1,2,3,4,5......¡60! anos de
Montañeiros Celtas. Toda unha Historia de amor polas montañas,
o deporte, a natureza, a cultura e todo o que os relaciona.
Como membros do máis veterano
e maior club de montañismo de Galicia, temos moitos motivos para
estar orgullosos: "montañeiros celtas" levaron o pavillón
de Galicia e Vigo a cumios dos cinco continentes, dende os xeados cumes
de Grenlandia ata as altas cordilleiras de Nova Celandia, cun palmarés
de primeiras expedicións españolas a montañas de Asia,
África e América, ademais de primeiras escaladas nacionais
nos diferentes macizos alpinos e escandinavos. Na última década
destaca a chegada ó cumio do Everest, ascendido por unha muller,
que converteuse na primeira española e terceira no mundo que o lograba
sen osíxeno. Falamos de Chus Lago, quen iniciará o 15 de
marzo un ciclo de oito conferencias co lema "A miña amiga a Montaña".
Estas conferencias están organizadas polo Club dentro dos actos
conmemorativos do 60 Aniversario e con motivo de se-lo Ano Internacional
das Montañas, catro conferencias serán impartidas polos
tamén recoñecidos socios: Chito, Cholo, Manuel González
e José Manuel P. Prego, e outras dúas por invitados
de prestixio: Gonzalo Puerto e Ricardo Burriagán. A oitava conferencia
está pendente de confirmar. No vindeiro boletín publicarémo-lo
calendario detallado destas conferencias que ultima o compañeiro
Fernando Fernández.
Como tódolos anos, celebraremos
a tradicional Cea Aniversario. Xa que Montañeiros Celtas foi fundado
un 2 de febreiro e este ano cadra en sábado, pareceunos o día
idóneo para a Cea, considerándoa "Acto Inaugural do 60 Aniversario"
onde se entregarán, como é tradición, medallas ós
socios con 25 e 50 anos de antigüidade no Club.
Con 50 anos no Club:
Manuel Núñez
Estevez
José González
Rodríguez
Francisco Comesaña
Álvarez
Bienvenido Sío Comesaña
Con 25 años no Club:
Benigno Iglesias Albuger
María Fernanda Núñez
Navarro
Vicente García Grobas
José Manuel Pérez
Prego
Ana María Alonso Martín
José Manuel Lago Rey
María Jesús
Lago Rey
Esperamos vervos a todos un ano máis posto que é unha ocasión especial de encontro.
Cea Aniversario
HOTEL COIA
Rúa Sanxenxo, 1- VIGO
Aparcadoiro gratuíto
2 de Febreiro 21. 30 h
Para o Menú tivemos en conta que o pasado ano tocou peixe polo que eliximos carne, esperamos que sexa do voso agrado:
SECCIÓN DE CULTURA
TERTULIAS
Por diversas razóns a tertulia que estaba prevista para o mes
de Decembro aprazouse ata o 3 de Xaneiro. O tema foi A globalización.
Contamos cunha representación moi nova. Houbo xente extremista
no sentido de que tódolos efectos da globalización lles parecían
negativos, pero en xeral reinou a postura de ver aspectos positivos e negativos.
A continuación escribo as conclusións principais:
Aspectos positivos:
A facilidade de intercambio de información fai que os homes
sexan máis libres.
A concienciación ante os problemas globais, fai buscar solucións
globalmente. Aparece una ética global que supera culturas e relixións.
Aspectos negativos:
Arrase de bastantes culturas economías.
Destrucción ou superexplotación global dos recursos naturais
e contaminación global.
A día de hoxe inda non nos reunimos na tertulia de Xaneiro que
ten por tema : O medo nos deportes de risco.
O tema da tertulia de Febreiro está inda por determinar e será
o Xoves 7
SAÍDA ORNITOLÓXICA
Esta saída será dirixida por unha experta ornitóloga
Mónica coa colaboración de Baro, son dous excelentes biólogos
e amantes da natureza.
Día: 10 de Febreiro.
Lugar: Desembocadura do Miño.
Saída: Posiblemente sobre as 10h. pero sen confirmar e en coches
particulares.
