A PRIMAVERA O SANGUE ALTERA...
... polo que se di que é máis fácil namorarse
nesta época, máis os montañeiros estamos namorados
todo o ano, da montaña. Porque nin o frío nin o calor, nin
a choiva nin o vento paran as nosas gañas de escalar rochas, recorre-los
camiños a pé ou en bici, ascender ós cumios, esquiar,
descender ás covas ou ás furnas, achegarnos ás xentes,
descubrir paisaxes...
Atrás vai quedando o frío e a neve, xa estamos
metidos de cheo na primavera, florecen os prados e as árbores cóbrense
de follas, a chegada dos meses de maio e xuño inundan o noso calendario
de múltiples actividades, e nós ... seguimos saíndo
ó monte, máis é unha época que tamén
nos invita a participar doutro elemento natural, a auga, é un momento
propicio para os descensos de cañóns, o mergullo, o piragüismo...
E tamén aparece outro elemento que caracteriza ó noso Club,
coa chegada de maio, chega... a “Operación Benxamín” e xa
van 36 anos ininterrompidos, celebrando este curso de iniciación
ó montañismo para nenos e nenas. Parabén ós
que o fixeron posible durante todos estes anos, tal vez a algún
deles se lle alterou o sangue nalgunha ocasión, pero non sería
por tanto neno, é que a primavera...
CAMILO CÓRDOBA PIÑÓN
Lembrando a un home bo e excelente compañeiro
P.D. Coñecín a Camilo nunha luminosa xornada do outono
de 1.947, durante un percorrido polos cumios do Castrove ata a marabilla
de Armenteira. Eu era moi novo, bastante novato aínda, e nunca escoitara
falar a ninguén sobre a montaña e a paisaxe galega como el
o fixo naquela ocasión. Lémbrome que emocioneime un pouco.
Despois fun estreito colaborador en moitas das súas tarefas e tiven
a sorte de aprender bastante máis sobre Galicia ó seu lado.
Gracias, Camilo.
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
CURSO DE ORIENTACIÓN
Na reunión previa celebrada entre Antonio Suárez e os interesados neste curso, estableceuse o calendario das clases (dúas por semana) que terán lugar, durante uns dous meses, no local social, para rematar nunha xornada de prácticas ó aire libre. As primeiras clases serán os días 13 e 14 de maio, aproximadamente de 20:00 h a 21:30 h. O curso está destinado ós socios a partires dos 14 anos, ten 20 prazas e é gratuíto. Xa hai 14 anotados, polo que se estas interesado... ¡Apúntate!
COMISIÓN LIBRO
Con motivo do 60 Aniversario do Club formouse unha comisión que preparou os distintos actos e celebracións. Entre os temas que se trataron figuraba a intención de publicar un libro que recollese a historia do Club, proxecto que, dado o complexo de acadar unha axeitada publicación, o volume de documentación a tratar, os distintos puntos de vista sobre o seu contido e a forma de expoñe-la nosa historia, non foi posible ter listo, nin moito menos, para o ano pasado. Pero agora retomámo-lo firme desexo de continuar coa labor, xa iniciada, e polo tanto formar unha Comisión Libro do Club, que, sen présa pero sen pausa, traballe para facer realidade este proxecto. O coordinador do libro segue sendo Chito Veiga, sendo outros membros da comisión: Sechu, Fernando Fernández, Escrich, Lourdes Castiñeira, José Luís Vázquez, Antonio Álvarez, Cholo, Antonio Alemparte, Carmen Pérez Orge, Albino Quinteiro, Antonio Suárez, Chus Lago, Enrique Soto e Montse Rodríguez.
COMISIÓN REFORMA DE ESTATUTOS E MODIFICACIÓN COTAS
Esta comisión nace da vontade de mellorar e actualiza-los Estatutos
do Club e da necesidade de adaptalos á nova Lei Orgánica
1/2002 reguladora do dereito de asociación. Estudiarase a simplificación
das Clases de Socios coa intención de reduci-las excesivas posibilidades
de cota, así como revisa-lo importe das cotas sociais. Son membros
desta Comisión: Sechu, Fernando Fernández, Marisa Núñez,
Loúrdes Castiñeira, Maite Arocas e Daniel Ballesteros. As
propostas e suxestións que formulen os socios serán ben recibidas,
pero para o seu axeitado estudio, solicitamos que se presenten por escrito,
na oficina, ata o 27 de xuño. Esta comisión elaborará
unha proposta de novos estatutos e de novas cotas sociais, para debater
e vota-la súa aprobación, nunha Asemblea Xeral Extraordinaria
que se convocará ó efecto.
SECCIÓN INFANTIL
OPERACIÓN BENXAMÍN
XXXVI Curso Infantil- Xuvenil de Iniciación ó Montañismo
Organiza: Club Montañeiros Celtas (Sección Infantil-Xuvenil)
A Operación Benxamín está orientada como
unha iniciación ó montañismo, encamiñada a
fomentar a afección ao deporte en plena Natureza e o respecto da
mesma. Nela trátase de formar aos participantes dun xeito teórico
e práctico nas variadas facetas que presenta esta actividade deportiva.
Está dirixido a nenas e nenos de idades comprendidas entre os
8 e 14 anos.
Ó fronte deste curso encóntranse monitores do “Club Montañeiros
Celtas”, con gran experiencia na práctica do Montañismo e
no trato e ensinanza infantil. A experiencia e prestixio que Club Montañeiros
Celtas acadou para desenvolver este curso, ven avalado polo feito de ser
este o XXXVI ano consecutivo que se realiza, e sempre con indubidable éxito.
No transcurso das saídas instruirase ós cursillistas
en diversos temas: medio ambiente, coidado da natureza, convivencia, lendas
e tradicións dos lugares visitados, amais dos temas propios que
comprende a realización do montañismo coma poden ser: montaxe
de campamento, o diferente material empregado en montaña, orientación,
marchas, escalada, rapel, etc...
PROGRAMA
Venres 9 20:30 horas: Apertura e presentación.
Proxección de diapositivas dos cursos anteriores no local social
do “Club Montañeiros Celtas”.
Sábado 10 Saída de Vigo ás 16:30 cara o Monte Aloia. Distribución no refuxio. Percorrido pola zona. Charla sobre material de escalada. Xogos nocturnos.
Domingo 11 Teoría e práctica da escalada (marcha opcional).
Charla ¿como se fai unha mochila?. Recollida e xogos de despedida.
Sábado 17 Saída de Vigo ás 9:30 cara Vilarbó (Fragas do Eume). Montaxe do campamento. Charla sobre a acampada, práctica de montaxe de tendas. Concurso de cociña. Visión de estrelas.
Domingo 18 Marcha. Teoría e práctica de orientación
en montaña. Recollida do campamento.
Sábado 31 Saída de Vigo ás 9:00 cara A Seara (Courel). Charla sobre material na montaña. Marcha e xogos nocturnos. Travesía de montaña para os maiores (actividade opcional supeditada).
Domingo 1 Marcha de montaña. Recollida e despedida.
16 de Xuño 20:00: Clausura no auditorio do Centro Cultural Caixanova. Proxección de diapositivas do curso. Entrega de agasallos.
SECCIÓN DE CULTURA
IMPORTANTE
Con motivo dunha longa viaxe á India de índole persoal e fotográfica, non poderei esta-los próximos meses en Vigo. Se se xunta un grupo de 9 persoas para a saída de xullo á India, eu responsabilizaríame da organización dende alí, e aquí queda un responsable. O resto de actividades tamén teñen responsable de aquí ó verán e desenvolveranse con normalidade. Creo é bo ir pensando, se así se cre necesario, en buscar un novo vocal de cultura e medioambiente dunha vocación non tan viaxeira neste ano e estamos traballando en iso. Anímovos a todos a participar nestas actividades que quedan en moi boas mans.
