NOVO PRESIDENTE, NOVA DIRECTIVA
O 20 de novembro do 2002 fun designado Presidente do Club e dende ese mesmo día empecei traballar na formación da Xunta Directiva. Pretendín atopar, no conxunto dos seus membros, unha mestura de cualidades na busca dun equilibrio, un grupo formado por homes e mulleres, xoves e maiores, combinando a vitalidade dos novos coa experiencia dos veteranos, a aportación de ideas e o traballo constante. Gracias a unha boa acollida, penso que conseguín este primeiro obxectivo, espero que eles sexan capaces de aturarme a min e os socios de aturarnos a todos. Compartimos unha gran ilusión por manter e mellorar este gran Club.
Iniciamos un proxecto de continuidade respecto ó da directiva anterior, da que eu xa formaba parte como vicepresidente, polo que non cambiarán moitas cousas, pero intentaremos melloralas todas. O Club está a un gran nivel e os membros da Xunta Directiva, coa imprescindible colaboración de tódolos socios, especialmente dos máis comprometidos, conseguiremos mellorar e amplia-las actividades (deportivas, culturais, medioambientais, sociais, formativas, científicas), os servicios que podamos prestar, o local, a participación social...
Algúns dos obxectivos deste proxecto son: mante-lo nivel actual das actividades de montaña, sendeirismo, espeleoloxía, cultura, bici e as infantís, a realización de actividades específicas para a xuventude, o relanzamento das actividades deportivas de escalada, esquí, mergullo e piragüísmo, a combinación de actividades, desenvolver actividades sociais na procura dunha participación ampla de socios das distintas idades e condicións, a formación de monitores, fomenta-la participación en cursos, a reforma dos Estatutos, a adecuación dos refuxios, a ordenación e división do local social incluíndo a instalación dunha zona de escalada (boulder), aumenta-lo fondo bibliográfico e o material deportivo, a informatización da biblioteca e a cartografía, a modernización da páxina web, a organización de conferencias, a celebración anual do Concurso de Fotografía de Montaña, e a publicación do libro que recollerá a fenomenal historia do noso querido Club Montañeiros Celtas.
Todo pode quedar resumido no seguinte: "traballar no presente, pensando no futuro, sen esquecer o pasado".
O vindeiro día 1 de febreiro cumprirei dez anos asociado o Club, ese día celebrarémo-la tradicional cea aniversario onde entregaranse medallas conmemorativas os socios que este ano alcanzan a meritoria cifra de “25 anos asociado” e a impresionante de “50 anos asociado”, motivos polos que gustaríame contar cunha gran participación para coñecernos mellor e render un merecido homenaxe os veteranos.
Sechu
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
XUNTA DIRECTIVA
PRESIDENTE
José López Pérez (Sechu)
VICEPRESIDENTE
Fernando Fernández Rey
SECRETARIA
Andrea Michele Rosario Fauré
TESOUREIRA
Marisa Núñez Suárez
SECCIÓN INFANTIL-XUVENIL
Paula Baña Fernández
Juan José Vázquez Araujo
SECCIÓN DE CULTURA E MEDIO AMBIENTE
Martín García Pérez (Shambala)
SECCIÓN DE BIBLIOTECA E CARTOGRAFÍA
Lourdes Queimadelos Díaz
SECCIÓN DE MATERIAL
Carlos Fernández Rivas
SECCIÓN DE REFUXIOS
José Luis Vázquez Almuiña
SECCIÓN DE ACTIVIDADES SOCIAIS
Françoise Fauré
SECCIÓN DEPORTIVA "MONTAÑISMO"
Concepción Barciela Villar
SECCIÓN DEPORTIVA "ESCALADA"
Manoel Antón Chao Santos
SECCIÓN DEPORTIVA "SENDEIRISMO"
Miguel Carrillo Pérez
SECCIÓN DEPORTIVA "BICI DE MONTAÑA"
Francisco Escrich Álvarez
SECCIÓN DEPORTIVA “ESQUÍ”
Marcos Rodríguez González
SECCIÓN DEPORTIVA "ESPELEOLOXÍA"
Lourdes Castiñeira Souto
SECCIÓN DEPORTIVA
"ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS"
Pilar Orche Amaré
CEA ANIVERSARIO
Como tódolos anos por estas datas, celebrarémo-la tradicional cea aniversario, na que se entregarán, como é tradición, medallas ós socios con 25 e 50 anos de antigüidade no Club. Esperamos vervos a todos un ano máis posto que é unha ocasión especial de encontro.
Con 50 anos no Club:
Ángeles Alonso Rubio
Arturo Mumary Montenegro
Mº Carmen Sousa Villaverde
José Casado Gómez (a título póstumo)
Con 25 años no Club:
Ruben Abril Labordeta
María Teresa Arocas Fernández
Rafael Batista Oviedo
Alejandro Febrero Mayor
María Amelia Febrero Mayor
Fernando Febrero Mayor
Pablo Fernández Fernández
Inés Fernández-Valdés Rodríguez
José Manuel García Oya
María Asunción Garrido Rebelo
María Pilar Garrido Rebelo
María Carmen González Fernández
José Carlos Iglesias Albuger
Antonio Veiga Ferro
Esperamos que sexa do voso agrado o Menú elixido:
Aperitivo variado
Lagostinos á prancha e dúas salsas
Tenreira asada e año leitón ó forno con
guarnición Parisienne
Torta de “xema tostada”
Viños branco e tinto, cervexa, refrescos, auga
mineral
Café e licores
Hai un Menú vexetariano como alternativa, os interesados teñen que comunicalo ó anotarse.
E para remata-lo acontecemento, contaremos con Actuación Musical en directo para animarvos a move-lo esqueleto e prolongar así a xuntanza.
HOTEL COIA
Rúa Sanxenxo, 1. VIGO
Aparcadoiro gratuíto.
1 de Febreiro, ás 21.30 h
Como tódolos anos, para unha mellor organización, rogamos
pasedes polo noso club para anotarvos e aboa-los 26 euros do seu custo.
O derradeiro día para anotarse é : 28 de xaneiro.
Pasamento
Témo-la tristeza de comunicárvo-lo pasamento do noso socio
Casado.
José E. Casado Gómez facía 50 anos que pertencía
ó Club. Comezou a finais dos anos 50 a participar en expedicións
a diferentes serras españolas, así como a practicar espeleoloxía.
O noso agarimo para Chelo, Socio, Loreto e David.
Traxedia Nas Nosas Costas
O pasado mes de novembro afundiuse un barco fronte á costa galega,
un petroleiro chamado “Prestige” que ó derrama-la súa carga
contaminante, coñecida como “Chapapote”, está asolando as
costas galegas. Para retira-lo chapapote fan falta moitas mans, por iso
miles de voluntarios están traballando, tamén hai montañeiros
celtas. Para agrupar e coordinar voluntarios, o Club ten aberta unha lista
(xa con máis de noventa anotados) con persoas dispostas para este
xeneroso esforzo. Se queres colaborar, apúntate.
Esperamos e desexamos que as autoridades competentes fagan todo o posible
para rexenera-las costas e dispoñan o necesario para non ter que
lamentar estas desgracias “Nunca Máis”
Licencias.
