Boletín de Nadal de 2003

Club Montañeiros Celtas

Principal Información xeral Boletines Calendarios Fotos Enlaces



 
 

 
REMATA O 2003... PERO SEGUIMOS NO 2004

E que mellor maneira de remata-lo 2003 que visitando a exposición do Concurso de Fotografía de Montaña, que un ano máis achéganos fermosas e evocadoras imaxes, será na Casa do Libro ata o 30 de decembro. Pero seguiremos, pasadas as festas e co bandullo ben cheo, desexosos de novas actividades que nos fagan gozar da montaña e o seu entorno, para empezar teremos, en xaneiro, actividades de esquí, participando primeiro na actividade da federación en Trevinca e despois organizando unha saída a estación de San Isidro, que esperamos sexa tan popular como a do ano anterior, montañismo na próxima e coñecida Serra do Suido, as tradicionais xornadas técnicas de vertical dos espeleólogos en Mondoñedo, unha aproximación cultural á historia e arqueoloxía do Galiñeiro, a primeira saída de sendeirismo que será en Silleda, e para os nenos o achegamento anual a neve que repetiremos en Manzaneda. Como podedes comprobar será un mes variado e así queremos que sexa todo o ano, que ninguén se quede sen participar!  Ademais temos un par de sorpresiñas, resulta que no 2004 cúmprense 50 anos da primeira esploración da Cova do Rei Cintolo, os inicios do que despois sería o noso Grupo de Exploracións Subterráneas (G.E.S. Club Montañeiros Celtas) e o vamos celebrar cun amplo programa de actividades e eventos, e por outra parte pedímoslles os reis magos un xoguete para os escaladores (e para os que aspiren a selo) e Vázquez, o noso querido e ocorrente debuxante ten a corazoada de que nos van deixar un boulder e retratou a escena (ver debuxo).

Eh socio!, si, si, vai por ti... non esquezas que o venres 19 tes dúas citas importantes, a primeira será na Casa do Libro ás 19.30 h para render homenaxe a Manuel Martínez Barcia a quen lle dedicamos o Concurso Fotográfico, e a segunda será as 21.00 h no Club, para celebrar a tradicional Festa polo fin da presente temporada,  que pensamos deu para moito e esperamos que todo o programado fora do agrado de todos. Ah, case me esquezo...

 ¡BO NADAL! ¡FELIZ 2004!
Sechu


INFORMACIÓN XERAL DO CLUB

REFUXIOS

Temos a intención de difundir, especialmente entre os socios, o coñecemento dos refuxios con que conta o Club, para que se animen a utilizalos. Neste boletín vai un artigo como avance, pero nos seguintes iremos introducindo unha información máis detallada, a razón dun refuxio por boletín.
Para contribuír ó seu uso, temos rebaixado o prezo por noite, quedando como sigue: para socios, 1 € (antes 1´8 €); para non socios 4 € (antes 4´20 €)
Tamén se traballa na mellora destas instalacións. Actualmente o Refuxio do Galiñeiro esta en obras de arranxo do seu tellado.

VACACIÓNS DE NADAL

O local do Club estará pechado por vacacións  dende o 1 ó 6 de xaneiro do 2004

ACTIVIDADES  DE  ADULTOS  CON  RAPACES

Os menores de idade que non vaian acompañados por pai ou nai necesitan sempre AUTORIZACIÓN PATERNA, os menores de 16 anos ademais, deben estar acompañados por un adulto que se encargue deles e sexa o seu responsable.
Os rapaces menores de idade que vaian acompañados por pai ou nai terán un desconto no prezo do autobús do 50 %; os que vaian acompañados por un familiar directo e maior de idade (avós, tíos, irmáns... ) terán un desconto no prezo do autobús do 25 %.

ACTIVIDADES AS QUE NON ASISTAN OS ANOTADOS

Os que se anoten nunha actividade e logo non asistan a ela, perderán o importe abonado, salvo causas que xustifiquen a súa ausencia. Esta medida tómase ante o feito de que algúns anotados, cos que evidentemente se conta cando se reserva o bus, o aloxamento ou comidas, ou calquera outro servicio, non se presentan porque simplemente cambian de parecer, xerando un trastorno económico ó Club (recentemente deuse o caso de faltar o 25 % dos anotados).

EXSOCIOS  QUE  QUEREN  VOLVER. COTA  DE  ENTRADA  REDUCIDA

Os que foron socios e queiran volver a selo, en vez dos 29 € de cota de entrada, non terán que aboar nada, só no caso de que cando foran socios non houberan abonado a cota extraordinaria para a compra do local, terán que abonar 24 € (o equivalente a referida cota extraordinaria). Isto é válido para os que queiran retornar por primeira vez e que non deixaran cotas pendentes de pago.
 

¡¡Xa Temos Muro De Escalada No Club!!

A tódolos/as devoradores de muros de escalada , ¡¡vaia regalo de Reis!!,  podedes  empezar a afiar os dentes xa que para finais do mes de Xaneiro xa poderedes gozar no local dun “boulder” de escalada feito a medida de todos/as: para os iniciados, para os xa non tan iniciados, para os que teñen xa algo de nivel e para os machacas.
Esperamos , dende logo ,que  satisfaga a tódolos/as e que polo menos nos sirva para non perder o ritmo no longo inverno.
Estamos preparando todo para que o venres 23 de xaneiro as 20.30 h sexa a festa da escalada onde poidan participar tódolos/as socios/as na estrea do muro de escalada. Así que contaremos con persoas que normalmente escalan (entrean) neste tipo de instalacións, para que nos mostren as posibilidades deste muro. Para que despois, os que o desexen poidan estrealo.
Desexamos que este muro cubra as necesidades dos socios/as practicantes e todos/as aqueles que non practicando, con esta instalación , se animen a iniciarse na escalada. Que o gocedes.
Chao

LEMBRANZA

NÁUTICA ALFAYA E PHOTUM, GRACIAS POR ESTAR CON NÓS

É de ben nacido ser agradecido e agora que finaliza o ano, queremos ter un afectuoso recordo para dous comercios que durante moitos anos nos acompañaron e que acaban de cerra-las súas portas en Vigo, ALFAYA NAUTICA e PHOTUM.
Paco Alfaya socio dende moi mozo, sempre estivo disposto a axudar no que podía ó seu Club, proba disto foron as súas colaboracións nas actividades da Sección de  Subacuáticas, como os campionatos de pesca submarina, descenso do Tea, saídas de mergullo,  e agasallos de material ó Club. Temos que lembrar tamén a Antonio Saa y Miguel que sempre tiveron unha magnifica disposición cara a  nós.
En Photum, con Pirulo, que xa cumpriu 50 años no Club (fillo de socio fundador), e o seu fillo Antonio, metéronnos no corpo a moitos socios de Montañeiros Celtas á fotografía. Ademais colaboraron directamente con subvencións de material fotográfico en varias expedicións de montaña, tamén axudaron á operación benxamín e  en diversos concursos fotográficos.
Sería moi difícil enumera-las ocasións que estas persoas colaboraron co seu Club, polo que tódolos amigos que aquí tedes desexámoslle-lo  mellor na súa nova etapa.
 Fernando

SECCIÓN DE CULTURA

XXV Aniversario da Declaración  “PARQUE  NATURAL  MONTE  ALOIA”

O Monte Aloia foi o primeiro Parque Natural declarado en Galicia.
No Real Decreto 3160/1978 de 4 de decembro, sinalábase como motivo desa declaración “que se trata dun espacio natural que aos seus excepcionais méritos estéticos une un destacado valor forestal, nunha zona propicia ao turismo”.
Vintecinco anos despois, o Parque Natural do Monte Aloia segue a facer compatible a conservación da súa biodiversidade cun uso público crecente, no marco de desenvolvemento sostible que supón o aproveitamento ordenado dos seus recursos forestais.
PN Monte Aloia

Charla-coloquio Prestige, 7 de novembro

Galicia é unha das zonas a nivel mundial con máis risco de contaminación por transporte de hidrocarburos. E para mostra recente aí témo-lo Prestige. O pasado mes de Novembro, algúns colaboradores dos "Voluntarios Nunca Mais - Vigo" pasaron polo salón social do Club e amosáronos fotos do recente mes de Outubro onde inda se pode ve-la contaminación na zona de Oia, por poñer un exemplo próximo a nós. Comentáronno-los medios utilizados na limpeza da costa así como os erros máis graves cometidos neses procedementos.... e o triste é que os riscos de que pase o mesmo seguen sendo practicamente os mesmos... e non son os petroleiros os únicos factores que ameazan as nosas costas e as nosas rías... Despois tivemos un interesante debate no que tamén se comentou o tratamento que a prensa e os políticos lle deron ó tema. Dámoslle-las gracias outra vez pola súa desinteresada axuda a mantermos todos un pouquiño mellor informados.
Xornada de astronomía, 29 de novembro

Certamente que o tempo non estivo ó noso favor, pero o ambiente de compañeirismo no refuxio do Aloia axudado, como non, pola agradable cacharela, fixo que a xornada fose amena e moi instructiva. Gracias á axuda das transparencias e diapositivas, xa todos somos uns perfectos coñecedores de ónde atopa-la estrela polar, fundamental para situa-lo norte xeográfico. Tamén aprendemos a recoñecer algunhas das constelación de inverno e vimos as espectaculares fotografías de galaxias, estrelas e nebulosas cheas de colorido que gracias á tecnoloxía obtéñense coas sondas espaciais. Gracias á "Agrupación Astronómica" pola interesante xornada (amenizada por un agradable chocolate quentiño) e esperamos poder contar con eles novamente no mes de Xullo para que nos falen das constelacións de verán... ¡e que o tempo axude!
IsabeL