TERTULIA
Realizámo-la última tertulia sobre o tema “Os valores
na
Adolescencia”, coas seguintes conclusións:
- Búscanse valores fóra do núcleo familiar sen
facer selección.
- Os valores tamén se buscan máis fóra pois moitos
pais non teñen tempo suficiente para dedicar ós seus fillos,
por problemas como chegar esgotados do traballo e tamén hai dificultades
de grandes distancias en cidades, que non permiten levar ós nenos
a tódolos sitios que se quere e redúcenos o tempo libre.
- O botellón segue existindo tal e como existía antes.
CURSO DE PERFECCIONAMENTO EN FOTOGRAFÍA
Finalizaremos xusto antes de Semana Santa espero que os coñecementos adquiridos valga para poder captar belos e especiais instantes que todos poderemos compartir. Despídome dos meus alumnos, mellor dito alumnas pois son maioría e algunhas tamén amigas, amigos. Ánimo e a dispara-la cámara. A ver se algúns cambian e tamén disparan cámaras en vez de metralletas y canóns. ¡Non á guerra, dispara a túa cámara de fotos!
ACTIVIDADES SOCIAIS
FESTA DE PRIMAVERA
Fixéronse obras no Club. Por fin temos dividido o cuarto de
material (que quedou moi amplo por certo) e a biblioteca. A montaxe das
mamparas para a secretaría quedará para máis tarde...
hai que xuntar diñeiriño.
Primeiro fíxose unha división con ladrillo, logo montouse
a andel de madeira e para rematar instaláronse mamparas que, de
feito, deron bastantes desgustos a Sechu. Queda agora organiza-lo material
para que o club este máis ordenado e acolledor posible. ¿Que
tal se vos achegades todos ao local o venres día 23 de maio?, para
ver se vos gustan os resultados da pequena obra e de paso vides tomar un
vasiño de sangría ( invitación do Club). O que queira
pode traer algo para picar (tortilla, empanada...), e cun pouco de música
podería ser unha perfecta festa de primavera.
CORO
Un grupo de xente entusiasmado para cantar, xa se está reunindo
no club. Nun principio escolleron cancións variadas para o gusto
de todos e para distintas situacións.
Animádevos a participar e unídevos ó grupo os
mércores a partires das 20:30 h no Club.
EXPOSICIÓN DE SELOS DE MONTAÑA
NA BUSCA DO TESOURO
Sábado 13 pola noite, está chovendo e hai moito vento, ¿chamará Conchi (organizadora da actividade) para anula-la saída do domingo...? ¡ Pois non ! O domingo pola mañá segue chovendo, e moito, pero Conchi segue sen chamar, haberá que ir ata “Cuncheiro”. Incrible, a xente vai aparecendo e algúns saímos de alí xa molladiños. Nun lugar secreto a carón dun río empezou o recorrido. Alí nenos e maiores abeirados debaixo de paraugas ían seguindo as marcas verdes e amarelas ( algunhas falsas que conducían ao tesouro). O camiño descorría en principio por unha fortaleza e logo pola beira da ría ata chegar á illa. Unha pantasma co seu traxe voando ao vento, vixiaba a entrada da ponte. Unha vez na illa os nenos empezaron buscar as mensaxes, algunhas escondidas nun tronco, outros entre pólas ou dunha carabela que dicía “Así quedaron os que antes chegaron”. Algunhas eran probas que pedían o nome dunha árbore, o do río... en total foron seis pistas ocultas e dúas falsas. Ao final custou traballo encontrar o tesouro. A trabe estaba escondida nun milleiro entre as herbas e as flores. Dentro encontrábanse unhas moedas de ouro (de chocolate) entre caramelos e unha mensaxe que dicía “o verdadeiro tesouro é participar e compartir”.
SECCIÓN ESCALADA
¿Para cando a sección de escalada?
O Club ten a intención de fomentar a sección de escalada,
co fin de potenciar e consolidar a práctica da escalada en tódalas
súas modalidades.
Sabemos que moitos soci@s a practican, pero ata o de agora no club,
non había un programa suficientemente amplo de actividades “que
satisfixera” @s soci@s . Por esa razón, a vocalia de escalada do
Club convoca a tódol@s soci@s a unha xuntanza no local o próximo
día 16 de maio ás 8.30 do serán, para poñer
en común tódalas ideas, propostas de actividades, que poidan
contribuír a darlle contido á sección de escalada,
e que sirva de dinamizador da escalada no Club.
Xa podemos avanzar que a directiva ten intención de montar un
muro de escalada no local, e que a vocalia de escalada poñerá
tódalas semanas a partires do próximo luns 10 de maio unha
folla na carpeta de actividades do Club onde @s soci@s poderán anotarse
tódalas semanas para compartir actividade (coche, material, etc.)
dun día (sábado ou domingo), ou toda a fin de semana.
Anímoche a que participes.
BICI DE MONTAÑA
Nun bo día de primavera e ás oito da mañá,
tivemos o primeiro contratempo do día, “Bonilla estaba pechado”,
que iamos a facer sen os nosos churros e o noso chocolate quentiño,
o cal nos ía dar a forza necesaria para soportar o duro día
de pedal ¡Qué catástrofe!¡Ah, non home, que va!
só trocaron de lugar, está uns metros máis adiante,
noutro local. ¡Uff, que alivio!
Todo en orde pois, saímos cara á Serra do Barbanza, na
Poboa do Caramiñal, onde xa temos feito algún percorrido,
nos anteriores anos. Reunímonos no miradoiro da Curota, dende o
que se divisan varias rías e zonas de costa, que nos aledan a vista.
Comezámo-la volta despois dun contratempo que fixo da-la volta
e volver a casa a Anxo, coa súa flamante máquina; simplemente
estropeáronse os piñóns e non había posibilidade
de pedalear polo que non quedou máis opción que regresar
co enfastío de non poder gozar do día, despois do madrugón
e da viaxe.
Percorrémo-la zona alta da Curota pola pista, no medio de zonas
arboradas con regatos que no pleno inverno convértense en importantes
e visitadas fervenzas.
Tras percorrer varios quilómetros de pista doada con pouca inclinación,
pero complicada por moi empedrada, boa proba foi o seguinte abandono, está
vez tocoulle a Alberto, que despois de ”voar” por enriba da bicicleta viu
como a súa roda dianteira semellábase máis a un rapelador
, ou sexa, un oito, xa que rompeu catro radios e tivo que volver a pé
todo o percorrido.
Comezámo-lo ascenso por un lateral da serra en dirección
á base militar do Iroite, onde unha vez divisada lembrámonos
dalgún familiar dos que controlan e dirixen ditas instalacións.
Xa na zona alta, paramos nun dolmen e descansamos un pouco.
Despois de varios quilómetros atopámo-la obrigada poza,
na que por suposto Manolo se deu o baño de rigor, do cal temos probas
visuais.
SECCIÓN SENDEIRISMO
SENDEIRISMO: 09-03-2003
TRILHO CASTREJO PR 3N
CIRCULAR CASTRO LABOREIRO 24,5 KM
SERRA PENEDA-GÊRES (PORTUGAL)
Ós que nos gusta esta actividade, un domingo ó mes non
nos queda máis remedio que pó-lo espertador para ás
6:30 h ou 7:00 h xa que entre as 8 e as 8:30 h o autobús sae do
club, os que contan con coche poden durmir un pouquiño máis,
pero para os que xa empezan a camiñar dende a súa casa hai
que contar con 30', pero ben a elección das rutas o merece.