Recomendamos a tódolos socios que se federen. Estar federado permite: * Estar cuberto por un seguro de accidentes deportivos *Ter acceso ós cursos de Escolas das federacións *Participar en actividades organizadas polas federacións, incluíndo as competicións *Tarifa reducida en refuxios *Recibir publicacións periódicas das federacións.
Cursos
Ademais da información dos cursos da EGAM (Escola Galega de Alta Montaña) e da EGE (Escola Galega de Espeleoloxía) que figuran no Calendario do Club, temos na oficina información dos cursos organizados pola Escuela Española de Alta Montaña (Benasque) e pola Escuela Española de Espeleología, para aqueles socios interesados nalgún deles.
Sección Infantil-Xuvenil
Se queres pasalo ben as fins de semana facendo algo diferente, comprométete e apúntate como MONITOR da Sección Infantil-Xuvenil. Imprescindible maior de idade.
CONCURSO DE FOTOGRAFÍA
Como case todos visitáchede-la exposición das 41 fotografías
seleccionadas polo xurado na Casa do Libro, así como as demais no
club, e fixéchedes moitos comentarios, todos favorables, vaia a
constatación de éxito total para a celebración do
Concurso.
O día 17 de decembro montouse pola tarde a exposición.
Tódalas fotografías estaban enmarcadas con paspartú.
Unha vez rematada a montaxe, na mesma sala, reuniuse o xurado composto
por Manuel Núñez "Pirulo"(Presidente), Manuel García
"Magar", Chito Veiga, Nin Sierra e Emilio Ballesteros (secretario, sen
voto) para determinar que fotografías serían as gañadoras.
Proceso lento e complexo pola calidade existente, despois de varias votacións
e deliberacións, quedaron seleccionadas as dúas mellores.
A lediacia dos gañadores foi enorme, así como as mostras
de gratitude para Club Montañeiros Celtas polo concurso.
O día 20 foi a entrega de Premios e a homenaxe a Moncho Melón,
a quen estaba adicado o concurso. Primeiro foi a entrega de premios: o
"2º Premio, trofeo Pescanova" foise para Xábia (Alacante).
Fotografía de Francisco Catalá Arenós. O noso Presidente,
Sechu, fixo entrega (Pescanova non puido asistir) simbólica (pois
o premiado non estaba presente) ó vicepresidente. A estas horas
os premios xa están en poder do gañador.
O "1º Premio, trofeo COVSA" foise para Nigrán. Ándrés
Fraga, de Club Montañeiros Celtas, tivo que adianta-la volta desde
Barcelona, onde estudia, para recolle-lo premio, que foi entregado por
Olga Rodríguez, en representación de COVSA.
Entregado-los premios, comezou a homanaxe a Moncho Melón, á
que asistiron moitos membros do Club e familiares cercanos.
Homenaxe cálida, emotiva, onde non sobrou nen faltou unha palabra.
Chito, Cholo e Chus lembraron a figura do inesquecido compañeiro
e Sechu, cunhas breves palabras, fixo entrega á muller de Moncho
"...serei sempre na vosa memoria, non Elena, senón a muller de Moncho..."
da Medalla de Ouro de Club Montañeiros Celtas a Moncho Melón,
in memorian, pola súa traxectoria no mundo da Montaña. Coas
moi emotivas palabras de agradecemento de Elena deuse por rematada a homenaxe.
Quédanos a lembranza e a satisfacción.
SECCIÓN DE CULTURA
Aproveito para felicitar ó noso novo Presidente que confiou en min para continuar con esta sección que á súa proposta, pasará a denominarse “Cultura e Medioambiente”, o que se corresponde mellor co tipo de actividades que realizamos.
SAÍDA CASA CIENCIAS PLANETARIO DA CORUÑA:
Debido o desastre ecolóxico que sufrimos nas nosas costas cos vertidos de petróleo, suspendémo-la parte da visita ó Acuario. Non obstante puidemos gozar, os 9 participantes, da Casa das Ciencias e ó seu Planetario. Quedará para outro momento a visita ó Acuario.
TREKING CULTURAL: HIMALAYA INDIO
Do 6 ó 28 de xullo realizaremos en grupo mínimo de 10
persoas e máximo de 15 un Trekking pola India. Veremos algo de Nova
Delhi, viaxe ó país de Ladakh, onde a cultura tibetana mantense
perfectamente polo difícil dos seus accesos, e onde o entorno himaláyico
proporcionaranos vistas incribles deste paraíso perdido entre as
montañas, rutas culturais en dito país e travesía
polas estradas máis altas do Planeta ,con 5360 m de cota máxima,
dende Leh, capital de Ladakh, pasando polo Val de Spity, a Manali, dentro
do estado Himachal Pradesh chamado a Suíza India. Cerraremos con
visitas a outras cidades do Norte de India. A viaxe pode verse alterada
por algunha circunstancia especial, como xa me sucedeu hai 3 veráns,
como problemas nas estradas, etc, pero sempre se buscarían
percorridos alternativos. Lembrade que unha viaxe no Himalaya Indio, é
duro e ten sempre algo de incerteza, anque sexa predominantemente cultural.
Procurarase ter “bos” medios dispoñibles en cada momento.
Teremos reunión os interesados a finais de Marzo, onde coñeceremos
os detalles da viaxe. Non esquezades que hai que tramitar visados e billetes
coa maior antelación posible, 3 ou 4 meses. Contareivos máis
cousas sobre esta viaxe no próximo boletín.
CURSO DE INICIACIÓN Á FOTOGRAFÍA :
Ó cerre destas liñas estase completando o Curso de Iniciación á Fotografía. Foron 8 persoas as participantes. Destaco como responsable do curso o gran interese e o bo ambiente reinante. O curso a pesares de ser de iniciación puido abordar moitos contidos teóricos e prácticos. Agradecémo-la colaboración da Agrupación Fotográfica Galega coa cesión do seu laboratorio, tamén agradezo a súa participación entusiasta ós participantes.
CURSO DE PERFECCIONAMENTO EN FOTOGRAFÍA:
Habida conta de que os cursillistas do curso de iniciación deste ano, demandan case na súa totalidade a realización dun curso de perfeccionamento, cousa que agradezo e me afaga como profesor do curso de iniciación, pois algo bo terán visto, imos impartir un curso de perfeccionamento á fotografía a partires de Febreiro, con reunión o xoves 6 de Febreiro no club. O programa, custo e a lista figurarán a partires de xaneiro no Club. Atención os que xa asististes a cursos de iniciación outos anos, pois pode ser bo momento para anotarse se vos interesan os contidos.
SAÍDA PLANTAR ÁRBORES E BOSQUE AUTÓCTONO:
Realizarase o 19 de xaneiro baixo a guía do noso amable colaborador e biólogo experto Varo Santos. Pola mañá iremos planta-los nosos queridos Castiñeiros, os Carballos que tiñamos xa os levou Gaspar a terras catalanas pois botábaos de menos. Recibiremos todo tipo de explicacións, para o mediodía volver a Vigo, quen queira pode comer no Club pois pola tarde teremos unha proxección de diapositivas que Varo está preparando con moito esmero e que nos amosarán a fauna dos nosos bosques autóctonos, achegándonos ás nosas queridas Vacas marelas e demais poboadores dos nosos escasos vellos bosques.
