ANO INTERNACIONAL DAS MONTAÑAS
En tódolos continentes existen montañas de diferente elevación
con gran variedade de formas e climas, combinacións específicas
de ecosistemas que van dende o ecuador ata as rexións polares.
Durante milenios as montañas foron fontes de valiosos recurso
como a auga, a enerxía e a biodiversidade, así como centros
de cultura e de recreo.
Pero hoxe en día fenómenos como a globalización,
o turismo e a urbanización poñen en perigo ás comunidades
de montaña e ós recursos que delas dependen.
En xeral as zonas de montaña enfróntanse á marxinación
e á degradación económica e ambiental.
As Nacións Unidas proclamaron o ano 2002 como Ano Internacional
das Montañas (AIM) co propósito de crear conciencia sobre
a importancia planetaria dos sistemas montañosos.
Designóuselle á FAO a función de organismo director
da AIM en colaboración cos gobernos, as ONGs e outros organismos
das Nacións Unidas.
O AIM representa un paso importante un proceso a longo prazo iniciado
no cumio de Río no ano 1992 co desenvolvemento do programa 21 no
capítulo 13, titulado Desenvolvemento sostible das montañas.
Dito programa deu ás montañas unha importancia similar ós
temas fundamentais do debate mundial, como son o cambio climático,
a biodiversidade, a deforestación e a desertización.
O AIM proporciona unha oportunidade única para reforzar a execución
do capítulo 13 e promover temas propios das montañas a fin
de que figuren ente as prioridades mundiais.
O AIM debería servir de catalizador para unha acción
concreta, continua e a longo prazo que supere o ano 2002.
Entre os obxectivos do AIM están.
· Asegura-lo benestar presente e o futuro das comunidades de
montaña, promovendo a conservación e o desenvolvemento sostible.
· Incrementa-la conciencia, así como o coñecemento,
dos ecosistemas de montaña.
· Atende-las situacións de conflicto que ocorran nas
zonas de montaña e promove-la paz.
Os montañeiros temos moito que dicir neste senso, historicamente
antes de que existisen este movementos relativamente recentes de defensa
da natureza e o medio ambiente, nós xa tiñamos feita moita
labor.
Alá polo principio do século pasado os montañeiros
a nivel mundial fixemos fronte común en defensa do noso espacio,
as montañas.
Hoxe en día estamos a sermos afastados e excluídos do
moitos foros e incluso algúns considérannos unhas figuras
incómodas.
Pido para este Ano Internacional das Montañas o noso pleno recoñecemento
a nivel mundial como interlocutores válidos e defensores históricos
das Montañas.
Celtis Lupus
INFORMACIÓN FEDERACIÓN DE MONTAÑA
Campamento de Verán da F.G.M.
A federación vai organizar para os federados máis mozos
un campamento en Muíños (Ourense). O prezo será de
185 € e está subvencionado pola federación. As datas
son de 30 de xuño a 8 de xullo para os rapaces de 8 a 12 anos e
de 20 ó 28 de xullo para aqueles de 13 a 16 anos.
Información Asemblea Ordinaria F.G.M. 2002
Infórmase do nomeamento de novo Tesoureiro na persoa de Evaristo
Fandiño. O antigo tesoureiro, Roberto Arbones pasa a ser Vocal.
Infórmase que se espera terminar co Refuxio do Xuído
este ano.
Aprobáronse as actas da asemblea do 2001 e léronse as
actividades do ano 2001.
Para a organización das actividades federativas do ano 2003,
a proposta do Club Peña Trevinca e votada na Asemblea, a Federación
enviará carta ós clubs solicitando proxectos para ditas actividades.
Posteriormente, e examinados ditos proxectos, asignará as actividades
seguindo os criterios apropiados.
O título de mellor club de Galicia o gaña o Club Montaña
Trevinca - Vigo, con 288,29 puntos. Club Montañeiros Celtas acada
244,60 puntos, seguido de Ártabros con 79,34 puntos.
Proba de fondo: Marcha das Greas
O sendeiro das Greas (GR.-58) ten algo máis de 200 km de lonxitude
ó longo da Mancomunidade de Vigo. A finalidade desta proba de fondo
é dalo a coñecer camiñando, en varias etapas,
polos fermosos lugares que nos ofrece nos distintos concellos que forman
o entorno de Vigo. Nesta 1ª etapa percorrerémo-lo tramo menos
rural do sendeiro, pero non por iso está exento de fermosos lugares
e inmellorables vistas.