Este domingo 44 sendeiristas moi animados e axudados por un claro e
azulado ceo saímos en autobús ás 8 h dirección
Salvaterra de Miño, Monçao (Portugal), Melgaço, Castro
Laboreiro en pleno corazón da serra, á 1:30 h de Vigo.
Á altura de Puxeiros como case sempre unha espesa néboa baixa
fíxonos pensa-lo peor porque durou ata pasa-la ponte fronteiriza
, de novo sol e a nosa alegría.
Pero o día daríanos máis sorpresas. Antes de empezar
a camiñar paramos a tomar un café. Esta pequena aldea
de CastroLaboreiro, está situada a 900 m de altura e rodeada dunha
enorme parede rochosa de cor gris que fai da zona unha paisaxe especial.
Ás 10 h saímos e sempre subindo pasamos por varias pequenas
pontes romanas que atravesaban o río Laboreiro para chegar ó
Xestoso, un pico a 1338 m de altura isto supuxo 8 km aquí descansamos
20' e repuxemos forzas, tamén asinamos nin impreso do Club
para consegui-la nosa acreditación de montañeiros de 3ª
categoría, para algúns xa era o noso 2º pico de
1000 m temos que chegar ata 10 picos. O pouco que baixamos fixémolo
dende aquí pasando por varias parroquias rurais que máis
parecían abandonadas polas poucas casas. Unha delas A SEARA puidemos
ver algunha señora vestida de negro coas súas polainas e
varias saias superpostas como hai un montón de anos, pasando por
estas parroquias parece que o tempo detívose. Paramos
para comer 1 h 10' na Ermida de Anamão, cunha explanada de
herba que invitaba a durmi-la sesta, neste momento levabamos 14 km
Supostamente o sendeiro de hoxe era de 20 km, co cal ás 16 h
cando continuámo-la marcha só nos quedarían 6 km,
e todos tan contentos, pero as sorpresas só empezaran. Miguel, o
noso guía, que ademais hoxe non deixou de ir en cabeza, agasallounos
cunha proba de aventura ó máis puro programa de televisión,
tivemos que baixar por unha parede rochosa monte través con
herbas secas ó redor das pedras que facían esvarar e a única
opción para poder continuar era utiliza-lo traseiro a modo de freo,
isto sen contar un pedrolo moi saínte que a penas deixaba sitio
para pó-los pés, unha experiencia un pouco forte, cremos
que Miguel está probando ata onde podemos chegar, pero un día
lle facemos algo. ............
Descansamos un rato, para relaxarnos, non suaramos tanto en todo
o día. Cando pensamos que xa estabamos a punto de terminar polos
km e o tempo fainos outro agasallo, o regreso a Castro Laboreiro fixémolo
por un pedregal costa arriba de 4,5 km , o sol xa desaparecera no horizonte
e a luz íase perdendo, sos no medio da nada e rodeados da
inmensa parede rochosa.
Chegamos ás 20 h xa de noite. ¿Que vos parece? , á
isto se lle chama sendeirismo, a partires de agora sendeirismo “Made
in Miguel” que sempre nos sorprende, pero está pondo o listón
moi alto.
Estamos encantados de ver xente nova en cada saída, anque
non todos repiten.
Miguel, Miguel, Miguel .......
Ás 20:30 h despois de beber unha cervexa regresamos.
Como vedes un día interesante e completo.
Deica o mes que vén.
Elva, Concha e Pili
PROPOSTA DO MES: GUÍA DO DEZA
Este mes no presentamos ruta, para variar aconsellámosvos un
estupendo libro: GUíA DO DEZA, realizado por Luís Couto Lorenzo
(edit. galaxia, 2001), onde se nos indican rutas tanto a pé como
en bicicleta pola comarca do Deza, situada no centro de Galicia,
entre a Dorsal Galega e o Río Ulla.
Esta obra introdúcenos na historia, natureza e medioambiente
da comarca, detallando a continuación recorridos pola mesma, descritos
en profundidade e acompañados dun resumo técnico e mapa.
O único que se bota en falta é a cartografía asociada
ás mesmas, pero iso é un detalle menor, que non desmerece
o conxunto.
PROXECTO CAMIÑO DE SANTIAGO
Formamos unha comisión para preparar un novo proxecto: O Camiño do Norte a Santiago. Pensamos empezar en Ribadeo despois do verán e, por etapas de fin de semana, alcanza-la tan prezada Compostelá. En próximos boletíns vos informaremos do programa previsto, o cal pensamos será do voso interese.
MANTEMENTO SENDEIROS DO CLUB
En breve fijaremos un día para proceder con el mantenimiento
del PR G 9 Sendeiro de Alba. Agradecémo-la colaboración de
Cristina Fernández e Manuel Chávez que xa realizaron o recoñecemento
previo para coñece-lo estado actual do sendeiro.
Esperámo-la vosa participación.
SECCIÓN DE MONTAÑA
Saída de Alta Montaña: GREDOS
Destino: Lagoa do Barco, Covacha, Lagoa da Nava
O pasado mes de febreiro un numeroso grupo de montañeiros celtas
apuntouse á saída invernal a Gredos. O prognostico do tempo
era un pouco inestable, pero aínda así decidimos seguir adiante.
O venres ás 18 h de saímos no bús dende o club. Despois
de bastante choiva, un pouquiño de neve e unha paradiña para
o bocata, chegamos a unha aldea cerca de Nava do Barco. Algúns durmimos
nun albergue e outros o fixeron fóra, en vivac. Ó día
seguinte partimos cedo cara á Nava do Barco. Sen parar de chover,
preparámo-las mochilas e partimos cara á Lagoa do Barco.
O plan era subir á lagoa, despois subir á Covacha e ó
día seguinte baixar á lagoa da Nava e volta a Nava do Barco
polo outro val.
Chegamos un pouco tarde á lagoa debido ó mal tempo e
alí atopamos a caseta onde durmimos, toda para nós. Despois
de ordenar as nosas cousas comezamos a subir cara á Covacha. Atopamos
unhas pas totalmente cheas de neve (ata a cintura) e totalmente pechada
de nubes. Ó principio da subida había un pequeno resalte
de xeo. Debido ó tarde que era, un pequeno grupo decidiu continua-la
ascensión (case sen visibilidade), outros quedámonos
a practicar un pouco no xeo e o resto volta ó refuxio. En canto
escureceu todos vólveron ó refuxio excepto os catro aventureiros
da Covacha que chegaron de noite coa luz dos frontais.
Ó día seguinte debido ó mal tempo non foi posible
continuar ata a Lagoa da Nava e tivemos que volver polo mesmo val. Á
metade da baixada comezou a dar un pouco o sol e puidemos gozar da paz
e beleza do recorrido, que é moi pouco transitado.
O outro val que pensabamos percorrer é moito máis transitado
porque na lagoa da Nava hai unhas fervenzas de xeo moi grandes e numerosas
cordadas escálanas tódalas fins de semana. Calquera dos dous
vales merecen a visita, así que xa temos escusa para volver visitar
a zona.
Como resume, o sitio estupendo, a compaña inmellorable. O único
que non acompañou foi o tempo, así que outra vez será.
Sobre as nove da mañá saímos de Vigo un total de
43 montañeiros nun día con moi poucas nubes e temperatura
agradable que nos adiantaba a primavera.