CHARLAS
BOTIQUÍN DE MEDIA E BAIXA MONTAÑA
PROTECCIÓN DA VISTA NA MONTAÑA
Será o venres 15 de Febreiro ás 20:30h. e será
impartida por María Villaverde, experta montañeira
e farmacéutica . Cremos será una charla de interese para
un bo número de persoas e preténdese facela sinxela e accesible.
Complementarase con outra pequena de protección dos ollos na montaña
a cargo de Ramón García, óptico experimentado e esquiador.
DÍA DAS PANXOLIÑAS
A participación de 2 grupos deu alegría e bo ánimo
no día da festa de inauguración do novo local. Cantáronse
panxoliñas tradicionais e modernas, e anque as cordas vocais non
respondían en todos ó mesmo nivel, agradecémo-la participación
sen distincións, e animamos a pór o listón cada ano
máis alto.
Só nos resta felicitarvos o novo ano, pois escribo estas liñas
a principios de Xaneiro, co desexo de que a harmonía e a cultura
poidan incrementarse, co pequeno graíño de arena que aportamos
todos, o que alomenos intentamos aportar co noso pobre coñecemento.
Martín (Shambala)
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
CHISTE
SECCIÓN DE MONTAÑA
ACUEDUCTO DA CONSTITUCIÓN EN ZURIZA
Saímos de Vigo á hora sinalada con Alberto como xefe de
expedición. Da viaxe non vou dicir nada xa que foi coma sempre.
Paramos en Sanabria nas Señoritas e en Burgos puidemos lembrar o
sutil aroma do lugar onde nos soen parar os buseiros.
Chegamos a Zuriza sobre as 9 a.m. e ía un frío que pelaba.
Montaxe de tendas e primeira actividade para estirar os músculos.
Subimos ata o collado de Petraficha onde o bo amigo Martín botou
as súas oracións o vento para que os deuses nos protexeran
nas nosas aventuras. Os máis aguerridos atrevéronse a subir
ata o Trixipeta a pesares de que a noite se nos botaba enriba. A volta
foi polo mesmo camiño cunha pequena variante que nos obrigou a facer
unha arriscada destrepada en mixto que nin as cabras o farían tan
ben. Cando chegamos ó refuxio de Taxera xa era noite pechada e como
é habitual o frontal non estaba na mochila (hai que ter moito coidado
porque na montaña a lei de Murphy e o principio da entropía
cúmprense sempre). Sen máis novidade chegamos ó cámping
pero a min tocoume ducharme con auga máis ben fría e para
votarlle valor púxenme a cantar o Anello do Nivelungo. Frío
por fóra, frío por dentro e o corpo polo medio.
A actividade do segundo día metía un pouco de medo así
que só os mais bravos atrevéronse con ela. Un pouco antes
do túnel de Larrau (a neve non lle permitía subir máis
ó bus) só sete persoas baixamos do bus e comezamos a ascensión
o Orhi subindo pola estrada cun metro de neve ata chegar ó porto
onde saudamos a dous membros da benemérita que tamén tiñan
pensado subir ó Orhi. O día foi espléndido e a ascensión
moi bonita, ía pouco vento, cousa que non é moi habitual
pois soe ir bastante, pero moito frío. Cando chegamos ó cumio,
fomos os primeiros do día, a vista era espléndida, o ceo
limpiño e o Midi destacaba entre tódolos cumios. Cando levabamos
cinco minutos no cumio apareceu un Iñaki en pantalón curto
e mangas de camisa, tiña a pel dos brazos e das pernas coma as dos
capóns de Vilalba, e a penas tivemos tempo de falar xa que lle entrou
moita presa por baixar, era de Bilbao. Nós seguimos coa nosa ruta
e fixemos o descenso seguindo a cristería ata chegar ó río
Ibarrondoa onde comezaron os nosos problemas de situación. ¿Estabamos
en España ou en Francia?. Percorremos pistas e devesas sen albiscar
o noso camiño. A noitiña xa se sentía e eu empecei
a lembrar unha noite na Serra Amarela pero afortunadamente un dos meus
compañeiros sacou do seu peto un aparello que conecta cos satélites
e dáno-lo punto exacto onde un se atopa (eu xa tiña visto
estes aparellos pero nunca crin neles) e a partires deste momento todo
foi moi sinxelo fomos parar ó punto exacto onde tiñamos que
estar e cando tiñamos dúbidas o aparello sacábanos
delas. Xa de noite chegamos á fábrica de Orbaizata onde nos
esperaba o bus e os nosos compañeiros, un pouco preocupados. Chegamos
dúas horas atrasados sobre o horario previsto. Esa noite tiven sorte
tocoume auga quente.