O prezo de inscrición é de 10 €, a data límite
é do 25 de abril, máis información no club ou na F.G.M.
XIII encontro Internacional de mozos escaladores Pedraforca 2002.
A Federación Española de Deportes de Montaña y
Escalada organiza o encontro antedito para aqueles escaladores que posúan
a licencia federativa e teñan entre 16 e 25 anos. Esixíndose
como nivel técnico escalar de 1º de corda en vías semiequipadas
deunha dificultade Vº, ter experiencia en vías de varios longos
e saber protexerse con empotradores e friends.
Este ano a actividade desenvolverase no Macizo de Pedraforca.Refuxio
de Lluís Estesen (2.497 m).
O prezo da actividade é de 150,25 € incluíndo viaxe
en autocar dende Barcelona ata o Pedraforca, estancia no refuxio en réxime
de pensión completa dende o domingo pola noite ata o sábado
o mediodía.
Para máis información podedes preguntar no club.
SECCIÓN DE CULTURA
Comezamos este mes de primavera desexándovos a todos que cos
días máis calorosos e longos poidamos gozar dun maior contacto
coa natureza que tanto botamos de menos nas cidades. Quizás as actividades
culturais sexan menos atraentes polo maior tirón das actividades
ó aire libre, pero en todo caso, estas tamén son unha forma
de cultura, tan importante como a outra.
SAÍDA BOTÁNICA
TERTULIA
A tertulia do mes de Marzo, de tema: As relación na montaña,
tivo as seguintes conclusións.
Unha relación en montaña pode levar a relacións
de mutua confianza moi grandes e a todo o contrario, a grandes enfrontamentos,
que as veces se sobreleva co obxectivo de ascender un cumio e sen que prime
a convivencia.
O líder axuda á boa relación na montaña.
Á organización correcta da actividade tamén colabora
unha boa relación dos participantes.
A tertulia do mes de Abril, tivo de tema: A influencia dos trebellos
modernos na Montaña. Tivemos as seguintes conclusións:
O levar moitos trebellos á montaña pódenos levar
a afastarnos da realidade da montaña e de nós mesmos.
O uso racional do móbil é moi positivo en montaña,
ex. comunicación de grupos separados, seguridade e chamadas sen
abuso.
O uso do Gps, estase xeneralizando moito e, nalgúns casos, sácaselle
pouco proveito, por descoñecemento, falta de mapas especializados
e por mal uso.
A tertulia do mes de Maio terá como tema: ¿Como facer Vigo máis habitable?, e realizarase o xoves 9 de Maio ás 21 h.
CONCURSO LITERARIO
Volvemos convocar un concurso literario para este ano que coincide co 60 aniversario do club.
Datas: Recolleranse os traballos no período do 1 ó 15 de Xuño.
Tema: A Forza da Natureza.
Extensión: Unha folla tamaño A4, cun máximo de 40 liñas.
Presentación: Escrito a máquina ou ordenador, dentro dun sobre no que figure no anverso CONCURSO LITERARIO 2002, no interior do sobre axuntarase unha folla co traballo e outra co nome, apelidos, data de nacemento e nº de teléfono. Os traballos poderán ser en galego ou en castelán.
Premio: Haberá 3 premios, un para cada categoría: Ata 14 anos. Entre 14 e 18.Máis de 18.
Publicación do traballo: Os traballos premiados serán publicados na circular do Club.
INFORMACIÓN XERAL DO CLUB
SECCIÓN DE MONTAÑA
SEMANA SANTA 2002. PIRINEOS: PINETA
Esta Semana Santa fomos ó val da Pineta nos Perineos, dende onde
puidemos realizar diversas actividades partindo do cámping do mesmo
nome e que se encontra no centro do val. Por certo, que debo dicir que
o persoal do cámping tratounos moi ben.
Despois das terríbeis 13 horas de autobús, chegamos o
xoves ó cámping a iso das 13 h, repartímonos polos
cuartos e picamos algo da comida que traiamos. A penas unha hora máis
tarde fomos dar un paseo que terminou ás 19 h xusto cando xa se
estaba facendo de noite. Partindo do cámping fomos cara á
vila de Espierba e logo tiramos ó cordal da serra do mesmo nome
para subir ó Comodoto, mais vendo a hora dimos a volta a medio camiño
porque facíasenos de noite antes de volver ó cámping.