TERTULIA:
A tertulia do mes de Novembro tivo por tema “A auga recurso vital”.
E as conclusións máis importantes extraídas son as
seguintes:
- A necesidade da auga é vital, sen ela a nosa vida extínguese
nunha semana, é por tanto unha prioridade atender este tema. Empeza
escasear en moitos sitios, por exemplo España, en proceso de desertización.
Ademais as 3 fontes principais de auga: ríos, atmosfera e mares
estanse contaminando.
- É difícil unha solución concreta. Débese
afrontar esta crise de forma global con accións como: Menos emisións
contaminantes, depuradoras, control do consumo persoal por medio da concienciación,
plantación de árbores e maior masa forestal, construcción
de desalinizadoras e non extracción de auga de capas freáticas.
Paralelamente deberase combate-lo cambio climático con tódolos
medios posibles para frea,la desertización.
ATENCIÓN: A próxima tertulia será en xaneiro,
posiblemente o xoves 30, co tema: “Desastres ecolóxicos, a responsabilidade
¿de quen?”, a partires de agora faremos unha tertulia cada 3 meses.
Martín (Shambala)
LICENCIAS 2003
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
COMPAÑÍA ASEGURADORA: M.G.D
Nota: As licencias de subacuáticas, o mesmo que o ano anterior, son válidas durante un ano dende a data de expedición.
DEPORTES DE INVERNO
O prezo da licencia da temporada 2002-2003 é de 39 € para todalas categorías.
MONTAÑA
COMPAÑÍA ASEGURADORA : MUTUALIDAD
GENERAL DEPORTIVA
Disciplinas Aseguradas: Montañismo, Sendeirismo
e Escalada
* As modalidades A e B1 diferéncianse
na cobertura sanitaria.
COMPAÑÍA ASEGURADORA: SABADELL
ESPELEOLOXÍA
COMPAÑÍA ASEGURADORA: M.G.D.
SECCIÓN SENDEIRISMO
NOVIDADES
Como novidade e para abrir horizontes (próximos) lonxe
dos sendeiros xa coñecidos, cada mes vos proporemos unha ruta para
que, se queredes, a levedes a cabo pola vosa conta (e risco). Tamén,
e coa mesma finalidade, proporémosvos tamén algún
libro ou páxina web de onde sacar ideas para as vosas Grandes Rutas.
Para empezar, este mes presentámosvos un recorrido para realizar
vós mesmos que promete (polo menos ós que a fixemos gustounos).
A PROPOSTA DO MES: CIRCULAR DE FILGUEIRA
Esta ruta que vos propoñemos para este mes é de baixa
dificultade e con pouco desnivel, pero resulta ser un bonito paseo. O sendeiro
discorre por Filgueira (Concello de Crecente), no límite entre Pontevedra
e Ourense. Ó longo do mesmo encontramos pontes, muíños
e regatos cubertos por musgo, todo isto a través da frondosa vexetación
(castiñeiros, carballos e bidueiros). Como único inconveniente
teremos algún tramo de asfalto, o cal non desmerece o encanto do
recorrido, que ademais está perfecta e intelixentemente balizado
(PR, marcas amarelas e brancas). O punto máis alto é o lugar
de Guillade (Aprox. 400 m), dende onde teremos magníficas vistas
do curso do Miño e da veciña Cortegada. Como interese cultural,
o sendeiro recorre parte do antigo Camiño Real, encontrando ó
seu paso a Igrexa Parroquial de San Pedro (S XVIII) así
como a ermida de San Xosé. O cumio gastronómico encontrámolo
nas Tetillas de Filgueira, típicas da zona.
Para acceder a Filgueira poderemos facelo en Tren (consultar
con RENFE) ou en coche particular dende a Cañiza pola C-531 e logo
pola PO-400, ata a estación de Filgueira. A un quilómetro
está o comezo da Ruta, situado no lugar de Forno de Tella, sinalizado
cun cartel indicativo en madeira.
Punto de Partida e chegada: Forno de Tella
Lonxitude: 9.5 Km
Duración Aproximada: 4 horas
Servicios: Ó longo da ruta encontraremos suficientes fontes.
Bar cerca da estación e tenda nas proximidades da Igrexa parroquial
de San Pedro.
Cartografía: S.G.E. 1:50.000 5-11 (224) Ponteareas
Información: Concello de Crecente (986 666300), Centro de Iniciativas
Turísticas (986 652382). Www.riasbaixas.org
PARAPENTE E MONTAÑA
ANDES 2002: CHILE E BOLIVIA
O pasado 25 de outubro, o meu compañeiro de andainas Antonio Ferreiro e mais eu partimos rumbo a Chile, a nosa intención era participar no IV encontro internacional de parapente en Iquique, cidade situada a 1800 km da capital, facer algo de montaña no altiplano, tiñamos pensado subir ó volcán Licancabur (5916 m) e mesturarnos coa xente para coñece-los seus costumes. A chegada ó noso primeiro destino Iquique (nada que ver co noso expresi, que se saiba) tras percorre-las 14 horas de avión regulamentarias e as 25 dun autobús que, sen paradas, levounos pola famosa panamericana en dirección norte. O domingo 29 xa estabamos no noso destino e dado que o campionato non comezaba ata 3 días despois estes dedicámolos a percorre-las zonas de voo do campionato e coñecer un pouco a cidade, situada no deserto de Atacama, considerado, con razón, o máis seco do planeta. O xoves 31 daba comezo o campionato coa participación de máis de 100 pilotos de 18 nacionalidades, algúns tan afastados como Xapón, USA, España, Dinamarca, etc. A primeira xornada consistiu nunha proba de cross, tiñamos que percorrer unha serie de puntos marcados previamente no GPS que a súa vez no ultimo tramo da mesma transformábase nunha proba de distancia, nós participabamos cun bipraza modelo sherpa co cal percorremos 25 km na proba de distancia indo a tomar nun campo de tiro do exercito chileno, tendo que virmos buscar un camión militar logo de 2 horas de espera. A segunda xornada tiña un percorrido parecido, nós, debido ás malas condicións do vento, renunciamos a participar xa que tiñamos a experiencia do día anterior, lamentablemente un dos participantes faleceu ó estrelarse o seu parapente, motivo polo cal a competencia, como din eles, suspendeuse o sábado 2 de novembro optando a maioría dos pilotos pola retirada o derradeiro día da competición, a pesar do grave accidente ou quizás por mor del, destacaría o bo ambiente reinante entre tódolos participantes. O luns 4 partimos cara a San Pedro de Atácama, situada a uns 300 km de Iquique en pleno corazón do deserto e a uns 15 km da fronteira boliviana, aí ía empeza-la nosa aclimatación, subiriamos ata os geyseres do Tatio (4.320 metros) visitariamos o fermosísimo val da lúa (recibe o seu nome polo parecido coa xeografía luar) o val dos flamencos, etc. Todo isto situado por riba dos 3.000 metros. Lamentablemente para nós ó carecer de neve o volcán Licancabur non tiñamos a posibilidade de conseguir auga motivo polo cal desistimos de tentar subir, a nosa seguinte etapa fixémola no val do Maipo a uns 100 km ó sur de Santiago logo de pasar anteriormente