“O TIBET, AS SÚAS XENTES E A MONTAÑA”
CAPÍTULO III: O monte Kailash, a montaña Sagrada

Moitos de vós xa oístes falar desta incrible Montaña, da que nacen os principais ríos do Mundo e considerada por numerosas culturas como o Centro do Universo. Non hai moito tempo desatouse unha gran polémica pola proposta de Susi de Porriño, quen xa escalou o Everest, de intentar ascender esta montaña Virxe, e que foi contestada dende tódolos ámbitos tibetanos e alpinos, por considera-la unha montaña que non debe ser escalada pola súa importancia como lugar de peregrinación e como símbolo de pureza. Así e para ben de todos, Susi abandonou o proxecto, e dende aquí lle dou  as gracias pola súa sensatez.
No remoto plató do Oeste do Tíbet, na rexión da máis ao Norte dos Himalayas, aséntase o Monte Kailash, a montaña Sagrada. Os  tibetanos chamárona Kang Rimpoché, ou Xoia de Neve, e os indios refírense ao Monte Kailash como Monte Merú. Budistas, Hinduístas e Jainistas peregrinan dende todo o mundo cara a esta montaña sagrada, para circunvala-la se é posible. De feito, escalar o monte Kailash estaba prohibido ata fai  pouco. A única persoa que estibo na cima desta montaña foi o gran yogui tibetano Milarepa no século XI. O Monte Kailash dise é o Centro do Universo nos textos relixiosos dende India a Xapón. É o piar do mundo.
Os Hindús cren que Lord Shiva, un dos seus principais deuses, reside na cima desta Montaña. Os tibetanos circunvalan a montaña camiñando en sentido horario, e son uns 32 quilómetros de circunferencia que se recorren a gran altura e con dificultades, a isto lle chaman Kora ou circunvalación. Segundo eles dar unha volta ao redor da montaña pode limpar unha vida de karma negativo. "Aquel que realiza a circunvalación ritual da montaña sagrada, cunha mente devota e ben concentrada camiña a través dun ciclo de vida e morte" segundo Lama Anagarika Govinda. Os Jainistas refírense ao Monte Kailash como Montaña Ashtapada e cren que o fundador da súa fe, Rishabanatha, reside na cima da montaña. Os Bompos, relixión ancestral tibetana anterior ao budismo, cren que toda esta rexión é o asento de todo poder.
Cando vemos dende a cara sur, unha esvástica pode ser vista. A diferencia dos Jainistas, Budistas e Hinduistas, os Bompos fan a circunvalación en sentido antihorario.
Os devotos budistas tibetanos realizan a circunvalación facendo prostracións no chan completas, así esta volta ao redor do Kailash lles pode levar semanas, incrementando a purificación que reciben. Moitos peregrinos fan a volta completa nun día, o cal é difícil pois a cota supera os 4000 m de altura media. Os peregrinos son por natureza perseverantes e como en toda a rexión non hai aeroportos ou tren, a xente chega a esta Montaña andando, a cabalo, yak ou jeep.
Tarchen é o asentamento máis preto á cara sur da montaña, o lugar onde moitos peregrinos comezan. Ademais se alguén non está capacitado para facer a circunvalación ofrece algo de diñeiro a alguén que a poda facer e  anque non ten a mesma forza a circunvalación dise que ese interese en colaborar con quen a realiza lle pode resultar beneficioso, o que a realiza e cobra algo de diñeiro tampouco acumula a mesma enerxía que facéndoa sen cobrar nada.
Ao realizar a circunvalación hai 4 puntos de prostración. No máis alto punto do circuíto a uns 5000 m, está Drolma La Pass, que significa Ela que axuda a cruzar. Ela é a deidade Tara. Refírese a cruzar cara á liberación ao lograr completa-la circunvalación. A gran pedra de Tara está decorada con bandeiras de oración longas e de cores, que envían as súas mensaxes de paz co movemento debido ao vento. O Monte Kailash é tamén a fonte dos 4 ríos maiores. Os ríos chámanse Indo, Brahmaputra, Karnali e Sutleg.
A 18 millas ao sudoeste do Kailash está o lago circular de cor turquesa chamado Manasarovar ou Tso Rimpoché, lago precioso. Tamén se circunvala en recorrido de 64 millas.
Facer estas peregrinacións supón segundo os tibetanos, liberarse dos malos hábitos e abri-lo corazón, facendo esta peregrinase empequenecer o ego e purificándoo, permitindo a transformación de alcanzar un positivo afecto cara  ós outros.
 Como fin deste artigo inclúo a frase do gran yogui tibetano Milarepa, que vivía nunha cova e alimentábase só de estrugas, e que escribiu numerosos cánticos espirituais, a frase di así: "Non hai lugar máis poderoso, máis bendicido ou máis marabilloso que este, poidan tódolos peregrinos e practicantes ser benvidos."
Así vedes a gran importancia que ten nestas culturas asiáticas as montañas e en especial esta do Monte Kailash, só desexo que cada un de nós, montañeiros  a diferentes niveis, encontremos o noso monte Kailash que nos produza unha transformación positiva no noso interior e en base a ela a desta sociedade tan dominada polo materialismo. Ata logo.         Martín (Shambala)
 
 

ACTIVIDADES SOCIAIS

MAGOSTO

Acabáronse as vendimas, as esfolladas e... o magosto.
O sábado 9 de novembro, pouco a pouco a xente foi chegando ao refuxio do Aloia.
Os primeiros xa alumaron o lume na cheminea, logo empezáronse a asar as primeiras castañas o que duraría ao longo de toda a noite. Cada un ceou pola súa conta entre castañas e castañas, viñiño e viñiño, chistes, xogos e bromas (gracias Emilio e Antonio). Cara ás dúas da mañá a velada cambiou de rumbo, baile á luz do lume ata as tres.
O domingo, como se debe, primeira levantada para comezar a picar cebola, allo, pementos...pero de seguida acóplanse “as pinches”: Carmen, Cristina... e Isa puxo o mandil para non volver a saír da cociña ata a hora da comida.
Sobre as dez e media, chegou Antonio Álvarez pero chovía e mentres despexaba o tempo algúns atrevéronse cos zancos. Cando a nube que envolvía o Aloia se disipou aproveitouse para saltar á corda: Costas, Conchi, Marisa... Logo xogouse ao pateiro: moitas risas, e... un nariz lesionado, pobre Teresa. Séguese cos xogos da petanca e ... co paraugas, ¿verdade José Luís?. Mentres tanto un grupo de nenos e nenas fixeron unha partida do xogo da ra. Xogaron Irene, María, Ana, Emilio e Pedro (gañou Irene con 90 puntos). Á hora da comida todo o mundo, “a mis la main à la patte”. Aquelo parecía un formigueiro, uns movendo mesas, outros a buscar o caldo, outros poñendo os pratos...
Coa axuda de todos, ¡por fin comemos! Os nenos primeiros, os maiores logo, xuntámonos uns 40. O menú: caldo de Sebastián, carne asada de Isa, arroz vexetal, roscón e café. O licor café foise rapidamente...
Houbo premios... medallas de ouro (chocolate) para a cociñeira xefe Isa e o animador dos xogos Antonio. A min, entregoume José Luís a súper medalla (de cartón dourado).

Ata o venres pola tarde contaba co xogo de bolos Celtas pero por cuestión do terreo e de permiso (parque naturais) finalmente non puido ser, así que da compañía dun grupo de gaiteiros (moitos magostos o mesmo día), noutra ocasión será.
Pero como dixo Antonio: “Con ou sen bolos Celtas, Celtas sempre será Celtas”.
Pola tarde acercáronse unhas cantas persoas máis, para compartir castañas e unirse ao coro. Xa podía seguir chovendo fóra, estábase moi a gusto no noso refuxio, ao calor do lume, onde sentín un ambiente caloroso e fraternal. Creo e espero que este sentimento de ben estar foi compartido. Moitas gracias a todos pola vosa axuda, voso bo humor e participación.           FF

Nadal
Aproxímase o Nadal e a festa fin de tempada no Club.
Non vos esquezades, o día 19 ás 19:30h, entrega de premios do concurso de fotografía e homenaxe a Manuel Martínez Barcia, na Casa do Libro. Logo volvémonos encontrar no Club para a reunión tradicional antes de Nadal. O Club porá uns canapés e o viño, pero a aportación dos socios con productos caseiros ou non, será moi ben vido.
Despois do discurso obrigatorio do presi, degustación e logo, ¿que tal unhas panxoliñas? Algunha xente vai volver á reunión os mércores sobre as 20:30h  21h para ensaiar. Poderíanse formar máis grupos con algo innovador (que tal sección de espéleo, xa o fixestes nunha ocasión, e foi moi divertido).
Poderiamos seguir a velada para todo quere dicir que estades invitados a traer música que vos apeteza. Esperamos que como o ano pasado o local se encha. Pensar dedicar esta noite ao club...espero ter unha sorpresiña ou dúas para esta velada. Non vos esquezades: venres 19 ás 19:30 h na Casa do Libro, e de seguido ao local social.
FF
 