A uns 4 km. da Cañiza, no desvío á aldea de Petan,
deixábanos o autobús e comezamos a nosa marcha. Pasamos entre
as súas casas e campos, por camiños lindeiros e encharcados
prados de herba verde. Tralas últimas casas da aldea o pradelo
deixa paso á xesta e ó toxo. Cruzámo-lo regato Aguillón
e por sendeiros de gando da comezo o noso ascenso ó monte Pedroso.
Ascendemos pola súa empinada aba sur entre altas xestas e rochas
facendo o primeiro descanso para reagruparnos e comer algo. Chegamos ó
vértice do Pedroso (1075 m) sobre as 12:00 horas e contemplámo-la
paisaxe entre a bruma: o cordal que nos conducirá a Faro de Avión,
o Suído, Paralaia, Maiores... Visitámo-lo vivic (pequena
caseta de pedra) existente a uns 200 m do Pedroso e pertencente ó
Club. Tamén puidemos comprobar como a enerxía eólica
está en pleno auxe. Non só os aeroxeradores son xa parte
importante da cordal desta serra, senón tamén o seu entorno
que está cheo de pistas, gabias, cableados, construccións...
que contaminan visualmente o noso día. Así preferimos camiñar
por sendeiros e zonas boscosas con pequenos regatos evitando no posible
as pistas. O camiño faise longo e tralo vertixinoso descenso
do Coto do Paso, chegamos a Faro de Avión sobre as 14:30 da tarde.
Fotos á paisaxe e ós compañeiros e tralas explicacións
de Conchi sobre a historia do Touza e a Touza (Menhires encontrados nesta
serra e con supostos poderes sobre a climatoloxía), decídese,
por maioría, descender cara á Porta Maceiras onde comemos
nun frondoso bosque, rodeados de fermosos piñeiros e cantos de paxaros.
As nubes aparecen tralo noso descanso e comezámo-la etapa final
da marcha. Descendemos cara á parroquia de Vivenzo, onde visitámo-los
seus artísticos “Cabacerios” (pequenas pallozas de palla seca) e
máis abaixo a aldea de Negrelle onde contemplamos tamén o
seu conxunto de canastros.
¡A Federación nunca para! Saímos ás 15:30
h de Vigo, nunha viaxe calorosa e sen ningunha parada. Acampamos á
beira do río S. Lázaro, cerca da ponte Bibei. Unha auténtica
ponte romana, non románica. Unha xoia que temos no noso país.
O sábado dedicámonos a buscar auga. Fallo da organización.
O Club organizador “Ribeira Sacra” é un bo catador de viños
pero esqueceron a auga. A noite ulía a licor café, augardentes,
champaña e cousas similares.
O domingo foi un día radiante e con un calor sufócante.
A marcha empezou tarde, ás 10:30 xa que a festa continuou
ata tarde. O recorrido comezou na ponte Bibei e continuamos pola calzada
romana, ben conservada e cunha forte desnivel. Iamos divisando todo o val.
Ó pasar por Trives o Concello tíñanos preparado un
vermú moi especial. Unha bica deliciosa, viño da comarca
e ademais bebidas. Tamén obsequiounos cun libro “Terras de Trives”.
Foi un detalle que todos agradecemos. Continuamos carta a Ponte Navea ,
aquí encontrámonos co río Navea e subimos cara ó
Alto de Cerdeira, onde acabou a marcha. Destacaría as fermosas pontes
polas que pasamos e os miliarios.
Volta ó campamento e despois da comida, a clausura do Campamento.
O Club organizador regalounos a cada un dos participantes, un xerro, pero
a pesar de que eles son dunha zona ben coñecida polos seus viños,
regaláronnos un xerro para a ¡auga!. A volta coma sempre.
¡A federación non para!. Todo seguido ata Vigo.
A Pedriza
O autobús suspendeuse por non haber suficiente xente anotada
e o tempo non parecía que fora estar connosco . A primeira noite,
camiño de Madrid, pasámola nas tendas a carón dunha
estación de servicio. Os últimos coches en chegar tivemos
a sorte de contar con vós compañeiros (Conchi, Carmen, Enrique
e Martín), o campamento xa estaba montado.
Despois dun bo almorzo aínda tiñamos que facer uns cantos
quilómetros para chegar. Tras pasa-lo túnel do Guadarrama,
dirixímonos cara a Cercedilla, onde nos reunimos con Manuel (un
amigo de Sechu que nos acompañaría estes días recorrendo
a “serra da Pedriza”). Na vila fixemos as últimas compras para o
fin de semana. Daba gusto pasear un día laboral, pois aínda
que nós estabamos de festa, o día da Reconquista soamente
é festivo en Vigo aínda que algunha, por estudiar en Pontevedra,
debería estar en clase neses momentos.
Deixamos os coches no aparcadoiro do Parque rexional da Pedriza de
Manzanares, onde atopamos a Gaspar e mais a Luís, un amigo del,
que xa chegaran dende Cataluña o día anterior. Comezamos
andar cara ó refuxio, a uns 30 minutos. Nada máis empezar
xa fomos perdendo compañeiros, como o grupiño “Jose elevado
ao cubo” (José Antonio, José Ramón e máis José
Carlos), pero ao final todos encontrámo-lo refuxio. Acomodámonos
nel, no Refuxio Giner e, unha vez preparadas as mochilas de ataque, saímos
cara ó Yelmo. Manuel e Sechu (que coñecen a zona) vannos
sinalando as cimas, os nomes das pedras; as formas que fan son espectaculares,
deixase funciona-la imaxinación e saen un montón de personaxes,
os hai que teñen nome propio recoñecido na cartografía:
“el pájaro”, “ el camello”, “ el hueso” ...estes días chovera
moito e a auga ía polo medio do sendeiro ou era o sendeiro
que ía pola auga, como ben dicía Manuel.
Faise moi agradable camiñar a modo e ir observando e apreciando
a paisaxe; os voitres non deixaron de sobrevoarnos durante todo o día.
Estes arredores son totalmente distintos aos nosos e hai que aproveita-la
viaxe. Paramos para case todo: tirar fotos, ver polos prismáticos
cabras montesas e voitres, estudia-la vexetación e tamén
... para picar algo que no monte xa se sabe.
Chegamos á cara sueste do Yelmo pero aínda era cedo,
así que demos case toda a volta ao seu redor e trepamos por unha
fenda moi longa e moi estreita; algunhas non podiamos xirarnos unha vez
metidas dentro por mor das cadeiras, outras tiñan o problema á
altura do peito. A subida foi lenta, uns detrás de outros, pero
máis lento foi para baixar ¿verdade Jose Carlos?, a verdade
e que impoñía un pouco.
Como non podía faltar a foto de grupo, chamamos por teléfono
e apareceu un deportista correndo que nos fixo o retrato a 1.714 metros.
Ao final a actividade de escalada cambiouse pola de pasar un arame
que tiñan montado os do refuxio, ¡como no circo!, pois moitos
foron os pallasos que o intentaron e inclusive eu. Algúns estiveron
durante horas, mesmo na escuridade, ¿verdade rapaces?. No refuxio
estivemos ben acompañados por dous cans e disque ata o burro nunha
ocasión meteuse ata o salón- comedor.