por Antofagasta e A Serena onde visitámo-los pingüíns da illa de Choros e o observatorio astrolóxico no cal puidemos observar estrelas do hemisferio sur .Unha vez no Maipo fixemos rafting no río do mesmo nome, de seguido comezamos o que seria a nosa primeira aproximación ó volcán San Xose (5880 m) ata ó que se parte dunha aldea que se chama Baños Morales (1845 m) alí contratámo-las mulas que nos deberían levar ata a base do volcán, lamentablemente a neve fixo que as mulas non puideran ir máis para alá dos 2200 m, xusto na entrada do val da Engorda alí tivemos que lidar coa neve mol polo cal decidimos monta-lo noso primeiro campamento a 2700 m. A nosa idea era durmir no refuxio Plantat 3300 construído polos alemáns no ano 1937 pero estaba cuberto por máis de 3 m de neve, logo de pasar unha noite con moito frío e fortes ventos e dado que non tiñamos estacas para neve decidimos partir cara ó cumio sen facer o que sería o lóxico campamento alto, segundo a nosa guía hai unha explanada a 4600 m, ideal para acampar. Partimos ás 6 da mañá cara ó cumio con bastante vento e frío que se transforma nun día extraordinario unha vez que sae o sol , ó redor das 13 h vindo a imposibilidade de facer cume e ante a falla de forzas decidimos dar volta ós 5100 m tardando a penas 3 h en chegar o noso destino de partida, ó día seguinte recollemos e para abaixo atopando de novo un día completamente despexado, logo de 5-6 horas chegamos ata a aldea onde durmiriamos dúas noites, ó día seguinte marchariamos cara ó glaciar que está situado no parque nacional EL MORADO o cal estaba bastante perigoso por mor das continuas avalanchas e desprendementos, logo de pasa-lo o día volvemos e, tras bañarnos nas termas de orixe volcánica, puxémonos facer dedo para despercorrer os 70 km que nos separaban de San Jose de Maipo. Pasamos outra noite na aldea e decidimos regresar á capital onde pasámo-los tres últimos días. Lamentablemente o 19 regresabamos. Esta foi, a grandes trazos, a nosa primeira e seguro que non derradeira experiencia americana. Quixera antes de acabar agradecerlle a Sechu o seu apoio, Andrea polo mesmo motivo (os teus e-mails e o teu interese) a Jose polas súas medicinas e a tódolos que nos apoiaron e se acordaron de nós, gracias de corazón.
SECCIÓN DE MONTAÑA
OÍN RINCHA-LA NEVE BAIXO OS MEUS PÉS.
Travesía nos Ancares leoneses
(6-8 de decembro de 2002)
Creo que ó saír de Vigo a todos nos remordía
a conciencia por "abandona-lo barco". Nembargantes, supoño que todos
tiñamos (e temos) a triste impresión de que, cando se funda
a neve, inda quedará chapapote por recoller. Por iso, collémo-los
cachifallos e nos fomos a Burbia para deixar atrás por uns
días este mundo tan complicado. Así as cousas, xuntámonos
máis de corenta persoas, incluído Sechu.
De camiño a Ancares, recollemos ó que faltaba en
Quiroga. ¡Qué cara de frío tiña o pobre Manu!
E é que o "pelete" que ía por estas terras tentou a máis
dunha a quedarse en A Seara para pasa-la fin de semana fronte á
cheminea da casiña de Moncho (un bico para ti e perdoa por non visitarte).
O meu amigo Pablín me falara en numerosas ocasiones de Burbia.
Describíraa coma unha aldeíña no corazón dos
Ancares leoneses rodeado de montañas. E non esaxeraba Pablín:
mentres comiamos no cámping de Burbia (por certo, moi rica a empanada
de acelgas de Cacabelos), intentabamos adiviñar que montañas
víamos: "¿será o Mostallar? ¿Ou tal vez o Penalonga?".
En canto chegou o autobús, os da travesía preparámonos,
e inda houbo tempo de tomar un café cunhas "ghotiñas" no
bar.
Máis que unha travesía parecía unha romaría;
eramos quince, anque houbo quen se creu que eramos trece ata o último
día. Ben, quince sen conta á mascota da expedición...
e non, non me refiro a ninguén, senón a un canciño
negro burbiano que nos acompañou os tres días.
"¡Unha, dúas e tres! ¡Arriba! ¡Joé,
pois si que engordou a mochila dende este verán!". Así, un
a un fomos arrancando. Tomamos un camiño que parte do cámping
e se dirixe cara ás montañas. Atravesamos uns bosques de
xigantescos castiñeiros para desviarnos polo val da esquerda. Pasamos
por un teixedal e vimos os acivros cargados de boliñas vermellas.
Houbo que cruza-lo río unhas cantas veces e alguén deuse
un bo chapuzón (¿Ves, Fati? Se foras de Celtas non te pasarían
esas cousas, muller).
Non chegamos ata ós lagos de Burbia, xa que nos quedamos
nunha cabana de pastores. Como se fixo de noite cedo, ceamos pronto e non
tardamos en ir durmir. ¡E vaia se durmimos! O do madrugón
dos montañeiros non quedou máis que en anécdota estes
días.
Ó día seguinte, ¡todos a almorzar forte,
que hoxe todo é costa arriba! Todo estaba nevado e o tempo era estupendo.
Cruzamos de novo o río (algún "torpeschu" deste club botáballe
a culpa a alguén polo paso que buscou) en dirección ós
lagos de Burbia. Despois de rodealos, subimos por unha ladeira practicamente
xeada cara ó collado de Boca de Campo. Cada un subiu como puido;
así, o noso Miliño a grito de "¡ai, mamá!",
garrote en man e en mangas de camiseta do Che subiu antes que ninguén.
Fixemos tempo ata que chegou o "heroe da esteira". Cando se reuniu o grupo,
os que ían ascender ó Mostallar preparáronse, ben,
en concreto á que asina a prepararon, pero é que unha primeira
vez é unha primeira vez (gracias, Emilio e Sechu).
E comezámo-la ascensión sobre a neve. Non tardamos
en chegar ó máis alto: uns din que 1935 m, outros que 1924
m, así que facendo a media dá 1930 m... unha que é
de ciencias. Dende alí e co ceo case espido de nubes, non se vían
máis que montañas. No cumio encontramos un papel co nome
dunha compañeira do club, que estivera no cumio o día anterior.
Baixamos coa fin de reunirnos co resto de compañeiros.
Despois de xantar, dirixímonos cara ó Corno Maldito. Comezou
a botarse a néboa, o cal requiría estar atento para non desorientarse.
Por iso decidiuse ir en caso necesario ata o Tres Bispos para logo baixar
cara á cabana onde durmiríamos. Pero a néboa levantou
e bastounos con chegar ós Penedos de Donís, dende onde baixamos
deslizándonos sobre eses cus que tanto nos custara subir.
Chegamos ata unha cabana recentemente restaurada. O acabar de
cear, uns bailes foron suficientes para entrar en calor. O mellor da velada:
os chistes. Xa non me lembro de ningún, así que propoño
oficialmente que inclúan de agora en diante neste boletín
"o recuncho de Jaco e compañía: chistes para travesías".
Impresionante a noite que ía; víase ata a Vía Láctea.