REFUXIOS

Club Montañeiros Celtas, conta con catro refuxios de montaña para apoiar as diferentes actividades que neste Club se desenvolvan. Por orden de antigüidade son: Aloia,  Vixiador, Rogelio de la Granja,  Pedroso,  Miguel Regueira.
Aínda que en sucesivos boletíns falaremos da historia e pormenores de cada un, agora faremos unha breve reseña.
a) Refuxio “Aloia” (Tui) 40 prazas
Situado a 624m de altura no monte do seu mesmo nome, no centro do “Parque Natural”. Podemos facer pequenas excursións polos miradoiros, seguir a muralla, visitar o Cabildo e ermida, facendo que o pasado regrese aos nosos días.
b) Refuxio “Vixiador” (Vigo).
Si... xa o sei este refuxio non existe, pero ten tantos recordos para a historia do noso Club, así como para os socios máis veteranos que quixen, con estas letras, renderlle unha pequena homenaxe. Este refuxio que estaba situado no monte Vixiador a uns 448m de altitude ao lado da Madroa. Neste momento no seu lugar existe unha área de espallamento de ICONA para que como a nós antes, agora faga as delicias de tódolos vigueses que alí se aproximen.
c) Refuxio “Rogelio de la Granja” (Domaio) 20 prazas.
Situado no monte Faro Domaio a 624 m de altitude. Que dicir del?, pois a non ser a colección de antenas que ten ao seu redor, que dende el pódense apreciar as mellores vistas sobre as rías de Vigo e Pontevedra incluíndo as súas illas. Dende aquí pódense realizar recorridos por diferentes cumes: Xaxán, Hermelo, Sobreira e desprazarse ata o Parque de Cotorredondo.
d) Refuxio Vivaz “Pedroso” (A Cañiza) 6 prazas.
Pequenísimo refuxio de montaña, está situado no monte Pedroso a 1069 m de altitude formando parte da serra de Avión. É parada obrigatoria para todo aquel que realiza travesías por dita serra, ten unhas espectaculares vistas sobre todo o Val da Cañiza.
e) Refuxio “Miguel Regueira” (Vincios-Vigo) 16 prazas
Situado na ladeira do monte Galiñeiro a unha altura de 690 m. Ten unhas formidables vistas sobre o Alba e Cepudo para máis atrás contemplar a cidade de Vigo e a súa ría dende o interior. A parte dos recorridos que podemos facer ata o Virxe das Neves o Aloia, este refuxio está dedicado aos escaladores xa que se encontra ao pé mesmo das rochas que forman a “escola” de escalada máis visitada, nas súas paredes formáronse e seguiranse formando nosas(os) mellores escaladoras(es).
Por agora nada máis...Ah, no Club daranvos máis información.
Vázquez
 
 
 

SECCIÓN SENDEIRISMO

MOSTEIROS DE GALICIA.
 PENA FRANCIA OSEIRA

Con 24 participantes, o domingo 19 de outubro ás 08:00 horas iniciamos unha nova saída por terras de Cea (Ourense) para percorrer os 20 km que nos separan de Dozón.
Como a noite anterior houbo tormenta e unhas boas chaparradas, o que máis o que menos ía preparado para a chuvia. O día era escuro, cun ceo gris chumbo e unha chuvia continua; o conductor  mirábanos e ría preguntándose que van facer estes pirados, pero o grupo, moi animado, estaba esperando o café mañaneiro que tomamos nas aforas de Carballino. Entramos en Cea e, gracias ó noso bo guía Miguel, que coñece os nosos gustos paneiros, realizamos unha parada de 10 minutos para comprar este excelente pan.
Pasado Cea iniciámo-la nosa ruta que, programada de dificultade media, resultou moi levadía polo fácil e co aliciente de que parte deste itinerario coincide co Camiño de Santiago (Vía da Prata). Os camiños estaban anegados de auga obrigándonos a camiñar polos bordes para evita-los charcos de auga. Ao noso arredor todo eran suaves e húmidos prados cunha fermosa arboreda e ¡sorpresa! cantidade de cogomelos, das denominadas “lepiotas”, esas que se ven a distancia pola súa  altura e o seu gran sombreiro. Pero tamén había castañas, figos … En fin, compañeiros, que andando o camiño tamén se enche a despensa.
Seguimos por esta fermosa e entretidísima paisaxe en dirección a Pieles para chegar a Oseira, unha breve parada para dar unha volta e pasado Outeiro chegamos a Gouxa, vila coñecido pola súa feira de cabalos. Nada máis entrar topamos co noso autobús; gran alegría, podíamos cambiarnos e comer secos no Bar de Suso, (un punto para Miguel); ata aquí 17 km de percorrido; faltaban uns poucos km para finaliza-la ruta pero ….  A maioría gozamos dunha churrascada, con doce, café e chupiño regalo da casa. Ben mantidos e no autobús desprazámonos a Oseira para visita-lo seu mosteiro.
O Mosteiro cisterciense de OSEIRA (lugar de ósos), situado no municipio de Cea, ocupa unha superficie de 44.000 m2., é o maior mosteiro de Galicia e o segundo de España. Foi fundado cara a 1135-1140 e a súa construcción levouse a cabo durante os séculos XII ao XVIII, nos que se realizaron diversas modificacións e ampliacións, de aí os diferentes estilos. Gracias ao guía do mosteiro puidemos apreciar toda a beleza que encerran os seus muros. O interior da igrexa é de 3 naves con cúpula sobre o cruceiro. A súa capela maior, semicircular, estivo cuberta por un baldaquino barroco ata 1925, o cal se derribou polo seu mal estado; esta obra do século XVII, gardaba claras analoxías co da catedral de Compostela. Os retablos do cruceiro, de Santiago, San Bieito, San Bernardo e San Famiano son de mediados do XVIII. Tamén posúe deambulatorio e tres capelas absidais. Hai que destacar a sinxeleza do templo dado que a orden do Císter proscribía toda decoración.
Dende o templo pasamos a recorrer os seus tres claustros, primeiro o dos Cabaleiros, levantado entre 1750 e 1759; segundo o patio dos Medallóns (1759-1772), as fortes molduras dos contrafortes, así como das ventás, propias do XVIII contrastan co estilo dos medallóns, reaproveitados dunha obra anterior do século XVI e, o terceiro o  dos Pináculos, a súa obra de finais do XVII, transformarase no XVIII. Tamén puidemos apreciar a escaleira principal, realizada entre 1644 e 1647, destaca a decoración da fronte dos chanzos con punta de diamante, e as fornecinas con santos da  Orde. As fontes dos claustros de Oseira adornan hoxe prazas da capital ourensá.
A sala capitular do século XVI, moi interesante, posúe unhas columnas que ao unirse á bóveda plana asemellan a forma de palmeiras. Tamén visitamos a sancristía onde o guía nos fixo apreciar as portas do que foi o relicario, todos os debuxos en dourado eran incrustacións de ferro na madeira.
A fachada do templo renóvase (1636-1650) en estilo barroco. O paramento almofadado unifica as fachadas do templo e do mosteiro.
Fin da visita e da ruta. Regreso a casa e o redor das 20:00 horas estábamos en Vigo.
 
