiña

SECCIÓN DE ACTIVIDADES SOCIAIS
Françoise Fauré

SECCIÓN DEPORTIVA "MONTAÑISMO"
Concepción Barciela Villar

SECCIÓN DEPORTIVA "ESCALADA"
Manoel Antón Chao Santos

SECCIÓN DEPORTIVA "SENDEIRISMO"
Miguel Carrillo Pérez

SECCIÓN DEPORTIVA
 "BICI DE MONTAÑA"
Francisco Escrich Álvarez

SECCIÓN DEPORTIVA “ESQUÍ”
Marcos Rodríguez González

SECCIÓN DEPORTIVA "ESPELEOLOXÍA"
Lourdes Castiñeira Souto

SECCIÓN DEPORTIVA
 "ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS"
Pilar Orche Amaré


 

NOVAS  DA  XUNTA  DIRECTIVA
A Xunta Directiva do Club mantén basicamente os mesmos membros de hai un ano, con dúas baixas por motivos persoais: Martín García (Shambala) e Lourdes Queimádelos. A baixa de Martín foi cuberta por Isabel Maestu á fronte da Sección de Cultura e Medio Ambiente, mentres que Carolina Rodríguez encargarase a partir de agora da Biblioteca e a Cartografía, reemprazando a Lourdes. Para este ano que comeza gustaríanos crear a Sección de Orientación. Á esquerda, móstrase a composición da actual Xunta Directiva.

EXPOSICIÓN   ITINERANTE
A exposición do Concurso de Fotografía de Montaña, atópase na súa etapa itinerante (como se indicaba nas súas bases), actualmente está na Coruña, na sede da Sociedade de Montaña Ártabros, e rematará no Centro de Visitantes do Parque Natural do Monte Aloia, onde estará do 16 ó 29 de febreiro do 2004, o que pode ser de interese para os que non puideron asistir á Casa do Libro, en Vigo, no mes de decembro.

NORMAS  DE  MATERIAL
O material deportivo que presta o Club ós seus asociados, faise de forma gratuíta pero tense que respectar unhas condicións e uns prazos. As “Normas para o emprego de Material” estarán expostas na porta do Cuarto de Material ó que só terán acceso as persoas autorizadas. Establécese como día para retirar material do Club os xoves de 20.30 a 21.30 h e, salvo excepcións autorizadas, débese devolver ó Club na semana seguinte (o martes ou o mércores ) no horario de oficina (de 19.00 a 21.30 h), polo ben de tódolos usuarios do material. Os venres nin se presta nin se recolle material. Os que non respecten as normas establecidas, especialmente os prazos de devolución do material, serán penalizados temporalmente co seu préstamo.
Para retirar material de Esquí ou Mergullo será necesario contactar previamente cos responsables da sección correspondente: esqui@celtas.net , subacuaticas@celtas.net
O préstamo do material de Espeleoloxía rexese por normas propias da Sección.

NORMAS  DO  USO  DO  BOULDER
Xa temos listo o boulder no local (este muro é un lugar de aprendizaxe, práctica e adestramento da escalada), as normas completas de uso e usuarios estarán expostas xunto á propia instalación. Mencionaremos aquí o máis básico: os usuarios terán que ser socios federados con licencia en vigor que cubra a actividade de escalada, os menores de idade necesitan autorización paterna e contar coa presencia dun adulto responsable, os días de uso serán martes, mércores e xoves de 19.00 h a 21.30 h, é obrigatorio empregar calzado apropiado para a conservación da instalación.

SUBVENCIÓNS  DO  CLUB  PARA  CURSOS  DAS  FEDERACIÓNS
De cara á nova temporada, lembramos as subvencións para os socios federados polo Club, que participen nos cursos oficiais das Escolas das respectivas federacións:
  - Menores de idade............................. 40 %
  - Estudiantes de 18 a 25 anos............. 30 %
  - Non estudiantes de 18 a 25 anos...... 20 %
  -  A partires dos 25 anos........................ 10 %
..
NOVO  ENDEREZO  DA  FGM
 Federación Galega de Montañismo
 Rúa Fotógrafo Luís Ksado, 17, Oficina 10. 36209  Vigo
 Telf:  986 208 758  -  Fax: 986 207 407


CEA ANIVERSARIO

Por terceira vez volvemos ao Hotel Coia para a nosa cea anual. Creo que todos temos un bo recordo das anteriores. O salón Cíes é á vez amplo e agradable, a comida rica, o servicio impecable, e o que non é nada desprezable, no mesmo lugar podemos bailar porque este ano tamén pensamos contar con actuación musical en directo. O ano pasado, ao final da velada, todo un grupo de socios veteranos e non veteranos fóronse xuntando para cantar, foi un momento entrañable... haber se se animan e repiten. Un grupo de socios comezaron a reunirse os mércores ás 20.30 h, para seleccionar unhas cancións. Javier Gil rematou os cancioneiros... os levaremos.

 Xa sabes que a continuación da cea, chega o momento emotivo da entrega de medallas de ouro para os que cumpren 50 anos no Club e de prata para os que cumpren 25 anos.

O menú elixido é:

Aperitivo variado

Salpicón de marisco da Ría

Linguado á prancha con pataquiñas ó vapor

Xeado de tona con chocolate quente

Viños branco e tinto, cervexa, refrescos, auga mineral

Café e licores
 

Esperemos que vos guste e ¡que aproveite!
 
 
 

Con   50  anos no Club:

Fernando Barrios Canitrot

Juan Antonio Suárez Alonso

Con   25  anos no Club:

Javier Gil Lloréns

José Manuel Costas Sánchez

Ana Lago López

Milagros Valverde Castro

Oscar Álvarez Valverde

Javier Pérez Alves

Maria Teresa Bravo Quintas

Manuel A. Domínguez Iglesias
 


ACTIVIDADES SOCIAIS

ENTROIDO
 Menos de quince días despois da Cea Aniversario, espero que volvamos toparnos, pero esta vez con outro aspecto (si é posíbel... irrecoñecibles) para participar na festa do Entroido. O ano pasado volvemos retomar esta actividade do Club. Foi bonita e divertida, pero este ano a festa vaise  desenvolver o venres día 20 (o sábado a maioría da xente non traballa). Unha vez máis pedirei a vosa axuda para que aportedes o que se vos ocorra, pero quizais cousas máis específicas destas datas: filloas, orellas,...
 Haberá premios moi especiais... para o mellor disfrace, para o máis elaborado, o máis divertido e.. premio novidade de parella.
 Acordádevos de traer música para tódolos gustos.
F.F.

O fascinante mundo dos Cogomelos
   O venres 12 de decembro ás seis e media da tarde, xa estaba Jose Luís Tomé, presidente da Agrupación Micolóxica “A Zarrota”, para limpar os cogomelos, e empezar a preparar o que sería un prato creo que moi apreciado por tódolos socios que tiveron a oportunidade de probalo: “O Pote das Meigas”.

José Luis recibe o agasallo
   Primeiro preparouse o caldo con cinco variedades de cogomelos. Logo fíxose un sofrito con manteiga, touciño e cebola. Xusto antes da degustación, engádese un batido de nata con ovos.
   Mentres o caldo se facía, Jose Luís comentábanos coa axuda de diapositivas as principais características dos cogomelos, algunhas variedades, o lugar onde se poden atopar, e para rematar mostrounos unhas imaxes que representaban distintos pratos feitos todos a base de cogomelos. Creo que lle chamou a atención a todos, era moi apetitoso.
   Rematada a charla, cada un colleu un tacón, unha culler, e formouse unha longa cola diante da ola, co pote das meigas. Non sei como, xuntámonos uns 40 pero, chegou para todos e algúns... repetiron. Ao final regalámoslle uns trapos de cociña ¡que menos! para un tan bo cociñeiro!!
   Non podo esquecer o paté de cogomelos tan rico que nos trouxo Ángeles.
   Gracias aos dous.