Almorzo ás 8h e ás 9h xa chegara Manuel, que fora durmir
a súa casa. Dirixímonos cara “ás Cuatro Torres” pasando
por “los pajaritos”. Pasámo-la primeira torre, ¿ou foi
a segunda?, dende aquí enriba non se aprecia e é que ¡tódalas
pedras son iguais!. Ao chegar ao “collado de la ventana” paramos para comer,
hoxe xa encontramos máis xente no monte. As vistas de Madrid, do
encoro de Santillana... todo é impresionante, a paisaxe pérdese
no horizonte. Agora toca baixar, é divertido, as marcas brancas
e amarelas indícannos que temos que pasar por debaixo dunha
enorme pedra ou meternos entre outras dúas como se desapareceras
por un intre. Unha vez máis o grupo desfíxose, o último
paramos como unhas cinco ou sete veces para contemplar nun niño
a un voitre que debía estar incubando ovos, ¡que ilusión!.
No outro grupo, polo visto, Jacobo estivo axudando a baixar das enormes
pedras a rapazas, que nos lles daban as pernas. O monte estaba tapizado
por unha planta verde chamada gayuba, tamén había no monte
uz branca, anebro e enciñeiras, había exemplares enormes
para as altitudes nas que nos moviamos. Un pouco máis abaixo cruzámo-lo
bosque de piñeiro silvestre. Paramos tamén ante as zonas
de escalada; aínda que dende lonxe parecera imposible subir por
aquela rocha, ao miralo de preto imaxinabamos como fan para chegar ao máis
alto.
Hoxe todos ceámo-lo que o garda do refuxio nos tiña preparado,
tamén Óscar e Magdalena (amigos de Conchi ) que chegaron
pola tarde dende Madrid. Así que sentámonos á mesa
despois de lavarnos un pouco na fonte de auga conxelada, aínda que
non llo parecera tanto a Aguieszka pois di que por alá arriba (Polonia)
vai moito frío. Na sobremesa fixemos unha cadea, cada un daba unha
masaxe ao que tiña diante, estivo moi ben. E mentres, a choiva fai
a súa aparición; as rapazas tivemos que saír cun paraugas
do garda para ir ao “servicio”, insólito pero certo.
CANTO MÁIS SE SUBE, MÁIS HAI QUE BAIXAR
Curso de alpinismo da Escola Galega de Alta Montaña
8-9 e 15-16 de febreiro
Mércores. Eran as once da noite. Soou o teléfono.
- ¿Diga?
- Ola. Hai unha praza no curso de alpinismo deste fin de semana. ¿Queres
ir?
- ¿Teño que contestar agora mesmo?
- Si, agora.
- Pois vale.
A verdade é que dende que a EGAM estivo no club en decembro
presentando os cursos deste ano, tiña ganas de face-lo de alpinismo,
pero, por distintos motivos, casei me fixera á idea de non ir. Así
que xa podedes supo-la alegría da noticia. Nembargantes, en canto
colguei o teléfono, pensei: "¿Que fixeches?", xa que nun
día tiven que conseguir material (gracias, Sechu) e roupa (gracias,
Andrea) e buscar compañeiros de viaxe e de tenda (gracias, Miguel
e Cris). Ó final, non sei moi ben como mas arranxei, pero resolvín
todo... ben, case todo. O venres pola tarde esperaba a chamada de Cris
para que me recollera para reunirnos con Miguel en O Porriño, pero
ninguén chamaba porque... ¡o meu teléfono estaba estragado!
"Non pode ser", pensaba mentres corría cargada coa mochila á
Praza de España. Finalmente, todo se arranxou. E así, en
compañía dun sendeirista de altura e da que podería
se-la primeira española en coroa-lo Mont Blanc, puxemos rumbo á
comarca de Babia, no noroeste de León.
Despois de varias horas de viaxe, chegamos a Villasecino, lugar no
que pasámo-la noite baixo o soportal da súa igrexa. Non pasei
moito frío, porque o meu saco é unha marabilla... e pola
funda que alguén me prestara (gracias, Dani, que non me esquecera
de ti). Madrugamos para incorporarnos ó resto do grupo en Torrebarrio.
O Club Montañeiros Celtas contaba cunha ampla representación:
Miguel, Cris, José, Jesús, Javi e a que escribe. O gremio
espeleolóxico tamén tiña varios representantes: un
de Ártabros e tres de Celtas. Preguntarédevos que se imos
deixa-las covas pola montaña. Pois non. O truco está en que,
canto máis se sube, máis hai que baixar...
Unha vez disposto todo o material, fixemos unha breve presentación.
Os vintecatro alumnos e catro instructores encamiñamos monte arriba
en dirección a Peña Ubiña. Tras algo máis dunha
hora de pateo, chegamos ata os Llanos del Fontán e montámo-lo
campamento. Acto seguido comezou o curso cunhas nocións sobre o
material de alpinismo, así como sobre nos. Creo que deberiamos parar
un pouco máis neste punto, pois había algún que se
fiaba dos seus nos case por acto de fe.
Despois de repor enerxías, subimos a un circo. Xa arriba, dinos
Gus, o director do curso, que a subida sería mellor con cranpóns...
¡a boas horas! Alí practicámo-lo canteo con botas...
un sufrimento cando os cantos das túas botas son redondeados. Tamén
nos empregamos a fondo na práctica da autodetención con piolet.
Despois calzámo-los cranpóns, subimos e baixamos de distintas
maneiras e xogamos ó pilla-pilla cos cranpóns. Tras esta
malleira, baixamos ata unha pequena cornixa e nos explicaron brevemente
distintos tipos de ancoraxes. Fora suficiente para o primeiro día,
así que tocaba baixar ó campamento a cenar.
¡Que cea máis rica! ¡Que ben senta unha infusionciña!
Tardei en ir durmir, porque me dediquei a intercambiar impresións
con todo o mundo. A noite era espectacular: había estrelas por todas
partes, as que escintilaban no ceo e as que escintilaban no solo. Orión,
máis que un guerreiro, parecía un alpinista máis.
E a Lúaa resaltaba máis, se cabe, a grandeza da montaña.
¡Qué pequenos somos! Dende logo, unha imaxe difícil
de esquecer.
Ó día seguinte, tamén tocou madrugar. Volvemos
subir cara ó circo, pero pasamos de longo e chegamos ata unha agulla,
que é o punto de partida de corredores, como Elixir da Sorte ou
Xogo de Bagoas "pro". Así como o sábado pensei que ían
dicir: "tes aptitudes, pero estás nomeada", o domingo encontreime
mellor. Gus dicía: "tía, véxoche ben", pero tamén
me dixo que había que darse caña entre semana para estar
en forma. Pero que lle vou a facer se despois dun mes de exames teño
forma de cadeira. Comemos algo e baixamos á cornixa do día
anterior a practica-los distintos ancoraxes, así como técnicas
de descenso. Cavámo-la neve como campións... ¡vaia
se se súa na neve! Recollémo-lo chiringuito e baixamos a
Torrebarrio. A próxima fin de semana, máis.
Estaba contando os días para que chegase o venres e volver a
Ubiña. Esta vez no Porriño Cris e Miguel foron xuntos e eu
acompañei a José. Pasamos de día pola zona de Villablino,
podendo observar a un lado o río Sil e ó outro lado as instalacións
que evidencian as actividades mineiras para explota-lo carbón. Acampamos
á carón da igrexa (sona mellor que dicir á carón
do cemiterio) de Torrebarrio. Moita xente durmiu na vella escola da vila,
pero os de Celtas somos así.A mañá do sábado
incorporámonos de novo en Torrebarrio. Volvemos subir ata a zona
de acampada e a monta-las tendas. Non había tempo que perder, así
que subimos ó circo para repasar e practica-los conceptos vistos
a fin de semana anterior. Máis tarde explicáronnos o encordamento
en glaciar, así como as técnicas de progresión e aseguramento
en cordada. A autodetención en cordada a punto de deixar capado
a máis máis de un. Despois doutro día de frenética
actividade, regresamos ó campamento. Baixei a última porque
quedei observando a montaña. Supoño que xa me empezaba a
pica-lo verme, e, por iso, comecei pensar nas distintas maneiras de acceder
ós cumios: por este corredor, mellor polo outro de máis
alá, pasando baixo ese pisón, rodeando aquelas rochas...