PGR 30 SENDEIRO DA PICARAÑA

Como xa anunciara no Boletín do mes de setembro, o pasado 26 de outubro iniciamos un sendeirismo máis “tranquilo” para todas aquelas persoas ás que lles guste andar sen présas e gozar do camiño. Por iso, comezamos con esta ruta da PICARAÑA que agora vos paso a comentar.
Saímos, coma sempre, do Club Montañeiros ás 09:00 horas. O día presentouse con nubes e claros e cunha temperatura agradable. Como xa é costume, paramos en Ponteareas ó redor de 15 minutos, uns para almorzar e outros para gozar dun  segundo café. Continuamos por estrada uns minutos máis e apeámonos no noso punto de partida, o convento franciscano de CANEDO. Preparámonos para camiñar; o que máis e o que menos se puxo roupa de abeiro pero como a temperatura era agradable ó pouco de botar a andar xa estabamos quitando pezas.
A ruta, de 15 km., resultou moi cómoda porque o noso guía, Miguel Carrillo,  “Miguel padre” e que el asume con ese bo talante que lle caracteriza, procurou en todo momento que así fose evitando as subidas e tomando as sendas máis chas. Desta forma, chegamos ó Monte PICARAÑA para divisar Ponteareas e redores; baixamos e, mentres as entendidas buscaban cogomelos e outras recollían castañas, o ceo foise poñendo dun gris chumbo ata que comezou a poallar. De cando en vez a senda desaparecía polas silvas e toxos obrigándonos a buscar outras alternativas, así todo ascendemos ó CASTELO DE VILASOBROSO, onde parte do grupo visitouno para coñece-la súa historia. Outros, que xa o visitaramos con anterioridade, dedicámonos a contempla-la fermosa paisaxe e gozar do entorno de Landín, sobre o que se levanta a fortaleza.
Finalizada a visita ó castelo, descendemos cara á área recreativa deseñada en terrazas en chanzos, cun completo equipamento, fonte e bar. Aquí, neste bar, esperabamos encontrarnos cun caldiño quente pero o noso desexo non se viu cumprido. Non obstante, e como somos de bo dente, compartimos un prato de xamón e chourizo, que nos serviu o dono, regado co vi´ño da casa. A  conversación derivou nalgún que outro chiste -Isabel sabe moitos e cóntaos moi ben- e isto animou o dono do bar a contarnos un a un tanto así, así…. Agradecéndolle a súa atención, despedímonos e el, amablemente, invitounos a volver calquera outro día.
Seguimos camiño e cando pensábamos que íamos directos cara a Mondariz balneario a senda foise cerrando por unha espesa maraña de silvas. Así que, estrada ata chegar á vila onde puidemos aprecia-lo avanzado das obras do antigo balneario, hoxe reformado en apartamentos, se ben mantén a súa fermosa escalinata e sinxela fachada.
Seguimos cara a cafetería do río para beber algo mentres esperabamos o bus. A iso das 18:30 horas apareceu no centro da vila  e regreso a casa.
Para os que non saibades nada do CASTELO DE VILASOBROSO,  aí vai un pouco de historia. O castelo ofrece esa imaxe de fortaleza medieval que todos temos na imaxinación; tópase apenas a 7 km de Ponteareas coa súa historia moi ligada a este castelo. Era coñecido alá polo século XI. Sábese que Dona Urraca, no ano 1116 tívose de refuxiar nel acosada polo conde Pedro de Traba que proclamara rei de Galiza ó fillo de Urraca, Afonso Raimúndez, posteriormente coñecido como Alfonso XII, contra a vontade da súa nai.
A principios do século XIII documentos reais de Alonso IX de Galiza mencionan en varias ocasións o “Castello Suberoso”.
No século XIV Juan I de Castilla concedeulle o castelo a Pedro Paiz Sarmiento, señor de Ribadavia, que  o transformou nunha inexpugnable fortaleza. Dende esta data continuou o señorío de Sobroso na Casa de Sarmiento que posteriormente enlazou coa de Soutomaior.
Foi derrocado este castelo polos irmandiños e reconquistado por Pedro Madruga, o cal tras enfrontarse ós Reis Católicos e pasar algún tempo prisioneiro perdeu a súa propiedade. Unha vez recuperada a súa liberdade por pagar o rei de Portugal o seu rescate, volveu intentar recupera-la fortaleza levando como prisioneiro ó señor da mesma don García Sarmiento e ameazando con cortarlle a cabeza se non lle era entregada. Nin  o castelo se entregou nin el cumpriu a súa ameaza, levantando o cerco ó ter noticias de que se acercaba un exército de socorro.
Os Sarmiento recibiron en 1625 o título de marqueses de Sobroso. Co tempo o castelo foi pasando por diversas mans ata que recentemente foi adquirido polo concello de Ponteareas que o restaurou. Consérvase en bo estado unha das torres e gran parte das defensas, muros, cercas e ramplas de entrada. Sobre a porta de entrada pódese ve-lo escudo dos Sarmiento e dos Valadares.
Conchi Gilino

CAMIÑO DO NORTE  3ª ETAPA
ABADÍN-VILALBA

O sábado 8 de novembro ás 16 h. reuniámonos os 18 habituais en fronte do club para saír en dirección a Vilalba, anque a etapa comeza en Abadín decidimos utiliza-lo albergue de Vilalba que está moi ben equipado, o polideportivo de Abadín, a outra posibilidade para durmir non tiña colchonetas e o chan é de pedra. Chegamos, instalámonos e fomos dar un paseo pola cidade, ceamos  ben nun restaurante, tomamos unha copa nun pub moi animado e ás 12 h. recolleunos o autobús para levarnos ó albergue que está aproximadamente a 2 km.
Nesta etapa o espertador soou ás 8 h., un regalo, almorzamos nunha aldea repartidos entre as dúas únicas cafeterías abertas e saímos para Abadín. O día amañeceu soleado con moi boa temperatura que se mantivo ata o final.
O recorrido en case a súa totalidade vai entre bosques moi frondosos e sendeiros empedrados en terreo chan que fai desta etapa un autentico paseo, en total 18 km. Fixemos un alto na ponte de Martiñán do século XVII, que formaba parte do camiño real de Mondoñedo a Vilalba  e en Goiriz para visita-la súa igrexa e o seu orixinal cemiterio neogótico típico da Terra Cha. Chegamos a Vilalba á hora de xantar e fomos ata a súa praia fluvial, recinto preparado con mesas e bancos de madeira, había demasiada humidade, pero xa tiñamos moita fame e quedamos. Inda tivemos tempo de tomar un café no parador e, ás 17 h. regresamos.

A 4ª etapa será para a primeira fin de semana de marzo, onde os días son máis longos e o tempo mellora. Manterémosvos informados, e seguimos en contacto con vós. FELIZ NADAL.
ELVA

SENDEIRO DAS GREAS.- ETAPA 4

Esta segunda saída das denominadas “sendeiros tranquilos” realizouse o día 16 de novembro cun total de 31 participantes. Os habituais eramos maioría pero tivemos a agradable sorpresa de encontrar xente nova, así o abano de idades ía dende os 7 anos ata a do noso veterano compañeiro Ripoll, quen nos ía demostrar que está feito un rapaz ascendendo polas grandes rochas do Porriño.
A noite anterior, a que subscribe e algún máis, preparou o petate como para un diluvio pero o día amañeceu cunha claridade moi prometedora, tanto que media mochila quedou na casa; ademais, Miguel “padre” comentara o doado da ruta, toda ela estendíase por pista e non por senda.
Media hora de bus e unha paradiña “regulamentaria” de 15 minutos para o cafeciño da mañá no Porriño. Tomade nota do de “regulamentaria”, pois a partires de agora di Miguel “padre” que así denominaremos á parada.
Deixamos a Nº-120 que nos leva ata unha pista que recorre a cadea montañosa que abrangue dende Faro Budiño ata a Cruz de Chandeiró. Ascendemos por este camiño como un quilómetro e medio ata Couso e, dende alí por unha pista forestal  pasamos cerca dunha impresionante mostra de afloramentos de granito que dende época medieval se aproveitan para a construcción e hoxe, tamén, para a exportación. Trátase da Pedra da Urceira, masa granítica máis coécida como “O pianista”. Dende esta “pedra” temos un gran impacto visual, nitidamente vemos a autoestrada, O Porriño , en fronte o Galleiro, e á esquerda, as Gándaras de Budiño.
Seguímo-lo ascenso e encontrámonos cuns restos de algo, que segundo nos di Miguel “padre”, trátase dos restos do Castelo de Mirabel, sito sobre unha gran mole granítica. Parece ser que era de realengo e se conservan bastantes documentos que o mencionan ó longo da época medieval. Cóntase que foi destruído na revolta irmandiña. Hoxe pertence ó municipio do Porriño. Dende estes restos temos unhas inmellorables vistas que alcanzan ata o monte Aloia .
Paso a paso alcanzamos a Pedra Auga, O Faro, Faro Budiño onde o que quixo puido entrar na Cova dos Nenos; alí, Miguel “padre” fixese cuns carozos de millo  que nos permitirían facer unas boas brasas para asar uns chourizos. Seguimos camiño e topamos co refuxio de Peña Trevinca  e, ó pouco, as paredes onde os membros deste club practican a escalada.
Retrocedemos ata o Alto de San Cibrán para xantar na área recreativa de Salceda de Caselas. Distribuímonos polas mesas e, mentres a maioría se dispuña a comer, outros decidimos asar uns chourizos. Non fixeramos máis que empezar cando se levantou un vento frío e, ó pouco, comezou a poallar;  nun abrir e cerrar de ollos todos á estrada cara a unha pequena caseta. Digo, todos, nooon; uns poucos quedamos asando os chourizos que levabamos para comer non deixándonos acovardar … carreiriña do can ata abeirarnos nunha especie de bar de feira onde, con vento frío polos catro costados, degustámo-los chourizos quentiños cun bo trago de viño.
Ben comidos e con cara de frío continuamos a nosa ruta baixando ata Chan de Melo; como saíu o sol paramos un rato para descansar e xogar ás cartas;  seguimos ata Couso, O Confurco e finalmente O Porriño, onde nos detivemos nunha cafetería mentres esperabamos o autobús.  Total da ruta, 15 km.
 
Conchi Gilino
 
 


INFANTIL XUVENIL FGM

XXXII CAMPAMENTO E MARCHA GALEGA
 INFANTIL-XUVENIL DE MONTAÑA
Montes do Bocelo - Toques (A Coruña),
4-5 de outubro 2003

O campamento rexional infantil, celebrouse este ano no concello de Toques (A Coruña)  sendo os anfitrións o Club de Montaña Artabros da Coruña, que compartiu a organización co noso Club. A recepción dos participantes comezou a partires das 17.00 h. na que comezou a montaxe do campamento. Os monitores previamente xa procederan a coloca-lo rocodromo portátil e a tirolina.
Os  nenos participaron nos diversos xogos que prepararan para eles e repetiron moitos xogos. Sendo o rocódromo e a tirólina os que máis aceptación tiveron e entre os máis pequenos foron o Tiro con Arco e  a Ginkana de xogos tradicionais.
A partires das 22:00 h. os monitores de tempo libre de Ártabros organizaron un xogo de personaxes relacionados coa Cultura Celta. Durante un par de horas os participantes, que foron a gran maioría de nenos, gozaron con este xogo.
A mañá do domingo amañeceu chuviosa, a organización que preparara minuciosamente a actividade, madrugou para ter preparado o Cola- Cao. Pouco a pouco fóronselles entregando os dorsais a cada un dos grupos de nenos que xa foran previamente seleccionados en grupos de tres. As persoas que formaban os controis, saíron con  anticipación para cubri-los postos que se lles asignaran.