Charla: “Algúns aspectos da cultura e costumes de África”
   Fun moi agradablemente sorprendida porque se animara tanta xente a charla dos cogomelos. Propóñovos repetir a experiencia pero esta vez con comida doutro pais. En xeral, gústanos a todos viaxar, descubrir novas paisaxes, pero tamén xente distinta, con outros costumes, con diferentes comidas.
   Hai xente afortunada no Club que as veces nos trae imaxes de moi lonxe: O Perú, Colombia, India, Islandia, Rusia... (téñolles unha envexa sa). Para os que non nos tocou, e para eles tamén, por suposto, propóñovos unha vez cada trimestre viaxar a outro país, a outro continente.
   Intentarei invitar unha persoa dese país, e realizar unha comida para “probar”. Ao final quizais unha danza se coñecemos algunha.
  Como primeiro viaxe, propóñovos transportarnos a África. Para esa ocasión espero contar con Ibrahima Niang. Como presidente da AIDA (Asociación para a Integración e Desenvolvemento dos Africanos) é unha persoa dedicada a divulgar a cultura do seu país. Reuniu múltiples obxectos que contan a historia e a vida en África. Eses obxectos están reunidos nun museo ambulante. Por suposto, outra da súa labor é a axudar que pode prestar a os seus compatriotas. A súa charla está orientada cara uns aspectos da cultura e costumes de África. Para rematar, probaremos unha comida bastante común, a salsa de cacahuete con polo. Xa lle direi á miña amiga Hortence (ofreceuse para ser a cociñeira) que non poña moito picante, para que nos guste a todos.
  Como o presuposto é un pouco axustado, pediríavos unha colaboración. Haberá unha hucha para que cada un poña a “vontade”.Admítense suxestións para próximas ocasións.                                                                                                F.F.

Festa fin de temporada 
   O 19 de decembro, despois da entrega de premio na Casa do Libro, encontrámonos todos, ou case todos, no local. A confeitería El Molino cumprira e xa todo estaba posto na mesa. Gracias aos socios que tamén aportaron algo.
  Despois do breve discurso de Sechu, Conchi repartiu os diplomas do Concurso de Montañas 2003 e os correspondentes chaveiros co escudo do Club, a cada un dos montañeiros que culminaron as 10 cimas de máis de 700 m e as 3 de máis de 1000 m durante este ano, sendo proclamados Montañeiros de 3ª Categoría. A realidade e que poucos deles estaban presentes... moitos estaban no monte.

Bailando a muiñeira
   Unha vez co apetito e a sede saciados, un grupo de amigos gaiteiros intentaron facernos bailar. Son: Suso, Benito, Xulio, Patri e Vity, o grupo chámase “Zurrumaia”. Creo que é un grupo que invita a pasalo ben porque pásano ben eles, e penso que son capaces de transmitir esa alegría que sae da súa música e do baile. Como remate, Toñi prestouse amablemente a facer a queimada.
A ver se noutra ocasión a xente se anima a bailar un pouco máis, ¡vale!                                           F.F.
 
 

SECCIÓN DE CULTURA

“O  TIBET,  AS  SÚAS  XENTES  E  A MONTAÑA”
CAPÍTULO  IV:  Xeografía  e  Ecosistema.
 
XEOGRAFÍA:
Os tibetanos chaman ó seu país Bod, termo que deriva dunha das súas antigas relixións: a Bon, ás veces lle engaden o termo Kangchen "Terra das Neves".
Por estar situada a unha altitude media de 4000 m, o Tíbet, tamén é coñecido como "O Teito do Mundo". Os chineses denomínana Xizang Zizhqu, eufemisticamente, "Rexión autónoma do Tíbet".

O Tíbet é actualmente unha rexión administrativa da China cunha superficie de 1221600 Km2, ( antes da invasión Chinesa tiña uns 2,5 millóns de Km2, aproximadamente o tamaño de Europa Occidental, trala invasión unha gran parte deste territorio foi anexionado a provincias chinas). Está dividido en tres provincias: U-tsang, Amdo e Kham. Os seus límites son Sinkiang- Uighur (N), as provincias Tsinghai(NE), Szechwan(E), Yunnan (SE), e a India (O e SE), Buthan e Nepal (S)
O Tíbet está constituído por unha xigantesca chaira de 3500 a 4500 m. de altitude, situada entre o Kuenlun ó N e o Himalaya ó S, e atravesado polo sistema orográfico de Thanglha que separa a rexión montañosa e semiárida setentrional (Sinkiang), da gran chaira formada ó S, na India, polos vales do Ganges e o Brahmaputra. As súas montañas superan ás veces os 6000 e 7000 m, como o Chomo Lungma ou Everest, con 8848 m, na fronteira tibetano nepalí ou o Namzha Parwa con 7756 m . Na chaira d Tíbet nacen os ríos máis importantes de Asia: O Brahmaputra, que é o principal. O Indo, o Ganges sagrado da India e o Sutlej orixínanse no Tíbet Occidental. Na parte setentrional están as fontes do Mekong, do Yang-Tse- Kiang e do Huang-Ho, cunha mitoloxía que enche a historia de China e Vietnam.
 ECOSISTEMA:
O clima é continental extremado, con gran oscilación diúrna e grandes variacións térmicas segundo a altitude e exposición ós ventos (case permanentes). A pluviosidade resulta moi baixa ó N (25 a 75 mm. anuais) e moi elevada ó S, en Lhassa, con 1620 mm. ó año. O monzón, cunha humidade que orixina a temporada de chuvias en vastas zonas de Asia, morre ó chocar contra as abas das montañas que lle cerran o paso. As poucas gotas que caen en inverno transfórmanse en neve, por iso o aire se seca e a atmosfera se carga de electricidade estática. É tal a electricidade que cando dúas persoas se dan a man poden facer saltar chispas o un do outro, chegando a producir leves queimaduras de pel. A temperatura media anual é de 1,1 graos centígrados e no inverno o termómetro pode descender a 30 graos baixo cero. En todo o Tíbet zoa, durante practicamente todo o ano, un forte vento que endurece inda máis as condicións de vida dos tibetanos. Sen embargo estes consideran este vento coma unha bendición do ceo.
A flora da chaira Setentrional está extremadamente dispersa e consiste na súa maioría en herbas e arbustos. Hai áreas boscosas diseminadas nas zonas máis setentrionais e orientais. Sen embargo, a maior parte da flora do Tíbet concéntrase nos vales dos ríos Brahmaputra, Indo e Sutlej. Nestas áreas crecen varias especies de árbores, como as coníferas e o carballo, o ciprés, o chopo e o capudre. nos vales fluviais cultivan maceiras, pereiras e outras árbores froiteiras.
A fauna salvaxe do Tíbet é moi dispersa. O yak, o alce almiscreiro, as ovellas, as cabras(burrel) salvaxes ou os asnos salvaxes (kiang), e o antílope tibetano son frecuentes nas montañas,. Tamén se encontran animais como o leopardo, o tigre, varios tipos de osos, o lobo, a raposa e o mono. Entre as aves destacan a oca, a gaivota, a cerceta e outras especies de aves acuáticas, ó igual que o faisán e o pato.     Martín (Shambala)

CURSOS DE FOTOGRAFÍA DO CLUB

Do 3 ó 31 de outubro do 2003, estiveron expostas no local social do club 28 fotografías. Algunhas eran de Martín García (Shambala) que foi o profesor dos cursos de fotografía que se fixeron no club, e o resto foron de varios dos alumnos dos cursos: Esther Iglesias, Antonio Sampedro e Isabel Maestu. Nelas aprécianse varios dos recursos fotográficos explicados nos cursos, a perspectiva, o ritmo, a cor, a regra dos tercios, etc. A iniciativa da exposición foi dos propios alumnos e se aproveitáronse os marcos que se andaban a preparar para o concurso fotográfico de montaña organizado por Montañeiros Celtas do 2003. As fotos, de tamaños 20x30 e 30x45 respectando a relación 2/3 dos negativos de 35mm, foron costeadas polos propios autores. Espero que vos gustara, e aproveito a ocasión para que vos animedes a participar nos cursos deste ano e ser vós mesmos os que expoñades no 2004.
Isabel