¡uhf! ¡qué chungo! Pensaba isto ata que á esquerda
de todo vin unha longa pa de neve... esa si que tal vez caia algún
día destes.
Xa no campamento entre charlas e cociñas pasou un bo rato. A
noite era tan impresionante como a da fin de semana anterior, e, se non
fose polos 10º C baixo cero, tería quedado un pouco, pois a
compañía era moi grata.
Ó día seguinte, custoume saír do saco porque dentro
se estaba moi a gustiño. Fixen ben en descansar, pois non houbo
tregua en toda a mañá, como dicía José: "¡qué
fatiga!". Nada máis vestirme, saín escopetada en busca de
auga ó manancial. Abandonei o campamento correndo e fun mangada
ata o lugar onde estivemos practicando novamente a autedetención,
esta vez sen piolet. Aquilo era unha especie de "nevepark"; unha toma isto
coma un xogo, pero espero non ter que autodeterme nunca nun caso real.
Lanceime pendente abaixo unha vez máis, pero a xente xa collera
as mochilas e estaba subindo, así que outra vez a correr costa arriba.
¿Sabedes cara a onde nos diriximos? Pois cara á longa
pa de neve que estivera observando a tarde anterior. Encordámonos
e empezamos subir cara a un pequeno corredor. Na base do corredor preparámonos
para ascendelo, montando cada un dos tres da cordada unha reunión.
Por desgracia non me deu tempo de montala miña reunión (para
resarcirme disto, xa me encarguei de montar unha reunión... no bar).
Subimos un pouco máis (anque a min pareceume bastante despois das
carreiriñas matutinas e o Lourenzo que pegaba) e reunímonos
con outras cordadas. Estabamos a pouca distancia do Prao, pero non chegamos
ó seu cumio... pero volverei.
Despois de meterme un bo enchente de chocolate e beber, que boa falta
me facía, baixei ó campamento. Só restaba recolle-la
tenda e carga-las mochilas para volver a Torrebarrio. O curso estaba tocando
a súa fin, pero un non deixa de aprender ata o último instante.
Parte do camiño de baixada o fixen en compañía de
Gus. Contoume que a primeira vez que fora á montaña foi cuns
dous amigos ó Tres Bispos, en Ancares. En teoría, un doc
seus amigos controlaba, pero meteunos por un lugar polo cal Gus, agora
tras años de adicción ó alpinismo, non metería
a alguén que non tivera nin idea do tema. Moralexa: que me alegro
de ter ido a este curso porque aprendín moitas cousas, que me axudarán
a saber por onde e como podo ir, e así evitar algún que outro
mal trago (que inda así tamén os terei).
Xa pasaron varias semanas dende que acabou o curso de alpinismo e inda
sigo estando en Babia... cerro os ollos e vexo Peña Ubiña
e escoito ó lonxe "mecagüenrriau"....
Ola amigos:
Ante todo agradecer ó club montañeiros celtas permitirme
poder saudarvos a través do boletín do club. Pois o dito
pasaron xa bastantes anos dende aqueles cursos da ENAM dos cales inda conservo
a plaquiña, en que iamos nun autobús para aprender técnicas
de escalada en rocha, de xeo, de orientación , etc., realmente
foi moito o que aprendemos sobre o deporte da montaña, tamén
aprendemos da vida, familiarizámonos co uso da corda, as clavixas
e o piolet, tamén aprendemos a compartir momentos algunhas veces
malos e moitos bos. Aquelas longuísimas viaxes a Peña Ubiña
nun autobús de rodas case cadradas, cargados de mochilas ata a coroniña
e xente moza cargados á súa vez de entusiasmo, por unhas
estradas infames, e chovendo sen parar; aquilo era para quitarlle a afección
a calquera. pero non era así, cada vez eramos máis os que
queriamos participar, aqueles cursos a pesares de todo eran, para
nós a mellor festa.
Sempre continuei coa miña afección montañeira,
ata que hai un par de anos vin un anuncio, nun comercio, dun curso de técnica
invernal da federación galega e ocurríuseme asistir
pensando que seria algo parecido.
A verdade, as cousas cambiaron e eu tamén non só teño
o pelo bastante máis branco , cando desenfundo o meu piolet charlet
moser de mango de madeira, e pico plano, os meus pantalóns
bávaros de pana, as miñas botas de coiro nórdika compradas
en Chamonix nos 70, amén dos meus gueteres de loneta, e a imperecedoira
mochila de Sualonso dinme conta por fin de que o tempo non deixou de pasar.
Tiña razón a miña muller cando me dicía ti
cres que es un mozo pero o tempo non perdoa, pero ben isto non llo digades.
O caso, é que os demais membros do curso ademais dos monitores,
supoño que me situaron polo menos na idade de pedra, dígoo
pola cara de asombro que se lles puxo, a verdade é que a min asombroume
tamén o seu estraño aspecto non sei por onde empezar porque
a verdade tamén ten a súa coña por exemplo
Para a cabeza en vez dos gorros de la usan “bragas” que eu pensaba
para outra parte do corpo feminino, as botas de plástico ,
os piolets ananos e retorcidos e uns pantalóns (segundo eles mallas)
que máis ben parecía que ían ó Bolsoy co Nureyev
a dar brincos e toda a súa roupa en xeral era de cores fosforitas
un pouco chillonas , tamén cambiou a alimentación eu ó
chega-la hora da cea saquei a miña cociña dos 70 e
a miña lata de fabada litoral,o cal asombrou a aquela xente, en
cambio eles (practicamente todos) sacaron uns espaguetes, cocináronos
cunhas cociñas que tiñan apoios e non facía falta
suxeita-la friameira(este si que é un adianto) e os comeron así
sen nin sequera un pouco de tomate á siciliana nin un pouco de queixo
raiado xa non digo gorgónzola polo menos do caserio en bolsiña,
pois iso, comeron aqueles aburridos fideos ós que os padais máis
esixentes lles engadían unhas follas de ourego como moito, da comida
de ataque tamén me chocaron as barriñas enerxéticas
e algún pistacho era todo o seu repertorio, eu polo contrario levaba
o de sempre pasas, chocolate e un pouco de queixo de ovella ben curado
e algo de froita por se acaso, en fin o que xa foi demasiado foi o meu
frontal de petaca un pouco oxidado, iso si, con cables ata a cintura
e eles levaban unha cousa pequeniña nunha especie de diadema na
cabeza pero a verdade é que alumeaba moitisimo anque creo que as
lámpadas non duran 3 saídas seguidas e a miña debe
ser do setentaetantos e teño lámpadas de reposto e sobre
todo case non gasta pila. Pero en fin amigos non vos vou a contar máis.
Os máis mozos sabedes de sobra que é o que se leva agora
e os da miña quinta o de antes. O que non cambiou é a xente,
son outras caras pero repítese a mesma ilusión, camaradería
e bo ambiente de sempre, eu pola miña parte síntome orgulloso
de supera-los prexuízos e de asimilar que sempre se pode mellorar
non importa a idade porque ademais nesta vida non hai profesionais todos
somos afeccionados.A vida dura demasiado pouco e hai que aproveitala
Saúde e montañas
EXPEDICIÓN
VIGO XA TEN FERVENZAS DE XEO
Baixo os contrafortes da cara Norte do Annapurna II, á sombra das choivas monzónicas, estendese o distrito de Manang, á cabeceira do río Marsyangdi. É un lugar árido, de aire seco, que dificilmente arranca á terra unha colleita anual. Do veciño Tibet herdou os seus muros “mani”, os muíños de oración, e as portas “Kani” situadas nos accesos ás aldeas coa intención de impedi-la entrada ós malos espíritos que puideran acompañar ó camiñante.