Non nos recollemos no saco moi tarde, pero custoume durmir: primeiro
porque Patxi deixou a motoserra acesa e Lurdes, o envoltorio dos Ferrero
Rocher engurrado , e segundo polas emocións da xornada. Pensaba
eu: "a chupa de Gore, os crampóns, o piolet e a mochila páganse
coa Master Card, pero a sensación de oír ruxi-la neve baixo
os teus pés non ten prezo".
Comecei esta viaxe coa alma descalza, espíndome de rutinas e
prexuízos, sabéndome incompatible con correr e aprender.
Sen ter que ir a ningures e deleitándome na contemplación;
eso si, aberto ó asombro e atento a todo, sen esquecer
a ensinanza tibetana de que "Viaxar é tan importante como
chegar".
Deixándome levar mundo adiante con todo o que son, -"pouco máis
dun metro e medio escaso"-, foi posible entrete-lo último
sol da tardiña, facéndome espello no Titicaca e aroma na
selva, na de San Ramón, e vento furioso na madrugada
da Cruz do Cóndor e murmuro no Val do Colca, para despois anoitecer
cada día e encherme de estrelas. Así; sen máis; desparramándome
todo, ata quedar exhausto, (que xeito tan marabilloso de morrer), para
despois resucitar de madrugada, cando nace sen cesa-la vida e reemprende-la
marcha.
NO EMBIGO DO MUNDO
Cinco días no Cusco, para adaptarnos á altura, permitíronnos
vivi-la capital do Imperio Inca e coñece-lo seu contorno: Praza
de Armas, Barrio de San Blas, Qorikancha, Saqsayhuaman, Q'enqo, Templo
da Lúa (baixo terra entre rochas impoñentes ábrese
un niño na montaña que esconde unha mesa cerimonial, mostrando
vestixios dalgún sacrificio recente e onde o magnetismo é
tal, que puiden ver cómo louquea o compás), Ollantaytambo,
Pisaq: o tumulto da súa feira dominical regaloume a caricia
inesperada dun máis dos sorrisos de Andrea e o seu grupo: a súa
viaxe de Madrid a Lima atrasárase e perderamos contacto; sorprendentemente
fomos atoparnos no lugar máis frecuentado do Val do Río Urubamba;
cando a vin, respirei fondo, decateime de que o que estaba presenciando
era certo e compartín, entón, con todo o Val Sagrado, o agasallo
de Galicia.
De regreso a Cusco vía Chinchero, 57 Km., envolvéuno-lo
solpor máis fermoso que pode imaxinarse: transitabámo-la
coitela da cordilleira a 4.500 metros. As serras que nos rodeaban estaban
nevadas e escintilaban con maxestosa luz propia, indiferentes e orgullosas.
Ás nosas costas o horizonte ardía, presaxiando o parto das
estrelas nun tránsito do día á noite, que aquí
é moi breve. Detrás das cumes nevadas a lúa chea abortaba
o negro manto da noite e permitíanos escudriña-lo perfil
do laboratorio agrícola que os Incas construíran en Marás.
Tiven a tentación de deixarme caer a terra para contempla-lo firmamento,
pero tiñamos que volver a O Cusco canto antes.
CAMIÑO INCA
Erguémonos de madrugada, para poder almorzar con calma antes
de comeza-lo Camiño Inca.
Espertaba a cidade cando nos recolleu o autobús no hotel. Cusco
arriba arrolábanme as moitas curvas. Nunha desas voltas da estrada
ou, ¡quen sabe!, se da vida, xa no cumio da montaña, espertei
sobresaltado e case sen alento. ¡O "soracho"! -pensei nos meus adentros-.
Pero, abrindo con preguiza o ollo dereito, puiden comprobar que non era
tal, senón o suave murmurio do alento e as cóxegas no meu
pescozo dunha melena loura, que penduraba da cabeza que veu atopar almofada
no meu ombreiro. Percorrín de abaixo a enriba o corpo que a sustentaba
e, a boa fe, que non me tivera importado facelo cómplice dun pecado
de cintura para baixo.
Aquel primeiro día comezamos a camiñar pasadas as doce,
para acampar á noitiña nun val gardado pola Cruz do Sur.
Antes de durmirmos deunos tempo de escudriñar na escuridade, profanada
polo resplandor dunha fogueira, as siluetas dun grupo de nativos que, arredor
do lume e dun chamán, realizaban os seus ritos en procura de mellor
porvir.
Coa primeira luz do día, logo dun reconfortante mate de coca,
tostadas e copos de avea con leite, reempréndemo-la marcha mundo
arriba ¡e tan arriba!. O camiño, sempre ascendente, non deixa
un recuncho para recuperarse e só algunha vez se esconde entre o
escaso arborado. Esta é a etapa máis dura do Camiño
Inca.
Respirábase o cansazo colectivo, só profanado pola aparente
e case humillante facilidade coa que subían os pés descalzos
dos portadores. Nunha das obrigadas paradas a 4.200 metros sobre o nivel
do mar, debruzado na varanda da serra, derretinme unha vez máis
cos cumes nevados que me contemplaban e, extasiado, vendo pasa-lo tempo,
volvín en min co verso de Juan Ramón Jiménez: "No
corras. Ve despacio, que a donde tienes que ir es a ti sólo."
Aquela noite, fría coma non lembro outra, cada quen buscou calor
como puido. Cos primeiros sinais de vida, logo dunha ducha ás
escuras con auga nin quente nin fría, -a cero graos-,
Hugo, o noso guía e o seu equipo, concentrounos arredor do
alento quente dun mate de coca, para, despois dunha etapa tranquila pola
cella da selva, acampar no umbral do Machu Picchu.
Erguémonos co canto do galo e, coa axuda das lanternas, deixámonos
guiar por un carreiro estreito. No fondo do val, pero moi no fondo, adiviñábase
polo seu canto o río. A chegada é espectacular: abrazando
toda a lomba, esténdese harmoniosa a cidade, vixiada por picos maxestosos,
que coa súa silueta obrigan ó primeiro sol da mañaciña
a debuxar caprichosas sombras. Só a aglomeración impide vivi-la
fascinación do momento e escoita-lo eco do silencio que acaricia
as engurras da alma.
TITICACA, LAGO SAGRADO.
Partimos de Cuzco cara ó sur en autobús. Despois
de cinco horas de viaxe sobre o Altiplano chegamos a Puno, na ribeira do
Lago Sagrado. Rodeado de montañas, algunhas delas nevadas, de entre
as súas augas vin elevarse illas nas que se mestura maxia e lenda.
Venerado coma unha nai, pois do seu seo naceron líderes e divindades,
alimenta os seus moradores cos peixes e aves que cría dende hai
miles de anos. As súas augas son o espello onde cada mañá
brinca o sol, para de noite encherse de estrelas. Moe-lo grao a man,
como se facía nos poboados celtas, é aquí inda habitual:
a muller, duns moi vellos 60 anos, envolve coas súas pernas unha
pedra redonda de 70 centímetros de diámetro e 20 de alto,
que forma o pé do muíño. Na superficie cóncava,
-na da pedra, claro-, esparexe un puñado de graos, que vai triturando
pacientemente con outra pedra máis pequena en forma de media
lúa de 7 centímetros de labio, balanceándoa ritmicamente
coas mans dun lado a outro o tempo que a fai avanzar adiante e atrás.