O venres, despois de falar co persoal do cámping decidimos que
o proxecto de subir o collado de Añisclo dende o cámping
é demasiado perigoso, polo que collemos o autobús cara a
Nerín, subindo dende aló ó collado de Arenas. Alí
volvemos a falar cun vixiante do refuxio que alí hai e dinos que
é imposible seguir subindo co tempo que vai (está nevando
e hai néboa). Un grupo de aguerridos montañeiros decide intentar
subir o collado de Añisclo polos Llanos da Ripareta, o resto baixa
polo Barranco Pardina cara ó barranco de Añisclo e de ahí
á ponte San Urbez. Ó final o grupo que tirou para arriba
tivo que dar volta polo tempo e todos nos atopamos en San Urbez, non sen
que os que máis e os que menos tiveran que contar algunha aventura.
Pero o cavorco de Añisclo foi unha bonita recompensa ós nosos
esforzos, é realmente un entorno precioso e non demasiado estragado
polo turismo.
SECCIÓN SENDEIROS
GR 50 RUTA DO MEDIEVO ETAPA I : BETANZOS-MONFERO-CAAVEIRO
23-24 de Febreiro de 2002
Unha vez chegados a Betanzos os 23 participantes, remontámo-lo
Río Mandeo, decorado polos tenderetes da Festa dos Caneiros.
Ascendemos a Vilamourel e de aí á igrexa de Santiago en Adragonte.
Antes de xantar na escola de Lapido atravesamos bosque.
Unha vez xantamos buscamos infructuosamente un Bar, pois a abstinencia
do café afectábanos. Nun dos cruces, o que guiaba a
marcha despístase e desvíanos da ruta, caendo no leito do
Río da Vella.
Para endereza-lo noso camiño seguimos o Rego da auga dunha minicentral
, alcanzando de novo o sendeiro marcado na aldea de San Mamede, onde podemos
observar uns corzos (¿?) que escapan furtivamente das nosas miradas.
O cansazo empézase notar e costa máis avanzar, encontrarnos
con pistas asfaltadas tampouco axuda. Na Aldea de Capelo sufrimos unha
baixa por sobreesforzo, terá que esperar a que o evacúe
o autobús, sen máis incidente. Chegamos a Rebordelo (Monfero)
antes do anoitecer.
As xestións realizadas cos Párrocos de Monfero para conseguir
aloxamento permítennos pasa-la noite na Rectoral (moi agradecidos
pola atención prestada polos mesmos, Álvaro e Miguel) e incluso
ducharnos con auga quente.
No Bar de Carmen, a propietaria tramitounos unha suculenta cea nos
Muíños de Pontedeume, ante a imposibilidade de conseguir
viandas en Rebordelo (tamén moi agradecidos a Carmen).
Ó día seguinte almorzamos e dirixímonos ó
Mosteiro de Monfero, o que, a pesar de estar cerrado por la temperán
hora á que acudimos, desvélanos a súa espléndida
planta, quedando a súa visita para outra ocasión.
O autobús permítenos acurtar tramos de chapapote e retomámo-la
ruta a pé nas proximidades do Penedo Gordo, por camiño dirixímonos
a Castiñeira, pasámo-lo Cámping que está
fóra de servicio por ser inverno (pero que recomendamos polas súas
boas instalacións e bo trato dos donos) e comezámo-lo descenso
, non sen outro despiste do guía (en que estaría pensando¿?)
polas Fragas do Eume, o bosque ó estar espido permítenos
ve-la canle do río.
Comemos na Central Eléctrica do Río Parrote. Seguímo-la
nosa marcha ata ó longo do Eume, ata chegar ó recóndito
Mosteiro de Caaveiro, o lugar , elixido por San Rosendo para escapar das
Incursións Viquingas (grandes turistas onde os haxa), absórbenos
pola súa beleza, na ponte cerca do cenobio, algún/ha encontrou
a relaxación total.
GR 50 RUTA DO MEDIEVO ETAPA II: CAAVEIRO-CASTELO DE NARAIO
6-7 de abril de 2002
Outra vez polas Terras do Porco Bravo, antigo animal heráldico
dos Señores de Andrade. Dende o mosteiro de Caaveiro ascendémo-las
Fragas d Eume ata a Capela de aí por pistas chegamos ata as
Neves, o tempo é bo a pesares dos malos prognósticos para
a fin de semana. Descendemos ata o Río Belelle onde comemos antes
de que unha tormenta con pedrazo nos caia de improviso (a que nos viu enriba).