A actividade do ultimo día comeceina almorzando co meu amigo
Gaspar un par de ovos fritidos con chourizo e viño da terra, facía
falta xa que a marcha de aproximación a Mesa pode esgotar a calquera
(saímos as 8 a.m. e volvemos ás 8 p.m.). O tempo foi magnifico,
moito frío e moito sol. Saímos do refuxio de Linza e despois
de pisar moita neve chegamos ó pé da Mesa onde tivemos que
usar os crampóns, a subida é un pouco empinada pero faixe
ben se estás en boa forma, se non é así podes sufrir
agarrotamentos e cambras coma nos pasou a nós, a idade non perdoa.
Cando baixamos da mesa o bo de Luís estábanos a esperar xa
que os demais liscaran. Como soe suceder botóusenos a note enriba
e non tiñamos frontal así que fomos apalpando o camiño
ata que ollamos as luces do refuxio, ¡alegría, alegría!
Os compañeiros estábannos a esperar e uns Iñakis moi
amables baixáronnos ata o cámping (as veces estar entre os
de máis idade ten as súas vantaxes). Para remata-lo día
tiven sorte, tocoume auga quente e ceamos moi ben.
Hai que sinalar que se fixeron outras activades como a subida ó
Ezcaurre e algún tramo do GR-11 polo que o listado de Heroes - Heroínas
foi moi avultado.
En resumidas contas ía tempo que non o pasaba tan ben nunha
saída pero saín cun ano menos e volvín cun ano máis.
O domingo volta a casa.
Celtis Lupus
.
SECCIÓN SENDEIROS
FINAL DO GR 56. TRANSOURENSÁN. ETAPA IV
CHANDREXA-MANZANEDA, 16/12/2001
Etapa moi montañeira, con desnivel e frío intenso. Saída
de Chandrexa ás 9:30, despois de pernoctar parte do grupo en Casa
de Gerardo. Somos máis dunha trintena subindo cara a Manzaneda.
Alcanzámo-la aldea de As Forcadas despois de atravesar pistas e
carreiros empedrados, sempre subindo, pois temos que librar 800 m de desnivel.
Ó chegar o Sixtil empezamos a chairear, vendo ó lonxe Cabeza
de Manzaneda (1700 m), o vértice que ascendemos ás 14:00,
dando por finalizado o Gran Recorrido que iniciamos no mosteiro de San
Estevo outro despexado día como este pero non tan frío, no
mes de Setembro. Despois de contempla-las vistas que se nos regalan dispoñémonos
a comer na Estación Invernal. Retornamos a Chandrexa monte a través
e caemos na vila de Parafita e de aí por un PR marcado por Gerardo
ó noso punto de partida, xusto antes do anoitecer.
Con esta última etapa cerramos este GR que durante esta temporada
de outono levamos a cabo ó longo de case 90 Km, atravesando algunhas
das máis fermosas paraxes Galegas: Dende o impresionante cavorco
do Sil na Ribeira Sacra, pasando pola Serra de San Mamede e Manzaneda,
ou ben visitando mosteiros como Montederramo, e ás veces alongando
o itinerario previsto con Pequenos Recorridos como o que nos conduciu dos
balcóns de Madrid a Santa Cristina.
É de agradece-la elevada participación que recibiu este
proxecto, alcanzando o cento de participantes en total, repetindo moitos
deles a súa presencia en varias etapas, non baixando ningunha das
mesmas de 20 persoas.