Cabalgando no tempo, chegamos a Taquile arredor do medio día
dun domingo, para vivir na Praza do Pobo a Xuntanza dos Anciáns:
ataviados con traxes típicos e ritualistas condecoracións,
reúnese o Consello en asemblea pública, para analiza-los
acontecementos da semana e programa-las tarefas e obxectivos da seguinte.
Harmoniosamente situados en fila, o do medio mostra unha especie de bastón
de mando que exhibe con solemnidade. Por rigoroso orden e sen ser interrompido,
vociferan en kechua ou aymara, os seus idiomas oficiais, ata que en formación
silenciosa vaise retirando.
De regreso ó barco por unha inclinada escalinata de 300 metros,
tiven a sensación de deixar atrás parte de min mesmo. Co
último sol da tardiña o vello barco pon rumbo a Puno co meu
corpo ó lombo, mentres eu sigo sendo auga, barro, lume, aire en
Taquile.
EN TARMA: A PERLA DOS ANDES
Despois de visita-la Cruz do Cóndor moi de mañá,
descendémo-lo Cavorco do Colca, acompañados polo guía
local, Argimiro Castro.
Volvemos a Arequipa para voar a Lima e descansar unha noite.
No corazón do seu Casco Histórico, no canto dun vello
café tivemos tempo de encontrarnos con Pablo Neruda. Alí,
arredor dun doce de chocolate e unha cunca de café, puidemos saborea-los
seus consellos: "Muere lentamente quien se transforma en esclavo
del hábito, repitiendo todos los días los mismos trayectos,
quien no arriesga el vestir un color nuevo y no le habla a quien no conoce.
Muere lentamente quien evita una pasión, ... ... Muere lentamente
quien no arriesga lo cierto por lo incierto, para ir tras un sueño,
quien no se permite, por lo menos una vez en la vida, huir de los consejos
sensatos.
Muere lentamente quien no viaja, quien no lee, quien no oye música,
quien no encuentra gracia en si mismo. Muere lentamente quien abandona
un proyecto antes de iniciarlo..."
De Lima a Tarma foi unha viaxe, como tódalas de autobús,
interminable. Pasamos por Huancayo e Jauja, para desembarcar en Tarma moi
de tardiña, tan só con tempo de buscar aloxamento, cear e
descansar para repornos para o día seguinte.
De mañá cedo partimos en coche ata un lugar chamado San
Ramón, 80 minutos e 1000 metros máis abaixo sobre o nivel
do mar. Aí comeza xa a selva tropical, o que se denomina "Ceja de
Selva". Comezamos camiñar por un carreiro estreito que nos leva
río arriba; queremos chegar a unha fervenza e de alí xa se
verá. A vexetación e espectacular, diferente, espesa e mesmo
misteriosa, escondrixo dunha vida buliciosa que non se deixa ver.
Fervenza arriba por un carreiro que máis parece unha escaleira,
descubrimos entre a vexetación primeiro galiñas, despois
un can esfameado e por último dúas cabanas de entre as que
saíu un meniño seguido a uns cantos metros da súa
nai. Axiña se nos ofreceron para mostrárno-lo camiño
para chegar á MINA, (unha cova natural con dúas bocas e inda,
afortunadamente, durmida no esquecemento).
Cristian camiñaba descalzo por onde a nós nos custaba
facelo armados con botas especiais. Os seus pasos eran pequeniños
como correspondía á súa estatura de cinco anos pouco
desenvoltos, pero firmes seguros e rítmicos, máis que camiñar
parecía deslizarse. Contoume como o seu tío matou unha serpe,
pelouna e comeuna. Que tiña RICOTOS (pementos) na súa horta
e que mos regalaba. Teríame gustado que esta pequena viaxe xuntos
durase máis tempo, pero Cristian tivo que regresar á súa
casa e nós seguimos polo carreiro que se escondía na selva:
Papaias, laranxeiras, limoeiros e, algo sorprendente, as paltas (aguacates)
aquí son tan grandes como carballos e crecen silvestres onde queira.
Chegamos ó máis alto da serra por entre plantacións
de plátanos, só a base de auga, pois non nos podiamos deter
por medo a ser atacados polos mosquitos, a pesares de apestar a repelente,
que non só, mal que nos pesara, afastaba mosquitos. Xa de
volta, sobre as tres da tarde, comemos parte da nosa merenda; había
que deixarlle unha farela para Cristian que, seguro, esperábanos
na súa cabana.
Así foi. A dicir da súa nai, botou toda a mañá
á nosa espera. Tranquilo e sonrinte saíu ó noso primeiro
berro cun mangado de bananas maduras debaixo dos seus brazos. Compartimos
con el, a súa nai e máis co seu irmán Nando (de dous
anos) o resto das nosas merendas e algunhas larpeiradas que inda quedaban;
para facer render máis o reparto, dáballe de cousa en cousa
e, entremedias, Cristian batía cos pés no cu a carretar primeiro
un pan, despois unha mazá, unhas galletas ... ... foi entón
cando vin a cara mais fermosa que a selva pode amosar: Un meniño
feliz.
Ó día seguinte xoves 22 madrugamos como de costume, para
visitar unhas lagoas que por aquí coñecen como as lagoas
esotéricas: ó parecer, misteriosamente, a ela acoden todo
tipo de animais (cervos, corzos, llamas etc.) para inmolarse: entran lagoa
dentro para nunca máis saíren.
Chegamos a unha aldea chamada COCOM, asentada nun val precioso, amplo,
fértil e regado por cen fontes. As casas son, coma case que todas,
de barro e palla. A curiosidade da xente púxonos en contacto axiña;
eran sobre as dez da mañá. Nestas casas pequenas e terreas
dunha soa estancia viven as persoas e algúns animais como galiñas,
cui (Coello de indias), cans, gatos esfameados... Sirve de cociña
e de dormitorio. Nunha delas recibíuno-la señora e dous dos
seus fillos. Nun moi deficiente castelán, pois aquí fálase
quechua, aclarounos algunhas curiosidades.
Camiñamos pampa adiante durante preto dunha hora, bordeando
unha pequena lagoa a 4000 metros de altitude s.n.m. Todo semellaba irreal:
un deserto de campiña verde.
Por fin, cansados e asfixiados pola altitude, acadámo-los preto
de 5.000 metros, onde se asenta MAMANCOCHA, a lagoa esotérica. A
paisaxe conmove ate as entrañas. Como a suave néboa que se
esconde detrás da montaña, invade entón unha tendencia
misteriosa de abrazar todo canto nos rodea; nesta paisaxe seductora, que
invita ó ensoñamento, pódese, como Unamuno, "cogerse
el alma del campo" dende o balcón interior que cada un de nós
abre segundo as súas propias experiencias, para comparti-la soidade
e o silencio:
PACHACAMAC, creador do mundo, observou como existían todo tipo
de animais, aves e plantas, pero faltaba o home. Entón mirou o firmamento
e invocou a TAITAMAYU (Río Sagrado, que vén a ser a nosa
Vía Láctea), para que enviara homes. Veñen sete parellas
(o sete é un numero esotérico) e aséntanse en HATUNCHACA,
un cerro próximo a Mamancocha. As sete parellas ascenden ata Mamancocha
acompañados de tódolos animais e, tendidos no chan, beben
da auga da lagoa.