NOVO CURSO DE FOTOGRAFÍA

Nivel iniciación / Curso de 20 horas / 2 horas á semana / os xoves / comezo o 15 de xaneiro / horario de 20:15 a 22:15 probablemente, pero concretarase o día 15.
Admítense persoas se queda algunha das 8 prazas que ten o curso ata o xoves 29. Quedan só 2 prazas a data de hoxe
Martín (Shambala)
 
 


ESQUÍ

ESQUÍ DE PISTA en San Isidro
Como comezo de temporada e despois da charla teórica no local do pasado día 9 de xaneiro na que vimos o material e a progresión no esquí de montaña e uns vídeos que nos fixeron a boca auga, os días 31 de  xaneiro e 1 de febreiro faremos unha saída de fin de semana á estación invernal de San Isidro para iniciarse no esquí, perfeccionar a súa técnica os mais experimentados ou gozar da neve sen máis, quen o desexe tamén poderá tomar contacto con iso de “foquear”. Sairemos o venres día 30 ás 19:30 h dende o club para chegar a iso das doce e media da noite ó albergue, en Boñar. Os prezos son os seguintes:
Autobús, 39 € / persoa
Aloxamento + almorzo, 13 € /día
Cea sábado, 6 €
Forfait
 - 1 día.....17.00 € / persoa.
 - 2 días....25.00 € / persoa.
Clases iniciación (2 HORAS):
12 € / alumno e día. As clases de iniciación estarán subvencionadas para os socios.
É necesario pagar o que vos interese no club á hora de anotarse, a lista xa está aberta, e xa sabedes que en seguida se enchen, ¡Non o demoredes!
Para comunicarse coa sección:
esqui@celtas.net

  ESQUÍ DE MONTAÑA
 Tíñamos previsto participar no “II  Percorrido Montañas de Trevinca” (estaba previsto para o día 18 de xaneiro, pero suspendeuse por falta de neve).
Temos previsto realizar un curso de “esquí en neves non tratadas” é dicir esquí fóra de pista, os días 28 e 29 de Febreiro con algunha práctica de rescate en avalanchas co ARVA, o numero máximo de prazas será de seis persoas sendo necesario ter un nivel aceptable de esquí en paralelo e licencia que asegure o esquí fóra das pistas, ademais faremos unha travesía pola cordilleira Cantábrica os días 14 e 15 de Febreiro, e participaremos na “XX Alta Ruta Cántabra” nos Picos de Europa os días 19, 20 e 21 de Marzo. Ou sexa que xa sabedes encerade as vosas táboas e ide quentando motores.
Marcos
 
 

SECCIÓN SENDEIRISMO

VILA NOVA DE CERVEIRA ( PORTUGAL)
PR. 11N. TRILHO CELTA

O domingo 14 de decembro tocounos a  nosa última ruta do 2003. Saímos en autobús ás 8,30 h. 31 participantes moi animados porque ía ser curta 15 km. e dificultade baixa, como despedida non estaba mal. O día amañecera despexado, con sol e boa temperatura. Chegamos a Vila Nova de Cerveira ás 9,15 h. tomamos un café e comezamos camiñando a través do centro histórico ata a muralla da fortaleza medieval onde actualmente está a pousada D. Dinis, seguimos ata desembocar á beira  do río Miño e o forte de Lovelhe, a partir de aquí empeza un bonito camiño empedrado ata a ermida da Encarnación dende onde xa se ve unha panorámica da vila. Fixemos un descanso de 15' e seguimos subindo ata o alto de Crasto con 315 metros de altura coroado por un cervo de metal símbolo de Vila Nova.
A partir de aquí xa non vos vou contar paso a paso a ruta, só dicirvos que os 15 km. se converteron en 21 tendo que baixar unha parede para cruzar un regato que viña da montaña con moita auga e que se non é pola axuda dos potentes chicos que levabamos nos teriamos posto pingando, de novo outra subida en parede, xa eran as 14,45 h. e paramos para comer,  todos con moita fame.
Descansamos e continuamos, agora si que todo foi baixar pero case chegando,  pasamos por unha zona moi boscosa na que tivemos que cruzar unha profunda gabia axudados esta vez polas pólas das árbores.
Todos chegamos á conclusión que calquera saída co noso “ guía” por moi pouca dificultade que teña, temos que estar preparados para as sorpresas, pois a “ Miguel vaille a marcha”.
Antes de regresar  tomamos algo na praza.                  Elva

Vindeiras actividades de Sendeiros, Febreiro 2004
 
Zamáns-Aloia-Baiona: 21 e 22 de Febreiro.
Para non coincidir coa actividade de montaña prevista para o 14-15 de febreiro, atrasámo-la data para esta pequena travesía. Saída dende Zamáns o sábado pola tarde, en dirección Aloia, pernocta no noso refuxio para acaba-lo domingo en Baiona. Utilizaremos transporte público para a ida e volta.
 
Sendeiro Tranquilo, Goian-Niño de Corvo-Tabagón- Goian: 29 de Febreiro.
Sendeiro sen dificultade, salvo o cortalume do Niño do Corvo (non ten perda) . Paseo polos viñedos e ribeira do Baixo Miño. Visita ó Castelo de San Lourenzo (S.XVII).

Pata comunicarse coa sección: sendeiros@celtas.net
 
 

INFANTIL XUVENIL FGM

XXXII CAMPAMENTO E MARCHA GALEGA
 INFANTIL-XUVENIL DE MONTAÑA
Montes do Bocelo - Toques (A Coruña),
4-5 de outubro 2003

O campamento rexional infantil, celebrouse este ano no concello de Toques (A Coruña)  sendo os anfitrións o Club de Montaña Artabros da Coruña, que compartiu a organización co noso Club. A recepción dos participantes comezou a partires das 17.00 h. na que comezou a montaxe do campamento. Os monitores previamente xa procederan a coloca-lo rocodromo portátil e a tirolina.
Os  nenos participaron nos diversos xogos que prepararan para eles e repetiron moitos xogos. Sendo o rocódromo e a tirólina os que máis aceptación tiveron e entre os máis pequenos foron o Tiro con Arco e  a Ginkana de xogos tradicionais.
A partires das 22:00 h. os monitores de tempo libre de Ártabros organizaron un xogo de personaxes relacionados coa Cultura Celta. Durante un par de horas os participantes, que foron a gran maioría de nenos, gozaron con este xogo.
A mañá do domingo amañeceu chuviosa, a organización que preparara minuciosamente a actividade, madrugou para ter preparado o Cola- Cao. Pouco a pouco fóronselles entregando os dorsais a cada un dos grupos de nenos que xa foran previamente seleccionados en grupos de tres. As persoas que formaban os controis, saíron con  anticipación para cubri-los postos que se lles asignaran.

Debido á lonxitude do recorrido, a organización dividiu a marcha nun recorrido curto, no que o autobús recolleu ós que non querían facela completa e os demais continuaron na marcha longa.
Os rapaces ían en grupos de tres e non ían acompañados por adultos e tiñan que tratar de segui-lo camiño correcto nun tempo que a organización estimara como o axeitado, a un paso de marcha normal. A seguridade en todo momento foi fundamental xa que o recorrido estaba con marcas nos cruces e controis de paso que facían moi difícil que se extraviara  algún participante. Tamén había bocadillos e bebidas ó longo do camiño.