Debido á lonxitude do recorrido, a organización dividiu a marcha nun recorrido curto, no que o autobús recolleu ós que non querían facela completa e os demais continuaron na marcha longa.
Os rapaces ían en grupos de tres e non ían acompañados por adultos e tiñan que tratar de segui-lo camiño correcto nun tempo que a organización estimara como o axeitado, a un paso de marcha normal. A seguridade en todo momento foi fundamental xa que o recorrido estaba con marcas nos cruces e controis de paso que facían moi difícil que se extraviara  algún participante. Tamén había bocadillos e bebidas ó longo do camiño.
Á chegada houbo entrega de camisetas para tódolos rapaces e unhas pequenas placas para os grupos que menor tempo fixeron. Posteriormente recollémo-lo campamento e despois das despedidas, os autobuses leváronnos ós nosos destinos.
Fernando
 


MONTAÑA

ACTIVIDADE   XUVENIL.  SERRA DO  XURES

E choveu, choveu, e volveu chover.
Ola,
Quero dicirlles que gracias ó Club  de Montaña e máis ós organizadores, pasamos  “ unha fin de semana pasada por auga  “ pero moi divertida.
Digo “ pasado por auga “ porque choveu moito e na camiñata, que foi o único que fixemos, non parou. Dixéronnos que a camiñata era de 7 km. Pero a min parecéronme moitos máis e iso que Paco Escrich levounos os bártulos no seu todo terreo.
Dende o autobús chegamos como pitos ó refuxio do Pisco onde pasámo-lo resto do sábado. O refuxio ten electricidade por medio de paneis solares pero os monitores non se entendían  cos enchufes. Menos mal que Paco Escrich tiña un lumigás e coa cheminea prendida viamos o que ceabamos.
O domingo non se puido facer ningunha actividade. Foi de novo Paco quen nos salvou dunha gran molladura. Facendo varias viaxes baixounos á vila. E esta vez foi a xente da vila de Requias quen de novo volveu a colaborar con Montañeiros Celtas.  A dona do bar de Requias deixounos un baixo para poder sentar e secar a roupa e logo vimos unhas diapositivas de montaña. Fomos ó bus e tres horas despois xa estabamos en Vigo.
Quero darlle as gracias a Conchi, Carlos, Paco e a Coru por ser tan encantadores e divertidos con todos nós. E a tódolos rapaces e rapazas para que se anoten nestas saídas tan divertidas, pasarano moi ben e vanse divertir moito con todos nós.
Jorge

TRAVESÍA DA SERRA DA DEGAÑA
Fondos de Vega (Degaña), 1- 2 de novembro

Máis que unha travesía, foron uns paseos polas bonitas zonas de media montaña que existen nos redores, pois unha saída de outono converteuse en invernal das duras, cunha boa nevada e gran xistra.
Chegamos con calmiña ás 6 da mañá para comeza-la travesía, pero como chovía bastante, decidimos tomalo con calma e almorzar cerca do bus antes de partir.
Arrancamos pola metade da aldea cara a  unha semipista que levaba a unhas vellas brañas a 1500 m e topamos que, entre chuvia si e chuvia non, a partires dos 1300 m estaba nevando, estando todo cargadiño xa de neve nas brañas.
Alí agrupámonos, pois houbo gran diferencia de tempos para a chegada ás mesmas e vendo que aquilo non despexaba, quedaron 8 valentes a intentar realiza-la travesía mentres o resto baixamos cara á aldea. Uns con frío pola espera, outros por desánimo polo clima que non topamos favorable, esperando que ó día seguinte puideramos aproveitar algo destas paraxes.

Dos dous grupos:
Os de abaixo decidiron acercarse ata a aldea onde estaba o bus con calma, pois eran 8 km porto arriba, comendo de camiño, recollendo castañas, noces…
Os de arriba e mediante GPS trataron de chegar á crista, pero había tanta neve virxe e tanta xistra que un traxecto que se contaba en tardar menos de media hora levoulles máis de 2 horas e sen visibilidade.
Chégase ata un pico dos da crista e decídese baixar á aldea de onde se partía para durmir. Con isto chegou a hora da posta de sol de novo á estrada.
Durmimos todos como puidemos e ó día seguinte despois de xuntarnos todos, seguimos destino á entrada de Muniellos. Baixara algo máis a cota de neve. Unha vez almorzados (11 da mañá), optamos por non deixar pasar un día tan bonito como se nos puña por diante e fomos no autobús ata á vila de Monasterio de Hermo (de mosteiro, nada, só o nome). Falamos cun paisano e contounos que a ponte pola que pretendiamos cruza-lo levouna a riada o ano anterior e nos camiños dos mapas, non camiña ninguén por eles dende que a nova constitución española existe, polo que nos conta que  é imposible.
Aburridos de imposibles e con ganas de monte, tiramos todos cara ó mesmo pola primeira ponte que encontramos estrada abaixo, imaxinamos camiños e dividímonos en grupos naturais, pois quedaramos en Gedrez co bus.
Precioso bosque autóctono completamente salvaxe e libre de limites que permite gozar en grandes paseos tranquilos. Aviso de que os mapas só serven para saber onde está a pista e as cristas dos montes, pois os camiños supóñense e máis vale un compás, intuición, calma e tempo que outra cousa.
Finalmente, chegamos todos contentos e animados, pois cada un puido aproveitar nas súas posibilidades a saída e con ganas de poder retoma-la zona, pois do que se pensaba realizar, "nin flowers", quedando pendente para outra boa travesía anque con mellor clima.
Alberto

MARCHA  DA  PENEDA
SERRA DO XERES, 20-21 de setembro
Posiblemente esta sexa a miña primeira e única crónica, informe, redacción ou como se lle queira chamar, dunha marcha, travesía ou paseo que se realice no Club. Custoume pórme a isto, xa que son moitas as lembranzas que se removen na miña trastenda no sentido emocional. Non vou enumeralas porque son cousas persoais e seguramente sería pouco ético contárvolo. Entendédeo.
A marcha (estaba como travesía) para o que subscribe e algúns máis, comezou a tarde do sábado sobre as 19:30 horas. A bordo do todo terreo de Antonio e Conchi dirixímonos cara ó cámping de LAMAS DE  MOURO (non recordo o nome con certeza) cunha climatoloxía outonal e ameaza de chuvia á primeira de cambio. Unha vez en dito cámping observei como o grupo que saíra  pola mañá de Vigo, tiña as súas tendas montadas e preparaban a súa cea de rigor. Do resinalado grupo coñecía a varios dos seus compoñentes pero non á totalidade. De todas formas alégrome ó ver que formaban un grupeto ameno, como puiden comprobar posteriormente. Durante a cea (Manu obsequiounos cun viño tinto que caeu coma auga de maio) puiden facer esa amizade de montaña que tanto une neses intres ós que collemos este deporte como evasión ou sinxelamente, para estar en contacto cos espacios libres e a natureza.
Una vez finalizada a cea ó aire libre, unha mente lúcida dixo de ir tomar café ou o que a cada cal lle apetecese ó B.A.R. máis próximo. E así o fixemos, e a verdade é que non estivo nada mal. Despois cada moucho foise á súa oliveira e durante a noite producíronse os famosos cánticos que todo o  mundo di oír pero ninguén os produce. Xa se imaxinan. Eu esa noite fixen vivac a carón dos servizos das mozas e prométovos que non me enterei de nada.
Á primeira hora da mañá dun domingo que tanto podía ofrecerche sol como chuvia (resinalar que o ceo non sabía se ía ou viña) e despois do almorzo regulamentario e por suposto levantamento de tendas e demais, dirixímonos á entrada do cámping en espera do  grupo que saíra de Vigo pola mañá, mentres algúns conductores levaban os seus  coches á Peneda para unha vez finalizada a marcha, retornar ós nosos fogares. Unha  vez de volta os xa citados, enterámonos que o outro grupo estaba na Peneda e que saían cara ó Castillín onde nos esperarían. Parece ser que  o responsable de comunicacións do Club tivo un lapsus que por suposto é perdoable.
Saímos de LAMAS DE MOURO monte través con intención de unirnos ó outro grupo no Castillín, cousa que conseguimos ó mediodía. O paseo ata o cumio resultou do máis agradable e non exento dunha relaxante beleza paisaxística. Resaltar a dificultade que tiven na subida xa que non andaba dende había tempo e iso nótase sobre todo no físico. De todas formas, animábame e daba forzas ver ó grupo, con moita xuventude nas súas filas  que pena que se vexa tan pouca nas saídas  patear con facilidade e decisión.
Conchi levábanos polos sitios máis levadeiros e fáciles (cosa que agradecía). Sechu facendo gala da súa xenerosidade montañeira, rescatou a unha parelliña que se extraviara sen querelo. E que dicir do resto do grupo: FENOMENAL. Quero resaltar a pasada que me deu “la De Dios” subindo. Antes de pasarme tiven que oír como me dicía: aparta que vas moi lento. Deixoume desmoralizado e con poucas ganas de seguir, pero xa saben que o amor propio fai milagres.
No cumio do Castillin encontramos o grupo da Peneda. Alí estaban Antonio Caldelas, Isa, Jiménez e algúns máis que estaban dentro da Torre de Observación dando conta de suculentas viandas. Un vento frío, que calaba os ósos, facía incomoda a estancia na Torre, debido a unha fiestra  pola que entraba un vendaval. Ademais a chuvia non deixaba comer fóra, ou sexa una verdadeira lea. Pero José Antonio e Caldelas portáronse como xentís cabaleiros, colleron os  seus bastóns e cunha imaxinación fóra de toda dúbida, fixeron unha obra do máis audaz dos arquitectos e cerraron o paso a esa turbulencia que tanta lata nos daba.
Unha vez degustados os manxares, tales coma o xamón de Jabugo, o queixo de Cabrales, os chourizos de Lalín, os pementos do piquillo e demais delicias culinarias ( todo iso regado con viño da Rioxa), iniciamos o descenso cara ó lugar da Peneda, pasando polo famoso lago. E as veces chega o momento que ninguén desexa: que se é por aquí, que se é por alá, que se é por acolá . Creo que estas acciones ou decisións crean confusión no grupo e as veces un pouco de “yuyu” (si, xa me entenden). Son da opinión de que en cada evento hai un responsable e é quen se responsabiliza de levar ó grupo ata o final, máxime se coñece o camiño. Isto dígoo sen ánimo de molestar a ninguén.