Por ser este un lugar pequeno para albergar a todos, dispérsanse,
quedando na ribeira da lagoa tan só o irmán máis pequeno
dos sete. Nos vales lindantes sementaron e recolleron grandes colleitas
que lles proporcionou anos de fartura, esquecéndose do irmán
pequeno e mesmo do CREADOR Pachacamac.
Este, enfadado, enviou grandes chuvias que inundaron os vales. Os seus
habitantes regresaron entón ás partes altas das montañas
e volveron reunirse en Mamancocha. Alí estaba o irmán máis
pequeno dos sete, que, temeroso de que lle comeran todo, pecha tódolos
seus animais nunha cova que hoxe se lle chama SUAMACHEI en quechua, (que
quere dicir caverna do ladrón).
Os animais romperon a porta de entrada e, todos xuntos, dirixíronse
á lagoa de Mamancocha, precipitándose na súa profundidade.
Todos, sen nada e mortos de fame, uníronse entón e subiron
ó cumio chorando e na cúspide convertéronse en cóndores
para impulsarse á súa galaxia, pero a terra estremeceu cun
forte estouro e atraeunos cara a ela, de xeito que cada un dos cóndores
pousouse nun pico da montaña, converténdose en pedras que,
co tempo, cubríronse de neve branca. A estes sete picos coñéceselles
hoxe co nome de GANCHIS HANCA (sete nevados).
MANIFESTO Pola protección das montañas
Un distinguido grupo de montañeiros, alpinistas, xeógrafos,
especialistas medioambientais, periodistas de montaña, etc., asinaron
un novo chamamento para a defensa efectiva das montañas e do medio
natural.
Trátase de sensibilizar a todos da necesidade de conseguir un
modelo de conservación que posibilite o encontro entre o home e
a natureza, e afaste a explotación económica e financeira
das nosas montañas, a favor os valores espirituais e deportivos
que deben prevalecer nelas. Iso si, os espacios naturais non impiden unha
explotación racional e sostible dos seus recursos, con aquelas actividades
tradicionais que sexan acordes coa súa conservación.
Nomes importantes do noso alpinismo xa deron o seu apoio a este chamamento,
coma o Catedrático en Xeografía e montañeiro Eduardo
Martínez de Pisón, Juanito Oiarzábal, Juan Vallejo,
José Carlos Tamayo, Óscar Cadiach, Cecilia Buil, Pedro Nicolás,
Sebastián Álvaro, José Isidro Gordito, Ferran Latorre,
Manel de la Matta... Dende aquí, invitamos a todos aqueles que se
identifiquen con esta iniciativa, a mostrar tamén o seu apoio asinando
este manifesto (www.desnivel.com/aim2002), que reproducimos íntegro
a continuación:
Manifesto de Alpinistas Españois para a Protección das
Montañas
Aproveitando a declaración en 2002 por parte da Asemblea das
Nacións Unidas como Año Internacional das Montañas,
os alpinistas, montañeiros e persoas vinculadas á vivencia
sensible das máis altas paisaxes de España e da Terra, abaixo
asinantes, REIVINDICÁMO-LA PROTECCIÓN EFECTIVA DAS PAISAXES
E LOS ECOSISTEMAS NATURAIS DAS MONTAÑAS.
Por tanto, avogamos por un modelo de montaña que sexa un espacio
rexenerador, un territorio de encontro entre o home e a Natureza no que
deben prima-los valores espirituais e deportivos sobre calquera tipo de
ambición empresarial, mercantilista, económica ou financeira.
Somos conscientes de que a montaña posúe uns valores ambientais,
sociais e culturais únicos, constituíndo un almacén
de auga potable e un reservorio de flora e fauna salvaxe, pero, sobre todo,
sendo un símbolo de beleza e de pureza que transforma o sentimento
dos homes. Defendemos, non obstante, unha explotación racional e
sostible dos recursos naturais, promovendo aquelas actividades tradicionais
que sexan compatibles coa conservación dun medio fráxil e
valioso.
O aproveitamento hidroeléctrico dos torrentes de montaña
-que forman o nacemento dos ríos-, a construcción e ampliación
de pistas de esquí, ou a implantación dun modelo de turismo
masivo, son algunhas das actuacións humanas que contribúen
á degradación dos cada vez máis escasos espacios virxes
da alta montaña, lugares onde reina o silencio, a soidade, o misterio
e onde é posible o encontro do home consigo mesmo. Cando contaminamos
ou destruímos as montañas non só acabamos cun rico
e valioso patrimonio natural que deberiamos legar ás xeracións
vindeiras para o seu goce, senón que tamén hipotecámo-la
posibilidade que nos ofrecen para a observación, a viveza e a comunicación.
Como alpinistas, amantes da aventura e do gusto pola soidade das grandes
paisaxes da natureza, avogamos por un modelo nobre, e non vulgarizado,
de alta montaña, alleo á mecanización, o sobreequipamento
e a construcción de novas infraestructuras humanas que domestican
as paisaxes, fan máis accesibles os cumes e adozan as vivencias
que estas producen (grandes refuxios, remontes, pistas de acceso motorizado,
etc.). O illamento e o perigo son condiciones inherentes ós precipicios,
os glaciares e os cumes elevados do noso país e da Terra, e permítenos
un diálogo silencioso dos alpinistas coas montañas.
Propugnámo-la defensa dos valores emocionais e sociais da montaña.
A historia, a toponimia, a etnoloxía montañesa,... deben
ser coñecidas e estudiadas para comprender mellor o mundo que nos
rodea. A montaña ten un gran valor educativo e tamén científico,
como campo de observación e experimentación nun mundo - o
de alta montaña - inda ben conservado.
As montañas son auténticas catedrais da Terra, de aspecto
sublime e poderoso, pero ó mesmo tempo vulnerables á acción
perturbadora dos homes. As montañas son templos de encontro do home
consigo mesmo e coa Natureza, polo que non só deben ser preservado
o seu armazón físico senón tamén respecta-lo
ambiente e a esencia de estas paraxes.
www.desnivel.com
Remata o ano, outro comeza. Fichas, memorias, resumo, ... sempre é
a obriga na fin do período. Como dixemos no anterior boletín,
este último mes do ano a "burocracia" acaba saturándonos.
Tivemos Comisión Delegada na F.G.E., a última do ano, onde
se discutiu o novo baremo aplicado ás actividades e participacións
dos Clubs, e de tódolos asuntos que son obxectivo desta Federación
de espeleoloxía, e por extensión dos clubs ou seccións
adscritos a ela. Houbo Asemblea Extraordinaria para as eleccións,
resultando a presentación dun só candidato á presidente.
Así que como resumo o novo presidente, xa antigo, é Juan
Prego. Como club pertencemos á Asemblea da F.G.E. e tamén
estamos na Comisión Delegada xunto co club Aradelas e o club Irmandiños.
En canto ós representantes dos deportistas, non tivémo-lo
mesmo resultado, (hai un pequeno tirón de orellas para os membros
da Sección que non votaron). A nosa colega Carolina non saiu elexida
por tres votos.