Retomámo-los sete participantes o camiño, moi deficientemente
sinalizado, ata chegar a Pielas, onde despois de baixar por un carreiro
infestado de Toxos tomamos pista ata as proximidades dunha minicentral
vixiada por ocas, aquí márcase o inicio da ascensión
á fortaleza de Naraío, a cal está coroada de chanzos
de madeira, un pouco esvaradíos polas choivas. O Castelo, que de
lonxe parece pouco atractivo, cámbianos de opinión a medida
que sorteámo-los angazos da súa entrada e chegamos á
base da torre da homenaxe de estilo normando. Encravado sobre un promontorio
rochoso, parece un pequeno niño de aguias, moi pouco accesible,
dende onde se poden contemplar magníficas vistas, acrecentada a
beleza das mesmas polas brétemas que se levantan nos bosques veciños.
Como curiosidade este castelo pertenceu a Andrade O Bo (A súa
sepultura ataviado de armadura podémola visitar no mosteiro de Monfero),
o cal dixo ante a moda dos feudais da época de asignarse dubidosos
títulos nobiliarios, que el prefería ser antes un bo cabaleiro
antes que un mal conde (de Andrade O malo, o seu retoño,
tamén enterrado no mesmo mosteiro mellor non falamos, tiña
o feo costume de extorsionar ós seus vasalos tirándoos ó
Eume atados de cordas).
Despois de varios transbordos en coche, pernoctamos no Ximnasio Municipal
de Neda, gracias á xentileza de Manuel Grueiro, funcionario
municipal que nos deu todo tipo de facilidades. Ó día seguinte
a choiva pertinaz intimídanos e decidimos desviarnos á
Coruña e pasa-lo día alí visitando o Acuario (Por
certo non hai peixe na carta do restaurante) e a Torre de Hércules.
O Castelo de Moeche queda para outra ocasión.
SERRA DO XISTRAL: TERRA DE EXCESOS
9-10 de marzo de 2002
Curiosa terra esta do Xistral, chea de contrastes, natureza indómita
e ceas descomunais das que están as sepulturas cheas. Os primeiros
participantes que chegamos entre o venres e o sábado pola mañá
cruzamos, a modo de Rubicón, o Eume pol ponte de Samil, e ascendemos
ó Peñote (786m de boas vistas: O Xistral, Terra Cha, As Pontes,....).
Retomámo-la marcha atravesando a Serra da Carba, onde magníficos
cabalos libres impresiónannos o saírnos ó paso. Despois
de comer no bosque, caemos outra vez ó Eume. A partires deste punto
saltamos aramadas de tódalas formas e estilos posibles (por abaixo,
por arriba, de lado, con pose , sen pose, ....), e incluso atravesamos
literalmente de parte a parte unha casa utilizada de cortello para poder
segui-la nosa ruta (Gracias a Ana) e chegar á igrexa de Acibreiros,
inicio da nosa andaina.
Xa en Viveiró unésenos o resto do persoal, e procedemos
ó noso segundo reto do día: sobrevivir á cea que a
Sra. Cándida nos ten reservada, 6 pratos (un pouco máis lixeira
que un xantar). Con gran alegría pola miña parte consigo
chegar ó último prato sopesando as miñas forzas e
capacidade de resistencia para tan duras labores. Por fin coroo a proeza
coas sobremesas (¡3 sobremesas 3!). Café e licores.
Conseguín superar con creces a miña anterior marca, situada
en cinco pratos e dúas sobremesas!!.
O día seguinte o Xistral. M. P., madrugador coma sempre, espértame
antes da hora (non o podo estrangular, hai demasiadas testemuñas,
así que me conteño), e murmuro algo inintelixible sobre o
cocido da noite e pésimo estado en que me levanto: como se un Menhir
me caese de cabeza ó bandullo, pero hai que subir. Despois de remata-lo
almorzo no mesmo lugar que a cea perpetrada a noite anterior, procedemos
co ascenso ó Xistrar (1032m) e de aí ó Cuadramón
(1056m), con gran asombro pois a choiva non nos chafou o cumio coma en
anteriores ocasións. ¡ Magnífico día soleado!.
Despois de xantar abeirados do vento nunha das abas, chegamos Coruxos
onde os veciños inda se lembran das nosas andanzas por aqueles lares
durante o ano pasado.
Ó final chegamos ó refuxio de Viveiró onde están
os coches. Un día memorable, como dixo Manuel: ¡Aramado sexa
o Xistral!.