Á chegada houbo entrega de camisetas para tódolos rapaces e unhas pequenas placas para os grupos que menor tempo fixeron. Posteriormente recollémo-lo campamento e despois das despedidas, os autobuses leváronnos ós nosos destinos.
Fernando
 
 

MONTAÑA

TRAVESÍA  “MEDULAS - PENALVA DE SANTIAGO”
 6-8 de decembro

Orellana,
Saímos da aldea das Médulas un grupo ben aguerrido (e ben cargado) cara ó Miradoiro de Orellana atravesando o bosque de espidos  castiñeiros, e despois dunha dura subida, chegamos suando a dito miradoiro. Paradiña para coller folgos e fotos de rigor. Collémo-la pista e “subindo-subindo” imos arrastrando a nosa mochila cara ó Monte Placias. Pasamos polas Majadas e aproveitamos un prado para xantar e descansar. Érguese un vento frío. -¡ Marchamos, aquí non hai quen pare¡. E isto segue subindo... ¡Por fin baixa¡. Uns que van sobrados  prefiren meterse monte a través bordeando Pena Ferradillo, outros máis clásicos, seguen o sendeiro. Atravesamos un piñeiral e despois de rodear un repetidor, e mentres faise de noite e comeza chover, montamos as tendas no Campo das Danzas.  Falta Paredes, ¿ alguén o viu? . Antonio sospeita que nos agarda nunha aldea abandonada . Baixa por el e alí o atopa xa preparado  para facer noite. De volta para arriba. ¡Xa estamos todos¡.  Sobre as 8 saímos, di Miguel. “O que máis e o que menos, non pegou ollo  polo vento e máis polo frío”. Ó final saímos ás 10. Enfundados de novo nas nosas mochilas, e subindo por pistas, e logo por cortalumes, cheos de neve, cun desnivel que nos fai bufar co esforzo, cegamos ó cumio da serra, a Aquiana (1848), na que se atopa unha capela cuns patios en ruínas cheos de neve que lle dan un aspecto fantasmagórico e fermoso á vez no medio da  néboa. E unha imaxe... irreal. Dentro de capela picamos algo, cantamos panxoliñas, facemos un pouco o parvo, e como non ¡ chupiño de licor¡ ¡ Como quenta¡. Deixamos tarxeta do club e despois sesión fotográfica; e para abaixo xa que as condicións non son boas para seguir a travesía. Collemos unha pa de neve que baixa a sacón no que máis dun bate co cu no chan.Enganchamos unha pista que logo convértese nun sendeiro que nos leva a San Pedro de Montes onde coincidimos co resto do grupo e aproveitamos para xantar. Subimos por unha fraga de castiñeiros e paseniñamente chegamos a Penalva de Santiago case á noitiña. Montamos tendas, un cafeciño no bar, e a cear. Logo de encher o bandullo e darlle a sin oso, a durmir que mereciámolo. Pola noite houbo quen tivo que votar da tenda un inquilino non desexado, un can, do que tivo que empurrar Lois, xa que o resto do campamento nos trochabamos de rir, incluída Berta. Ó día seguinte, despois  de recoller todo, nunha hora escasa de subida, puxémonos onde nos recollía o bus. Ó chegar arriba, un vento de mil demos e chovendo, ¿ cando vén o bus? ... Cargámolo e cara a Ponferrada. Xantamos ata estoupar en Cacabelos e de volta a realidade, a Vigo. Magoa que todo o bo remata. Ata a próxima.
 Continuará .....
Marmott

Ó chegar ás Médulas, quedoume moita pena ó despedir ós pata negras que ían facer a travesía dos Aquilianos. Pero a min sucédeme co frío  o mesmo ca os gatos coa auga ¡ danme repelús¡.
Os que ficamos, aproveitamos para facer unha visita á zona. A verdade é que mereceu a pena, porque e unha paisaxe  moi pintoresca. As montañas semellan sandías cortadas pola metade, todas coloradiñas por dentro. Que listiños che eran os Romanos, canto lle deron ó coco para roubarlle a súa riqueza das entrañas.
Tamén me sorprende a cantidade de castiñeiros que alí hai, todos eles mais vellos que Matusalén.
Despois de xantar tiramos cara ó noso destino ¡ó vale do Silencio.....! . Ten ben gañado o seu nome. E incrible que tan só a 24 km. de Ponferrada se poda atopar un no Medievo. E como pasar o túnel do tempo.
Por fin chegamos a Peñalva. ¡ que bonito¡ as casiñas, a igrexa, o refuxio ¿quen dixo refuxio?. Era un minirrefuxio. Iamos ter que durmir uns por riba dos outros. Como ninguén quería durmir por baixo, tomamos a decisión de separarnos. Tivemos boa sorte, pois un paisano alugounos unha suite. Chamada “O Palleiro” Alí fomos  durmir cinco persoas.Os outros dez quedaron no refuxio.
Resultou que a tal suite non tiña calefacción ¡mecagho no mundo¡ xúrovos que nunca pasei tanto frío, xearónseme  ata as pestanas. Menos mal que xa visitaramos o B-A-R, onde lle meteramos ó bandullo uns chupiños de licor de San Genadio. Que estaba boisimo ( o santo non, o licor).
Entre chupiño e chupiño, o taberneiro contoumos unha vella lenda: San Genadio retirábase a unha cova a meditar. O ruído do río, que por alí pasaba molestáballe, entón o santo mandoulle calar, e acto seguido o río sumiuse baixo a terra, indo a reaparecer unha centea de metros máis abaixo. Dende entón o río, que aínda non estaba bautizado, chamáronlle “Silencio”.
O domingo fomos a ver a cova do santo, que estaba alí cerca, e despois fixemos unha ruta de sendeirismo preciosa. Xantamos en “Montes de Valdueza”, onde á hora do café topamos co grupo da travesía , que xa viña de volta. Todo foi alegría ó xuntarnos.
Pola noite a maioría cenamos no bar, e outros no campamento. Despois  xuntámonos todos no bar, e veña cafés e mais chupiños. A bodega do taberneiro debeulle quedar pelada ¡menudas  esponxas¡
 A hora de durmir houbo sorpresa. O que foi a Sevilla perdeu a cadeira. Alguén chegou á tenda, e topou cun can dentro durmindo, e non había maneira de arrealo fóra ¡co quentiño que se estaba¡
 O luns, acabouse a  boa vida, había que regresar á casa. Tras de nós iamos deixando o val, e aínda que non e a mellor época, isto e precioso igualmente.
Quedábanos o toque final: papatoria en Cacabelos. Como non, con Miguel, xa se sabe. Uns xantaron nun parque, outros na taberna, e os máis papantes fixémolo en “Prada a Tope”. ¡ miña naiciña¡ puxémonos morados.
       Isa B.

CARO  (1.447 m)  CUMIO DE TARRAGONA
Que boa está a paella, e os mexillóns que...eh?
A dixestión?, dentro da auga claro! o Delta do Ebro é un lugar ideal para comer e gozar das mornas augas do mediterráneo sobre todo en agosto.
Oe, que monte é este?, a parede é impresionante e dende arriba as vistas deben ser magnificas.
É o Caro, o máis alto de Tarragona, dende o seu cumio, ademais de dominarse o Delta e unha boa parte do curso baixo do Ebro, en días claros pode verse Mallorca, logo imos subilo.
Remontamos o curso do río e en seguida chegamos a Tortosa, despois por estrada estreita e pista, alcanzamos o refuxio forestal da Caramella, estamos a pouco máis de 200 m. sobre o nivel do mar, só hai que subir ata 1447 m., cunha pendente do carallo por cento.
Ti estás tolo, como imos subir agora, farase de noite na ascensión e non levamos nin frontal, nin funda, nin pílula...mira estes que chegan agora...ola, canto tempo vos levou subir ó Caro?... pois unhas 4 h. de subida e case tres para baixar...isto coñecendo o camiño, que se te despistas hai que continuar sumando.
Son as oito pasadas, imos chegar arriba á medianoite...que va, que va, nunha hora estamos arriba, subide ó coche. Desandamos a pista e chegando a Roquetas collemos á esquerda unha estreita estrada, en seguida empeza a trepar curva a curva, vertixinosamente, chegamos ata o final do asfalto, para chegar ó cumio hai que andar uns 30 segundos, algo menos se se va rápido.
O miradoiro dá as costas ós repetidores, co cal, se te tapas as orellas, tes a sensación de alta montaña...e podes ver Mallorca.
A estrada que leva ó Caro, tamén nos leva ata a urbanización de L'Esquirol, a 1100 m. de altitude e na vertente oeste da montaña, en outubro é un lugar privilexiado para coller cogomelos.
Chegamos cedo, é 19 de outubro e envólvenos unha espesa néboa, o primeiro, ir ó restaurante do lugar, é pequeno e hai que reservar mesa, para as tres, última quenda, case nos quedamos sen sitio, comeremos bacallao e  ternasco ó forno, agora xa podemos buscar cogomelos mentres recorremos o GR-7 ata o Coll dels Pallers.
Cogomelos encontramos poucas, pero a molladura é do Arco Sur e ó chegar á vertente Este encontrámonos unha forte xistra, así que conquistamos o Caro en plena invernal, o descenso efectuámolo pola pista asfaltada, collendo tódolos atallos posibles existentes e inventados, os 350 m. de desnivel que hai por esta ruta leváronnos máis de catro horas, polo que hai que desquitarse cunha boa comilona.
Esta é a ruta considerada normal de ascenso ó Caro, faise ben en dúas horas e media, a ruta de Caramellas, cun desnivel de 1200 m. esixe un mínimo de sete horas para un montañeiro medio.
A ascensión do 19 de outubro efectuámola Perla, Eloi e eu, acompañados doutros seteiros.
Gaspar Ribé