Non poderiamos esquecernos da información facilitada polo Club
Alpino Manzaneda, así como da hospitalidade de Gerardo, o que nos
fixo gozar enormemente da nosa estancia en Chandrexa, tanto polo seu bo
facer, boa mesa e axuda en aclararnos certas dúbidas do recorrido
sobre o terreo.
O noso próximo obxectivo, e ó que vos animamos a participar,
é camiñar dende Cabo Ortegal ás Dunas de Corrubedo,
tendo como punto intermedio Betanzos ó longo do GR 50 Ruta do Medievo
e o GR 52 Ruta dos Ríos, en total 283 Km por etapas. Pero como dixo
Kipling, iso xa é outra historia.
SENDEIROS INVERNO-PRIMAVERA 2002
Presentámo-lo calendario para a nova temporada, con el pretendemos
continuar coa liña de combinar Grandes Recorridos, rutas novas
e saídas de fin de semana. Como poderedes comprobar aparecen novas
opción e rutas, manténdose algunhas que polo seu interese
se conservan ou se volven recuperar.
Trataremos de introduci-las marchas nocturnas, un pouco esquecidas
hoxe en día, comezando pola xa clásica Galiñeiro-Aloia.
Tamén é a nosa intención que Sendeiros sexa unha introducción
a novas metas, por iso planificamos saídas de montaña pola
nosa xeografía, tales como Ancares e o Xistral. Esta opción
é de agradecer a algúns veteranos de club, os que puxeron
a súa sapiencia á nosa disposición.
Outra oferta que presentamos son as rutas temáticas, por exemplo
os Castelos de Galicia, con sendeiros ou marchas que enlacen co noso patrimonio
histórico, como no caso da Ruta de Mondariz-Vilasobroso ou a de
Goian.
Entroncando estas saídas temáticas cos GR, temos pensado
camiñar os 90 Km que unen Betanzos con Cabo Ortegal: GR 50 Rota
do Medievo, e a menor escala (50 Km) , o Camiño da Franqueira (GR
sen Homologar).
Contamos coa vosa participación e colaboración para poñer
en practica este calendario, agradecendo calquera idea que nos poidades
aportar para mellora-las actividades propostas para este novo ano que se
nos presenta.
BUSCAMOS VOLUNTARIOS/AS
NECESITAMOS XENTE PARA SINALA-LOS SENDEIROS
DO CLUB, EMPEZANDO POLO PR-G 1 SENDEIRO DO GALIÑEIRO.
SE ESTÁS INTERESADO/A EN COLABORAR
ASISTE Á REUNION O
VENRES 25 DE XANEIRO ÁS 21:30 h.
ESPELEOSECCIÓN
Rafavei
Non foron os catro días da ponte da Constitución como estaba previsto, pero si foron dous días, o sábado e o domingo. Non fixemos máis que chegar ó refuxio, prepara-las cousas de topografía e marchar para Rafavei ou Sima do Penedo. Alí estivemos ate acabar de toma-las medicións dos puntos que faltaban para a topografía, agora so falta que as medidas saian do caderno de notas e automaticamente se traspasen a papel para que os trazos os unan e formen un plano bonito e descritivo de como é a cova. Algún día destes será.
Xornadas biolóxicas en cavidades
Celebradas en Cobas -zona de Zorra e Despiste- contamos coa inestimable
colaboración do experto de "bicholoxía" e membro do club,
Jorge Ramos que veu dende A Coruña para pórnos diapositivas
e falarnos dos bichos das covas.
O sábado dedicámolo á preparación dos bote-trampa,
cun exquisito queixo azul, e instalación das mesmas na cavidade
de A Zorra, escollendo os lugares máis apropiados, resultando
complicada a ubicación porque a cavidade estaba moi seca e tiñamos
que buscar con lupa as zonas húmidas preto ás coladas ou
similar. Puxemos seis trampas. O domingo chegou Jorge para encerrarnos
na escuridade do refuxio a ve-las diapositivas e atender a charla. Logo
fomos recolle-las trampas cos seguintes resultados: dous botes estaban
tombados e esfumado todo o seu contido (algún atrevido troglóxeno
tivo menú extra), outro bote albergaba unha parella de dous
carábidos (de distinto sexo): Antisphodrus (Ceuthosphodrus) pelaeus
ssp Gallaecus dándose un banquete, os demais botes non tiñan
nada. Observamos tamén un total aproximado de 30 morcegos por toda
a cavidade localizando os de Ferradura grande e o Liposidelus. Á
tardiña, recollida e, con novos coñecementos, para casa.