GR-SH CAMIÑO DA FRANQUEIRA. ETAPA II. A FRANQUEIRA -MONDARIZ
domingo 24 de marzo de 2002
Case 50 participantes saímos da Franqueira en dirección
Mondariz, onde deixámo-los coches para o regreso, descendemos por
prados, bosques , regatos e por fin estrada ata o Tea. Onde comemos , entre
muíños e pasos de pedra. Seguímo-lo fluír do
río por camiño de pescadores, e saltamos varias praias fluviais
ata chegar a Mondariz Pobo, onde os conductores organizámo-lo regreso
en Coche ata o punto de inicio. O resto do persoal continúa a pé
ata o balneario onde está o punto de encontro.
ESPELEOSECCIÓN
VI Campamento Galego
Infantil-Xuvenil de Espeleoloxía
Neste ano no que en Club Montañeiros Celtas celebrámo-lo
60 aniversario, renovámo-las nosas ganas, nunca perdidas, de iniciar
e promocionar entre os máis novos a espeleoloxía, coa organización
do VI Campamento Galego Infantil- Xuvenil de Espeleoloxía. Para
acadar estes obxectivos xerais, queremos que o campamento sexa, ademais,
unhas xornadas de convivencia en plena natureza, para o que serán
organizadas, paralelamente, unha serie de actividades nas que primen a
relación, a convivencia, o coñecemento,...
Gustaríache participar, pero... ¿que precisas?. En primeiro
lugar, ter un máximo de 18 anos, e te-la licencia de espeleoloxía.
A licencia sácase no club. ¿Que cando e onde se celebra?
O 17,18 e 19 de maio, en Veiga de Brañas (O Cebreiro). ¿Como
vas e volves? Déixao nas nosas mans. Levámoste e te traemos.
¿Precisas coñecementos ou experiencia previos? Para nada.
Trátase de iniciar ós que lles interese a espeleoloxía.
¿Que logo non te gusta? Dudámolo, pero non pasa nada. ¿Anímaste?
Apúntate. A sección de espeoloxía reúnese os
xoves, ás 20'30 horas. Vén. Explicarémosche o que
queiras.
Ah, esquecíamos. Os almorzos e algunhas ceas ou xantares son
por conta da organización. Tamén sortearemos material de
espéleo. Para esto contamos coa colaboración de patrocinadores,
que colaboraron con Montañeiros Celtas. Algún quere ser descoñecido.
Gracias a todos.
Catálogo de Canóns de Galicia
Continuamos traballando. Logo da zona da Groba, no que inda nos queda
unha tarde de traballo, imos á do Canón do Sil. Instalando
se é preciso, topografiando, elaborando croquis de acceso, fotos,...
e gozando do traballo.
O 23-24 de febreiro, a primeira saída programada para recoller
información de canóns, foi no río da Cal. Alí
nos organizamos en grupos, dedicándose uns á revisión
dos datos topográficos ou instalación, outros á fotografía
(que teremos que repetir, ¡pena porque tiña a carga adecuada
de auga para boas fotos!) e outro grupo como apoio, fóra da auga
tomando notas de accesos- regresos, tempos, etc. O domingo, unha infructuosa
prospección por tramos do río Tamuxe rematou o fin de semana
acuático. Gozamos de dous días primaverais, agás un
pequeno incidente de dous anaquiños de "piños" incrustados
na rocha, nove espeleólogos e dous colegas da Sección Infantil
que logo se sumarán á Sección de Éspeleo, ¡entrariamos
na Sección Infantil se a idade nolo permitira!
En marzo tivemos que reaxusta-las datas previstas dalgunha actividade
por causas de forza maior, como se di. Así as Xornadas de
Instalación e Equipamento de cavidades, que neste caso cambiamos
a canóns, trasladáronse a Abril, celebrándoas o día
7 no río Mougás, alí instaláronse algúns
anclaxes para estudia-la maneira máis axeitada de facelo e o mesmo
tempo mellora-la instalación existente. Non tivemos tempo de rematala
en todo o descenso, queda para outra xornada, na que aproveitaremos para
completa-los datos tanto de achegamento como de topografía deste
tramo "vertixinoso" e fotografía para ir documentando os canóns
desta Nosa Terra.
A parte teórica das Xornadas foron impartidas no club, o venres
5 de abril, por Jesús. Máis que interesantes. Gracias, Jesús.
Saída a Liñares
Unha data que non será esquecida facilmente, o 16/17 de marzo,
unha data que sairá máis dunha vez en distintos documentos.