CONCURSO DE MONTAÑAS 2003.
Co remate do ano, tamén rematou o Concurso de Montes na súa 3ª categoría. Un vello concurso que volvemos “rescatar”
 Estes foron os participantes que a remataron e o diploma que receberon:
Pepe Amatriain Cabo.
Sonia Amatriain Suarez
Visitación Suárez Gómez
Miguel Carrillo Pérez
Cristina Steinbruggen Cruces
Miguel Carrillo Estévez
Mª Carmen Pérez Villar
José Ramón Varela Pol
Hortensia Prieto Marrón
Concepción Barciela Villar
Antonio Alemparte Gonzalvo
Enrique Soto Campos
Antonio Baamonde González
Gaspar Ribé Bargalló
Andrea M. Rosario Fauré
José López Pérez
Animádevos a continuar coa 2ª categoría e ós demais invítovos a comezar a 3ª
Conchi

II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA - II ÉPOCA

 Coma xa sabedes e por segundo ano consecutivo celebrouse o II CONCURSO FOTOGRÁFICO MONTAÑEIROS CELTAS no 2003. Presentáronse cerca de cento vinte fotos procedentes de vinte provincias distintas. Case a metade foron da provincia de Pontevedra, principalmente de xente do noso club pero a outra metade proviña de zonas moi variadas como Granada, León, Asturias, Madrid, Alacante por mencionar algunhas... e destacar especialmente a ampla participación do País Vasco onde hai unha moi grande adición ós deportes de montaña.
   O día 17 de Decembro ás sete e media da tarde fíxose a entrega de premios -podedes ver o fallo do xurado na taboa de máis abaixo- na Casa do Libro... felicidades ós premiados...  Foi un acto sinxelo e ameno no que se agradeceu a colaboración dos patrocinadores, do xurado, da Casa do Libro que por segundo ano consecutivo nos cedeu a súa sala para a exposición das obras seleccionadas, ós participantes no concurso e a tódolos que axudaron en maior ou menor medida.

   Tamén se fixo a homenaxe a Manuel Martínez Barcia, un dos pioneiros da espeleoloxía en Galicia e ó que coñeceredes especialmente os afeccionados a esta actividade xa que seguramente algunha vez teredes usado as topografías dalgunhas das "súas covas". Na Casa do Libro estiveron expostas do 17 ó 30 de Decembro mostras do seu traballo coma espeleólogo e das súas fotografías xunto coas 40 fotos seleccionadas polo xurado do concurso deste ano e máiso primeiro e segundo premio do ano anterior. A continuación cederémo-la exposición a outros 2 clubs de montaña da provincia da Coruña durante o mes de xaneiro.

RESOLUCIÓN DO XURADO
Resolución do xurado do II CONCURSO DE FOTOGRAFÍA DE MONTAÑA "MONTAÑEIROS CELTAS", ano 2003.  A entrega de premios  realizouse o  19 de decembro na CASA DO LIBRO de Vigo ás 19:30 h.:
Nome e Apelidos, Club, Título Foto, Premio otorgado
Marcos Rodríguez González Club Montañeiros Celtas - VIGO DESIERTO NEVADO
PRIMERO:  1000 euros, trofeo COVSA e libro
María C. Villaverde Núñez Club Montañeiros Celtas - VIGO GAVARNIE
SEGUNDO:    500 euros e trofeo AGUA SANA
Ramón Quintana Sanz Grupo de Espeleología Abismos - MADRID REFLEJO
ESPELEO-BARRANCOS:     250 euros e trofeo ESYCONTROL
Juan J. Rivas Veiras Club Montañeiros Celtas - VIGO WATADE 250m MD
ESCALADA-ALPINISMO:    250 euros e trofeo ESYCONTROL
Manuel López Cardenete Club de Esquí y Montaña "La General" - GRANADA LA ALCAZABA DESDE CABAÑAS VIEJAS
ACCESIT:    50 euros
Enrique González González Club Montañeiros Celtas - VIGO PELOTÓN
ACCESIT:    50 euros
Iñaki Urkiola Lizarralde Club de Montaña Ostadar M.T. - PAIS VASCO CASTOR
ACCESIT:    50 euros
 

Marcos recibe do patrocinador, o trofeo COVSA (1º premio)

XURADO DO CONCURSO:
Andrés Fraga Licenciado en Fotografía. Gañador do concurso na convocatoria do ano 2002.
 
Manuel Núnez Estévez “PIRULO”, profesional da fotografía e coñecedor do mundo do montañismo. Presidente da Asociación Fotográfica Galega
 
Isabel Sierra Abraín “NIN”, fotógrafa profesional
Jesús Nieto Fernández De VIGOFOTO, profesional da fotografía
Constancio Veiga González “CHITO”, experto e veterano montañeiro, gran aficionado á fotografía

  Tamén se instalou unha furna para a votación popular. O día 30 de decembro ó peche da exposición fíxose o sorteo entre os 200 participantes na votación, levando o vale de compra por 50 euros en tendas VIGOFOTO, Afonso López Otero... por certo, a foto gañadora da votación popular foi "Amañecer nos Andes", de Sechu López, o noso presidente, que é a foto utilizada para o calendario de peto do club do 2004. Mencionar que por ser tamén a primeira foto dun membro do club da votación popular, leva un premio de 100 euros (vale de compra en VIGOFOTO) que gustosamente cedeu ó club, e o libro "MONTAÑAS DEL MUNDO" que a propia editorial "LUNWERG" nos entregou para tal fin, xunto con outro para o autor do primeiro premio, Marcos Rodríguez. Gracias a todos por participar nesta votación popular, especialmente ós que deixaron os seus parabéns e as súas suxestións que teremos en conta na medida do posible para o concurso do 2004.
   O concurso tamén tivo repercusión na prensa escrita, na radio -cunha entrevista ó gañador- e na televisión local TELEVIGO no programa "Jugamos en Casa" con entrevistas ó presidente do club, ó gañador do concurso Marcos, ó homenaxeado Manuel Martínez Barcia e a unha pequena representación do espírito mozo do club con Andrea, Daniel Ballesteros e Coru.
   E sen máis, gracias a tódolos que contribuístes coas vosas fotos e o voso traballo. Esperamos poder repetilo no 2004 e que se vaia acadando cada ano un pouquiño máis de prestixio e calidade.          Isabel
 


50 ANIVERSARIO EXPEDICIÓN REI CINTOLO

REI  CINTOLO,
 CINCUENTA  ANOS  DESPOIS

 Celebramos este año 2004 o cincuenta aniversario da exploración, polo Club Montañeiros Celtas, do maior e máis importante complexo subterráneo galego: As Covas do Rei Cintolo; actividade que pola súa organización, desenvolvemento e resultados obtidos, así como pola gran difusión que tivo no seu momento, incluso a nivel nacional, sentou as bases para que a espeleoloxía en Galicia, practicamente inédita ata entón, fora desenvolvéndose xa con maior firmeza.
 É preciso situarse naqueles anos, cando o propio montañismo en Galicia se encontraba nos seus inicios e con pouco coñecemento das zonas de Rubiá e Courel, as máis importantes comarcas calcareas da nosa Rexión. Sabíase de covas investigadas dende hai anos, pero a escaseza de material apropiado e, para os que viviamos nesta esquina de Galicia, ben lonxe de calquera macizo calcáreo, con falta de medios de transporte e vías de comunicación para chegar con certa facilidade á zona a explorar, unido a outras circunstancias de carácter político que dificultaban o poder obter información axeitada, eran obstáculos insalvables en moitos casos.