Concretando: a marcha resultou un éxito e só teño palabras de eloxio tanto para Conchi (como responsable), cómo para tódolos que fixeron dun domingo normal na cidade, un día entrañable na montaña. Espero que estas saídas se repitan con máis asiduidade.
Manuel

MARCHA NOCTURNA Ó ALOIA, 6-7/09/03

A xa tradicional marcha nocturna ó Aloia comezou coma sempre ás 10.00 da noite no Bugas que é un bar un sitio estratéxico ideal para deixa-lo coche, reformárono deixando un local moi bonito. Os que imos moito á Serra do Galiñeiro e paramos alí seguímoslle chamando”Dani” polo costume e aproveitamos para agradece-lo bo trato que sempre nos deu Dani ós montañeiros.
Fómonos reunindo un numeroso grupo de persoas que coas mochilas ó ombreiro, saímos pausadamente camiñando, gozando da noite, para algúns era unha novidad o andar á luz da lúa e senti-la sensación que dá  ve-la paisaxe tenebrosa.
O camiñar de noite fai que a conversación sexa fluída e anima a coñecer ó que tes á túa carón, andas e falas, lembras outras actividades que compartes, anque estas preto da frenética cidade, por un momento esquéce-lo traballo e os problemas cotiás.
Sen decatarse vas camiñando ata chegar ó refuxio no que agradece-lo confort  que dá o lume da cheminea, alí recuperas forzas ceando e despois co oportuno chocolate  e rosca que a organización do club pon a disposición de tódolos que participan.
Despois de estar de charla e cancións imos  durmir nos nosos sacos nas liteiras, á mañá seguinte, cada un fai o que máis lle apetece, uns pasean outros xogan á  petanca.
Pouco a pouco imos marchando polo mesmo camiño de volta andando, cada un para a súa casa, é unha fin de semana relaxada, con bos compañeiros exercicio e risas que máis lle podes pedir.
Fernando

XORNADA DE ORIENTACIÓN
¿Onde me atopo?

Démonos cita ó 26 de outubro na Madroa, ás 10:30 horas para pór en práctica o noso sentido da orientación. A primeira sorpresa foi o número de participantes, apuntados 14 e aparecemos 21 por arte de maxia, de tódalas idades. Tralos esforzos de Lourdes para que entenderamos o funcionamento dunha caixiña verde cunha agulla vermella, a que ela chamaba compás. Entregounos uns mapiñas nos que deberiamos marcar a situación das 8 balizas previamente agachadas por ela. Distribuímonos en grupos de 4 e ¡o monte a por todas!. O tempo acompañounos ata as 12:30 horas, cando comezou chover, pero non impediu que gozáramos, uns atopaban ademais das balizas os tesouros do monte, rebollóns e castañas. Rematamos ás 14 horas, conseguindo o obxectivo tódolos grupos: achamos as balizas. Corría o rumor de que o presi convidaría a "piscolabis"... pero quedará para outra ocasión.
Ana V. Ponsati - J. Manuel Villar.

MARCHA DE OUTONO
Campo Lameiro, 23 de novembro

Co autobús cheo e moi bo humor saímos de Vigo sobre as 9 a.m.. O comezo da marcha foi sobre as 10 a.m. no lugar coñecido coma Carballa Redonda e Conchi foi dando a saída á vella usanza, cada 5 minutos saía un equipo. A min coma me tocou no último equipo, e para entrar en calor xa que facía un pouco de frío, púxenme a buscar petroglifos nos penedos. Atopei dous cabaliños dos que quedaban os ósos e un pouco de pel.
O primeiro control atopábase no Outeiro Longo e o camiño para el foi moi entretido entre piñeiros e monte baixo con fortes costas que facían suar un pouco. Algúns non quixeron suar tanto e atallaron co cal suaron un pouco mais, aínda non se deron conta que no monte a liña máis curta entre dous puntos non e a recta.
No Outeiro Longo contemplámo-la paisaxe coa ría de Pontevedra e o fume da celulosa ó fondo. Conchi efectuou o reconto dos equipos, faltaba un, despois de moito meditar deducimos que xa irían por diante e saímos cara ó Coto da Cona baixando un pouco entre un piñeiral moi bonito no que abundaban os cogomelos e grallaban os Gaios. Tomámo-lo cordal e xa non o deixamos ata chegar ó segundo control no que había unha pequena caseta dos antigos Garda Montes. Neste punto o ceo empezou a escurecer e a caer algunha gota. Como moi ben deduciramos o equipo desaparecido apareceu no segundo control sen pasar polo primeiro.
O terceiro control, que era tamén o último, quedaba no Monte Cregos. A ruta seguía polo cordal entre toxos moi bravos  e comezaba a chover a escampadas. Cando chegamos ó cumio o neboeiro botóusenos enriba e a chuvia xa era espesa. Baixamos cara a Campo Lameiro e para reagruparnos acollémonos baixo uns piñeiros. Como era hora de comer, sobre as 2 p.m., algúns o fixeron baixo un ballón torrencial que xa nos rematou de empapar. A min como me gusta comer tranquilo, comín de memoria, de primeiro tomei tres nécoras, de segundo un cachiño de empanada de polbo, de sobremesa tres filloas, todo isto cunha cunca de tinta femia todo me sentou moi ben.
Dado que a situación era complicada tomouse unha decisión de emerxencia, renunciamos a chegar a Campo Lameiro e caemos a Painceiros para que o autobús nos puidera recoller canto antes xa que a choiva ameazaba con converterse no segundo diluvio universal, Pemán nolo advertiu; pola tarde moita choiva.
En Painceiros cada un acolleuse onde puído, os sitios onde meterse eran escasos, eu collín sitio nunha desas marquesiñas de parada de autobús que son un clarísimo exemplo do feísmo arquitectónico que se dá no noso país. Para máis inri son doadas por entidades financeiras, vergoña lles debía de dar.
Neste incomparable marco, mentres chovía dabondo, puiden comer algo e arrimeime ó meu amigo Maño que levaba viño.
Por fin apareceu o autobús, empapados pero contentos saímos para Vigo ansiosos de chegar a casa, sacarnos a molladura de enriba, darnos un bo baño e mirar “Al filo de lo imposible” para comprobar se son tan bravos coma nós. Ata maña.
Celtis Lupus

ESCALADA

Xornadas de Escalada na Peneda

Pasámolo ben esa fin de semana, a pesares de que o tempo non foi de todo bo pero permitiunos, o reducido numero de participantes, aproveitar para escalar na Peneda.
É a escalada deste lugar, realmente incrible; consistente basicamente en placas de pitóns, adherencia e  grandes fendas moi técnicas, se a isto lle sumamos o impresionante “patio”, xa temos tódolos ingredientes para pasar unhas  xornadas  grandiosas de escalada.