Unha actividade que pode pasar desapercibida porque é unha saída
a covas como a de calquera outra fin de semana. En Liñares, entorno
de tantas e tantas actividades espeleolóxicas, as cavidades visitadas,
tamén as tan coñecidas Cova do Tarelo e o Tin-Tan. Nada especial,
comemos: tortilla, empanada; coma sempre: espaguetis, froita, ... Ninguén
veu pedir ningún autógrafo. Tampouco houbo xornalistas, ...
pero si estaba unha muller, unha muller con maiúsculas, que era
unha compoñente máis do grupo. Unha muller que derredor do
ano 1980, sendo unha nena, fixo as súas primeiras incursións
nas cavidades galegas co gallo do XXV aniversario da primeira expedición
á cova do Rei Cintolo e na famosa Operación Caurel, onde
se descubriron tantas cavidades importantes pola súa lonxitude e/ou
verticalidade e polos restos paleontolóxicos. Unha socia de
Montañeiros Celtas, que polo simple feito de selo, chegando a onde
chega co seu tesón, fainos a tódolos socios un pouco máis
importantes por estar nunha entidade que ten unha historia "emocionante"
que avala a súa existencia. Esta persona para nós, Chus Lago,
volveu a embarrarse despois de tantos anos, nunha fermosa cavidade, O Tarelo,
coa súa cámara en man acumulando recordos para o mañá.
O Reencontro sucedeu, poderíamos pórlle moitos títulos
pero preferimos que sexa Chus a que lle poña o que máis lle
guste. Foi todo un pracer comparti-lo medio subterráneo con Chus
que coroou a Cima do mundo, de xeito tan sobresaínte, e pode chegar
a "Sima" do mundo. Estariamos encantados de comparti-lo camiño.
Semana Santa en Teruel e Alto Tajo
Despois de tres días, con visitas e pateos (ata a lagoa de Taravilla)
polo Alto Tajo, instalámonos na turolense Montalbán, onde
o galo cantaba a calquera hora do día, ou da noite, e a buura orneaba
pola madrugada. ¿E como orneaba!
Continuamos polas rutas xeolóxica de Aliaga e xeolóxica-
cultural do río Martín (trouxemos os libros para a biblioteca
do Club).
Á primeira mañá que non nos espertou a burra era
fermosa e moi soleada, e coma sempre levantámonos, almorzamos e
preparamos todo para irmos facer covas. Pero non, non pensedes que isto
é así de fácil. Primeiro había que atopa-la
cova. Paramos en Ejulve para busca-la chave no Concello e proba-los xamóns
que din, e din ben, que saben riquísimos.
A calor cebábase en nós, pero non tardamos moito en atopala,
aínda que non serían polas boas indicacións que nos
deran, porque o único certo era que a cova chamábase Recuenco.
Baixamos a xantar, como non, a especialidade da sección, bocata
de leituga, moi bos, por certo. Logo, volta a subir ata a cova. Fermosísima,
chea de aragonito e con moitos recunchos que te levaban ós mesmos
sitios, así que gozamos coma ananos naquel labirinto. Nos metiamos
por un oco, logo por outro, e logo,... cando saiamos xa era noite. Parada
na entrada para recarga-lo depósito, e mentres tomabamos un queixiño
mirabámo-las estrelas, que alumeaban a noite cunha luz especial.
Voltamos a Ejulve (a devolve-la chave) e logo a cear e durmir, a ver
se ese galo non cantaba ás tantas da mañá, porque
houbo quen pensou ata en regalarlle un reloxo. Creo que non o ía
entender, así que, ¡ para que gasta-los cartiños!
Desta vez non acertei. O galo cantou cando xa eran as doce, case a
unha. Ese día aínda estabamos no campamento, xa que antes
de marchar tiñamos que deixar a Pachi, que ía a Zaragoza
de visita familiar. Xa imaxináde-lo que pasou ¿verdade?
Non colleu o bus na parada que o tiña que facer, pero non porque
sexamos tan impresentables, senón porque o bus non pasaba por alí.
Seguimos ata a seguinte parada,a ver se había sorte. ¡Puf!
Polos pelos. O conductor, que estaba xa arrancando, tivo que esperar a
que todos nos despedísemos do noso cu. Xa se sabe iso de que o teu
cu é o meu cu.
Collémo-los coches e fomos ata o pozo, que eu máis ben
lle chamaría buraco negro, porque impresiona moito, e é que
San Pedro tiña unha boca enorme ¡Que medo! Tíñamos
que colgarnos dunha plataforma, na cal, xa non había nada embaixo.
(Pozo de San Pedro: 90m diám, 90m profundidade)
Os que quixemos baixar fómonos preparar e comezamos a baixar.