En canto ó baremo aplicado, resultamos se-lo MELLOR CLUB galego
deste ano 2002.
En canto ás actividades resumir que o ano caracterizouse polos
moitos asistentes a cada actividade, botouse en falta (a modo individual)
algunha saída de grandes cavidades fóra de Galicia pero como
diría Moncho non se pode repinicar e estar na misa. Tamén
é digno de resaltar que é un dos anos que máis licencias
tivemos. Espero que cunda o exemplo no ano que entra.
O próximo día tres temos a nosa Asemblea do G.E.S. e
daremos por pechado o ano e xa comezámo-la preparación das
primeiras acitividades do 2003.
Como sempre ó rematar algo xurden ás conclusións.
Das conclusións reais non hai nada que dicir, ós resultados
falan por si sós. Das máis afectivas, quero dárlle-las
gracias a tódolos membros da Sección, primeiro por participar
nas actividades e despois por toda esa carga que moitos tiveron na organización
das mesmas. E teño que resaltar a dúas persoas. Dúas
persoas: un mozo e una moza, que traballaron moito durante todo o ano:
Pilar e Daniel, Daniel e Pilar, un por toda a teima de leva-los papeis
ó día e sobre todo por sacar, ¡por fin! o regulamento
de réxime interno da Sección despois de levar tantos anos
falando del; e unha por ondenar tódolos libros de espéleo
da biblioteca preparando un sobre en cada libro para garda-las fichas e
rexistrando tódolos volumes que forman a "sub-biblioteca" de espeleoloxía
no Club. Sen eles a Sección non acadaría estes resultados.
Gracias ós dous.
Espeleosección
Espeleonovas
18/19 xaneiro. Xornadas de ascenso/descenso por corda. En Mondoñedo
15/16 e 22/23 Febreiro. Curso de Iniciación á espeleoloxía.
Da F.G.E.
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
Reproducimos o artigo do boletín anterior, xa que por un error informático perdeuse parte do texto.
Maña do sábado 19 de outubro. Pairao de Bouzas. Fai calor,
e eso que llevan toda a semana anunciando a chegada dun forte temporal.
Xa estamos nervosiños perdidos por saír ó mar, a mergullarnos.
Imos coa Escola Galega de Mergullo, e a meirande parte temos que face-las
prácticas do curso de mergullador 2 estrelas. Hoxe é unha
saida algo distinta das habituais: veñen un para de mozas dun xornal
a realizar unha reportaxe sobre submarinismo. Saímos con retraso,
e inda se fai máis longa a espera porque hai que recollelas no recén
inaugurado Museo do Mar. Xa estamos todos a bordo e nos diriximos mar adentro.
Mentra-la fotógrafa inmortaliza una de las actividades más
"duras" do mergullo, é dicir, equiparse, a xornalista recolle opinións.
En concreto, a que escribe estas líneas comenta que o que máis
lle gusta é o bonito e distinto que é todo aí abaixo,
a sensación de movimento baixo a agua e que o mar é unha
grande escola para tódolos públicos; en cada inmersión
sempre se aprende algo novo. Despois de face-lo seu traballo, levámoas
de volta ó Museo do Mar e volvemos, esta vez sí, a mergullarnos
na ría. Como só me quedan dúas prácticas do
curso de 2 estrelas, son a última en entrar no mar. A primera práctica
é de auxilio ó compañeiro. No barco pedíralle
ó instructor que me busque a alguén de forma que poda sacalo
da agua sen que teñan que terminar por socorrerme a min. É
que un dos compañeiros é como tres, casi diría que
catro veces unha servidora, e eso de "abrazalo" para subilo á superficie
non o vexo moi claro. Tócame cun non moi grande, pero que, aínda
así, cóstame rescatar. A segunda práctica consiste
en incha-lo globo de descompresión e ir facendo paradas a distintas
profundidades. Un desastre, e eso que outras veces me saíra ben....
Total, dez minutos na agua e ó barco. A verdade é que unha
se queda con máis ganas de mar, pero, co día que fai, contempla-las
Cíes e a enseada de Rande dende o medio da ría merece
a pena.
En casa, o domingo (os de subacuáticas tamén se quedaron
sin poder ir a Ribeira), sentada cómodamente mentra-lo anunciado
temporal azota as ventás, leo no xornal a reportaxe das mozas e
me entero de son a única muller que nestes momentos está
facendo o curso de 2 estrelas. ¡Chicas, o traxe de neopreno senta
ben! Así que ¿a que esperades para animarvos a bucear? A
ver se a próxima vez que escriba teño acabado o curso e vos
conto algunha das saídas coa Sección de Subacuáticas,
que Sechu sempre me pregunta cando vou bucear con eles.
AXENDA
Ata o 20 de xaneiro “Exposición Fotográfica de Montaña”. Fotos do Concurso Fotográfico de Montaña non expostas o pasado mes de decembro na Casa do Libro. No Club.
31 de xaneiro “Andes 2002: Parapente e Montaña”. Vídeo, por Jacobo Fernández. No Club ás 20.00 h
Do 4 ó 15 de febreiro “Selos de Montaña”, exposición filatélica . Por Conchi Barciela. No Club.
7 de febreiro “Actividades 2002 da Sección de Espeleoloxía”. Diapos, por membros da Sección. No Club ás 20.30 h.
14 de febreiro “Escalada en rocha”. Diapos, por Fernando
Fernández. No Club ás 20.30 h
VINDEIRAS ACTIVIDADES
XANEIRO
18-19 Mondoñedo Progresión Vertical S.D.
Espeleoloxía.
18-19 San Isidro (León) Xornadas iniciación-perfeccionamento
Esquí S.D. Esquí
19 Plantación de árbores S. Cultura e Medio
Ambiente
25-26 Curso Esquí de Travesía EGAM
26 Mougás Pozas de Mougás S.D. Bici de Montaña
26 Cuntis Sendeiro GR.94 Rural de Galicia. Etapa V S.D. Sendeirismo
FEBREIRO
1 Vigo. Hotel Coia Cea 61 Aniversario S. Actividades Sociais
8-9 Cabeza de Manzaneda Infantil. Achegamento á neve S.
Infantil-Xuvenil
8-9 O Courel Campamento de Inverno S.D. Montañismo
8-9 Curso de Alpinismo EGAM
8-9 Trevinca Esquí de Travesía FGM - Concello
de A Veiga
15-16 Curso Iniciación Espeleoloxía
EGE
15-16 Curso Alpinismo EGAM
16 Cerdedo Ascensión ó Seixo e ó Cando S.D.
Montañismo
22-23 Gredos Alta Montaña S. Montañismo
22-23 Curso Iniciación Espeleoloxía
EGE
23 Fornelos Sendeiro das Greas GR 58. Etapa II S.D. Sendeirismo
23 Saians Xuvenil. Muíños de Saiáns S. Cultura
e Medio Ambiente
Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación
e montaxe: Henrique Soto Campos.
Normalización lingüística: Enrique González
Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número: Emilio Ballesteros, Pilar Orche, Lourdes
Castiñeira, Miguel Carrillo
Jacobo Fernández Villar, Eliseo Fernández León,
José Luis Vázquez, Martín García (Shambala)