Coincidiu, tamén nesta fin de semana, que algúns dos participantes era  a primeira vez que escalaban na Peneda o cal fixo, quizais, que toda a actividade foxe especial en canto a sensacións.
Todos coincidimos, no momento de marchar para casa, que debiamos volver canto antes, e moitas mais veces; de feito xa algún repetiu a fin de semana seguinte
Chao


BICI DE MONTAÑA

POZAS DE MELÓN. 26/10/03

Só son 15 km........ Isto dixo alguén, antes de iniciar o percorrido. Saímos cara a Melón, con dúas ausencias pouco normais, por unha parte Vázquez, que non se lle ocorreu outra cousa, que acordar con Fernando un punto de encontro próximo á vila. Fernando non puido vir por problemas gripais e Vázquez colgado, sen saber onde estabamos. O final atopounos.
O outro desaparecido foi Angel, que resulta que si estivo no lugar de encontro, ósea no “Bonilla”, pero unha hora antes da saída. No cambio de hora pola noite e canso de esperar foise, ó pouco tempo chegamos os demais, á hora correcta.
Saímos das pozas, iniciamos o  percorrido por asfalto e inmediatamente baixamos por unha pista moi empinada ata chegar o nivel do río Miño.
Pasamos polo balneario de Prexigueiro onde se vían as surxencias da auga termal, saír directamente do río. A partires de aquí empeza unha forte pendente, que nos leva paralelos ó río Cerves, que dá lugar ás famosas e espectaculares fervenzas de Melón. Chegamos ós coches, sen máis novidade. Aínda que máis dun acordouse, gracias á forte pendente de subida, de que eran so 15 km.
Acto seguido, fomos ás termas de Chavasqueira, situadas na entrada de Ourense, estrada antiga de Madrid. Foi hora e media de puro pracer, despois do duro exercicio da bici. Non deixedes de visitalas “volveredes máis veces”.
Aínda nos quedaba o ultimo pracer da xornada, este culinario, no restaurante A Chabola, e nas chabolas dimos boa conta dun suculento cocido e algúns “bistequeles con patacalas” que conseguiron calmar a fame que traiamos.
Ó fin e o cabo eran só 15 km.     Escrich
 
 

LICENCIAS 2004

 FEDERARSE... UNHA MONTAÑA DE VANTAXES

Federarse na Federación de Montaña significa integrarse nun colectivo de persoas que aman a natureza e practican os deportes de montaña, que protexen e preservan o medio natural, e que defenden, o mesmo tempo, o libre acceso o mesmo. Pertencer a Federación, representa beneficiarse dos servicios e actividades organizadas pensando nas necesidades dos practicantes dos nosos deportes. Ademais a licencia federativa incorpora un seguro de accidentes e rescate indispensable para tódolos que queiran dedicarse o montañismo, en calquera das súas diversas modalidades
Prestacións da tarxeta federativa:
- Cobertura sanitaria e de rescate en montaña segan a modalidade de licencia escollida, que pode ir dende o ámbito nacional ó internacional.
- Preferencia de uso e importantes descontos en refuxios de montaña de España
- Prezos especiais nos refuxios das asociacións membros da UIAA adheridas ó convenio de reciprocidade (as principais asociacións de Suíza, Alemana, Francia, Italia, Austria, etc.)
- Prezos especiais en cámpings portugueses da Federaçao Portuguesa de Campismo
- Posibilidade de realizar cursos nas distintas modalidades e niveis de formación na Escola Galega de Alta Montaña (EGAM) e na Escuela Española de Alta Montaña (EEAM)
- Recibir as publicacións federativas e ter acceso a información da que a federación dispoña
- Posibilidade de participar nas actividades que organicen tanto a FGM como a FEDME
- Posibilidade de participar nas competicións de Escalada, Esquí de Montaña e Carreiras de Montaña
- Acceso a rocódromos en instalacións públicas
Club Montañeiros Celtas recomenda os seus socios que se federen, polas vantaxes que adquiren eles e indirectamente tamén o Club, xa que os socios federados son un referente da nosa promoción e práctica do montañismo, e en xeral, os federados son un indicativo social da saúde dun deporte. As institucións públicas valoran a dimensión dun Club, non só pola cantidade de actividades realizadas, senón tamén polo número de federados, de hai a importancia a hora de recibir apoios ou subvencións, e tamén polo recoñecemento a nosa labor.
Para participar en algunhas actividades oficiais do Club é obrigatorio estar federado, como as de alta montaña, travesías, escalada, Operación Benxamín... ou calquera outra que así o determine o Club, tamén para utilizar o boulder do local.

Consideramos que é necesario estar federado, non esperes a metade do ano,
                                                   FEDÉRATE en xaneiro e aproveita as vantaxes todo o ano                                               Sechu

LICENCIAS DEPORTES INVIERNO Válidas dende o 4-11-2003 ata o 30-09-2004

Tarxeta Ouro (só competición ) 145,10  €,
Anual 40,00  €. (A licencia anual ten un prezo de 36 € ata o 31 de decembro. A partir do 1 de xaneiro o seu custo será de 40 €)
Unha semana: (España) 18,00  €,  (Andorra) 19,50  €,  (Mundo)  22,00  €

SUBVENCIÓNS:
Club Montañeiros Celtas está adherido a catro federacións: Montaña, Espeleoloxía, Deportes de Inverno e Actividades Subacuáticas. Para facilitar que os socios podan estar federados en máis dunha delas, o Club subvencionará a segunda e sucesivas licencias das distintas federacións que cada socio tramite de acordo co seguinte: segunda licencia 3 euros, terceira 6 euros, cuarta 9 euros.

ESPELEOSECCIÓN

1-2 novembro: Saída xuvenil - Baixo terra no Courel.
Como xa saberedes, os días 1 e 2 de Novembro, fomos visita-las fermosas paisaxes do Courel.
Saímos do club pasadas as 10:30, nos coches de Emilio, Lourdes, e o cacharro de Escrich. Cando chegamos ó cámping, montámo-las tendas e preparámonos para o xantar, despois do cal preparámo-lo equipo. Máis tarde, desprazámonos ata as proximidades da cova de Aradelas, que é a máis profunda de Galiza, con 148 metros de profundidade. Dividímonos en dous grupos: A) capitaneado por Lourdes; B) capitaneado por Carol . Cando chegamos a Aradelas, o grupo A deixounos e dirixiuse ó pozo Taro da Lastra, e os demais iniciámo-lo descenso á cova. Cando chegamos xa estaba ocupada (había cordas instaladas), preparámonos e baixamos polas súas cordas. O fondo do primeiro pozo era un pouco desagradable: había ósos de animais. Nesta mesma cova a Miliño descoiuntóuselle o carbureiro e caeulle rozándolle a cabeza a Emilio.
Á saída, facía un frío de medo, pero había que cambiarse. Ó chegarmos ó cámping, atopamos ós do outro grupo durmindo, así que cea fría, infusión quente e saco. Ó día seguinte fomos pateando polo bosque da Devesa da Rogueira (que é o bosque máis importante de Galiza) ata a cova de Longo de Meu, na que entramos por un lado e saímos polo outro, e Dani fixo un pouco o tolo entrando nela de cabeza a toda velocidade. Despois fomos facer un pozo na cova do Tarelo, onde se descubriron uns ósos de oso. Ó saír cambiámonos e fomos tomar uns riquísimos espaguetes que fixera Emilio, pois non entrara na cova. Despois de xantar (e recolectar castañas algúns de nós) emprendémo-la volta ó noso fogar.

15-16 novembro:  Asemblea E.G.E. e  xornadas técnicas
A estas Xornadas e Asemblea asistiron dous dos tres membros do club que pertencen a EGE: Xabier e Lourdes. Asistiron un total de once monitores. Entre outros asuntos acordouse o calendario de cursos para o 2004, e hai unha  interesante novidade. Prográmase un curso de perfeccionamento por módulos independentes: Perfeccionamento Técnico, Monográfico do Medio Natural e Monográfico de Topografía. Pódense facer os tres módulos ou so un a elixir.  Estas Xornadas celebráronse no noso refuxio do Aloia, que foi cedido polo Club a tal fin, á E.G.E.  F.G.E.

22-23 de Novembro: XIV Campamento Galego de Descenso de Canóns
A fin de semana do 22-23 de Novembro organizámo-lo XIV Campamento de Descenso de Canóns. Este ano realizouse no concello de Oia-Pontevedra para descende-lo río Mougás. Nesta saída participaron 24 persoas de diferentes clubs galegos.
Reunímono-lo sábado ás 10 da mañá na vella escola da aldea, mentres Dani, Óscar, Carolina e Xabi equipaban o canón. Á 1 do mediodía comezaban a descender dous compoñentes do G.E.S Lugo, pois o resto dos participantes realizarían a baixada ó día seguinte. Pola tarde algúns dos participantes achegáronse ata Oia ( Arrabal).