Pero antes sacamos a foto por se non volviamos. Aquelo daba moito medo.
Primeiro case non podías coa corda; e logo, cando xa case chegabas
ó chan, corría demasiado ¡A tecnoloxía dos ascensores
que aínda non chegou tan fondo! E falando de fondo, mirade se era
fondo que dende arriba parecíanos que había vexetación
baixa, uns cantos arbustos. Pero non, non eran arbustos, eran árbores,
grandes figueiras, aínda que non o creades. E tamén tiña
un lago, que pouco anaco de terra nos deixaba para estar alí.
Por nós, quedariamos alí toda a noite, porque si, era
de noite, pero tiñamos que subir, que logo íamos á
Tamborrada. Comezamos a subir e tamén comezou chover. Todo saiu
ben agás que lle tiveron que botar unha man a alguén, e non
miro para ninguén porque non teño un espello diante, pero
logo estivemos todos arriba. Cambiámonos e fomos a Samper de Calanda,
de Tamborrada ¡Como lle daban ós tambores! E que rico estaba
o bocata de xamón.
De volta comezou a nevar ¡que frío! e cando chegamos,
as tendas estaban cubertas de neve, todo branco, e claro, ¡tiñamos
que sacar unhas cantas fotos!. Logo fomos xunto dos sacos, que xa nos estaban
botando de menos.
O seguinte día fomos de turistas a Albarracín e Teruel.
Pero sen dúbida algunha o peor día, e todo por culpa de Gordillo,
que menudas indicacións, foi o día seguinte. Fomos buscar
unha cova, e non a atopamos, quedounos doído o amor propio. O que
se que atopamos foi a Sandalia de Xesucristo, que a donamos ó Club,
así que se a vedes por aí, xa sabedes quen a atopou. Pero
a nós non se nos resiste ningunha cova e menos a "Cija de los Royos",
así que quédanos pendente ir, e xa sabes o que tes que facer
se queres vir demostrarlle o amigo "Gordillo" que con este grupiño
de espeleólogos non hai quen poida.
Unha espeleóloga co amor doído
Espeleonovas
Atención ás vindeiras actividades. ¿Para participar?
Ganas, e licencia. Animarvos.
27/28 abril. Catálogo de Canóns. Ribeira
do Sil.
17/18/19 maio. Organizado por nós, VI Campamento
Galego Infantil- Xuvenil de Espeleoloxía.
25/26 maio. Catálogo de Canóns. Voltamos
ó Sil.
1/2 xuño. Curso Descenso de Canóns. F.G.E.
29/30 xuño. Campamento de Canóns. F.G.E.
SECCIÓN INFANTIL XUVENIL
OPERACIÓN BENXAMÍN
XXXV Curso Infantil- Xuvenil de
Iniciación ó Montañismo
A Operación Benxamín está orientada como
unha iniciación ó montañismo, encamiñada a
fomentar a afección do deporte en plena Natureza e o respecto á
mesma. Nela trátase de formar ós participantes dun xeito
teórico e práctico nas variadas facetas que presenta esta
actividade deportiva.
Está dirixido a nenas e nenos de idades comprendidas entre os
8 e 14 anos.
Á fronte deste curso encóntranse monitores do Club Montañeiros
Celtas, con gran experiencia na práctica do Montañismo e
no trato e ensinanza infantil-xuvenil. A experiencia e prestixio que Club
Montañeiros Celtas alcanzou para desenvolver este curso, ven avalado
polo feito de ser este o XXXV ano consecutivo que se realiza, e sempre
con indubidable éxito.
No transcurso das saídas instruirase ós cursillistas
en diversos temas: Medio ambiente, coidado da natureza, convivencia, lendas
e tradicións dos lugares visitados, amais dos temas propios que
comprende a realización do montañismo como poden ser: montaxe
de campamento, o diferente material empregado en montaña, orientación,
marchas, escalada, rapel, etc. ...
ACONSELLÁMOSVOS QUE:
É imprescindible levar ROUPA DE REPOSTO (por se nos mollamos).
O CHUVASQUEIRO debe levarse sempre aínda que faga bo tempo.
NON LEVEDES COUSAS COLGANDO polo exterior da mochila, podes perdelas
ou rompelas.
Cando escollas a COMIDA, lembra que na Montaña debe ser alimenticia,
de doada dixestión, pouco copiosa e facilmente transportable. Por
exemplo: tortilla de patacas, bistés empanados, pescado fritido,
empanadillas, sandwhiches ou bocadillos, queixos e froita.