 Coa única pero notable exploración a covas no macizo marroquí do Rif, neste mesmo ano 1954, contentabámonos con practicar nas furnas das nosas costas e cantís, algún que outro Burato dos Mouros e Pozo do Inferno, que os habitantes do rural nos indicaban, con toda a súa lenda de tesouros escondidos e os famosos Pozos do Pico Sacro, que foron obxecto de investigación o ano 1947 por membros do noso club.
    Sabíase de Rei Cintolo, cova moi coñecida dende a antigüidade pola súa proximidade a Mondoñedo, obxecto de exploracións dende o século XIX, con descubrimentos dun puñal de orixe indeterminado, e polas poucas persoas que nos últimos anos se adentraran pola galería principal obtivemos fiable información que había moito pendente de descubrir. Chegara pois o momento de toma-la espeleoloxía en serio e baixo a presidencia de Miguel Regueira Martínez tomou corpo con entusiasmo a idea de organizar unha completa exploración do complexo subterráneo mindoniense.
    O proxecto tivo gran acollida no diario local “Faro de Vigo”, entidade que en unión de Chocolates Viso, empresa tamén viguesa, encargáronse de soluciona-lo obstáculo principal, ou sexa o económico. O exército uniuse ós nosos planos, subministrando teléfonos de campaña con toda a súa instalación, así como cascos de aceiro en número suficiente para os participantes. Foi decisiva en todas estas xestións a labor desenvolvida polo noso cosocio e primeiro presidente Antonio Navarro Lax, que coa súa habitual pericia e don de xentes foi sorteando tódalas dificultades, encargándose dende o primeiro momento das labores de dirección da empresa.
    Do desenvolvemento e resultados da mesma son fiel reflexo o bo número de memorias e artigos publicados en periódicos, tanto locais como nacionais, así como nas revistas especializadas. Creo interesante resaltar que non foi exclusivamente unha actividade deportiva organizada por un club de montaña, senón tamén un suceso de gran releve científico e cultural pola categoría das persoas que participaron nela, aparte do equipo explorador, ben co seu asesoramento previo ou ben traballando no interior da cova, cóbado a cóbado cos espeleólogos. Científicos como Pedro Díaz Álvarez, prehistoriador, ou o xeólogo Isidro Parga Pondal, que ante o noso entusiasmo animounos a explora-la Serra do Courel, dándonos noticias concretas dalgunhas covas; a gran figura do ilustre xeógrafo e patriarca das letras galegas, Ramón Otero Pedrayo, e a aportación literaria e poética de Dionisio Gamallo Fierros, José Díaz Jácome, José Mª Castroviejo, Eduardo Lence-Santar (Cronista  Oficial de Mondoñedo) e especialmente a presencia de Álvaro Cunqueiro, o gran fabulador  mindoniense, do que gardo especial lembranza polos consellos que me deu, na miña calidade de membro do equipo de punta, prevíndome do ambiente máxico que rodeaba á Cova do Rei Cintolo, charla que reflectiu nunha das súas celebradas crónicas.
    É moi difícil que unha actividade desta índole reúna tan excelso cadro de figuras, representando sectores como a historia, xeografía, ciencia e letras. Foi o gran éxito da nosa exploración e hoxe, que zoan aires novos no Rei Cintolo, estúdiase o acondicionamento do complexo subterráneo para a súa explotación turística, con realización de obras para o mellor acceso e tránsito polo seu interior, creo debemos ter presente e respecta-lo criterio, que para a conservación e destino da mesma, sabemos tiñan estas figuras, ilustres en Mondoñedo e Galicia.
Chito Veiga




LICENCIAS 2004

LICENCIAS DE ESPELEOLOXÍA

Compañía Aseguradora: MUTUALIDAD GENERAL DEPORTIVA

Licencias de cobertura "básica”
As actividades cubertas son: espeleoloxía, descenso de barrancos e espeleobuceo.
Cobertura de rescates e responsabilidade civil en España ata 6010,12 euros

Licencias de cobertura "Plus”
As actividades cubertas son: espeleoloxía, descenso de barrancos, alpinismo, canoa, kaiak, sendeirismo, esquí de fondo e snowboard, esquí alpino(excluíndo o esquí alpino fóra de pista), camiñata con esquís ou raquetas, escalada en rocha ou obstáculos artificiais, bicicleta de montaña todoterreo, uso de "vías ferratas" e buceo en tódalas súas formas.
Cobertura de rescates e responsabilidade civil en España ata 6010,12 euros (non aplicable ás actividades complementarias da licencia básica)
NOTA: A ampliación de licencia terá un custe de 1,50 € en concepto de gastos de reimpresión da nova licencia

LICENCIAS  DE  ACTIVIDADES  SUBACUÁTICAS

Compañía Aseguradora: MUTUALIDAD GENERAL  DEPORTIVA

Importante: As licencias desta federación, son válidas durante un ano dende a data de expedición.

SUBVENCIÓNS:
Club Montañeiros Celtas está adherido a catro federacións: Montaña, Espeleoloxía, Deportes de Inverno e Actividades Subacuáticas. Para facilitar que os socios podan estar federados en máis dunha delas, o Club subvencionará a segunda e sucesivas licencias das distintas federacións que cada socio tramite de acordo có seguinte: segunda licencia 3 euros, terceira 6 euros, cuarta 9 euros.

ESPELEOSECCIÓN

Outro ano máis, e coma sempre, a facer reconto:
Volvemos se-lo mellor club galego, segundo o baremo de actividades da FGE, gracias ó gran número de actividades e participantes (e organizadores). Celebráronse tódalas actividades programadas (Xornadas de técnica de progresión vertical, 8º Campamento social infantil-xuvenil de espeleoloxía, 3ª Xornada aberta de descenso de canóns, 7º Campamento social de descenso de canóns e as Xornadas monográficas), agás unha, a Xornada de instalación/equipamento de cavidades.
Ademais organizáronse dúas actividades para xuvenís (“Descubre as covas” e “Baixo terra no Caurel”) e proseguíronse coas labores da zona de traballo (xa se fixo a topografía).
Este ano deuse o que poderíase chamar “a expansión” da Sección. Membros dela participaron en campañas españolas, en Fuentefría (Cantabria) e Espigüete (Palencia) e internacionais, no macizo de Arabika (Cáucaso Occ).
Este ano sumarase á longa historia da Sección, que, por certo, para este 2004 fai 50 anos, polo que estase a traballar duro en actividades e actos diversos con todos aqueles que tiveron algunha relación coa Sección ó longo desta andaina. Como mostra: un campamento infantil-xuvenil con invitación a tódolos clubs do estado, exposicións de material, conferencias,... sen esquecernos das actividades ordinarias. En definitiva, moito traballo e ilusión para facer da espéleo algo máis ca un deporte.