ESPELEOSECCIÓN
21 marzo. Conferencia de Sergio e Xornadas Técnicas
A conferencia, espectacular. As disertacións das expedicións
a Eslovenia e, sobre todo, a Abkhazia foron espectaculares, didácticas
e motivadoras.
Aproveitando a visita á nosa cidade de quen é un referente
mundial, actualmente, na espeleoloxía, organizamos no rocódromo
das Travesas unhas Xornadas Técnicas con Sergio. Un exitazo e sobre
todo unha revolución técnica, imos cambiar moitas cousas
de aquí en diante. Seguimos abraiados, encantados, motivados,...
e aínda asimilando tanta ensinanza/experiencia concentrada.
29-30 marzo. Espeleosocorro
Práctica a realizar no Sil. Do club participaron Jesús
(membro do grupo) e Daniel (aspirante). Este último veu tan ilusionado
como foi. Non collía na roupa. E agora toca explicacións,
e máis historias, anécdotas e pequenas prácticas cada
vez que haxa unha actividade na que participe Daniel.
29-30 marzo Espéleo-novos
Citámonos para saír na mañaciña do Sábado.
Deixamos a Daniel e recollemos a Alberto en Penalba e tamén
a Carol en Monforte. Aproveitando que se cambiou a data do Campamento Galego,
decidimos darlle unha saída a esa enorme lista de "aspirantes" que
temos aberta no Club. E así foi que probaron Alberto e Sebastián.
Probaron ademais por partida dobre. Para comezar, o sábado, despois
de saudar a Raul e Esperanza, que estaban a limpa-lo refuxio, fomos a Cornatel,
cova sempre agradecida para novos e non tan novos. E, como non, o domingo
xa un pequeno pozo, o Pozo do Souto. Empezaron con forza estes dous iniciados.
Esperemos que non sufriran tanto como para non seguir. Como non se podía
entrar no refuxio porque había que deixar seca-lo chan, ocupámo-lo
apeadoiro, recordando vellos tempos. Desta vez cun luxosísimo colchón
duns corenta centímetros de ancho de porespán. Alí
estivemos oito intrépidos e intrépidas. O domingo, de regreso
recollemos a Daniel, que fora para Ourense con Jesús, e deixamos
a Carol na estación.
4 abril Conferencia de Jesús
Contar cunha persoa da experiencia e coñecementos técnicos
como Jesús no Club é algo que nos enorgullece. Se ademais
participa en conferencias, xornadas,.. con nós, pois ... a aprender
e gozar. Unha gozada.
5 abril. Asemblea F.G.E
Reuniuse a Asemblea da F.G.E, como é habitual na Coruña.
Despois de segui-los puntos da orde do día, e discutir máis
ou menos algúns puntos, apróbanse as contas e ratifícase
o orzamento deste ano, o calendario de actividades, e quedando dous campamentos
vacantes, un o Galego por mor da renuncia do ECA, e outro o Infantil-Xuvenil
que sendo ofrecidos ós clubs asistentes sen que ningún decidise
organizalos, volvemos nós a colle-la organización do Infantil-Xuvenil
e o ECA intentará retoma-la do Galego. As licencias do 2004 soben
ata completar seis euros a cota a pagar á FGE para o ano que vén.
Verémo-lo que sube a cota da FEE e a Mutua G.D. Iso si, como tiñamos
acordado en reunión anterior na Sección, co noso voto en
contra. Con relación ás licencias plus no estranxeiro,
hai dúbidas da cobertura da Mutua en canto ó rescate
e á evacuación, depende tamén do país de que
se trate. Por certo, en saída ó estranxeiro hai que
mandar unha relación á Mutua G.D., vía Federación
Galega, dos federados que realizan a actividade e os días que están
fóra. Á hora de aproba-los orzamentos, someteuse coa
nosa iniciativa o posicionamento dos demais clubs con respecto a cobrar
cota nas xornadas monográficas que organiza a E.G.E. en novembro,
facendo mención ós anos en que esas xornadas eran abertas
a todo espeleólogo e sen cota, saíndo aprobado quita-la cota.
Hai unha zona de traballo nova nos arredores de Cornatel, unha franxa no
territorio leonés que solicitou o G.E. Lugo. Así que
como Cornatel é unha cavidade moi visitada por todos nós,
cando decidades ir, comunicádeo ó club para que este o comunique
ó coordinador da zona de traballo para non interferir en ningún
tipo de medición que estean levando a cabo. A posición dos
clubs no ano 2002 segundo a puntuación obtida queda: mellor club
G.E.S. Club Montañeiros Celtas, seguido de G.E.S. Irmandiños
e de G.E.S. Ártabros, que por certo manifestou algún asistente
desconforme co baremo utilizado aportando algunha modificación,
que se estudiará. En canto ó refuxio de Cobas dicir que agora
mesmo ten auga pero está previsto facer un pozo de barrena para
cando chegue o verán non te-lo problema deste ano. E en canto á
Cova do Rei Cintolo pois sigue pechada e no Concello aprobouse unha partida
orzamentaria para acometer unha aula da natureza e accesos á cova.
Vanse intentar tomar medidas a nivel de recursos legais, pero cremos que
vai sendo hora de pó-la imaxinación a traballar e ver que
podemos facer se non queremos quedar sen poder visitar e explorar a meirande
cova galega. ¡Lembrade que para o ano que vén cumprímo-lo
cincuenta aniversario da primeira expedicción a Cintolo e algo haberá
que facer!
6 abril Actividade xuvenil: Coñece covas
Esta actividade tivo que desenvolverse nun só día por
mor do cambio de data da Asemblea da F.G.E.. O cambio pasou, ó ser
un só día, de Cobas a Cangas, máis concretamente a
Liméns e en vez de cavidades calcarias pois cavidades mariñas,
é dicir, furnas. Alí, o tesouro que teñen a ben gozar,
a Furna de Santa Marta, ofrecéuno-lo marco axeitado para facer que
os "nosos" xuvenís pasaran un día distinto. Así ás
dez e media (ás dez non había) colliamos o barco a Cangas,
menos Xabier que foi en coche, o que aproveitamos e mandamos as sacas
e mochilas. De Cangas a Liméns, polo camiño pegado ó
mar que abriron para mete-lo saneamento hai uns anos, fomos camiñando
envoltos nun agradable fresquiño de mañá. Antes de
chegar alí xa Miliño contactou connosco, xa levaba alí
algúns minutos, fora en bicicleta, e quería marchar. Algún
día levantarémosche un monumento, Miliño. Xa non puido
coa paciencia e saíunos ó encontro, o mesmo que Xabier, que
chegou antes ca nós. Gozando dunha primavera moi avanzada, as calores
dalgúns fixeron que nada máis chegar se meteran na auga.
A furna está cercada na metade da súa boca máis occidental
con cerco de madeira, posto que pasa o camiño mesmo á beira.
A outra metade con cinta Vermella-branca de obraA outra boca nin sequera
iso, só ten un par de fíos de arame paralelos na zona máis
vertical (por onde baixamos) entre varias árbores. ¡É
a maneira de coidar dos nosos tesouros naturais! ¿Poderiamos facer
algo dende o Club?