Pola noite, aproveitando que estabamos todos reunidos, realizouse unha reunión Informativa FGE-asistentes, que se ben ten carácter informal, dáse conta dos últimos acontecementos relacionados coa espeleoloxía, coméntanse, acláranse... Interesante. Despois foise cear ó bar-restaurante “Los Olivos” onde tiñamos unha mesa. Despois de cear case tódolos participantes deitáronse para ter forzas ó día seguinte. Outros estiveron falando algo máis de tempo.
O Domingo despois  dun bo almorzo, fixéronse os grupos para descender e desinstalar. Comezamos cedo para poder rematar antes da hora de xantar, aínda que algúns chegaron máis tarde. O descenso dos participantes transcorreu con normalidade excepto por un pequeno percance que sufriu Laura. O tempo favoreceunos ata a hora de xantar, cando comezou chover. Despois de recoller todo e limpa-lo establecemento,  despedímonos, pero non sen antes falar dun futuro campamento.
Agradecemos a tódolos participantes a súa asistencia, sobre todo a Daniel por equipa-lo canón a pesares de estar enfermo. Tamén vaia o noso agradecemento ó Concello de Oia e a tenda TERRA pola súa colaboración. Esperamos que o pasarades ben e ata a próxima.
29-30 novembro: Campamento Social de Espeleoloxía
En Cobas-Rubiá. Alá fomos en tres coches, recollemos a Carol en Monforte e ocupámo-lo refuxio de Cobas. Preparámo-las cousas e dividímonos en dous grupos: polo precioso camiño de bosque mediterráneo (case fartamos cos érbedos) chegamos á K1. Mentres un grupo, cos máis pequenos e un primeirizo (Alberto, que gozou e volverá) entrou ata a sala grande antes da cheminea, outro continuou pola mesma para logo descende-los pozos ata o encoro. Volta ás 3 da mañá. Demos conta da cea preparada polo primeiro grupo e practicamos saking ata as 10 da mañá. Alberto levantouse antes para recoller unha morea de froitos silvestres: érbedos, que logo comemos os que quixemos e levaron para casa André, o máis pequeno e máis el.
Á noite de chuvia intensa seguiu unha mañá igual. Así que cambiámo-los planos e visitamos As Médulas. Visita infructuosa ós túneles de Orellán (pechados) e paseo ata a entrada inferior, onde Escrich explicou algunha técnica de fortuna de escalada, que permitiu a Óscar e Alberto subir ata unha das canles. Volta ó refuxio, xantar, recollida e viaxe de volta a Vigo con moita chuvia.
   A Sección
 

Espeleonovas
- Asemblea e Cea anual da Sección. Será a primeiros de xaneiro no refuxio do Aloia. Coma sempre, contamos coa túa asistencia. Atentos ás datas
- 17/18 Xaneiro Xornadas de Vertical en Mondoñedo. Aprender, practicar. Punto de comezo das actividades 2004 (xa sabes, as do 50 aniversario do GES Montañeiros Celtas).

Atención:
Como xa sabedes, estamos tódolos xoves de 20:30 a 22 h para que poidades contactar telefonicamente ou baixando polo club, para vos informar dalgunha actividade. NO MESMO HORARIO REALIZARASE O PRÉSTAMO E DEVOLUCIÓN DE MATERIAL
Temos o número 11 da revista FURADA no club. Os federados poden pasar a recollela.
A Sección

ESPÉLEO DE FIN DE SEMANA... EN ANDALUCÍA
Durante o mes de setembro fixen unha incursión en terras andaluzas. Entre outras actividades, dediquei parte do meu tempo á práctica da espeleoloxía.
Así, a fin de semana do 20 ó 21, tras un bo madrugón, reuniámonos cuns espeleólogos da Sección Espeleológica Marbellí (S.E.M.) e ó mediodía entrabamos Manu, Toni, José Luís, Sergio e a que escribe en Sima G.E.S.M. (Málaga).
Esta cavidade comezou a explorarse a principios da década dos setenta, deténdose a exploración en 1.978 á cota de 1.074 metros. Esta profundidade era alcanzada gracias a un equipo composto integramente por espeleólogos españois. Deste modo, conseguíase o segundo “menos mil”, por detrás da mítica Piedra de San Martín (Navarra-Francia) de España. Nunca se deixou de explorar esta sima, pero, cando os esforzos se estaban centrando no mergullo do sifón e o resto de posibilidades parecían esgotadas, atopar unha continuación (parece ser que xa se sabía desta vía hai tempo, pero a súa exploración detivérase porque os espeleólogos daquel momento se dedicaron a mergullar no sifón e a outras zonas). Así que, supuxo unha gran alegría no colectivo espeleolóxico, especialmente o andaluz.
 O obxectivo da nosa entrada en Sima G.E.S.M. era acometer a topografía da nova parte explorada e continuar explorando. Fixemos unha parada no vivac de menos nin se sabe, porque hai unha leo entre as cotas antigas e as recentes medidas. Repuxemos forzas coas “barriñas enerxéticas” de Manu (enténdase salchichón) para seguir avanzando. Mentres Toni e José Luís estaban na punta, Manu, Sergio e eu dedicámonos a facer a topo da “Vía Lateral”. Despois, á altura do “Paso del Triángulo”, Manu incorporaríase aos primeiros, e nós proseguiriamos tomando datos do “Meandro de Fatalandá” (¡qué cousas teñen estes andaluces! ¡Se tampouco se andaba tan mal!). A máxima cota alcanzada está pendente de revisión, pero non sobrepasa os 600 metros.
Terminamos o noso traballo de madrugada, momento en que nos diriximos ó vivac. Durmimos un bo rato e, ó espertarmos almorzamos uns espaguetes... subir uns cantos centos metros de corda co estómago cheo non llo recomendo a ninguén. A media tarde xa puidemos ve-lo sol. Despois duns merecidos ovos fritidos, á casiña a descansar.A verdade é que me alegra moito poder comunicarvos que o Club Montañeiros Celtas aportou o seu pequeno graíño de area á exploración de Sima G.E.S.M. (¡case se chama como nos: Sima G.E.S.M. Celtas...!).
O domingo 28 dedicámonos á “espéleo tranquila”. Xuntámonos Cristóbal, un dos integrantes da AER a quen algúns membros da Sección coñecemos este verán en Cantabria, Santiago, Sergio e unha servidora de vostedes. Nesta ocasión pretendiamos completar a travesía Ramblazo-Parralejo-Motillas (Cádiz). Trátase dun sistema con varias bocas de entrada, no que se poden encontrar fermosos pozos e espectaculares formacións, así como moitos morcegos na parte final do traxecto. O “Paso de la Tabla”, coñecido polos espeleólogos da Sección, non estaba sifonado, polo que non houbo ningún contratempo para atravesa-lo.

Foi unha xornada un tanto emotiva, pois Santiago e mailo seu fillo Sergio conmemoraban os vinte anos da primeira travesía que fixeran xuntos neste sistema. Cristóbal e eu bromeabamos coas constantes alusións históricas de padre e fillo, pero no fondo admirabamos estar con dous espeleólogos que coñecían a cavidade coma só a pode coñecer quen ten pasado longas horas deambulando baixo a luz do carbureiro por galerías, gateiras, salas e pozos.
A travesía non reviste grandes dificultades, porque estas nos agardan á saída: “jaramago” por doquier (versión andaluza do toxo), sol pegando na caluga e todo costa arriba. Pero a espéleo é así…          A Virulillas
 


ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS

A TERCEIRA NON  FOI  A  VENCIDA

Lamentamos comunicarvos que á terceira non foi a vencida, é dicir, que a inmersión programada para o domingo 16 de novembro tivo que ser novamente suspendida, debido a que ninguén se anotou. Así que haberá que probar a ver se á cuarta…

INMERSIÓN  NAVIDEÑA

Aínda que xa ata o ano que vén non haxa no calendario ningunha actividade da Sección, iso non quita para que vos poñades en contacto con nós se vos apetece darvos unha mergullada antes de que os turróns vos impidan enfundarvos o traxe de neopreno.

A SubvirulillaS

AXENDA


Venres, 19  decembro Entrega de premios do “II Concurso de Fotografía de  Montaña” e homenaxe a “Manuel Martínez Barcia”.  Na Casa do Libro, ás 19.30 h.

Venres, 19  decembro “Festa fin de temporada”. No Club, ás 21.00 h

19 decembro - 21 xaneiro  “Exposición” das fotografías do II Concurso de Fotografía  de Montaña,  non seleccionadas polo xurado. No Club.

Venres,  9  xaneiro  "Esquí de Montaña”, por Marcos. Charla e proxección   de diapositivas. No Club ás 20:30 h.

Venres, 23  xaneiro “Inauguración do Boulder do local”. Exhibición de  escalada en boulder. No Club, ás 20.30 h.
 
 

VINDEIRAS ACTIVIDADES

 
XANE
9 Local Social Charla e diapos: "Esquí de Montaña"  S.D. Esquí
 17-18 Suido Serra do Suido S.D. Montañismo
 17-18 Mondoñedo Técnicas de vertical S.D. Espeleoloxía
 17-18 Trevinca II Percorrido Esquí de Montaña "Montañas de Trevinca" FGM
 23 Local Social Inauguración do Boulder do local. Exhibición S.D. Escalada
 24  Galiñeiro Arqueoloxía - Historia S. Cultura e Medio Ambiente
 25 Silleda Sendeiro da Saleta S.D. Sendeirismo
 31-1 Cabeza de Manzaneda Infantil. Achegamento á neve S. Infantil-Xuvenil
 31-1 San Isidro (León) Esquí alpino S.D. Esquí
 31-1 Manzaneda Curso Esquí de Travesía EGAM
 
FEBR
7 Vigo. Hotel Coia Cea  62 Aniversario S. Actividades Sociais
 7-8 Ubiña Curso Alpinismo-Iniciación EGAM
 
 

Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación e montaxe: Henrique Soto Campos
Normalización lingüística: Enrique González Cameselle. Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número:  Lourdes Castiñeira, Emilio Ballesteros, Miguel Caramés, Guillermo de Oca, Isabel Maestu, Martín García (Shambala), Françoise Fauré,  Manoel Chao, Conchi Gilino, Elvira Álvarez,
Fernando Fdez. Rey, Francisco Escrich, Pilar Orche, José Luis Vázquez, Jorge Rosario, Manuel Cantero,
Ana V. Ponsati, J. Manuel Villar, Evaristo Fandiño, Alberto Filgueira
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións dos seus colaboradores.
 Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998. Impreso en papel reciclado



Para comunicarse có club, a dirección é info@celtas.net.

Modifiquei esta páxina por última vez en decembro de 2003.