IV Campamento extraterritorial galego de espeleoloxía.
Actividade do calendario da FGE que este ano foi organizado polo GES Irmandiños.
Saímos en dous grupos dende Vigo, un foi por Oviedo recollendo a Dani e facendo despois unha parada na tenda de Alfredo en Ramales de la Victoria. Os demais saímos o venres pola tarde camiño xa de Santelices (Burgos). Chegamos xa de madrugada ó refuxio pero aínda había xente de pé que nos deu a benvida.
O sábado erguémonos cedo e Loúrdes e Pilar marcharon ó IX Congreso Español de Espeleoloxía en Peñaranda de Duero. Os demáis, despois de almorzar e prepara-lo material, fomos de covas coa intención de facer primeiro Covanegra e despois a Cova de Comparada pero cambiamos de planos ó ver que en Covanegra había moita xente do campamento aínda por entrar. Fómonos, entón, primeiro á Cova de Comparada que está moi preto da de Covanegra. Entramos despois de instalar un pequeno pozo de entrada que había, e fomos explorando toda a cova, meténdonos por canto recoveco había. Non é unha cova moi grande pero ten bastantes formacións e é moi entretida. Despois de ter visto xa tódolos buratos posibles, saímos da cova e xantamos na entrada, xa que era o sitio máis recollido do vento. Pola tarde entramos en Covanegra, baixando o P40 aberto da entrada, que xa estaba instalado pola organización. Despois baixamos pola gran sala da entrada e fómonos metendo máis de cheo na cova. Percorremos diversas galerías, subimos unha rampla e baixamos por outra que ía dar á auga e na que tivemos que facer números para non molla-los pés nun paso estreito que había en continuación, aínda que Emilio tivo que pasar por outro sitio (tamén con auga).
Continuamos pola cova e atopámonos cun belén ó que contribuímos con outras figuras que moldeamos co abundante barro que había. Algunhas resistiron e outras sucumbiron á forza da gravidade.
Baixamos outro pozo e seguimos pola cova ata o final, retomando o camiño de volta. Demorámonos un pouco á hora de subir o pozo da entrada, xa que eramos bastante xente, pero saímos sen problemas e volvemos ó refuxio para cear.
O domingo fixemos dous grupos. Un (Emilio, Carol e Miguel) fixo 2 covas (Camino del Paño e Cova do Espino) e o outro grupo (ou conxunto) formado por Daniel, Javi, Mónica, Miliño e Yolanda (GE Arcoia) foron á Torca de los Morteros.
A Cova do Espino é unha pequena cavidade pero que parece un labirinto cun montón de pasos diferentes e un deles dá a unha parte da cova con moitas máis formacións pero que nós non demos con el, aínda que contabamos coa compaña de 2 membros da organización (Antonio e Óscar) pero non debían ter un día moi bo.
Comemos no refuxio e fomos pola tarde á Cova do Camino del Paño. Despois de andar buscando por medio do monte durante un rato como se foramos a Santa Compaña, atopámola e puidemos meternos nela. Había unha pequena rampla de 15 m que descendemos sen ningún problema. Recorrémo-la cova, que tiña moitas formacións e xa saímos rapidiño para chegar á hora da cea que a organización tiña prevista. Ceamos todos no refuxio os productos da matanza que se fixera nunha aldea próxima e dos que demos boa conta. Ceamos, charlamos, bebemos e seguimos charlando e charlando ata altas horas da madrugada nun ambiente moi agradable.
O luns foi o día do fallo do xurado do concurso fotográfico (no que acadamos un 2º e 4º postos), manduca (de paella esta vez) e xa limpeza e recollida de todo o material, aínda que algúns (Javi, Yolanda e Daniel) aproveitaron a mañá para face-la Cova do Espino.

Longo camiño de regreso para Vigo no que nos xuntamos con Loúrdes e Pilar que volvían do Congreso, aínda que Javi, Mónica e Yolanda aproveitaron para quedarse de covas por Cantabria o resto da semana.
Do campamento destacaríamos a boa organización e o bo ambiente que había entre os clubs que asistiron.
A Sección

O Espeleocoche e o calzón espeleolóxico.
Todo comezou a pasada ponte da Constitución nunha vila chamada Santelices, onde se celebraba o campamento espeleolóxico extraterritorial.
A misión era dura pero nunca imposible para nós, acostumados dende un tempo a esta parte a reducir ó mínimo imprescindible o petate e a viaxar nun espacio apertado no coche. Entre as risas e as caras de incredulidade dos compañeiros espeleólogos de Lugo (¡Pobres inxenuos!), conseguimos, lenta, pero minuciosamente (pola conta que nos tiña), alcanza-lo obxectivo. O Seat Arousa estaba cheo cos petates de catro, máis as súas sacas e dúas caixas de comida. Deste modo dirixímonos os catro para Cantabria.
Despois de descargar parte do material e un vulto en Torrelavega (Daniel), Xabier Balado (abuelito), Mónica Martínez e Iolanda González (G.E. Arcoia), iniciaron a travesía do calzón enlamado
O martes 9 fixémo-la travesía de “Humizas-Cullalvera”, aquí encomezaría a lenda do calzón, xusto no paso estreito (e ben cheíño de barro). Ó día seguinte en “Valturón-Lobo”, gracias á axuda de Alfredo encontramos as bocas da travesía, previo enfrontamento coa neve. Xa o calzón entrado en ambiente, chegamos a un paso chamado “a cloaca”. Entre este enlamado punto e o P30 que lle seguía, o simbólico branco Ariel trocouse rapidamente en marrón “non che quitarei xamais”. As 12 da noite saímos despois de moitas estreiteces e algunha rotura dos monos. O venres dirixímonos a secadura para facer “Solviejo-Rayo de Sol”, pero a difícil localización só nos permitiu entrar en “Rayo de Sol”, iso si, o sábado volvemos para realiza-la travesía sen esquecernos do sen par amigo, que resistiu a semana espeleolóxica.
Hoxe dámoslle a benvida a un novo socio.
Xabier, Mónica e Iolanda.

Saída a Teverga-Asturias
Despois da entrega dos premios do Concurso de Fotografía do Club e a máis que merecida homenaxe a Manolo Martínez, saímos o primeiro grupo (Pilar, Loúrdes e Emilio) cara a Lugo, onde pernoctariamos e recolleriamos a Carol. Logo, xa o sábado pola mañá, recolleriamos a Daniel en Oviedo. E, de aí, a Teverga.
O segundo grupo ( Mónica, Yolanda, Israel e Xabier) sairía o mesmo sábado, pola mañá cedo, directamente ó lugar de encontro.
O sábado decidiuse entrar a explora-la cova de Vistulaz. Aproximación de 10' e comezámo-lo descendo do pozo cos seus tres fraccionamentos. Xa abaixo, percorrido polos meandros (preciosos, divertidos, con numerosas formacións), que existían a varios niveis. Despois de 5 horas de exploración, con algunha gateira moi xusta, saída, na que Israel subiu un pozo por primeira vez.
Xa fóra, de noite, cea e a monta-las tendas, no lugar máis discreto posible, que, como sempre que se montan de noite, resultou non ser tan discreto. Mais non pasou nada.
Un grupo ergueuse á hora determinada (¡que vistas da zona de Ubiña!) e outro fíxose o preguiceiro. E pasou o que soe pasar: se recolles tarde, recolle-la tenda coa chuvia. Almorzo e aproximación á cova de Veigalonga. Mais como se cerrou de néboa (ademais da chuvia) arredor dun café, na aldea próxima, decidimos non entrar en Veigalonga e buscar unha vía de entrada para unha futura exploración en Covahuerta.
Cando chegamos atopamos unha imaxe moi deprimente: estaban colocando ramplas e escaleiras de acceso. Entramos, pois dixera un paxariño como entrar despois do enrellado. Un dos accesos do paxariño non podía ser e o outro... tampouco, pois había colocado un bo candado recentemente. Así que andamos por onde puidemos e, pasando o porto de La Ventana, volta a casa, non sen antes parar en Quiroga a tomar un café e saudar ó amigos do Arcoia.

IX Congreso español de espeleoloxía.
Como xa ben sendo cotián, uns días onde coinciden varias actividades ás que hai que acudir, desta vez, o Campamento Extraterritorial e o Congreso Español de Espeleoloxía. Acompañando ós compañeiros que ían ó campamento extraterritorial en Santelices fomos Pilar e Loúrdes ata esa vila, base do campamento, onde durmimos a noite do venres. O sábado, de mañaciña e con mágoa, saímos para Peñaranda de Duero onde se celebraba o Congreso, máis non iamos soas: Loúrdes tiña elaborado xunto con Ubaldo de GE Arcoia e Emilio unha ponencia titulada “Crecendo coa espeleoloxía” sobre a espeleoloxía no mundo dos rapaces, as repercusións da súa práctica, as bases para unha boa organización das actividades,...que presentaría no Congreso con apoio de proxección de fotos Alí, no Palacio de Avellaneda, estivemos atentas a tódalas ponencias e demais actos relacionados co Congreso, moitos espeleólogos de todo o territorio español, vellos coñecidos, cos que alixeira-lo peso de tanto encerro. Rematou. Xuntámonos nun punto co grupo de Santelices para alixeira-lo peso do material e retornar xuntos para Vigo.