Susto en Cobas
Coincidindo coas datas de fin de ano fomos a Cobas para explora-la K-1
e facer algo de prospección.
Con pouco tempo, esta última consistiu na recollida de información
de dúas cavidade pola zona, que trataremos de localizar nas próximas
semanas.
Mais cando volvemos a xantar, o primeiro de ano, durante a comida escoitamos
raros ruídos no teito da cociña. Localizados,.... ¡lume!.
Si. Despois de retirar algunhas pranchas do falso teito...¡¡¡lume!!!
Unha das vigas centrais e as laterais próximas estaban ardendo.
Axiña nos levantamos a fume de carozo (inda que o lume estaba no
tellado) e dous ós extintores, un ó móbil para pedir
axuda (débese facer ó 112 SOS Galicia) e os demais a saca-las
cousas para fóra. Tan concentrados que ninguén sabía
que facía o outro grupo.
Perfecto funcionamento dos dous extintores e dos que, envolvidos en
escuma branca, respirando "daquela maneira", asomaron primeiro polo falso
teito con eles, e logo subiron polas vigas para remata-lo lume. Xa todo
estaba fóra e os bombeiros en camiño desde A Rúa.
Cun ollo nas vigas e outro no descanso, preparámonos para a
seguinte acción: empapa-las vigas de auga, para evitar brotes de
lume posteriores. Cadea humana para facelo e comentarios de todo tipo.
Primeiro chegaron dous bombeiros. A pé... Si, a pé, pois
o camión non pasaba polas casas de Cobas. Incrible. Un parque de
bombeiros en A Rúa, para toda a zona de Valdeorras (con aldeas,
pistas,....) e non entran por Cobas. Non queremos pensar cantos.... si,
cantos lugares son inaccesibles. ¿Dependerá da sorte? ¿Dependerá
da sorte que poidan chega-los bombeiros en pleno 2002?
Fixéronse cargo e revisaron tódalas vigas. Perfectas,
sen perigo de volver plantar lume. Moi ben apagado. Chegaron 15 minutos
despois, tamén correndo, outros tres bombeiros, dous con extintores
e un con sacho e palas.
Avisamos á federación e máis ó Club, e.....
xa contaremos se hai novidades. Só nos queda dicir ¡GRACIAS
Eutimio!.
Espeleonovas
A destacar neste mes:
SECCIÓN INFANTIL XUVENIL
Festa de Entroido. 11 Febreiro do 2002
AXENDA
ACTOS SOCIAIS DOS VENRES
REUNIÓNS
ACTOS SOCIAIS DOS VENRES
VINDEIRAS ACTIVIDADES
XANEIRO
26-27 Espeleoloxía. Catálogo Canóns
26-27 Saída Infantil - Xuvenil. Cabeza de Manzaneda
26-27 Montañas de Galicia: Trevinca
27 Rota Da Auga. PR G59 Caldas De Reis
FEBREIRO
2 Cena 60 Aniversario.
2-3 Curso Iniciación Espeleoloxía (E.G.E.)
2-3 Curso Esquí de Montaña (E.G.A.M.)
3 Bici de montaña. A Grova
9-10 Saída Alta Montaña
9-10 Curso Iniciación Espeleoloxía (E.G.E.)
10 Castelos de Galicia: Goian Niño Do Corvo Castelo
de San Lorenzo
10 Cultura. Saída Ornitolóxica
11 Festa Infantil de Entroido
16-17 Curso Iniciación Alpinismo (E.G.A.M.)
17 Rural de Galicia Gr.94 Etapa I
23-24 Ruta do Medievo Gr 50 Etapa I: Betanzos Monfero
Caaveiro
23-24 Curso Perfeccionamento Alpinismo (E.G.A.M.)
23-24 Espeleoloxía. Catálogo Canóns.