Outras
A Sección de Espéleo manifesta publicamente que José Luís (Vázquez) e Mucha están invitados a un percorrido en bote, (os primeiriños en estrealo cando o teñamos) polo lago soterrado escollido por eles.
Espeleonovas
En maio celébrase o Curso de canóns da E.G.E., reflectindo
no calendario do club, Contactar co club os que esteades interesados para
sabe-los requisitos e para inscribirse dende o club.
Na ponte do primeiro de maio imos a Portugal. Algúns dirán
¡por fin! con maiúsculas. Lembrade amplia-las licencias se
non téde-la de cobertura axeitada.
ACTIVIDADES SUBACUÁTICAS
NOVIDADES DA SECCIÓN
Dende a Sección de Actividades Subacuáticas queremos informarvos
que, por falta de xente, non foi posible realiza-lo curso de mergullador
1 estrela para o Club. Non obstante, os interesados están realizando
dito curso dentro dun grupo da Escola Galega de Actividades Subacuáticas
de Vigo. Así que en breve teremos novos mergulladores no Club. De
todas formas, tódolos que queirades realizar un curso de mergullo
non tedes máis que dirixirvos á Sección para pedir
información e, se se xunta un grupo, volveremos intentar preparar
un curso.
Pero esta Sección non descansa e queremos invitarvos a todos
ó Campionato Social de Pesca Submarina que terá lugar en
cabo Silleiro o domingo 18 de maio. Así que, confiando en que o
mar o permita, esperamos que se de ben a xornada con boas capturas, para
algúns as primeiras da temporada.
Tamén será a primeira da temporada a inmersión
prevista para o sábado 31 de maio na Ría de Vigo. É
indispensable estar en posesión dunha titulación axeitada
para tomar parte nesta actividade.
Así mesmo, quixéramos informarvos que, de cara ó
verán, estamos planeando novas e distintas actividades. Así
pois, gustaríanos retoma-lo curso de vela que o ano pasado algúns
realizaron, propor un curso de surf ou levar a cabo unhas xornadas de iniciación
ó submarinismo. Calquera outra proposta será ben recibida.
Manterémosvos informados.
ESQUÍ DE MONTAÑA
Os días 21, 22 e 23 de Marzo celebrouse a XIX Alta Ruta Cántabra
2003 de Esquí de Montaña, organizada polo Grupo de Montaña
Orza coma en anos anteriores celebrouse no marco incomparable dos Picos
de Europa.
Na primeira xornada levantámonos moi cedo para colle-lo autobús
que a organización puxo á nosa disposición en Potes
para subi-lo porto de San Glorio, onde fixémo-la inscrición
por non podela facer o día anterior. Cun día máis
ou menos bo encaramos cara ó Portillo das Yeguas e Collado de Robadoiro
onde fixemos un pequeno descanso e quitámo-las peles de foca para
descender cara ós Lagos de Peña Prieta e posteriormente
ascender ó cumio Tres Provincias (2.497 m) dende onde fixemos un
bonito e longo descenso con boa neve ata o Boquerón de Bobias, xa
en Vega del Naranco e despois de recuperar forzas e cos esquís na
mochila retornamos ó Porto de San Glorio.
A segunda xornada descorreu polo macizo central de Picos de Europa,
collémo-lo teleférico en Fuente Dé e xa na estación
superior a proba dividíase en dúas partes, unha delas cronometrada
valedora para o Campionato Cántabro de Esquí de Montaña,
primeiro saíron os machucas e despois o resto, aínda que
algún deles xa o adiantamos na primeira rampla. O día era
malo con moita néboa, o que facía moi doado perderse, polo
que no collado de Fte. Escondida (2.050 m) decidimos dar volta para facer
un rápido descenso cara ó Cable.
Xa para rematar, e a primeiras horas da tarde, celebrouse a comida
no Hotel-Restaurante Infantado de Ojedo-Potes coa conseguinte entrega de
premios e sorteo de agasallos.
AXENDA
Venres 9 de maio “Operación Benxamín”,
apertura e presentación. Proxección de diapositivas das edicións
anteriores, por monitores da sección infantil- xuvenil. No Club
ás 20:30 h
Venres 16 de maio “Picos de Europa, Semana Santa 2003”. Proxección de diapos, por Andrea. No Club ás 21:00 h
Venres 23 de maio “Festa de Primavera”. No Club a partires das 20:30 h
Venres 30 de maio “Esquí de Travesía”. Proxección
de diapositivas, por Marcos. No Club ás 20:30 h
VINDEIRAS ACTIVIDADES
MAIO
10 Baiona - Gondomar II Marcha de Fondo - Sendeiro das Greas FGM
10-11 Monte Aloia Actividade infantil. XXXVI Operación
Benxamín. S. Infantil-Xuvenil
10-11 Melón Curso Descenso Cañóns EGE
10-11 Galiñeiro Curso Escalada Iniciación
EGAM
11 Amoedo Serra do Galiñeiro S.D. Bici de Montaña
11 Reis - Santiago Sendeiro GR 94 Rural de Galicia. Etapa VI
(Final) S.D. Sendeirismo
17-18 Vilarbó (Fragas Eume) Actividade infantil. XXXVI
Operación Benxamín. S. Infantil-Xuvenil
17-18 Trevinca Travesía: Sanabria - Porto S.D. Montañismo
17-18 Vilariño de Conso Curso Descenso Cañóns
EGE
17-18 Budiño - Melón Curso de Barrancos EGAM
24-25 Camiño de Santiago Travesía: Santiago - Fisterre.
S.D. Montañismo
24-25 Galiñeiro - Budiño Curso de Escalada en Parede
EGAM
31 Ría de Vigo Inmersión Submarina S.D. Actividades
Subacuáticas
31 Allariz Andaina Popular Allariz Concello de Allariz
31-1 O Courel Actividade infantil. XXXVI Operación Benxamín.
S. Infantil-Xuvenil
XUÑO
1 Galiñeiro Xornada de iniciación á Escalada S.D.
Escalada
7-8 XVI Marcha con Vivac FGM – Peña Trevinca
MG
8 Monte Tegra Xornada de iniciación á Escalada
S.D. Escalada
8 Moaña Península do Morrazo S.D. Sendeirismo
14-15 Trevinca Actividade xuvenil. Travesía de Montaña
S.D. Montañismo
14-15 IX Descenso de Barrancos FGM – Ártabros
14-15 Faro Budiño Curso de Escalada Artificial EGAM
14-15 Campamento Galego de Espeleoloxía FGE - E.C.Aradelas
Director: José López Pérez “Sechu”. Maquetación
e montaxe: Henrique Soto.
Normalización lingüística: Enrique González
Cameselle.
Edita: Club Montañeiros Celtas.
Colaboran neste número: Pilar Orche, Lourdes Castiñeira,
Miguel Carrillo Pérez, José Luis Vázquez,
Martín García (Shambala), Constancio Veiga,
Françoise Fauré, Marcos Rodríguez González,
Conchi Barciela,
Francisco Escrich, Juan José Vázquez Araújo, Andrea
M. Rosario,
Enrique Mandado, Zoila Fernández, Manuel P. De Lis, María
Jesús Lago, Manoel Chao,
Elvira Álvarez, Pilar Riveiro, Conchi Gilino.
Club Montañeiros Celtas non comparte, necesariamente, as opinións
dos seus colaboradores.
Imprime: Copy Camelias. Depósito Legal: VG:40-1998
Impreso en papel reciclado