Comisión delegada.
Por estas datas, coma sempre, celébrase a última Comisión Delegada do ano. Reunión onde con moita paciencia e tempo, hai que revisa-las actividades dos clubs para, aplicando o baremo de puntos correspondente, elixi-lo mellor club do ano. Novamente ¡felicidades espeleosección! volvemos se-lo club con máis puntos. En canto ó asunto da cova do Rei Cintolo, parece ser que están preparando un estudio onde se contemple a visita deportiva. Será o que nos quede, porque o de facela turística parece que non ten volta atrás. O presidente felicitou ó GES M. Celtas pola organización do Campamento galego infantil-xuvenil de Espeleoloxía e a do Campamento Galego de Descenso de Canóns. Tratáronse tamén os asuntos propios desta época (informes vocalías,...) que non imos detallar aquí por razóns obvias.

Sumio Chan do Lindeiro-Valdabraira.
O día 14 de Decembro os espeleólogos Loúrdes Castiñeira, Emilio Fernández, Carolina Rodríguez, Sechu López e Daniel Ballesteros visitaron as cavidades de Sumio Chan do Lindeiro e Valdabraira, ámbalas dúas no municipio de Pedrafita do Cebreiro (Lugo). Chegaron ó refuxio da FGE en Liñares o sábado pola noite, cada un dun lugar diferente: Loúrdes da reunión da Comisión Delegada en A Coruña, Carol de Lugo, Daniel de Oviedo e Sechu e Emilio de Vigo. Cea conxunta e durmida longa. Xa almorzados, ó día seguinte preparouse o material e visitaron a Sumio Chan do Lindeiro, onde contemplaron formacións, algún resto de Ursus Speleacus (oso prehistórico) e enormes coladas de barro. En Valdabraira, descenderon ata uns -40 m, onde reside un pequeno lago sifonante.

Espeleonovas
>> Día 1 xaneiro: Comeza o 50 aniversario G.E.S. M. Celtas
>> Asemblea Xeral Ordinaria e Cea  anual da Sección: xaneiro 10, ás 20,30 h: no local social..
>> Xornadas técnica de progresión vertical. Mondoñedo 17 e 18 de xaneiro. Aprende e/ou practica.
>> Actividade xuvenil: Descubre as covas. O Cebreiro 28 e 29 febreiro. Sobre todo para iniciarse e practicar rapaces xuvenís. Anímate e anima ós teus amigos.
>>>>>> Para comunicarse coa sección: espeleo@celtas.net
A Sección.
 
 

ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

BALANCE  E  INTENCIÓNS
Agora que xa rematou o año é o momento de facer balance. O volume de actividades dentro da Sección de Actividades Subacuáticas non foi grande, pero cremos ter cumprido o gran obxectivo de darnos a coñecer, de que saibades que nun Club de montaña hai sitio para aqueles que tamén lles gusta o mar. Non somos moitos, pero pouco a pouco imos sendo máis: tres son as persoas que realizan ou están a realizar o curso de iniciación.
Partindo desta situación, este ano dobraremos esforzos para acercar as actividades subacuáticas a tódolos socios, polo que non tedes máis que preguntar se estades interesados en apuntarvos a algún curso. Hai programadas cinco inmersións repartidas en todo o calendario, pois, aínda que esta sexa unha Sección que desenvolve o groso da súa actividade en verán, gustaríanos mergullarnos todo o ano e en distintos lugares.

 PARA  PROGRAMAR  AS  INMERSIÓNS
Desde a Sección de Actividades Subacuáticas propoñémosvos unha nova fórmula para programar as inmersións. Trátase de usar o correo electrónico. A dirección á que podedes acudir é:
subacuaticas@celtas.net
Aínda que as inmersións xa están recollidas no calendario oficial do Club, dende dita dirección enviarémosvos un formulario para que indiquedes cándo vos vén mellor saír a mergullar. Con isto pretendemos xuntar o maior número de mergulladores en cada saída. Trátase dunha proba e confiamos en que a proposta sexa ben acollida entre todos vós. Tamén podedes recorrer á dirección de correo electrónico para que se vos avise con antelación de cada inmersión e da data en que caduca a vosa licencia federativa.

AGRADECEMENTOS
Este Nadal recibimos a visita dun Rei Mago moi especial. Trátase de José Rodríguez Oveja, máis coñecido polos socios do Club como “Pepín”, que é o presidente da Federación Española de Actividades Subacuáticas (FEDAS). Como agasallos para a Sección, trouxo os manuais dos cursos de  mergullo de 1 e 2 estrelas. ¡Moitas gracias!
A Subvirulillas
 
 

AXENDA


Venres, 20 febreiro “Festa do Entroido”. No Club,  a partires  das  20.30 h

Luns,  23 febreiro “Festa Infantil do Entroido”. No Club, de    18.00 a  20.30 h

Venres, 27 febreiro “Algúns aspectos da cultura e costumes de África”, por  Ibrahima Niang, Presidente de AIDA (Asociación para a  Integración e Desenvolvemento dos Africanos), de Vigo.  Charla e degustación de polo con crema de cacahuetes e  arroz.  No Club ás 20:30 h.
 


VINDEIRAS ACTIVIDADES

XANE
31-1 Cabeza de Manzaneda Infantil. Achegamento á neve S. Infantil-Xuvenil
 31-1 San Isidro (León) Esquí alpino S.D. Esquí
 31-1 Manzaneda Curso Esquí de Travesía EGAM
 
FEBR
7 Vigo. Hotel Coia Cea  62 Aniversario S. Actividades Sociais
 7-8 Ubiña Curso Alpinismo-Iniciación EGAM
 14-15 Macizo do Mampodre Esquí de Montaña na Cordilleira Cantábrica S.D. Esquí
 14-15 Trevinca Campamento de Inverno S.D. Montañismo
 14-15 Ubiña Curso Alpinismo-Iniciación EGAM
 15 Ría de Vigo Inmersión submarina S.D. Actividades Subacuáticas
 20 Local Social Festa do Entroido S. Actividades Sociais
 21-22  San Isidro (León) Alpinismo: Corredores S.D. Escalada
 21-22  Zamáns Zamáns - Aloia - Baiona S.D. Sendeirismo
 23 Local Social Festa Infantil do Entroido S. Infantil-Xuvenil
 27 Local Social "Aspectos da cultura e costumes de África" S. Actividades Sociais
 28-29  Curso de "Esquí en neves non tratadas" S.D. Esquí
 28-29 Pedrafita do Cebreiro Xuvenil. Descubre as covas S.D. Espeleoloxía
 29 Goián Goián - Níño do Corvo - Tabagon - Goián S.D. Sendeirismo
 
MARZ 5 Local Social Asemblea Xeral Ordinaria Xunta Directiva C.M. Celtas
 6  Xornada de Fotografía S. Cultura e Medio Ambiente
 6-7 Villalba O Camiño do Norte. Etapa IV S.D. Sendeirismo
 6-7  Infantil S. Infantil-Xuvenil
 7 Chan da Lagoa A Grova S.D. Bici de Montaña
 
 

Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto Campos
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número:  Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Isabel Maestu, Martín García (Shambala), Françoise Fauré, Elvira Álvarez, Pilar Orche, José Luis Vázquez, Chito Veiga, Gaspar Ribé, Conchi Barciela,
José Carlos Lorenzo, Isabel Blanco, Marcos Rodríguez, Miguel Carrillo, Carolina Rodríguez, Daniel Ballesteros, Javier Balado, Mónica Martínez, Iolanda González.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado
Subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Dirección Xeral de Política Lingüística



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en xaneiro de 2004.