O ALMORZO CORRERÁ A CARGO DA ORGANIZACIÓN. Tamén
haberá leite despois da cea para quen o desexe.
Ter coidado de non ESQUECER OBXECTOS e roupa no autobús e zonas
de acampada
MATERIAL NECESARIO
Comida.
Mochila.
Mochila pequena.
Saco de durmir.
Esteira
Botas (Treking).
Roupa cómoda (chándal).
Calcetíns (finos e grosos).
Chuvasqueiro.
Roupa de abrigo: anorak, gorro...
Gorra.
Cantimplora.
Lanterna.
Cubertos.
Cantariño.
INSCRICIÓN INSCRICIÓN INSCRICIÓN
As inscricións poderán realizarse na secretaría
do Club Montañeiros Celtas de 19:00h. a 21:30h. de martes a venres
ata o martes 30 de abril. O número de prazas é LIMITADO (a
inscrición cerrarase ó cubrirse as prazas). No momento da
inscrición satisfarase o importe do curso. É imprescindible
posuír a LICENCIA FEDERATIVA para a realización desta actividade.
Aconsellamos a modalidade C da aseguradora Sabadell.
PROGRAMA
Xoves 2 20:30 horas: Apertura e presentación.
Proxección de diapositivas no local social do Club Montañeiros
Celtas.
Sábado 4 Saída de Vigo ás 16:30 cara o Monte Aloia. Distribución no refuxio. Percorrido pola zona. Charla sobre material de escalada. Xogos nocturnos.
Domingo 5 Teoría e práctica da escalada (marcha opcional).
Charla ¿como se fai unha mochila?. Recollida e xogos de despedida.
Sábado 11 Saída de Vigo ás 16:30 cara Pigarzos - Xesta (A Lama). Montaxe do campamento. Charla sobre a acampada, práctica de montaxe de tendas. Concurso de cociña. Visión de estrelas.
Domingo 12 Marcha. Teoría e práctica de orientación
en montaña. Recollida do campamento.
Sábado 25 Saída de Vigo ás 9:00 cara a Lagos de Sanabria. Charla sobre material na montaña. Marcha e xogos nocturnos. Travesía de montaña para os maiores (actividade opcional supeditada).
Domingo 26 Marcha de montaña. Recollida e despedida.
Xuño Clausura no auditorio do Centro Cultural Caixanova. Proxección
de diapositivas do curso. Entrega de agasallos.
AXENDA
CICLO DE CONFERENCIAS
A miña amiga a montaña
3 Maio, venres MITOS E LENDAS NAS MONTAÑAS DE GALICIA Conferenciante: CONSTANCIO VEIGA GONZÁLEZ. Audiovisual. No PARANINFO RECTORADO UNIVERSIDADE DE VIGO ás 20.00 h
10 Maio, venres FERVENZAS DE XEO E MONTAÑAS VIRXES NO HIMALAYA Conferenciante: MIGUEL ANGEL VIDAL. Audiovisual. No PARANINFO E.U.E.T.I. (PERITOS) ás 20.00 h.
24 Maio, venres MONTAÑISMO, MÁIS QUE UN DEPORTE Conferenciante: ANTONIO FERNÁNDEZ PENA. No PARANINFO E.U.E.T.I. (PERITOS) ás 20.00 h.
VINDEIRAS ACTIVIDADES
MAIO
4 Marcha de Fondo (F.G.M. - C.M.C. C.P.T.): Marcha das Greas
5 Sendeiro dos Megálitos. Toques - Melide
4-5 XXXV Operación Benxamín. Curso de Iniciación
ó Montañismo
4-5 Curso Perfeccionamento Espeleoloxía (E.G.E.)
4-5 Curso de Montaña (E.G.A.M.)
11-12 XXXV Operación Benxamín. Curso de Iniciación
ó Montañismo
11-12 Curso Iniciación escalada en Rocha (E.G.A.M.)
11-12 Montañas de Galicia: Serra do Xurés. Fontefrías
11-12 Campionato Social de Pesca Submarina.
17-19 Montañismo. Palentinas.
18-19 Curso Perfeccionamento Espeleoloxía (E.G.E.)
25 Andaina Popular Allariz (Concello de Allariz)
25-26 XXXV Operación Benxamín. Curso de Iniciación
ó Montañismo
25-26 Espeleoloxía. Catálogo Canóns Galicia
25-26 XV Marcha con Vivac (F.G.M.-C.P.Trevinca Vigo)
26 Sendeiro Fervenza da Toxa